Archives

¿Que aspectos cómpre revisar da Lei de montes veciñais en man común?

A comezos de ano, a Consellería de Medio Rural iniciaba o proceso para modificar a actual Lei de montes veciñais en man común, aprobada no 1989. Trátase dunha modificación que as comunidades de montes veciñais levaban anos reclamando, dados os cambios rexistrados na xestión do monte nestes últimos 30 anos, para os que a norma vixente parecía non dar resposta. Dende a Xunta pediron a colaboración das distintas entidades que integran o Consello Forestal de Galicia para afrontar a revisión da Lei. Os distintos colectivos forestais estiveron a recoller propostas para esta actualización. Así, na Organización Galega de Comunidades de Montes mesmo impulsaron unha Iniciativa Lexislativa Popular que recompila as súas principais achegas. Outros colectivos como a Asociación Forestal de Galicia levaron a cabo reunións coas comunidades de montes para incluír as súas peticións. Coas propostas sobre a mesa e aínda pendentes de que se concreten os cambios que se afrontarán na norma, ou mesmo a elaboración dunha nova lei que regule este tipo de montes, recollemos algúns dos aspectos que coinciden en revisar dende o sector forestal.
  • Definir a condición de comuneiro.

    Esta é unha das cuestións que as asociacións sinalan que é imprescindible abordar, xa que regular quen pode ser comuneiro é dos aspectos que está a traer de cabeza en máis dunha ocasión ás comunidades de montes veciñais. Definir de xeito claro e conciso como se acada a condición de comuneiro/a é unha cuestión que todo o sector considera preciso. Ata o momento, moitas comunidades de monte veciñais rexíanse pola norma de ‘casa con fume’, é dicir unha vivenda habitada na parroquia ou lugar, pero cómpre que esa familia ou persoa viva todo o ano aí ou abonda con que sexa a vivenda na que pasa as fins de semana e as vacacións? Esa é unha das respostas que procuran. Así, por exemplo, dende a Organización Galega de Comunidades de Montes avogan porque sexa a comunidade de montes quen poida establecer un prazo mínimo de residencia para adquirir a condición de comuneiro, que non debe ser superior a 9 meses nin inferior a 3 meses. Tamén solicitan que unha persoa non poida ser comuneiro en dúas comunidades de montes veciñais á vez. Mentres, na Asociación Forestal de Galicia incide na importancia de manter certa flexibilidade con estes requisitos para facilitar o funcionamento das comunidades do interior galego, tendo en conta o despoboamento e avellentamento das poboacións de moitos concellos destas zonas.
  • Preservar a orixe xermánica.

    Os montes veciñais están catalogados como de titularidade xermánica, singular en Galicia, é dicir, non son públicos nin privados, son de titularidade comunitaria, xestionados pola comunidade de montes veciñais. Este é un dos puntos que é preciso preservar, segundo coinciden tódolos colectivos forestais, como a Organización Galega de Comunidades de Montes, a Asociación Forestal de Galicia ou a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga). Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes amosaron certo temor a que esta reforma non preserve esta orixe e se acabe por cambiar a titularidade, pero o carácter xermánico está protexido xa por leis de ámbito estatal, como a Lei de montes de natureza especial de 1980 ou a Lei de montes 43/2003.
  • Mellorar a xestión e potencialidades do monte

    Nas zonas do interior galego máis marcadas polo despoboamento, un dos principais retos que afrontan boa parte das comunidades á o da escasa xestión e aproveitamento que se está facendo dos montes, unha situación que desde o sector forestal extenden ás superficies conveniadas coa Administración. Así, desde Asefoga apuntan que a produción media de madeira das cortas que se fixeron nos montes con convenios nos últimos 20 anos sitúase nun metro cúbico por hectárea e ano, cando podería chegar a atoparse en torno a 8 ou 9 metros cúbicos. En termos xerais, estímase que dos 10 millóns de toneladas de madeira que se cortan en Galicia apenas 1,5 millóns de toneladas de madeira procede dos montes veciñais, que ocupan unhas 600.000 hectáreas, o que supón un 30 % da superficie do monte galego.
  • Tamén cómpre ter en conta que en ocasións os montes veciñais ocupan superficies pouco produtivas, como os altos dos montes, así como o feito de que algunhas das zonas con mellores condicións en Galicia para a produción de madeira, como son a provincia da Coruña ou a Mariña de Lugo, teñen escasas superficies de montes veciñais.
  • Reservar espazo para os aproveitamentos agrogandeiros

  • Desde Asefoga inciden en que é preciso garantir a compatibilización dos usos forestais (madeireiros, etc.) cos agrogandeiros, para o que propoñen que se estableza unha reserva de superficie do monte para usos agrogandeiros, atendendo deste xeito a demanda de base territorial que poidan ter ganderías asentadas nesa parroquia ou lugar e que contribúen a fixar poboación no rural. En similar liña, a Organización Galega de Comunidades de Montes propón que este aproveitamento gandeiro ou agrícola poida facerse tanto por parte da veciñanza comuneira de xeito individual ou en cooperativa por medio de lotes. Dende esta organización sinalan que o aproveitamento debe ser gratuíto e por un período máximo de 12 anos. Por outra banda, sinalan que é necesario que parte da superficie destes montes veciñais poida cederse de xeito temporal para o seu aproveitamento, de maneira que proporcione un beneficio directo para as comunidades de montes.
  • Usos sociais

  • O uso que se fai dos montes veciñais con fins sociais é outro dos aspectos sobre os que se precisa concretar a regulación, segundo propoñen os diferentes colectivos. Na Asociación Forestal de Galicia piden regular a titularidade dos camiños e pistas forestais, xa que este é un aspecto que en numerosas ocasións leva a disputas entre usuarios e as comunidades de montes. Mesmo se están a dar casos de camiños comunais, é dicir privados e de servizo dese monte, que pasan a estar identificados no Catastro e en inventarios municipais como de dominio público. A Asociación Forestal de Galicia avoga ademais por formalizar contratos entre as sociedades de caza e os montes veciñais incluídos nun Tecor. Mentres, na Organización Galega de Comunidades de Montes tamén fan fincapé neste aspecto e apuntan que o uso social dos montes veciñais en man común que se faga por parte de persoas que non sexan comuneiras debe facerse sen danar o monte e respectando a titularidade das terras. Inciden en que deberá contar coa autorización das comunidades de montes e piden que, por estes usos, se eviten responsabilidades civís e penais sobre as comunidades de montes.
  • Medidas para os montes afectados por un parque eólico

  • Desde Asefoga inciden en que a reforma da lei de montes veciñais é unha ocasión para que as comunidades de montes veciñais xoguen un papel máis activo nas negociacións para a instalación de parques eólicos, sen que prime só o interese público do proxecto eólico e se teñan en conta outros beneficios do monte antes das expropiacións forzosas. A asociación considera que as comunidades de montes veciñais poden pasar a ser ferramentas claves para a constitución de comunidades enerxéticas que permitan vantaxes non só para os propietarios dos terreos senón para os veciños afectados por esa instalación.
  • Garantir o recoñecemento xurídico

    "Nos últimos anos ampliouse a capacidade xurídica de obrar das comunidades de montes veciñais e debe recoñecerse na lei. Quizás hoxe se poida formular o recoñecemento da personalidade xurídica plena das comunidades de montes veciñais, dada a práctica perdida dos aproveitamentos individuais dos comuneiros sobre o monte", valora a Asociación Forestal de Galicia.
  • Achegar os montes veciñais ós máis novos

    Por outra banda, dende a Organización Galega de Comunidades de Montes están tratando de achegar dun xeito práctico os montes veciñais ós máis novos, para o que realizaron unha guía didáctica titulada As Terras Comunitarias de Galiza: o Monte Veciñal en Man Común, coa que amosar o funcionamento das comunidades de montes á mocidade en idade escolar. A guía foi elaborada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias e distribuirana nos colexios e institutos galegos como libro guía para o profesorado e alumnado. Esta guía busca ser unha ferramenta que lles permita comprender e avaliar a importancia da propiedade colectiva que representan os montes veciñais en man común, baseados nun funcionamento democrático e asembleario.
    "A guía busca ser unha ferramenta que lles permita comprender e avaliar a importancia da propiedade colectiva que representan os montes veciñais en man común, baseados nun funcionamento democrático e asembleario"
      Ademais pretenden dar maior visibilidade ás comunidades de monte veciñais, que foron un referente de traballo comunitario e que se manteñen vivas. Destacan que as comunidades de montes veciñais están moi ligadas á sociedade rural pero tamén teñen unha gran incidencia na poboación urbana e na súa calidade de vida. “A súa condición de propiedade comunal e a súa xestión asemblearia converte ós montes veciñais nun referente para construír unha sociedade máis solidaria e cooperativa”, reivindican dende o colectivo.

    -Descarga aquí a Guía Didáctica para escolares.

Créase o rexistro de silvicultores activos e de agrupacións forestais de xestión conxunta

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da Consellería do Medio Rural sobre a nova orde pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A orde publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Así, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultor activo persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal. Deberán contar cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e dispoñer dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.

O recoñecemento do estatus de silvicultor activo facilitará o acceso prioritario ás axudas vinculadas á ordenación e xestión forestal ou medidas públicas de apoio ao sector forestal. Tamén permitirá o acceso á cesión dos montes veciñais en man común que sexan declarados en estado de grave abandono ou degradación, con preferencia dos silvicultores activos que sexan comunidades de montes, e en todas aquelas situacións en que se requira unha xestión sustentable do monte, en particular nos procesos de declaración de abandono ou infrautilización de terras agroforestais.

Agrupacións forestais de xestión conxunta

Por outro lado, poderán ser recoñecidas como agrupacións forestais de xestión conxunta as sociedades de fomento forestal (Sofor), así como as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos.

Tamén poderán ter esta denominación as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.

Estas agrupacións deben ter por finalidade un ou varios dos seguintes obxectivos:

-A mobilización de terreos forestais por medio da súa xestión conxunta e sustentable.

-A recuperación de terreos forestais e impedir o seu abandono.

-Favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta.

-Servir como instrumento para a conservación do ambiente mediante a xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas.

-A prevención e defensa contra os incendios forestais.

-A protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación contra o cambio climático.

-A creación de emprego endóxeno.

Unha vez recoñecida a agrupación, inscribirase de oficio no Rexistro de Agrupacións Forestais e as persoas titulares de parcelas forestais lindeiras quedarán obrigadas a manter unha xestión cun nivel de actividade forestal equiparable ao da agrupación. De non facelo, poderán declararse en situación de abandono ou infrautilización, e a agrupación terá a posibilidade de acceder a arrendar ese terreo.

Ademais, a Consellería do Medio Rural poderá concertar contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable dos montes particulares das agrupacións de xestión conxunta.

Xestión do monte, fronte ó abandono

A posta en marcha de ambos rexistros estaba xa recollida na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia e buscan atallar o abandono e infrautilización dos montes galegos. A previsión manexada por Medio Rural é acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos deica o ano 2025.

Agardan que as iniciativas de xestión conxunta promovan a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. En canto á figura do silvicultor activo tamén esperan que contribúa a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

Usos sociais do monte: pasos para avanzar na súa regulación

A circulación de ciclistas, motos, quads ou todoterreos é habitual nos montes galegos, pero trátase de prácticas suxeitas a limitacións. A Lei de Montes de Galicia especifica no seu artigo 98 que as pistas forestais quedan adscritas á xestión forestal e que, en ningún caso, terán a consideración de “acceso rodado público”. A cuestión é que na práctica esa normativa ten un escaso grao de cumprimento Hai cousa dun ano, a Asociación Forestal de Galicia e comunidades de montes do Baixo Miño emitiron senllas notas de prensa para pedir a intervención das forzas de seguridade ante a constante presenza de veículos a motor nos montes veciñais que, aseguraban, estaban a causar danos en camiños e plantacións. Naquel momento, o Seprona fixera controis na comarca, con denuncias a unha vintena de veículos, e tamén cobrara notoriedade meses despois un episodio similar que aparecía na serie televisiva ‘Seprona en Acción’, no que os axentes multaban a motos nun monte veciñal de Meis (Pontevedra). “O uso recreativo de montes veciñais sempre foi un problema pola falta dunhas condicións na súa utilización, e ademais, agora durante a pandemia, incrementouse a actividade”, explica Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes. Os colectivos forestais avogan por un control maior e por unha regulación clara. Segundo expresa Xosé Covelo, director técnico da Asociación Forestal de Galicia, “ten que haber unha convivencia entre o ocio no monte e os propietarios”. Na mesma medida, Xosé Alfredo Pereira comenta que “non se pretende prohibir o uso social do monte, todo o contrario, queremos que a xente use o monte, pero sen consecuencias civís e penais para os propietarios ou comunidades”.

Creación de grupos de traballo

A Organización Galega de Comunidades de Montes sinala que propuxo no penúltimo Consello Forestal a apertura dun grupo de traballo para a creación dunha normativa do uso socio-recreativo do monte. No grupo participará persoal técnico de diferentes asociacións ou entidades que conforman o Consello, “como o Colexio de Enxeñeiros, a Asociación Forestal de Galicia, Amigos da Terra ou a Asociación de Cabalos de Pura Raza Galega, entre outras”, especifica Pereira. “A primeira reunión do grupo de traballo terá lugar proximamente, segundo o falado no último Consello Forestal, celebrado o 18 de xaneiro”, explica o presidente de Organización Galega de Comunidades de Montes. Segundo expresa Pereira, “este grupo traballará en conxunto co equipo xurídico da Consellería e a súa función céntrase en sentar as bases do que debe detallar a normativa”. “O uso social dos montes é unha cuestión que estaba enriba da mesa desde fai tempo, sobre todo, pola necesidade de aclarar o marco no que se debe mover o uso social do monte, e centrar a normativa para informar dos termos cos que teñen que actuar as persoas que usan o monte, e así mesmo explicar os dereitos e deberes que cada unha das partes teñen nestes espazos”, explica Xosé Covelo. “A finalidade do grupo de traballo é que estean diferentes asociacións do eido forestal, e concretamente dos propietarios dos montes afectados por esta realidade, para sentarnos con persoal técnico da Xunta e ver que aspectos lexislativos se poden mellorar”, avanza Covelo.

Por onde non se pode circular e pautas a seguir

A Lei de Montes de Galicia expón no seu artigo 98 que as pistas forestais son dependentes da xestión forestal, e en ningún caso terán consideración de acceso rodado público. Para realizar este acceso sería necesario un permiso por parte da propiedade do monte. Ademais, esta normativa rexistra a prohibición de circulación motorizada campo a través, por sendeiros, cortalumes ou vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, ou en xeral vehículos autorizados. “O primeiro que temos que sinalar, como expón a lexislación, é que se pode circular -con autorización- polas pistas forestais, pero non campo a través nin monte a través”, afirma Xosé Covelo, que lembra que se trata de protexer valores naturais e ás veces tamén patrimoniais (petroglifos, castros, etc.). Ademais, durante a tempada de verán, con risco de lumes, a Lei de Incendios limita a actividade circulatoria polo monte para “evitar calquera tipo de incidente que poida desencadear un incendio”, expón Covelo. Entre as queixas habituais das comunidades de montes, Covelo apunta que “hai problemas froito das velocidades, dos derrapes, e dunha inadecuada circulación” aportando ademais que “existen ocasións nas que hai danos”. Por este motivo, Covelo fai fincapé na necesidade de que as persoas que acceden ó monte circulen con sentido, solicitando unha autorización se é necesaria, facendo caso das sinais que hai no monte e chegando a un consenso para o uso das pistas forestais”. Así mesmo, o enxeñeiro recorda que “colocar carteis informativos, por parte das comunidades e outros elementos de sinalización danlle respaldo ás boas prácticas”.

“O monte hai que coidalo como se fai cunha horta se queremos que sexa produtivo”

Manuel Fernández Lorenzo é a terceira xeración dedicada á corta de madeira no monte. Seu pai, a piques de se xubilar, comezou coa firma Maderas Fernández hai máis de 40 anos. Falamos con esta empresa especializada no aproveitamento forestal, con sede na parroquia de Méixome (Lalín, Pontevedra) para coñecer a situación do sector da corta da madeira. -Que zonas de Galicia abarcades para a corta da madeira? Centrámonos, sobre todo, no interior de Galicia. Traballamos na zona do Deza e na zona sur da provincia de Lugo. Somos unha empresa especializada na corta de madeira de pé. Practicamente o 100% da madeira mercámoslla a particulares, non adoitamos ir a poxas. -Que perfil teñen os propietarios forestais cos que traballades? Polo xeral, o perfil dos propietarios son herdeiros que acaban de se facer cun terreo. Nesta zona tamén é habitual atopar gandeiros que queren cortar a madeira para dedicar esas terras a produción agrícola. Estase comezando a ver propietarios que fixeron plantacións hai anos, pero aínda é moi escaso. Porén, creo que estamos nun momento no que se está plantando máis ca nunca, estamos vendo moita xente que planta, logo de cortar, cando antes era máis habitual que se deixase unha rexeneración natural do monte.
“Estamos nun momento no que se está plantando máis ca nunca”
Aínda segue a funcionar moito o boca a boca e a tradición. Se a xente quedou contenta cunha corta que lle fixo meu pai, adoita volver chamar para que lle valores cando teñan máis árbores. Ó ser veciños tamén tentas que os clientes queden contentos, porque aínda que a extracción no monte ás veces é moi difícil, polas limitacións dos accesos e o tamaño das parcelas, nós tentamos causar os menores desperfectos ou arranxalos, se se producen, e iso a xente valórao, fronte a grandes firmas que poidan ofrecer un prezo máis competitivo. -Que volume de produción manexades? Temos de media unha produción de 3.000 toneladas mensuais. Varía bastante duns meses a outros, xa que inflúenos moito a meteoroloxía e tamén a zona na que se estea a traballar, posto que algúns sitios son moi accesibles e outros non o son tanto, co que se relantizan os traballos. Precisamente, esa é unha das problemáticas que ten a zona: hai moito minifundio, de maneira que comezas pola mañá nunha parcela e á tarde xa tes que ir para outra.
“Podería sacárselle moito máis rendemento ó monte se estivese máis ordenado e xestionado”
Os montes aquí son moi pequenos e están moi mal organizados, podería sacárselle moito máis rendemento ó monte se estivese máis ordenado e xestionado. A maioría dos propietarios nin sequera saben ben das parcelas. Cando vas taxar a madeira escoitas moitas veces ‘o meu monte é máis ou menos por aquí’. Pero claro, iso non nos vale. Así é que primeiro tes que lle axudar a localizar ben a parcela e logo ver a madeira. -En que madeira estades especializados? O 90% da madeira que cortamos é de piñeiro e eucalipto. A restante é de frondosas, sobre todo de castiñeiro e de carballo. Das 3.000 toneladas que se cortan ó mes, máis de 2.500 son de piñeiro e teñen como destino a Finsa, cos que levamos traballando máis de 40 anos. Meu pai comezou con eles e sempre houbo moi bo entendemento, tanto nas boas épocas como nas malas. Cando hai máis de 20 anos a madeira valía moito máis, había serradoiros da zona que nos dicían que nos pagaban mellor a madeira, que non a levásemos para Finsa, pero nós seguimos traballando con eles. Logo, na época da crise cando os prezos caeron moito, continuaron a garantirnos a entrega, aínda que fose con cotas máis reducidas, debido á situación que se atravesaba. O eucalipto adoita ir para Ence e as frondosas vendémolas tanto a serradoiros, a madeira de castiñeiro, como directamente para leña, no caso do carballo. A madeira de castiñeiro vendémola a serradoiros asturianos que ó final da tempada de corte se achegan a ver as pezas que temos e faise a taxación. En Galicia xa só quedan unha decena de serradoiros que poidan mercar madeira de castiñeiro e non dan procesado toda a madeira que teñen dispoñible. A corta de frondosas fana dun xeito manual e só durante os meses de inverno. Tedes épocas de corte para as distintas especies coas que traballades? No caso do piñeiro e o eucalipto córtanse todo o ano, pero o castiñeiro só se corta no inverno, mentres a árbore non brota. Antes comezábase xa en outubro pero agora co aumento da temperatura hai anos que ata decembro non se empeza a cortar e logo chégase ata a primavera. A madeira pódese cortar fóra desa época, pero non é recomendable porque se estropea máis e mánchase. -Como está o tema de man de obra no sector? Atopades dificultades para encontrar xente que queira traballar no monte? Na empresa estamos traballando 14 persoas, somos 11 asalariados e 3 autónomos, todos da comarca do Deza. Un dos perfís para o que é moi difícil atopar xente é como motoserrista. Ultimamente é un sector moi mecanizado, pero aínda así é moi complicado cubrir eses postos. É un oficio que a xente non quere. Realmente é un traballo duro e creo que co tempo pode chegar a extinguirse ou antes diso ser un perfil moi valorado e ben retribuído. Na empresa temos un gran motoserrista que leva xa 30 anos no oficio, é un gran profesional e tamén lle ensinou xa o oficio a outro compañeiro, un mozo que proviña doutro sector e que agora non quere deixar o monte. Forman un gran equipo, pero cada vez queda menos xente con esa formación e ata custa atopar xente que queira dedicarse a iso.
“A corta de madeira no monte segue a ser un traballo perigoso, onde hai que ter moi presentes os riscos e tentar minimizalos”
-A pesar da evolución e a mecanización da corta, seguen sendo traballos perigosos? Nós somos moi conscientes de que a corta da madeira no monte segue a ser un traballo perigoso, onde hai que ter moi presentes os riscos e tentar minimizalos ó máximo. Xa meu pai insistía moito en garantir ó máximo a seguridade. Así, os nosos motoserristas están sempre con roupa de seguridade e con equipos de protección para evitar no máximo posible os cortes. Agardamos que siga sendo así, xa que levamos moitos anos sen que os nosos traballadores se corten. Desgraciadamente, hai 2 anos sufrimos un accidente mortal nuns traballos subcontratados, onde un traballador perdeu a vida ó caerlle unha árbore enriba. As dúas procesadoras coas que traballa a empresa lalinense. -Cada vez máis na corta de madeira empréganse grandes procesadoras, que vantaxes vos ofrecen? A principal vantaxe é o volume de traballo que se consegue con elas. Nós agora mesmo estamos traballando con dúas procesadoras. A primeira delas hai case 9 anos que a mercamos e a segunda fai os 3 agora en marzo. Nun monte que sexa admisible para esa maquinaria, a vantaxe de produción pode ser moi considerable. Nestas condicións, mentres un equipo de dúas persoas pode cortar entre 1,5 e 2 camións de madeira diarios, coa procesadora cun talador diante podes conseguir entre 6 ou 7 camións no día. Tamén tes que engadir os gastos de combustible que tes coa procesadora, pero a produtividade é moito máis elevada. -É posible acceder con elas a todo tipo de terreos ou aínda hai zonas nas que traballades dunha forma máis tradicional? Nós temos 3 cuadrillas, de tres persoas, cortando no monte. Dúas desas cuadrillas están formadas por un motoserrista, unha procesadora e un equipo de extracción. A outra cuadrilla está formada por dous motoserristas e un equipo de extracción. As procesadoras están sempre no piñeiro e no eucalipto e a outra cuadrilla dedícase sempre ó castiñeiro e ó carballo, que é unha madeira, de maior grosor, destinada para serradoiros e que non admite ese tipo de mecanización. Mesmo a madeira de eucalipto, cando se trata de árbores de moito grosor, cando superan os 80 centímetros, xa non as cortamos coa procesadora, para evitar que se dane cos rolos, xa que se destina a outros usos e véndese a serradoiros. Na madeira que se destina a trituración ou celulosa empregamos as procesadoras. Traballos de corta de frondosas na zona de Lalín realizados en días pasados. Esta cuadrilla leva traballando de xeito ininterrumpido na corta de castiñeiro e carballo dende o mes de novembro. -Como evolucionou o mercado da madeira nos últimos anos? Notouse unha importante diminución do mercado das chamadas madeiras nobres. Antes levabas para os serradoiros madeiras de cerdeira, de nogueira e agora, por exemplo, no caso da madeira de nogueira non hai practicamente vendas. Está aguantando a madeira de castiñeiro, aínda que tamén diminuíu moito o prezo. Ós serradoiros tamén lles baixou moito a demanda, xa que a xente opta por mercar mobles máis baratos, como os que pode atopar en Ikea, no canto de adquirir mobles de maior calidade. Ademais, queda pouca xente que saiba traballar a madeira de castiñeiro. O consumidor que sega querendo madeira de castiñeiro aínda a ten e de moi boa calidade, xa que no centro de Galicia temos moi boa madeira, pero cada vez quedan menos serradoiros.

"É máis prexudicial en caso de incendio un monte abandonado que unha plantación, sempre que teña unha boa silvicultura”

-Hai transparencia sobre os prezos da madeira? Normalmente a compra que se fai é por estimación na parcela. Ti mercas, dáslle o prezo e logo cortas. Tamén se fai algo de venda por peso, pero moi pouco. A maioría da xente quere ter o prezo xa pechado antes de que se corte a madeira. En canto á hora de fixar os prezos, sempre atopas propietarios, sobre todo os de máis idade, que comparan os prezos actuais cos que se pagaban antes, e os prezos caeron moito. Tamén hai quen pide cantidades desorbitadas. É certo que é un sector no que aínda hai moita picaresca e xente que marca prezos moi dispares, cando o mercado é o que é. Logo, hai quen ve que Ence paga a tonelada a un certo prezo e pensa que lle vas poder dar ese diñeiro xa pola madeira de pé. Moitos deses prezos que ás veces se ven, son por madeira na fábrica ou en cargadoiro e logo hai que descontar os custes de extracción e transporte. -En que prezos se move a madeira de piñeiro e eucalipto nas zonas nas que traballades? Hai distintos factores que determinan o prezo da madeira. Por exemplo, a madeira descortizada vale 6 ou 7 euros máis en tonelada, pero logo tamén quedan na parcela máis toneladas de cáscara. No caso do eucalipto, a pé e con cortiza, a tonelada pode situarse entre os 20 e os 22 euros. Como se destina na súa maioría para triturar e elaborar celulosa, o tamaño non inflúe. A xente ás veces equivócase agardando a que as árbores medren moito. Unha madeira rendible e óptima para vender é a que se atopa entre os 25 e os 30 centímetros, arredor de 12 anos, dependendo das condicións do terreo. O eucalipto é como unha colleita, ten un ciclo e deixalo superar iso non é aconsellable. O prezo do piñeiro é bastante similar, aínda que varía se é para serrar ou para triturar. Así, pode andar entre os 16 e os 25 euros.
“Os custes de extracción e a cantidade é o que máis determina o prezo da madeira no monte”
-Que é o que máis determina o prezo da madeira no monte? Todo depende dos custes de extracción que haxa e a cantidade. Se é unha parcela ó pé da estrada, con bos accesos, e bo tamaño apenas ten custos, pero se é difícil acceder e ademais é un predio pequeno os prezos son moi distintos. Ese é un dos principais problemas que ten esta zona, namentres noutros sitios de Galicia, como a zona de Arzúa, xa son parcelas de maior tamaño e máis ordenadas, posto que fixeron a concentración parcelaria xa hai anos. Tamén hai xente que quere que a finca lle quede plantada e iso axústase no prezo da madeira. Descontamos os custos que terá plantar coa especie que queira e a finca quédalle xa plantada. Aínda que isto non é o máis habitual. A maioría só quere que lle saques a madeira e logo ou xa se encarga de volvela plantar ou queda sen nada durante moitos anos. Agora, coa nova Lei de Montes, é obrigatorio que a parcela quede sen restos de biomasa, unha tarefa que ou ben asume o propietario ou se acorda coa empresa, cuns gastos que se descontan do prezo da madeira. Un dos equipos de extracción de madeira da firma traballando na zona de Lalín. -Como está actualmente o mercado da madeira en Galicia? Un dos cambios máis significativos que houbo foi que co aumento da produción baixou moito o prezo. Agora mesmo estamos nun momento plano, logo de épocas moi boas, hai uns 20 anos; cando a marxe de beneficio era moito maior e cortando menos madeira gañábase máis. Tamén houbo momentos moi malos, xa que a crise e a caída da construción notouse moito neste sector, mesmo había restricións nas fábricas, as empresas tiñamos cotas moi baixas. Despois diso non chegou a haber unha recuperación total dos prezos pero, alomenos, volveu haber movemento, en gran medida pola exportación, xa que moita madeira dos montes de Galicia vai para outros países. Agora hai que mover moito volume e con iso tamén se incrementan os custes. -Que destinos ten a madeira? O 98% do eucalipto destínase a elaboración de celulosa e o que non serve para iso destínase a biomasa ou para a fabricación de taboleiros. Puntualmente, as pezas cun grosor superior a 60 centímetros poden destinarse a serradoiros, pero eses diámetros é moi difícil atopalos. No caso do piñeiro, emprégase tanto para a trituración de madeira coma para serradoiros. Mentres, o principal destino da madeira das frondosas son os serradoiros. A maior parte da madeira que cortan é de piñeiro e eucalipto. -Como valoras a situación actual do monte? O monte galego é moi rico e está moi desaproveitado. Haberá zonas nas que están incidindo niso pero, polo xeral, aínda queda moito por facer para poder ter un monte produtivo. Nas zonas do interior hai un minifundismo extremo que propicia o abandono e que é moi pouco rendible. Hai parcelas nas que só hai unha fileira de árbores. Aínda que empeza a cambiar, a xente segue a ter o monte abandonado, como algo que está aí, que non fai falta atender, e á volta de certo tempo vai mirar que se lle pode sacar. O monte hai que coidalo como fas cunha horta se queres que sexa produtivo. Se a horta a plantas e non volves mirar por ela non vas recoller moita colleita, e co monte pasa o mesmo. Se o monte o desbrozas, o coidas, o podas, o vas saneando se hai árbores enfermas... esa masa boscosa vai ter un rendemento moi distinto de se non miras para el ata o momento de ir cortar a madeira.
“Son partidario de ter o monte aproveitado, de feito meu avó xa o dicía: ‘as árbores medran mentres dormes”
Eu son partidario de ter o monte aproveitado, de feito meu avó xa o dicía: “as árbores medran mentres dormes”. Nós, como non temos outra actividade á marxe da forestal, nas fincas da casa temos plantado un pouco de todo: temos parcelas de piñeiro insigne, de eucalipto e tamén de castiñeiro. -Na actualidade, estamos nun momento no que tanto as plantacións de eucalipto como de piñeiro teñen moitos detractores polas consecuencias que teñen os incendios forestais e por ser unha alternativa menos diversa do que é o monte autóctono, que opinión tes ó respecto? Na miña opinión sería preciso facer unha ordenación das terras cando se acometen os procesos de reestruturación parcelaria para evitar que haxa zonas de aproveitamento gandeiro ou agrícola colindantes con plantacións, porque iso supón un prexuízo para ambas partes. Por unha parte o propietario está limitado na súa parcela ó non poder poñer a especie que quere e os gandeiros ou produtores tamén teñen inconvenientes se se chegan a poñer plantacións a carón xa que as fincas rematan por ser menos produtivas. Está claro que ten que haber certas limitacións das especies, no caso do eucalipto é lóxico que non se planten en zonas nas que poidan interferir no abastecemento de auga a núcleos, por exemplo, pero tampouco debería de ser lóxico que un propietario non poida dispoñer da súa finca, isto non deixa de provocar que se abandone ese terreo. No caso dos incendios, creo que é bastante máis prexudicial o abandono do monte do que poden supor as plantacións, se realmente se fai unha silvicultura e un coidado axeitado delas.
“A maior dificultade é atopar xente que queira traballar no monte”
-Que perspectivas de futuro tedes dende a empresa? As perspectivas en canto a volume de traballo son boas. Agora mesmo se tivésemos oportunidade de contratar máis xente colliámola porque traballo estamos a ter moito nesta zona. Non temos intención, polo de agora, de abarcar unha zona máis ampla xa que preferimos ter ben atendida a que traballamos. E en canto ó de ampliar volume de produción, se conseguísemos máis man de obra poderíamos afrontalo, pero a dificultade é esa: atopar traballadores.

De que se queixa o agro ante o Valedor do Pobo?

O Valedor do Pobo recolleu nos últimos dous anos un cento de denuncias relativas ó sector agrario e forestal. As queixas ante o Valedor revelan algúns dos focos de conflictividade que existen no rural. A cuestión estrela nos últimos dous anos nas reclamacións do sector agrario refírese a problemas ligados ó ámbito forestal. A maioría das denuncias apuntan a incumprimentos das distancias do arborado a núcleos de poboación ou trasladan casos de forestación ilegal de terras agrarias. A normativa autonómica obriga a manter sen piñeiros e eucaliptos os 30 metros do monte limítrofes con vivendas, solo de núcleo rural ou urbán, en tanto que os primeiros 50 metros deben estar rozados antes do 30 de xuño de cada ano.
En caso de edificacións sen licenza municipal, o propietario do terreo forestal terá dereito a indemnización pola corta de árbores
A este respecto, o Valedor lembra que a Lei de Prevención de Incendios engade un matiz importante a ter en conta. En caso de construcións sen licenza municipal, o propietario dos terreos forestais terá dereito a indemnizacións por perdas e lucro cesante a cargo do propietario do terreo edificado. Sinálase tamén que nese caso, é obriga do propietario do terreo edificado a roza do espazo perimetral a súa construción, debendo permitírselle servidume de paso para executar eses traballos. A retirada das árbores, en cambio, corresponderá ó propietario das mesmas. Concentracións parcelarias Outro dos asuntos que motivan reclamacións frecuentes desde o rural son as concentracións parcelarias. O Valedor do Pobo recoñece que hai unha lentitude nos procesos e ten urxido no pasado á Xunta a axilizar a execución dos traballos. En calquera caso, o organismo confía agora en que a Lei 4/2015 de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia contribúa a reducir o problema. O Valedor lembra casos como o da parcelaria de Biduído – Bugallido, en Ames (A Coruña), iniciada no 1991 e que estaba aínda sen rematar a finais do 2015. A relación de problemas que se lle trasladan ó Valedor complétase con cuestións como os danos da fauna salvaxe no agro, as débedas de montes veciñais coa Administración ou problemas derivados do retraso ou denegación de axudas agrarias.

‘Probas da falta de vontade política contra as plantacións ilegais de eucalipto’ (I)

No ano 2015, ADEGA impulsaba a campaña “Cousa de Raíces” co obxectivo de defender o bosque autóctono. A idea era que a campaña fose aberta, participativa e multidisciplinar, na que non só os colectivos ecoloxistas puidesen abandeirar a defensa do bosque galego, senón outros sectores da sociedade como o comunal, o empresarial, o cooperativo, o sindical, o educativo, etc., que atopan na defensa da nosa flora autóctona algo máis que unha cuestión de diversidade. “Cousa de Raíces” vén de relanzarse agora co apoio duns 60 colectivos e entidades galegas de toda índole que reclaman, non só que se protexa o noso bosque, senón que se free a masiva eucaliptización do país, que nos últimos anos está a sufrir unha nova vaga expansiva.
"Tiñamos a impresión de que a Xunta non estaba a exercer a súa función, pero agora xa temos datos que proban as nosas sospeitas"
Á falta dun censo actualizado sobre a superficie forestal galega (o último inventario é do 2009), a estimación actual que se fai sobre a superficie ocupada con eucalipto, entre masas puras e mixtas, xa supera as 500.000 hectáreas, o que supón o 17% de todo o territorio galego. O dato tamén supera calquera previsión. Teñamos en conta que case dobra a capacidade de acollida máxima que o Plan Forestal Galego do 2002 (aínda vixente e pendente de actualización) establecía para esta especie en Galiza. “Cousa de Raíces” naceu con dous obxectivos principais: 1. Impulsar a concienciación positiva e o valor das árbores autóctonas en sentido pleno: económico, cultural e ambiental; 2. Facer cumprir a normativa existente relativa á conservación efectiva das nosas masas autóctonas e das plantacións arbóreas. A respecto deste último punto, tiñamos a impresión de que a Administración pública competente non estaba a exercer a súa función; pero agora xa temos datos contundentes que revelan a veracidade das nosas sospeitas.
"Adega adoptou hai ano e medio o compromiso de denunciar todas as plantacións e talas ilegais das que tivese coñecemento"
Tras o lanzamento da campaña, Adega adoptou o compromiso de denunciar, até onde puidesen os seus voluntarios/as, todas as plantacións ou talas ilegais ou incumprimentos das distancias de seguridade das que tivese coñecemento, co gallo de favorecer o cumprimento da lei en materia de montes e lumes, pero tamén doutras normativas (costas, ríos, patrimonio...) que inciden directamente na ordenación forestal. Principalmente, é na provincia de Lugo onde Adega realiza un maior esforzo na interposición de denuncias, porque é onde estamos a detectar unha maior transformación do territorio en canto á eliminación de superficie arborada con especies autóctonas ou con vocación agraria a prol da expansión do eucalipto, e ademais de forma irregular. Agora, o cumprirse ano e medio dunha frenética actividade de denuncia por parte de Adega-Lugo contra as talas e plantacións ilegais na provincia -con eucaliptos, no 100% dos casos observados-, desempeñando un papel máis propio dos servizos de protección da Natureza e dos gardas forestais da Xunta que dunha entidade ecoloxista, xa contamos con datos suficientes que nos permiten extraer varias conclusións contundentes e esclarecedoras sobre a actitude coa que a Administración galega se está a enfrontar a esta nova vaga eucaliptizadora e de desorde forestal e, consecuentemente, territorial. Imos debruzalas.

1) Case o 80% dos casos denunciados en Medio Rural están sen resolver

No último ano e medio, desde comezos de 2016 até o mes de xuño de 2017, ADEGA ten denunciado 300 casos de plantacións e talas ilegais só na provincia de Lugo. Destes, o 87% corresponden a parcelas que foron plantadas con eucaliptos de forma presuntamente ilegal, e o restante 13% corresponde a cortas a feito de masas de árbores autóctonas, tamén de forma aparentemente irregular. De todos os casos denunciados durante o último ano e medio, só o 22% foron resoltos, quedando o 78% restante sen resposta ou pendentes de investigación e resolución. Poderiamos pensar que a Consellaría de Medio Rural non tivo tempo para resolver as denuncias máis recentes do 2017, pero se só temos en conta os casos denunciados por ADEGA-Lugo en 2016, a ausencia de resposta tamén é alarmantemente elevada (63%).

2) Só o 10% das denuncias interpostas instaron á reparación do dano

A maior parte das denuncias presentadas por Adega-Lugo que foron resoltas pola Dirección Xeral de Montes da Xunta desde o 2016 acabaron en arquivo, ben porque o autor/a da infracción xa reparou o dano antes de que se procedese á apertura do expediente sancionador, ben porque a Administración non viu, ou non quixo ver, no feito denunciado motivos de ilegalidade. Prado plantado con eucaliptos. Se só nos cinguimos a aqueles casos que finalmente obtiveron algunha resolución definitiva, observamos que o 55% dos mesmos foron arquivados por esta segunda causa: a da non consideración do feito como infracción ou incumprimento da normativa vixente. Paralelamente, menos do 50% dos casos xa resoltos foron considerados ilegais por parte de Medio Rural e só o 10% de todos os casos denunciados remataron finalmente coa eliminación ou arrincado dos eucaliptos plantados e/ou con interposición de sanción, instando á reparación do dano cometido.

3) A maioría das resolucións negativas non están suficientemente xustificadas

Poucos motivos poden xustificar que case o 80% das plantacións ou talas irregulares denunciadas non obtivesen aínda unha reacción por parte de Medio Rural. Mentres non se investiguen os feitos denunciados nin se abran expedientes sancionadores ou requirimentos previos de reparación de dano, o noso bosque segue a estar ameazado, seguimos a perder superficie agraria útil e as plantacións ilegais acaban obtendo unha sorte de “amnistía” que trasladan á sociedade a mensaxe de que “todo vale na miña leira”.
A Administración trasládalle á sociedade a mensaxe de que 'todo vale na miña leira'
Ademais, unha grande parte das infraccións denunciadas ante a Xunta son arquivadas sen apercibimento de reparación de dano, sen apertura de expediente sancionador e sen existir motivos suficientes que xustifiquen tal arquivo. As escusas esgrimidas pola Xunta para dar carpetazo ás nosas denuncias son diversas:

Excusas

-A hipotética imposibilidade de poder datar con exactitude a idade da plantación supostamente ilegal ou de non poder identificar o uso previo do terreo. Ante a dúbida, as plantacións denunciadas son consideradas por Medio Rural anteriores á posta en vixencia da Lei de Montes actual (agosto do 2012), quedando desafectadas, ou simplemente se asimila un uso forestal do terreo sen facer o máis mínimo esforzo en comprobar cal era o seu uso previo e, por tanto, se houbo un enmascarado cambio de actividade.
Calquera usuario de internet ten acceso a diversas plataformas desde as que comprobar a evolución de usos dunha parcela
Mais, estas non son máis que escusas... Actualmente, calquera usuario de internet, incluído o equipo técnico da Xunta, pode determinar a través de diversas plataformas informáticas de xeocomparación e/ou xeolocalización con que especies contaba a parcela en cuestión ou a que uso se destinaba antes ou despois da entrada en vigor da Lei de montes. Ben saben os especialistas na materia (peritos, agrónomos, forestais, etc.) que existen outras fórmulas máis científicas e fiábeis de datación das masas arbóreas que se poderían estar aplicando nestes casos de dúbida... Pero, simplemente, non hai vontade! -Unha interpretación 'sui generis' da lexislación de montes. A Xunta está a crear unha grande inseguridade xurídica e confusión entre o seu propio funcionariado que se ve impedido para poder aplicar a norma cunha mínima coherencia. Utilízanse argumentos de tal extravagancia para interpretar a norma que mesmo se están a dar situacións de total discriminación entre os presuntos infractores.
"A Xunta está a legalizar 'de facto' plantacións de eucalipto que ocupan pasteiros, ao considerar estes como terreos forestais"
A discrecionalidade que se vive na interpretación da normativa de montes está a favorecer ademais que se legalice de facto un inxente número de plantacións ilegais de eucalipto que ocupan, en contra do que establece a lei, antigos terreos de pasto ou de produción para forraxe. Os casos máis rechamantes son aqueles nos que o servizo xurídico da Xunta autoriza plantacións ilegais de eucaliptos en terreos de pasteiro, ao considerar estes como terreos forestais e non agrícolas... unha curiosa e rocambolesca interpretación da lei que, ademais, entra en contradición coa normativa de prevención de incendios ou con algunhas convocatorias públicas de axudas para a forestación de superficies que, paradoxalmente, exclúen os terreos de pasteiro por consideralos de carácter agrícola. -Dáse predominio á clasificación urbanística do solo fronte a súa vocación orixinal ou uso. Se o terreo no que se realizou a plantación tiña previamente un uso agrícola, pero aparece clasificado como solo forestal no planeamento urbanístico do Concello, a Consellaría de Medio Rural dálle predomino á cualificación urbanística e exime as plantacións ilegal de ter que aterse ás obrigas de cambio de actividade establecidas na Lei de Montes. É dicir, non intercede e permite que se ocupen terreos de carácter agrario con especies arbóreas (sexan ou non pirófitas) sen tan sequera esixir ao propietario que solicite o cambio de actividade de agrícola a forestal. Esta forma de actuar, na práctica, está a constituír unha flagrante deixazón de funcións por parte da Consellaría de Medio Rural, que abandona á vontade dos concellos a configuración ou ordenación dos montes. -A caducidade dos expedientes sancionadores. Estes casos son os menos frecuentes. Acontecen cando existe un expediente sancionador aberto que acaba caducando ao dilatarse de forma excesiva o procedemento administrativo sen ter obtido previamente unha resolución. Nestas situacións, a reparación do dano dependerá da vontade da Xunta, se quere reiniciar o procedemento sancionador, ou da existencia dunha nova denuncia de parte que dea lugar a un novo expediente. Estas son algunhas das supostas motivacións da Consellaría de Medio Rural para resolver negativamente as denuncias de ADEGA e deixar consolidar no tempo o acto ilegal, neste caso, as plantacións de eucaliptais contrarias á Lei de montes de Galiza (Lei 7/2012).

A Xunta prorroga ata o 2021 a vixencia dos convenios cos montes veciñais

Os montes veciñais que viñan xestionando parte ou toda a súa superficie por medio de convenios ou consorcios coa Administración terán ata o 31 de decembro do 2021 para cancelar ou finalizar eses acordos. Nun principio, a Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012) sinalaba que os convenios e consorcios tiñan que rematar entre 2017 e 2018, pero a Xunta ten previsto ampliar ese prazo ata o 2021 por medio da lei de acompañamento do presuposto do 2017, que previsiblemente se aprobará en febreiro no Parlamento. A prórroga na vixencia dos acordos cos montes veciñais posterga o desenlace do conflicto aberto entre a Administración e parte das comunidades. O motivo dos desencontros radica nas contas dos convenios e consorcios. Cando a contabilidade de Medio Rural amosa que nun monte dado tivo máis gastos que ingresos, a Consellería reclámalle ás comunidades o pago da diferencia. O problema radica en que, con frecuencia, as comunidades non están de acordo con eses cálculos ou mesmo poñen en cuestión que existan os investimentos que afirma ter feito a Administración.
A prórroga na vixencia dos convenios posterga o desenlace do conflicto aberto entre a Xunta e parte das comunidades
Que pasará entón coas comunidades que presenten débedas cando finalicen os convenios, no 2021? As comunidades cos números en positivo non terán problema para cancelar os consorcios ou convenios cando queiran, a máis tardar o 31 de decembro do 2021. No caso dos montes veciñais con débedas, a Administración ofrece tres saídas. A primeira, finalizar o convenio e que os titulares do monte procedan a aboar o saldo debedor, ben por medio dun pago único, ben por medio dun plan de devolución plurianual. A segunda alternativa, finalizar o convenio e asinar un contrato temporal de xestión pública. Nese contrato de xestión pública, a Xunta fará constar a débeda da comunidade, a fin de saldala cos ingresos futuros que xenere a xestión do monte. Terceira vía, as Sofor Ata aquí non hai novidade co que xa era coñecido. A terceira opción que proxecta ofrecer agora Medio Rural indica que, “sen prexuízo do anterior”, o saldo debedor considerarase liquidado cando a comunidade de montes veciñal constitúa ou pase a formar parte dunha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor).
As comunidades con débedas terán a opción de liquidalas constituíndo ou integrándose nunha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor)
As Sofor son unha figura que se puxo en marcha co obxectivo de agrupar a xestión de propiedades particulares, na idea de reducir o minifundio, pois a superficie media das parcelas particulares non supera en Galicia os 2-3 ferrados de media. O uso das Sofor para as comunidades de montes, que no peor dos casos teñen decenas de hectáreas de superficie, non estaba previsto nun principio, se ben as intencións da Xunta apuntan a unha reformulación do cometido das Sociedades de Fomento Forestal, que ata o de agora tiveron unha escasa implantación na comunidade.

Solución para as cortas de propietarios particulares en comunidades de montes

Cando se clasificaron os montes veciñais en man común, houbo propiedades particulares que pasaron a estar catalogadas como monte veciñal. Esa catalogación, que naquel intre e en anos posteriores, non se correspondía co uso real da terra, estivo a xerar problemas nos últimos anos, pois cando as persoas que estaban aproveitando o monte quixeron cortar as súas masas, atopáronse con que non se lles concedía a autorización, ó estar catalogadas as terras como monte veciñal.
Para que se leven a cabo os aproveitamentos, será imprescindible un acordo público entre a comunidade e a persoa interesada
A Xunta proxecta agora unha solución, tamén a través da lei de acompañamento dos presupostos do 2017. A Administración prevé que se poida considerar persoas titulares dos aproveitamentos forestais a aqueles individuos que tivesen plantado parcelas situadas dentro de montes veciñais dun xeito público, pacífico e non interrompido. Para que eses aproveitamentos individuais se poidan levar a cabo, será indispensable que a persoa interesada e a comunidade de montes formalicen un acordo de cesión dos dereitos de aproveitamento mediante unha escritura pública. A escritura deberá recoller, de xeito obrigatorio, catro elementos: o acordo favorable da asemblea da comunidade, o recoñecemento das dúas partes de que o terreo é de propiedade comunal, o canon a percibir pola comunidade de montes e a renuncia do particular a calquera dereito que puidese ter sobre a parcela unha vez rematado o aproveitamento.

Medio Rural sancionará tras un lume terreos sen rozar e repoboacións ilegais

A lexislación que trata de ordenar os usos do territorio no rural choca con frecuencia coas prácticas que manteñen os propietarios das terras. A teoría das normas especifica con claridade cuestións como as franxas a desbrozar arredor das casas ou os emprazamentos nos que está prohibido repoboar con piñeiros ou eucaliptos, pero outra cousa é o que pasa no campo. Medio Rural quere comezar a cambiar esa despreocupación pola regulación pública do territorio. Por onde comezar? A Consellería potenciará en cada Distrito Forestal brigadas de investigación dos incendios forestais con dous obxectivos claros. En primeiro lugar, para investigar os terreos queimados coa finalidade de sancionar a aqueles propietarios que tivesen as súas parcelas en condicións que dificultasen a extinción ou que puxesen en risco á poboación. En segundo lugar, para colaborar coas forzas de seguridade na investigación dos lumes e na localización de posibles sospeitosos. Os controis das brigadas de investigación dos incendios forestais, que terán 2-3 persoas asignadas por Distrito, centraranse en tres cuestións, segundo o borrador do Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2016): - Control do respeto ás distancias entre vivendas ou núcleos rurais e masas forestais. A Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (Lei 3/2007) establece que os primeiros 30 metros deben estar libres de mato e sen piñeiros ou eucaliptos; en tanto que entre os 30 e os 50 metros de distancia, as terras deben estar libres de mato e as árbores ben separadas entre si. - Sanción sobre as repoboacións ilegais, de acordo coa Lei de Montes de Galicia (Lei 7/2012). A normativa prohíbe as repobacións con piñeiros ou eucaliptos en terras agrarias, así como a sustitución de bosques de frondosas por eucaliptos ou piñeiros. Tamén establece as distancias que deben cumprir as masas forestais en relación a vías de comunicación como estradas (10 metros no caso de piñeiros e eucaliptos) ou pistas forestais (4 metros no caso de piñeiros e eucaliptos). - Propiedades en zonas de concentración parcelaria susceptibles de ser declaradas predios en abandono, de acordo coa Lei 6/2011 de mobilidade de terras de Galicia. Incoaranse os correspondentes expedientes sobre as parcelas que non teñan un mínimo laboreo, pastoreo ou control do mato. Parroquias de alta actividade incendiaria A Xunta cataloga cada ano as parroquias de alta actividade incendiaria, sobre as que establece unha vixilancia especial. Este ano, a maiores, prevé facer unha análise sobre o uso do territorio nestas parroquias, a fin de identificar os factores que favorecen os lumes. No 2016 clasificáronse 67 parroquias como de alta actividade incendiaria, 11 menos que no 2015. Os criterios para considerar un lugar como de alta actividade incendiaria son a reiteración de lumes, alomenos 7 nos últimos 5 anos, ou a dimensión dos mesmos, con alomenos 2 incendios superiores ás 200 hectáreas nos últimos 10 anos. Esta campaña houbo 8 parroquias novas que cumpriron eses requisitos (Ver cadro de abaixo) e outras 19 que perderon a condición de alta actividade incendiaria. Pódese consultar neste documento o listado completo de parroquias de alta actividade incendiaria. Parroquias que entran este ano no listado das de alta actividade incendiaria. Ourense continúa a ser a provincia con máis parroquias no listado, con máis do 60%, 42 de 67. Séguenlle Pontevedra, con 14; A Coruña, con 9; e Lugo, con 2.

Montes privados, uso público?

O aumento das prácticas recreativas no monte por parte de ciclistas, motos, quads e veículos todoterreo está a xerar tensións entre usuarios e propietarios do territorio. O enfrontamento chegou ó punto de que os ciclistas denuncian a colocación de obstáculos nos camiños e mesmo trampas como cables ou tablas con puntas. Por parte das organizacións de propietarios, hai unha condea a esas prácticas “punibles”, pero deféndese o territorio como privado ou como comunitario. Os colectivos de propietarios cuestionan, na súa maioría, o dereito de uso público. Pódese usar o territorio libremente? En primeiro lugar, a cuestión esixe diferenciar entre camiños públicos ou servidumes de paso públicas, de uso libre, e camiños privados, de uso particular ou veciñal. A distinción entre uns e outros normalmente non queda clara para o usuario do monte, salvo no caso de que haxa valados, peches ou carteis que advirtan dos usos autorizados e prohibidos. Postura de comuneiros e cazadores O principal foco de conflicto radica nas comunidades de montes veciñais, sobre todo nas que se sitúan en áreas con moita presión poboacional, caso das Rías Baixas. Os colectivos de propietarios defenden o monte veciñal e os seus camiños como de titularidade comunitaria. “O uso do monte ten que estar autorizado polos titulares das terras. Usalo sen autorización é un acto de invasión e de ocupación ilegal”, consideran a Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm) e a Unión de Tecores de Galicia (Unitega), que onte emitiron unha nota de prensa para pronunciarse sobre o asunto.
"O uso do monte ten que estar autorizado polos titulares das terras. O contrario é unha invasión" (Orgaccmm e Unitega)
Os comuneiros entenden que se precisa unha autorización explícita do monte veciñal ó uso das súas terras para prácticas recreativas: “Estes usos teñan que estar regulamentados e autorizados polos titulares das terras; como xa acontece cos aproveitamentos gandeiros, cinexéticos ou de custodia do territorio”, consideran a Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm)e Unitega. Ambos colectivos advirten de problemas na práctica, como os paseos con cans soltos polo monte na época de cría da fauna, ó final da primavera e inicio do verán; en tanto nese mesmo periodo os adestramentos con cans de caza están prohibidos, comparan. Unitega e Orgaccmm piden unha campaña de publicidade da Xunta para formar ós potenciais usuarios do medio rural sobre os dereitos dos propietarios das terras nas que desenvolven as súas actividades de lecer. Regulación do paso Desde a Asociación Forestal de Galicia (AFG) incídese tamén en que moitos camiños que hai no monte, sobre todo nos montes veciñais, son de titularidade privada, polo que a entidade considera lexítima a colocación de obstáculos ou barreiras –que non de trampas- para restrinxir o uso dos camiños por persoas non autorizadas.
A Lei de Montes permite prohibir o paso de veículos a motor por pistas forestais privadas
A AFG lembra ademais que a Lei de Montes de Galicia faculta ós titulares de pistas forestais privadas a prohibir o paso de vehículos de motor, cando así se sinalice expresamente. Cómpre ter en conta tamén que a lexislación prohíbe o uso de vehículos de motor fóra de estradas, camiños e pistas forestais. En canto ó paso de bicicletas, a Asociación Forestal avoga pola apertura dun diálogo entre ciclistas e comunidades de montes en cada caso. “O desexable é que os ciclistas transiten por pistas ou carreiros habilitados a tal fin, contando co consentimento da comunidade propietaria. Para isto –propón a organización- é necesario coñecerse e dialogar para chegar a unha solución razoable. O que non pode admitirse é que o acceso por camiños privados ós montes se realice de xeito ‘furtivo’, sen que os practicantes destes deportes se informen nin pidan autorización dos lexítimos propietarios”.
"O desexable é que os ciclistas conten co consentimento das comunidades. É preciso coñecerse e dialogar" (Asociación Forestal de Galicia)
Os riscos que leva consigo a presenza non coñecida de persoas e veículos no monte durante traballos silvícolas, días de caza ou nas simples visitas dos propietarios as súas terras é outra das cuestións sobre as que incide a AFG, que lembra tamén a erosión que sofren as terras polo paso de veículos e as molestias que se causan entre a fauna. O director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, pide o respeto dos usuarios do monte á propiedade privada. “En Galicia hai un costume de deixar facer en canto ó acceso ó monte, pero esa situación non pode levar a que a xente pense que todo o territorio é propiedade pública porque non é así. É precisa unha educación no respeto á propiedade”, defende. Dans extende os problemas que se xeran no monte polo paso de veículos a motor ou ciclistas a outras actividades relacionadas cun uso público do territorio, como a caza ou a busca de cogumelos, que considera que entran en conflicto cos dereitos dos propietarios.
"O paso polos camiños a pé hai que entendelo como libre, salvo no verán en zonas de risco de incendios" (Asefoga)
Función social do monte Outro dos colectivos que representa a propietarios forestais, a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), é partidario dun acceso público ó monte sempre que non estea prohibido de xeito explícito. “Con carácter xeral, se unha comunidade de montes xestiona camiños privados e quere restrinxir o paso, pode colocar valados, portas ou carteis para sinalizar as prohibicións. Se non o fai, o paso polos camiños, sobre todo para persoas a pé, hai que entendelo como libre, salvo no verán en zonas con risco de incendios, unha cuestión que se regula na Lei de Montes. Pretender outra cousa sería unha barbaridade”, valora Jacobo Feijoo, de Asefoga. Feijoo avoga tamén por abordar os conflictos particulares de xeito individualizado, caso por caso.

O sector forestal galego critica a falta de incentivos fiscais da nova Lei de Montes

O pasado día 7 o Congreso dos Deputados aprobaba definitivamente a reforma da Lei de Montes, unha norma que databa do ano 2006 e que regulará máis do 54% da superficie do Estado que está considerada como solo forestal, e que en dous terzos está en mans privadas. Galicia é a Comunidade máis afectada pola nova norma, xa que, cun 68% da súa superficie considerada como solo forestal, concentra o 50% dos aproveitamentos forestais de toda España. Ademais, outra especificidade de Galicia é que un terzo da superficie forestal son montes veciñais, que suman máis de 600.000 hectáreas. Falta de medidas suficientes de estímulo fiscal para investir no monte Aínda que o foco mediático a nivel estatal se puxo na recualificación dos terreos queimados, en Galicia o punto principal no que coinciden os representantes do sector é a falta de medidas de estímulo fiscal para combater o que consideran o seu principal problema: o abandono e a falta de xestión do monte. Así, Ana Oróns, secretaria xeral de Confemadera Galicia, lamenta que “a lei non incorporase as nosas achegas sobre incentivos fiscais que fagan atractivo o investimento en xestión forestal sostible do monte”. “Desde a industria galega da madeira cremos que esta proposta de incentivos fiscais sería a ferramenta máis eficaz contra o abandono do monte, contribuíndo a reducir os lumes forestais e as pragas e enfermidades”, subliña. Os propietarios forestais pedían bonificacións fiscais do 30%, que se quedaron no 10% e só para as sociedades forestais Na mesma liña, pero do lado dos propietarios dos montes, se manifestan dende a Asociación Forestal de Galicia a través de COSE, a confederación que agrupa ás asociacións de Propietarios Forestais Privados das distintas comunidades autónomas. En concreto, a xerente de COSE, Patricia Gómez, explica que “dende COSE reivindicábamos unha fiscalidade incentivadora da Xestión Forestal Sustentable, cunha proposta de bonificación do 30% na cota do IRPF ou Imposto de Sociedades dos investimentos en XFS, que representaría un ingreso neto para a administración e crearía un gan número de postos de traballo”. Sen embargo, Patricia Gómez recoñece que “o resultado non foi de todo satisfactorio” xa que a nova Lei de Montes “introduce o concepto de bonificación fiscal a investimentos forestais pero limítaos de forma inxustificada só ás recén creadas sociedades forestais”, menos de 5 neste momento en todo o Estado. Deste xeito, a nova norma establece que unicamente as sociedades forestais “terán dereito a unha redución na cota íntegra do imposto de sociedades do 10% dos gastos ou investimentos que realicen no período impositivo na conservación, mantemento, mellora, protección e acceso ao monte”.
 “Os montes privados clasificados como protectores poden acceder a futuras axudas”
Un aspecto positivo da nova norma que salientan dende COSE é a nova clasificación dos montes, “pola que aqueles montes privados non produtores poden ter a categoría de monte protector, previa solicitude do propietario á administración competente, e poder ser canalizadores de sistemas de pagos por servizos ambientais, cando se establezan”. Valoración das comunidades de montes veciñais Máis críticos coa norma se amosan dende a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM). O seu presidente, Xosé Alfredo Pereira, considera que as modificacións que establece a nova Lei de Montes “son negativas porque son recentralizadoras, eliminan a participación sectorial, afianzan o uso forestal, en exclusiva, dos montes e despreza a singularidade dos montes veciñais”. Respecto a isto último, Pereira critica que “a nova lei define os montes veciñais como montes de titularidade privada, cando antes eran considerados, acertadamente, como titularidades comúns”.
Comunidades de Montes: “Afiánzase o uso forestal, en exclusiva, do monte”
Ademais, advirte de que “as Comunidades Autónomas, sen contar coa autorización dos titulares dos montes, poden permitir o uso de vehículos a motor polas pistas forestais cando estas teñan a consideración de monte”. O presidente das comunidades de montes agrupadas en ORGACCMM tamén lamenta o que considera “aposta polas especies de crecemento rápido e polos cultivos enerxéticos na nova lei”. Nesa liña sitúa “a consideración como terras forestais daquelas terras agrícolas que sexan plantadas con especies forestais para cultivos enerxéticos, a eliminación da obriga de contar cun instrumento de xestión do monte para ordenalo; a supresión da autorización administrativa para cortar eucaliptos ou cultivos forestais enerxéticos ou a eliminación da obriga das administracións para que os selos de certificación forestal conteñan criterios ambientais e sociais”. Valoración da Xunta de Galicia Autocargador traballando nun monte. Valoración diferente ofrecen dende a Consellería do Medio Rural e do Mar, para a que a reforma “actualiza moitas situacións que era conveniente refrescar”. Así, dende o departamento que dirixe Rosa Quintana salientan como aspectos positivos da reforma da Lei de Montes que se recolla a figura das agrupacións de propietarios forestais “seguindo a filosofía das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) aplicada en Galicia”. Igualmente, salientan a actualización dos montes de socios, semellantes aos montes de varas en Galicia, e “a posibilidade de que as pequenas parcelas se podan unir nunha liña moi semellante ao que son en Galicia as orientacións silvícolas”.
 “A nova lei non invade as competencias da Xunta”
Por outra parte, dende a Consellería de Medio Rural e do Mar negan que norma sexa recentralizadora “xa que non supón ningún tipo de invasión das competencias da Xunta de Galicia”, algo no que si insiste a Organización Galega de comunidades de Montes Veciñais. Recualificación dos terreos queimados Por último, en canto ao que foi o aspecto máis polémico desta lei a nivel informativo, a recualificación dos terreos queimados, dende a Consellería do Medio Rural e do Mar recalcan que “non se abre a porta a procesos urbanísticos especulativos en terreos queimados recualificándoos antes de 30 anos”. “A reforma da lei -explican- faculta ás Comunidades Autónomas a aprobar cambios de uso por razóns de interese público, como variar o trazado dunha estrada ou dunha vía férrea, que, en todo caso, debe establecerse por lei, e sempre adoptando medidas compensatorias que permitan recuperar unha superficie forestal equivalente á queimada”. Sen embargo, para Xosé Alfredo Pereira “o termo interese público de primeira orde é confuso e pode ser interpretado de xeito distinto”. En todo, caso salienta que “o monte veciñal está máis protexido xa que, por ter un carácter singular e ser interese público, para proceder a un cambio de uso precisaría un acto de prevalencia”. Unha vez aprobada a reforma da Lei de Montes toca adaptar á normativa estatal a Lei de Montes de Galicia, aprobada hai 3 anos e que aínda está en fase de desenvolvemento regulamentario.