Archives

Xornada este xoves no CIAM sobre presente e futuro da produción de froita en Galicia

O departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL) organiza para este xoves, 14 de xullo, as “Xornadas Técnicas sobre Fruticultura en Galicia: Evolución e Perspectivas”. O evento congregará tanto a investigadores como a produtores que informarán da situación actual, avances técnicos e posibilidades de cultivos de froitas e froitos xa tradicionais en Galicia, como a mazá, tanto de sidra como de mesa, a castaña ou o kiwi, pero tamén doutros incipientes como os froitos vermellos, aguacate ou cereixas, entre outros. A inscrición é gratuíta e para facela é preciso descargar e cubrir a solicitude e enviala ao seguinte enderezo electrónico: xornadas.fruticultura.22@gmail.com

Descarga aquí a solicitude

Kiwi atlántico, a marca que asociou o kiwi a Galicia

O Kiwi é un cultivo que comezou a implantarse en Galicia hai uns 50 anos, se ben o despegue da súa comercialización e da profesionalización do sector iniciaríase nos anos 90. Kiwi Atlántico é o referente principal dese camiño emprendido polo kiwi galego nas últimas décadas, ata o punto de convertirse na marca que en toda España asociou o kiwi a Galicia. A comunidade produce hoxe en día arredor de 5.000 toneladas de kiwi cada campaña, pero o obxectivo de Kiwi Atlántico sitúase en chegar a dobrar esa cantidade nuns dous anos. É un obxectivo que fala do potencial que ten Galicia para o kiwi, unha froita que precisa dunhas condicións climáticas moi particulares; e que tamén deixa ver as boas perspectivas de mercado. En España impórtase arredor do 60% do kiwi que se consume, o cal permite moita marxe de crecemento á produción galega e das outras comunidades.

Xornada formativa sobre as oportunidades de negocio do cultivo do kiwi en Galicia

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) organiza un encontro formativo online sobre as oportunidades de negocio que pode ofrecer o cultivo do kiwi en Galicia. A sesión é online e gratuíta e celebrarase o vindeiro martes 25 de maio, en horario de 10.00 a 14.00 horas. “A formación busca non só a creación de emprego senón tamén a fixación de poboación rural”, explican dende Agaca.

Durante a xornada, Martín Fernández, especialista en produción de kiwi, explicará o funcionamento do sector. Por outra banda, persoal técnico de Agaca presentará o proceso de acompañamento a emprendedores e as axudas públicas para o desenvolvemento de oportunidades de negocio no eido cooperativo, entre outros temas. As persoas interesadas poden inscribirse de balde aquí e obter máis información chamando ao 981 58 47 83. O encontro forma parte dun ciclo que incluíu sesións centradas no cultivo de té, castaña, cáñamo e oliveira, produción de porco celta e extracción de resina. Dende o seu inicio, en marzo, atraeu a máis de 200 participantes.  O ciclo desenvólvese no marco da programación 2021 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta con financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

-Consulta aquí o programa completo da xornada.

 

Kiwi Atlántico logra unha colleita dunhas 9000 toneladas de “gran calidade e calibre”

A sociedade galega Kiwi Atlántico arrincou xa a súa nova campaña e anuncia unha froita con características de “óptima calidade, máis gorda e con excelentes niveis de sabor”. Así o confirma o director xerente da compañía, José Carlos Vila, que concreta que “o pasado verán e a choiva durante a colleita contribuíron a que o punto de acidez e o nivel de dozura estean perfectamente harmonizados”. Tamén lembra que continúan apostando polo kiwi verde de variedade Hayward. En total a colleita dos 120 produtores socios e asociados a Kiwi Atlántico, que agrupa unhas 400 hectáreas de cultivo, chegou este ano ás 9000 toneladas, un 5% máis que o ano pasado, grazas á entrada en produción de novas plantacións. O kiwi galego estará no mercado a partir deste mes de decembro e espérase que a campaña de vendas se prolongue até os meses de maio e xuño, momento a partir do cal toma o relevo a froita producida no hemisferio sur, sobre todo de Nova Zelandia.

Novos investimentos para os próximos anos

Kiwi Atlántico afronta novos proxectos que esixirán un importante investimento económico para os próximos dous anos. Unha vez finalizados os investimentos de ampliación de cámaras frigoríficas, cambio do sistema de refrixeración e a ampliación de zonas de confección, agora continuarán ampliando as súas instalacións empezando pola zona de recepción da froita, así como a zona de stock. Tamén se investirá en nova maquinaria con cambios na calibradora e a automatización da paletización. Ademais, están a traballar xa nun proxecto de adquisición de novas leiras que estará por riba dos 1.500.000 de euros. Kiwi Atlántico está a ver posibilidades,en Galicia, pero tamén en Asturias e Portugal, de adquirir parcelas para novas plantacións propias, de 20 hectáreas de tamaño para arriba.

Consellos para o coidado das froiteiras

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro informa no seu boletín fitosanitario desta semana das recomendacións para o coidado das froiteiras durante estes días.

Kiwi:

Segundo as previsións, a climatoloxía dos próximos días será moi húmida e con choivas. Esta situación incrementará, a priori, o risco de aparición de bacteoriose, nun momento (aparición de botóns florais) que é moi sensible e no que deberían estar as plantas protexidas. Os produtos cúpricos, así como o Bacillus subtilis (CEPA QST 713) están autorizados, e ambos teñen efecto tamén fronte ao podre, que pode instalarse igualmente nas plantas daquelas zonas onde tivera caído pedrazo ou onde, de producirse ventos como anuncian algunhas previsións, haxa roturas de gromos e/ou follas.

Maceiras:

Primeiro síntomas de moteado nunha maceira. Foto: Estación de Areeiro Nesta semana os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areiro tampouco atoparon síntomas nas plantas das parcelas ás que acodiron, “pero sabemos que a elevada humidade relativa como a destes días é un dos factores favorables para a aparición do moteado”. En todo caso, as temperaturas previstas tampouco son especialmente elevadas, e por iso o risco é só moderado. Por este motivo, se non se realiza un seguimento específico das plantas e estas son moi sensibles, no momento en que se poida convén aplicar un tratamento (sobre todo se non hai moita flor), procurando empregar un funxicida que non se lave coa choiva.

Froiteiras de óso:

As choivas rexistradas favorecen a aparicion de sintomas de cribado. Foto: Estación de Areeiro Con estas precipitacións que se están a rexistrar poden ir aparecendo diferentes patoloxías que afecten ás follas (como o "cribado") ou que poidan afectar á viabilidade da froita (como a Monilia nas cereixas). Haberá ademais maior risco naquelas zonas onde tivera caído (ou caia) pedrazo ou sarabia, polo que haberá que estar pendentes.

Patacas:

Gromo terminal de patata necrosado a consecuencia do midiu. Foto: Estación de Areeiro Ademais dos importantes danos que están a producir caracois e lesmas, esta humidade permanente é favorable a aparición de fungos como o mildiu ou a botrite. Por este motivo haberá que renovar/realizar tratamentos con funxicidas sistémicos ou penetrantes rexistrados nos diferentes cultivos cando a climatoloxía o permita.

“Logramos aumentar a produción de kiwi un 30% e ser máis sostibles”

Jaime Piñeiro tomou hai 6 anos o relevo de seu pai na xestión das dúas plantacións de kiwis que a familia ten no sur da provincia de Pontevedra dende hai máis de 30 anos, coñecidas como San José de la Levada. Foron dos primeiros en decidirse por plantar kiwi, cando este froito resultaba exótico e rendible. “Cando meu pai plantou a primeira finca, cada kiwi pagábase a 100 pesetas”, apunta Jaime. Hoxe o cultivo popularizouse en Galicia e fortaleceuse de man da agrupación de produtores Kiwi Atlántico, á que pertencen e da que tamén foron socios fundadores. “O kiwi dáse moi ben en Galicia, posto que temos un clima similar ó de zonas como Nova Zelanda, que son dos principais produtores, pero as nosas producións aínda están lonxe das que se acadan nesas zonas”, concreta o produtor.
Na parcela de Tomiño logran obter 40 toneladas por hectárea, logo de incrementar a produción nun 30% tralos cambios
Así é que nas principais zonas do mundo produtoras de kiwi acádanse entre 35 e 65 toneladas de froita por hectárea, mentres que en Galicia o habitual é que estean arredor dunhas 30 toneladas. “Se eles o están conseguindo, nós tamén o temos que intentar”, apunta Jaime, que dende que se encarga da xestión das fincas familiares busca non só lograr este incremento, senón que o seu cultivo sexa máis sostible co medio ambiente. Xa está obtendo os primeiros resultados na finca situada en Tomiño, onde realizou cambios nos últimos anos co gaio de lograr ambos obxectivos. De feito, na actualidade acada uns rendementos de 40 toneladas por hectárea nunha parcela de 10 hectáreas, 9 delas cultivadas. “Cos cambios que fomos facendo conseguimos incrementar a produción nun 30% nos últimos anos”, indica Jaime.

No camiño dunha produción máis sostible

Esta parcela de Tomiño, situada a escasos metros do río Miño, do que se abastece de auga, plantárona no 1986. É unha finca obtida mediante un convenio coa comunidade de montes desta zona. Daquelas xa plantaran outra parcela, dous anos antes, en Mosende, no Porriño, nos arredores dunha propiedade coroada por un pazo. Naquela parcela optaron por aproveitar os bancais dos que xa dispuña para plantar unhas 5 hectáreas de kiwi. Esta disposición en socalcos motivou que os cambios se probaran na finca de Tomiño e que agora estean pendientes de implementarse en Mosende.
Nos últimos anos mudaron o sistema de suxeición e atado das plantas e deixaron de empregar herbicidas
En ambas parcelas plantouse a variedade Hayward, posto que foi a primeira que comezou a distribuírse para o seu cultivo. Hoxe, tanto de variedades verdes como amarelas, diferénciase un amplo abano de posibilidades, pero prefiren seguir apostando por esta, ó ir coñecendo cada vez mellor o funcionamento da planta. A finca de Tomiño conta cunhas 5.850 plantas distribuídas nun marco de plantación de 4 x 4,5 metros e cada 5 femias disponse, en diagonal, un macho que permita a fecundación das plantas. Cada unha das plantas estaba suxeita a un poste de maneira individual, no sistema T- bar, o que facía que se mantivese ergueito o tronco principal e colgasen o resto das ramas ata o chan. Vista da plantación co novo sistema de parra para a suxeición das plantas. Un dos principais cambios introducidos na plantación por Jaime foi o cambio neste sistema de suxeición da planta. Logo dun proceso de experimentación nunha pequena parcela, decidiu ir colocando as plantas nun emparrado, de maneira que as ramas non toquen o chan e vaian colocadas pola parra. “Conseguimos que debaixo se xere un microclima, a planta estea máis ventilada e se incremente a produción”, explica Jaime. Este cambio levou parello tamén outras modificacións como o sistema de atado, que supuña agora máis carga de traballo e resultaba máis laborioso co sistema tradicional que levaban empregando dende o comezo, a base de cordelas de plástico, que ademais tiña un importante impacto ambiental na finca. “Hai restos deses cordeis que teñen máis de 20 anos e seguen aparecendo, xa que non se degradan. Non queriamos seguir con este problema”, comenta Jaime. Adoitan traer as gomas para o atado directamente dende Portugal. A solución chegou ó empregar os restos das gomas téxtiles dos calcetíns para realizar estes atados. “Ademais de ser biodegradable, este tipo de gomas permítenos ser máis áxiles no atado e eficaces”, concreta o produtor. Parello a estes cambios, Jaime tamén deixou de empregar herbicidas para eliminar a herba das cubertas. O cambio de suxeición das plantas permite acceder cun tractor debaixo da parra e proceder ó desbroce da herba. Á par de aforrar uns 300 euros en herbicidas e facer a plantación máis sostible, tamén conseguiu un aforro na auga que consume, posto que o solo ten así unha maior capacidade de retención. Pasaron de empregar uns 100 litros por planta no mes de agosto a utilizar entre 40 e 50 litros. Para a rega da plantación de Tomiño dispoñen dun sistema automatizado que realiza o aporte de auga polas noites por microaspersión en cada planta. Contan cunha balsa cunha capacidade de 16.000 metros cúbicos que lle permite regar a plantación durante unha semana. Xunto á balsa, contan con varias colmeas de abellas que favorecen a polinización das plantas de kiwi, aínda que tamén están a sufrir o asedio das vespas velutinas. Ademais aproveitan o sistema de rega para aportar os abonos químicos que vaia precisando a planta. Aínda que nalgún tempo tamén empregaron xurros diluídos na auga, agora optan por distintos aportes químicos en función das análises, da época do ano e o estado das plantas. Dilúenos na auga ou aplícanos de xeito foliar.

O ciclo de produción do kiwi

O kiwi ten un ciclo de produción anual que leva parello unha importante carga de traballo non só na recollida, que comeza no mes de novembro, senón tamén na poda, que se realiza a finais de ano, así como no atado. “É unha planta con moita rama polo que as labores de poda implican tamén moito traballo e esténdense durante 3 ou 4 meses”, concreta o responsable. Estos restos de poda tamén os trituran, de maneira que serven de aporte para os solos. “Temos uns 10 ou 15 centímetros de terra moi negra, cun alto aporte de materia vexetal”, comenta. Na finca de Tomiño contan con dous traballadores fixos durante todo o ano. Precisamente durante a poda das plantas toman precaucións para reducir os riscos fitosanitarios e empregan tanto auga osixenada para a desinfección das ferramentas como para a cicatrización dos cortes co gaio de evitar contaminacións por bacterias como a PSA. Esta afección céntrase só na planta e non afecta ó froito e, aínda que non existe tratamento para ela, a planta pode convivir con ela durante tempo. De feito, conta con arredor dunhas 400 plantas afectadas por PSA. Tamén empregan sulfato de cobre para tratamentos puntuais contra botrite. A floración do kiwi prodúcese no mes de marzo e abril e durante o verán proceden a realizar podas en verde para manter controlada a planta. “É unha planta que rexenera moi ben e se non fas moita poda medra demasiado”, explica Jaime. De feito, para os labores de poda e atado das plantacións, adoitan encargarse entre 8 ou 10 persoas, que se suman ás 2 persoas fixas que ten contratadas todo o ano. Nestas fincas, os kiwis acadan un peso medio de 88 gramos. A maior carga de traballo desenvólvese coa recollida do froito cando o plantel se incrementa ata contar con 20 traballadores durante 1 mes. Neste tempo levan a cabo tanto a recolleita da parcela de Tomiño como a de Mosende. A recolleita realízase cando as plantas acadan o grao de azucre óptimo, que se sitúa en 6,5 graos. Isto tradúcese en froitos que acadan un peso superior a 65 gramos, peso mínimo para a súa comercialización. Na plantación, a media sitúase en 88 gramos e chegan a producirse 60 quilos por planta. O proceso de recollida realízano con petos deseñados a modo de mochila para evitar, na medida do posible, que o froito se golpee. Deposítanos en grandes caixóns cunha capacidade de 350 quilos, que logo se encarga de procesar a planta de Kiwi Atlántico.

Kiwi Atlántico

Jaime recoñece o papel que ten na comercialización da súa produción Kiwi Atlántico, comercial integrada por varios produtores galegos, e na que a súa familia participou dende o comezo. Hoxe é o maior distribuidor de kiwis en España, de xeito que máis da metade do kiwi que se produce no estado é comercializado por Kiwi Atlántico.
Kiwi Atlántico produce en torno a 9.000 toneladas de froito e o 95% da produción comercialízase en España
Aínda que adoita haber variacións dependendo da campaña, Kiwi Atlántico produce en torno a 9.000 toneladas de froito e o 95% da produción comercialízase xa no mercado estatal. Mentres, as exportacións localízanse en países do centro de Europa e Latinoamérica. Así, durante a campaña do hemisferio norte, cuxa recolección comeza no mes de novembro, a produción con orixe en Galicia supón arredor do 60% do total. A eles súmase froita procedente das plantacións ubicadas no norte de Portugal, Asturias, País Vasco e Cataluña. Mentres, nos meses de verán, a través de Kiwi Atlántico tamén se comercializa kiwi producido en plantacións de Chile.

A provincia de Pontevedra produciu este ano unhas 7.000 toneladas de kiwi

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de facer balance e anunciar que a campaña do kiwi na provincia alcanzou unha produción de 7.000 toneladas, “cifra menor que noutras anualidades pero con pezas dunha grande calidade e un tamaño de ata dous calibres superiores aos producidos en anos de colleitas altas”, destacan dende a EFA. Así mesmo, e como todos os anos nestas datas, a EFA está a repartir o recollido na súa plantación, uns 3.000 quilos de kiwis, entre as asociacións e colectivos sociais da provincia. A deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, subliñou que “a produción baixa deste ano –inferior á media habitual- debeuse a que no momento da floración, pola segunda semana de maio e o mes de xuño, as condicións metereolóxicas estropearon as flores e houbo unha mala polinización. Isto provocou que se perdera moita froita potencial”. Sen embargo, os kiwis desenvolvéronse ben tamén grazas á climatoloxía posterior e a que non houbo problemas sanitarios salientables que influísen sobre a calidade. Deste xeito, os calibres deste ano son homoxéneos e superiores en tamaño aos de colleitas normalmente consideradas boas e polo tanto a rendibilidade da explotación está a ser satisfactoria. A colleita de kiwis na provincia foi recollida este ano entre finais de outubro e novembro, cando se almacenou nas cámaras para ir distribuíndo no mercado estatal, onde o 90% da produción é autóctona, principalmente de Galicia, e en concreto da provincia de Pontevedra. Eses froitos serán os que se irán distribuíndo ata o mes de xuño, cando previsiblemente comezará a ser necesario subministrarse desta froita con orixe foráneo, sobre todo de Nova Zelanda.

400 hectáreas dedicadas ao kiwi en Pontevedra

O kiwi comezou a cultivarse de maneira experimental en Galicia, concretamente no sur da provincia de Pontevedra, nos anos 70, e non foi ata unha década despois cando o consumo comezou a estenderse e fixéronse maiores plantacións comerciais. O cultivo desta planta foi aumentando desde entón, e na actualidade, estímase que a superficie destinada ao cultivo de kiwi na provincia de Pontevedra está preto das 400 hectáreas, concentrándose na provincia de Pontevedra a maior superficie deste cultivo dedicada en España. “Esta importancia adquirida na provincia –asegura a deputada- provocou que a estación de Areeiro dedique atención especial a este cultivo dende a súa introdución, participando en proxectos de investigación en colaboración coas principais empresas produtoras, outras centros de investigación e universidades”. Segundo explica Eva Vilaverde, a produción de kiwis en Areeiro, onde o centro de investigación ten uns 3.000 metros cadrados destinados a este cultivo, foi nesta campaña duns 3.000 quilos, practicamente cinco veces superior á de 2017. Dende a recollida, a froita mantívose en local pechado e cámaras para que madurase e alcanzase os valores ideais para o consumo, cumprindo todos os estándares de calidade. Finalmente, esta semana, estase a realizar o reparto entre colectivos e asociacións sociais da provincia, tal e como se leva facendo nos últimos anos, en lugar de vender o produto.

Investigación sobre como combater a bacteria PSA

O traballo de investigación en Areeiro pretende mellorar e adaptar diferentes cultivos de kiwi en Galicia. A EFA comezou a súa plantación de kiwis no ano 1984 para estudar a tipoloxía de plantación, produción, polinización, fenoloxía, problemas de cultivo e a calidade desta froita. Posteriormente iniciáronse ensaios de produtos fitosanitarios e outros elementos. Actualmente estanse a facer investigacións sobre como combater a bacteria Pseudomonas syringae pv.actinidiae (PSA) en variedades amarelas de kiwi nun convenio coa empresa ‘Kiwi Atlántico SA’. O obxectivo principal e xeral deste proxecto céntrase no estudo da distribución da PSA na Galiza, na súa situación actual e no desenvolvemento de probas para o deseño dun sistema de control da bacteria.

A empresa galega Kiwi Atlántico celebra os seus 30 anos como líder no sector

Este venres, a empresa galega Kiwi Atlántico, a maior comercializadora de kiwi de España e unha das máis importantes de Europa, celebrou os seus 30 anos de traxectoria empresarial. Unha visita con autoridades á fábrica, un xantar con preto de 200 invitados, a estrea dun documental sobre a historia do grupo e unha entrega de premios marcaron a xornada. Durante a mañá, os responsables da dirección de Kiwi Atlántico recibiron ás autoridades na propia fábrica asentada en Ribadumia. O alcalde da localidade, David Castro, e Antonio Crespo, Xefe Territorial da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, visitaron a fábrica acompañados polo consello de administración da empresa. Despois, chegou a quenda de intervencións nas que Castro, Crespo e o director xerente de Kiwi Atlántico, José Carlos Vila, destacaron o papel de Kiwi Atlántico no sector hortofrutícola nacional nestes 30 anos de traxectoria e a súa contribución ao enriquecemento económico da zona e de Galicia. 12 homenaxeados Xa para o mediodía, a empresa organizou unha comida con preto de 200 invitados entre os que se atopaban responsables dos consellos executivos e de administración de Kiwi Atlántico, provedores, autoridades e todo o persoal de traballadores. Ás 17:00h., daba comezo un acto de homenaxe a todas aquelas persoas que, vinculadas ao proxecto, contribuíron ao éxito de Kiwi Atlántico durante todos estes anos. Os premios íanse intercalando coa proxección dun documental que se estreou para a ocasión e que narra a historia do grupo. No primeiro bloque, dedicado aos inicios da empresa, os homenaxeados foron o primeiro presidente de Kiwi Atlántico, José Barros Cuervo; o primeiro xerente, Luciano Martínez de las Heras; o primeiro socio fundador non produtor, Vicente Villar, e a traballadora máis antiga da empresa, Carmen Abal Romero. No capítulo dedicado á etapa de expansión, os galardóns foron para: Jesús Pinto e Aitor de las Heras, de Garaia, o primeiro produtor de Portugal que confiou na empresa; Fausto Manuel Caetano e as empresas de transporte Frutas Moncho e Cacabelos. Para finalizar, no apartado dedicado á consolidación, os recoñecementos foron para o presidente actual da empresa, José Pérez; o vicepresidente, José Piñeiro, e para Susana García, Ramón Pesqueira e Marcos Irago, traballadores do grupo. Tamén se recoñeceu a importancia da contribución de Antonio Estévez, xa falecido, á historia da empresa. Con motivo do 30 aniversario, Kiwi Atlántico estreou nova páxina web. 30 anos de historia Kiwi Atlántico constituíuse en 1988 como unha como unión de 30 kiwicultores de Galicia e Asturias. Na actualidade ten máis de 70 socios e 20 produtores colaboradores, agrupando explotacións de diversas dimensións. É unha sociedade formada unicamente por produtores, con gran arraigamento na agricultura, e por tanto amante das producións realizadas para consumo persoal, avalado pola longa tradición no Norte de España nas economías agrarias complementarias a nivel familiar. Hoxe Kiwi Atlántico, como grupo, supera os 30 millóns de euros de facturación e ten 93 traballadores.

“O mercado de flor e planta ornamental tira, pero precisamos terra e persoal”

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que representa un escaparate da produción de flor e planta ornamental na comarca, chega a súa décimoquinta edición do venres 2 ó domingo 4 de marzo en Tomiño, no pavillón de Goián. O evento está organizado conxuntamente polo Concello de Tomiño e pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (Acubam). Falamos con Patricia Rodríguez, presidenta de Acubam, una entidade que agrupa a 24 empresas da comarca, principalmente de planta ornamental e flor, así como da súa cadea de valor (insumos, transporte). - A Mostra de Cultivos oriéntase tanto a un público profesional como xeral. Cóntanos que van poder atopar tanto uns coma outros. - Os primeiros dous días da Mostra, venres e sábado, están orientados a un público profesional. O venres temos dúas mesas de traballo, unha sobre sanidade vexetal, na que participan persoas investigadoras, e outra sobre o modelo de negocio no agro, xa que unha das ambicións que temos é a de profesionalizar as nosas empresas para ser máis puxantes do que xa somos e mellorar en cuestións como formación ou innovación. O sábado, coa colaboración de Coxapo, temos unha xornada sobre a auga, que é un elemento fundamental nas nosas empresas e no rural. Desenvolveremos tamén o sábado á tarde, a partir das 16 horas, un obradoiro de empregabilidade, xa que a obtención dunha man de obra cualificada é un dos aspectos que precisamos reforzar nas nosas empresas. Imos divulgar os diferentes títulos e capacitacións que necesitamos, tanto a nivel de enxeñeiros agrícolas ou industriais como en peóns ou persoas especializadas en podas. A xornada do sábado complétase cun obradoiro de xardinería ecolóxica, que se celebrará ao longo de toda a tarde. Para o domingo, abrímonos tamén a un público familiar, que vai ter multitude de actividades lúdicas ao longo de todo o día para os máis cativos, desde xogos con plantas ata actividades de reciclaxe ou á realización dun mural colectivo. - Falábasnos da falta de man de obra especializada, que é un dos problemas que identificastes no Plan Estratéxico de Planta Ornamental e Flor do Baixo Miño, rematado recentemente. Semella sorprendente que falte man de obra nun contexto coma o actual... - É un problema común a todas as empresas do agro, sobre todo no tocante a man de obra profesional. Penso que é unha cuestión de imaxe, o sector ten que verse como o que é hoxe. A agricultura foi dura en tempos, pero hoxe temos unha agricultura moi técnica que precisa persoas capacitadas.
"A agricultura foi dura en tempos, pero ten que verse como o que é hoxe, como unha profesión moi técnica que permite boa calidade de vida"
O agro é un modo de vida distinto e respetuoso co medio. Outros países europeos teñen avanzado máis na imaxe da agricultura, aínda que tamén comparten con nós o problema de que a xente nova vaise, pensando que vai ter mellor calidade de vida e salario traballando nunha cadea de montaxe dunha industria, cando moitas veces no agro pode terse un salario equiparable e maior calidade de vida. É un problema conceptual. - Outra cuestión que vos preocupa ás empresas de planta ornamental e flor é a falta de terra para acometer ampliacións ou novos proxectos. - Xunto coa falta de man de obra, é unha das cuestións prioritarias. Estase traballando coas institucións públicas e estanse abrindo liñas de solución a longo prazo. Hai moita terra abandonada e á vez empresas demandantes de solo para poñelo en produción. Precísase unha ordenación territorial e accións como a creación de polígonos agrarios e parcelarias. O minifundio súfrese en toda Galicia.
"Tomiño é o maior produtor de kiwi de todo o Estado. As posibilidades de medrar están aí, coa repercusión que iso tería en postos de traballo e poboación no rural"
Moita xente non saberá que a comarca do Baixo Miño, e en concreto o concello de Tomiño, é o maior produtor de kiwi de todo o Estado. As posibilidades de medrar en superficie están aí, coa repercusión que iso tería en crear postos de traballo e asentar poboación no rural. - En planta ornamental e flor, cales son as perspectivas de mercado para os próximos anos? - O mercado tira e as exportacións xa están instaladas no día a día das empresas. O factor limitante que temos non é o mercado, é a dificultade para aumentar as nosas capacidades produtivas polos factores que comentabamos, a falta de dispoñibilidade de man de obra especializada, a falta de superficie e a necesidade de investimentos para aumentar en superficies de produción. Para chegar ós mercados, ás veces precísase de volumes e dun crecemento exponencial das empresas. - No 2017 presentouse a marca ‘Planta Ornamental de Galicia’, en base a unha norma que trata de estandarizar formatos e tamaños, de cara a facilitar exportacións conxuntas de planta galega. Vedes de interese o proxecto? - O camiño da profesionalización vai por aí, é un paso importante e estamos traballando para implementala. Resulta complicado, xa que hai que avanzar nunha estandarización de tipoloxías e formatos, e precísase ademais dun cambio de mentalidade. - Para o Baixo Miño, unha das principais áreas produtoras de flor e planta ornamental de Galicia, barallades tamén a creación dunha marca propia complementaria? - Hai xa comarcas de Europa que teñen selos distintos e crear un selo para o Baixo Miño é unha idea da que temos falado, pero non hai nada en firme. A cuestión de fondo é que queremos que o Baixo Miño se visualice cunha identidade propia, como un territorio cun agro empresarial, innovador e xerador de riqueza e emprego.

Recollida de currículos e obradoiro de empregabilidade

Unha das novidades desta XV edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño está na habilitación dun punto adicado á recollida de currículos. O punto contará coa presenza de varios asesores laborais especializados que estudarán e orientarán a todas aquelas persoas interesadas en desenvolver a súa carreira profesional en distintas áreas deste sector. As persoas interesadas poden asistir tamén o sábado ás 16 horas a un obradoiro de empregabilidade. Outra das novidades este ano é a presentación dos Premios Xardinería 2018, organizados por primeira vez por Acubam e pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). Os premios, ós que se poderán presentar autónomos e empresas do sector, queren servir de recoñecemento ós profesionais do sector e distinguirán ós mellores traballos en xardinería. Exposicións A Mostra contará con diversas exposicións, como unha de imaxes sobre a historia do agro na comarca, facendo un percorrido polo que é e polo que representa. Ao longo dos tres días que dura a mostra, o público tamén poderá desfrutar dunha exposición de arte do Colectivo Somosarte, composto por artistas, escultores e pintores locais, que amosarán as súas obras vinculadas á temática do agro no Baixo Miño.

¿Que problemas fitosanitarios tivo o Kiwi en Galicia en 2017?

O kiwi é un cultivo cunha crecente implantación en Galicia polas boas condicións climáticas da comunidade. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural informa no seu último boletín agrometeorolóxico sobre como foi a campaña 2017 para este cultivo dende o punto de vista fitosaniario. Reproducimos a continuación o seu contido: “O principal problema do kiwi en Galicia, o cancro causado pola bacteria Pseudomonas syringae pv. actinidiae, este ano tivo menor incidencia que en anteriores anos, xa que na maior parte do ciclo vexetativo houbo condicións meteorolóxicas pouco favorables. Unicamente nas zonas máis frías do interior detectáronse cancros con exudados. Tampouco houbo demasiado problema coas outras pseudomonas (P. viridiflava e P. syringae pv. syringae), polo que non se viron problemas patolóxicos en floración, que aínda así non foi especialmente satisfactoria, a pesar de que as condicións meteorolóxicas neste período foron óptimas. Cremos que a causa deste deficiente callado estivo nos problemas de calidade do pole. En cambio, estas mesmas condiciones favoreceron a proliferación do Mosquito verde (Empoasca vitis), aínda que non foi preciso realizar tratamentos, xa que raras veces se superaron os limiares de 1-2 ind./folla. Este patóxeno unicamente pode representar un problema en plantacións novas.
 Houbo problemas na calidade do pole que provocaron un callado deficiente do froito
Outros problemas habituais, como a Armillaria sp. ou os causados polo complexo de fungos de madeira (Botriosphaeria sp, Fomitiporia sp., Chondrostereum sp., etc), estiveron en niveis normais, pois están presentes en todas as plantacións máis antigas, pero sen representar normalmente o mínimo nivel de risco de danos. A seca xeneralizada, rexistrada ao longo do período vexetativo, levou a que a incidencia de bacteriose e de Phomopsis actinidiae fose mínima. Con todo, a colleita final tamén se viu afectada pola seca, resultando en calibres de froita algo máis pequenos do normal, no que tamén influíu o mal callado por problemas na calidade do pole”.

Galicia mantense como líder en España en produción de kiwi

Galicia mantense como principal área produtora de kiwi de España, con máis de 16.000 toneladas anuais. A estimación de superficie cultivada rolda as 700 hectáreas, contabilizando tanto os produtores profesionais como aqueles que se dedican a esta actividade de xeito complementario. Segundo datos da Consellería do Medio Rural, en Galicia hai rexistradas actualmente un total de 87 explotacións dedicadas ao cultivo de kiwi, amorodo e arando. A maior parte delas (48) corresponden ao kiwi e séguenlle en importancia as de amorodo, con 27 cultivos censados e, por último, as de arando, con 12 en total. Por provincias, este tipo de producións localízanse claramente na fachada atlántica, máis favorable á súa expansión polas condicións climáticas. Así, na Coruña rexístranse un total de 39 cultivos e en Pontevedra outros 36, mentres que en Lugo só hai constancia de 7 e en Ourense apenas 5. Nesta mesma liña, o caso do kiwi é paradigmático. Pontevedra acumula ata 27 explotacións, o 56,2% do total galego, e A Coruña conta con outras 16 (o 33,3%), mentres que Lugo só ten 5 e Ourense non dispón de ningunha. Así pois, as provincias atlánticas concentran case o 90% dos rexistros. O cultivo do kiwi iníciase en España no ano 1969, localizándose as primeiras plantacións en Galicia, máis concretamente nas zonas de Gondomar e Tui. Na comunidade funcionan hoxe en día dúas organizacións profesionais de froitas e hortalizas (Horsal e Kiwi Atlántico), recoñecidas legalmente desde os anos 2009 e 2012, respectivamente. Ambas teñen a súa sede na provincia pontevedresa. Arandos No caso dos arandos sobresae a explotación de Horticina, situada no concello coruñés de Cerdido. Constituída no ano 2001, esta empresa, que recibiu unha axuda de 250.000 euros de Medio Rural para mellorar as súas instalacións, conta actualmente con 23 postos de traballo, que conforman o seu cadro de persoal durante todo o ano. Pero, ademais, estiman que o total de traballadores contratados ao longo do ano 2017 situouse preto dos 200 e as previsións para a colleita de 2019 chegan ata os 1.200 empregados, a pleno rendemento. En canto á produción, a superficie que posúe actualmente ocupa 95 hectáreas, cun total de 320.000 plantas. As súas previsións cífranse en chegar ao millón e medio de quilos de arandos no horizonte de 2018-2019.

Destacan a boa calidade da colleita do kiwi a pesares do seu pequeno tamaño polo calor e a seca

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de sinalar a boa calidade da colleita do kiwi na provincia a pesares de que o calor e a seca dos últimos meses influíron no tamaño dos froitos en xeral, que son máis pequenos, e tamén na súa cantidade. Nesta semana a EFA rematou o reparto de 550 quilos da súa produción en Areeiro, tamén máis reducida que en anos anteriores, entre as asociacións e colectivos sociais da provincia. Segundo explica a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, “este ano a colleita de kiwis non foi moi grande e os froitos son pequenos en xeral en todos os países europeos”. A primeira causa da diminución da colleita e o tamaño foi que a climatoloxía durante a floración, con días moi quentes antes do verán, non foi axeitada para a polinización. Ademais, como se demostrou nos estudios realizados na EFA  durante varios anos, o calibre do froito sempre ten un forte aumento de tamaño a partir de primeiros de setembro, nunha fase na que é importantísima a dispoñibilidade de auga da rega e de humidade ambiental, e que, neste ano non foi posible pola seca e polas altas temperaturas. “Precisamente por iso pensamos que o período tan longo da seca deste ano ten influído de maneira decisiva no calibre dos kiwis”, asegurou Vilaverde. A produción de kiwis en Areeiro, onde o centro de investigación ten uns 3.000 metros cadrados destinados a este cultivo, foi duns 550 quilos, practicamente a metade que na campaña de 2016. Recolleuse a froita entre o 10 e 15 de novembro e mantívose en local pechado ata finais de novembro para que madurase e alcanzase os valores ideais para o consumo, cumprindo todos os estándares de calidade. Finalmente, esta semana, rematouse o reparto entre colectivos e asociacións sociais da provincia, tal e como se leva facendo nos últimos anos, en lugar de vender o produto. Investigación para atopar cultivos resistentes á bacteria PSA O traballo de investigación en Areeiro pretende mellorar e adaptar diferentes cultivos de kiwi en Galicia. A EFA comezou a súa plantación de kiwis no ano 1984 para estudar a tipoloxía de plantación, produción, polinización, fenoloxía, problemas de cultivo e a calidade desta froita. Posteriormente, iniciáronse ensaios de produtos fitosanitarios e outros elementos. Actualmente estanse a facer investigacións sobre como combater a bacteria Pseudomonas syringae pv.actinidiae (PSA) en variedades amarelas de kiwi nun convenio coa empresa ‘Kiwi Atlántico SA’. O obxectivo principal e xeral deste proxecto céntrase no estudo da distribución da PSA na Galiza, na súa situación actual e no desenvolvemento de probas para o deseño dun sistema de control da bacteria que permita afrontar toda a problemática asociada coa enfermidade. O proxecto distribúese en dúas actividades: a primeira que abrangue as actuacións para o control da PSA e a posta a punto de técnicas agronómicas e de biocontrol da bacteria, e unha segunda actividade relacionada coa influencia da PSA sobre a elección de terreos para implantar novas plantacións e establecer cultivos resistentes e tolerantes. As investigacións de Areeiro son fundamentais para as empresas da provincia, que concentran o 70% da produción galega (en Galicia hai aproximadamente 400 hectáreas de cultivo de kiwi), pero tamén para o estranxeiro. De feito, investigacións realizadas na EFA foron presentadas internacionalmente no “IX International Symposium on kiwifruit”, celebrado en setembro deste ano en Porto (Portugal). O estudo presentado neste simposio foi participado por Luisa Moura e Eva Margarida Fernández García, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, xunto con persoal da EFA: Olga Aguín, A. Ares, A. Abelleira, e o director Pedro Mansilla. Precisamente, Eva Margarida Fernández García realizou na Estación Fitopatolóxica Areeiro durante varios meses o proxecto ‘Variabilidade xenética e fenotípica de Pseudomonas syringae pv. actinidiae, axente causal do Cancro da Actinídea, na Região de Entre Douro e Minho’.

Recomendacións para evitar a propagación da bacteria Psa nas plantacións de kiwi

Queimar os restos de folla e de ramas da poda, desinfectar as tesoiras de poda, manter o terreo ben drenado ou mercar planta só en viveiros autorizados, son algunhas das recomendacións de Aitana Ares Yebra para previr a propagación da Pseudomonas syringae pv. actinidiae,  máis coñecida como Psa, unha bacteria exótica que provoca o chancro bacteriano do Kiwi, causando importantes perdas de produción neste cultivo. Esta investigadora galega ven de presentar recentemente na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da Universidade de Santiago a túa tese de doutoramento baixo o título ‘Detección,identificación e caracterización de Pseudomonas syringae pv. actinidiae en Actinidia spp. en Galicia’. ¿Por que decidiches centrar a túa tese no estudo da bacteria Psa, causante do chancro no kiwi? Cando comecei a traballar na Estación Fitopatolóxica do Areeiro, mostrei o meu interese por facer a tese de doutoramento e propuxéronseme diversos temas, entre eles estudar a bacteria Psa. Pareceume moi interesante porque fora detectada recentemente por primeira vez en España, concretamente en Galicia, nunha plantación situada no municipio de Oia, na provincia de Pontevedra. Era unha enfermidade que era nova tanto para nós como para o sector e ademais, debido a que Galicia, e máis concretamente Pontevedra, foi e sigue sendo a principal comunidade española produtora de kiwi, pareceume moi interesante abordar o seu estudo. ¿Cal é a gravidade desta enfermidade, en canto a extensión, grao de afectación e perdas que pode supor nas plantacións de kiwi? ¿Tedes datos de Galicia? En España están afectadas por Psa as comunidades de Galicia e de Asturias. No que respecta a Galicia detectouse por primeira vez unha poboación virulenta de Psa na provincia de Pontevedra no municipio de Oia, estendéndose posteriormente aos municipios de Tomiño, Salceda de Caselas, Ponteareas, Pontevedra, Ribadumia, Porriño e A Estrada. Máis tarde, estendeuse á provincia da Coruña, detectándose nos municipios de Rianxo, Boiro e Outes. Así mesmo, recentemente detectouse tamén unha poboación de Psa de baixa virulencia na provincia da Coruña. As perdas que poden existir nunha plantación de kiwi non se poden atribuír unicamente á Psa. Non obstante, as perdas e o grado de afectación son muito maiores nas plantacións afectadas pola poboación virulenta. A poboación de baixa virulencia non produce chancros nin morte das plantas. Conclúes que o diagnóstico de Psa en extractos de líquido de xilema pode constituír unha ferramenta eficaz para a detección da bacteria ¿Que vantaxes aporta este sistema de detección respecto do actual e cando pode estar implantado? Este sistema está orientado unicamente ao diagnóstico de Psa en material vexetal asintomático, non obstante son necesarias máis investigacións ao respecto. Maila isto, a Psa é un patóxeno de corentena, e por tanto a súa identificación debe facerse ata o momento conforme o establecido no Protocolo de Diagnóstico da EPPO para Psa (PM 7/120, Boletín (2014) 44. ¿Que medidas de prevención recomendas aplicar aos kiwicultores para evitar Psa? O material vexetal contaminado é una das principias vías de dispersión de Psa, tanto o material de propagación como os restos de poda (follas ou ramas), que poden ser dispersados a zonas libres de Psa. Polo tanto é recomendable a retirada da folla e a súa queima xunto coa queima das polas despois da poda, xa que o feito de que Psa poida sobrevivir e sexa viable nos restos de poda (follaxe ou polas) pode incrementar o inóculo existente para a seguinte estación, infectando así mesmo a material san dentro da plantación ou dispersándose a outras plantacións sás presentes ao redor a través do vento ou da choiva. Tomar unhas medidas profilácticas severas manipulando o material coma se estivese infectado aínda que non fora o caso, xa que isto axudará a evitar novas contaminación. É dicir, deixar a poda de plantas sospeitosas para o final, (un debe moverse na plantación da zona libre de Psa á zona sospeitosa), desinfectar as ferramentas de poda entre planta e planta, evitar facer feridas nas plantas e cubrir os cortes de poda cun mastic.
 “Retirar a folla e queimala ou manter unha boa drenaxe do terreo axudan a previr a Psa”
Ademais, débese manter unha boa drenaxe da plantación para evitar encharcamentos da auga, xa que á bacteria gústalle a humidade. Entre as mediadas a adoptar, a vixilancia e por tanto o coñecemento dos síntomas ocasionados por Psa nas plantas é fundamental, principalmente na primavera e a finais do outono-inverno porque son as épocas de maior risco para a penetración da bacteria na planta. Outras medidas importantes que se deberían adoptar sería o rexistro e a restrición de visitantes ás plantacións, así como do movemento tanto das plantas como dos froitos, ferramentas...etc, para saber onde e quen realiza ese movemento. Calquera roupa, material ou equipo especializado durante a manipulación tanto en viveiros como en plantacións non deben abandonar as instalación, agás tendo a seguridade da súa descontaminación. ¿Existen variedades de kiwi máis resistentes á Psa? Psa foi detectada en diversas especies de Actinidia deliciosa, Actinidia chinensis, Actinida arguta e Actinidia kolomikta, a pesar de que calquera especie de Actinidia sería un hospedador potencial. As variedades de Actinidia deliciosa amosaron unha menor susceptibilidade que as variedades de Actinidia chinensis, e dentro destas últimas as variedades de polpa vermella son máis susceptibles que as variedades de polpa amarela.
 “En Nova Zelanda teñen un traballo avanzado en novos cultivares resistentes á Psa”
Dentro das variedades de A. chinensis a máis suceptible é ‘Hort 16 A’, e en segundo lugar ‘Jin Tao’. Dentro das variedades de A. deliciosa ‘Hayward’ é a menos susceptible, e é a especie maioritariamente comercializada en todo o mundo. Presenta ademais dous polinizadores menos susceptibles: ‘Matua’ e ‘Tomuri’, sendo esta última a máis resistente a Psa. En Nova Zelanda a obtención de xenotipos resistentes é unha das prioridades para a industria do kiwi e xa obtiveron novos cultivares de A. chinensis, algúns prometedores como o cultivar ‘Gold3’. ¿Existe algún método fitosanitario eficaz para loitar contra a Psa cando xa a temos nos nosas árbores? Non, os métodos fitosanitarios coñecidos ata hoxe en día para loitar contra Psa son métodos preventivos, no sentido de que se reforza así a defensa das árbores para loitar contra a bacteria, pero unha vez que está na plantación de momento tampouco existe ningunha sustancia activa para erradicar esta bacteria, estando permitidas únicamente Bacillus subtilis e Acibenzolar-S-metilo, así como oxicloruro de cobre durante o período vexetativo e en outono e inverno sin sobrepasar os límites establecidos pola normativa. E en canto á plantación, ¿Cales son as túas recomendacións para evitar mercar plantas infectadas? Nunca mercar plantas en viveiros que non estean inscritos no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores (ROPCIV) e comprobar que as plantas levan un Pasaporte Fitosanitario para a súa circulación na UE (Decisión 2012/756/UE). Estas plantas son as que están sometidas a controis, e esa é a idea, non mercar plantas nun “mercado libre”. ¿Ata cando calculas que se manterá a prohibición de comercio de planta de kiwi en Galicia? Non existe unha prohibición de comercio de planta. No caso da confirmación de Psa existen certas restricións en canto a comercialización e o movemento de plantas e pole de kiwi, recollidas no Anexo II da Decisión 2012/756/UE. Por exemplo, despois de detectar un positivo nunha plantación en produción, se nun radio de 4,5 km está presente un viveiro de produción ou comercialización de plantas de kiwi, o movemento de plantas de ese viveiro debe cumprir certos requisitos, recollidos na decisión anteriormente mencionada, existindo a obrigatoriedade de someterse a diversos controis para poder declarar a zona libre de Psa, conforme o establecido na NIMF 10 (FAO). Desta forma, se expediría o Pasaporte Fitosanitario, que garante que o material vexetal se atopa libre de Psa.
 “É recomendable non mercar plantas de kiwi no mercado libre”
Ata que o abrocho de Psa se considere erradicado o viveiro ten prohibido realizar o movemento da sua planta. Todo o seu material someterase a inspeccións; de cada lote, dúas veces o ano, en primavera e finais outono-inverno. En función de se a planta se produce ao aire libre ou baixo cuberta realizaranse unha serie de controis, para poder declarar o viveiro como libre de Psa e poder comezar a comercializar as súas plantas de kiwi. ¿Que outras ameazas de tipo fitosanitario hai neste momento para as plantacións de kiwi? Para as plantacións de kiwi Psa é o patóxeno máis severo encontrado nas plantacións de kiwi de todo o mundo, a súa extensión e devastación alcanzou unha envergadura histórica, sendo considerada a enfermidade que ocasiona (chancro bacteriano do kiwi) como a máis grave e importante desde os inicios de este cultivo. En Galicia non existen ata o momento outras ameazas “alarmantes” de tipo fitosanitario. De particular importancia son as podredumes do froito, causadas por varias especies fúnxicas; caso da Sclerotinia sclerotiorum e Botrytis cinerea, responsables respectivamente da podredume en campo e en post-colleita, durante o seu almacenamento, transporte e comercialización. Outras ameazas máis recentes para as plantacións de kiwi poderían ser por exemplo a enfermidade ocasionada por un complexo de fungos que produce chancros e morte regresiva das ramas, a cal en países como Chile está ocasionando perdas importantes. ¿Cara onde estás orientando neste momento a túa labor investigadora? Estou desvinculada da investigación. Nestes tempos traballar nesta área é complicado, non obstante estou á procura de poder seguir a traballar na investigación de Psa fóra de España.

Recomendacións da Estación do Areeiro para o coidado do viñedo e das froiteiras en inverno

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, vén de facer público o seu habitual aviso fitosanitario con consellos para que os agricultores inicien os tratamentos propios do inverno que acaba de comezar. Principalmente, os técnicos aconsellan atrasar o máximo posible a poda das plantas das viñas que están afectadas por enfermidades da madeira, así como comezar coa aplicación de químicos de cobre para evitar os fungos, insectos e bacterias nas froiteiras de pebida e óso, no kiwi e no buxo. Así mesmo, insisten na importancia de eliminar as palmeiras afectadas polo picudo vermello para frear o avance da praga. A técnica responsable dos avisos, Rosa Pérez Otero, explica que as especiais condicións climáticas deste outono, con poucas precipitacións e temperaturas anormalmente altas, provocaron que moitas plantas mantiveran un alto nivel de actividade, o que favoreceu o desenvolvemento de pragas que noutros casos non se terían desenvolvido nesta época. Co comezo do frío iniciarase a parada vexetativa e, polo tanto, será bo momento para iniciar as labores propias do inverno. Viña: “Podas as videiras con enfermidades da madeira o máis tarde posible” Este verán en practicamente todos os viñedos houbo plantas que mostraron síntomas de estar afectadas por enfermidades da madeira, probablemente incrementado pola seca que se produciu. Nestas plantas, os técnicos de Areeiro recomendan facer as podas o máis tarde posible para favorecer as súas reaccións de defensa. Sexa cal sexa o período elixido para a poda, as normas básicas de actuación que deben seguirse desde o punto de vista sanitario son: -Podar en tempo seco e sen previsión de choivas. -Desinfectar as tesoiras de poda. -Evitar facer feridas de grandes dimensións, non deixar tocos e realizar cortes limpos. -Protexer as feridas grosas de poda cun funxicida o máis duradeiro posible. -Non facer cortes en horizontal. -Eliminar sempre do viñedo todos os residuos de poda, así como aqueles brazos ou ramas mortas que retiren, xa que a incorporación da madeira enferma ao terreo favorece a dispersión das enfermidades e tamén dos fungos do solo ou raíz. -Así mesmo, cando se faga a poda é conveniente aproveitar para arrincar as plantas mortas retirándoas da finca. Por outra banda, nas viñas que tivesen presentado ataques de ácaros dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro aseguran que é conveniente estimar as poboacións invernantes mediante a análise das xemas de varas retiradas no momento da poda coa fin de poder actuar en caso necesario a principios da campaña seguinte. Froiteiras e kiwi: aplicacións de cobre Nesta época é importante actuar fronte ás formas invernantes dos fungos patóxenos eliminando a madeira afectada e aplicando tratamentos químicos baseados en substancias de cobre, dos que son aconsellables dúas ou tres aplicacións. É fundamental non facelos con frío ( temperaturas menores de 8 ºC) nin en previsión de xeadas. Por outra banda, xa se poden retirar as trampas para capturar e/ou estimar as poboacións de larvas de bichado. En canto ao kiwi, dende Areeiro lembran que nesta época a vulnerabilidade das plantas aos ataques do cancro bacteriano do kiwi é moi elevada debido á humidade característica do outono e á presenza das feridas nas ramas debido á colleita dos froitos, á caída das follas e aos cortes de poda, xa que son portas de entrada para as bacterioses. Neste sentido, recomendan “realizar o antes posible un tratamento cun insecticida cúprico –sempre con temperaturas ambientais por riba dos 8 ºC- que deberá ser renovado polo menos unha vez máis antes da primavera”. Cítricos Coas temperaturas anormalmente cálidas que houbo ata ben entrado o outono, moitos cítricos, e os limoeiros especialmente, botaron gromos novos e tenros onde aínda a estas alturas, xa con certo frío, se poden ver estados ninfais de psilas africanas. A eliminación manual deses gomos é suficiente nestes momentos para eliminar estas poboacións do insecto, sobre todo tendo en conta que os froitos están en fase de maduración e recollida. En canto aos fungos, é preciso tomar unha serie de precaucións básicas para limitar a súa diseminación, como facilitar o drenaxe da auga e evitar calquera retención de humidade no contorno das plantas ou, no caso de que aparezan os característicos froitos parcial ou totalmente podres, retiralos e eliminalos. Buxo e palmeiras É de esperar que se manifesten novamente certos fungos que se poden controlar coa aplicación de funxicidas tipo mancozeb, clortalonil ou cobre. Así mesmo, é fundamental a combinación das medidas culturais (retirada constante de follas secas e favorecer a aireación das plantas). Finalmente, no caso das palmeiras, neste ano volveuse a observar un avance significativo da praga do picudo, sen dúbida segundo os técnicos, debido a que hai moitas palmeiras afectadas non eliminadas. O consello é deixar as palmeiras sen podar para evitar atraer aos escaravellos adultos, máis en calquera caso, de ser imprescindible, cando empezan os fríos é o mellor momento para realizar eses traballos. Desde Areeiro insístese en que as palmeiras afectadas deben eliminarse, ben sexa por empresas que fan este tipo de traballos ben sexa polos propios propietarios no caso de plantas pequenas. Neste caso nunca deben deixarse os restos na finca ou botalos a outros sitios, senón que deben cortarse en anacos e enterrar todos os restos a unha profundidade mínima de dous metros.