Archives

Unións Agrarias denuncian que “unha campaña de asedio por parte de CAPSA contra nós”

Félix Porto e Óscar Pose este martes diante dos xulgados da Coruña Unións Agrarias denuncia publicamente o intento de Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA Food), propietaria de marcas como Central Lechera Asturiana ou Larsa, "de amedrentar e frear a actividade da organización na defensa dos dereitos do sector produtor". Representantes da organización trasladáronse este martes ata o Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña para participar nunha sesión relacionada coa demanda interposta por esta industria láctea contra a organización agrogandeira. "Unha actuación sen precedentes que supón un atentando contra a liberdade sindical e o dereito á negociación colectiva dun sector que leva anos padecendo os comportamentos abusivos das industrias lácteas", lamentan dende Uións. "Nunca ata este momento ninguna industria se atrevera a facer o que agora está facendo Capsa: tentar amedrentar e calar a unha organización coñecida e recoñecida polo seu traballo na defensa dos dereitos do sector produtor en Galicia", advirten. Tras as denuncias públicas realizadas nos últimos anos por Unións Agrarias, Capsa Food ten interposto demandas por competencia desleal e por infracción do dereito ao honor, tanto contra a organización no seu conxunto como contra varios dos seus representantes. "Unha actuación que non ten cabida e que corrobora a nula vontade desta industria de cumprir coa lei e cos seus deberes de negociación colectiva e de pagar prezos por enriba de custos", sinalan dende Unións. A organización agraria amósase tranquila e confiada ante “unha guerra que sen ningún xénero de dúbidas imos gañar. E é que todas e cada unha das acusacións verquidas pola organización nos últimos 3 anos son verídicas e facilmente demostrables". “Non imos amedrentarnos, senón todo o contrario: ratificámonos en todo canto dixemos nos últimos anos, para denunciar os continuos incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria e o desaxuste existente entre os custos de produción, en aumento, e os prezos do leite que as industrias estaban a pagar ás explotacións”. Así o aseverou o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións  ás portas do xulgado, onde reforzou a vontade da organización de seguir cumprindo co seu papel. “Non imos rectificar nin unha soa das palabras que dixemos no seu día e imos seguir traballando para facer cumprir os direitos de gandeiras e gandeiros e do sector produtor no seu conxunto”. Unións Agrarias chama a atención sobre "o modus operandi dunha industria que xa foi sancionada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia por pactar prezos e incorrer en prácticas anticompetitivas en detrimento dos intereses e dereitos dos produtores". Igualmente, destaca o feito de que "o máximo responsable de Capsa sexa tamén unha persoa con responsabilidades na Federación Nacional de Industrias Lácteas. Algo que corrobora as prácticas abusivas ás que as industrias lácteas están afeitas e que Unións Agrarias continuará denunciando publicamente". “O que estamos vivindo neste momento -engaden- demostra unha vez máis que non existe negociación colectiva e que as industrias pretenden seguir impoñendo condicións á marxe do que dita a lei. Están afeitas a actuar dese xeito, e cando non conseguen o seu obxectivo tentan amedrentar pola vía xudicial. Algo intolerable que non nos vai calar”. A organización reitera o “desaxuste claro” que existe entre o prezo que as industrias lácteas pagan aos produtores galegos e aos asturianos. Unha diferenza de prezo constatable que nos últimos meses acadou os 7 céntimos por litro de leite e que, ao igual que Unións Agrarias, tamén ten denunciado publicamente o propio conselleiro do Medio Rural.

Capsa adquire a totalidade do capital da queixería Lácteas Flor de Burgos

Capsa Food asinou o contrato de compra do 50 % restante da Sociedade Lácteas Flor de Burgos SL á sociedade Lactain Holding Group SL. En 2020, a compañía xa adquirira o outro 50 %. Con esta operación, a entidade láctea superará os 1.000 millóns de euros de facturación no próximo exercicio e os 1.200 empregados. Deste xeito, a firma asturiana incorpora ao grupo esta nova factoría situada en Burgos (Castela e León), que se suma ao seis centros de produción que ten distribuídos no ámbito xeográfico español (Asturias, Galicia -Larsa-, Madrid e Cataluña, esta última en participación compartida con outros socios). Lácteas Flor de Burgos pechará este exercicio cunha facturación próxima aos 100 millóns de euros, consolidando o crecemento que presentou nos anos anteriores. Trátase dunha empresa cunha longa tradición queixeira, que leva máis de catro xeracións familiares ofrecendo gran variedade de produtos lácteos, sendo o seu buque insignia o queixo fresco de Burgos. Actualmente, a compañía ofrece gran cantidade de referencias que van desde os queixos frescos en múltiples formatos, ata os untables, iogures, quark, italianos, raiados etc. Capsa Food continuará apoiando este proxecto e as súas marcas, para potenciar o seu crecemento a nivel nacional e internacional, a través dunha xestión que estará aliñada á estratexia do grupo de empresas. O seu obxectivo é continuar incrementando o seu valor e fortaleza no mercado para dar cumprimento ao seu propósito de dar futuro aos seus socios gandeiros. José Armando Tellado, CEO de Capsa Food, destaca que se materializou "un proceso que iniciamos no ano 2020 e que pretende reforzar a nosa posición de liderado no sector lácteo español, redobrando o noso esforzo para fortalecer a nosa presenza no mercado queixeiro". Engade que esta adquisición os "motiva e ilusiona" a continuar traballando no compromiso adquirido cos seus clientes e consumidores para seguir ofrecéndolles os mellores produtos e o mellor servizo.

Central Lechera Asturiana demanda a Unións Agrarias por “falsas declaracións”

Central Lechera Asturiana SAT e a súa división industrial, CAPSA FOOD, informan de que presentaron demandas ante os tribunais ordinarios de xustiza e tamén ante a Comisión Nacional do Mercado da Competencia contra o sindicato Unións Agrarias por “declaracións falsas” contra a industria asturiana polas súas relacións comerciais coas gandarías de vacún de leite en Galicia. De momento, non transcendeu máis información sobre o contido das demandas. Unións Agrarias vén acusando desde o pasado mes a Larsa, compañía controlada por CAPSA Food, de ser “unha das principais responsables da baixada de prezos do leite en Galicia”. “Larsa presentou a proposta de prezos máis baixa do mercado, pois cos prezos actuais dos produtos lácteos industriais, o seu prezo ás granxas estaría en pouco máis de 45 céntimos / litro, máis primas”, destacaron no seu momento desde Unións Agrarias. “É unha baixada de ao redor de 4 -5 céntimos e se Larsa se atrincheira nesa posición, o resto de industrias, que expuñan en xeral baixadas menores, xa nos avanzaron que terán que seguir unha liña similar a Larsa para non quedar fóra do mercado”, sinalaron no seu día. Ante ese escenario, Unións valorou o pasado mes acciones nas cadeas de supermercados contra Larsa, algo que de momento non se concretou.

Diferenza Asturias e Galicia

A organización agraria envioulle tamén unha carta ao conselleiro de Medio Rural na que pide a súa mediación coa compañía asturiana. “Estamos a ver un importante diferencial entre os prezos que paga Capsa en Asturias e os que abona en Galicia de arredor de 5,5 céntimos. Non pode ser que esta situación, que xera uns beneficios adicionais en Larsa, se traduza en que o diñeiro que tería que ir ás granxas galegas acabe nas granxas asturianas”, cuestiona Pose. A organización exporalle a Medio Rural que a comparativa de prezos que abona unha industria nas diferentes comunidades autónomas nas que opera sexa un dos criterios a ter en conta á hora de conceder as axudas públicas a industrias alimentarias. Desde Unións tamén lamentan que Larsa sexa unha das principais industrias que se nega reiteradamente a sentar coa organización de produtores Ulega, que ten representación para negociar en conxunto os prezos do leite dos socios que ten en cada industria.

SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a dixitalizar a industria láctea galega

Galo Gutiérrez, director da oficina do PERTE Agroalimentario, con Santiago Álvarez, do IGAPE, e Carmen Lence O director da Oficina Técnica do Comisionado para o Programa Estratéxico de Recuperación e Transformación Económica (PERTE) Agroalimentario, dependente do Ministerio de Industria, Galo Gutiérrez, acudiu este xoves á sede do Grupo Lence en Lugo, onde mantivo un encontro cos integrantes do consocio SmarTZ4milk, o proxecto que aspira a captar fondos europeos Next Generation para avanzar na rastrexabilidade produtiva e redución da pegada ambiental da industria láctea. Coordinado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e liderado polo Grupo Lence, integra a outras 6 industrias lácteas asentadas na comunidade: Clun, Larsa, Leite Celta, Prestes, Queizuar (Bama) e Bico de Xeado. En total prevense case 26 millóns de euros en investimentos nos próximos 2 anos, con dous eixos fundamentais en materia de transición dixital (trazabilidade da produción) e ambiental (redución dun 5% do consumo hídrico no proceso industrial, dun 10% do consumo enerxético e de 95 tm/ano de emisións de CO2).
Trátase do proxecto conxunto entre industrias de maior investimento no sector agroalimentario galego
Ademais de proxectos conxuntos, como a mellora da trazabilidade e a investigación de métodos analíticos baseados en proteómica para o estudo de proteínas do leite, cada empresa levará a cabo investimentos específicos en función das súas necesidades produtivas. O maior volume corresponde a Leite Río, con case 7 millóns de euros. Influencia en toda a cadea láctea O reto de SmarTZ4milk é modernizar a actual cadea de produción, transformación e distribución da industria láctea para dotala de ferramentas de competitividade baseadas na tecnoloxía e a sustentabilidade. O principal obxectivo é dar un impulso esencial á transformación dixital da industria láctea a través da automatización de procesos, sensórica avanzada e xestión eficiente, así como desenvolver unha nova ferramenta de rastrexabilidade integral da produción desde a granxa ao consumidor.
A través de intelixencia artificial e big data poderá predicirse a oferta e a demanda: canto leite se vai producir e canto leite se vai demandar
Por iso, aínda que o foco investidor está posto na industria, SmarTZ4milk mira cara arriba e cara abaixo na cadea láctea. “A través de intelixencia artificial e big data poderemos predicir canto leite se vai producir nas ganderías e canto se vai a demandar na distribución”, explicou Hugo Criado, de Medrar Smart Solutions, un dos coordinadores técnicos desta candidatura ao PERTE Agroalimentario. Soberanía alimentaria Carmen Lence destacou que “nun mundo cada vez máis globalizado, é esencial que manteñamos e fortalezamos o noso sector agroalimentario”. “Desde Galicia, onde producimos o 40% do leite en España, contribuímos a manter a soberanía alimentaria do noso país. Coa pandemia pola covid e a guerra de Ucraína vimos as consecuencias de ser dependentes dos produtos doutros países. Nos alimentos é algo fundamental”, asegurou.
Este proxecto é unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego
A responsable de Leite Río e Leyma asegurou que os fondos europeos Next Generation supoñen “unha oportunidade para transformar o sector lácteo galego”. “É vital fomentar a innovación e a adopción de novas tecnoloxías que melloren a eficiencia e a sustentabilidade da nosa operativa diaria para que o sector lácteo galego siga liderando a produción e transformación láctea en España e sendo unha potencia a nivel europeo”, insistiu.

Empresas competidoras únense para captar fondos

Público asistente á presentación do proxecto, este xoves na sede de Leite Río A obriga de presentar proxectos conxuntos que involucren a distintas empresas e institucións para poder optar á convocatoria do PERTE Agroalimentario fixo posible que empresas que compiten entre si no mercado unisen forzas para optar a estes fondos. Entre elas están representadas neste proxecto as distintas tipoloxías empresariais existentes no sector lácteo en Galicia, desde grandes compañías como Grupo Lence, cooperativas como Clun ou CAPSA e pemes como Prestes, Queizuar ou Bico de Xeado.
O sector lácteo galego articúlase ao redor de 113 industrias e xera perto do 2% do PIB da comunidade
As 7 industrias lácteas involucradas en SmarTZ4milk recollen diariamente o leite producido por 1.500 ganderías, polo que se espera que o proxecto teña “un impacto positivo en toda a sociedade”. “Chegaremos co diñeiro a toda a cornixa cantábrica e o 45% dos fondos irán parar a municipios de menos de 10.000 habitantes, cun impacto que chegará desde as ganderías ao consumidor”, aseguraron os coordinadores da candidatura presentada. Próxima convocatoria para proxectos individuais Galo Gutiérrez, director da Oficina Técnica do Comisionado para o PERTE Agroalimentario, destacou a aposta que desde o Ministerio de Industria se fixo nesta primeira convocatoria de fondos en favor dos proxectos conxuntos, pero anunciou que os proxectos individuais poderán optar a futuras convocatorias.
Estamos a ver que os proxectos conxuntos conlevan importantes complicacións de xestión e en futuras convocatorias seguramente se permitan proxectos individuais
“Estamos a ver que estes proxectos conxuntos son máis transformadores pero levan aparelladas complicacións importantes de xestión e posiblemente, en función do grao de execución do PERTE actual, haberá unha segunda convocatoria o ano que vén onde se poderán incluír proxectos individuais”, avanzou. Iniciativas no sector do viño e os doces Galo Gutiérrez tamén explicou que o cronograma previsto polo Ministerio inclúe a resolución provisional á volta do verán e o pago antes de que acabe o ano aos distintos proxectos que concorren ao PERTE Agroalimentario. "Nesta primeira convocatoria non houbo máis peticións ca diñeiro, polo que todos os proxectos que estean ben e cumpran coa convocatoria recibirán financiamento", aclarou.
Haberá diñeiro para todos os proxectos que cumpran coas bases da convocatoria
Entre as 22 iniciativas presentadas á actual convocatoria inclúense 7 vinculadas a Galicia. Ademais do proxecto da industria láctea hai 2 centrados no sector do viño (un deles liderado polo Grupo Torres) e outro no da repostería. En total, sumarían case 55 millóns de euros de investimento, dos que case a metade corresponderían a SmarTZ4milk. O encontro co director da Oficina Técnica do PERTE Agroalimentario complementouse con visitas ás instalacións do Grupo Lence e ás fábricas de Clun e Queixerías Bama, onde puido coñecer os procesos produtivos seguidos en cada caso.

Larsa boicotea a Ulega e negocia directamente cos gandeiros a renovación dos contratos do leite

Protesta convocada por UUAA diante da planta de Larsa en Outeiro de Rei o pasado 16 de novembro Non sentou ben a Capsa, dona de Larsa, que o sindicato Unións Agrarias levase a cabo accións de protesta diante da súa planta de Outeiro de Rei o pasado mes de novembro. A empresa, propietaria tamén de Central Lechera Asturiana, está a tomar represalias contra Ulega na actual negociación para a renovación dos contratos de recollida de leite ás granxas, segundo denunciaron este mércores en rolda de prensa Xosé Manuel Liste-Liñares, presidente de Ulega, e Oscar Pose, asesor técnico da organización de produtores vinculada a UUAA. “Levamos varios anos negociando coas empresas lácteas os contratos do leite, pero este ano Larsa está poñendo impedimentos e boicoteando a negociación con Ulega, obrigando aos gandeiros de maneira individual a asinar baixo a ameaza de non recollerlles o leite”, denunciou Xosé Manuel Liste-Liñares.
Con Larsa o ano pasado houbo negociación por parte de Ulega sen chegar a acordo, pero este ano están visitando un a un a todos os gandeiros presionándoos para que asinen baixo a ameaza de non recollerlles o leite
“Puxemos esta situación en coñecemento do Ministerio, a través da Aica, e da Xunta hai xa dúas semanas para que tomen medidas inmediatas”, explicou Óscar Pose, que reclama “unha actuación inmediata, contundente e exemplarizante ante prácticas que son contrarias ao paquete lácteo”, dixo.
Non recoñecer a unha organización de produtores como interlocutora na negociación dos contratos é un incumprimento do paquete lácteo. Así llo trasladamos hai 2 semanas á Aica e estamos agardando que actúe
“Con Larsa os outros anos estableceuse unha negociación en conxunto sen problema, aínda que non se chegou a acordo, pero este ano están visitando un a un a todos os gandeiros que pertencen a Ulega. O obxectivo está claro: Capsa non quere negociar con Ulega porque prefire negociar individualmente cos produtores”, denunciou Óscar Pose, que considerou “intolerable a actitude da empresa de non recoñecer a unha organización de produtores legalmente constituída “e máis vindo dun grupo con base cooperativa cuxo máximo responsable é ao mesmo tempo o presidente da Fenil”, lembrou.
Ulega foi a primeira organización de produtores de leite de vaca recoñecida polo Ministerio de Agricultura a nivel estatal, xa no ano 2012, e hoxe reúne a 1.600 gandeiros
Con estas prácticas, “estase presionando ás cerca de 1.000 explotacións ás que recolle en Galicia para que asinen un contrato co que non están de acordo”, asegura UUAA. “Segue habendo unha imposición unilateral dos contratos, non hai negociación cos produtores, son contratos de adhesión, impostos polas industrias”, critican. Mediador público Desde Ulega pediron ao Ministerio “que estableza un mediador público, como existe noutros países, por exemplo en Francia, para resolver o conflito aberto entre a organización de produtores e Capsa e poder axilizar a sinatura dos contratos”, reclamou Xosé Manuel Liste-Liñares. En caso de desacordo entre as partes na negociación, sería ese mediador, escollido pola Administración, o que fixaría as condicións que deben cumprir ambas partes, explicou.

“Os contratos que estean por debaixo de 38 céntimos non cubren os custos de produción”

Oscar Pose xunto ao presidente de Ulega, Xosé Manuel Liste-Liñares, na rolda de prensa deste mércores O sindicato Unións Agrarias aproveitou a rolda de prensa na que denunciou a actitude de Larsa para analizar cal é a situación no mercado lácteo e os cambios que se están producindo nos contratos de cara á súa renovación para a campaña 2022-2023. “Este ano estamos ante unha situación moi difícil para as ganderías polo incremento de custos que se está producindo e as previsións de cara aos vindeiros meses non son alentadoras, posto que non se agarda unha baixada a curto prazo dos custos de alimentación”, indicou Óscar Pose.
Entramos nun momento do ano de grandes gastos, como son as campañas de abonado e forraxes, con custos absolutamente inasumibles con estes prezos de venda do leite
“No sector os produtores entramos ademais neste momento en grandes gastos, como son as campañas de abonado e forraxes, con custos absolutamente inasumibles con estes prezos de venda do leite”, asegurou. Custos de produción entre 38 e 40 céntimos Á vista das ofertas que están a facer as distintas industrias de cara á renovación dos contratos, existen notables diferenzas de prezos. “Entrepinares ou Pascual están a poñer sobre a mesa contratos razoables para os produtores e deben ser o exemplo a seguir. Son ofertas que se moven no entorno dos 38 céntimos máis calidades. Pero hai outras industrias que claramente se quedan por debaixo dos custos de produción, que estarían hoxe entre os 38 e os 40 céntimos, segundo os datos facilitados pola Xunta con medias de datos reais tomados de explotacións galegas” asegurou Óscar Pose. Contratos referenciados á cotización dos produtos industriais No caso de Larsa, fíxase un 70% a prezo fixo de 31,5 céntimos e o 30% restante referenciado a produtos lácteos industriais como a manteiga e o leite en po. A mesma fórmula é a utilizada por outras empresas, como Inleit.
Segue habendo unha imposición unilateral dos contratos, non hai negociación cos produtores, son contratos de adhesión, impostos polas industrias
Nestes casos, denuncian desde UUAA, “os gandeiros quedan a expensas dos prezos dos produtos industriais nos mercados internacionais, sobre os que non pode actuar a propia empresa e moito menos os gandeiros”.
Ulega e UUAA están en desacordo cos modelos de contrato ligados a prezos industriais
“Preocúpanos que ningún destes contratos leven referencia algunha aos custos de produción, porque a suba da manteiga e o leite en po foi do 60% no último ano, e os valores actuais están en máximos históricos, que é o que mantén o prezo alto neses contratos de xeito artificial neste momento, pero se se producira unha caída brusca o prezo do leite tamén caería, no caso de Larsa ata os 31,5 céntimos, que é o solo fixado como límite por abaixo nos contratos, moi lonxe dos custos de produción”, explican. Contratos distribución-industria UUAA está traballando coa distribución para que nos contratos de compra do leite ás industrias se estableza unha cláusula que fixe que o leite que vende esa empresa é mercado aos gandeiros a un prezo que cubre os custos de produción.                 “A distribución e a industria amañaron a súa parte na segunda metade do ano pasado, subindo o prezo no liñal e nos contratos industria-distribución, pero faltan os produtores, que non teñen esa capacidade, polo que se non se revalorizan os contratos en campo estaremos nunha situación límite con perdas nos vindeiros meses”, prognosticou.

CLAS introduce en Asturias un complemento de 2 céntimos no prezo do leite que indigna a Unións Agrarias

Unións Agrarias mantén a pugna polo prezo do leite coas dúas principais industrias lácteas que operan en Galicia, a francesa Lactalis e a asturiana Capsa, que aglutinan arredor dun 35% do leite da comunidade. Con Lactalis, Unións celebra hoxe unha reunión de negociacións, encadrada na actividade da súa organización de produtores de leite, Ulega; e con Capsa espera ter un encontro nos próximos días. Entre tanto, a organización agraria declárase indignada polas diferenzas que ve entre as decisións que toma Capsa en Asturias e en Galicia. Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), que xestiona Larsa en Galicia, é unha industria láctea que é propiedade de xeito maioritario da coooperativa Central Lechera Asturiana (CLAS). Cos anos, CLAS convertiuse nunha referencia de éxito para o cooperativismo gandeiro, pois as súas granxas socias, entre outros beneficios que lles aporta a cooperativa, sempre figuran entre as que mellores prezos do leite obteñen a nivel estatal. No prezo do leite, a última decisión de CLAS foi a de introducir a partir de outubro un complemento de 2 céntimos nos pagos do leite das súas granxas socias, de xeito que o prezo medio en Asturias pasou dos 35,3 céntimos de setembro ós 37,2 de outubro (Datos do Ministerio de Agricultura). É unha mellora que en Galicia indigna a Unións Agrarias, que compara a situación das granxas de CLAS coa das granxas galegas proveedoras de Capsa (Larsa). “O que nos está negando a nós Capsa estáo facendo en Asturias” -cuestiona o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García-. “Puxeron un complemento no prezo do leite para compensar o aumento de custos de produción das ganderías asturianas. É un complemento que ademais se vai ver reforzado en decembro con outro céntimo en concepto de pago de beneficios da cooperativa”, sostén o secretario xeral de Unións. A organización agraria, xunto a outras entidades do sector, está a reclamar que as grandes industrias lácteas que operan en Galicia fagan unha suba dos prezos no campo que permita compensar o aumento de custos de produción das granxas, que ven como nos últimos meses están a encarecerse os pensos, os fertilizantes e a enerxía, entre outros gastos. Suba do prezo do leite nos supermercados Unións argumenta ademais que o leite xa subiu nos supermercados, polo que entende que unha parte importante das industrias “está a quedarse cos cartos a maiores que xa está recibindo das cadeas da distribución”. “As marcas brancas subiron 5 céntimos desde setembro, en tanto as primeiras marcas de leite rondan os 3 céntimos de subida” -valora García-. “Esa é unha suba que se lle debe trasladar ó campo, pero polo de agora é algo que só fixeron as industrias que operan con Mercadona (Naturleite, Entrepinares) -que subiron 2 céntimos o prezo do leite- e parcialmente outras, como Pascual, Nestlé ou Celta”, analiza. En conxunto, o prezo do leite no campo en Galicia experimentou nos últimos meses unha progresiva suba, que se notou especialmente entre setembro (33,2 céntimos de prezo medio) e outubro (34,2 céntimos). Pero Unións argumenta que as dúas principais industrias lácteas da comunidade, Lactalis e Capsa, manteñen os prezos bloqueados no campo.
"O complemento no prezo que introduciu CLAS é un complemento cooperativo que se decidiu na medida en que o permitiron as contas da cooperativa. Non ten nada que ver con Capsa", explica a compañía asturiana
Lactalis ofreceu polo de agora unha suba dun céntimo no campo, en tanto Capsa apela ós contratos asinados, que quere manter sen cambios ata marzo do 2022. No marco deses contratos, Capsa explicou recentemente que en novembro os pagos ás granxas galegas aumentarán nun céntimo pola revalorización dos produtos lácteos industriais (manteiga, leite en po) no mercado internacional. A compañía asturiana rexeita de plano as comparacións que fai Unións Agrarias entre os pagos que reciben as granxas socias de CLAS e os pagos das granxas proveedoras de Capsa (Larsa). “O complemento que se lle introduciu en outubro ás granxas socias de CLAS é un complemento cooperativo, que se decidiu na medida en que o permitían as contas da cooperativa. É un complemento que non ten nada que ver con Capsa, son cuestións que non se poden mesturar”, argumentan. Reunión hoxe en Madrid Así as cousas, esta mañá reúnese en Madrid a Mesa Láctea, un órgano no que o Ministerio tratará de avanzar en solucións conxuntamente con cooperativas, organizacións agrarias e industrias. Previamente, o Ministerio mantivo xa unha reunión na tarde de onte coa Federación Nacional de Industrias Lácteas. De non acadarse solucións, Unións Agrarias anunciou onte que formalizará xa unha denuncia contra Lactalis e contra Capsa na Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), pois entende que ambas industrias están a comprar o leite no campo por baixo dos custos de produción. Tamén anuncia a continuidade do boicot contra as marcas de Capsa e de Lactalis nos supermercados, e pide a mediación da Consellería de Medio Rural nas negociacións que mantén a súa organización de produtores de leite, Ulega, coas industrias lácteas.

“Os ingresos non dan para pagar as facturas, tiramos de créditos, aforros ou de non investir”

As protestas dos produtores de leite galegos céntranse neste momento en dúas industrias, a multinacional francesa Lactalis e a cooperativa asturiana CAPSA, propietaria de Larsa. Acúsanas de negárense a trasladar ás ganderías a revalorización que están a ter os produtos lácteos nos supermercados e nos mercados internacionais, unha suba de prezos cos que, din, as empresas estarían facendo caixa a costa das explotacións. Falamos con gandeiros que se manifestaron este martes en Outeiro de Rei e o xoves pasado en Vilalba para coñecer situacións reais de asfixia no campo e para que nos conten en primeira persoa cal é a perspectiva de futuro das súas granxas.

“Estamos tirando de créditos para poder subsistir” (José Manuel Pintor, O Pino)

“Entrego a Larsa e agora mesmo a situación está moi mal porque estamos vendendo por debaixo dos custos de produción. Eu agora mesmo teño un estudo elaborado pola Universidade de Santiago sobre a miña explotación que indica que o que a min me custa producir un litro de leite é 35 céntimos. Somos unha explotación familiar na que estamos eu, a muller e os dous fillos, incorporados a filla o ano pasado e o fillo hai dous anos. Temos feito un investimento desde hai seis anos a hoxe de 800.000 euros, polo que non é só sacar un soldo mínimo, hai que facer fronte ao crédito e a amortización da nave e a maquinaria e agora mesmo o que pagamos nas facturas a final de mes non o facturamos no leite, estamos perdendo cartos.
A nosa explotación ten relevo e un investimento feito de 800.000 euros pero con iso non chega, temos que ter rendibilidade para poder continuar
No último ano pecharon en Galicia 380 explotacións e a Administración di que pechan porque non teñen relevo xeracional. Eu teño relevo, pero con iso non chega, temos que ter rendibilidade. E agora mesmo estamos tirando unhas ganderías de créditos e outras de aforros para poder subsistir. Agora van adiantar o pago da PAC pero eu como gandeiro preferiría que nos sacasen as subvencións e nos pagasen o que producimos polo que realmente vale”.

“Isto é unha ruína” (Miguel Miranda, A Pontenova)

“Se non nos melloran algo as condicións que temos isto é unha ruína. Os gastos todos (cereais, electricidade, gasóleo, fertilizantes) soben e o prezo do leite é o mesmo que hai 30 anos. Eu entrego a Lactalis e temos o prezo base en 29 céntimos. Con iso non se dan cuberto custos, así isto non ten moito futuro”.

“Estamos traballando a perdas” (José Luis Anido)

“Estamos traballando a perdas desde fai tempo pero agora agravouse até estarmos nunha situación insostible. Eu teño unha explotación moi pequena, na que muxo 45 vacas e para facer fronte aos mesmos recibos ca antes estou poñendo cada mes 1.000 ou 1.100 euros máis”.

“Non sei ata cando aguantaremos” (Lidia Gómez, Cospeito)

“Temos unhas 100 vacas en muxido e neste momento a situación pola que estamos pasando é moi dura debido á suba que se está producindo día a día nos custos de produción. E vemos que as industrias non moven ficha. Nós temos que seguir producindo, porque o noso é un produto moi perecedoiro que como moito en dous días temos que darlle saída, e as vacas teñen que seguir comendo, pero non sei ata cando aguantaremos”.

“Estannos pagando o leite a 32 céntimos pero cos prezos actuais dos insumnos necesitaríamos cobralo a 40” (José Manuel Castro, Lugo)

“A situación é insostible, porque nos subiu todo, desde as materias primas ao gasóleo ou a luz. Hoxe o litro de leite estanos custando moito máis producilo que fai un ano e non nos queda marxe ningunha, ao contrario, estamos perdendo cartos. No noso caso estannos pagando o leite a 32 céntimos e, cos prezos que temos dos insumos, necesitaríamos cobralo a 40 céntimos”.

“A explotación mantense a base de traballar e non investir” (Xesús Seoane, Boimorto)

“Estou cobrando a 31 céntimos de prezo base, máis as calidades á parte. Con ese prezo difícilmente se poden cubrir os custos de produción. Mantense a explotación a duras penas, vaise tirando a base de traballar, de esforzarse e de non investir. Os pensos xa subiron este ano un 25% e de cara ao ano que vén fálase, por exemplo, de que os abonos nitroxenados van subir un 100%. Se isto non se soluciona difícilmente imos poder resistir moito máis tempo así”.

“Cada día que pasa estamos perdendo máis diñeiro” (Cristóbal Touriño, Muxía)

“Temos arredor de 220 vacas en muxidura e entregamos a Lactalis. Cada día que pasa estamos perdendo máis diñeiro. O sector é totalmente inviable desta maneira, non ten futuro ningún. As explotacións van mermando ano a ano e o vindeiro ano van ser moitas máis as que pechen”.

“Se acaban cos gandeiros, detrás irá moita outra xente que vive de nós” (Manuel Pose, Vimianzo)

“Vendo o leite a Lactalis e estamos nunha situación de ruína total. O leite está como fai 50 anos. Estanmo pagando a 32 céntimos e sen embargo a min cústame producilo entre 37 e 38 céntimos, polo que necesitaría entre 5 e 6 céntimos só para cubrir custos. Así é imposible aguantar, estamos ao límite de todo. Eu vexo no meu pobo que os camións que pasan por alí viven directamente a conta dos gandeiros, porque son o camión do leite, o do penso, o da palla, etc. Se acaban con nós, detrás irá moita outra xente". https://www.campogalego.gal/larsa-segunda-parada-da-mobilizacion-ante-industrias-lacteas/

Lactalis ofrece unha suba dun céntimo no prezo do leite, pero o sector considéraa insuficiente

Protesta este martes polo prezo do leite convocada por UPA, COAG e Asaja diante da planta de Lactalis en Zamora Este xoves 11 arrincan en Galicia as mobilizacións gandeiras ante as industrias lácteas. Será ás 11.30 horas diante da planta que a multinacional francesa Lactalis ten en Vilalba e as protestas continuarán o día 16 fronte á factoría de Larsa en Outeiro de Rei. Unións Agrarias, que a nivel estatal mantén a través de UPA unha unidade de acción con COAG e ASAJA, aclara que a convocatoria de Vilalba mantena en solitario por estar prevista antes do acordo con COAG e Asaja, se ben tamén sinala que a convocatoria é aberta e que tódalas organizacións son "benvidas no acto". Este mesmo martes, UPA, COAG e ASAJA desenvolveron unha concentración conxunta ante a planta de Lactalis en Zamora. Unións considera que Larsa e Lactalis, as dúas industrias que máis leite recollen en Galicia, están “bloqueando” a necesaria revalorización do leite no campo, trala recuperación dos prezos dos cartóns de leite nos lineais dos supermercados da maioría das cadeas de distribución.
Lactalis ten 1.200 produtores en Galicia e Larsa outros 1.000, polo que entre as dúas supoñen un volume moi importante tanto en número de ganderías como en litros de leite recollidos
“Desde o mes de setembro houbo unha subida de 3 céntimos nos prezos máis baixos dos bricks de leite, sobre todo nas marcas brancas, pero industrias como Lactalis ou Larsa están quedando con eses 3 céntimos sen repercutirllo ós produtores", consideran desde Unións Agrarias. Ofertas de mellora de prezos insuficientes “Despois de que subiran os prezos nos lineais dos supermercados, Lactalis está lanzándolle unha oferta irrisoria aos gandeiros de subirlles un céntimo”, desvelou este martes en rolda de prensa o responsable de coordinación sectorial de UUAA, Félix Porto.
Lactalis ofrécelle aos gandeiros unha oferta de 1 céntimo de subida e que implicaría tamén que os contratos pasarían a vencer en abril de 2023
Esta oferta de actualización de contrato tería chegado xa aos 1.200 produtores que lle entregan o leite á multinacional francesa e desde o sindicato agrario consideran que a empresa intenta deste xeito “extorsionar aos gandeiros”, dado que suporía que os contratos pasarían a vencer en abril de 2023, polo que desde UUAA piden a todos os gandeiros que non acepten. “Cónstanos que está habendo presións importantes aos produtores para que asinen”, aseguran. No caso de Larsa, a asturiana CAPSA, á que pertence a marca galega, subiu desde xaneiro 2,5 céntimos a parte variable do prezo do leite que está indexada ás cotizacións que ten a manteiga no mercado internacional e que supón o 30% do prezo final pagado aos gandeiros, pero mantén en 29,5 céntimos a parte fixa do contrato, que supón o 70% restante do prezo. Iso implica unha suba global no ano que ronda 1 céntimo.
Larsa subiu a parte do contrato cos gandeiros indexada á cotización internacional da manteiga e que supón o 30% do prezo final do leite, pero mantén conxelada en 29,5 céntimos a parte fixa (o outro 70%)
Por iso, “a media resultante segue sendo baixa”, afirma Unións Agrarias, situándose en 31,75 céntimos por litro, tres céntimos de diferencia con respecto ao que cobra un produtor asturiano que entregue á mesma empresa. “Non hai razóns obxectivas para esta discriminación”, asegura Félix Porto. "Ten que haber un incremento importante do prezo do leite en orixe, subas dun céntimo quedan moi por baixo do necesario cando os custos de produción están nos 37 céntimos e os vindeiros meses van ser moi duros", prognostica. Revalorización da manteiga e o leite en po Á suba dos prezos do cartón de leite e de outros derivados como os iogures nos supermercados, engádese ademáis o aumento das cotizacións dos produtos lácteos nos mercados internacionais, onde a manteiga mantén un incremento de prezo interanual do 40% e o leite en po do 30%. Isto supón, segundo os cálculos de Unións Agrarias, que as industrias que recollen o leite en Galicia obteñen 9,5 céntimos máis por cada litro de leite que procesan grazas á revalorización da graxa, dada a maior porcentaxe de sólidos que contén o leite galego. Por iso, insiste Félix Porto, “é inexplicable que en Galicia os gandeiros estean a cobrar o prezo máis baixo de Europa a excepción de Portugal, pois mentres os prezos se están disparando no resto de Europa, subindo mesmo ata os 38 céntimos noutros países produtores da UE que son excedentarios de leite, como Francia ou Alemaña, en Galicia mantense conxelado en 33 céntimos”, comparou.

Agárdase unha suba do 40% nos pensos e do 50% nos abonos a final de ano

A difícil situación que atravesa nestes momentos o sector lácteo está motivada por unha “subida espectacular, da que non hai precedentes” nos custos de produción das explotacións, asegura UUAA, que calcula que unha explotación familiar media que produza arredor de 350.000 litros anuais, é dicir, uns 1.000 litros diarios, estaría pagando 800 euros máis ao mes en pensos, o que suporía uns 2,63 céntimos máis en litro de leite.
Unha explotación media cunha produción duns 30.000 litros de leite ao mes estaría pagando neste momento 800 euros máis en pensos
“O custo da alimentación, que é o principal gasto das explotacións, incrementouse un 26% no último ano pero o grave é o que se espera a partir de finais de ano, aí é onde vai vir o problema e o incremento máis importante, fálase dunha subida de arredor do 40% porque para este ano a maior parte das cooperativas galegas que fabrican pensos tiñan o prezo das materias primas xa pechado, pero para o ano que vén non”, explica Óscar Pose, responsable do sector lácteo de UUAA.
Fálase de incrementos do 50% nos fertilizantes e mesmo de falta de subministro dalgún tipo de abono
Ao incremento do penso e as materias primas para alimentación animal habería que engadir a suba do recibo da luz, dado que a enerxía encareceuse de media un 34% para as explotacións, así como o gasóleo e os plásticos. “E agárdanse incrementos do 50% nos fertilizantes e mesmo se está a falar de falta de subministro dalgún tipo de abono”, advirte.
En Galicia quedan producindo leite 6.476 explotacións, despois de teren pechado 300 neste último ano
Esta situación límite ameaza con acelerar o ritmo de peche de explotacións leiteiras, que no último ano, de setembro de 2020 a setembro de 2021, foi de 700 ganderías no conxunto do Estado, pasando de 12.300 a 11.603, un decrecemento que tamén se está a vivir en Galicia, onde desapareceron no último ano 300 granxas, manténdose neste momento producindo leite 6.476 explotacións.

12.000 litros de leite solidario dende Rodeiro para familias en dificultades

A asociación Mocidade Kambota, un colectivo de ámbito cultural e social do concello de Rodeiro (Pontevedra), levou a cabo esta mañá unha entrega solidaria de 12.000 litros de leite a entidades sociais. Trátase da primeira entrega de leite que realiza o colectivo e que foi posible grazas á colaboración dos socios da entidade, en gran medida gandeiros de vacún de leite, así como a distintas empresas locais e á industria láctea Larsa, que se encargou da loxística precisa para materializar a doazón. Unha pradeira ós pes do monte Faro, a escasos quilómetros da vila de Rodeiro e cun rabaño de vacas leiteiras pacendo ó carón, foi o escenario para facer pública esta primeira entrega. O acto contou con algúns dos colaboradores que fixeron posible a entrega e cos representantes das catro entidades entre as que se repartirá este leite: o propio Concello de Rodeiro, o colectivo benéfico O Mencer, de Lalín; que atende a familias do conxunto da comarca do Deza; o Banco de Alimentos de Pontevedra, e a Cociña Económica de Santiago de Compostela. Con esta iniciativa, Rodeiro, un concello gandeiro da comarca do Deza, busca contribuír a paliar as dificultades que moitas familias atravesan. “Vimos que Rodeiro, como gran produtor de leite, podía poñer o seu gran de area. Mocidade Kambota só fomos un pequeno intermediario para facelo posible”, explica Alberte Lamazares, gandeiro e presidente da Asociación Mocidade Kambota. Dende o colectivo propúxoselle ás familias gandeiras que doaran do leite que producen e máis dunha ducia delas participaron nesta primeira entrega. A colaboración da industria Larsa permitiu multiplicar o valor do doado e levar a cabo a doazón. Así, segundo as estimacións do colectivo, a doazón supera os 7.000 euros para o consumidor final. Ademais dos gandeiros, a esta proposta tamén se sumaron outras empresas locais que contribuíron mercando leite, así como a cooperativa agrogandeira O Rodo, que tamén prestou o seu apoio e colaboración coa iniciativa. O acto, que rematou cun brinde de leite entre os participantes, tamén serviu para reivindicar a importancia do sector gandeiro como motor de futuro do agro galego, como produtores de alimentos de calidade e proximidade. Brinde de leite dos participantes.

Os destinatarios

Os 12.000 litros de leite serán xestionados e repartidos entre as catro entidades sociais. Os representantes de todas elas quixeron agradecer a importancia deste tipo de doazóns que contribúen a paliar as dificultades polas que atravesan moitas familias. Ademais, destacaron a solidariedade dos gandeiros que impulsaron e contribuíron con esta iniciativa solidaria, ó tempo que louvaron que fora unha proposta iniciada por xente moza. “Esta doazón é un exemplo a seguir e unha mostra de como a sociedade civil pode organizarse e colaborar dende distintos sectores para paliar as necesidades que afrontan moitas familias”, valorou José Luis Factor, membro da directiva de O Mencer, durante a súa intervención. Na mesma liña se amosou o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, quen agradeceu a boa vontade dos veciños, moitos deles gandeiros, que colaboraron nesta iniciativa solidaria. Pola súa banda, o representante do Banco de Alimentos de Pontevedra, que colabora con 150 entidades proporcionándolle alimentos, recoñeceu a implicación da mocidade coas causas sociais. Do mesmo xeito, dende a Cociña Económica compostelá, sor Alicia agradeceu esta importante achega que lles brinda novas oportunidades de seguir atendendo a demanda que teñen cada día. Tal e como indicaron dende Mocidade Kambota, esta é a primeira entrega de leite que realizan, pero xa están a traballar para poder levar a cabo outra nos próximos meses.

Iogures Larsa, máis de 50 anos de éxito coa mesma receita

Dende que saíron ó mercado en 1964, os iogures de Larsa apenas mudaron, e ese parece ser o segredo do seu éxito. Hoxe, son dos máis populares en Galicia e o seu iogur de vainilla sitúase como o máis vendido na comunidade entre os iogures de sabores.

“En Larsa buscamos innovar dende a tradición, e no caso dos iogures seguimos mantendo a mesma receita coa que se estrearon no mercado hai 56 anos”, explica Ana Rodríguez Grande, responsable de Produto de Larsa.

“En Larsa buscamos innovar dende a tradición, por iso para os nosos iogures seguimos mantendo a mesma receita coa que nos estreamos no mercado”

Os primeiros iogures de Larsa elaboráronse na factoría situada en Balaídos (Vigo) e comercializábanse en vasos de cristal que se vendían en farmacias, posto que as propiedades beneficiosas que se lle atribuían a este produto situábanos coma un medicamento.

Xa no 1992, Larsa traslada toda a súa produción de iogures á actual fábrica de Vilagarcía (Pontevedra). Na actualidade, nestas instalacións, cada día prodúcense 256.000 unidades de iogur elaborados con leite de pastoreo. Con cada 1.000 litros de leite elaboran uns 8.000 iogures.

Dende que nos anos 80 comezaron a envasalos iogures nos característicos vasos de plástico apenas introduciron cambios no envase.

Mil e un sabores

Ó longo destes anos mantivéronse fieis á súa receita tradicional e tampouco a súa imaxe sufriu grandes cambios dende que nos anos 80 comezaran a envasalos nos seus característicos vasos de plástico. Unha das últimas modificacións fixérona hai uns meses, ó obter o selo de Galicia Calidade, un distintivo que se sitúa na tapa dos iogures. “Xa contabamos con este selo para o noso leite e dado que o iogur de Larsa é un produto moi icónico de Galicia e cunha calidade xa demostrada no mercado críamos que, lograr esta certificación era a evolución natural”, detalla Rodríguez Grande.

Contan cunha gama de 40 sabores entre os que se inclúen dende os máis tradicionais a sobremesas e froitas exóticas

Larsa conta hoxe en día cunha das gamas de iogures máis variadas do mercado, cunha produción de 40 sabores diferentes. Inclúen dende os clásicos iogures naturais, cos que comezaron, así como os sabores máis tradicionais, que empezaron a producir ó longo da década dos 70, como fresa, plátano, piña ou o seu líder de ventas, o iogur de vainilla.

Nestes anos, a marca foi sumando diferentes sabores. As últimas incorporacións realizáronas hai apenas uns días e trátase da súa gama de Cremosísimos, formada por iogures naturais, de fresa e limón fabricados con todo o sabor do leite de pastoreo e cunha textura máis cremosa e lixeira á vez.

Seguen sendo dos únicos iogures do mercado que se venden por unidades, sen packs cerrados. “Tendo un surtido de sabores tan amplo, e en base tamén ó que nos comentan os consumidores, cremos que debemos seguir dando a oportunidade de que cada cliente faga a súa propia selección”, explica Rodríguez Grande.

Unha das últimas incorporacións é a súa gama Cremosísimo.

O éxito da sobremesa de licor café

Larsa conquistou o mercado galego, o principal destino dos seus iogures, con algunhas das súas propostas máis arriscadas. Foi o caso, por exemplo, do boom que tivo a súa sobremesa de licor café, que saíu ó mercado en outubro de 2016. “Resultou todo un fenómeno, que mesmo provocou que houbese listaxe de garda nos supermercados para conseguilo. Superou totalmente as nosas expectativas”, comenta a responsable de produto.

Á marxe desta demanda, Larsa segue apostando por incluír novos sabores, como o de melón e framboesa, o de lima e limón ou o de mazá, que son algunhas das súas últimas incorporacións.

O Cluster Alimentario de Galicia lanza a terceira edición do seu programa para impulsar ideas e produtos innovadores

Foto de arquivo da segunda edición da Business Factory Food, a aceleradora do sector alimentario galego Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), puxo en marcha a súa terceira edición para identificar e promover ata un total de 16 proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria. As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora poden presentar as súas candidaturas, tanto ao programa de aceleración como de consolidación, a través da web bffood.gal ata o próximo 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas.
As empresas, entidades e startups poderán presentar as súas candidaturas ata o 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas, a través da web de BFFood
BFFood impulsou ao longo das súas dúas edicións anteriores a un total de 20 proxectos das 121 candidaturas recibidas, tanto desde España como desde fóra do continente europeo. Nesta nova edición escollerá ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración, de 9 meses de duración, e ata seis para o de consolidación, de 12 meses de duración. Retos propostos Business Factory Food busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos expostos polas empresas do sector da alimentación, que son: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén, se expón un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora. Ademais, con motivo da situación xerada pola COVID-19, BFFood incorporou un reto especial co que busca proxectos dirixidos a fortalecer a resiliencia da industria alimentaria fronte a situacións de emerxencia derivadas de pandemias. Mentoring e apoio económico Os proxectos seleccionados na terceira edición de BFFood dispoñerán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, accederán a un financiamento por parte de Gain de 25.000€ a fondo perdido no programa de aceleración, para o desenvolvemento do produto ou servizo, e dun préstamo participativo, que podería conlevar unha opción de capitalización, de ata un máximo de 50.000€, a través de XesGalicia. No caso dos proxectos de consolidación, poderán acceder a un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia.
Os proxectos seleccionados accederán a financiamento a fondo perdido e préstamos participativos
Cada proxecto seleccionado contará cun mentor específico pertencente a unha das empresas tractoras de BFFood que se ocupará de conducir a súa evolución e guialos no seu desenvolvemento, facilitando a aliñación da proposta de valor coa resolución do reto. Nesta terceira edición, son Adegas Martín Códax, Cafés Candeas, Calvo, Cravo Food Factory, Congalsa, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, Larsa, Nova Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez e Viña Costeira as empresas que se encargarán deste proceso de mentoring. BFFood, que forma parte da plataforma StartIN Galicia apoiada pola administración pública autonómica, conta, ademais, co apoio das tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), ANFACO CECOPESCA, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) no comité técnico.

“Os gandeiros de Central Lechera Asturiana agora cobramos máis, pero investimos moito diñeiro na nosa industria láctea”

O pasado día dous de xullo a asemblea de Central Lechera Asturiana-SAT elixiu ao gandeiro Alberto Álvarez Rodríguez como novo presidente para os próximos 6 anos. A súa elección foi practicamente por unanimidade -90 votos a favor de 92 compromisarios asistentes- para pilotar unha sociedade formada por unhas 1.100 gandarías de vacún de leite de Asturias que son propietarios de Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA), a maior cooperativa láctea española, propiedade de marcas de leite como “Central Lechera Asturiana”, “Larsa”, “ATO” ou a queixería recentemente adquirida “Flor de Burgos”. Falamos con este enxeñeiro de montes de formación e gandeiro de profesión sobre o presente e o futuro desta SAT cuxos orixes se remontan ao ano 1967, cando un grupo de gandeiros asturianos uníronse para comercializar e darlle valor ao leite. Hoxe logran os mellores prezos en orixe de España para as súas explotacións socias, pero non sempre foi así... -Acabas de ser elixido fai escasas dúas semanas novo presidente de Central Lechera Asturiana SAT, Como asumes esta responsabilidade? Asumo este mandato cunha gran responsabilidade, polo gran compromiso que representa tanto para os socios como para o conxunto da sociedade. E como non, con moita ilusión e ganas de traballar. -Como é a Central Lechera Asturiana SAT que recibes: número de gandarías socias, distribución xeográfica, facturación..? A SAT é unha sociedade con máis de 50 anos de historia. Actualmente temos unha estrutura societaria de socios activos e que xa non manteñen a actividade agrogandeira pero que seguen vinculadas á SAT que suma un total duns 7000 socios. En canto a volumes de facturación estamos nun modelo de integración vertical no que está integrada Corporación Alimentaria Peñasanta Sociedad Anónima (CAPSA), que é o noso motor industrial e comercial e que sen dúbida contribúe á posta en valor da nosa marca “Central Lechera Asturiana”. En conxunto, en SAT Central Lechera Asturiana alcanzamos un volume de facturación no ano 2019 da orde de 720 millóns de euros.
“Ao redor da metade do leite que procesa CAPSA procede de gandarías socias de Central Lechera Asturiana”
Por outra banda, o grupo CAPSA procesa anualmente uns 900 millóns de litros de leite, procedente tanto de gandarías socias de Central Lechera Asturiana SAT, como doutras granxas non socias que abastecen do leite que nós non podemos producir. -Compatibilizas a presidencia con outras responsabilidades como conselleiro do Consello de Administración de CAPSA, o brazo industrial de Central Lechera Asturiana, e coa túa propia gandaría, La Soledad SC, en Santullano de Tineo Como é a túa explotación? Son socio da gandaría familiar desde o ano 1998, despois de finalizar os estudos de Enxeñaría de Montes no Campus de Lugo. Trátase dunha granxa familiar, cunha produción duns 600.000 litros ao ano, e na que colabora tanto a miña muller como a miña nai e que está situada nuns dos municipios con máis produción de leite de Asturias como é o de Tineo. -Cales son os retos asumes para a túa presidencia durante os próximos 6 anos? O obxectivo segue sendo dar rendibilidade e estabilidade ao socio gandeiro. Para iso seguiremos pondo en valor a nosa orixe, a nosa cultura e valores para dar futuro ao gandeiro, fortalecer a SAT e mellorar a calidade de vida dos socios no posible. -CAPSA é hoxe en día a principal industria láctea de capital español e de base cooperativa. Canto do leite que procesa procede das gandarías socias de Central Lechera Asturiana? Da orde da metade do leite que procesa CAPSA é de socios de Central Lechera Asturiana SAT. -Como está a situación dos prezos para os gandeiros de Central Lechera Asturiana e como se prevén para este ano? Este ano prevemos certa estabilidade de prezos, a pesar da situación de crise sanitaria e económica que se vive. Dentro de Central Lechera Asturiana temos unha diferenciación positiva de prezos respecto doutras gandarías, motivado polo modelo de integración vertical que temos. A nosa participación na actividade comercial e industrial ten importantes resultados que se trasladan en última instancia aos socios que compomos a SAT.
“As gandarías de Central Lechera temos un prezo sobre un 10% superior á media española”
En canto ao prezo en concreto que perciben os nosos gandeiros socios, estamos entre un 8 e un 10% por riba do prezo medio do leite en España, segundo os datos publicados polo FEGA. -Nos últimos anos CAPSA-Central Lechera Asturiana converteuse na segunda industria láctea en volume de recollida en Galicia, onde tamén son propietarios de LARSA, e moi preto de LACTALIS. Porén, os gandeiros galegos cobran un prezo de varios céntimos por baixo da media dos de Asturias e non se lles permite ser tamén socios da SAT. Como valora esta situación? Contemplan algunha opción de incorporalos como socios? A SAT é un modelo exemplar de integración vertical e é certo que agora mesmo temos unha diferenciación positiva de prezos do leite para os socios. Non obstante, hai que ter en conta que durante moitos anos, mesmo en Asturias, as diferenzas de prezos para os socios de Central Lechera era negativa e cobrabamos menos polo leite que outras granxas. Os socios fixemos nestes anos un importante esforzo de capitalización da nosa sociedade e, afortunadamente, as políticas seguidas a nivel industrial e social por parte de CAPSA fortaleceron a nosa sociedade, de forma que agora estamos a recoller os froitos do esforzo dos nosos predecesores. É certo que temos menos gandeiros activos, do mesmo xeito que en todo o mundo, pero neste 2020 imos recoller máis leite dos nosos gandeiros socios en comparación a todos os anos anteriores, e alcanzar as 450.000 toneladas. En canto á incorporación de novas gandarías socias doutras comunidades nas que opera CAPSA como Galicia, no ano 2010 abriuse unha xanela de crecemento de socios e unha vez satisfixeron os obxectivos pechouse. Isto non quere dicir que non se abra de novo de cara ao futuro. Neste momento das 1100 gandarías activas que agrupa Central Lechera Asturiana SAT, soamente 13 están en Galicia e 1 en Cantabria, o resto todas en Asturias. -Central Lechera Asturiana SAT é un dos poucos exemplos en España de éxito dos gandeiros á hora de asociarse para comercializar e darlle valor ao seu leite. Cales cres que foron as claves deste éxito do asociacionismo gandeiro asturiano? A orixe de Central Lechera Asturiana SAT foi nunhas circunstancias de crise absoluta de prezos do leite e iso permitiu aos socios gandeiros centrar máis os obxectivos. Co paso dos anos, houbo unha aposta clara pola innovación, a calidade e a diferenciación, tanto en packaging do leite líquido como no resto de produtos. Este esforzo de capitalización de CAPSA por parte dos socios de Central Lechera Asturiana SAT permitiu que hoxe sexamos un modelo de éxito.
 “Durante anos os gandeiros de Central Lechera cobramos menos que o resto, pero grazas ao noso esforzo de capitalización e a un liderado e obxectivos claros hoxe estamos na parte alta”
Tamén axudou a existencia dun liderado claro e uns obxectivos comúns para todos os socios, o que contribuíu a fortalecer Central Lechera Asturiana. Houbo neste proceso moitos momentos amargos e ao final conseguiuse saír diso fixando uns obxectivos comúns. O valor inicial achegado polos gandeiros socios no ano 1968 foron 10.000 pesetas, pero ao longo de todos estes anos e a día de hoxe seguimos facendo un esforzo de capitalización da sociedade. Así, parte do prezo que percibimos sigue destinándose para capitalizar a nosa sociedade. En concreto, unha porcentaxe da produción de leite que entregamos vai destinada a darlle músculo financeiro á SAT -Na Península Ibérica as dúas principais industrias lácteas de capital autóctona son propiedade dos gandeiros: CAPSA e LACTOGAL. Como é a cooperación entre ambas para competir coas grandes multinacionais presentes en España e Portugal? A nosa relación con LACTOGAL é excelente. Con todo, por parte de Central Lechera Asturiana non temos en mente unha cooperación comercial con LACTOGAL, quizais de cara ao futuro poida haber intentos de cooperación, pero non a día de hoxe.
“Non temos en mente ningún proxecto de colaboración con LACTOGAL”
- Nos últimos meses realizastes investimentos para incrementar a capacidade industrial das plantas de Outeiro de Rei e Vilagarcía. Que plans tedes en Galicia? Prevedes seguir aumentando a recollida na comunidade? Galicia é unha comunidade con gandarías moi profesionalizadas, de forma que mantén o liderado como o primeiro produtor de leite en España. Seguiremos apostando e investindo nas nosas fábricas de Outeiro de Rei e de Vilagarcia e apostando pola marca Larsa. A nosa actividade en Galicia xa vén de lonxe, pois antes de que adquirísemos LARSA tivemos unha colaboración moi intensa con Leyma, onde fomos propietarios do 49%, e tamén dunha queixería na comarca de Ferrol. - Como é a relación coas dúas cooperativas lácteas galegas: Clun e Aira? Que consello lles darías desde unha cooperativa, como é a vosa, que leva moitos máis anos transformando e comercializando o leite dos seus socios? Todos debemos redobrar o noso compromiso de apostar polo sector e por que haxa relevo xeracional nas gandarías. Para iso, debemos esforzarnos en dignificar a vida dos nosos socios e mellorar a súa rendibilidade. Non me atrevería a darlles un consello, pero si insistiría en que é moi importante a aposta dos socios pola capitalización dos proxectos industriais das cooperativas. -Como ves o futuro das gandarías e da industria láctea en España dentro de 6 anos? Creo que cada vez será un sector máis valorado pola sociedade. Hai varios acontecementos que así o indican, como a estratexia “Da Granxa á Mesa”, presentada pola Comisión Europea e a crise sanitaria, onde se puxo de relevo que a produción de alimentos, e a de lácteos en particular, é estratéxica para o futuro dun país nun escenario de incerteza como o que vivimos.

Capsa medra por quinto ano consecutivo pechando 2019 cun beneficio de 23 millóns de euros

Capsa Food é propietaria de Larsa, con instalacións en Outeiro de Rei e Vilagarcía

A compañía asturiana Capsa pecha 2019 cun beneficio de 23 millóns de euros, que inclúen os beneficios empresariais, as primas no prezo de compra de leite abonadas aos socios gandeiros e o canon por cesión de uso da marca pagado a Central Lechera Asturiana SAT.

O Consello de Administración de Capsa Food (Corporación Alimentaria Peñasanta S.A.) reunido hoxe formulou as contas anuais e presentou os resultados correspondentes ao ano 2019, co que culmina o seu Plan Estratéxico 2015-2019 xerando neste período máis de 160 millóns de euros de beneficio.

A compañía láctea medra en resultados por quinto ano consecutivo, pechando 2019 cun beneficio histórico de 23,12 millóns de euros, un 1,3% por encima do ano anterior, grazas á evolución positiva das súas vendas nos diferentes mercados nos que operan as súas marcas. No mercado de leite a compañía incrementou un 8% as vendas con respecto a 2018, crecemento similar ao que presenta no mercado de manteigas. En natas a empresa asturiana crece un 7% e un 9% no mercado de queixos.

Corporación Alimentaria Peñasanta supera o 7% de crecemento nos mercados de leite, nata, manteiga e queixos

Esta evolución en vendas reflíctese nas cotas que a compañía alcanza no mercado español, afianzando o seu liderado nos mercados de leite, nata e manteiga. Concretamente, no mercado de leite Capsa pecha 2019 cun 17,9% de cota de mercado mentres que no de nata alcanza unha cota 19,8%. En manteiga consolida unha cota de mercado do 24,2%.

No que se refire ao mercado de hostalaría, que sufriu este ano un parón xeralizado como consecuencia da pandemia por coronavirus, a compañía aumentou o ano pasado as súas vendas un 7%, sendo ademais os produtos de Central Lechera Asturiana e Larsa cada vez máis visibles na canle Horeca cunha presenza que supera o 30% dos establecementos.

Desplome do prezo da graxa nos mercados internacionais

Con todo, en 2019 a compañía viu penalizado o seu importe neto da cifra de negocio (720,8 millóns de euros fronte aos 737,7 do ano 2018), derivado da baixada de facturación da súa división Innova Food Ingredients como consecuencia do desplome que sufriron os prezos da materia graxa nos mercados internacionais (o prezo medio ponderado en 2019 foi de 4,344 euros/ Kgr MG fronte a 5,538 euros/ Kgr MG en 2018). Pero este impacto negativo viuse compensado por melloras de eficiencia operativa, consolidando en conxunto en 2019 a empresa asturiana un beneficio por encima do ano anterior.

Capsa pecha 2019 cun 18% de cota de mercado en España e as súas exportacións de leite líquido a países fóra da Unión Europea representan xa o 37% do total español

No mercado internacional, o volume de venda da compañía medra preto dun 60% con respecto ao ano anterior. Capsa xa representa o 36,8% do leite líquido envasado que se exporta desde España a mercados fóra da UE, fronte ao 20,3% en 2018, e o 12,3% da nata líquida (fronte ao 9% en 2018).

Seis centros de produción con 1.300 traballadores e 928 millóns de litros de leite recollidos o ano pasado

Instalacións centrais de Capsa en Asturias

Capsa Food, que integra as marcas Central Lechera Asturiana, Larsa, ATO, 39ytu, Vega de Oro, Asana e Innova Food Ingredients, é a compañía líder do mercado lácteo español, conta con 6 centros de produción distribuídos por toda a xeografía española dando emprego directo a máis de 1.300 persoas e cunha presenza internacional en máis de 40 países.

A empresa recolleu e transformou o ano pasado preto de 928 millóns de litros de leite “de orixe 100% español”, destaca a compañía nunha nota de prensa. En Galicia, foi aumentando nos últimos anos o seu volume de recollida tralas ampliacións efectuadas nas plantas de produción de Outeiro de Rei e Vilagarcía, onde no últimos tres anos a compañía asturiana investiu 25 millóns de euros e dá emprego a 250 persoas.

A empresa recolleu e transformou en 2019 preto de 928 millóns de litros de leite de orixe 100% español, destaca

Na súa aposta pola sustentabilidade integral, a compañía asturiana mantén a súa orixe cooperativa e traballa co propósito de “apoiar ao sector primario e ao mundo rural e dar futuro ao socio gandeiro”, un obxectivo que se concreta con prezos en orixe que se sitúan en Asturias tres céntimos por enriba dos pagados en Galicia, segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

Un dos 10 maiores operadores queixeiros de España

No último exercicio Capsa culminou o Plan Estratéxico 2015-2019, que permitiu á empresa continuar medrando a través dunha estratexia de diversificación e aumento de transformación no mercado do queixo, coa ampliación da capacidade produtiva en Galicia e tamén noutros puntos da xeografía española.

A aposta da compañía asturiana neste campo en 2019 foi clara e continuou en 2020. Corporación Alimentaria Peñasanta adquiriu o pasado mes de xaneiro o 50% da sociedade Lácteas Flor de Burgos co obxectivo de desenvolver un proxecto conxunto de marca sumando as sinerxias de ambas compañías para liderar o mercado de queixo fresco.

A estratexia de crecemento e diversificación de Capsa continuou en 2020 coa adquisición no mes de xaneiro do 50% da queixaría Flor de Burgos

O volume de venda conxunto resultante sumado de Capsa e Flor de Burgos no mercado de queixos vai superar os 95 millóns de euros, o que situará a esta unión de empresas como un dos 10 maiores operadores queixeiros de España.

O acordo, asinado o pasado 14 de xaneiro, supón a venda do 50% desta sociedade que ata entón pertencía na súa totalidade á familia Angulo, cuxa vinculación co mercado queixeiro vén desde 1915. En 2019, a compañía queixeira burgalesa facturou máis de 63 millóns de euros, o que supón un crecemento do 16,5% respecto a 2018 e do 175% nos últimos cinco anos.

Aposta polo ámbito da saúde e a nutrición

Nos últimos anos, Capsa innovou no mercado con novos formatos e novos produtos con beneficios funcionais, ofrecendo produtos naturais, máis saudables ou con melloras nutricionais. Neste sentido, a empresa renovou as certificacións IFS, BRC, FSS 22.000, Garantia Gandeira, sen E´s artificiais e Leite de Pastoreo, onde a compañía foi poineira en España.

En 2019, a empresa levou a cabo diversas accións no ámbito da alimentación e a saúde. Presentouse o Instituto Central Lechera Asturiana para a Nutrición Personalizada e o seu proxecto 39ytu. A compañía tamén entrou a formar parte de San Antonio Biotics, co obxectivo de proporcionar probióticos de ultima xeración ao Instituto. Ademais, e froito do acordo asinado con Cantabria Labs en 2018, lanzouse NMCLA Diabet, unha fórmula especialmente deseñada para persoa diabéticas na canle farmacia.

A empresa fixo a súa primeira incursión fóra do negocio lácteo

Neste mesmo exercicio, créase Capsa Vida (Vehículo de Investimento para o Desenvolvemento da Alimentación do futuro), fondo dotado con 5 millóns de euros para tomar participación en start ups con proxectos no ámbito da saúde, sustentabilidade e personalización. Unha das start up na que ampliou a súa participación en 2019 foi Raw Superdrink, trala primeira incursión da compañía fora do negocio lácteo.

Tamén dentro de Capsa Vida e na firme aposta da empresa pola sustentabilidade ambiental, a compañía entra a formar parte do accionariado de Entomo Agroindustrial como exemplo de proxecto de economía circular. Ademais, ASANA continuará actuando como marca transversal ecolóxica do grupo.

Por último, e dentro desta aposta pola diversificación, a finais de ano asinouse un acordo con IMOMA (Instituto de Medicina Oncolóxica e Molecular de Asturias), para levar a cabo proxectos conxuntos no campo da nutrición e a saúde, ademais de actividades relacionadas coa promoción social das investigacións.

Convocados os premios de Larsa e USC para innovacións en produtos lácteos

Este mércores presentáronse na factoría de LARSA en Lugo a II Edición dos “Premios Innovación LARSA en Alimentación Saudable -Impulsando Galicia”, convocados conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración das Universidades da Coruña e Vigo. O acto contou coa presenza da Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, o Director Xeral de LARSA, José Armando Tellado, a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro e o gañador da 1ª Edición do Concurso, Pablo Fraga. Estes premios naceron en 2017 co obxectivo de promover a saúde a través da nutrición e hábitos de vida saudables, e recoñecer aquelas propostas que promovan a innovación na industria láctea; desenvolvemento de novos produtos ou novas tecnoloxías, innovacións no punto de venda, en procesos, ingredientes, gandarías, etc. O director xeral de Larsa, José Armando Tellado, destacou a aposta da compañía por “fomentar o emprendemento e dar valor compartido nun sector agroalimentario sustentable, facendo realidade iniciativas novas en alimentación desde Galicia e desde a universidade, incorporando o talento académico ao sector comercial e industrial”. Así mesmo, fixo referencia ao gañador do ano pasado, Pablo Fraga, “un enxeñeiro agrónomo que grazas a Impulsando Galicia viu feito realidade o seu proxecto dun produto novo con todo o sabor galego”. LARSA e a Universidade de Santiago buscan fomentar o emprendemento a través destes galardóns, aos que poden acceder estudantes universitarios, titulados, universidades ou calquera dos seus departamentos, xente nova emprendedora, sociedades mercantís, etc. A convocatoria ten ámbito nacional e desenvolverase co apoio das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Inscrición até o 25 de abril e presentación de proposta inicial até o 2 de maio

A selección dos proxectos artellarase en dúas fases. Unha primeira na que ademais de inscribirse antes do próximo 25 de abril, deberán presentar unha breve proposta inicial, tendo como prazo máximo até o próximo 2 de maio. A partir desta data, os traballos seleccionados pasarán a unha segunda fase na que deberán concretar a innovación a desenvolver, así como realizar un prototipo desta innovación que será valorado a partir do 15 de setembro por un xurado interno da compañía xunto con dous profesores da Universidade de Santiago en función da súa orixinalidade, viabilidade, grao de innovación, contribución á mellora da saúde e diferenciación. Os proxectos mellor valorados recibirán unha dotación económica de 5.000 euros para o primeiro premio, 3.000 euros para o segundo e 1.000 euros para o terceiro. Ademais, se LARSA decide executar algún dos proxectos gañadores, abonará ao autor, durante un prazo de 3 anos, a cantidade anual correspondente ao 20% dos beneficios xerados pola innovación. Os gañadores faranse públicos no outono, unha vez puntuados e valorados polo xurado. Na pasada edición, o xurado outorgou o primeiro premio Innovación Saudable Impulsando Galicia á sobremesa “Leite con castañas”, creado por Pablo Fraga Gontán, un mozo enxeñeiro agrónomo de Lugo que, ademais de recibir o recoñecemento e a dotación económica do galardón, viu feita realidade a súa idea grazas ao apoio de LARSA porque o seu produto comercialízase en Galicia a día de hoxe.

Consulta aquí toda a información para inscribirte