Archives

Leite Río sostén que nunca dixo que mantería o prezo no actual contrato

Foto publicada por Carmen Lence no seu perfil de Linkedin o pasado 9 de novembro para defender a súa galeguidade Continúa o cruzamento de acusacións entre Leite Río e as organizacións agrarias polo prezo do leite. Se este xoves Unións Agrarias denunciaba que o Grupo Lence efectúa unha baixada dun céntimo no contrato de compra asinado coas ganderías de decembro a marzo, a empresa contesta que “é falso que estea dicindo unha cousa e facendo a contraria”, como sinalaba a organización agraria, porque “en ningún momento se comunicou ningunha subida nin baixada do prezo do leite” nin fixo “ningunha comunicación oficial nin declaración a este respecto”. O grupo galego, ao que pertencen as marcas Río e Leyma, asegura que paga o leite “por enriba da media de Galicia”. “Isto tradúcese en que as ganderías familiares que traballan con Lence leváronse á súa casa ata o mes de outubro, en conxunto, máis de 2 millóns de euros máis que as que traballan con empresas que pagan como máximo a media de Galicia”, argumenta.
Grupo Lence depende totalmente dos produtores galegos; polo tanto, o compromiso coas ganderías é total e palpable, aseguran
A empresa lucense lembra que “só compra leite en Galicia” e acusa a “outras compañías” de “pagar o leite máis caro fóra de Galicia mentres manteñen prezos baixos nas ganderías galegas”. “O Grupo Lence é a segunda empresa que máis leite compra en Galicia e depende totalmente dos produtores galegos. Por tanto, o compromiso coas ganderías é total e palpable”, asegura.

A relación entre Carmen Lence e as organizacións agrarias ténsase

A tensión entre Carmen Lence, CEO de Leite Río, e as organizacións agrarias foi en aumento nas últimas semanas, despois de que o SLG lle afease que diga defender ás mulleres do rural de Galicia ao mesmo tempo que lles baixe o prezo do leite nos contratos e de que Unións Agrarias emitira unha nota sinalando que lograra parar a baixada dos prezos do leite no campo. A estas acusacións, Carmen Lence contestou o pasado día 9 de novembro cunha “carta aberta” no seu perfil na rede social Linkedin na que, baixo o título Quen son os “galegos de conveniencia”? A verdade tralas medias verdades e as mentiras completas, negaba ter negociado nada con ningún sindicato e defendía a súa galeguidade e a da súa empresa.
Dicía o meu pai que como deixes que os demais che leven a empresa, en dous días non tes empresa (Carmen Lence)
Para o Sindicato Labrego Galego argumentaba: “Que levemos máis de 40 anos creando emprego e riqueza en Galicia, que compremos só a ganderías galegas, que transformemos todo en Galicia deixando todo o valor engadido na nosa comunidade, que paguemos os nosos impostos en Galicia… segundo estes señores, non é suficiente para chamarnos galegos”. En tanto, sobre Unións, dicía: “Pregúntome con quen negociarían estes señores, que ata o de agora non se molestaron nin en chamarnos por teléfono e moito menos en vir negociar nada. Imaxínome que despois de falar coas empresas de fóra que mencionan, non consideraron importante falar coa única empresa galega entre as catro que máis leite recollen en Galicia”, lanzaba a Unións Agrarias.
Unións sinala que Río é unha industria que "nin tan sequera contesta ás reiteradas solicitudes de reunión"
Consultados sobre esta cuestión, desde Unións Agrarias sinalan que lle solicitaron a mediados de ano unha reunión a Río a través da súa organización de produtores (Ulega), "á que a día de hoxe segue sen contestar". "Temos reunións cotiás coa maioría das industrias, logo poderemos chegar a acordos ou non, pero Río nin tan sequera contesta ás reiteradas solicitudes de reunión", sinala Óscar Pose, que insiste en que a industria se comprometeu coas granxas a non baixar o prezo en decembro, en relación ó de outubro. "Maior compromiso que ese non pode haber", conclúe.

“Vivo mellor ca se fose funcionaria; ogallá me tivera decidido antes a traballar na gandería”

A semana pasada, na que se celebraba o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Río de Galicia, marca pertencente ao Grupo Lence, celebraba a segunda edición do seu programa Gandeiras con Actitude Río, na que xuntou a unha vintena de mulleres pertencentes a distintas ganderías galegas provedoras da empresa láctea lucense. Entre as asistentes a estas xornadas, que buscan contribuír ao empoderamento feminino e a que vaian gañando espazos de responsabilidade e decisión nas ganderías, había mulleres de distintas idades e procedentes de distintos tipos de explotacións, pero todas comparten un sentimento común: “somos imprescindibles nas explotacións”, aseguran. Falamos con tres delas, Quiara Pardiñas, socia de SAT O Palomar (Láncara); Julia Fernández, titular dunha gandería no Corgo; e Maite Vázquez, traballadora de SAT San Antonio (Palas de Rei). As tres están orgullosas de traballar no rural e valoran a independencia e a liberdade que lles aporta. Motivación e autoestima É a segunda edición deste programa de apoio ás mulleres que traballan nas explotacións lácteas galegas e que terá continuidade, segundo avanzan desde Río de Galicia. Ademais do seu carácter formativo, esta iniciativa pretende ser un lugar de intercambio de experiencias e de relación entre mulleres gandeiras.  Gandeiras con Actitude Río pretende contribuír deste xeito á valorización do traballo feminino no agro, un traballo sempre presente pero moitas veces silenciado. Esa realidade, sen embargo, agora está cambiando, como explica Cristina Dopico, responsable do Departamento de Campo da empresa lucense.
Recollemos leite en 350 explotacións de toda Galicia e poido dicir que no 100% delas traballa unha muller
“Recollemos leite en 350 explotacións de toda Galicia e poido dicir que no 100% delas traballa unha muller, xa sexa directa ou indirectamente. A súa labor é esencial e queremos axudarlles a que adquiran ferramentas útiles no seu día a día, contribuíndo á súa autoestima, á súa motivación e ao seu crecemento persoal”, indica. A posta en marcha deste programa é unha mostra, di, do compromiso do Grupo Lence coa igualdade. “A igualdade é un feito moi notorio na propia empresa, onde moitos dos departamentos clave están dirixidos por mulleres”, salienta. Quiara Pardiñas, socia de SAT O Palomar (Láncara)

“Para min cambiarme para o rural foron todo vantaxes; estou moi contenta de terme ido para a gandería”

Hai 4 anos que Quiara cambiou a profesión para a que estudara, perruqueira, pola gandería. Incorporouse á explotación na que o seu home, Odón, tomara o relevo dos seus pais, SAT O Palomar, de Láncara.    “Traballaba en Lugo de perruqueira pero cando me quedei embarazada decidimos que o mellor era que eu me fose traballar tamén á granxa, e a verdade é que estou moi contenta, non me arrepinto para nada desa decisión”, di.
Eu non tiña nada que ver co campo, nin sequera vivía no rural, só ía as fins de semana cando ía ver á miña avoa
Quiara non se criara no rural pero hoxe non o cambiaría por ningunha cidade. “Eu non tiña nada que ver co campo, nin sequera vivía no rural, só ía as fins de semana cando ía ver á miña avoa, pero para min o de cambiarme para o rural foron todo vantaxes. Estou moi contenta de terme ido para a gandería, porque teño outra independencia e poido criar ao meu fillo nun ambiente totalmente san”, afirma. O día a día de Quiara comeza deixando ao seu fillo Antón no colexio. Despois vai para a granxa, onde se ocupa de atender aos animais que están na enfermería. “Miro temperaturas e vexo se hai que poñer calcio, vitaminas ou algún outro tratamento. Levo ese control a primeira hora e despois ocúpome da parte administrativa. Esa parte non me gusta tanto como tratar cos animais, pero a día de hoxe as ganderías temos que botar moitas horas co papeleo”, quéixase.
A día de hoxe a muller ten un papel moi importante nas ganderías, somos imprescindibles e estamos logrando que nos valoren
Quiara considera que a día de hoxe “a muller ten un papel moi importante nas ganderías, penso que somos imprescindibles e estamos logrando que nos valoren como ten que ser, igual que a un home. Na nosa granxa sempre se contou moito coas nosas opinións, tanto a miña como a da miña sogra; sinceiramente creo que mandamos máis ca os homes a día de hoxe”, asegura. Por iso, di, “paréceme moi interesante que se organicen xornadas coma esta por parte da empresa que nos recolle o leite, onde se recoñece o papel tan importante que realizamos as mulleres nas ganderías”. Quiara é das gandeiras máis novas nestas xornadas de formación e faino co ánimo de "desconectar un pouco da rutina e aprender" porque, di, “sempre se aprende algo das demais e da súa experiencia”. Julia Fernández, titular dunha explotación no Corgo

“Hai mulleres que se defenden tan ben coma os homes e explotacións que quedaron nas mans de mulleres e van para arriba”

Julia Fernández leva toda a vida traballando na explotación familiar, ubicada no Corgo, pero as vacas non estiveron nunca ao seu nome, ata fai un ano, cando o seu home, Fermín, se tivo que xubilar por enfermidade. “Tivo un brote de artrite e a explotación pasou ao meu nome”, explica Julia. A súa situación era a habitual hai 30 anos en Galicia, unha realidade que está a mudar hoxe co avance da cotitularidade nas explotacións. “Os meus pais tiñan vacas de carne na casa, pero cando nos casamos decidimos pasarnos ao leite; xa levamos máis de 30 anos producindo leite”, conta.
Julia é hoxe a titular da explotación familiar despois da xubilación hai un ano do seu marido por enfermidade
Julia destaca as posibilidades de conciliación que ofrece o traballo agrario. “Eu criei aos meus fillos e coidei aos meus pais e á miña avoa. Atendía a casa e axudaba na gandería. Sempre levamos ben o traballo entre os dous”, di, aínda que ás veces sexa difícil atender a todo: “igual che é hora de recoller aos nenos ou de facer a comida e hai un parto, hai días complicados”, recoñece. Foi o propio Fermín o que a animou a apuntarse á segunda edición das xornadas Gandeiras con Actitude Río, que buscan incrementar a autoestima feminina no sector. “Hai mulleres que se defenden tan ben coma os homes e hai ganderías que quedaron nas mans das mulleres e van arriba igual, eu non vexo que un home teña máis importancia que unha muller nunha explotación”, afirma Julia.
Nunha explotación hai que traballar, é certo, pero podes obter unha rendibilidade coma en calquera outro sector
Para continuar producindo leite nos vindeiros anos e poder adaptarse ás actuais normativas, a súa granxa necesitaría de novas instalacións, recoñece, pero ao non ter o relevo asegurado prefiren non facer eses investimentos. “Temos dous fillos, pero teñen outros traballos. Eu estaría encantada de que algún continuara pero debe ser unha decisión deles. E é certo que as vacas hai que muxilas todos os días, é máis suxeito que outros traballos, pero podes obter uns ingresos igual que en calquera outro sector. Eu nunca tiven falta de nada, o que moitas veces teño é falta de tempo para ir gastar algo, iso si”, bromea.   Maite Vázquez, traballadora de SAT San Antonio (Palas de Rei)

“Libro unha semana completa ao mes; teño unhas condicións laborais que moitos envexan”

Maite Vázquez vivía no rural pero nunca traballara na gandería ata hai dous anos, os que leva como empregada en SAT San Antonio, de Vilar de Donas, en Palas de Rei. “Entereime de que buscaban xente, fun alí, probei e estou encantada”, di. Ela atopou no sector agrogandeiro unha saída laboral. “Para min é un traballo coma outro calquera. Son do rural pero non tiña ningunha experiencia nisto, porque non tiñamos vacas na casa. Ogallá me tivera decidido antes a traballar no sector”, afirma. A labor de Maite céntrase en muxir. “Vou polas mañás, lévanos arredor de tres horas, e cando acabamos marcho para a casa e despois volvo outra vez á hora de muxir pola tarde”, explica. Comparativamente con outros empregos que tivo antes, di, “foi unha mágoa que isto non se me tivera ocorrido antes, porque tes unha independencia e un horario que non tes en ningún outro traballo”, destaca.
Teño un horario que che dá unha liberdade total á hora de poder facer outras cousas
“Traballamos tres semanas, cun fin de semana polo medio, e despois libramos unha semana completa ao mes, con fin de semana incluído. Para min o horario está moi ben, porque unha semana de vacacións ao mes non a tes en ningún outro traballo, iso dache unha liberdade total á hora de poder facer cousas. A verdade é que realmente hoxe teño unha vida moi privilexiada e unhas condicións laborais que moitas persoas do meu entorno envexan; vivo mellor ca un funcionario”, recalca.   A falta de man de obra é un dos problemas máis acuciantes das explotacións a día de hoxe. Sen embargo, Maite non entende como a xente non quere traballar nunha granxa: “É un traballo no que non colles pesos, non é un traballo canso, e pasas frío ou calor coma noutro traballo calquera. As vacas dan olor si, e acabas de traballar e teste que duchar, pero igual que se traballaras nunha peixería”, argumenta.
Somos tres mulleres na explotación e o ambiente de traballo cos nosos compañeiros é moi bo
SAT San Antonio está formada por 5 socios, entre as que está tamén Pili, que acompañou a Maite ás xornadas organizadas por Río de Galicia. “Animámonos a vir as dúas e merece a pena, porque as ferramentas persoais que adquires neste tipo de cursos ábreche outras expectativas para o futuro en moitos ámbitos da vida. É interesante que outras mulleres veñan e as adquiran tamén”, di.   O ambiente de traballo na explotación é algo que tamén quere destacar Maite. “Somos tres mulleres, Pili, Ana e máis eu, e a relación cos nosos compañeiros é moi boa; eu estou como se estivera na miña casa”, salienta.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial do Grupo Lence

O Grupo Lence celebra a segunda edición do seu programa de empoderamento feminino ‘Gandeiras con Actitude Río’

Nas xornadas participan mulleres procedentes de distintas ganderías galegas Tralo éxito da primeira convocatoria, celebrada en 2021, Río de Galicia, marca 100% galega pertencente ao Grupo Lence, levará a cabo esta semana, mañá xoves 9 de marzo e o venres 10 de marzo, a segunda edición do programa Gandeiras con Actitude Río, que busca contribuír ao empoderamento da muller nas explotacións lácteas. Cunha vintena de gandeiras participantes, a cita terá lugar no Forum Ceao de Lugo. As dúas xornadas servirán para que as participantes poidan compartir os seus desafíos e inquietudes. Nesta ocasión, a encargada de dinamizar as sesións será Ana Raquel Fernández, coach profesional certificada de Elite Coaching Center. Os obxectivos do programa Gandeiras con Actitude Río xiran ao redor dos compromisos da compañía coa sustentabilidade do rural galego, a loita contra o despoboamento e o fortalecemento da cadea de valor. Desde a empresa buscan seguir potenciando espazos onde a muller do rural se sinta apoiada, comprendida e poida compartir experiencias do seu día a día.
As participantes traballarán aspectos como o autoliderado, a comunicación e a motivación para ofrecerlles ferramentas, coñecementos e recursos para loitar contra o illamento da muller rural
Do mesmo xeito, o propósito de Gandeiras con Actitude Río é empoderar ás mulleres que se dedican á gandería láctea, ofrecéndolles ferramentas, coñecementos e recursos. Tamén se busca loitar contra o illamento social que poden padecer, froito das condicións nas que desenvolven o seu traballo. Nas dúas xornadas da segunda edición de Gandeiras con Actitude Río, as participantes traballarán aspectos como o autoliderado, a comunicación e a motivación. Todo se celebrará nun espazo común de confianza para compartir situacións e experiencias do seu ámbito profesional e persoal. Maioría de mulleres no Comité de Dirección da empresa Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Grupo Lence compartiu nas súas redes sociais unha publicación destacando o compromiso da compañía coa igualdade. A empresa láctea galega subliña que, a pesar de que aínda quede moito traballo por realizar para eliminar as desigualdades de xénero no mundo, son necesarios avances neste camiño e xestos que sirvan de exemplo, como o feito de que o 71% do Comité de Dirección do Grupo Lence estea formado por mulleres, entre elas a CEO da compañía, Carmen Lence.

‘É leite, é Leyma’: O relanzamento dunha marca emblemática para Galicia que cumpre 60 anos

Leyma, empresa que forma parte do Grupo Lence desde 2005, presenta a súa nova campaña, É leite, é Leyma, na que pon en valor a importancia de levar acompañando durante as últimas seis décadas ás familias e á sociedade galega e tendo a honra de ser “o leite de Galicia por excelencia”.

Esta ambiciosa aposta de Leyma no contexto do seu 60 aniversario e o lanzamento do seu novo packaging, terá repercusión en todo tipo de formatos e dispositivos: desde televisión, prensa online e papel, ata instalacións exteriores na vía pública.

Con É leite, é Leyma, ademais, a marca continúa fomentando o consumo de leite 100% galego nun momento de grandes incertezas para o sector lácteo debido á escaseza de materia prima. A aposta pola produción e transformación de leite de ganderías galegas é para Leyma a forma de vertebrar ao territorio.

Leyma leva traballando con ganderías familiares galegas máis de 60 anos, creando valor para o rural e para Galicia (Carmen Lence)

“Leyma leva traballando con ganderías familiares galegas máis de 60 anos, creando valor para o rural e para Galicia”, explicou a CEO da compañía, Carmen Lence. “Estamos orgullosos da diferenza que achega esta empresa no sector lácteo, e queremos concienciar aos consumidores e á sociedade galega da necesidade de apoiar ao sector lácteo galego, importantísimo para a nosa economía e para a soberanía alimentaria da nosa rexión”, relatou.

Compromiso coa orixe e a tradición

O novo packaging de Leyma recupera a emblemática vaca que acompañou os seus envases desde 1962

Leyma presentou recentemente o seu novo packaging, co que recupera a súa emblemática vaca que acompañou á marca desde a súa creación en 1962, cando inaugurou a súa primeira central leiteira na Coruña. Agora, co inicio de 2023, presenta a campaña É leite, é Leyma, que contén unha peza audiovisual coa que evoca a historia da compañía acompañando ás familias nos seus fogares desde hai décadas.

Queremos concienciar aos consumidores e á sociedade galega da necesidade de apoiar ao sector lácteo galego, importantísimo para a nosa economía e para a soberanía alimentaria da nosa rexión

“Leyma conta cunha gran tradición e recoñecemento entre as marcas lácteas, sendo parte da vida diaria de moitas familias da nosa comunidade, tal e como mostramos na campaña”, destacou Carmen Lence. “É leite, é Leyma pon en valor que Leyma é o leite galego por excelencia”, sentenciou Carmen Lence.

“Continuaremos apostando polo leite 100% gallego a pesar da escaseza provocada polo descenso de produción no campo”

Carmen Lence nunha das dúas plantas de envasado de Leche Río no Ceao (Lugo)

O Grupo Lence, a pesar da escaseza de materia prima no campo, segue apostando polo leite 100% galego, comprando e envasando só leite procedente de ganderías galegas. “A situación tenderá a normalizarse e pouco a pouco recuperarase a produción, aínda que o mercado seguirá tensionado durante varios meses, xa que leva un tempo o que as xatas que se están criando hoxe se convirtan en vacas produtoras de leite”, sinala Carmen Lence.

A pesar desta circunstancia, o Grupo Lence non prevé en ningún momento que haxa “desabastecemento dun ben tan necesario”, pero a responsable da empresa que envasa como principais marcas Río de Galicia e Leyma considera que a “sociedade ten que ser consciente do que supón producir un litro de leite”.

O grupo Lence recolle perto de 300 millóns de litros de leite ao ano en 350 ganderías galegas

A compañía, que manexa case 300 millóns de litros de leite comercializados ao ano, é a única empresa galega entre as 6 empresas lácteas máis grandes de España. “Somos unha empresa comprometida con crear unha diferenza positiva para a nosa comunidade, mantendo a nosa forza produtiva en Galicia, colaborando con ganderías familiares galegas. O rural ten un gran futuro se conseguimos facelo atractivo para a seguinte xeración”, sentencia a presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence.

Previsión de que o prezo do leite continúe subindo

A desigualdade existente neste momenton entre oferta e demanda de leite non está a ser o único problema á hora de encarar as circunstancias actuais, xa que “a espiral inflacionaria fixo que 2022 fose un ano duro, con constantes subidas do prezo do leite en orixe que non se puideron trasladar na súa totalidade aos nosos clientes. De feito, o leite no campo subiu máis dun 45%, pero a previsión é que a alza interanual alcance o 70%”, comenta Carmen Lence con respecto á situación dos prezos do leite en orixe, mentres que “o aumento de prezo no lineal foi próximo ao 27%, unha cifra elevada, pero case 20 puntos inferior á alza de prezo no campo”, explica. “Isto pon ás empresas nunha situación de ter que mellorar a eficiencia para poder manter a rendibilidade”, expón a presidenta do Grupo Lence.

O leite no campo subiu máis dun 45%, pero a previsión é que a alza interanual alcance o 70%

A compañía, que conta con tres plantas de produción e traballa diariamente con máis de 350 explotacións gandeiras do rural galego, o 75% dun tamaño mediano e pequeno, compra e transforma toda a súa produción en Galicia, sendo a terceira empresa compradora por volume de recollida de leite na comunidade, o que a convirte nunha empresa clave para o sector lácteo galego.

“Segundo o último informe sectorial elaborado polo Observatorio Galego de Calidade Alimentaria, Galicia consolídase como primeira comunidade produtora de leite de España. Hai que ter en conta que produce máis do 40% do leite que se consome en España”, lembra Carmen Lence.

 

Leyma reposiciona a súa marca para defender o valor de consumir leite galego

Novo packaging de Leyma, que recupera a imaxe da vaca que acompañou a marca desde a súa creación en 1962 Leyma, como marca emblemática do leite galego, recupera a tradición nunha nova etapa na que quere defender o valor de consumir leite producido e transformado en Galicia nun momento de grandes incertezas para as ganderías. "Se algo representa aos galegos é o orgullo e o respecto que sentimos polo noso, e Leyma é un exemplo de vinculación co territorio que leva acompañando aos consumidores dende 1962”, explica Carmen Lence, a CEO do Grupo Lence, ao que pertence a marca e a planta de Arteixo na que se envasa desde a súa compra a Puleva no ano 2005. A compañía busca recuperar a tradición que hai detrás dun produto de primeira necesidade como é o leite, coa sostibilidade do sector e a necesidade de apostar polo produto local: "a única maneira de manter vivo o sector lácteo galego", asegura.
Queremos apoiar aos gandeiros e gandeiras nun momento de grandes incertezas para o sector lácteo e o campo de Galicia
Desde a súa fundación fai 60 anos, Leyma contribúe a que o 40% do leite consumido en España sexa de orixe galego, destaca a presidenta do Grupo Lence. Con todo, matiza, "na propia comunidade galega, só a metade deste 40% pertence a empresas 100% galegas", polo que asegura que Leyma busca "apoiar aos gandeiros e gandeiras nun momento de grandes incertezas para o sector lácteo e o campo de Galicia". Líder en leite pasteurizado Para esta nova etapa, a compañía recupera a imaxe da súa emblemática vaquiña, que acompañou a Leyma dende a súa creación no ano 1962, cando inaugurou a súa primeira central leiteira na cidade da Coruña, e que será a protagonista do novo packaging da gama de produtos, xa dispoñible nalgúns puntos de venda.
Leyma comeza unha nova etapa recuperando a imaxe da vaca nos seus cartóns
Deste xeito, Leyma busca evocar a infancia de moitos galegos e galegas, así como achegar a tradición e a orixe ás novas xeracións. “Queremos que Leyma siga sendo unha marca inspiradora reflexo do leite de sempre”, asegura Carmen Lence. Leyma, con forte implantación no sector da hostalaría, é líder en leite fresco pasteurizado, cuxo consumo está a aumentar nos últimos anos paseniñamente entre os consumidores, pero estando moi lonxe aínda do nivel doutros países europeos, onde o leite UHT é minoritario. 

O Grupo Lence, propietario de Leche Río e Leyma, incrementou as súas vendas un 6% en 2021 até os 153 millóns de euros

Grupo LENCE, a única empresa láctea galega que está entre as 6 máis grandes de España e comercializadora de marcas como Leche Río e Leyma, creceu ao peche do exercicio de 2021 algo máis dun 10,1% no que aos ingresos consolidados se refire, pasando dos 139,3 millóns de euros obtidos en 2020 aos 153,5 do pasado ano, segundo informa a compañía luguesa. O beneficio bruto de explotación (EBITDA) situouse en 4,9 millóns de euros, un dato superior ao de 2020, que se viu impactado polas consecuencias da pandemia. Carmen Lence, CEO de Grupo LENCE, valora moi positivamente os resultados deste exercicio, xa que "malia a escalada de prezos en conceptos como a enerxía, as embalaxes ou o custo da materia prima que sufrimos desde xuño do 2021, conseguiuse incrementar a facturación e a rendibilidade con respecto ao exercicio anterior. Este é o resultado das políticas de mellora continua iniciadas no 2020, que inclúen a dixitalización, a optimización de custos e outros proxectos que foron claves na consecución destes resultados e así mitigar o efecto da inflación".  Grupo LENCE, con sede en Lugo, é un grupo familiar adicado á alimentación desde 1975. A súa principal área de actividades a  comercialización de produtos lácteos a través de varias marcas propias, entre elas Leyma e Río de Galicia. Conta para iso con tres plantas de produción e traballa diariamente con 450 explotacións gandeiras do rural galego, o 75% dun tamaño mediano e pequeno.

Guerra de prezos do leite entre Lence, Reny Picot e Celta

O leite segue a revalorizarse de xeito importante no campo ao tempo que se mantén a tendencia alcista dos produtos industriais nos mercados internacionais e que o brick de leite ao consumidor segue a subir nos supermercados empurrado pola alta inflacción. Esta situación estáse a trasladar ás ofertas de compra en orixe que están a facer as distintas empresas en Galicia. A maioría dos gandeiros renovaron os seus contratos no mes de abril, pero algúns rematan contrato neste mes de xuño e están a recibir estes días ofertas con prezos base de entre 47 e 48 céntimos nunha especie de subasta entre industrias por captar máis leite que coloca aos gandeiros nunha posición de forza á hora de negociar que poucas veces se viviu no sector. 
Continúa a demanda de leite e a pugna entre empresas que xa se viviu en marzo por roubarse provedores
É o caso dos contratos que están a ofrecer nalgúns casos Leite Río, Reny Picot e Leche Celta, involucradas neste momento nunha guerra de prezos por facerse con novos provedores. Esta pelexa está a xerar prezos diferentes entre gandeiros que entregan á mesma empesa, con diferenzas mesmo de até 5 céntimos con respecto ao que están a cobrar os produtores que asinaron contrato no mes de abril. 
Inleit tivo que respostar a ofertas doutras empresas para reter a algúns dos seus ganderios
A demanda actual de leite levou tamén a que algunhas empresas, caso de Entrepinares, decidiran actualizar motu proprio e ata en dúas ocasións os contratos asinados este ano coa intención de reter aos seus proveedores. Inleit, por exemplo, tivo que respostar a ofertas doutras empresas para reter a algúns dos seus gandeiros, que tiñan ofertas superiores doutras industrias. Noutros casos a renovación tocaría no mes de agosto e neste momento estanse a producir xa movementos iniciais previos que apuntan a unha suba no prezo base por enriba dos 45 céntimos. 

Volatilidade

Pero a alta volatilidade actual do mercado de produtos lácteos está a facer tamén que os prazos dos contratos se acurten, con novas ofertas de só tres meses de duración, á espera dunha posible corrección nas cotizacións no mes de setembro. Ante o temor a unha caída brusca, as empresas están a pechar compras a curto prazo con prezos elevados, o que está a provocar cambios momentáneos de compañía nalgunhas ganderías e que a disparidade de prezos se incremente en función do momento de sinatura do contrato.  
Os prezos dos produtos industriais seguen altos nos mercados internacionais
Malia a demanda de leite existente, algunhas empresas, caso de Nestlé, seguen a manter nos seus contratos cláusulas de penalización por sobrepasar o tope de entregas fixado, mentres noutros casos, como Entrepinares, permítese aos gandeiros que incrementen a súa produción, que é absorbida polo aumento do volume de leite transformado que está a experimentar a planta de Vilalba. 

A Xunta recomenda contratos de longa duración

A suba que se está a producir nos prezos en orixe está logrando compensar o encarecemento nos custos de produción das granxas, con subas notables este ano nos prezos dos insumos para alimentación do gando, na produción de forraxes e no custo enerxético. 
A suba do prezo do leite está a servir para compensar o encarecemento de pensos, fertilizantes, gasóleo e electricidade
Tanto, que desde a Xunta recomendan aos gandeiros pechar contratos a longo prazo. O propio conselleiro do Medio Rural, José González, manifestábase a favor de tratar de consolidar o prezo actual do leite a través de contratos de maior duración. "Chegou o momento de ir a contratos de máis dun ano, contratos de catro ou 5 anos de duración", recomendou aos gandeiros presentes nas últimas xornadas organizadas por Africor Lugo a mediados deste mes de xuño. 
Chegou o momento de consolidar a suba no prezo do leite con contratos de catro ou cinco (José González, conselleiro do Medio Rural)
Pero tanto as industrias como os propios gandeiros son reticentes neste momento a asinar contratos de longa duración, no primeiro caso ante o temor a unha depreciación nas cotizacións dos produtos industriais e no segundo por medo a que os custos de produción se sigan incrementando exponencialmente cara a final de ano ao sumarse factores como a guerra de Ucraína e a mala colleita en Castela.

Pouca diferenza co prezo do leite ecolóxico

A suba que está a experimentar o prezo do leite en orixe nas granxas convencionais está a aproximalo ao prezo do leite ecolóxico, unha tendencia que tamén se está a dar noutros países europeos. En Francia, por exemplo, o prezo do leite convencional está neste momento por enriba do prezo do leite ecolóxico, debido a un incremento no número de granxas que fixeron a conversión nos últimos anos e a un estancamento no consumo.  En Galicia non chega a eses niveis, pero a diferenza de prezo habitual hai uns anos, duns 10 céntimos, reduciuse neste momento a un par de céntimos como moito. De feito, en función das calidades e de outras primas como as de benestar animal ou medioambiente, hai granxas convencionais en Galicia que están a recibir neste momento un prezo final que se aproxima aos 50 céntimos, unha cifra na que se moven hoxe en día tamén as granxas ecolóxicas que entregan tanto a Lactalis como a Celta. 
Tanto Lactalis como Celta están a renovar os contratos coas súas ganderías a un prezo base por enriba de 50 céntimos
As ganderías que entregan a súa produción de leite ecolóxico a Lactalis e finalizaban o seu contrato o 1 de agosto renovaron por adiantado con data 1 de maio e ata o 30 de abril do 2023 a un prezo base de 48,5 céntimos (3,7% de graxa e 3,15% de proteína), máis unha prima por volume de 1,5 céntimos e 0,6 por benestar animal, o que sitúa o prezo final por enriba dos 50 céntimos.  No caso de Leche Celta, para os contratos que rematan neste mes de xuño, a oferta que a empresa achegou hai 15 días ás granxas mantén o prezo base en 0,51 céntimos máis calidades (0,3 céntimos a décima a partir de 3,70% de graxa e 3,10% de proteína). 

A maioría das explotacións lácteas lograron manter en 2021 a súa marxe de beneficio grazas a unha maior eficiencia

Os autores do estudo, Jacobo Feás e Carlos Carbonell, xunto a Carmen Lence e José Balseiros, durante a presentación de resultados do proxecto Smart4milk nas instalacións de Leite Río no Ceao Nun momento de custos elevados e marxes axustadas como o actual coñecer con detalle os gastos fixos e variables da granxa é esencial para poder manter a rendibilidade das explotacións lácteas. Ese é precisamente o obxectivo do proxecto Smart4milk, posto en marcha polo grupo Lence en 18 das súas ganderías provedoras e que este mércores presentou os seus resultados. Unha das principais conclusións do estudo realizado durante os anos 2020 e 2021 (e que non ten por tanto en conta a situación creada trala invasión rusa de Ucraína) é que moitas explotacións conseguiron practicamente manter o ano pasado a súa marxe de beneficio grazas a unha maior eficiencia e un aumento da produtividade por animal, aínda que esta tendencia non foi xeralizada e un terzo das ganderías analizadas acabou con perdas o ano pasado.
A marxe de beneficio das explotacións mantívose en torno ao 5%
A pesar do encarecemento das materias primas, que incrementaron os custos de alimentación un 6,58% e de subministracións un 12,07%, as ganderías lograron que o seu resultado antes de impostos se mantivese en torno ao 5% (5,47% en 2020 e 4,96% en 2021), diluíndo o aumento de custos cunha maior produción de leite.
O prezo de venda do litro de leite incrementouse neste período un 2,3%
Desta forma, o custo total de produción por litro de leite deste grupo de ganderías pasou de 37,23 céntimos no ano 2020 a 37,38 céntimos no ano 2021, segundo os datos medios do conxunto de ganderías, mentres os ingresos totais das granxas por litro de leite pasaron de 39,39 céntimos a 39,42. O prezo do litro de leite incrementouse neste período un 2,3% e a marxe de beneficio situouse en torno aos 2 céntimos por litro, segundo o estudo impulsado por Leite Río.

Ingresos

O ingreso total por litro de leite das ganderías estudadas foi en 2021 de 39,42 céntimos, computando venda de leite, animais, subvencións e outros ingresos. A venda de leite supón o 85,83% do total de ingresos das explotacións, mentres o cobro de subvencións (incluída a PAC) representa un 6,5% e a venda de animais (tenreiros, xovencas e vacas de desvelle) equivale ao 4,98%.
A venda de leite supón case o 86% dos ingresos das ganderías, mentres as subvencións equivalen ao 6,5%
O prezo medio final cobrado polas 18 explotacións analizadas en 2021 foi de case 34 céntimos, con 26,4 millóns de litros comercializados e un valor de venda total de máis de 9 millóns de euros.

Custos

No lado dos custos, os gastos variables representan o 57,3% do custo operativo das granxas (22,47 céntimos por litro de leite), dentro dos cales a alimentación das vacas supón o 65,9%, a alimentación da recría o 6,6%, os cultivos o 13,9%, a sanidade e xenética o 9,2% e as camas o 3,3%.
A alimentación de vacas e xovencas e os custos de persoal son as dúas principais partidas de gasto
Dentro dos gastos fixos das explotacións, que supoñen o 26,87% do custo operativo (10,59 céntimos por litro de leite), os gastos de persoal representan o 54,9%, as subministracións o 15,4%, as labores de mantemento o 15,5%, os alugueiros o 3,7% e outros gastos xerais o 10,7%.

Datos non extrapolables

Malia que dentro das 18 ganderías participantes hai unha mostra representativa dos diferentes modelos de explotación existentes en Galicia, tanto en sistemas de produción (intensivo, semiextensivo e pastoreo), tamaños de explotación (SATs con máis de 400 vacas, explotacións familiares e granxas de menor tamaño) así como tipo de xestión (tarefas agrarias con maquinaria propia e subcontratada, alimentación propia e externalizada mediante mestura húmida), os datos non serían extrapolables ao 100% ao conxunto de Galicia, xa que “o simple feito de querer participar no proxecto xa implica unha predisposición para innovar e traballar coas novas tecnoloxías e a dixitalización da granxa e tamén fai que a idade dos titulares das explotacións sexa menor á media da comunidade”, argumentan os autores do estudo.
Na análise de datos e a obtención de conclusións participaron a USC e a multinacional farmacéutica MSD
O proxecto Smart4milk consiste na implementación do programa de xestión TecniCow nas ganderías provedoras do grupo Lence para permitirlles coñecer os custos reais de produción e axudarlles a ser máis eficientes.
TecniCow é un software que permite ao gandeiro calcular os custos de produción e os beneficios económicos finais da súa explotación
No proxecto participan un total de 18 ganderías de Río e Leyma das provincias da Coruña e Lugo, que colaboraron achegando datos e obtiveron a cambio un informe personalizado sobre a situación da granxa e os aspectos a mellorar. O estudo compara 2020 e 2021 e non ten en conta a alza de prezos provocada pola guerra de Ucraína. Os seus autores non se atreveron a aventurar se os resultados poderían variar notablemente cos datos do 2022. “É evidente que subiron os custos pero tamén subiu o prezo do leite e habería que analizar os datos e ver o resultado”, aseguran.  

“Hay unha relación directa entre produción por vaca e ingresos da explotación”

Carlos Carbonell, técnico de ruminantes de MSD no norte de España, é un dos técnicos que participou na análise de datos do proxecto Smart4milk. Pon o foco en lograr maior produción por vaca e en estruturar a explotación en función do número de cabezas e a man de obra dispoñible. Para diluír os custos fixos unha das estratexias seguidas polas explotacións é o de incrementar a produción, tanto pola vía do aumento no número de animais como na súa produtividade media.
As ganderías tentan diluír en incremento de custos por medio de aumentos de produción por vaca
“Para lograr o efecto de minimizar os custos dunha granxa é fundamental incrementar as unidades de venda, é dicir, cantas máis unidades de produción teñamos máis eficientes seremos”, asegura. Aínda que Carlos matiza que o dato máis representativo á hora de analizar os resultados das distintas ganderías é o dos litros por vaca máis que o de vacas por explotación. “Por cada tonelada de leite que dá máis unha vaca son 350 euros de ingresos máis que logra a granxa. Hai unha relación directa entre produción por vaca e ingresos da explotación”, asegura.
En 2021 a media de litros de leite vendido por animal presente maior de 24 meses foi de 9.810, 400 máis que o ano anterior
“Comparando 2020 e 2021, os gastos variables soben e os fixos redúcense. Iso é mérito das ganderías pola mellora da produtividade. Lograron máis litros de leite por vaca, e iso fixo que se compensara o incremento de custos do ano 2021. Os gandeiros gastaron 186 euros máis en vaca por alimentación (un 13,9% máis), pero cada vaca produciu 400 litros máis de leite e iso logrou diluír eses custos”, explica. “O tamaño non importa tanto” “Os rabaños, en xeral, tamén medraron”, indica. Aínda que matiza que “o tamaño importa pero non tanto”. “Pesa máis a produción por animal que a produción total da granxa. As granxas pequenas non teñen por que ser menos eficientes, porque o tamaño pesa para o bo e para o malo”, argumenta.
As granxas pequenas non teñen por que ser menos eficientes
No que si incide Carlos é en que “as explotacións teñen que estar estruturadas, o que non pode ser é unha explotación de 100 vacas con 5 empregados”, exemplifica. “Estrutura a túa granxa en función da túa man de obra dispoñible”, aconsella, xa que “hai que ser moi eficientes nos litros por traballador, porque os custos de persoal pesan moito”, indica. “O exceso de recría pode xerar un problema financieiro, sobre todo en anos coma este” De cada 100 euros de ingresos totais en 2021, 84,17 quedáronse no funcionamento da granxa: gastos fixos (persoal) + variables (forraxes, penso, cultivos). Debido ao seu peso sobre o gasto total, “optimizar os custos en comida é fundamental”, indica, “sempre pensando que á vaca hai que coidala e que sacarlle cousas que a vaca necesita non é interesante nin recomendable”, engade.
Dar para comer a unha porcentaxe alta de xovencas que non necesitas pode ser un gasto moi custoso
“Cada gandeiro debería ter unha estratexia para a compra e para o prezo das materias primas. No estudo vimos que hai ata 80 euros de diferenza por tonelada nos custos de alimentación entre as ganderías máis eficientes con respecto ás menos”, detalla.
A venda de tenreiros de cruces cárnicos é unha oportunidade que axuda a mellorar os ingresos da explotación
Por iso, di, “o exceso de recría é un problema porque dar de comer a unha porcentaxe alta de xovencas que non necesitas pode ser un gasto moi custoso”. Recomenda botar man dos novos avances en xenética e do seme sexado para garantir a recría dos mellores animais e incrementar os ingresos pola venda de tenreiros de cruce. “Hai tecnoloxía para poder cubrir a recría e vender tenreiros cruzados ao mesmo tempo. Isto é unha oportunidade que non te fai rico pero axúdache”, asegura. Asegurar a tesourería en anos malos Carlos Carbonell quixo deixar tres mensaxes aos asistentes ao acto e que dixo ter escoitado doutros gandeiros: “Dos tempos de crise sáese máis reforzado; as vacas canto máis lles dás, máis che devolven; e aprender para mellorar”. “Fóra de aquí hai comunidades que non son tan eficientes coma vós porque non tiveron as crises de prezo que tivestes aquí nos últimos anos. Iso fíxovos mellorar e ser competitivos”, asegurou ao grupo de gandeiros que participaron no proxecto. 
É necesario asegurar a gasolina do negocio para superar anos complicados coma este
Pero para poder superar eses anos malos, recomenda “asegurar a tesourería”. “Para que o tractor ande ten que ter gasolina. Neste caso a gasolina é a tesourería dunha gandería. En anos coma este 2022 hai que asegurar a gasolina”, conclúe.

“O investimento medio das ganderías é de 5.000 euros por vaca e a metade xa está amortizado”

Jacobo Feás, profesor de Economía da USC no Campus de Lugo, encargouse de analizar os investimentos realizados polas explotacións participantes no estudo, así como os seus activos principais. Un dos datos extraídos é que o investimento medio por explotación, sen ter en conta o investimento en terras, é dicir, só en construcións e maquinaria, sitúase preto dun millón de euros, aínda que “hai unha variación moi grande entre granxas que vai depender tamén do tamaño da explotación”, explica. Para minimizar a desviación resultante do tamaño da gandería, o investimento por vaca situaríase en 5.052 euros de media.
As explotacións diminuíron os investimentos a partir de 2021
O maior investimento nas explotacións realizouse en torno ao ano 2019, do mesmo xeito que en 2021 reducíronse estes investimentos en melloras. “Sería máis interesante un investimento constante pero hai picos en función de circunstancias diversas. Quizais teña que ver coa existencia de axudas públicas, o prezo do leite e as expectativas de cara ao futuro. A efectos de liquidez ou resultados pode non ser factible investir agora pero quizais poida ser interesante a efectos de produtividade en función da situación da granxa”, razoa Jacobo. Un de cada catro euros destínase a maquinaria En canto á análise dos activos das explotacións, a distribución é a seguinte: 13% construcións, 41% naves dos animais, 5% instalacións, 22% maquinaria, 7% vehículos, 12% outros activos.
Un 50% das instalacións das ganderías xa están amortizadas
Unha mensaxe que Jacobo quere transmitir é que “non existe unha estrutura óptima, existen múltiples combinacións ou estratexias por parte das explotacións en función das súas circunstancias” e pide valorar opcións como o alugueiro. Tamén pon o foco en variar o destino dos investimentos cara á tecnoloxía e a dixitalización. “A análise de datos tennos que servir para ir mellorando en cada un dos aspectos. Estamos a facelo ben pero podémolo facer mellor. Este tipo de software ten que axudar a mellorar a eficiencia das explotacións para que sexan máis competitivas. Enfrontarse a ese cambio tecnolóxico é moi importante e supón un esforzo”, conclúe. Cada explotación ten unha media de 3 préstamos O perfil de endebedamento que teñen neste momento as explotacións lácteas mostra que o 93% das ganderías ten algún préstamo e que en conxunto cada granxa ten de media 3 préstamos.
O 55% dos préstamos solicitados polas ganderías están pendentes de devolver e a media de amortización é de 35.000 euros ao ano
A media dos investimentos solicitados é de 182.000 euros, dos que 100.000 están pendentes de pagar. O tipo medio que pagan é o 2,59%, aínda que varía sobre todo en función do prazo de devolución do préstamo. Os préstamos de máis de 5 anos representan o 90% e Jacobo recomenda axustar o prazo de devolución dos créditos á vida útil dos investimentos e calcular o nivel de endebedamento por animal.

A AICA abre expediente sancionador a Lactalis, Leite Río e Celega polos contratos asinados no ano 2020

A Axencia de Información e Control Alimentario vén de abrir expediente sancionador a tres empresas que recollen leite en Galicia por irregularidades nos seus contratos. En concreto, as industrias sobre as que actuou o organismo público dependente do Ministerio de Agricultura son Lactalis, Leite Río e Celega. Os expedientes parten das denuncias presentadas no ano 2020 pola asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla ao detectar que os contratos de compra do leite aos produtores non cumprían co estipulado na lexislación ao efecto. En concreto, a AICA dá a razón a Agromuralla en canto a que os contratos presentados por Lactalis, Leite Río e Celega "non inclúen os extremos que como mínimo deben conter os contratos alimentarios", en concreto, o precepto 23.1.b) da Ley 12/2013 da Cadea Alimentaria.
Agromuralla pide á Axencia de Información e Control Alimentario que actúe de oficio, sen obrigar aos gandeiros a  denunciar e enfrontarse á empresa que lles recolle o leite
No caso de Celega, a maiores, a infracción ten que ver con "realizar modificacións no prezo incluído no contrato que non estean expresamente pactadas polas partes", segundo se detalla nunha comunicación que acaba de recibir Agromuralla por parte da Axencia encargada de vixiar o cumprimento da legalidade en materia agroalimentaria. Agromuralla seguirá "vixiante" diante dos contratos asinados este ano A través dun comunicado, Agromuralla mostra a súa satisfacción pola actuación do organismo dependente do Ministerio de Agricultura, a quen pide sen embargo "que actúe de oficio vixiando o cumprimento da lei e en defensa dos dereitos dos produtores, sen que teñan que ser os propios gandeiros os que se vexan obrigados a denunciar, tendo que enfrontarse ás empresas que lles recollen o leite".
Nunha situación de custos disparados de produción como o actual é esixible o cumprimento estrito da Lei da Cadea, que establece que o prezo pagado debe cubrir eses custos de produción
Con todo, a asociación de gandeiros e gandeiras xa anuncia que se manterá "vixiante" e levará ante a AICA "todas aquelas situacións que vulneren a normativa e supoñan un motivo claro de indefensión para os produtores". "Non imos tolerar ningún abuso por parte das industrias. Nunha situación de custos disparados de produción como o actual é esixible o cumprimento estrito da Lei da Cadea, que establece que o prezo pagado debe cubrir eses custos de produción", conclúe Agromuralla.

Milkchain, sistema de trazabilidade certificada na industria láctea para asegurar a orixe do leite

Carmen Lence, durante a presentación do proxecto Milkchain nas instalacións de Leche Río O Grupo Lence, ao que pertencen as marcas Río e Leyma, lidera o proxecto Milkchain, que busca desenvolver un sistema de trazabilidade certificada na industria láctea para asegurar a orixe do leite, así como a calidade e eficiencia dos procesos industriais relacionados co procesamento do produto. En palabras de Carmen Lence, trátase dun proxecto que pretende dar á consumidores información certificada e fiable sobre o leite que consomen, o que supón un avance importante que situará ao consumidor no centro da estratexia das marcas do grupo.
Carmen Lence destaca a necesidade de innovar en toda a cadea de valor do sector lácteo
O vicepresidente económico da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou este mércores as instalacións do Grupo Lence no polígono do Ceao, onde coñeceu de primeira man os avances do proxecto, subvencionado a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). 1,2 millóns de euros de orzamento Milkchain conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 75% (case 950.000 euros) a través do programa Conecta Hubs, posto en marcha para apoiar proxectos colaborativos nas áreas de traballo dos Dixital Innovation Hubs de Galicia considerados estratéxicos, orientados ás cadeas de valor dos sectores primario e alimentación, biotecnoloxía e saúde, automoción e TIC.
10 ganderías proveedoras de Leche Río monitorarán distintos parámetros da súa actividade diaria
Na actualidade hai un total de 11 proxectos financiados a través desta convocatoria, na que participan 45 empresas, na súa maioría pemes, que mobilizan un investimento próximo aos 10 millóns de euros, aos que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina 6,4 millóns de euros. Trátase de proxectos de dixitalización, investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación en procesos e produtos nos que traballan 226 profesionais altamente cualificados, dos que 29 son postos de traballo de nova creación. Colaboración entre empresas O Grupo Lence lidera este proxecto no que tamén participan outras empresas galegas, en concreto: Proymaes (O Porriño), dedicada á automatización industrial e maquinaria especial; Innogando (Abadín), do sector da innovación e a tecnoloxía para o gando; Himikode (Lugo), especializada en intelixencia artificial e analítica de datos; e PS Vet (Boqueixón), unha consultoría veterinaria especializada no control da calidade hixiénico-sanitaria do leite. A iniciativa conta tamén coa colaboración de 10 ganderías que entregan a Leche Río e a finca experimental do Campus Terra en Lugo.
No proxecto participan tamén as empresas galegas Proymaes (O Porriño), Innogando (Abadín), Himikode (Lugo) e PS Vet (Boqueixón)
O proxecto Mikchain ten un prazo de execución de 27 meses, e supón a creación ou mantemento de 27 postos de traballo (8 novas contratacións). A iniciativa desenvolverá unha plataforma na nube a través de tecnoloxías habilitadoras como big data ou intelixencia artificial que se utilizará para procesar e almacenar todos os datos que se recompilan na actividade diaria dunha granxa, por exemplo, de robots de muxido ou relacionados coa temperatura do tanque, o nivel de residuos ou o transporte. E sobre esa información é sobre a que se poderán tomar logo tanto decisións a nivel de granxa como a nivel industrial.

O Grupo Lence e a UNED de Lugo, unidos pola formación de futuros profesionais

Momentos previos á sinatura do convenio de colaboración nas instalacións do Grupo Lence no polígono do Ceao, coa presenza de Carmen Lence, Ana Traseira, Jesús García (director de operacións do Grupo Lence) e Carlos García (director do proxecto NaturalMente da UNED de Lugo)

O Grupo Lence, que engloba entre outras actividades a transformación láctea baixo marcas como Río de Galicia ou Leyma, asinou este mércores un convenio de colaboración coa Universidade Nacional a Distancia (UNED) que permitirá ao medio cento de alumnos universitarios do grado de Químicas realizar as súas prácticas nos laboratorios cos que conta Leite Río. 

Este acordo, que pon de manifesto o compromiso do principal grupo empresarial lácteo galego coa formación dos estudantes lucenses, permitirá que os alumnos do centro asociado da UNED en Lugo non teñan que desprazarse a outros centros limítrofes, como A Coruña, Pontevedra, Ourense ou Ponferrada, para realizar as prácticas obrigatorias de laboratorio, que pasarán a desenvolverse nas dependencias da factoría Ceao II de Leite Río, ubicada no polígono industrial lucense. Deste xeito, os estudantes poderán dispoñer dunhas instalacións dotadas da última tecnoloxía para a realización das súas prácticas formativas.

Ao mesmo tempo, logo da sinatura este mércores dos tres primeiros convenios de prácticas para a formación dos estudantes de Química da universidade lucense nas dependencias de Leite Río a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence, e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, explicaron que a colaboración entre ambas entidades tamén permitirá a estudantes doutras titulacións levar a cabo prácticas curriculares e extracurriculares na sede do grupo empresarial lucense.

A colaboración é un dos valores do Grupo Lence e estamos moi orgullosos de prestar as nosas instalacións para a formación de futuros profesionais

“A colaboración é un dos valores do Grupo Lence: colaboramos cos nosos equipos, provedores, clientes e, como non, con institucións como a UNED. Estamos moi orgullosos de achegar as nosas instalacións para a formación de futuros profesionais”, declarou Carmen Lence trala sinatura do acordo.

O Grupo Lence mantén tamén unha estreita colaboración con outras institucións académicas, como por exemplo a Universidade de Santiago, dentro do seu programa piloto Smart Milk para axudar ás súas ganderías provedoras a ser máis eficientes, e tamén a través da Aula de Produtos Lácteos do Campus Terra, destinada á investigación de novos produtos derivados do leite. 

Leite Río mantén acordos tamén coa USC para axudar ás súas ganderías a ser máis eficientes e coa Aula de Produtos Lácteos do Campus Terra para a investigación de novos produtos derivados do leite

Pola súa banda, a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, agradeceu a Carmen Lence a súa sensibilidade e compromiso coa formación universitaria dos lugueses e manifestou a importancia deste acordo, posto que este ano será o primeiro que se poida ofertar este servizo ao alumnado. Ademais, incidiu na importancia de establecer sinerxías co tecido empresarial que poidan abrir portas e ofrecer oportunidades laborais aos novos titulados.

Preocupación polo medio ambiente e responsabilidade social

Ambas entidades manifestáronse moi satisfeitas co acordo e xa están a estudar novas vías de colaboración, entre as que se encontra o asesoramento en materia medioambiental, dada a coincidencia de obxectivos neste eido entre o Grupo Lence e a UNED. 

O grupo lucense ten un compromiso firme co rural galego a nivel económico, social e medioambiental

Os responsables da Universidade a Distancia detallaron a Carmen Lence e Jesús García os obxectivos do seu proxecto #LugoNaturalMente, que obtivo catro distincións nacionais en materia de sostibilidade no último ano e que ten tres eixos principais de actuación, como son a loita contra o cambio climático, a posta en valor do patrimonio natural e ambiental da provincia e a divulgación e promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 da ONU, aspectos que comparte o Plan Estratéxico de Leyma e Leite Río, coa sostibilidade económica, social e medioambiental do rural galego como aspectos fundamentais a acadar. 

“Traballamos tanto coma os homes, pero mandan eles”

Participantes na primeira das sesións do programa de empoderamento e liderado para gandeiras O Grupo Lence vén de poñer en marcha un programa novidoso que busca fomentar o empoderamento e o liderado das mulleres á fronte das explotacións leiteiras, onde a presenza feminina é importante pero onde moitas veces o seu poder de decisión é aínda limitado. Foi a radiografía debuxada por 20 mulleres de outras tantas ganderías galegas que participaron programa, que chega este venres ao seu remate e que lles serviu para poñer en común o seu día a día. A iniciativa, na que tamén participa a Cruz Vermella, consta de tres sesións para compartir experiencias e gañar en autoestima e confianza. “A valoración social comeza pola autoestima e a valoración dunha mesma”, asegurou Alejandra Mosteiro, que traballou durante 11 anos no departamento de Recursos Humanos de Inditex e que foi a encargada de guiar a primeira das xornadas de posta en común.
A valoración social comeza pola autoestima e a valoración dunha mesma
Pero o camiño da igualdade non é doado. A maiores do traballo nas granxas, as mulleres cargan na maioría dos casos co traballo doméstico e coa responsabilidade do coidado dos fillos ou as persoas maiores  “Hai que saber pedir axuda e saber decir que non tamén”, recomendoulles Alejandra, coach da empresa Extend e presidenta de Aecop Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa no eido do liderado e o emprendemento.  Elsa, Genma, Mari, Ángeles, Nazaret, Sandra, Rosa, Vanesa, María, Maricarmen, Cristina e Adriana son todas gandeiras con inquedanzas comúns e problemas semellantes, pero con situacións tamén distintas. Algunhas levan soas as explotacións, outras son cotitulares xunto aos seus maridos ou outros familiares, e noutros casos son simples traballadoras dunhas sociedades das que non forman parte. Falamos con algunhas delas para poñer nome á situación real da igualdade de xénero no medio rural.

“O meu home é o 75% na toma de decisións”

Ángeles ten 44 anos e forma parte co marido e a sogra de Granxa Riveira SC, en Cambás (Aranga). Teñen 420 cabezas, das que 185 son vacas en produción. Aínda que comparten titularidade da explotación e traballo diario, Ángeles recoñece que o seu marido Alberto “é o 75% na toma de decisións”.
Temos dous fillos aos que non lles interesa moito a gandería, é algo que nos preocupa
Ángeles decidiu participar no programa de liderado e empoderamento de mulleres organizado polo Grupo Lence, ao que venden o leite, “para escoitar as inquedanzas doutras mulleres e sentirme acompañada, porque ás veces non sabes como afrontar situacións que che xorden e iso lévate á frustración porque tes sensación de soidade e de medo. Nós temos dous fillos, un de 18 anos e outro de 15, aos que non lles interesa moito a gandería, iso é algo que nos preocupa”, recoñece.

“A xestión da granxa recae sobre min”

Maricarmen forma parte da SAT Murado Portela, situada en Baltar (A Pastoriza) xunto a un irmán e unha irmá que non traballa na granxa. O de Maricarmen é un caso pouco frecuente aínda en Galicia, pois malia que os tres irmáns participan da sociedade a partes iguais, a xestión da explotación e a toma de decisións recae sobre ela. “O meu irmán Toño leva o traballo máis físico e a maquinaria, pero a xestión do persoal e o papeleo lévoo eu, aínda que nas decisións sobre investimentos participamos os dous”, explica. A SAT constituiuse hai 12 anos con seis socios froito da unión de dúas casas da parroquia pero en abril do ano pasado separáronse.
Aínda que os tres irmáns participan da sociedade a partes iguais, a xestión da explotación levaa Maricarmen
“Ao desfacerse a sociedade quedamos con ela nós, os tres irmáns, mercámoslle a súa parte á outra familia e quedamos con todo, coas ganancias e coas débedas, e neste momento de custos de produción altos estamos tentando aguantar”, conta Maricarmen. A explotación está formada por 405 cabezas totais e 240 animais en produción e atópase nunha das zonas leiteiras de Galicia por excelencia, onde non abundan as fincas nin os empregados para traballar nas granxas. “Temos un problema de base territorial, non nos chegan as fincas para nada, e tamén de man de obra. Nós temos catro empregados, todos de Senegal, porque de aquí non se atopa, pero facíanos falta outro traballador máis para poder sacar algo de traballo do lombo”, recoñece.
SAT Murado Portela moxe 240 vacas e ten 4 empregados a turnos de mañá e tarde
Maricarmen ten un fillo, Antón, de 18 anos, que está estudando o primeiro dos catro anos en Fonteboa coa intención de incorporarse á explotación. “Eu non lle privo de facelo, pero quero que se forme”, di.

“Ás veces arrepíntome de ter seguido eu soa”

Rosa María Neira ten unha explotación ao seu nome en Santiago de Saa (Lugo) con 40 vacas en muxidura que atende ela soa. “Levo traballando na gandería desde os 15 anos e teño 44. A explotación estaba a nome do meu pai e desde hai 5 anos estou eu á fronte. Pero ás veces arrepíntome de ter seguido eu soa. Bótame unha man o meu home, pero traballa fóra, e ata agora aínda me axudan moito os meus pais, pero dentro de pouco non me van poder axudar”, razoa. “Esa é unha preocupación que me vén todos os días: como vou facer eu soa na granxa. Non lle vou pedir ao meu marido que deixe o seu traballo para axudarme e o sector está moi mal agora como para meter un empregado, case non gaño para min como para contratar un traballador”, di.
Non teño empregados, fágoo eu todo, e estoume perdendo moitas cousas de facer coa miña filla porque non teño tempo libre
 “Estás en tensión todo o día porque te ves soa pelexando. Levo desde os 15 anos traballando nela e non quero deixar perder todas as instalacións que creamos nese tempo. Pero preocúpame o futuro da explotación e ás veces plantéxome se non foi unha decisión equivocada ter tomado o camiño de seguir coa explotación eu soa. Rumio moito con iso todo o día. Teño unha nena de 10 anos e non teño gaña ningunha de que se quede na explotación, de feito, estou feliz de que non queira saber nada e farei todo o posible para que non quede na gandería”, di.

“Traballo nela todos os días pero non formo parte da sociedade”

Mari Abelleira é autónoma e traballa na SAT Emilio do Jaime de Xustás (Cospeito), na que o seu marido, Emilio, é socio xunto ao seu irmán e os seus pais. “Empecei a traballar na granxa hai 12 anos, cando me casei. Ao principio traballaba menos, pero agora desde que atendo os cativos e fago o traballo da casa, o resto do tempo dedícollo á explotación”, explica.
Empecei a traballar na explotación hai 12 anos, cando me casei, pero sigo sendo autónoma, non estou de cotitular
Sen embargo, Mari segue estando dada de alta como autónoma e non forma parte oficialmente da SAT, aínda que traballa nela todos os días dando o leite aos becerros, facendo o traballo administrativo da granxa ou cubrindo os turnos de muxido cando falta un dos catro empregados cos que contan para atender as 326 vacas en produción que teñen. “Eu vou traballar pero non tomo decisións de investimentos ou dese tipo. Mantéñome á marxe porque xa son moitos a decidir e hai xa moitas opinións”, di.

 “É difícil que as normas que pos se cumpran e que che fagan caso”

Genma ten 47 anos e forma parte de Gandería Cordeiro SL, de Arcillá, en Cospeito, con dous robots de muxido e persoal externo contratado. “É difícil que as normas que pos se cumpran, que che fagan caso. Moitas veces acabas facendo as cousas ti porque non as fan os demais”, asegura.
As mulleres gandeiras sentímonos moitas veces pouco valoradas polo entorno que nos rodea
“Hai que lograr que as normas sexan consensuadas para que sexan aceptadas e se cumpran, buscando que o equipo de traballo se comprometa”. Foi o consello que lle deu Alejandra Mosteiro, acostumada a tratar con directivos de multinacionais e grandes empresas. Pero as mulleres do rural galego son moitas veces altas executivas con pouca autoridade.

“Cando vas a unha gandería cun contrato para recoller o leite, quen te atende sempre é un home”

Cristina Dopico é desde hai dous anos a responsable do departamento de campo do Grupo Lence (Leite Río e Leyma). Desde o seu posto é plenamente consciente da situación da muller nas explotacións galegas, pois coñécea de primeira man. “A igualdade avanza moi lentamente. Das 450 ganderías ás que lles recollemos o leite, nin o 2% están dirixidas por mulleres. É unha mostra representativa a nivel galego, xa que temos explotacións grandes, pequenas e medianas. A maioría das incorporacións ao sector seguen sendo de homes e cando vas a unha gandería cun contrato para recoller o leite, quen te atende sempre é un home, esa é a realidade que temos e que queremos cambiar”, di.
Este proxecto novidoso, posto en marcha por Leite Río e Cruz Vermella, busca fomentar o empoderamento e o liderado das mulleres á fronte das explotacións
Ese é o obxectivo do programa de empoderamento posto en marcha, incentivar que as mulleres comecen a dirixir as explotacións en igualdade de condicións que os homes, e que a igualdade de xénero e de oportunidades vaia gañando terreo no sector agrogandeiro, igual que o fai noutros ámbitos da sociedade.
Moitas das mulleres gandeiras que participan non se coñecían de antes
A idea do programa é servir para que Adriana e Nazaret, de Castro de Rei; María, da Capela; Cristina, de Cospeito; Vanesa e Elsa, de Lugo ou Alejandra, de Portomarín, que en moitos casos non se coñecían de antes, poidan seguir xuntándose para compartir vivencias e darse apoio mutuo unhas ás outras.    “Buscamos compartir experiencias e aprender das demais, saír da rutina e ver cousas novas, escoitar as inquedanzas doutras mulleres e sentirnos acompañadas. E tamén ter unha mañá para nós, algo que non nos podemos permitir habitualmente”, resumen.  

Carmen Lence: “Dúas de cada tres persoas que abandonan o mundo rural son mulleres”

Carmen Lence, durante o encontro organizado pola Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE)

A Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) recuperou este luns os seus Encontros-Coloquio FEDEPE presenciais, por primeira vez desde o inicio da pandemia, con Carmen Lence, CEO do Grupo Leite Río, sexta empresa española en comercialización de leite UHT, como convidada.

Carmen Lence lamentou que “dúas de cada tres persoas que abandonan o mundo rural son mulleres” e defendeu o seu compromiso coas mulleres do rural galego. “Están a quedarse sen servizos e ademais de traballar nas explotacións familiares, soportan a carga doméstica”, dixo.

Comprometida coa igualdade e o liderado feminino tanto no mundo da empresa como á fronte das ganderías, Carmen Lence quixo poñer en valor o programa piloto de Leite Río para axudar a 20 mulleres gandeiras a gañar en empoderamento, autoestima e poder de decisión nas explotacións das que forman parte. “Hai que traballar xuntas para que cada día esteamos máis preto da igualdade de xénero”, defendeu.

A fenda salarial no noso caso é positiva porque hai máis mulleres en postos de calidade e administración que en postos de operario e loxística

En canto á situación laboral das mulleres no Grupo Leite Río, Lence asegurou que “a fenda salarial no noso caso é positiva porque hai máis mulleres en postos de calidade e administración que en postos de operario e loxística”.

Crear valor no sector lácteo galego

Durante a súa intervención, Carmen Lence, única muller á fronte dunha empresa láctea entre as sete máis importantes de España e gañadora este ano en Galicia do Premio Muller Empresaria CaixaBank 2021 pola súa “visión estratéxica, capacidade de innovación e liderado transformador” , lembrou o consello que lle daba o seu pai, Jesús Lence, (“non te preocupes, ocúpate”), para explicar a decisión que ela tomou hai máis de dous anos de asumir o relevo “dun emprendedor cun estilo personalista e cunha maneira de xestionar onde a intuición era un compoñente importante”, cambiando a maneira de traballar da empresa e rodeándose dun equipo directivo profesional.

Nestes momentos de crise no sector lácteo debemos colaborar co gandeiro con programas que lles axuden a ser empresarios máis efectivos

En relación ao papel das industrias lácteas como Leyma e Leite Río, defendeu que “hai que manter o que eu chamo axenda grande, é dicir, ser rendible, sostible e crear valor”, sinalando que, nestes momentos de crise no sector lácteo, “debemos colaborar co gandeiro con programas que lles axuden a ser empresarios máis efectivos”.

O Grupo Lence saca ao mercado o seu novo leite Río ultrafiltrado

Río de Galicia, marca pertencente á empresa Grupo Lence, lanza ao mercado un novo superalimento: un leite ultrafiltrado, cun 60% máis de proteína, un 40% máis de calcio, un 25% menos de azucre, 0% de graxa e sen lactosa. Esas propiedades convértena “no leite que calquera vaca querería dar”, como sinala o seu eslogan. O leite Río OPTI+Plus, ademais, foi valorado como o máis saudable do seu segmento tras realizar un estudo de consumo.

OPTI+Plus é un leite desnatado, sen lactosa, rico en vitamina D e con 0% de materia graxa. Para conseguir este resultado pasou por un innovador e exclusivo proceso de ultrafiltración, mediante o que se conseguiu concentrar en maior cantidade os nutrintes esenciais do leite, reducindo ao mesmo tempo os seus azucres naturais. O resultado? Un leite con sabor natural, 100% de Galicia, saudable e con excepcionais valores nutricionais.

Saudable para as persoas e o planeta

Este resultado foi posible grazas á aposta constante de Río de Galicia, a sexta compañía láctea de España, pola investigación e a innovación para mellorar continuamente a salubridade e calidade dos seus produtos, así como á súa preocupación pola sustentabilidade. Ademais, o leite OPTI+Plus procede de ganderías galegas sostibles, certificadas en Benestar Animal, garantía do coidado e saúde das súas vacas, e co selo Galicia Calidade.

OPTI+Plus é un leite desnatado, sen lactosa, rico en vitamina D e con 0% de materia graxa

O envase deste leite de Galicia 100% é totalmente reciclable, e de máxima renovabilidade. De orixe vexetal nun 89%, conta tamén cun tapón de plástico vexetal, fabricado a partir de cana de azucre. “Os nosos esforzos céntranse na mellora continua dos nosos produtos para satisfacer as demandas dun consumidor cada vez máis preocupado pola súa saúde, pero tamén polo planeta” sinala a CEO de Grupo Lence, Carmen Lence. “Unha preocupación que, por suposto, compartimos como empresa e que se converteu nun compromiso estratéxico” engade.

A Actitude Río con motivo do Día Internacional da Muller Rural

Río de Galicia presenta este novo produto no marco do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra o 15 de outubro, cunha campaña que reflexiona sobre o estereotipo da muller no mundo rural, poñendo en valor á muller no rural e ao mesmo tempo, querendo facer o rural atractivo non só para as profesións relacionadas co campo, senón tamén para aquelas que desenvolven profesións liberais, e así contribuír a evitar o despoboamento do rural.

Esa é precisamente una das xa coñecidas “actitudes Río”: unha actitude que permite abrir novos camiños na sociedade, a través da perseveranza, a coraxe e a iniciativa. E este novo produto tamén a reflicte. “Este novo superalimento é un gran exemplo da nosa Actitude Río, porque traballamos cos nosos gandeiros locais de sempre, apostando pola innovación continua para ofrecer produtos de proximidade, pero, ao mesmo tempo, disruptivos no mercado” destaca Carmen Lence. “E porque, sendo unha empresa familiar situada na esquina noroeste de España, seguimos loitando contra grandes multinacionais”, conclúe.

Sobre Grupo Lence

Con sede en Lugo, Lence é un grupo familiar dedicado á alimentación desde 1975. Hoxe conta cun plantel de 165 persoas e 3 plantas de produción. É a sexta produtora de España en comercialización de leite UHT e pasteurizado. Comercializa lácteos da máis alta calidade a través de Río de Galicia e Leyma Natura principalmente, marcas orientadas a fornecer aos seus clientes produtos e servizos coa mellor relación calidade/prezo do mercado, o que a empesa chama “a compra intelixente”.

O Grupo Lence traballa con 450 granxas galegas e envasa só en Galicia, co que conta co selo de Galega 100% e Galicia Calidade ademais do selo Aenor de Benestar animal.