Archives

En España entran cada día 20 cisternas de leite e nata de Portugal e Francia

Evolución da importación de produtos lácteos desde a desaparición das cotas lácteas (Fonte: DataComex) O estancamento da produción láctea española e o mantemento de prezos elevados durante o ano 2023 (53,05 céntimos de media en España fronte aos 46,97 céntimos de prezo medio da UE no conxunto do ano) fixo que as importacións de leite líquido se dispararan no último exercicio, ao tempo que as de queixo tamén se mantiveron altas, contribuíndo a xerar excedentes nas queixerías españolas e galegas.  Os datos de comercio exterior do 2023 amosan un forte incremento de entradas de leite líquido e nata, que superaron a barreira das 200.000 toneladas, algo que non acontecía desde o fin das cotas lácteas no ano 2015. As case 550 toneladas diarias (20 cisternas) que entraron pola fronteira no 2023 supón case unha cuarta parte máis (23,5%) das que chegaron no 2022.
Por primeira vez desde o final das cotas lácteas, o ano pasado superáronse as 200.000 toneladas de leite e nata importadas
Pero malia a suba das entradas de leite, no conxunto dos 12 meses do 2023 o maior volume de importación de produtos lácteos en España corresponde ao queixo, seguido do leite e a nata, o leite en po, o soro e a manteiga. Importacións de produtos lácteos por categorías desde a desaparición das cotas lácteas (Fonte: DataComex) Sumando todas as categorías, o total de lácteos importados o ano pasado ascendeu a 945.758 toneladas, 74.457 máis que no exercicio anterior (un 8,5% máis), que sumado ao incremento do 2022 (123.823 toneladas, un 16,5% máis) supón un aumento do 25% nos últimos dous anos.
España volve aos niveis do 2015, con case un millón de toneladas de produtos lácteos importados
En conxunto, as perto dun millón de toneladas de produtos lácteos importadas o ano pasado superan levemente as cifras do ano 2015, se ben a distribución entre categorías variou substancialmente nestes anos, cun descenso do 40% nas importacións de leite e nata e un incremento en termos similares de queixo, manteiga e leite en po.   Entrada de 8,5 cisternas de leite diarias de Portugal e 7,4 de Francia Malia esta tendencia crecente á importación de produtos industriais máis elaborados, os maiores prezos medios pagados durante o ano 2023 en España con respecto ao resto de países europeos animaron no último ano as importacións de leite e nata. No conxunto do ano terían entrado case 40.000 toneladas máis que o ano anterior, no que á súa vez xa entraran 30.000 toneladas máis que no 2021. Desde o final das cotas lácteas a entrada de leite líquido en cisternas tíñase reducido a máis da metade, pero no 2022 volveu repuntar con forza, unha tendencia que continuou no 2023.
Leite Celta (Lactogal) cambiou nos seus cartóns o selo PLS, que certifica a orixe española da materia prima, polo marcado UE para facilitar traer leite de Portugal
As máis de 200.000 toneladas importadas equivalen a uns 20 camións diarios cruzando a fronteira, dos que 8 proceden de Portugal e 7 de Francia, é dicir, entre os dous suman tres cuartas partes do total.   Se nas importacións de queixo mandan Holanda e Alemaña, no que se refire á entrada de leite líquido, segue mandando Portugal, con 83.069 toneladas entre xaneiro e decembro do ano pasado, un 9% máis que en todo o 2022 (76.179) e case tres veces máis que no 2019 (30.338).
A entrada de cisternas de leite procedente de Francia incrementouse un 22% o pasado ano e as procedentes de Holanda case se duplicaron
Francia, recuperou o pasado ano o protagonismo perdido en canto ás cisternas de leite se refire, con 70.632 toneladas, un 22,3% máis que no 2022, favorecido polos menores prezos do leite en orixe no país veciño. Tamén se incrementou de xeito moi considerable a chegada de leite e nata desde os Países Baixos, pasando de 15.804 toneladas a máis de 28.657. Outros países con menor peso tradicionalmente nas importacións de leite tamén aumentaron as súas cifras no último exercicio. Así, aínda que con menores rexistros en comparación con Portugal, Francia ou Holanda, Irlanda e Italia tamén están a incrementar o seu peso no leite importado (Irlanda duplicou os seus envíos de leite e nata o ano pasado e Italia triplicounos).
Case a metade das importacións de leite francés producíronse nos meses da primavera
A rexión da Europa central, na que se atoparían países como Alemaña, Holanda e tamén Francia ou Irlanda, é a principal área produtora de leite europea, acaparando 2 de cada 3 litros muxidos na UE, e tamén a principal zona exportadora cara aos países deficitarios do sur de Europa, como é o caso de España. O importante incremento de produción nalgúns destes países en 2023 favoreceu as exportacións, e o diferencial de prezo a respecto do que se estaba a pagar en España polo litro de leite en orixe, que chegou a ser de 10 céntimos na primavera e se moderou até o entorno dos 5 céntimos no outono, incentivou as compras de leite da industria española nestes países. Por exemplo, na primavera entrou moito leite de Francia, con prezos sensiblemente inferiores aos que se estaban a pagar aquí. Case a metade das 70.632 toneladas de leite chegadas do país galo o ano pasado viñeron nos meses da primavera (de marzo a xuño foron 33.248 toneladas).
A caída da producción en Europa e a igualación nos precios podería frear as importacións en 2024
Pero neste momento a situación xa é distinta e podería limitar as importacións no 2024. Por un lado porque a condición excedentaria dos países centroeuropeos está a moderarse por unha caída na produción que está a ser acusada nos casos de Alemaña ou Holanda, que viñan de subidas do 3% o ano pasado. Doutra banda, porque os prezos estanse a igualar, máis aínda coas baixadas apuntadas pola industria en España para a renovación de contratos nesta primavera.

Máis de 30.000 toneladas mensuais de queixo importado

Seguindo a liña fixada na última década, as importacións de queixo amosan unha clara tendencia ascendente nos últimos dous anos. Os datos de comercio exterior do 2023 consolidan o ascenso nas entradas de queixo a baixo prezo que xa se deran na segunda metade do 2022. As 363.039 toneladas de queixo importadas entre xaneiro e decembro de 2023 superan as dos 12 meses de 2022 (358.450), un ano no que xa se notara con forza o aumento na entrada de queixo barato procedente dos países centroeuropeos. Pero até agora as cifras mensuais situábanse normalmente por baixo das 30.000 toneladas de queixo de importación, unha cifra que no último exercicio se superou en 8 dos 12 meses: marzo, maio, xuño, xullo, agosto, outubro, novembro e decembro.
As entradas de queixo aumentaron un 1,3% con respecto ao ano anterior, no que as importacións xa subiran un 5,4%
Por países, case unha cuarta parte das toneladas importadas proceden de Holanda (88.677 toneladas, 13.000 máis que en todo o 2022) e outro 22% de Alemaña (79.412 toneladas,10.000 máis que as rexistradas no conxunto do 2022). O terceiro maior exportador de queixo cara España é Francia, con 59.749 toneladas o ano pasado, seguido de Italia (41.184), Bélxica (27.552), Dinamarca (24.047), Irlanda (8.751) e Portugal (7.615), que triplicou as súas exportacións de queixo a España nos últimos dous anos.
Portugal triplicou o queixo exportado cara España nos últimos dous anos
Outros países, como Rumanía ou Austria contribúen con cantidades inferiores, dunhas 1.000 toneladas/ano. Fóra xa da Unión Europea, o Reino Unido perdeu moita influenza nos últimos tres exercicios, a raíz do Brexit, pasando de case 14.000 toneladas no 2020 a unhas 4.000 o ano pasado.

Razóns polas que incluir os lácteos nunha dieta saudable

O leite, o queixo e o iogur son os productos lácteos máis frecuentes que deben estar incluídos nunha dieta saudable debido aos beneficios contrastados que aportan. A súa composición representa unha fonte importante de proteínas, vitaminas ou ácidos graxos para a todas as persoas, e especialmente para aqueles grupos en idades clave ou mesmo para deportistas. Sen embargo, os lácteos están rodeados de bulos e falsas creencias que poñen freo ao seu consumo. As catedráticas  Rosa María Ortega e Rosaura Leis apóianse na súa experiencia investigadora para dar motivos para consumir estes productos. “Os lácteos son fonte importante de proteínas, minerais, vitaminas, ácidos grasos, compoñentes antioxidantes, antiinflamatorios ou péptidos bioactivos; e estudos recentes indican que modulan favorablemente a composición da microbiota intestinal”, sinala a a doutora en Farmacia, Catedrática de Nutrición, e membro do Comité de Sustentabilidade Láctea da Inlac, Rosa María Ortega.  O consumo aconsellado de lácteos é de 2-4 racións, e de aí, a media recomendada de 3 ao día. “As maiores racións 3-4 corresponderán cos grupos que teñen as necesidades de calcio máis elevadas: adolescentes, embarazadas, durante a lactación, en idades avanzada ou para deportistas. A posibilidade de alternar o consumo de diversos alimentos como leite, iogur ou queixo facilita alcanzar o consumo aconsellado”, engade a experta. Así mesmo, “chama a atención sobre as falsas crenzas de consumidores que pensan erroneamente que os alimentos lácteos poden ser substituídos facilmente por outros”, afirma Ortega, á vez que lembra, por exemplo, “que as bebidas vexetais como a soia, as améndoas, ou a avea non substitúen ao leite ou outros lácteos” “As bebidas vexetais poden ser consumidas dentro dunha alimentación correcta, pero sen perder de vista que son iso, vexetais e nunca lácteos, e non poden substituír a estes. Algúns destes produtos vexetais están enriquecidos con calcio e outros nutrientes para aproximalos na súa composición ao leite, pero nunca será igual o produto resultante á matriz láctea”, especifica a Catedrática en Nutrición. Consecuencias da restricción de lácteos “Facer unha restrición alimentaria na nosa dieta non é pouco importante, xa que supón cambios no patrón alimentario e pode representar un risco nutricional importante, tamén cando falamos de lácteos”, advirte a catedrática da Facultade de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, Rosaura Leis. Os alimentos lácteos sempre formaron parte das dietas tradicionais saudables e sustentables, como a mediterránea ou a atlántica, “que explican en boa parte que teñamos unha elevada esperanza de vida no noso país e que Comunidades como Galicia, poidan gozar dunha lonxevidade na súa poboación similar a Xapón”, subliñou Leis.  Ademais, en certas idades como a pediátrica, “é necesario non descoidar a inxesta de lácteos ao tratarse dun alimento fundamental para o crecemento e desenvolvemento da criatura e para unha boa mineralización ósea”, detalla. Neste contexto, “non esquezamos que unha das enfermidades máis prevalentes e dexenerativas durante a idade adulta é a osteoporose. Cunha adecuada inxesta de lácteos, poderemos alcanzar igualmente un máximo pico de masa ósea ao final da adolescencia, aínda que logo deberemos manter o seu consumo ao longo de toda a vida”, conclúe.

Últimas cotizacións dos produtos lácteos na EU: Subas da manteiga e do leite desnatado en po

O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea ven de publicar as cotizacións desta última semana de febreiro dos produtos lácteos. Con respecto á pasada semana, destacan as subas da manteiga e do leite desnatado en po e, en menor medida, do leite en po enteiro e do queixo cheddar. En concreto, no territorio da UE as cotizacións desta última semana de xaneiro para os produtos lácteos son as seguintes: -Manteiga: 557 €/100 kg, +2,9 % nas últimas catro semanas -Leite desnatado en po (SMP) 254 €/100 kg, +1,4 % ,, -Leite enteiro en po (WMP): 363 €/100 kg, +0.5 % ,, -Queixo cheddar: 361 € /100 kg +0,3% Evolución de prezos dentro da Unión Europea. / Fonte: Unión Europea Polo demáis, o prezo do leite spot en Italia sofre unha lixeira baixada respecto á semana pasada e queda nos 0,45 euros o litro. En canto á situación do mercado internacional, Nova Zelandia é máis competitiva en prezos de manteiga e leite enteiro en po, mentres que Estados Unidos ten os menores prezos da manteiga, queixo e leite en po desnatado. Situación comparativa do mercado internacional. / Fonte: Unión Europea

Descarga aquí o informe completo do Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea

‘O veterinario de explotación: máis burocracia para as ganderías’

Estimado Director Xeral/Secretario Xeral, Quero transmitirlle nesta carta a nosa máis extrema preocupación pola situación de colapso burocrático que as explotacións gandeiras estamos a vivir e que non queremos que se agrave aínda máis coa implementación do chamado veterinario de explotación. Señor Director, non podemos con máis papelada e xestións administrativas que entendemos non achegan nada relevante e dificultan moito a nosa profesión. Hoxe, como vostede sabe, o volume de burocracia no uso e tratamento dos animais enfermos con antibióticos ou antiinflamatorios é absolutamente brutal, estamos a diario e de forma permanente, dependentes dun veterinario que pase pola granxa (veterinario de clínica, de reprodución, calidade, da ADS...). Isto supón miles de receitas, farmacéuticos titulados, veterinarios etc. Como é posible que todo isto, xunto co libro de explotación, o libro de receitas, fitosanitarios, etc, non resulte suficiente? Vostede diranos que é un Regulamento comunitario e nós dicímoslles que haberá que poñer sentido común ante medidas que duplican o papelo e non conlevan máis garantías para ninguén. De seguir así, pode ocorrer que sexamos os mellores da Unión Europea en protocolos e xestións sobre o papel, pero que as nosas ganderías pechan e non hai remuda xeracional. Saben vostedes, que teremos que pagarlle a un veterinario novo para facer toda esta papelada que se nos vén enriba? Saben vostedes que os veterinarios xa se dedican máis a facer papeis que a facer clínica, por exemplo? Posiblemente isto leve ao pleno emprego da profesión veterinaria, pero van ter que dedicarse máis a facer papeis que a tratar e coidar aos nosos animais enfermos. Pedímoslles tempo para asimilar o moito que temos enriba, incluído o sistema tan estrito de identificación, porque non saben vostedes que significa isto cando tes unha inspección. No campo estamos todos preocupados pola situación que se aveciña, incluídos tamén os veterinarios. Ou descargamos de burocracia á gandería ou máis pronto do que se pensan haberá moitos menos gandeiros e gandeiras, e moitos menos animais. Reflexionen se é necesario, agora, nestes momentos, implementar o veterinario de explotación, pensando en que achega de novo. Gustaríanos manter unha reunión con vostede para trasladarlle directamente todos estes temas e preocupacións, que están a poñer en xaque a unha boa parte da gandería deste país.

Unións asegura que Lactalis e Naturleite comprométense a manter o prezo do leite no próximo contrato

Este mes de decembro agardábase unha baixada xeral dos prezos do leite coa entrada en vigor dos novos contratos, logo de que boa parte das industrias lácteas anunciaran unha redución de entre 2-3 céntimos por litro. Agora algunhas delas desmárcanse e comprométense a manter os prezos para os próximos contratos. Trátase de Lactalis e Naturleite, que respectarán os prezos do leite no próximo contrato. Así o aseguran dende Unións Agrarias, logo de manter unha negociación con ambas industrias. Dende a entidade valoran moi positivamente que estas empresas comprenderan que unha nova caída de 3 céntimos no prezo do leite sería moi prexudicial para as ganderías. “A retirada deste recorte nas cotizacións lácteas para esta campaña, abre o camiño para que outras compañías do sector afonden neste compromiso coas granxas”, apuntan nun comunicado dende Unións.

Campaña de denuncia das empresas que baixen prezos

Unións iniciará tamén unha campaña de denuncia contra aquelas empresas que teñan previsto realizar estas baixadas dos prezos. Ó mesmo tempo, recriminan que precisamente esta redución dos prezos a contemplen “aquelas firmas que máis se envolven na bandeira galega, só como estratexia de marqueting”. Neste senso advirten a empresas como Leite Río e Celta que non van a consentir unha nova baixada do prezo do leite en orixe logo de ter sufrido xa outras en marzo e agosto deste mesmo ano. Apuntan que unha baixada de 2-3 céntimos por litro como a que propoñen agora suporá o peche de granxas, dada a delicada situación financeira na que se atopan pola suba dos custes de produción e a caída dos ingresos. Tamén fan un chamamento ás administracións para que actúen de xeito decido. “Xunta e Ministerio teñen instrumentos de sobra para impedir que esta situación siga agrandando a fenda de mais 5 cts/l que separa aos produtores galegos respecto dos do resto do Estado”, valoran dende Unións.

Currás Xiá, remuda en feminino nunha gandería consolidada con máis de 300 animais

Currás Xiá é unha gandería de vacún de Friol (Lugo) centrada na produción de leite. Ademais, é unha das ganderías familiares onde a remuda veu da man da súa filla, Inés Jul López, que agora se encarga do manexo diario dos animais xunto coa súa nai, Monserrat. Mentres, Plácido, pai, marido e o socio fundador da gandería está máis centrado na xestión das terras. “Repartímonos o traballo, pero normalmente nós as dúas encargámonos dos animais e das rutinas diarias da granxa, coma o muxido, e meu pai fai o de fóra. Todos somos moi conscientes da importancia que ten tanto o traballo na granxa coma o das terras. Sen un non tería sentido nin sería viable o outro”, apunta Inés. Dende hai algo máis dun ano contan tamén cun empregado que axuda en tarefas como a limpeza dos animais. Currás Xiá é hoxe en día unha das ganderías destacadas no vacún de leite no concello de Friol. Con máis de 300 cabezas de gando, teñen sobre unhas 140 vacas en muxido e unha produción de preto de 145.000 litros de leite ó mes, que lle vende á cooperativa Aira, da que son socios. Ademais, son unha das ganderías que contan coa certificación de calidade na produción de leite.
Teñen unhas 140 vacas frisoas en muxido e unha produción de preto de 145.000 litros de leite ó mes, que venden á cooperativa Aira, da que son socios
A súa produción media atópase entre os 35 e 37 litros por animal e teñen unhas calidades medias de 3,75% de graxa e 3,27% de proteína. En canto ó reconto de células somáticas atópase nas 179.000 e a bacterioloxía en 18. Teñen unha media de 2,5 partos no rabaño, o que supón arredor duns 120 nacementos ó ano, dos cales o 25% adícano a reposición do rabaño.

Dous sistemas de muxido

Na granxa Currás Xiá todo o rabaño é de raza frisoa. Nas instalacións máis novas, que construíron hai 10 anos, teñen os animais en produción. Recentemente instalaron un robot de muxido, co que aliviar a carga de traballo, pero manteñen tamén o muxido en sala debido ó número de vacas que moxen. Así, as vacas en produción téñenas divididas en dous lotes, en función de se se moxen no robot ou na sala. O muxido é unha das tarefas que fan a diario as dúas mulleres, xunto coa xestión dos animais.
A ración das vacas en produción está adaptada a se se moxen na sala ou no robot
Ó ter estes dous sistemas de muxido tamén as racións están adaptadas a cada un deles. A ración das vacas que se moxen na sala leva 23 quilos de silo de millo, arredor de 20 quilos de silo de herba e 10 quilos de concentrado. Mentres, as vacas que se moxen no robot teñen unha ración de 23 quilos de silo de millo, outros tantos de silo de herba e 5 quilos de concentrado “xa que o resto do penso dáselle no robot”, explica Aurora Vila, técnica de Aira, que se encarga do asesoramento da alimentación na gandería. A nave de produción da gandería conta cun sistema automatizado de ventilación nas cubertas.

As instalacións da gandería

En Currás Xiá tamén apostaron pola eficiencia e o benestar dos animais á hora de construír as novas instalacións. Así é que as vacas en produción atópanse nunha nave luminosa, na que entra a luz natural e que dispón ademais dunha cuberta móbil que favorece a ventilación cando é preciso. Contan cun sistema automatizado de apertura que se activa para conseguir que as instalacións estean ben ventiladas. “Este sistema permítenos ter unha temperatura sempre constante e os animais agradéceno moito”, explica Inés.
“Unha vez preñadas, as vacas están no pasto ata case un mes antes do parto, que volven para a granxa”
Nas instalacións antigas da gandería, situadas a carón da casa familiar, teñen a recría divida por lotes en función da idade dos animais. Porén, os becerros máis novos téñenos na zona lateral da nave de produción. Aínda que é unha granxa cun manexo intensivo, unha vez que as vacas están preñadas botan no pasto ata case un mes antes do parto, que volven para a granxa, quedando xa na nave de produción. Recría da gandería.

Xestión da terra

A gandería xestiona unhas 45 hectáreas de millo que teñen en dúas parcelas, unha delas alugada e outra en propiedade. “O maior problema é que unha das fincas de 20 hectáreas está a 10 quilómetros da granxa”, explica Montserrat.
Dedican 45 hectáreas de millo e 100 hectáreas de herba
Ademais, ensilan arredor dunhas 100 hectáreas de herba. Gústalle ter pradeiras a base de raigrás inglés e diploides. Aínda que se encargan en boa medida da produción dos forraxes, contan cos servizos de maquinaria de Aira para a campaña de ensilado, tanto de herba coma de millo.

Compromiso cooperativista

Currás Xía é tamén unha gandería que cree na importancia de pertencer a unha cooperativa. Na actualidade forman parte de Aira, xa que eran socios de Agris no momento da integración. “Traballamos en todo coa cooperativa. Mercámoslle o penso, vendémoslle o leite, traballamos cos veterinarios de clínica, reprodución, alimentación e calidade do leite. Mercamos abonos, fertilizantes ou sementeiras. Levamos toda a vida traballando coa cooperativa, case debemos levar 30 anos sendo cooperativistas”, comenta a familia.

A granxa, un espazo para conciliar a gandería coa familia

Ó comezo da súa vida laboral, Inés tamén quixo probar noutro sector, lonxe da gandería e da casa familiar. Cando rematou cos estudos obrigatorios en Friol marchou para Lugo facer un ciclo de peiteado. Alí viviu tres anos e traballou nun salón de peiteados, pero finalmente decidiu volver para a gandería. “Deixei a vida que tiña en Lugo e víñenme para a casa. A min non me gustaba traballar baixo as ordes dun xefe, non era o meu, e nisto da gandería xa me criei, sabía como era”, recorda Inés.
“Gústame que as nenas estean na granxa coa miña mai e comigo e elas pásano ben aquí”
Hai 13 anos que volveu de Lugo para a casa e 6 que se incorporou á gandería de xeito oficial. O cambio, ademais doutras vantaxes, permítelle ás súas tres fillas pequenas, Uxía, Erea e Iria, desfrutar da gandería. “Gústame que as nenas estean na granxa coa miña mai e comigo e elas pásano ben aquí”, valora a gandeira. As cativas teñen na granxa o seu espazo propio para xogos e lecer. Así, no despacho da gandería, unha das mesas está dispoñible para que as tres nenas debuxen, pinten e xoguen. “Eu non teño outra persoa con quen deixar as nenas na casa, pero aínda que puidera non has deixaría na casa, eu quero que as nenas estean na granxa con nós”, explica. Inés levou a conciliación da súa vida profesional coa familiar dende que comezou coa actividade gandeira. “Cando fixo o curso de formación para incorporarse á actividade gandeira estaba no seu segundo embarazo, non faltou case ningún día e veu ata xusto o día do parto. Logo, volveu para rematalo e o marido traíalle a cativa para lle dar o peito cando faciamos os descansos”, recordan Aurora Vila e Maribel Barreiro, persoal da Cooperativa Aira, que impartiu daquela o curso.
As cativas teñen na granxa o seu espazo propio para xogos e lecer
As cativas gozan de estar na granxa e do día a día cos animais. “A pequerrecha moitas veces pon o mandilón e quere vir muxir con nós. Houbo un día que ata se subiu á un tallo como facía súa nai cando era pequena e quixo virme axudar a muxir”, recorda Montserrat, a avoa das nenas. A estas rapazas o gusto pola gandería e os animais venlle de familia, xa que seu pai, Carlos, é tamén gandeiro e atende xunto con seus pais outra importante gandería de vacún de leite, situada a poucos metros de Currás Xiá.

Aira dobra o volume de negocio nos primeiros cinco anos de actividade e factura 206,5 millóns de euros

A cooperativa agrogandeira Aira acaba de presentar balance dos 5 primeiros anos de actividade, dende o proceso de intregración que realizaron no 2018. Fíxoo durante a súa asemblea ordinaria, celebrada este xoves en Taboada (Lugo). Aira conseguiu dobrar o volume de negocio nestes anos e presenta unha facturación consolidada de 206,5 millóns de euros, cun crecemento continúo e significativo durante tódolos exercicios. A cooperativa medrou en tódalas áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro, coma o leite ou o penso. Reivindica tamén o seu compromiso de valorizar a produción e servir de apoio ós máis de 2.900 socios e socias que integran a entidade. “Seguimos medrando e facémolo en tódalas áreas de negocio, en especial no volume de actividade da fábrica de penso e na planta láctea”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de Aira. Outro dos datos significativos é que acadou un nivel de EBITDA de 7,2 millóns de euros. Estas cifras, como apuntan dende a entidade, permítenlle afrontar o volume de investimentos que manexa. Nestes 5 anos Aira investiu máis de 33 millóns de euros, sobre todo na transformación láctea, á que destinaron un 70% dos investimentos, en especial á planta láctea de Melide.
A cooperativa destinou 33 millóns de euros a investimentos, sobre todo para a transformación láctea. Este ano teñen previsto realizar investimentos por 5 millóns de euros
Mentres, investiron preto de 12 millóns de euros noutras actividades de interese para a cooperativa. “Só no 2023 temos previsto destinar a investimentos outros 5 millóns de euros”, detalla Ferreiro. No último ano, algúns dos proxectos destacados foron a construción dun novo taller para os carros mesturadores da Cooperativa e unha nova gasolineira, que se atopan aínda en plena fase de construción. A cooperativa pechou este último exercicio cuns beneficios antes de impostos de 4,2 millóns de euros, dos que máis do 50% capitalizaráselle ós asociados.

Leite e penso, motores de AIRA

A comercialización do leite das ganderías socias segue sendo unha das prioridades e un dos motores da cooperativa. No 2022 Aira comercializou un total de 115 millóns de litros de leite, fronte ós 91 millóns de litros de leite que xestionaba no 2018, cando se formalizou o proceso de integración da Cooperativa. Ademais, nestes 5 anos, Aira pasou a transformar o 55% deste leite nas industrias lácteas nas que participa. “A transformación do leite é unha das prioridades de Aira e unha das liñas nas que imos seguir sumando esforzos”, ratificou Ferreiro na asemblea.
Aira tranforma o 55% dos 115 millóns de litros de leite que comercializa das ganderías socias
A fabricación de alimentos para o gando é outra das actividades principais da cooperativa. Nestes 5 anos, Aira conseguiu dobrar o volume de produción e só no 2022 fabricáronse máis de 270.000 toneladas de penso e mesturas húmidas, unhas cifras polas que se mantén coma unha das principais fábricas de penso especializadas en vacún de leite en España.

A dixitalización das granxas

A cooperativa tamén está destinando importantes esforzos a contribuír á dixitalización das granxas, con programas especializados como o TRAC PLUS, co que ademais de proporcionar ferramentas de utilidade para as ganderías buscan poder chegar a certificar todo o proceso dende a granxa ó consumidor, cunha trazabilidade completa. “Tentamos dar resposta ás esixencias que se lle presentan dende Europa ás granxas socias”, explica Ferreiro. Ademais, as ganderías de Aira seguen a colaborar en distintos proxectos para a análise da pegada de carbono e hídrica, para seguir apostando por unha produción sostible.

“Os animais gañadores dos concursos morfolóxicos teñen que ser boas vacas leiteiras”

O lugués Bonet Cid Salgado, xuíz internacional de Conafe, foi o encargado de xulgar este ano a 38ª edición de Feiradeza e o segundo Open Internacional da Raza Frisoa, celebrado en Lalín (Pontevedra) a pasada fin de semana. Cid Salgado leva como xuíz de Conafe dende o 2008 e na súa traxectoria xulgou diversos concursos a nivel nacional, coma o concurso de Gijón, así como varias edicións dos certames de Euskal Herria e Cataluña ou os de Mallorca e Menorca. Ademais, é tamén socio da Gandería Cid, situada en Barreiros (Lugo), unha granxa familiar cuns 180 animais da raza Holstein, das cales teñen unhas 90 en produción. Falamos con el tras elixir á vaca Kergo Ozalid 6818, procedente da gandería A Lagoa Serabel, de Xermade (Lugo), como Gran Campioa do Open Feiradeza. Coñecemos os motivos das súa elección, así como aqueles aspectos que considera fundamentais para que un animal sexa vencedor deste tipo de concursos. -Que te fixo escoller esta vaca como Gran Campioa do Open Internacional da Raza Frisoa Feiradeza 2023? -A Gran Campioa deste Open é unha vaca fantástica da que só podo dicir cousas boas. É unha vaca cunha estrutura leiteira moi boa, que é un dos aspectos que máis buscamos os xuíces en pista. Ademais, acompáñaa un ubre posterior extraordinario, en canto á altura, anchura e ligamento. Por último, é un animal que camiña sobre moi boas patas. -Á marxe dos aspectos que sinalaches neste animal, que criterios consideras imprescindibles para unha vaca gañadora? -Realmente unha vaca gañadora ten que ter un fantástico ubre, como é o caso desta. Ademais ten que desprazarse sobre unhas moi boas patas e isto sempre debe estar acompañado dunha boa estrutura leiteira. As vacas gañadoras destes concursos teñen que ser vacas leiteiras. Tamén é moi importante que a condición, o estado de forma do animal, sexa moi bo para poder optar a ser campioas. -É a primeira vez que xulgas Feiradeza, que opinión tiñas e levas deste certame? -É o primeiro ano que asisto como xuíz de Feiradeza e do Open e resultoume unha moi boa experiencia. Levo unha moi boa impresión del polo bo ambiente que houbo entre os participantes e os bos animais que vimos. Marcho sorprendido da gran calidade dos exemplares que se presentaron na pista nestes dous días do certame.
“Estes concursos son unha exposición do tipo de animais que hai nas granxas galegas e permiten estar en contacto con outros gandeiros”
-Na túa experiencia como xuíz e como gandeiro, por que crees que son importantes este tipo de certames sobre gando frisón? -Estes concursos son unha exposición do tipo de animais que hai nas granxas galegas e permiten estar en contacto con outros gandeiros. É verdade que para os gandeiros participantes é un hobby, pero participar neste tipo de certames require moito traballo previo na gandería. Realmente estar nestes concursos fai que sexas máis profesional, ademais permítenche ver a evolución da xenética e da morfoloxía da raza, o que fai que as nosas ganderías tamén vaian mellorando pouco a pouco. -Que opinión tes da evolución morfolóxica das vacas Holstein en Galicia? -Estes son animais para competir tanto a nivel nacional como internacional. A vaca que escollín como gañadora deste concurso é unha vaca que pode competir en calquera punto do estado e de Europa, é un animal que calquera xuíz vai valorar positivamente. Todos os gandeiros que nos gusten as boas vacas leiteiras nos fixamos en animais como esta gañadora. -Hai canteira tamén nas ganderías galegas? Como viches a recría que participou? -Dende logo. Neste certame vimos non só animais adultos, na xornada do sábado tivemos xovencas e tenreiras que poden competir en concursos internacionais. Bonet durante unha das clasificacións do certame de gando frisón Feiradeza, celebrado no Lalín Arena. -Están cambiando os criterios á hora de escoller ós mellores animais da raza Holstein? -É unha pauta que se vai pouco a pouco preseleccionando. No caso dos xuíces de Conafe, tódolos anos temos unha remuda. Se botamos a vista atrás e vemos os concursos celebrados hai 10 anos a nivel provincial, autonómico, nacional ou internacional, apréciase unha notable evolución da raza Holstein.
“Trala pandemia os concursos morfolóxicos volveron con moito interese e continuidade”
-Atravesan este tipo de concursos momentos baixos? -Non se pode dicir que este tipo de certames estean tendo máis xente que participe neles, pero tampouco creo que estean experimentando un baixón. Na pandemia houbo un pequeno parón, coma outros eventos tiveron que deixar de celebrarse, pero realmente os concursos morfolóxicos volveron con moito interese e continuidade. -Por último, tendo en conta que como xuíz ves animais de moi boas características, que tipo de vacas escolles para a túa gandería? -Nas ganderías queremos animais rendibles. Neste certame tivemos a oportunidade de ver vacas que, ademais de contar cun alto valor xenético, tiveron unha produción de máis de 50.000 litros de leite e que pasearon e foron premiados. Iso é o que buscamos os gandeiros. De aí que sexa tan importante este tipo de concursos, que nos permiten ver os animais que hai noutras granxas e as producións que manexan. Buscamos animais rendibles, funcionais e que teñan boa xenética.

Kergo Ozalid elixida Vaca Gran Campioa do Open Feiradeza 2023

Kergo Ozalid 6818 proclamouse esta mañá en Lalín (Pontevedra) como Vaca Gran Campioa do Open Internacional da Raza Frisoa, Feiradeza 2023, que se celebrou no Lalín Arena durante toda a fin de semana. O lugués, Bonet Cid, xuíz internacional de Conafe encargado de xulgar o certame, escolleu este animal como vencedora do Open Feiradeza entre outros motivos pola súa boa estrutura leiteira. O animal gañador é un exemplar procedente da gandería A Lagoa Serabel, de Xermade (Lugo). Precisamente, minutos antes de ser escollida como mellor vaca, o gandeiro Abel Carballo Penas, propietario do animal, recibía a distinción como mellor manexador do concurso. A vaca Rey 946 Jacoby Mahendra da SAT Rey Miñotelo, da Pastoriza (Lugo), quedou como Reserva Gran Campioa do Open. Mentres, como vaca Gran Campioa de Feiradeza resultou gañadora Baroncelle Classic Rula, da gandería Rato, de Rodeiro (Pontevedra), que tamén na edición pasara acadara este premio con outro animal. Como vaca Reserva de Feiradeza resultou escollida Carballeiras Apply Whitney, un animal procedente da gandería lalinense SAT Carballeiras. Nesta 38 edición de Feiradeza participaron un total de 18 ganderías, todas elas galegas e boa parte da comarca do Deza, onde se asentan 9 das granxas. No concurso estaban inscritos uns 144 animais, aínda que finalmente non todos chegaron a entrar en pista por distintos motivos.  O sábado xulgáronse as seccións de xatas e xovencas.

Concurso de manexadores, xatas e xovencas

O certame de Feiradeza e o Open deron xa comezo o venres, co concurso de preparadores mozos de gando. Lorena Rodríguez Alvite, de Pol (Lugo) resultou a gañadora. En segundo posto quedou Xabi Montes Vilar, de Rodeiro (Pontevedra) e no terceiro posto situouse Simón Blanco Vázquez, de Dumbría (A Coruña). Na xornada do sábado foi quenda para os novos manexadores onde resultou campión Llorens Bosch Pons, como subcampión quedou Anxo Pérez Hermida e Claudia López García recibiu a mención de honra. Durante a xornada do sábado valoráronse ademais as seccións de xatas e xovencas. Rey 1085 Moovin Soly ET, de Rey de Miñotelo, foi elixida como Gran Campioa do Open Feiradeza 2023. Quedou na reserva Casa-Nova Motomami Mr Happen, da Gandería Carro SL, de Mesía (A Coruña). Na tarde do sábado celebrouse unha nova edición do concurso de manexo de tractores. Na tarde do sábado tamén se celebrou un novo concurso de manexo de tractores. Nesta demostración de habilidades coa maquinaria agrícola resultou como gañador Adrián Doval, veciño de Lalín que rematou o percorrido no menor tempo e sen tirar ningún obstáculo. Os tamén lalinenses Rubén Madriñán e Daniel González quedaron en segundo e terceiro lugar.

Premiados no resto de categorías de Feiradeza 2023

Sección xata Campioa Feiradeza 23

-Campioa: Carballeiras Moovin Concava. Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra) -Subcampioa: Baroncelle Ayden Daenerys. Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Sección xata Open

-Campioa: Casa-Nova Motomami Mr Happen. Gandería Carro (Mesía, A Coruña) -Subcampioa: Rey 1193 Haxl Zynal. SAT Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo)

 

Sección xovenca Feiradeza 23

-Campioa: Carballeiras Hannas Lolita. Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra) -Subcampioa: Carballeiras Moovin Alicia. Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra)

 

Sección xovenca Open

-Campioa: Rey 1085 Moovin Soly ET. Sat Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo) -Subcampioa: Rey 1065 Thunderstorm Rosiña. Sat Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo)

 

Sección Mellor criador de xovencas Feiradeza 23

-Campión: Gandería Carballeiras (Lalín) -Subcampión: Gandería Rato (Rodeiro)

 

Sección Mellor criador de xovencas Open

-Campión: Gandería Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo) -Subcampión: Gandería Carro (Mesía, A Coruña)

 

Sección Xovenca Gran Campioa Feiradeza 23

-Campioa: Carballeiras Moovin Concava. Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra) -Reserva: Baroncelle Ayden Daenerys, Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Sección Xovenca Gran Campioa Open

-Campioa: Rey 1085 Moovin Soly ET. SAT Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo) -Reserva: Casa-Nova Motomami Mr Happen. Gandería Carro (Mesía, A Coruña)

 

Sección Vaca nova Campioa Feiradeza 23

-Campioa. Baroncelle Classic Rula. Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra) -Subcampioa. Baroncelle Doorman Melania. Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Sección Vaca nova Campioa Open

-Campioa. Cundins Adele Moovin ET. Gandería Pistulario S.L. (Santa Comba, A Coruña) -Subcampioa. Casa nova Valan Doorman 1463. Gandería Carro. (Mesía, A Coruña).

 

Sección Vaca intermedia Campioa Feiradeza 23

-Campioa. Carballeiras Apply Whitney. Gandería Carballeiras. (Lalín, Pontevedra) -Subcampioa. Baroncelle Sidekick Princy. Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Sección vaca intermedia Open

-Campioa. Kergo Ozalid 6818. Gandería A Lagoa Serabel. (Xermade, Lugo) -Subcampioa. Rey 946 Jacoby Mahendra. Gandería Sat Rey de Miñotelo (A Pastoriza, Lugo)

 

Vaca en produción con lactación vitalicia de 65.000 quilos ou máis

1. Pozosaa Atwood 7128 Tamara. Gandería Casa Pozo. (Saa, Lugo) 2. Pozosaa Krusader 9450 Xela. Gandería Casa Pozo. (Saa, Lugo)

 

Mellor criador Feiradeza 23

Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra) Gandería Carballeiras (Lalín, Pontevedra)

 

Mellor Criador Open

Gandería Carro (Mesía, A Coruña) Gandería Rato (Rodeiro, Pontevedra)

 

Mellor descendencia de vacas

Casanova Electra Lamborgini. Gandería Carro (Mesía, A Coruña) Casanova Salma Crushabullet. Gandería Carro (Mesía, A Coruña)

Unións Agrarias recorrerá ante a xustiza o intento das industrias lácteas de eliminar a prohibición da venda a perdas

O sindicato Unións Agrarias (UUAA) persoarase o mércores 31 de maio no Tribunal Supremo para presentar unha pericial coa intención de frear o intento da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL) de eliminar a prohibición da venda a perdas do leite introducida na Lei de Cadea Alimentaria. UUAA únese así coa avogacía do Estado para facer fronte á intención da FENIL de impoñer “condicións abusivas e ignorando a rendabilidade e os dereitos do sector produtor”. Desta maneira, Unións Agrarias condena publicamente un contencioso administrativo co que o colectivo que agrupa ás industrias lácteas en España mostra para o sindicato a intención da industria de seguir acumulando beneficios sen ter en conta a realidade nen a rendabilidade das explotacións, obrigando a moitas delas ao peche.

Baixada de prezos

O secretario xeral de UUAA, Roberto García, advirte que as granxas lácteas "estalarán" se se produce unha baixada "unilateral" de prezos en contratos que entrarán en vigor a partir do 1 de agosto. Isto vén logo dunha rebaixa nos prezos do leite no mes de abril e que en Galicia foi de 10 céntimos de media. Roberto García fixo un chamado á Xunta para que publique os datos da Conta Láctea e así “poidan servir de referencia” antes de iniciar as negociacións co sector industrial lácteo. “Queremos coñecer estes prezos non a posteriori de que os contratos estean asinados”. O obxectivo é que non se repita unha baixa de prezos “unilateral” desde e o sector transformador. Por outra parte, de materializarse os temores manifestados por Roberto García e do responsable de Área Externa de UUAA, Félix Porto, “as explotacións que pechen este 2023 non volverán abrir no futuro”. Félix Porto incidiu en que a industria está xogando cunha dobre moral ao crear un decálogo para a recuperación do rural e pola outra parte reduce os prezos que paga aos produtores de leite. Tal é a preocupación que reclaman á administración articular ferramentas para o control de prezos e obriguen á industria cumprir a lei.

“A maioría das granxas xa non volverían ó secado tradicional, aínda que se puidera”

Juan Pérez Rouco é un dos veterinarios de calidade do leite da Cooperativa Aira. Leva máis de 20 anos traballando no control do leite das ganderías socias e na actualidade supervisa e asesora a granxas da zona de Taboada, parte de Chantada e Monterroso, Antas de Ulla e algunhas granxas de Rodeiro. Con el abordamos algunhas das cuestións de interese sobre a calidade do leite e aspectos a ter en conta nas granxas coma a redución de usos de antibióticos e as rutinas do muxido. -Que te levou como veterinario a especializarte en calidade do leite? -Aínda que ó principio quería traballar en clínica, comecei en calidade do leite, gustoume este traballo e xa decidín non cambiar. Xa levo máis de 20 anos traballando sobre isto. -En que consiste o teu traballo dentro da cooperativa AIRA e como está organizado o servizo de calidade do leite dentro da mesma? -Dentro do servizo de calidade do leite en AIRA centrámonos, sobre todo, no control da mamite, pero tamén prestamos moita atención ó risco de inhibidores e á bacterioloxía. -Como puntuarías de 1 a 10 a calidade hixiénico sanitaria do leite das explotacións gandeiras nas que traballas e por que motivo? -É certo que hai variacións entre as granxas, pero a nivel global as ganderías melloraron moito e agora mesmo se tivera que dar unha nota media sería un 8 ou máis alta. As granxas traballaron duro por mellorar nos últimos 10 ou 12 anos.
“O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por encima dos esixidos para ter un leite de gran calidade”
-Cales son as calidades medidas do leite das explotacións que controlas en canto a bacterioloxía e sólidos lácteos? -É tamén complicado dar unha media xeral, xa que as granxas máis grandes, novas e profesionalizadas están por debaixo de 10.000 xermes e cun reconto de células somáticas tamén menor a 150.000. En granxas pequenas é máis difícil acadar esas cifras, aínda que estean a facer un moi bo manexo e estean a ofrecer un leite de calidade. A bacterioloxía está hoxe moi controlada. O 90% das granxas de AIRA cumpre cuns estándares que se sitúan moi por riba dos esixidos para ter un leite de calidade. -Cales son os aspectos clave que inflúen na calidade hixiénico sanitaria do leite e en cales ves máis marxe de mellora? -Os aspectos fundamentais é a ausencia de inhibidores, o punto crioscópico, a bacteroloxía (que está moi relacionada coa limpeza e funcionamento da maquinaria de muxido e refrixeración), así como as células somáticas. En xeral, non hai moita marxe de mellora, porque xa se está traballando por encima do esixido. Puntualmente cando se producen subidas das células centrámonos en baixar eses valores, pero o resto xa en cada gandería está a traballarse axustado ós estándares e dentro das posibilidades de cada gandería. -No caso do muxido, que pautas imprescindibles se deberían seguir? -É fundamental a rutina de limpeza para estimular ben a vaca e axustarse ós tempos que marcan estes procedementos. Comézase polo despunte dos tetos, seguido do pre dipping e a continuación o secado do teto, previo á colocación da máquina de muxido. Cada granxa debe establecer unha rutina de muxido na que se axusten o mellor posible as características desa gandería (tamaño da sala de muxido, número de persoas para o muxido...) cos tempos e procedementos para poder facer un bo manexo. Tamén é importante un bo funcionamento da máquina de muxido e ter identificadas as vacas con mamite para poder muxilas ó final. -Por que a presenza de patóxenos nos silos, sobre todo os de herba, repercuten tamén negativamente na calidade do leite? -Os silos mal conservados, con presenza de micotoxinas, silos que quecen acaban provocando non só problemas na calidade do leite, senón que deixan mamites, problemas en reprodución, na lonxevidade do animal, problemas de patas... Se as forraxes teñen pouca calidade inflúen en tódolos aspectos da granxa. Cada vez hai menos, pero segue habendo silos que saen mal e neses casos sae máis barato tirar esa forraxe, polos problemas que provoca na granxa. -O muxido robotizado incide nunha mellora da calidade do leite? Por que? -Normalmente si. Non se debe a que o robot de muxido mellore a calidade do leite senón porque eses gandeiros teñen máis tempo dispoñible para o control do gando e estar na granxa atendendo dos animais. Tamén é verdade que hai gandeiros que teñen o robot porque non queren ou non poden pasar tanto tempo na granxa, neses casos non se aprecia esa mellora ou mesmo pode ir a peor. -O punto crioscópico é a veces motivo de disputa entre gandeiros e control leiteiro. ¿Que factores inflúen no mesmo? -Hoxe ninguén lle bota auga ó leite, xa que as calidades son un dos parámetros para pagar o leite, polo que o tema do punto crioscópico adoita deberse a problemas de arrastre no lavado. Nalgunhas granxas débese ó tanque de frío que é demasiado potente e non está ben dimensionado para as características da granxa, polo que pode chegar a conxelar o leite do primeiro muxido, mentres está baleiro e despois queda esa auga no leite. A solución nestes casos pasa por prender o tanque unha vez que se estea xa muxindo, para evitar que se conxele. -Como valoras a implantación nas granxas da nova normativa sobre o uso restrinxido de antibióticos? -Nas granxas de Aira estase facendo xa dende antes de que entrara en vigor a nova normativa. Levamos anos sabendo que isto ía pasar e dende xa hai máis dun ano, os veterinarios clínicos e de calidade do leite reducimos ó mínimo o uso do secado, pese a que os parámetros da normativa aínda non se coñecían. -E en concreto, no secado selectivo, está sendo complicado a súa extensión? -O cambio está a resultar moi ben, pese a que tamén levou a noites sen durmir tanto ós veterinarios como para os gandeiros, pola preocupación das consecuencias do cambio. Agora a maioría dos gandeiros xa non volvería ó secado, aínda que se puidera. O novo sistema élles agora unha tranquilidade, porque xa saben que non van ter inhibidores no leite e iso é significativo sobre todo cando tes rabaños grandes. -Que foi o que máis custou para dar o paso ó secado selectivo? -En Aira fixemos moito traballo cos gandeiros para ensinarlles a rutina, acompañándoos para que soubesen como se deben colocar os seladores internos, que é totalmente diferente á colocación dunha cánula de mamites, aínda que é o mesmo aparato, pero ten diferentes obxectivos. A maioría das granxas están facendo un secado selectivo. En Aira non diferenciamos entre granxas de alto ou baixo risco, senón que diferenciamos entre vacas sas ou enfermas á hora de aplicar o secado selectivo, xa que en tódalas granxas hai vacas sas coas que se poden facer estas técnicas sen necesidade de tratar de xeito sistemático. Así conseguimos que tódalas granxas reducisen, na medida das súas posibilidades, o uso de antibióticos.
“É vital realizar un test de California no momento do secado, para comprobar os valores dese animal no momento de iniciar o tratamento”
-Que pautas seguides na cooperativa Aira? -O procedemento que estamos a seguir é aplicar selado nesa lactación ás vacas que teñen mamite ou que teñen recontos altos no control leiteiro. Para min é vital realizar un test de California no momento do secado, para mirar a vaca cando realmente a vou secar para comprobar que os datos do control leiteiro nese momento seguen a ser como para tratar o animal. -Desafortunadamente, de vez en cando circulan "fake news" sobre a presenza de antibióticos no leite de consumo. Por que é moi difícil ou practicamente imposible que iso ocorra en España? -O uso dos antibióticos nas ganderías de vacún de leite é moi reducido. Das 90 granxas coas que eu traballo podo facer de media ó ano un total de 6 informes sobre inhibidores, o que dá xa boa conta do uso mínimo que se fai destes medicamentos. O problema de residuos de antibióticos no leite hoxe en día nas granxas galegas é practicamente cero e o risco de que chegue ó consumidor é cero. -O control da calidade do leite depende da administración, do LIGAL, nutrólogos, persoal dos Africores, e gandeiros e veterinarios. En que aspectos cres que se podería mellorar nesta tarefa tan importante e na que participan tantos axentes? -Xa se está traballando a un nivel moi alto. Estar por debaixo de 100.000 células e de 10.000 xermes son valores que están rexistrando moitas granxas e que xa son indicadores de calidade moi alta.

Seis datos de utilidade que ofrece o Control Leiteiro, á marxe das calidades e o reconto de células

Falar do Control Leiteiro é para moitos gandeiros pensar nos valores de calidade do leite como a porcentaxe de proteína, graxa ou o reconto de células somáticas, xa que son os valores que puntualmente destacan nas analíticas. Porén, como apunta Ramiro Fouz, veterinario e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), os datos que se recollen nestas analíticas, máis alá de ditos parámetros destacados, poden ser claves para a granxa, aportando información sobre puntos favorables, pero tamén indicadores de posibles problemas. “Cos datos do Control Leiteiro pódeste facer unha idea do que tes na granxa”, destaca. Fouz recordou que o Control Leiteiro é unha das ferramentas destacadas do programa de Mellora Gandeira co que conta Galicia e que cada ano analizan de media 1.850.000 mostras de leite procedentes de boa parte das ganderías de vacún de leite de raza frisoa da comunidade.
O Control Leiteiro galego analiza cada ano 1,8 millóns de mostras de leite. É o único de España en aportar niveis de ácidos graxos
Ademais, o Control Leiteiro galego é punteiro neste tipo de analíticas de leite en granxas. “A nivel nacional, o Control Leiteiro galego é o único que aporta niveis de ácidos graxos nas súas analíticas de forma sistemática, vaca a vaca e sen custe engadido na cota xeral”, sinala Fouz.

Parámetros de interese para a granxa

No marco das xornadas organizadas por Africor Pontevedra e celebradas recentemente en Lalín, Fouz abordou algúns destes datos claves que se inclúen nas analíticas do Control Leiteiro e que pasan máis desapercibidos para os gandeiros, aínda que poden resultar de gran utilidade.

Días en leite

Os días en leite (DEL) son a media de días que levan paridas as vacas. Debería coincidir coa metade da duración da lactación para esa gandería. Este valor pode ser un indicativo de problemas reprodutivos, cando tende á alza. Mentres, se estas cifras son moi baixas adoita deberse a un lote de vacas mercadas recentemente, vacas paridas de pouco ou á concentración de partos. Tal e como sinala Fouz, tamén cómpre ter en conta que esta baixada se pode deber a que haxa poucos efectivos para atender o volume de partos e traballo da granxa. Ademais, é importante ter presente que “cando aumentan os DEL, a graxa e a proteína tenden a aumentar e o leite a diminuír”, explica Fouz. Así, este valor é significativo para entender variacións das calidades e da produción de leite na granxa.

Leite corrixido por enerxía

O leite corrixido por enerxía exprésase na analítica como L. É un valor que aparece situado entre a produción de leite e a porcentaxe de graxa e que se estandariza para todas as vacas. Este dato permite ó gandeiro estimar canto leite produciría de máis ou de menos se diminuíse ou aumentase a graxa e a proteína do leite que producen as súas vacas. “Resulta un valor moi útil para comparar a produción de vacas de razas distintas entre si”, concreta Fouz.

Puntuación lineal

Nas analíticas, a puntuación lineal amósase como PL e expresa o nivel de células somáticas. Dado que non se poden facer medias con este valor, transfórmase nunha escala de tal xeito que un reconto de 50 células por mililitro representa un valor de 2 e increméntase de xeito gradual ata un valor máximo de 9 cando representa 6.400 células por mililitro. Escala de puntuación lineal. Este valor é tamén de gran utilidade para as granxas, xa que pode ser un aviso de alerta sobre cuestións como o secado, cando ese índice se dispara.

Ratio graxa/ proteína

Máis alá da porcentaxe de graxa e proteína, nas analíticas do Control Leiteiro tamén se inclúe unha ratio de graxa e proteína, un indicador metabólico que proporciona información sobre o estado de saúde dos animais e serve para detectar posibles afeccións dos animais. Así, os ratios baixos, inferiores a 0,9, son indicadores de acidose ruminal. Mentres, os ratios altos, superiores a 1,4, son indicadores de cetoses. Este é un dos indicadores que permite coñecer o estado de saúde da granxa mediante as analíticas.

Urea

É un dos indicadores de maior utilidade que aportan as analíticas do Control Leiteiro e que adoita pasar desapercibido para os gandeiros. “Non se lle dá o valor real que pode proporcionar esta analítica. É realmente valioso para lograr un bo equilibrio na ración do animal”, reivindica Fouz.
“As variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode haber outros factores para que a ración non estea equilibrada”
Cando os valores de urea son altos reflicten que hai unha falta de enerxía ou que sobra proteína (ou é moi dixerible) na ración. Neste caso, os valores adoitan situarse por encima de 280. Pola contra, os niveis baixos de urea adoitan presentalos vacas subalimentadas. “Estas variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode deberse a outras causas como non estar ben mesturada e producirse deste xeito unha ración que non estea ben equilibrada aínda que fose ben deseñada”, explica o veterinario. Ademais, a urea é un indicador que axuda a detectar problemas hepáticos do animal, posto que o fígado é o órgano que se encarga de destoxicar o amoníaco que se produce no rume, amoníaco que transforma en urea. “Os valores altos de urea indican que o fígado está soportando un traballo extra e é un órgano que hai que coidar moito, xa que é de gran importancia para as vacas, posto que se encarga de detoxicar o sangue, sintetizar proteínas e glucosa, transformar o amoníaco (que é tóxico para o animal) en urea, metaboliza lípidos ademais de ser depósito de elementos esenciais como o ferro, cobre ou vitamina B12...”, detalla Fouz. Por outra banda, a presenza elevada de urea é un indicador de que tamén hai moito nitróxeno nos ouriños desas vacas, o que produce un impacto maior da granxa a nivel ambiental.

Ácidos graxos

Galicia é a única comunidade onde as analíticas do Control Leiteiro inclúen os ácidos graxos, que foron dos últimos parámetros incorporados. A graxa do leite esta composta nun 94% de ácidos graxos e a proporción de cada un deles depende, en gran medida, do que acontece no rume, de aí que sexa importante telos en conta. Os ácidos graxos poden clasificarse en base a distintas cuestións como a lonxitude da cadea (cadea curta, media ou longa) ou o grao de saturación (saturados, monoinsaturados ou poliinsaturados). Nas analíticas identifícase a cantidade de ácidos poliinsaturados debido a que están presentes na maioría das forraxes e cereais como a soia ou o millo e porque poden proporcionar información sobre o aporte nutricional da ración. “Os ácidos graxos insaturados teñen propiedades antibacterianas, polo que as bacterias ruminais transfórmanos en saturados para que non lles sexan tóxicos á vaca. Se o leite presenta unha elevada cantidade de ácidos graxos poliinsaturados pode ser debido a que as bacterias non están facendo esta transformación de xeito correcto”, explica o experto. Un dos valores de referencia no caso dos ácidos graxos poliinsaturados é 0,09. Por outra banda, os ácidos graxos tamén se poden clasificar atendendo á súa orixe. Poden dar información sobre a saúde do animal e establécense tres tipos, que tamén aparecen identificados nas analíticas do control leiteiro: - DeNovo. Son ácidos graxos de cadea curta, prodúcense na glándula mamaria a partir do butirato e do acetado procedentes da fermentación ruminal, é dicir, proporcionan información sobre o estado do rumen da vaca. -Preformados: Ácidos graxos de cadea longa que proceden do alimento ou da mobilización das reservas corporais. -Mixtos: Trátase de ácidos graxos de cadea media que poden ser sintetizados na glándula mamaria ou proceder do alimento ou da mobilización das reservas corporais. Neste caso o importante é ver a tendencia, máis que ter un valor de referencia, de aí que nas analíticas apareza o valor e ó lado unha frecha (ascendente ou descendente segundo a tendencia) ademais dun valor entre paréntese que indica a evolución con respecto do mes anterior. “Cambian moito en función da alimentación, por iso é importante ver a evolución e non quedarse con valores de referencia”, detalla Fouz. En liñas xerais e de xeito práctico, para lograr bos resultados na granxa, Fouz recomenda manter os ácidos graxos Preformados o máis baixos posibles e os DeNovo canto máis altos mellor. Como valores de referencia das mellores granxas, os DeNovo atópanse en valores por encima de 29% (porcentaxe sobre o total de ácidos graxos do leite). Cando estes ácidos se sitúan por debaixo do 26%, poden non estar funcionando correctamente. Así, os ácidos graxos son indicativos do estado do rumen e poden ser preditores de problemas como o cuajar. Estes valores mudan con factores de variación como o número de partos, polo que Fouz recomenda sempre prestar atención ós datos tendo en conta o contexto da granxa e non perseguir esas cifras sen analizar o resto de información da gandería en cada momento. O experto reivindica a importancia dos datos facilitados polo Control Leiteiro como unha ferramenta de gran utilidade na toma de decisións da gandería.

Que importancia ten a morfoloxía da vaca frisoa para os resultados da granxa?

Como inflúe a morfoloxía das vacas na rendibilidade económica da granxa? Investir en animais mellores tradúcese en mellores resultados para a gandería? Santiago Mato, gandeiro de Silleda (Pontevedra) e cualificador da Confederación de Asociación de Frisoa Española (Conafe) durante máis de 20 anos, analiza como inflúe a morfoloxía do animal no éxito da gandería de leite. Mato presentou nunha xornada técnica organizada por Africor Pontevedra algúns dos resultados dun estudo sobre a morfoloxía das vacas frisoas. No traballo, realizado dende o 2015, contabilízanse case 840.000 vacas, que se deron de baixa en ganderías de toda España. En concreto, analizaron como a morfoloxía inflúe en aspectos fundamentais para a granxa como a produción de leite, tendo en conta as cifras diarias, así como a produción vitalicia, ademais de na lonxevidade, no benestar e na rendibilidade das ganderías. “Se tentamos ter animais mellores, aqueles cunha puntuación morfolóxica máis alta, conseguimos un aforro para a gandería”, sinala.
“Se tentamos ter animais mellores, aqueles cunha puntuación morfolóxica máis alta, conseguimos un aforro para a gandería”
O estudo traballa co sistema de puntuacións que manexa Conafe para a clasificación das vacas en función das súas condicións morfolóxicas. Deste xeito, as vacas mellores son as consideradas Excelentes (EX) con 90 puntos ou máis, as Moi Boas (MB) teñen entre 85 e 89 puntos, as Máis que Boas (BB) conseguiron entre 80 e 84 puntos. Mentres, as Boas (B) sitúanse entre os 75 -79 puntos e as Regulares (R) teñen entre 70 e 74 puntos e os peores animais levan a clasificación de Insuficiente (IN) con entre 60 e 69 puntos. Neste estudo, a maioría das vacas tiña unha cualificación entre 77 e 82 puntos. Nestas cifras incluíanse máis de 600.000 vacas. Así, a maior parte dos animais obtiveron unha cualificación B (377.651 vacas) ou BB (377320 exemplares), mentres que nos baremos tanto de mellores condicións (MB ou EX) reducíanse a 44.844 e 1.830 vacas respectivamente en cada unha desas categorías. O mesmo acontece nas cualificacións de peores puntuacións (IN ou R) onde case non se valoraron vacas e só se rexistraron 36.025 da categoría R e como IN contabilizáronse 876 vacas.

A produción de leite

Un dos indicadores que amosa a importancia da morfoloxía do animal na rendibilidade económica da granxa é a produción de leite. O incremento dos litros de leite xa se comproba na produción diaria do animal. Abonda con comparar os animais coa mellor cualificación -con 93 puntos- que acadan os 40 litros de media ó día cunha das vacas coas puntuacións máis baixas -67 puntos- onde a media se sitúa nos 26,6 litros. “A morfoloxía do animal é importante para a produción diaria da vaca”, indica Mato. Na produción diaria, pese a diferencia que existe entre os mellores e peores exemplares, o incremento da produción é paulatino, sen grandes saltos entre categorías. Así, canto maior puntuación van tendo os animais, supón un maior volume de litros e mellora a rendibilidade da granxa. Produción diaria das vacas segundo a súa cualificación. A produción vitalicia da vaca é para Mato o mellor indicador tanto da rendibilidade económica do animal na granxa como da influenza que a morfoloxía ten para lograr mellores resultados. “Hai que ir deixando atrás fixarse na produción diaria e pensar en termos de produción vitalicia”, apunta o cualificador.
“Unha vaca MB (85- 89 puntos) produce de media uns 19.800 litros máis que unha vaca cualificada con IN”
A diferenza do que acontece coa produción diaria, que é máis lineal entre as diferentes categorías, na produción vitalicia hai unha gran diferencia non só entre os animais que se atopan nos extremos das clasificacións, é dicir entre os mellores e peores, senón tamén en canto se conta con animais de máis de 85 puntos (vacas cunha cualificación de MB). Así, as vacas cunha puntuación máis baixas quedan cunha produción vitalicia por debaixo dos 30.000 litros e mentres que non se chega a vacas clasificadas como MB non se superan os 35.000 litros. Porén, en canto se trata de vacas coa clasificación MB chégase ós 45.000 litros. “Contar con vacas MB supón unha suba de 10.000 litros por vaca”, detalla Mato. Tanto é así que unha vaca MB (85- 89 puntos) produce de media uns 19.800 litros máis que unha vaca cualificada con IN (cando non supera os 69 puntos). Produción vitalicia segundo a clasificación do animal. Se se compara a produción vitalicia das vacas clasificadas como Excelentes coas Insuficientes, a diferenza dispárase, logrando 39.500 litros máis na vida do animal. A clave para este incremento está no número de partos. “O obxectivo é que as vacas boten na granxa máis de 3 partos, xa que ese é un dos requisitos para clasificarse como Excelentes”, apunta Mato. Mentres as vacas Insuficientes teñen de media uns 2,7 partos, no caso das Excelentes pásase a dobrar esa cifra, posto que de media logran 4,7 partos. Son animais máis lonxevos e produtivos. Mato incide ademais en que non só hai diferenza entre os extremos, é dicir, entre os mellores e peores animais, se non que hai tamén un salto importante entre os animais MB que pode ser moi interesante para as granxas. Así, entre as vacas BB e MB, onde non se chega a lograr un parto máis, pero si se incrementa a media de partos, lógrase un incremento da produción vitalicia de case 20.000 litros. Media de partos e de produción vitalicia das vacas en función da súa clasificación. Con todo, Mato recomenda traballar co obxectivo de ter mellores vacas na granxa, xa que de ter vacas Máis que Boas (BB) a telas Excelentes (EX) hai case 2 partos de diferenza o que vai marcar unha distancia importante nas cifras de produción vitalicia na granxa, e polo tanto na rendibilidade do animal e da granxa. “Esa diferenza de case 2 partos tradúcese en case 32.000 litros de leite máis na vida da vaca”, sinala.
"A vaca Insuficiente non se elimina tan rapidamente da granxa. Botan de media máis de 2 partos na gandería”
Á marxe das cifras que logran os mellores animais, Mato tamén insiste en ter presente que os peores animais aínda permanecen na granxa de media 2,7 partos, o que incide de xeito directo na rendibilidade da granxa. “A vaca Insuficiente non se elimina tan rapidamente da granxa. Botan de media máis de 2 partos na gandería”, sinala. Mato recorda ademais que os datos deste último estudo realizado por Conafe continúan na liña doutros traballos realizados en anos anteriores, nos que xa se demostraba a relación directa entre a morfoloxía do animal e a rendibilidade na granxa. “No estudo realizado no ano 2000 vimos a mesma evolución, só que con cifras de produción máis baixas en comparación coas que se acadan na actualidade, pero a distribución é a mesma”, conclúe o cualificador de Conafe.

Tramitan a ampliación de Casa Grande de Xanceda, declarada proxecto de interese autonómico

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta que declara como proxecto de interese autonómico a ampliación das instalacións da sociedade Casa Grande de Xanceda, situada no concello coruñés de Mesía. A ampliación busca habilitar terreos para instalacións complementarias á actividade gandeira actual -planta de biogás e tratamento de xurros-, así como outras superficies para dar soporte ás súas actividades turísticas, culturais e de formación. O ámbito da proposta afecta unha superficie total de 41.751 m², que forman parte dos terreos de arredor de 200 hectáreas propiedade de Casa Grande de Xanceda. Nesta superficie, a industria láctea xa conta con instalacións de 4.930 m², que pretenden ampliar coas do proxecto declarado de interese autonómico, no que se prevén outros 9.701 m2. A previsión é que as novas instalacións se destinen a usos varios que complementarán a actividade gandeira actual, coma a nova planta de biogás, a ampliación da fábrica de iogures e a construción de novas oficinas, o que permitiría o redeseño das utilidades da casa agraria do século XVII existente. A maiores, estas novas edificacións albergarían unha sala multiusos para actividades turísticas e de formación, así como unha aula natura.

Xustificación da medida

Dende a Consellería de Medio Rural apuntan que esta declaración como proxecto de interese autonómico xustifícase en que as actividades desenvolvidas por Casa Grande de Xanceda son fundamentais para o sector agroalimentario ecolóxico galego. "É un modelo de desenvolvemento económico sostible no rural, por combinar un equilibrio entre a ecoindustria e o coidado do medio ambiente e benestar animal, promover a formación e a concienciación ambiental mediante visitas guiadas, ofertar programas de educación escolar continua en toda Galicia e realizar accións solidarias a nivel estatal", recordan.  Casa Grande de Xanceda está operativa desde 1968 e conta con certificado ecolóxico desde 2004. Sitúase ademais no centro xeográfico dunha das comarcas con maior tradición leiteira da produción ecolóxica láctea galega, polo que os seus provedores de leite, produtos tecnolóxicos e loxísticos proceden en gran parte de toda a comunidade.

Estratexia de dinamización do lácteo

Esta declaración enmárcase na aplicación da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego (2020-2025), que configura este eido como estratéxico para o rural de Galicia, xa que achega o 1,5% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade. Un dos obxectivos desta planificación é conseguir que no 2025 o 75% do leite producido en Galicia se transforme na nosa comunidade. Nesa dirección, o último informe sectorial constata que se avanza nesa dirección e que no 2021 xa se transformou en Galicia máis do 63% do leite producido.