Archives

SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a dixitalizar a industria láctea galega

Galo Gutiérrez, director da oficina do PERTE Agroalimentario, con Santiago Álvarez, do IGAPE, e Carmen Lence O director da Oficina Técnica do Comisionado para o Programa Estratéxico de Recuperación e Transformación Económica (PERTE) Agroalimentario, dependente do Ministerio de Industria, Galo Gutiérrez, acudiu este xoves á sede do Grupo Lence en Lugo, onde mantivo un encontro cos integrantes do consocio SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a captar fondos europeos Next Generation para avanzar na rastrexabilidade produtiva e redución da pegada ambiental da industria láctea. Coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e liderado polo Grupo Lence, integra a outras 6 industrias lácteas asentadas na comunidade: Clun, Larsa, Leite Celta, Prestes, Queizuar (Bama) e Bico de Xeado. En total prevense case 26 millóns de euros en investimentos nos próximos 2 anos, con dous eixos fundamentais en materia de transición dixital (trazabilidade da produción) e ambiental (redución dun 5% do consumo hídrico no proceso industrial, dun 10% do consumo enerxético e de 95 tm/ano de emisións de CO2).
Trátase do proxecto conxunto entre industrias de maior investimento no sector agroalimentario galego
Ademais de proxectos conxuntos, como a mellora da trazabilidade e a investigación de métodos analíticos baseados en proteómica para o estudo de proteínas do leite, cada empresa levará a cabo investimentos específicos en función das súas necesidades produtivas. O maior volume corresponde a Leite Río, con case 7 millóns de euros. Influencia en toda a cadea láctea O reto de SmarTZ4milk é modernizar a actual cadea de produción, transformación e distribución da industria láctea para dotala de ferramentas de competitividade baseadas na tecnoloxía e a sustentabilidade. O principal obxectivo é dar un impulso esencial á transformación dixital da industria láctea a través da automatización de procesos, sensórica avanzada e xestión eficiente, así como desenvolver unha nova ferramenta de rastrexabilidade integral da produción desde a granxa ao consumidor.
A través de intelixencia artificial e big data poderá predicirse a oferta e a demanda: canto leite se vai producir e canto leite se vai demandar
Por iso, aínda que o foco investidor está posto na industria, SmarTZ4milk mira cara arriba e cara abaixo na cadea láctea. “A través de intelixencia artificial e big data poderemos predicir canto leite se vai producir nas ganderías e canto se vai a demandar na distribución”, explicou Hugo Criado, de Medrar Smart Solutions, un dos coordinadores técnicos desta candidatura ao PERTE Agroalimentario. Soberanía alimentaria Carmen Lence destacou que “nun mundo cada vez máis globalizado, é esencial que manteñamos e fortalezamos o noso sector agroalimentario”. “Desde Galicia, onde producimos o 40% do leite en España, contribuímos a manter a soberanía alimentaria do noso país. Coa pandemia pola covid e a guerra de Ucraína vimos as consecuencias de ser dependentes dos produtos doutros países. Nos alimentos é algo fundamental”, asegurou.
Este proxecto é unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego
A responsable de Leite Río e Leyma asegurou que os fondos europeos Next Generation supoñen “unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego”. “É vital fomentar a innovación e a adopción de novas tecnoloxías que melloren a eficiencia e a sustentabilidade da nosa operativa diaria para que o sector lácteo galego siga liderando a produción e transformación láctea en España e sendo unha potencia a nivel europeo”, insistiu.

Empresas competidoras únense para captar fondos

Público asistente á presentación do proxecto, este xoves na sede de Leite Río A obriga de presentar proxectos conxuntos que involucren a distintas empresas e institucións para poder optar á convocatoria do PERTE Agroalimentario fixo posible que empresas que compiten entre si no mercado unisen forzas para optar a estes fondos. Entre elas están representadas neste proxecto as distintas tipoloxías empresariais existentes no sector lácteo en Galicia, desde grandes compañías como Grupo Lence, cooperativas como Clun ou CAPSA e pemes como Prestes, Queizuar ou Bico de Xeado.
O sector lácteo galego articúlase ao redor de 113 industrias e xera perto do 2% do PIB da comunidade
As 7 industrias lácteas involucradas en SmarTZ4milk recollen diariamente o leite producido por 1.500 ganderías, polo que se espera que o proxecto teña “un impacto positivo en toda a sociedade”. “Chegaremos co diñeiro a toda a cornixa cantábrica e o 45% dos fondos irán parar a municipios de menos de 10.000 habitantes, cun impacto que chegará desde as ganderías ao consumidor”, aseguraron os coordinadores da candidatura presentada. Próxima convocatoria para proxectos individuais Galo Gutiérrez, director da Oficina Técnica do Comisionado para o PERTE Agroalimentario, destacou a aposta que desde o Ministerio de Industria se fixo nesta primeira convocatoria de fondos en favor dos proxectos conxuntos, pero anunciou que os proxectos individuais poderán optar a futuras convocatorias.
Estamos a ver que os proxectos conxuntos conlevan importantes complicacións de xestión e en futuras convocatorias seguramente se permitan proxectos individuais
“Estamos a ver que estes proxectos conxuntos son máis transformadores pero levan aparelladas complicacións importantes de xestión e posiblemente, en función do grao de execución do PERTE actual, haberá unha segunda convocatoria o ano que vén onde se poderán incluír proxectos individuais”, avanzou. Iniciativas no sector do viño e os doces Galo Gutiérrez tamén explicou que o cronograma previsto polo Ministerio inclúe a resolución provisional á volta do verán e o pago antes de que acabe o ano aos distintos proxectos que concorren ao PERTE Agroalimentario. "Nesta primeira convocatoria non houbo máis peticións ca diñeiro, polo que todos os proxectos que estean ben e cumpran coa convocatoria recibirán financiamento", aclarou.
Haberá diñeiro para todos os proxectos que cumpran coas bases da convocatoria
Entre as 22 iniciativas presentadas á actual convocatoria inclúense 7 vinculadas a Galicia. Ademais do proxecto da industria láctea hai 2 centrados no sector do viño (un deles liderado polo Grupo Torres) e outro no da repostería. En total, sumarían case 55 millóns de euros de investimento, dos que case a metade corresponderían a SmarTZ4milk. O encontro co director da Oficina Técnica do PERTE Agroalimentario complementouse con visitas ás instalacións do Grupo Lence e ás fábricas de Clun e Queixerías Bama, onde puido coñecer os procesos produtivos seguidos en cada caso.

Guerra de prezos do leite entre Lence, Reny Picot e Celta

O leite segue a revalorizarse de xeito importante no campo ao tempo que se mantén a tendencia alcista dos produtos industriais nos mercados internacionais e que o brick de leite ao consumidor segue a subir nos supermercados empurrado pola alta inflacción. Esta situación estáse a trasladar ás ofertas de compra en orixe que están a facer as distintas empresas en Galicia. A maioría dos gandeiros renovaron os seus contratos no mes de abril, pero algúns rematan contrato neste mes de xuño e están a recibir estes días ofertas con prezos base de entre 47 e 48 céntimos nunha especie de subasta entre industrias por captar máis leite que coloca aos gandeiros nunha posición de forza á hora de negociar que poucas veces se viviu no sector. 
Continúa a demanda de leite e a pugna entre empresas que xa se viviu en marzo por roubarse provedores
É o caso dos contratos que están a ofrecer nalgúns casos Leite Río, Reny Picot e Leche Celta, involucradas neste momento nunha guerra de prezos por facerse con novos provedores. Esta pelexa está a xerar prezos diferentes entre gandeiros que entregan á mesma empesa, con diferenzas mesmo de até 5 céntimos con respecto ao que están a cobrar os produtores que asinaron contrato no mes de abril. 
Inleit tivo que respostar a ofertas doutras empresas para reter a algúns dos seus ganderios
A demanda actual de leite levou tamén a que algunhas empresas, caso de Entrepinares, decidiran actualizar motu proprio e ata en dúas ocasións os contratos asinados este ano coa intención de reter aos seus proveedores. Inleit, por exemplo, tivo que respostar a ofertas doutras empresas para reter a algúns dos seus gandeiros, que tiñan ofertas superiores doutras industrias. Noutros casos a renovación tocaría no mes de agosto e neste momento estanse a producir xa movementos iniciais previos que apuntan a unha suba no prezo base por enriba dos 45 céntimos. 

Volatilidade

Pero a alta volatilidade actual do mercado de produtos lácteos está a facer tamén que os prazos dos contratos se acurten, con novas ofertas de só tres meses de duración, á espera dunha posible corrección nas cotizacións no mes de setembro. Ante o temor a unha caída brusca, as empresas están a pechar compras a curto prazo con prezos elevados, o que está a provocar cambios momentáneos de compañía nalgunhas ganderías e que a disparidade de prezos se incremente en función do momento de sinatura do contrato.  
Os prezos dos produtos industriais seguen altos nos mercados internacionais
Malia a demanda de leite existente, algunhas empresas, caso de Nestlé, seguen a manter nos seus contratos cláusulas de penalización por sobrepasar o tope de entregas fixado, mentres noutros casos, como Entrepinares, permítese aos gandeiros que incrementen a súa produción, que é absorbida polo aumento do volume de leite transformado que está a experimentar a planta de Vilalba. 

A Xunta recomenda contratos de longa duración

A suba que se está a producir nos prezos en orixe está logrando compensar o encarecemento nos custos de produción das granxas, con subas notables este ano nos prezos dos insumos para alimentación do gando, na produción de forraxes e no custo enerxético. 
A suba do prezo do leite está a servir para compensar o encarecemento de pensos, fertilizantes, gasóleo e electricidade
Tanto, que desde a Xunta recomendan aos gandeiros pechar contratos a longo prazo. O propio conselleiro do Medio Rural, José González, manifestábase a favor de tratar de consolidar o prezo actual do leite a través de contratos de maior duración. "Chegou o momento de ir a contratos de máis dun ano, contratos de catro ou 5 anos de duración", recomendou aos gandeiros presentes nas últimas xornadas organizadas por Africor Lugo a mediados deste mes de xuño. 
Chegou o momento de consolidar a suba no prezo do leite con contratos de catro ou cinco (José González, conselleiro do Medio Rural)
Pero tanto as industrias como os propios gandeiros son reticentes neste momento a asinar contratos de longa duración, no primeiro caso ante o temor a unha depreciación nas cotizacións dos produtos industriais e no segundo por medo a que os custos de produción se sigan incrementando exponencialmente cara a final de ano ao sumarse factores como a guerra de Ucraína e a mala colleita en Castela.

Pouca diferenza co prezo do leite ecolóxico

A suba que está a experimentar o prezo do leite en orixe nas granxas convencionais está a aproximalo ao prezo do leite ecolóxico, unha tendencia que tamén se está a dar noutros países europeos. En Francia, por exemplo, o prezo do leite convencional está neste momento por enriba do prezo do leite ecolóxico, debido a un incremento no número de granxas que fixeron a conversión nos últimos anos e a un estancamento no consumo.  En Galicia non chega a eses niveis, pero a diferenza de prezo habitual hai uns anos, duns 10 céntimos, reduciuse neste momento a un par de céntimos como moito. De feito, en función das calidades e de outras primas como as de benestar animal ou medioambiente, hai granxas convencionais en Galicia que están a recibir neste momento un prezo final que se aproxima aos 50 céntimos, unha cifra na que se moven hoxe en día tamén as granxas ecolóxicas que entregan tanto a Lactalis como a Celta. 
Tanto Lactalis como Celta están a renovar os contratos coas súas ganderías a un prezo base por enriba de 50 céntimos
As ganderías que entregan a súa produción de leite ecolóxico a Lactalis e finalizaban o seu contrato o 1 de agosto renovaron por adiantado con data 1 de maio e ata o 30 de abril do 2023 a un prezo base de 48,5 céntimos (3,7% de graxa e 3,15% de proteína), máis unha prima por volume de 1,5 céntimos e 0,6 por benestar animal, o que sitúa o prezo final por enriba dos 50 céntimos.  No caso de Leche Celta, para os contratos que rematan neste mes de xuño, a oferta que a empresa achegou hai 15 días ás granxas mantén o prezo base en 0,51 céntimos máis calidades (0,3 céntimos a décima a partir de 3,70% de graxa e 3,10% de proteína). 

Leche Celta subiralles 1,5 céntimos por litro de leite aos gandeiros portugueses

Lactogal, a cooperativa portuguesa propietaria en España de Leche Celta, ven de anunciar que lles subirá aos gandeiros portugueses 1,5 céntimos por litro de leite a partir do 1 de outubro. Igualmente, a empresa Unileite, anunciou unha suba de 1 céntimo por litro aos produtores de Sao Miguel, nas illas Açores. Para a Asociaçao de Produtores de Leite de Portugal (APROLEP), a asociación máis representativa das ganderías de vacún de leite no país veciño, “são decisões no bom sentido, apesar de chegarem muito atrasados e serem insuficientes face ao aumento brutal do custo das rações que os produtores suportam desde o início de 2021 e face ao aumento do custo da eletricidade que começam agora a suportar”. Neste sentido, anima ás demais industrias lácteas de Portugal a incrementar tamén o prezo que lle pagan ao produtor. En todo caso, dende a APROLEP consideran esta suba insuficiente e reclaman “aumentar em 6 cêntimos o preço médio ao produtor em Portugal, pois esse é o valor que estamos neste momento abaixo dos custos de produção e da média comunitária”. Para iso reclaman tamén “uma resposta pública e efetiva das cadeias de distribuição, pois estamos convictos de que sem a sua colaboração não será possível atualizar o preço ao produtor para os valores que referimos.

Campaña de Leche Celta e de Vegalsa-Eroski para promocionar o leite de pastoreo

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou estes mércores a importancia da “unión entre todos os axentes do sector lácteo, para garantir o seu éxito”. Fíxoo na presentación da campaña comercial de Leche Celta Pastoreo e co selo Galega 100%, que tivo lugar no centro comercial Eroski Center de Betanzos. O titular de Medio Rural destacou como unha “boa nova” esta iniciativa empresarial, na que se dan a man os diferentes axentes da cadea de valor do leite, desde os gandeiros ata o consumidor final, pasando pola industria e a distribución. Por este motivo, o conselleiro visitou tamén esta mañá unha explotación gandeira no concello coruñés de Mesía que entrega produto a Leche Celta e rematou o seu periplo na planta desta industria en Pontedeume. A campaña de promoción permitirá coñecer o leite fresco e o de pastoreo de Leche Celta nos 228 establecementos que posúe Vegalsa-Eroski. O leite fresco preséntase en envases de 0,75 litros e o de pastoreo en botellas de 1 litro. Esta última está certificada por AENOR tanto en Leite de Pastoreo, cun mínimo de 120 días ao ano nos que a vaca ten que saír a pacer, como en Benestar Animal. Un total de 100 ganderías de vacún de leite de Galicia subministran este leite de Pastoreo a Leche Celta que, ademais de en VegalsA-Eroski, tamén a está a vender en Lidl ou Carrefour, neste último cun prezo de 0,83 euros o litro.

Lidl prevé que as vendas do seu leite fresco de pastoreo suban até un 30%

A multinacional alemá Lidl presentou esta semana o seu leite de marca propia Milbona pasteurizada, de pastoreo e con certificado de benestar animal, procedente dunhas 100 gandarías galegas e envasada por Leche Celta en Pontedeume (A Coruña). A compañía presume así de dar un paso máis cara á sustentabilidade ambiental e social, tal e como lle demandan os seus consumidores, despois de ser tamén a primeira cadea de distribución que deixou de vender ovos de galiñas engaioladas e de eliminar as bolsas de plástico de todas as súas tendas salvo as de hixiene “Xa somos a primeira cadea de supermercados que ten o 100% do seu leite fresco co certificado de pastoreo e co de benestar animal de Aenor", asegurou Miguel Paradela, director xeral de compras de Lidl España. Paradela destacou que “ter as vacas como antes alarga a súa vida, duplícaa, ao non soportar a tensión que viven as vacas en intensivo, e ademais apoiamos a continuidade de pequenas gandarías do rural”. Para iso as gandarías que producen este leite deben estar certificadas por AENOR tanto en benestar animal como en pastoreo. En concreto, os animais deben saír ao pasto 5 horas ao día polo menos durante 150 días ao ano. O 13% do leite que vende Lidl xa é pasteurizado Uns selos que levan un custo, "de entre un cinco e un 10% que non se repercutiu no consumidor. Costa igual que antes do dobre de certificado. Nós pagamos ao provedor que llo repercute no prezo ao gandeiro", precisa o director comercial de Lidl España, que espera que “as vendas deste produto suban entre un 20 e un 30 por cento máis". Ao gandeiro isto suponlle un prezo de entre 1,5 e 2 céntimos máis por litro respecto de en convencional, segundo anunciou no seu día Leche Celta, propiedade da cooperativa portuguesa Lactogal. Lidl espera incrementar as vendas con esta nova liña de leite fresco. A demanda está a medrar ao redor dun 16%. O leite fresco representa xa o 13 % do total deste produto lácteo que Lidl comercializa, cando a media do mercado español é do 3%.