Archives

“A política foi feita para os funcionarios, por iso hai poucos alcaldes gandeiros”

José María, no momento de ir buscar as vacas ao prado para muxir, con Calcetines, o seu can Cando en plena crise polos baixos prezos do leite, o 3 de setembro de 2015, 1.500 tractores colapsaron a Ronda da Muralla de Lugo, onde despois permanecerían varios meses aparcados para esixir un prezo xusto que cubrira os custos de produción, o tractor que guiaba ao grupo de gandeiros chegados desde Castroverde era o de José María Arias, alcalde da localidade. Había moitos políticos que se achegaran alí a dar apoio, pero el estaba como gandeiro. "A única maneira de non perder a perspectiva do sector é seguir formando parte del. Non se pode facer unha política agrícola ou forestal desde un despacho. Hai que vir e pisar o territorio", di. É algo que achaca a outros políticos, aos da Xunta. "O Goberno galego cambia cada 6 meses a Lei do Solo, iso é que non saben que facer, que non teñen as cousas claras nin teñen unha idea de país. É necesario avanzar na ordenación do territorio, é unha tarefa pendente", considera. "Castroverde é un pulmón de leite en Galicia, xunto a outros concellos da provincia de Lugo como A Pastoriza, Castro de Rei, Cospeito, Sarria, Chantada, Pol, Guntín ou Guitiriz. Temos 14.000 cabezas de gando no municipio entre leite e carne e explotacións moi boas, que están traballando ben, dimensionadas e profesionalizadas, pero temos o mesmo problema que hai en toda Galicia, temos moi poucas concentracións, hai parroquias cun minifundio que é insostible e que é un problema grave para a produción porque encarece moito os custos de produción", describe.
"Temos 14.000 cabezas de gando no municipio pero temos parroquias cun minifundio que é insostible porque encarece moito os custos de produción"
Por iso reclama solucións, como gandeiro e como político. "O campo en Galicia perdeu máis de 100.000 postos de traballo na última década e non sae en ningún lado, non abre os informativos. Se hai unha ameaza sobre Alcoa ou sobre Citroën a Administración móvese. Sen embargo, esa reconversión do agro en Galicia saiulle gratis á Administración", denuncia. Defende que as subvencións aos gandeiros e agricultores "tiñan que ser máis grandes porque cada euro investido no agro repercute no resto de sectores, son cartos que quedan no territorio", di, aínda que recoñece que "ás veces non se usan ben as subvencións en cousas que de verdade creen valor e melloren a produción". De 2007 a 2011 José María Arias foi deputado provincial, ocupándose da área de Medio Rural no Goberno da Deputación de Lugo, desde onde foi un dos impulsores do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro. Son eses os proxectos que considera "útiles para o sector". Conversión cara ao ecolóxico As vacas da Gandeiría Portela volvendo do pasto José María repite como rexedor municipal catro anos máis, un cargo no que leva desde 1997. Tiña daquela 30 anos e había dous que se incorporara á explotación familiar, Gandeiría Portela, que segue mantendo. "Eu teño que manter a miña explotación porque é o meu medio de vida e hoxe estás en política e mañán deixas de estar. Teño unha persoa daquí ao lado contratada porque ás veces éme difícil compatibilizar os horarios e as ocupacións de alcalde coas da granxa. Á política foi feita para funcionarios, por iso hai poucos alcaldes gandeiros", di. A súa explotación conta hoxe con 60 cabezas en total, unhas 40 en muxidura, e está dando o paso cara á produción ecolóxica. "Eu xa facía pastoreo e animado pola suba de prezos e porque neste momento o leite ecolóxico ten demanda e saída, comecei hai ano e medio o periodo de conversión, que en marzo de 2020 terei plenamente rematado", conta. Ao ter que recurrir a man de obra contratada resultáballe difícil lograr que unha explotación do tamaño da súa resultase viable pero agarda que a diferenza de prezo en ecolóxico sirva para incrementar a rendibilidade da súa granxa. Para unha explotación do tamaño e características da súa está a ser "doada" a adaptación aos requisitos da produción ecolóxica. "Contamos con 26 hectáreas de superficie entre propias e alugadas nun radio de acción de menos dun quilómetro, adáptase ben para isto do ecoloxico", considera. En Furís, a parroquia na que se atopa a Gandeiría Portela, tampouco houbo concentración parcelaria. Prescindir do millo Hai 3 anos que non bota millo. "Antes sementaba unhas 10 hectáreas e a colleita era boa pero cos cambios esixidos no abonado e prescindindo dos herbicidas sería imposible sacar millo aquí, porque é unha terra forte e bota moita herba", argumenta. Agora fai silo de herba para suplementar no inverno a alimentación a base de pasto. As vacas da Gandeiría Portela están fóra de día e no establo pola noite. "O inverno aquí é duro, a explotación está a 700 metros de altitude e o pico da parroquia chega aos 975 metros", relata.
"O ecolóxico ten futuro, pero non vale para todo o mundo. Hai granxas ás que polas nosas características nos encaixa mellor"
No seu caso a produción ecolóxica casa á perfección, pero asegura que "non é para todas as explotacións o leite ecolóxico, non sería doado para unha granxa de 200 vacas", alega. "O ecolóxico é unha boa solución para explotacións de pequeno tamaño pero non se adapta para outro tipo de explotacións", considera. Xa facía pouca renovación de pradeiras, tan só naquelas fincas nas que botaba millo, e, aínda que en Furís de Abaixo hai outra explotación leiteira en intensivo, Granxa do Río, non ten problema de contaminación cruzada. O derradeiro paso que lle queda é o penso. Considera que non terá problema algún de adaptación do gando, xa que "só daba entre 6 e 7 quilos de concentrado por vaca e día en convencional, a miña explotación xa non era de altísimas producións antes de pasarme a ecolóxico", recoñece. Considera que os dous modelos, o ecolóxico e o convencional, teñen futuro en Galicia. Sen embargo, advirte de determinadas circunstancias que xogan en contra do sistema de produción intensivo: "O leite convencional ten un hándicap importante porque os mercados están lonxe de Galicia e as marxes nos prezos son moi pequenas como para facer fronte a ese incremento de custos e ao mesmo tempo, Europa está apertando no tema medioambiental e ao purín hai que darlle unha saída", opina.

"Os beneficios que xera o eucalipto hai que repartilos cos propietarios que conservan os carballos e os castiñeiros"

O sector agrogandeiro segue mantendo un peso importante en Castroverde, pero este é tamén un concello cunha importante riqueza forestal. Hai dous anos un borrador presentado pola Xunta de Galicia poñía en risco esa rendibilidade do monte, o que provocou que os propietarios forestais se unisen en contra da decisión da Administración autonómica de prohibir as plantacións de eucalipto no termo municipal. "Ese decreto dividía a Galicia en dúas metades, permitindo plantar eucalipto nunha das partes e prohibíndoo na outra, polo que supoñía unha penalización inxusta para 29 concellos na provincia de Lugo, como o de Castroverde, que quedaría do outro lado da liña do eucalipto", explica o seu alcalde. Neste concello de transición entre a comarca de Lugo e a Montaña, a produción de madeira move 4 millóns de euros ao ano. Hai plantadas unhas 700 hectáreas de eucalipto e hai 8 empresas, que xeran 40 empregos, adicadas aos distintos procesos e traballos forestais.
"Hai que asignarlle un valor económico ao medio ambiente e darlle unha renda ao propietario que o mantén"
Por iso José María critica esa "prohibición drástica" por parte da Xunta. "En Castroverde, como no resto de Galicia, ten que haber piñeiro, eucalipto e carballeiras, pero se queremos que os da Montaña e os Ancares conserven as carballeiras hai que compensar aos propietarios por mantelas", defende. "Hai que asignarlle un valor económico ao medio ambiente e darlle unha renda ao propietario que mantén o medio ambiente, ten que haber unha compensación, unha rendibilidade compartida entre os propietarios de explotacións forestais de eucalipto e os propietarios de espazos protexidos", argumenta. E propón: "en cada corta de eucalipto debería haber unha parte dos ingresos obtidos destinada a compensar ao que non pode plantalo e as plantacións de frondosas autóctonas deberían poder meterse na PAC para que tamén xeraran unha renda por esa vía". O eucalipto, compatible coa gandeiría Para o alcalde de Castroverde "a riqueza forestal é moi importante en Galicia, igual que o é a agrogandeira". Por iso di: "hai que salvar o prado pero hai que deixar producir madeira no monte". "Penso que son sectores perfectamente compatibles", afirma. Pero insiste en reclamar "un programa de ordenación forestal e gandeira do territorio a nivel galego, que é algo que non existe". O caos existente neste momento entre plantacións forestais e terreos agrícolas, entrelazados e mesturados sen criterio algún na maioría das parroquias galegas, fai que un problema como o do xabarín alcance dimensións cada vez maiores sobre as zonas produtivas. "Son cazador e membro da directiva do Tecor de Castroverde. O ano pasado matamos 250 xabaríns, o cupo que tiñamos. No concello bótanse unhas 1.500 hectáreas de millo e os danos son cuantiosos todos os anos", explica. Na casa de José María, ademais das vacas da súa explotación hai tamén outros animais de referencia, os seus cans de caza. E un acollido, de nome Calcetines, un border collie dun ano que chegou perdido fai uns meses. Non se separa do seu novo dono. Vai con el a todos os lados, como cando vai buscar o gando. Se lle deixara, mesmo o acompañaría ao despacho da Alcaldía.

Permitiranse segundas vivendas en solo rústico ligadas a explotacións

A Xunta de Galicia decidiu modificar a Lei do Solo para flexibilizar a construción de vivendas en solo rústico. Na actualidade, xa era posible a construción en solo rústico dunha vivenda ligada a unha unidade agraria. Co cambio da normativa, será posible edificar unha segunda vivenda en solo rústico ligada á mesma explotación agraria. O obxectivo do cambio, segundo a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, é permitir a construción de vivendas para temporeiros, persoal ou unha segunda vivenda ligada á explotación agraria por motivos xustificados, coma a dimensión ou características da explotación. En canto ó persoal, a resolución do Consello da Xunta especifica que permitiranse vivendas para “persoas que exerzan tarefas de vixilancia, asistencia, xestión ou control derivadas ou esixidas polas características da explotación”. Así mesmo, poténciase o turismo en solo rústico, especialmente o relacionado coa posibilidade de construír albergues turísticos vinculados ós Camiños de Santiago. Outro dos aspectos que modificará a Lei do Solo é a ampliación das edificacións tradicionais existentes en solo de núcleo ou en solo de uso rústico.

“Curtis quere ser dos primeiros concellos de Galicia en ter un plan de ordenación de cultivos”

Javier Caínzos é alcalde de Curtis dende o ano 2011. Fillo de gandeiros, lidera un concello que precisamente vai ser a sede de dous importantes proxectos para o sector lácteo e forestal de Galicia: a instalación de Goodleit, agora Inleit, e a da planta de biomasa de García Forestal (Greenalia). O rexedor fálanos da situación destes proxectos e dos cambios que están a introducir no concello para impulsar o futuro da actividade agrogandeira. A ordenación dos usos do solo, para que non haxa plantacións forestais en terreos de uso agrario, segue sendo unha asignatura pendente en Galicia. As incoherencias entre a Lei do Solo e os Pxom dos concellos tampouco axudan a que haxa investimentos no rural. ¿Que se podería facer dende os concellos para ordenar os usos do solo e fomentar o seu aproveitamento? Non é fácil dar unha resposta coa normativa, porque os trámites e os procedementos son longos e complexos. Pero tamén somos conscientes no equipo de goberno de Curtis de que se os veciños nos votan e nos elixen tamén nos esixen que lle deamos resposta ás súas demandas. É certo que resulta imposible contentar a todos os intereses, pero creo que temos que traballar da man dos gandeiros e dos propietarios forestais para dar resposta aos seus problemas e lograr sacar a máxima rendibilidade ás súas propiedades. Todo iso debe conxugarse co apoio ao sector lácteo, que é estratéxico para o noso concello, e evitar que haxa terras abandonadas. Para iso estamos a adaptar a normativa urbanística ás súas necesidades e aos aproveitamentos do solo. En concreto, queremos ser dos primeiros concellos  en facer un plan de cultivos a través dunha empresa especializada e en colaboración colaboración coa Xunta de Galicia. Este plan será consensuado cos veciños e contará coa súa participación para lograr grandes bolsas de solo que sexan aproveitadas polas explotacións gandeiras, e o mesmo para as zonas forestais. Este plan de ordenación de cultivos, no que se terá  en conta a aptitude agronómica de cada solo, será acordado cos veciños e pretende que as explotacións gandeiras e forestais de Curtis teñan base territorial con dimensións rendibles. Ademais, permitiralles seguir medrando se o precisan nos próximos anos. Este plan será a base para adaptación do PXOM á lexislación actual que esperamos aprobar a comezos de ano e que remataremos de pechalo coa participación cidadá. Creo que isto vai ser un antes e un despois para o aproveitamento do solo agrario e forestal en Curtis.
 “Imos reducir a delimitación urbana dos 142 núcleos rurais para favorecer a actividade agrogandeira”
Ademais, a petición dos veciños imos reducir a delimitación urbana dos 142 núcleos rurais. En concreto, imos facer unha nova delimitación, desclasificando máis de 200 hectáreas urbanas para convertelas en solos de usos agrarios no perímetro dos núcleos rurais. Iso vai facilitar non só un amplo grao de consenso en torno ao PXOM senón tamén unha seguridade para o desenvolvemento do sector agrogandeiro e agroforestal. En definitiva, queremos facer unha ordenación dos usos do solo de acordo cos veciños, que garantirá o futuro da actividade agrogandeira e forestal do concello, con grandes bolsas de terreo, máis rendibles. Sei que non é fácil pero se non facemos este ordenamento imos ter un futuro moi curto. A falta de celo para que se cumpra a lei en canto a usos do solo leva a veces a conflitos entre propietarios forestais e gandeiros....¿Que se pode facer dende os concellos? Dende a Administración temos que intentar que non haxa esa confrontación entre o propietario que se dedica a uso agrario e o que o fai a uso forestal. Para iso, debemos definir unhas áreas para que a base territorial para os dous usos sexan de maior tamaño, máis viable e rendible. Debemos facilitar que as explotacións gandeiras podan ampliar a súa base territorial para seguir medrando, e tamén que as zonas que queden como forestais sexan dun tamaño óptimo para que poda haber unha ordenación forestal e poda facerse un aproveitamento mixto.
“O noso obxectivo é crear grandes bolsas de terreo agrícola e forestal que fagan rendible o seu aproveitamento”
Penso que unha vía interesante para o futuro é a diversificación. E poño de exemplo aos gandeiros que nos anos 90 fixen unha visita a ganderías da rexión das Landas, en Francia, e vin como alí os gandeiros facían aproveitamentos mixtos (forestais, agrarios e de horta), de forma que cubrían coa venda de madeira as épocas de baixo prezo do leite. E en Curtis contamos cunhas condicións óptimas para a produción doutros cultivos, como cereais, horta, forestal, etc..... As administracións locais debemos axudar, apoiar e impulsar o desenvolvemento do sector agrogandeiro, e nunca ser unha traba. Precisamente como alcalde, entenderá unha das queixas recorrentes de agricultores ou gandeiros: o exceso de burocracia... Sen dúbida que é un problema e o obxectivo principal debe ser simplificar os trámites e os prazos destes procedementos, porque do contrario é carga de traballo que acaba esgotando a agricultores e gandeiros. O que necesita o sector son procedementos simplificados, porque se non é normal que a xente se desanime. Por exemplo, cando aprobamos as bonificacións para as explotacións gandeiras no pagamento do IBI, tivemos unha traballadora municipal en exclusiva para atender aos veciños, e o traballo de documentación que se require para conceder esa documentación é enorme. Se tiveran que facer eses trámites os propios gandeiros faríano moi poucas, e desta forma son máis de 100 as ganderías que se beneficiaron desta rebaixa de impostos municipais. A nosa aposta é por simplificar burocracia e coordinarnos entre as administracións para que non haxa duplicidade de requirimentos. Que peso ten o sector agrario en Curtis? Nos últimos anos houbo un cambio substancial no que é o conxunto xeral do concello por dúas razóns. Por unha parte, porque o sector agrario, e sobre todo o lácteo, piar da economía do noso concello, está en permanente reconversión nos últimos anos. Así, se ben é certo que pecharon explotacións, ao igual que no resto de Galicia, as que quedaron aumentaron cabana gandeira e o tamaño, de forma que neste momento no concello hay en torno a 10.000 cabezas de vacún, sobre todo de leite. Quedan arestora en Curtis unhas 150 ganderías, das que 116 son de vacún de leite, e creo que van manter no futuro porque xa están dimensionadas e porque a evolución do mercado lácteo preséntase como positiva. Precisamente, como está a nivel administrativo a implantación de Inleit, antes GoodLeit, en Curtis? Neste momento xa se están executando as obras desta industria. O feito de que se ubicara en Curtis é froito do esforzo coordinado e conxunto do concello, da Xunta de Galicia e do Goberno Central para que unha empresa privada faga este importante investimento no noso concello. No mes de agosto concedéuselles a licenza e iso fixo posible que comezaran as obras hai uns días, e segundo a información da que dispoña evolucionan a bo ritmo e a duración prevista das obras é de 24 meses. Esta industria vai supor unha importante esperanza de futuro para o sector lácteo galego, e como alcalde de Curtis estou moi agradecido de que elixiran o noso concello para implantarse. Creo que houbo factores que puideron ser determinantes, como que dispuxéramos dun polígono industrial, o de Teixeiro, de 2 millóns de metros cadrados, e con todos os servizos: totalmente urbanizado, abastecemento de auga bruta para procesos de produción, servizo de vixilancia as 24 horas durante todo o ano....etc. Inleit adquiriu 86.000 metros cadrados de solo, que vai utilizar para o desenvolvemento deste proxecto.
“As obras da planta de Inleit avanzan segundo o previsto e estarán rematadas en 24 meses”
Todo isto trasládalle seguridade aos empresarios, e xunto a isto destacaría as medidas fiscais do noso concello, de forma que bonificamos os asentamentos industriais segundo o investimento e a creación de emprego. Outro factor clave é que Curtis está situado nun entorno de concellos cunha importante cabana de vacún de leite que pode ser provedora desta industria. O proxecto suporá un investimento global de 70 millóns de euros e, polo que nos transmiten os empresarios, o desenvolvemento da industria vai ser progresivo e programado ata o ano 2023 ou 2024 cando se prevé que estea ao 100% da súa capacidade. Para daquela contará Inleit cuns 300 traballadores, entre directos e indirectos, e procesará unhas 400.000 toneladas de leite, o 17% da produción actual de Galicia. Outro gran investimento previsto en Curtis é o de García Forestal. Como avanza a súa tramitación administrativa? Neste momento o proxecto está en proceso de tramitación dos permisos e autorizacións integrais da Xunta. Unha vez que conten con eses permisos supoño que presentarán o proxecto definitivo no concello para, se procede, a concesión da pertinente licenza. Polos datos que nos avanzan, vai ser un importante investimento, cunha ocupación duns 100.000 metros cadrados no polígono de Teixeiro,  e unha produción de 50 megavatios a partir da biomasa forestal. Ademais, vai supor un pulo moi importante para o sector forestal de toda a contorna e axudar a previr os incendios forestais, retirando biomasa do monte. Este ano acollestes a primeira edición da I Poxa de Gando Frisón de Élite, que ides volver organizar para o mes de febreiro. Que valoración facedes desta poxa? Creo que todos debemos intentar aportar o que podamos para o futuro do sector, porque apostar polo sector primario é apostar polo futuro de Galicia. Hoxe en día unha explotación gandeira debe optimizar os seus recursos e abaratar custos. O feito de facer unha produción de calidade con animais de alta xenética vai contribuír tamén a que as nosas ganderías sexan máis rendibles. Temos que lembrar que de cara o futuro o valor engadido estará nos sólidos do leite, na graxa e na proteína, e é na dirección na que vai traballar Inleit.
 “Producir calidades con boa xenética é clave para o futuro, e nesa liña vai a Poxa de Gando de Élite que se celebrará en febreiro”
Neste sentido, celebramos unha xuntanza anual que realizamos cos nosos gandeiros nos meses de febreiro ou marzo, para que nos trasladen as súas demandas, tanto en axudas, como rebaixas fiscais a nivel municipal (no 2014 xa bonificamos ao 95% o pago do IBI as instalacións gandeiras e forestais.)..etc. E unha das peticións que nos trasladaron foi aproveitar o recinto feiral de Curtis para organizar unha ou varias poxas de gando ao longo do ano. Este ano foi a primeira e a valoración foi moi positiva, e para o próximo ano, abriremos a poxa á participación de animais procedentes de ganderías de toda Galicia. Creo que é unha aposta de futuro para que os nosos gandeiros conten coa mellor xenética para producir leite de calidade.

“Non se entende que a nova Lei do Solo prohiba ampliar as instalacións agrogandeiras nas aldeas”

A nova Lei do Solo de Galicia (Lei 2/2016), en vigor desde marzo do pasado ano, introduce cambios nos usos agrarios e forestais no rural, sendo unha das maiores novidades a prohibición de ampliar ou construír granxas en solo de núcleo rural das aldeas, en tanto en solo rústico continúan os mesmos criterios á hora de autorizar ampliacións. Para abordar as novidades da Lei do Solo, a Oficina Agraria Comarcal de Lugo organizou o pasado mes de decembro unha xornada técnica adicada a analizar o impacto no agro da nova normativa, a cargo de Ana María Rivas García, a secretaria interventora do Concello de Becerreá. Analizamos nesta entrevista os principais cambios que introduce a nova lei para as actividades agrogandeiras no rural. A grandes rasgos, ¿Cales son as principais novidades da nova Lei do Solo no agro? Non supón un cambio radical no réxime urbanístico tradicional. Con carácter xeral, mantén a clasificación do solo diferenciando en urbano, de núcleo rural, urbanizable e rústico. A novidade máis significativa afecta ao solo rústico, pois mantén a vella distinción entre o solo de protección ordinaria e solo de especial protección, remitíndose agora para a súa definición e limitacións ao que estableza a lexislación sectorial e sen prexuizo das maiores limitacións contidas na propia lei, no seu caso. ¿Facilita a nova lei o traballo aos concellos? ¿E aos gandeiros? En relación aos Concellos e con carácter xeral considero que non. Máis ben reduce o ámbito de colaboración entre os concellos e a Xunta, principalmente no relativo aos usos en solo rústico. Así, os usos autorizables mediante autorización autonómica previa se reducen, pasando a maior parte deles a ser de licenza directa. Parece entón que a Xunta se desentende dos usos agropecuarios. De feito, só mantén a devandita autorización autonómica previa para construcións destinadas a usos residenciais vinculados á explotación agrícola ou gandeira e para construcións de natureza artesanal ou de reducida dimensión que alberguen actividades complementarias de primeira transformación, almacenamento e envasado de produtos do sector primario, sempre que garden relación directa coa natureza, extensión e destino da parcela ou explotación do recurso natural. Isto entra en contradición coa afirmación da exposición de motivos na que se sinala que a Lei do Solo aposta pola defensa e respecto do solo rústico, sen perder de vista a súa dimensión como solo produtivo e útil, que debe ser recollida e potenciada.
 “A situación máis difícil é para os novos gandeiros”
A Comunidade Autónoma deixa de exercer as súas competencias en materia de economía e loita contra o despoboamento, aspectos vinculados ao urbanismo de xeito moi estreito, máis aínda, atreveríame a dicir, cando eses últimos pasan por unha regulación axeitada do urbanismo. Os gandeiros que continúan na súas explotacións van ter que facer números para modificar e basicamente para ampliar as súas explotacións. Agora ben, quen ao meu xuízo o ten máis difícil son os novos gandeiros pois para eles é o réxime máis rigoroso. ¿Considera que os concellos están preparados para asumir os cambios que comporta a nova Lei do Solo? Os concellos estamos preparados para calquera cousa agás para a aplicación de rexímenes pouco claros que se resisten a modificar a nivel lexislativo e pretenden solventar con solucións peregrinas á marxe da xerarquía das normas. A Consellería de Medio Ambiente abre a porta a que os concellos cun planeamento urbanístico en vigor permitan as ampliacións das explotacións gandeiras. Os sindicatos agrarios consideran insuficiente a medida, pois vai depender da boa vontade do goberno municipal e do peso que teña o sector gandeiro no municipio. ¿Comparte esta crítica? ¿Debería irse a unha solución máis global, de ámbito galego? Si, como xa dixen con anterioridade, a Xunta de Galicia non pode lexislar a trozos. Se ten como preocupación e ten competencia no desenvolvemento económico e social e na loita contra o despoboamento, debe regular o urbanismo en Galicia desde estas perspectivas e segundo os obxectivos que cada goberno queira conquerir. Cómo se han de levar a cabo as ampliacións das explotacións existentes e mesmo a súa nova implantación afecta tamén a estes aspectos, polo que a Xunta de Galicia non pode sen máis remitirse a cada instrumento de planeamento municipal. ¿Ralentizou a nova Lei do Solo a aprobación o pasado ano das licenzas municipais de obra para os plans de mellora nas explotacións gandeiras? A entrada en vigor dunha nova lei sempre é un elemento distorsionador no noso traballo diario que require dunha adaptación tras o correspondente período de estudo e comprensión. Non considero que ralentizara especialmente a tramitación das licenzas urbanísticas e, en todo caso, si considero que non se lle pode pedir ao lexislador que analice as mellores datas para a aprobación e entrada en vigor das normas. ¿Que cambios introduce a nova Lei en canto á ampliación das instalacións gandeiras que están en solo rústico e para as que están en núcleo rural? En contra do entendemento exacto do que é o dereito transitorio, a nova Lei e as súas disposicións transitorias veñen a perpetuar un réxime diferente ao do seu articulado, o que considero que non é de todo acertado. As explotacións en solo rústico executadas ao amparo de licenza urbanística poderán manter o seu uso e mesmo amplialas cumprindo as condicións de edificación do artigo 39c) da Lei do Solo de Galicia.
“A nova lei non prevé a posibilidade de ampliar explotacións en solo de núcleo rural”
As existentes a un de xaneiro de 2003 poderán manter a súa actividade e amplialas sen superar o 50% e sen a necesidade de cumprir o artigo 39, agás no referente á altura. Na Lei non se prevé a posibilidade de ampliar explotacións en solo de núcleo rural cando si se previa na lexislación anterior. Trátase de limitar as posibilidades de ubicalas en entornos de vivendas nas nosas aldeas, unha posición que non considero lóxica se se aposta polo rural e o mantemento da vida nos pobos. Sería asumible se fora unha decisión política pero agora resulta que en contra do lexislador, o goberno da Xunta de Galicia corrixe vía regulamentaria esta posibilidade cando un regulamento non pode contradicir unha lei, polo que o máis axeitado, se houbo un cambio de criterio, sería modificar ésta. Ábrese así a posibilidade de distintas interpretacións que cando están en xogo políticas públicas económicas, de loita contra o despoboamento e outras, debería quedar claras por parte do lexislador. E para construír novas explotacións gandeiras, ¿Que di a nova normativa? Ás novas explotacións aplícase o novo dereito na materia recollido na Lei do Solo sendo para elas o réxime máis rigoroso pois deben cumprir sen excepción todas as condicións previstas no artigo 39 da Lei para solo rústico. E en solo de núcleo rural están prohibidas salvo pequenas construcións artesanais ou para o autoconsumo. Desde o punto de vista medioambiental, ¿Cales son os principais cambios que introduce a nova Lei do Solo para as explotacións agrogandeiras? No hai novidades destacables nesta Lei dende o punto de vista ambiental incidindo máis outras normas como a Lei de Montes e a de Incendios Forestais que, non obstante, agora teñen que ser lidas tendo en conta tamén esta Lei do Solo. A título persoal, ¿Como valora a nova Lei do Solo e que aspectos melloraría para a súa aplicación no agro, e no sector agrogandeiro en particular? As leis teñen que ser froito da estratexia política de cada goberno para solventar os problemas reais da nosa sociedade. Coido que estamos todos de acordo en que o desenvolvemento económico e social do país é un dos grandes problemas xunto co demográfico. O lexislador autonómico parece tamén estar de acordo pero á hora de establecer unha liña estratéxica e unhas políticas concretas boto en falla unha posición máis decidida en orde a seguir mantendo, ou non, no solo de núcleo rural a actividade agrogandeira.
 “Boto en falta unha aposta da Xunta para seguir mantendo no solo de núcleo rural a actividade agrogandeira”
Persoalmente creo que para fixar poboación nas aldeas hai que ofrecer recursos económicos que practicamente se reducen aos do sector turístico e agrogandeiro, principalmente este último na Galicia do interior, xa que non todos vivimos no Eixo Atlántico. Neste sentido, considero que deberiamos manter o réxime anterior en orde á posibilidade de ampliación de explotacións existentes e mesmo para as novas, co cumprimento dos requisitos que se estableceran para garantir o dereito de todos ao medio ambiente. Pero sempre sen esquecer que de momento, son os gandeiros e agricultores do noso país os que si están colaborando por cumprir os obxectivos da Estratexia Europea 2020, unha estratexia para un crecemento intelixente, sostible e integrador, pola seguridade alimentaria, pola protección do medio ambiente, pola loita contra o cambio climático…. Por iso creo que debemos apostar polos nosos agricultores e gandeiros. --

Xornada sobre a incidencia no agro da Lei do Solo de Galicia

O edificio multiusos da Xunta en Lugo acolle este martes unha xornada técnica adicada a analizar o impacto no agro da Lei do Solo de Galicia (Lei 2/2016). A sesión, organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo, estará impartida pola secretaria interventora do Concello de Becerreá, Ana María Rivas García. Desenvolverase a partir das 17 horas (as cinco da tarde) na aula 1 da segunda planta do edificio multiusos da Xunta, ubicado na Ronda da Muralla. A xornada prevé abordar cuestións como a modificación do réxime urbanístico do chan ou a adecuación á normativa medioambiental. A asistencia á charla é gratuita, se ben cómpre inscribirse antes por correo electrónico escribindo a oac.seca.lugo@xunta.gal ou a jose.rocha.grande@xunta.es.

Medio Rural confirma que ampliará o prazo de presentación de licenzas para plans de mellora

A Xunta ten previsto publicar en breve unha orde que ampliará o prazo de presentación de licenzas de obra nas solicitudes de varias axudas agrarias. En concreto, flexibilizarase o período para a obtención do permiso nas axudas de plans de mellora, de incorporación de agricultores mozos e de desenvolvemento de pequenas explotacións. A convocatoria das axudas, publicada en decembro do 2015, establecía como data límite para entregar a licenza de obra o 18 de setembro. Sen embargo, os cambios urbanísticos que introduciu a nova Lei do Solo, aprobada no 2016, estaban a dificultar que unha parte significativa das granxas obtivese a licenza no período estipulado. Desde as organizacións agrarias, reclamóuselle a Medio Rural unha ampliación de prazo, á que finalmente accedeu a Consellería nos últimos días, segundo xa anunciara Unións Agrarias. Novo prazo Con carácter xeral, ampliarase agora o prazo ata o 18 de outubro, se ben aqueles solicitantes que non poidan entregar a licenza porque a Lei do Solo (Lei 2/2016) obriga a modificar o planeamento urbanístico do seu municipio, disporán dun prazo particular que determinará a Xunta na resolución das axudas. En canto ás solicitudes de subvencións recibidas, Medio Rural sinala que houbo 2.379 para a modernización de explotacións (plans de mellora), 803 para a incorporación de mozos e 70 para desenvolver pequenas explotacións.

Ampliarase o prazo para presentar as licenzas dos plans de mellora

As explotacións que tiñan este ano solicitado un plan de mellora dispuñan en principio de prazo ata o 18 de setembro para presentar a correspondente licenza de obra municipal. Ese prazo finalmente ampliarase, segundo vén de anunciar Unións Agrarias, que mantivo reunións coa Consellería do Medio Rural para tratar de buscar unha solución ós atrancos urbanísticos derivados da nova Lei do Solo. Espérase que a Consellería publique a ampliación do prazo nos próximos días. A nova Lei do Solo está a condicionar os investimentos previstos por parte das explotacións gandeiras, pois con arranxo á nova normativa, moitas granxas atópanse con que non poderían obter licenza de obra para executar proxectos de ampliación. O problema agrávase nas granxas que solicitaron a comezos de ano plans de mellora, pois a posterior aprobación da nova Lei impedía a execución de instalacións xa proxectadas. Unións advirte da necesidade de modificar os proxectos nalgúns puntos e tamén cuestiona atrancos e indefinicións que presenta a Lei do Solo, que agarda que se cheguen a resolver a curto prazo.

Arredor de 200 granxas de Lugo, en risco de perder axudas pola Lei do Solo

Os gandeiros que solicitaron este ano axudas para plans de mellora e para incorporación á actividade agraria estanse a atopar cun obstáculo inesperado. Cando presentaron as solicitudes, que en moitos casos levan aparellada unha ampliación das cortes, ampliar os establos en núcleo rural era legal. Sen embargo, a aprobación da nova Lei do Solo pasou a prohibir o aumento das instalacións en núcleo. Só en Lugo hai arredor de 200 explotacións con problemas deste tipo, segundo estimacións de Unións Agrarias.
Os gandeiros teñen de prazo ata o 18 de setembro para presentar a licenza municipal, un trámite que non poden cumprir
A organización ofreceu unha rolda de prensa en Lugo para demandar solucións tanto da Consellería de Medio Ambiente, responsable da Lei do Solo, como da Consellería do Medio Rural. Coa nova Lei do Solo na man, os Concellos non poden conceder licenzas de obra municipal para unhas ampliacións que ata hai uns meses non terían ningún problema para lograr o permiso. Data límite A orde de axudas de plans de mellora establece que os produtores deben contar coa licenza municipal a día 18 de setembro do 2016. Óscar Pose, de Unións Agrarias, advirte de que é necesario que se elimine esa data límite, “pois os produtores nada podemos facer ante un problema creado pola propia Administración”, critica.
Unións calcula que o 80% das granxas de Galicia están en solo de núcleo rural
Doutro lado, Pose demanda da Consellería de Medio Ambiente unha inmediata modificación da Lei do Solo para permitir as ampliacións de instalacións agrarias nas mesmas condicións que coa norma anterior. É dicir, que se poidan executar ampliacións en núcleo rural, onde están o 80% das granxas de Galicia, segundo cálculos de Unións. Para o solo rústico, onde a nova Lei do Solo restrinxe ampliacións a só o 50% da dimensión da actual edificación, Unións tamén pide que se elimine ese límite.

Unións, descontenta coas novas instrucións da Lei do Solo sobre granxas

A Lei do Solo de Galicia (Lei 2/2016) deixou unha serie de incógnitas sobre a situación urbanística das granxas e sobre as súas posibilidades de ampliación. O sector entendía nun inicio que a Lei vetaba a ampliación de explotacións en solo de núcleo rural, se ben unha instrución publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) pola Consellería de Medio Ambiente abre a porta a que os Concellos cun planeamento urbanístico en vigor permitan esas ampliacións. O sector considera insuficiente a medida. “Podémonos atopar con que hai Concellos, nos que a gandería teña peso, que si adaptan o seu planeamento para autorizar ampliacións de granxas en núcleo rural, en tanto outros que non teñan ese peso gandeiro non o farán” -advirte Óscar Pose, de Unións Agrarias-. “A solución ten que ser global, non se pode facer depender da boa vontade dun Concello”, demanda. Plans de mellora A organización agraria cuestiona ademais a incertidume na que se atopan as explotacións ubicadas en núcleo rural que solicitaron este ano unha axuda de plan de mellora para ampliar instalacións. “En setembro terían que ter as licencias municipais de obra, pero se os Concellos teñen antes que adaptar o planeamento para autorizar as ampliacións de granxas en núcleo, non chegarán a tempo”, pronostica Óscar Pose. Unións pide unha solución global para as granxas ubicadas en núcleo rural e tamén demanda a posibilidade de maiores ampliacións en solo rústico. De acordo coa nova Lei do Solo, as explotacións ubicadas en solo rústico poderán ampliar un 50% as súas instalacións, en tanto que coa anterior normativa non existían eses límites.