Archives

Innovación, o gran reto da nova PAC 2023-2027

O Sistema de Información e Coñecemento Agrario, AKIS polas súas siglas en inglés, está conformado por toda a rede público – privado que impulsa a innovación no agro. Desde centros de investigación, asesores agrarios ou oficinas agrarias ata empresas de servizos, centros de formación ou os propios produtores. Analizar as fortalezas e debilidades do AKIS en Galicia e no Norte de Portugal foi o obxectivo do proxecto Kicap, que durante o último ano celebrou unha serie de seminarios na Eurorrexión con actores do AKIS (técnicos, Administracións, investigadores, produtores, etc.) e con estudantes. O obxectivo dos seminarios e do propio proxecto era dobre. Por un lado, dar a coñecer a importancia do Sistema de Información e Coñecemento Agrario no marco da PAC 2023-2027, que marca retos claros nas prácticas agrarias a nivel ambiental e de produtividade. Doutro lado, concretar as fortalezas, debilidades e oportunidades que hai na Eurorrexión para impulsar o AKIS e mellorar a súa coordinación. Este é o vídeo final resumo do proxecto.

Pasos a dar en Portugal para lograr un sistema de innovación agraria sólido e fortalecido

Reunión de membros do AKIS portugués o pasado 26 de maio no Polo de Innovación de Vairão (Vila do Conde)

Na avaliación da actual situación dos AKIS en Portugal identificáronse certos signos de debilidade comúns a outros países da UE: financiamento insuficiente, falta de coordinación, afastamento do sector e entre algúns actores relevantes.

Superar esas barreiras iniciais e fomentar unha maior relación entre os distintos axentes implicados na xeración e transmisión de innovación é unha prioridade para o Ministerio de Agricultura de Portugal no actual período PAC.

Ana María Ribes forma parte do equipo de dinamización da Rede Rural Nacional de Portugal, que ten unha función importante á hora de acompañar o desenvolvemento da rede AKIS do país. “Neste momento o AKIS en Portugal atópase algo fragmentado e imos tentar modificar esa situación, tratando de involucrar máis aos técnicos e asesores agrarios para conseguir que a difusión da innovación e o coñecemento chegue de forma máis rápida aos produtores”, avanza.

Ana María Ribes, Rede Rural Nacional de Portugal: “Imos dar máis formación aos técnicos para que ese coñecemento chegue ao agricultor”

“Foi identificada a necesidade de dar máis formación aos técnicos e asesores nas áreas que foron priorizadas neste novo Plan Estratéxico da PAC para poder transmitirllas ao agricultor, en temáticas como innovación, ecorreximes ou adaptación ao cambio climático”, detalla.

Búscase tamén unha maior integración e aproveitamento de recursos. “O asesoramento público e o asesoramento privado neste momento en Portugal non están interrelacionados, non teñen ligazón entre si, e aparentemente o servizo público é máis feble á hora de transmitir innovación. Por iso estamos a crear grupos de traballo nos que participan técnicos públicos e privados para favorecer esa relación”, explica Ana María Ribes.

Dar valor aos asesores

A nova PAC reforza o rol dos asesores no fortalecemento dos AKIS e no achegamento do coñecemento para a súa posta en práctica no sector agroalimentario. Os asesores agrarios pasan a ser deste xeito facilitadores da innovación.

Rui Almeida é consultor privado e leva anos traballando en proxectos para mellorar a coordinación do sistema de innovación agrícola tanto en Portugal como a nivel da UE, onde se busca unha valorización do traballo e cualificación dos asesores agrarios.

“Un dos nosos puntos débiles en Portugal é a promoción da adopción real da innovación. Xa se fai moita investigación e xa hai agricultores involucrados, pero o que falta é consolidar a adopción desas novas prácticas máis a longo prazo e por parte do conxunto do sector”, asegura.

Ana María Ribes, durante a xornada celebrada en Vila do Conde

Rui Almeida, consultor agrario: “Dentro do AKIS cabemos todos; o obxectivo é desenvolver investigación e innovación para resolver os problemas dos agricultores ou responder a futuras oportunidades”

Para lograr ese obxectivo, considera, “o máis importante é contar cun servizo de asesoramento técnico forte, formado e capacitado para responde a estes desafíos. Os asesores son unha peza chave non só para identificar oportunidades e ameazas conxuntamente cos agricultores, senón para estar dentro dunha rede que permita resolver eses problemas ou potenciar esas oportunidades que aparecen”, insiste.

I2Connect: un AKIS europeo integrado e eficiente

Rui Almeida, explicando o proxecto I2connect aos asistentes

Ese é precisamente o obxectivo de I2connect, un proxecto no que Rui participa e que está financiado polo programa de investigación e innovación da UE, Horizonte 2020. I2connect busca a creación dunha plataforma de asesores a nivel europeo, inventariando quen son os técnicos que traballan no ámbito da innovación agraria nos distintos países e cal é a súa experiencia para poder compartila co resto.

“Buscamos dotar aos asesores de capacidade e coñecemento para poder traballar en innovación interactiva, que é a innovación baseada na interacción dos diferentes axentes, onde cada paso é froito da discusión conxunta, logrando así sumar o coñecemento de cada un e onde o resultado final é moito máis democrático e moito máis útil e utilizable por todos”, destaca.

Dentro deste proxecto realizouse unha completa análise de cal é a situación de partida en cada país. “En Portugal o noso AKIS está cada vez máis maduro. Houbo unha evolución moi grande nos últimos 10 anos e actualmente podemos ver un cambio de percepción importante. Cuestións como a innovación xa non son vistas como algo inalcanzable, senón como algo necesario para facer fronte a desafíos como as alteracións climáticas ou as novas políticas europeas en distintos ámbitos”, asegura Rui.

Con todo, defende que “é necesario traballar en conxunto e en aspectos innovadores en produto, novos procesos ou novos servizos para que nos próximos anos poida ser realmente un apoio chave ao sector agrícola, forestal e tamén á industria agroalimentaria”.

O papel da formación na modernización agraria

No triángulo Ciencia-Innovación-Educación, este último vértice atópase algo máis desconectado do sistema. Constátase a existencia dun certo distanciamento cos actores vinculados á formación profesional e tamén á formación continua do resto de actores AKIS. Isto a pesar de que este é un aspecto moi relevante para o sector agrario nesta década, pois a formación agraria alcanzará especial relevancia para facer fronte a retos como a remuda xeracional, o cambio climático ou a dixitalización.

Zulmira Campelo traballa no ámbito docente dentro da Asociación de Novos Agricultores de Portugal (AJAP), que creou unha academia para a formación dos seus socios. É un proxecto recente que busca contribuír á asistencia e capacitación dos titulares de explotación e as persoas que se incorporan á actividade.

“É moi importante que os agricultores teñan formación porque estarán máis capacitados para conseguir desenvolver unha agricultura máis sostible e con maior valor engadido”, afirma.

A AJAP é unha das principais organizacións de produtores de Portugal e trata de servir de nexo de unión entre os agricultores e as institucións, tanto a nivel estatal como europeo. Por ese motivo está representada tamén en Bruxelas. Neste sentido, Zulmira destaca o papel destas entidades como “trasmisores ao terreo” das novas políticas da PAC.

Fenda xeracional

Outro dos obxectivos principais da AJAP é axudar aos agricultores para aproveitar os fondos dispoñibles en materia de innovación para contribuír deste xeito á modernización do sector da agricultura e a gandería en Portugal.

Pero non sempre a porta das explotacións permanece aberta á innovación e á adopción de tecnoloxía que derive nun aumento da produtividade, a sustentabilidade e a comunicación entre agricultores e consumidores.

Zulmira Campelo, Asociación de Novos Agricultores de Portugal (AJAP): “Identificamos a falta de motivación para a innovación entre a maioría dos nosos agricultores maiores”

“Hai unha loita entre xeracións entre novos agricultores, que queren avanzar, e a xeración máis antiga, que é maioría, e máis remisa aos cambios. Non sei se se trata dunha barreira física, cultural ou de que tipo”, recoñece Campelo.

Accións demostrativas e de transferencia

Aplicación da metodoloxía Lego para identificar as principais barreiras do sistema de innovación agraria

Un dos grandes problemas a día de hoxe da formación agraria é a ausencia dunha oferta integrada, pois existe unha gama de coñecementos dispersos en termos de aprendizaxe, onde o saber teórico carece de medidas orientadas á transferencia de coñecemento.

Zulmira Campelo, Asociación de Novos Agricultores de Portugal (AJAP): “Falta transferencia de información desde a investigación ao agricultor”

Identificouse a necesidade de innovar nas fórmulas de difusión e os intercambios de coñecemento a través de accións prácticas, espazos de encontro e livinglabs. As visitas demostrativas son actividades moi ben acollidas polos agricultores e gandeiros, dado que se produce dentro dun proceso de transferencia do coñecemento entre iguais, onde uns agricultores mostran in situ, nas súas explotacións comerciais, os resultados da implantación de novos procesos ou tecnoloxías para a mellora da produtividade e sustentabilidade das explotacións. A partir deste tipo de actividades xéranse redes que conectan aos agricultores entre si.

Implementar as Demo Farms

Para favorecer os ecosistemas de innovación aberta, desde Europa proponse o establecemento dunha rede de explotacións demostrativas que poidan facer de polos de innovación para fomentar a mellora da rendibilidade, a produtividade e a sustentabilidade dos produtores a través de exhibicións, intercambio de mellores prácticas, casos de éxito e debate sobre asuntos de actualidade, seguindo o exemplo do Teagasc en Irlanda.

“Implementaremos granxas experimentais porque estas Demo Farms xogan un papel importante á hora de diseminar o coñecemento e a innovación. Permiten un intercambio con quen xa experimentou os resultados desas novas técnicas, algo que resulta fundamental para que outros agricultores adopten esas melloras nas súas explotacións”, asegura Ana María Ribes.

Acelerar a innovación: clave para a competitividade e sostibilidade do sector agroalimentario en Galicia

Reunión de representantes dos distintos axentes que participan no Sistema de Coñecemento e Innovación Agrícola (AKIS) de Galicia o pasado 12 de maio na sede da Fundación Juana de Vega

O Sistema de Coñecemento e Innovación Agrícola, en inglés Agricultural Knowledge and Innovation Systems (AKIS), fai referencia ao conxunto de axentes involucrados na transferencia de coñecemento e innovación no sector da agrícola. Facer que traballen de forma coordinada e colaborativa é un dos grandes obxectivos da nova PAC.

Poden ser compoñentes dun AKIS todos aqueles actores públicos e privados, con e sen ánimo de lucro, relacionados co sector agroalimentario: administracións (estatal e comunidades autónomas), agricultores e gandeiros, organizacións profesionais agrarias, cooperativas, federacións de cooperativas, entidades de asesoramento público e privado, investigación, formación superior e profesional, empresas de subministracións e tecnolóxicas, ONGs, fundacións etc. Os AKIS, pola súa propia estrutura flexible, varían entre países, rexións e sectores.

Impulso do AKIS en Galicia

Durante este 2023, a Fundación Juana de Vega, no seu papel de axente tractor do AKIS galego e promotora do desenvolvemento rural na comunidade, desenvolveu diversas xornadas para achegar propostas co fin de contribuír ao fortalecemento e mellor articulación deste ecosistema e, con iso, fortalecer a transferencia do coñecemento e a innovación no sector agroalimentario.

Neste marco, o pasado 12 de maio reuniu na súa sede de San Pedro de Nós (Oleiros) a distintos axentes que contribúen á innovación agraria en Galicia. Neste artigo repasamos as conclusións da xornada, na que se analizaron os retos do Sistema de Coñecemento e Innovación Agrícola (AKIS) en Galicia.

Barreiras de acceso para as explotacións

Os agricultores e gandeiros galegos manifestaron botar en falta un ambiente ou ecosistema máis propicio para o intercambio de experiencias e achácase á falta de rendibilidade económica das explotacións a súa dificultade para asumir o custo das actividades de innovación.

Por iso, deberá realizarse un esforzo para permitir que aqueles sectores e tipoloxías de explotacións (pequenas e familiares) que poidan requirir dun maior apoio para o acceso a asesoramento, o reciban e non queden á marxe das redes creadas.

A excesiva carga burocrática e a desconfianza cara á administración son tamén limitantes para a implementación de novas prácticas

Así mesmo, a percepción da administración como axente sancionador limita a capacidade de establecer relacións de confianza co resto de actores, especialmente cos agricultores e gandeiros, por exemplo para o acceso e intercambio de datos fiables en aspectos clave das súas explotacións, como poden ser os económicos e de rendibilidade.

Máis investigación aplicada

O futuro do sector agroalimentario pasa pola xeración e transmisión de coñecemento orientado ás necesidades do sector. Con todo, nas distintas mesas de debate quedou patente a distancia existente en numerosas ocasións entre a ciencia e a investigación agraria coas necesidades dos agricultores e gandeiros.

Por iso, os programas públicos de investigación e innovación a nivel estatal e rexional deberían contemplar mecanismos de captura das demandas dos agricultores e favorecer a utilización de metodoloxías de co-creación para a xeración de proxectos conxuntos de I+D orientada, entre agricultores e investigadores, tecnólogos e asesores agrarios.

Asesores agrarios: unha peza estratéxica do sistema

O papel dos asesores agrarios é particularmente importante nos AKIS, xa que teñen un claro impacto nas decisións dos agricultores e gandeiros. Representan unha das principais fontes de información para a toma de decisións dos agricultores, desempeñando un papel chave na vinculación da ciencia e a práctica.

Pero o enfoque predominante ata o de agora seguía un modelo lineal, orientado á provisión de solucións prescritas, no cal o agricultor ou gandeiro ten un papel pasivo na adopción da tecnoloxía ou as técnicas recomendadas.

O obxectivo da nova PAC é superar este modelo lineal de asesoramento a través da implementación dun modelo de innovación interactiva no que as solucións son co-desenvolvidas xunto aos produtores, respondendo ás demandas e necesidades expresadas por estes, que participan na toma de decisións, de modo que teñan un papel activo na solución aos seus problemas.

Así, durante a xornada celebrada na sede da Fundación Juana de Vega, quedou patente a necesidade de encarar a dificultade que poden ter os asesores que traballan a pé de explotación para estar ao día dos avances científicos e técnicos, e tamén dos cambios normativos e administrativos.

A reorientación do papel das oficinas agrarias comarcais antóllase fundamental para reforzar os mecanismos de asesoramento técnico imparcial a agricultores e gandeiros

Outro patrón común é a falta de relación entre o asesoramento privado e o público. Debido á escasa interacción dentro do sistema AKIS, a maioría de actores participantes son as empresas de inputs, que desenvolven actividades de asesoramento con fins comerciais.

O asesoramento público atópase en mans das oficinas agrarias, herdeiras do antigo servizo de extensión agraria, aínda que este papel foise desdibuxando das súas funcións, máis orientadas na actualidade á xestión administrativa e cumprimento da PAC.

Só en Canarias, as oficinas agrarias dependentes dos Cabidos Insulares continúan prestando asesoramento técnico público aos agricultores. En Galicia, a reorientación do papel das oficinas agrarias comarcais antóllase fundamental para reforzar os mecanismos de asesoramento técnico imparcial a agricultores e gandeiros.

Unha nova gobernanza dos AKIS

España parte dun AKIS máis disperso e fragmentado en relación a outros países da UE, debido a que as competencias en materia agrícola están transferidas ás comunidades autónomas, pero esta descentralización pode axudar a abordar os problemas e oportunidades do sector desde a base.

Así pois, a fragmentación e descentralización dos AKIS en España non debe supoñer unha debilidade. É máis, con adecuados mecanismos de coordinación e de implicación dos distintos actores nos distintos niveis (rexional e estatal), permitirá reforzar os AKIS e a xeración de sinerxias entre os territorios.

Desde o Ministerio de Agricultura, a través do novo Plan Estratéxico da PAC (PEPAC), búscase implementar unha nova gobernanza dos AKIS coa que lograr a mellora da coordinación e promover unha cooperación reforzada, na que estean recoñecidos os principais actores, cunha especial atención ao papel dos asesores agrarios.

A nivel estatal creouse un Órgano Nacional de Coordinación AKIS, que traballará conxuntamente cos que se cren a nivel autonómico

A nivel estatal creouse un Órgano Nacional de Coordinación AKIS, que traballará conxuntamente cos que se cren a nivel autonómico, e redactouse un Real Decreto para a coordinación dos AKIS que está en fase de exposición pública.

“No Ministerio de Agricultura estamos convencidos de que o futuro do sector agroalimentario e o medio rural pasa polo fomento da xeración e transmisión de coñecemento orientado ás necesidades do sector e polo fortalecemento das relacións entre todos os axentes que interveñen na súa xeración, para acelerar os procesos de innovación”, asegura Cristina Simón Palacios, da Subdirección Xeral de Innovación e Dixitalización do MAPA.

Dúas ferramentas para apoiar o intercambio de coñecemento entre asesores, produtores e investigadores

LinkedIn agrarioEntre as novas ferramentas previstas no PEPAC destaca a plataforma de intercambio de coñecemento ou back office para o asesoramento agrario, que se presenta como un instrumento útil para mitigar os efectos da fragmentación e dispersión do sistema, permitindo recompilar dos asesores a pé de campo cales son as necesidades agrícolas máis urxentes e compartilas co resto de actores AKIS, en particular cos vinculados coa investigación e formación.

Prevese que esta nova Plataforma de asesores AKIS estea operativa despois do verán e conte cun espazo para que os asesores se poidan rexistrar e expor dúbidas. Ademais dun repositorio con información de interese e un servizo de apoio específico a profesionais do asesoramento agroalimentario, búscase crear unha contorna colaborativa, unha especie de LinkedIn agrario que conecte a investigadores, asesores e produtores.

Grupos operativos. Doutra banda, os grupos operativos constituíronse ao longo dos últimos anos como uns excelentes instrumentos de co-creación que reforzaron os vínculos entre os seus integrantes, o que posibilitou promover novos proxectos e permitiu reforzar a colaboración público-privada para prover solucións en beneficio do sector.

Para o novo período da PAC, haberá 75 millóns de euros para grupos operativos supraautonómicos con convocatorias previstas en 2023 e 2025. A maiores, as propias comunidades autónomas financian, mediante fondos FEADER, grupos operativos de carácter autonómico. Á marxe da PAC, existen fondos específicos para I+D+i na UE, actualmente chamados Horizonte Europa, ao que tamén se poden acoller proxectos agrícolas.

Camiño de non retorno

Ademais de poñer en común fortalezas, debilidades e oportunidades para ter unha visión de conxunto do sector, as xornadas organizadas pola Fundación Juana de Vega representan un punto de partida para fomentar o traballo coordinado e colaborativo entre todos os axentes implicados e cumprir así un dos grandes obxectivos da nova PAC.

Expertos galegos e portugueses debateron en Valença sobre como mellorar a innovación no rural da Eurorrexión

Algunos de los participantes en el seminario transfronterizo organizado en Valença por el proyeto KICAP

Este venres, 9 de xuño, máis de 20 expertos no asesoramento ao sector agrícola e gandeiro participaron no CIM Alto Minho de Valença nun seminario sobre “COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA PARA UN RURAL MÁIS INNOVADOR NA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL” .

Esta actividade foi organizada polo proxecto KICAP, unha iniciativa transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal na que participan 14 escolas. A iniciativa está promovida pola Fundación Juana de Vega e cofinanciada polos Fondos para accións de información no dominio da Política Agrícola Común (IMCAP) da Unión Europea.

A xornada comezou coa benvida por parte de Alfonso Ribas, director de innovación da Fundación Juana de Vega, e a presentación do proxecto KICAP, a cargo de Tania Gesto, técnica da fundación.

A continuación, Alexandra Catalâo e Carmen Calderón-Gutiérrez, representantes da Comisión Europea, presentaron as prioridades de Bruxelas para o vindeiro período da PAC 2023-2027, e nomeadamente o fortalecemento do AKIS, definido como o ecosistema de creación e transmisión de coñecemento no agro integrado por produtores, centros de investigación, centros de formación, empresas e institucións públicas.

Neste sentido, e como exemplo de boas prácticas para fortalecer o AKIS na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Lívia Madureira, da Universidade de Tras-os-Montes, presentou o proxecto AGRILINK.
Tras a quenda de preguntas, o seminario transfronteirizo do proxecto KICAP continuou cunha sesión de traballo interativa sobre oportunidades e desafíos do AKIS galego-portugués (metodoloxía Lego Serious Play), coordenada por ENSO Mediación

Mapa de apoios á I+D+i no agro


A innovación no agro é un dos obxectivos transversais que guían o novo ciclo da Política Agraria Común (PAC). Europa busca potenciar o Sistema de Información e Coñecemento (AKIS), fortalecendo o traballo e a colaboración entre agricultores, gandeiros, centros de investigación, asesores, cooperativas e todas as entidades orientadas á I+D+i agraria e á prestación de servizos ao sector.

Tres son os piares dos apoios, tanto en Galicia como no caso de Portugal: as axudas directas ás explotacións, as axudas de desenvolvemento rural e o apoio a proxectos de I+D+i no agro desenvoltos por un grupo de axentes.

Axudas directas ás explotacións agrarias en Galicia

Analizamos co subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Xunta de Galicia, Nicasio Mejuto, as principais liñas de axudas orientadas ás explotacións, que se adoitan convocar no primeiro trimestre de cada ano:

-Creación de empresas para persoas agricultoras mozas (Axudas de incorporación ao agro). Tratase dunha axuda a tanto alzado enfocada ao cumprimento dun plan empresarial. Ten unha contía básica de 25.000€ e está destinada a persoas entre 18 e 40 anos que conten coa capacitación e a competencia profesional axeitada, e vaian establecerse nunha explotación por primeira vez como xefes de explotación.

-Investimento en explotacións agrarias (Plans de mellora). Trátase dunha serie de apoios para a modernización das explotacións agrícolas en produción primaria. Permite a execución de investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora no rendemento global, a competitividade ou a viabilidade da explotación. Requiren un investimento mínimo de 5.000 euros, ata un máximo de 500.000, dos cales se subvenciona entre un 25% e un 50% do total en réxime de concorrencia competitiva.

-Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Complementaria da anterior, está esta liña de axudas, destinada a pequenas explotacións agrícolas para facer un relanzamento na súa actividade. Trátase dunha axuda a tanto alzado pola correcta execución dun plan empresarial.

Axudas de desenvolvemento rural

-Investimento en actividades non agrícolas, especificamente para ampliación e modernización. “Esta liña naceu como complementaria ás tres anteriores mencionadas e está encamiñada a diversificar as explotacións e xerar novas actividades; está aberta a outros beneficiarios, como empresas e micro-empresas do rural, persoas físicas ou titulares das propias granxas”, apunta o subdirector de Mobilidade de Terras de AGADER, Alfredo Fernández.

Estas axudas destínanse á adquisición de maquinaria e equipamento destinado a actividades non agrícolas co fin de reforzar o tecido empresarial e mellorar así a competitividade.

Outro dos obxectivos que procuran estes apoios é a posta en marcha de novas actividades non agrícolas en aldeas modelo declaradas. O importe subvencionado pode chegar ata o máximo do 45%.

-Axudas dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, ligados á iniciativa Leader, que desde 1991 busca incentivar a competitividade dos territorios rurais por medio de estratexias locais de desenvolvemento. O destino destas subvencións é a proxectos produtivos e non produtivos que deben estar localizados no ámbito territorial de cada GDR. Os beneficiarios destas axudas poden ser persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, entidades locais e Mancomunidades. O importe das axudas oscila entre o 15% e o 50% e outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, seguindo os baremos de cada GDR.

Proxectos de I+D en Galicia

En Galicia, espéranse convocatorias para financiar proxectos de I+D no segundo trimestre deste ano. En concreto, para as seguintes liñas:

-Proxectos de Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de sustentabilidade e produtividade agrícola. Este paquete destínase á modernización do sector agroalimentario e forestal en base á innovación e dixitalización no ámbito da agricultura e as zonas rurais.

As áreas de actuación definidas son a xestión sustentable de recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, o aumento de sustentabilidade e competitividade da cadea alimentaria, a bioeconomía e a aplicación de tecnoloxías da información e comunicación.

Poden ser beneficiarios agrupacións de dous ou máis axentes que se asocien para formar un Grupo Operativo da AEI, e poderán optar a unha axuda de entre o 65% e o 100% do orzamento total do proxecto.

-Proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. Os beneficiarios son agrupacións de dous ou máis axentes para formar un grupo de cooperación.

O obxectivo é a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal.

A axuda cobre, como máximo, entre un 65% e un 80% do orzamento do proxecto.

Liñas de apoio á innovación no agro en Portugal

O Plan Estratéxico da PAC de Portugal mantén unha liña similar de apoio á innovación. No caso de Portugal, xa no anterior período da PAC (2014-2020), existiu un Grupo de Traballo Temático de Innovación, co que se buscou promover un ecosistema de innovación en Portugal, con colaboración entre todas as entidades ligadas á innovación.

Este Grupo foi impulsado pola Rede Rural Nacional, unha entidade con participación público – privada que promove a transferencia de coñecemento a través da plataforma Innovación na Agricultura, que durante os próximos anos continuará sendo o portal para a divulgación dos resultados de proxectos e iniciativas innovadoras.
https://inovacao.rederural.gov.pt/

Grupos operativos de innovación

Os proxectos de innovación en Portugal desenvólvense principalmente a través de grupos operativos de innovación. A idea é que estes grupos, constituídos por medio de alianzas entre diversas entidades, dean respostas a problemas concretos ou oportunidades, de xeito que se avance nos obxectivos de sustentabilidade e de aumento da competitividade na produción marcados no Plan Estratéxico da PAC.

Os proxectos piloto que desenvolven estes grupos son claves para verificar o funcionamento de novas prácticas ou tecnoloxías no sector.

Igual que no caso galego, a cooperación é un dos piares dos grupos operativos, pois permiten crear vínculos entre investigación, agricultores, xestores forestais, comunidades rurais, empresas, ONGs e servizos de aconsellamento.

O caso do apoio á redución de gases de efecto invernadoiro na cabana gandeira de Portugal

O Plan Estratéxico da PAC de Portugal para o período 2021 – 2027 inclúe numerosas liñas de apoio á innovación en materia de sustentabilidade ambiental e benestar animal. Unha delas é a das axudas para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro no gando, con apoios de 5 a 25 euros por cabeza, e un 15% máis para aquelas explotacións que conten con asesoramento técnico nas medidas adoptadas.

En concreto, nas explotacións de vacún de carne apóiase principalmente a introdución de plans alimentarios que inclúan aditivos e ingredientes para reducir as emisións.

En leite, prímase ás explotacións que teñan indicadores positivos nos seguintes aspectos:

– Eficiencia alimentaria: é un parámetro que se mide pola urea en leite, que reflexa a urea en sangue, o que constitúe un indicador de eficiencia alimentaria e, indirectamente, das emisións de gases de efecto invernadoiro e amoníaco.

– Manexo reprodutivo: aumento do número de días en lactación, anticipación da idade do primeiro parto, aumento do tempo de lactación medio e redución da taxa de descarte.

– Saúde animal: contabilización de células somáticas.

Axudas directas para a innovación nas explotacións agrícolas

-Apoio á instalación de agricultores novos

A falta de relevo xeracional é un problema común en Portugal, Galicia e na maioría das zonas agrarias en Europa. Para contrarrestalo, Portugal tamén mantén unha liña específica de axudas para instalación de agricultores novos, con apoio aumentado para as mulleres que queiran instalarse no agro.

-Investimentos en explotacións agrícolas

É unha liña de apoios similar á galega de plans de mellora. O obxectivo é apoiar investimentos destinados a mellorar o desempeño e viabilidade das explotacións, así como a introducir métodos innovadores e mellorar a sustentabilidade ambiental.

En especial, búscase apoiar un uso eficiente da auga, incluíndo a mellora de infraestruturas de rega, o emprego de enerxías renovables ou métodos de aforro enerxético, a mecanización e as melloras ambientais (biodiversidade, valores naturais, etc.).

Ademáis, existe outra liña específica de axudas para investimentos asociados á instalación de novos agricultores.

Outras liñas comúns en Galicia e Portugal son as de apoios para investimentos na transformación e comercialización de produtos agrícolas, ou os apoios ao investimento en maquinaria forestal.

Estudantes galegos participan no CIAM nunha xornada sobre a política agraria común

Alumnado e profesorado do IES Monte Neme, de Carballo, así como centro de promoción rural EFA Fonteboa, de Coristanco, xunto a estudantes do Centro de Experimentación Agroforestal de Becerreá (Lugo), participaron este mércores nunha xornada formativa no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) sobre como a Política Agraria Común (PAC) contribúe á modernización do campo en xeral, e do sector agrogandeiro en particular.

En concreto, un grupo duns 40 profesores e estudantes desprazáronse a este centro de investigación agraria, referente en Galicia, e dependente da Consellería do Medio Rural, para participar nun seminario organizado polo proxecto KICAP, unha iniciativa transfronteiriza de Galicia e Norte de Portugal na que participan 14 escolas, promovida pola Fundación Juana de Vega, e cofinanciada polo Fondo para medidas de información no ámbito da Política Agraria Común (IMCAP) da Unión Europea.

A xornada comezou cunha benvida a cargo do director do CIAM e de representantes da Fundación Juana de Vega. A continuación, Manuel López Luaces, en representación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), realizou unha presentación da Política Agraria Común (PAC) e da importancia os AKIS, os axentes que interveñen na transmisión de coñecemento e na innovación no campo. Seguidamente, os alumnos tiveron a oportunidade de participar nunha biblioteca vivente, un novo formato no que os estudantes dialogaron con investigadores agrarios e produtores. En concreto, participaron Teresa Moreno e César Resch, investigadores do CIAM; Elena Piñeiro, presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, e Ana Corredoira, gandeira de vacún de leite en ecolóxico.

A xornada finalizaró cunha visita guida ás instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

O papel esencial da PAC na modernización agraria

Os programas de apoio á modernización das explotacións agrogandeiras, coñecidos popularmente no sector como Plans de Mellora, son unha ferramenta fundamental para incrementar a competitividade e sustentabilidade do sector produtor de alimentos na Unión Europea.

Estes fondos, englobados dentro da Política Agraria Común, mantéñense no actual período de programación 2023-2027 para incentivar os investimentos nas explotacións encamiñados a  lograr dous obxectivos: o aumento da eficiencia produtiva e o seu respecto polo medio ambiente.

Pablo Gómez Casas é o xefe de servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario na Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, unha área desde a que se xestionan diversas liñas de axudas europeas destinadas á modernización das granxas, entre elas os Plans de Mellora.

“Esta medida é unha das máis importantes das que xestionamos, tanto pola súa dotación económica e polo número de beneficiarios, como pola súa importancia social no medio rural, xa que ten un efecto dinamizador moi importante”, afirma. 

No período 2016-2022 un total de 3.825 explotacións galegas foron beneficiarias de Plans de Mellora

Desde o ano 2016, nas 6 convocatorias incluídas dentro da actual programación, a Xunta concedeu Plans de Mellora a 3.825 explotacións beneficiarias e o importe global das axudas foi de case 187 millóns de euros, o que dá unha media por solicitante de case 50.000€ e un investimento total realizado nas explotacións de 427 millóns de euros.

Dos fondos da PAC proceden o 75% dos recursos destinados aos Plans de Mellora dentro dun esquema de cofinanciamento no que tamén participa o Goberno central e a Xunta de Galicia. Pero a maiores a Política Agraria Común “orienta ás explotacións cara uns investimentos ou outros”, salienta Pablo.

“Nós agora mesmo o que podemos subvencionar ten que contribuír directamente a mellorar os resultados económicos das explotacións, diversificándoas ou avanzando nunha orientación ao mercado, ou ben que eses investimentos contribúan á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco. Esas son as liñas que nos marca a PAC”, explica.

Novas prioridades a partir de 2024

Para o novo período, que comeza en 2024, a programación final non está aínda pechada, pero vai haber dúas prioridades, avanza Pablo: “por un lado continuarán subvencionándose os investimentos destinados a modernizar as explotacións, para que sexan máis rendibles economicamente e a renda agraria dispoñible aumente; e haberá outra liña que irá cunha dotación orzamentaria distinta e que se centrará en investimentos relacionados coas necesidades medioambientais das explotacións”, detalla.

A última convocatoria, a de 2023, que vén de ser publicada, conta cun orzamento de 20,5 millóns de euros. “A previsión é esgotar a totalidade dos fondos, estimamos dar cabida a unhas 500 explotacións”, calcula Pablo.

Os Plans de Mellora son fundamentais para a modernización do agro galego

 “Os Plans de Mellora son fundamentais para a modernización do agro galego. As explotacións agrarias necesitan ser máis competitivas e adaptarse a un mercado cada vez máis esixente e, ao mesmo tempo, o sector agrario ten que acadar unha maior sustentabilidade para cumprir coas novas esixencias que marca a normativa ambiental. É unha demanda da poboación que todos nos preocupemos do medioambiente e os fondos da UE na PAC cada vez máis se irán dirixindo cara aí. As explotacións terán que orientarse cara a emisións cero e facer investimentos nesa liña e con ese obxectivo”, resume Pablo.

500 millóns de euros para investimentos nas explotacións portuguesas

En Portugal, o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) do ano 2020, vixente até 2024, ten na súa arquitectura catro áreas principais. Unha delas, focalizada na Competitividade e a Organización da Produción, dotada cun orzamento de 2.107 millóns de euros, é na que se inclúen un basto conxunto de medidas de apoio ao investimento nas explotacións e á transformación de produtos agrícolas.

Un total de 855 millóns de euros corresponden a investimentos nas explotacións agrogandeiras, dos que se beneficiaron 10.375 explotacións, cunha taxa de execución a 31 de decembro de 2022 do 71%.

“Estas axudas teñen sido moi importantes para mellorar a competitividade do mundo rural e van ter continuidade no novo período da PAC 2023-2027”, explica João Marques, da División de Agricultura e Desenvolvemento Sustentable do Ministerio de Agricultura portugués.

A nova PAC suporá para Portugal un total de 6.713 millóns de euros até 2027, dos que 2.853 millóns corresponden ao segundo pilar (apoios ao investimento). Deles, 502 millóns de euros destinaranse a investimentos nas explotacións agrogandeiras, con dúas liñas de actuación, ao igual que en Galicia: 335 millóns de euros para investimentos en modernización das explotacións e 139 millóns para investimentos para a mellora ambiental das granxas.

“O sistema de financiamento público de apoio ao investimento agrícola é a forma máis eficaz de axudar aos agricultores e gandeiros a manter a súa explotación actualizada”, defenden desde o Ministerio de Agricultura de Portugal.

Asesoramento dos AKIS na xestión dos Plans de Mellora

Tanto en Galicia como en Portugal, o persoal técnico que asesora ás explotacións, e que coñece de primeira man as súas necesidades, xoga un papel fundamental na tramitación dos Plans de Mellora. O sindicato Unións Agrarias (UUAA) xestiona entre 130 e 150 Plans de Mellora e entre 80 e 90 incorporacións ao ano, xa que moitas veces as dúas axudas van ligadas, como explica Óscar Pose, responsable do sector de leite, do que proceden a maior parte das solicitudes.

Na convocatoria do ano 2022 foron concedidos en Galicia 485 Plans de Mellora e 353 axudas de incorporación

Afirma que “a nivel de tecnificación e modernización o sector leiteiro galego é dos máis punteiros de Europa” e que “ese avance non sería posible sen estas axudas, que son un incentivo importante para investir nas granxas”, considera.

A maiores, os Plans de Mellora teñen un efecto dinamizador sobre as zonas rurais, posto que as obras e subministracións son acometidas na maioría dos casos por empresas locais, axudando así a fortalecer o tecido socioeconómico.

“É unha liña de axudas fundamental, sobre todo porque non esquezamos que por cada euro que se subvenciona o que se inviste é 3 veces máis, xa que a axuda é do 30%, é dicir, de cada 100 euros de subvención concedida o investimento realizado está en torno a 330 euros”, explica.

A visión do sector

A pesar do rol importante que teñen estas axudas, desde o sector destacan unha serie de áreas que é preciso mellorar. Desde a Associação dos Jovens Agricultores de Portugal (AJAP) consideran por exemplo os plans do Goberno “pouco ambiciosos” en relación ao número de novos agricultores que se pretende instalar, malia que se mellorou a contía dos apoios para os que o fagan. “O sector está moi envellecido e deberíase investir máis na instalación dun maior número de mozos”, defende o director xeral da AJAP, Firmino Cordeiro.

Desde organizacións de produtores como AJAP aseguran que “o sector non foi escoitado” no proceso de aprobación do Plan Estratéxico da PAC de Portugal, onde se fixan os criterios para o reparto das axudas nos vindeiros anos. “As opinións e comentarios das entidades ligadas ao sector pouco foron tidas en conta”, asegura Firmino. Sobre as axudas para a modernización das granxas, considera que “chegan demasiado lentamente aos beneficiarios”.

A lentitude na tramitación e a escaseza de fondos está a impedir que a xente moza se achegue ao sector

É algo do que se queixa tamén Norberto Gonçalves, socio da gandería Encanto Natural, ubicada en Poiares (Ponte de Lima) e dedicada á produción de leite. Queren facer unha ampliación da granxa e instalar dous robots de muxido, para o que presentaron unha solicitude de axuda que levan un ano agardando a que se resolva. O seu fillo Norberto quedou tamén fóra das axudas de incorporación. “A lentitude na tramitación e a escaseza de fondos está a impedir que a xente moza se achegue ao sector”, considera.

Os mesmos problemas foron detectados en Galicia na última convocatoria de axudas resolta, a do 2022. “É preocupante o alto número de Plans de Mellora e incorporacións denegados; houbo medio cento de mozos que non puideron cobrar a axuda por falta de orzamento”, explica Óscar Pose, que pide tamén que se corrixan “problemas burocráticos que impiden que un mozo que se incorporou o ano pasado non poida pedir este ano un Plan de Mellora.  É algo ilóxico e está afectando ás explotacións máis dinámicas”, quéixase.

14 escolas de Galicia e Portugal participan nun proxecto europeo sobre a modernización do campo a través da PAC

Un total de 14 escolas de Galicia e Portugal participarán nos próximos meses nun proxecto europeo sobre a modernización do sector agrogandeiro grazas ás axudas e as normas da Política Agraria Común (PAC). Farano a través do proxecto KICAP, unha iniciativa promovida pola Fundación Juana de Vega e cofinanciada polo Fondo para medidas de información no ámbito da Política Agraria Común (IMCAP) da Unión Europea.

En concreto, ao longo dos meses de marzo, abril e maio alumnado de 7 centros de ensino galegos e outros tantos portugueses daranse cita en 6 seminarios que terán lugar en centros de investigación de referencia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Nestes seminarios diversos expertos informarán aos máis de 350 alumnos que está previsto que asistan sobre a PAC e os AKIS, o sistema de axentes do sector agrogandeiro (produtores, asesores, investigadores, administración…) que interveñen na transferencia de coñecementos e modernización do campo.
Posteriormente, o alumnado procederá a un intercambio de experiencias en formato biblioteca vivente con produtores, asesores e investigadores, para finalizar cunha visita ás instalacións.

Participantes

Por parte de Galicia participan os centros escolares EFA A Cancela, EFA Fonteboa, IES Monte Neme, CFEA Becerreá, IES Arzúa, CFEA Sergude, IES Xelmírez e CFEA Lourizán. E de Portugal participan no proxecto KICAP a Escola Secundária Monserrate, Escola Secundária Ponte de Lima, Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Marco de Canaveses, Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Vagos, Escola Profissional Agrícola de Conde de São Bento e a ETAP de Vila Praia de Âncora.

En canto aos centros de investigación, os seminarios celebraranse no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en Abegondo (A Coruña), e na Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, en Pontevedra. En Portugal terán lugar no Polo de Inovação de Vairão e a Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Vagos.

Este é o programa de seminarios do proxecto KICAP:

-17 de marzo no Polo de Inovação de Vairão: ETAP e EFA A Cancela

-12 de abril no CIAM: EFA Fonteboa, IES Monte Neme e CFEA Becerreá

-19 de abril no CIAM: IES Arzúa e CFEA Sergude

-21 de abril na MBG-CSIC: IES Xelmírez, ES Monserrate e ES Ponte de Lima

-27 de abril na EP Vagos: EP Vagos e EP Conde de São Bento

-4 de maio na MBG-CSIC: CFEA Lourizán e EP Marco de Canaveses

Informar sobre os Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícolas en Galicia e Norte de Portugal

Baixo a lema “Impulsando o coñecemento e a innovación no rural co apoio da PAC”, o proxecto KICAP, executarase até o próximo mes de xullo. O seu obxectivo é informar á sociedade en xeral, e ao sector primario en particular, sobre a situación actual dos Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícolas (AKIS, polas súas siglas en inglés) en Galicia e Norte de Portugal.

Ademais, a iniciativa busca aumentar o coñecemento sobre as liñas de traballo da Política Agraria Común, en especial ao redor da súa contribución á innovación no agro. E é que a I+D+i resulta aínda máis clave nun escenario complexo de cambio climático e de necesidade de ser autosuficientes na produción de alimentos, dunha forma sustentable e a prezos accesibles para toda a poboación.

Máis información: https://kicap.eu/

Reducir a pegada ambiental das granxas, un dos retos da nova PAC

A nova Política Agraria Común (PAC) ten entre os seus obxectivos principais reducir a pegada ambiental das granxas, tanto no referente a emisións de gases de efecto invernadoiro como no relativo á conservación da biodiversidade. Falamos cun técnico e un gandeiro en ecolóxico sobre estas cuestións.

Galicia e Portugal únense nun proxecto europeo de innovación no agro a través da PAC

Galicia e Portugal colaboran no proxecto europeo KICAP, unha iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega para poñer en valor a innovación e modernización que se está a levar a cabo no sector agrario e gandeiro grazas ao apoio da Política Agraria Común (PAC). En concreto, baixo o lema “Impulsando o coñecemento e a innovación no rural co apoio da PAC”, o proxecto dun ano de duración, desenvolverase ata xullo de 2023 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O seu obxectivo é informar á sociedade en xeral, e ao sector primario en particular, sobre a situación actual dos Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícola (AKIS, polas siglas en inglés) en Galicia e Norte de Portugal. Ademais, a iniciativa busca aumentar o coñecemento sobre as liñas de traballo da Política Agraria Común, especialmente no que se refire á súa contribución á innovación no agro. E é que a I+D+i é aínda máis clave nun escenario complexo de cambio climático e de necesidade de ser autosuficientes na produción de alimentos, de forma sostible e a prezos asequibles para toda a poboación.

Máis de 400 estudantes e representantes do agro de Galicia e Portugal participarán en KICAP

Durante os próximos meses, o proxecto KICAP ten previsto organizar unha serie de eventos e publicacións para explicar a contribución e as medidas de apoio da PAC á innovación e modernización do sector agrario e do rural. Neste sentido, organizaranse seis xornadas nas que se prevé a participación de 360 alumnos de 14 centros educativos de Galicia e Portugal, vinculados en boa medida á formación dos futuros agricultores e gandeiros. Ademais, o proxecto tamén organizará catro xornadas específicas nas que se prevé a participación de 80 axentes do AKIS de ambos os dous lados do Miño, entre agricultores, gandeiros, investigadores, asesores rurais e representantes das administracións competentes. Estes eventos complementaranse coa publicación de 12 artigos divulgativos e microvídeos que explicarán con máis detalle e con exemplos prácticos como as medidas da PAC apoian a innovación e a modernización do sector para axudar a acadar os obxectivos de sustentabilidade económica, social e ambiental. Estes artigos e microvídeos estarán dispoñibles na páxina web do proxecto (www.kicap.eu) en galego, castelán e portugués.

Un comité asesor representativo do sector agrario en Galicia e Portugal

Durante a execución do proxecto KICAP, a Fundación Juana de Vega contará co apoio dun Comité Asesor integrado por expertos do ámbito da investigación e transferencia de coñecemento para o desenvolvemento rural tanto de Galicia como de Portugal, que participarán na revisión técnica e aspectos estratéxicos do proxecto. Precisamente, este xoves celebrouse a primeira reunión do Comité Asesor do proxecto KICAP, na que participaron 12 representantes de entidades clave como a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária de Portugal; a Asociación de Asesores Rurais de Galicia; a Associação dos Jovens Agricultores de Portugal, ou a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, entre outras.

Membros do Comité Asesor do proxecto KICAP:

Juan Manuel Martínez Barral (Xunta de Galicia) Elena Piñeiro (Asociación de Asesores Rurais de Galicia) Ana Gloria Núñez Rodríguez (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) Quico Ónega (LaboraTe – Universidade de Santiago de Compostela) Luis García (EFA Fonteboa) João Marques (Gabinete de Planeamento, Políticas e Administração Geral) Ana Pires da Silva (Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária) Artur Cristóvão (Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro) Pedro Rei (Associação dos Jovens Agricultores de Portugal) Maria Custódia Correia (Direção-Geral de Agricultura e Desenvolvimento Rural) José Manuel Andrade Calvo (Fundación Juana de Vega) Alfonso Ribas Álvarez (Fundación Juana de Vega)