Archives

“A industria está xogando con lume coas novas baixadas de prezo”

Acto informativo de Agromuralla sobre o Cártel do Leite celebrado este xoves en Lugo Resignación e cabreo a partes iguais entre os produtores de leite ante a decisión das empresas que lles recollen o leite de baixarlles o prezo de compra para os vindeiros meses e advertencia clara das consecuencias que esta baixada pode ter na produción. “As industrias están xogando a unha carta moi arriscada”, advirten desde a asociación de gandeiros Agromuralla, que convidan ás empresas a “recapacitar” e retirar os contratos á baixa se non queren verse nos vindeiros meses nunha situación de “desabastecemento” como a que se deu tralo verán de 2022.
Se temos problemas cos animais pola EHE e o prezo non axuda, a industria e os supermercados van ter desabastecemento como tiveron fai ano e medio
No transcurso dun acto con asociados para informalos da situación actual das reclamacións presentadas, o portavoz de Agromuralla, Roberto López, lembrou que enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) supón “un campo de minas para as explotacións que vai facer estragos nos vindeiros meses”, polo que, dixo, “se temos problemas cos animais non imos poder producir leite”. Cinismo das industrias e as cadeas de distribución Roberto López referiuse á actual proposta de renovación de contratos para a compra do leite por parte das industrias en Galicia, que inclúen baixadas xeralizadas de 2 a 5 céntimos, e asegurou que supón “un novo roubo ás explotacións porque o prezo do leite non baixou nos liñais dos supermercados”. O portavoz de Agromuralla lembrou as recentes declaracións de Joan Roig, dono de Mercadona, na presentación de resultados do exercicio 2023, no que a cadea de supermercados valenciana incrementou os seus beneficios un 40% mentres os seus provedores en Galicia (Naturleite e Entrepinares) baixaban o prezo do leite ás ganderías. “Así non se axuda ao sector agrogandeiro”, concluíu Roberto López respostando ás palabras de Joan Roig nas que defendía que os produtores tiñan que gañar diñeiro tamén.

En prazo até setembro para reclamar contra o Cártel do Leite entre 3 e 4 céntimos por litro entregado entre os anos 2000 e 2013 máis intereses

Trala confirmación por parte da Audiencia Nacional, en 9 sentenzas da sala do contencioso-administrativo comunicadas o pasado 21 de febreiro, da existencia dun Cártel Lácteo entre os anos 2000 e 2013 do que formaban parte algunhas das principais empresas por volume de recollida, Agromuralla asegura que “o xogo sucio por parte da industria e a distribución continúa”. A asociación, con presenza sobre todo na provincia de Lugo, onde estarían a maior parte dos afectados, recomenda aos gandeiros que aínda non presentaron reclamación que o fagan. O prazo legal para interpoñer as correspondentes demandas pola vía civil en concepto de danos e prexuízos continúa aberto até o mes de setembro, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea sentara xudisprudencia ao respecto ampliando o prazo de prescrición inicial, que finalizaba en xullo do 2020.   A contía económica da indemnización que podería corresponder a cada granxa sería de entre 3 e 4 céntimos por litro de leite vendido á industria entre os anos 2000 e 2013, máis os intereses correspondentes, que poderían mesmo duplicar esa cantidade.  
Poden interpoñer demanda explotacións que xa pecharon ou aquelas que entregaran o leite a unha industria que non pertencera ao Cártel
As granxas que estaban en activo neses anos, independentemente de que a día de hoxe teñan ou non actividade, poden reclamar eses cartos. Non é necesario tampouco que entregaran o leite a algunha das 8 empresas multadas no 2019 pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia por intercambiar información co ánimo de pactar prezos e provedores (un comportamento anticompetencia ratificado agora pola Audiencia Nacional), senón que aínda que se vendera leite a outra industria as 8 que formaban o Cártel do Leite (Pascual, Lactalis, Nestlé, Schreiber, Celega, Capsa, Danone e Puleva), estas terían que facerse cargo de maneira solidaria da indemnización, pois todas as granxas, as que elas recollían es as demais, teríanse visto afectadas pola baixada de prezo pactada. Máis de 50.000 granxas afectadas As reclamacións teñen que ser individuais e o proceso prevese aínda longo, de entre 2 e 6 anos para coñecer as primeiras resolucións dos tribunais, pois trala resolución da Audiencia Nacional espérase que as industrias recurran agora ao Tribunal Supremo. Neste momento máis de 12.000 granxas en toda España, 7.000 delas en Galicia, teríanse sumado a algunha das reclamacións en marcha, pero moitas outras poderían tamén presentar demanda, xa que se estima en máis de 50.000 as granxas afectadas polo Cártel do Leite, todas as explotacións con entregas que había no período 2000-2013. Arredor da metade destas ganderías estarían en Galicia.
O respaldo da Xustiza supón unha inxección económica e moral moi importante para o sector ao confirmar que durante moitos anos as industrias estivéronnos roubando
“As industrias acordaron prezos durante eses 13 anos e puxéronse dacordo para repartirse as granxas e evitar deste xeito que cambiaramos de empresa. Esa actuación ilegal das industrias fixo moito dano ao sector, provocando o peche de moitas explotacións e forzando á xente nova a desistir e a abandonar a actividade”, asegura Roberto López, portavoz de Agromuralla.   “Hoxe quedamos menos de 10.000 granxas de leite en España, polo que aquel dano é irreparable, pero as sentenzas da Audiencia Nacional e as reclamacións de danos e prexuizos que delas se derivan supoñen unha inxección económica e moral moi importante para o sector”, valora.

Lixeira suba do prezo do leite en novembro e produción estancada, agás en Galicia

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ven de publicar o informe sobre entregas e prezos do leite de vaca correspondente ao mes de novembro no que se confirma o incremento da produción con respecto ao mesmo mes de 2022, principalmente en Galicia. Os prezos soben tamén lixeiramente con respecto a outubro. Así, a media foi de 0,522 euros o litro a nivel estatal -en outubro foi de 0,517- mentres que en Galicia o prezo medio en novembro foi de 0,492 euros o litro, prácticamente o mesmo que en outubro (0,491) Polo que respecta á produción, as entregas en novembro no conxunto de España ascenderon a 575141 toneladas, o que representa unha lixeira suba en relación ao mesmo mes de 2022. No acumulado xaneiro-novembro a produción de leite en España mantense estancada, cun levísimo repunte do 0,04% respecto ao mesmo período do ano pasado. Pola contra, en Galicia a produción de incrementouse no mesmo período de 2023 nun 1,07% , con 237689 toneladas producidas en novembro, unhas 2500 máis que no mesmo mes de 2022. Por último, e no relativo ás calidades do leite, a media en novembro situouse no conxunto do Estado no 3,89 % de graxa e 3,45 % de proteína. En Galicia, como ven sendo habitual, os sólidos lácteos foron superiores en graxa, cun 3, 96%, mentres que a proteína media quedou nun 3,44%. O prezo do leite ecolóxico subiu respecto a outubro e situouse nos 0,648 euros o litro en España e os 0,636 en Galicia.

Descarga aquí o informe completo do FEGA.

A produción de leite sobe en outubro impulsada polos prezos estables

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) ven de publicar o informe sobre entregas e prezos do leite de vaca correspondente ao mes de outubro no que se confirma o incremento da produción con respecto ao mesmo mes de 2022 grazas á estabilización nos prezos do leite, que frearon a caída dos últimos meses. Así, a media foi de 0,517 euros o litro a nivel estatal -en setembro foi de 0,515- mentres que en Galicia o prezo medio en outubro foi de 0,491 euros o litro, lixeiramente por riba dos 0,489 de setembro. Polo que respecta á produción, as entregas en outubro no conxunto de España ascenderon a 590963 toneladas, o que supón unha suba do 0,8% respecto ao mesmo mes de 2022. No acumulado xaneiro-outubro a produción de leite en España repunta un 0,04% respecto ao mesmo período do ano pasado. Por último, e no relativo ás calidades do leite, a media en outubro situouse no conxunto do Estado no 3,79 % de graxa e 3,39 % de proteína. En Galicia, como ven sendo habitual, os sólidos lácteos foron superiores, non só na graxa, cun 3, 88%, senón agora tamén na proteína, cun 3,40%. O prezo do leite ecolóxico mantense sen cambios nos 0,639 euros o litro. 

Prezos do leite en Galicia no mes de outubro por volume de entregas das granxas:

 

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Descarga aquí o informe completo do FEGA.

Seguen recuperándose as cotizacións dos produtos lácteos e o prezo do leite queda en 0,435 euros en outubro na UE

O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea ven de publicar as cotizacións desta semana do leite en po, do queixo e manteiga na UE, no que se confirma unha recuperación dos prezos, especialmente da manteiga, coincidindo tamén coas menores entregas de leite nesta estación. Pola contra, o queixo segue á baixa. O prezo medio do leite en Europa no mes de outubro prevese que quede nos 0,435 euros o litro, un 20% menos que hai un ano. No territorio comunitario as cotizacións desta semana para os produtos lácteos son as seguintes: -Manteiga: 497 €/100 kg, +4,3 % nas últimas catro semanas -Leite desnatado en po (SMP) 263 €/100 kg, +3,8 % ,, -Leite enteiro en po (WMP): 362 €/100 kg, +3.7 % ,, -Queixo cheddar: 348 € /100 kg -2,7% Polo demáis, o prezo do leite spot en Italia subiu tamén esta semana até os 0,548 euros o litro. En canto ás últimas cotizacións do Global Dairy Trade (GDT), a principal poxa nternacional de lácteos, operada pola cooperativa neozelandesa Fonterra, concluíu a desta semana cunha caída dos prezo dos produtos lácteos do 0,7%. Así, houbo unha baixada do 2,7% no leite en po enteiro -o seu principal produto de exportación-, mentres que o desnatado encareceuse un 2,3% respecto á última poxa. A cotización da manteiga subiu un 3,5%.

Descarga aquí o informe completo do Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea

O Sindicato Labrego pídelle á Xunta “medidas concretas contra as industrias que lideran a baixada de prezos do leite”

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a gandeira Isabel Vilalba, participou na tarde de onte en Santiago de Compostela canda representantes doutras organizacións agrarias na xuntanza convocada pola Consellaría do Medio Rural (CMR) para abordar distintas problemáticas que están a afectar ás granxas de produción láctea. Dende o SLG botan en falta por parte da Xunta “medidas concretas para frear a estratexia de presión das industrias cara as granxas, malia atopármonos nun escenario de continuas baixadas no prezo do leite, agravado polas perdas vinculadas a problemáticas como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ou a praga de vermes que afecta aos prados e cultivos”. “Históricamente na Galiza estase pagando leite con mellores calidades 5 ou 6 ct/l. por baixo doutras producidas noutras partes do Estado con menos calidades. A CMR, pola súa banda, afirmou que considera que esta situación non é tolerábel, pero insiste en recomendar que as agrupacións de persoas gandeiras e as Organizacións de Produtores de Leite (OLP) negocien os prezos, malia comprobarse con claridade que as industrias teñen capacidade de impor os prezos, e dado que a Consellaría segue sen aportar ferramentas para defender a posición do sector produtor, non teñen necesidade de aceptar ningún tipo de negociación”, explica Isabel Vilalba. Como exemplo, a Secretaria Xeral do SLG, criticou a “actitude irresponsable de industrias como Leite Río, que co obxectivo de empregar o leite como produto reclamo na gran distribución está protagonizando unha política moi agresiva de prezos e que, ao ser a industria galega que lidera a recollida no noso país, está a provocar baixadas tamén por parte doutras empresas”.

Estratexias de coacción por parte das industrias

Ao mesmo tempo, denuncia o que considera “estratexias de coacción por parte das industrias, que colocan ás gandeiras e gandeiros na situación de ter que aceptar contratos a moi curto prazo, en ocasións cada dous meses, malia estar estipulado que os contratos deberían ter unha duración de alomenos 12 meses -salvo renuncia por parte da persoa gandeira, que de darse é por ameazas de baixada de prezo-, o cal dificulta a viabilidade das granxas ao non poder traballar con perspectivas económicas estables no tempo”. Esta situación vese favorecida, segundo a responsable do Sindicato Labrego, “pola inexistencia do establecemento de indicadores oficiais por parte da administración, así como do seu tradicional desleixo á hora de seguir e sancionar as prácticas abusivas das industrias lácteas na cadea de produción”. Canda os problemas para acceder a prezos do leite que cubran custos de produción e remuneren o traballo, dende o SLG-CCLL puxeron tamén enriba da mesa os prexuízos económicos derivados de cuestións vinculadas á enfermidade hemorráxica epizootica (EHE) e á xestión de pragas.

O conselleiro advirte de que “non hai industria sen leite” e que as explotacións teñen que ser rendibles para funcionar

“Non hai industria sen leite”. Así o sinalou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na inauguración do XXVIII Congreso Nacional e XIX Congreso Iberoamericano de Historia da Veterinaria, que se celebra en Ourense. Deste xeito, o conselleiro quixo facer fincapé na importancia da rendibilidade na gandaría de leite, como fundamento para a sustentabilidade de todo o sector. Neste sentido, José González amosouse "sorprendido" polas recentes declaracións do presidente da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) nas que advertía que os elevados prezos do leite en España (e, xa que logo, tamén en Galicia) están “lastrando” a competitividade da industria. Porén, o conselleiro lembrou o feito evidente de que “para que haxa leite ten que haber gandeiros” e teñen que funcionar as explotacións. Un funcionamento que -engadiu- depende única e exclusivamente da rendibilidade dunha actividade na que os gandeiros son, de facto, empresarios.

Marxe de beneficio

Na mesma liña, González reiterou o seu convencemento de que “o prezo do leite ten que permitir cubrir os custos de produción e contar cunha marxe de beneficio para o gandeiro, como calquera empresario”. Isto, indicou, debe levar a unha senda de estabilidade porque “só mantendo a estabilidade de prezos e de beneficios existirá remuda xeracional”, remarcou. O conselleiro afirmou que “tanto industria como distribución teñen que entender este feito” igual que -trasladou- o entenden os veterinarios, que favorecen o proceso produtivo deste e doutros moitos sectores gandeiros de Galicia e de España. Precisamente, en relación co labor que desenvolve o colectivo veterinario, José González quixo recoñecer explicitamente ese traballo, que definiu como “necesario e imprescindible”. En parecidos termos, o conselleiro fixo fincapé na importancia da rendibilidade para garantir o progreso da actividade primaria, algo para o que -salientou- cómpre “xogar coas mesmas regras”. Por iso, en relación coas gandarías de carne, incidiu na demanda ao Goberno central en funcións para que aplique a rebaixa do IVE para a carne e tamén para o peixe. Son, sinalou, alimentos de primeira necesidade que se están vendo prexudicados pola insensibilidade do Executivo, polo que lamentou profundamente as declaracións desta semana do ministro Planas negando a posibilidade de rebaixar este imposto en ambos casos.

“A pesar de que os gandeiros están recibindo os prezos máis altos da historia polo seu leite, non se consegue estimular a produción”

Luis Calabozo, director xeral da FENIL, durante a presentación do Barómetro do Sector Lácteo A Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL), que representa a máis de 60 empresas do sector, que transforman en conxunto o 95% da producción española de alimentos lácteos, presentou este martes o Barómetro do sector lácteo, una iniciativa destinada a difundir de maneira periódica os datos máis relevantes do sector. Nesta primeira entrega as industrias lácteas quixeron poñer de manifesto que España conta co leite en orixe pagado ao gandeiro máis caro de toda a Unión Europea (exceptuando Malta e Chipre), o que propiciou a entrada masiva de produtos lácteos elaborados estranxeiros, en particular queixos, a prezos máis baixos, desprazando nos lineais e na cesta da compra aos queixos nacionais. Segundo os últimos datos do Ministerio de Agricultura e da Comisión Europea, o prezo do leite cru de vaca en España no mes de agosto foi de 0,515 euros por quilo, fronte aos 0,410 de Alemaña ou os 0,452 de Francia. A media da Unión Europea situouse nos 0,436 euros por quilo.
Os gandeiros españois cobraron en agosto 10 céntimos máis por litro que os alemáns e 6 máis que os franceses
Este feito xerou unha competencia desigual nos mercados, prexudicando aos produtos lácteos españois, asegura a FENIL. A situación é especialmente preocupante no mercado dos queixos e no dos derivados lácteos (leite en po, manteiga, soro,etc.). No caso do leite de ovella e cabra, o prezo pagado en orixe en España, tradicional líder europeo na súa produción, é o máis elevado da serie histórica, o que está a estimular novas e modernas producións noutros países da Unión Europea. Descenso na produción Luís Calabozo, director xeral da FENIL, expresou: "Vemos con especial preocupación para o futuro do sector lácteo no noso país que, a pesar de que os gandeiros españois están a recibir os prezos máis altos da historia polo seu leite, non se consegue estimular a produción".
Existen factores estruturais distintos ao prezo que hai que analizar para garantir a supervivencia do sector
Isto indica que existen factores estruturais distintos ao prezo que hai que analizar para garantir a supervivencia e o crecemento do sector, asegura. "Necesitamos identificar e favorecer as condicións para atraer ao sector persoas e capital que estimulen o crecemento e a eficiencia das producións. É de vital importancia lograr unha industria láctea rendible e competitiva para asegurar o futuro do sector e garantir o acceso ao consumidor español destes alimentos esenciais e que sexan producidos no noso país, para o que é condición necesaria preservar a nosa competitividade”, insiste Calabozo. Perda de competitividade do sector Así mesmo, afirmou que a incerteza ante o descenso no volume de produción de leite cru no campo, o aumento da oferta internacional e as dificultades do contexto económico mundial xera presións adicionais á industria láctea española.
O custo da materia prima erosiona as marxes e a rendibilidade das industria láctea
Luís Calabozo concluíu: "A industria láctea española en xeral, e a queixeira en particular, están a perder competitividade, o que nos está levando a perder posicións nos mercados. Esta situación propiciou a entrada en masa en España de produtos lácteos estranxeiros, principalmente queixos, a prezos máis baixos, desprazando no lineal e na cesta da compra os lácteos do noso país". Todo iso, insistiu, sumado ás "estratexias históricas de venda por parte da distribución a uns prezos no lineal artificialmente baixos (leite UHT principalmente)", representa "un gran desafío para unha industria láctea cunha rendibilidade e unhas marxes moi erosionadas pola crise de custos que se atravesa (enerxía, envases, transporte, laborais etc.), pero moi especialmente, polo custo da materia prima leite”, culpabilizou.

Baixan os prezos e a produción de leite en agosto, agás en Galicia

As entregas de leite de vaca en España caeron no mes de agosto respecto ao ano pasado, nunha situación de baixada tamén dos prezos. Galicia mantense como a excepción en canto á produción, cun incremento interanual respecto a 2022. Así se recolle no último informe do Ministerio de Agricultura correspondente ao mes de agosto e que foi feito público este luns . En concreto, no conxunto de España a produción de leite en agosto ascendeu a 600.918 toneladas, cun descenso respecto ás 602.011 toneladas producidas no mesmo mes de 2022. Pola contra, en agosto as ganderías galegas produciron 251.805 toneladas de leite, cifra superior a agosto de 2022 (248.593 toneladas). En canto aos prezos en orixe, en agosto situáronse en España nunha media de 0,518 euros o litro, cunha baixada respecto a xullo (0,530 euros o litro), mentres que en Galicia a media foi de 0,49 euros o litro, tamén por debaixo do mes precedente (0,513 euros). Por volume de entregas, as ganderías máis pequenas cobran de media 0,7 céntimos menos por litro que as de maior tamaño, tal e como reflicte o informe do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA): Polo que respecta ás calidades, a media española do leite entregado en agosto foi do 3,66% de graxa e do 3,29% de proteína, mentres que en Galicia a porcentaxe de sólidos foi superior non só en materia graxa (3,78%), senón tamén a nivel proteico (3,31%). Por último, en canto ao leite ecolóxico o prezo medio en agosto foi de 0,636 euros o litro en España e de 0,625 en Galicia.

Descarga aquí o informe completo do FEGA

Últimos prezos do leite e dos produtos lácteos en Europa, Estados Unidos e Nova Zelandia

O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea ven de publicar este xoves as cotizacións desta semana na UE, nas que continúa a tendencia á baixa das últimas semanas: -Manteiga: 442 €/100 kg, -2,2 % nas últimas catro semanas -Leite desnatado en po (SMP) 227 €/100 kg, -0,7 % ,, -Leite enteiro en po (WMP): 325 €/100 kg, -3,4% ,, -Queixo cheddar: 357 € /100 kg -0,1% En canto ao prezo do leite spot en Italia esta semana seguiu subindo e xa está nos 0,515 euros o kilo.En España neste momento o littro de leite spot rolda os 0,50 euros. 

Prezo medio en xullo de 0,32 euros o litro en Estados Unidos e 0,29 en Nova Zelandia

En canto ao prezo medio do leite pagado ás ganderías a media en xullo na Unión Europea foi de 0,437 euros o litro, mentres que en Estados Unidos baixou a 0,32 euros e en Nova Zelandia quedou en 0,29 euros o litro. Isto fixo que no mercado internacional os produtos lácteos da UE perdan competitividade. De feito, por prezo neste momento Nova Zelandia é máis competitiva en manteiga, leite en po e Estados Unidos en queixo. En canto ás últimas cotizacións do Global Dairy Trade (GDT), a principal subasta internacional de lácteos, operada pola cooperativa neozelandesa Fonterra, concluíu a súa poxa desta semana cun repunte dos prezo dos produtos lácteos do 2,7%. Así, houbo unha suba do 5,3% no leite en po enteiro -o seu principal produto de exportación- e o desnatado depreciouse un 1,6% respecto á última poxa. A cotización da manteiga subiu un 1,1%.

Descarga aquí o informe

A produción de leite en Galicia sobe un 0,68% no que vai de ano mentres que en España baixa un 0,73%

Galicia mantense como a locomotora na produción de leite en España, cunha evolución positiva no que vai de ano, mentres que no resto do territorio estatal as entregas van á baixa. Así se recolle no último informe do Ministerio de Agricultura correspondente ao mes de xullo e que foi feito público este venres . En concreto, no conxunto de España a produción de leite en xullo ascendeu a 618.313 toneladas, un 1,4% máis que en xuño e lixeiramente por riba das entregas do mesmo mes de 2022. Porén, analizando o período xaneiro-xullo a produción de leite de vaca en España caeu un 0,2% (4,372 millóns de toneladas, fronte aos 4,379 do mesmo período de 2022). Se se resta a produción de Galicia, que supón o 41% do total español, a caída da produción é do 0,73%. E é que Galicia refórzase como o motor da produción de leite en España, sendo a comunidade entre as principais produtoras cunha evolución máis positiva, xunto con Castela e León, e en menor medida Asturias e Cantabria. Así, en xullo as ganderías galegas produciron 259.670 toneladas de leite, cifra superior a xuño (250.878 toneladas), pero tamén a xullo de 2022 (249.597 ton). Nos primeiros sete meses deste 2023 a produción de leite en Galicia ascendeu a 1,774 millóns de toneladas, un 0,68% máis que no mesmo período de 2022 (1,762 millóns de toneladas). En canto aos prezos en orixe, en xullo situáronse en España nunha media de 0,530 euros o litro, cunha lixeira baixada respecto a xuño (0,534 euros o litro), mentres que en Galicia a media foi de 0,513 euros o litro, tamén por debaixo do mes precedente (0,517 euros). Polo que respecta ás calidades, a media española do leite entregado en xullo foi do 3,62% de graxa e do 3,29% de proteína, mentres que en Galicia a porcentaxe de sólidos foi superior non só en materia graxa (3,72%), senón tamén a nivel proteico (3,31%). Por último, en canto ao leite ecolóxico o prezo medio en xullo foi de 0,635 euros o litro en España e de 0,625 en Galicia.

Descarga aquí o informe completo

 

Últimas cotizacións dos produtos lácteos: Tendencia á baixa na UE e na poxa de Fonterra

O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea ven de publicar este venres as cotizacións desta semana na UE, nas que continúa a tendencia á baixa das últimas semanas: -Manteiga: 454 €/100 kg, -1,0 % nas últimas catro semanas -Leite desnatado en po (SMP) 228 €/100 kg, -1,3 % ,, -Leite enteiro en po (WMP): 339 €/100 kg, -0,6% ,, -Queixo cheddar: 358 € /100 kg +0,1% En canto ás últimas cotizacións do Global Dairy Trade (GDT), a principal subasta internacional de lácteos, operada pola cooperativa neozelandesa Fonterra, concluíu a súa poxa desta semana cunha importante baixada dos produtos lácteos do 7,4%. Así, houbo unha caída do 10,9% no leite en po enteiro, o desnatado depreciouse un 5,2% respecto á última poxa; a cotización da manteiga caeu un 3,0%, mentres que, pola contra, o queixo revalorizouse un 5,8%.

Campaña do Sindicato Labrego para sinalar as industrias lácteas que forzaron unha baixada de prezos

O Sindicato Labrego Galego ven de iniciar unha campaña para sinalar as industrias lácteas que forzaron a última baixada de prezos, ao tempo que denuncia a “escandalosa ausencia e desleixo da Consellaría do Medio Rural ante esta baixada e que permanece inactiva ante os flagrantes incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria”. Ao longo destes días a organización labrega está pendurando faixas “diante das industrias que, como Leite Rio e Puleva asinaron contratos á baixa”. “Estas dúas industrias, das que recentemente veñen de coñecerse datos récord sobre as súas ganancias no último ano, son ademais as que maior recollida de leite teñen en Galiza, polo que ao ser referentes, marcan a liña a seguir do resto de industrias, ficando claro que neste momento todas seguen un patrón semellante”, sinalan dende o SLG. Ademais, advirten de que “son varias as industrias que teñen un trato desigual coas granxas e modelos de contrato, con condicións distintas que normalmente prexudican ás mais pequenas”. Así, a diferenza entre as granxas galegas do tramo máis baixo de produción e o máis alto, ou o que é o mesmo, entre as granxas pequenas e as grandes, é de 7,48ct/l., “visibilizando unha clara discriminación na que o mesmo produto, coa mesma calidade, é pagado a un prezo moi diferente”.

“Desleixo da Consellería do Medio Rural”

Por último, dende o Sindicato Labrego, denuncian que, malia esta situación, “a Xunta, moi lonxe de cumprir coa súa responsabilidade de velar por unha aplicación real da Lei da Cadea Alimentaria, estea a actuar como cómplice necesaria nos abusos das industrias lácteas, facendo oídos xordos ás continuas denuncias do SLG, infrinxindo o seu compromiso de publicar a evolución dos custos de produción -dificultando así o cálculo dun prezo final por litro que cubra custos e remunere o traballo-, abandonando as súas responsabilidades na entrada de leite de fóra e mesmo introducindo modificacións para que poidan acceder ás axudas empresas sancionadas en firme por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria”. “Mentras o conselleiro José González Vázquez e a Xunta están desaparecidos, a sangría de peche de granxas de leite galegas continúa agravándose: das 6.171 que había fai un ano, xa só quedamos 5.853”, conclúen.

Galicia produciu un 0,15% máis de leite no primeiro semestre mentres que en España baixou un 0,5%

As gandarías de vacún de leite galegas produciron no primeiro semestre do ano un 0,15% máis, mentres que no conxunto de España a produción baixou un 0,5%. O descenso na produción de forraxes pola seca en boa parte das Comunidades Autónomas xunto a uns prezos do leite á baixa explican este estancamento. En concreto, e segundo os datos de declaracións de leite publicados este xoves polo Ministerio de Agricultura, entre xaneiro e xuño producíronse en España 3,753 millóns de toneladas de leite, un 0,5% menos que no mesmo semestre de 2022. En xuño o dato interanual foi positivo: A produción foi de 614700 toneladas, un 0,1% máis. En canto a Galicia, no primeiro semestre as gandarías produciron 1,515 millóns de toneladas de leite, un 0,12% máis que no mesmo período do ano pasado. En xuño a produción galega foi de 250878 toneladas, o que supón un incremento do 0,35% se a comparamos con xuño de 2022. Polo que respecta aos prezos, xuño confirma a tendencia á baixa dos contratos lácteos: En España situouse nunha media de 0,534 euros por litro, mentres que en Galicia o prezo medio pagado ao produtor foi de 0,517 euros. No leite ecolóxico o prezo medio foi de 0,644 euros o litro a nivel español e de 0,627 no caso galego.

Prezo dispar en Galicia segundo o temaño das ganderías: 

Por último, as calidades medias do leite entregado en xuño foron de 3,66% de graxa e de 3,30% de proteína, uns sólidos que en Galicia se elevaron a 3,75 e 3,31%, respectivamente.

Descarga aquí o informe das declaracións de leite de xuño

Suba dos produtos lácteos en Nova Zelanda e aminórase a caída na Unión Europea

A caída do prezo do leite en po e da manteiga que se ven rexistrando nos mercados internacionais dende o cuarto trimestre do ano pasado parece que empeza a frearse, segundo o confirman os últimos informes tanto do European Milk Market Observatory (Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea) como a poxa da cooperativa neozelandesa Fonterra. Así, no caso da Unión Europea os datos desta semana revelan un freo no descenso das cotizacións dos produtos lácteos, con respecto ás fortes caídas de xaneiro, como no caso do leite en po, e mesmo un lixeiro repunte no prezo da manteiga. Outra sinal positiva é que o prezo do leite spot en Italia mantense estable. Estas son as tendencias que se observan dende o observatorio do sector lácteo, dependente da Comisión Europea, nas cotizacións desta semana: -Manteiga: 497 €/100 kg, -2,5% nas últimas catro semanas -Leite desnatado en po (SMP) 255€/100 kg, -2,7% ,, -Leite enteiro en po (WMP): 359 €/100 kg, -3,1% ,, -Queixo cheddar: 456€ /100 kg -1,5% ,, -O leite spot en Italia permanece estable nos 0,523 €/kg -Os costes de alimentación do gando baixaron un 0,5% e os de enerxía un 4,3% na segunda semana de febreiro comparados coa mesma semana de xaneiro. En canto ao Global Dairy Trade, a subasta de lácteos organizada cada dúas semanas pola cooperativa neozelandesa Fonterra, pechou a súa última sesión da pasada semana cunha suba das cotizacións do 3,2% despois de varias semanas de baixadas. Destaca especialmente o repunte do prezo da manteiga (6,6%) e do leite en po enteiro (+3,8%).

Descarga aquí o último informe do European Milk Market Observatory