Archives

Que vaca elixir para a produción de leite en Galicia?

Elixir a raza de vaca coa que contar na gandaría é unha decisión determinante para lograr o éxito e a rendibilidade da actividade. Cun descenso do número de gandarías notable nos últimos anos, a caída dos prezos do leite pagados aos produtores, os elevados custos de produción e os problemas asociados como a falta de substitución xeracional e o abandono do campo, esta decisión cobra maior importancia. Así o destacou a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Isabel Roca, durante a súa participación nas II Xornadas de Pastos e Forraxes, organizadas por Delagro, recentemente. "As gandarías están a buscar un modelo produtivo alternativo que axude a afrontar estas problemáticas e para iso é determinante a elección dunha raza de vaca que se adecúe a ese modelo", explica Roca. Pero, que raza se adapta mellor ás necesidades das gandarías galegas? Para tentar dar resposta a iso, Roca botou man do traballo de investigación que dirixiu e que foi realizado por Cristina Carro en tres granxas de vacún de leite en intensivo e que contan con distintas razas. O traballo permitiulles coñecer sobre o terreo os datos que manexan tres das principais razas seleccionadas para a produción de leite en Galicia: Holstein-Friesian, a máis habitual nas granxas de leite galegas e as dúas razas que se están introducindo nos últimos anos, Jersey e Procross. A información proporcionada por estas granxas galegas ofrece maior detalle sobre as consideracións iniciais de cada unha das tres razas, xa que mentres as Holstein son recoñecidas polas súas altas producións de leite, as Jersey destacan polo alto contido en sólidos e as vacas Procross achegan un maior vigor híbrido. Así, o estudo ofrece información sobre cuestións como a produción de leite e sólidos que logran o tres razas coas racións similares ás que se utilizan en boa parte das gandarías de leite galegas.

Tres gandarías, tres razas

O estudo realizouse desde novembro de 2019 e ao longo dun ano en tres gandarías todas elas situadas na provincia da Coruña. En concreto trátase da Gandaría Carro, unha granxa familiar situada en Mesía, que conta cunhas 290 vacas Holstein, cunha superficie territorial de 50 hectáreas, das que dedica 37 hectáreas á produción de millo e as restantes a herba. A súa produción está orientada á venda de leite con Betacaseína A2A2. A Gandaría Esperanza, de San Sadurniño, pertence á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP) que conta con 440 animais, ten un rabaño de 220 vacas Jersey en muxido. Venden o seu leite líquido para a elaboración de xeados. Para alimentar o gando teñen unha superficie de 54 hectáreas dedicadas a producir millo. As vacas Procross sitúanse na Gandaría Perfecto, en Dumbría, con 250 animais en muxido e que manexa unhas 100 hectáreas, 75 delas para millo e as 25 restantes para herba. A súa produción destínase á venda de leite líquido. Manexo alimenticio das tres gandarías que participaron no estudo. No caso da gandería Perfecto, a estes datos engádense 5,8 quilos de materia seca por vaca e día no robot de muxido.

Limitacións e obxectivo da gandaría

A experta apunta que para optimizar o rendemento da gandaría, débese elixir tanto a raza de vaca como o manexo alimenticio que máis se axuste aos obxectivos que se marcaron e que se adapte ás limitacións que ten. Roca sinala que a elección da raza de vacas dunha gandaría debe estar directamente relacionada con condicionantes como a superficie coa que conta a granxa e as forraxes que dispón para alimentar ao gando, xa que as necesidades alimenticias dunha raza a outra varían. Ademais, Roca sinala que é importante ter en conta outros factores que tamén condicionan a elección da raza que mellor se axusta como é o prezo dos insumos externos que incorpora a gandaría e o grao de dependencia deles para cubrir a alimentación do gando.
"As vacas Jersey non necesitan unha alta inxestión de materia seca para producir un alto contido de sólidos en leite": Isabel Roca, investigadora da USC
As tres gandarías do estudo realizaban un aporte de forraxe concentrada do 50%. Aínda que, o contido en materia seca, enerxía neta, a proteína bruta, a enerxía metabólica, carbohidratos non fibrosos, almidón, azucres, graxas e cinzas foron maiores nas vacas de raza Procross e Holstein fronte a Jersey. "As vacas Jersey non necesitan unha alta inxestión de materia seca para producir un alto contido de sólidos en leite (proteína e graxa)", detalla Roca. Por outra banda, á hora de valorar o consumo alimenticio dos animais, a experta destaca que as vacas Procross presentan un maior aproveitamento ao final da súa vida produtiva ao ser posible utilizalas como vacas de dobre propósito. En relación á alimentación, no estudo tamén avaliaron a eficiencia alimentaria das tres razas. Neste caso os mellores resultados obtivéronos tanto as Holsteins e Procross pola súa produción de leite. Aínda que, a investigadora incide en que para obter un dato máis acertado sobre a eficiencia alimentaria da vaca é necesario incluír unha corrección co contido en graxa e proteína, de maneira que as Holstein logran a eficiencia xa que aínda que realizan unha maior inxesta tamén producen máis litros de leite, aínda que a Jersey con menor produción conseguen compensalo cos sólidos que logran.

Máis leite ou maior cantidade de sólidos

O destino que teña o leite que se produce na gandaría será tamén determinante para elixir unha raza en función doutra. Por iso, en función de se se pretende lograr maior cantidade ou leite con calidades de graxa ou proteína superiores deberá optarse por un tipo de animais ou outros. As vacas Holstein e Procross demostraron unha maior produción de leite, case o dobre que a Jersey, pero con menores contidos en sólidos. Tamén hai que ter en conta que os recontos de células somáticas foron superiores tanto en Holstein e Procross en comparación con Jersey. No caso das vacas frisoas e Procross a produción media de leite nas 3 primeiras lactacións oscila entre os 30 e os 50 quilos por vaca ao día. Mentres, esta cifra sitúase entre os 15 e 35 quilos por vaca e día na raza Jersey. Parámetros produtivos nas tres granxas. Na produción de leite e o reconto celular (gráfica 1 e 4) as Holstein e as Procross teñen os valores máis elevados. Nas gráficas 2 e 3 (proteína e graxa) destacan as Jerseys. Ademais, Roca incide en que, independente da raza da vaca e do manexo alimenticio que se faga na gandaría, a produción de leite increméntase co número de lactacións, de maneira que as mellores cifras lógranse na terceira lactación. "Pola contra, o contido de proteína e graxa en leite diminúe coas lactacións e o reconto celular aumenta", apunta Roca. Á hora de analizar os resultados de sólidos, o contido de proteína en leite das vacas Holstein e Procross sitúase entre un 3 e un 4%. No rabaño de Jerseys estas cifras roldan entre o 3,5 e o 5%. Contido de proteina no leite das tres razas de vacas. As maiores diferenzas na análise dos sólidos prodúcese na graxa, onde a Jersey imponse ás outras dúas razas. Así, a media na gandaría do estudo sitúase entre o 5 e o 7% , mentres que o contido en graxa en leite nas Holstein e Procross oscila entre 3 e 5%. Contido de graxa no leite das tres razas de vacas. Con estes resultados, Roca insiste en que a elección da raza estará determinada polo prezo que se pague no leite. Nestas tres gandarías, a pesar de ter un prezo base similar, as primas por sólidos en leite logradas no rabaño de Jersey provoca que o prezo final do leite nesta gandaría sexa notablemente superior que nas que contan con Holstein e Procross. Así nestas dúas razas, o prezo final sitúase ao longo de todo o ano por encima dos 30 euros por tonelada, pero sen chegar en ningún momento aos 40 euros. Pola súa banda, na granxa de Jersey, o prezo medio a excepción do mes de novembro de 2019, situouse sempre por encima dos 40 euros por tonelada, e nos últimos meses do estudo (de xullo a outubro) mesmo superou os 50 euros por tonelada. "As vacas Jersey con altos contidos en sólidos resultan rendibles para as gandarías cando as primas do leite son elevadas. Con todo, cando se valora a cantidade de leite producido, as vacas Holstein e Procross resultan adecuadas para lograr beneficios económicos polo seu alto rendemento", valora a especialista. Debido ás primas logradas polos sólidos o prezo final do leite do Xersei foi notablemente superior. O estudo tamén abordou parámetros reprodutivos e sanitarios. En cuestións como o número de días en leite, as razas que mellores resultados obteñen son Holstein e Procross, cunha media de 180 e 189 días respectivamente, fronte aos 158 que manexan as vacas Jersey deste rabaño. De igual modo, as Holstein teñen un maior intervalo entre parto e parto (409 días), cifras similares manexan as vacas Procross (414 días) e as Jerseys sitúanse en 391 días, aínda que destaca a súa taxa de preñez (60) fronte a Holstein (54) e Procross (52). Nunha análise da saúde dos animais nas gandarías, Roca sinala que as causas maioritarias de descarte, independentemente da raza e do manexo alimenticio, son de tipo reprodutivo e debido á incidencia de mastite.

Suiza, o país onde os gandeiros están a vender o leite a 59 céntimos o litro

Suiza é coñecida en todo o mundo por ser o país do chocolate, pero cando Philippe Suchard buscou un elemento que identificara a súa marca, Milka, escolleu unha vaca por ser este un elemento distintivo helvético. As vacas seguen a ser hoxe un emblema do país alpino, ao igual que o é o chocolate. Quizais por iso o chocolate con leite tamén é un invento suízo. A Confederación Helvética conta con 32.000 explotacións de gando vacún, das que 19.000 adícanse a producir leite. Arredor do 55% das gandarías leiteiras atópanse nas chairas e o restante 45% nas diferentes áreas montañosas do país. O cantón de Berna ten o maior número de produtores de leite, seguido do de Lucerna. A maioría das explotacións son granxas familiares cunha media de 26 vacas e unha produción de 175.000 litros anuais. O país helvético produce en total ao ano 3,5 millóns de toneladas de leite, en parte destinado á exportación transformado en forma de queixos e manteiga fundamentalmente. Arredor de 1,5 millóns de toneladas de leite son convertidos en queixos e unha cuarta parte deles destínanse á exportación. Outro medio millón de toneladas iría para manteiga.
Hai 32.000 explotacións de vacún, das que 19.000 adícanse a producir leite
Ciclicamente, por efecto da sobreoferta de produtos lácteos na UE, a produción suíza experimenta problemas polo seu elevado prezo de produción e de exportación. No ano 2016, durante a última gran crise de precios do leite na UE, o prezo de venda do leite dos gandeiros suízos tocou fondo na barreira dos 50 céntimos, por baixo dos custos de produción, calculados en 55 céntimos. Na actualidade o prezo sitúase en 59 céntimos.
O prezo de venda do leite en orixe superaba o equivalente a un euro a comezos da década dos 90. Na crise de prezos de 2016 tocou fondo en 50 céntimos
A protección arancelaria imposta polo goberno federal á importación de cereais garante un prezo alto aos agricultores suízos que os producen (millo, cebada e trigo fundamentalmente) pero encarécelle os custos de produción aos gandeiros de leite. As granxas, ao estar fóra da UE, non perciben a PAC, pero teñen importantes axudas do seu Goberno en conceptos agroambientais. Importación mínima de materias primas O 90% da ración é producida no país Na actualidade o 90% da alimentación das vacas leiteiras é producida no país e dous terzos das terras agrícolas de Suíza están formadas por prados e pastizais. O país alpino conta cunha superficie agrícola total de 1,5 millóns de hectáreas, o dobre que Galicia, das que un terzo son terras arables reservadas para os cultivos, outro terzo pastizais de montaña e o resto pastos e pradeiras en chaira. A superficie agraria do país, que representa o 35% dos 41.285 quilómetros cadrados totais de Suiza, mantívose practicamente inalterada e sen variacións desde a década dos 70, o mesmo que superficie forestal (1,3 millóns de hectáreas), mentres en Galicia aumentou considerablemente neste tempo a costa da diminución da superficie agrícola. Grazas a una estrita ordenación do territorio, as áreas cultivables están limitadas tanto para a produción para consumo humano como animal, polo que as persoas e o gando non compiten pola produción de alimentos e a superficie forestal, que representa o 32% do territorio, concéntrase nas zonas altas non aptas para o cultivo.
A superficie agraria total é de 1,5 millóns de hectáreas, o dobre que en Galicia, e equivale ao 35% da superficie total do país
A climatoloxía ofrece condicións ideais para o crecemento da herba na primavera, con precipitacións que alcanzan os 1.500 milímetros por ano. Os gandeiros suizos están obrigados a facer analíticas do chan, tanto de nitróxeno como de fósforo e o uso de trévoles nas pradeiras, capaces de fixar o nitróxeno do aire, permítelles empregar menos fertilizantes, tanto químicos como purín. A superficie agraria media por explotación é de 26,5 hectáreas e a produción de leite está baseada na produción de forraxe (herba fundamentalmente). En Suiza hai medio millón de vacas leiteiras, que consumen arredor de 8,4 millóns de toneladas de forraxe ao ano (entre 70 e 80 quilos de herba verde na primavera e o verán e entre 15 e 25 quilos de herba seca no inverno). O uso de concentrados para a produción de leite é moi inferior a respecto doutros países, cunha media de dous quilos diarios por vaca (trigo e soia fundamentalmente) pero case a metade da materia prima dos concentrados tamén é producida en Suiza. Variedade de razas Razas como a parda alpina ou a fleckvieh son orixinarias de Suiza En Suiza conviven distintas razas bovinas. Unha das súas razas autóctonas, a parda alpina, apta tanto para a produción de leite como de carne, foi exportada nos séculos XVIII e XIX aos EEUU. Naceu así a raza Swiss Brown do outro lado do Atlántico, que hoxe está moi presente en Suiza pola súa maior produción de leite a respecto da parda alpina europea.
Holstein vermella e Jersei son razas comúns xunto coas as autóctonas Parda alpina e Fleckvieh, tanto en animais puros como cruzados
Tamén dos EEUU viñeron as holstein roxas, moi implantadas tamén en Suiza, tanto en estado puro como tamén mesturada coa raza Fleckvieh, coñecida en Suiza como raza Simmental por ser orixinaria do val suizo de Simme, na zona de Oberland, pertencente ao cantón de Berna. O cruce de Red Holstein e Fleckvieh dá lugar a unha nova raza, a Swiss Fleckvieh. Abundan tamén as Montbeliard francesas e as Jersei inglesas, tanto puras como mesturadas con Holstein, procedentes de Nova Zelanda, onde deron lugar a unha nova raza coñecida como Kiwi Cross. No gando vacún de carne suizo mesmo hai máis variedade que no de leite. Angus, Charolesa, Limusin, Herens, Grey Cow ou Scottish Cow son razas comúns no país helvético. Dentro do gando cabrún destacan razas autóctonas como a Saanen, a Toggenburg ou a cabra Alpina, enfocadas todas elas tamén á produción de leite. Leite verde A maioría das granxas empregan o pastoreo como sistema principal de alimentación do gando O pasado mes de setembro entrou en vigor un novo standar de calidade, leite verde, con criterios moi estrictos en materia de sostibilidade e benestar animal. As vacas deben saír ao pasto ou dispoñer dun patio de recreo libre no establo, deben muxirse dúas veces ao día e os xatos cando nacen deben permanecer cando menos 21 días na explotación. A alimentación debe estar libre de aceite de palma e se se emprega soia non pode ser transxénica. O uso de antibióticos debe estar prescrito por un veterinario e débense aplicar en primeiro lugar pautas de mellora sanitaria mediante o manexo. Como elementos complementarios están tamén que as vacas teñan nome ou o feito de organizar visitas de escolares á explotación e de acoller a aprendices na granxa. Este logotipo swissmilk green, que pertence á Interprofesional láctea suiza (IP Lait), ten tamén unha recompensa en canto a prezos, xa que supón tres céntimos máis por litro no leite do segmento A, o maioritario entre os produtores helvéticos.
Os gandeiros suizos reduciron nun 40% o uso de antibióticos nos últimos 10 anos e só o 13% das vacas están estabuladas todo o ano
Os gandeiros que queiran alimentar aos seus animais con fariña de soia alta en proteínas deben garantir que provén dunha fonte sostible e que non é transxénica. Prohíbense os organismos modificados xeneticamente, a fariña de orixe animal, o aceite e a graxa de palma así como as hormonas e os antibióticos destinados a mellorar o rendemento das vacas. Os antibióticos só están permitidos como último recurso no tratamento de enfermidades e a Federación Suiza de Produtores de Leite (PSL) está moi comprometida na súa redución, logrando unha diminución no seu uso do 40% nos últimos 10 anos. O medio ambiente e o benestar animal son outras dúas preocupacións para o sector no país helvético, onde só o 13% da cabana gandeira está estabulada durante todo o ano. A lei suiza de benestar animal atópase entre as máis estritas do mundo. O país helvético aprobou a primeira lei integral de protección animal no ano 1981, que foi revisada por completo no ano 2008. O transporte de animais está limitado a unha duración máxima de 8 horas e a viaxe en si non pode durar máis de 6 (na Unión Europa permítense tempos de transporte de até 24 horas). Permítese o descornado, pero debe facerse nas tres primeiras semanas de vida da tenreira e sempre con anestesia. Sistema de cotas até o 2009 e proteccionismo arancelario desde entón A produción de leite en Suiza estivo altamente regularizada a través dun sistema de cotas que se suprimiu no ano 2009 porque obstaculizaba a competitividade dos gandeiros suizos no mercado comunitario. A liberalización do agro suizo tivo un custo elevado para o goberno federal, que gastou uns 14.000 millóns de francos (13.300 millóns de euros) na restruturación do sector entre os anos 2004 e 2007. En 10 anos, entre 1990 e o ano 2000, desapareceron unhas 22.000 granxas familiares, unha redución que se seguiu producindo desde entón a un ritmo de peche de entre 800 e 900 gandarías cada ano. Hoxe quedan unas 19.000 gandarías de leite e o Goberno adoptou medidas para a súa protección garantindo o relevo xeracional.
Cada vaca dá uns 7.000 litros anuais e a produción vitalicia media son 23.000 litros
A redución da cabana gandeira foi compensada cunha maior produtividade por cabeza. No ano 1985, coincidindo coa entrada de España na UE, Suiza contaba con 816.000 vacas leiteiras; 15 anos despois había 150.000 vacas menos pero a mesma cifra total de leite producida (4 millóns de toneladas). Hoxe quedan 500.000 vacas e a produción total é de 3,5 millóns de toneladas. Cun incremento de 50 litros ao ano, a produción por vaca en Suíza pasou dos 5.700 litros anuais do ano 2000 aos 7.000 de hoxe, unha produción aínda así moito menor que en España, pero con porcentaxes de sólidos moi superiores: 4,10% de graxa e 3,34% de proteína.
A supervivencia do sector depende cada vez máis da exportación e existe un marco xurídico-comercial entre Suiza e a UE, mediante acordos bilaterais
A división do mercado do leite en tres segmentos (A, B e C), en vigor desde o 2011, permite diversos prezos. Instaurouse trala supresión no ano 2009 do réxime de continxentes de produción. O segmento A agrupa aos produtos lácteos protexidos por dereitos arancelarios para evitar a entrada e a competencia de produtos do exterior, como o leite de consumo ou a manteiga. Representa o 80% da produción do país, protexida deste xeito do leite de países veciños, como Francia ou Alemaña. O segmento B é o destinado á exportación á UE, en base aos acordos bilaterais con Bruxelas, e o C, cun prezo máis baixo, son produtos que se venden no mercado mundial. En conxunto, dous de cada 10 litros de leite producidos en Suiza son exportados, dous terzos á UE e un terzo ao resto do mundo. O 43% do leite producido é transformado en queixos En Suiza elabóranse máis de 450 variedades diferentes de queixo Suiza produce cada ano uns 3,5 millóns de toneladas de leite de vaca. Arredor do 11% é consumido como leite líquido pola poboación, a meirande parte pasteurizado. O resto, é transformado, a metade en queixos. A produción de queixos absorbe o 43% da produción total de leite do país, outro 15% destínase a manteiga, un 10% a leite en pó, o 8% para facer nata, o 5% a iogur e o resto a outros produtos transformados. Cada ano prodúcense en Suíza 180.000 toneladas de queixo de 450 variedades diferentes. Dentro delas, os queixos con denominación de orixe absorben unha parte importante desta produción: Gruyère (28.700 toneladas), Emmentaler (18.500), Vacherin Fribourgeois (2.800), Tête de Moine (2.500), Sbrinz (1.500). Fóra das denominacións de orixe prodúcese queixo Appenzeller, Tilsiter, Tomme Vaudoise, Raclette e mozzarella (o queixo máis popular en Suiza). Ademais de queixo de vaca, no país alpino hai unha importante cabana de ovellas e sobre todo cabras, cuxo leite tamén se transforma de xeito maioritario en queixo.
Os suizos consomen 60 litros de leite, 21 quilos de queixo e 5 de manteiga por persoa ao ano
A produción de queixo en Galicia supón só o 15% do leite producido na nosa comunidade, un dato importante se o comparamos con Suiza en canto á capacidade transformadora para dar saída a produción láctea se temos en conta que para facer un quilo de queixo fan falla 10 de leite e para un de manteiga son precisos 22 litros de leite. O consumo medio de leite en Suiza é de case 60 litros por persoa e ano, un consumo per cápita maior que a media dos 27 estados membros da UE. A nivel mundial o ránking encabézao Nova Zelanda, onde máis leite líquido se bebe, con 104 litros por habitante. En Suiza, sen embargo, teñen máis peso os produtos transformados, sobre todo o queixo. Cada suizo consume 21 quilos de queixo ao ano, só superado polos veciños franceses con 27 quilos por persoa.

Nestlé e Emmi, dous emblemas da industria láctea suiza

Factoría de Nestlé en Pontecesures Suiza posúe algunhas das principais industrias lácteas do mundo como Nestlé ou Emmi. Nestlé, a multinacional que factura máis de 20.000 millóns de euros ao ano e encabeza o ránking do mercado lácteo internacional, ten a súa sede en Vevey e Emmi, propietaria da vasca Kaiku, que é a compañía que máis leite recolle e procesa dentro do país, en Lucerna.
Nestlé é a maior empresa de alimentación do mundo por volume de vendas con 90.000 millóns de euros anuais e ten máis de 450 fábricas en 80 países
Nestlé SA é a maior empresa de alimentación do mundo por volume de vendas con 90.000 millóns de euros anuais e ten máis de 450 fábricas en máis de 80 países. Foi fundada polo farmacéutico de orixe alemá Henry Nestlé en 1866 para fabricar leite en pó para bebés e diversificou despois fabricando leite condensado. Nestlé foi tamén a empresa que perfeccionou a fabricación das tabletas de chocolate con leite e inventou o Nescafé durante a Segunda Guerra Mundial. Nas últimas décadas medrou a base de mercar empresas de alimentación de todo tipo e por todo o mundo e posúe hoxe marcas como Nesquik, Frigo, Nestea, Solís, Maggi, Kit Kat, La Cocinera, Purina, Buitoni, Litoral ou Nespresso.
Foi pioneira na recollida de leite en Galicia, onde hoxe procesa 350.000 litros na súa planta de leite condensado de Pontecesures
Malia ser a maior láctea do mundo, a súa presenza en Galicia é secundaria, ao estar presente unicamente cunha planta de leite condensado en Pontecesures, inaugurada en 1939 baixo o nome Industria Lechera Peninsular SA (de onde vén o nome da marca La Lechera). Nestlé foi pioneira na recollida de leite na nosa comunidade nas comarcas de Caldas, O Morrazo e o Deza. A planta de Pontecesures, que foi ampliada recentemente, procesa na actualidade uns 350.000 litros de leite recollidos en Galicia e producirá este ano unhas 60.000 toneladas de leite condensado. Dous terzos da súa produción expórtase a países de Europa, África, Asia e Oceanía. Unión de 62 cooperativas Tamén é suiza Emmi AG, con sede en Lucerna e fundada en 1907 grazas á unión de 62 cooperativas, e que controla a recollida e transformación do leite producido na Confederación Helvética. O queixo é o produto de alimentación máis exportado desde Suiza e Emmi ten parte do mérito. Ademais de atender o mercado interno, a empresa fabrica queixo e outros produtos como o famoso Caffé Latte que exporta desde o país alpino a case 60 países. A nivel internacional, a empresa dá traballo a 7.800 persoas en todo o mundo (dous terzos fóra de Suíza) e conta con plantas de produción en Alemaña, Italia, Países Baixos, Austria, EEUU, Chile e Túnez. En España posúe dous terzos do accionariado da vasca Kaiku desde o 2012.
Emmi posúe desde o ano 2012 dous terzos do accionariado da vasca Kaiku
Emmi converteuse na principal láctea suiza en xaneiro de 2003 ao adquirir á súa principal competidora, Swiss Dairy Food (SDF), que era o segundo gran procesador de leite de Suiza. No ano 2002 SDF pasou por un momento delicado ao entrar en suspensión de pagamentos. O Goberno helvético e os bancos do país saíron no seu rescate cunha aportación conxunta de 160 millóns de francos (150 millóns de euros) para evitar a súa bancarrota pero finalmente Emmi acabou mercando a empresa, que tiña daquela 1.600 empregados traballando en catro factorías en Lausana, Lucerna, Gossau e Thun.

A Lagoa Serabel SC, un rabaño frisón e outro jersey nunhas novas instalacións

  Sergio e Abel, diante das novas instalacións inauguradas este ano no lugar da Lagoa Co obxectivo de chegar ás 130 vacas en muxido levando en paralelo un rabaño holstein e outro jersey, José Luis Carballo, Rocío Pena e os seus dous fillos, Sergio e Abel, construiron no lugar da Lagoa unha nova nave que contan ter a pleno rendemento en 2020. Explícannos por que se decidiron e as dificultades que atoparon no camiño. “No noso caso era meterse a facer un novo establo ou pechar e adicarse a outra cousa, non tiñamos alternativa. A cuadra vella ten 40 anos e non daba máis de si e as vacas estaban moi mal, había sitio para 25 e muxiamos 50”, conta Abel, o máis novo da familia pero que con só 18 años é un dos piares da explotación.
Trouxeron 16 xovencas primeirizas de raza jersey de Dinamarca e xa o notaron na mellora das calidades do leite
Estudou o ciclo medio en Produción Agrícola en Fonteboa e conta facer efectiva a súa incorporación á granxa familiar o vindeiro ano para completar deste xeito a segunda fase do proxecto. O seu irmán Sergio, de 26 anos, fíxoo en 2018 e coa axuda da incorporación construiron a nave nova para as 70 vacas en produción que teñen a día de hoxe. Abel na nova sala de muxido “Estamos muxindo as 50 vacas frisonas que tiñamos na cuadra vella e 11 jersey dun rabaño de 16 xovencas primeirizas que trouxemos de Dinamarca”, explica Abel. “Deixamos Danone e entramos en Entrepinares fai agora dous anos en outubro. Buscabamos mellorar en calidades e o certo é que se notaron as jersey, porque muxindo só unha ducia pasamos de 3,20 de proteína e 3,70 de graxa a 3,60 de proteína e 4,20 de graxa”, conta. O problema, di, é que “viñeron todas xuntas e agora van secar todas xuntas e imos baixar moito de golpe”. Recoñece que “dan algo menos de leite”, unha media de 19 litros fronte aos 33 das holstein. “As vacas que xa había na casa cambiámolas para aquí o 15 de marzo e só co cambio de instalacións, sen facer nada máis, xa se notou moito na produción e subiron ao leite porque na cuadra vella estaban moi apertadas”, asegura. Dous rabaños en paralelo As vacas jersey comparten espazo de momento coas frisonas aínda que separadas en dous lotes De momento, as vacas jersey están na mesma cornadiza que as frisonas aínda que separadas noutro lote, pero aínda que as camas están adaptadas ao seu tamaño e son máis pequenas, as dimensións do comedeiro son as mesmas. “Quédalles algo grande, porque as jersey son máis pequenas”, conta Abel.
A ampliación que van acometer o vindeiro ano está pensada para as jersey, con cubículos máis pequenos
A intención que teñen cando completen o proxecto é contar con dous rabaños diferenciados, de 65 vacas en muxido cada un, un de raza holstein e outro jersey. Cada un deles ocupará unha ala da nave, co pasillo de alimentación polo medio. De momento, nesta primeira fase, construiron a nave para as frisonas e as instalacións comúns (foxa de purín, sala de muxido, etc). O investimento foi de 550.000 euros. O vindeiro ano, coa axuda á incorporación de Sergio completarán a segunda fase, a ala da nave adicada ás jersey, cun investimento previsto de 100.000 euros. “Xa quedou todo preparado para dobrar a nave, só necesitamos outra ringleira de cornadizas, as camas e o teito sandwich, a foxa de purín e a sala de muxir xa serve porque foi todo feito coa intención de medrar”, comenta Abel. Os separadores dos cubículos son de plástico, flexibles, e na cama están a empregar serrín Esa nova ampliación estará deseñada para acoller ao rabaño jersey, polo que as dimensións serán distintas, adaptadas ao seu menor tamaño. “Os cubículos serán dun metro de ancho fronte ao metro vinte que teñen os das frisonas, é dicir, cada 5 frisonas colle unha jersey máis”, explica. Os separadores dos cubículos no canto de ser barras de ferro son de plástico. “Son flexibles, aínda que tropecen neles non lles pasa nada nin ás vacas nin aos cubículos. É unha novidade que vimos por internet e despois na SAT Os Penedos da Pastoriza, que xa os tiñan postos desde hai un tempo”, conta. A cama é de serrín e secante, que botan un día si e outro non. “De momento vainos moi ben así, as vacas están cómodas. Recheámolos todas as semanas, no purín non ten ningún problema, non é como a area, e ademais é algo máis barato que o carbonato. Se as tés ben coidadas non tés ningún problema de mamite, nós levamos xa seis meses e non tivemos ningún problema”, aclara Abel. Centrados en atender o gando O irmán maior, Sergio, estudou Mecánica e traballa nunha empresa de servizos que é a que lles fai todos os traballos na explotación. “Penso que compensa, así podes atender máis ás vacas que é o que dá os cartos”, opina Abel. Ensilan na explotación e todos os días ven o carro de Clun a facerlles a ración Manexan unha superficie de 85 hectáreas en total. “En Miraz de leite só quedamos nós, problema de terreo non temos porque nesta zona hai fincas dispoñibles, pero estamos bastante arriba e o terreo non é tan bo e produce menos, así que temos que abonar máis”, comenta Sergio. Perto de 70 hectáreas adícanas á produción de herba e só para a recría e as vacas secas destinan 20 destas hectáreas. “As de produción non as botamos, nin sequera as jersey”, aclara Abel. Levan anos sufrindo as consecuencias dos danos provocados polo xabarín nas colleitas, o que os obrigou a ter que investir en cercados. “Paramos de botar millo varios anos por culpa do cocho e tiñamos que mercalo. Agora decidimos pechar unha finca de 16 hectáreas para poder botalo, comezamos o ano pasado”, indica Sergio.
Deixaron de botar millo durante anos por culpa do xabarín e agora pecharon unha finca de 16 hectáreas
Para facer a ración venlles o carro mesturador de Clun. “De momento facemos a mesma ración para as jersey e para as frisonas pero imos cambiar, porque nas frisonas queremos dar bagazo e nas jersey non, porque auméntalles a produción pero tamén lles baixa á calidade”, razoa Abel. Rocío é afeccionada á pintura e decorou a explotación con debuxos de vacas Esa é a razón tamén pola que seguen muxindo dúas veces ao día, ás 6 e cuarto tanto pola mañán como pola noite. “Non é por unha cuestión de tempo, porque en hora e cuarto rematamos, pero penso que con tres muxiduras sobes ao leite pero baixas ás calidades e a nós interésannos calidades”, argumenta. O traballo na explotación fano entre os catro: Sergio, Abel e os seus pais. “Daba moito máis traballo antes na outra corte, muxiamos con 4 puntos e levábanos 4 horas, se fixeramos 3 muxiduras serían xa 12 horas só muxindo”, compara Abel, que di que nas novas instalacións “sóbranos o tempo aos 4 e iso permítenos traballar para fóra a meu irmán ou a min”. Apaixoado da xenética Coidan a xenética e a recría, coa que Abel acode a concursos Malia ter só 18 anos, Abel fala coma un gandeiro experimentado. A formación en Fonteboa valeulle, di, “porque é todo relacionado con isto e aprendes moitas cousas que despois podes aplicar na túa propia explotación. Eu as prácticas fágoas na casa”, bromea. É el o que se encarga da selección xenética da granxa. “A xenética gústame moito, ando en concursos, xa desde que era máis pequeño e fun subcampión xove manexador”, conta. Nas primeirizas está a poñer seme sexado até as dúas primeiras inseminacións para deste xeito lograr medrar máis rápido no número de cabezas.
As xovencas preñadas e as vacas secas están fóra e ocupan 20 hectáreas de pradeiras
Todo o seme que emprega é americano ou canadiense. “Eles buscan máis vacas de tipo, que son as que me gustan para os concursos, aínda que sen descoidar o leite, que é ao final o que che dá os cartos”, indica. A recría fana agora na cuadra vella. As becerras están até os 3 meses de vida tomando leite en pó, dos 3 aos 9 meses están en cama quente de palla e até os 14-16 meses en cornadizas e serrín. “Cando están preñadas bótanse fóra coas secas e teñen a porta aberta para vir comer o penso e o silo pola mañán”, explica Sergio. Están cebando bois frisóns e angus A maiores das xovencas e das vacas secas, nas pradeiras están criando bois. “Como dispoñemos de terreo dabondo decidimos probar. Temos 5 bois capados, 2 son cruce con angus e 3 frisóns. Dous xa cumpriron os 2 anos pero até dentro de 3 non imos saber o resultado, porque a idea é cebalos para facer bois de 5 ou 6 anos. Penso que tendo terreo é compatible coa produción de leite, porque até o cuarto ano non hai que metelos dentro e non dan traballo ningún tendo pasto para eles, e ademais de pacer só lles damos fariña de millo e herba seca”, conta. De momento é un experimento pero xa poden tirar algunha conclusión: “os angus son máis pequenos que os frisóns pero con menos comida logran sacar os mesmos quilos”, din. Ademais do do xabarín, tiveron que enfrontarse a outros problemas para poñer a andar a nova explotación. Por exemplo, tiveron que pagar eles o cableado eléctrico desde a casa até as novas instalacións, uns 300 metros de distancia, e agora a compañía eléctrica quere cobrarlles tamén por aumentar a potencia, que é escasa e non lles chega. Pero Sergio e Abel mostran entusiasmo e tenacidade no que fan e están dispostos a superar as dificultades que, din, son moitas, para seguir adicándose á gandería.

Bisqato, o queixo artesán de leite cru que busca diferenciarse

Miguel e María con Xiros, semellante ao Camembert, un dos dous tipos de queixo que fabrican Cortes de Muar, Carlos Reija, Touza Vella, Airas Moniz, Galmesano, Prestes... Hai toda unha serie de queixerías galegas que están a facer un produto diferente, apostando pola inovación e polos queixos de autor. Complementan deste xeito a oferta das distintas denominacións de orixe que hai na comunidade aportando variedade e orixinalidade á oferta de queixos galegos. Desde hai un ano funciona en Guitiriz unha iniciativa que escolleu tamén este camiño. Atelier Bisqato fixouse nos queixos franceses e tomounos como modelo. De aí o mome, que fai referencia ao artesanal da súa fabricación (atelier significa obradoiro en francés) e á pequena dimensión intencionada do proxecto (a palabra biscato é sinómino de anaco en galego). “É un grao de area que poñemos para darlle vida ao rural”, explica Miguel Garea, que xunto á súa parella María Veiga puxeron a andar esta queixaría nunha casa do século XIX que alugaron e rehabilitaron xusto a carón da gandería que lles subministra o leite, SAT Margá, unha explotación cun cento e vacas en pastoreo situada na parroquia de Labrada. A simbiose entre a explotación e a queixaría é total. “Os nosos queixos levan o nome da explotación na etiqueta e eles tamén están volcados co proxecto”, afirma Miguel, que traballa como nutrólogo dunha empresa de penso. “Eu levo traballando con esta gandería desde hai 18 anos, hai unha relación de confianza moi importante”, di. En SAT Margá hai un cento de vacas en pastoreo das razas holstein e jersey Miguel axudoulles no proceso de transformación da explotación de intensiva a pastoreo e agora o seu titular, Óscar Morado, devólvello sunministrando o leite para que Miguel cumpra o seu soño de poñer en marcha unha queixaría. Unha simbiose perfecta que seguramente non pare aquí. “Temos outros proxectos en conxunto, como empezar a facer visitas á explotación e á queixaría”, contan. “A vantaxe de ter a granxa pegada é enorme. Apórtannos un leite de moi boa calidade e diferenciado, leite de pastoreo de verdade. Ao levar eu a nutrición da explotación tamén me permite ter acceso a datos e variar e xogar coa alimentación en función das calidades que queremos ter”, indica Miguel. Ese coñecimento da materia prima foi tamén o que levou a María e Miguel, veterinarios de formación, a escoller o emprazamento. “Que sexa leite dun único produtor tamén che dá máis control que se viñera a través dun primeiro comprador e procedera de varios produtores”, engade.
O leite, 70% frisona e 30% jersey, baixa para a queixaría por gravidade directamente do tanque de frío da explotación, sen necesidade de bombeo, para que manteña así todas as súas características
SAT Margá vende o leite a Entrepinares, agás a parte que consome a queixaría de María e Miguel. A empresa asentada en Vilalba non puxo obxeción algunha. “Nós temos dispoñibilidade de acceso a leite cando queremos e na cantidade que queremos, iso é moi importante”, aseguran. A materia prima que empregan é unha mistura de frisona e jersey, que son as dúas razas que hai na explotación. “O leite que usamos é 70% frisón 30% jersey. Traballar só con leite jersey é moi difícil porque hai moitas variacións estacionais”, explica María. “O que máis me importa é o rendimento da caseína, a parte proteica, e o rendimento proteína-graxa da frisona en función á súa produción é moi alto e é máis estable ca se fose jersey 100%”, engade. A Miguel e María sumouse como empregada Ana García, doutora en bioloxía, para completar o equipo inicial da queixaría. “Ana nunca fixera queixos pero traballara con levaduras, que para nós era algo moi interesante”, conta María. Comezaron a fabricar o 13 de agosto do ano pasado (“non somos supersticiosos”, bromean) e a comercializar no outono, pero levaban xa outros tres anos madurando o proxecto.

Xiros e Lía

A variedade Xiros é un queixo con penicilium tipo Camembert Están a fabricar nestes momentos uns 400 litros de queixo á semana, incrementando a cantidade en momentos puntuais. “Se imos ir a unha feira prevemos e facemos algo máis para ter para ese momento”, explican. A intención é ir medrando paseniño. “A partir de agora imos ir incrementando, a idea é producir unhas 14 toneladas de queixo ao ano no horizonte de 3-4 anos”, conta María. Para iso deberían facer queixo 4 días á semana na cuba de 500 litros. A queixaría, que supuxo un investimento de 200.000 euros e recibiu diversas axudas públicas, entre outras a do proxecto VíaGalicia, impulsado pola Xunta e a Zona Franca de Vigo, está dimensionada para ese volume.
Os dous son queixos de pasta blanda feitos con leite cru e madurados en cámara, pero son diferentes
Polo de agora, sen embargo, fan queixo só 2 días á semana, os luns e os martes, “para tratar de que o traballo forte non coincida coa fin de semana”, explican. Cada día fabrican un tipo de queixo, que levan o nome de Xiros, o lugar onde está ubicada a queixaría, e Lía, que é como se chama a filla de María e Miguel. O Xiros leva penicilium e require de entre 28 e 35 días de maduración na cámara. O penicilium vao implantado na propia pasta para que logo se desenvolva por si so e dea menos traballo. O Lía, sen embargo, é de corteza lavada e precisa de 8 semanas na cámara. “No lavado é onde xogas coas bacterias que fan esa corteza”, explica María. Cada queixo vai a unha cámara diferente, onde xogan coa temperatura e a humidade, un control diferenciado para que se desenvolva de maneira óptima a flora de cada queixo. O Lía é de cortaza lavada como o Munster francés ou o Taleggio italiano Proceso de fabricación manual O proceso de fabricación é laborioso e totalmente artesán. Tralo muxido da mañán na explotación enfrían o leite, que por simple gravidade (sen necesidade de bombeo, para non osixenar o leite e que manteña todas as súas propiedades) baixa para a queixaría. Búscase deste xeito que o leite chegue o máis fresco e o menos manipulado posible á cuba de callado, tratando que manteña o seu sabor e as suas condicións naturais. Os moldes foron importados de Italia “É entón cando comezamos a quentalo, a distintas temperaturas dependendo do tipo de queixo que vaiamos facer, adicionamos os fermentos e botamos o cuallo. Agardamos o tempo de callado e comezamos a cortar de xeito manual, todo o proceso é así, nin se corta nin se revolve mecanicamente, a cuba ten palas para bater pero témosllas desconectadas”, explica María. A fabricación do Xiros leva 6 horas o proceso até o enmoldado nun molde multiplancha de 24 unidades e logo veñen os volteos. En total 8 ou 9 horas de seguido até que o queixo pode ir á cámara. No caso do Lía, “tardamos menos na fabricación pero logo o traballo en cámara é moito maior porque hai que lavalos un a un 2 veces á semana”, detalla. O Lía faise nun molde individual, de xeito que cada queixo vai no seu recipiente. O proceso complétase coa maduración na cámara, onde os queixos son volteados un a un todos os días Teñen especial coidado de non mesturar en ningún momento un tipo de queixo co outro. “A corteza lavada sería doado que contaminara ao penicilium, por iso facemos un queixo distinto cada día, para que nunca coincidan nin na fabricación nin nos pasillos nin nas cámaras”, conta María. Tanto nun caso coma no outro voltean todos os queixos un a un todos os días. “A parte de fabricación é un traballo duro e a do afinado na cámara é laborioso”, di. O resultado é un queixo semellante ao Camembert no caso do Xiros, que se presenta en pezas de 200 gramos coa súa característica corteza enmohecida, e ao Munster francés ou ao Taleggio italiano no caso do Lía, pezas de 400 gramos de cor laranxa. Pero en Bisqato non se conforman unicamente con estas dúas variedades. “En mente temos moitas cousas e cando estes dous que producimos agora estean ben afinados e posicionados no mercado comezaremos a desenvolver o seguinte tipo”, avanza María. Distribúen eles mesmos Igual que a manipulación na cámara, o envasado e o etiquetado tamén é un por un. Neste momento corren eles mesmos tamén co proceso de distribución servindo directamente aos clientes e acoden tamén a feiras para dar a coñecer o seu queixo e promocionalo. “Tentamos facer todo o reparto nós, desde tendas de mercados e tendas especializadas en queixos aos restaurantes cos que traballamos directamente. Deste xeito sabes que tipo de produto necesita ou prefire cada cliente, case é unha fabricación personalizada, porque a uns clientes gústalles máis evolucionado o queixo e outros prefiren un queixo máis láctico, e este método de reparto permítenos xogar un pouco con iso”, explica Miguel. Aínda que é consciente de que “isto é posible neste momento mentres a produción é pequena, en canto vaiamos medrando iso será máis complicado”, engade. A Miguel sempre lle gustaron os queixos. “Sempre tiven curiosidade por ver e saber como se facían”, di. María non era tanto de queixos pero gustábanlle os traballos coas mans. “Sempre fixen artesanía con distintos materiais, de coiro, de madeira”, conta ela. Así que decidiron xuntar as súas respectivas inquedanzas. “Comezamos a facer probas en dúas queixarías amigas, Touza Vella en Castro Caldelas e O Rexo en Allariz. A primeira vez que fixen un queixo con Jorge Rincón, de Touza Vella, flipei e dixen imos aló”, explica María. Logo viñeron unha serie de viaxes por media Europa (Francia, Italia, Portugal) nas que visitaron a distintos produtores para escoller o modelo de queixo que querían facer.
"O corsé das denominacións de orixe non permite en moitos casos inovar"
“Buscamos a diferenciación, facer algo distinto dos queixos tradicionais. En Galicia temos a mellor materia prima pero o corsé das denominacións de orixe non permite en moitos casos inovar”, asegura Miguel. “Nós optamos por facer uns queixos diferentes, pero antes ca nós optaron tamén por este modelo noutras queixarías, como en Airas Moniz ou Cortes de Muar. Vemos que en Galicia hai cada vez máis turismo e que un dos nosos grandes atrativos é a gastronomía pero nos bares e restaurantes que fan táboas de queixo en moitos até agora metían queixos de fóra en parte porque aquí había pouca variedade”, di. Co agromar de proxectos diferenciados coma o seu e coa eclosión doutras pequenas queixarías artesanais, pouco a pouco a gama de queixos feitos en Galicia vaise ampliando. Bisqato quere aportar uns queixos con sabor e olor a leite cru, con textura suave e corteza comestible na que non se empregan parafinas. “O queixo ten que ser algo vivo, ten que evolucionar co paso dos días”, defende María. Quizais non sexa un produto de masas destinado aos tradicionais consumidores de queixo galego pero si para amantes do queixo e un público máis esixente que gusta de sabores máis fortes.

Tres ganderías producindo leite con tres razas diferentes: vantaxes de cada unha

A busca de leite con máis sólidos (graxa e proteína), dunha mellor fertilidade e lonxevidade das vacas, ou a adaptación ao pastoreo para a produción de leite en ecolóxico están favorecendo nos últimos anos que aparezan novas razas bovinas nas ganderías de vacún de leite. Así, e aínda que a raza Holstein segue sendo claramente a predominante, empezan a aparecer ganderías que empregan outras razas como a Jersey, a Montbeliarde ou os cruces. Para abordar este tema de actualidade a cooperativa Seragro reuniu o pasado venres en Lugo, dentro das súas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, a tres ganderías de referencia en Galicia (Outeiro SC, Finca La Asunción e Gandería de Pazos SCG) que están a traballar con razas diferentes para que expuxeran as vantaxes de cada unha.

Gandería Outeiro SC (Chantada): “A Jersey é ideal para pastoreo e non hai quen lle gañe en producir sólidos”

Ricardo Gómez Rodríguez é un dos propietarios de Gandería Outeiro SC, de Chantada, unha das ganderías pioneiras en Galicia en introducir a raza Holstein, da que chegou a ter animais punteiros en cualificación morfolóxica. Sen embargo, no ano 2012 comezaron a introducir vacas de raza Jersey na súa gandería en intensivo, coas que chegaron a acadar no ano 2014 unhas medias de produción de 9.186 litros, con 5,52% de graxa e o 4,08% de proteína. Foi nese ano cando en Gandería Outeiro SC decidiron apostar por una rabaño 100% Jersey e por cambiar o sistema de manexo e alimentación a pastoreo. Os motivos explicounos Ricardo: “Son unha persoa que preciso apaixonarme co meu traballo e o modelo intensivo víao esgotado porque para poder seguir medrando cada vez tiña que coller fincas máis afastadas e máis pequenas. Tiñamos en mente o proxecto dunha queixería para darlle valor ao noso leite e decidimos apostar polo pastoreo para elaborar un produto diferenciado e que responda ás preocupacións dun consumidor cada vez máis preocupado pola saúde”. No 2016 completaron o cambio a pastoreo e á raza Jersey. ¿Satisfeito co cambio?: “Sen dúbida: a Jersey é a raza de vaca máis eficiente en converter un kilo de materia seca en leite e en graxa e proteína. Non hai vaca, nin a Frisona, que compita con ela en producir kilos de sólidos. Ademais, ao ter menor tamaño, adáptase moito mellor ao pastoreo e aos desprazamentos. Fai 2 kilómetros sen problema e a Frisoa non”.

Finca La Asunción: “Á Holstein se lle dás confort devólvecho con creces en produción”

Santiago García Souto é propietario de Finca La Asunción, unha explotación gandeira referente en Galicia na raza Holstein, da que importaron de Holanda os primeiros animais no ano 1965. Nas seguintes décadas a gandería foi medrando, mellorando a xenética do seu rabaño, compatibilizando o seu traballo coa importación de animais de raza Holstein dende Holanda ou Alemaña. Na actualidade Finca La Asunción conta con 150 vacas en muxido que no ano 2017 produciron unha media de 11.800 litros por animal, cun 4,36% de graxa e un 3,35% de proteína. Acadan unha media de 3,1 partos por vaca e os criterios que empregan para a selección xenética do rabaño son produción de leite, kilos de graxa e de proteína e tipo, por este orde. “Falamos coa industria e producimos o tipo de leite que eles nos demandan”, explicou Santiago García Souto, que tamén é xuíz internacional de CONAFE. Neste sentido, recoñeceu que “o tipo tamén é importante, porque a vaca bonita empreña mellor e é máis rendible que a fea”. En canto ás cualidades da raza Holstein, defendeu que tamén é competitiva producindo sólidos. “¿Por que senón en Holanda, onde se paga o leite por calidades, ou noutros países a Holstein segue representando máis do 90% da cabana leiteira?”, preguntouse. “A Holstein é a raza que coñecemos mellor e o seu segredo está en darlle benestar animal. Cada vez que lle dás un plus de confort esta raza devólvecho con creces cun plus de rendibilidade”, destacou.

Gandería de Pazos SCG: “Cos cruces melloramos a fertilidade e aumentamos en lonxevidade das vacas”

Jesús Perfecto Fernández Pérez explicou o caso de Gandería Pazos SCG, unha granxa de Dumbría (A Coruña) que na actualidade conta cun rabaño duns 500 animais, dos que unhas 250 son vacas en muxido, e das que 100 proceden de cruces mediante o sistema Procross e o resto son de raza Holstein. O muxido está automatizado con 4 robots. Quédanlle uns 175 animais frisóns pero toda a recría xa é cruzada e en breve prevén ter todos os animais híbridos. O sistema Procross de cruces segue un protocolo, e no caso desta gandería optaron por facer o primeiro cruce inseminando as vacas frisonas cun touro de raza Montbeliarde e a xata que nace é posteriormente inseminada con seme de Roxa Sueca. A becerra que naza será inseminada cun touro de raza Holstein e volve repetirse o ciclo. ¿Que os levaron a optar polo sistema de cruces? “Preocupábanme os datos de fertilidade, de lonxevidade e de saúde da Holstein e quería melloralos. Asesorámonos e visitamos varias granxas e no 2007 probamos cun lote de 20 vacas cruzadas que fomos aumentando e comparando os seus resultados cos das Holstein que tiñamos e que seguían sendo a maioría do noso rabaño”, explicou Jesús. Desta forma, e despois de 11 anos traballando con cruces, as conclusións ás que chegaron en Gandería Pazos SCG son que: -A produción media dos cruces é de 40,5 litros en 2,8 muxidos en robot. A das frisoas é de 38,3 litros por vaca en 2,6 muxidos. O reconto de células somáticas é dunha media de 180.000 nas Holstein fronte ás 100.000 nas de cruce. -Os fallos do robot son do 0,2% no caso das vacas cruzadas e do 1,5% nas vacas frisonas. -A media de inseminacións é de 1,9 no caso das cruzadas e de 2,2 nas Holstein. -Datos de saúde: porcentaxe de mamites do 3% nas Holstein fronte aos 1% no lote de cruzadas; do 20% de metrites nas Holstein fronte ao 3% nas cruzadas; do 2% de retención de placenta nas cruzadas fronte ao 10% das Frisoas, e nos desprazamentos de abomaso as porcentaxes son do 0% e do 2,5%, respectivamente. “As conclusións ás que chegamos despois de 11 anos é que cos cruces aumentamos moito a lonxevidade das vacas, aumentou a fertilidade e reducimos os custos de produción”, subliñou Jesús Perfecto Fernández Pérez. Iso si, recoñeceu que “para que este sistema de cruces Procross funcione e sigamos mellorando, seleccionando os mellores touros, é imprescindible o traballo dos gandeiros que apostan polas razas puras, como a Holstein”.