Archives

Últimas prazas para a xornada formativa sobre a produción de leite en ecolóxico

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza o vindeiro xoves,  14 de marzo, unha xornada online dedicada á produción de leite ecolóxico, de 09:30 a 14:30 horas. Os diferentes ponentes abordarán as oportunidade de negocio deste sector así como os requisitos e tendencias actuais de mercado. A asistencia require dunha inscrición gratuita que pode formalizarse a través deste cuestionario. Para máis información pódese chamar ao 981 58 47 83. As intervencións correrán a cargo de entidades e cooperativas con experiencia na produción, compra e transformación de leite ecolóxico, e ademais contarán cun representante do CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) para explicar a cualificación como explotación ecolóxica e tendencias de mercado, e cun consultor que explicará o rol da gandería ecolóxica na conservación ambiental e da biodiversidade. Esta acción formativa enmárcase nun ciclo de xornadas formativas que suma un total de 12, cada unha delas dedicada a unha oportunidade de negocio. “Os obxectivos do ciclo son explicar as vantaxes e oportunidades do emprendemento cooperativo, especialmente en cooperativas agrarias, de explotación comunitaria e de traballo asociado; promover o coñecemento de novas producións agrarias e gandeiras en ámbitos agroalimentarios de interese crecente en Galicia como oportunidades de negocio; impulsar a xeración de emprego cooperativo nos procesos de produción agraria e/ou gandeira e fomentar a fixación de poboación no rural na contorna das cooperativas”, amplían desde AGACA.

Programa

09:30 – Conexión e benvida a participantes. Higinio Mougán. Director-xerente de AGACA. 10:00 – Produción de leite ecolóxico: cualificación da explotación e tendencias de mercado. Javier García. Secretario técnico CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia). 10:45 – A gandería ecolóxica e a conservación ambiental e da biodiversidade. José L. González. Consultor independente. 11:15 – Granxa Codesal: unha longa experiencia de premios en produción de leite ecolóxico. Ángel Rivas. Gandeiro en Exceleite. 11:30 – Breve descanso. 11:45 – O acceso aos pensos ecolóxicos: mercado. Rafael Pardo de Andrade. Veterinario en Campoastur. 12:15 – A valorización do leite ecolóxico en Cobideza: situación e tendencias. Román Santalla. Presidente de Cobideza. 12:45 – A Cernada: o salto da produción de leite á comercialización. Ana Corredoira. Gandeira. 13:15 – Casa Grande de Xanceda: O segredo do éxito en leite ecolóxico. Guillermo Martínez. Xerencia Casa Grande de Xanceda. 13:45 – O consumo de leite ecolóxico en España. José Sáez. Director de compras en Lactalis. 14:15 – Conclusións, comentarios finais e clausura da xornada. Higinio Mougán. Director-xerente de AGACA. 14:30 – Fin da xornada.

“Grazas aos colares, detectamos rápido un posible caso de EHE, o que nos permitiu tratar o animal a tempo”

José Manuel Santín, coas súas vacas na parroquia de Pacios, en Baralla

Josmar Ganadería situada na parroquia de Pacios, no concello de Baralla, instalou os colares RUMI ao seu rabaño fai ano e medio. Fan un manexo en extensivo dos animais e buscaban telos controlados, “Buscabamos ter controlados os animais, porque temos preto unha estrada nacional e pasa tamén a autovía A-6 e poder ter xeolocalizadas as vacas en todo momento danos tranquilidade”, explica José Manuel Santín.  

Pero a monitorización ten outras vantaxes e estalles a permitir tamén gañar en produtividade, grazas á mellora reprodutiva, e mesmo detectar enfermidades no gando de maneira temperá, minimizando deste xeito as súas consecuencias e abaratando os tratamentos.

“No mes de outubro a aplicación enviounos unha alerta dun posible caso de EHE nunha xovenca. Grazas a iso puidemos separala e chamar ao veterinario para tratala a tempo. O aviso permitiunos anticipar o tratamento e en poucos días estaba xa recuperada e puido volver xa ao lote no que estaba”, explica José Manuel.

Ter xeolocalizados os animais en todo momento danos tranquilidade, porque estamos preto da autovía e da estrada nacional

O control da rumia e a monitorización de actividades de xeito individualizado, como pode ser o número de pasos ou as horas de pastoreo de cada animal, permiten detectar anomalías e enfermidades do gando incluso antes de que a simple vista puidera haber sintomatoloxía clínica, unha funcionalidade que converte a Rumi no dispositivo máis completo do mercado.

Cubrir o caderno de pastoreo de xeito doado para cumprir coa PAC

Josmar Ganadería é unha explotación ecolóxica que complementa a produción e venda de leite coa de carne. Contan cun rabaño de 60 vacas en produción, pero tan só moxen as vacas que están paridas de menos tempo, e as outras empréganas para criar os tenreiros cruzados con angus que despois venden para carne con 10 meses.   

A granxa está certificada en produción ecolóxica desde o ano 2017

Todo o gando está fóra e a base da alimentación é o pastoreo. “Facemos un pastoreo rotacional racional para maximizar a produción de forraxe e aproveitar mellor a herba que producen as fincas”, explica José Manuel.

“Os animais vanse movendo polas distintas parcelas e empregamos as cercas eléctricas para abrirlles pasto fresco todos os días”, explica. Por iso, nesta gandería buscaban unha ferramenta que lles permitira non só ter controladas as vacas en todo momento, senón tamén que lles facilitase a xestión do rabaño.

Rumi permite gañar eficiencia, tanto a nivel de mellora reprodutiva como de aproveitamento do pasto

“Na aplicación temos o historial de cada vaca e apuntamos partos, celos, inseminacións e diagnósticos de xestación”, explica. Tamén lles facilita a tarefa de cubrir o caderno de pastoreo, un dos requisitos esixidos para o cobro dos ecorreximes da PAC, ao ter un rexistro dos lugares nos que estivo pacendo o rabaño.

Colocación dunha antena que garante cobertura propia

Unha das vantaxes que ten Rumi a respecto doutros sistemas é o seu funcionamento autónomo, a través da colocación dunha antena na granxa que garante a cobertura aos colares aínda que non haxa cobertura móbil na totalidade do territorio que abrangue a explotación, o que permite tamén o seu uso en zonas remotas, de difícil acceso ou de sombra a nivel de telefonía.

Este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo; facilítanos moito o traballo

“Nós manexamos unhas 70 hectáreas de superficie e temos o gando repartido en distintos lotes por toda a parroquia. Colocamos a antena nunha finca situada na zona máis alta e desde alí temos cubertas todas as parcelas”, explican en Josmar Ganadería.

A antena non necesita de conexión á rede eléctrica para funcionar, xa que está alimentada por medio dunha placa solar. Tamén os colares están provistos dunha pequena placa solar que permiten que se recarguen sós, o que evita ter que cambiar baterías ou que os dispositivos deixen de funcionar cando estas se esgotan.

Os dispositivos Rumi, fabricados pola empresa Innogando, teñen unha grande versatilidade, tanto en ganderías de leite como de carne, e tanto para aquelas que producen en intensivo como para as que fan un manexo en extensivo, permitindo ter á man a información do rabaño en todo momento grazas a unha sinxela aplicación e ao envío de alertas ao teléfono móbil do gandeiro. 

“O feito de ter controlados os animais até agora parecía que era algo que só podían facer as explotacións intensivas pero este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo, facilítanos moito o traballo”, di José Manuel.

Queres instalar Rumi na túa gandería?

  • Teléfono e whatsapp: 644 586 245
  • Email: hola@innogando.com

As Pontellas SC: “Ao pasar a ecolóxico reducimos moito estrés e gañamos calidade de vida”

José Antonio e Ana xunto ao seu fillo Luis, incorporado á granxa familiar Na parroquia de Candai, en Outeiro de Rei, ubícase a gandería As Pontellas SC, unha granxa de produción de leite ecolóxico que rexentan José Antonio López Corredoira e Ana Rodríguez Íñiguez e á se está a incorporar o seu fillo José Luis. A historia desta gandería familiar remóntase a fai máis de 40 anos, cando o pai de José Antonio montou varios cebadeiros de becerros para comercializar a coñecida como carne branca (carne de tenreiros alimentados exclusivamente con leite e sacrificados antes dos 4 meses), cunha produción en cadea duns 700 animais. Debido á caída na demanda deste tipo de xatos, unha das naves construídas para albergar o cebadeiro foi reconvertida despois, fai uns 35 anos, para meter vacas de leite. “Daquela estabamos en convencional e tiñamos medias de 32 litros diarios”, conta José Antonio. Pero aquel sistema tan intensivo non o convencía. “Era moito estrés porque había que estar todo o día pendente das vacas se querías ter esa produción”, recoñece.
A nosa granxa hoxe é un relax. Cando estabamos en intensivo non era así, era un estrés continuo, había que estar todo o día pendente das vacas
Buscando un punto de equilibrio entre litros e horas de traballo, nun primeiro momento decidiron extensificar a produción a través do pastoreo en convencional pero logo xa optaron por pasar a ecolóxico. “Hai uns 15 anos que estamos en ecolóxico, pero antes de pasarnos a ecolóxico xa levabamos 7 ou 8 anos facendo pastoreo”, lembra. Co cambio de sistema de produción cambiou tamén o nivel de dedicación necesario. “Hoxe a nosa granxa é un relax. Levantámonos ás 9 da mañá, ás 9 e media da mañá chegamos á granxa e ás 11 e media xa temos todo listo. Logo botamos as vacas ao pasto e ata as 7 da tarde non volvemos a vir para aquí”, conta José Antonio. A clave, a xestión do pasto Pero malia o sinxelo que semella o sistema produtivo que teñen adoptado, é necesario facer unha xestión axeitada das pradeiras. “O ecolóxico é moito máis complicado do que parece; non consiste só en botar as vacas a pacer”, di.
Producir en ecolóxico é moito máis complicado do que parece; non consiste só en botar as vacas a pacer
Para lograr un mellor aproveitamento do pasto, raciónano en función da súa calidade e dos suplementos forraxeiros aportados no pesebre. “Abro ás vacas en función da herba que haxa na parcela, as veces ábrolles dúas veces ao día para que teñan pasto fresco e non pisen tanto”, explica. Dificultades para aumentar á superficie Dispoñen en total de 54 hectáreas, polo que precisan acadar altas producións tanto de pasto como de forraxe para depender o menos posible das compras externas fóra da explotación. “De superficie estamos moi xustos, pero aquí non hai máis terreo dispoñible”, admiten.
Nesta zona plantouse moito eucalipto e non hai xa moitas máis fincas para coller
“Por esta zona plantouse moito eucalipto e case todo o que queda a prado xa o levamos nós”, engaden, polo que a falta de superficie agraria dispoñible limita a capacidade desta explotación para seguir medrando. Entre becerras de recría, xovencas, vacas secas e vacas en produción, As Pontellas ten neste momento unhas 100 cabezas, das que a metade son animais en lactación. “Para ter máis vacas teriamos que ter máis terreo e non hai”, lamenta José Antonio. Resementeiras sen arar a terra Maquinaria para estender as bostas das vacas e resementar as pradeiras Até agora a estratexia que seguían para aumentar a produtividade das fincas era a de ir renovando unha media de 6 hectáreas cada ano para ir mellorando deste xeito a produción e a calidade da herba, pero a finais do ano pasado adquiriron maquinaria para resementar as praderías sen necesidade de aralas. “A máquina que mercamos permite distribuir as bostas e ao mesmo tempo botar semente. O que facemos é pasala cando saen as vacas da finca e logo botamos unha capa de purín por enriba, así imos implantando as variedades de herba que nos interesa sen necesidade de abrir o terreo”, explica José Antonio. Unha encamadora para repartir o silo Coa mecanización da maior parte dos traballos buscan facer máis levadeiras as tarefas diarias da granxa e ter que traballar menos horas. Dispoñen por exemplo dunha encamadora que empregan tamén para repartir o silo e a herba seca tanto no lote de vacas en produción como no de vacas secas.
Temos maquinaria de todo tipo para facer o traballo o máis cómodo posible
“É unha máquina moi polivalente, que nos vale tanto para estrar como para a alimentación. Metemos o rolo enteiro de silo ou de de herba seca dentro da encamadora e pasamos con ela polo pasillo de alimentación. A encamadora encárgase de ir desfacendo o rolo e repartíndoo polo pesebre. Para o silo ten ademais outra vantaxe, xa que o deixa moi esponxoso e cómeno moi ben”, asegura. Entre 15 e 19 litros de media de produción ao longo do ano Sala de muxido da explotación, de 12 puntos, onde moxen ás 9 e media da mañá e ás 7 e media da tarde O pasto e as forraxes producidas na explotación son a base da alimentación do gando. “O consumo de penso na nosa granxa é mínimo, estamos nos 4 quilos por vaca de media”, conta. O concentrado subminístrallelo a cooperativa asturiana Campoastur. “Levo con eles, mercándolles o penso, desde que empecei en ecolóxico”, lembra José Antonio. As 100 cabezas só consomen uns 6.000 kg de penso ao mes xa que suplementan o pasto sobre todo con silo e herba seca. A pasada primavera fixeron uns 800 rolos de silo e uns 200 de herba seca, pero o verán foi seco e tiveron que empezar a suplementar xa no mes de xuño. “Esta é unha zona na que as fincas acusan a seca e por iso reduciuse moito o pasto”, explica.
Levamos con Campoastur desde que nos pasamos a ecolóxico. Só con pasto chegar a 20 litros é difícil
A produción media de leite da granxa sitúase nos 15 litros por vaca e día nos meses de verán e inverno, subindo a 18-19 litros na primavera. José Antonio recoñece que “só con pasto e silo de herba é difícil chegar a 20 litros”. Pero está convencido de que a rendibilidade dunha explotación como a súa vén polo aforro de custos. “Trátase de ter os menos gastos posibles, dar o menos penso posible e usar a maquinaria tamén o menos posible para que a maior parte do que se ingresa quede libre”, xustifica.
Este ano fixeron uns 800 rolos de silo de herba e uns 200 de herba seca
A estratexia de alimentación en épocas de pouco pasto pasa por suplementar con forraxes propias e unha pequena cantidade de concentrado. “Pola mañá dámoslles entre 2 e 3 quilos de penso e despois, antes de sacalas ao pasto, intentamos meterlles bastante comida, tanto herba seca como silo de herba, para que cando chegan ao prado leven xa no estómago e non necesiten pacer tanto, porque eu notaba que no inverno se saían moi baleiras botaban todo o día pacendo e iso facía que baixaran á produción porque non se deitaban en todo o tempo e as vacas para producir leite necesitan descanso”, afirma. Teñen tamén un autocargador con segadora co que traen ás veces herba das fincas que están máis alonxadas para que as vacas a coman no pesebre.  
Estamos nun 4,10% de graxa e un 3,35% de proteína e en 110.000 células somáticas
A media de calidades móvese arredor dun 4,10% de graxa e un 3,35% de proteína. Desde que se pasaron a ecolóxico entregan o leite a Lactalis; antes, durante os anos que fixeron pastoreo en convencional, venderon tanto a Larsa como a Leyma. Neste momento o prezo final xa con IVE e sumando as primas por calidades e por benestar (nivel excelente), sitúase nos 73 céntimos. Teñen contrato até marzo, asinado no mes de setembro e José Antonio confía en que os prezos se manteñan de cara á renovación. “Europa está tirando cara este modelo de produción, se queren fomentar isto e animar a máis xente a pasarse a ecolóxico non tería sentido que nos baixasen o prezo”, razoa. Protexer as vacas das inclemencias meteorolóxicas Nave para vacas secas, que teñen cama quente de palla e saída ao pasto Unha das máximas de manexo que utilizan nesta gandería é a do benestar animal. “Nós non temos as vacas fóra nin cando chove moito nin con moito sol. Ter ás vacas á auga os días de inverno para min non é benestar animal, e igual nos días de sol no verán. As vacas o calor lévano mal, e o calor para elas é a partir de 25 grados”, matiza José Antonio.
Nin chovendo nin con moito sol temos as vacas fóra. Eu miro polo seu benestar porque tamén é o meu
Por iso no verán, os días que vai moita calor, botan as vacas a pacer pola mañá e recóllenas nas horas centrais do día, para que estean cando aperta o sol a cuberto no establo, para volver botalas pola tarde de novo a pacer. “Dá máis traballo, pero penso que as vacas están mellor. Por un lado evítaslles as horas de máis calor e minimizas riscos de mamite transmitido pola mosca”, asegura.   Para levalas e traelas ao pasto manexa el só o rabaño, coa axuda do seu can. No entorno da granxa teñen 10 hectáreas de terreo e para o resto das fincas, algunhas delas a quilómetro e medio de distancia, van por camiños de terra sen asfaltar.
Para iren ao pasto levámolas por camiños de terra, as nosas vacas case non pisan o asfalto
“Moitos deles eran camiños que estaban pechados de maleza, pero desde que botamos as vacas fóra volvéronse abrir”, explica. Estes vellos camiños de servizo evitan que o rabaño teña que ir polas pistas. “O alcatrán ás vacas non lles fai nada ben, moitas coxeiras danse por culpa das areas”, di José Antonio.

"En que me beneficia a min meterme en 250 vacas?"

Están a muxir neste momento 50 vacas e non teñen previsto aumentar moito o número de cabezas As Pontellas ten o relevo xeracional asegurado. Luis, o fillo de José Antonio e Ana, vai cumprir 20 anos e está a facer a incorporación á explotación. O que o convenceu para tomar a decisión foi a calidade de vida que ve que teñen os seus pais. “Aquí non fai falla levantarse ás 6 da mañá nin traballar unha chea de horas”, di. Por iso, coa súa incorporación Luis non pensa dobrar o establo ou o número de cabezas, unha práctica común en moitas explotacións intensivas cando se incorpora o fillo. “Como moito eu meterei 10 vacas máis, pero non teño previsto medrar ao tolo, nin aproveitar as axudas para iso, porque en que me beneficia a min meterme en 250 vacas?”, pregunta.
Non quero dobrar o número de cabezas; quero calidade de vida
“Iso suporía facer unha nave nova, ter que mercar un tractor máis grande, buscar máis terras, contratar un ou dous empregados, en definitiva, moito máis traballo para gañar o mesmo a fin de mes e perder calidade de vida”, razoa.    “O que queremos é baixar ao traballo mantendo os ingresos e a viabilidade da granxa; non aumentar ao traballo. Non quero dobrar ao número de cabezas; quero calidade de vida”, di convencido. Traballo familiar Nesta gandería familiar repártense as distintas tarefas a realizar para atender tanto o gando coma o traballo agrario sen necesidade de man de obra externa. “Facemos nós todo, desde abonar ou ensilar a atender aos animais”, explican. A recría é unha das tarefas que lles rouba tempo. Destetan aos tres meses e completan o proceso noutro establo, onde teñen as xovencas. No caso das vacas secas, contan cunha instalación con cama quente na que teñen ademais acceso libre ao pasto. Animais de recría, que destetan aos tres meses A lonxevidade nas súas vacas é moi elevada e a reposición que necesitan para cubrir as baixas é realmente pequena, aínda que ao querer medrar algo están a recriar algún animal máis dos necesarios. “Aquí con media ducia de xovencas ao ano amañariamos, temos vacas con 12 anos dando leite perfectamente”, conta José Antonio. A saúde xeral do rabaño é moi boa, o que reduce gastos en medicamentos. “Aquí o veterinario é moi raro que veña”, conta José Antonio. “Partos atendemos tamén moi poucos, un ou dos ao ano. Normalmente amáñanse soas para parir, e levamos 15 anos sen problemas de patas e sen ter que recurtar cascos”, explica.
Nós con recriar media ducia de xatas ao ano amañamos; temos vacas con 12 anos dando leite perfectamente
As Pontellas dispón de animais moi rústicos que se adaptan ben ao pastoreo. Comezaron cruzando as vacas holstein puras que tiñan con touros de razas como a roja sueca, a jersey, a montbeliard ou a parda alpina, en función das características da vaca. Para o segundo cruzamento usaron seme fleckvieh en todas as xovencas e na actualidade están volvendo a poñer frisón para incrementar a capacidade produtiva. “Para min a vaca que mellor nos funciona é o cruce de frisón con rojo sueco; é unha vaca que ten corpo, que dá leite e que é moi resistente”, asegura José Antonio.

Sae ao mercado unha nova gama de pensos ecolóxicos

Planta de fabricación de Piensos O Coto, que distribuirá o novo produto por toda Galicia

A UE pretende que no ano 2030 unha cuarta parte da produción agrogandeira europea sexa ecolóxica e a nova PAC empurra nesa dirección, ao tempo que os consumidores buscan cada vez máis produtos co selo bio. A produción ecolóxica ofrece grandes posibilidades en Galicia, sobre todo nos sectores do vacún de carne e de leite. 

Pero o mercado dos pensos ecolóxicos era até este momento moi limitado, con pouca oferta, o que condicionaba as posibilidades reais de escolla das explotacións. EcoCoto, a nova gama ecolóxica de Piensos O Coto, vén poñer fin a esa escaseza de alternativas nutricionais para o gando. 

O sector da produción ecolóxica está a medrar cada ano a nivel europeo e a nova PAC empurra nesa dirección

Esta nova liña de produto xa está no mercado e súmase á ampla gama de pensos, cereais, fertilizantes, sementes e subministros agrarios desta empresa familiar que empezou a funcionar no ano 1992. 

Logo da nova gama ecolóxica de Piensos O Coto

Coa nova gama ecolóxica, Piensos O Coto amplía a súa oferta, facilitando deste xeito a conversión a ecolóxico das ganderías, con fórmulas específicas tanto para vacún de carne como para vacún de leite, explica Joaquín Valledor Núñez, director-xerente de Piensos O Coto. 

A empresa ten previsto chegar a toda Galicia con esta nova gama ecolóxica que distribúe en exclusiva, elaborada a partir de materias primas de primeira calidade coas que cubrir de maneira efectiva os requerimentos nutricionais do gando, logrando deste xeito altas producións e unha mellora na rendibilidade das explotacións. 

A experiencia de Piensos O Coto, presente no sector desde fai máis de medio século e con fabricación propia desde hai tres décadas, é unha garantía para os produtores que desde fai anos confían nos seus servizos e tamén para os novos clientes.

Máis información no teléfono 982340300 ou no email administracion@benjaminvalledor.com

“Necesitamos o apoio da industria para que siga habendo conversión a ecolóxico das ganderías de leite”

Joaquín Díaz Gómez, presidente da Organización de Produtores de Leite Ecolóxico A UE quere que no ano 2030 o 25% da superficie agrícola europea sexa ecolóxica e a nova PAC empurra nese camiño. Pero a demanda de leite ecolóxico non está a medrar na mesma medida e o feito de que non haxa máis industrias que recollan e transformen o leite eco en Galicia non incentiva a certificación de novas granxas. A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia (APLE), creada no 2019, constituíuse como OPL hai un ano, con 29 ganderías socias e unha produción anual de 9.700 toneladas de leite (o 12,4% das ganderías e o 20% da produción ecolóxica española).
Da asociación de produtores forman parte outras ganderías que non están na OPL por transformar e vender directamente o seu leite
Pero no último ano, no canto de aumentaren, mesmo se deron de baixa granxas de ecolóxico, que decidiron pasarse a convencional polo forte encarecemento dos custos de produción e o recorte no diferencial do prezo de venda entre leite ecolóxico e convencional, que chegou a ser nulo, pero que volve situarse neste momento no entorno dos 10 céntimos. A industria láctea tamén ten un papel importante na evolución da produción ecolóxica, xa que a conversión das granxas en moitos casos depende de se a industria está disposta a recoller o leite producido en ecolóxico, polo que pode supoñer un freo máis á hora de daren o paso as ganderías de leite que fan pastoreo, para as que, a priori, sería máis sinxelo cumprir coas condicións da certificación.
Na actualidade só dúas empresas, Lactalis e Leche Celta, recollen leite ecolóxico en Galicia
“Ese foi o meu caso. Eu estaba en convencional pero sempre fixen pastoreo. Pasei a ecolóxico no 2015”, conta Joaquín Díaz Gómez, presidente da OPL. A súa explotación, ubicada en Triabá, no concello de Castro de Rei, é un exemplo claro de que a produción ecolóxica non está reñida coa tecnificación das granxas. A de Joaquín conta con robot de muxido e amamantadora para as becerras e está montando un sistema autónomo de alimentación. – Que é máis rendible hoxe, producir en ecolóxico ou en convencional? – En ecolóxico a rendibilidade depende de como se manexe a explotación, igual que en convencional, ou que en calquera outro sector. Eu paseime ao ecolóxico no 2015 e teño acordado anos moi bos en canto á rendibilidade da granxa, pero desde o 2019 parece que a gráfica pica cara abaixo. O ano pasado subiron moito os cereais e iso foi o que nos castigou. Eu cheguei a pagar o penso ecolóxico a case 800 euros a tonelada, mentres que o convencional subiu a 500 euros, pero non chegou a 800.
O litro de leite e o quilo de penso neste momento valen case o mesmo, uns 60 céntimos
O ano pasado foi malo por iso. Agora o prezo volveuse moderar e está baixando. Estamos pagando o quilo de penso ecolóxico a 60 céntimos. Agora entrou tamén Nanta; iso é bo, porque amplía a oferta. Antes había só 2 ou 3 empresas que fabricaran penso ecolóxico. É certo que o prezo é máis elevado, pero damos menos quilos. En canto ao prezo do leite, no ecolóxico non houbo este ano a baixada de prezo que houbo no convencional, seguímolo vendendo a 60 céntimos. Temos ademais outras vantaxes competitivas, porque as vacas dúrannos máis, polo que necesitamos menos recría para reposición e desta maneira non estás alimentando e gastando en animais que non producen. – Por que cres que hai explotacións que fan pastoreo e sen embargo non pasan a ecolóxico? – Ás veces hai descoñecemento do que supón producir en ecolóxico, porque ser non é tan difícil. Para unha explotación intensiva igual si, pero para unha extensiva que cumpra coa carga gandeira non hai tanta diferenza. A PAC vai ir enfocado cara ese tipo de produción. De feito, as condicións da axuda agroambiental da PAC de fomento de pastoreo extensivo son moi semellantes ás de produción ecolóxica. Piden ás explotacións unha carga gandeira inferior a 2 UGM/ha e non poden usar herbicidas nin abonos químicos, igual ca nós. A diferenza principal é o penso e algúns puntos da normativa de produción ecolóxica.
As condicións da axuda agroambiental da PAC de pastoreo extensivo son semellantes ás de ecolóxico
Non todas as explotacións terían condicións para producir en ecolóxico, pero se fas pastoreo e tes a superficie cerca da casa é doado. E eu penso que para unha explotación media, entre estar en extensivo ou en ecolóxico, é máis rendible o ecolóxico. Hai que ter en conta que a prima de ecolóxico practicamente triplica na PAC a axuda de convencional. – Que peso teñen precisamente as axudas da PAC na rendibilidade das vosas granxas? – Mal que nos pese, as axudas son unha das bases da rendibilidade das explotacións, tanto en convencional como en ecolóxico. Moitas veces a axuda da PAC representa o soldo do gandeiro. As vacas dan para manterse elas pero o salario do gandeiro ou o soldo do traballador que temos na explotación depende dese cobro.
Dependemos bastante das axudas; ás veces representan o soldo que lle queda ao gandeiro
Por iso é necesario que haxa estabilidade nas axudas. A incertidume crea dúbidas e bota para atrás á xente que se poida estar plantexando dar o paso. Como en calquera outro negocio, necesitamos seguridade. A falta de fondos suficientes nas axudas agroambientais do ano pasado provocou unha masacre nos produtores de carne, nos de leite menos, porque houbo menos gandeiros afectados, aínda que algún si que houbo. – Como ves a situación do sector de cara ao futuro? – Neste momento estamos nunha situación de mercado complicada, porque a inflación non incentiva o consumo de leite ecolóxico, e se non hai demanda do consumidor é difícil que as industrias dean o paso a ter unha liña ecolóxica. A conversión a ecolóxico dunha explotación de leite é moi complicada porque dependes da industria. Non podes pasarte a ecolóxico se a industria non che colle o leite. Nos anos 2015 e 2016 houbo moitas ganderías que se pasaron a ecolóxico. Naquel momento había demanda e prezo. Pero se a industria non se move, o sector non se move.
Estamos nunha situación de mercado complicada, porque a inflación non incentiva o consumo de leite ecolóxico
Pero queremos que a xente non se desilusione co ecolóxico. Estou convencido de que hai que ver a produción ecolóxica como opción de futuro, a longo prazo. Aínda que para iso é necesario resolver algúns problemas. Un dos principais é o da falta de man de obra. Moitas das explotacións non teñen relevo e están plantexándose abandonar porque non atopan empregados, ou polo menos deixar o leite e pasarse á carne, que require menos dedicación. – Con que intención creastes a OPL? – Para defender o leite ecolóxico e facer cousas en conxunto. Por agora a venda do leite e a negociación coa industria faise individualmente, pero se houbese unha crise estaría a OPL para respaldarnos. Neste momento non é tan necesaria esa presión porque os prezos son bos.
Un terzo dos produtores de leite en ecolóxico que hai en Galicia estamos na OPL
A través da OPL temos información de utilidade de como está o mercado e cal é e situación dos prezos para poder negociar mellor os contratos coas empresas que nos recollen o leite. A OPL pretende, precisamente, servir de interlocutor coas industrias e coa Administración. Nese sentido, estamos á espera dunha axuda da Consellería do Medio Rural para ampliar as actividades da asociación tanto cos socios coma cos consumidores, porque cremos necesaria unha promoción do leite ecolóxico dende o punto de vista dos gandeiros aos consumidores, para que saiban como se produce realmente o leite ecolóxico. Outro dos obxectivos é a mellora da produción nas explotacións, optimizando os custos e recibindo apoio técnico para o manexo e a xestión das granxas. Dentro da OPL facemos por exemplo o control dos custos de produción, para saber canto nos custa producir o litro de leite. Tamén nos xuntamos e compartimos experiencias. En definitiva, os nosos obxectivos principais son tres: facer forza, profesionalizar a produción e promover a conversión a ecolóxico dentro do sector.

“Houbo explotacións grandes que se pasaron a convencional o ano pasado”

Galicia produciu o pasado mes de agosto 1.743 toneladas de leite ecolóxico, o que representa o 55% do total estatal, segundo os datos de entregas publicados polo Ministerio de Agricultura. De xaneiro a agosto deste ano Galicia produciu 2.026.520 toneladas de leite convencional e só 14.751 ecolóxico, o 0,7% do total. Esa porcentaxe sitúa a Galicia entre as rexións produtoras de leite onde o ecolóxico ten menor peso.
A produción de leite ecolóxico en Galicia só representa o 0,7% do total
Galicia está á cola en produción de leite ecolóxico en Europa, cando as condicións da comunidade se prestarían para este modelo de produción baseada no pastoreo. Nos últimos dous anos mesmo se observa un descenso na produción de leite ecolóxico, que caeu un 15%, pois se en maio de 2021 a produción foi de 2.486 toneladas, a de maio deste ano foi de 2.133, 350 toneladas menos. En países como Austria, Suecia ou Dinamarca a produción de leite ecolóxico supera o 15% da produción láctea total do país, mentres en Alemaña ou Francia acada o 5%, aínda que con algúns problemas tamén de saturación do mercado
A produción láctea ecolóxica mantense estancada en Galicia, mentres segue a medrar noutros países da UE
En Galicia, o prezo do leite ecolóxico está un céntimo por baixo da media estatal. O prezo medio en agosto (62,5 céntimos en Galicia e 63,6 en España) está sen embargo 12 céntimos por enriba do leite convencional (49 e 51,8 céntimos respectivamente). – Á vista dos datos, semella que a produción de leite ecolóxico non avanza, ou mesmo está en retroceso en Galicia. Cal é a realidade do sector? – En Galicia houbo un boom de conversións a ecolóxico hai 6 ou 7 anos, coincidindo coa entrada dun novo operador no mercado, Leche Celta, o que fixo subir o prezo polo incremento na demanda de leite. Desde entón había un estancamento no número de ganderías en ecolóxico, unhas 110, pero o ano pasado é certo que houbo abandonos.   
O ano pasado houbo gandeiros ecolóxicos que se pasaron a convencional
Houbo produtores que se pasaron a convencional, algunhas delas eran explotacións bastante grandes, con moitos litros de produción, que case podían sumar dous millóns e medio de litros.    – A que se debeu? – Déronse varios factores: o leite convencional chegou a pagarse máis polas industrias que o ecolóxico, os custos de produción disparáronse, porque o penso ecolóxico chegou a custar 800 euros a tonelada. A maiores deuse o problema das axudas da Xunta. Todo iso desanimou a moita xente.
O problema coas axudas da Xunta o ano pasado desanimou a moita xente
– E cal é a situación a día de hoxe? – Os custos de produción moderáronse algo, porque o penso está hoxe nuns 500 euros a tonelada. E o prezo de venda do leite está a manterse lixeiramente por riba dos 60 céntimos. Non baixou, como pasou co leite convencional, que xa caeu uns 10 ou 12 céntimos, e a perspectiva en ecolóxico é que o prezo non baixe, porque ao marchar xente hai menos produción.
No ecolóxico non houbo a baixada de prezo que houbo no convencional; seguimos nos 60 céntimos
– Canto tempo tería que pasar para que esas explotacións poidan volver a producir en ecolóxico? – Se te botas fóra tes que esperar 2 anos como mínimo para entrar outra vez no CRAEGA e outros 2 de conversión, son xa 4 anos.
O feito de que non entren novos operadores no mercado segue a ser o factor limitante para o incremento da produción
A falta de máis transformación do leite ecolóxico supón un freo para o sector. O factor limitante hoxe é a industria. Sería bo que entrase algún outro operador a mercar e transformar leite, porque iso animaría o mercado.

“En Francia hai saturación de leite ecolóxico no mercado e págase menos que o convencional”

Samuel Dugas fíxose cargo da gandería familiar no 2007 e tres años despois pasou a ecolóxico As ganderías lácteas ecolóxicas están a pasar momentos delicados en Francia. A presión social dos consumidores empurrou nos últimos anos ás explotacións cara a prácticas máis respectuosas co medio ambiente e unha parte das granxas apostou pola conversión a ecolóxico. Pero lonxe de supoñer unha revalorización do produto en orixe, o mercado non foi capaz de absorber ese volume de produción e os prezos a día de hoxe sitúanse mesmo por baixo dos pagados aos gandeiros convencionais. As catro principais empresas de recollida de leite ecolóxico en Francia son, por esta orde: Biolait (305.000 toneladas en 2022, un 1,6% menos que en 2021), Sodiaal (217.000 toneladas, un 3,5% menos que en 2021), Lactalis (245.000 toneladas, un 6,5% máis que en 2021) e Eurial, a división de produtos lácteos do xigante cooperativo francés Agrial (135.000 toneladas, un 5,5% máis que en 2021).
O 5,2% do leite producido en Francia é bio, mentres en Galicia representa só o 0,7%
Entre os catro acaparan o 75% da produción de leite ecolóxico francesa, que suma en total 1,2 millóns de toneladas, que representan o 5,2% da produción láctea do país. A importancia da produción ecolóxica queda patente no número de granxas: Francia conta con 1.560 explotacións de leite ecolóxico, fronte ás 110 existentes en Galicia. Pero o aumento de prezos nos supermercados, debido á alza da inflación, impactou nas compras dos fogares franceses, agudizando a crise de sobreproducción de leite ecolóxico, a pesar da caída de produción por unha menor dispoñibilidade de forraxe debida á seca dos dous últimos anos. “Situación delirante” Samuel Dugas é un gandeiro da Bretaña francesa. A súa granxa, La Chènevétrie, situada en Bais, a 45 km de Rennes, conta con 40 vacas en produción e 67 cabezas totais contando a recría. “A situación é delirante, porque o leite eco está a pagarse menos que o convencional. Existe saturación no mercado, porque nos últimos anos houbo moita conversión de granxas a ecolóxico e, pola contra, estabilizouse o consumo e hai unha contracción da demanda”, explica.
O leite ecolóxico pagouse en Francia en maio a 44 céntimos, 9 céntimos menos que en España
O prezo do leite ecolóxico caeu nos meses de abril e maio do ano pasado ata os 40 céntimos e, tras recuperarse no inverno e alcanzar de novo a barreira dos 50 céntimos, caeu de novo esta primavera ata 44 céntimos no mes de maio (9 céntimos menos que en España), fronte aos 45,3 aos que se pagou ese mes o leite convencional, e mentres o leite bio mantivo o seu prezo medio no último ano, o convencional revalorizouse un 18%. Primeiro produtor de leite ecolóxico de Europa A granxa ecolóxica de Samuel atópase en Bais, na zona oeste da Bretaña O aumento de produción, que aumentara de forma exponencial desde 2019 (850.000 toneladas anuais) ata 2022 (1,2 millóns de toneladas), converteu a Francia no primeiro produtor de leite ecolóxico a nivel europeo, superando a Alemaña.
Francia conta con 1.560 explotacións de leite ecolóxico, cunha produción media de 5.100 litros por vaca e ano
O prezo para os gandeiros galos é, sen embargo, até 10 céntimos máis baixo que en Alemaña e a caída de prezos provocou unha desaceleración no crecemento da produción de leite ecolóxico en Francia, con granxas que abandonaron a certificación para producir de novo en convencional e leite producido en ecolóxico que se vende como convencional. Esta desvalorización provoca grandes perdas económicas aos gandeiros. O Goberno francés xa anunciou axudas por importe de 10 millóns de euros para os produtores de leite ecolóxico, pero as perdas estímanse en máis de 60 millóns. Descenso do consumo A transformación de granxas leiteiras en Francia cara á produción ecolóxica tivo lugar en tres grandes ondas. A primeira produciuse no ano 2000, a seguinte en 2010 e a última en 2017. “Ata entón o consumo seguía tamén unha curva ascendente, cun incremento anual de dous díxitos, pero a situación cambiou. A xente agora compra menos leite ecolóxico pero, sobre todo, houbo grandes granxas que se pasaron a ecolóxico tras o fin das cotas lácteas, así que inxectaron moito leite ecolóxico ao mercado, que chegou a saturarse, algo que antes non sucedía. A estacionalidade da produción fai que esta se concentre de forma conxuntural na primavera e que o prezo baixe”, explica Samuel. No que vai de 2023 en Francia, do mesmo xeito que ocorre noutros países como Alemaña, o consumo de produtos lácteos ecolóxicos continúa diminuíndo. O aumento de prezos dos alimentos, debido á inflación, non anima a consumir produtos ecolóxicos. De feito, as compras dos fogares franceses están a caer máis bruscamente no caso dos produtos ecolóxicos que no dos produtos convencionais, cun desplome das vendas nas tendas ecolóxicas especializadas próximo ao 5% no caso do leite e a manteiga. Freo nas conversións A produción ecolóxica e a venda directa aumentaran en Francia tralo final das cotas lácteas O descenso de compras de leite bio está a ser substituído nalgúns casos por leite de pastoreo convencional ou por bebidas vexetais, e empresas como Lactalis decidiron frear as conversións de granxas a ecolóxico. Samuel instalouse en 2007 na granxa que rexentaba o seu pai, que vendía a súa produción de leite convencional a Lactalis. Pero a multinacional francesa primaba naquel momento o paso a ecolóxico dos seus gandeiros cun sobreprezo de 3 céntimos. Entre 2010 e 2012 Samuel fixo a conversión a ecolóxico, primado durante eses dous anos e con compromiso de entrega durante 5 anos.
Samuel fíxose cargo da granxa familiar en 2007 e en 2010 deu o paso a ecolóxico, incentivado por Lactalis, a empresa que lle recollía o leite naquel momento
Transcorrido ese período, a partir do ano 2017, Samuel empezou a vender o seu leite a Biolait, o primeiro operador francés de leite ecolóxico, que sufriu en primeira persoa a caída de vendas. A resposta de Biolait foi pedir aos seus gandeiros producir menos leite e axustarse o cinto dos prezos, cun prezo medio de 45 céntimos para 2023, similar ao do leite convencional. Ante iso, algunhas granxas que levaban anos, ou mesmo décadas, entregando a Biolait, decidiron vender a súa produción como convencional a outras industrias.
A cooperativa Sodiaal decidiu non coller a novos produtores ecolóxicos polo momento e Biolait esixe ás súas granxas que produzan menos
“Hai demasiado leite ecolóxico no mercado e o consumo diminuíu considerablemente. Biolait non ten practicamente transformación, unicamente compra, envasa e vende leite líquido, polo que é moi sensible aos cambios de consumo”, xustifica Samuel. Desvalorización do produto como convencional Os excedentes de leite ecolóxico están a aumentar, o que provoca un incremento dos volumes de leite vendido como convencional. A Federación Nacional de Produtores de Leite (FNPL) calcula que o 40% do leite producido como ecolóxico nestes momentos en Francia comercialízase a través do circuíto convencional, unha porcentaxe que confirman Lactalis e Eurial, dous dos catro principais operadores lácteos en ecolóxico en Francia, que declaran ter absorbido en 2022 ata 4 de cada 10 litros da súa recollida ecolóxica a través de canles de venda convencionais.
O 40% do leite francés producido en ecolóxico está a venderse como convencional
Pola súa banda, a cooperativa Sodiaal desclasificou no 2022 o 20% do seu volume de leite ecolóxico, entre outras medidas grazas á súa política de incentivos de redución de produción (bonificación de 1,13 céntimos por litro de febreiro a xuño de 2022 por unha redución de entre o 3 e o 10% da produción). Do mesmo xeito que os seus competidores, Sodiaal tamén decidiu non coller a novos produtores ecolóxicos polo momento.

“A clave para sobrevivir nesta situación está en reducir custos e diversificar os ingresos”

Samuel, xunto ao rabaño de ovellas de raza autóctona Landes de Bretagne Antes de facerse cargo da gandería familiar, Samuel traballou en granxas austríacas e esa experiencia inspirouno á hora de transformar a súa granxa. “Cando me incorporei, eu son a quinta xeración, a nosa explotación seguía o modelo tradicional das granxas leiteiras de Bretaña, cun terzo da superficie agraria dedicada a millo, un terzo a herba e un terzo a cultivo de trigo”, explica. A súa primeira decisión no ano 2007 foi reconverter a pasto as terras de cultivo. “Unha vez que xa me sentía cómodo con ese sistema era bastante fácil e lóxico pasarse a ecolóxico”, asegura, aínda que recoñece que a principal razón ou incentivo foi o prezo.
Samuel recoñece que un dos motivos que o levaron a pasarse a ecolóxico foi o prezo
“Hoxe ese diferencial positivo non existe, polo que a clave do éxito do ecolóxico non está no sobreprezo, senón no control de custos, posto que tes maior control en ecolóxico, aínda que tampouco hai unha marxe de seguridade”, admite. Debido á actual conxuntura e os baixos prezos, apostaron pola diversificación e a venda directa como estratexia de supervivencia da granxa. “Depender só do prezo do leite facíanos moi vulnerables. E o feito de producir en ecolóxico non resolve o problema do control do prezo dos produtos e a súa comercialización. Ter máis dun cliente e máis dun produto á venda fainos menos fráxiles”, argumenta.
Depender só do prezo do leite facíanos moi vulnerables, por iso estamos a valorizar as producións a través da venda directa
Habilitaron como tenda un espazo na propia granxa onde venden os distintos produtos, desde leite cru a carne de tenreira e cordeiro, sidra e zume de mazá, que eles mesmos elaboran, así como mel e outros produtos de produtores veciños. Maceiras e ovellas Nos lindes das fincas plantaron maceiras para facer zumo e sidra Na súa estratexia de diversificación optaron por cultivos complementarios e que non necesiten de grandes investimentos. “Aproveitando os lindes dos prados plantamos maceiras. En total suman unha hectárea de cultivo. Facemos zume de mazá e sidra e é algo que non require moito investimento. Tampouco a venda de carne, xa que cebamos e facemos lotes no matadoiro”, explica Samuel. Fai tres anos introduciron tamén ovellas autóctonas Landes de Bretagne, unha raza rústica que permite que permanezan todo o ano na pradería. Crían uns 20 cordeiros ao ano, que nacen no mes de marzo e son vendidos en decembro.
Venden 5.000 litros de leite na propia granxa a veciños da zona e sacrifican 4 bois cebados cada ano en lotes de 12 kg de carne
Ceban ademais catro bois ao ano. Son cruces das súas vacas holstein con limusín. Cástranos aos 7 meses e son sacrificados aos 3 anos, acadando os 350 kg en canal, que despois venden en paquetes de 12 kg. Os clientes reservan a través da páxina web e dous terzos das vendas son de proximidade, mentres outro terzo procede de clientes da zona de París. “Coa venda directa recuperamos o valor engadido dos produtos. O noso obxectivo é ir aumentando pouco a pouco pero sen investir demasiado e reducindo ao máximo os gastos e custos de produción, buscando o punto exacto de máxima rendibilidade”, argumenta. Alimentación a base de pasto La Chènevétrie dispón de 55 hectáreas de terreo, todas dedicadas a pradería, agás unha hectárea que labran con remolacha para recoller no inverno en fresco. “En 2014 deixamos de labrar e ensilar millo. Desde entón, o pastoreo é a base da a alimentación do gando. As vacas saen todos os días excepto en xaneiro e febreiro, xa que temos leiras moi húmidas situadas na ribeira do río, e as crías saen coas nais ao pasto ata os 5 meses”, detalla.
Teñen pradeiras permanentes plurivarietais de gramíneas e leguminosas e unicamente abonan as fincas con xurro antes do corte de herba seca
O sistema de pastoreo que aplican é rotacional. “O fío avanza todos os días”, insiste Samuel. As praderías son permanentes (renovan 1 hectárea cada ano aproveitando a sementeira da remolacha) e plurivarietais (usan varias especies de gramíneas e leguminosas, como raigrás inglés diploide, festuca, alfalfa, trevo branco e chicoria). “É unha planta moi boa a nivel de taninos para a alimentación e é resistente á seca, ao igual que a remolacha”, aclara. No inverno suplementan con forraxes propias. “Non usamos nada de concentrado, só pasto e herba seca. Ata 2022 faciamos tamén silo, pero agora unicamente facemos herba seca, unhas 50 toneladas para todo o ano”, explica. Monomuxido En vez de papel, utilizan la de madeira, que mercan en Suiza, para limpar os tetos antes da muxidura Samuel atende a granxa coa axuda da súa muller, Lidia, e entre 6 granxas teñen a unha persoa contratada para as libranzas. Os traballos agrarios, de sega e recollida de forraxe, realízanos a través dunha CUMA. Para reducir a carga de traballo muxen só unha vez ao día. Do mesmo xeito que en Galicia, o monomuxido é algo novo e minoritario tamén na Bretaña, pero Samuel deféndeo como unha alternativa á falta de man de obra.
A media de produción da granxa é de 3.800 litros por vaca ao ano sen dar nada de penso
“Despois de 15 anos atopábame aprisionado polo muxido da mañá e da tarde. O robot de muxido estaba fóra de discusión para min e atopar a alguén para substituírte todos os días é moi complicado. Cando fai catro anos descubrín que era posible muxir só unha vez ao día foi toda unha revelación para min. Iso permíteme ter tempo libre para outras actividades, xa que o muxido da tarde limita moito a vida social. Agora podo ir á piscina ou a clarinete cos meus fillos. A maxia das vacas de leite é a relación con elas durante o muxido. Por iso, o monomuxido permite recuperar o gusto polo traballo. Agora gozo muxindo, cando antes era un sufrimento diario”, argumenta.
Agora gozo muxindo; antes era un sufrimento diario
Samuel muxe todos os días ás 7 e media da mañá e despois as vacas saen ao pasto ata o día seguinte. A produción media das súas vacas é de 3.800 litros ao ano, sen dar nada de penso. Insiste ademais en que outro dos beneficios do monomuxido é que redunda nunha ampliación da idade produtiva das vacas. A media da súa granxa é de 4,5 lactacións. Probou a facer cruzamientos, pero na actualidade aposta por dúas razas puras, a frisoa (80% do rabaño) e a parda alpina (20%). “A holstein adáptase perfectamente ao monomuxido”, asegura.

Carioni, a granxa ecolóxica máis grande de Italia, con 1.500 vacas e 1.000 hectáreas

Sara Carioni, xunto a Adrián Fernández, Antón Chaín, Mateo García e Brais Cajide, alumnos da EFA Fonteboa que esta primavera fixeron prácticas nesta gandería italiana En 1920 a familia Carioni empezou a producir leite con 5 vacas na súa pequena granxa de Trescore Cremasco, no límite entre as provincias de Cremona e Bérgamo. Un século despois e propiedade na actualidade de Tommaso Carioni e os seus irmáns Mario e Tiziana, converteuse na explotación ecolóxica máis grande de Italia. Nela realizaron prácticas esta primavera catro alumnos da EFA Fonteboa dentro do programa de intercambio europeo Erasmus+. Situada na zona agrícola de Crema, a 50 minutos da cidade de Milán, a granxa da familia Carioni é hoxe unha empresa diversificada, que transforma a súa produción láctea en queixos e outros produtos e que cultiva tamén hortalizas coas que fai conservas.
A granxa da familia Carioni é hoxe un exemplo de emprendemento agrícola recoñecido en Italia
A importante dimensión alcanzada garante todo o ciclo produtivo, desde a produción de forraxes e a cría do gando ata a transformación e venda directa dos seus produtos lácteos, un modelo de emprendemento agrícola recoñecido con numerosos premios en Italia. A procura da autosuficiencia enerxética levounos a investir tamén en placas solares e biodixestores para o aproveitamento do metano xerado polo xurro. En ecolóxico desde o 2015 Vista aérea das instalacións onde se atopan as vacas de produción de leite ecolóxico, a queixaría e a planta de biogás Na súa evolución como empresa, souberon fusionar tradición e investimentos nas tecnoloxías máis avanzadas para abrirse camiño no mercado. Un crecemento constante iniciado fai máis de medio século pero que se multiplicou na última década. O pai de Tommaso, Francesco Carioni, incrementou nos anos 60 a cría de gando leiteiro e o cultivo da terra coa produción de hortalizas. Seguindo o seu exemplo de diversificación, no ano 2000 os seus fillos montaron unha queixería e empezaron a transformar o leite que producían en queixo fresco e curado de distintas denominacións de orixe, como Salva Cremasco ou Taleggio. Pero é a partir de 2015 cando se produce o gran salto na empresa familiar, coa conversión a ecolóxico e o lanzamento de Carioni Food & Health, que resume a filosofía actual do grupo: adaptarse ás demandas do consumidor producindo alimentos de calidade, saudables, e que preserven o medio ambiente. 1.000 hectáreas de terreo Sistema de rega, con 600 metros de mangueira e pivote Desde entón duplicaron varias veces o tamaño da granxa e estenderon a súa superficie agraria, que suma na actualidade 1.000 hectáreas repartidas por 3 das 20 rexións italianas: Lombardía, Emilia Romagna e Marche. “Facemos dous cultivos ao ano. As rotacións son moi importantes en ecolóxico para manter o chan e evitar as malas herbas”, asegura Sara Carioni, que se encarga do manexo de datos, a certificación ecolóxica das terras e a gandería e do sistema automatizado de alimentación, formado por tres robots Triolet. A ración inclúe silo de trigo, silo de herba, pastone de millo, fariña de millo, torta de soia, fariña de chícharo e palla ou herba seca. Na actualidade só saen ao pasto as vacas secas, pero a partir da próxima primavera sairán tamén as vacas en produción. “Para iso temos que cambiar a estrada principal de sitio e necesitamos a autorización do Concello”, explica Sara. Cultivos para alimentación humana e animal A cultivo de xirasol destinan 150 hectáreas As vacas aliméntanse con forraxes ecolóxicas producidas nas terras que xestiona a propia granxa e coa importación de subministracións procedentes doutras áreas e doutros países, por exemplo millo de Europa do leste, que chega cada semana en tráiler por estrada. Cultivan 250 hectáreas de trigo, 150 de millo, 150 de xirasol, 100 de cebada e 100 de herba para o gando e, para alimentación humana, 60 hactáreas de colza, 60 de chícharo e 50 de soia. Contan con terras en distintos municipios (Trescore Cremasco, Casaletto Vaprio, Crema, Romanengo, Pantigliate, Vignate) de varias provincias (Milán, Lodi, Cremona). Realizan directamente eles mesmos unha parte importante dos traballos agrícolas, para o que dispoñen dun amplo parque de maquinaria, aínda que tamén subcontratan algúns labores específicos en momentos concretos. Tres granxas Vacas de produción ecolóxica, con 600 cabezas en muxidura e previsión de dobrar no plazo de 4 anos A gandería conta con 1.500 cabezas totais repartidas en varias localizacións. O establo principal alberga a 600 vacas adultas en produción ecolóxica en Trescore Cremasco, que se complementa cunha granxa aparte para a recría. A poucos quilómetros, en Casaletto Vaprio, Carioni mantén outra explotación que produce en convencional cun cento de vacas en muxidura.
Producen diariamente 18.000 litros de leite ecolóxico e transforman o 40% da produción
A media de produción é duns 30 litros por vaca e día, cun 4,2% de graxa e un 3,5% de proteína. Das granxas da familia Carioni saen diariamente uns 18.000 litros de leite ecolóxico e 2.800 de convencional. Transforman o 40% da produción, á que dan saída a través da venda directa en tendas propias, situadas en Brescia e na estación central de Milán. Son tamén socios da cooperativa Granarolo, á que subministran leite ecolóxico co que elaborar produtos de alimentación infantil. “Págannos pouco, só 69 céntimos por litro, uns 12 céntimos máis que o convencional”, quéixase Sara. Exportación Entre os produtos elaborados encóntranse queixos con denominación de orixe, leite fresco e distintas conservas A demanda interna italiana está “saturada”, afirma. “É necesaria unha regulación da produción de leite porque, a falta de normas, o mercado italiano foi invadido por materia prima procedente do estranxeiro, o que provocou unha baixada de prezo que pon en dificultades aos gandeiros italianos”, asegura. Por iso apostan por abrir mercados fóra, a través da exportación e internacionalización dos seus produtos. Tras converterse en provedores oficiais de McDonald’s Italia, iniciaron contactos en destinos afastados como Australia, Asia ou EEUU.

Seguir medrando coa innovación constante como bandeira

Sara Carioni, xunto aos alumnos galegos, no establo de produción ecolóxica Sara é a cuarta xeración na gandería iniciada polo seu bisavó fai máis dun século e representa o cambio tecnolóxico polo que está a apostar Carioni. “A innovación foi a clave da nosa evolución e do noso crecemento”, asegura Sara. A pesar de vivir un crecemento exponencial nos últimos 10 anos, tanto en cabezas de gando como en hectáreas de terreo, o seu obxectivo a curto prazo é seguir crecendo. “O noso obxectivo en 4 anos é duplicar o número de vacas en produción, pasando das 600 actuais a 1.200”, detalla.
Aquí non se cuestiona o tamaño das explotacións, porque a sustentabilidade non depende diso senón de como se fagan as cousas
“Aquí non se cuestiona o tamaño das explotacións, hainas de máis de 1.000 vacas e non existe límite legal respecto diso e na miña opinión pode ser sostible unha granxa deste tamaño, porque non depende do número de vacas senón de como se fagan as cousas”, argumenta. Robotización Zona de carga de forraxes e concentrado do robot de alimentación Para acompañar ese crecemento, a granxa da familia Carioni aposta por un alto nivel tecnolóxico nos seus procesos de produción, tanto agrícolas como gandeiros. “Tanto o robot de alimentación como os de muxido que estamos a montar están xa pensados e deseñados para chegar ás 1.200 vacas en produción”, explica.
Están a substituír o muxido en sala dúas veces ao día por 20 robots
Trátase dun sistema pioneiro, da marca italiana TDM, no que os robots non están situados no medio dos distintos lotes de animais, senón nunha instalación aparte, á que se conducen as vacas para muxirse, igual que se se levasen á sala de muxido. Os robots están dispostos en forma de semicírculo ao redor dunha sala de espera central para grupos de 150 vacas. “Para a nosa visión de futuro, unha sala de muxido rotativa non cumpría coas nosas expectativas, porque o noso obxectivo é robotizar a granxa”, conta Sara. Cambio no rol dos traballadores Iso non vai eliminar man de obra, considera, pero si que vai cambiar as súas funcións e o perfil dos traballadores, porque “a partir de agora necesitaremos menos operarios e máis técnicos informáticos”, afirma.
Dan emprego a máis de 60 persoas
Con todo, matiza, “aínda que se traballe con computadores e se manexen datos, as vacas hai que coñecelas igual, e a terra tamén”, salienta. En total dan emprego a entre 60 e 65 persoas nas distintas patas do grupo: agricultura, gandería, transformación, distribución e comercialización. Agricultura de precisión Cisterna con sistema de inxección para o xurro No cultivo da terra, practican a agricultura de precisión, instalando sistemas de rega por goteo capaces de medir as necesidades hídricas específicas de cada parcela e tipo de cultivo. “O clima está a cambiar moito, nesta zona temos entre 80 e 100 días de choiva ao ano, pero nos dous últimos anos choveu moito menos, a cantidade de precipitación foi moi inferior, polo que se fai imprescindible o regadío”, asegura. “Faciámolo por turbina e este ano incorporamos unha mangueira de 600 metros con pivote”, detalla.
No verán a temperatura alcanza os 35 graos e no inverno as mínimas caen ata os 5 graos baixo cero
A produción ecolóxica ten ademais outros requirimentos. “Non podemos usar nada de abono químico, polo que unicamente fertilizamos con abonos orgánicos, mediante xurro líquido inxectado e esterco sólido que enterramos ao momento para reducir as emisións”, explica. Este profundo coñecemento da produción agrícola desde un punto de vista científico, a aplicación de boas prácticas agronómicas e os investimentos en tecnoloxías avanzadas permitíronlles mellorar a produtividade das terras. Recría propia Malia estar en produción ecolóxica, só as vacas secas saen a pacer ao exterior das instalacións Carioni pretende duplicar nos próximos 4 anos o número de cabezas de gando en base á súa propia recría, para o que están inseminando a todas as vacas con seme holstein, usando sexado en xovencas e vacas de primeiro parto. “Levamos 2 anos facéndoo para medrar máis rápido”, indica. Con todo, os problemas de amontoamento das tenreiras están a atrasar o seu crecemento e dificultando este obxectivo. Danlles 5 litros de costro ás tenreiras ao nacer, o que lles axuda a arrincar moi ben nas primeiras semanas de vida, pero despois o seu crecemento vese freado a medida que pasan aos lotes grupais, polo que se ven obrigados a ampliar a idade de destete nalgúns casos ata os 4 meses de idade. Benestar animal As camas nas novas naves son de colchoneta de látex Desde fai 6 anos contan con certificación de benestar animal. “É unha demanda dos consumidores que compran os nosos produtos e unha garantía de bo manexo para os nosos clientes”, argumenta Sara. As naves de produción construídas hai 5 anos dispoñen de cubículos con colchón de látex para o gando e nas máis antigas a cama é de palla picada.
A certificación non ten en conta a innovación; está un pouco desfasada
A certificación ten en conta a comodidade do aloxamento no que se atopan os animais, a ausencia de ruídos no establo, a abundancia de bebedoiros e prazas de cornadiza, a amplitude das instalacións, o raiado dos chans e outros aspectos construtivos, pero non as innovacións tecnolóxicas, polo que Sara considera que este tipo de certificacións quedáronse xa “desfasadas”. Autosuficiencia enerxética Parque de maquinaria, co tractor que usa o biometano como combustible Outro dos obxectivos de Carioni é lograr ser unha explotación autosuficiente desde o punto de vista enerxético. Para iso están a instalar paneis solares para autoconsumo en todos os teitos das naves.
Pola noite seguen funcionando os robots de alimentación e manteñen as luces dos establos acendidas para estimular a inxesta
“O prezo da electricidade multiplicouse por catro o ano pasado e o custo da factura disparóusenos, pero cando instalemos todas as placas seremos autosuficientes enerxeticamente”, destaca Sara. Ademais, desde o ano 2010 dispoñen dunha planta de biogás de gran tamaño, con dúas turbinas de 1 kw/h de potencia cada unha, o que lles permite inxectar á rede eléctrica a enerxía equivalente ao consumo de 3.000 familias.
Dispoñen dun tractor New Holland que utiliza biometano como combustible
A planta aliméntase de xurro de vaca, esterco de galiña, ensilado de cereal e raigrás, cebada das fincas que non están en ecolóxico, avea, fariña de millo, o soro da queixaría e diversos subproductos. O material dixestado é utilizado posteriormente nas terras como abono. Esta granxa italiana é pioneira tamén na procura de fontes renovables alternativas para a maquinaria. “Ata o de agora produciamos só electricidade, pero imos transformar a planta para facer biometano”, avanza Sara. Dispoñen xa do primeiro tractor que utiliza biometano como combustible, da marca New Holland.

200 mulleres reivindican a igualdade dende a granxa Casa Grande de Xanceda

A granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, situada en Mesía (A Coruña) celebrou o 8 de marzo, Día da Muller, cunha acción que congregou a 200 mulleres nas súas instalacións. Como apuntan dende a granxa, as participantes fixeron unha homenaxe á igualdade creando un enorme símbolo feminino nunha das pradeiras ecolóxicas da gandería. As visitantes chegaron ataviadas de violeta e todas levaban un pano que dicía “Mulleres do rural e a cidade, unidas pola igualdade”. A granxa ecolóxica abriuse a esta visita especial na que, ademais da creación do símbolo, fixeron un percorrido con degustación de produtos. Este ano 2023, Casa Grande de Xanceda gañou o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Un dos puntos que o xurado resaltou foi a feminización do equipo da firma: un 62% da plantilla. Dese 62%, moitas en postos de responsabilidade: marketing, calidade, produción ou administración. A granxa quixo facer esta acción aberta a esas 200 mulleres para expandir a súa filosofía de que a igualdade é “fundamental” para o avance social.

Unha granxa pola igualdade

Esta é unha acción de responsabilidade social corporativa de Casa Grande de Xanceda. Desde a granxa traballan diariamente pola igualdade e reivindican a figura da muller como parte fundamental do mundo rural e a transmisión da súa cultura e tradicións. Ao mesmo tempo, desde a firma recordan que as mulleres rurais non queren ser “superheroinas” senón que a administración debe “prover servizos de conciliación e información para que poidan desenvolver as súas carreiras profesionais en igualdade cos homes”. Outras accións relacionadas coa defensa da igualdade foron un enorme símbolo da muller segado en herba ou un baile tiktokeiro das traballadoras da granxa.

- Vídeo de como se fixo o símbolo 

Rexistran a primeira organización de produtores de leite ecolóxico de España

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia estivo a funcionar dende o 2019 e agora dá un paso máis, logo de crecer en socios e produción, e acaba de rexistrarse como organización de produtores de leite (OPL) ecolóxica para empezar a operar como tal. Trátase da primeira OPL específica de leite ecolóxico en España. A OPL terá o seu ámbito de actuación a nivel de Galicia. Actualmente a asociación conta con 34 ganderías socias, con 12 millóns de quilogramos de leite. Delas, 29 ganderías, con máis de 9,7 millóns de quilogramos de leite integrarán a OPL. Como referencia, a OPL aglutina ao 12,4 % das explotacións de bovino de leite en España, así como o 20% de produción de leite cru española, segundo os últimos datos do Ministerio de Agricultura do 2020. O principal obxectivo da OPL é mellorar o propio sector, optimizando os custos de produción e mellorar as condicións para os socios. Para iso contará co persoal técnico, administrativo e medios necesarios, cos que darán apoio ao sector. O proceso de rexistro da OPL, foi encargado a Agronovo Ecoloxía, asesoría especializada en agricultura e gandería ecolóxica. A asociación convida ó resto de gandeiros de produción ecolóxica a sumarse á iniciativa para obter un beneficio mutuo, xa que se poderán beneficiar de formación adecuada, apoio técnico, interlocución coa Administración e coa industria, por citar algúns beneficios de pertenza á OPL.

Os produtores de leite en ecolóxico reclaman prezos xustos e implicación institucional

Arredor dunha quinta parte das granxas produtoras de leite ecolóxico en Galicia secundaron este sábado a convocatoria de xuntanza aberta realizada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Museo Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro, Curtis). No encontro analizouse e debatouse a situación do sector e as necesidades das gandeiras e gandeiros de leite en ecolóxico; aportouse información sobre a situación no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galiza (CRAEGA) e elaboráronse propostas de traballo para defender e fortalecer ao sector. Malia contar con tan só 113 explotacións no CRAEGA -20 delas presentes na xuntanza de onte-, na Galiza prodúcese máis da metade do leite ecolóxico a nivel estatal. Logo duns anos de incremento na cantidade de leite producido e comercializado, sen embargo na xuntanza alertouse de que “atopámonos arestora cunha situación na que as industrias afirman que non hai mercado para o leite ecolóxico, polo que o prezo baixou en todo o Estado español, padecendo as produtoras galegas un dos máis baixos de todo o territorio”. Neste momento, e segundo os datos do FEGA do mes de febreiro, o prezo medio está en 0,48 euros o litro en todo o Estado e en 0,46 euros en Galiza.

Reclaman un prezo mínimo de 0,55 euros o litro.

Neste senso, as granxas presentes no encontro sinalaron especificamente a situación de estancamento en prezos baixos de Leite Celta -a segunda empresa en volume de recollida de leite ecolóxico na Galiza, logo de Lactalis-, manifestando a súa disposicón a iniciar accións para reivindicar ás industrias un prezo mínimo de partida de 55 cts/l máis primas. Canda esta dificultade -estreitamente vinculada ás carencias na revalorización do leite ecolóxico a nivel europeo nos últimos anos-, as granxas están tendo que afrontar, ao igual que tódolos sectores produtivos, a exponencial suba dos prezos de insumos como a electricidade, o gasóleo ou os plásticos. Aliás, os participantes sinalaron que “existe unha significativa preocupación ante a sospeita de que algunhas industrias están devalorizar o produto poñendo no mercado leite ecolóxico envasándoo como convencional”. Para solventar a situación de baixada de prezos e de estancamento na demanda, as gandeiras e gandeiros reunidos en Teixeiro elaboraron unha batería de medidas para instar á acción por parte da Consellaría do Medio Rural e do Ministerio de Agricultura e Alimentación. Acordaron, asemade, solicitar unha reunión urxente ca Consellaría do Medio Rural para facerllas chegar directamente, "habida conta do seu manifesto abandono cara o leite ecolóxico, que nin tan sequera estivo contemplado na estratexia de dinamización do sector lácteo galego".

Compras públicas por parte da Xunta para centros de ensino e residencias

En primeiro termo, propoñen a creación dun foro de traballo do leite ecolóxico que funcione como espazo de intercambio, no que estean presentes tódolos operadores vinculados ao sector. Complementariamente, demandan a inclusión dun apartado específico para o leite ecolóxico no Observatorio que se vai crear para estudar os custos de produción e o desenvolvemento da Lei da Cadea. Ademáis, entre as medidas de apoio para a transformación de produtos do futuro Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), pídese a priorización de investimentos para produtos lácteos ecolóxicos, proporcionando os máximos apoios posíbeis, así como o deseño dunha estratexia de promoción propia para o leite ecolóxico. Nesta liña, consideran fundamentais accións explícitas e de fondo por parte da Administración, como por exemplo garantindo a adquisición dunha porcentaxe de produtos ecolóxicos galegos na compra pública en centros educativos, sanitarios e residencias de persoas maiores, e acompañando esta acción cunha campaña de información en materia de alimentación saudábel. No que respecta aos custos de produción e o apoio oficial a modelos produtivos respectuosos co medio ambiente, instan á Administración a sacar unha liña de traballo para a optimización da produción de forraxes propias; así como a primar o incremento de base territorial para as granxas en ecolóxico e a produción de cereais para o sector, a través dos instrumentos para a mobilización de terras. No encontro aberto celebrado onte no Museo Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro) estiveron presentes tamén integrantes da Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a vogal do SLG-CCLL no CRAEGA, Concha López.