Archives

Acordo para actualizar o Catastro en áreas intervidas pola Lei de Recuperación de Terras

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral do Catastro do Ministerio de Facenda e Función Pública, Fernando de Aragón Amunárriz, veñen de asinar un convenio de colaboración para o establecemento de procedementos de intercambio de información e actualización de datos catastrais. O acordo asinouse nunha reunión telemática entre ambas partes e consonte ao establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. En representación da Xunta, tamén participaron no acto de sinatura o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Joaquín Macho, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. Así, a Lei de recuperación permitirá iniciar a actualización do Catastro, unha cuestión que é competencia exclusiva do Estado, a través do devandito Ministerio, pero na cal Galicia quere colaborar. Así, grazas a esta norma levaranse a cabo procedementos administrativos de revisión de titularidade, xeométrica e topográfica, daquelas parcelas en que exista un interese por recuperalas e poñelas en valor. Por esta razón, a lei establece que, tras ese proceso de revisión, a Xunta notificará os resultados da investigación ao citado ministerio para que proceda á actualización do Catastro, unha vella demanda da cidadanía e, nomeadamente, dos propietarios de parcelas do rural. Este proceso realizarase a través da formalización deste convenio entre a Xunta e o Estado, de cara a facilitar a información recompilada e actualizar con ela o Catastro. Investigación da titularidade Xa que logo, o principal obxecto desta cooperación é propiciar o intercambio de información derivada, entre outros, dos procesos de investigación da titularidade dos bens inmobles existentes en solo rústico ou de núcleo rural, da revisión xeométrica e topográfica de predios e dos procedementos e instrumentos de mobilización e recuperación de terras levados a cabo pola Xunta. Ambas as partes asinantes consideran especialmente útil que a Consellería do Medio Rural poida tramitar ante a Dirección Xeral do Catastro as emendas de discrepancias e as audiencias a lindantes, con base nos levantamentos efectuados polo devandito departamento da Xunta nos procedementos administrativos de investigación da titularidade e revisión xeométrica e topográfica. A cooperación institucional no marco deste convenio levarase a cabo coa creación de varios grupos de traballo, que terán a misión de analizar os posibles procedementos que conduzan á actualización do catastro. Os grupos funcionarán nos seguintes ámbitos: investigación da titularidade; aproveitamentos forestais (cortas); montes veciñais en man común, montes de utilidade pública, montes de varas e montes patrimoniais da Xunta; explotacións agrarias e política agraria común (PAC); reestruturación parcelaria e instrumentos de mobilización e recuperación de terra previstos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e coordinación de actuacións en materia de segregacións. No que atinxe ao grupo de traballo sobre a investigación da titularidade, este esforzarase en establecer mecanismos de colaboración entre a Xunta e o Catastro que faciliten a remisión da información e documentación obtida a partir dos traballos feitos no marco dos instrumentos de recuperación da terra. En consecuencia, este grupo traballará para coordinar ambas as administracións neste eido, co fin de que a remisión dos datos sexa o máis áxil posible. Aproveitamentos de madeira O segundo grupo de traballo terá como obxectivo analizar, nun primeiro paso, o grao de coincidencia entre aqueles que se declaran titulares nos aproveitamentos de madeira e os titulares catastrais para, nun segundo paso, establecer un procedemento harmonizado de notificación/comunicación automática de non coincidencias entre as administracións asinantes do convenio. O grupo de traballo sobre montes veciñais en man común, montes de utilidade pública, montes de varas e montes patrimoniais da Xunta centrarase en analizar a situación, desde o punto de vista catastral, das superficies ocupadas por estes terreos forestais, así como en sinalar a importancia de dispoñer de información e documentación sobre montes deslindados e catalogados. Dentro do grupo sobre explotacións agrarias e política agraria común (PAC) promoverase o establecemento de protocolos que permitan axustar a información gráfica e alfanumérica das bases de datos dependentes da Xunta e do Estado á realidade existente sobre o terreo. O obxectivo do grupo de traballo de parcelarias e de instrumentos da Lei de recuperación será, en primeiro lugar, facilitar a integración das zonas de reestruturación parcelaria en proceso en Catastro e que ambas as cartografías estean coordinadas desde o inicio do procedemento de reestruturación. Procúrase así que se poidan entregar os títulos das parcelas de reestruturación parcelaria xa incorporadas ao catastro e que, ao mesmo tempo, as parcelas queden coordinadas no Rexistro da Propiedade na súa totalidade. En canto ás ferramentas da lei, no caso dos polígonos agroforestais que comporten procesos de reestruturación das parcelas, o protocolo empregado será o mesmo que o aplicado para as concentracións parcelarias. Polígonos e aldeas modelo No caso dos polígonos agroforestais que non impliquen reestruturación, así como nas aldeas modelo e nas agrupacións de xestión conxunta, a Lei de recuperación regula que deben realizarse actuacións de revisión xeométrica e topográfica das parcelas incluídas no seu perímetro, así como de determinación dos seus titulares. Consonte ao convenio, establécese agora que os resultados destas actuacións se trasladarán á Dirección Xeral do Catastro para que se poidan iniciar os procedementos de actualización da información cartográfica e da titularidade das parcelas. Por último, o obxectivo do grupo de traballo sobre segregacións é establecer mecanismos de cooperación entre as partes do convenio, co fin de garantir que os actos de segregación que se incorporen ao Catastro se axusten á legalidade no ámbito rústico. Cómpre ter en conta, neste sentido, que a Lei do solo de Galicia é moi restritiva en materia de segregacións de terreos rústicos. Porén, para os supostos ou excepcións para segregar recollidos na normativa agraria ou forestal, faise necesario coordinar as actuacións para mellorar a eficacia de ambas as administracións que redunde en beneficio do interesado. Neste caso, cómpre explicar que a segregación de predios é un acto que permite que unha leira poida ser subdividida noutras con áreas máis pequenas, para deste xeito poder dispoñer delas separadamente de maneira independente.

Un 18% das parcelas dunha aldea modelo de Cerdedo – Cotobade presenta titularidade descoñecida

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio do inicio da investigación da titularidade de parcelas da aldea modelo de Mouteira - Parada, en Cotobade - Cerdedo (Pontevedra) Con esta publicación iníciase o primeiro expediente de investigación da titularidade sobre predios de solo rústico cuxa titularidade se descoñece. En concreto, este primeiro expediente a nivel galego lévase a cabo dentro dos traballos de desenvolvemento da aldea modelo de Mouteira-Parada, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Nela estase a traballar nunha superficie de 17 hectáreas distribuída en 427 parcelas de 109 titulares catastrais. Co procedemento que se publica hoxe, vaise clarexar a titularidade de 77 parcelas das que non se ten a certeza da súa titularidade. É dicir, un 18% dos predios son de titularidade descoñecida, unha porcentaxe usual no rural galego polos erros e falta de actualización do Catastro, entre outras cuestións. Como paso previo ao inicio do expediente de investigación da titularidade, consultouse a información catastral, o rexistro da propiedade e, en colaboración co Concello, recolleuse a documentación aportada polos veciños e titulares dos predios da aldea modelo de Mouteira-Parada. O inicio do expediente será trasladado ás diferentes administracións para que se difunda o máximo posible e estará exposto durante un prazo de 20 días. A continuación, rematado dito prazo de exposición, as persoas afectadas poderán alegar durante un período dun mes, a maiores. Para facelo, deberán achegar os datos, antecedentes ou documentos que consideren pertinentes para fundar o seu dereito, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A Lei recolle distintas opcións de acreditar e demostrar a titulariades dos predios. O procedemento que se publica hoxe terá que estar instruído e resolto nun prazo máximo de dous anos e ao seu remate darase traslado a Administración Xeral do Estado para a actualización dos datos catastrais. Procedemento novidoso O procedemento da investigación da titularidade é unha das grandes novidades da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, na que se regulou un procedemento que atribúe por primeira vez ao Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia a facultade para investigar a situación de inmobles existentes en solo rústico ou en solo de núcleo rural dos que non se teña certeza sobre a súa titularidade. Así, na procura da maior seguridade e rigor nos traballos, empézase a realizar este labor naqueles lugares nos que existen instrumentos de recuperación da terra en avanzado estado de desenvolvemento -caso desta aldea modelo, ou de determinados polígonos agroforestais nos que se vai implementar a partires de agora-. En todo caso, cómpre engadir que as parcelas suxeitas a este procedemento de investigación son integradas transitoriamente no Banco de Terras para poder poñelas en produción dentro deste instrumento de recuperación de terras. Deste xeito evítase tanto o propio deterioro dos predios como o risco ambiental que supón a súa situación de abandono, ao tempo que se posibilita o seu aproveitamento agrario. Esta integración cautelar non supón a perda de dereitos por parte de posibles titulares, xa que en caso de aparición da persoa titular do predio se lle fará entrega deste e das rendas derivadas polo seu arrendamento. O anuncio pode consultarse na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/investigacion-titularidade/ Enlace ao anuncio no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230718/AnuncioO90-030723-0001_gl.html

Medio Rural prevé proxectos piloto de permutas agrarias en Lugo, Ordes e Deza – Tabeirós

En Friol estase desenvolvendo desde o 2020 un proxecto piloto de permuta de terras que agora a Consellería do Medio Rural quere extender a máis comarcas galegas. En concreto, para este ano espéranse novos proxectos piloto de permutas en Lugo, Ordes e Deza / Tabeirós – Montes (Pontevedra Norte), en colaboración cos correspondentes Grupos de Desenvolvemento Rural que actúan nesas áreas. O obxectivo é traballar en zonas onde as propiedades están ben identificadas e que presentan suficientes viais de servizo das terras agrarias. As novas tres áreas piloto para traballar con permutas agrarias foron anunciadas esta semana no Parlamento polo deputado popular José Antonio Armada, que propuxo instar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a abrir unha liña de axudas para cubrir os gastos notariais e rexistrais dos propietarios que participen nas permutas. A proposta do grupo popular foi aprobada por unanimidade, co apoio do Bng e do grupo socialista, se ben por parte do BNG, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ cuestionou a suposta falta de xestión da Xunta na reestruturación das terras agrarias. “En permutas só temos o caso de Friol, que foi unha iniciativa concreta dun alcalde, canso de ver que os outros sistemas non funcionaban” -opinou ‘Mini’-. “Das concentracións parcelarias, mellor non falemos, porque quero lembrar que en decembro do 2022, a Xunta rematou unha concentración que se iniciara no ano 1967”. Polígonos agroforestais En canto á Lei de Recuperación das Terras Agrarias, ‘Mini’ interesouse polo polígono agroforestal de 3.400 hectáreas que se comezou a tramitar no concello de Curtis (A Coruña). “Cantos anos tardarán en poñelo en marcha?” -preguntouse-. “É un proxecto dunha dimensión moi interesante, suficiente para poñer terra a disposición das explotacións do concello e tamén podería haber sitio para proxectos innovadores de neo-rurais. O problema que temos en Galicia é que cada vez pechan máis explotacións e as poucas que quedan engordan en terras, pero precisamos tamén máis explotacións, porque é o que mantén xente no campo e o que trae servizos”, valorou. Sobre as iniciativas de polígonos agroforestais en marcha, ‘Mini’ advertiu de que lle preocupa a “intención política”. “Sería un problema que 2 ou 3 empresas se fagan con moita propiedade e fagan o seu agosto. Á beira dun dos polígonos agroforestais en proxecto, a adega Vega Sicilia xa estivo mercando terras”, cuestionou ‘Mini’.

A recuperación de terras do abandono centra o debate dos presupostos de Medio Rural para 2023

A Consellería do Medio Rural vén de presentar no Parlamento o seu proxecto de orzamentos para o 2022. En cifras xerais, aumenta o seu presuposto un 5%, ata os 679 millóns de euros. O conselleiro, José González, apuntou como liñas estratéxicas para o 2023 a mesma folla de ruta que xa debuxara o pasado ano. Un dos eixos sobre os que insiste é a recuperación de terra agraria por medio dos instrumentos que figuran na Lei de Recuperación: aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións de xestión conxunta. Prevese ademais a posta en marcha no 2023 do xa anunciado Banco de Explotacións. Desde a publicación da Lei, Medio Rural iniciou os trámites para a creación de 10 polígonos agroforestais (7 en Ourense, 2 en Pontevedra e 1 na Coruña) e anuncia outros 11 con trámites previos. Igualmente, a Xunta sitúa entre os logros da Lei de Recuperación a consolidación de 21 aldeas modelo, con 7 máis en trámite. O instrumento pendente de implementar, que se prevé abordar no 2023, é o das agrupacións forestais de xestión conxunta, orientadas a combatir o minifundio forestal. O conselleiro anunciou no Parlamento que en breve se publicará un modelo de estatutos de agrupación forestal. A idea da Consellería é iniciar experiencias con estas agrupacións nos soutos de castiñeiros do Oriente galego, unha acción para a que prevé 1 millón de euros en apoios. En canto ós traballos dos polígonos agroforestais e aldeas modelo, Medio Rural prevé destinar máis de 9 millóns de euros. O conselleiro subliñou ademais que o seu departamento continúa co programa de concentracións parcelarias: “Este 2022 entregáronse os títulos de 28 concentracións e estamos a cumprir o compromiso de decretar unha nova reestruturación parcelaria por cada entrega de títulos, co cal remataremos o ano con 28 novas reestruturacións decretadas”, asegurou González. Para este 2023, a Consellería proxecta tamén iniciar a posta en marcha de polígonos cortalumes de iniciativa pública en áreas de recurrencia de grandes incendios. Son polígonos que terían por obxectivo crear discontinuidades nas masas forestais por medio de cultivos, pastos ou masas de frondosas caducifolias.
"A nosa superficie agraria útil está alugada na Ucraína e ó outro lado do Atlántico" (Xosé Luis Rivas, 'Mini')
Valoracións da oposición Desde os grupos de oposición, pola súa banda, calificaron de “propaganda” os polígonos agroforestais en marcha que anuncia a Xunta. “Falan de 9.000 hectáreas recuperadas, pero na práctica poden ser algo máis de 200 hectáreas, o resto son proxectos”, sostén o deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’, que criticou que “non hai unha previsión orzamentaria suficiente para levar á práctica a Lei de Recuperación de Terras”. “A nosa superficie agraria útil está en Ucraína e ó outro lado do Atlántico, en tanto temos abandonadas áreas cerealistas de regadío como o Val de Lemos”, cuestionou ‘Mini’. O deputado demandou un Banco de Terras que sexa operativo na práctica á hora de mobilizar a terra abandonada e lembrou os datos que manexa a propia Xunta: “Temos máis de 700 concentracións parcelarias con 23.000 hectáreas abandonadas” (nas que máis do 50% da superficie está a mato). ‘Mini’ fixo tamén un repaso polo que considera un “caos” na ordenación do territorio, “con 50.000 hectáreas de terras agrarias forestadas ilegalmente” -cifrou- e “monte devastado por grandes incendios que non se está a restaurar. Nas Neves (Pontevedra) pódense ver aínda moitas zonas afectadas polos lumes do 2017 que seguen sen recuperar. Este ano temos 50.000 novas hectáreas queimadas que precisan de accións”, demandou. No ámbito forestal, si hai coincidencia do Bloque co conselleiro na necesidade de impulsar as agrupacións forestais de xestión conxunta (Uxfor na terminoloxía de ‘Mini’), así como os cortalumes verdes, “en marcos de 20x20 metros, de xeito que poidan ser pastoreadas por gando extensivo”, propón o grupo nacionalista, que suxire crear en Galicia un ciclo formativo de pastor nos Centros de Formación e Experimentación Agraria, dependentes da Xunta. O debate incluíu tamén un intercambio entre a portavoz popular, Elena Candia, e o deputado socialista Martín Seco. Candia aproveitou a súa quenda de palabra para cuestionar situacións das que culpou ó Goberno central, como a alza do gasóleo e da electricidade para as granxas, ou a Estratexia do Lobo; en tanto Seco sacou peito das axudas concedidas este ano polo Goberno central a máis de 18.000 ganderías en Galicia para afrontar o aumento de custos derivado da Guerra de Ucraína.

Subvencións 2023

A presentación do proxecto de presupostos no 2023 serviu igualmente para que o conselleiro debullase as liñas de subvencións e investimentos previstas para o próximo ano. En canto ás subvencións, son en boa medida continuistas das liñas dos últimos anos. Así, prevense 54,8 millóns de euros para plans de mellora de explotacións e incorporación de persoas mozas no agro, 30 millóns de euros para a industria agroalimentaria e 5 millóns para maquinaria agrícola en común. Entre as novidades do 2023, figura a convocatoria dunha liña de axudas para as ganderías afectadas pola rata toupa no interior de Lugo. Son apoios destinados á compra de forraxe e prevese para iso unha partida de 200.000 euros. Convocarase tamén no primeiro semestre a axuda xa anunciada en setembro para compensar ás ganderías de carne polos baixos prezos da carne e o aumento de custos. En materia forestal, entre outras partidas, programaranse arredor de 9 millóns de euros para instalación e mantemento de masas forestais, así como outros 3,8 millóns para o castiñeiro, incluíndo plantacións e restauración de soutos tradicionais. Continuarán tamén as liñas da Axencia Galega da Industria Forestal para apoiar a compra de maquinaria, así como a liña de subvención ás construcións en madeira.

Investimentos 2023

En materia de investimentos, estes son algúns dos principais proxectos anunciados polo conselleiro, a maioría xa coñecidos e algúns incluso presupostados no anterior exercicio, como o chamado ‘Espello do rural’, en Sergude, o apoio ó Banco de xermoplasma de Mabegondo ou a lonxa dixital de gando. - Primeira fase do ‘Espello do rural’, cun investimento de 4,7 millóns de euros no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. - Banco de xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo: 3,4 millóns de euros. - Oficinas Agrarias Comarcais, 6 millóns de euros no periodo 2023-2024. Para Lalín anúnciase unha nova oficina, cun presuposto de 3,7 millóns de euros, e para a de Lugo un investimento futuro de 2,8 millóns de euros; no 2023 redactarase o seu proxecto. - Novas motobombas e equipos para os servizos de extinción de incendios: 10 millóns de euros. - Novas bases das unidades de extinción de incendios en Muiños (Ourense), Rianxo (A Coruña), Mondoñedo (Lugo) e Lalín (Pontevedra), esta última cunha base de helicópteros. Mellorarase tamén a base de helicópteros de San Xoán de Río: 5,5 millóns de euros. Outros 1,9 millóns irán a unha nave de almacenamento e taller en Botos (Lalín) e a melloras na base de Verín. - Regadío da Limia, 2,3 millóns de euros. - Lonxa agropecuaria dixital, 400.000 euros. - Mercado dixital (Market place) para os produtos de explotacións agrarias: 500.000 euros. - Matadoiro móbil para reses menores (ovino, caprino, aves): 750.000 euros. - No ámbito da cooperación, Medio Rural prevé destinar máis de 10 millóns de euros ó plan Leader, xestionado polos 23 Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, así como 6,6 millóns de euros para grupos operativos e de innovación en materia agroforestal. - Para a promoción de produtos agrarios de calidad, programaranse 5,4 millóns de euros. González recordou a campaña en marcha, por importe superior ó millón de euros, destinada a promocionar a Ternera Gallega Suprema.

En marcha a creación do mapa de usos agroforestais de Galicia

Medio Rural está dando pasos para unha nova ordenación dos usos da terra, tal e como estaba previsto na Lei de Recuperación da Terra Agraria. A primeira medida é a creación do Mapa de usos agroforestais de Galicia, que suporá a revisión informatizada de algo máis de 11 millóns de parcelas catastrais. Para a súa elaboración tómanse datos do Sixpac, do inventario forestal continuo de Galicia (en elaboración) e do sistema de información sobre a ocupación do solo en España. Tamén se incorporarán datos doutras fontes, como o rexistro de explotacións agrarias de Galicia ou o rexistro vitivinícola. Ese mapa de usos actuais da terra será a base para a ordenación posterior, que se acometerá a través da creación de Catálogos de solos agropecuarios e forestais. A posta en marcha do mapa abordouse este martes na primeria xuntanza do Consello de xestión da terra agroforestal, un órgano consultivo da Administración no que participan os colectivos representativos do sector. A Consellería do Medio Rural destacou no encontro que o mapa servirá de base para a planificación das actuacións públicas en todo o relativo á ordenación e xestión do uso das terras agroforestais. A elaboración do mapa de usos agroforestais xa se completou en 24 concellos, segundo avanzou a Xunta. Na catalogación de usos actuais, estase tamén incluíndo a catalogación de sistemas agrarios de alto valor natural, nos que a Administración entende que, en paralelo á actividade produtiva, os sistemas agrarios están dándolle soporte á conservación da biodiversidade. Mapa histórico Xunto co mapa de usos actuais, Medio Rural está elaborando un mapa de usos históricos da terra a partir do voo cartográfico do ano 1957, complementado de xeito puntual con fotografías dos anos 1946-47. O obxectivo é apreciar a evolución dos usos da terra nos últimos 65 anos. O mapa histórico xa está completado en 85 concellos, segundo apunta a Xunta.

Un visor xeográfico recolle as zonas de actuación para recuperar terra agraria

A Xunta acaba de habilitar un visor xeográfico con toda a información relativa aos instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Foi desenvolvido polo Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, en colaboración coa Consellería do Medio Rural. Así, o visor proporciona información gráfica e alfanumérica mediante o emprego de cartografía dixital, que se irá incrementando segundo avance a implementación da norma. Primeiramente, hai datos dispoñibles das aldeas modelo, tanto das declaradas como das que se atopan en fase de recollida de sinaturas. Canto aos polígonos agroforestais, móstranse os datos básicos dos que contan con acordo de inicio e dos que se atopan con actuacións previas. Respecto das zonas preferentes para implantar polígonos agroforestais de iniciativa pública, inclúense tanto as zonas de concentración parcelaria con abandono como as áreas sinaladas polas denominacións de orixe do viño galegas, permitindo descargar en cada unha delas unha ficha en formato PDF con información detallada sobre as súas características agronómicas e estado actual. Cabe engadir que a web habilitada tamén proporciona referencias sobre o Plan de pastos, en concreto sobre os pasteiros promovidos pola Xunta para darlle un pulo á gandaría extensiva ao tempo que se crean áreas de prevención fronte aos incendios forestais. Información complementaria Ademais desta información propia dos instrumentos de recuperación de terras agrarias, o visor permite consultar -dentro dos ámbitos deses instrumentos- as parcelas e as súas referencias e fichas catastrais. Así mesmo, posibilita incorporar outra información dos propios usuarios ou servizos web doutras entidades para poder empregar eses datos xunto coas delimitacións das figuras de posta en valor. Outra das utilidades da ferramenta é a posibilidade de facer medicións de distancias e áreas, así como compartir o que estamos a ver nun determinado momento con outra persoa. Cómpre sinalar que proximamente, tanto o visor como as ferramentas de xestión do Banco de Terras de Galicia, atoparanse integradas no Sistema de Información de Terras de Galicia, que será o sistema de información xeográfica que dea acceso a todos os datos sobre os procedementos e instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Máis información - Acceso ó visor xeográfico.