Archives

Como o leite A2 está emerxendo en todo o mundo?

O leite de vacas A2, caracterizado por aportar unha dixestión máis confortable que o leite convencional, entre outros beneficios, é unha gama en expansión en todo o mundo. Arredor de 20 marcas están a vender xa leite A2 en mercados de Asia, Oceanía e Estados Unidos, un grupo reducido ó que se vén de unir a marca galega Deleite coa súa aposta de comercializar o Deleite A2 en todo o Estado. A comercialización do leite A2 iniciouse hai máis de 15 anos en Nova Zelanda, da man da compañía ‘The A2 Milk Company’, pero non foi ata os últimos anos cando grandes compañías mundiais como Fonterra, Nestlé ou Danone comezaron a implicarse na produción e comercialización de leite A2, tanto para o seu envasado como leite líquido como para a súa inclusión en fórmulas infantís. “As grandes compañías. lideradas por Fonterra, pelexaron durante anos contra o leite A2 porque o vían máis como unha ameaza que como unha oportunidade”, explica o investigador neozelandés Keith Woodford, un dos principais divulgadores internacionais sobre os beneficios do leite A2. Non foi ata 2018 cando a neozelandesa Fonterra decidiu lanzar a súa propia gama de lácteos A2. O cambio de postura das grandes compañías internacionais completouse coa decisión de firmas como Nestlé ou Danone de iniciar nalgúns países a comercialización de fórmulas infantís baseadas en leite A2. O feito de que o leite materno tamén sexa A2, é dicir, libre da betacaseína A1 -ligada con molestias dixestivas-, está a impulsar o seu uso nos lácteos infantís, en combinación con soro lácteo desmineralizado, rico en proteína. Perspectivas A única dificultade de producir e comercializar leite A2 está en contar con granxas que teñan iniciada a selección de vacas A2 e que recollan en tanques independentes o leite das vacas A2 e o das convencionais, que presenta unha mestura de betacaseínas A1 e A2. É un proceso que require de tempo e investimentos. Leite Noso, a sociedade gandeira que lanzou o Deleite A2, revelou que parte das súas granxas levaba xa catro anos co proceso de conversión a leite A2, evitando usar touros que non fosen A2 na inseminación do seu rabaño. É unha decisión que se está a demostrar acertada para as ganderías, pois cobran o leite A2 cunha prima adicional de 5 céntimos en relación ó prezo do leite convencional. Para a marca Deleite, que prepara unha campaña de marketing a nivel de toda España, os ingresos tamén aumentarán, pois posicionará o seu leite nos supermercados a un prezo premium, en consonancia co escenario internacional do leite A2, que se comercializa na maioría dos países a un prezo un 50% superior ó das primeiras marcas de leite convencional.
“Ás veces os gandeiros pregúntanme canto tempo pasará ata que desapareza a prima A2. A miña resposta é que están facendo a pregunta incorrecta. A longo prazo, a pregunta é cando será posible só vender o leite A1 con desconto de prezo" (Keith Woodford, investigador)
É previsible que o movemento de Deleite co leite A2 sexa seguido nos próximos anos por outras industrias lácteas no mercado español. A futurible expansión do leite A2 nos supermercados españois, un proceso que xa se viviu en países como Nova Zelanda, pode xerar incertezas sobre o valor futuro que terá esta gama de lácteos, pero o investigador Keith Woodford, considera que esa visión é incorrecta. “Ás veces os gandeiros pregúntanme canto tempo creo que pasará ata que desapareza a prima A2 no prezo do leite. A miña resposta é que están facendo a pregunta incorrecta. A longo prazo, a pregunta é cando será posible só vender o leite A1 con desconto de prezo. Esa situación pode estar todavía moi lonxe, pero avecíñase”, reflexiona Woodford, que analizou neste recente artigo como o leite A2, un leite que naceu como unha marca en Nova Zelanda, se convertiu xa nunha categoría de lácteos a nivel global. Woodford destaca tamén o aumento exponencial que está detectando no número de investigacións científicas relacionadas cos beneficios para a saúde do leite A2, uns beneficios que el sitúa tanto no campo dixestivo como no inmunolóxico. O investigador subliña en especial a importancia do leite A2 á hora de reducir a presenza do aminoácido BCM-7 no proceso dixestivo, pois apunta que se trata dun aminoácido perxudicial para a saúde que pode ter efectos inflamatorios e inmunolóxicos diversos.

Oviganic Ibérica e Leite Noso adquiren Queixerías Prado

Queixerías Prado (Monforte de Lemos, Lugo), unha histórica industria do sector lácteo galego, nada no 1982, vén de ser adquirida por unha alianza de dúas empresas, co liderazgo de Oviganic Ibérica e a participación de Leite Noso. O obxectivo dos novos propietarios pasa por aumentar a produción e oferta da queixería, cunha aposta pola innovación que consolida as perspectivas de futuro da empresa monfortina. O acordo de compra inclúe a continuidade dos 25 postos de traballo da factoría, así como o mantemento dos acordos con tódalas granxas proveedoras. De feito, Queixerías Prado, a petición das dúas empresas compradoras, procedeu recentemente a renovar no campo a totalidade dos acordos coas ganderías. A factoría, xa dirixida a partir de agora por Oviganic Ibérica e Leite Noso, segue co seu ritmo de funcionamento habitual, garantindo o suministro a tódalas cadeas de distribución coas que opera, sen cambios nese sentido. O novo proxecto que encara Queixerías Prado supón un impulso para a histórica empresa monfortina, que naceu como tal no 1982 a partir de dúas familias ligadas ó sector lácteo, Prado e González. A empresa foi dirixida na última década por Inmaculada González -sucesora de Julio González-, que coa venda deixará tamén a dirección da firma. Queixerías Prado é unha referencia en Galicia na diversificación da oferta de queixos. Foi a empresa que contribuíu a prestixiar o queixo de barra de Galicia, adaptándose ás demandas de consumo, e na actualidade mantén unha ampla gama de produtos que inclúe diferentes formatos (loncheados, cuñas, queixos do país tradicionais, etc.), comercializando tamén queixos da denominación de orixe Tetilla. A capacidade de procesado da queixería sitúase en 100.000 litros de leite ó día, se ben traballaba ata o de agora a un ritmo menor. O obxectivo de Oviganic Ibérica e de Leite Noso é aumentar a produción de Queixerías Prado, así como a súa oferta de produtos.

Oviganic Ibérica, unha peza singular da industria láctea que se orienta ó mercado chinés

O novo proxecto para a queixería monfortina está liderado por Oviganic Ibérica, unha industria asentada tamén en Monforte que destacou nos dous últimos anos por un importante investimento para a modernización da súa planta. Oviganic Ibérica, propiedade da multinacional china Yeeper desde o 2019, está a poñer en marcha novas liñas de fabricación de leite en po para alimentación infantil de alta gama, así como liñas para a desmineralización de soro e para a elaboración de aceite de manteiga, que serve de ingrediente base para a industria alimentaria. Boa parte da produción de Oviganic Ibérica oriéntase á exportación a China, polo que é previsible que Queixerías Prado, a parte de manter as súas actuais liñas de comercialización en Galicia e no resto de España, pase a producir tamén con perspectivas á exportación. A entrada de Oviganic Ibérica en Queixerías Prado é considerada no sector como unha garantía para a modernización da histórica empresa monfortina.

Leite Noso, a sociedade gandeira que comercializa Deleite e Muuu, dá novos pasos na industrialización do leite galego

A outra empresa que participa na compra de Queixerías Prado é Leite Noso, a sociedade propiedade de gandeiros galegos que envasa as marcas Deleite e Muuu. Desde o seu inicio, Leite Noso significouse no campo por manter contratos estables coas granxas a prezos xustos. En abril do pasado ano protagonizou ademais unha importante captación dalgunhas das ganderías máis innovadoras de Galicia, coas que asinou contratos a 3 anos. Leite Noso xa fora pioneira en ofertar contratos no campo a 1 ano e no 2020 convertiuse tamén na primeira empresa en ofrecer contratos a 3 anos en Galicia, o que lle aporta unha maior estabilidade ás granxas. Coa entrada en Queixerías Prado, as perspectivas de Leite Noso aumentan, pois espérase que ademais de continuar o envasado de leite coas marcas Deleite e Muuu, engada novos produtos lácteos a súa oferta.

Ses e De Vacas, cabezas de cartel do III Festival do Leite

O Festival do Leite desvelou esta mañá o cartel da súa terceira edición, que se desenvolverá o 15 de setembro na illa das Esculturas de Pontevedra. O programa do Festival presentouse no Concello de Pontevedra nun acto no que participaron o coordinador de Deleite Galego, marca promotora do Festival, Pedro González; a concelleira Carmen da Silva, o debuxante Luis Davila e o produtor técnico do evento, Manuel Tarrío. O Festival do Leite contará con dez bandas galegas ou ligadas a Galicia, así como cun programa de actividades infantís. Encabezan o cartel Ses, De Vacas, Triángulo de Amor Bizarro e a banda The Limboos -ligada a Galicia por parte dos seus integrantes-. Completan o programa Bifannah, Disco Las Palmeras, The Soul Jacket, La Casa de los Ingleses, Cora V, Gold & Colt e Carlangas Dj (o líder de Novedades Carmiña). Haberá tamén actividades para os máis pequenos con María Fumaça, A Gramola Gominola e o debuxante Luis Davila. O Festival do Leite é un evento musical que naceu hai un par de anos da man de Leite Noso, unha sociedade propiedade de gandeiros galegos que envasa coas marcas Deleite e Muuu. O obxectivo de Deleite co Festival é dobre. Búscase poñer en valor a importancia do sector lácteo para Galicia e á vez apoiar á música feita en Galicia, gran protagonista do evento. A entrada ó Festival, como en anos anteriores, é de acceso libre. O evento desenvolverase ao longo de todo o día e haberá postos de comida no Festival para quen queira pasar alí toda a xornada. Desde Deleite agradeceuse na presentación de hoxe a colaboración do Concello de Pontevedra co Festival do Leite.

O día 23 celebrarase en Lugo o Festival do Leite

A marca Deleite, propiedade e impulsada por un grupo de gandeiros galegos, celebrará o sábado 23 de setembro a segunda edición do Festival do Leite en Lugo, a capital do sector lácteo galego. O evento foi presentado esta mañá na capital lucense pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a xerente de Leite Noso, Patricia Sánchez; o responsable de produción do festival Manuel Tarrío, e o humorista, actor e presentador Xosé Antonio Touriñán. Este festival, que busca poñer en valor o leite como alimento e como motor económico do rural galego, celebrarase no parque do Pazo de Feiras e Exposicións. Ao longo de toda a xornada, o público asistente a esta romaría familiar poderá desfrutar de xeito gratuíto de grupos referentes do panorama musical galego como Caxade, Terbutalina ou Os Amigos dos Músicos, entre moitos outros. Tamén actuará Xosé Antonio Touriñán, o famoso humorista gráfico Luis Davila, e haberá programación infantil e diversas foodtrucks que ofrecerán servizo de xantar. Pero ademais, e ao igual que a primeira edición celebrada o pasado ano en Santiago de Compostela, perséguese un fin social. Deste xeito, os beneficios económicos do Festival do Leite destinaranse a axudar ás persoas refuxiadas. Asemade, pídeselle aos asistentes que aporten algún produto alimentario de primeira necesidade que se destinará aos Bancos de Alimentos. Deleite tamén doará unha cantidade de leite para as persoas máis necesitadas. Lara Méndez: “Hai que poñer en valor esta iniciativa dos gandeiros que decidiron dar o paso da comercialización” Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosouse “tremendamente satisfeita de acoller esta iniciativa na nosa cidade”, onde lembrou existen unhas 200 ganderías de vacún de leite. “Temos que reivindicar o sector lácteo como imprescindible para Lugo e para Galicia. E neste sentido hai que poñer en valor esta iniciativa dos gandeiros -Leite Noso, que posúe as marcas Deleite e Muuu- que decidiron dar o paso de comercializar eles o seu leite, e con moi bos resultados”, salientou a rexedora lucense. Xosé Antonio Touriñán: “Deleite non só alimenta o noso corpo, senón tamén a nosa alma co seu apoio á cultura galega” Xosé Antonio Touriñán, o coñecido actor, humorista e a cara publicitaria de Deleite, recoñeceu que “despois de dous anos de colaboración, sigo namorado de Deleite”. “E é que non só alimenta os nosos corpos, porque toda a nosa xeración medrou de xeito saudable grazas ao leite, senón que tamén alimenta as nosas almas co seu apoio decidido á cultura galega”, subliñou. E é que, tal e como destacou, “o cartón de Deleite non só nos aporta calcio, vitaminas, minerais ou proteínas, senón que tamén nos trae literatura, música ou teatro galego, que nos leva regalando dende hai dous anos”. Actuacións de Caxade, Escuchando Elefantes ou Os Amigos dos Músicos, mentres que Luis Davila ensinará aos máis cativos a debuxar Por último, Manuel Tarrío fixo unha presentación do Festival do Leite, que se celebrará no parque do Pazo de Feiras e Exposicións. Destacou que se trata dun evento para toda a familia e que para facilitar o transporte haberá un servizo especial de autobuses urbanos. Entre a ampla oferta de música e actividades culturais, Manuel Tarrío destacou as actuacións de Caxade, Os Amigos dos Músicos, Escuchando Elefantes, Terbutalina ou Atrás Tigre, entre moitos outros. E no espazo infantil haberá actuacións do mago Don Gelati, de Peter Punk, así como do famoso humorista gráfico Luis Davila. -- Actualización 13-7-2017: Deleite anunciou como cabeza de cartel do Festival á banda viguesa Siniestro Total.

Leite Noso faise en firme coas marcas Deleite e Muuu

A sociedade Leite Noso, constituida por unha trintena de gandeiros galegos, fíxose en firme coas marcas Deleite e Muuu nunha subastilla celebrada no xulgado mercantil de Lugo. A firma xa lograra a adxudicación de ambas marcas con anterioridade, pero un recurso de Casa Macán obrigou á repetición do proceso. Finalmente Macán optou nesta ocasión por non presentar oferta, en base a disconformidades coas formas de pago, e Deleite e Muuu, nomes comerciais da desaparecida Alimentos Lácteos, fóronlle adxudicados a Leite Noso por un importe de 670.000 euros. Leite Noso solventará agora os últimos trámites administrativos e pretende iniciar o proceso de produción nos próximos meses, para o que ten un preacordo con Logística Alimentaria, propietaria da antiga factoría de Alimentos Lácteos en Outeiro de Rei. Subvencións a industrias lácteas Doutro lado, Medio Rural concretou onte no Parlamento como se rexirán as liñas de axudas a industrias lácteas no periodo 2015-2020. A idea da Consellería é priorizar o apoio á produción de derivados lácteos de maior valor engadido que o envasado de leite líquido, segundo anunciou a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, no Parlamento. Ulloa explicou tamén que as axudas do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2015-2020 para industrias lácteas dirixiranse ó conxunto de empresas do sector, a diferenza do periodo 2007-2015, cando as subvencións só foran para pymes e empresas intermedias, pero non para grandes empresas. Durante os últimos 8 anos, Medio Rural apoiou 171 proxectos de investimento nas industrias lácteas por importe de 37 millóns de euros en base ás axudas do PDR. Tamén financiou con fondos propios investimentos en grandes empresas como Puleva, Capsa ou Leche Celta.