Archives

Unións Agrarias solicita que Competencia e a AICA investiguen ás industrias cárnicas por pactar prezos ás ganderías de carne por debaixo dos custos

Félix Porto e Xosé Ramón González na rolda de prensa O luns desta semana Unións Agrarias presentou denuncia ante a AICA española e a galega e ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia polo que consideran “venda a perdas que as industrias galegas están a forzar no sector cárnico de vacún”. “Cun diferencial de máis dun euro entre o que custa producir un quilo de carne e que as explotacións están a percibir por el; e vista a homoxeneidade duns prezos que, ao igual que acontecía no leite, se lles impoñen a produtoras e produtoras de xeito unilateral e sen marxe para a negociación; entendemos que hai indicios máis que de sobra para que as administracións e os organismos competentes inicien actuacións, investiguen a fondo e actúen para poñer couto a unhas prácticas que atentan contra a rendibilidade e o mantemento das explotacións cárnicas de vacún do noso país”, xustifican dende Unións. Os datos feitos públicos pola Xunta de Galicia, correspondentes a un estudo de custos encargado pola administración autonómica á Fundación Juana de Vega, son a base que sustenta a denuncia realizada por Unións Agrarias. “E é que de acordo coas cifras feitas públicas en 2023, tras o forte incremento dos custos de produción que a invasión de Ucraína e a seca trouxeron ao sector produtor, producir un quilo de carne de vacún custaba o ano pasado 7,60€. Porén, o prezo que as explotacións galegas percibiron foi tan só de 6,20€”, explican. Engaden dende Unións Agrarias que “non se trata dunha situación nova, pois xa en 2022 outro estudo realizado polo mesmo organismo tamén a instancias da Xunta cifraba ese custo de produción en 6,20€; un euro por debaixo dos 5,20€ que daquela cobraron as granxas”. Á marxe das sancións que "este comportamento xeralizado e reiterado" podería carrexar para as máis de 100 industrias cárnicas que operan en Galicia, Unións Agrarias pretende que a súa denuncia “sirva de punto de atención para que as cousas comecen a facerse doutro xeito”. Por iso, reclama que todas as industrias englobadas dentro de Asogacarne sexan investigadas e insta ás administracións a habilitar a xa tan demandada figura do mediador. “Non pretendemos que se sancione a ninguén, senón que se constate a realidade que tanto tempo levamos denunciando e que as administracións activen os mecanismos pertinentes para frear este tipo de comportamentos que impiden que as gandeiras e gandeiros cobren prezos xustos polas súas producións", precisan. Dentro da IXP Ternera Gallega comercialízanse anualmente 60.000 becerros dunha media de 200 quilos. Unhas cifras que, segundo os cálculos de Unións, elevan ata os 12 millóns de euros ao ano o diferencial entre os custos de produción que soportan as explotacións e os ingresos que perciben polo seu traballo. Unhas cifras ás que habería que sumar as correspondentes ao 30% da produción que se comercializa á marxe da Indicación Xeográfica Protexida.

Alcampo, Vegonsa e Central Lechera de Lugo reciben sancións da AICA por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) impuxo en xaneiro 34 novas sancións por infraccións ao incumprir a Lei da Cadea Alimentaria que en total suman 136.424,6 euros, principalmente por incumprimento dos prazos de pago e non formalizar por escrito os contratos alimentarios, segundo a publicación correspondente da Axencia de Información e Control Alimentario (AICA). Entre as compañías sancionadas atópase a cadea de distribución Alcampo, que recibiu a multa de maior contía, de 39.600 euros, por «resistencia, obstrución, escusa ou negativa ás actuacións da Administración», segundo se detalla no documento. A segunda maior multa recaeu sobre Central Lechera de Lugo (18.001 euros) polo mesmo motivo. Precisamente, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla así como Unións Agrarias, denunciaron o pasado ano «importantes débedas» da empresa Central Lechera de Lugo (Grupo Santé) cos produtores de leite. Entre as empresas galegas sancionadas pola AICA tamén se atopan Vego Supermercados S.A.U., con 3.001 euros, Avícola Barreiro SL, con outros 3.001 euros, e Vinícola de Chantada, SA (VITASA), cunha sanción de 1.800,60 €. O motivo no caso destas tres empresas é o incumprimento nos prazos de pago. Precisamente, a maioría das sancións (até 22 do total de 34) débense ao incumprimento dos prazos de pago, con multas de 1.800,60 ou 3.001 euros, segundo os casos. Tamén se sancionaron infraccións por «non formalizar por escrito os contratos alimentarios», con multas que variaron entre os 1.800,60 os 3.001 euros. No 2023, a AICA impuxo sancións por preto de 376.000 euros por incumprir a Lei da Cadea Alimentaria.

Xa é obrigatorio para industrias alimentarias e produtores usar o Rexistro de Contratos Alimentarios: Claves para utilizalo

O 20 de decembro de 2022 aprobouse o Real Decreto 1028/2022, polo que se desenvolve o Rexistro de Contratos Alimentarios en España. Trátase dun rexistro dixital no que deben inscribirse obrigatoriamente aqueles contratos alimentarios que subscriban as empresas cos produtores primarios e as agrupacións destes, e as súas modificacións, antes da entrega do produto obxecto do contrato (leite, carne, uva…etc).

Aínda que xa é posible subir documentos a ese rexistro, é desde o pasado venres, do 30 de xuño, cando é obrigatorio que os compradores de materias primas usen este Rexistro de Contratos Alimentarios, coa carga de traballo administrativo que iso vai implicar.

O non cumprimento desta normativa implicará importantes sancións de entre 3.000 e 1.000.000 de euros. “Existe unha gran preocupación e incerteza por parte de moitas empresas produtoras e comercializadoras, especialmente aquelas que moven volumes importantes, xa que, coa nova normativa, cada vez que realicen calquera compra aos seus provedores terán que cumprimentar o contrato ou adenda correspondente, realizar a sinatura dixital e subilo ao Rexistro de Contratos Alimentarios da AICA, o cal podería consumir moito tempo e retardar significativamente o negocio”, conta Daniel Cerqueiro, CEO de Docuten Tech, unha empresa galega que ofrece solucións a industrias agroalimentarias e produtores para cumprir dunha forma sinxela, eficaz e rápida con esta nova obrigación legal.

“Esta tarefa pode reducirse a segundos grazas a Docuten”

Así, Daniel destaca que “esta nova normativa fará que as xestións administrativas limiten o ritmo das operacións destas compañías, que é o realmente importante. Afortunadamente, esta tarefa, que levará aproximadamente uns 15 minutos por cada contrato de compra se se fai de maneira manual, pode reducirse a segundos grazas a Docuten, unha solución completa que desenvolvemos con varios dos nosos clientes no sector alimentario”.

De acordo co representante deste software, con Docuten pódese automatizar o proceso, desde a sinatura dixital dos contratos e adendas até o envío automático desa documentación e modificacións ao rexistro, garantindo o cumprimento da normativa vixente. “A verdade é que estamos a recibir un gran interese por parte do sector”.

A solución: firma dixital + automatización do proceso de subida ao rexistro

O proceso de automatización comeza co contrato entre comprador e provedor. Docuten é unha ferramenta que permite enviar os contratos e asinalos dixitalmente por ambas as partes, comprador e provedor, de forma totalmente legal e segura.

“As empresas do sector deben ter en conta que a propia Lei da Cadea Alimentaria indica unha serie de campos que deben estar incluídos, de forma obrigatoria, nos contratos cos provedores. En caso de facelo de maneira física, en papel, é complexo asegurar que eses campos serán cumprimentados polos provedores antes de ser asinados e rexistrados na AICA. En Docuten, contamos cun sistema de plantillas que favorece que eses campos sempre sexan cubertos correctamente, a través da creación de contratos tipo editables e a validación dos campos obrigatorios”, sostén Daniel Cerqueiro.

“Despois de que os documentos estean asinados dixitalmente, a nosa solución permitirá comunicarse automaticamente co rexistro alimentario, sen necesidade de acceder á páxina web do Rexistro Alimentario e subir os contratos un a un”, engade.

Deste xeito, “o cliente só terá que iniciar o proceso clicando nun botón da aplicación e o noso sistema realizará automaticamente estes 3 procesos”, asegura o representante deste software.

“Ademais, a normativa recolle a obrigatoriedade de conservar, durante 4 anos, non só o contrato, senón tamén a documentación relacionada, incluída a correspondencia. En Docuten, como Prestador Cualificado de Servizos de Confianza, axudamos a cumprir co anteriormente exposto, xa que podemos evidenciar as comunicacións dixitais, os anexos, así como garantir a inalterabilidade do documento asinado e a súa custodia, durante 4 anos, como obriga a lei, nunha plataforma 100% segura e legal”, afirma Daniel.

Seminario o próximo día 12 en Santiago organizado con CLUSAGA

O mércores 12 de xullo, celebrarase no edificio FEUGA, en Santiago de Compostela, un seminario sobre “Como automatizar o Rexistro de Contratos alimentarios na AICA e cumprir coa lexislación vixente”.

Este evento presencial, organizado por Clusaga en colaboración con Grant Thornton e Docuten, quere aclarar as cuestións que máis preocupan ás compañías do sector respecto ao novo rexistro de contratos alimentarios.

Así, no evento informarase sobre as seguintes cuestións:

-En que consiste o novo Rexistro de Contratos Alimentarios: obrigacións e obxectivo.

– Marco legal da nova lei e obrigacións legais que teñen as empresas do sector alimentario en relación co novo rexistro alimentario.

– Solución tecnolóxica que permite dixitalizar e automatizar todo o proceso, cumprindo coas esixencias da nova lei. Desta maneira, ademais das multas correspondentes, redúcense custos e erros.

Podes inscribirte no evento nesta ligazón

Para máis información:

Daniel CerqueiroDocuten Tech S.L.,T: (+34) 655 679 169
daniel.cerqueiro@docuten.com
www.docuten.com

 

A Xunta considera que tería sido “desproporcionado” negarlle axudas a industrias sancionadas pola AICA

A rectificación emitida pola Xunta das bases das axudas para a transformación das industrias agroalimentarias centrou esta mañá boa parte da Comisión de Agricultura no Parlamento galego. Inicialmente dita convocatoria especificaba que non se lle concederían axudas a industrias que foran sancionadas previamente (nun prazo de 2 anos) pola Agencia de Información y Control Alimentario (AICA), obrigando mesmo a devolver as axudas percibidas. Porén, esta cláusula foi anulada en abril, un cambio polo que hoxe se pedían explicacións. A cuestión suscitou o interese dos dous grupos da oposición, de maneira que se tratou nunha pregunta formulada polo grupo socialista e nunha proposición non de lei presentada polo grupo nacionalista, que finalmente foi rexeitada polos votos do Partido Popular. O director xeral de Gandería, José Balseiros, xustificou a eliminación desta cláusula por tratarse dunha “medida absolutamente desproporcionada”. Apuntou ademais, que privar ás industrias deste tipo de axudas por contar con sancións da AICA podería supoñer un grave prexuízo para o desenvolvemento do sector agrogandeiro. “O mero feito de que unha empresa teña 2 faltas leves ou 1 grave por parte da AICA pode deberse a que simplemente falte un contrato ou haxa un erro nel, cando esa industria pode ter miles de contratos. Polo que manter esa medida podería levar a que esa industria non teña a oportunidade de tecnificarse, actualizarse, de adquirir nova maquinaria... por ese motivo", xustificou. Balseiros tamén indicou que estas sancións da AICA pillan ó sector aínda adaptándose ás esixencias marcadas na Lei de Cadea Alimentaria e insistiu no grave prexuízo que pode supor que as industrias perdan estas axudas para a súa modernización. As explicacións non convenceron ós dous grupos da oposición, que insistiron na importancia de que estas axudas se destinen a empresas que cumpran coas esixencias e garanten un pago xusto ós produtores. Ademais incidiron en que as sancións da AICA deben ser mesmo máis elevadas para conseguir un efecto disuasorio real destas prácticas. Ó longo dun debate acalorado, houbo de novo alusións directas á industria Inleit, que foi unha das sancionadas recentemente pola AICA e que leva recibido máis de 7 millóns de euros neste tipo de axudas nos últimos anos.

Unións Agrarias recorrerá ante a xustiza o intento das industrias lácteas de eliminar a prohibición da venda a perdas

O sindicato Unións Agrarias (UUAA) persoarase o mércores 31 de maio no Tribunal Supremo para presentar unha pericial coa intención de frear o intento da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL) de eliminar a prohibición da venda a perdas do leite introducida na Lei de Cadea Alimentaria. UUAA únese así coa avogacía do Estado para facer fronte á intención da FENIL de impoñer “condicións abusivas e ignorando a rendabilidade e os dereitos do sector produtor”. Desta maneira, Unións Agrarias condena publicamente un contencioso administrativo co que o colectivo que agrupa ás industrias lácteas en España mostra para o sindicato a intención da industria de seguir acumulando beneficios sen ter en conta a realidade nen a rendabilidade das explotacións, obrigando a moitas delas ao peche.

Baixada de prezos

O secretario xeral de UUAA, Roberto García, advirte que as granxas lácteas "estalarán" se se produce unha baixada "unilateral" de prezos en contratos que entrarán en vigor a partir do 1 de agosto. Isto vén logo dunha rebaixa nos prezos do leite no mes de abril e que en Galicia foi de 10 céntimos de media. Roberto García fixo un chamado á Xunta para que publique os datos da Conta Láctea e así “poidan servir de referencia” antes de iniciar as negociacións co sector industrial lácteo. “Queremos coñecer estes prezos non a posteriori de que os contratos estean asinados”. O obxectivo é que non se repita unha baixa de prezos “unilateral” desde e o sector transformador. Por outra parte, de materializarse os temores manifestados por Roberto García e do responsable de Área Externa de UUAA, Félix Porto, “as explotacións que pechen este 2023 non volverán abrir no futuro”. Félix Porto incidiu en que a industria está xogando cunha dobre moral ao crear un decálogo para a recuperación do rural e pola outra parte reduce os prezos que paga aos produtores de leite. Tal é a preocupación que reclaman á administración articular ferramentas para o control de prezos e obriguen á industria cumprir a lei.

O Goberno pon en marcha o rexistro de contratos alimentarios

Na actualidade os produtores de carne reciben os contratos a posteriori, trala entrega e sacrificio dos animais no matadoiro O Consello de Ministros aprobou este martes, a proposta do Ministerio de Agricultura, un Real Decreto que desenvolve o rexistro de contratos alimentarios de carácter dixital no que se deberán inscribir, con carácter obrigatorio, os contratos que se subscriban cos produtores primarios e as súas agrupacións, en cumprimento da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, aprobada en decembro de 2021. "O Rexistro de Contratos Alimentarios incrementa a protección dos produtores primarios e as súas agrupacións, xa que facilitará as funcións de inspección e control da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e das autoridades de execución das comunidades autónomas, encargadas de velar polo cumprimento das obrigas en materia da cadea alimentaria no ámbito das súas competencias", asegura o Ministerio.
Este rexistro facilitará as funcións de inspección e control das relacións comerciais por parte da AICA
Neste marco, o real decreto aclara quen son os suxeitos obrigados á inscrición dos contratos alimentarios que, segundo a lei da cadea, corresponde aos compradores que formalicen os contratos cos produtores primarios e as súas agrupacións. Tamén precisa o procedemento de inscrición, que será de forma intuitiva e sinxela, e que debe realizarse antes da entrega dos produtos obxecto do contrato, así como cando se produzan modificacións do contrato pactadas po las dúas partes.
Os compradores serán os encargados de inscribir o contrato no rexistro antes da data de entrega dos produtos
Así mesmo, a norma aclara que os obrigados a inscribir o contrato serán os primeiros compradores cando adquiran leite cru aos gandeiros. Para aqueles contratos alimentarios formalizados como contratos de integración, como no caso de producións de engorde do sector avícola, será o integrador o obrigado a inscribilo no rexistro electrónico. Período transitorio de 5 meses O rexistro dependerá orgánicamente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e estará adscrito á Axencia de Información e Control Alimentarios. O acceso realizarase a través da páxina web da AICA. Con todo, e coa finalidade de garantir a operatividade da aplicación electrónica do rexistro e asegurar que os operadores teñan marxe para dispoñer dos recursos necesarios, a norma aclara que se poderá realizar a inscrición dos contratos alimentarios desde o próximo 31 de xaneiro de 2023, aínda que non terá carácter obrigatorio ata o 30 de xuño de 2023.

Piden un incremento “urxente” de 5 céntimos en quilo no prezo que cobran os produtores de polo para evitar o peche das granxas

Concentración este venres de produtores e membros de UUAA ás portas do supermercado Family Cash en Lugo O sindicato Unións Agrarias denunciou este venres diante do novo supermercado Family Cash en Lugo, ubicado no centro comercial Abella, “prácticas ilegais” das cadeas de distribución e as empresas integradoras de carne de polo mentres os produtores reciben en orixe prezos que non lles permiten facer fronte á suba de custos e aos préstamos solicitados para construír as granxas. “Os titulares son persoas moi novas, que se meteron en grandes investimentos para ter unha granxa que cumpra cos condicionantes que esixe a lexislación vixente. Polo tanto, esta crise de rendibilidade colle ás explotacións en pleno proceso de amortización das instalacións”, explicou Roberto García, secretario xeral de UUAA.
Esta crise de rendibilidade afecta a explotacións montadas hai pouco e, polo tanto, en pleno proceso de amortización das instalacións
Nos últimos anos proliferou en Galicia a instalación de granxas avícolas por parte de persoas mozas que montaron as explotacións ben como actividade principal, ben como complemento a ganderías de leite ou de carne. Pero o feito de non ter as granxas pagadas fai que as perdas que están a sufrir neste momento non só afecten aos seus ingresos como medio de vida, senón que pon en risco mesmo o pago das letras e a amortización dos préstamos. Prácticas ilegais Produtores e representantes de UUAA concentráronse este venres diante da cadea Family Cash en Lugo, “unha cadea que acaba de abrir pero que vén con todas as malas mañas que xa lle vimos na zona do Levante, de onde procede”, dixeron. O polo de entorno a 3 quilos de peso está vendéndose a un prezo de 3,29€ na maioría de supermercados, mentres o novo supermercado Family Cash abriu esta semana en Lugo cunha “oferta agresiva” de 2,59€.
UUAA presentou unha denuncia diante da AICA por venda a perdas contra a cadea de supermercados Family Cash, que abriu esta semana en Lugo
Ás portas do novo supermercado os membros de UUAA denunciaron “a utilización de produtos sensibles, como é o leite ou a carne de polo, como produto gancho para gañar clientes”.  “Non é só un problema ético, senón de clara ilegalidade”, afirmou Roberto García. “É unha práctica enganosa, porque non pretenden beneficiar ao consumidor, pretenden atraelo coa desculpa de que o polo é máis barato para despois cobrarlle iso con creces no resto de produtos da cesta da compra”, denunciou.
O consumidor paga agora un 35% máis por un polo mentres o granxeiro segue cobrando o mesmo que cobraba antes de que lle subira a luz e o gas
“Cando un consumidor merca un polo de tres quilos no supermercado e paga por el 3,29€, o granxeiro está recibindo entre 40 e 45 céntimos, é dicir, uns 15 céntimos por quilo, o mesmo que recibía antes de que se produciran todas as subas da enerxía”, explicou Roberto García. “Todos os incrementos de prezo que houbo no polo, que foron do 35%, quedáronse na cadea de distribución ou na empresa integradora, pero non chegaron aos produtores”, denunciou o secretario xeral de UUAA, que explicou que pasar de cobrar 15 céntimos por quilo a 20 en orixe serviría unicamente para repercutir o incremento dos custos de produción dos últimos dous anos, tal como esixe a Lei da Cadea Alimentaria.

“Os produtores cobramos 40 céntimos por polo mentres o consumidor está pagando 3,29€”

José Luis Camiñas, avicultor cunha granxa de polos desde hai 4 anos, contou en primeira persoa cal é a situación do sector. “A nós os custos de produción subíronnos moito, desde a factura da luz, que se duplicou, a do gas, que pasa o mesmo, ou a da cama. Todo subiu menos o prezo do polo en orixe, xa que as liquidacións das integradoras aos granxeiros mesmo baixaron”, denunciou.
Se isto segue así non vai haber polo porque imos ter que deixar de producir
A situación pon en risco a viabilidade do sector e a continuidade das explotacións. “Os investimentos deste tipo de granxas son enormes para poder cumprir coas normas de benestar que esixe a lexislación vixente”, explicou.
Temos as mans atadas, porque non temos capacidade de repercutir os incrementos de custos
A produción avícola ten características que a diferenzan doutros sectores gandeiros, xa que no sistema de integración o gandeiro pon as instalacións e a man de obra e a empresa que lle merca a produción pon os animais e o alimento, polo que os produtores traballan nun réxime de exclusividade que fai que teñan “as mans atadas”, denunciou José Luis.

A AICA impuxo 95 sancións no primeiro semestre por incumprir a Lei de Cadea Alimentaria

A Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) presentou este martes na reunión do seu Consello Asesor o informe correspondente ao primeiro semestre do ano 2022, no que se recolle que realizou un total de 354 inspeccións de oficio para garantir o cumprimento da lei da cadea. Neste período recibiu 9 denuncias por presuntos incumprimentos e impuxo 95 sancións. Cabe destacar que o 45 % destas sancións están motivadas polo incumprimento dos prazos de pago, infracción que se concreta no sector almacenista e no sector da industria. O sector de froitas e hortalizas é no que máis inspeccións se realizaron entre xaneiro e xuño (135), seguido do cárnico (132), o lácteo (61), o mel (23), o viño (2) e o aceite de oliva (1). Desde a súa creación, no ano 2014, a AICA consolidouse como referente nos labores de inspección e control da cadea alimentaria. Como resultado dos subprogramas de control, a axencia inspeccionou no primeiro semestre do ano 697 relacións comerciais, principalmente sobre froitas e hortalizas (283), cárnico (184), lácteo (183), mel (44), viño (2) e aceite de oliva (1). Ademais, levou a cabo 2.264 actuacións encamiñadas a comprobar que se cumpren os requisitos establecidos na lei. En concreto, realizou 822 comprobacións para confirmar a existencia de contratos e revisar o seu contido no sector de froitas e hortalizas (47 %), no sector do polo vivo (43 %), o de leite cru de vaca, ovella e cabra (5 %); e o da carne de vacún (3 %). E efectuou 1.442 sobre prácticas abusivas comerciais. No primeiro semestre do ano 2022, a AICA investigou 9 denuncias por presuntos incumprimentos á Lei da Cadea: froitas e hortalizas (4), lácteo (2), vitivinícola (1), aceite de oliva (1) e oliva de mesa (1). En global, desde a súa entrada en funcionamento no ano 2014, a AICA realizou 6.142 inspeccións, que motivaron a imposición de 3.149 sancións por un montante de máis de 13,6 millóns de euros. A maior parte recae no sector da distribución comercial comerciante polo miúdo, con case 8,7 millóns de euros. Até a data de elaboración deste informe pagouse o 87 % dos importes totais das sancións impostas (11,8 millóns de euros).  

O informe da actividade inspectora e de control da AICA está dispoñible na seguinte ligazón:

https://www.aica.gob.es/data/upload/informe_de_actividad_aica_a_30_de_junio_de_2022.pdf

O Sindicato Labrego denuncia prácticas abusivas por parte de matadoiros e operadores cas ganderías de vacún de carne

O Sindicato Labrego denuncia o incumprimento do Protocolo da Cadea de Subministro para as Explotacións de Vacún de Carne adheridas á IXP Ternera Gallega, asinado o pasado 28 de marzo pola Consellaría do Medio Rural (CMR), matadoiros, distribución e outras organizacións de produtores e agrarias. En concreto, advirten de que “a día de hoxe, os matadoiros e operadores, actores nesta posta en escena da Consellería, cómodos ca deixadez de control e abandono de responsabilidades da Administración pública, non só desbotan absolutamente ter en conta estes custos de produción -estimados en 6,20 euros o kilo por un estudo encargado pola Xunta- e seguen pagando por embaixo dos mesmos, senón que algúns deles afondan inda máis nos seus abusos obrigando ás granxas a asinar contratos para poder sacar os tenreiros que recollen que o prezo que se lles está pagar “incluye los costes efectivos de producción determinados por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación”. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas alertan de que “é alarmante este tipo de prácticas de coacción e entendemos que este documento nin tan sequera se axusta á lei, xa que actualmente dende o Ministerio de Agricultura non existe ningún estudo de custos de produción, nin fixados parámetros para o seu cálculo”. Ante estas situación, instan tanto á Consellería de Medio Rural como ao Ministerio de Agricultura “á apertura urxente dunha inspección que aclare como se están a realizar estes contratos e, de confirmarse que non se axustan á legalidade, que actúen de xeito inmediato a través da imposición de sancións”. Engaden que “na maior parte dos mesmos, ademais, o prezo fixado é moito máis baixo que o marcado na mesa da IXP Terneira Galega, o que fai xa totalmente insostible a situación das granxas de vacún de carne, que a maiores dos problemas xa existentes agora teñen que sumarlle a perda total de autonomía para negociar polo seu produto”. Por último, dende o SLG-CCLL reiteran á Consellaría do Medio Rural que, “se é certo que pretende facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e non é só unha estratexia para distraer a atención mentras continúa deixando esmorecer o sector, cree de xeito inmediato mecanismos reais para o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e sancione coas medidas contempladas na mesma a aqueles axentes que estean a incumplir as normas establecidas, nomeadamente a imposición de venda por embaixo de custos de produción”.

UUAA ameaza con mobilizacións se a Xunta non pon en marcha axudas directas para o sector da carne

Félix Porto e José Ramón González, durante a rolda de prensa este venres na sede de UUAA en Lugo Unións Agrarias, que foi o impulsor do protocolo de entendemento asinado no mes de marzo entre produtores, industria e distribución para a revalorización da carne de vacún amparada pola IXP Ternera Gallega, ameaza con mobilizacións no mes de xullo se tanto a Xunta como algúns matadoiros e cadeas de supermercados seguen sen cumprir o acordo. “Se no que queda de mes de xuño non se poñen en marcha as axudas e os instrumentos anunciados sairiamos no mes de xullo a protestar diante da Consellería”, anunciou este venres en Lugo o responsable de coordinación sectorial e acción sindical de UUAA, Félix Porto. UUAA pide ao actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cumpra co compromiso adquirido no Parlamento polo seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, de igualar a partida orzamentaria destinada polo Ministerio de Agricultura ao sector, “porque os produtores de carne non poden cobrar menos do que cobraron os produtores de leite”, aseguraron. O conselleiro, un sindicalista máis Félix Porto pediu que o pago desas axudas sexa “inmediato”, porque “é neste momento cando os produtores de carne teñen que facer fronte á maior parte dos pagos”. E reclamou que a forma de pago sexa semellante á adoptada polo Ministerio, o ingreso directo en conta, en vez de abrir unha liña de axudas mediante solicitude, “o que faría que se dilatase o proceso e que as axudas non se pagasen até finais de ano ou incluso o ano que vén”.
Os produtores de carne non poden cobrar menos do que cobraron os produtores de leite e as axudas teñen que ser inmediatas, mediante o ingreso en conta
 “Está ben que o conselleiro siga facendo ese papel de cuarto sindicato deste país reivindicando máis axudas ao Ministerio e a Bruxelas, pero aquel que ten as competencias en materia de Agricultura e orzamento propio o lóxico é que poña en marcha axudas e a día de hoxe non sabemos nin a cuantificación da partida que vai aportar a Xunta nin canto van cobrar os produtores de carne para paliar as perdas que levan acumuladas nos últimos meses”, argumentou Félix Porto. Observatorio e Aica galega “Seguimos acumulando perdas nestes últimos meses sen que por parte da Administración galega se tome ningún tipo de medida. O conselleiro anunciou que se ía poñer en marcha o Observatorio pero a día de hoxe segue sen funcionar e debido a iso non temos os datos oficiais que nos teñen que servir como referente. Polo tanto, ese é un instrumento fundamental”, asegurou. Por parte de UUAA pídese a creación dunha comisión de seguimento do acordo onde estean presentes todos os integrantes da cadea e a posta en marcha sen máis dilación da Aica galega, que debe ser “a garante de que se cumpren os compromisos asinados”, defenderon. “Necesitamos que a Administración se poña as pilas e cumpra cos anuncios reiterados, porque ningún deses instrumentos a día de hoxe se puxo en marcha”, lembraron. Suba pendente de 50 céntimos “É certo de despois da sinatura do protocolo de entendemento entre todos os eslabóns da cadea se logrou un pequeno incremento de prezo, pasando de 4,50-4,80€/kg a 5,20-5,50€/kg na actualidade, pero seguimos moi lonxe de que se cumpra a Lei. Neste momento, cos datos que traslada a Consellería, estamos a máis de 50 céntimos de que se empecen a cubrir os custos de produción das granxas”, calculou Félix Porto. A Consellería facía público hai un par de semanas un avance do Obsevatorio de Custos, no que situaba o custo de produción da carne de Ternera Gallega Suprema en 6,15€/kg. “O que estamos a pedir é algo tan sinxelo como que se cumpra a Lei da Cadea, que di que ningún eslabón pode cobrar por debaixo do que lle custa producir”, aclarou. Eroski e Coren Para UUAA, o acordo entre produtores, industria e distribución foi “positivo para o sector” pero aínda que considera que a suba que se produciu desde que se asinou o protocolo “non é desprezable”, non é dabondo.
A suba que se produciu desde que se asinou o acordo non é desprezable, pero os números non saen, porque os custos de produción incrementáronse entre un 10 e un 15%
“O prezo medio de venda ao público subiu entre un 15 e un 20% e temos sospeitas de que hai reticencias a que esa revalorización se traslade aos produtores. Imos estar vixiantes tanto na industria como na distribución a partir da semana que vén para que non se produza ese incumprimento por ningunha das dúas partes”, asegurou Félix Porto, que acusou a algúns matadoiros e supermercados de estar “quedándose con cartos que non son seus”.

"Levamos dous anos e medio perdendo cartos”

Os produtores de carne de vacún levan máis de dous anos sen levantar cabeza e empatando unha crise con outra. Á caída de demanda e consumo como consecuencia do confinamento pola covid-19 sumouse despois a suba dos custos de produción, o que fai que leven “dous anos e medio perdendo cartos”, asegurou José Ramón González, responsable do sector de carne de UUAA. “A situación é moi delicada, non hai outro sector nunha peor situación neste momento”, indicou. “As ganderías de vacún de carne levan dous anos e medio sen cubrir os custos de produción. Agora xa hai unhas cifras oficiais da Xunta de Galicia que nos din que producir un quilo de carne custa 6,15€ e na Mesa de Prezos da última semana a cotización máis alta, que nin sequera é a media, foi de 5,94€”, detallou.
Aos gandeiros producir cústanos máis que o que cobramos polo produto e iso, segundo a lexislación vixente, é ilegal
En Galicia hai 20.000 produtores de carne, dos que uns 8.500 serían explotacións máis profesionais inscritas na IXP Ternera Gallega. “Esta situación estase levando por diante un sector que vertebra as zonas máis delicadas de Galicia, como son as zonas de montaña das provincias de Ourense e de Lugo”, argumentou José Ramón González.
Un tractor que na campaña de recollida da forraxe do ano pasado gastaba nunha hora de traballo  9€ de gasóleo, este ano gasta 22€, e encintar un rolo pasou de custar 5€ a 8€
O responsable de producións extensivas de UUAA cifrou a suba dos pensos en máis dun 50% e do gasóleo nun 110% no último ano e puxo cifras concretas: “Un tractor que na campaña de recollida da forraxe do ano pasado gastaba nunha hora 9€ de gasóleo, este ano gasta 22€, e nunha explotación media de vacún de carne de Galicia a campaña de forraxe son 3 tractores traballando 16 horas, iso supón 1.000€ só de combustible, máis do dobre do ano pasado. A iso hai que engadir as subas do plástico. Encintar un rolo o ano pasado custaba 5€, este ano está perto dos 8€”, detallou. Unha situación parecida para os produtores de polos e coellos A “situación insostible” que está a vivir o vacún carne en Galicia é similar á que sofren outros sectores gandeiros onde tamén se teñen incrementado dun xeito notable os custos de produción. “As producións integradas de polos, pavos e coellos non poden repercutir o incremento do 63% que se ten producido na factura da luz, mentres as empresas integradoras e a distribución si que subiron considerablemente o prezo de venda aos consumidores”, denuncian en UUAA.  

A AICA abre expediente sancionador a Lactalis, Leite Río e Celega polos contratos asinados no ano 2020

A Axencia de Información e Control Alimentario vén de abrir expediente sancionador a tres empresas que recollen leite en Galicia por irregularidades nos seus contratos. En concreto, as industrias sobre as que actuou o organismo público dependente do Ministerio de Agricultura son Lactalis, Leite Río e Celega. Os expedientes parten das denuncias presentadas no ano 2020 pola asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla ao detectar que os contratos de compra do leite aos produtores non cumprían co estipulado na lexislación ao efecto. En concreto, a AICA dá a razón a Agromuralla en canto a que os contratos presentados por Lactalis, Leite Río e Celega "non inclúen os extremos que como mínimo deben conter os contratos alimentarios", en concreto, o precepto 23.1.b) da Ley 12/2013 da Cadea Alimentaria.
Agromuralla pide á Axencia de Información e Control Alimentario que actúe de oficio, sen obrigar aos gandeiros a  denunciar e enfrontarse á empresa que lles recolle o leite
No caso de Celega, a maiores, a infracción ten que ver con "realizar modificacións no prezo incluído no contrato que non estean expresamente pactadas polas partes", segundo se detalla nunha comunicación que acaba de recibir Agromuralla por parte da Axencia encargada de vixiar o cumprimento da legalidade en materia agroalimentaria. Agromuralla seguirá "vixiante" diante dos contratos asinados este ano A través dun comunicado, Agromuralla mostra a súa satisfacción pola actuación do organismo dependente do Ministerio de Agricultura, a quen pide sen embargo "que actúe de oficio vixiando o cumprimento da lei e en defensa dos dereitos dos produtores, sen que teñan que ser os propios gandeiros os que se vexan obrigados a denunciar, tendo que enfrontarse ás empresas que lles recollen o leite".
Nunha situación de custos disparados de produción como o actual é esixible o cumprimento estrito da Lei da Cadea, que establece que o prezo pagado debe cubrir eses custos de produción
Con todo, a asociación de gandeiros e gandeiras xa anuncia que se manterá "vixiante" e levará ante a AICA "todas aquelas situacións que vulneren a normativa e supoñan un motivo claro de indefensión para os produtores". "Non imos tolerar ningún abuso por parte das industrias. Nunha situación de custos disparados de produción como o actual é esixible o cumprimento estrito da Lei da Cadea, que establece que o prezo pagado debe cubrir eses custos de produción", conclúe Agromuralla.

“A suba da Ternera Gallega será inmediata: comezará a vindeira semana e completarase en Semana Santa”

Roberto García, secretario xeral de UUAA, detallando este martes en Lugo o acordo coa industria e a distribución O secretario xeral de UUAA, Roberto García, explicou este martes en Lugo os pormenores do protocolo asinado o venres cos matadoiros e as cadeas de distribución para a revalorización da carne de vacún amparada pola IXP Ternera Gallega e aínda que dixo que agarda unha suba “importante”, asegurou que o paro do transporte e o bloqueo dos matadoiros vai dificultar a súa aplicación inmediata debido á acumulación de becerros nas explotacións.  
Estarían garantidos os custos de produción máis un beneficio dun 10 ou 15% para os gandeiros
“É un acordo histórico. Isto nunca se conseguiu en Galicia e nós temos moitas esperanzas postas nel”, afirman en Unións Agrarias, que detalla que “estarían garantidos os custos de produción máis un beneficio dun 10 ou 15% para os gandeiros como marxe de beneficio que ten que ter calquera empresa”, asegurou Roberto García, que rexeitou sen embargo dar cifras concretas porque “estariamos fixando prezos e cometendo unha ilegalidade”, argumentou. “Aínda que algunhas medidas poidan tardar 15 días ou un mes en poñerse en marcha, con isto estaremos dándolle unha volta ao calcetín ao sector da carne, cun novo modelo de relación”, dixo antes de pedir ás organizacións que decidiron non asinar o acordo, como SLG ou Fruga, “non xerar dúbidas sobre o seu cumprimento nin xogar a reventalo”. Suba escalonada “A revalorización terá que facerse en dúas ou tres etapas, a primeira de xeito inmediato na vindeira semana, porque os custos disparáronse en máis de 80 céntimos en quilo nos últimos 2 meses; unha segunda revalorización en Semana Santa, porque é cando empeza a recuperarse o consumo; e unha última cando se poña en marcha o Observatorio de Custos, dentro dun mes máis ou menos”, especificou.
Unha das premisas nas negociacións era que o que acordaramos fose de aplicación práctica, xa que os custos de produción disparáronse máis de 80 céntimos en kilo nos últimos 2 meses
“Unha das premisas nas negociacións era que o que acordaramos fose de aplicación práctica. Imos ligar o prezo que percibe o gandeiro e o prezo que perciben os matadoiros en base a uns custos oficiais que publicará o Observatorio de Prezos, de creación legal por parte da Consellería, acompañado tamén da creación dunha AICA galega, unha axencia de investigación e control que garanta o cumprimento e que ninguén cobre por debaixo dos prezos de produción que indique o Observatorio”, explicou Roberto García. Observatorio de Custos Segundo explicou UUAA, a Xunta comprometeuse á posta en funcionamento nos vindeiros días dun Observatorio de Custos. “A Lei da Cadea non está funcionando no sector lácteo pola ausencia dunha ferramenta deste tipo, xa que a industria láctea esixe que os custos de produción sexan calculados de xeito individual polas granxas, o que imposibilita na práctica a negociación colectiva dun prezo mínimo para o leite”, comparou Roberto García.  
Someterse ao que dicte o Observatorio de Custos non sempre vai ser unha vantaxe
Pero “someterse ao que dicte o Observatorio de Custos non sempre vai ser unha vantaxe”. recoñeceu. “Neste momento vai supoñer unha revalorización importante e en pouco tempo da carne, pero somos conscientes de que pode oscilar tamén á inversa e baixar o prezo da carne se dentro de seis meses baixan os factores que determinan os custos de produción, como son os pensos, o gasóleo ou a luz”, admitiu.
Imos ter a garantía de que eses custos son obxectivos, verificables e publicados oficialmente e de que non imos cobrar por debaixo deles
Mentras o Observatorio non se pon en marcha, o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega fará un estudo preliminar de custos de produción para que sexa tido en conta xa nos contratos de compra-venda de animais da vindeira semana, “para non estar a expensas do que decidan os matadoiros ou as cadeas de distribución por non ter uns custos de referencia”, insistiu. Implicar aos matadoiros “Aprendemos que tiñamos que implicar aos matadoiros para que os acordos coa distribución revertirán nos gandeiros, e que non pasara o mesmo que pasou co leite, que subiu no supermercado pero esa revalorización non chegou aos produtores”, comparou. “A industria cárnica tamén necesitaba este acordo porque o pescozo de botella que lle tiña que dar viabilidade tanto aos gandeiros como aos matadoiros era a distribución. Se o prezo da carne galega se usa para gañar clientes e non para gañar cartos non hai a marxe suficiente para poder remunerar aos eslabóns da cadea”, afirmou.
O incremento sería de máis dun euro en quilo e comezaría a notarse a partir da vindeira semana
“Isto é totalmente factible e legal, porque non estamos poñendo prezos mínimos, senón establecendo que estarán por enriba dos custos de produción”, asegurou Roberto Garcia, que sen embargo non quixo aclarar de canto sería esa revalorización “porque estariamos pactando prezos e cometendo unha ilegalidade”. “Hoxe o custo de produción de Ternera Gallega está por enriba dos 6 euros e non nos 4,80 que cobra o gandeiro e o prezo para o consumidor debe estar máis cerca dos 15€ que dos 11 nos que se atopa en algunha cadea de distribución”, exemplificou. Sancións de 3.000 a 100.000 euros aos operadores que non o cumpran Outra das ferramentas que a Consellería porá en marcha para garantir o cumprimento do acordo será a creación dunha AICA galega, como organismo encargado de vixiar e sancionar en caso de incumprimento. “O Regulamento xa está feito e xa hai funcionarios da Xunta asignados. Non se trata de facer unha Lei senón de establecer os instrumentos para que incumprila saia caro”, argumentou Roberto García. E detallou que as sancións irían de 3.000 a 100.000 euros, con incrementos no caso de reincidencia e coa posibilidade de prohibir sacrificar ou vender Ternera Gallega a aquel establecemento que incumpra. “Coas sancións establecidas non é rendible o incumprimento xeralizado”, asegurou. O acordo circunscríbese a Ternera Gallega O acordo acadado cos matadoiros e as cadeas de supermercado circunscríbese unicamente á IXP Ternera Gallega como forma de escapar ao ditame vinculante do Tribunal español de Defensa da Competencia. “Non necesitábamos o visto bo do Tribunal da Competencia estatal, xa que estamos regulando un mercado local, posto que a Ternera Gallega só se pode producir e sacrificar en Galicia. Deste xeito é dabondo con que o Tribunal da Defensa da Competencia galego autorizara o acordo”, explicou.
Non podemos estender este acordo ao resto da carne porque o ámbito é estatal e necesitariamos a autorización do Tribunal español de Defensa da Competencia
“Tiñamos esa posibilidade de regular porque temos un mercado pechado en Galicia, pero non podemos facelo co resto da carne porque o ámbito xa é estatal”, explicou Roberto García, que agarda sen embargo que “valorizar o noso Vega Sicilia das carnes sirva tamén para tirar para arriba polo resto de carnes, dado que no resto de España esas carnes xa subiron e nós estamos no furgón de cola”, dixo.
Ternera Gallega é a columna vertebral do sector da carne en Galicia e aglutina aos gandeiros que viven profesionalmente desta actividade
En Galicia hai rexistradas 21.000 explotacións de vacún de carne, das que 8.400 están inscritas na IXP Ternera Gallega, da que forman parte tamén 400 cebadoiros. “Ternera Gallega é a columna vertebral do sector da carne en Galicia e aglutina aos gandeiros que viven profesionalmente desta actividade”, asegurou o secretario xeral de UUAA. O 78% das explotacións sitúanse na provincia de Lugo. Axudas directas ás explotacións A maiores do acordo para a suba de prezos, desde Unións Agrarias reclaman un Plan de emerxencia inmediato para saír ao rescate daquelas explotacións que corran o risco de ter que pechar pola súa situación actual. “Pedimos que se articule unha axuda directa a cada explotación de vacún de carne en compatibilidade cos fondos que poidan vir de Madrid ou de Bruxelas. Está permitida pola UE, que puxo 64,5 millóns de euros e terá que cofinanciala o Ministerio cos 400 millóns de euros que anunciaba este luns Pedro Sánchez e a Xunta terá que poñer outra parte, dado que Alberto Núñez Feijóo anunciou tamén unha partida de 20 millóns de euros para cofinanciar os cartos que veñan de Madrid”, indicou Roberto García.
Apagar os lumes sae moito máis caro que pagar aos gandeiros por manter o territorio. En moitos lugares se non houbese vacas de carne só habería xabaríns e incendios
“Cremos que o sector que está neste momento en máis risco é o do vacún de carne e pensamos que debera ter unha prioridade á hora de asignar axudas directas por explotación esperando que a recuperación de prezos poida empezar xa a funcionar en 15 ou 20 días”, dixo. UUAA pide tamén o anticipo da PAC ao mes de xuño para dar liquidez ás explotacións.

18 entidades secundan o acordo

Trala foto da sinatura do acordo do pasado venres, na que só estivo Unións Agrarias e á que non foron convidados o resto de sindicatos nin asociacións de gandeiros, a Xunta chamou ás demais entidades para recabar o seu apoio ao protocolo urdido por UUAA. SLG e Fruga rexeitaron sumarse debido á falta de concreción do documento e outras entidades afearon as formas, aínda que finalmente optaron por asinar. Fixérono, entre outras, a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que protagonizou protestas ás portas dos matadoiros durante o paro dos transportes, Agrigga, Acruga, Proterga ou a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada.
Todos os matadoiros que sacrifican carne da IXP Ternera Gallega asinaron a proposta
O acordo foi secundado tamén pola totalidade dos matadoiros que procesan canais de Ternera Gallega, así como pola maioría das cadeas de supermercados. Unicamente faltarían por asinar, segundo explicou UUAA, Carrefour e El Corte Inglés. Varios meses de negociación silenciosa á marxe da Xunta Roberto García esforzouse este martes por xustificar o modo de actuar do sindicato, excluínte co resto de organizacións representativas do sector. “Non foi por egoísmo. Fixemos un traballo importante pero non o queremos en exclusiva”, asegurou.
No mes de xaneiro paralizamos a campaña de mobilizacións pese á situación que había no sector para facer posible a negociación
“Para que isto funcionara non o podíamos facer público nin colectivo. O acordo é produto dun traballo en silencio de varios meses, froito de máis de 28 reunións levadas a cabo de maneira individual nos meses de febreiro e marzo con todas as cadeas de distribución e todos os matadoiros que comercializan Ternera Gallega, negociando cadea a cadea e matadoiro a matadoiro, e, unha vez que o acordo estaba embridado, coa propia Xunta, para que fixera de ferramenta financieira e articulara os protocolos legais que facían falta para levar a cabo o acordo”, confirmou Roberto García. Campaña para diferenciar Suprema de Ternera Gallega Unha das bases do compromiso que obtivo UUAA da industria e da distribución, e que contou posteriormente co aval da Consellería do Medio Rural, pasa por establecer unha “diferenciación clara” da carne de Suprema do que é a Ternera Gallega convencional, tanto desde o punto de vista da cotización para o gandeiro como tamén desde o punto de vista do consumidor.
O 60% da carne de Ternera Gallega véndese en Galicia e o resto en nichos de mercado de fóra da comunidade que temos sen aproveitar
“Era imprescindible unha campaña potente de comunicación nos medios galegos e estatais dos dous modelos de produción”, defendeu Roberto García, que explicou que esa campaña, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, “este ano pagaráa a Xunta e o Consello Regulador, co compromiso de mantela catro anos máis por parte do resto da cadea de valor, cun sistema similar ao do leite, é dicir, financiada por produtores e industrias”, explicou. Creación de Organizacións de Produtores O acordo acadado busca pasar da negociación individual de prezos actual ao establecemento de cotizacións de referencia marcadas con carácter xeral para os distintos tipos de carne e aceptadas como vinculantes polo conxunto da cadea. Pero para UUAA a mellora da rendibilidade do sector pasa tamén por medidas a nivel de granxa, que pasarían por incrementar volume de produción e por axustar a oferta aos momentos do ano de máis demanda a través da organización de partos, e outras de carácter colectivo, como unha maior profesionalización do sector a través da agregación da oferta e a venda en conxunto. “O acordo non substitúe a negociación, e agora os gandeiros de carne poden constituír tamén Organizacións de Produtores; antes só se podía negociar colectivamente o leite, pero agora tamén é posible no sector da carne”, explicou Roberto García. Os efectos da folga do transporte e o bloqueo aos matadoiros Aínda sen citar á asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que protagonizou as protestas ás portas dos principais matadoiros durante o paro do transporte, o secretario xeral de UUAA non perdeu a ocasión de criticar esta decisión. “Ten difícil explicación cando alguén se pega tiros no pé”, dixo. “Algúns gandeiros de boa fe acabaron colaborando cos piquetes aínda que iso dificultaba a saída da carne nunha época ademais na que menos demanda e máis oferta hai de Suprema. A acumulación de animais vai dificultar a posta en marcha do acordo de xeito inmediato”, advertiu. “Imos ter un problema de prezos a semana que vén pola acumulación de becerros”, indicou.
Hai 2.000 becerros atrasados por non ter sacrificado animais nas últimas dúas semanas e esa acumulación vai dificultar a posta en marcha do acordo de xeito inmediato
“Non ten sentido que bloqueemos os matadorios cando máis Ternera Gallega sobra. Se xa había un desfase entre oferta e demanda de entre 3.000 e 4.000 becerros, agora hai 2.000 becerros máis, porque se estivo substituíndo Ternera Gallega por carne doutros lugares, mesmo sacrificando en Galicia becerros de Salamanca”, recoñeceu.   Acusou aos gandeiros que se sumaron ás protestas de “poñer letra á música dos camioneiros” e pediu “buscar fórmulas máis intelixentes para solidarizarnos co transporte”. “O peche de matadoiros produciu uns danos enormes nas granxas integradas de porcos e pitos”, asegurou.  

As 5 propostas da Xunta para paliar “situación crítica” do sector gandeiro

Galicia demanda a implicación do Estado para "actuar de xeito extraordinario, urxente e resolutivo co fin de frear canto antes a situación de venda a perdas xeneralizada que está poñendo en risco o sector primario español". Así o trasladou hoxe en Madrid o conselleiro do Medio Rural, José González, antes de participar, esta tarde, na xuntanza do Consejo Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e á Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural. Esta reunión foi convocada, precisamente, a instancias do propio conselleiro -en conxunto con outros responsables autonómicos-, para abordar á maior brevidade a delicada situación dos sectores primarios en Galicia e no conxunto de España. José González sinalou que acode a esta Conferencia para “traballar en común e de xeito construtivo coas diferentes administracións”, pero matizou que hai cuestións que teñen que ser decididas polo Goberno central e na Unión Europea, e a interlocución coas instancias comunitarias correspóndelle ao Estado. En todo caso, insistiu en ofrecer a colaboración e o apoio de Galicia, porque -advertiu- “pensamos que hai que trasladar unha imaxe de unidade”. Neste contexto, González referiuse a cinco bloques de medidas que propón Galicia e que “están tamén consensuadas e faladas coas restantes comunidades da Cornixa cantábrica”. Trátase de dotar de liquidez ás explotacións, de evitar o desabastecemento de cereal, de conseguir a suba dos prezos pagados en orixe aos gandeiros, de ampliar as superficies destinadas á plantación de cereais e de mellorar a situación dos agricultores e gandeiros en materia fiscal. Entre as reclamacións expostas hoxe polo conselleiro salientan as destinadas a dotar de liquidez ao sector gandeiro. Así, José González demandou a creación dunha liña específica de liquidez co aval da Saeca (Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria) e coa subvención dos custos do aval. Esta liña, segundo explicou González, deberá cubrir o incremento dos custos de produción, territorializarse en función da localización das explotacións gandeiras e con condicións simplificadas de concesión para permitir o seu acceso á totalidade das explotacións que o requiran. Nesta mesma liña, tamén se solicita a moratoria dun ano nas amortizacións de capital dos préstamos vivos a longo prazo concedidos ás explotacións gandeiras, así como a habilitación de axudas para o anticipo inmediato da PAC por parte das entidades financeiras, unhas achegas que se adoitan cobrar en outono. Outra medida sería a revisión do marco europeo das axudas de mínimis, para poder actuar de maneira puntual con axudas directas, de forma excepcional, sen a aplicación dos límites actualmente establecidos para o sector agrícola.

Importación de cereal

Por outra banda, para evitar o desabastecemento e o encarecemento do cereal, solicítase ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) que continúe na liña de facilitar a importación de cereais procedentes de países que actualmente contan con limitacións, xa sexan nacionais ou comunitarias. En relación con este asunto, o conselleiro saudou que o MAPA publicase este mesmo luns unha resolución pola que se flexibilizan temporalmente os requisitos específicos para a importación de millo de Arxentina e Brasil. Outro paquete de medidas vai orientado a conseguir a suba dos prezos pagados en orixe aos gandeiros. Así, esíxese o cumprimento da obriga legal de evitar a destrución do valor na cadea alimentaria, de maneira que cada operador deba pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción. Neste sentido, solicítase que o Ministerio promova un gran acordo ou memorando de entendemento entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional que faga que distribución e industria habiliten os mecanismos necesarios para incrementar o prezo actual dos contratos de venda dos produtos gandeiros. Todo isto, cunha prima de emerxencia temporal que garanta a viabilidade e sustentabilidade económica do sector, cumprindo a obriga legal de evitar a destrución do valor na cadea alimentaria. Tamén se demandan mecanismos específicos de control que garantan o cumprimento da prohibición de venda a perdas, especialmente nas relacións nas que interveñan os produtores primarios, e que o MAPA contribúa de xeito financeiro e técnico para que as comunidades autónomas poidan desempeñar adecuadamente as competencias de control que lles foron transferidas na modificación da Lei da cadea alimentaria. Pídese, así mesmo, a admisión na normativa da cadea alimentaria dos informes de custos de produción emanados de observatorios ou organismos similares das comunidades autónomas como medio de proba válido para a acreditación dos custos de produción. E o mesmo co que se determine por medio de aplicacións ou plataformas informáticas especificamente deseñadas ao efecto por organismos públicos estatais ou autonómicos, como ocorre no caso galego coa Conta Láctea. Outro grupo de medidas enfócanse á necesidade de flexibilizar a PAC para ampliar as superficies destinadas ao cultivo de cereais, de oleaxinosas e para a alimentación do gando. Son accións como a diversificación de cultivos, no sentido de flexibilizar as esixencias da UE sobre a sementeira de tres cultivos (rotación) para aqueles agricultores que teñan máis de 30 hectáreas de terreo, ou dous para os que declaren entre 10 e 30 hectáreas. Tamén, proponse non aplicar nesta campaña da PAC a obriga, para as explotacións de máis de 15 hectáreas, de dedicar o 5% desa extensión a superficies de interese ecolóxico. Por último, en materia fiscal reclámase a inmediata creación dun grupo de alto nivel entre o Ministerio e as autonomías encargado de elaborar unha batería de propostas que melloren a situación dos agricultores e gandeiros neste ámbito.

Folga de transportes

Sobre a folga de transportes, o conselleiro reiterou o respecto da Xunta ás reivindicacións deste sector, pero ao tempo apelou á “responsabilidade de todos” para que se cumpran os servizos mínimos, que no caso do sector primario pasan por subministrar materia prima para a alimentación dos animais, polo que se trata do seu sustento e do seu benestar. Nesta mesma liña, González reclamou que se garanta o abastecemento das explotacións e das fábricas de pensos, porque -explicou-, segundo lle trasladou a asociación que as agrupa e as cooperativas, esta mañá “houbo algunha dificultade” neste sentido.

O Ministerio de Agricultura organiza unha xornada informativa online sobre a lei da cadea alimentaria

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación organiza o vindeiro mércores 23 de febreiro unha xornada virtual informativa sobre a Lei da Cadea. A xornada realizarase en streaming coa finalidade chegar a un número maior de persoas e operadores da cadea alimentaria, asociacións e administracións, interesadas en coñecer o marco regulatorio desta lei. A modificación da Lei 12/2013, de 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, que entrou en vigor o pasado 16 de decembro, incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 633/2019 da Unión Europea relativa ás prácticas comerciais desleais na cadea alimentaria. A nova lei recolle ademais unha reforma ambiciosa que se traduce en importantes melloras para o funcionamento das relacións comerciais na cadea. A xornada inauguraraa o secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Fernando Miranda, e contará coa participación do subdirector xeral de Competitividade da Cadea Alimentaria, Clemente Mata e da directora da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), Gema Hernández, quen explicarán os principais aspectos da lei como a obriga da contratación, as prácticas comerciais desleais reguladas, o papel do Observatorio da Cadea Alimentaria, así como a función inspectora das autoridades de execución e da AICA, entre outros.

A xornada poderá seguirse na seguinte ligazón: https://youtu.be/jNgFgghYNG4