Archives

Crystalyx Garlyx, un suplemento nutricional para o gando que axuda a repeler os insectos

A preocupación nas ganderías polo impacto da enfermidade hemorráxica epizóotica (EHE) levou a Crystalyx a potenciar o seu suplemento nutricional ‘Crystalyx Garlyx’, un penso complementario vitamínico – mineral que axuda a repeler os insectos voadores, como os mosquitos, causantes da transmisión da EHE e doutras enfermidades, como a lingua azul.

Crystalyx Garlyx, ademais de estimular a flora ruminal e proporcionar un paquete equilibrado de minerais e vitaminas, contén compoñentes de allo, o que fai que os animais exuden o olor sulfuroso dos allos. Ese cheiro na pel dos animais contribúe a repeler os insectos de xeito natural.

O produto, que tamén apoia as defensas do gando contra as enfermidades, reduce a inquietude que provoca no gañado a proliferación de mosquitos, mellorando o seu benestar.

Recomendacións de uso
Crystalyx Garlyx ofrécese en formato de cubos para lamber. Aconséllase a colocación de dous cubos por rabaño, para evitar a competencia. É un produto recomendado tanto para gando bovino como para ovellas e cabras. No caso das vacas, aconséllase a colocación de 2 cubos de 80 Kg. cada 50 animais, ou de 2 cubos de 22,5 Kg. para lotes de 20 vacas.

O consumo diario por vaca estímase en arredor de 150 – 250 gramos de media, en tanto nos tenreiros baixa a 100 – 150 gramos ao día e nas ovellas a 40 – 60 gramos ao día.

O produto é resistente á choiva e á intemperie, pero débese protexer dos raios do sol, pois ao quentarse, é menos apetecible para o gando.

O seu uso está recomendado para gando de carne e nas granxas de leite, para xovencas e vacas secas. Non se aconsella o seu uso prolongado en vacas en lactación.

Prevención de enfermidades
No actual contexto, marcado pola proliferación no gando vacún do virus da EHE, Crystalyx Garlyx posiciónase como unha ferramenta que pode contribuír á prevención da infección, tanto no caso da enfermidade epizóotica hemorráxica como noutras similares, como a lingua azul, tamén transmitida por mosquitos.

Os insectos, ademais, poden transmitir outros patóxenos, ligados coa mastite, e en xeral perturban o benestar dos animais e teñen un impacto negativo no seu rendemento.

Outros beneficios
A maiores do seu efecto na prevención de enfermidades, Crystalyx Garlyx é un suplemento vitamínico – mineral pensado para aumentar o rendemento dos animais, xa que contribúe a incrementar a inxesta da forraxe e mellora a súa dixestibilidade.

O obxectivo é proporcionarlle ao gando un penso complementario equilibrado que contribuirá ao seu aumento de peso e de produción.

Beneficios de CRYSTALYX® Garlyx*

1. Aumenta a inxesta de forraxe e a dixestibilidade.
2. Aumento de peso (GMD) ou a produción de leite.
3. Proporciona un paquete equilibrado de minerais e vitaminas
4. Reduce a inquietude e o nerviosismo causados por insectos voadores
5. Excelente palatabilidade e resistencia á intemperie
6. Apto para gando vacún, ovino e caprino

Para máis información:

Publicadas as indemnizacións por saneamento gandeiro, que este ano inclúen a EHE

Vaca con síntomas de EHE. Foto: Alberto A. Díez Guerrier O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde de axudas para a indemnización de animais sacrificados no marco de programas oficiais de saneamento gandeiro, que inclúe desta volta a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2024 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2023, financiaranse con cargo á partida orzamentaria establecida, por un importe total de 975.000 euros. A Xunta opta deste xeito por incluír a EHE como unha enfermidade gandeira máis, sen establecer unha partida específica para ela. Como se esperaba, os pagos pola EHE non inclúen apoios ás explotacións polo lucro cesante causado pola enfermidade en animais que non morran. Era algo que se solicitara á Consellería por parte dos sindicatos agrarios e as distintas asociacións de gandeiros, pero a Xunta xa advertira de que non o faría. As indemnizacións por morte terán en conta a idade do animal e a súa vocación produtiva. Aplicaranse os seguintes criterios para establecer os baremos de indemnización das razas de animais de aptitude mixta (por exemplo, nas razas bovinas Parda alpina, Normanda, Fleckvieh, Montbeliarde, Conxunto mestizo, etc.): 
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción de leite, indemnizarase como de aptitude leiteira.
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción de carne, indemnizarase como de aptitude cárnica.
  • Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica reprodución para produción mixta, será indemnizado como de aptitude leiteira.
As explotacións que se atopen incluídas nunha Agrupación de Defensa Sanitaria percibirán un incremento do 10% no importe da indemnización e deberán seguir pertencendo a unha ADSG unha vez que a persoa titular da explotación presente a solicitude de indemnización. As ganderías ecolóxicas terán un plus do 5%. O baremo oficial do Ministerio de Agricultura estipula que nas explotacións de carne, o valor dos animais adultos (24-48 meses) é de 707 euros. No caso das granxas de leite, as vacas de 24 a 48 meses teñen un baremo de 907 euros. Eses son os valores máximos por animal e van descendendo tanto en animais de maior idade como en xovencas e becerras. A normativa ministerial establece como estándar que se pague un 85% do baremo, se ben no caso de baleiro sanitario pagaríase o 100% e en casos de decomiso de animais, hai un pago adicional. Enfermidades incluídas O obxecto da orde publicada é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei de Sanidade Animal de 2003.
Inclúense os casos sospeitosos de lingua azul e os focos de peste porcina africana, caso de producirse
Poderán optar ás indemnizacións os titulares de explotacións con animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes. Tamén no caso de animais sacrificados por motivos de sospeita da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles ou por padecer EHE. No caso das explotacións avícolas, aquelas afectadas pola enfermidade de Newcastle, casos de salmonela ou outro tipo de focos de influenza aviaria. En granxas de porcos, os animais mortos ou sacrificados por mor da declaración dun foco de peste porcina clásica ou africana e en granxas de visións as que sexan sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.

Hoxe comeza a nova campaña de vacinación gratuíta fronte á lingua azul para o gando bovino e ovino

A Consellería do Medio Rural pon en marcha hoxe martes, 2 de xaneiro, unha nova campaña de vacinación gratuíta á lingua azul destinada ao gando bovino e ovino de toda Galicia. A campaña arrancará nas explotacións das zonas restrinxidas desta enfermidade, declaradas no mes de novembro. Un mes despois iniciarase tamén a campaña do 2024 na zona restrinxida en febreiro de 2023, que xa foi vacinada neste ano. Deste xeito, as primeiras áreas que recibirán a vacina corresponden á provincia da Coruña e ás comarcas veterinarias da Mariña Central, A Mariña Oriental, A Mariña Occidental, Terra Chá Guitiriz, Terra Chá Castro, Terra Chá Vilalba, Meira, Lugo, A Ulloa, Os Ancares e A Fonsagrada, na provincia de Lugo. A campaña comezará en Santa Comba e Mazaricos, na Coruña; e na Pastoriza, Portomarín e Barreiros, en Lugo. Na segunda fase, revacinaranse os animais das provincias de Ourense e Pontevedra, e das comarcas Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, en Lugo. Neste caso, ademais de realizarse a revacinación dos animais, vacinaranse tamén por primeira vez aos animais que estean sen facelo, por ter nado con posterioridade ás visitas efectuados polo persoal de vacinación ou por ser incorporados dende a zona libre. A Xunta recorda a importancia de realizar a vacinación, ben a través do servizo público, ben acudindo aos servizos de persoal veterinario libre ou das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), antes de que comece a época do vector. A finalidade é ter protexidos aos animais e evitar a difusión da enfermidade, por un lado, e que as explotacións non se vexan afectadas nos movementos dos seus animais, por outro. Dende a Consellería indican que as persoas gandeiras que o desexen poden recorrer aos servizos de persoal veterinario libre ou ás ADSG, tanto para vacinar a explotación completa como para facelo posteriormente cos animais nados trala a vacinación en saba. Neste caso, cómpre sinalar que a Xunta autorizou para realizar dita vacinación a todo o persoal veterinario que o solicitou e que a Medio Rural entregará gratuitamente a vacina a ese persoal.

Levántanse as restricións ao movemento de animais sensibles á infección por lingua azul

A partir de mañá, día 15 de decembro, toda Galicia será considerada zona estacionalmente libre do insecto vector transmisor da lingua azul no gando. Así o comunicou a Consellería do Medio Rural, ao incluírse nesta área as provincias da Coruña e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias da Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental, as tres localizadas na provincia de Lugo. A consecuencia principal desta medida é que non se aplican estacionalmente as limitacións ao movemento das especies sensibles que se manteñen o resto do ano. Así, permítese o movemento de bovinos e ovinos sen vacinar e sen ter como orixe unha explotación vacinada, sendo o único requisito para o movemento de animais de especies sensibles que non presenten signos da enfermidade. Neste sentido, cómpre sinalar que dende o 1 de decembro xa tiñan esta consideración de zona libre do vector a provincia de Ourense e as comarcas veterinarias de Terra Chá-Vilalba, Terra Cha-Guitiriz, Terra Cha-Castro, Meira, A Fonsagrada, Lugo, A Ulloa, Sarria, os Ancares, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, todas elas na provincia de Lugo. Continuará a campaña de vacinación A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se transmite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (axentes biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans. A campaña de vacinación continuará en 2024 para todo o territorio de Galicia, trala inclusión o 13 de novembro de toda a comunidade como zona restrinxida do serotipo 4 da lingua azul, e polo tanto de vacinación obrigatoria. O desenvolvemento desta campaña é fundamental, para ter protexidos os animais no momento en que finalice o período libre de vector, previsiblemente a finais de abril, e porque a partir dese momento volverán existir restricións ao movemento dos animais sen vacinar. Ao respecto, no ámbito nacional execútase un programa de vixilancia da enfermidade, fundamentado na vixilancia entomolóxica mediante trampeo continuado das especies de mosquitos transmisores, en controis serolóxicos e virolóxicos en explotacións sentinelas distribuídas xeograficamente polo territorio, e na investigación oficial en caso de comunicación de sospeita da enfermidade. O trampeo durante todo o ano, aporta información tanto da presenza como da cantidade e distribución do insecto vector no territorio nacional. Con esta información o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) declara como zonas estacionalmente libres do vector aqueles territorios nos que se demostra que nunha determinada época do ano non existe a súa presenza. Segundo a información obtida dos trampeos, o MAPA comunicou recentemente o inicio da zona estacionalmente libre do vector en diferentes zonas de España, entre as que se atopa Galicia. Esta información é trasladada á Comisión Europea. 

En Galicia seguirá sendo obrigatorio no 2024 vacinar contra a lingua azul aos becerros que vaian ao matadoiro

A Consellería de Medio Rural seguirá esixindo no 2024 a vacinación obrigatoria contra a lingua azul dos becerros que vaian directamente da explotación ao matadoiro. Segundo explican a Campo Galego dende o departamento que dirixe José González, esta obriga é de carácter estatal e mentres non se cambie a normativa terán que seguir aplicándoa. Rexeitan así unha demanda unánime tanto por parte dos gandeiros como dos tratantes que levan pedindo que se exceptúen da obriga de vacinar contra a lingua azul aos becerros carniceiros, ao entenderen que só lles supón un prexuízo económico e que non é necesaria do punto de vista sanitario. En concreto, dende a Consellería do Medio Rural lembran que “a Lei estatal establece como unha obriga das persoas gandeiras a vacinación dos seus animais sensibles, así como os requisitos de movemento que deben cumprir os animais bovinos e ovinos nos movementos durante o período de circulación do vector transmisor, que consisten en que procedan de explotacións vacinadas e que os animais obxecto de movemento estean vacinados ou ben, se son menores de 4 meses, sexan fillos de nais vacinadas”. “Esta normativa -engaden- non establece, polo tanto, requisitos distintos en función de que o movemento sexa un movemento cara a vida ou un movemento a sacrificio en matadoiro, pois a finalidade da vacinación é conferir protección aos animais sensibles en canto esta sexa posible levala a cabo (a partir dos 2 meses se son fillos de nais non vacinadas ou a partir dos 4 meses se as nais foron vacinadas)”. Haberá que agardar por tanto a que dende o Ministerio de Agricultura, ben por iniciativa propia ou a petición das Comunidades Autónomas -caso de Galicia- se atenda esta demanda do sector, modificando a normativa para que os becerros con destino ao matadoiro non sexa obrigatorio que estean vacinados contra a lingua azul.

A Xunta levan vacinados a 360.000 animais contra a lingua azul nos últimos meses

Por outra parte, dende a Xunta destacan que “Galicia lidera a resposta das CCAA fronte á esta doenza, con 360.000 animais vacinados nos últimos oito meses, dentro dunha campaña gratuíta  artellada en dúas fases -masiva e de continuidade-, para vacinar a todos os bovinos e ovinos maiores de tres meses  da área restrinxida”. “Este é camiño no que continuaremos nos vindeiros meses e de cara ao vindeiro ano, no que se continuará coa campaña de vacinación anual -cunha única dose vacinal por animal bovino ou ovino na zona restrinxida decretada en febreiro de 2023- e acometer a primovacinación -dúas doses vacinais separadas 21 días no caso da especie bovina e unha única dose vacinal no caso dos ovinos- na recente zona restrinxida decretada o 16 de novembro de 2023”, aseguran dende Medio Rural. Precisamente, para seguir avanzando no traballo desenvolvido este ano fronte á lingua azul e atender ás necesidades do sector gandeiro galego neste eido, no 2024 cóntase cun orzamento inicial de 2 millóns de euros para programas sanitarios contra a lingua azul. Así mesmo, recentemente o Consello da Xunta vén de autorizar convocar as achegas do 2024 para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG), por un importe de 2,28 millóns de euros, que subvencionarán os programas de planificación zoosanitaria que se desenvolvan entre o 1 de marzo de 2024 e o 28 de febreiro de 2025, enter eles a vixilancia de enfermidades como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica ou a vacinación de lingua azul.

Gandeiros e tratantes reclaman que non sexa obrigatorio vacinar contra a lingua azul aos becerros que van ao matadoiro

Gandeiros e tratantes reclámanlle á Xunta de Galicia que no esixa vacinar contra a lingua azul aos becerros que van ao matadoiro, ao considerala unha medida innecesaria que só provoca prexuizos económicos a ambos colectivos. Ata o de agora estaban declaradas zonas afectadas pola lingua azul as provincias de Ourense e Pontevedra, así como o sur da provincia de Lugo (comarcas de Sarria, Chantada e Lemos), pero dende a aparición a comezos deste mes de novos casos tamén en ganderías da provincia da Coruña toda Galicia está declarada zona restrinxida co que a partir de marzo -cando os mosquitos que transmiten a enfermidade volven estar activos- do vindeiro ano a Xunta vai esixir a obriga de vacinar todos os animais e desinfectar os vehículos de transporte previsiblemente en toda Galicia. Precisamente esta medida de vacinación, en concreto dos becerros que van para o matadoiro, é a que máis rexeitamento suscita entre gandeiros e tratantes. Este último colectivo celebrou este venres en Lugo unha asemblea á que acudiron profesionais das catro provincias galegas e na que lle volveron reclamar á Xunta que non esixa a obriga de vacinar aos animais que van para matadoiro por considelrala unha medida innecesaria e que só lles provoca perxuizos económicos. “A vacina só se lle pode poñer aos becerros a partir dos 4 meses de vida e hai que aplicarlles dúas doses, a segunda 21 días despois. Vémola lóxica se os animais van para vida, ou para feiras ou exposicións, pero non cando se trasladan directamente da gandería ao matadoiro, como é o caso do 85% dos becerros que se envían para matadoiro en Galicia”, explica Enrique Otero, presidente da Asociación Galega de Tratantes. E é que para este colectivo supón un importante sobrecusto económico: “Obríganos a facer moitos máis desprazamentos ás ganderías cos camións, co sobrecusto de gasóleo e horas de traballo, porque moitas veces os becerros non están todos vacinados e tes que ir varias veces”, explica. Mentres nos cebadoiros é máis fácil a vacinación dos becerros para a abasto contra a lingua azul non ocorre o mesmo coas pequenas e medianas ganderías.

"Os gandeiros que non están en ADS son os que máis problemas teñen para vacinar os becerros"

Unha idea que confirma Samuel Formoso, gandeiro e responsábel do sector da carne no SLG-CCLL e vogal na IXP Vacún de Galicia. “Nós xa levamos advertindo de que esta esixencia non é lóxica do punto de vista sanitario e para o gandeiro, a parte da perda de tempo, supón un importante gasto económico, especialmente se non están nunha ADS”, explica. “Se estás fóra dunha ADS moitas veces é difícil atopar un veterinario que che queira vir poñer a vacina aos becerros porque non todos pediron autorización á Xunta xa que non lles é rendible. E se consegues que veña o custo do desprazamento máis o do traballo fai que saia moi caro para o gandeiro. Coñezo un caso dun gandeiro de Sarreaus que non estaba nunha ADS e ao que o veterinario lle cobrou 70 euros porque tivo que vir de lonxe, da comarca de Viana do Bolo”, asegura Samuel Formoso.

Unha enfermidade que se transmite pola picada dos mosquitos

A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se tramite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (vectores biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans. Nese senso, cómpre sinalar que a lingua azul non é unha zoonose, é dicir, non é transmisible ás persoas, nin por contacto directo cos exemplares positivos nin por consumo de produtos cárnicos. A época estacionalmente libre do vector, é dicir, época na que non hai mosquito transmisor é no inverno. As principais consecuencias da declaración dunha zona restrinxida para o sector gandeiro de bovino e ovino consisten en que durante a época de circulación do vector existen restricións aos movementos dos animais vivos sensibles se non se realizou a vacinación previa, así como da existencia de trabas á exportación a terceiros países de animais e os seus produtos e subprodutos

Detectados novos focos de lingua azul en tres ganderías da provincia da Coruña

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dez animais positivos á lingua azul, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), e pertencentes a tres explotacións centinelas de Abegondo, Frades e Santa Comba, na provincia da Coruña. A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se tramite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (vectores biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans. Nese senso, cómpre sinalar que a lingua azul non é unha zoonose, é dicir, non é transmisible ás persoas, nin por contacto directo cos exemplares positivos nin por consumo de produtos cárnicos. Coa declaración oficial dos novos focos declarados na data de hoxe na provincia da Coruña, todo o territorio de Galicia vai ser incluído como nova zona restrinxida en España fronte o serotipo 4 da lingua azul, e polo tanto coa necesidade de acometer a vacinación dos animais sensibles nestas novas zonas de restrición.

Zona restrinxida

As principais consecuencias da declaración dunha zona restrinxida para o sector gandeiro de bovino e ovino consisten en que durante a época de circulación do vector existen restricións aos movementos dos animais vivos sensibles se non se realizou a vacinación previa, así como da existencia de trabas á exportación a terceiros países de animais e os seus produtos e subprodutos A distribución desta enfermidade ven determinada pola presenza no ambiente do insecto vector transmisor, en Galicia a especie Culicoides obsoletus, existindo unha estación libre do vector, nos meses fríos do ano, onde non é posible a infección dos animais, e unha estación onde o vector circula no ambiente, e por tanto é posible a infección e a enfermidade nos animais. O programa entomolóxico desenvolto pola Xunta de Galicia permite monitorizar a abundancia e distribución dos vectores competentes no territorio galego e, polo tanto, determinar o inicio dun e outro período en cada ano. Aínda que os casos declarados actualmente foron detectados a través do programa de vixilancia serolóxica e virólóxica, a Xunta de Galicia recorda a necesidade de comunicar calquera sospeita da enfermidade aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.

Vacinación contra a lingua azul

Dende a Consellería do Medio Rural lembran que iniciaron a campaña de vacinación o pasado 7 de marzo, un proceso no que participou tanto persoal de Tragsatec, como persoal propio da Consellería, ademáis de veterinarios das Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira e veterinarios privados, que recibiron de balde as doses necesarias. Nesta primeira fase vacináronse máis de 336.000 animais, a maioría de xeito gratuíto por parte da Consellería do Medio Rural, o que supuxo unhas 23.700 visitas a explotacións, xa que a vacina consta de dúas doses separadas 21 días. De seguido, púxose en marcha a vacinación de continuidade, para aqueles animais que non foran vacinados por ser menores de tres meses na primeira fase, ou que foran incorporados dende a zona libre ás explotacións situadas na zona restrinxida ou que naceran posteriormente. Nesta fase, vacináronse algo máis de 25.000 animais.

Máis información sobre a lingua azul

A FRUGA considera “desastrosa” a campaña da Xunta de vacinación contra a lingua azul

A Federación Rural Galega (FRUGA) manifestou hoxe a través dun comunicado o seu malestar ante o proceso de vacinación contra a lingua azul, que se está a levar desde a Consellería do Medio Rural. “A parte das múltiplas perdas que se deron como consecuencia da implantación da vacina, agora atopámonos cunha xestión totalmente desastrosa”, advirten dende a organización agraria. En concreto, considera que “actualmente os servizos veterinarios que ten a Xunta de Galicia para levar adiante estas tarefas, son practicamente inexistentes, debido a escaseza de persoal veterinario destinado as labores de vacinación”. Ante esta situación, a FRUGA critica que “a solución que pon en marcha a Consellería do Medio rural pasa por habilitar veterinarios particulares para estas tarefas, pero eses veterinarios como é lóxico non van facer o traballo gratis, e desde a Consellería non van recibir ningún tipo de retribución, co cal os gandeiros e gandeiras galegas de zonas afectadas, vanse ver na obriga de pagar para que as súas reses sexan vacinadas”. Ademáis, dende a Federación Rural Galega denuncian que “as explotacións gandeiras galegas, vense afectadas na medida en que parte das súas reses non poden ser vendidas, debido a non ser vacinadas en tempo”. “Nunha explotación leiteira, por exemplo, podemos observar como os xatos de recría, van ter que permanecer na explotación varios meses, cando actualmente se vendían no primeiro mes de vida, algo que aumenta de forma considerable as perdas neste tipo de explotacións, tendo en conta, o escaso prezo que teñen estas reses”, subliñan.

Críticas á campaña de vacinación da Xunta contra a lingua azul

O Sindicato Labrego Galego denuncia o abandono das gandarías de Chantada e Sarria debido ás consecuencias negativas que está tendo a vacinación de gando vacún contra a lingua azul. O sindicato destaca a preocupación e aumento en gastos nas granxas por culpa da "descoordinación e falta de información da Consellaría do Medio Rural". O SLG destaca que solicitou en varias ocasións unha xuntanza co conselleiro José González, "que segue desaparecido". As comarcas de Chantada e Sarria están incluídas dentro das zonas restrinxidas fronte a Lingua Azul do Estado Español, conforme a lexislación vixente. Logo da campaña de vacinación masiva que se efectuou en todos os ovinos e bovinos dos concellos destas comarcas maiores de tres meses, o Sindicato Labrego Galego solicitou unha entrevista coa Consellería para falar sobre as consecuencias que esta vacinación está tendo sobre algunhas granxas, mais aló dos efectos secundarios xa denunciados hai unhas semanas. A Consellería non respondei. O sindicato solicitou outra entrevista mediante escrito presentado o 19 de xullo. O SLG declara que "tal e como fixemos público xa na nota de prensa emitida o pasado 20 de xullo, e reiteramos no escrito á Consellería, está habendo problemas para mover os becerros que quedaron sen vacinar e que agora teñen máis de catro meses. Estes becerros, aínda que a nai estea vacinada, non se poden mover da granxa se non están vacinados. Quen os vacina? Veterinarios clínicos privados que, por suposto, cobran pola prestación dese servizo". Ante esta situación, o SLG considera que a Consellería de Medio Rural non está facilitando información de ningún tipo. Está habendo vacinación de "repesca" deses becerros que quedaran sen vacinar, mais "mesmo se está facendo sen ningún tipo de planificación e información ás granxas, que o sabemos cando chaman para dicir que veñen. Na web da Consellería figura que a partir do 1 de xullo comeza unha campaña de continuidade e que hai 'un operativo integrado por persoal dependente da Consellería de Medio Rural que actuará de forma ordenada e graduada'". O SLG describe o estado das explotacións coas declaracións dunha afiliada: “Eu estou nesa situación, no momento de querer vender os becerros non me deron a guía para poder levalos á feira, por non estar vacinados. Eles non vacinan, as da ADS tampouco, e os veterinarios que nos veñen pola casa non están autorizados. Estiven forzada a chamar a un veterinario que non coñezo e pagarlle o que me quixo cobrar, porque non hai quen o faga. A verdade é que é bastante escandaloso que eles non vacinan, non te avisan para que o fagas e os gandeiros cando queremos ou temos que vender os animais que eles deixaron sin vacinar non podemos. Nin sequera ós matadoiros. Temos que poñerlle as dúas doses e a ver se non temos que esperar aínda despois da segunda para poder vendelos. Un mes máis, teñamos ou non como mantelos, e sen outra solución.” O SLG describe esta situación como "de abandono provocada pola descoordinación e desleixo da Consellería, que está sendo causa de preocupación e provocando perdas económicas nas explotacións". Desde o SLG reiteran unha serie de demandas ao conselleiro José González Vázquez: -Vacinación sen custe para as ganderías. -Seguimento dos efectos das vacinas nos animais. -Información de todo este proceso de forma áxil e eficaz: na web da consellería, na Oficina Virtual de Gandaría (OVGAN), nas Oficinas Agracias Comarcais, etc. -Instan á Consellaría a dar resposta a esta problemática que leva meses afectando ás gandeiras e gandeiros galegos e deixe de aludir a asunción das súas responsabilidades.

O Sindicato Labrego advirte de incidencias pola vacina da língua azul

A raíz da confirmación da circulación no sur de Galicia do virus da lingua azul o 17 de Febreiro de 2023, foi activada unha campaña de vacinación e medidas de control e erradicación desta enfermidade. Desde o Sindicato Labrego sinalan que "son varias" as granxas que se viron afectadas con incidencias relevantes no gando vacinado, tanto mortes como problemas no ciclo xestante, que están dando lugar a abortos ou infertilidade. Ante esta situación, o Sindicato Labrego vén de solicitar unha reunión coa área de Sanidade animal da Consellería do Medio Rural, a fin de concretar o grao de incidencias e afrontar unha posible solución a esta problemática. Ademais dos prexuízos derivados das perdas económicas asociadas a estes casos detectados na cabana gandeira vacinada, a organización sinala que as granxas están especialmente preocupadas pola persistencia de reaccións adversas á vacina, xa denunciadas anteriormente, recoñecidas pola propia Administración, e que motivaron unha modificación nas pautas de vacinación, que pasou a ser voluntaria no ano 2011. Cabe lembrar que os primeiros casos desta enfermidade na Galiza foron detectados na zona da Mariña no ano 2008, e xa dende o inicio das campañas da vacinación o sector gandeiro a nivel de todo o Estado advertiu das consecuencias negativas que esta inoculación estaba a causar nos animais. O SLG apunta que vén denunciando esta situación dende o seu inicio, mantendo no ano 2010 unha xuntanza co Director Xeral de Gandaría para demandar unha actuación urxente por parte da Administración e animando ás granxas a denunciar esta problemática. En xaneiro do ano 2011 a vacina deixou de ser obrigatoria para todas as explotacións. A día de hoxe a vacina é obrigatoria en zonas onde se detectan casos de lingua azul.

Novas medidas para previr a lingua azul nas ganderías de Galicia

A Consellería do Medio Rural informa de que partir do mes de xullo só estará permitido o movemento de gando vacún e ovino procedentes da zona restrinxida en Galicia pola enfermidade da lingua azul que foran vacinados, ou ben que sexan menores de catro meses e fillos de nais vacinadas, con orixe en explotacións vacinadas. Esta zona restrinxida abrangue as provincias de Ourense e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias de Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga, onde até agora se realizou a vacinación do gando tras detectarse en febreiro animais bovinos positivos en catro explotacións de Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves. Ademais, os animais que saian das explotacións gandeiras nesta zona sempre irán acompañados dun documento sanitario de movemento (guía sanitaria) que incorpore a información da vacinación e máis un documento que acredite a desinsectación do vehículo que os transporte. Porén, a Xunta anuncia que no período do 1 de xullo ata o 15 de xullo, excepcionalmente permitirase o movemento directo a matadoiros de Galicia de bovinos e ovinos que non cumpran os anteriores requisitos e procedentes de explotacións situadas na zona restrinxida. Estes animais nos que se permitirá o movemento directo a matadoiros de Galicia no período indicado, deberán estar protexidos fronte ao ataque do mosquito vector da enfermidade mediante a aplicación de repelentes ou desinsectantes, e terán que ser transportados en vehículos desinsectados. Ademais, deberán acompañarse do documento sanitario que autorice o movemento (guía sanitaria), así como do documento que acredite a desinsectación dos animais e do vehículo que os transporte.

Medida preventiva

Esta medida preventiva faise consonte á normativa de aplicación, tras a detección, en febreiro pasado, de animais bovinos sentinelas positivos ao serotipo 4 do virus lingua azul en catro explotacións dos concellos ourensáns de Castro Caldelas e Sarreaus e dos pontevedreses de Fornelos de Montes e As Neves. A consecuencia da declaración oficial dos focos detectados, as provincias de Ourense e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias de Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga, na provincia de Lugo, incluíronse dentro das zonas restrinxidas fronte a lingua azul en España, de acordo coa lexislación vixente. Así, estableceuse a vacinación obrigatoria de todo o gando bovino e ovino maior de tres meses localizado na zona restrinxida, sendo requisito imprescindible para o movemento pecuario destas especies. O 7 de marzo de 2023, a Consellería do Medio Rural iniciou unha campaña masiva de vacinación fronte ao serotipo 4 da lingua azul, obrigatoria de todos os bovinos e ovinos maiores de 3 meses localizados en explotacións gandeiras dos concellos incluídos nesa zona restrinxida. Esta vacinación executouse fundamentalmente por persoal da propia Consellería, de forma urxente e de balde para as persoas titulares das explotacións gandeiras afectadas.

Campaña de continuidade

A maiores, a partir do 1 de xullo iniciarase unha campaña de continuidade, que consistirá na vacinación de todos os bovinos e ovinos maiores de tres meses localizados na zona restrinxida que non foran vacinados na campaña masiva anterior, ben por nacer despois das datas desa vacinación ou por non seren vacinados naquel momento ao ser menores de 3 meses, ou ben por ser incorporados posteriormente ás explotacións e proceder de zona libre ou zona restrinxida por un serotipo diferente do serotipo 4. Para a execución desta vacinación de continuidade, a Xunta dispuxo un operativo integrado por persoal dependente da Consellería do Medio Rural que actuará de forma ordenada e escalonada. Así mesmo, para facilitar ás persoas propietarias dos animais bovinos e ovinos a aplicación da vacinación en animais concretos segundo as necesidades de movemento, sen necesidade de esperar a súa quenda no operativo do persoal disposto pola Consellería, estase autorizando dende o pasado mes de abril a administración da vacina a persoal clínico privado ou de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras que así o solicita, subministrando Medio Rural a vacina de balde e facilitando a partir do mes de xullo o acceso a unha aplicación informática móbil e gratuíta a través da que este persoal poderá comunicar os datos de vacinación de animais á Consellería de forma rápida e sinxela. Os servizos veterinarios oficiais da Xunta informaron do deseño do citado operativo de continuidade aos colexios oficiais veterinarios, agrupacións de defensa sanitaria gandeira, asociacións de operadores comerciais de gando bovino e ovino así como a outras entidades vinculadas ao sector gandeiro destas especies.

A Xunta pide a colaboración dos gandeiros na campaña de vacinación contra a lingua azul

Tras a declaración de catro focos de lingua azul en Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves -onde se detectaron dous animais coa enfermidade nunha mesma explotación-, a Xunta lembra que está a levar a cabo unha campaña de vacinación preventiva nas áreas de restrición establecidas -as provincias de Ourense e Pontevedra e as comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, no sur de Lugo-, “totalmente gratuíta para os gandeiros e obrigatoria de cara a garantir o movemento de animais cando remate a época libre dos vectores transmisores da doenza”. Así, nesas zonas é obrigatoria a vacinación de todos os animais das especies bovina e ovina de máis de tres meses de idade, “sendo esta a ferramenta máis efectiva para o control do avance da enfermidade e a súa erradicación”. Nese senso, dende Medio Rural lembran que “a vacinación será requisito imprescindible para poder realizar movementos de animais cando remate o período libre de circulación dos mosquitos Culicoides transmisores da enfermidade, previsiblemente a finais de abril, xa que nese momento só se poderá autorizar o movemento de animais dende a área de restrición se proceden de explotacións vacinadas, sendo necesario que os animais de máis de catro meses estean vacinados, ou se son animais menores desa idade, que procedan de nais vacinadas”. Deste xeito, a Xunta apela á colaboración dos gandeiros na campaña de vacinación preventiva que se está a realizar, na que a Consellería do Medio Rural se fai cargo tanto do custo das vacinas como da súa aplicación. Neste sentido, dende a Xunta subliña n que “a vacinación de animais non implica en absoluto a inmobilización preventiva das explotacións de gando bovino ou ovino, senón todo o contrario: é a garantía de movemento sen maiores requirimentos, unha vez entremos no período de circulación do mosquito transmisor”. Ademáis, lembran que “a vacina que se está utilizando na campaña é un produto que vén sendo empregado tamén noutras comunidades autónomas e países da Unión Europea e que está rexistrado e autorizado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps), o que implica que foi sometido a todos os controis preceptivos de seguridade de uso antes de autorizar a súa comercialización”. “Segundo a propia ficha técnica, a vacina pode usarse durante a xestación e a lactación, e non hai que respectar ningún tempo de espera para o consumo dos produtos obtidos dos animais”, explican.

Inicio da campaña de vacinación preventiva fronte á lingua azul

A Xunta ten previsto iniciar mañá martes, día 7 de marzo, unha campaña de vacinación fronte á lingua azul tras a declaración de catro focos en Castro Caldelas, Sarreaus (Ourense) Fornelos de Montes e As Neves (Pontevedra), onde deron positivo dous animais dunha mesma explotación. Así mesmo, levarase a cabo na zona declarada como restrinxida, a cal inclúe todas as explotacións das provincias de Ourense e Pontevedra e as existentes nas comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, no sur de Lugo. Nestas partes do territorio será obrigatoria e gratuíta a vacinación de todos os animais das especies bovina e ovina de máis de tres meses de idade, estando previsto vacinar un total de 265.000 animais bovinos e 87.000 ovinos. O persoal contratado pola Consellería do Medio Rural irá convocando ás diferentes explotacións, sinalando a data na que está prevista a vacinación. Segundo a pauta vacinal, os ovinos recibirán unha única dose de vacina, vía subcutánea, mentres que os bovinos precisarán dúas doses vacinais, vía intramuscular, separadas 21 días. Isto obrigará ao persoal que efectúa a vacinación a volver visitar todas as explotacións bovinas ás tres semanas de aplicar a primeira dose. A vacinación será requisito para poder realizar movementos de animais cando se inicie a actividade do vector transmisor da língua azul, previsiblemente a finais de abril. Entón só se poderá autorizar o movemento de animais dende a área de restrición se proceden de explotacións vacinadas, sendo necesario que os animais de máis de 4 meses estean vacinados, ou se son animais menores desa idade, que procedan de nais vacinadas.

A Xunta vacinará contra a lingua azul a todo o gando vacún e ovino das provincias de Pontevedra, Ourense e sur de Lugo ante a aparición de varios focos

A Xunta vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) catro focos de lingua azul do serotipo 4 (S-4) en bovinos dos concellos de Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves -onde deron positivo dous animais dunha mesma explotación-, no marco do plan de vixilancia desta enfermidade e tras a confirmación por parte do Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, laboratorio de referencia nacional para esta doenza. Estes focos suporán a adopción de medidas por parte do Goberno galego, como o inicio dunha campaña de vacinación preventiva e servizos de desinsectación por parte dos centros de limpeza e desinfección de vehículos que dependen da Consellería do Medio Rural. A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se tramite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (vectores biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans. No momento actual, estase en época estacionalmente libre do vector, é dicir, época na que non hai mosquito transmisor, o que quere dicir que os animais detectados se infectaron antes de comezar esta (nos meses de novembro-decembro), aínda que manteñen hoxe a viremia malia que non presentan síntoma ningún. Nese senso, dende a Xunta lembran que “a lingua azul non é unha zoonose, é dicir, non é transmisible ás persoas, nin por contacto directo cos exemplares positivos nin por consumo de produtos cárnicos”.

Vacinación obrigatoria en marzo de todas as vacas e ovellas nas provincias de Ourense e Pontevera e Sur de Lugo

A declaración dos focos supón a creación dunha zona de restrición de polo menos un radio de 50 km arredor dos casos detectados, considerando sempre comarcas veterinarias completas. Segundo isto, a zona de restrición na comunidade inclúe as provincias de Ourense e Pontevedra na súa totalidade, e as comarcas veterinarias de Chantada, Terra de Lemos-Quiroga e Sarria, no sur de Lugo. Así, nestas áreas será obrigatoria a vacinación de todos os animais da especie ovina e bovina de máis de tres meses de idade. Nesa liña, finalizada a época estacionalmente libre do vector -a mediados-finais de abril- nestas zonas só se poderá autorizar o movemento de animais se proceden de explotacións vacinadas, e os animais están vacinados (só posible a partir dos tres meses), ou son animais menores desa idade procedentes de nais vacinadas. Ademais, deberán ser transportados en vehículos que sexan desinsectados antes da carga. Deste xeito, a Consellería do Medio Rural xa está organizando a realización da pertinente vacinación para comezar no vindeiro mes de marzo. A maiores, está previsto que cando finalice a época estacionalmente libre do vector, os centros de limpeza e desfinfección de vehículos que dependen da Consellería do Medio Rural comecen a prestar o servizo de desinsectación. Cabe engadir que en Galicia detectouse esta doenza nos anos 2008 e 2009, aínda que naquela ocasión o serotipo que afectou á cabana galega foi o serotipo 8 (S-8). Erradicouse a enfermidade mediante vacinación. Desde esa época, no conxunto do Estado realízase un programa anual continuo de vixilancia da presenza desta enfermidade, que consta dun compoñente de vixilancia entomolóxica (captura de mosquitos semanalmente durante todo o ano) e un compoñente de vixilancia sobre os animais domésticos sensibles. Dentro deste último apartado, realízanse dúas mostraxes anuais sobre un número de animais pertencentes a rabaños sentinelas de gando bovino previamente seleccionados, e foi no marco da última mostraxe na que se detectaron os focos positivos.