Archives

Validan con éxito en Galicia un test rápido de preñez a partir de mostras de leite

Persoal do CIAM recollendo mostras de leite nunha das gandarías participantes. Foto: CIAM/LIGAL O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL) e o Laboratorio Interprofesional de Análise do Leite (LIGAL) están validando un test rápido, que a partir das mostras que rutinariamente recolle o LIGAL, permite tamén detectar cunha ampla porcentaxe de acerto a preñez das vacas. O ensaio realízase dentro do proxecto europeo Climate Neutral Farms, coordinado en España polo CIAM-AGACAL. O test, que de momento se está realizando de forma experimental, prevese que entre a formar parte da oferta de servizos do LIGAL ás gandarías nun futuro dependendo da demanda existente. “O obxectivo deste test é reducir os días abertos involuntarios, que segundo os estudos realizados en España en gandarías de vacún de leite, sitúanse entre o 10 e o 12% das vacas inseminadas, pero cunha ampla variación entre gandarías, desde o 3,5 até o 26,3%, o que representa unha importante perda económica para as granxas”, explica César Resch Zafra, investigador do CIAM-AGACAL.

Resultado de preñez en 24 horas

O diagnóstico de preñez en laboratorio con mostra de leite baséase na detección de presenza de glicoproteínas, un tipo de proteína asociado á xestación. O protocolo que se segue por parte do CIAM-AGACAL e do LIGAL nas granxas que participan no estudo é o seguinte: Técnicos do CIAM visitan as granxas cada catro meses e, de acordo co gandeiro, seleccionan as vacas a mostrear entre aquelas supostamente diagnosticadas con preñez positiva: Vacas a entre 28 e 90 días desde a inseminación (aproximadamente o 15% das vacas adultas nunha gandaría de vacún de leite). Posteriormente recóllese unha mostra de leite de cada animal (50 ml) e envíase ao laboratorio para a súa análise polo LIGAL que en 24 horas entrega ao gandeiro o resultado do test de preñez, ademais dos resultados de análise física químico do leite.

Alta fiabilidade do test

Fonte: CIAM/ LIGAL A fiabilidade do test é moi elevada. Das 541 mostras que se analizaron o test de preñez en leite detectou que en 22 casos (o 6,1%) as vacas non estaban preñada. A continuación, realizouse de novo a comprobación en granxa por parte de veterinarios sobre eses animais e a porcentaxe de acerto foi do 100%. O test tamén detectou 14 casos de vacas de preñez dubidosa, que tras a pertinente contraanálise na explotación concluíu que 10 estaban preñadas e 4 estaban baleiras. En canto aos 505 casos de vacas que o test diagnosticou como positivas a preñez, na análise posterior acertou en 498, mentres que 7 non o estaban, o que se pode explicar por vacas que abortaron un día ou dous antes, e que por tanto aínda tiñan presenza de glicoproteína en leite. “O test está a funcionar moi ben, é eficaz, rápido e asequible e supón un importante avance para reducir o número de días abertos involuntarios en gandarías de vacún de leite, e por tanto axuda a mellorar a eficiencia e a rendibildiade da granxa”, conclúe César Resch.

“O leite galego é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado”

Roberto Lorenzana, nas instalacións do Ligal en Mabegondo O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) é unha Asociación sen ánimo de lucro, creada en xuño de 1989, na que teñen presenza paritaria os representantes do sector industrial e produtor do leite de Galicia. A actividade principal do laboratorio son as análises das mostras de leite cru para a determinación da súa composición e calidade hixiénico-sanitaria, sendo unha ferramenta fundamental tanto para o pago por calidade como para o Control Leiteiro. O carácter multiservizo do laboratorio busca dar resposta ás necesidades do sector lácteo no seu conxunto, implementando desde a súa creación servizos adicionais como analítica de forraxes, calidade da auga ou identificación de patóxenos causantes da mamite.
O LIGAL analiza unha media de 10.000 mostras diarias
O número de mostras anuais realizadas cos equipos de alto rendemento do laboratorio ascende a 3,1 millóns, cun promedio por día de traballo no entorno das 10.000 mostras procesadas. Coñecemos máis en detalle o seu traballo. – Cal é a función que xoga o LIGAL no sector lácteo galego? – A función principal pola que se crea o LIGAL era dar unha resposta independente e transparente ás distintas partes, tanto aos produtores como ás industrias, pero co paso dos anos convertémonos nun laboratorio multiservizo e tentamos dar unha resposta o máis integral posible ao conxunto do sector lácteo galego. A nosa actividade principal seguen sendo as analíticas do leite producido nas explotacións lácteas para o establecemento do pago por calidade diferencial. Un día de traballo normal no LIGAL analizamos no entorno das 10.000 mostras, sobre as que se obteñen case 80.000 resultados paramétricos que emitimos aos nosos clientes, principalmente gandeiros e operadores lácteos. As nosas analíticas pódense dividir en dous grandes bloques: un sería a composición físico-química do leite (contido graxo, proteico, etc) e o outro o paquete de calidade hixiénico-sanitaria e de control de residuos no leite. – Das análises do LIGAL depende en boa medida o prezo final do leite que cobran as explotacións. Poden estar tranquilos os gandeiros galegos da imparcialidade e fiabilidade dos resultados? – Absolutamente. A imparcialidade está fóra de toda dúbida. O LIGAL créase no ano 1989 para dar unha resposta á problemática das mostras do leite, que até ese momento estaban só nas mans da industria, é dicir, para que a análise fose fiable, independente e trazable. Ademais, supuxo a incorporación do resto de parámetros do pago por calidade até ese momento non incluídos no sistema.   O poder nos órganos de dirección desde a creación do LIGAL está repartido ao 50%. En consecuencia, para que algo sexa aprobado no seo da Xunta Directiva ou da Asemblea ten que ser apoiado polo 75% dos votos, o que leva a que ten que haber consenso entre ambas partes, unha parte non ten capacidade para impoñer ningunha decisión á outra.
Os gandeiros poden estar absolutamente tranquilos coa imparcialidade e a fiabilidade dos resultados
En relación á fiabilidade, boa parte dos nosos ensaios, non só a totalidade dos de pago por calidade, senón tamén moitos outros, están acreditados pola ENAC. Están referenciados a normas internacionais e este organismo, a Entidade Nacional de Acreditación, acredita que se fan as cousas correctamente. Iso é un indicativo claro da nosa aposta pola calidade e independencia e de que hai unha absoluta trazabilidade e transparencia nos procesos de análise. – Os gandeiros quéixanse de que a toma de mostras e o sistema de custodia está en mans das industrias que lles recollen o leite. Hai garantías dabondas para o produtor? – O sistema de toma de mostras está regulado por un Real Decreto de obrigado cumprimento, que di, entre outros aspectos, como hai que facer a toma de mostras nas explotacións e como teñen que ser transportadas ata os operadores. Desde a nosa óptica, o sistema funciona razoablemente ben, pero sempre pode haber algúns matices a mellorar. De feito, estamos traballando sobre un novo bote e os automatismos internos asociados, que vai aportar novas garantías e información adicional que creo que nos vai permitir dar un salto cualitativo nese sentido.
Ao longo deste ano melloraremos o sistema de toma de mostras nas explotacións e a súa trazabilidade; teremos un novo bote que vai aportar máis garantías e información adicional
Levamos tempo traballando neste novo sistema e eu confío que a mediados de ano ou no terceiro trimestre poidamos implementalo, aínda que durante algún tempo coexistirán os dous sistemas. A súa posta en marcha vainos obrigar a facer cambios tamén no sistema automatizado de análise das mostras. – Nalgunhas ocasións tense demandado un sistema de dobre mostra lacada, unha delas para o gandeiro, como existe por exemplo noutras comunidades. Por que non se implanta? – É un sistema complexo. Está implantado en Castela-A Mancha, polo tanto, con moitas menos explotacións que aquí, onde estamos focalizados nos 6.000 produtores lácteos de bovino, mentres que alí traballan sobre todo con ovella e cabra. No LIGAL aseguramos os procesos de análise das mostras que recepcionamos no laboratorio, non facemos directamente nin a toma de mostras nin o transporte ata os operadores. Como indiquei antes, estas fases están reguladas polo Real Decreto de referencia. Pero non quere isto dicir que o LIGAL non actúe sobre elas. De feito. actuamos sen previo aviso ás partes por medio do servizo de inspección, tanto en paralelo sobre as rutas como no peirao de descarga na industria, verificando aleatoriamente os aspectos normativos de toma de mostra e control de temperatura de transporte. 
Calquera produtor que teña algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico pode chamar ao LIGAL e nós actuamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste
Dentro das rutinas de análise desas 10.000 mostras que se están analizando diariamente entre pago por calidade e Control Leiteiro temos un control estatístico en tempo real sobre as mostras. É dicir, a medida que se están facendo as análises estanse referenciando aos datos que temos da explotación para ver se se desvía significativamente ou non da súa poboación de referencia. Ademais, calquera das partes pode chamar ao LIGAL se tivese algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico e nós actuariamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste para verificar se é coincidente coa poboación que temos do gandeiro dentro do laboratorio.   A realidade é que un número moi reducido de produtores poñen en dúbida a praxe da toma de mostra e, tralas nosas actuacións a petición de parte, as diferenzas non son significativas respecto da práctica totalidade dos resultados de referencia.  O LIGAL conta con equipos de última xeración para as analíticas que realiza – Ademais das mostras de leite, do total de mostras que analizades, cantas son de alimentación animal, calidade da auga ou sanidade animal? – No último ano sumaron unhas 80.000 mostras en conxunto estes tres aspectos, das que boa parte delas son para a detección do patóxeno causal das mamites.    – Fálanos un pouco dese papel de apoio prestado aos técnicos que traballan nas explotacións, por exemplo veterinarios ou nutrólogos. – Son dúas áreas de traballo que temos máis aló do noso traballo rutineiro de análise do leite cru. Temos por un lado a liña de alimentación animal e por outro a de control de mamites. As ecuacións coas que traballamos para as análises de silos de herba, silos de millo e outras materias primas que entran na ración do gando foron desenvoltas nun traballo colaborativo xa iniciado na década dos 90 do pasado século co CIAM que segue na actualidade e responden á realidade da nosa produción forraxeira. Non pode haber unha alimentación de precisión se non hai precisión nos resultados analíticos, que son a base dos sistemas de nutrición, polo que estas melloras logradas grazas ao esforzo entre o centro de referencia en investigación agrogandeira e o LIGAL redundan nunha mellora da economía e rendibilidade das nosas explotacións lácteas. 
A identificación dos microorganismos causantes de mamitis por espectrometría de masas ofrece a máxima fiabilidade no resultado a un coste moi reducido
Na liña do control das mamites infecciosas tamén somos moi activos e facemos a identificación do patóxeno causal a través dun equipo de espectrometría de masas e non recurrimos a unha identificación visual simple, recomendando apoiar esa identificación nun antibiograma, que vai indicar cal é o antibiótico máis acaído para tratar ese patóxeno. É dicir, procuramos emitir informes completos que axuden á toma de decisión dos veterinarios clínicos. – O control da mamite mediante a identificación do patóxeno causante a través dos antibiogramas pode ser unha ferramenta moi útil para a efectividade dos tratamentos. É unha práctica xa estendida no sector ou aínda é minoritaria? – O sector está cada vez máis sensibilizado con este tipo de cuestións, non só os gandeiros senón tamén os técnicos que os asesoran. Evidentemente os veterinarios clínicos son os primeiros interesados en que os tratamentos que prescriben funcionen. Esa liña está trazada desde hai tempo, tanto por parte da Axencia Europea do Medicamento como por parte do propio Ministerio en España.

“A presenza de inhibidores no leite galego é residual”

– Nos máis de 30 anos transcorridos desde a creación do LIGAL, como evolucionou a calidade do leite producido en Galicia? – Houbo unha mellora sobresaínte en relación aos datos de partida. Pasamos dunha situación inicial a comezos dos 90 na que a metade das explotacións tiñan nalgún momento do ano recontos altos de células ou bacterioloxía á situación actual, na que a nosa calidade está ao nivel das principais rexións produtoras da UE, tendo ademais en conta que A Unión Europea é máis restritiva nos umbrais de calidade hixiénico-sanitaria do leite no contexto mundial. A calidade físico-química responde ao tipo de acopio que quere facer a industria láctea das explotacións aprovisionadoras en relación, entre outros, ao contido en graxa e proteína do leite. Por outro lado está a calidade hixiénico-sanitaria, é dicir o reconto bacteriolóxico e de células somáticas.
A calidade hixiénico-sanitaria mellorou ostensiblemente, o que nos sitúa neste momento ao nivel das principais rexións produtoras de leite no contexto da UE
O sector lácteo leva moitos anos implicado na mellora continua da calidade hixiénico-sanitaira e do control dos residuos, adaptándose aos cada vez máis esixentes requerimentos normativos. Desde o ano 1989 no que se creou o LIGAL e se arrinca coas analíticas no ano 1990, a mellora na calidade hixiénico-sanitaria foi espectacular, cunha redución do reconto bacteriolóxico no 90% e á metade o do contido en células somáticas. – En que aspectos habería que seguir incidindo ou mellorando? – Extremar a boa praxe nas rutinas de muxido e as condicións hixiénicas de manexo dos animais e seguir mantendo moita atención aos requerimentos de enfriaxe do leite. – Cres que debería facerse a nivel de granxa maior fincapé na mellora das rutinas de muxido e na formación do persoal encargado destas tarefas? – É certo que cada vez hai máis problemas para contratar persoal para traballar nas explotacións lácteas e sobre todo persoal que teña os coñecementos e a formación previa, polo que hai un período de demora na súa adquisición. Sería necesario incidir nos aspectos formativos e tamén no control por parte dun responsable da explotación dos momentos críticos, e un deles é o momento do muxido. – E en canto á presenza de antibióticos?            – A mellora na presenza de inhibidores bacterianos, principalmente antibióticos, tense producido en paralelo á calidade hixiénico-sanitaria e hoxe falamos de niveis residuais. A mellora acelerouse sobre todo a partir da implantación no ano 2008 do protocolo de inhibidores. O 100% das cisternas son analizadas desde o punto de vista dos parámetros hixiénico-sanitarios e de residuos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite e tamén nas explotacións, nunha porcentaxe próxima ao 100%, se están analizando diariamente eses parámetros. – Existe aínda marxe de mellora na utilización de antibióticos nas explotacións leiteiras? – Hai que facer unha defensa da boa praxe na utilización de antibióticos en bovino de leite en comparación con outras especies. A mellora de novo é continua, todos os anos se avanza, pero é certo que cando chegas aos niveis residuais que temos acadado é máis difícil que baixen. – Galicia conta con protocolos diferenciais de actuación ante resultados positivos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite. Como funciona? – O protocolo de autocontrol actualmente vixente remóntase ao ano 2007-2008. Noutras zonas de produción do Estado cando hai un resultado positivo comunícase á Autoridade competente e a actuación queda nas súas mans, o que implica a introdución dun certo factor de demora. Nós somos máis rápidos, primando non ter o leite retido máis tempo do estritamente necesario. Para iso facemos unha actuación na explotación por medio do servizo de inspección do LIGAL que implica unha proba rápida ao produtor para ver se o novo leite que se está a muxir é apto e cumpre cos requerimentos de control de residuos e é válido para volver a ser integrado na cadea alimentaria. No caso de resultar negativa esta nova mostra, ese leite queda liberado para que poida ser entregado á industria. En caso de que resultase positivo, entón si que se bloquearía ese tanque e pasaría o procedemento a mans da Autoridade competente.
Os índices de positivos actuais a inhibidores xa son moi difíciles de mellorar
Ademais dos protocolos habituais tamén temos protocolos específicos reforzados en colaboración coa Administración. Un deles é o das quinolonas en leite e outro o de control da aflatoxina M1. Estamos moi sensibilizados con cuestións que afecten á seguridade alimentaria, intentamos ser proactivos para adiantarnos a posibles riscos emerxentes que poida haber, porque o peor que lle pode pasar a calquera sector é unha alerta grave de seguridade alimentaria, porque xa non será un problema puntual dunha explotación, senón que se converte nun problema do sector lácteo galego no seu conxunto. – Nos casos que detectades, cantos son debidos a neglixencias ou malas praxes e cantos a descoidos? – Ninguén entrega voluntariamente un leite que sabe que ten residuos de inhibidores. Eu estou convencido de que boa parte dos moi poucos resultados positivos que se están producindo a inhibidores do crecemento bacteriano débense a descoidos, por exemplo porque unha vaca que está a tratamento pasa ás rutinas de muxido ou porque non se cumpre estritamente o tempo de supresión. – Cando o consumidor na súa casa bebe un vaso de leite, pode ter a certeza de que é un produto absolutamente seguro? – Por todo o que comentamos e tamén complementados polas actuacións das Autoridades competentes, podemos asegurar que o leite é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado e, por extensión, do que os consumidores poden ter maior garantía de control e trazabilidade na súa produción. Todo o leite de Galicia está controlado desde que se produce ata que se descarga nos centros de transformación dos operadores lácteos. As características propias da produción de leite, continua e diaria, requiren un importante esforzo neste sentido pero a nosa actividade dá como resultado este control e trazabilidade da cadea de produción de leite. – Que papel xogou e xoga o Control Leiteiro na modernización e profesionalización vivida polo sector lácteo galego nos últimos anos e que aspectos consideras interesante introducir no Control Leiteiro para seguir afondando nesta mellora? – O Control Leiteiro é un piar fundamental na liña de mellora das nosas explotacións lácteas ao poder ter monitorizadas as nosas ganderías a nivel de vaca individual, contribuíndo á mellora xenética e aportando información sobre a calidade sanitaria dos animais de produción. Ademais, novos parámetros monitorizados sobre cada unha das nosas vacas abre novas liñas de traballo, algunhas están en desenvolvemento e permitirannos seleccionar aos animais en base á súa produción de metano, por exemplo. – O LIGAL conta con tecnoloxía punteira. Podemos dicir que é un centro que está na vangarda a nivel europeo? – Eu penso que si. Os nosos equipamentos, calibracións e desenvolvementos ad hoc están á vangarda e en consonancia coas liñas de traballo que se están seguindo nos centros de investigación dentro de Europa. Por exemplo, a relación entre dieta e calidade do leite ao conseguir extraer da analítica do leite a información sobre a orixe alimentaria; ou a pegada de CO2, medida pola compoñente de metano, que estamos empezando a desenvolver, en ambos casos en colaboración coa AGACAL-CIAM. O LIGAL non deixa de ser un reflexo do que é o potente sector lácteo galego. Catro de cada 10 litros que se producen en España saen das nosas explotacións lácteas cara os operadores e estas unidades de produción representan o 56% das de todo o Estado.

Estas son as gandarías co mellor leite de Galicia en 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu este mércores en Santiago á entrega dos VI Premios Exceleite á excelencia hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de leite cru de vaca 2022. No acto, o titular de Medio Rural definiu estes galardóns como “o recoñecemento da Xunta polo esforzo de gandeiros e gandeiras de Galicia comprometidos coa calidade”. Así, estes galardóns distinguen ás granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, estas subdivídense en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Tamén se recoñecen de xeito específico as mellores explotacións ecolóxicas. A estes premios optaron todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e que estiveran dadas de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Polo tanto, os gañadores pasaron uns controis serios e rigorosos levados a cabo por profesionais do Ligal, veterinarios e técnicos da Consellería. 

Gandarías de vacún de leite galardoadas nos premios Exceleite 2022: 

Fotos dos premiados:

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Que efectos pode ter a mamite subclínica na taxa de reprodución nas granxas de vacún de leite?

A mamite segue sendo unha das patoloxías máis frecuentes nas ganderías de vacún de leite e ás veces faino de xeito silencioso, cando se trata de mamite subclínica, posto que cando a enfermidade se presenta deste xeito caracterízase por non ter síntomas visibles nos animais, porén esta mamite deixa tamén consecuencias. Un dos efectos que arrastra a mamite é a diminución do rendemento dos animais en aspectos como a produción e a fertilidade. Un estudo no que participaron investigadores da Universidade de Santiago fixouse na relación entre a mamite subclínica e a taxa de preñez. Ter en conta o reconto celular no leite e os días transcorridos entre a inseminación pode ser determinante para lograr que a vaca preñe. “O estudo buscaba investigar os efectos da mastite subclínica antes e despois da primeira inseminación en vacas de leite de raza Frisoa en Galicia, xa que non se contaba con moita documentación ó respecto”, indican os investigadores no artigo que recolle o traballo.
Os investigadores traballaron cos datos de 80 granxas de Lugo e coa información de máis de 2.000 lactacións
A investigación foi realizada tomando os datos de 80 granxas de vacún de leite situadas todas elas na provincia de Lugo. Ademais, todas eran ganderías con vacas de raza Frisoa. En concreto, no estudo dispuxeron de datos de 2.053 lactacións. As granxas tiñan de media unhas 35 vacas en muxido e en todas elas se facían dúas muxiduras ó día. Ademais, como tódalas vacas estaban incluídas no Programa de Control Leiteiro de Galicia, os investigadores contaban con toda a información referida a mastite subclínica dispoñible. No estudo tamén tiveron a colaboración do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

A incidencia da mamite

O reconto de células somáticas é un dos indicativos da incidencia de mamite subclínica na granxa, así como a baixada de produción de leite. Así, recontos celulares por encima das 200.000 células por mililitro de leite evidencian que o animal ten unha mamite subclínica. Tendo en conta isto, os investigadores decidiron botar man deste reconto celular para avaliar os efectos na fertilidade vinculados á mastite subclínica. “A incidencia da mastite está asociada con efectos negativos no rendemento reprodutivo, así como na taxa de concepción”, explica a investigación. Estudos previos a esta investigación xa tiñan amosado que un incremento do reconto celular antes e despois da inseminación provocaba efectos negativos na fertilidade, aínda que había dificultades para establecer a franxa de tempo que era crítica para a preñez. Así, había estudos que sinalaban como período crítico os 10 días anteriores e os 30 días posteriores á inseminación. Mentres outros apuntan que dende o día 31 ó 45 despois da inseminación os riscos aumentan. Deste xeito, un incremento do reconto celular nos primeiros 90 días de xestación apuntaba que podía haber risco de aborto.
As vacas cun reconto de células somáticas por debaixo de 200.000 por mililitro de leite nos 30 días posteriores á primeira inseminación tiveron maior facilidade para quedar preñadas
Na investigación realizada nas granxas galegas, os datos amosan que o período crítico abrangue os 30 primeiros días despois da inseminación. En base ós recontos celulares puideron determinar que as vacas cun reconto de células somáticas por debaixo de 200.000 por mililitro de leite nos 30 días posteriores á primeira inseminación tiveron maior facilidade para quedar preñadas que aquelas vacas que tiñan un reconto celular máis alto. “Un episodio de incremento do reconto de células somáticas dentro dos 30 días posteriores á inseminación artificial ten un efecto disruptivo na taxa de preñez do animal”, sinala a investigación. Os achados do estudo demostran que a mastite subclínica dentro dos 30 días posteriores á primeira inseminación resulta decisiva e prexudica a posibilidade de preñez da vaca. Mentres, os investigadores non atoparon evidencias de que se produza o mesmo efecto se a mastite subclínica se produce nos 30 días antes de realizar a inseminación. Analíticas de leite.

O control leiteiro, ferramenta para mellorar resultados

En base ás conclusións do estudo, os investigadores recomendan extremar a prevención da mastite subclínica sobre todo despois da primeira inseminación. “ A prevención durante un período crítico de 30 días trala inseminación é importante para maximizar o rendemento produtivo”, explican.
“Os informes do control leiteiro galego poden ser unha vía de información para predicir a fertilidade baseándose nos niveis de recontos celulares”
A relación entre o incremento dos recontos celulares, a mastite e a fertilidade das vacas fai que ferramentas como os informes do control leiteiro se volvan unha ferramenta de utilidade para mellorar os resultados na granxa, ó ofrecer información sobre os recontos celulares de xeito periódico. “Os informes do control leiteiro galego poden ser unha vía de información para predicir a fertilidade baseándose nos niveis de recontos celulares”, detallan. O estudo amosa que tomar medidas para previr a mastite subclínica é un xeito para diminuír as perdas económicas da gandería, debido ós efectos que pode traer sobre a fertilidade das vacas.

Estas son as ganderías galegas que producen o leite coa mellor calidade hixiénico-sanitaria

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este xoves a entrega dos premios Exceleite 2021, no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria organizada polo Goberno galego no Pazo de Quián. Estes galardóns, que recoñecen ás explotacións galegas de vacún de leite que destacan polos baixos índices de células somáticas e reconto bacteriolóxico nas analíticas do Ligal, avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca da comunidade, con ganderías como a de Antonio Sufuentes en Guntín ou Casa Codesal en Friol que repiten entre as premiadas.  Neste contexto, o titular de Medio Rural quixo recoñecer e agradecer aos gandeiros galegos en xeral e aos galardoados neste acto en particular, polo “encomiable labor que desenvolven nun eido produtivo fundamental da economía agraria de Galicia”. 
Foron recoñecidas explotacións pequenas, medianas e grandes, tanto en ecolóxico como en produción convencional
O obxectivo da Xunta, asegurou José González, é o de “consolidar o sector lácteo galego a través da súa profesionalización e da mellora da súa rendibilidade, así como da defensa da calidade dos produtos lácteos galegos por enriba da cantidade”. Neste sentido, lembrou que Galicia xa é a principal comunidade produtora de leite en España e atópase entre as dez primeiras rexións lácteas de toda Europa e salientou, sobre todo, que se atopa "entre as primeiras en calidade de produto”. Por iso, remarcou, “somos cada vez máis competitivos no mercado, máis sustentables na produción e máis resilientes na práctica”.
Todo gandeiro é un empresario e somos cada vez máis competitivos no mercado
“Todo gandeiro é empresario”, salientou, para poñer en valor a necesaria formación empresarial dos titulares das explotacións, orientada a mellorar a posición negociadora dos gandeiros coas industrias que lles recollen o leite. "O lácteo é un sector motor de Galicia", concluíu, para destacar a importancia da produción de leite para o mantemento da economía no medio rural galego.

Aprobación o vindeiro ano da futura Lei da Calidade Alimentaria de Galicia

No transcurso do acto de entrega dos premios Exceleite 2021, o conselleiro José González trasladou que a futura Lei da Calidade Alimentaria de Galicia, que ultima a Xunta, supón “a aposta definitiva pola calidade, pola singularidade e pola diferenciación”. “A futura Lei da calidade alimentaria será a panca na que asentemos a produción de proximidade, a produción san e sustentable e a produción de calidade que sempre distinguiu a Galicia no ámbito gastronómico”, afirmou.  Neste sentido, avanzou que a lei entrará no Parlamento no vindeiro ano 2022 e referiuse á calidade como sinónimo de Galicia, do produto e da maneira de producir das persoas que xa traballan ou que queren traballar no sector primario. A Xunta desenvolverá tamén o vindeiro ano a campaña Galicia Etiqueta Calidade, na que investirá 700.000 euros para divulgar a excelencia da despensa alimentaria da comunidade. Esta iniciativa engloba, entre outras marcas, o leite certificado baixo o selo Galega 100%, os queixos galegos con denominación de orixe, e o novo selo GaliciaCalidade Alimentaria, que englobará produtos alimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción.

As ecuacións NIRS, novas análises para coñecer a calidade das forraxes nas ganderías de leite

O sector produtor leiteiro galego, inmerso nun mercado aberto, competitivo e cada vez máis esixente, debe mellorar o manexo da alimentación para garantir súa viabilidade económica e ambiental. A comparación cos países do noso entorno amosa unha das claves deste reto: incrementar o uso de forraxes de calidade e a mellora da eficiencia da súa utilización no racionamento das vacas de leite. Custos de alimentación sobre os custos de produción do leite na Unión Europea. O coñecemento preciso da composición dos alimentos para o gando, particularmente das forraxes debido á alta variabilidade que posúen, é unha condición necesaria para a súa utilización eficiente, sendo este coñecemento a base da denominada alimentación de precisión. Para iso, cómpre dispoñer dun sistema avanzado de valoración nutricional dos alimentos que informe do valor enerxético e nitroxenado das forraxes dispoñibles nas ganderías dunha forma rápida e precisa. Precísanse para iso sistemas con alto grado de fiabilidade, reducido erro e adaptados ó manexo de grandes números de mostras no laboratorio de servizo.
Un mellor coñecemento do valor nutricional das forraxes pode contribuir a mellorar a sostibilidade económica e ambiental das granxas de leite
O presente traballo, "Aplicacións analíticas avanzadas para a análise de forraxes utilizadas nas explotacións leiteiras galegas", dirixido polo investigador Gonzalo Flores, xorde a partir do proxecto de investigación cooperativa, financiado inicialmente con fondos FEADER do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, que vén sendo desenvolvido conxuntamente polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da AGACAL e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL). Este proxecto procura mellorar a sostibilidade económica e ambiental das ganderías leiteiras galegas a través dun mellor coñecemento do valor nutricional das forraxes máis utilizadas na alimentación do gando de leite en Galicia. O obxectivo xenérico da Tese é contribuír á mellora da utilización das forraxes para a produción de leite de vacún en Galicia a través da obtención de métodos analíticos fiábeis, robustos e precisos para ser aplicados en análises de rutina para servizo ás ganderías, así como con propósito de apoio á investigación e ás actividades de selección e mellora xenética de forraxes. Neste traballo perseguíronse cinco obxectivos: 1) Describir as características de composición química e dixestibilidade da materia orgánica (DMO) dos principais grupos de forraxes frescas e de forraxes conservadas como herba seca e ensilaxes utilizadas nas ganderías leiteiras de Galicia. 2) Desenvolver ecuación NIRS para a estimación da composición química e a DMO das forraxes e de mesturas completas (unifeed) comunmente utilizadas para a alimentación das vacas de leite. 3) Avaliar a capacidade de NIRS para estimar os parámetros de degradabilidade ruminal de ensilaxes de herba e de millo. 4) Obter ecuacións de regresión baseadas na composición química das mostras para estimar os valores de DMO dos distintos grupos de forraxes e das mesturas unifeed, así como da degradabilidade ruminal das ensilaxes de herba e de millo, comparando a súa capacidade preditiva coa obtida mediante a técnica NIRS. 5) Construír e validar ecuacións NIRS para predicir os parámetros de calidade fermentativa de ensilaxes de herba e ensilaxes de millo. No estudo empregouse un elevado número de mostras das principais forraxes habituais nas granxas galegas. As coleccións de forraxes e mesturas unifeed utilizados na Tese representan as que se utilizan nas ganderías galegas. O volume de mostras foi moi alto, ascendendo a un total de aproximadamente 5.000 mostras analizadas por métodos de referencia (incluíndo determinacións de parámetros biolóxicos in vivo e in situ e parámetros fermentativos no caso das ensilaxes). Destas, máis de 2.000 eran forraxes frescas, outras tantas mostras de ensilaxes de herba e de millo e o resto mostras de herba seca e de mesturas completas. Os produtos desta Tese son os comunmente utilizados para a alimentación de vacas de leite nas granxas galegas: a) Forraxes frescas: 5 tipos: millo, sorgo, xirasol, pastos e cultivos de inverno. b) Forraxes conservadas: 3 tipos: os máis importantes, ensilaxe de herba e ensilaxe de millo e, finalmente, herba seca de pradeira. c) Mesturas completas de forraxes e concentrados (unifeed). As mostras, procedentes de granxas leiteiras galegas e das fincas experimentais do CIAM foron recollidas ao longo de diversos anos e pretenden reflectir, na maior medida posíbel, a variabilidade existente na práctica. Detalle da composición química das forraxes empregadas no estudo. Os traballos realizados na Tese diferéncianse en 3 partes: Primeira: describir as características de composición química e dixestibilidade da materia orgánica dos principais grupos de forraxes frescas e de forraxes conservadas como herba seca e ensilaxes utilizadas nas ganderías leiteiras galegas, en base a un número moi elevado de mostras. É dicir, a partir dos resultados descritos, expóñense por primeira vez, de forma sistematizada o que podemos considerar táboas de valor nutricional das forraxes máis comúns, cos valores medios e rango de variación da composición química e dixestibilidade, xunto coa calidade fermentativa media das ensilaxes de herba (incluíndo cultivos de inverno) e millo. Segunda: elaborar ecuacións de regresión baseadas na composición química das mostras para estimar os valores de dixestibilidade da materia orgánica dos distintos produtos así como da degradabilidade ruminal das ensilaxes de herba e de millo comparando a súa capacidade preditiva coa obtida mediante a técnica NIRS. Realízase unha importante actualización das ecuacións xa existentes e amplíanse a novos produtos (particularmente forraxes en estado fresco). Estas ecuacións proceden de mostras representativas das utilizadas nas ganderías galegas e foron validadas con mostras independentes. Ademais proceden das mesmas coleccións utilizadas para desenvolver as calibracións NIRS. Terceira: Representa a parte aplicada máis importante e constitúe o verdadeiro avance obtido polo traballo, como é desenvolver novas ecuacións de calibracións NIRS para a estimación de: - Composición química: contido en MO, PB, FAD, FND, ALM, entre outros, parámetros que están ao alcance de calquera laboratorio que dispoñan da tecnoloxía de análise por vía húmida tradicional e dun instrumento NIRS. - A estimación de dous parámetros fundamentais: O valor enerxético e o valor proteico, ambos determinados en ensaios con animais. O valor enerxético determínase mediante a dixestibilidade da materia orgánica. O valor proteico, o cal está circunscrito ás ensilaxes máis utilizadas nas granxas, que son as ensilaxes de herba e as ensilaxes de millo; determínase mediante a degradabilidade ruminal. Débese salientar que a construción e mantemento de calibracións NIRS para a estimación da dixestibilidade e a da degradabilidade está reservado a institucións que teñan a capacidade de obter as coleccións de mostras con valores de referencia medidos directamente sobre animais. - Parámetros de calidade fermentativa de ensilaxes de herba e ensilaxes de millo, aspecto de gran importancia dada a súa relevancia na alimentación das vacas de leite. Empregaron mostras procedentes de granxas leiteiras galegas e das fincas experimentais do CIAM.

Resultados

- Confírmase que a tecnoloxía NIRS é un método de análise consolidada como ferramenta analítica que está dotada de vantaxes como rapidez, precisión, versatilidade, económica, non contaminante, multiparamétrica (multiplicidade de análises nunha soa operación) e adaptada ao uso en análise de rutina, dada a simplicidade na preparación da mostra. - A fiabilidade na predición da dixestibilidade das ecuacións empíricas obtidas e validadas a partir das coleccións propias é, polo xeral, mediocre, o que alerta da incerteza no uso de ecuacións foráneas non validadas. A súa capacidade preditiva foi amplamente superada polos modelos de predición NIRS. Isto evidénciase pola redución do erro de predición da DMO en case un 50% cando se utilizan as novas calibracións NIRS.
O modelo NIRS permite realizar mellores prediccións sobre a dixestibilidade e a degradación rumial das forraxes
- A fiabilidade na predición da degradabilidade ruminal das ecuacións empíricas obtidas é, polo xeral, mediocre. O modelo de predición NIRS da degradabilidade ruminal efectiva da proteína bruta para ensilaxe de millo e ensilaxe de herba permitiu reducir o erro de predición un 65% e un 27%, respectivamente, en comparación coas mellores ecuacións empíricas. - As ecuacións NIRS para determinar os parámetros fermentativos das ensilaxes de herba e de millo foron satisfactorios, permitindo estimar con alta fiabilidade a calidade fermentativa destas mostras, permitindo detectar problemas que sexa necesario corrixir na práctica do ensilado nas ganderías.

CONCLUSIÓN

As ecuacións de calibración NIRS obtidas neste traballo están actualmente operativas no LIGAL para o seu uso en rutina, o cal produciu unha substancial mellora da calidade da oferta analítica dos diferentes tipos de mostras ao servizo das ganderías galegas por parte do LIGAL, facilitando o manexo xeral da base forraxeira das granxas e a optimización económica e ambiental das racións do gando de vacún de leite. Ao mesmo tempo, están sendo utilizadas con propósito de apoio aos proxectos de investigación e de mellora xenética de plantas forraxeiras realizados no CIAM.
Coñecer de forma precisa o valor nutricional das forraxes e optimizar o seu uso pode reducir os costes en alimentación ata un 10%
A bibliografía sinala unha redución estimada de até un 5-10% do custo da ración nas granxas leiteiras, en base ao coñecemento preciso do valor nutricional das forraxes e a optimización da súa utilización. É evidente por tanto o impacto económico que suporía unha mellora da eficiencia na alimentación debido a un mellor coñecemento do valor nutricional das forraxes. Por outra banda, aínda que son de máis difícil cuantificación, existe tamén un efecto ambiental positivo do uso dos métodos avanzados de valoración nutricional de forraxes debido á redución das excretas de nutrientes ao medio, como en particular o nitróxeno, debido a unha mellor sincronía das achegas de enerxía e proteína na ración. A investigadora Sonia Pereira Crespo no laboratorio do CIAM co espectofotómetro NIR.

Continuidade nesta liña de traballo

- As diferentes bases de datos deben ser obxecto de actualización e mellora permanente para representar nas coleccións de calibración, na maior medida posíbel, a variabilidade na composición das mostras no ámbito de aplicación das ecuacións de predición, a fin de alcanzar maior fiabilidade preditiva e robustez. - A posta en práctica dun programa máis amplo e mantido no tempo de asesoramento da calidade nutricional das forraxes utilizadas nas ganderías de leite como elemento imprescindíbel para lograr un maior grao de sostibilidade do sector. - Así como ir adaptando os resultados aos requirimentos dos modelos de alimentación, incorporando novos parámetros, como por exemplo, o fraccionamento da proteína.

A Xunta convoca a quinta edición dos premios Exceleite ás mellores calidades hixiénico-sanitarias

Entrega dos premios Exceleite nunha edición anterior O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a orde da Consellería do Medio Rural que convoca para este ano os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios Exceleite. Esta é xa a quinta edición destes galardóns, tras a boa acollida das catro anteriores entre o sector produtor lácteo galego. Trátase de recoñecer os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen. Os premios Exceleite distinguen as granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas subdivídese en tres grupos, segundo o seu sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas. Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas. Novidades Este ano, como novidade, introdúcense melloras para limitar, por unha banda, a avaliación da calidade do leite exclusivamente ao período de tempo establecido na orde da correspondente convocatoria anual dos premios. Trátase de acurtar os prazos transcorridos entre a extracción dos resultados dos parámetros hixiénico-sanitarios das explotacións, a súa avaliación, a selección de finalistas e, finalmente, a entrega de premios. Por outra banda, tamén se establece un sistema máis áxil de convocatoria de novos produtores en caso de non aceptación do premio por parte dalgunha gandaría. Ademais, nos actos de entrega dos premios vénse denominando Exceleite de ouro o primeiro galardón e Exceleite de prata o segundo, polo que, tendo en conta que estas denominacións adquiriron significación propia, considerouse convinte recoller este feito na norma reguladora dos premios.

Traballan nun sistema para elaborar racións de precisión que reduce un 10% os custos de alimentación

  O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) está a traballar, en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), no desenvolvemento dun sistema avanzado de valoración nutricional dos alimentos co fin de determinar con precisión o valor enerxético e de nitroxenados das forraxes consumidas nas explotacións de vacún de leite.  Búscase ter información precisa sobre o valor nutricional das forraxes máis utilizadas nas explotacións de leite galegas para realizar un racionamento máis eficiente, reducir custos e gañar competitividade, entre outros aspectos, entre os que estarían tamén os medioambientais, grazas á redución de emisións producidas. Trátase dun proxecto de investigación cooperativa que persegue incrementar a capacidade analítica do Ligal mediante a creación e mantemento de aplicacións NIRS innovadoras, que permitan a predición directa da composición química, dixestibilidade e degradabilidade ruminal da proteína en forraxes frescas e ensiladas (pradeira e millo forraxeiro), proporcionando os parámetros de enerxía e proteína requiridos polos modernos programas de racionamento para vacas de leite.
A mellora na eficiencia das racións podería supoñer un aforro para as explotacións de entre un 5 e un 10% dos custos de alimentación
A través desta tecnoloxía NIRS, relaciónase a información espectral dos alimentos cos datos de valor nutricional mediante técnicas estatísticas avanzadas, o que permite mellorar o manexo da alimentación animal para garantir a viabilidade económica e ambiental do sector produtor leiteiro galego, segundo destaca en nota de prensa a Consellería do Medio Rural. Neste senso, é preciso incrementar o uso de forraxes de calidade e a súa eficiencia de utilización no racionamento das vacas de leite para que o propio sector poida ser cada vez máis competitivo. Así, un incremento de precisión na valoración nutricional das forraxes poderíase traducir nunha redución estimada de ata un 5-10% do custo da ración nas granxas leiteiras. Polo tanto, para un gasto estimado en alimentación anual das granxas leiteiras galegas de aproximadamente 400 millóns de euros, a aplicación xeneralizada das novas tecnoloxías podería achegar un beneficio de ata 20-40 millóns de euros cada ano para o conxunto do sector respecto da situación precedente.

Convocados os premios Exceleite 2020 ás mellores ganderías de vacún de leite de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan para o ano 2020 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, coñecidos como premios “Exceleite”. Esta é xa a cuarta edición destes galardóns, que recoñecen aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen nas súas explotacións. Os premios Exceleite distinguen ás granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e á súa vez estas subdivídense cada unha delas en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas. Poderán optar a estes recoñecementos todas as granxas leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas que se detallan na convocatoria. Os resultados que faciliten as análises do Ligal permitirán facer unha primeira selección das explotacións que poden optar a estes premios. A continuación remitiráselles aos seleccionados unha carta para que autoricen a súa participación como finalista. Unha vez acepten a súa selección no galardón, comezarán as visitas de campo ás granxas para corroborar que as características da explotación son as axeitadas. De ser así, os gañadores basearanse exclusivamente nos resultados do leite.

Casa Gallardo, unha gandería premiada pola calidade hixiénico-sanitaria do seu leite

Esther, Antonio e Yoel, o seu sobriño, que esta tempada estivo botándolles unha man na explotación A historia de Casa Gallardo, en Vilarmao (Guntín), é a historia de moitas outras explotacións familiares galegas, que fixeron un importante esforzo nos últimos anos por ir adaptando as súas instalacións e mellorando o manexo do gando até acadaren niveis de excelencia na calidade do seu leite, algo que non está condicionado polo tamaño da gandeiría.  En Casa Gallardo teñen neste momento 100 cabezas totais, a metade delas en produción. As limitacións de espazo no establo obrígaos a sacar o máximo partido a cada animal e con 35 hectáreas de superficie agraria adicadas a pradeira foron adaptando a súa ración, a base de herba e bagazo de cervexa, para lograr litros sen perder calidades.  Outro dos cambios que introduciron nesta explotación, que xestionan Antonio Sufuentes e a súa muller Esther Vázquez sen contratación de axuda externa, foi a substitución do carbonato por serrín nas camas, un material que lles está a dar bos resultados, como demostran as analíticas, con niveis inferiores a 100.000 células somáticas e por baixo das 10.000 unidades formadoras de colonias en bacterioloxía.  Estas cifras servíronlle a esta gandería familiar de Guntín para lograr o pasado mes de novembro o Premio Exceleite, outorgado pola Xunta en base ás análises realizadas polo Ligal. "Para nós foi unha sorpresa, non sabiamos nin que había ese premio. De feito, o día que nos comunicaron que estabamos seleccionados mandáronme da Consellería unha mensaxe ao móbil, pero tiña aquí o saneamento e nin caso lle fixen", lembra Antonio, que lle resta importancia ao galardón en si pero ao mesmo tempo admite: "gústache que che recoñezan o traballo, nós sempre procuramos facer as cousas ben, así que motiva para seguir e non deixa de ser unha honra nese sentido". Da carne ao leite En Casa Gallardo sempre houbera vacas, pero a explotación estaba enfocada fundamentalmente á produción de carne con animais de raza rubia galega. "Meus pais tiñan vacas rubias, eu traballei fóra moitos anos e cando nos casamos decidimos coller a explotación e cambiar as vacas rubias por vacas pintas. Na produción de leite empezamos case de cero, porque non tiñamos cota e tivemos que mercar. O último ano de vixencia do sistema de cotas aínda invertimos un bo capital, pois compraramos 90.000 de cota ese ano, xusto antes de que desapareceran. O problema do campo é que sempre estivemos autoenganándonos, porque nós xa vendiamos algo de leite das rubias pero cando foi de establecer as cotas non se comunicara e despois á hora da verdade, esa produción de leite non figuraba", lembra Antonio.
O problema do campo é que sempre estivemos autoenganándonos
El incorporouse no 1999 e naquel momento tomou a decisión de aproveitar as instalacións coas que xa contaba, pero iso obrigouno a ter que realizar continuas reformas no establo nestes trinta anos. "Empezamos cos animais trabados e sen sala, cunha muxidora de cántaro. Quixeramos aproveitar o establo das vacas rubias, que tiña capacidade para 15 animais. Deixamos o centro para o pasillo de alimentación e ampliamos para o lado. Tiramos as paredes exteriores e metimos os cubículos. Os tellados son os que había, pero o resto reformámolo todo e fixémolo todo nós, con man de obra da casa", resume Antonio. "Foi unha mágoa non ter empezado de novo nunha finca aí abaixo", lamenta hoxe Esther. O seu home está dacordo pero xustifica que "daquela estabas moi limitado pola cota". "Dicían que era para manter os prezos, pero eu non estou dacordo, porque cando estabamos no réxime de cotas tamén tiveramos anos de prezos baixos. Agora tamén os hai, pero polo menos podes producir", di.  Traballar máis cómodo Desde novembro botan serrín nas camas pero non dispoñen de limpeza automática Aquela decisión de aproveitar o que xa había segue condicionando a día de hoxe o funcionamento da gandeiría e a comodidade á hora de traballar nela. Ademais dos problemas de espazo, que lles impiden aumentar o número de animais, non contan por exemplo con limpeza automática, que é a próxima reforma que teñen en mente. "Adaptar un establo coma este para arrobadeiras é difícil. Xa lle levo dado moitas voltas a como facelo pero non é doado. Primeiro, para facer as obras xa tes que botar as vacas fóra e xa perdes produción porque as vacas non queren cambios", razoa.
Relevo non hai e para nós chéganos. Non temos previsto ampliar, simplemente modernizar un par de cousas e nada máis
En Vilarmao foron pouco a pouco pechando todas as explotacións de leite que había e Casa Gallardo non conta tampouco a priori con relevo. "Temos dúas fillas pero están xa traballando, buscaron outra alternativa, así que relevo non hai e para nós chéganos. Non temos previsto ampliar, simplemente modernizar un par de cousas para traballar máis cómodo e nada máis", indica Antonio. Recoñece, con todo, que "cando chegue ese momento de pechar seguro que me vai doer".  35 hectáreas de superficie A explotación conta cunha superficie agraria dunhas 35 hectáreas, a metade delas en arrendo, situadas nun radio duns 3 quilómetros. "Nesta zona quedamos nós sós. No que é este pobo xa levamos nós todas as fincas practicamente e hai xente das parroquias do lado que deixaron as vacas e que che pide que lles leves as fincas pero non damos feito ao ser dous sós e se metes un empregado xa tes que ampliar e logo ademais que non é doado atopar", explican.  Esta tempada de confinamento pasouna con eles o seu sobriño e afillado Yoel, que lles botou unha man en toda a campaña do ensilado. "Aquí traballo sempre hai, porque o traballo agrario facémolo tamén todo nós. Aquí non notamos o confinamento niso, e cadrando en plena campaña menos. Pero aínda así eu non o cambio, porque ter que estar metido dous meses nun piso sen saír ten que ser fastidiado", opina Antonio.  Maquinaria propia para non depender de empresas externas No último ano mercaron un tractor e unha cisterna Casa Gallardo é tamén autosuficiente en canto á maquinaria. Ten catro tractores, o último mercado esta mesma primavera, un CASE IH 135, "e nas campañas non folga ningún, fan falta todos", din. Contan ademais con carro mesturador (enganchado ao tractor vello da casa), todos os aperos necesarios para segar, xuntar e enrolar a herba e unha cisterna para botar o purín mercada tamén este ano e que ven xa adaptada para poder incorporar inxectores cando a normativa obrigue a usalos no canto dos sistemas de prato habituais.  Pero sen dúbida, a máquina que máis traballa na gandería é unha telescópica pequena, a primeira vendida en España deste modelo, que en 5 anos acumula xa máis de 5.000 horas. "Facémoslle 1.000 horas por ano, xa ten as rodas lisas, traballa día e noite, anda seguido, usámola para limpar o establo, para gradar as camas, para sacar o esterco, para botar no carro todos os elementos da ración", enumera Esther.  Ensilan toda a herba en rolos Nesta explotación pararon de cultivar millo hai uns 5 anos porque "para botar para o xabarín é mellor non sementar", afirma Antonio. Iso obrigounos a recompoñer a ración incrementando en 2 quilos máis a fariña de millo, que pasou de 5 a 7 quilos. "Non notei nada na calidade do leite nin na saúde das vacas, no meu corpo si, e nos tractores tamén", argumenta, porque "na época de sementar o millo andabas tolo para ensilar a herba e preparar as terras e despois estabas en tensión constante porque había que pechar as fincas e vixiar o peche a diario para que non che entraran, así que hoxe penso que os xabaríns até me fixeron un favor, porque vivo máis despreocupado", ri.    
Para botar para o xabarín é moito mellor non sementar millo
Protexen os rolos cunha rede para evitar que os furen os paxaros ou outros animais Desde fai dous anos ensilan toda a herba en rolos, un sistema ao que lle ven vantaxes. "Para nós é máis cómodo, ensilamos nós sen depender de ninguén e a calidade é mellor porque colles as fincas según van vindo, e tamén é mellor a conservación porque estás abrindo un silo novo todos os días", argumenta Esther. Fan uns 1.200 rolos ao ano entre herba seca e silo e, ademais de buscar o momento óptimo de recollida para lograr unha calidade óptima, procuran manter as forraxes en bo estado até o momento de consumilas. A herba seca téñena nunha palleira que fixeron nova co sistema de invernadoiro e ao silo bótanlle unha malla por enriba para protexelo de posibles picaduras.  
Ao non ter silo de millo tes que coidar moito o silo de herba
Hai tres anos que mercaron unha rotoempacadora que é tamén picadora, para poder empregar o silo dos rolos no carro. Usan dous rolos cada día e mesturan ensilaxes de calidades distintas para que non haxa cambios ao longo do ano e a ración sexa o máis homoxénea posible. "O bo dos rolos é que podes mesturar dous silos, podes coller un rolo da primeira corta de herba deste ano, que é forraxe máis tenra e máis húmida, e un das últimas cortas do ano pasado, que é herba máis seca e máis fibrosa, deste xeito logras unha mestura homoxénea todo o ano. De feito, nós levamos dous anos sen meter seco no carro, nin herba seca nin palla", explica Antonio.
O bo dos rolos é que che permite mesturar distintas calidades de ensilaxe para que a ración sexa homoxénea todo o ano
"Ao non ter silo de millo tes que coidar moito a calidade do silo de herba e cos rolos abres silo novo todos os días, nos de trincheira empezas hoxe un silo e está moi bo durante un mes, pero despois polas beiras xa empeza a perderse. Antes faciamos unha pila de abono dos desperdicios que tiñas, agora nada", asegura.    

Bagazo de cervexa na ración desde fai máis de 20 anos

Sen o silo de millo na ración, o silo de herba é o protagonista da alimentación do gando nesta explotación xunto co bagazo de cervexa. Hai xa máis de 20 anos que o empregan. Tráeno de Portugal, da Super Bock e Antonio aínda lembra a aventura que foi conseguilo. "Hai máis de 20 anos que o usamos, aínda non existía o euro. Comezamos traendo o bagazo de cebada da Mahou de Madrid, porque Estrella Galicia daquela tiña pouca produción e só tiña un cupo para os gandeiros da zona. Coa Mahou pasaba un pouco igual, no verán tiñas o bagazo que quixeras porque facían máis cervexa, pero no inverno non cho servían porque o acababan repartíndoo na zona máis próxima, así que un día marchamos tres daquí á aventura a Oporto en busca da fábrica da Super Bock. Preguntando por alí demos con ela pero non nos querían vender, até que lles dixemos que pagabamos a mercancía diñeiro en man. Fomos os primeiros aos que serviron en España", recorda Antonio. A día de hoxe terían posibilidade de conseguir o bagazo de cervexa máis perto, pero en Casa Gallardo consideran que a calidade non é comparable. "De prezo sáenos un pouco máis caro, pero a calidade é superior, non merma nada porque ven máis seco e ten máis proteína", din.
Co bagazo de cebada fas unha ración super barata pero se tiras moito do bagazo hai leite pero non hai graxa, que cae moito
O problema do bagazo de cebada, igual que o de outros subproductos industriais como a pulpa de remolacha, é que "é bastante inestable no verán". "Hai que ter moito coidado con sellalo e tapalo ben e á hora de facer os cortes", asegura Antonio. Nesta explotación traen unha bañeira con 27.000 quilos de bagazo de cebada e ensílano en trincheira. Dúralles un mes. "Co bagazo de cebada fas unha ración super barata pero se tiras moito do bagazo hai leite pero non hai graxa, cae moito", explica Antonio. "Nós durante moito tempo estivemos só con silo de herba, 20 quilos de bagazo de cervexa e fariña de millo pero non subiamos do 3,40 de graxa. Cando as industrias comezaron a esixir calidade baixamos ao bagazo e foi cando introducimos a pulpa e a colza. A pulpa introducina con idea de subir á graxa e o que me sube é a proteína, téñoo moi comprobado", conta.  Non empregan concentrado A ración a día de hoxe téñena estabilizada en 30 quilos de silo de herba, 7 quilos de bagazo de cebada, 7 quilos de fariña de millo, 3 quilos de colza e un quilo e medio de pulpa de remolacha seca granulada. "Non gastamos penso, traballamos todo con materias primas, que mercamos a distintos proveedores", explican. 
Non gastamos penso, traballamos todo con materias primas
Ademais do bagazo da Super Bock, empregan millo e colza que lles sirve Almacenes Chaos Montero de Sarria e pulpa de remolacha da cooperativa Aira. O feito de non consumir todos os insumos de Aira penalizábaos na entrega do leite, polo que desde fai ano e medio cambiáronse a Reny Picot, con quen xa traballaran había moitos anos.  "Dabamoslle o leite a Reny Picot fai moito tempo. Despois sempre entregamos á cooperativa, primeiro a Planmiño e logo a Agris (xurdida no 2004 da fusión de Fricoaga de Friol, Leitulla de Palas de Rei e Planmiño de Lugo e agora integrada en Aira). En Agris estabamos moi contentos, eramos todos unha familia, unha piña, e podías opinar. Agora seguimos sendo socios de Aira pero xa non entregamos o leite á cooperativa porque non nos parece de recibo que nos penalicen no prezo do leite por non mercar o penso a Aira", argumenta Antonio.   Recría de sobra e secado curto A recría e as vacas secas dispoñen dun patio con comedeiros A produción de Casa Gallardo neste momento é de 3.400 litros cada dous días, cun 3,72% de graxa e un 3,28% de proteína, o que supón unha media diaria de 34,5 litros por vaca. Moxen dúas veces ao día, ás 8 da mañá e da noite, e non barallan a instalación dun robot de muxido polo importante investimento que supón.  Ao dispor dun espazo limitado no establo non teñen capacidade para incrementar o número de cabezas e a súa estratexia baséase en sacar o máximo partido ás vacas que muxen en cada momento. "Temos que aproveitar as lactacións, polo que facemos un secado curto de 45 días, porque non temos sitio para máis vacas no establo", explica Antonio. "As secas témolas fóra só co que comen nos comedeiros", conta.   
Temos que aproveitar as lactacións, polo que facemos un secado curto de 45 días, porque non temos sitio para máis vacas no establo
Tamén nas xovencas o proceso de recría se completa fóra. Unha vez destetadas as becerras abandonan os boxes e pasan a unha corte onde están estradas, pero a partir dos sete meses saen a un patio a carón da explotación no que contan con comedeiros para herba seca e silo de herba, que teñen a discreción. "A maiores diso metémolas á noite e fágolles unha ración para elas no carro con bagazo, herba seca e fariña de millo para complementar a herba que comen nos comedeiros", indica. 
Sempre temos xatas de sobra e por iso non aguantamos moito as vacas
Contan con recría de sobra para as necesidades da explotación e iso permítelles maior liberdade á hora de facer os descartes. "Poñemos cruce a algo menos da metade das vacas e o resto recriamos todo cando sae femia. Non usamos seme sexado, só puxemos unha tempada, durante 8 meses, porque ese ano cadrada que nos saíran moitos xatos e decidimos poñer sexado para asegurar recría dabondo. Pero non me convenceu, penso que as xovencas de sexado son máis débiles, ou polo menos aquí aguantáronnos menos tempo no establo que as outras", argumenta.
Até o terceiro parto as vacas non acostuman dar problemas, despois moitas veces xa as tes que aguantar a base de máis gasto
A lonxevidade nesta gandería é de entre 3 e 4 partos de media, aínda que moitas veces teñen que facer sitio no establo para as xovencas próximas ao parto, o que os obriga a mandan vacas ao matadoiro que poderían seguir dando leite. "Sempre temos xatas de sobra e por iso non aguantamos moito as vacas. Até o terceiro parto as vacas non acostuman dar problemas, pero despois moitas veces xa as aguantas a base de máis gasto", xustifica.  Seme canadense e de Fontao Con todo, Antonio opina que "a produción estar está nas vacas máis que nas primeirizas, iso nótase ben no tanque, aínda que coa xenética estase mellorando moito na produción de leite das xovencas ao primeiro parto", di. "Eu cada vez selecciono máis e busco durabilidade porque antes aínda sacabas algún carto dos descartes, nós mandamos a través dun tratante para Frigoríficos Bandeira, pero agora a raíz do coronavirus o prezo baixou moito e as vacas gordas páganas ao prezo das delgadas", lamenta. 
Antes aínda sacabas algún carto dos descartes, pero a raíz do coronavirus o prezo baixou moito e as vacas gordas páganas ao prezo das delgadas
Casa Gallardo leva "moitos anos, desde que nos pasamos ás vacas de leite" mercando seme canadense e traballa co programa de acoplamento Optimate de Semex, que lle permite chegar até a 7ª xeración. "Meto algún touro de Fontao tamén, pero a maior parte do que poñemos é seme canadense", conta.  Introdución de serrín nas camas O último dos cambios no manexo que fixeron Antonio e Esther foi a substitución do carbonato por serrín na cama das vacas en produción. "Levabamos moito tempo usando carbonato, que é un material moi bo pero que apelmaza moito. Cambiamos a serrín en novembro pasado e estamos moi contentos. Ao principio botábanos para atrás o cambio por medo a ter máis problemas de mamite e empezamos a probalo na recría e nas parideiras e a mesturalo con carbonato nas camas das vacas en produción por medo, pero agora xa empregamos serrín só e vainos ben", explica Esther.  Os poucos problemas de mamite que tiñan nesta gandería resolvéronos cun pequeno cambio no sistema de muxido na sala. "Usabamos as pezoneiras orixinais da casa pero dábannos problemas e cada vez que as renovabamos saltaban casos de mamite. Pero desde que nos pasamos ás pezoneiras triangulares acabáronse os problemas de mamite que tiñamos de vez en cando", conta Antonio.

“Podemos presumir da calidade de leite que temos en Galicia”

Marisa Barreal, directora técnica do Ligal, nas instalacións do Laboratorio Interprofesional Galego en Mabegondo "O leite é hoxe un dos alimentos máis controlados a nivel de presenza de antibióticos, a mellora foi moi grande nese campo, igual que no da calidade hixiénico-sanitaria do leite", afirma María Luisa Barreal, directora técnica do Ligal, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, que cumpre 30 anos. Segundo a lexislación comunitaria vixente na actualidade (Regulamentos UE 852/2004, 853/2004 e 854/2004 polos que se establecen os criterios de hixiene e seguridade alimentaria), o titular da explotación é o responsable de garantir a seguridade do leite que produce. Esta seguridade inclúe bactereoloxía, reconto de células somáticas e presenza de antibióticos, un problema sanitario en aumento para o que se prevé un endurecemento a curto prazo da normativa que permite o seu uso.
A normativa europea fai responsable ao gandeiro da calidade do leite que produce
Segundo os datos aportados pola directora técnica do Ligal nas últimas xornadas técnicas de vacún leiteiro organizadas por Seragro, no ano 2018 (o último exercicio cos datos de detección de antibióticos publicados na memoria anual do Ligal) fixéronse en Galicia analíticas a un total de 7.907 explotacións leiteiras, das que só o 8% deron algún positivo en presenza de inhibidores nas máis de 1,3 millóns de mostras realizadas. Desas 630 explotacións que tiveron algún positivo, un total de 87 (o 14%), foron reincidentes, é dicir, tiveron máis de 2 positivos no ano. Segundo explica María Luisa, "os inhibidores son calquera tipo de substancia que evita que se desenvolvan bacterias no leite, polo que poden ser restos de antibióticos procedentes de tratamentos mal aplicados ou nos que non se respecta o periodo de supresión ou residuos de produtos de limpeza empregados en concentracións moi altas".
A presenza de antibióticos no leite é 10 veces menor hoxe que fai 20 anos
Polos datos que se desprenden das analíticas de detección de inhibidores, a presenza de antibióticos no leite é 10 veces menor hoxe que fai 20 anos. Se no ano 2001 o 0,59% do total de mostras tomadas daba positivo en presenza de inhibidores, no ano 2018 este dato situábase no 0,056%. Aínda que a baixada no uso de antibióticos nas explotacións aínda ten certa marxe de mellora, é difícil que os positivos nas analíticas do leite poidan diminuir moito máis e, de feito, nos últimos dous anos os positivos practicamente están estabilizados. "Débense a pequenos descoidos que sempre pode haber nas explotacións", explica.
En 2018 só o 8% das explotacions galegas tiveron algún positivo por presenza de inhibidores, que se debe na maior parte dos casos a descoidos á hora de separar o leite de vacas tratadas
En canto ao tipo de antibióticos detectados, o 97,4% son betaláctámicos, sós ou asociados, e a causa principal da presenza de antibióticos no leite son os tratamentos para a mamite (61% dos casos detectados), seguidos do uso de cánulas de secado (23% dos positivos).
A causa principal da presenza de antibióticos no leite son os tratamentos para a mamite (61% dos positivos), seguidos do uso de cánulas de secado (23%)
"Unha das cousas das que podemos presumir en Galicia é que o 84% das explotacións teñen mostras de pago por calidade con cada recollida, o que implica que cada vez que se lles recolle o leite tamén se lles fai análise de presenza de antibióticos", afirma María Luisa. No Ligal analízanse unha media de 12.000 mostras ao día e en base a elas efectúase o pago por calidade ao gandeiro, tómanse os datos para o control leiteiro e efectúase a detección de antibióticos. Límites legais moi estritos O Regulamento Comunitario 37/2010 relativo ás sustancias famacoloxicamente activas e a súa clasificación establece límites máximos de residuos nos produtos alimenticios de orixe animal, entendidos como o contido de residuos resultante da utilización dun medicamento veterinario legalmente autorizado pola UE e considerado como admisible desde o punto de vista da seguridade do consumidor. "Os límites legais son moi estritos", asegura a directora técnica do Ligal. Pon un exemplo: "unha única cánula de penetamato que lle poñamos a unha vaca que dá 10 litros de leite se logo entregamos ese leite á industria, contamina unha cisterna enteira de 10.000 litros de leite cunha concentración de residuo en leite que vai ser catro veces superior ao que a lexislación permite que haxa dese antibiótico", explica.
Unha única cánula de penetamato que lle poñamos a unha vaca que dá 10 litros de leite contamina unha cisterna enteira de 10.000 litros de leite cunha concentración de residuo en leite catro veces superior ao permitido
Para a detección destes residuos de antibiótico procedentes dos tratamentos é obrigatoria a realización de analíticas. O Real Decreto 1728/2007 sobre mostreo diferencia tres tipos de probas para a detección de inhibidores de bacterias no leite: na explotación, é dicir, no tanque antes de ser cargado o leite no camión de recollida; na propia cisterna antes da súa descarga na planta de transformación; e en laboratorio. O laboratorio de referencia en Galicia desde o ano 1990 é o Ligal, que analiza anualmente máis de 3,3 millóns de mostras, a metade para o Control Leiteiro das explotacións efectuado a través dos Africor e a outra metade para o pago por calidades que realizan s industrias. Estas probas tratan de detectar tamén os principais antibióticos, entre outros amoxicilina, ampicilina, oxitetraciclina e quinolonas. Protocolo para a inmobilización de explotacións No Ligal realízanse 12.000 analíticas diarias Na análise que se realiza no Ligal para o pago por calidades por parte das industrias aos gandeiros inclúese un test lento para a detección de inhibidores cuxo protocolo determina que en caso de producirse un positivo este será comunicado tanto á industria como ao gandeiro mediante unha mensaxe SMS. As mostras de leite son tomadas polas industrias nas distintas explotacións e mantidas a unha temperatura inferior a 8ºC, pois en caso contrario son rexeitadas. O Real Decreto 1728/2007 obriga aos tomadores de mostras, tanto nas explotacións como nas industrias, a pasar un curso que deben renovar cada 4 anos para lograr uns protocolos que fagan que as mostras tomadas sexan fiables. As mostras refrixeradas chegan ao Laboratorio Interprofesional de Galicia, onde son analizadas a primeira hora do día seguinte. En caso de que haxa un positivo comunícase nese mesmo momento e un inspector desprázase ese mesmo día á explotación para a realización dun test rápido co obxectivo de poder liberar canto antes á gandaría para que poida seguir entregando o leite. Permítese ou non a entrega dese leite en función de se se mantén ou non o positivo detectado no tanque do día anterior. En caso de que persista o positivo inmobilízase a gandaría e colócase unha pegatina vermella que impide a entrega do leite á industria.
Un positivo en antibióticos supón a baixa do Recaldi durante seis meses
O obxectivo da rapidez na comunicación e na detección é garantir, por un lado, a seguridade alimentaria e, por outro, que os gandeiros non se vexan obrigados a tirar leite apto para o consumo. Tamén se remite comunicación á Consellería do Medio Rural, xa que este positivo implica a baixa da explotación no Recaldi (Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada) por un periodo de 6 meses. En caso de persistir o positivo durante dous días seguidos, os servizos oficiais da Consellería do Medio Rural acudirían a tomar mostras a esa granxa para control oficial.

"Os periodos de supresión dos medicamentos poden variar"

Moitas veces a contaminación prodúcese por descoidos á hora de separar vacas tratadas durante o muxido Para evitar a contaminación do leite con antibióticos procedentes dos tratamentos ao gando a normativa establece uns tempos de espera mínimos para a entrega do leite unha vez aplicado un medicamento á vaca, aínda que existen unha serie de factores que poden modificar estes tempos de espera fixados nos prospectos, explica María Luisa. Por exemplo, cando a vaca ten mamite prodúcese un dano na barreira hematomamaria, o que fai que os antibióticos presentes no sangue, por exemplo o celtiofur, pasen ao leite. Do mesmo xeito, cando o animal ten cetose prodúcese un fallo na función hepática, polo que a degradación do antibiótico retárdase e este permanece máis tempo no organismo.
No caso da aplicación combinada de tratamentos intramusculares e intramamarios o tempo de espera será como mínimo de 7 días
O periodo de espera tamén varía se a medicación non se aplica segundo está pautado (número de doses, tempos de aplicación, cantidade) ou se mesturan varios tratamentos. Neste caso, o Real Decreto 109/1995 establece que en caso de mesturas de produtos veterinarios así como no uso de produtos nos que non estea indicado o periodo de espera, este será como mínimo de 7 días. É o caso da aplicación combinada de tratamentos intramusculares e intramamarios para o tratamento de determinadas enfermidades. Regulación das quinolonas A directora técnica do Ligal avoga por un "uso prudente" dos antibióticos para "garantir a súa eficacia". "Hai antibióticos que están producindo moitas resistencias bacterianas e témonos que concienciar todos no seu uso responsable", pide. Aínda que asegura que "a mellora foi moi grande neste campo nos últimos anos", non se conforma coa redución conseguida e afirma que "aínda temos que seguir mellorando máis, aínda que son consciente de que é difícil, pero mellorar as pautas de manexo nas explotacións vai incidir na diminución do uso necesario de antibióticos", asegura.
Só se vai autorizar o uso de quinolonas se hai un antibiograma que indique que non hai outros antibióticos axeitados para o tratamento desa infección
Prevese nos vindeiros anos unha regulación máis estrita do uso de determinados antibióticos nas granxas a nivel europeo. "As quinolonas son antibióticos que se van regular, de feito en moitos países xa está regulado o seu uso, de maneira que só se vai autorizar a súa utilización se hai un antibiograma que indique que non hai outros antibióticos axeitados para o tratamento desa infección", explica. O Ligal leva xa tres anos facendo control de quinolonas en todas as mostras que dan positivo en antibióticos e tamén controis aleatorios de quinolonas a un 10% das explotacións que dan negativo "porque o test lento detecta bastante mal as quinolonas e por iso facemos este outro control", indica Maria Luisa.

"Hai que ter moito coidado cando se fan tests nas gandeirías"

Para a detección da presenza de inhibidores no leite, nos laboratorios interprofesionais realízanse tests microbiolóxicos, os chamados tests lentos. No Ligal emprégase o Delvotest, mediante a incubación a 64ºC da bacteria Bacilus stearotermophilus nas placas onde se depositan as mostras de leite. A escolla foi realizada por parte da Xunta Directiva do laboratorio, na que as decisións se toman ao 50% entre os representantes da industria e os representantes dos gandeiros. Optouse por este test porque se considerou o máis axeitado para a detección dos antibióticos que esixe a lexislación. Unha vez que é detectado un positivo nunha placa, no Ligal realizan despois a ese leite test rápidos (que funcionan por reacción mediante a unión do antibiótico a un receptor) para a detección de presenza de antibióticos betalactámicos, tetraciclinas e quinolonas. No Ligal optouse polo Rosa Charm como test rápido.
Os gandeiros traballan a tempo fixo, normalmente con 3 horas de incubación, pero iso non é fiable de todo e induce a enganos e sorpresas desagradables, porque a eles dalles negativo e logo sae positivo no Ligal
María Luisa alerta sobre o uso inaxeitado dos test por parte dos propios gandeiros. En caso de usar test lentos recomenda sempre traballar a tempo variable mediante a introdución nas placas de testigos positivos e negativos, que serían os que determinarían cando rematou o tempo de incubación. "Eu fago un chamamento aos gandeiros para que teñan coidado cando realizan estes test, porque ademais de controlar a temperatura é moi importante o tempo de incubación, e traballar a tempo fixo, na maioría dos casos a 3 horas, pode inducir a erros e a enganos porque o tempo varía en función do nivel de actividade das bacterias, que son seres vivos e non están sempre igual de activas, pásalles o mesmo que ás persoas, polo que estes tests feitos nas explotacións non son de todo fiables e logo hai sorpresas desagradables porque ao gandeiro deulle negativo e logo sae positivo no Ligal", afirma.
En caso de dúbidas eu recomendaría aos gandeiros que manden a mostra a analizar ao Ligal porque os tests que poidan facer eles na casa non vai ter a mesma sensibilidade nin a mesma especificidade que o que facemos nós
Non recomenda tampouco facer esta proba en tanque porque "a presenza de antibiótico dilúese e a detección é moi diferente e poden levarse un despois unha sorpresa", polo que considera que unicamente podería ser útil facer este tipo de analíticas a unha vaca concreta. No caso de empregar test rápidos nas explotacións di que "a lectura nunca debe ser visual, sempre con fotómetro, porque se é un positivo dubidoso a ollo non se vai ver". Por iso, di, "en caso de dúbida eu recomendaría aos gandeiros que mandasen a mostra a analizar ao Ligal, xa que poden facelo, para estaren seguros, porque o test lento feito nas explotacións non ten a mesma fiabilidade que o noso e o test rápido sen fotómetro tampouco", conclúe.

Mellora continua da calidade do leite nos últimos 20 anos

Trala entrada de España na CEE no ano 1986 a calidade do leite non queda fixada só polo contido en graxa e proteína, senón tamén pola calidade hixiénica do leite (reconto de microorganismos), para o cal se fomenta a creación de laboratorios interprofesionais (Real Decreto 1462/1987). O Ligal é o laboratorio de referencia para as mostras que se toman nas explotacións e das que depende despois o pago por calidade aos gandeiros. O Ligal é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1989 e declarada de utilidade pública, na que están representados paritariamente as industrias lácteas, a través de la Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (AELGA), e os productores a través das organizacións agrarias e das asociacións de cooperativas. O laboratorio comezou a funcionar no ano 1990 e desde o 2009 presta os seus servizos ao sector desde a súa ubicación no Edificio de Laboratorios Agrarios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
O Ligal é unha asociación sen ánimo de lucro con representación paritaria das industrias e os produtores
A posta en marcha do Ligal permitiu ter ás explotacións e ás industrias unha información ata entón practicamente inexistente dos parámetros contemplados na actual lexislación sanitaria, como son a calidade bacteriolóxica, relacionada coa hixiene e limpeza nos procesos de muxido e conservación do leite, o reconto de células somáticas, relacionado coa situación sanitaria do gando e en particular coa presenza de mamite nas vacas, e sobre o control de residuos de produtos veterinarios no leite, consecuencia da  prevención e tratamento das enfermidades do gando.
A creación do Ligal supuxo unha adaptación progresiva das explotacións galegas a un novo xeito de traballar que pasou a ter en conta a bactereoloxía, algo até entón secundario
Desde entón, a mellora da calidade hixiénica e sanitaria do leite evolucionou en Galicia de forma rápida e continuada. A media do reconto celular en tanque pasou na nosa comunidade das 373.000 células/ml no ano 1995 ás 196.000 que deron como promedio do ano 2019 todas as analíticas efectuadas polo Ligal coas mostras recollidas nas gandarías. En canto á bacteroloxía, a media do ano pasado en Galicia foi de 19.000 unidades formadoras de colonias por ml, cando só 10 anos antes, no 2009, esa cifra situábase nas 42.000.

Tralos pasos das leiteiras, a historia da mellora continua na calidade dos productos lácteos

Leiteira na cidade de Pontevedra en 1911 (Foto: Colección Murais, Biblioteca Pública de Pontevedra) A historia do consumo de leite en España ten moito de mala leite, como afirma Diego Conde, veterinario galego membro do Grupo de Historia Agraria da Universidade de Santiago (Histagra) e autor do traballo titulado Transformacións hixiénico-sanitarias derivadas da especialización da produción láctea española, 1900-1970. Diego destaca o papel xogado pola profesión veterinaria no establecemento de normas de calidade aplicadas ao leite. "Os veterinarios antepuxeron ao longo da historia a salubridade e a saúde pública antes que outros intereses, resistindo presións e procurando o benestar da poboación. Os veterinarios foron un elemento clave para que hoxe teñamos a calidade que temos no leite", afirma. Convertida hoxe en elemento imprescindible da dieta da maioría das familias, non hai que remontarse máis de dous séculos atrás para que a situación fose totalmente distinta. "A escasa presenza do leite como parte fundamental da alimentación na dieta mantense ata o século XIX, sendo nenos e, en determinados casos, anciáns os seus principais destinatarios. O leite empregábase xeralmente desde un punto de vista medicinal", conta Diego.
O leite empregábase inicialmente desde un punto de vista medicinal, sendo os nenos e os anciáns os seus principais destinatarios
En Galicia o leite ata principios do século XX reservábase para o consumo caseiro familiar e para o cebado dos tenreiros. "O consumo de leite era moi excepcional porque era para darlle aos xatos, é dicir, o leite utilizábase para producir carne", explica. Noutros puntos de España, era máis común o consumo de leite a través de procuctos procesados como a manteiga ou os queixos, sendo o leite de ovella e cabra o máis utilizado, fronte ao do gando vacún. Perseguir fraudes e adulteracións A partir do século XVIII diferentes ordenanzas municipais comezan a regular a venda de leite, impedindo e castigando tanto as fraudes como a súa insalubridade. Pero durante este período case non hai interese polas condicións sanitarias do leite, sendo as fraudes e adulteracións a principal preocupación.
Até mediados do século XIX o leite non se converte nun produto de consumo habitual na dieta europea, polo que o control sobre ela é case inexistente
Até mediados do século XIX o leite non se converte nun produto de consumo habitual na dieta europea, polo que o control sobre ela é case inexistente, pero a crecente demanda obriga a establecer lexislación específica que regule a súa correcta comercialización. En 1837 o Ministerio de Gobernación encarga á Escola de Veterinaria de Madrid un informe para a elaboración dun regulamento de policía de carnes, peixes e outros alimentos que sirva para garantir a saúde pública. Este informe sinala que o leite debe considerarse carne líquida e, por tanto, suxeita a dominio da policía local, sendo un veterinario o responsable da súa revisión.
Quedaba prohibida a venda de leite procedente dun animal enfermo, así como a venda de leite adulterado, facendo público o nome do infractor
Pero non é até 1842 no caso do Ayuntamiento de Madrid e 1865 no caso de Barcelona cando se incorporan veterinarios para a revisión do leite de consumo humano e até 1867 cando se aproba esta disposición para o conxunto de España a través do regulamento de vaquerías dese ano. Quedaba prohibida a venda de leite procedente dun animal enfermo, así como a venda de leite adulterado, facendo público o nome do infractor. Primeira decisión: sacar as cortes das cidades No século XX a valoración das condicións nutritivas do leite permitiu unha rápida difusión como elemento fundamental nas dietas occidentais. A produción e consumo de leite triplicouse en apenas 70 anos e non só en nenos e anciáns, como era común até ese momento. A produción de leite de vaca en España pasou de 500 millóns de litros en 1900 a case 2.500 millóns en 1950. A partir de mediados de século a especialización de razas, cunha frisonización da cabana, e a mellora gandeira disparou a produción.
A produción de leite de vaca en España pasou de 500 millóns de litros en 1900 a case 2.500 millóns en 1950
Un dos principais problemas era o carácter perecedoiro do leite. Esta problemática fíxose máis patente a medida que as explotacións gandeiras comezaron a abandonar por imperativo legal os centros das cidades e a instalarse nos arrabaldes. As vantaxes que isto supoñía en canto a salubridade das poboacións e nas condicións hixiénicas do gando, ía en detrimento da calidade final do leite que chegaba ao consumidor ao incrementarse os tempos entre o muxido e a venda final. En 1908 un novo real decreto supoñía un avance lexislativo as contemplar de maneira global e en sentido amplo unha serie de medidas para a mellora da calidade do leite (hixiene do establo e do gando, muxido, transporte e temperatura de conservación) pero o seu nulo cumprimento impediu unha mellora da situación existente.
Algúns Concellos, como o de Madrid, establecían condicións aos establos sacándoos á periferia das cidades e impedindo que o gando estivese amoreado
Segundo un estudo realizado en 1932 sobre 100 mostras de leite de consumo na cidade de Madrid en todas elas superábanse os 550.000 xermes por centímetro cúbico. Con estes resultados e amparándose na lexislación sanitaria da época noutros países, como Reino Unido ou EEUU, este leite non sería apto para consumo humano. O regulamento norteamericano de Sanidade recomendaba por exemplo, que o leite permanecese a menos de 12ºC nos puntos de venda. Como resultado deste deixamento, era común a persistencia dunha elevada mortalidade infantil asociada a diarrea e enteritis por consumo de leite, con taxas de mortalidade por enriba de 200 menores de dous anos por cada 100.000 habitantes en toda a década de 1910 a 1920. Trasmisión de enfermidades: tuberculose, brucelose e difteria Diego Conde A significativa importancia que tiña o leite como vector zoonótico levou a que se fixese máis patente a necesidade de establecer medidas máis estritas para a produción, conservación, transporte e comercialización do leite. Diversas patoloxías como a febre tifoidea, diarreas infantís, a febre de malta ou a tuberculose estiveron comunmente asociadas ao consumo de leite, aínda que, como lembra Diego, "ao principio houbo unha discusión importante, os médicos negaban ese proceso de transmisión das vacas ás persoas a través do leite e foron os veterinarios os que insistiron nese contaxio e lograron concienciar sobre o problema para que se adoptasen medidas", di. Tres eran as principais enfermidades bacterianas do gando transmitidas aos humanos. Até a aparición da vacina en 1923, a difteria (coñecida nesta época como garrotillo por afectar as vías respiratorias e provocar sensación de asfixia) era unha das principais causas de mortalidade entre os nenos. A bacteria causante, Corynebacterium diphtheriae, era habitual en becerros novos. Tamén a tuberculose bovina (provocada por Mycobacterium bovis) transmitíase a humanos, do mesmo xeito que a brucelose (provocada pola Brucella spp) e tamén coñecida como febre de malta. Diego é un estudoso da figura do veterinario Juan Rof Codina e destaca a súa importancia para a modernización da produción de leite en Galicia, así como nos avances para o control de enfermidades da cabana bovina. "O bacilo da tuberculose foi descuberto polo médico alemán Robert Koch en 1905 e só 10 anos máis tarde xa había alguén en Galicia que dicía que había que tomar medidas fronte a esa zoonose. Rof Codina propoñía medidas que aínda hoxe, máis dun século despois, aínda están vixentes, como a realización da proba da tuberculina ao gando, impedir a venda do leite deses animais infectados e a súa eliminación", lembra Diego.

70 anos das primeiras campañas de saneamento gandeiro

Pero a pesar destas advertencias, até 1950 non se estableceu en España a primeira campaña oficial de saneamento gandeiro. Tivo lugar no Concello de Ribamontán do Mar (Santander). Nese momento, un terzo das explotacións tiñan algún positivo en tuberculose, unha enfermidade que presentaba o 15% do total da cabana gandeira. Aínda que nestes primeiros anos as campañas de saneamento tiveron certa continuidade no norte peninsular, non foi até 1955 cando o Boletín Oficial do Estado estendía o seu uso a toda España coa publicación da lei de epizootías. Sen embargo, o programa era voluntario e eran os propios gandeiros os que tiñan que sufragar as probas, o que reducía o número de interesados.
En 1950 unha de cada tres explotacións contaba con algún animal positivo en tuberculose e o 15% da cabana gandeira presentaba a enfermidade
Non foi até 1965 cando se estableceu un plan nacional de loita contra a tuberculose e a brucelose bovina con carácter obrigatorio en 16 provincias españolas, entre elas as catro galegas, o que conseguiu reducir os índices de prevalencia ao 5% en 1973. "As campañas de saneamento iniciáronse en Cantabria porque era onde estaba nese momento máis desenvolto o sector lácteo e onde se estaban producindo o maior número de litros de leite de toda España. De aí a produción, e con ela as campañas de saneamento, estendéronse ao País Vasco e despois a Asturias e a Galicia", lembra Diego.

As leiteiras e as primeiras cooperativas

Cooperativa de Produtores de Laíño (Dodro) en 1935 No primeiro terzo do século XX o aumento do consumo de leite por parte da poboación e de manteiga e queixo como produtos elaborados fai que comece a aparecer unha certa reconversión do modelo produtivo nas explotacións gandeiras cara ao sector lácteo. Para abastecer ás cidades xorde a figura das leiteiras, que acoden a diario con leite fresco (ou non tanto) desde as aldeas próximas. En cidades como Santiago chegaron a ser un gremio "con importante poder", destaca Diego. Eran tamén figuras controvertidas: "a finais dos anos 70 houbo bastante polémica porque se incrementaron os controis para evitar fraudes e descubriuse que en moitos casos engadían auga ao leite, polo que houbo Concellos como os de Santiago e Ourense que mesmo tentaron prohibir a venda directa de leite", engade. "Os Concellos van regulando nas súas normativas a produción de leite até que botan ás vacas e aos establos fóra das cidades. En Santiago ou noutras cidades galegas pasou un pouco o mesmo que en Madrid e Barcelona e por iso xorden iniciativas para tentar resolver de maneira asociada as dificultades que había para levar o leite desde as zonas produtoras, empezando a agruparse pequenos gandeiros para facer o transporte até o punto de venda nas cidades", indica.
A Cooperativa de Produtores de Laíño, en Dodro, creada na década de 1930 para levar leite a Santiago, constitúe unha das primeiras unións de gandeiros de Galicia
Tal como Diego lembrou no seu discurso de entrada na Real Academia de Ciencias Veterinarias de España, pronunciado o 22 de xaneiro de 2018, o propio Rof Codina no seu libro sobre cooperativismo de 1932 conta a historia da Cooperativa de Produtores de Laíño, no municipio coruñés de Dodro. Nesta zona os gandeiros especializáronse na cría de bois cebados para a súa venda en Reino Unido. Unha vez que se perdeu o mercado inglés os gandeiros foron modificando as súas producións cara á explotación láctea. Inicialmente os produtores de Dodro levaban o leite a Santiago de Compostela e Vilagarcía en pequenas partidas e de maneira individual, supoñendo isto un esforzo importante e un custo elevado. A escasa marxe de ganancias motivou que os gandeiros da zona se unisen en forma de Cooperativa de Produtores de Laíño, de maneira que puidesen vender un maior volume, chegando a mobilizar 390.000 litros de leite no 5º ano de funcionamento. Con todo e a pesar de tratarse dunha das primeiras iniciativas de cooperativismo lácteo de Galicia, non logrou perdurar no tempo e "o seu percorrido foi curto", explica Diego. A creación das Centrais Leiteiras A Guerra Civil e a posguerra destrúen as débiles estruturas existentes de produción e comercialización de leite e mediante unha política de racionamento o leite e os seus derivados pasan a ser produtos de primeira necesidade intervidos polo Estado. Do mesmo xeito, a intervención dos cereais e a súa limitación no seu uso para alimentación animal mingua a produción de leite en España. En 1944 o Boletín Oficial do Estado autoriza aos concellos para crear estruturas para a hixienización do leite e oito anos máis tarde, en 1952, decreta a creación das chamadas Centrais Leiteiras naqueles municipios de máis de 25.000 habitantes, aínda que a súa posta en marcha non se completou ata 1961. Así naceu Larsa como Central Leiteira para subministrar a Vigo, Leyma á cidade da Coruña, Complesa a Lugo ou Uteco a Ourense. As Centrais Leiteiras contaban coa reserva do mercado local de leite pasteurizado. Como contrapartida, o prezo de venda ao público era regulado.
Leyma, Larsa, Complesa ou Uteco naceron como Centrais Leiteiras para abastecer de leite pasteurizado ás cidades
Esa situación mantívose até en ano 1986. A adhesión á CEE esixía a liberación do réxime de concesión administrativa do que gozaban as Centrais Leiteiras para a venda de leite pasteurizado nas súas respectivas áreas locais, polo que mediante os Reais Decretos 551/1986 e 552/1986 eliminouse a exclusividade de venda e liberalizouse o prezo do leite pasteurizado. Por aquel entón o leite uperizado e o tretra brick que fora introducido por Leche Pascual en 1973 gañaran xa a batalla á bolsa do leite pasteurizado das Centrais Leiteiras. Moitas delas sufriran xa problemas económicos e tiñan entrado nun continuo proceso de fusións e absorcións, pero a súa contribución é innegable como primeiro gran proceso de transformación industrial do leite, arrastrando con el tamén a modernización da produción no campo. "A creación das Centrais Leiteiras é o que obriga á transformación das explotacións cara ao muxido portátil e os tanques de frío a medida que van medrando as cabanas gandeiras", afirma Diego.

Pago por calidade

Un novo Regulamento de Centrais Leiteiras e outras Industrias Lácteas (Decreto 2478/1966), que substitúe ao do ano 1952, fai constar como obxectivo, ademais do autoabastecimiento, o incremento da calidade dos produtos lácteos. De feito, as dúas achegas básicas do Decreto de 1966 foron a introdución do pago por calidade (que non foi obrigatoria ata 1971) e a fixación de prezos de compra ao gandeiro diferenciados por zonas (segundo factor transporte). O prezo mínimo en orixe determinábase para unha calidade base (contido graxo e proteico) e unha prima que tiña por finalidade o fomento da calidade (medida en función da porcentaxe de graxa). Esa calidade base era inicialmente dun 3,1% de materia graxa e a partir de 1980 de 3,2%, cun extracto seco total do 11,4%. Se a calidade era inferior o prezo sufría unha penalización.
A partir de 1971 introdúcese o pago por calidade do leite medindo a súa porcentaxe de graxa, fixada como base no 3,1%
En 1968 endurécense as normas de calidade dos produtos lácteos, ampliando a obrigatoriedade de pasteurizar o leite para a elaboración de queixos frescos ou con maduración inferior a dous meses, aceptando a utilización de auga osixenada para hixienizar o leite, unha práctica estendida polos recolledores para asegurar a estabilidade do leite durante o transporte do campo á industria pero que ocasionaba serios problemas para a elaboración de produtos derivados. Refrixeración en orixe O Regulamento Estrutural da Produción Leiteira (Real Decreto 2166/1981) establece medidas dirixidas a fomentar a modernización do sector produtor diante da previsible competencia futura trala adhesión á Comunidade Económica Europea mediante a concesión de axudas para a mellora das explotacións lácteas, tanto en infraestrutura e equipamentos como en estrutura produtiva.
Na década dos oitenta foméntase a instalación de tanques de frío nas explotacións; pouco antes chegaran as muxidoras
Para acceder a estas subvencións (que ían do 20 ao 40% dos investimentos realizados) as explotacións debían inscribirse nun rexistro para recibir o título de gandeiría diplomada e gandeiría de sanidade controlada, fomentándose a solicitude de axudas para a instalación de sistemas de refrixeración do leite en orixe. Entre 1982 e 1989 beneficiáronse destas subvencións case 50.000 gandeirías, cunha subvención media de 230.000 pesetas (38.333 euros). Galicia concentrou o 40% destas axudas, destinadas fundamentalmente a compra de gando (40%), mellora de establos (17%), instalación de muxido mecánico (11%) e tanques de refrixeración (6%). Así pois, o éxito destas axudas para o cumprimento do obxectivo de fomentar o arrefriado do leite nas gandarías non foi demasiado grande.
En 1988 tan só a metade do leite entregado á industria enviábase refrixerado en orixe
De feito, estímase que en 1988 existían en España uns 50.000 tanques de frío e que só o 48% do leite entregado á industria enviábase refrixerado en orixe, con porcentaxes máis altas en Cataluña, Navarra e Baleares. Antes que os tanques de frío chegaran as muxidoras. En 1985 había instaladas en España 118.596 muxidoras, máis do dobre dos tanques de frío existenes. Un problema existente en moitas zonas de Galicia, tanto para a instalación de muxidoras coma tanques de frío, era a deficiente calidade da subministración eléctrica. Proteccionismo O sector lácteo era obxecto desde finais dos anos sesenta e até esta época previa á entrada na CEE dunha serie de medidas regulatorias do mercado interior que viña determinada polos Decretos de Campaña, normativa de carácter anual que fixaba un prezo mínimo en orixe que recibe o produtor do 30 de setembro ao 1 de agosto. Os prezos institucionais tomaban inicialmente valores distintos en cada un dos dous períodos nos que se dividía cada campaña (primavera-verán e outono-inverno). Esta diferenciación de prezos suprimiuse a partir do ano 1981. O mercado interior estaba totalmente protexido da competencia exterior e só se realizaban importacións, previa concesión de licenza, en situacións de déficit interior e en cantidades limitadas para o restablecemento do equilibrio produción-consumo. As medidas de intervención previstas cando o prezo do leite se reducía a niveis inferiores ao prezo mínimo fixado consistían na transformación do excedente de leite en manteiga, leite en po e queixo Cheddar con subvencións á trasformación e almacenamento privado. Os prezos de intervención fixados eran notablemente superiores en España que no resto de países europeos, o que supuxo que nos anos posteriores á entrada na CEE estes tiveron que reducirse para igualalos ao do resto de países comunitarios. A entrada en Europa supuxo tamén un cambio na normativa de regulación do sector, xa que da garantía á produción mediante un prezo mínimo de compra do leite líquido ao gandeiro pasouse a garantir á industria os produtos transformados.
Entre 1985 e 1990 o prezo en orixe superaba os actuais 60 céntimos por litro
Con todo, os prezos en orixe incrementáronse de forma importante a partir de 1985, con prezos medios superiores aos actuais 60 céntimos de euro por litro e con anos de importantes repuntes, sobre todo 1986 (110 pesetas/litro), 1989 (117) e 1990 (118). Os ingresos dos gandeiros neses anos foron máis importantes se cabe en Galicia, xa que a comunidade quedou exenta da aplicación da taxa de corresponsabilidade (Real Decreto 2750/1986) fixada con motivo da adhesión e pagada polos produtores do resto de España. A entrada na CEE provoca un cambio substancial no comercio exterior de produtos lácteos en España. As importacións de leite aumentan un 132% en 1988 a respecto de 1985, as de nata un 30%, as de manteiga un 64% e as de queixo un 28%.

A frisonización da cabana

A partir da década de 1960 destaca o auxe experimentado polo gando frisón, aínda que Diego lembra que existen antecedentes previos da introdución en Galicia doutras razas diferentes ás autóctonas, como a pardo alpina ou a frisoa, nos anos 20 con vocación de aumentar a produción de leite. "No norte de Lugo introducíronse vacas suízas e frisoas para dar servizo a empresas de comunidades limítrofes, como Mantequerías Arias, pero eran casos puntuais. É a raíz do Plan Agrícola de Galicia de 1945 cando se ve o potencial para a produción de leite polas condicións idóneas para a produción de pastos e máis tarde, nos anos 60, cámbiase a conformación da cabana gandeira de carne a leite", explica.
A expansión da raza frisoa en Galicia empezou máis tarde ca en Cantabria e Asturias e incrementouse a partir dos anos 70
En 1965 as vacas frisoas representaban xa o 34% da cabana bovina produtora de leite en España e en 1985 supoñían o 70% do censo total de vacas en muxido. Pero curiosamente as maiores porcentaxes de gañado frisión atopábanse fóra das principais rexións leiteiras, agás en Cantabria, onde en 1985 máis do 80% da súa cabana era frisoa, mentres en Asturias era do 60% e en Galicia lixeiramente inferior ao 50%. A expansión desta raza leiteira supuxo a recesión das razas autóctonas e o estancamento da raza pardo alpina, que fora introducida nas décadas anteriores polos seus mellores rendementos na produción de leite. Industrialización do leite A frisonización da cabana incrementou de forma considerable os rendementos pasando dunha media de produción por vaca de 2.173 litros en 1966 a 3.306 en 1985. De feito neses 20 anos a produción total de leite incrementouse no conxunto de España un 86,5%, a un ritmo do 4,3% anual. Mentres, nesas dúas décadas o leite consumido nas explotacións caeu un 74% debido á súa substitución por lacto- reemplazantes para a alimentación das crías. A estacionalidade da produción láctea reduciuse desde principios dos anos setenta, ao xeralizarse a alimentación desligada da terra e a conservación de forraxes.
En 1975 o 76% do leite producido en Galicia destinábase á industria
En 1975 o volume de leite comercializado en España era do 50% e en 1985 alcanzaba case o 75%, sendo superior nas rexións de maior produción: en Galicia 76%, en Asturas 80%, en Cataluña 82% e en Cantabria 87%. Nesta etapa tivo lugar a industrialización masiva do sector lácteo debido á produción de leite líquido hixienizado, primeiro pasteurizado e estéril e logo UHT. A produción de leite líquido duplicouse entre 1965 e 1975 e a preferencia das grandes superficies decantou a balanza a favor do leite UHT, que en 1985 superaba xa ao pasteurizado. "É nesta época, por mor da adopción do leite UHT como modelo preferente, cando se crea a industria láctea tal como a coñecemos hoxe", asegura Diego.
O lanzamento do UHT a finais dos setenta supuxo a caída definitiva do leite pasteurizado
Até 1974 non entra en vigor o Código Alimentario Español, que dedica dous capítulos ao leite e derivados, completado nos anos oitenta con diversa normativa técnico-sanitaria de regulación da industrialización, almacenamento, transporte e comercialización dos produtos lácteos. O lanzamento do consumo de iogures e derivados refrixerados e o incremento do consumo de queixos e a ampliación da súa gama contribúen á maior industrialización láctea. Nacen tamén as denominacións de orixe para o queixo, a primeira a nivel español foi o Roncal en 1981 e en Galicia o Tetilla en 1993.

O Ligal, peza clave na mellora da calidade do leite en Galicia, cumpre 30 anos

A calidade hixiénico-sanitaria do leite galego está hoxe entre as mellores a nivel español e mesmo europeo. A evolución das explotacións galegas neste eido foi moi notable nas últimas décadas e a creación do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) fai agora 30 anos supuxo un punto de inflexión para a mellora da calidade do leite producido na nosa comunidade. Trala entrada na CEE no ano 1986 a calidade do leite non queda fixada só polo contido en graxa e proteína, senón tamén pola calidade hixiénica do leite (reconto de microorganismos), para o cal se fomenta a creación de laboratorios interprofesionais (Real Decreto 1462/1987). O Ligal é o laboratorio de referencia para as mostras que se toman nas explotacións e das que depende despois o pago aos gandeiros.
O Ligal é unha asociación sen ánimo de lucro con representación paritaria das industrias e os produtores
O Ligal é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1989 e declarada de utilidade pública, na que están representados paritariamente as industrias lácteas, a través de la Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (AELGA), e os productores a través das organizacións agrarias e das asociacións de cooperativas. O laboratorio comezou a funcionar no ano 1990 e desde o 2009 presta os seus servizos ao sector desde a súa ubicación no Edificio de Laboratorios Agrarios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. Evolución da calidade do leite nos últimos 20 anos en Galicia A implantación dos laboratorios interprofesionais fai posible unha información ata entón practicamente inexistente dos parámetros contemplados na lexislación sanitaria como son a calidade bacteriolóxica, relacionada coa hixiene e limpeza nos procesos de muxido e conservación do leite, o reconto de células somáticas, relacionado coa situación sanitaria do gando e en particular coa presenza de mamite nas vacas, e sobre o control de residuos de produtos veterinarios no leite, consecuencia da  prevención e tratamento das enfermidades do gando.
A creación do Ligal supuxo unha adaptación progresiva das explotacións galegas a un novo xeito de traballar que pasou a ter en conta a bactereoloxía, algo até entón secundario
A mellora da calidade hixiénica e sanitaria evolucionou en Galicia desde 1990 de forma rápida e continuada de maneira que cando entran en vigor a partir de 2004 as novas esixencias de calidade e trazabilidade a nivel comunitario, a calidade do leite en Galicia era totalmente homologable á do resto dos países produtores da UE.
A presenza de antibióticos é hoxe 10 veces menor ca fai 20 anos e o reconto de células somáticas case se reduciu á metade, segundo os datos do Ligal
A media do reconto celular en tanque pasou na nosa comunidade das 373.000 células/ml no ano 1995 ás 196.000 que deron como promedio do ano 2019 todas as analíticas efectuadas polo Ligal coas mostras recollidas nas gandarías. En canto á bacteroloxía, a media do ano pasado en Galicia foi de 19.000 unidades formadoras de colonias por ml, cando só 10 anos antes, no 2009, esa cifra situábase nas 42.000.
A velocidade de enfriamento do leite tralo muxido determina un menor número de células, da ahí a importancia da refrixeración rápida do leite no tanque
Segundo a lexislación española, a temperatura de conservación do leite no tanque, medida dúas horas despois do muxido, debe estar entre 0 e 8ºC se a recollida é diaria e entre 0 e 6ºC se se produce cada dous días. Este é un factor básico para a mellora da calidade hixiénico-sanitaria do leite, pois o número de células e bacterias diminúe a medida que se aumenta a velocidade de refrixeración. Unha evolución aínda máis espectacular foi a que se produciu no descenso da presenza de antibióticos no leite. A presenza de inhibidores no leite é hoxe 10 veces menor ca fai 20 anos. Se no ano 2001 o 0,59% do total de mostras tomadas daba positivo en antibióticos, no ano 2018 estaban presentes unicamente no 0,056% do 1,3 millóns de analíticas efectuadas. Trazabilidade A partir do ano 2002 como consecuencia do establecemento dos principios xerais da lexislación alimentaria a nivel comunitario e a creación da Autoridade Europea de Seguridade alimentaria (Regulamento CE 178/2002) desenvólvese todo un paquete de hixiene alimentaria onde se dá protagonismo ao produtor de leite como responsable primario da calidade e seguridade do que produce. Establécense tamén novos criterios de trazabilidade onde se implican as autoridades sanitarias, os produtores e as industrias, que se reflicte na base de datos de LetraQ xestionada polo Ministerio de Agricultura. A normativa comunitaria está neste momento en proceso de actualización dentro da estratexia From Farm to Fork (Da Granxa ao Garfo) dentro do futuro Pacto Verde da UE.

Claves para reducir a mamite ambiental na granxa

A mamite segue a ser a enfermidade que máis gastos xera nunha gandería de vacún de leite, pese a que nos últimos anos tense mellorado e reducido moito a súa incidencia nas granxas. Fronte ás mamites contaxiosas, que durante os anos 90 tiñan unha gran presenza nas ganderías, as mamites de orixe ambiental están detrás da maior parte das infeccións mamarias na actualidade. Coñecemos, de man do veterinario algunhas das claves a ter en conta para atallar estas infeccións da man do veterinario Iván Mato (Hipra), que abordou esta cuestión nas xornadas gandeiras de Agolada.
Nos anos 90 predominaban as mamites contaxiosas, que adoitaban cronificar, e hoxe son habituais as ambientais
Ó igual que evolucionaron as granxas e o manexo tanto dos animais como do leite nas últimas décadas, a mamite, aínda que segue a ter unha incidencia destacada en tódalas ganderías de vacún, tamén mudou ó longo dos anos. “A mamite segue a ser a enfermidade que máis perdas causa, pero a súa orixe, a problemática que observamos e o xeito de combatela evolucionou”, indica Mato. A finais dos anos 90, nas granxas predominaban as mamites contaxiosas provocadas por patóxenos Streptococcus agalactiae, Corynebacterium bovis e sobre todo Staphylococcus aureus. Son infeccións que se transmitían de vaca a vaca, dunha ubre a outra, pola muxideira ou as mans dos gandeiros, entre outras vías. Pese a que non adoitaban ser moi graves, tendían a cronificar e supor un importante problema para o rabaño. Estas mamites, que acostumaban a ser subclínicas e non revestir moita gravidade, provocaban que os recontos celulares no tanque dalgunhas ganderías non baixaran das 400.000 células somáticas por mililitro de leite.

Tempo da mamite ambiental

As melloras no manexo e nas instalacións fixeron que se foran reducindo estas infeccións e que agora sexa máis habitual que na granxa as mamites sexan de tipo ambiental. “Nestes anos mellorouse moito. Non é que as mamites ambientais aumentasen, senón que se reduciu a incidencia das contaxiosas”, explicou o veterinario Iván Mato no transcurso das xornadas gandeiras celebradas en Agolada (Pontevedra) recentemente. Evolución dos distintos tipos de mamites nos últimos 20 anos. As mamites ambientais orixínanas xermes como E. Coli e o Streptococcus uberis que viven nas granxas e que aproveitan para colonizar os tetos das vacas. Aínda que, en ocasións poden ser graves, adoitan ser infeccións de curta duración, a excepción da mamite provocada por S. uberis, que pode volverse crónica.
Agárdase que este ano, o reconto medio das granxas galegas se sitúe, por primeira vez, por debaixo das 200.000 células somáticas
A maior parte das mamites causadas por E. Coli adoitan ser leves, case o 90%. Mentres, o resto son moderadas e poden provocar síntomas como febres ou mesmo volverse tóxicas, chegando a poñer en risco a vida do animal. A diferencia do que acontecía coas mamites contaxiosas, nas ambientais non adoita verse afectado o reconto celular no tanque, a excepción das provocadas por S. uberis. Así é que, mentres no 1994 os datos do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (Ligal) amosaban un reconto celular medio que superaba as 350.000 células por mililitro, “todo apunta a que o 2019 será o primeiro ano no que o reconto celular medio das granxas galegas se sitúe por debaixo das 200.000 células”, indica Mato.

Medidas para atallar a incidencia de mamite

A incidencia da mamite atallouse, en parte, pola aplicación do coñecido decálogo proporcionado pola National Mastitis Council (NMC). “Boa parte destas pautas levan aplicándose nas granxas galegas moito tempo, aínda que moitas veces non se fora consciente de que se estaba atendendo a esas recomendacións”, apunta Mato. 1- Establecer un obxectivo para os recontos celulares. Foron incrementándose as esixencias ata situarse por debaixo das 250.000 células por mililitro. Estes obxectivos viñeron en moitos casos marcados pola industria e repercutiron na saúde da ubre do rabaño. 2- Manter un ambiente limpo, seco e de confort para os animais. Incidiuse tanto no manexo dos animais coma en aspectos como as camas. 3- Realizar unha rutina de muxido axeitada que implique procesos de desinfección e de estimulación da ubre. 4- Instalación e uso axeitado da maquinaria de muxido. 5- Rexistro de datos para facilitar o control dos animais. “Quizais sexa un dos aspectos nos que se precisa seguir mellorando, posto que aínda que temos moitos datos da calidade do leite, aínda é preciso seguir a controlar e ter rexistros dos casos de mamites, sobre todo dos casos clínicos”, apunta o veterinario. 6- Tratamento dos casos de mamite clínica. Durante anos estivo a tratarse estes casos con antibióticos pero esta tendencia actualmente está a mudar e xa hai moitas granxas nas que se tratan só con antiinflamatorios. 7- Utilización de antibióticos intramamarios de secado. “Ó igual que se está reducindo o uso de antibióticos nos tratamentos de mamite clínica, tamén se está optando, cada vez máis, por un secado selectivo, no que só se tratan os animais que chegan cunha infección intramamaria, é dicir, cun reconto celular alto”, concreta Mato. Durante anos veuse recomendando o tratamento de secado a tódalas vacas, a modo de prevención cando predominaban as mamites contaxiosas, pero coa redución da incidencia destas afeccións estase primando outros procedementos máis selectivos e cos que reducir o uso de antibióticos. 8- Medidas de bioseguridade fronte a xermes contaxiosos, sobre todo cando se incorporan vacas doutras granxas. Tamén se recomenda a eliminación das vacas crónicas, xa que moitas veces son a causa de que se incrementen os recontos de células. 9- Monitorización regular da saúde do rabaño. 10- Revisión e actualización do programa.

Pautas preventivas

Xunto con estas medidas, Mato incide en que nos últimos tempos é preciso traballar cada vez máis na prevención. Para iso, o veterinario apunta distintas medidas a ter en conta: -Realizar un manexo axeitado dos animais para proporcionar unhas condicións hixiénicas da ubre, que contribúan a garantir a súa saúde. -Garantir unhas boas condicións para as vacas secas. “Máis da metade das mamites ambientais que se dan no primeiro mes de lactación teñen a súa orixe no período de secado”, explica Mato. -Evitar que as vacas que saen ó exterior teñan acceso a áreas con lama xa que se incrementa o risco de patóxenos. “O feito de estar fóra non é garantía para a saúde da ubre xa que se por diferentes motivos rematan acubilladas nunha zona de lameira e cunha alta concentración de restos fecais, os riscos increméntanse”, apunta o veterinario. -Asegurar un bo mantemento da máquina de muxido para evitar danos no teto. “O esfínter do teto é a primeira barreira para estas infeccións”, indica Mato. De aí a importancia de ofrecer un coidado axeitado que inclúa unha rutina de desinfección do teto e a estimulación para facilitar a baixada do leite e conseguir que o muxido sexa menos agresivo. Tamén é cada vez máis frecuente o uso de tapóns intramamarios durante o secado para contribuír a reforzar ese selado interno e evitar a entrada de infeccións ó teto.

As vacinas

Ademais dun manexo axeitado dos animais, unha das prácticas polas que se está optando para reducir a incidencia da mamite son as vacinas, aínda que non se chegue a lograr a erradicación completa dos casos na granxa. “Unha das solucións para atallar a mamite é estimular as defensas do animal”, explica o veterinario.
“Unha das solucións para atallar a mamite é estimular as defensas do animal”: Iván Mato, veterinario
No caso da mamite provocada por E. Coli, o emprego de vacinas está a reducir a gravidade das infeccións. Deste xeito, Mato apunta que se conseguen evitar practicamente tódalas mamites tóxicas e severas e os casos rexistrados son leves ou moderados. A vacinación tamén reduce en máis da metade o número de mamites provocadas por S. uberis como apunta o veterinario. Ademais, esta redución da incidencia de casos leva parella unha diminución do emprego de antibióticos nun 56%, segundo os datos manexados polo Laboratorio Hipra.

Convocados os premios Exceleite ás mellores ganderías de vacún de leite de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan para o ano 2019 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, coñecidos como premios “Exceleite”. Esta é xa a terceira edición destes galardóns, que recoñecen aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen nas súas explotacións. Os premios Exceleite distinguen ás granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e á súa vez estas subdivídense cada unha delas en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas. Poderán optar a estes recoñecementos todas as granxas leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas que se detallan na convocatoria. Os resultados que faciliten as análises do Ligal permitirán facer unha primeira selección das explotacións que poden optar a estes premios. A continuación remitiráselles aos seleccionados unha carta para que autoricen a súa participación como finalista. Unha vez acepten a súa selección no galardón, comezarán as visitas de campo ás granxas para corroborar que as características da explotación son as axeitadas. De ser así, os gañadores basearanse exclusivamente nos resultados do leite.