Archives

Impulsan un polígono agroforestal en Trazo de 174 hectáreas para producir forraxes para o gando

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega da Industria Forestal, Inés Santé, e da alcaldesa do concello coruñés de Trazo, Josefina Suárez, reuniuse con veciños da localidade en relación co polígono agroforestal de Campo-Gorgullos. O conselleiro explicou que se prevé a mobilización de 174 hectáreas, distribuídas en 112 parcelas de 45 propietarios. Atópanse nunha zona na que existe unha demanda de terras para a produción de forraxe para o gando, polo que o polígono podería orientarse a satisfacer ese tipo de necesidade. Na xuntanza tamén participou o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, ao estar unha parcela deste proxecto de mobilización no seu concello. Este polígono agroforestal sumaríase aos 26 que actualmente están en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Xunto cos polígonos agroforestais cómpre salientar tamén a figura das aldeas modelo, das cales hai xa 21 aprobadas, segundo sinalou José González. Seguindo esta liña, os polígonos agroforestais son unha das figuras de mobilización de terras impulsadas a través da Lei de recuperación da terra agraria -que entrou en vigor en maio de 2021- mediante a cal se están recuperar grandes áreas da terra potenciando os tres usos do chan -agrícola, gandeiro e forestal-, segundo o tipo de cultivo máis acaído. Neste sentido, o conselleiro salientou que neste caso de Trazo trátase especialmente de “reconcentrar” terra moi traballada para crear predios de maior superficie e mellorar así a base territorial das explotacións. Deste xeito, engadiu, dáse un mellor soporte e impulso á actividade agrogandeira da zona.

A Xunta promove un polígono agroforestal de 96 hectáreas en San Xoán de Río

O conselleiro do Medio Rural reuniuse con veciños deste municipio ourensán para explicarlles as vantaxes desta figura ligada á Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo este venres unha reunión con veciños do municipio ourensán de San Xoán de Río en relación co polígono agroforestal de Veigas de Cambela. O conselleiro explicou que se trata de mobilizar, a través deste instrumento da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, un total de 96,4 hectáreas, distribuídas en 301 parcelas de 135 propietarios. Puxo en valor, ademais, que o polígono situarase nunha zona cunha forte tradición gandeira e na que existe unha grande demanda de terras para a cría de gando vacún en extensivo, polo que esta ferramenta irá orientada cara a satisfacer estas necesidades, remarcou González.
A provincia de Ourense concentra 17 dos 26 polígonos agroforestais e 14 das 21 aldeas modelo que hai en Galicia
Nesta liña, o titular de Medio Rural salientou que esta iniciativa sumarase aos 26 polígonos que actualmente se atopan en distintas fases de execución en Galicia e que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Subliñou, asemade, que 17 destes polígonos corresponden á provincia de Ourense, sumando máis de 5.200 hectáreas de terreo, ou o que é o mesmo, case o 60% da superficie total mobilizada en Galicia. A maiores, o conselleiro remarcou, dentro das ferramentas de mobilización de terras, a existencia de 21 aldeas modelo aprobadas na comunidade. Delas, lembrou, 14 están na provincia de Ourense.

A Xunta estuda a implantación dun novo polígono agroforestal de 100 hectáreas no concello lucense do Saviñao

 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo este sábado unha reunión cos veciños do Saviñao para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na parroquia de Xesto. Segundo explicou José González, o polígono abranguería unha superficie de preto de 100 hectáreas, distribuídas en 143 parcelas duns 33 propietarios, e proponse dedicar a gandaría en extensivo ou cultivos anuais, fundamentalmente forraxeiros. Este futuro polígono sumaríase aos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños. O conselleiro do Medio Rural lembrou que esta é unha das figuras de mobilización da terra agraria, mediante a cal se recuperan grandes áreas de terra potenciando os tres usos de chan -agrícola, gandeiro ou forestal- segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona.

Así, trátase dunha ferramenta idónea para recuperar a terra de boa capacidade produtiva  abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.

Propoñen un novo polígono agroforestal no concello ourensán da Peroxa

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión cos veciños da Peroxa para estudar a posibilidade de implantar a primeira fase dun polígono agroforestal neste concello. Esta figura, entre a súa primeira e segunda fase, abarcará tanto o concello da Peroxa como o de Carballedo, mobilizará unha superficie de máis de 25 hectáreas, distribuídas en 195 parcelas duns 49 propietarios. Segundo explicou o conselleiro, proponse dedicar este polígono a gandaría en extensivo. Este futuro polígono sumaríase ao outro xa implantado neste concello, o de Mirallos, que conta con 44,52 hectáreas, divididas en 193 parcelas de 65 titulares, cuxo uso principal está dedicado tamén á gandaría en extensivo e que se atopa con acordo de inicio. Do mesmo xeito, tamén pasaría a formar parte dos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños.

A Xunta impulsa dous novos polígonos agroforestais nos concellos lugueses de Chantada e Paradela

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión cos veciños de Chantada para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na parroquia de Sabadelle. Logo de rematar este encontro e resolver as dúbidas dos asistentes, trasladouse ata o concello lucense de Paradela, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para abordar tamén a posibilidade de crear un polígono na parroquia de Loio. No caso de Sabadelle, o polígono agroforestal abranguería unha superficie de preto de 39 hectáreas, divididas en 114 parcelas de 80 propietarios. Mentres tanto, no de Loio ocuparíanse unhas 23 hectáreas con 90 parcelas duns 25 propietarios. Segundo explicou o conselleiro, proponse dedicar estes polígonos a cultivos agrícolas, incluíndo no de Paradela a posibilidade de recuperar antigos terreos dedicados á viña no ámbito da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, co fin de darlle valor ás variedades autóctonas que caracterizan aos viños da comunidade. Ademais, ambos poderían contar tamén con gandaría en extensivo. Estes futuros polígonos sumaríanse aos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños. O conselleiro no encontro cos veciños de Paradela

Propoñen un novo polígono agroforestal no concello pontevedrés de Arbo dedicado a viña

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Arbo, Horacio Gil, mantivo esta semana unha reunión con veciños deste concello pontevedrés para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona -en concreto, na parroquia de Arbo-, cunha superficie de 46,67 hectáreas distribuídas en 351 parcelas propiedade de 115 titulares. Así, José González lembroulles aos veciños que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. De feito, en Galicia hai 24 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai xa dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños. Precisamente, deses 24 polígonos, tres atópanse na provincia de Pontevedra. Por unha parte o de Vilalén-Tomonde, no concello de Cerdedo-Cotobade, que prevé mobilizar preto de 68 hectáreas, divididas en 1.534 parcelas de 278 propietarios. O polígono de Mandelos, no municipio de Crecente, conta con 45 hectáreas de superficie divididas en 391 parcelas de 183 propietarios. No concello de Tomiño está proxectado o polígono de Panascos, cunha superficie de 122 hectáreas divididas en 724 parcelas de 633 propietarios. Xunto a estes polígonos agroforestais, o conselleiro sinalou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, unha delas na provincia de Pontevedra: a de Mouteira-Parada, no concello de Cerdedo-Cotobade. Con esta ferramenta, insistiu o conselleiro, búscase recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios. Por último, o titular de Medio Rural tamén fixo fincapé nas permutas de especial interese agrario, que no concello de Friol conseguiron mobilizar 400 hectáreas de superficie. Así, salientou, cabe apuntar que mediante a Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego, con figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.

Rematada a concentración parcelaria de 1340 hectáreas en Beán-Pereira, no concello de Ordes

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na entrega de case 1.600 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Beán-Pereira II, no concello coruñés de Ordes. Esta parcelaria supuxo a reorganización dunha superficie de case 1.340 hectáreas, beneficiando a 827 veciños propietarios. Deste xeito, pasouse dunhas 9.000 parcelas iniciais a preto de 1.600 predios finais, “o que permitiu mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona e, por tanto, diminuír os seus custos de produción”, afirman desde a Consellería do Medio Rural. Así, “no concello de Ordes o 70% da súa superficie xa está concentrado”, afirmou o conselleiro, José González. Ao mesmo tempo, aportou que “en preto de 6.000 hectáreas se entregaron os correspondentes títulos de propiedade e noutras 5.000 ha os veciños xa puideron facer uso dos novos predios de substitución”. É necesario sinalar que está a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada destas novas fincadas resultantes da concentración parcelaria. Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Así mesmo, o conselleiro lembrou que “o seu departamento segue decretando novos procesos de reestruturación e, precisamente, o pasado ano declarouse a parcelaria de Poulo, no concello de Ordes, ademais doutros novos procesos nos concellos de Outeiro de Rei, Friol e Castro de Rei”. Estas novas concentracións parcelarias iniciáronse ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Ademais, José González indicou que “se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras”. “Así, tal e como recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros”, concreta.