Archives

Claves para realizar escarda e laboreo do solo e reducir o uso de herbicidas

O uso de herbicidas na agricultura facilita o traballo no campo, pero a reducción do laboreo deixa tamén consecuencias en torno á saúde e sustentabilidade do solo. A súa microbioloxía, a súa textura, ou o nivel de compactación son cuestións a ter en conta pola súa influencia no cultivo, e por iso, cómpre buscar un equilibrio entre a aplicación de herbicidas e o laboreo para ter unha superficie de cultivo con plena capacidade produtiva. O uso de apeiros combinados para reducir as pasadas ou a aplicación de técnicas de escarda mecánica son algunhas das opcións para un manexo axeitado. As técnicas de escarda mecánica, en crecemento, permiten a redución do uso de herbicidas, a favor da salubridade do solo. O problema é que a nivel económico, non están claras as vantaxes. “Fixéronse estudos comparativos entre a escarda mecánica e os herbicidas, e nun caso concreto que utilizamos de referencia serían necesarios 8 anos para amortizar a escarda, polo que as vantaxes a nivel económico non están claras”, especifica Rodrigo Porto, docente dun curso de laboreo que se vén de celebrar en Sergude (Boqueixón). Tractor con sachadora en liña e corrección de software En termos de sustentabilidade, os beneficios da escarda mecánica quedan máis á vista. “O uso de herbicidas está claro que afecta ao solo alterando a súa microbioloxía, e o feito de non remover o terreo inflúe negativamente sobre compactación a medio prazo, polo tanto, a clave é reducir o uso de herbicidas e optimizar as técnicas de laboreo e de escarda mecánica”, recomenda Rodrigo Porto. Momento de cultivo ideal e novas ferramentas de escarda Moitas das técnicas que amosou o instrutor están vencelladas ao cultivo de millo pero “pódese aplicar perfectamente ao resto da horticultura”, comenta Porto. “O tempo seco e soleado é o máis axeitado para a escarda mecánica, sempre e cando se proceda cun estado do cultivo máis avanzado que o das herbas”, explica Porto. Cómpre ter en conta que neste contexto é necesario ter coidado de non danar a planta posto que se trata de “labores moi lixeiras que se realizan a unha velocidade alta”, advirte. É por isto que os escardadores de púas flexibles ou as sachadoras en liñas representan unha boa opción para traballar o espazo entre cultivo, posto que removen superficialmente a terra sen afectar á planta. Ademais, “xa existen modelos de sachadoras que realizan correccións por software para suavizar os erros que poidan existir cos cambios na dirección do tractor, permitindo unha maior precisión na eliminación das herbas próximas ao cultivo; polo momento, a alternativa a esta tecnoloxía estaría no uso de máquinas menos avanzadas, que necesitan dun segundo operario, o que implica unha perda de eficiencia”, detalla Rodrigo Porto. Cámara de detección automática integrada na sachadora en liña
"Xa existen modelos de sachadoras que realizan correccións por software para suavizar os erros que poidan existir cos cambios na dirección do tractor" (Rodrigo Porto)
“Durante o curso realizouse unha demostración coa primeira máquina que se puido ver en Galicia dotada desta tecnoloxía, e capaz de corrixir automaticamente as desviacións”, avanza Porto. Outra das innovacións alí presentes foi o laboreo mediante tractores con sistemas de guiado automático por GPS e con capacidade de rexistro de datos de cultivo, como tempos de traballo, consumos, etc., de cada finca traballada. Curso de laboreo O curso de formación profesional sobre a aplicación de técnicas de laboreo e escarda mecánica, organizado no Centro de Formación de Sergude, abordou desde as ferramentas e apeiros de laboreo primario e secundario e de escarda mecánica, ata o estudo do solo como “elemento vivo, fundamental para a nosa actividade”, explica Rodrigo Porto, profesor técnico no FP do CIFP A Granxa, en Ponteareas, e instrutor. Ademais, durante esta acción formativa aproveitouse para presentar a irrupción das novas tecnoloxías de escarda mecánica, con corrección mediante software , como pode ser o caso do escardador en liña, un método de eliminar as malas herbas sen danar o cultivo, e así mesmo, reducindo o uso de herbicidas. Escardador de púas utilizado no curso de laboreo de Sergude A importancia do estudo do solo O solo é “o elemento vivo máis importante para a nosa actividade”, destaca Rodrigo Porto, pero as técnicas a empregar igualmente teñen “dous condicionantes fundamentalmente, por unha banda, as restricións sobre o uso de herbicidas -cada vez maiores-, e por outra, a necesidade dunha maior eficiencia nas actividades mecanizadas, debido ao elevado custo enerxético”, comenta Porto. Estes dous factores levan a buscar un equilibrio entre o laboreo e a aplicación de herbicidas para ter un solo cuns parámetros de saúde adecuados, pero, a que se debe de atender? “A microbioloxía do solo é o aspecto menos estudado e está en pleno desenvolvemento, polo que o hai que ter en conta cada vez máis, pero sen descoidar os parámetros clásicos, como a textura ou estrutura do solo”, amplía Porto. En función da porcentaxe que teña de areas -as partículas máis grosas-, de limos -partículas intermedias-, e arxilas -partículas máis finas-, encaixase nun tipo de solo pesado ou lixeiro, que levan un tipo de traballo adecuado á súa constitución. “Nun chan lixeiro pódese facer unha labor de volteo e enterrado do residuo en profundidade porque neste tipo de solo hai certo nivel de osixenación e esa materia orgánica vai degradarse; sen embargo, nun solo pesado non vai ser así xa que podemos facer unha labor de volteo da terra en outono e na primavera atopar o residuo practicamente momificado, isto é, non hai evolución senón que hai putrefacción, proceso no que se poden liberar sustancias prexudiciais para as raíces”, avanza o instrutor. As distintas texturas condicionan tamén a resposta do solo en canto a capacidade de infiltración ou de retención da auga. Neste caso, “a única maneira da que se pode intervir ante un defecto estrutural, ou na textura do solo, é co aporte de materia orgánica”, explica Porto. Este tipo de aportes, xunto aos elementos de corrección do PH, principalmente calcio e magnesio en Galicia, sitúanse entre “as solucións para problemas de infiltración e acumulación de auga, de almacenamento dos nutrientes ou de intercambio catiónico, etc.”, exemplifica. Aínda que o abonado orgánico “se deixou un pouco de lado pola facilidade e a eficacia de abonos agroquímicos, non deberíamos esquecernos de manter uns niveis de materia orgánica adecuados; eu diría entre un 3 e un 5%”, afirma o profesor do CIFP A Granxa. Co recurso dos químicos a produtividade non se verá afectada pero poden verse afectados os parámetros do solo.
"Non deberíamos esquecernos de manter uns niveis de materia orgánica adecuados; eu diría entre un 3 e un 5%" (Rodrigo Porto)
O capital de materia orgánica do solo pode manterse en niveis adecuados ou mesmo subilo “evitando labores que trituren excesivamente o solo, e aportando restos de cultivo”, afirma Porto. “A fresa utilizada a altas revolucións con velocidades de avance moi lentas tritura tanto o terreo que aínda que realiza un traballo esteticamente valorado, destrúen ese capital por mineralización do solo”, agrega. Claves para o manexo do solo e escardado mecánico A utilización de apeiros da lugar á compactación do solo polas pasadas de tractor, “que pode ser un problema fundamental, sobre todo en condicións de alta humidade”, detalla Porto. Partindo da premisa de que o tractor é “unha auténtica máquina de compactar polo seu propio peso e a vibración”, cómpre “reducir ao mínimo posible as pasadas da maquinaria, cuestión na que intervén tanto o método de laboreo que se vaia empregar, como o ancho de traballo co que se funcione, para non comprometer o desenvolvemento radicular”, aconsella. Por outro lado, a atención sobre o estado de consistencia do solo é outra das claves para dar co manexo adecuado. “Tradicionalmente falábase que a labor de arado como mellor queda é co solo cun certo grao de humidade porque o solo adquire unha consistencia plástica, e o volteo do prisma de terra é máis efectivo, pero isto leva a un maior compactado, por iso convén que o traballo de laboreo non se faga con excesiva humidade”, concreta o profesor. Ao respecto da compactación, outra cuestión que axuda é “o uso de apeiros combinados, posto que reducirían o número de pasadas necesarias, aínda que esixen de tractores máis dimensionados”, comenta.