Archives

A estabilidade no tempo dá comezo á campaña de ensilado de herba en toda Galicia

As máquinas comezan a rumbar estes días por toda Galicia. A chegada do bo tempo, logo da inestabilidade vivida nas últimas semanas, está a lanzar ás explotacións agrogandeiras, ás empresas de servizos e aos parques de maquinaria das cooperativas de cheo á campaña de ensilado de herba. Cun par de semanas de atraso con respecto a outros anos nalgunhas zonas, o corte da herba dará paso á preparación das terras para labrar o millo, que de momento iría no seu tempo. A previsión meteorolóxica fala de estabilidade para a vindeira semana, o que axudaría a axilizar os traballos e non acumular máis demoras. A estratexia de sementar antes e con ciclos máis longos estase a estender como unha forma de tentar minimizar os efectos da seca no verán, mesmo en zonas de costa, como aconteceu o ano pasado na Mariña de Lugo, con mermas importantes na colleita de millo forraxeiro.
Cada vez máis explotacións apostan por facer un único corte de herba con leguminosas e adiantar a sementeira do millo
Cada vez máis as explotacións leiteiras que sementan millo están a apostar por facer un único corte de herba no mes de abril. Por un lado porque reduce o risco que supón ter que ensilar un primeiro corte en febreiro ou marzo en anos nos que a climatoloxía non axuda, coma este, e tamén porque deste xeito se reducen á metade os custos de ensilado. A introdución de leguminosas nas mesturas, unha práctica fomentada desde Bruxelas a través da PAC, leva tamén en moitos casos a facer un só corte, xa que vezas, chícharos ou trevos non medran en condicións de humidade e baixas temperaturas e necesitan, polo tanto, a chegada do bo tempo para desenvolverse. As mesturas gañan peso fronte ás pradeiras monofitas Debido ao seu aporte en proteína na ración e aos seus beneficios agronómicos, as especies mellorantes estanse a abrir camiño nos últimos anos, ben en mesturas con gramíneas ou cereais de inverno para ensilado, ben como abono en verde para fixar nitróxeno atmosférico e aportar materia orgánica ao chan.
As especies mellorantes estanse a abrir camiño impulsadas pola PAC
O monocultivo de raigrás, habitual nas pradeiras galegas anos atrás, está deixando paso a unha variedade maior de especies, tanto a trevos e outras leguminosas (chícharos, vezas) como a brassicas como os nabos. A entrada en vigor o ano pasado na PAC das esixencias de rotación de cultivos e as primas por introdución de especies mellorantes motivou cambios nas decisións de sementeira e nos cultivos escollidos para a rotación anual, o que provocou que houbera escaseza de semente e que esta se encarecera.

"A tendencia cada vez máis é ir a un só corte e nós apostamos por mesturas de cereal con leguminosa"

O parque de maquinaria de Irmandiños comezou xa a semana pasada a campaña de ensilado O peso do silo de herba na ración varía dunhas ganderías a outras, en función das distintas estratexias nutricionais seguidas e tamén da maior ou menor dispoñibilidade doutros ingredientes. Por iso, na zona da Mariña a campaña de ensilado da herba terá máis importancia este ano, debido á escasa colleita de millo lograda no pasado outono, o que obrigou mesmo a importar doutras zonas para cubrir as necesidades das explotacións e do CAVI de Irmandiños, o centro de mestura húmida que CLUN ten no municipio de Barreiros. A cooperativa leva anos apostando por sementar en inverno mesturas de cereal con leguminosa nas terras que xestiona directamente e que traballa co seu parque de maquinaria. "Este ano aumentamos un pouco e botamos unhas 220 hectáreas, todo con estas mesturas nas que predominan as leguminosas, cun 51% de semente de chícharo e veza e despois avea ou triticale", explica José Ramón Loza, responsable de maquinaria e cultivos na zona.  A abundancia de choivas até agora ralentizou o crecemento das leguminosas, polo que houbo que agardar para que este tipo de pradeiras puidesen chegar ás máximas producións e calidades, sobre todo en canto a nivel de proteína no silo. "A produción sitúase de media entre 15 e 16 toneladas de materia verde por hectárea e en canto a proteína, pasamos normalmente do 16%, movéndonos entre o 16 e o 18%", detalla José Ramón. 
Moitas explotacións da comarca necesitan unha boa colleita de herba para suplir a escaseza de silo de millo
Aínda que para o CAVI nas fincas de xestión directa só botaron cereal con leguminosa, o parque de maquinaria de Irmandiños tamén labrou en outono pradeiras de raigrás en parcelas de socios da cooperativa, en ocasións mesturado con veza e trevo para cumprir cos condicionantes da PAC.  "Hai xente que fai dous cortes porque necesita máis forraxe, aínda que a tendencia cada vez máis é ir a un corte só, tamén no raigrás con trevo ou veza, para non retrasar a sementeira do millo. Nunha pradeira en raigrás podes estar en 10-11 toneladas por corte, polo que con dous cortes lograrías 20-22 toneladas e máis ou menos a mesma proteína que no cereal con leguminosa. O que gañas é máis quilos e outra diferenza con respecto ás nosas mesturas é que o raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos", indica o responsable de maquinaria e cultivos de Irmandiños. 
O raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos que o cereal
Máis cara ao interior, na zona da Terra Chá, o raigrás segue a ser maioritario pero o encharcamento que viven aínda moitas fincas en concellos como Cospeito non permiten polo momento entrar coa maquinaria para segalo e ensilalo. O mesmo acontece en moitas parcelas da Pastoriza e tamén nalgunhas das principais zonas leiteiras da provincia da Coruña, pero a previsión meteorolóxica para os vindeiros días fala de altas temperaturas e algo de vento, o que axudará a enxugar o terreo. Irmandiños comezou a ensilar a semana pasada (entre o xoves e o venres segaron e picaron 100 ha) e esta semana teñen tres máquinas traballando. "Xa metemos 80 hectáreas para o CAVI e o groso prevemos ensilalo a semana que vén", explican. Despois comezaría xa a preparación das terras para labrar o millo. Prevén botar en total nesta campaña entre 1.200 e 1.300 hectáreas, contando as 350 que labran para o CAVI e as que sementan para os socios, o que supón un lixeiro aumento con respecto á campaña pasada.  José Ramón insiste na necesidade de adiantar todo o que se poida a sementeira debido ao cambio nas condicións climatolóxicas, mesmo en zonas como A Mariña nas que as precipitacións non eran até o de agora un factor tan limitante. "O ano pasado foi terrible, o que se labrou cedo aínda se foi librando, pero no que se botou despois a colleita foi moi escasa", lembra. 

“Hai que deixar secar un pouco as fincas antes de meterse, senón levas moita terra para o silo”

Ganxabar comezou a segar o segundo corte nas pradeiras permanentes este venres Jesús Otero, técnico de Ganxabar, a cooperativa de gandeiros das comarcas de Xallas e A Barcala, que contan con planta de alimentación en conxunto para o gando en Mazaricos, recomenda empezar o ensilado polas fincas máis enxoitas para permitir que as máis molladas vaian secando logo das chuvias das últimas semanas e permitan entrar coa maquinaria. “Nós empezamos este venres á tarde cortando as fincas máis secas e que están a pradeira permanente e despois continuaremos polas que están a rotación con millo, que hai que deixar secar un pouco antes de meterse porque senón levas moita terra para o silo e iso complica o ensilado”, recoñece. Ademais, o paso da maquinaria cando o chan mantén aínda moita humidade acaba facendo moitas rodeiras, algo que é contraproducente desde o punto de vista agronómico. “As que están a pradeira permanente non interesa estropealas e nas que van ir a millo esa compactación do chan tampouco convén”, afirma.
Ganxabar ensila sempre a herba tras dous días de presecado
O corte actual, que é o segundo, “vai no seu momento”, afirman, polo que “se se fai un bo presecado a calidade do silo vai ser boa”. Acostuman ter a herba tirada 2 días, o mesmo que farán desta volta. “Cortamos o venres e empezaremos a meter o domingo”, explican.   Se a climatoloxía axuda, na pradeira permanente farán aínda dous cortes máis, un a mediados de maio e outro a finais de xuño. Fixeron xa un primeiro corte de limpeza que ensilaron en febreiro, e despois aproveitaron uns cantos días que viñeron de bo tempo para abonar, fai agora xusto 40 días.   “O corte que imos facer agora está abonado de fai 40 días, como despois veu frio non houbo temperatura para que a herba disparara, polo que nin está pasada nin se deitou coa auga dos últimos días”, aseguran.
A herba vai no seu tempo; a calidade do silo vai ser boa
Nas instalacións do centro de forraxes, Granxabar ensilará este ano unhas 600 hectáreas de herba, sumando a pradeira permanente e as mesturas de raigrás con leguminosas (tanto trevos como veza), que empezarán a segar a partir do día 15. A maiores, os socios de Ganxabar sementaron outras 100 hectáreas de cultivos mellorantes para abonado en verde, que a partir da próxima semana empezarán tamén xa a triturar para despois incorporar á terra, coa idea de empezar xa a labrar o millo nas vindeiras semanas. “As fincas que se poida vanse botar xa este mes a millo. Zonas como Landeira levarán un ciclo 600 e despois a maioría irán con ciclos entre 450 e 500”, explica Jesús.

“A herba está bastante retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura”

Pradeira para ensilar na zona de Chantada O parque de maquinaria da cooperativa Aira, un dos máis importantes de Galicia, ensila na comarca de Chantada tres veces máis herba que millo. Jorge Meiriño é técnico da cooperativa na zona e explica que a campaña vai este ano cuns 15 días de retraso con respecto ás datas habituais. “Estamos aínda empezando a ensilar cando outros anos xa levabamos un par de semanas cortando. Por agora non vai adiantada a herba, está retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura nas últimas semanas”, di.
Non se deron feito nin sequera os primeiros cortes de principios de marzo, non o permitiu a climatoloxía
Ao non estar aínda a forraxe para segar, as precipitacións caídas en marzo non lle fixeron mal nin van prexudicar a calidade dos ensilados. “A herba que ten moita folla calquera auga a deita pero despois recupérase rápido. O problema dáse só cando está encañada, antes de espigar, que se a tira xa non se levanta”, aclara Jorge.
Este ano empregáronse máis trevos anuais para cumprir coa PAC
No sur de Lugo o máis habitual é facer un só corte de ensilado. “Aquí a practica de dous cortes de herba e despois millo apenas se fai, as xeadas afectan ao crecemento da forraxe no inverno e despois xa non dá tempo a facer dous cortes, porque se agardas polo segundo sementarías o millo moi tarde e nesta zona non convén porque despois aféctalle a seca no verán. Aquí case todo o mundo vai xa a un corte só, agás a xente que non sementa millo, que adianta o primeiro corte e fai dous”, explica o técnico de Aira. A cooperativa fixo este ano tres mesturas diferentes para os seus socios para cumprir coa PAC no 10% das parcelas nas que era necesario sementar especies mellorantes. Unha das opcións consistía en veza (70%) e avea (30%); outra era unha fórmula cun 45% de raigrás e un 55% de trevo encarnado e veza; e a terceira levaba 20 kg/ha de trevo violeta e 15 kg/ha de raigrás italiano.

Claves para lograr un bo silo de leguminosas

Pradeira na provincia da Coruña, con dominancia das leguminosas As leguminosas como os trevos, vezas ou alfalfa apenas necesitan de abono nitroxenado xa que elas mesmas obtéñeno do nitróxeno atmosférico. Como o fan? pois a partir dunha simbiose con bacterias formando os rizobios. Estes nódulos son capaces de fixar o nitróxeno para que o aproveite a planta para sintetizar proteína. Así redúcese o uso de abonos nitroxenados que poden actuar como contaminantes atmosféricos e das augas. Esta é a razón pola que a Política Agraria Común (PAC) subvenciona os cultivos de leguminosas. Poden ser puros como a alfalfa ou en combinación con cereais como a veza e avea ou ben gramíneas herbáceas como o raigrases e trevo. Estas últimas mesturas, ás veces tamén coa adición de veza, foron as máis sementadas en Galicia nesta última campaña. Suman moitas hectáreas que renden un ou dous cortes até maio cando se aran as pradarías para sementar o millo. Rizobio en trevo Polo menos na provincia da Coruña puiden observar, ao contrario do habitual, que as leguminosas fixéronse as donas do cultivo. Os raigrases escasean e vese moitísimo trevo. Por que? Desde o outono choveu case sen parar, tampouco fixo demasiado frio e apenas houbo xeadas invernais que sanean de pragas as terras de cultivo. A típula spp e o verme soldado Mythimna unipuncta multiplicáronse moito e devoraron preferentemente as gramíneas. O resultado é que aproveitándose da debilidade das gramíneas, os trevos ocuparon toda a superficie de cultivo. Ás malas condicións meteorolóxicas que adoitan ocorrer durante o primeiro corte, este ano engadirase o problema do mal que ensilan as leguminosas. Por que ensilan tan mal?: Xúntanse dúas razóns: 1 As leguminosas teñen poucos azucres, necesarios para a formación do ácido láctico, imprescindible para a acidificación do silo. Gústame dicir que un silo é como un yogurt de herba pois ambos se conservan grazas a que os azucres se transforman en láctico 2 A riqueza de proteína que fai tan interesante esta familia de pratenses, actúa de alcalinizante dificultando aínda máis a acidificación e por tanto a conservación. As leguminosas teñen outros bufferes naturais: as saponinas e pectinas, beneficiosas como alimento evitando a acidificación do rume, acción non desexable no silo.

Que se recomenda para o seu ensilado para reducir os riscos dunha fermentación butírica (Clostridios) ?

1 Extremar todas as accións para evitar a presenza de contaminantes: terra e xurros: cortar a máis de 7 cm, evitar excesos de estendidos e hilerados, zonas con toupeiras, controlar o tempo entre a aplicación de xurros e o corte etc. 2 É necesario o acondicionado e o presecado para conseguir polo menos un 27% de materia seca. Os silos de herba con produtos químicos pódense salvar con moitísima humidade pero non así as leguminosas. Chegar a esta materia seca nos meses de marzo ou abril cando hai que facer o primeiro corte non é nada fácil en Galicia. 3 intercalar capas de raigrás e alfalfa para achegar azucres, pola mesma razón. Se hai posibilidade, sería interesante engadir melazas. 4 Usar conservantes químicos a base de nitrito sódico e hexamina ( 2 litros/ Tm) ou fórmico (3 L / Tm). A normativa da PAC en teoría está moi ben e ten a finalidade de reducir a contaminación diminuíndo o uso de abonos nitroxenados. Pero a realidade é que en lugares como Galicia onde hai zonas que superan os 2.000 mm anuais de chuvia, as leguminosas complican moitísimo o xa difícil ensilado. Espero que paren as choivas en abril pois un silo en mal estado o mellor que se pode facer é tiralo, pero todos sabemos que ter que tirar o primeiro corte e así ter que comprar forraxe de fóra supón económica e medioambientalmente un custo elevadísimo.

Para máis información:

Teléfono 981 94 17 94 ou escribir a antonio@adial.es

Diferentes estratexias das ganderías galegas para rotar as terras do millo e cumprir coa PAC

Os cultivos de inverno ábrense paso en Galicia. Dúas son as razóns principais: por unha banda, a medida que as explotacións van medrando, as súas necesidades de forraxe aumentan; por outra, a PAC empurra cara a implantación de técnicas de mellora e conservación do solo, como o é non deixar os chans baleiros ou sementar especies mellorantes que fixan nitróxeno ambiental ao terreo. Á hora de deseñar a súa estratexia anual de cultivos e rotacións, cada explotación ten que tomar as súas decisións en función das súas características e de factores como a zona na que se atopa, a climatoloxía, a tipoloxía das parcelas ou o nivel de autosuficiencia forraxeira da gandería. A dispoñibilidade de semente, que está a ser limitada nalgúns casos este ano, e o seu prezo, que se incrementou notablemente debido á alta demanda, fixo subir os custos de sementeira nesta campaña, a primeira trala entrada en vigor da nova PAC, que aposta pola rotación dos cultivos.
A climatoloxía condiciona as sementeiras e tamén a produción final obtida coas leguminosas, que son sensibles ao encharcamento e precisan de calor para medrar
A climatoloxía condiciona en ocasións as sementeiras e tamén o rendemento obtido cando se labran leguminosas, pero especies como chícharos, altramuz, veza ou trevos anuais estanse a abrir camiño nas explotacións galegas polos beneficios agronómicos e nutricionais que aportan. Coñecemos algunhas experiencias concretas:   

“Este ano non imos botar raigrás; sementaremos en todas as fincas unha mestura de varias leguminosas para enterrar”

A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña posúe dúas ganderías (Granxa o Cancelo en Miño e Granxa A Esperanza en San Sadurniño), ademais de asesorar a outras explotacións por toda Galicia. A maioría das explotacións leiteiras galegas intentan sacar o maior proveito á produción forraxeira, sendo unha das posibilidades a rotación anual de cultivo de inverno e verán con aproveitamento das dúas colleitas para ensilado, pero “non en todos os casos é posible, pois depende das condicións edafoclimáticas ou da superficie total da explotación”, indican desde o equipo técnico de CAP Coruña.
Non serve para todos o mesmo; as cousas hai que velas en directo na explotación e estudar cada caso
Por iso insisten en que “cada quen ten que optar polo mellor para a súa explotación, establecendo unha estratexia adaptada ás condicións que un ten”, sen que sirvan recomendacións xeralizadas. “O cultivo principal para nós é o millo, polo que este ano xa non imos sementar nada con raigrás, todo vai ir cunha mestura de leguminosas para enterrar. Este ano imos facer o mesmo ou moi parecido en Miño e en San Sadurniño”, contan.
CAP Coruña leva moito tempo traballando con leguminosas nas fincas que non teñen cultivo no inverno
CAP Coruña leva moito tempo traballando con leguminosas para abonado en verde as fincas que non teñen cultivo no inverno. “En anos anteriores levamos probado con chícharos, con vezas e con altramuces”, explican. A mestura escollida para esta campaña leva varias leguminosas, entre elas trevo e altramuz, non con vistas ao aproveitamento forraxeiro senón co obxectivo de fixar nitróxeno.
O abonado en verde ten un custo asociado, o de sementar, triturar e enterrar, pero fixas nitróxeno, evitas a escorrentía e melloras a estrutura do solo
“Estamos contentos e pensamos que é o mellor para a terra en comparación con deixar o solo desnudo, porque abonas e melloras a estrutura e fertilización do solo. Ten un custo asociado, o de sementar, triturar e enterrar, pero cremos que ten máis vantaxes que custos, sendo á súa vez unha práctica que encaixa nas novas medidas regulatorias en canto á condicionalidade e os ecorreximes da nova PAC”, argumentan.
Pradeira de raigrás con veza e trevo en SAT O Palomar na última campaña de ensilado da herba

“Sementamos unha mestura de raigrás, veza e trevo onde o 60% son leguminosas”

SAT O Palomar, de Láncara, ten unha superficie agraria de 206 hectáreas, 120 delas son de pradeira permanente e o resto están enfocadas ao cultivo de millo. “Facemos rotación en todas, non deixamos ningunha baleira”, destaca Odón Castro. Como cultivo de inverno, levan xa 9 anos apostando por unha mestura de gramíneas con leguminosas, onde o 60% son leguminosas. En concreto, empregan dous tipos de raigrás (un raigrás inglés e un raigrás híbrido moi tardío) e tres leguminosas (dous tipos de trevos e veza).
Quero ter máis elasticidade no momento da sega e non estar tan condicionado polo tempo
“Quero máis elasticidade no momento da sega e non estar tan condicionado polo tempo”, explica. Fan un só corte, entre a segunda quincena de abril e o 5 de maio, dependendo de como veña o tempo. “Imos sempre ao límite en produción, con colleitas de entre 16.000 e 18.000 quilos facendo un bo presecado e acadando unha media de entre o 14% e o 16% de proteína no silo”, detalla. Este ano, na campaña de ensilado de herba en primavera, unicamente fixeron dous cortes nas primeiras pradeiras sementadas, labradas a primeiros de setembro, para preservar a calidade da forraxe. “Fixemos un primeiro corte en marzo cun 18% de proteína e outro na primeira semana de maio”, conta. Foi unha excepción, xa que asegura que “non compensa facer dous cortes, porque estás ensilando todo o tempo e os gastos son maiores”.

“Para facer abonado en verde, a semente de grelo sae máis barata porque leva menos quilos por hectárea”

Ganxabar, a cooperativa formada por 8 explotacións das comarcas do Xallas e A Barcala, botou este ano 850 hectáreas de millo para ensilar nas súas instalacións de xestión conxunta de forraxes. Unha vez levantado o millo, teñen previsto sementar a metade da superficie con pradeira para facer silo de herba na primavera e noutra metade das fincas sementarán unha cobertura vexetal para enterrar como abono en verde.  “Sempre se botou algo para enterrar, pero non tanto. Cada vez son menos as fincas que quedan baleiras”, recoñece Jesús Otero. “Antes sementabas millo e deixabas baleiro no inverno para volver botar millo, pero iso agora non se vai poder facer. Nesta zona estanse dando certos cambios nese sentido”, asegura. E insiste en que a nova PAC vai obrigar ás explotacións a cambiar algunhas prácticas. “Antes traballabas con mesturas pero non estabas pendente de que tiveran máis do 50% de leguminosa”, exemplifica.
O valor do ecorrexime non compensa o custo da sementeira, pero é unha práctica boa para o terreo
No seu caso, para as pradeiras, optaron polo raigrás e por introducir mesturas con leguminosa no 10% da superficie para cumprir co ecorrexime de rotación de cultivos da PAC.  No resto das fincas, nas que non teñen previsto facer corte de herba para ensilar, Ganxabar botaralles nabos á maioría das parcelas. “A semente de grelo sae máis barata porque leva moitos menos quilos por hectárea, entre 8 e 10 quilos, cando outras mesturas de leguminosas para enterrar poden andar entre 25 e 35 quilos”, compara. O valor do ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes, establecido finalmente en 68,64€ para as primeiras 30 hectáreas e en 48,05 para as seguintes, “non compensa o custo da sementeira”, di, pero “é unha práctica boa para o terreo, independentemente da PAC, porque estás abonando e mellorando o solo”, defende Jesús. “Se o queres facer ben e traballar ben a terra, teste que ir a unha hectárea por hora, polo que o custo do laboreo está entre 60 e 80€. A iso hai que engadir o custo da semente, que no caso do grelo son uns 30€. É dicir, por menos de 100€/ha non das feito a sementeira”, calcula.
Cultivo de cereal con leguminosa en Casa Barbeiro, que superou o metro de altura a pasada primavera

“Botamos cereal con veza porque o rendemento é altísimo e as calidades son boas”

Gandería Casa Barbeiro conta con dúas granxas na comarca da Mariña, ubicadas nos concellos de Alfoz e Ribadeo, e traballa unhas 190 hectáreas de terreo. Agás 30 hectáreas que labraron a comezos de setembro cunha mestura de wester con raigrás híbrido coa intención de facer un corte de forraxe a comezos de novembro, nas outras 160 hectáreas repetirán a mestura pola que levan anos apostando: a de veza con cereal. “O rendemento é altísimo e as calidades boas. Segámolo con cinta, coas mariposas, e vai o produto moi limpo, tamén porque non o collemos moi baixo. O ano pasado houbo parcelas de moitas toneladas, nas que a herba tiña máis dun metro de alto, con proteínas medias dun 15% e pasando do 17% nalgunha mostra puntual”, explica Juanjo Fraga.
Se se sega a principios de maio é cando se conseguen producións extraordinarias, porque o crecemento da veza prodúcese fundamentalmente despois de abril
Fan un só corte e procuran estiralo o máximo posible. “Colleitámolo o máis tarde posible, para conseguir cantidade de forraxe e que a veza estea moito máis desarrollada, porque o crecemento da veza prodúcese fundamentalmente despois de abril. Se se deixa a sega para finais de abril ou principios de maio é cando se conseguen producións extraordinarias”, indica. Sementeira directa Gandería Barbeiro está a apostar tamén polo mínimo laboreo, logo da compra este ano dunha máquina composta por cuba de purín e equipo de sementeira directa, o que lles permite nunha mesma pasada ir enterrando o purin e labrando con strep-till e con grada rotativa detrás. A mestura de sementes varía en función da parcela da que se trate e do tipo de veza, que combinan principalmente con trigo híbrido e algo con cebada híbrida. “Dependendo das vezas e do tipo de cereal imos adaptando a mestura e xogamos tamén coa humidade das parcelas, porque a veza coa humidade non se leva ben”, explica Juanjo.
A combinación habitual inclúe un 60% de veza sativa e un 40% de trigo híbrido
As combinacións van desde un 60% de veza e un 40% de cereal nas fincas máis enxoitas a unha mestura ao 50% nas máis molladas. O tipo de veza tampouco é sempre o mesmo. “Se hai sativa, botamos sativa, pero está sendo difícil de conseguir. A min gústame máis a variedade sativa porque ten máis dixestibilidade e aguántase mellor, aínda que o comportamento depende moito do ano”, recoñece. En anos climatoloxicamente adversos e parcelas moi húmidas acabaron usando o cultivo para abono en verde. “Algún ano moi húmido optamos por enterrar a leguminosa en vez de ensilala, pasándolle a grade de discos, e tamén vale, porque fixa moito nitróxeno e deixa a terra esponxosa para labrar o millo”, argumenta. “Non tivemos que cambiar nada para cumprir co ecorrexime” Gandería Barbeiro leva moitos anos apostando pola leguminosa con cereal no inverno fronte ás gramíneas. “O raigrás para o manexo da alternativa co millo é moito máis complicado, tes que facer varios cortes, require máis abonado e déixache a terra en moito peor estado, porque queda máis seca e máis dura”, relata. “Nós non tivemos que facer cambio ningún para cumprir coa PAC, porque xa estábamos traballando con leguminosas. E agora coa sementeira directa máis aínda”, di. Ás vantaxes ambientais engádense as económicas, cunha redución no gasto en abono químico, unha das estratexias que están a seguir nos últimos anos para mellorar a eficiencia das dúas granxas, xunto co incremento da produción de forraxes propias.
No inverno usamos o purín en coberteira en vez de abonos minerais
A compra da nova máquina para botar o purín persegue o obxectivo de adaptarse á inminente entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas no vindeiro mes de xaneiro e, ao mesmo tempo, lograr un mellor aproveitamento do poder fertilizante do xurro. “Nos momentos de sementeira, tanto agora como para botar o millo, enterrámolo, e despois en coberteira usamos un aplicador de tubo localizado con ballesta, que fai unha fendidura de 3 cm de fondo na terra e vaino deixando por ese canal como se fora co disco. É o único abono que lle metemos ao cultivo de inverno, non usamos abonos químicos”, conta.

PROTEINMASTER, unha mestura con leguminosas para pradeiras que cumpre coa PAC

A nova PAC, que entrou en vigor o pasado 1 de marzo, esixe levar a cabo unha serie de boas prácticas por parte dos agricultores e gandeiros, entre as que se atopa a rotación de cultivos e a introducción de especies mellorantes nas pradeiras.

O Grupo Soaga ofrece unha ampla gama de solucións para pradeira dentro do seu completo catálogo de sementes pratenses e cultivos de inverno, con diferentes combinacións de raigrases, leguminosas e cereais que se adaptan ás distintas necesidades das explotacións agrogandeiras.

PROTEINMASTER está específicamente deseñada para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes da PAC

Algunha destas mesturas está específicamente deseñada para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes, que esixe labrar cando menos o 5% das terras de cultivo da explotación con leguminosas, ben soas ou en combinacións onde estas sementes sexan maioritarias.

En concreto, PROTEINMASTER, elaborada pola cooperativa francesa Cérience, que subministra fórmulas de sementes ao Grupo Soaga, inclúe un 51% de leguminosa (trevo rojo diploide, trevo encarnado e trevo branco xigante) e un 49% de raigrás (híbrido tetraploide e híbrido diploide). A dose recomendada desta mestura é de 35 kg/ha.

Esta mestura aporta comodidade á hora de sementar e excelentes resultados á hora de colleitar

Con PROTEINMASTER, ademais de cumprir as esixencias normativas da nova PAC lógrase unha excelente produción forraxeira, tanto en cantidade como en calidade de ensilado, con altas porcentaxes de proteína na ración, o que serve para reducir as necesidades de concentrados e abaratar o custo de alimentación do gando, ao mesmo tempo que se está a mellorar o solo para o cultivo seguinte, ao fixar nitróxeno atmosférico e airear a terra.

Na seguinte ligazón pódese descargar o catálogo completo de sementes pratenses de Cérience que ofrece Soaga, con indicación das doses de sementeira recomendadas.

Outras fórmulas tanto para pasto como para ensilado

O cultivo de inverno con diferentes mesturas de raigrás e leguminosas achega proteína e reduce as necesidades de fertilización do cultivo de verán ao fixar nitróxeno ambiental

O Grupo Soaga traballa a maiores coa empresa de sementes DLF, ofrecendo no seu catálogo distintas mesturas de gramíneas, cereais e leguminosas pensadas tanto para o ensilado como para o pastoreo directo. Conta tamén coa marca propia GRAOS, coa que fai fórmulas e combinacións a medida para os seus clientes.

O departamento técnico de Soaga, formado por enxeñeiros agrónomos, está a disposición dos agricultores e gandeiros para axudarlles a elixir a mestura que mellor se adapta ás súas necesidades, en función de factores como o tipo de chan ou a duración e destino final da pradeira.

Podes contactar co Grupo Soaga no teléfono 986 516 035 ou a través da páxina web www.gruposoaga.com.

“Hai que apostar por cultivos que o gandeiro saiba manexar e sexa capaz de rendibilizar”

Manuel Crespo, membro do equipo técnico de Soaga

Este ano a campaña de sementeira de pradeiras estará condicionada polas novas regras da Política Agraria Común. “Para cumprir co ecorrexime de rotación con mellorantes, unha gandería que bota unha superficie de 100 hectáreas de millo tería que labrar a herba no inverno o 50% das súas terras, é dicir, 50 hectáreas, das que 10 ha terían que levar especies mellorantes e cando menos 5 leguminosas como especie predominante”, explica Manuel Crespo, técnico do Grupo Soaga.

Existe un amplo abano dentro da listaxe de especies mellorantes aceptadas por Bruxelas, pero Manuel Crespo recomenda “labrar cultivos que se saiban manexar e cos que se estea habituado a traballar”. “Se sementas algo para cumprir coa PAC que non coñeces ben e co que non estás familiarizado non serás capaz de rendibilizalo”, asegura.  

Por iso, seguir apostando por fórmulas de raigrás con trevo e outras leguminosas como as que distribúe o Grupo Soaga, que se adaptan á perfección ás condicións edafoclimáticas da comunidade e coas que as explotacións galegas levan moitos anos traballando, supoñen unha garantía á hora de obter bos resultados.

Non sementar pradeiras monofitas

Entre as recomendacións á hora de sementar pradeiras, Manuel Crespo fai fincapé nas vantaxes de incorporar leguminosas. “Se queremos aproveitar un cultivo de inverno rendibilizámolo moito máis coas mesturas de gramíneas e leguminosas que usando unicamente unha soa variedade de gramínea e a vantaxe dos raigrases é que nos permiten facer combinacións para aproveitar as mellores características de cada unha das especies”, explica.

A vantaxe dos raigrases é que nos permiten facer mesturas para aproveitar as mellores características de cada unha das especies

“O raigrás hibrido dá calidade e produción, pero se lle sumamos un raigrás inglés, aumentan os contidos de proteína e os azucres estruturais, o que vai mellorar a calidade dos ensilados”, detalla. As garantías de produción tamén son maiores, porque “se falla unha das especies sempre tes as outras”, evidencia.

Variedades resistentes

Manuel recomenda incluír as leguminosas nas mesturas “non só para cumplir coa PAC senón tamén para mellorar os chans”. “O obxectivo da UE para 2030 é reducir nun 20% de uso de fertilizantes en un 50% a perda de nutrintes do solo sen perder capacidade produtiva. Para iso vai ser fundamental o uso especies mellorantes como son as leguminosas, que fixan nitróxeno atmosférico e descompactan o chan”, lembra.

Pero á hora de decantarse por unha variedade ou outra ou por unha semente ou outra, á parte da capacidade produtiva que poida ter a leguminosa hai que ter en conta tamén outros aspectos, como os que teñen que ver coa sanidade vexetal.

En Galicia hai que sementar raigrases resistentes á rolla e trevos aos que non lles afecte o oídio

“Non debemos usar calquera tipo de trevo, porque os trevos son moi sensibles aos fungos, fundamentalmente ao oídio, por iso en Galicia debemos empregar especies resistentes ao oídio e no caso das gramíneas, é fundamental a resistencia á rolla, unha enfermidade que ataca moito aos raigrases en Galicia”, explica o técnico do Grupo Soaga.

Tipos de solos

Unha das claves para garantir unha boa implantación das pradeiras é a elección das variedades idóneas para cada tipo de solo. “Hai que facer unha boa escolla das fincas e dos tipos de solo onde facer as pradeiras para optimizar ao máximo o rendemento”, defende. “Por exemplo, os cereais son moi sensibles aos encharcamentos, a produción pode reducirse á metade en terreos moi mollados e que encharquen”, indica.

É fundamental coñecer que tipos de fincas tes para decidir que sementar en cada caso; en solos arxilosos que encharquen con facilidade o mellor é non sementar cereais

Por iso, en solos arxilosos que encharquen con facilidade o mellor é non sementar cereais. Ademais, unha boa opción en terreos húmidos é non facer a sementeira das mesturas de cereais de inverno e leguminosas no outono, senón en xaneiro, explica.

Momento da sementeira

Outra das recomendacións ten que ver coa escolla do momento óptimo da sementeira. “As leguminosas necesitan horas de luz (fotoperiodo) para implantarse ben. Canto antes sementemos unha pradeira de leguminosas mellor se implantarán, ao contrario que os cereais de inverno, que necesitan horas de escuridade”, conta Manuel Crespo.

Por iso aconsella sementar antes as pradeiras de raigrás con trevo e deixar para as sementeiras máis tardías as mesturas de cereais de inverno con leguminosas.

As esixencias da nova PAC para as terras do millo: rotación dentro do mesmo ano ou cambio de cultivo cada catro

O actual período da Política Agraria Común, que entrou en vigor o pasado 1 de marzo, trae importantes cambios no que se refire ás terras do millo, que deberán ser tidos en conta polas ganderías para non perder axudas nin sufrir penalizacións. Analizamos algunhas cuestións importantes a ter en conta de cara á actual campaña de sementeira das pradeiras. De primeiras, a rotación e diversificación de cultivos pasa a ser unha esixencia para poder cobrar a PAC, polo que deixar a maior parte das terras baleiras no inverno, unha práctica frecuente até o de agora en moitas explotacións, sobre todo nas que tiñan unha maior superficie agraria en comparación co número de cabezas, pasará a ter os días contados.
Se se bota na mesma parcela millo sobre millo durante tres anos no cuarto ano habería que sementar outro cultivo
Pero son varias as posibilidades para cumprir con esta esixencia da chamada condicionalidade reforzada, que obriga a que todas as terras cambien de cultivo cando menos unha vez cada catro anos, agás en explotacións que labren menos de 10 hectáreas ou adiquen máis do 75% da súa superficie a pradeira. A outra das grandes novidades da PAC deste ano é o ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes, ao que se acolleron 57.428 hectáreas de terras de cultivo en Galicia. A alta demanda de sementes e as dificultades para conseguir algunhas delas, como a veza, fixo que se dispararan os prezos. Non se poden deixar máis da metade das terras baleiras A rotación de cultivos está incluída como unha obriga dentro das Boas Condicións Agrarias e Medioambientais (BCAM 7), aína que quedou en suspenso nesta campaña como consecuencia da guerra de Ucraína e só terán que cumprir aquelas explotacións que se acolleron ao ecorrexime de sementeira directa ou rotación con mellorantes. Esta diversificación de cultivos é máis esixente a medida que aumenta a superficie cultivada (se se labran máis de 30 hectáreas son obrigatorios 3 cultivos diferentes, sen que o maioritario supere o 70% da superficie e os dous máis importantes o 90%).
Se unha explotación se decanta pola rotación dentro do mesmo ano debe manter esta práctica durante tres campañas
Outro xeito de cumprir a BCAM 7 é a rotación dentro do mesmo ano con dous cultivos diferentes, se ben se se opta por esta práctica, deberá manterse cando menos durante 3 campañas. É dicir, non se permite xustificar o uso de cultivo secundario intraanual como opción á rotación exclusivamente no terceiro ano se non se usou nos 2 anos anteriores. O FOGGA comprobará no ano 2025 o cumprimento da esixencia de rotación de cultivos tendo en conta os declarados en cada parcela nos tres anos previos. Isto implica que se no 2022 se repetiu o cultivo de millo nas mesmas terras sen labrar despois nada nelas no inverno, ben este ano ou o ano que vén habería que sementar un cultivo diferente ao millo nesas fincas.
O que se labre agora no outono será o considerado cultivo principal de cara á solicitude da PAC do ano que vén
No caso de acollerse á opción de rotación dentro do mesmo ano miraranse só os dous anos anteriores. Isto implica que as explotacións que botaban ata agora millo sobre millo non poderán deixar as terras baleiras e este ano xa terán que botar algo nesas parcelas de cara ao inverno. O incumprimento dos requisitos mínimos establecidos en cuanto a rotación e diversificación de cultivos castígase cunha rebaixa no monto de axudas da PAC dese ano de entre o 3% (incumprimento non intencionado) e o 20% (incumprimento intencionado).  Usar especies mellorantes Entre as principais novidades que introduce a Política Agraria Común para o período 2023-2027 están os novos reximes en favor do clima, o medio ambiente e o benestar animal (ecorreximes), unha serie de prácticas anuais de carácter voluntario primadas con pagos adicionais. Son dous os principais ecorreximes aplicables nas terras de cultivo: rotación de cultivos con especies mellorantes e sementeira directa, unha práctica pouco habitual aínda en Galicia. Consiste en non arar para botar o seguinte cultivo e o importe final a percibir é o mesmo que no caso da rotación convencional con especie mellorante.
No caso de sementeira directa esíxese rotar o 40% das parcelas, non o 50%, como ocorre no ecorrexime de rotación con especie mellorante
Pódese facer sementeira directa sempre sobre a mesma parcela, algo  que se prima con 25€/ha adicionais, pero é necesario igualmente rotar os cultivos. A porcentaxe de rotación sobre o total das parcelas incluídas dentro do ecorrexime que se esixe neste caso é do 40%, no canto do 50% que se pide para o cobro por rotación con especie mellorante. Se se opta por botar especies mellorantes do solo, esíxese que como mínimo se labren o 50% das terras de cultivo polas que se solicita o ecorrexime, aínda que se cobraría polo 100% da superficie. Admítese tamén neste caso como rotación a introdución dun cultivo secundario dentro do mesmo ano.
Unha explotación con 100 hectáreas de cultivo deberá rotar como mínimo 50 e labrar cando menos 10 con especies mellorantes, entre elas 5 de leguminosas
Polo tanto, as explotacións que queiran solicitar o ecorrexime o ano que vén deberán sementar as porcentaxes mínimas esixidas de especies mellorantes e leguminosas xa neste outono, dado que será considerado o cultivo principal de cara á vindeira solicitude da PAC. Na normativa aprobada ten consideración de cultivo principal aquel que ocupe máis tempo na parcela entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril de cada ano, de maneira que en Galicia o millo está considerado o cultivo secundario. Como mínimo o 10% da totalidade das terras de cultivo polas que se solicita o ecorrexime deben ser sementadas con especies mellorantes, das cales polo menos a metade serán leguminosas, que se permiten tamén como abonado en verde.
No 5% da superficie total de cultivo as sementes de leguminosas deberán ser maioritarias na mestura
A rotación raigrás-millo cumpriría para a BCAM 7 de rotación de cultivos, sempre que se faga todos os anos, pero non serviría para cobrar o ecorrexime de rotación con especie mellorante, nin sequera cando o que se sementa é unha mestura de raigrás con trevo anual, dado que se esixe que nun 10% da superficie a especie considerada mellorante, neste caso o trevo, sexa maioritaria na mestura (cando menos o 51% da semente). O trevo só cumpriría, ao igual que distintas mesturas de leguminosas con cereais de inverno, como por exemplo chícharo con triticale ou veza con avea, sempre que a leguminosa sexa a predominante na mestura. Case a metade das terras de cultivo non pediron o ecorrexime Ao ecorrexime de rotación de cultivos con especie mellorante acolléronse nesta campaña 57.428 hectáreas de terras de cultivo en Galicia. É unha boa práctica que se acomoda ben ao sistema habitual de cultivo do millo na cornixa cantábrica, aínda que o descoñecemento e as obligas que conleva desincentivaron a súa adopción por parte dos produtores. 
Unha das principais novidades da nova PAC son as primas por sementar especies mellorantes, que quedan reducidas nun 20% para esta campaña
O importe final co que se primará ás ganderías que labren especies mellorantes nas súas parcelas é de 68,64 euros por hectárea (48,05€ despois das primeiras 30 ha), trala redución do 20% no importe previsto inicialmente. As explotacións galegas declararon este ano como cultivo principal na PAC un total de 50.485 hectáreas de forraxes herbáceas e 21.837 de millo. Pouco máis da metade (o 56%) do total das terras de cultivo declaradas na comunidade (102.345 hectáreas) solicitaron acollerse ao ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes ou mediante a sementeira directa. En concreto, foron 55.745 hectáreas en secaño húmido e 1.676 en regadío.  

Permítense as leguminosas para abonado en verde

O novo ecorrexime da PAC permite tamén botar especies mellorantes para abonado en verde, unha práctica que seguen desde fai anos as explotacións en Galicia e que permite unha mellora agronómica e unha redución de herbicidas.  Na listaxe de sementes admitidas para enterrar como abono en verde están leguminosas como chícharo, faba, altramuz, feixón, veza ou trevo; crucíferas ou brassicas como colza, nabo ou camelina e outras especies como o xirasol ou o cártamo. Este tipo de plantas actúan como cultivo rexenerador e mellorante do solo, de maneira que favorecen unha mellora no rendemento do seguinte cultivo pola fixación de nitróxeno e o aporte de materia orgánica.
Ao enterrar os cultivos mellorantes na profundidade do millo (20-25 cm) apórtanse nutrintes e materia orgánica
A maiores do nitróxeno atmosférico almacenado grazas á acción do rizobium, e do resultante da mineralización da materia orgánica tralo enterrado, boa parte destas especies mellorantes teñen unha raíz pivotante que explora unha profundidade maior, captando os nutrintes que o solo almacena e traéndoos cara a capas superiores, onde poden ser aproveitados polos demais cultivos.
A raíz pivotante do nabo ou a colza explora superficies máis profundas, traendo nitróxeno e potasio e facendo dispoñibles estes nutrintes para o seguinte cultivo
Ocorre no caso das brassicas, por exemplo, que son ricas en nitróxeno e potasio, pois especies como o nabo ou a colza teñen unha raíz pivotante que se vai a máis profundidade ca outros cultivos coma o millo, con raíces máis superficiais (20-25 cm), facendo emerxer nutrintes que se van a zonas máis profundas, como potasio ou nitróxeno.

Beneficios da introdución de especies mellorantes nas pradeiras

Pradeira mixta de raigrás e trevo na Finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo), nun ensaio do CIAM O outono é o momento idóneo para sementar novas pradeiras ou renovar as existentes. Ben sexa para pacer ou para ensilar, as leguminosas son unha boa opción. A implantación acostuma ser mellor ca na primavera, ademais de coincidir coa rotación habitual en Galicia co cultivo do millo.  Este ano, despois do ensilado do millo, moitas ganderías terán que variar a súa estratexia para cumprir co esixido na nova PAC, o que supón unha oportunidade para mellorar algunhas prácticas. “Deixar a terra sen cultivar no inverno agronomicamente non é recomendable, polo que hai que sementar un cultivo de inverno cando se colleite o millo. O recomendable é introducir un cultivo rexenerador e mellorante do solo e cando te adicas á gandería o que hai que introducir son leguminosas”, insiste Juan Valladares, investigador do CIAM.
Cando te adicas á gandeiría hai que introducir leguminosas nas pradeiras
No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo levan varios anos estudando distintas alternativas para os cultivos de inverno en Galicia e comparando os resultados das diferentes mesturas de gramíneas e leguminosas. Juan enumera os beneficios de sementar especies mellorantes nas pradeiras desde o punto de vista agronómico (o terreo queda mellor preparado e é máis doado de traballar; saen menos malas herbas, polo que son necesarios menos herbicidas; e lógrase un aporte extra de nitróxeno para o seguinte cultivo, que redunda nunha maior produción); pero tamén desde o punto de vista nutricional, ao lograr maior contido en proteína na ración.
Dos trevos hai moito que estudar aínda e é necesario aprender a traballar con eles
Pero coas leguminosas, di, “é necesario aprender a traballar con elas”. Nos últimos anos o CIAM estivo realizando ensaios con leguminosas anuais en distintas zonas de Galicia, como na finca de Mabegondo ou na do Pazo de Cartelos (Carballedo), pertencente á Fundación José Luis Taboada, onde se probaron distintas mesturas de trevos para comprobar a súa implantación e rendemento: trevo migueliano, tamén chamado balansa; trevo resupinatum (persa); trevo maral (trifoliun suaveolens ou trevo resupinatum de folla grande) e trevo encarnado. “Segundo en que zonas de Galicia, danse mellor uns trevos ca outros. O trevo maral, por exemplo, ten capacidade de rebrote, pero é tardío, polo que se implanta mellor en Mazaricos que en zonas do interior”, asegura Juan. Mesturas de trevos e gramíneas Independentemente da variedade escollida, o trevo funciona mellor mesturado cunha gramínea, que aporta o contido en azucres suficiente para unha boa conservación do silo. “Ademais, nos estudos que fixemos vimos que había que introducir un raigrás porque a implantación dos trevos é lenta; o que mellor funciona é o raigrás híbrido”, explica. “Se despois do millo sementas só trevo, como tarda en implantarse, se veñen chuvias lávase o terreo. Mesturado co raigrás, sen embargo, evítase a escorrentía, porque o raigrás ao mes xa ten o desenvolvemento suficiente para frear o efecto de lavado do solo pola chuvia”, detalla.
Os trevos funcionan mellor mesturados con raigrás híbrido, porque se evita o lavado do solo cando chove
Ademais das diferenzas na implantación, a preparación do terreo debe ser tamén diferente cando se sementan só gramíneas que cando se aportan mesturadas con leguminosas. “O trevo obriga a preparar mellor o terreo para a sementeira e despois pasar sempre un rulo. O raigrás, cando se sementa só, vai creando unha especie de fieltro no chan que impide a contaminación por pedras e cinzas cando ensilas a herba, algo que non acontece no caso do trevo”, indica.   Cereal con leguminosa Mestura de veza, raigrás e avea O CIAM tamén fixo ensaios con veza, unha leguminosa cada vez máis frecuente en Galicia tralo millo en combinación con cereal de inverno. “Probáronse mesturas de veza villosa con trevos e raigrás. A veza villosa é menos dixestible que a sativa, pero a sativa tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada ou avea) como titor”, indica Juan.  
A veza sativa é máis dixerible que a villosa pero tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada, avea) como titor
Xunto coa veza, outra das leguminosas empregadas nas mesturas con cereal é o chícharo. “A clave está na proteína. Póñense estes cultivos porque vas a un só corte e logras un contido proteico máis elevado. No raigrás se vas a dous cortes podes igualar a cantidade de proteína, pero os custos duplícanse”, razoa. Labrar sen abonar De cara á sementeira do cultivo de inverno non é imprescindible abonar as terras. É máis, pode ser mesmo contraproducente. “Nos ensaios que realizamos fixemos laboreo e sementamos sen abonar en fondo, aproveitando unicamente os excedentes da fertilización con xurro no cultivo do millo (entre 50 e 60 metros cúbicos por hectárea). No purín unha cuarta parte do nitróxeno que aporta quedaría para o ano seguinte, porque se corresponde coa mineralización da materia orgánica. Pola composición habitual do xurro en Galicia, uns 25 kg de nitróxeno por hectárea quedan para o seguinte ano, que é o que se necesita para o arranque das leguminosas. E non hai que pasarse de 25 kg/ha de nitróxeno porque senón prexudícase o desenvolvemento do rizobium”, advirte o investigador do CIAM.
O momento de abonar en coberteira está determinado en función da temperatura do chan (entre 8 e 10 grados)
Sería convinte, iso si, aplicar unha fertilización despois en coberteira, duns 50 kg de nitróxeno por hectárea. “Cando o cultivo empeza a desenvolverse sería o momento de aplicar esta fertilización con abono químico convencional ou incluso purín, pero depositado no terreo. A leguminosa tende a medrar cando a temperatura do chan está entre 8 e 10 grados. Segundo as zonas, isto prodúcese a finais do inverno ou comezos da primavera; no interior de Galicia acostuma cadrar a primeiros ou mediados de marzo”, exemplifica. A data de abonado marca tamén o momento de segar, pois habería que cortar dentro dos 40 días posteriores. Sementar en outubro ou en xaneiro? Hai ganderías que optan por retrasar a sementeira do cultivo de inverno ao mes de xaneiro, para evitar a presenza de malas herbas, algo que Juan só recomenda en determinados casos. “A implantación das leguminosas é lenta e iso fai que se temos no chan un banco de malas herbas saian e se desenvolvan antes. Sementando o cultivo de inverno en xaneiro evitariamos esta competencia, pero hai que ter en conta que as leguminosas en xeral son bastantes sensibles ao frío. O chícharo, por exemplo, é sensible á humidade excesiva e ao frío, daí que debamos consideralo”, alerta.
As leguminosas son bastante sensibles ao frío, polo que se na zona hai xiadas é preferible non agardar
Por iso, se na zona hai xeadas en xaneiro e febreiro, recomenda sementar o cultivo antes, no outono, sen agardar aos meses de inverno. “En zonas onde non hai xeadas, podes sementalo máis tarde, pero en zonas onde xea é preferible sementar en outono, para que cando veñan as xeadas xa estea implantado. A leguminosa cando nace é extremadamente sensible, a medida que xa ten 3 follas aguanta mellor as xiadas”, explica.   Un único corte en abril As mesturas con leguminosa tardan máis en desenvolverse que cando se sembra só raigrás. O punto de crecemento márcao a temperatura do chan (por enriba de 8-10 grados), que é cando se activan as bacterias (rizobium) e a planta aproveita o nitróxeno atmosférico e medra máis. “As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Os trevos se hai chuvias, frío ou encharcamento non medran. Co chícharo pasa algo parecido. Son cultivos de implantación lenta e que dependen da temperatura do chan para medrar e desenvolver todo o seu potencial”, indica Juan.
As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Son de implantación lenta e dependen da temperatura do chan para medrar
O ensilado, mediante un só corte, depende da zona e de como viñera o tempo. “O momento de segar é cando comeza a floración das leguminosas, que nun ano normal podería estar en torno ao 15-20 de abril en zonas como Mazaricos, pero en zonas interiores vén un pouco máis tarde”, explica. “Se vén mal tempo e non dá medrado tes que meter nitróxeno extra, mediante abono químico, pero nese caso non estaríamos aproveitando a función das leguminosas como fixadoras de nitróxeno ambiental”, di. Rendementos Nos ensaios realizados en Cartelos no 2021 cunha mestura de raigrás híbrido e tres trevos anuais e unha fertilización de 60 metros cúbicos de xurro por hectárea previos no cultivo do millo máis un abonado en coberteira con tres doses diferentes de abono químico no mes de marzo, lográronse os seguintes rendementos:
  • Sen abonado en coberteira = 4,7 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 50 kg de nitróxeno por hectárea = 5,8 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 100 kg de nitróxeno por hectárea = 6,3 toneladas de materia seca por hectárea
“Canto máis abonas máis se incrementa o rendemento, pero habería que ver se compensa desde o punto de vista económico pasar dunha determinada cantidade, porque con 50 kg de nitróxeno por hectárea temos uns rendementos superiores a se metes 0 kg pero similares estatisticamente a se metes 100”, argumenta Juan.
Introducindo trevo mesturado co raigrás obtés un 40% máis de proteína por hectárea na forraxe e incrementas un 5% a proteína bruta na ración
Pero ademais da cantidade de forraxe obtida, o investigador do CIAM pon o énfase na calidade do ensilado. “Nunha pradeira de raigrás só, cos mesmos 50 kg de nitróxeno por hectárea sacas 400 kg de proteína por hectárea, mentres que coa mestura con leguminosas obtés 577 kg por hectárea de proteína, un 40% máis”, compara. A porcentaxe de incremento depende do nivel de implantación das leguminosas. “Canto mellor se implanten máis proteína vas ter despois no silo, pero hai que ter en conta que o raigrás ten un 6% de proteína fronte ao 11% dos trevos. Se vas a máis dun corte no raigrás incrementaríase a proteína, pero os custos de sega, recollida e ensilaxe tamén son maiores”, razoa. Mellora no seguinte cultivo A vantaxe de introducir unha leguminosa de inverno é que o solo queda máis abonado e en mellores condicións para recibir o seguinte cultivo. “As raíces e a parte aérea non segada quedan no terreo, descompóñense e aportan nitróxeno. A cantidade cuantifícase entre 40-100 kg de nitróxeno por hectárea dependendo da implantación de leguminosa”, explica Juan.
As leguminosas poden chegar a fixar no solo a metade do nitróxeno que precisa o millo
Esa fixación dese nitróxeno supón un aforro considerable en fertilizante, ou ben un extra de colleita, debido ao plus de abonado. “O millo é vicioso en nitróxeno, canto máis lle aportas máis medra, e ter ese nitróxeno almacenado no chan supón unha gran vantaxe a nivel de toma de decisións”, considera. Por iso, en función da estratexia que adopte o gandeiro (aforrar en abono ou recoller máis forraxe) pódese variar ou non a fertilización do millo tralo cultivo de inverno con leguminosa.
Co raigrás só o terreo queda máis compacto e é máis difícil de traballar
Segundo o tipo de terreo, a dispoñibilidade de nitróxeno pode ser maior ou menor, pero a dose recomendada para o millo pode ser establecida en función dos rendementos agardados. “En base ao rendemento (proteína) téñense unhas extraccións de nitróxeno ou outras. Se espero un rendemento para o ciclo que labrei de 15 toneladas de materia seca por hectárea (7% de proteína), as extraccións serán de 170 kg de nitróxeno por hectárea, polo que o nitróxeno dispoñible (no chan máis o aportado) debe ser superior a esa cantidade”, exemplifica Juan. En base a iso, para facer unha correcta fertilización sería preciso coñecer o nitróxeno mineral presente no chan ao inicio do cultivo e o que se xera por mineralización da materia orgánica. Este nitróxeno mineral pode ser importante cando se cultiva previamente unha leguminosa ou cando se incorpora ao terreo un cultivo como abonado en verde. “Ademais, agronomicamente, de cara ao laboreo, ao introducir leguminosas o terreo queda máis mullido, polo que é máis doado de traballar”, conclúe o investigador do CIAM.

O Ministerio reduce nun 30% o importe do ecorrexime de pastoreo e nun 20% o de rotación de cultivos

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) fixo públicos este luns os importes provisionais dos ecorreximes para a campaña da PAC deste ano 2023, que recollen mermas considerables nas cantidades previstas inicialmente para as principais prácticas ás que se poden acoller os agricultores e gandeiros galegos. Deste xeito, segundo a nota publicada polo FEGA, o importe do ecorrexime de pastoreo extensivo pasa dos 62,16€ previstos inicialmente a 44,72€, o que supón un descenso do 28%, mentres que o de rotación de cultivos con especies mellorantes baixa de 85,72€ a 68,64€, un 20% menos.
Os ecorreximes son prácticas anuais beneficiosas para o medio ambiente ás que se poden acoller voluntariamente os produtores
A redución nestas axudas supón a perda de case 18€/ha no caso dos produtores galegos que solicitaron o ecorrexime de pastoreo e 17€/ha para os que se acolleron ao de rotación con especies mellorantes en terras de cultivo. Tamén se reduce nun 22% (13 euros menos por hectárea) o importe fixado para o ecorrexime de espazos de biodiversidade e superficies non produtivas, así como nun 5% (8 euros menos por hectárea) a utilización de cubertas vexetais en cultivos en bancais ou con pendentes superiores ao 10%. 
Existe unha redución importante por degresividade nos ecorreximes de rotación de cultivos, sementeira directa e cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10%
Existe a maiores unha redución importante por degresividade ao superar as 30 primeiras hectáreas nos ecorreximes de rotación de cultivos e sementeira directa en secaño (20 euros menos por hectárea) e as 25 hectáreas en regadío (42 euros menos por hectárea), así como no uso de cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10% cando se superan as primeiras 15 hectáreas (57 euros menos por hectárea).  Non varía o importe de 25€/ha a maiores previsto na normativa da PAC para os produtores que se comprometan a realizar tamén as prácticas de sementeira directa e cubertas vexetais sobre as mesmas parcelas na vindeira campaña.
O FEGA aclara que os importes publicados son o resultado das solicitudes da PAC efectuadas nesta campaña
Os importes resultantes establecéronse en base aos datos das superficies solicitadas polos agricultores e gandeiros na solicitude única da PAC deste ano, comunicadas ao FEGA polas comunidades autónomas.  O cobro destas cantidades terá lugar en dous prazos, un primeiro pago ou anticipo do 70% entre o 16 de outubro e o 30 de novembro deste ano e un segundo pago da cantidade restante, até completar o importe total establecido, entre o 1 de decembro deste ano e o 30 de xuño do ano que vén.
A redución das cantidades a percibir polos produtores redundará en máis gastos e menos PAC
A incorporación destas primas por ecorreximes voluntarios é unha das novidades fundamentais do novo período da PAC até 2027 e implica a adopción de determinadas prácticas por parte dos produtores. Algunhas delas implican gastos a maiores (rotación de cultivos ou cubertas vexetais) ou levan implícita unha perda de produtividade (illas de biodiversidade), polo que a redución agora das cantidades compensatorias previstas inicialmente vai redundar nun menor cobro de axudas por parte dos produtores que se acolleron a estes ecorreximes e un maior custo de produción para estas explotacións. 

Cambios que lle afectan ás terras de millo na nova PAC

O cultivo de millo é considerado o cultivo secundario a efectos da PAC e o cultivo de inverno o cultivo principal Comeza a sementeira de millo en distintas zonas de Galicia e este ano coincide en plena campaña de solicitude única da PAC, retrasada con motivo da entrada en vigor do novo período 2023-2027, que trae cambios importantes a respecto das terras de cultivo.   Cada ano seméntanse en Galicia unhas 70.000 hectáreas de millo forraxeiro. Constitúe un dos ingredientes principais das racións de alimentación das vacas de leite e un xeito de abaratar o cebo dos xatos nas explotacións de carne. Os cambios derivados da entrada en vigor de novas medidas recollidas na Política Agraria Común, como os ecorreximes, incentivan a adopción por parte das explotacións de determinadas prácticas, como as rotacións con cultivos mellorantes. 
As decisións de sementeira do outono condicionarán as axudas que se poderán pedir o ano que vén
As novas esixencias son tamén unha oportunidade para lograr fondos complementarios, para incrementar a suficiencia alimentaria das ganderías e para reducir as necesidades de fertilización e o uso de herbicidas, pero cos custos de gasóleo, sementes e abonos en niveis elevados cada granxa terá que valorar o seu caso particular en función da terra, a man de obra ou a maquinaria dispoñible.  As decisións de sementeira deberán anticiparse e ser meditadas, xa que van condicionar en boa medida as axudas que van poder cobrar as explotacións, tanto na actual campaña como nas vindeiras. Tratamos de respostar ás principais dúbidas que xorden da aplicación da nova normativa da PAC: – O cultivo de millo condiciona o cobro da PAC? – A nova PAC inclúe unha condicionalidade reforzada que esixe o cumprimento dunha serie de requisitos mínimos para acceder ás axudas. Entre eles está manter unhas boas condicións agrarias e medioambientais (BCAM). De non cumprírense podería haber penalizacións e mesmo a perda do dereito ao cobro da PAC por parte da explotación.
As explotacións que boten menos de 10 ha de millo non están obrigadas a facer rotación de cultivos
Entre as boas prácticas de obrigado cumprimento que afectarían ás terras de millo atópase a BCAM 4, na que é obrigatorio deixar unha franxa de protección de polo menos 5 metros sen labrar a ambos lados de ríos, regatos ou cauces de auga; a BCAM 5, que prohibe labrar a terra na dirección da máxima pendente cando a pendente media sexa superior ao 10%; a BCAM 7, pola que todas as parcelas da explotación deberán rotar de cultivo polo menos unha vez cada 4 anos; a BCAM 8, que esixe dedicar cando menos o 4% da superficie adicada a terras de cultivo da explotación a elementos non produtivos; e a BCAM 10, que obriga á aplicación localizada do purín, ao soterramento do esterco, a contar con plans de abonado e a rexistrar no caderno de explotación as operacións de fertilización realizadas. – Hai que cumprir este ano con todas estas boas prácticas? – A prohibición do uso de prato ou abano para o xurro entra en vigor o 1 de xaneiro do vindeiro ano, ao igual que a necesidade de plans de abonado, que serán obrigatorios a partir de setembro de 2024, mentres que o caderno dixital aplicarase de xeito escalonado a partir do 1 de setembro deste ano en función do tamaño da explotación, sendo necesario para aquelas que declaren máis de 30 ha de terras de cultivo na PAC.
As explotacións que declaren máis de 30 ha a millo deberán cubrir o caderno dixital a partir de setembro
Como consecuencia da guerra de Ucraína, a Comisión Europea estableceu excepcionalmente para este ano que na campaña da PAC 2023 non é necesario cumprir coa BCAM 8, no relativo á porcentaxe mínima do 4% de elementos non produtivos, agás no caso de acollerse ao ecorrexime de espazos de biodiversidade; e á BCAM 7, de rotación de cultivos, excepto para os produtores que se acollan ao ecorrexime de rotación con especie mellorante ou sementeira directa, que xa deberán cumprir este ano. – Todas as explotacións deberán cumprir coa rotación a partir do ano que vén? – O cumprimento da obriga de rotación nas terras de cultivo non se esixe cando a superficie cultivada sexa igual ou inferior a 10 ha, cando o 75% das terras de cultivo se utilicen para producir herba, forraxes herbáceas ou leguminosas ou cando o 75% da superficie agrícola total da explotación sexan pastos permanentes. Estes mesmos supostos tamén permiten non estar obrigados a deixar sen cultivar o 4% das terras.
Todas as parcelas da explotación adicadas a terras de cultivo deberán rotar polo menos unha vez cada 4 anos a non ser que no 75% da superficie se bote herba
– En que consiste a rotación? – Se a explotación non entra en ningún dos supostos anteriores, deberá mudar o cultivo polo menos unha vez cada catro anos en todas as parcelas. Esta diversificación será máis esixente a medida que aumenta a superficie cultivada, de xeito que entre 10 e 20 hectáreas débense labrar polo menos 2 cultivos diferentes sen que o maioritario supoña máis do 75% da superficie; entre 20 e 30 hectáreas a superficie do cultivo maioritario non pode superar o 70%; e se se labran máis de 30 hectáreas esíxense cando menos 3 cultivos, sen que o maioritario supere o 70% da superficie e a suma dos dous maioritarios o 90%.
O ‘pago verde’ do anterior período era máis simple que a actual rotación, aínda que tamén esixía diversificación de cultivos
– A rotación dentro do mesmo ano cumpriría? – Si, pero esta rotación ten que manterse durante 3 anos. Non se permite xustificar o uso de cultivo secundario intraanual como opción á rotación exclusivamente no terceiro ano se non se usou nos 2 anos anteriores, é dicir, non serviría botar 2 anos unicamente millo e o terceiro ano sementar un cultivo de inverno ao colleitar o millo. – En que campaña se fará a comprobación? – O FOGGA comprobará no ano 2025 o cumprimento da esixencia de rotación de cultivos tendo en conta os cultivos declarados en cada parcela nos tres anos previos. Isto implica que se no 2021 e 2022 se botou millo nas mesmas parcelas, ben este ano ou o ano que vén habería que sementar un cultivo diferente ao millo nesas fincas. No caso de acollerse á opción de rotación dentro do mesmo ano miraranse só os dous anos anteriores. Isto implica que as explotacións que botan millo sobre millo non poderían deixar as terras baleiras e este ano xa terían que botar algo nesas parcelas de cara ao inverno. – Que se considera cultivo principal e cultivo secundario? – Ten consideración de cultivo principal aquel que ocupe máis tempo na parcela entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril de cada ano, de maneira que en Galicia o millo sería considerado cultivo secundario e o cultivo de inverno o principal. Isto obriga a unha planificación por parte das explotacións, dado que o cultivo principal para a PAC do ano que vén será o que se semente en outubro deste ano. – Poden deixarse baleiras as terras do millo? – No caso de que unha explotación estea obrigada a cumprir coa BCAM 7 de rotación nas terras de cultivo (máis de 10 hectáreas cultivadas e menos do 75% da superficie adicada a cultivos herbáceos ou a prado permanente) pero opte por botar millo sobre millo nas mesmas parcelas, no último ano (2025), non poderá sementalo, estando obrigado a cambiar de cultivo.
Se se bota na mesma parcela unicamente millo durante tres anos no cuarto ano habería que sementar outro cultivo ou botarlle raigrás todo o ano
– Considérase barbeito non sementar un cultivo de inverno? – Para declarar barbeito as fincas teñen que estar sen cultivo durante 6 meses entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, polo que o período establecido na normativa non se adapta aos ciclos de cultivo habituais en Galicia. Deixar as fincas baleiras no inverno, unha práctica que realizan algunhas explotacións nunha parte das parcelas unha vez ensilado o millo, non estaría xa que logo considerado barbeito, pois non entraría dentro do fixado na norma da nova PAC, aínda que pasen máis de 6 meses de separación entre cultivo e cultivo. – Que ocorre se non se deixan sen labrar os 5 metros de marxes fluviais? – Aínda que non está aínda aprobado o decreto de penalizacións, este incumprimento vai ser considerado unha infracción grave. Con todo, moitas destas franxas en torno aos cauces de auga non aparecen marcadas debido ás deficiencias que ten o SIGPAC nesta campaña a este respecto.

A rotación dentro do mesmo ano na metade das terras cun 10% de superficie labrada con especies mellorantes págase a 85€ por hectárea

A mestura de raigrás e trevo anual en rotación co millo non serve para cobrar o ecorexime Entre as principais novidades que introduce a Política Agraria Común para o período 2023-2027 están os novos reximes en favor do clima, o medio ambiente e o benestar animal (ecorreximes), unha serie de prácticas anuais de carácter voluntario primadas con pagos adicionais. Son dous os principais ecorreximes aplicables nas terras de cultivo, aínda que só un, o de rotación de cultivos con especies mellorantes, se acomoda ben  ao sistema habitual de cultivo do millo en Galicia.
O novo ecorrexime de rotación de cultivos con especie mellorante é a principal novidade para o millo na PAC
A outra posibilidade sería a práctica da sementeira directa, moi pouco habitual aínda en Galicia. Consistiría en non arar para botar o seguinte cultivo e o importe a percibir (87,72€/ha) é practicamente o mesmo que no caso da rotación convencional con especie mellorante (85,72€/ha).
No caso de sementeira directa esíxese rotar o 40% das parcelas, non o 50%, como ocorre no ecorrexime de rotación con especie mellorante
Pódese facer sementeira directa sempre sobre a mesma parcela, unha práctica que se prima con 25€/ha adicionais, pero é necesario igualmente rotar os cultivos. A porcentaxe de rotación sobre o total das parcelas do ecorrexime que se esixe neste caso é do 40%, no canto do 50% que se pide para o cobro por rotación con especie mellorante. – Canto se paga polo ecorrexime? – O importe mínimo estimado está fixado en 85,72€/ha en secano húmido para as primeiras 30 ha solicitadas, e 151,99€/ha para terras de cultivo en regadío para as primeiras 25 ha, cunha posible redución a partir desa superficie en función do número de solicitudes de cobro do ecorrexime que se produzan en cada campaña. A degresividade, en todo caso, está limitada e o importe final a percibir non poderá ser inferior ao 70% do importe planificado inicialmente. O importe calcúlase a nivel estatal, repartíndose o montante económico asignado para esta práctica entre a totalidade das solicitudes, de maneira que a cantidade final a percibir podería ser sensiblemente superior aos 85€/ha establecidos, sobre todo neste primeiro ano, no que se agarda un menor número de peticións. – É necesario contar con dereitos sobre unha parcela para cobrar o ecorrexime? – Non. O cobro polas novas prácticas en favor do clima e o medio ambiente non está ligado a dereitos históricos, senón á superficie da explotación. Non é necesario tampouco acoller toda a superficie da explotación a estes ecorreximes, senón que son de adopción voluntaria, polo que unha explotación que labre 50 hectáreas de millo non ten por que solicitar o ecorrexime sobre a totalidade das terras de cultivo.
As explotacións que se acollan ao ecorrexime deberán cumprir coa BCAM 7 de rotación de cultivos xa nesta campaña
– En caso de solicitar o ecorrexime nesta campaña, esíxese un compromiso plurianual? – Non. O compromiso de cumprimento do ecorrexime é anual e voluntario, polo que o feito de solicitar ou non o ecorrexime nunha campaña non condiciona a as vindeiras, aínda que si o fai o tipo de cultivo que a explotación realice no outono unha vez levantado o millo, xa que será o cultivo principal tido en conta para a solicitude da PAC do seguinte ano. – Hai que rotar todas as parcelas acollidas ao ecorrexime? – Non. Esíxese que como mínimo deben rotar o 50% das terras de cultivo polas que se solicita o ecorrexime, aínda que se cobraría polo 100% da superficie. Admítese como rotación a introdución dun cultivo secundario dentro do mesmo ano.
As explotacións que queiran solicitar o ecorrexime o vindeiro ano deberán sementar un cultivo mellorante neste outono
Como mínimo o 10% da totalidade das terras de cultivo polas que se solicita o ecorrexime deben ser sementadas con especies mellorantes, das cales polo menos a metade serán leguminosas, que se permiten tamén como abonado en verde. – A rotación raigrás-millo serve para cobrar o ecorrexime? – Non. A rotación raigrás-millo cumpriría para a BCAM de rotación de cultivos, sempre que se faga todos os anos, pero non serviría para cobrar o ecorrexime de rotación con especie mellorante, nin sequera cando o que se sementa é unha mestura de raigrás con trevo anual, dado que se esixe que nun 10% da superficie a especie considerada mellorante sexa maioritaria na mestura. – Que especies se consideran mellorantes? – Na listaxe de especies mellorantes admitidas están leguminosas como chícharo, faba, altramuz, feixón, veza ou trevo; crucíferas ou brásicas como colza, nabo ou camelina e outras especies como o xirasol ou o cártamo.
Permítese as leguminosas para abonado en verde 
O trevo só cumpriría, ao igual que distintas mesturas de leguminosas con cereais de inverno, como por exemplo chícharo con triticale ou veza con avea, sempre que a leguminosa sexa a predominante na mestura. – En caso de non ter botado unha especie mellorante neste inverno, pódese pedir o ecorrexime? – Si, pero para cumprir coa esixencia de sementar un 10% de especies mellorantes habería que sementalas esta primavera, reducindo un 10% as hectáreas de millo para sementar a metade desa superficie con xirasol e a outra metade cunha leguminosa de verán (altramuz, faba ou veza, por exemplo). – En caso de incumprimento, cales son as consecuencias? – Este ano non vai haber penalizacións por incumprimento dos ecorreximes, pero nas seguintes campañas se o incumprimento é superior ao 20% da superficie solicitada non se cobraría nada. A penalización é, en todo caso, unicamente sobre o ecorrexime e non afecta ao resto de axudas da PAC percibidas pola explotación. – Que acontece se se botan menos de 10 ha de millo? – No caso de explotacións que labren menos de 10 ha de millo, que están exentas da obriga de rotación de cultivos (BCAM 7), pero que queiran acollerse ao ecorrexime, entrarían nunha rotación simplificada na que non se lles obriga a sementar unha especie mellorante. Neste caso a rotación millo-raigrás dentro do mesmo ano no 50% das terras serviría para cobrar o ecorrexime ou ben ir cambiando cada ano a metade das fincas nas que se bota o millo. – É compatible a axuda agroambiental de produción ecolóxica co ecorrexime de rotación con especies mellorantes? – Si. Pola mesma superficie podería cobrarse o ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes e a axuda agroambiental de produción ecolóxica: 326€/ha nos 2 anos de conversión e 275 €/ha no posterior período de mantemento. – Pode unha mesma explotación solicitar o ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes e o ecorrexime de espazos de biodiversidade? – Si, pero en parcelas distintas. Neste caso a mesma finca non podería cobrar polos dous. O importe será menor no ecorrexime de espazos de biodiversidade (54,06 €/ha fronte aos 85,72€/ha da rotación con especies mellorantes). Para cobrar o ecorrexime de espazos de biodiversidade esíxese unha superficie mínima sen cultivar do 7%, dentro da que computan os distintos elementos da paisaxe (sebes, árbores, pozas, etc). No caso do cultivo de millo, podería optarse por solicitar este ecorrexime en superficies marxinais ou pouco produtivas. Estas zonas de non colleitado, nas que está permitido o uso de fitosanitarios e fertilizantes, deberán estar labradas con un cereal ou unha oleaxinosa e deberán manterse no terreo polo menos até o 1 de setembro. O cobro sería polo 100% da superficie solicitada, incluíndo o 7% sen cultivar e o 93% restante cultivado.  
As marxes fluviais contan para o ecorrexime de espazos de biodiversidade pero non para o mínimo do 4% de terras sen cultivar
Os 5 metros de marxes fluviais non contan para a porcentaxe mínima do 4% das terras de cultivo a superficies non produtivas pero si para o ecorrexime de espazos de biodiversidade. Dase, sen embargo, unha contradición, pois estas marxes de biodiversidade teñen que ser sementadas, pero nas faixas dos ríos e regatos non se pode laborear.

Campaña de ensilado de herba 2023: Menor produción pero boa calidade

Este ano a climatoloxía non axudou para que a herba medrara e estase a notar nos silos. As xeadas do inverno e a falta de chuvia no comezo da primavera mermaron considerable a cantidade de forraxe colleitada, aínda que a calidade está a ser boa. A campaña de ensilaxe de herba avanza en toda a comunidade condicionada polas precipitacións dos últimos días e coa vista posta na sementeira do millo, que xa se iniciou nas zonas máis madrugadoras, como a Mariña de Lugo ou o Xallas na provincia da Coruña, naquelas fincas en rotación con herba nas que non se espera a un segundo corte. A estratexia de sementar antes e con ciclos máis longos estase a levar a cabo tamén en zonas do interior como unha forma de tentar minimizar os efectos da seca no verán, como aconteceu o ano pasado en áreas do centro e sur de Lugo, ou na comarca do Deza, con mermas importantes na colleita de millo forraxeiro.
O monocultivo de raigrás, habitual hai uns anos, está deixando paso a unha variedade maior de especies
A entrada en vigor da nova PAC está a motivar tamén cambios nas decisións de sementeira e nos cultivos escollidos para a rotación anual. As especies mellorantes ábrense camiño, ben en mesturas con cereais de inverno para ensilado, ben como abono en verde para fixar nitróxeno atmosférico e aportar materia orgánica ao chan. O monocultivo de raigrás, habitual hai uns anos, está deixando paso a unha variedade maior de especies, tanto trevos e outras leguminosas como chícharos, vezas ou fabas a brassicas como os nabos. Analizamos como se está a desenvolver a campaña de ensilado en distintas zonas de Galicia:  

“Está habendo producións baixas por falta de auga e moita desigualdade nas parcelas”

Ensilado de raigrás e trevo anual na zona de Chantada nunha parcela en rotación con millo Jorge Meiriño é responsable de cultivos da cooperativa Aira na zona de Chantada, onde os efectos da seca se deixaron notar este ano na herba. “Empezamos a colleitar hai 10 días, aínda que coas chuvias da fin de semana parouse un pouco de segar ata que mellore o tempo e se estabilice, pero estamos tendo producións baixas, similares ás do ano pasado, cunha media de 15 toneladas por hectárea en verde”, calcula. Nesta zona do sur de Lugo está a notarse moita desigualdade nas parcelas. “As fincas máis profundas, que son normalmente nas que se fai rotación con millo, comportáronse moito mellor que outras nas que xa se estaba secando a herba. Volve a haber unha seca enorme, peor ca do ano pasado. A capa freática está moi abaixo. Aquí o chan é franco areoso, non hai arxila, e pérdese moi rápido a auga”, explica Jorge.
Este ano non se puideron facer cortes de limpeza polas xeadas
“Ás pradeiras este ano castigounas a xeada no inverno e despois faltoulles auga”, di. As xeadas fixeron tamén que non se puideran realizar os habituais cortes de limpeza, polo que a calidade da forraxe estaría nun 6 sobre 10, indica. Un só corte nas terras de millo O ensilado estase a producir máis ou menos nas mesmas datas doutras campañas. “Non se pode agardar máis. Aquí xa non imos facer segundo corte, porque estamos a finais de abril e hai que tentar sementar o millo a principios de maio. Non se pode facer moito máis tarde porque estamos limitados pola precipitación e o ano pasado aguantaron as parcelas que se sementaron cedo”, lembra. O parque de maquinaria de Aira traballa moita máis superficie de herba que de millo. “Podemos estar falando do triplo, porque nos últimos anos moitas ganderías aumentaron superficie agraria e deixaron de sementar millo”, argumenta.
O segundo corte é cada vez máis complicado, teriamos que ter un mes de tempo fresco e precipitacións para que a herba non espigue
Por iso, di, os segundos cortes só se poden facer en parcelas onde non se vai a botar millo. “O segundo corte cada vez é máis complicado, dependes moito máis da climatoloxía. Ten que chover e vir tempo fresco para que a herba non espigue”, di Jorge.

“O silo vai ter bastante humidade porque o tempo non permitiu facer bos presecados, pero a calidade vai ser boa”

Na comarca do Xallas e a Barcala, na provincia da Coruña, tamén apostaron este ano por facer un só corte. “Había unha pequena porcentaxe de socios que facía dous cortes, pero co frío do inverno veu todo retrasado e vaise facer un corte só nas fincas con millo”, explica Adrián Cundíns, o responsable de Fonxabar, a cooperativa para xestión en conxunto de forraxes e alimentación do gando das ganderías da zona de Santa Comba e Mazaricos. Forxabar vai ter tamén unha merma na cantidade de forraxe nos silos, aínda que os motivos son distintos ca no caso de Aira. “Aquí non foi por escaseza de precipitacións, senón por todo o contrario, retrasouse polo frío e por moita auga. Este foi un ano atípico e malo para o crecemento da herba”, asegura Adrián.
Foi un ano atípico e malo para o crecemento da herba. Co frío veu todo retrasado e imos facer un corte só nas fincas con millo
En Forxabar ensilaron o raigrás permanente hai tres semanas e as parcelas en rotación con millo o xoves pasado. “Ao ser un corte só, foi un corte longo, con moitos días na terra, e o rendemento foi bo”, explica. Tamén a calidade será boa. “O silo vai ter bastante humidade porque o tempo non permitiu facer bos presecados pero a calidade en xeral vai ser boa”, asegura Adrián. Levantando  a pradeira para sementar o millo En Forxabar basean a ración que reparten ás ganderías leiteiras socias no ensilado de millo, polo que traballan máis hectáreas a este cultivo que a herba. “De forraxes van 40 kg na ración e deles o 75% é millo e o 25% herba”, explica Adrián. Este ano teñen previsto sementar unhas 800 hectáreas a millo. Unha parte delas xa as teñen labradas, aquelas nas que non fan rotación con herba, mentres que nas ensiladas o pasado xoves comezarán nos vindeiros días. “Estamos empezando a levantar para o millo. Con estes días de auga está todo un pouco parado. Xa temos sementado máis ou menos a metade, onde non houbo rotación, e agora fáltanos o que ensilamos a semana pasada. Estamos agardando a ver se estabiliza o tempo, porque choveu moito a fin de semana e vainos retrasar ata o final desta poder poñernos coa terra. Se chove seguirá retrasándose a sementeira”, conta.   Aposta polo cultivo verde nas rotacións A entrada en vigor de novas esixencias na PAC para o período 2023-2027 está a provocar cambios no esquema habitual de rotación millo-herba levado a cabo polas ganderías de vacún de leite de Galicia. “Nós xa fixemos este ano algún cambio. Metemos máis leguminosas. Unha parte do que ensilamos foi só con trevo, 2 ou 3 variedades de trevo, con boa implantación. Noutra parte das terras fixemos cultivo verde, con especies mellorantes como nabo ou outras brassicas, e con chícharos, un tipo de faballón ou calquera leguminosa que entre no rango de forraxeiras e que estea dispoñible no momento da sementeira”, indica.
Non hai moita dispoñibilidade de sementes para facer abono verde, porque son especies que non teñen moito aproveitamento e non se colleitan
“Non hai moita dispoñibilidade, é unha problemática que se vai dar de cara a este ano. Como son variedades que non se colleitan e non teñen moito aproveitamento a non ser para abono verde non hai moita oferta. Os prezos da semente o ano pasado foron desorbitados”, explica Adrián. Aínda que, como consecuencia da excepcionalidade acordada trala guerra en Ucraína, nesta campaña está en suspenso a obriga de cumprir coa boa práctica da rotación de cultivos para poder cobrar as axudas da PAC, prevese que nos vindeiros anos non se poidan deixar baleiras as terras do millo, polo que estratexias como as seguidas este ano por Forxabar converteranse en habituais. “Tal como están os prezos hoxe da sementeira penso que non cubre para cobrar o eco-rexime, pero se é unha obriga xa non é cuestión de que cubra ou non, haberá que facelo para adaptarse ás novas esixencias da condicionalidade e poder cumprir para cobrar a PAC”, argumenta.

“Coas mesturas de cereais de inverno e vezas obtivemos producións maiores en comparación cos primeiros cortes de raigrás”

“Na nosa zona o único limitante que houbo foi falta de chuvias, na Mariña pega moito o nordés e non medrou moito a herba”, explica José Ramón Loza, responsable de maquinaria e cultivos de CLUN, que dispón na Mariña de centro de alimentación (CAVI) e parque de maquinaria pertencente a Irmandiños. “A nivel xeral os primeiros cortes foron moito menos produtivos ca outros anos, acusouse a falta de chuvias de principio da primavera. As calidades están sendo boas pero as producións mermadas”, describe. Na Mariña acostuman facer dous cortes nas pradeiras de raigrás antes de botar nelas o millo. “Xa estivemos abonando para os segundos cortes e con estas chuvias esperamos obter un segundo corte un pouco máis produtivo que os primeiros”, asegura José Ramón. 200 hectáreas de cereal con veza Irmandiños sementou este ano perto de 200 hectáreas de cultivo de inverno a base de cereal e leguminosa, que xa ensilou nas instalacións do CAVI en Vilamartín (Barreiros). “Por aquí estase implantando moito a mestura de cereais de inverno e vezas e con esas fórmulas obtivemos unha produción algo maior, en comparación cos primeiros cortes de raigrás”, indica. A maiores das parcelas que a cooperativa labra directamente, habería que sumar a herba que mandan os socios que non están dentro do servizo de Xestión Integral das terras e que son unhas 150 ha de raigrás e outras tantas de prado natural (nos dous casos a 2 cortes) e 50 ha de cereal-veza (a un só corte).
O cereal ensilámolo por separado, pero os prados naturais imos mesturándoos no silo co segundo corte de raigrás
“Os prados naturais aínda non empezamos a segalos, a previsión é comezar de cara á semana que vén para ir mesturando co segundo corte de raigrás. O cereal si que o ensilamos por separado, pero no caso do prado natural intercalámolo nos silos con cultivo de raigrás”, explica José Ramón. A cooperativa sementará este ano unhas 450 hectáreas de millo, das que a día de hoxe xa levan botadas unhas 70. “Xa temos levantadas as terras onde botamos o cereal de inverno, nas que facemos un só corte. Empezamos a sementalas a semana pasada cunha máquina e a partir de agora incorporamos xa a segunda”, detalla.  

Rotación con leguminosas nas ganderías: vantaxes e claves para o seu cultivo

A rotación con leguminosas é unha práctica realizada en Galicia por algunhas ganderías e que ofrece múltiples vantaxes, ó poder obter unha forraxe de calidade para o gando, así como polos beneficios que poden achegar estas especies para outras colleitas ou mesmo para a saúde dos solos. O aporte de nitróxeno é unha das principais vantaxes que asegura escoller leguminosas como cultivos forraxeiros, como apuntou o enxeñeiro agrónomo e gandeiro Miguel Fernández Labrada durante a súa participación nunhas xornadas realizadas na Granxa Gayoso, dependente da Deputación de Lugo, e nas que se abordaron alternativas forraxeiras para as ganaderías de vacún de leite. Un dos xeitos nos que proporcionar un aporte de nitróxeno ós solos é empregar as leguminosas como abono verde, é dicir, enterralas unha vez que acada o seu ciclo. “Cultivar unha leguminosa para enterrala vai aportar moito nitróxeno ao seguinte cultivo. Por exemplo o chícharo bravo, tamén coñecido como chícharo tremoceiro, así como a faba poden fixar 100 ou 150 quilos de nitróxeno no solo no período de inverno, de outubro a abril”, explica o enxeñeiro. Á marxe das leguminosas, como abonos verdes tamén se adoitan empregar crucíferas coma os nabos, pola súa acción bactericida; así como gramíneas que permiten enriquecer os solos con materia orgánica.
Optar polas leguminosas permite enriquecer os solos polo aporte de nitróxeno que proporciona e deixa dispoñibles nutrientes para outros cultivos
Por outra banda, a simbiose que logran as leguminosas coas bacterias rhizobium, que están naturalmente no solo, permiten un maior aproveitamento do nitróxeno. Como lembraba Fernández Labrada, o nitróxeno é un dos nutrientes máis importantes para o crecemento das plantas, máis necesario para lograr unha boa produción que outros nutrientes como pode ser o potasio ou o fósforo, presentes ambos nos fertilizantes complexos máis empregados. Nitróxeno fixado no solo e dispoñible en función dos cultivos empregados. Á marxe do aporte de nitróxeno que proporcionan, outra das vantaxes do uso de leguminosas é que son especies con raíces profundas, que adquiren nutrientes das capas máis fondas e achéganos á superficie, de xeito que enriquecen a capa superficial para outros cultivos. Ademais, as leguminosas protexen da erosión hídrica e compiten con outras sementes adventicias e conseguen mellorar a actividade biolóxica do solo. “As leguminosas tamén permiten un aporte de nitróxeno e doutros nutrientes dun xeito máis paulatino que cando se empregan fertilizantes químicos”, destaca.

Recomendacións para o cultivo das leguminosas

Algunhas das leguminosas máis empregadas polas ganderías galegas adoitan ser os trevos (branco, violeta, encarnado), a veza, alfalfa, así como os chícharos ou as fabas, entre outras. Unha das primeiras claves a ter en conta para o cultivo destas especies é proporcionar unha fertilización axeitada. “O aporte de nitróxeno non está recomendado para as leguminosas, agás cando non poida obtelo do aire, é dicir nos primeiros días trala sementeira ou logo dunha sega”, especifica Fernández Labrada. Nestes casos, o enxeñeiro agrónomo recomenda unha aplicación de 30 quilos por hectárea. Tamén cómpre ter presente que as leguminosas extraen máis minerais dos solos que o raigrás, especialmente Calcio, Magnesio e Fósforo. Un xeito de proporcionar estes minerais é empregando xurro de vacún de leite. Porén, debe aportarse na presementeira, evitando proporcionar xurro en coberteira, xa que o pisado que se precisa para abonar resulta contraproducente para moitas leguminosas, que logo teñen dificultades para continuar medrando. Ademais a aplicación directa do xurro sobre as leguminosas tampouco é recomendable, polas características destas especies. “O propio xurro pégase máis ás follas, impedindo a fotosíntese e se fai calor e vento pode chegar a crearse un ambiente moi acedo na folla e chegar a queimala”, concreta. Así, de querer aplicar xurro ás leguminosas é recomendable facelo con orballo ou previsión de choivas febles para que a auga o arrastre ata o solo e non quede na planta. Recomendacións de fertilización de leguminosas. Á hora de sementar as leguminosas, débese facer de xeito semellante ós procedementos seguidos con outras especies, aínda que recoméndase enterrar máis aquelas especies que teñan unha semente máis grande. Debe enterrarse sempre 1,5 veces o diámetro da semente. Na sega hai maquinaria que conta xa con rodos pensados para as leguminosas, posto que os acondicionadores de púas en V, pensados para romper os talos das gramíneas como o raigrás, resultan pouco axeitados para as leguminosas. “Usando estas V de ferro podemos chegar a perder case o 7% da biomasa de alfalfa. Por iso, se sementamos leguminosas puras é aconsellable non apertar case o acondicionador ou segar sen el”, explica.

Obter silos de leguminosas de calidade

Para conseguir ensilados de calidade con leguminosas é preciso ter en conta a capacidade tampón destas especies, que adoita ser alta, polo que tende a ser complexo lograr bos ensilados. A capacidade tampón ven determinada polo contido de azucres, polo que a máis azucres maior cantidade de ácidos se producirán. Tamén inflúe a alta cantidade de proteína que teñen as leguminosas, así como de Calcio e Potasio. “Para mellorar o ensilado pódense realizar mesturas con gramíneas e aportar ácidos, con conservantes químicos”, recomenda o enxeñeiro agrónomo. Outro dos aspectos a ter en conta para lograr silo de leguminosas de calidade é o risco de proliferación de clostridios, procedentes da contaminación por terra. Os clostridios consumen o ácido láctico e as proteínas do silo, pero que ademais de empeorar a calidade do ensilado supoñen unha ameaza para a saúde dos animais. “O clostridium crece en forraxes moi húmidos e con pH maiores de 4.2, polo que unha acidificación boa é básica”, concreta Fernández Labrada. Ó ser a presenza de terra un dos contaminantes do clostridios, cómpre traballar con apeiros altos, a máis de 6 centímetro do solo, e contar con prados ben nivelados. Tamén é importante ter as entradas ós silos sen terra.

A rendibilidade económica dos silos de leguminosas

O impacto económico e na alimentación das vacas que proporcionan os silos de herba é un dos factores que determina que sexan unha alternativa pola que apostar nas granxas. Para avalialo é preciso prestar atención a cuestións como a proteína e a enerxía que proporcionan ós animais e o custo que ten o cultivo. A estimación da inxesta de proteína e enerxía calcúlase coa capacidade de inxestión (FND), de xeito que a valores máis alto, a vaca síntese saciada antes e inxire menos quilos de silo ó día, co que a inxesta de nutrientes é menor. Por outra parte, se a forraxe é moi dixestible conséguese unha maior cantidade de nutrientes por cada quilo. Outro dato que será importante ter en conta é a fracción da fibra que a vaca non consegue dixerir (FAD), que debe ser o máis baixa posible. “Con silos con trevo podemos conseguir moi boas calidades e en especial con menor cantidade de fibra, de xeito que se poden aportar máis quilos na ración”, apunta o enxeñeiro agrónomo. Comparativa entre os silos de raigrás e leguminosas coma o trevo anual ou a veza. Compárase a proteína (PF), enerxía (UFL), capacidade de inxestión (FND) e dixestibilidade (FAD). Ademais de no aporte nutricional na ración, os custos de sementeira, fertilización e produción marcan a diferenza entre os silos con leguminosas ou só con raigrás. Un dos gastos máis elevados nos silos de leguminosas é a sementeira, mentres que se reduce de xeito notable o gasto en fertilizantes químicos. Tamén hai que ter presente que cos silos de leguminosas se consegue unha menor produción de materia fresca. “De elixir raigrás a trevo temos unha diferenza de 3.9 toneladas de materia fresca menos. Isto implica que cada tonelada producida custa 16 euros máis”, estima o experto. Así, nunha ración media na que se proporcionen 12 quilos de silo de herba, facelo cun silo de leguminosas suporá 19 céntimos máis por vaca e día. Coa diferenza de calidade que proporcionan as leguminosas o obxectivo sería conseguir un aforro de 435 gramos de penso, é dicir uns 17 euros por tonelada na fórmula ou que a vaca dea 0.2 litros máis, segundo os cálculos do enxeñeiro agrónomo. “Na miña opinión, é bastante fácil conseguir eses obxectivos. Se a FND é menor e a vaca pode comer máis silos, tanto de herba como de millo, e depender menos do penso. A maiores mellórase a dixestibilidade e calidade, polo que tamén pode conseguirse o aumento na produción de leite”, valora Fernández Labrada. Comparativa entre os custos de producir silos de raigrás ou trevo anual.

As leguminosas na nova PAC

A nova PAC tamén terá en conta ás leguminosas, de xeito que no ecoréxime P3, no que se aborda a rotación de cultivos con especies mellorantes, contémplase o pago de ata 85 euros por hectárea por facer rotación de cultivos na metade da superficie, incluír un 10% de especies mellorantes do cal, polo menos o 5% deben ser leguminosas. Ademais disto, o barbeito non pode supoñer máis do 20%. Tampouco será obrigatorio recoller as leguminosas, xa que o uso para abono verde tamén está aceptado. A nova PAC tamén contempla axudas para cultivos proteico (como a alfalfa, veza, avea ou chícharo tremoceiro...). Neste caso o pago é de 60 euros por hectárea, pero non se permite empregalo como abono verde.

Chícharo bravo, un aliado para a produción de trigo autóctono en Galicia

O chícharo bravo (Lupinus albus L.) leva tempo asentado en Galicia e é un cultivo adaptado ás condicións edafoclimáticas de Galicia. “É fácil atopar chícharo de bravo silvestre en solos acedos das catro provincias”, apunta o enxeñeiro agrónomo Fernando Almeida, que participou recentemente nas xornadas sobre esta leguminosa celebradas en Lalín, coa organización do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e da empresa galega de sementes Sementares S.L. Pero malia estar adaptada ao territorio, o chícharo bravo a penas se cultiva en Galicia; por tanto tampouco se están a aproveitar as vantaxes que pode ofrecer esta leguminosa. A crecente demanda asiática de proteína vexetal para a elaboración de pensos está a acaparar a produción de soia dos principais países produtores americanos, polo que cada día resulta de maior interese a produción propia de protexinosas, das que Europa é deficitaria. Unha posibilidade é o chícharo bravo, que se sitúa ao nivel da soia, cunha achega do 40% de proteína. “Países como Australia, Canadá ou Chile son referencias na produción desta leguminosa. A crecente demanda internacional de proteína vexetal de calidade constitúe unha oportunidade de mercado que debemos aproveitar”, apunta Almeida. Á marxe da achega de proteína, o chícharo bravo é unha leguminosa cunha alta dixestibilidade, alto valor enerxético e baixo contido en graxa. Almeida, que acaba de presentar a súa investigación de doutoramento centrada en analizar a rotación sostible de cultivos co trigo autóctono (Triticum aestivum L.), apunta os bos resultados que ofrece o chícharo bravo doce, en especial con este cereal. Alternar o cultivo de trigo e chícharo bravo permite incrementar a produción de trigo, á vez que se reduce o gasto necesario en fertilizantes pola achega que proporciona ao solo esta leguminosa.
Alternar o cultivo de trigo e chícharo de raposo permite incrementar a produción de cereal e reducir o gasto en fertilizantes
Parcelas de ensaio de chícharo bravo e trigo.

Trigo e chícharo bravo, bos compañeiros

Unha das principais vantaxes que proporciona rotar o cultivo de chícharo bravo con trigo é o incremento da produción do cereal, en especial nas variedades autóctonas galegas, como Callobre ou Caveeiro. Así, mentres que co monocultivo do cereal acaba por reducirse a produción ao terceiro ano de colleita, se se alterna con chícharo bravo a produción chega a ser máis do dobre. En concreto, segundo os estudos realizados por Almeida en parcelas de Carral (A Coruña), rotar chícharo bravo con trigo autóctono permitiu obter ata un 62% máis de rendemento de trigo que en monocultivo, en liña con traballos anteriores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), nos que se obtiveran incrementos de ata o 50%.
A rotación con chícharo bravo tamén reduce a incidencia de enfermidades e a competencia de malas herbas, incrementando a rendibilidade do cultivo de trigo
A rotación con esta leguminosa tamén contribuíu a unha redución de enfermidades e malas herbas. “O monocultivo de cereal aumenta a presión das plantas adventicias de similar ciclo vexetativo”, explica Almeida. Doutra banda, para reducir a competencia do chícharo bravo con malas herbas, o enxeñeiro recomenda realizar sementeiras tardías, debido a que se se sementa cedo está máis exposto á competencia. Ademais, recomenda utilizar entre  30 e 35 plantas de chícharo bravo por metro cadrado. Calidade do trigo En paralelo ó aumento de produtividade do trigo, a rotación con chícharo bravo permitiu a mellora en parámetros de calidade do gran, como o peso hectolitro, con incrementos entre o 7 e o 13%, así como o peso de 1.000 sementes con aumentos do 12 ao 15%. Do mesmo xeito que ocorre co rendemento, son cifras máis altas que as que se observaron noutros traballos de investigación similares. En concreto, supón un 2,43% máis que noutros ensaios. Á marxe do incremento da produción, outra das vantaxes que presenta a rotación con determinadas variedades de chícharo bravo é que permiten activar o fósforo en terreos cunha elevada concentración de aluminio, de maneira que o fósforo queda dispoñible para o cultivo seguinte, é dicir para o trigo. “As raíces proteoides dos chícharos bravos branco e amarelo permiten o seu desenvolvemento en solos onde o fósforo se atopa insoluble e queda inmobilizado pola presenza de aluminio. En Galicia, por desgraza, temos moitos solos con estas características”, explica Almeida.
O cultivo do chícharo contribúe a mobilizar o fósforo do solo, de xeito que queda dispoñible para o cultivo seguinte
Diferencias entre parcelas nas que se realizou un monocultivo de trigo e nas que se rotou con chícharo branco. No terceiro ano a rotación ofrece mellores resultados para a produción de trigo.  Desta maneira, combinar o cultivo de chícharo bravo e trigo autóctono tamén supón un aforro en fertilizantes. Nos ensaios realizados por Almeida, o seu cultivo fíxose sen necesidade de ningún tipo de fertilización química. “O chícharo bravo amarelo e o branco son dous cultivos para os que, en moitos casos, non sería preciso a achega de nitróxeno e fósforo ao solo. O Rhizobium -bacterias fixadoras do nitróxeno atmosférico, ligadas ó chícharo bravo- e as raíces proteoides permiten o seu desenvolvemento sen as devanditos achegas”, detalla o enxeñeiro agrónomo.

Portugal, o primeiro mercado para o chícharo bravo galego

Un dos retos que se presentan para o aproveitamento do chícharo bravo en Galicia é conseguir unha saída comercial para a súa produción. A pesar das vantaxes que ofrece o seu cultivo para a produción de trigo, a cuestión é que non se converta nun ano sen rendemento para os produtores. O chícharo bravo doce pode aproveitarse tanto para alimentación animal (e humana), ben sexa como forraxe ou en gran para a elaboración de pensos, pero polo momento en Galicia a penas se está comercializando para estes fins. “Estamos a buscar unha saída para a produción que se está realizando en Galicia en mercados próximos como o portugués”, sinalaba Almeida. Así, máis 15 de produtores agrupáronse esta mesma campaña para producir chícharo bravo de gran doce en diferentes zonas de Galicia e comercializar a súa produción no país veciño. Máis aló doutros condicionantes, a disposición dunha produción estable é un dos factores que poden determinar o interese das industrias de pensos por este gran. Por iso é polo que, como sinalaba Almeida, sería interesante que máis produtores vaian incorporando este cultivo, de cara a abrir un mercado tamén galego. Doutra banda, a crecente demanda de proteína vexetal de calidade para alimentación humana é outra oportunidade de mercado con alto valor engadido.

Alternativas de rotación do trigo con outros cultivos

Na súa investigación doutoral, Almeida, en colaboración coa USC e o CIAM, analizou rotacións alternativas do trigo autóctono, representativas en Galicia, en sistemas convencional e ecolóxico. En concreto, estudouse a inclusión na rotación doutros tres cultivos: a pataca, o millo forraxeiro e a colza. Nesta comparativa, alternar o trigo autóctono, ben sexa en convencional ou nun cultivo ecolóxico, coa colza resultou a mellor opción desde un punto de vista ambiental en canto ao seu impacto nos solos, ao analizar parámetros como a toxicidade ou a eutrofización. No outro extremo, rotar trigo con millo forraxeiro ou pataca presenta un alto impacto ambiental, tanto pola emisión destacada de amoníaco ao aire, no caso do millo; como a lixiviación de nitratos que pode producirse coas patacas. Como mellor opción económica destas tres, valorouse a rotación trigo autóctono - pataca.

Campos de ensaio en Mazaricos de mesturas de herba con leguminosas: Ata un 70% de aforro en abonos nitroxenados

O aumento dos custes de produción no sector agrogandeiro está motivando o desenvolvemento da innovación e da investigación no entorno das materias primas. A mestura para o gando foi o punto de atención da xornada organizada o pasado mércores no concello coruñés de Mazaricos por Fertiprado, en colaboración con Fertiberia Tech, Botica do Xallas e a SAT Busto-Corzón. O obxectivo era amosar sete campos demostrativos diferentes con distintas solucións de mesturas anuais biodiversas de herba, todas elas ricas en leguminosas.

Neste caso examináronse as posibilidades de mesturas de herba para un só corte e caracterizadas pola alta cantidade de produción e por elevados contidos en fibra e proteína. A finalidade destes ensaios centrouse en extraer conclusións a cerca da viabilidade da produción de forraxes propias, baixo as condicións de uso, climáticas e dos solos presentes en Galicia. Os resultados cumpriron as expectativas dos promotores dos campos de ensaio, permitíndoos incentivar a posta en marcha destes cultivos.

Iniciativa, variedades utilizadas e pauta de abonado

 “A adaptabilidade das mesturas biodiversas a Galicia, e a mellora continua dos nosos produtos levounos a promover o desenvolvemento destes campos de ensaio coas posibilidades máis adaptadas a esta rexión”, explica o xestor de produto de Fertiprado, Joel Presa. Deste xeito, o ano pasado, a empresa portuguesa Fertiprado planificou, en colaboración con Fertiberia Tech e a Botica do Xallas, a posta en marcha dun campo de ensaio de cultivos anuais de herba biodiversos, sementando en franxas sete mesturas diferentes. A superficie utilizada forma parte da propiedade da gandería de vacún de leite SAT Busto-Corzón (Mazaricos).

Imaxe das franxas de cultivo de ensaio dos campos de Mazaricos

Para levar a cabo esta comprobación a pé de campo, seleccionáronse sete tipos diferentes de mesturas anuais, seis delas concibidas para a alimentación gandeira, e unha última unicamente de leguminosas destinada á captación de nitróxeno como abono verde para un posterior cultivo de millo.

Na parcela 1 plantouse ‘Speedmix XL’ (30 kg/ha); na 2, ‘Fertifeno XL’ (35 kg/ha); na 3, ‘Avex AC’ (40 kg/ha); na 4, ‘C-Mix AC’ (40kg/ha); na 5, ‘Centauro AC’ (40g/ha); na 6, ‘Tritimix L’ (65kg/ha); na 7, ‘Max AC’, para enterrar e así producir abono verde e captar nitróxeno, nunha proporción de 35 kg/ha.

Dentro das seis primeiras mesturas forraxeiras, destacaron as variedades de leguminosas, tales como o trevo persa Maral, trevo vesiculoso Fertiseta, trevo squarroso Fertirrosa e a veza villosa Amoreiras combinadas con varios tipos de raygras e cereais.

Na parcela unicamente de leguminosas as especies cambian radicalmente pasando a formar parte da mestura variedades como a serradella Orniferti, trevo encarnado Diogene, veza Piedade, tremocilla Mister e Baryt, Altramuz Karo e Rumba.

Estas variedades foron sementadas o 13 de outubro do ano pasado, cunha única pauta de abonado de 500 kg/ha de abono de Fertiberia ‘Corbigran’, introducida o 25 de febreiro de 2022. Neste caso “Fertiberia Tech apostou por unha fertilización máis sostible con menos unidades de aplicación, para que sexa mellor tanto para o gandeiro como para o medio ambiente, sen ter que recorrer a abonos nitroxenados que supoñen un aumento dos custes de produción”, detalla o director rexional de Fertiberia Tech, Nemesio García.

Resultados e conclusións obtidoas: “Redúcense entre un 60 e un 70% os custes de abonado”

 “Aínda falta entre unha ou dúas semanas para rematar e facer o ensilado”, avanza Joel Presa, pero cun ciclo de cultivo case completado, as agrupacións que levaron a cabo o proxecto organizaron unhas xornadas para a presentación dos resultados nos campos demostrativos. O xerente da Botica do Xallas, Pepe Agra, explicou que “cómpre partir da satisfacción percibida pola produción obtida cunha redución dun 60-70% dos custes de abonado”.

Pola súa parte, o presidente da SAT Busto-Corzón, José Manuel Fernández, afirmou que “coa semente de Fertiprado, notamos un aforro bestial este ano porque practicamente non utilizamos nada de purín e apenas abonamos”. Ademais, o gandeiro conclúe facendo fincapé en que “hai unha gran forraxe, e pensamos que imos sacar unha gran cantidade de quilos e cunha gran calidade en base a proteína”.

O punto de vista do xestor de produto de Fertiprado, respalda as percepcións de José Manuel, explicando que “se demostrou que é posible producir forraxes de alta calidade, optimizando recursos e utilizando menos abonos nitroxenados; de feito, obsérvase como herbas como o raygrass ten boa cor e bo tamaño grazas ao aporte das leguminosas e á biodiversidade da semente, polo que en Galicia pódese conseguir producir reducindo costes”.

En conclusión, Joel Presa cree que “este tipo de mesturas biodiversas ricas en leguminosas (MBRL) son unha boa solución para a rotación de cultivos, protección do solo, fomento da biodiversidade e redución da pegada de carbono nas explotacións introducindo prácticas de agricultura rexenerativa”.

As legumes como alternativa á soia na alimentación do gando

A gran dependencia do sector gandeiro das importacións de soia como fonte de proteína vexetal para a elaboración de pensos compostos motiva a procurar alternativas coas que suplir esa carencia, máis aínda nun contexto como o actual, no que as materias primas están a rexistrar unha gran demanda e suba de prezos. A soia experimentou nos últimos meses un importante incremento do valor, pasando dos 320 euros por tonelada no verán do 2020 a cotizarse a 500 euros a comezos deste mes de febreiro. Este incremento está a deixar completamente exposto ó sector gandeiro, con aumentos significativos dos prezos dos pensos. Cómpre lembrar ademais, que Europa ten unha dependencia do 70% de proteína vexetal. Neste sentido o grupo operativo Proteinleg apunta a outras leguminosas, algunhas delas variedades autóctonas e xa adaptadas ó clima galego, como unha opción para cubrir esa necesidade, tal e como explicaron este martes durante a presentación do proxecto e os primeiros resultados que están a obter, nunha sesión online na que participaron algúns dos membros desta iniciativa liderada pola Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).
O obxectivo de Proteinleg é procurar novos alimentos ricos en proteínas vexetais a partir do cultivo sostible de variedades tradicionais de leguminosas
Os principias obxectivos deste grupo operativo, que inclúe a 14 entidades, é procurar novos alimentos ricos en proteínas vexetais a partir do cultivo sostible de variedades tradicionais de leguminosas. Ademais, buscan desenvolver cultivos innovadores, rendibles e eficientes no emprego de recursos. Tamén están a traballar para mellorar a calidade e a cantidade de proteína procedente de leguminosas.

Vantaxes do cultivo de legumes

Os traballos do grupo operativo centráronse en 5 tipos de leguminosas: xudías, fabas, garavanzos, chícharos e chícharos silvestres. A nivel medioambiental estes cultivos, que poden ser fonte de proteína vexetal, teñen importantes vantaxes para os produtores. Así, as leguminosas teñen unhas baixas necesidades de fertilizantes, grazas á súa capacidade de fixación de nitróxeno na terra, o que resulta tamén de interese cos elevados prezos que están acadando os fertilizantes nitroxenados, pola carestía do gas natural. Ademáis, dende o punto de vista agroambiental, as leguminosas son tamén unha vía para mellorar o solo e incrementar a produción en cultivos rotativos. Ademais, diminúen a erosión da terra.

Procurar variedades adaptadas

Unha das primeiras fase do proxecto Proteinleg céntrase en seleccionar as variedades de leguminosas mellor adaptadas a diferentes condicións e zonas climáticas de España, así como en mellorar a produtividade das leguminosas mediante enfoques sostibles. Este traballo de selección das variedades estase a desenvolver por parte do Grupo de Xenética para o Desenvolvemento das Plantas (Devoleg) da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), pertencente ó Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Así, botaron man dos recursos xenéticos cos que conta o centro, recoñecido a nivel europeo pola súa importante colección de sementes, para facer unha selección de variedades tradicionais de leguminosas.
Para as primeiras plantacións experimentais seleccionaron 122 variedades, en especial de xudía e chícharo
Na primeira criba seleccionaron un total de 122 variedades para sementar. En concreto foron 70 variedades de xudías, xa que é tamén a leguminosa da que contan con maior diversidade, ó contabilizar un total de 2.279 variedades locais cultivadas e 122 tipos silvestres procedentes de diferentes orixes xeográficas. A elas engádense 9 variedades de faba, 20 variedades de chícharo tanto de gran como de vaina, 6 de garavanzo e outros 17 tipos de chícharo silvestre, entre as que se inclúen 3 especies que medran de xeito espontáneo en Galicia. As variedades seleccionadas foron plantadas en Almería, en dúas quendas (abril e setembro de 2021), así como en Ourense e Pontevedra, onde se sementou só no mes de xuño dese mesmo ano. Para este cultivo contaron coa colaboración doutros dos socios do proxecto como o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), situado en Ourense; e coa firma Ramiro Arnedo, especializada na investigación de cultivos e cun amplo catálogo de variedades, boa parte delas propias, entre as que se atopa a xudía. Trala súa caracterización agronómica e de avaliar os rendementos e a calidade así como a adaptación e resposta a diferentes tipos de estrés, como a tolerancia á seca ou a resistencia a enfermidades, a selección reduciuse a 23 leguminosas (3 variedades de garavanzo, 4 de chícharo silvestre, 6 de xudía, 6 de chícharo e outras 4 de faba). Con estas variedades fixeron novas plantacións a finais do ano pasado, cuxos resultados avaliarán nos próximos meses.

As legumes máis viables para a alimentación animal

Entre as leguminosas que máis posibilidades presentan para poder converterse en alternativas á soia na alimentación do gando atópanse os chícharos, as fabas e os chícharos silvestres, non só pola súa achega proteica senón por ser alternativas cun prezo competitivo como para empregarse na fabricación de pensos compostos sen que isto dispare os prezos finais. Así é que, mentres os garavanzos e as xudías acadan un prezo medio de máis dun euro, os chícharos sitúanse arredor dos 30 céntimos. O Centro Tecnolóxico da Carne, que xa levou a cabo probas en microparcelas, está a encargarse de avaliar as leguminosas que presentan maiores posibilidades para substituír, ben sexa de xeito total ou parcial, á soia na alimentación do gando. Neste primeiro ano de estudo, xa puideron tamén seleccionar 4 variedades de chícharo adaptadas ó clima galego e coas que lograron calidade do gran e alta produtividade, con entre 2.500 e 2.124 quilos por hectárea.
Seleccionaron 4 variedades de chícharo adaptadas ó clima galego e con producións superiores ós 2.000 quilos por hectárea, que van probar en cultivos en extensivo
Tamén destacan os resultados obtidos por variedades de faba procedente de Andalucía e Extremadura, dúas variedades coas que lograron produtividades de máis de 1.800 quilos por hectárea, o que motivou que fosen seleccionadas para novas plantacións en extensivos. “Ó estar centrados en procurar alternativas para a alimentación do gando precisamos cultivos en extensivo e que poidan ser mecanizados para ser unha opción real”, detalla Lucio García, responsable da área de Producións Agroalimentarias no CTC. Nestes próximos ensaios en extensivo tamén incluirán unha variedades de xudía caupí, orixinaria de Galicia, en concreto de Pontevedra, coa que lograron unha produción de 1.533 quilos por hectárea. Ademais, incluirán 3 variedades de chícharo silvestre, coas que nas primeiras fases tiveron problemas de xerminación, sen que chegase a producirse floración, pero que puideron deberse a unha sementeira tardía, polo que ó tratarse todas elas de variedades galegas, decidiron continuar a investigar. Coas variedades que presenten mellores resultados teñen previsto elaborar pensos específicos para alimentación de porcos e polos, criados en extensivo. Da fabricación dos pensos encargarase a firma Almacenes Gamallo, situada en Ourense e cunha traxectoria de máis de 20 anos. “A formulación do penso farase tendo en conta a dispoñibilidade de alimento que teñan estes animais criados en extensivo”, comentan dende o CTC. As primeiras probas faranse con polos de Mos e con porcos de raza Duroc e Porco Celta. Nestes primeiros meses, en Almacenes Gamallo xa estiveron a facer probas coa elaboración de fariña e granulados que incluían as leguminosas e polo momento está a resultar máis satisfactoria a mestura presentada en granulado. Aínda que as probas continuarán nos vindeiros meses.

Outras liñas do proxecto

Á marxe de analizar as posibilidades que ofrecen as leguminosas para a fabricación de pensos e como alternativa á soia, o grupo operativo Proteinleg tamén está a avaliar as oportunidades que ofrecen estes cinco tipos de leguminosas na alimentación humana, como fontes de proteína vexetal, tendo en conta que a sociedade está a reclamar alternativas ás proteínas de orixe animal que sexan sostibles e saudables. Nesta liña, a firma Mimic SeaFood, especializada en procurar alternativas veganas, apuntou as posibilidades que poden ofrecer as legumes para elaborar alimentos que proporcionen proteína vexetal de calidade. O grupo operativo Proteinleg, que comezou no 2021, conta cun orzamento de 556.947,36 euros e cunha subvención de 552.147,36 euros, o 80% procedente de fondos Feader e os 20% con fondos nacionais.

Seminario online sobre as legumes como fonte de proteína vexetal e alternativa á soia

O grupo Operativo Proteinleg presenta o vindeiro martes, día 15 de febreiro, o seu proxecto de innovación centrado en proporcionar alternativas á proteína de orixe animal e á soia por medio de variedades tradicionais de leguminosas que se cultivarán dun xeito innovador, rendible e eficiente. A base destas legumes procuran novas fontes de alimentos ricos en proteínas vexetais saudables e saborosos.

O proxecto presentarase mediante un seminario online gratuíto e no que participarán representantes das distintas empresas que forman parte da iniciativa e que expoñerán os obxectivos e actividades que están a desenvolver. A iniciativa está confinanciada por fondos europeos e o Ministerio de Agricultura e conta cun orzamento que ronda o medio millón de euros.

O equipo multidisciplinar que participa no proxecto procede de diferentes comunidades autónomas. En concreto está liderado pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e participan Ramiro Arnedo, Almacenes Gamallo, Mimic SeaFood, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) e o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC).

Así, a sesión de presentación do proxecto contará coa intervención de Ángel Sanabria (Feuga), Marta Santalla (MBG-CSIC), Lucio García (CTC), María Ángeles Muñoz (Ramiro Arnedo), Érica Pazos (Almacenes Gamallo) e Silvia Moreno (MIMIC SeaFood).

A presentación levarase a cabo ás 10.00 horas e terá unha duración de 90 minutos. As persoas interesadas poden tramitar aquí a súa inscrición para seguir a sesión, de xeito gratuíto.