Archives

Aumentan as sancións por plantacións ilegais

A Consellería do Medio Rural incrementou este ano a actividade inspectora en materia forestal, a raíz da entrada en vigor da moratoria que impide a realización de novas plantacións de eucalipto en terreos onde non estaba plantada esta especie con anterioridade, até practicamente triplicar os expedientes sancionadores incoados, segundo os datos que manexa a Consellería. Así, mentras nos dous anos anteriores non se chegaba a abrir un expediente ao día (268 no ano 2019 e 250 no 2020), este ano até o 25 de novembro ían xa contabilizados 646, segundo os datos oficiais facilitados pola propia Administración. "Toda plantación que respecte o marco legal vixente está permitida, mentres que as que sexan contrarias á legalidade, serán denunciadas, como sempre foron", anuncia a Consellería do Medio Rural. Con todo, a Xunta nega que se teña producido, a raíz do anuncio da moratoria, unha corta masiva de piñeirais ou zonas de frondosas autóctonas para plantar eucaliptos. "Dende o anuncio da suspensión temporal das plantacións de eucalipto en Galicia non se ten producido un incremento substancial de solicitudes de corta de piñeiro ou de frondosas", alegan.  Reforzo da actividade inspectora "A Consellería segue a traballar para poñer couto ás plantacións ilegais e a outros incumprimentos no eido forestal e así o amosan os datos de expedientes sancionadores e apercibimentos tramitados polos servizos xurídicos das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural no último ano", asegura a Xunta. "Estamos a falar dunha acción que, lonxe de diminuír, se reforzou", insiste o Goberno galego, xa que posteriormente á entrada en vigor a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia (logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia no mes de maio), púxose en marcha un plan especial de control de novas plantacións que asegure o cumprimento da suspensión temporal aprobada, explican.

A Xunta financiará a Lei de Recuperación de Terras a través do Plan Leader

José González mantendo unha vidioconferencia coa directora xeral de Agader, Inés Santé A Xunta derivará fondos de Desenvolvemento Rural para financiar a futura Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, que se atopa neste momento en tramitación no Parlamento Galego, permitindo subvencionar a través dos fondos Leader actuacións como as aldeas modelo, os proxectos agroforestais ou outras actuacións de mobilidade de terras.  O conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, mantiveron este xoves unha reunión por videoconferencia cos responsables dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) para lles comunicar o cambio de estratexia para este ano 2021 e o vindeiro ano 2022, o último deste periodo de vixencia do PDR actual. 
Agader contará con 23 millóns de euros para financiar proxectos ao abeiro da medida Leader ata o 2023
A maiores, para garantir a continuidade dos GDR e do programa Leader até o novo periodo 2023-2027, a Xunta inxectará novos fondos. En concreto, Agader contará ata o ano 2023 cun orzamento asignado de arredor de 35 millóns de euros para dinamizar o rural galego e apoiar o labor que desenvolven neste sentido os 24 grupos de desenvolvemento rural operativos na comunidade autónoma. Estes fondos permitirán destinar case 23 millóns de euros a financiar proxectos ao abeiro da medida Leader ata o 2023. Os restantes 10,5 millóns de euros destínanse a garantir a continuidade e o funcionamento dos actuais GDR.  Cambios nas bases da nova convocatoria de axudas Cos 23 millóns de euros dispoñibles financiaranse, como até agora, proxectos tanto de orientación non produtiva (de tipo social, por exemplo) como de carácter produtivo, do sector primario e doutras actividades que contribúen ao desenvolvemento rural. Todas estas actuacións están enfocadas á diversificación económica do tecido produtivo das zonas rurais e na dotación de servizos no eido económico e nas prestacións básicas á poboación. Sen embargo, as bases reguladoras desta nova convocatoria adaptaranse ao novo contexto normativo e ás novas oportunidades para o desenvolvemento rural de Galicia, incorporando a posibilidade de financiar proxectos vinculados a instrumentos ou procedementos de recuperación da terra agraria ou de revitalización dos núcleos rurais.
Poderán financiarse actuacións que inclúan terras en varios concellos
Neste senso, "a tramitación da nova Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, actualmente a debate no Parlamento, que regula novos instrumentos para a posta en valor dos terreos agroforestais e a recuperación demográfica do medio rural, representa unha gran oportunidade para o desenvolvemento rural do territorio galego", destaca a Xunta nunha nota de prensa. Por todo iso, "o programa Leader debe contemplar a posibilidade de dar soporte a proxectos vinculados a estes instrumentos, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural", defende a Consellería.
Terán cabida tamén a rexeneración de nucleos rurais e as enerxías renovables
Por outra banda, tamén resulta de interese, segundo a Xunta, dar apoio a través do programa Leader a plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural enmarcados en plans estratéxicos supramunicipais. Por este motivo, nesta convocatoria engadiranse aos proxectos subvencionables nas anteriores convocatorias, os investimentos que estean vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras. Estes proxectos poderán incluír actuacións de preparación, deseño e/ou execución de aldeas modelo, polígonos agroforestais ou proxectos de mobilidade de terras, agrupacións e actuacións de xestión conxunta ou permutas de predios agroforestais. Tamén serán subvencionables os investimentos vinculados ou incluídos no programa de actuacións de plans estratéxicos ou actuacións integrais promovidos por Agader ou actuacións no solo de núcleo rural das aldeas modelo, vinculadas a proxectos de rehabilitación, rexeneración e renovación do espazo urbano, enerxías renovables, TIC e economía circular. 7,3 millóns de euros adicionais para o funcionamento dos 24 GDR Por outra banda, grazas a estas achegas Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas en garantir o funcionamento e a continuidade dos GDR ata o 2023, anualidade na que comezará o próximo período de aplicación do Programa de Desenvolvemento Rural e no que se poderán recibir e asignar fondos adicionais. Así, unha vez definida a asignación dos fondos de transición do PDR ao programa Leader, o orzamento permitirá, en primeiro lugar, destinar un importe adicional de 3,2 millóns de euros para garantir o funcionamento destes grupos ata o 2023.
Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas en garantir o funcionamento dos GDR ata o 2023, tras unha inxección total de 10,5 millóns de euros para apoiar a súa actividade
Esta achega súmase ás addendas dos convenios cos GDR asinados no pasado mes de decembro para asegurar o seu funcionamento durante os anos 2021 e 2022 cun total de 7,3 millóns de euros. Polo tanto, a aportación total ascende a 10,5 millóns de euros para o devandito período. Trátase de que, grazas a estes fondos, os GDR poidan proseguir coa implementación das estratexias nos distintos territorios mediante a selección de novos proxectos que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento das áreas rurais, dentro da medida Leader. Preparación das liñas estratéxicas para o periodo 2023-2027 A maiores, tamén para apoiar o labor dos GDR, achegaranse outros 900.000 euros para unha nova convocatoria 2021-22 destinada a “accións preparatorias para a futura estratexia dos GDRs para o novo período 2023-2027”. Este orzamento implica triplicar o destinado en 2016 á elaboración das estratexias actuais. O obxectivo deste esforzo orzamentario é desenvolver estratexias de gran calidade, que conten coa participación da poboación local e de todos os axentes socioeconómicos de cada comarca, e que se adapten ao novo contexto do desenvolvemento rural. Por último, contemplarase un orzamento de un millón de euros para unha nova convocatoria 2021-22 de cooperación entre os GDR galegos ou cos doutras rexións españolas ou europeas. Ademais, con estas aportacións dáse tamén cumprimento ao establecido polo Plan de Reactivación deseñado pola Consellería do Medio Rural no que atinxe ao apoio aos GDR para impulsar medidas para sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio.

Ultímase a entrada no Parlamento da Lei de Recuperación da Terra Agraria

O Consello da Xunta deu luz verde a un informe sobre a proposta normativa da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que proximamente será remitida ao Parlamento. A nova norma, que busca poñer en uso terra abandonada, así como reducir os problemas derivados do minifundio, terá unha serie de eixos de actuación, a maioría xa coñecidos, que se detallan no informe presentado esta semana. Resumimos a continuación os seus principais puntos. Identificación e ordenación de usos A normativa ordenará o uso das terras de carácter agroforestal. Realizarase a través da posta en marcha dun Mapa de usos agroforestais, que servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia. Tamén se prevé a creación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais. Investigación da propiedade Naquelas parcelas nas que haxa interese pola súa recuperación e posta en valor, a Xunta iniciará procedementos de revisión topográfica e de titularidade, tras o que notificará os resultados a Catastro, para que proceda a súa actualización. Declaración de abandono Na lei establécese a declaración de abandono ou infrautilización de predios. Aos propietarios con terreos infrautilizados que se vexan inmersos neste proceso ofrécenselles tres opcións: recuperar o terreo e poñelo en condicións de produción, ceder a un terceiro o seu uso e aproveitamento ou, por último, incorporar o predio ao Banco de Terras. De non aceptar ningunha destas opcións, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) poderá emitir resolución de declaración de abandono, que pode comportar a apertura de expedientes e permite a execución subsidiaria da limpeza do predio.

Instrumentos de recuperación e posta en valor da terra

Os novos instrumentos que se anuncian para mobilizar a terra e impulsar a súa xestión conxunta son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta. Polígonos agroforestais Os polígonos agroforestais teñen por obxecto poñer a producir áreas de terra agraria abandonada ou infrautilizada e con boa capacidade produtiva, por iniciativa da administración ou de particulares. A súa posta en marcha poderá requirir da reestruturación da propiedade e da existencia de axentes promotores, que se someterán a un proceso de concorrencia competitiva para xestionar a terra. A norma establece que cos polígonos agrogandeiros e forestais se poderán producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras. Polígonos devasa Os polígonos devasa serán un subtipo de polígono agroforestal. Procuran a xestión do territorio co fin de anticiparse aos incendios. Promoverase neles a actividade agrícola, gandeira e forestal, en todos os casos mediante criterios sustentables e, no caso dos usos forestais, utilizando especies que reduzan o risco de propagación de lumes. Aldeas modelo Coa figura das aldeas modelo búscase recuperar de xeito sustentable terra abandonada arredor dos núcleos de poboación, creando actividade agrogandeira e, polo tanto, devasas naturais para anticiparse aos incendios. Dentro desta figura, da que xa existen varias iniciativas piloto en marcha, crearanse as chamadas Áreas de dinamización de núcleos rurais (Dinur), enfocadas á mellora de equipamentos e servizos, entre outras cuestións. Agrupacións agrogandeiras e forestais de xestión conxunta Outra figura establecida na lei é a das agrupacións (agrogandeiras e forestais) de xestión conxunta, regulando a finalidade destes colectivos, o obxecto e tamén os requisitos que deberán cumprir como promotoras das actuacións conxuntas. Este modelo de xestión conxunta non suporá a reorganización da propiedade dos terreos agroforestais e comportará a obrigatoriedade da súa xestión e aproveitamento de maneira conxunta durante o tempo de vixencia. Dentro dos procedementos de mobilización, a lei regula tamén un sistema de permutas ou “cambios” voluntarios para solucionar o problema dos titulares de explotacións agrogandeiras e forestais que teñen predios enclavados que dificultan a súa xestión e a súa rendibilidade. No marco da Lei, anúncianse tamén outras medidas, como un Banco de Explotacións, para promover a continuidade das granxas sen relevo xeneracional, ou liñas de crédito bonificadas e incentivos fiscais, entre outros instrumentos.