Archives

“Din que nos axudan, pero ao final todo son trabas e impedimentos”

Jónathan Cives, diante das novas instalacións do seu cebadeiro en Mazaricos O sector agrogandeiro protesta desde fai semanas por toda Europa. Unha das queixas unánimes: a burocracia. É unha palabra denostada pero á que ás veces custa poñerlle rostro. Jónathan Cives e a súa muller Silvia Domínguez son cotitulares de Gandería Melenas SC, unha explotación familiar na parroquia de Corzón, en Mazaricos. Adícanse a cebar becerros, uns 300 ao ano, a maioría animais marcados co selo da IXP Ternera Gallega. Jonathan fíxose cargo da explotación do seu pai no 2016, cando el enfermou, e en setembro de 2020, tras faceren os dous o curso de incorporación, el e a súa muller constituíron Melenas SC, garantindo deste xeito o relevo xeracional na granxa.
O único que pretenden é dar a entender que se axuda a todo o mundo cando non é certo
Na teoría, ao tratarse de dúas persoas menores de 40 anos, unha delas muller, deberían ter garantidos os apoios existentes destinados a facilitar o asentamento de mozos e mozas no rural, así como aquelas outras liñas de axuda destinadas a garantir a rendibilidade da explotación, máis tendo a consideración de prioritaria, como é o seu caso. Pero na práctica, di, a realidade é outra ben distinta. “O único que se pretende aquí é dar a entender que se axuda a todo o mundo, cando á hora da verdade son todo trabas, impedimentos e burocracia”, quéixase Jónathan. Un terzo menos no Plan de Mellora Logo de incorporárense, Jónathan e Silvia pediron un Plan de Mellora para faceren un novo establo con capacidade para 600 animais. En xaneiro do 2021 presentaron a solicitude da axuda, sobre un orzamento total de 358.000€. No mes de xullo veulles aprobada, cunha subvención concedida de 161.000€. Puxéronse mans á obra e fixeron a nova nave, na que acabaron gastando máis do orzamentado inicialmente pola suba dos materiais. "Todo o que se fixo no 2022 foi moito máis caro. De feito, a Xunta ao ano seguinte subiu os importes dos distintos módulos, pero a min colleume antes diso", quéixase. Cando a obra xa estaba rematada e certificada veulle unha inspección. Había un problema, pero non co obxecto da subvención e o destino dos cartos, nin coa construción realizada, senón co mantemento do emprego declarado na solicitude.
Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois
O traballador que tiña contratado marchou no mes de febreiro e non foi quen de reemprazalo até o mes de agosto. "É complicado atopar man de obra para traballar nunha granxa", xustifica Jónathan, que segue mantendo esa UTA a día de hoxe (a obriga era conservala cando menos 5 anos despois da certificación da obra). Pero nas bases da convocatoria establecíase que non podían pasar máis de 3 meses en caso de substitución do traballador e ao final o resultado daquel expediente foi que perderon 53.000 euros, un terzo do importe total concedido. “Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois e mentres non nos ingresaban os cartos cada 3 meses tiñamos que pagar 800 euros de intereses”, lembran. Denegación das axudas PEL Despois de rematar a obra da nova nave, Melenas SC precisaba incorporar algunhas melloras en canto a equipamento, entre outras un taximilk para dar o leite aos becerros e unhas arrobadeiras que facilitasen a limpeza automática do establo e o benestar dos animais. Para iso, quixeron aproveitar as axudas PEL para autónomos da Deputación da Coruña, con varias liñas, entre elas unha para investimentos en bens inventariables e outra para contratación de persoal. “O ano pasado, cando saíu a convocatoria de subvención para maquinaria, solicitámola, pero veunos denegada porque a empresa non podía ter máis de 5 anos de antigüidade e aínda que eu a herdei da miña nai fai 3 anos, como xa existía antes dixéronnos que non cumpriamos coas bases”, denuncia Jónathan. Pero non foi o único “chasco” que se levou coas axudas PEL. O ano pasado pediron tamén a liña de contratación de persoal e concedéronlles 15.700€, pero veulles aprobada no mes de setembro, sen tempo material para gastar eses cartos en só tres meses, polo que renunciaron á subvención.
Non é lóxico que ás granxas nos poñan un límite de 20.000 euros e para o resto de empresas sexa de 100.000
Pero contrataron igualmente a un traballador e cando saíu a convocatoria deste ano volveron solicitar a axuda da Deputación destinada a fomento do emprego, coa "sorpresa" de que desta volta só lles concederon 4.300€, alegando a existencia dun tope máximo por beneficiario de 20.000€ en 3 exercicios e computando neste cálculo os 15.700€ aos que renunciaron no ano anterior. “É un absurdo”, di Jónathan, porque esa axuda non a cobramos. Ademais, quéixase de que para gandería o límite estea fixado nos 20.000 euros cando para o resto de empresas o tope máximo está establecido en 100.000, “cando moitas granxas temos feito investimentos moito máis elevados que calquera comercio e afrontamos gastos moi superiores na maioría dos casos”.     

“Prefiren devolver os cartos a Bruxelas antes que dárnolos aos produtores de aquí”

Melenas SC ceba uns 300 becerros ao longo do ano, a maior parte dentro da IXP Ternera Gallega Jónathan considera “unha trampa e un engano” a maioría das axudas e subvencións anunciadas polas distintas Administracións para apoiar ao sector. Como exemplo, di, a que sacou a Xunta este ano destinada aos produtores amparados pola IXP Ternera Gallega. No seu caso, corresponderíanlle 36€ por animal sacrificado o ano pasado baixo o selo de Ternera Gallega, pero quéixase que de non será así, pois esta liña de subvencións tamén está sometida ao réxime de mínimis, polo que limita a 20.000€ en tres exercicios (o actual e os dous anteriores) o importe máximo de axudas públicas percibidas. “É dicir, se recibes a da Deputación non podes optar á da Xunta porque te pasas da limitación de mínimis”, argumenta. No seu caso, tamén computarían os intereses dun crédito ICO que solicitou fai 3 anos.
Enganan á xente, se é unha axuda extraordinaria por xato sacrificado para compensar o baixo prezo da carne non debería estar sometida á normativa 'de mínimis'
“Enganan á xente, porque a Consellería anunciou esta axuda xusto antes das eleccións para gañar votos, pero á hora da verdade moitos gandeiros non a imos poder cobrar; a maioría de gandeiros están contando con eses cartos pero non saben aínda o que implica unha subvención de mínimis. Se fixeche algunha obra no establo con subvención, xa non a cobras por que te pasas”, di Jónathan, que considera que esta axuda excepcional para compensar os baixos prezos da carne en orixe, que se dá polo número de animais sacrificados por cada explotación, “debía estar fóra de todo isto”. Trala súa experiencia co Plan de Mellora, unha axuda que convoca a Xunta pero que se financia a través dos fondos da PAC, así como co resto de subvencións dependentes doutras Administracións e que tamén se financian en boa parte con fondos comunitarios, Jónathan redefine o concepto de burocracia como “burrocracia”. “Ao final prefiren mandar os cartos de volta a Bruxelas antes que darllos a un gandeiro de aquí que produce alimentos, crea emprego e coida o territorio”, conclúe.

Abadín celebra unha nova edición de Expogrelo, unha das feiras por excelencia do inverno

O 17 de febreiro, coincidindo coa feira que se celebra en Gontán o primeiro e terceiro sábado do mes, o concello de Abadín acollerá a XVIII edición de Expogrelo, a coñecida cita de exaltación do grelo, unha das referencias do inverno gastronómico da provincia de Lugo. Trátase dun evento xa consolidado que chega este ano á maioría de idade. As edicións celebradas até agora serviron para poñer en valor a tradicional fama deste cultivo de horta que atopa cada ano boa saída nos compradores que se achegan a este concello da Terra Chá. Entre 15 e 20 produtores sumaranse este ano á feira, na que se repartirán tres premios de 50, 30 e 20 euros para as cestas de grelos mellor decoradas. Ademais, é tradicional que todos os participantes reciban un incentivo por participar. Ademais de grelos poderanse mercar outros produtos tradicionais, como os típicos da matanza. 
A feira mostrará de novo a calidade e sabor do grelo que se produce neste municipio a camiño entre a Terra Chá e A Mariña
O programa de actos seguirá a mesma liña que en edicións anteriores e arrincará ás 09:30 horas coa designación dos stands e a numeración das cestas. Ás 10:00 da mañá levarase a cabo a apertura da feira, ás 12:00 horas dará inicio a animación musical e ás 12:30 horas todos os veciños e visitantes presentes poderán degustar este produto da cociña galega na carpa que o Concello instalará no recinto feiral. Trala recepción de autoridades, os actos finalizarán ás dúas da tarde co fallo do xurado e a entrega de premios. Concello de fonda tradición agrogandeira O Concello de Abadín decidiu apostar no ano 2006 por celebrar unha feira anual dedicada a este produto como xeito ademais de apoiar aos produtores de grelo que hai no municipio. O grelo galego conta desde o ano 2009 cunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP Grelos de Galicia) que busca fomentar a produción e potenciar a comercialización e a distribución deste produto de horta que se dá no inverno e que precisa dunhas condicións de humidade e temperatura axeitadas. 
Abadín celebra unha feira cabalar no mes de setembro e a tradicional Feira de Santos o primeiro sábado de novembro
Esas condicións edafoclimáticas danse en Abadín, con chans produtivos e unha fonda tradición gandeira, centrada na actualidade no vacún de carne e no gando cabalar a medida que se ascende cara os montes da serra do Xistral e cara aos do Fiouco. Ademais de Expogrelo, Abadín mantén outras citas anuais vinculadas ao sector primario, como a Feira de Santos o primeiro sábado de novembro ou a Feira cabalar que se celebrou por primeira vez en setembro do ano pasado organizada polo Concello e as asociacións de cabaleiros do municipio. 

PROGRAMA COMPLETO DE EXPOGRELO 2024

Manual de Manexo para Ternera Gallega Suprema: Claves para acadar boas conformacións e niveis de engraxamento

Os sistemas de manexo empregados en Galicia para a cría de becerros dentro de Ternera Gallega Suprema son moi diversos. Iso fai que as calidades dos canais obtidos sexan dispares. Esta realidade levou á Xunta a encargar a elaboración dun Manual de Manexo, redactado en base aos ensaios levados a cabo no CIAM de Mabegondo con animais de raza rubia galega. A elaboración deste manual xurde dunha das conclusións da Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030, que destaca a necesidade de mellorar os aspectos técnicos dos sistemas de produción de vacas nutrices e dos seus becerros, co obxectivo de garantir a mellora da calidade do canal e da carne dos animais amparados pola categoría emblema da IXP. O documento pretende servir como guía para os gandeiros acollidos á certificación Ternera Gallega Suprema, ofrecéndolles orientacións e recomendacións de prácticas agrogandeiras que lles permita acadar bos resultados técnicos e económicos, conseguindo a través desas pautas de manexo e de alimentación uns canais máis homoxéneos en canto á conformación e á calidade da carne resultante. “O desafío para o gandeiro é producir carne de alta calidade a un prezo rendible, debendo ser coñecedor da influencia que teñen os factores controlables por el (raza, peso, sexo, idade, alimentación, etc) no produto final”, destaca o Manual.
É necesario que cada gandeiro escolla o sistema máis axeitado para a produción de becerros na súa zona para obter uns canais con alto valor comercial a un custe de produción rendible
“É preciso que cada gandeiro escolla ben o sistema máis axeitado para a produción de becerros na súa zona e/ou condicións particulares para obter uns canais con alto valor comercial a un custe de produción axeitado”, insiste. “Para conseguir unha boa calidade do canal é necesario realizar un bo acabado dos becerros cun mínimo de dous meses de suplementación con penso, deste xeito obteremos uns canais máis homoxéneos e de mellor calidade”, afirma o Manual, na liña do aprobado polo Pleno do Consello Regulador da IXPConsidérase imprescindible unha finalización dos becerros Clases de conformación da canal segundo a metodoloxía SEUROP (Fonte: MAPA) Boa parte deste Manual de Manexo, de  máis de 60 páxinas, está centrado na alimentación do gando, apostando no caso dos becerros por unha suma de leite materno, pasto e concentrado na fase final previa ao sacrificio. “Sexa cal sexa o sistema produtivo, os animais deben rematar o seu período de cría suplementando a alimentación con penso dous meses antes do sacrificio”, asegura o documento.
Sexa cal sexa o sistema produtivo, os animais deben rematar o seu período de cría suplementando a alimentación con penso dous meses antes do sacrificio
“En animais da raza rubia galega, criados seguindo as especificacións da IXP, comprobouse que unha alimentación exclusiva en base a pasto e ensilado de herba non permite acadar un nivel medio dunha clasificación 2 de graxa. Deste xeito, para que animais de 10 meses de idade teñan graxa no seu canal, é necesario forzar a súa alimentación”, xustifica. Clases de engraxamento da canal segundo a metodoloxía SEUROP (Fonte: MAPA) Segundo o Regulamento da IXP, as clasificacións mínimas para que un canal poida ser certificado dentro da categoría Suprema son conformación S, E, U, R e O+ con niveis de engraxamento 2, 3 e 4 (unicamente no caso das femias). No ano 2021 a maioría dos canais presentaron unha clasificación 2 de engraxamento e U e E de conformación.
Un maior contido graxo da carne mellora a súa calidade organoléptica, xa que produce unha maior intensidade de sabor, xugosidade e tenreza
Tendo en conta os resultados acadados nos ensaios levados a cabo no CIAM, “na carne daqueles animais que consumiron pastos e forraxes observouse unha proporción máis elevada de ácidos graxos saudables, como por exemplo o ácido linolénico, fronte aos que consumiron cereais, que presentaron un maior contido de ácidos graxos saturados”, indica o Manual. Un dos factores que máis inflúe na calidade organoléptica da carne é o tempo de maduración do canal na cámara de refrixeración. Aínda que é algo alleo ao gandeiro e ao sistema de manexo, é importante telo en conta pola gran influencia na terneza da carne. Ao longo do proceso de refrixeración ten lugar o abrandamento da carne, debido á degradación progresiva das fibras musculares. Recoméndase un mínimo de 7 días en cámara para obter unha diminución significativa nos parámetros de dureza da carne.
A industria require canais con certo grado de engraxamento para evitar o endurecemento da carne na cámara
A industria require canais con certo engraxamento, pois a cobertura graxa do canal protéxeo do frío nas condicións da cámara de refrixeración. A graxa actúa como illante térmico e a temperatura post-sacrificio baixa máis lentamente, protexendo ao canal do fenómeno coñecido como acurtamento das fibras por frío, que dá lugar a un endurecemento da carne. Dentro da Ternera Gallega Suprema os becerros que manifestan unha mellor conformación son os criados en sistemas de alimentación con dietas máis intensivas, principalmente aqueles que inclúen concentrados na dieta. Do mesmo xeito, os que presentan un maior engraxamento son os becerros acortellados.
Os sistemas de produción con acortellamento de becerros permiten obter uns maiores niveis de engraxamento
O nivel de engraxamento depende da dieta, fundamentalmente do nivel de enerxía inxerida, pero sendo o engraxamento unha característica dos animais adultos (aqueles que chegaron á madurez sexual), “os canais dos animais de Ternera Gallega Suprema adoitan ter niveis de engraxamento baixos ou medios, incluso nos sistemas que utilizan máis cantidade de concentrados”, recoñece o Manual. Número de canais certificados no ano 2021 segundo o nivel de conformación e engraxamento Para unha mesma idade e raza, as femias teñen un potencial de crecemento menor que os machos pero, pola contra, presentan un nivel medio de engraxamento máis elevado. “O acabado dos animais con cebo de concentrados a libre disposición durante 60 días antes do sacrificio mellora de xeito significativo o engraxamento”, asegura o documento. “Nos sistemas extensivos, o reducido engraxamento dos canais, fai necesario complementar a alimentación dos becerros con pensos durante os dous meses anteriores ao sacrificio”, conclúe o documento, na mesma liña da modificación aprobada recentemente no Regulamento da IXP Ternera Gallega.
O Manual deixa a porta aberta a facer o remate dos xatos con penso na pradeira, mediante o seu acurralamento, sen necesidade de acortellar
Con todo, o Manual encargado pola Xunta abre a porta a que este aporte de concentrados poida facerse na pradeira. “Nos sistemas extensivos, ou incluso en algúns semiextensivos, é recomendable dispor de instalacións nas que poder realizar un acabado dos becerros os meses previos ao sacrificio. Se non se dispón delas, aconséllase realizar dito acabado acoutando o espazo dispoñible para os becerros, favorecendo así a iniciación no consumo de concentrados ou cereais para un correcto acabado previo ao sacrificio”, indica. Para este acurralamento na pradeira, o Manual recomenda a separación efectiva mediante peches de malla. “Os peches de malla son útiles cando se quere facer un cebo de becerros en parcelas, pois no momento do destete os animais tenden a buscar as nais e un peche de fíos pode non ser dabondo para mantelos recluídos”, argumenta. Instalacións para cebar os xatos As tolvas selectivas de cereal son unha alternativa ao acortellamento dos becerros en climas suaves Segundo o Protocolo de Benestar Animal de Ternera Gallega, en caso de facer o cebo acortellando os xatos a superficie por animal non será menor de 1,8 m2 para animais menores de 6 meses, nin menor de 2,2 m2 para animais de máis idade.
Os xatos cebados en interior disporán dun mínimo de 2,2 metros cadrados de espazo por animal
A partir dos 6 meses de vida, os animais estabulados conxuntamente non superarán as 40 cabezas. Para os menores de 6 meses, o número de animais por lote non superarán os 50. Coa nova lexislación aprobada fai un ano e que entrará en vigor entre 2025 e 2030 en función do tamaño da explotación e do seu sistema produtivo, os emparrillados estarán prohibidos se cubren o 100% da superficie. Polo menos a zona de descanso deberá manterse libre de parrillas, debendo tratarse dun chan uniforme cun material  para a cama que permita ter limpos e enxoitos aos animais. A pendente do chan non poderá superar o 5% para cumprir cos requisitos fixados pola IXP no seu Protocolo de Benestar Animal. Máis da metade da carne amparada pola IXP Tenera Gallega pertence á categoría Suprema (53% das canais e das toneladas certificadas no ano 2021).
A categoría Suprema supón a metade da produción dentro da IXP Ternera Gallega
O documento destaca que “as ganderías de Suprema desenvolven un importante papel na xestión e mantemento da paisaxe e na prevención de incendios forestais nunha gran parte do territorio de Galicia, especialmente nas áreas de montaña”. Sistemas de manexo e rendementos Proporción dos principais alimentos do becerro segundo o seu sistema de produción O Manual, encargado pola Consellería á Fundación Juana de Vega e elaborado por técnicos do CIAM e asesores privados, distingue catro sistemas de manexo diferentes dentro das explotacións inscritas baixo a etiqueta Ternera Gallega Suprema:
  • Intensivo: O becerro permanece sempre acortellado mentres que a vaca sae a pacer polo día e volta á casa pola noite para darlle de mamar. “Este manexo permite uns crecementos elevados dos becerros, pois teñen pouco gasto enerxético debido á falta de movemento. Traballando con razas carniceiras é posible obter, aos 10 meses de idade e cun consumo de concentrado de entorno aos 1.000 kg, canais de 280-300 kg”, destaca o documento, en base aos ensaios realizados no CIAM de Mabegondo con rabaños de vacas nutrices de raza rubia galega.
O sistema intensivo co becerro acortellado permite obter canais e carne de gran calidade, así como elevados pesos ao sacrificio
  • Semiintensivo: A principal variación deste sistema con respecto ao anterior é que o becerro normalmente nace no exterior e pasa os primeiros meses de vida (1 a 3) no pasto. Posteriormente, o becerro métese na corte e pasa a recibir o manexo intensivo.
“Tanto este sistema coma o anterior son característicos de explotacións de tamaño pequeno ou mediano (<50 vacas), sendo moi traballoso practicar este manexo en explotacións a partir dunha determinada dimensión”, recoñece o Manual.
  • Semiextensivo: Neste caso, as vacas e os becerros permanecen xuntos en todo momento como mínimo, ata os 7 meses de idade. A vaca e o becerro poden estar sempre no exterior ou entrar na corte no inverno, dependendo de cada explotación. O destete ten lugar entre os 7-8 meses e, posteriormente, realízase un cebo (normalmente na corte) de 2-3 meses con penso a libre disposición.
É frecuente utilizar un comedeiro selectivo para que os becerros se vaian adaptando ao penso antes da fase de cebo, ou para suplementalos en épocas do ano de menor dispoñibilidade de alimento. Neste caso, as razas de orientación cárnica permiten obter aos 10 meses de idade e con consumos de concentrados de 400-600 kg, canais con pesos entre 200-250 kg. Estes rendementos dependen de múltiples factores, como son a raza, a época do ano, o tipo de suplementación, a produtividade das praderías, etc.
  • Extensivo: No sistema extensivo a vaca e o becerro están sempre no exterior, alimentándose do pasto e de forraxe que se subministra nas parcelas durante o inverno. “O máis habitual é vender os becerros directamente do pasto, ou cunha pequena suplementación de penso con comedeiro selectivo, aínda que normalmente dan lugar a canais pequenos e pouco engraxados”, salienta o Manual.
“Con este sistema obtéñense canais de 170-190 kg aos 10 meses de idade, sempre que os becerros teñan pasto ou forraxe de calidade dispoñible e medren a un ritmo aceptable. O sistema extensivo é o máis sensible ás variacións climáticas e de produtividade das praderías, acadando maior importancia o bo manexo das mesmas”, engade.
Para que os becerros poidan consumir suficiente cantidade de penso nos dous meses de finalización é imprescindible iniciar a adaptación con tres meses de antelación dispoñendo de comedeiros selectivos no pasto
 “O principal problema deste sistema é o reducido engraxamento dos canais ao tratarse de dietas menos ricas en enerxía que utilizando concentrados, por iso é necesario a suplementación con pensos durante os dous meses anteriores ao sacrificio”, asegura o Manual, que tamén establece que “para que os becerros poidan consumir suficiente cantidade de penso nos dous meses de finalización é imprescindible iniciar a adaptación a este alimento con tres meses de anterioridade, dispoñendo de comedeiros selectivos no pasto”. “Desta maneira conseguiremos canais mellor conformadas e cun grado de engraxamento superior”, conclúe. Outra opción pola que optan algunhas ganderías en extensivo é vender os becerros ao destete, como pasteiros, con destino posterior a cebadeiros, aínda que neste caso os xatos perden a certificación de Suprema ao cambiar de explotación. Limitar o acceso do gando aos cursos naturais de auga O Manual fai fincapé tamén noutros aspectos, como os de carácter sanitario e de bioseguridade. Neste sentido, recomenda “limitar o acceso do gando a cursos naturais de auga (fontes, regatos, ríos, etc)”, facendo fincapé “na limpeza e desinfección dos bebedoiros” e na necesidade de “asegurar un subministro constante de auga”, que debe ser potable ou estar clorada. A auga é un elemento esencial para o desenvolvemento de todas as funcións vitais do gando bovino, sendo especialmente necesaria no período de lactación. As necesidades diarias sitúanse entre 5 e 15 litros nos becerros, de 15 a 35 litros nas xovencas e de 30 a 60 litros nas vacas adultas, en función da época do ano e o estado do pasto. En canto á inxesta de alimento, como norma xeral unha vaca come cada día entre o 1-3% do seu peso vivo expresado en kg de materia seca. A modo de exemplo, unha vaca de 600 kg necesitará cada día entre 9 kg (cando están secas) ata 15 kg de materia seca (en pico de lactación) de forraxe en función do seu estado produtivo.
A condición corporal das vacas non é estática ao longo do ano, debendo ser recuperada en épocas de menor demanda nutricional
O crecemento do becerro durante a xestación non é lineal, senón que se acelera nos últimos meses, polo que é importante que nese período a vaca estea ben alimentada. No momento do parto a vaca non debe estar moi delgada (cunha condición corporal media, de 2,5 sobre 5), xa que senon terá unha baixa produción de leite, un maior risco de certas enfermidades metabólicas e unha demora na reaparición dos celos. Tampouco debe estar moi gorda, pois aumentan as complicacións no parto, así como o risco de certas enfermidades metabólicas. Xestión da superficie forraxeira Débense proporcionar sombras aos animais en extensivo “Para un mellor resultado económico das ganderías, en todos os sistemas é necesario aproveitar ao máximo os recursos forraxeiros dos que se dispón, mellorando as praderías tanto na súa composición como no manexo do pastoreo”, conclúe o Manual. O destino fundamental da superficie agraria nas explotacións de produción de carne é o pasto permanente. O documento recomenda facer pastoreo rotacional cun tempo de pastoreo de tres días como máximo en cada parcela, deixando unha altura do pasto de saída de 10 cm para preservar o rebrote da herba.
Non se debe entrar a pacer unha finca até que a altura da herba non sexa de 20 cm e debe sacarse o gando ao chegar aos 10 cm
A calidade do pasto presenta un máximo valor na primavera, diminúe co espigado das gramíneas no verán, e volve aumentar co rebrote de outono. O ideal é poder adaptar os momentos de máximas necesidades dos animais cos momentos de máxima calidade dos pastos. Debido á estacionalidade climática que presenta Galicia, o crecemento da herba non é homoxéneo ao longo do ano. Existen marcadas diferenzas nas distintas zonas de Galicia, dependo fundamentalmente do nivel de seca no verán (máis acusado no sur de Lugo e Ourense) e do frío do inverno (máis acusado na montaña lucense e ourensá), o que obriga ás explotacións a conservar unha parte da herba, fundamentalmente a que sobra en primavera.
Nas zonas de climatoloxía suave será dabondo con reservar o 25% da superficie de pasto para facer forraxe
“Nos lugares de invernos suaves e veráns máis húmidos será suficiente reservar arredor dun 25% da superficie dispoñible para gardar en forma de forraxe, mentres que naquelas localizacións con invernos duros e veráns secos pode ser necesario reservar ata o 50% da superficie”, estima o Manual. O momento de realizar o ensilado é un dos puntos máis importantes a ter en conta para conseguir forraxes de alta calidade. Debe facerse antes do espigado das gramíneas, xa que este provoca unha baixada notable da calidade nutritiva das plantas. A herba debe estar ademais ben seca, cun grao de humidade entre o 10 e o 15% para evitar a proliferación de fungos.
O ensilado debe facerse antes do espigado das gramíneas, posto que o nivel de proteína das plantas cae á metade e tamén descende a súa dixestibilidade
O silo de herba para vacas de carne debería chegar ao 12% de proteína cun 65% de dixestibilidade, pero se a herba se ensila espigada o nivel de proteína cae até o 6-7% e a dixestibilidade ao 50%, co que esa forraxe non chegaría para cubrir as necesidades nutricionais dos animais e perderán condición corporal. En canto á herba seca, para conseguir que sexa de boa calidade deberá facerse do rebrote dunha pradeira que foi pacida ou segada para silo na primavera. Se se fai coa herba xa espigada, a calidade da forraxe non será óptima e deberá empregarse unicamente como suplemento, propón o Manual. Efectos do cambio climático Efectos do cambio climático: variación esperada na produción de herba ao longo do ano en kg de MS/ha/día “Galicia dispón dun clima privilexiado para a produción forraxeira”, destaca o documento, que alerta sen embargo da necesidade de adaptación de determinadas prácticas de manexo “ao contexto de cambio climático actual”.  “Espérase un incremento das temperaturas máximas e mínimas diarias, principalmente no verán, así como unha notable diminución dos días de xeada (mínimas por baixo de 0ºC). Este cambio será moito máis acusado naqueles puntos máis fríos da montaña ourensá e lucense”, prognostica o Manual.
É necesario un cambio de estratexia na conservación das forraxes, pasando de facer silo para o inverno a facer silo para suplementar a alimentación durante a seca do verán
O cambio nas temperaturas irá acompañado dunha modificación nas precipitacións. Se ben non se espera unha forte redución da chuvia total, si que se prevé unha notable variación na súa distribución ao longo do ano. Deste xeito espéranse uns invernos húmidos, como é habitual, pero uns veráns moito máis secos e cálidos en toda Galicia. Exemplos de misturas para sementeira de pradeiras en zonas secas e húmidas de Galicia “Todos estes cambios non son homoxéneos en todo o territorio, na zona norte das provincias de Lugo e da Coruña estanse a suavizar moito os invernos, co aumento da produción dos prados nesta época; en cambio, os veráns estanse endurecendo, cunhas temperaturas extremadamente altas. Isto require dun cambio de estratexia na conservación das forraxes, pasando de facer o silo para o inverno a facer o silo para suplementar a alimentación durante a seca do verán. Pola contra, nas zonas sur da provincia de Lugo e en Ourense, que xa de por si teñen unha marcada seca estival, deberán introducir cultivos forraxeiros de inverno para incrementar as producións na primavera, xunto cunha adaptación das especies herbáceas nas novas praderías sementadas”, recomenda o documento.
A mellor época para sementar pradeiras é a finais do verán para que a xerminación teña lugar coas primeiras choivas do outono
“Nas zonas secas do sur de Galicia, para a implantación de praderías, empregaranse de forma predominante mesturas compostas por dactilo e festuca, deixando o raigrás inglés en menor proporción. En canto ás leguminosas, serán maioría aquelas especies anuais (trevo subterráneo, migueliano, persa, vesiculoso). Pola contra, en zonas húmidas do centro e norte predominará o raigrás inglés e as leguminosas plurianuais de clima húmido (trevo branco, violeta, persa)", salienta.

Selección de reprodutoras para garantir que as nais contan con aptitude leiteira para amamantar aos becerros cando menos até os 7 meses

Ao longo do Manual de Manexo insístese en varias ocasións en que “a raza elixida, ou as vacas seleccionadas dentro da raza, teñan unha produción láctea suficiente para aleitar o becerro até os 7 meses de idade”. Este carácter, di, “será máis importante canto máis extensivo sexa o sistema de manexo”. “É fundamental que as vacas nutrices teñan unha produción de leite que permita o aleitamento ata os sete meses de vida do becerro, xa que en caso contrario o ritmo de crecemento verase minguado, a súa potencialidade de crecemento desaproveitada, e haberá que recorrer a concentrados se o leite é un limitante antes de tempo”, defende.
O ideal sería que os becerros, soamente co leite, pastos e forraxes, presenten unha ganancia media de peso vivo previa ao destete superior a 1 kg/día
Así mesmo, afirma que “cómpre ter unhas praderías e forraxes de calidade para poder aproveitar o potencial leiteiro das vacas, e para que cando os becerros empecen a pastar o fagan cun alimento de calidade”. “O ideal sería que os becerros, soamente co leite, pastos e forraxes, presenten unha ganancia media de peso vivo previa ao destete superior a 1 kg/día”, calcula. Razas recomendadas En canto ás razas, seis de cada 10 canais certificadas son cruces, cunha presenza importante da raza rubia galega dentro dos animais puros, sobre todo como vacas nutrices. O Manual considera que “a elección da raza é un elemento máis que pode incidir na rendibilidade da explotación”. Debido “á súa superioridade produtiva”, o documento recomenda “utilizar preferentemente” as razas rubia galega, limusina, blonde de Aquitania e Asturiana de los Valles “nas zonas onde se poida dispoñer de praderías de boa calidade”.
As Morenas Galegas son razas autóctonas que non sufriron un proceso de selección, considéranse moi rústicas e recoméndanse en zonas de monte
Pola contra, “en zonas de monte con herba de baixa calidade ou onde se utilice a matogueira como fonte de alimentación” destaca que “as Morenas galegas (cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa) presentarán unha mellor adaptación debido á súa maior capacidade de consumir este tipo de pasto”. Manexo reprodutivo Esquema de organización de partos de outono en vacas nodrizas “O manexo reprodutivo actual das ganderías certificadas dentro de Ternera Gallega Suprema provoca que os partos se concentren nos meses de primavera e os becerros saian ao mercado de decembro a marzo, cando o prezo de venda é menor”, asegura o Manual. Pola contra, afirma, “no segundo semestre do ano hai escaseza de carne certificada de Suprema”.
É necesario planificar os partos para desestacionalizar a produción e mellorar a rendibilidade das explotacións
En consecuencia, conclúe o documento, “é necesario desestacionalizar a época de partos dunha parte das explotacións cara os meses de outono (setembro, outubro, novembro e decembro) para conseguir un dobre obxectivo: por un lado asegurar un fluxo continuo e homoxéneo na oferta de animais de Suprema ao mercado ao longo de todo o ano e, por outro, mellorar a rendibilidade das explotacións derivada da posibilidade de obter uns maiores prezos de venda”.
A primeira cubrición das xovencas realizarase en torno aos 16-18 meses de idade, tendo lugar o parto aos 25-27 meses
O documento asegura que “a observación dos celos é fundamental para descartar patoloxías reprodutivas que supoñen perdas económicas directas e indirectas nas explotacións” e propón o uso de tratamentos hormonais que sincronizan a ovulación, “permitindo desta maneira programar os partos homoxeneamente ao longo do ano, evitando así unha agrupación excesiva dos mesmos nos meses de primavera”, di. Esta práctica non está permitida, sen embargo, en produción ecolóxica. No caso de utilizar a monta natural, unha práctica habitual sobre todo nas ganderías extensivas de maior tamaño, os partos tenden a acumularse nos meses de primavera. Segundo os datos facilitados pola IXP, nos meses de primavera nacen uns 9.500 becerros ao mes, mentres que nos meses de outono o número de nacementos baixa até os 4.900 ao mes.
Para evitar a concentración de partos en primavera coa monta natural é necesario separar o touro
Nas  explotacións que dispoñen de semental, recoméndase ter un touro por cada 30-40 vacas, cando se trate de monta continua ao longo do ano. “Na maioría dos rabaños de Ternera Gallega Suprema emprégase a monta natural sen agrupación de partos, deixando o touro todo o ano coas vacas. Isto representa, a priori, unha vantaxe de cara a un manexo máis sinxelo, pero ten graves inconvenientes”, asegura o Manual, que engade ao problema da concentración de partos un peor aproveitamento do pasto, “derivando nunha falta de pasto de calidade cara aos últimos meses antes do destete, cando o becerro aproveita mellor a herba”. O momento idóneo para os partos A agrupación de partos, considera o documento, “é unha medida primordial para adaptarse ás condicións do mercado así como aos requirimentos nutricionais do gando, de xeito que coincida o pico de produción de herba con momentos de altas necesidades do rabaño”.
Débese planificar a produción, concentrando os partos en función dos períodos de mellor produción forraxeira así como do prezo de venta dos becerros
O momento idóneo dos nacementos dentro desta planificación varía en función da zona. “Na costa ou en áreas non montañosas cun clima máis favorable poden agruparse os partos en outono, co inconveniente de que as máximas necesidades do rabaño terán lugar no inverno pero coa vantaxe de que os becerros disporán de abundante herba de calidade canto teñen entre 7 e 9 meses de idade”, sen que isto exclúa a necesidade de suplementalos igualmente con penso, defende o Manual.
Nos sistemas extensivos o momento do parto inflúe no ritmo de crecemento dos becerros, pois depende do valor nutritivo da herba que pacen e inflúe na produción de leite das nais
Pola contra, insiste, “os partos de primavera son moi frecuentes en explotacións extensivas con monta natural pero economicamente non son tan rendibles porque as necesidades máximas do rabaño preséntanse nos meses do verán e o outono, cando hai pouca dispoñibilidade de pasto, mentres na primavera a vaca parida ve estimulada a súa produción láctea cando o becerro aínda non é capaz de consumila na súa totalidade”, asegura.

As axudas da Xunta ás ganderías de vacún de carne xeran polémica no sector

Rolda de prensa de UUAA na Coruña, na que volveu criticar os criterios de reparto publicados esta semana no DOG O sindicato UUAA estuda levar á Xunta ao xulgado polo reparto da axuda anunciada para o sector da carne. O responsable de producións extensivas do sindicato e vicepresidente do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, José Ramón González, considera “discriminatorios” os criterios de reparto publicados este mércores no DOG nos que se esixe que os animais sexan sacrificados e certificados nun matadoiro para o cobro da subvención.   “Os nosos servizos xurídicos están estudando a presentación dun contencioso-administrativo contra a orde da Consellería por unha discriminación clara a unha parte dos produtores e queremos aglutinar a todas as explotacións que se van ver prexudicadas, que son máis de 4.500, para que reclamen”, avanzou UUAA este xoves nunha rolda de prensa na Coruña.
Dos 135.000 becerros que nacen anualmente en Galicia só van cobrar 55.000
“Dos 135.000 becerros que nacen anualmente en Galicia só van estar primados 55.000, é dicir, o 65% non van cobrar a subvención. A Xunta de Galicia estase equivocando nos criterios de reparto dos cartos porque incluso dentro da propia IXP só se certifican o 69% dos animais identificados, polo que só dentro de Ternera Gallega estamos deixando sen subvención o 30% dos animais”, asegurou.
UUAA calcula que na provincia da Coruña 800 explotacións van percibir a axuda e outras 1.200 van quedar fóra
UUAA volveu defender que a axuda debería repartirse por vaca nodriza e non por becerro certificado. En Galicia hai case 190.000 vacas nodrizas que producen carne en extensivo ou semiextensivo en 20.000 explotacións, a metade delas con máis de 10 vacas e 8.300 delas formando parte da IXP Ternera Gallega. “Se facemos o cálculo por vaca nodriza a cantidade cobrada polas explotacións vai ser inferior á cobrada con motivo da guerra de Ucraína”, argumentou José Ramón González, que pediu á Consellería “que poña os cartos necesarios a maiores (6 millóns de euros) para que polo menos os 85.000 animais identificados o pasado ano dentro da IXP cobren a axuda”. Contratos fraudulentos entre gandeiros e matadoiros UUAA esixe tamén que se cumpra a Lei da Cadea e criticou que para este ano se reducira a partida destinada a promoción de 1 millón de euros a 200.000, o que, na súa opinión, “vai frear a apertura de novos mercados”. “Necesitamos abrir mercados fóra de Galicia e maior transparencia. Non se están facendo contratos de abastecemento entre a industria e os produtores e os que se fan son fraudulentos”, denunciou José Ramón, polo que pediu á Aica Galega que actúe.
Non se están facendo contratos de abastecemento entre a industria e os produtores e os que se fan son fraudulentos
“Hai problemas de viabilidade nas explotacións. Unha parte da súa renda, arredor do 60%, procede dos ingresos pola venda da carne e o 40% restante vén vía cobro de subvencións”, asegurou.    “A revalorización do prezo da carne desde marzo de 2023 foi de 1 euro en kilo, pero iso foi acompañado dun encarecemento dos custos de produción nun nivel semellante e seguimos cun déficit importante de axudas. O ano pasado destináronse 100 millóns de euros para todo o sector gandeiro, tanto o de leite como o de carne, a mesma cantidade que a Xunta destinou ao servizo de extinción de incendios. Que diñeiro é máis aproveitado, o que xestionamos os gandeiros ou o que se usa para apagar lumes”, preguntou.
Que diñeiro é máis aproveitado, o que xestionamos os gandeiros ou o que se usa para apagar lumes?
“De media cada vaca xestiona unha hectárea ou hectárea e media de territorio. A sociedade e a Administración teñen que recoñecer e pagar esa labor medioambiental”, defendeu. A maiores estaría a función social das ganderías de carne. “Son imprescindibles porque fixan poboación no rural”, concluíu José Ramón.

A Consellería do Medio Rural cualifica de "incongruentes e electoralistas" as declaracións de Unións Agrarias

Pola súa parte, dende a Consellería do Medio Rural cualifican as declaracións de Unións Agrarias de "incongruentes e electoralistas".  En concreto, dende o departamento que dirixe José González consideran que "é unha incongruencia evidente que Unións Agrarias (UUAA), integrada no consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de Ternera Gallega, critique unhas axudas enfocadas precisamente a apoiar aos produtores que apostan por traballar cos estándares de calidade establecidos por esta IXP".  "Todo esto -subliñan- sábeo perfectamente UUAA, que como integrante do consello regulador da IXP de Ternera Gallega coñece dende hai tempo esta nova liña de axudas da Xunta de Galicia -aplaudidas por este mesmo sindicato no seu día-. Neste sentido, consideran dende a Consellería que "este novo posicionamento de Unións Agrarias so pode entenderse de dúas formas: ou son unhas declaracións electoralistas ou están lanzadas por alguén que vai completamente en contra do sector". 

A asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide a dimisión de José Ramón González como vicepresidente de Ternera Gallega

Rolda de prensa de Gandeiros Galegos da Suprema este xoves en Lugo para valorar as axudas ao sector A asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide a dimisión de José Ramón González como vicepresidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega polas súas críticas ás axudas da Xunta ao sector, que buscan precisamente favorecer aos produtores de vacún de carne que marcan os seus becerros dentro da IXP.  "É inadmisible que o vicepresidente da IXP faga este tipo de declaracións, “totalmente desafortunadas e fóra de lugar que enmarcamos nun escenario puramente electoral e que fan un fraco favor á IXP e aos produtores de carne de calidade”, repróchalle Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.
Son declaracións fóra de lugar, totalmente desafortunadas e puramente electorais que fan un fraco favor á IXP e aos produtores de carne de calidade
O sindicato UUAA ten dous representantes no Pleno do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega e José Ramón González ostenta o cargo de vicepresidente, polo que Santiago Rego considera “incompatible con este papel de representación” as críticas a unhas axudas “que van dirixidas ás ganderías que apostan polo selo Ternera Gallega e por marcar os seus becerros dentro da IXP”. “Ninguén se pode sentir discriminado por esta axuda: o que xa aposta pola IXP ten nesta axuda un premio ou unha recompensa e o que non se sumou até agora ten nesta axuda un incentivo para meterse na IXP. Se temos un paraugas para os produtores de calidade, que é a IXP, cantos máis esteamos dentro máis forte imos facer a marca fronte a outras carnes”, defende Santiago Rego. Outra liña de axudas por coidado do territorio O presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, lembra que tralas mobilizacións da pasada primavera, “cando arrincamos do conselleiro o compromiso desta axuda vinculada á IXP tamén arrincamos o compromiso de poñer en marcha outra axuda vinculada ao pastoreo e ao coidado do territorio que sería extensible ao resto de ganderías, marquen ou non marquen a través da IXP, porque é certo que tamén fan esa labor medioambiental”, argumenta. Gandeiros Galegos da Suprema tamén critica a Unións Agrarias “por acordarse agora da PAC e a Lei de Cadea” e desmarcarse das protestas levadas a cabo por ese motivo en 2023. “A nosa asociación pediu explicacións tanto á Xunta como ao Ministerio porque non se cumpría a Lei da Cadea Alimentaria e pola repartición inxusta da PAC na axuda asociada a vaca nodriza. Eses foron dous dos motivos das mobilizacións que levamos a cabo na primavera pasada e que o propio sindicato UUAA criticou dicindo que non era o momento. Hai que preguntarse cal é a diferenza agora, que hai eleccións?”, pregunta Santiago Rego.
 

Medio Rural cifra en 85.000 os animais que se beneficiarán da axuda para a IXP Ternera Gallega

O Consello da Xunta avaliou este xoves a nova orde de axudas, que se convocará por primeira vez en 2024, destinada ás explotacións gandeiras amparadas pola Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. A Consellería do Medio Rural pretende con estas achegas, que contan cun orzamento total de 12 millóns de euros, paliar os sobrecustos deste tipo de producións. “Nos últimos dous anos os custos agraváronse para o sector gandeiro como resultado do encarecemento das materias primas pola invasión rusa de Ucraína e afondouse na dificultade do traslado completo dos custos de produción ao seguinte elo da cadea de valor”, xustifica Medio Rural. A orde prevé unha axuda para cubrir parcialmente eses custos de 200 euros por animal calificado de Suprema e de 36€ por animal identificado dentro do selo estándar de Ternera Gallega, que completasen o seu ciclo produtivo entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2023 e que cumpran os requisitos inherentes á IXP.
Poderán beneficiarse desta orde de axudas os animais sacrificados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023
Poderán beneficiarse destas axudas as explotacións inscritas nos rexistros do Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega durante algún período do ano 2023 e que teñan animais rexistrados durante ese ano como TG ou TGS polo Consello Regulador que xestiona a IXP, e ademais que finalizasen o seu ciclo produtivo dentro de 2023. A Consellería estima que o número de animais rexistrados como Ternera Gallega Suprema que finalizan o seu ciclo produtivo en 2023 e que poden optar á axuda é de 54.500, e que o número de animais rexistrados dentro do selo convencional de Ternera Gallega que poden optar á axuda é de 30.550, polo que se completa ata un total de 12 millóns de euros. Cada ano hai tamén arredor de 35.000 animais de Ternera Gallega que se marcan no campo pero que, por diferentes razóns non se selan en matadeiro, normalmente pola súa venda directa a restauradores ou carniceiros locais. Eses animais quedarían fóra da axuda.
Arredor de 35.000 animais da IXP que non se certifican en matadeiro quedarían fóra da axuda
“A consecuencia final é que o modelo tradicional de produción de carne de vacún de calidade con vacas nais de Galicia estase vendo afectado por estas causas alleas á súa actividade, e de aí a necesidade de apoiar o sector cunha axuda directa que alivie a situación conxuntural e facilite a súa continuidade produtiva, xa que as producións de Ternera Gallega teñen importancia social e ambiental no ámbito rural galego”, recolle o informe presentado este xoves ao Consello da Xunta. A Consellería destaca ademais a “relevancia” do sector cárnico galego, xa que achega máis do 34% do valor da produción final agraria da comunidade. https://www.campogalego.gal/unions-advirte-de-que-parte-dos-becerros-de-suprema-quedaran-fora-das-axudas-da-xunta/

Unións advirte de que parte dos becerros de Suprema quedarán fóra das axudas da Xunta

Félix Porto e José Ramón González durante a rolda de prensa de UUAA este mércores en Lugo Unións Agrarias “aplaude” a axuda da Xunta ao sector da carne pero considéraa “insuficiente” e o seu reparto “tremendamente inxusto”, ao estar destinada unicamente aos xatos certificados dentro da IXP Ternera Gallega. Ademais, aqueles becerros inscritos en Suprema pero que logo non se certifiquen en matadeiro, por exemplo porque se lle venden directamente á restauración ou a carnicerías, quedarán tamén fóra da axuda, segundo sinala Unións. “Ao tratarse dunha axuda por animal certificado dentro da IXP Ternera Gallega, van cobrar o apoio menos da metade dos animais producidos en base a vacas nodrizas en Galicia”, advertiu José Ramón González, responsable sectorial de producións extensivas de UUAA. “Só van cobrar a axuda por cría de becerros unhas 3.500 explotacións das 8.000 que hai en Suprema. Dos animais identificados dentro da IXP só o 78% vai cobrar a axuda e dos inscritos en Suprema menos do 70%”, calculou.
Van cobrar a axuda tan só 3.500 explotacións das 8.000 que hai en Suprema
Pola súa banda, Félix Porto, coordinador de área externa do sindicato, esixiu á Xunta “que cobren as axudas todos os gandeiros” porque “realizan as mesmas funcións medioambientais e sufriron a mesma suba dos custos de produción”. “Van quedar como mínimo un 65% das explotacións profesionais que hai en Galicia fóra das axudas de Ternera Gallega, ben porque non están na IXP ou porque os animais non acabaron o ciclo e non se certificaron en matadeiro, ou porque finalmente quedaron como reposición nas granxas”, insistiu. “Cortina de fume” Por iso, Felix Porto tachou de “cortina de fume” o anuncio da Consellería do pago das axudas nas vindeiras semanas co obxectivo, dixo, de “tapar o que non se está facendo para executar o acordo sectorial asinado en marzo de 2022”.
A axuda é necesaria pero débese repartir por vaca nodriza; cada vaca tocaría a 60€ pero cobrarían todas as vacas
“A axuda fai falla pero débese repartir por vaca nodriza; cada vaca tocaría a 60€ pero cobrarían todas as vacas”, solicita UUAA, que pide ademais “consolidar de cara aos vindeiros anos esta axuda, pero ligada á PAC, dentro das prácticas medioambientais e de benestar animal”. Finalmente, Félix Porto lanzou tamén un “aviso a navegantes” para que “non se lle ocorra a ninguén a tentación de baixar os prezos de maneira artificial, aproveitando que os gandeiros van cobrar a axuda da Xunta, polo que lle pedimos á propia Consellería que sexa garante de que iso non aconteza”.

O “problema estrutural e endémico” do sector da carne en Galicia

O sindicato Unións Agrarias puxo este mércores de novo enriba da mesa o “problema estrutural e endémico” do sector da carne en Galicia, que “non é capaz de cubrir os custos de produción”, aínda que desde UUAA valoran a subida de prezos lograda no último ano e medio, trala sinatura do acordo sectorial cos matadoiros e as cadeas de distribución, pero que non foi capaz de compensar o incremento de custos de produción das granxas. “Os prezos pasaron de 5,05€/kg canal en xaneiro de 2022 a 6,12€ en xaneiro de 2023, o que nos supuxo cobrar uns 200 euros máis por animal vendido”, calculou José Ramón González, que puxo no outro lado da balanza a suba do penso, os carburantes e os derivados do plástico.   “Hoxe cos datos que manexamos, podemos afirmar que o sector cárnico de vacas nodrizas non vende polo que lle custa producir, polo tanto estase incumprindo a Lei da Cadea Alimentaria”, advirte Unións. Un estudo feito no País Vasco, pero “sobre un modelo de produción bastante semellante ao que temos nós aquí en Galicia”, aclarou José Ramón, sitúa o custo de producir un quilo de carne en 7,17 €/kg canal, con datos do mes de xuño de 2023. Outro estudo, neste caso realizado en granxas galegas pola Fundación Juana de Vega, cifra os custos de produción en 7,66€/kg canal, atribuíndo ao gandeiro un soldo mensual de 1,5 veces o salario mínimo, que UUAA considera “moi pouco” tendo en conta “o diñeiro que arrisca e que ten investido para poder producir”. O apoio das subvencións da PAC, que representa de media máis dun 30% dos ingresos das explotacións, segundo o estudo de Juana de Vega, compensa en parte os baixos prezos da carne e contribúe a equilibrar as contas das ganderías. Maior transparencia UUAA considera necesario “dotar de transparencia ao sector”. “Deberiamos ter en marcha a día de hoxe, porque ese era o compromiso da Xunta de Galicia, un Observatorio de Prezos público, que referenciase mensualmente o valor das distintas categorías cos custos de produción, pero non o temos”, queixouse. Iso deriva, dixo, nun “incumprimento flagrante das leis” ante a falla de mecanismos de control. “Da Aica galega tampouco sabemos nada”, dixo. Abrir novos mercados En canto ao mercado, para o responsable de producións extensivas de UUAA, “o futuro ten que vir por buscar mercados fóra de Galicia”. “En Galicia no sector cárnico temos un problema moi importante que ten que ver con que máis do 50% da carne que se produce se consume aquí. É imprescindible para que este sector teña viabilidade que parte da produción saia fóra da comunidade; hoxe só temos capacidade para comercializar no Levante, en Madrid e en Cataluña”, explicou.
Fóra de Galicia a xente dalle máis valor á nosa carne e está disposta a pagar un pouco máis
En Galicia non podemos subirlle máis a carne ao consumidor porque as cadeas de distribución que venden esa carne estannos a dicir que máis suba frea o mercado e fai que corramos o risco de que carnes baratas de fóra entren e ocupen ese espazo, polo tanto o mercado galego temos que mantelo e coidalo pero non podemos pensar que nos vai dar máis valor engadido.  Fóra de Galicia, sen embargo, a xente dalle máis valor á nosa carne e está disposta a pagar un pouco máis. Froito do acordo sectorial asinado destinouse máis dun millón de euros de fondos da Xunta a unha campaña de promoción para abrir novos mercados que non logrou resultados”, dixo. Maior apoio ó leite no cobro de axudas “O sector cárnico, aínda facendo unha labor medioambiental máis importante, cobra menos da metade das axudas da PAC que percibe o sector leiteiro, xa que mentres unha vaca de leite ten unha axuda asociada de 150 euros, unha de carne cobra 85”, cuestiona.
Hai unha discriminación na PAC do sector de vacún de carne; ao final cobramos menos da metade das axudas que cobra o sector do leite facendo o dobre de función medioambiental
A mesma discriminación prodúcese, dixo, no resto de axudas implementadas nos últimos anos: “pola guerra de Ucrania o sector leiteiro cobrou 56 millóns de euros mentres o sector da carne só 23 millóns e das axudas pola seca o sector do leite colleu case 5 millóns e o da carne 6,4 millóns”, detallou.
https://www.campogalego.gal/medio-rural-cifra-en-85-000-os-animais-que-se-beneficiaran-da-axuda-para-ixp-ternera-gallega/

Unións demanda máis fondos da Xunta para a promoción de Ternera Gallega

Unións Agrarias vén de emitir unha nota de prensa na que empraza á Consellería do Medio Rural a achegar fondos suficientes para cumprir cos obxectivos de promoción e apertura de novos mercados definidos na Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico. A organización indica que se produciu un “acusado” descenso do orzamento do Consello Regulador para promoción no vindeiro ano. Por iso, a organización pide que a administración autonómica dea un paso cara adiante e cumpra cos obxectivos e a folla de ruta marcadas pola Xunta de Galicia. No documento da Estratexia establecíase un investimento anual mínimo de 800.000 euros en accións promocionais encamiñadas á apertura de novos mercados para a carne de vacún, alén das fronteiras galegas. Porén, segundo indican dende a organización, o Consello contará con 500.000 euros para esta finalidade. “Unha importante redución que lastra as posibilidades de actuación e que supón un freo ao indispensable esforzo que o sector produtor precisa neste eido”. A organización agraria incide en que o 85 % dos fondos dos que dispón o Consello Regulador de Ternera Gallega son achegados polo propio sector, polo que insta á Consellería “a dar un paso cara adiante para complementar esa partida e poder cumprir cos obxectivos establecidos por ela mesma”. Propostas para unha maior transparencia na relación entre granxas e industrias No pleno do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida, que tivo lugar esta semana, a organización demandou a posta en marcha de medidas que acheguen “transparencia e garantías” á relación entre produtores de carne e industrias. Así, avoga por definir un faenado tipo das canais e que o Consello certifique os pesos dos animais antes da súa entrega á industria. Tamén defendeu a súa proposta para que dende a entidade se controle a calidade nutritiva dos pensos. “Esta medida permitirá avanzar cara a unha produción máis homoxénea e mellorar a percepción das carnes de Ternera Gallega por parte das persoas consumidoras”, defenden dende UUAA.

A axuda por becerro de Suprema será de 200 euros e de 36 para os xatos de cebadeiro

Reunión de Balseiros este xoves con representantes da asociación Gandeiros Galegos da Suprema O director xeral de Gandaría, José Balseiros, reuniuse este xoves en San Caetano con responsables da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, nun encontro no que lles detallou o importe previsto das axudas que a Xunta dará aos produtores de vacún de carne amparados baixo a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. Segundo traslada a Consellería, a convocatoria destas achegas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas próximas semanas, previsiblemente antes de final de ano, de maneira que os produtores poidan solicitalas e cobralas no primeiro trimestre de 2024. Balseiros lembrou que “estas achegas están enmarcadas nun contexto definido polos custos de produción e dentro do compromiso do Goberno galego co sector e cos produtos agroalimentarios da máxima calidade”, dixo. 24 millóns de euros de fondos propios da Xunta O importe total das axudas será de 12 millóns de euros para esta convocatoria e outros 12 millóns na prevista para o ano que vén, xa que a Xunta efectuará un novo pago a comezos de 2025 polos animais marcados co selo da IXP que sexan sacrificados durante o ano 2024. A contía por becerro marcado como Suprema sacrificado no 2023 será duns 200 euros aproximadamente, que se pode incrementar lixeiramente dependendo do número total de canais que haxa a 31 de decembro. Establécese un tope máximo de 20.000 euros por explotación, derivado da normativa de mínimis. No caso das axudas para os cebadeiros inscritos na IXP, a contía será de 36€ por animal, cun tope de 10.000 euros por produtor. Satisfacción na asociación Gandeiros Galegos da Suprema Desde Gandeiros Galegos da Suprema, a entidade que considera que promoveu esta axuda, por medio das tractoradas e concentracións levadas a cabo a pasada primavera en Lugo, mostran a súa satisfacción polo feito de que o compromiso do conselleiro José González se vexa finalmente materializado. “Estamos contentos porque se cumpriu o prometido”, asegura Santiago Rego, presidente do colectivo, que destaca o feito de que se trate de “fondos propios da Xunta”. “Se foran fondos doutro tipo, por exemplo fondos da PAC, sería detraelos do propio sector”, argumenta.   Santiago Rego considera que esta axuda servirá tamén para impulsar a propia IXP, posto que “moitos animais que non se estaban marcando pode que a partir de agora se marquen”, di, aínda que iso faga que na axuda do vindeiro ano o importe por animal finalmente resultante se vexa reducido. “É un factor que pode penalizar de cara ao cobro previsto para 2025”, admite.
Pensamos que é importante dar estabilidade ao sector e que esta nova liña de axudas se manteña no tempo; así llo pedimos á Consellería
Aínda que o compromiso acadado inicialmente pola Xunta era o de manter esta axuda durante dous anos, desde a asociación xa lle solicitaron formalmente á Consellería que esta nova liña se manteña no tempo máis aló de 2025. “Pensamos que é importante dar estabilidade ao sector, xa que é necesario garantir a rendibilidade das explotacións de vacún de carne en extensivo se desde a Administración queren que sigamos coidando do territorio e mantendo poboación no rural”, argumenta Santiago Rego, presidente da asociación, que celebra o vindeiro luns, 18 de decembro, a súa asemblea anual de socios, onde se explicarán os pormenores deste cobro por parte das explotacións. Preocupación pola lingua azul e a EHE Os representantes da asociación de produtores de Suprema reunidos este xoves con Balseiros trasladáronlle tamén a preocupación que hai entre os gandeiros polo avance de enfermidades como a lingua azul ou a Enfermidade Hemorráxica Ezpizoótica (EHE). O director xeral de Gandería explicoulles que se manterá a campaña de vacinación contra a lingua azul e que nas zonas decretadas de vacinación obrigatoria vai ser a custo cero para as explotacións. A morte de animais afectados por estas dúas enfermidades, tanto por lingua azul como por EHE, vanse indemnizar pola mesma vía que a prevista para as campañas de saneamento e baixas por tuberculose.

O cambio no Regulamento de Ternera Gallega Suprema, sobre a mesa da Consellería para enviar a Bruxelas

Este xoves houbo tamén Pleno do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega. Foi o seguinte ao do 8 de novembro, no que se aprobou o cambio no Regulamento para esixir un acortellamento de dous meses aos animais que sexan sacrificados despois dos 8 meses dentro da categoría Suprema. O cambio está agora sobre a mesa da Consellería, que ten que darlle traslado para a súa aprobación definitiva por parte da Comisión Europea. Até o mes de febreiro non volve a haber Pleno do Consello Regulador (que dispón ademais dunha Comisión Técnica e unha Comisión de Promoción) e na xuntanza deste xoves non se falou do asunto, logo da polémica xurdida nas últimas semanas entre partidarios e detractores desta medida.
As obras e reformas para habilitar espazos para o acortellamento nas ganderías poderán solicitarse como Plans de Mellora ou dentro dunha liña específica que está previsto que habilite a Consellería
Está previsto que as ganderías que precisen facer obras ou reformas para dispoñer de espazos nos que acortellar aos animais poidan solicitalo a través da convocatoria ordinaria de Plans de Mellora no 2024, aínda que a Consellería comprometeuse tamén a habilitar unha liña específica de axudas con esta finalidade.

A Fruga di que obrigar a acortellar os xatos de Suprema “favorece os intereses dos cebadeiros e a grande distribución”

A Federación Rural Galega (Fruga) manifesta o seu “desacordo” coa modificación regulamentaria dentro da IXP Ternera Gallega para a categoría Suprema, xa que considera que esta medida “vai supor un serio prexuízo para moitas gandarías galegas, que realizan un sistema de manexo totalmente extensivo”. “Con esta proposta o Consello Regulador parece indicar que todos os problemas da categoría Suprema se reducen ao proceso de acabado e en consecuencia todos os xatos terán de ser estabulados antes de ser sacrificados, unha obriga que de se impor vai impedir que moitas explotacións que optan polo sistema extensivo e pola alimentación en base a pastos, rotando o gando nas distintas parcelas, non poidan clasificar os seus animais como Suprema”, denuncian.
Non é de recibo que sexan os produtores con sistemas extensivos os que teñen que sufrir as consecuencias destes cambios para favorecer os intereses da agro-industria
A Fruga non entende esta proposta, xa que a súa aplicación, din, “pode provocar un descenso importante no número de xatos sacrificados baixo esta categoría, na medida en que diante da necesidade de ter de afrontar gastos para adecuar as instalacións, e mesmo a posibilidade de acrecentar as dificultades no manexo das explotación, as ganderías poden non optar por este método de finalización e en consecuencia prefiran optar por vender os xatos ao finalizar o período de aleitamento, aínda a costa de ver minguados os seus ingresos, e deste xeito o que se verá acrecentado vai ser o número de xatos que van ser sacrificados como animais de cebadeiro”, argumenta Elías Somoza. “A filosofía da agro-industria, con respecto a este tema é moi clara, prefiren unha redución da Suprema, utilizando esta marca única e exclusivamente como produto reclamo que lle dá un grande prestixio a IXP diante dos consumidores, e por detrás sacrificar o maior número de animais de Ternera Gallega normal, a través de fenómenos de integración, e outro tipo de métodos intensivos de produción”, aseguran.
Os cebadeiros, ante a redución do número de vacas de leite que se está a dar, precisan que unha parte das ganderías de Suprema se convirtan en subministradores de xatos para eles
“Nestes momentos estamos observando como os cebadeiros, ante a redución do número de vacas de leite que se está a dar no país, precisan mercar os xatos para cebar noutras gandarías, e evidentemente soamente os van poder substituír mercándoos nas gandarías que fiquen excluídas da categoría Suprema, conseguindo que unha parte das explotacións extensivas do noso país se convertan en materia prima dos cebadeiros”, argumentan. “Non é de recibo que soamente sexan os produtores con sistemas extensivos os que teñen que sufrir as consecuencias destes cambios no regulamento para favorecer os intereses da agro-industria”, conclúe a Fruga.

“As ganderías de vacún de carne que mellor aproveitan o pasto son as que gañan máis cartos”

Integrantes do Grupo Operativo durante a xornada de presentación de resultados do primeiro ano O Grupo operativo Carne de Vacún a Pasto vén de presentar os resultados do primeiro ano de estudo técnico-económico en 26 ganderías galegas, que revela grandes disparidades en canto a manexo e resultados pero do que se pode sacar unha conclusión: “As ganderías que mellor aproveitan o pasto son as que máis destacan tamén en termos de rendibilidade”, segundo explica Mar Pérez Fra, profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e integrante deste grupo operativo de dous anos de duración, que rematará os seus traballos en setembro de 2024. Deste grupo operativo forman parte a USC, as entidades de aconsellamento XAN e Celtia, a cooperativa de produtores de carne Almoga de Vilalba, a gandería O Igrexario de Ortigueira e José Manuel Caridad Regueiro, que se adica a cebar bois.
Temos o sector abandonado, en investigación trabállase moito en leite pero moi pouco en carne
O obxectivo dos traballos é identificar que modelos de manexo e alimentación do gando son máis rendibles e establecer pautas ás ganderías coas que lograr un mellor aproveitamento do pasto a través da mellora das técnicas de pastoreo aplicadas.   As ganderías familiares, máis eficientes “As ganderías familiares son máis eficientes, xa que adican o 47% dos ingresos a pagar gastos, mentres que nas explotacións de maior tamaño, con maior porcentaxe de superficie arrendada e maior dependencia de man de obra contratada, a ratio de custos sobre os ingresos elévase ao 79%, polo que teñen unha menor marxe”, explica Ibán Vázquez, profesor de Economía Aplicada da USC e autor do estudo económico comparativo entre as 26 granxas analizadas.
As granxas familiares destinan o 47% dos ingresos a pagar gastos, mentres que nas de maior tamaño increméntase ata o 79%
Estes cálculos están feitos en base aos datos do 2022, logo dunha recollida individualizada granxa a granxa de distintas variables económicas (ingresos, custos, marxes) e  produtivas (superficie, porcentaxe de arrendamento, número de cabezas, carga gandeira, sistema de pastoreo empregado, traballo anual e porcentaxe de traballo asalariado). En base a estes parámetros, establecéronse dous grupos: Grupo 1, con ganderías de maior tamaño, con maior SAU e UGM e maior porcentaxe de fincas arrendadas e traballo asalariado, e Grupo 2, ganderías de menor tamaño e man de obra fundamentalmente familiar.   Das 26 granxas, 11 atópanse na provincia da Coruña, outras 11 na de Lugo, 3 en Pontevedra e 1 en Ourense. Todas elas empregan o pasto para alimentar ao seu gando, aínda que de distinto xeito: “o que predomina é o sistema de pastoreo continuo ou semicontinuo, pero mentres que nas de maior tamaño e intensificación teñen preferencia por este sistema, as granxas máis pequenas usan máis o sistema de limitación do pasto con fío dianteiro e fío traseiro”, explica Ibán.
Pretendemos ofrecer unha tipoloxía dos manexos máis rendibles na produción de carne con pastoreo
Das 26 granxas analizadas, 19 fan pastoreo en convencional, 3 están en ecolóxico e 4 no período de conversión e obsérvanse diferenzas claras de manexo dos animais no pasto, pois mentres as explotacións máis grandes manteñen unha media de 5,6 días ao gando na mesma parcela, nas ganderías máis pequenas redúcese a tan só 2 días. “Un maior número de días na mesma parcela indica unha peor xestión do pastoreo”, aseguran os autores do estudo. Retorno económico do uso de concentrado Os dous grupos de ganderías, tanto as de maior tamaño como as familiares, venden os seus becerros próximos aos 10 meses de vida e o peso medio é practicamente o mesmo (223 kg/canal no Grupo 1 e 222 kg/canal no Grupo 2). Pero varía o xeito de lograr eses rendementos, xa que as ganderías máis grandes comezan o cebo un mes e medio antes (aos 5,3 meses de media) con respecto ás granxas familiares (6,8 meses de media) e empregan tamén unha maior cantidade de concentrado, en concreto 56 quilos máis (766 kg de penso por animal no Grupo 1 fronte a 710 no Grupo 2).
Dase a contradición de que as ganderías que empezan a cebar antes e usan un 8% máis de penso obteñen despois un menor prezo de venda nos xatos
En canto ao prezo de venda dos xatos, as ganderías familiares logran un maior prezo (5,1€ kg/canal no ano 2022) fronte ás explotacións de maior tamaño (4,8€ de media). “As que empezan antes o cebo gastan máis penso pero cobran ao final 30 céntimos menos por kg/canal”, explica Ibán. En canto á marxe neta final resultante, é moi inferior nas ganderías máis intensivas, polo que precisan ir a un maior volume para ser rendibles, fronte ás granxas familiares, que duplican a marxe por cabeza, hectárea e traballador: 243 €/UGM no Grupo 1 fronte a 701€ no Grupo 2; 299€ por hectárea de SAU no Grupo 1 fronte a 847€ no Grupo 2; 5,6€ por hora traballada no Grupo 1 fronte a 13,2€ no Grupo 2. “Se melloramos o pastoreo melloramos a rendibilidade” O asesor Xan Pouliquen, coordinador do grupo operativo, tira unha conclusión clara destes datos: “se melloramos o pastoreo, melloramos a rendibilidade da explotación”. Por iso, di, a posibilidade de criar vacún de carne con pasto en Galicia representa unha oportunidade económica. “Non falamos de usar só pastoreo, senón de usar o máximo pastoreo posible”, aclara. Pero “non se pode facer iso con calquera tipo de pasto ou de sistema de pastoreo”, indica. “Hai unha diferenza importante cando temos unha parcela grande onde os animais están 5 ou 10 días na mesma finca, algo que é unha práctica habitual en Galicia, ou cando metemos o gando nunha parcela con herba espigada, con respecto a un sistema organizado rotacional máis racional. Se facemos outro tipo de pastoreo somos capaces de sacar máis rendemento económico nas granxas”, asegura. Neste tipo de pastoreo máis dirixido, “os animais non se moven practicamente do sitio e meten continuamente bocados de herba de grande calidade na boca, fronte a outros animais que andan por unha finca moi grande buscando que comer ou escollendo a herba que comen”, compara. Ideas preconcebidas que son falsas “Se hai tanta diferenza de beneficios entre granxas é porque non hai criterio técnico, e séguese funcionando un pouco con ideas preconcebidas, como por exemplo que os xatos pasteiros non teñen calidade, que a herba non aporta enerxía ou que non se poden criar becerros só a pasto, cando ningunha delas é verdade. O que haberá que ver é en que momento do ano se pode facer e de que maneira, porque hai épocas do ano en que a calidade da herba é superior á calidade do penso”, afirma Xan.
Non fai falta un acabado para que un gandeiro gañe máis cartos
“Os datos deste primeiro ano de análise dinnos que se facemos unha produción máis intensiva e de máis volume perdemos cartos fronte a se facemos unha produción mais extensiva en base a máis pasto”, asegura. A clave está, di, na redución de gastos porque “o importante son os custos de produción, non é se vendes por uns céntimos máis ou por uns céntimos menos”. “Non fai falta un acabado para que un gandeiro gañe máis cartos. Cun bo pasto e movendo o gando todos os días pódense conseguir crecementos de máis dun quilo diario nos becerros sumando a un pasto de calidade o leite da nai”, conclúe.    “As vacas teñen que parir no momento adecuado” Ruth Rodríguez, profesora da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, destacou que “o pasto é un dos recursos máis baratos que ten unha gandería, polo que canto máis pasto se poida empregar, máis se diminúen os custos e máis beneficios se van ter”. “Estamos nunha das zonas do mundo con maior crecemento da vexetación. Producir en base a pasto é un sistema que eu cualificaría de resiliente, porque o pasto vainos abaratar moitísimo os custos de produción”, insistiu.
Non se poden ter xatos fóra nos meses de xaneiro e febreiro, cando non hai pasto para darlles
Esta veterinaria contou a súa experiencia en Nova Zelandia hai 9 anos para a realización da súa tese de doutoramento. “Traballaban con angus e levaban xa 60 anos agrupando partos e traballando co sistema de fío diante e fío detrás para pacer. Alí basean todo o seu sistema produtivo, tanto en leite como en carne, en que as vacas teñen que parir no momento axeitado para aproveitar o pasto. En realidade, os gandeiros alí son produtores de herba, non de gando”, destaca. “Se concentras os partos podes aproveitar moito mellor o pasto e reducir moito os custos de produción. Non podes ter becerros grandes fóra nos meses de xaneiro e febreiro, cando non tes que darlles de comer. Para min esa é a clave da rendibilidade das explotacións”, defendeu. “Podemos producir barato; é unha vantaxe competitiva” Para Santiago Crecente, investigador do CIAM, o pasto é “a única oportunidade” que teñen as explotacións de vacún de carne galegas para poderen ser competitivas. “Non coñezo ningunha explotación que teña vacas nodrizas en Galicia que non faga un aproveitamento do pasto, sexa máis ou menos intensivo ese aproveitamento. Esa é unha vantaxe importante que temos en Galicia sobre outras partes do Estado. Temos a oportunidade de producir barato en base aos pastos que temos, que noutras comunidades non teñen”, lembra.  
É unha oportunidade producir en base a pasto; outra cousa é producir exclusivamente en base a pasto
Pero Santiago defende que se debe suplementar aos becerros con concentrados na fase final de engorde. “O consumidor ten unha percepción negativa do concentrado, pero o penso non é algo malo. Os becerros cómeno ben, medran moi ben e permite un bo crecemento e engraxamento dos animais. Pero producir exclusivamente en base a concentrado non é o camiño”, defende.
Os concentrados, de por si, non son malos, outra cousa é a procedencia e o que iso implica sobre a sustentabilidade ambiental
Nos ensaios realizados en Mabegondo lograron ganancias de ata 2 quilos de peso vivo ao día cun período de finalización dos xatos de 2 meses ou 2 meses e medio. O investigador do CIAM asegura que ese cebo “pode facerse fóra mediante un acurralamento con sombra”, polo que “obrigar á xente a facer cortes é un erro”. “Temos que chegar ao consumidor co produto que el demanda” José Gómez Viaño, secretario executivo da IXP Ternera Gallega, admite que “todo o que sexa utilizar os recursos que temos na explotación é positivo” pero fai fincapé na necesidade de “producir o tipo de canal que o mercado demanda”. “O produto que obtemos ten que ser vendible, non só se trata de producir, senón de chegar ao consumidor cun produto que el demanda. Non podemos esquecer que producimos para o mercado, non producimos por producir, por iso temos que pensar sempre no consumidor. Se reducimos custos pero tampouco conseguimos unha calidade axeitada non estariamos facendo o que o mercado nos pide”, argumenta.  
Se reducimos custos pero tampouco conseguimos unha calidade axeitada non estariamos facendo o que o mercado nos pide
Gómez Viaño defende a necesidade de desestacionalizar os partos como xeito de favorecer a comercialización da carne e incrementar os ingresos das granxas. “Na produción de Suprema temos 15.000 becerros que nos saen ao mes en febreiro, marzo e abril fronte aos 8.000 que saen en setembro. Iso implica unha presión enorme sobre o mercado á hora de dar saída no inverno a ese número de animais. Xa sei que é imposible equilibrar completamente cunha distribución uniforme dos partos ao longo do ano, pero desviando só un 15-20% dos partos da primavera ao outono teriamos uns resultados económicos moito mellores nas ganderías”, asegura. Mais recoñece que “é certo que complica outras cuestións, como a alimentación, porque implica un manexo moi diferente”.  

Distintas estratexias: venda ao destete antes dos 8 meses, cebo con penso ata os 10 meses ou dar só herba e alongar a idade de sacrificio até os 15 meses

Público asistente ao debate sobre os distintos modelos de utilización do pasto en vacún de carne Dentro das case 20.000 ganderías de vacún de carne existentes en Galicia conviven diferentes modelos de manexo e alimentación do gando, así como distintas estratexias de comercialización da produción. Unhas 7.000 están dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, polo que teñen que comercializar os seus animais antes dos 10 meses de idade. Todas elas fan, en maior ou menor medida, un aproveitamento do pasto. Hainas que teñen un manexo do gando totalmente extensivo e empregan o pastoreo como única fonte de alimentación para o gando, suplementando unicamente con forraxes ensiladas ou herba seca nos momentos de escaseza. Outras, pola contra, fan un manexo máis tradicional, cos xatos na corte e botando as vacas fóra a pacer só polo día. Noutros casos combinan os dous sistemas, coas vacas sempre fóra acompañadas dos becerros até os 7 ou 8 meses e estabulando e cebando posteriormente os xatos nos meses finais antes do sacrificio, algo que o Consello Regulador quere estandarizar.
En Galicia existe unha grande disparidade de manexos, razas e cruces, o que leva a múltiples maneiras de producir en función das condicións da gandería e as preferencias do gandeiro
Outras, sen embargo, prefiren mandar os becerros ao matadoiro directamente desde o pasto, algo que seguirá sendo posible sempre que non teñan cumpridos os 8 meses de idade. E mesmo as hai que están fóra da IXP e prefiren alongar a idade de sacrificio até máis aló do ano de idade para favorecer o engraxamento natural dos animais, que despois son comercializados directamente a través de carnicerías ou clientes particulares. “Abro pasto novo cada 12 horas e este ano non din penso” A de Abel Fernández López, granxa O Igrexario, de Ortigueira, é unha das ganderías participantes no estudo. “Empecei no 2016 en Ternera Gallega Suprema e para min o pasto é outro concentrado máis. O aporte máis importante que dou ao gando é ese, porque é o recurso máis económico que teño na granxa e non poido desperdicialo”, destaca.
Para min o pasto é outro concentrado máis
Na zona norte da costa da Coruña, na que está a gandería de Abel, hai pasto case todo o ano. “Non ten sentido non usalo, outra cousa é como o xestionamos e como conseguimos unha canal comercializable. Eu este ano mandei todos os xatos sen penso. Pero se che coincide que teñen que saír no inverno igual tes que dar penso, porque non sempre tes a mesma calidade de pasto”, matiza.
Eu como gandeiro só me dedico a manexar custos porque o prezo de venda dos xatos non o poño eu
Abel trata de sacar ao pasto todo o rendemento que pode, para o que fai un manexo no que move dúas veces ao día ás vacas na parcela. “Ábrolles pasto novo cada 12 horas, polo que eu case estou encuadrando no campo, porque case non se moven do sitio”, di. “Eu como gandeiro só me dedico a manexar custos e cando estamos nunha época coma esta, de custos de produción altos, temos que aproveitar o pasto como principal recurso que temos. Logo, á hora de comercializar, é un xogo entre dous, o que quere a industria e o que podo dar eu de maneira rendible”, conclúe. “Sacrifico aos 8 meses, cando aínda conservan a graxa do leite” David López García é un gandeiro da Mariña que ten as vacas pacendo os 365 días do ano, logrando machos co nivel 2 de graxa e femias con 2-3 de graxa. “Sacrifico aos 7-8 meses, ao destete, cando aínda non perderon a graxa que lles aporta o leite materno. Logro animais de 180 kg canal, aí é cando son rendibles; porque despois xa hai que gastar neles”, afirma. En relación ás críticas da IXP pola menor calidade dos becerros pasteiros, David argumenta que “o problema vén cando os xatos se destetan e quedan outro mes e medio ou dous meses no prado ata que se mandan ao matadoiro, porque aí é cando perden toda a graxa”, di.
Os meus becerros comen a terceira parte do penso que come un da corte
“Non se pode meter todo no mesmo saco e dicir que os becerros do pasto son malos. Non é comparable todo Galicia. Os que temos esa oportunidade non tiñamos a necesidade de meternos en gasto estabulando e cebando. O que conta é a clasificación da canal; o que conta é o resultado colgado, non como se logra ese resultado, porque se os temos estabulados pero están mal estrados, chove dentro ou o comedeiro está baleiro, de pouco vale telos estabulados. Coas tolvas fóra e o penso a libre disposición a partir dos 4 meses, evitas pneumonía, rotura de patas, sacar esterco e moito traballo. Os meus becerros comen a terceira parte do penso que come un da corte”, explica. “A min éme imposible cebar a pasto cando non o teño” Erik Paisán Fernández é un gandeiro de Pereiro de Aguiar, onde as condicións para o pasto non son as mesmas que na Mariña de Lugo ou en Ortegal. “A min éme imposible cebar a pasto cando non o teño, nos meses de agosto, setembro e outubro pola seca e no inverno polas xeadas”, conta. O seu sistema de manexo inclúe a estabulación dos xatos. “Temos fóra vacas e becerros ata os 6-7 meses con tolvas para que logo non estrañen o penso cando os metemos dentro. Eu non podo pacer o mesmo que fan David ou Abel, porque se teño o becerro mamando na vaca fóra ata os 8 meses en pleno mes de agosto, quedas sen a vaca e o becerro”, asegura. Xan Pouliquen, coordinador do grupo operativo Vacún de Carne a Pasto, recoñece que as condicións para o pastoreo non son as mesmas en toda Galicia pero que é posible facer melloras tanto no manexo do gando como nas especies sementadas para preservar a pradeira durante máis tempo. “O sistema de pastoreo imperante en Ourense é nefasto, catrastrófico. Mellorando ese sistema podemos reducir a seca e ter pasto un mes máis”, asegura.

Acruga evita posicionarse sobre a esixencia de acortellar os xatos de Suprema para o cebo

Sinatura do convenio de colaboración entre Acruga e a IXP Ternera Gallega A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) non se posiciona en relación á modificación no Regulamento de Ternera Gallega Suprema para esixir un cebo final dos xatos durante dous meses, nos que os animais deberán permanecer acortellados ou en cobertizos que os protexan das inclemencias meteorolóxicas. Diante da polémica xurdida entre partidarios e detractores, o presidente da entidade, César Dorado, prefire navegar entre dúas augas: “Haberá gandeiros aos que non lles gustará ese cambio e haberá outros aos que si; é moi complicado pronunciarse nun sentido ou noutro e eu non estou nin en contra nin a favor”, afirmou este xoves durante a sinatura dun convenio de colaboración co Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia. César Dorado evitou deste xeito botarlle un capote a Ternera Gallega neste acto, que se celebrou na Facultade de Veterinaria de Lugo e no que estaban tamén presentes representantes da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema e do sindicato UUAA, que en ámbolos casos xa mostraron publicamente o seu respaldo á medida. “Supoño que o que está buscando Ternera Gallega con ese cambio é que os tenreiros cando van ao sacrificio vaian algo mantidos e teñan algo de graxa”, argumentou César Dorado diante de Jesús González, o presidente do Consello Regulador, a entidade que promoveu a modificación no Regulamento da IXP aprobada no Pleno o pasado 9 de novembro.
Non queremos entrar en demagoxias nin en dialécticas que o único que fan é dividir; aquí estamos para sumar (Jesús González)
Jesús González, que inicialmente avanzara a súa intención de non falar do asunto, xa que o consello xa emitira unha nota sobre o tema, viuse obrigado a tomar a palabra para matizar ou “afondar” no dito por César Dorado: “O que busca o Consello Regulador é fundamentalmente mellorar a calidade do produto final; queremos canais máis engraxadas e homoxéneas, que teñan un mellor prezo de venda e iso pasa por mellorar a calidade do produto final”, asegurou. O presidente da IXP defendeu a medida como o resultado dun proceso de debate de máis de dous anos, recollido na Estratexia da Carne e no Manual de Manexo de Ternera Gallega Suprema, dous documentos elaborados coas aportacións do propio sector, e que conclúen que a disparidade na conformación e o engraxamento das canais prexudica a súa comercialización. “O Consello Regulador o que trata é de recoller as inquedanzas que hai no sector e, de acordo con esas inquedanzas, tomar decisións”, asegurou, polo que pediu “respectar esas decisións de acordo cos criterios democráticos”. “Non queremos entrar en demagoxias nin en dialécticas que o único que fan é dividir; aquí estamos para sumar”, concluíu. Novo peche do centro de recría da Granxa Gayoso Castro César Dorado tamén confirmou que o centro de recría de Acruga, ubicado na Granxa Gayoso Castro, propiedade da Deputación de Lugo, volve estar neste momento “inmobilizado” como consecuencia dun caso dubidoso de tuberculose nun dos animais.
Non é a primeira vez que se produce o peche do centro de recría, o que afecta ás subastas organizadas por Acruga
“É cousa de enfermidades; din que hai unha xovenca alí dubidosa e cando isto pasa cando vai o saneamento, inmobilizan a granxa, de maneira que non podes nin sacar para vida nin meter alí xovencas. É unha cousa que non ten moito máis que dicir;  a sanidade é así”, finalizou.  

Un de cada 5 euros que Ternera Gallega destine a promoción será para ‘vender’ a rubia galega

Acruga e Ternera Gallega quixeron escenificar este xoves a súa “unión” mediante a sinatura dun convenio de colaboración de 20 anos de duración que dá continuidade aos asinados no 2010 e 2022. O obxectivo é que toda a carne de calidade da raza rubia galega saia ao mercado correctamente etiquetada co nome da raza. “O convenio en si non ten unha contraprestación económica por ningunha das dúas partes, pero si establece que se destinará por parte do Consello Regulador un 20% dos seus fondos de promoción especificamente para promocionar a carne de rubia galega amparada pola IXP”, explicou Jesús González. O novo convenio ten como aspectos máis significativos que a carne procedente dos animais inscritos no Libro Xenealóxico da raza rubia galega, xa sexan tenreiros, vacas ou bois, sairán ao mercado obrigatoriamente con etiquetas diferenciadoras: Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega, Vaca Galega-Carne de Rubia Gallega e Boi Galego-Carne de Rubia Gallega.
O convenio ten unha vixencia de 20 anos pero cada 5 farase unha revisión sobre o seu funcionamento e os resultados acadados
O compromiso das dúas entidades, tanto de Acruga como sobre todo do Consello Regulador, será dar a coñecer as citadas marcas no mercado e entre os consumidores, facendo actividades divulgativas e promocionais conxuntas que fomenten a súa demanda e melloren a comercialización, con especial incidencia no caso da carne de Suprema como o “buque insignia do sector”, en palabras de Jesús González. A entrada en vigor deste convenio de colaboración será o 1 de xaneiro de 2024 e terá unha duración de vinte anos, aínda que cada cinco anos se farán revisións periódicas sobre o seu funcionamento e resultados acadados. 7.000 xatos ao ano comercializados por medio de Acruga Desde os seus comezos, a marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega experimentou un crecemento progresivo, constatándose o seu incremento practicamente durante todas as anualidades, pasando de 2.368 animais certificados en 2013 a preto dos 7.000 cos que se agarda pechar o presente exercicio.
En 2022 só se marcaron 488 canais de Vaca Galega-Boi Galego
Tamén se pretende consolidar a etiquetaxe da carne procedente de vacas e bois nacidos, engordados e sacrifcados en Galicia, que sexan da raza Rubia Gallega. Polo tanto, vaise tratar de dar máis visibilidade aos marchamos Vaca Galega-Carne de Rubia Gallega e Boi Galego-Carne de Rubia Gallega. No último exercicio a IXP de vacún maior só certificou 488 canais, que sumaron 214 toneladas de carne, destinadas principalmente ao sector da restauración. Prestixiar a Rubia Galega dentro de Ternera Gallega Dentro do acordo de colaboración entre Acruga e Ternera Gallega tamén se salienta a colaboración das dúas entidades para fomentar a produción de carne procedente de animais da raza rubia galega, nunha aposta por “defender o patrimonio xenético de Galicia e as nosas razas autóctonas, un dos eixes principais sobre os que xira o prestixio da carne de calidade galega”, afirmou Jesús González. Mentres, César Dorado agradeceu o “traballo” da IXP “en favor da nosa raza fronte a outras foráneas”, se ben, dado que Ternera Gallega marca tamén animais cruzados doutras razas, como a frisona, a asturiana, a limusín ou a blonde, Dorado precisou que a marca de Acruga contribúe a evitar enganos do consumidor: “Avanzamos hoxe na loita contra o engano de usar a nosa raza para vender outras que nada teñen que ver coa Rubia Galega”, asegurou.
Comprometémonos a dar un paso máis, poñendo no mercado a carne de rubia galega perfectamente identificada (Jesús González)
Para cumprir co convenio asinado, a IXP certificará que a carne procedente de tenreiros nacidos e criados nas explotacións gandeiras rexistradas no Consello Regulador, que superasen todos os controis que establece o Regulamento da Denominación en canto a súa orixe, trazabilidade, manexo, alimentación e benestar animal; mentres que Acruga validará que estean inscritos no Rexistro de Nacementos do Libro Xenealóxico da raza rubia galega que xestiona a entidade e que reúnan as características do estándar racial. Acruga conta con arredor de 1.400 gandarías activas, que teñen unha media de case 25 animais por explotación. No referido ao censo, na actualidade conta con máis de 32.500 animais inscritos no Libro Xenealóxico da raza, dos cales o 70% corresponde a reprodutores.

As IXP vitivinícolas de Galicia únense nunha asociación

Unha nova asociación formada polas cinco IXP de viño galegas nace dentro do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e dinamización das IXP de Viño de Galicia”. Trátase dunha iniciativa impulsada polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR Pontevedra Morrazo, GDR Montes e Vales Orientais, GDR Comarca de Ourense, GDR Salnés, Ulla, Umia, GDR Deloa e GDR Mariñas Betanzos) e financiada polo FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural), no marco do programa LEADER, actuando o GDR Pontevedra Morrazo como grupo Coordinador. Entre os obxectivos do proxecto contémplase o impulso do asociacionismo e cooperación entre os diferentes operadores das IXP de viños de Galicia para crear estruturas permanentes de colaboración. Como colofón deste proceso, este luns 27, na Sede de Agacal, tivo lugar o acto de constitución da Asociación de IXP de Viños de Galicia, coa sinatura da acta fundacional e a elección da Xunta Directiva e coa participación das 17 adegas pertencentes ás diferentes IXP: IXP Ribeiras do Morrazo, IXP Barbanza Iria, IXP Betanzos, IXP Val do Miño-Ourense, IXP Terras de Navia. Coa constitución da Asociación mellórase a gobernanza e colaboración entre operadores, reforzando o posicionamento e mellorando a información e promoción das adegas das IXP e dos seus viños. A aposta pola colaboración entre ás adegas das IXP supón, entre outras as seguintes vantaxes: -Unha solución conxunta e máis rendible para afrontar as problemáticas comúns do sector. -A promoción conxunta implica unha maior oferta de produto, máis solvente e diversificada, o que optimiza a comercialización. Tamén supón ter maior capacidade para enfrontarse ao mercado e para asistir a feiras ou eventos. -Increméntanse as posibilidades de acceso ao financiamento público, principalmente no relacionado coa calidade alimentaria. -Aumentan as posibilidades de compartir servizos comúns de carácter técnico, de asesoramento, esixencias normativas,... pero tamén recursos. -Cooperar é necesario para facer a xestión e uso compartido da plataforma común de promoción: https://viños.ixp.gal/es, creada a través do proxecto de cooperación. Isto implicará unha maior difusión e comunicación de todas as IXP e de cada unha das adegas. -Por último, cooperar tamén permitirá a posibilidade de compartir provedores comúns: botellas, cortizas, portaenxertos, fitosanitarios, produtos de limpeza etc. Esta mañá, ás 11 horas celebrouse na sede de AGACAL (Santiago de Compostela) a constitución da asociación das IXP de viño de Galicia. Á cita acudiron representantes das 17 adegas que forman parte das cinco IXP de Galicia. Tras aprobar os estatutos da asociación, designáronse aos titulares da xunta directiva: Presidente/a: María Teresa Maestre Manteca Secretario/a: Luís Sande Lamas Vicepresidente/a: Manuel Cancio López Tesoureiro/a: José Manuel Bandín Castiñeiras Vogal: Enrique Fernández-Perán Martínez Cubells. Outros resultados do proxecto de cooperación O proxecto de desenvolvemento e dinamización das IXP de viños de Galicia ten tamén como finalidade impulsar a viticultura nas IXP de Galicia, desenvolvendo a base territorial das explotacións vitícolas, promocionando os seus viños e adegas e desenvolvendo o enoturismo. Por iso outra das accións realizadas para lograr os obxectivos deste proxecto é a elaboración de estudos preliminares para desenvolver polígonos agroforestais nas IXP de viños de Galicia (mínimo de 10 ha. en cada polígono de cada IXP), que permitan a posible ampliación da superficie cultivada. Tamén foron creados e deseñados cinco itinerarios enoturísticos. Trátase de cinco itinerarios circulares, un por zona, a partir da identificación de recursos do territorio xeoreferenciados (adegas, espazos ou recursos de interese vitícola ou enolóxico, elementos patrimoniais, etc.) Inclúese tamén un folleto enoturístico por cada IXP Ademais, durante o mes de outubro celebráronse catro xornadas divulgativas de viños das IXP de Galicia en catro cidades galegas (Lugo, Ourense, Vigo e A Coruña), que reuniron a máis de 700 persoas. En cada xornada, púidose coñecer unha mostra/exposición de todos os viños que comercializan as IXP de Galicia. Pola mañá, impartiuse unha masterclass de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños das IXP de Galicia da man de Alejandro e Luis Paadín, e pola tarde, con Martiño Santos, realizáronse catas comentadas de viño dirixidas a prescritores, canle Horeca e público xeral.

Ternera Gallega aclara que para o cebo de xatos é suficiente con acondicionar un alpendre

Os cambios no Regulamento de Ternera Gallega Suprema aprobados no Pleno do Consello Regulador o pasado 9 de novembro están a xerar un intenso debate no sector entre ganderías que ceban os xatos na corte antes de mandalos ao matadoiro e as que os mandan directamente do prado. Diante da disparidade de opinións e as dúbidas xeradas en relación ás novas condicións para a marcaxe dos animais, a IXP emitiu este luns unha nota informativa na que trata de aclarar algúns aspectos, como o tipo de instalación que se esixirá para o acortellamento dos becerros ou a súa alimentación durante os dous meses de finalización. En relación co acortellado, o Consello Regulador explica que “é suficiente con que os tenreiros poidan estar nun recinto pechado protexidos das inclemencias climatolóxicas, co cal na maioría dos casos chega con acondicionar algunha palleira vella existente na explotación ou con facer un simple cobertizo que dispoña dunha parede que protexa aos xatos do vento dominante e un tellado a unha soa auga”.
Este tipo de instalacións que respectan a liberdade dos xatos para nada prexudican o benestar animal nin significan un elevado gasto para os gandeiros
“Este tipo de instalacións básicas respectando a liberdade dos xatos para nada prexudican o benestar animal nin significan un elevado gasto para os gandeiros e, en cambio, melloran o ritmo de crecemento e engorde, obtendo canais máis uniformes, susceptibles de acadar un mellor prezo de venda. Ademais, esta finalización dos tenreiros axuda a obter un maior grao de engraxamento e favorece a tenrura e as características organolépticas da carne certificada”, defende o órgano de goberno da IXP, que encabeza Jesús González, que foi reelixido presidente tralas eleccións celebradas no mes de febreiro. Uso de pastos e forraxes O Consello Regulador defende os diferentes sistemas produtivos existentes en Galicia e “sempre vai apostar pola alimentación das vacas e dos xatos con pastos e forraxes obtidos na mesma explotación”, di, definindo como facer a finalización dos becerros: “durante un mínimo de dous meses antes do sacrificio, mantendo aos tenreiros acortellados ou en cobertizos protexidos das inclemencias climatolóxicas e utilizando os recursos alimenticios da propia explotación (silo de millo, cereais, etc), complementados con pensos vexetais cando sexa necesario”.
Sen lugar a dúbidas o pastoreo é un sinal de identidade do noso sector
Aclara ademais que “este engorde final farase nas explotacións onde naceron e se criaron os tenreiros”, podendo seguir utilizando durante eses dous meses “as forraxes na súa alimentación”. Produción en ecolóxico En canto á produción en ecolóxico, o Consello Regulador lembra que vén de aprobar recentemente un acordo de colaboración co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), co apoio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que se vai poñer a andar ao longo do 2024.
Ao longo do 2024 a Ternera Gallega Suprema Ecolóxica sairá ao mercado cunha etiqueta única
Este acordo ten como obxectivo principal a comercialización de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica, ou sexa carne que cumpre as condicións para saír ao mercado amparada polos dous consellos reguladores, cunha etiqueta única. “Iso é posible porque o propio CRAEGA tamén permite a finalización dos xatos, ao entender que se obtén unha carne de mellores cualidades organolépticas e non se vulneran os requisitos específicos da produción en ecolóxico”, asegura Ternera Gallega.

Obxectivo final: recuperar a tradición produtiva para acadar mellores prezos de venda

O Consello Regulador da IXP defende a medida adoptada na necesidade de lograr maior uniformidade nas canais comercializadas dentro do selo de Suprema. “Fai xa varios anos que a industria cárnica galega e a distribución comercial viñan manifestando a existencia dunha certa disparidade no caso das canais certificadas como Ternera Gallega Suprema, tanto no seu peso como na súa conformación e grao de engraxamento”, insiste. Ante esta realidade, di, “no marco da Estratexia do Sector Cárnico e do Manual de Produción de Ternera Gallega Suprema, púxose enriba da mesa para o seu debate a necesidade de facer un engorde final dos tenreiros para obter canais algo máis engraxadas e homoxéneas, que favorecese a súa comercialización e permitise acadar mellores prezos de venda”.
O acordo tomado vai na liña de recuperar, respectar e manter a nosa tradición produtiva
Coa decisión adoptada, “non se vulnera a tradición que lle deu sona á produción en Galicia”, xa que, argumenta, “historicamente e de forma maioritaria as vacas son as que saen pacer todos os días, mentres que os xatos quedan na corte. Pola mañá, antes de saír danlle de mamar ás crías e despois regresan pola tarde para volvelos aleitar. Ese é realmente o sistema tradicional de produción de carne en Galicia. En consecuencia, o acordo tomado vai máis na liña de recuperar, respectar e manter a nosa tradición produtiva”, conclúe Ternera Gallega.

Ternera Gallega seguirá marcando como Suprema os xatos pasteiros que sexan sacrificados con menos de 8 meses

A decisión do Pleno do Consello Regulador das IXPs de Vacún de Carne de Galicia de modificar o actual Regulamento da marca Ternera Gallega Suprema para esixir o acortellamento dos animais a partir dos 8 meses de vida segue a xerar unha enorme controversia no sector. O xoves, durante a presentación dos resultados do primeiro ano de traballo do grupo operativo Carne de vacún a pasto, celebrada na Facultade de Veterinaria de Lugo, o acto acabou derivando nun debate de máis de dúas horas de duración entre o secretario executivo do Consello Regulador, José Gómez Viaño, e o medio cento de produtores presentes, que crían na actualidade os seus animais en extensivo e rexeitan ter que cebalos dentro.
Pode aínda haber cambios no proceso que queda por diante até que a modificación aprobada polo Pleno sexa definitiva e entre en vigor
O secretario executivo da IXP aclarou que a obriga de acortellar os becerros e alimentalos con penso afecta unicamente a aqueles xatos que se envíen ao matadoiro con máis de 8 meses de vida. “Se os sacrificades con 8 meses ou menos non é obrigatorio ningún tipo de cebo nin acortellamento, podédelos seguir mandando directamente desde o pasto”, afirmou.
Os becerros que se sacrifican de 8 meses e veñen de amamantamento raramente teñen problemas de conformación ou engraxamento
“Normalmente os problemas prodúcense nas canais de animais que proceden do prado con idades de 9 e 10 meses e con baixo peso, non nas que van con 8 meses e están aínda mamando na nai”, argumentou. E apoiou a súa afirmación cun dato: “O peso medio de Suprema o ano pasado foron 222 kg/canal, pero hai un grupo de canais, que son 8.500, de animais que foron sacrificados con entre 9 e 10 meses de vida e que pesaron 178 kg de media”. Acortellar ou agrupar no prado os animais? A partir de que o xato cumpra os 8 meses de idade si que será obrigatorio separar da nai e cebar con concentrado, aínda que non está claro se esta finalización deberá realizarse obrigatoriamente na corte ou poderá facerse con algún tipo de infraestrutura mínima no prado. No texto aprobado para a modificación do Regulamento fálase de “acortellar ou agrupar os animais”, o que abriría a posibilidade de levar a cabo o cebo na pradeira, pero engádese “protexidos das inclemencias meteorolóxicas”, o que levaría a ter que contar con algún tipo de cobertizo.
Esíxese acortellar ou agrupar “protexidos das inclemencias meteorolóxicas” a todos aqueles animais que se sacrifiquen despois dos 8 meses
“Haberá que definir o termo agrupar. O aprobado é un primeiro acordo que pode sufrir aínda variacións no proceso que vén por diante. O Consello Regulador fai unha proposta pero a decisión final recae nas Administracións. No proceso de tramitación haberá que aclarar iso, para que os nosos inspectores teñan criterios claros á hora de ir a unha granxa”, recoñeceu o secretario executivo da IXP. Naves con todas as garantías A falta de concreción no tipo de instalación que se vai esixir para o cebo está a xerar dúbidas en relación a se se permitirá o uso de cubertas móbiles para a finalización dos animais na pradeira e se este tipo de sistemas cumprirían con outro tipo de normativas que teñen obriga de aplicar as ganderías, como a de benestar animal ou a de xestión de xurros e estercos. No caso das naves de nova creación, deben contar con estercoleiro cuberto e recollida de lixiviados, o que encarece o custo das instalacións.  “Non temos datos de que número de explotacións teñen instalacións axeitadas para o cebo nin tampouco acerca de que número de granxas neste momento alimentan só con pasto e non ceban os becerros”, recoñeceu José Gómez Viaño en relación ás consecuencias do cambio no Regulamento sobre o tecido produtivo.
En ecolóxico os animais teñen que saír a pacer sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, o que é contraditorio coa obriga de acortellar
Santiago Crecente, investigador do CIAM e vicepresidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, asegurou na súa intervención que “obrigar á xente a facer cortes é un erro” porque “pode facerse cebo fóra mediante un acurralamento con algún tipo de sombra”, afirmou. Este modelo de cebo no prado evitaría o estrés que sofren os becerros ao pasar do prado ao establo e reduciría tamén os riscos de pneumonía habituais nos procesos de acortellamento. Engraxamento idóneo Santiago, que ten realizado ensaios sobre cebo de tenreiros en Mabegondo, afirmou que “o engraxamento é unha característica dos animais adultos, que se logra despois de chegar á madurez sexual”. Por iso, dixo, “só con pasto a esa idade de sacrificio de 9 ou 10 meses os becerros é difícil que engraxen, xa que o pasto é un alimento desequilibrado en enerxía e os animais depositan primeiro músculo e despois graxa. En 10 meses non se logra unha clasificación R3 en base a pasto”, asegurou.   “A maioría dos animais de Ternera Gallega Suprema son de pouco engraxamento. Máis do 60% están no nivel 2 e deles unha parte importante son 2-. Se subimos o nivel de engraxamento esixido a 3 para a Suprema quedarían fóra da marca o 70% dos animais”, afirmou Gómez Viaño. Mentir nas idades Outra das controversias xurdidas durante o debate foi a da falta de fiabilidade nas idades de sacrificio. O secretario executivo de Ternera Gallega recoñeceu que “hai idades que ás veces son algo discutibles”. “Pero vixiar iso corresponde máis á Administración que ao Consello Regulador, nós temos que basearnos na documentación que existe pero hai cousas que non deberían pasar”, afirmou.
O sector tamén é un pouco responsable do que fai. Todos sabemos que hai idades que ás veces son algo discutibles e levamos anos tratando de corrixir prácticas que se estaban xeneralizando nas explotacións
Os gandeiros presentes aseguraron que permitindo enviar sen cebar até os 8 meses e obrigando a acortellar posteriormente estase incitando precisamente a mentir nas datas de nacemento dos xatos para tratar de alongar o período de cría e ter deste xeito unha maior marxe de tempo para a súa venda, ao que Gómez Viaño respondeu: “o sector tamén é un pouco responsable do que fai; levamos anos tratando de corrixir prácticas que se estaban xeneralizando nas explotacións”, insistiu.

“A clasificación no matadoiro deixa vendido ao gandeiro”

José Gómez Viaño, secretario executivo das IXPs de Vacún de Galicia Aínda que o encontro estaba organizado para falar de como un mellor aproveitamento do pasto redunda nunha maior rendibilidade por parte das explotacións de vacún de carne, os cambios na IXP monopolizaron por completo o debate. A maioría dos asistentes decantáronse por clasificar os animais en función da calidade das canais e non por como ese xato foi criado. “As clasificacións deberían facerse en función da conformación e o engraxamento que se observa sobre a canal colgada no matadoiro, independentemente do sistema do que procedan”, defendeu Ruth Rodríguez, profesora da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo. “A maneira máis evidente de esixir aos gandeiros é no matadoiro; hai que ser estritos na clasificación das canais”, argumentou Santiago Crecente, mentres que David López García, gandeiro na Mariña, pediu ao secretario executivo da IXP “unha boa clasificación en matadoiro e criterios uniformes”.
Hai unha liña moi pequena entre un 1+ e un 2- e iso provoca indefensión fronte á industria
Pero José Gómez Viaño asegurou que “hai unha liña moi pequena entre unha canal clasificada como 1+ e outra calificada como 2-” e que “cando hai necesidade de gando sempre se clasifica un pouco para arriba”. Defendeu a necesidade dunha “clasificación previa nas explotacións con criterios obxectivos” antes de ir ao matadoiro para evitar a “indefensión do gandeiro fronte á industria”, porque “unha vez que o animal está sacrificado non ten volta atrás”, dixo. “A clasificación en matadoiro deixa vendido ao gandeiro porque unha vez que o animal está sacrificado, alí colgado, o produtor sempre leva as de perder. Non sei se a mellor fórmula é poñer o prezo unha vez sacrificado, penso que é mellor ter criterios previos, co animal vivo, para establecer ese prezo, porque a liquidación dun animal que sae da explotación marcado como Suprema e perde a categoría no matadoiro pode supoñer unha variación importante no valor do becerro”, insistiu. "Non podemos permitir que o consumidor dubide" “Temos que conxugar a calidade desde a óptica da industria (menor desperdicio) coa calidade desde a óptica do consumidor (aspectos organolépticos, como a cor ou a xugosidade). Por deficiencias nalgunhas canais o consumidor dubida da calidade da carne de Suprema e non podemos permitilo; temos que lograr que o produto responda no mercado”, defendeu.
A homoxeneización está a ser vista como un concepto prexudicial, pero homoxeneizar para mellorar non é negativo
Gómez Viaño asegurou que os cambios no Regulamento están baseados nas conclusións do Plan Estratéxico da Carne, elaborado hai dous anos, onde figuraba como medida a adoptar, e tamén no Manual de Manexo de Ternera Gallega Suprema que encargou a Xunta.
Non teño a sensación de que esteamos promovendo unha industrialización da Ternera Gallega Suprema
“Non teño a sensación de que esteamos promovendo unha industrialización da Ternera Gallega Suprema. Hai 30 anos, cando eu entrei en Ternera Gallega, había moito menos extensivo que hai hoxe. Influiron as políticas europeas e os cambios no sistema de manexo. Non cambian os estándares de produción e non considero, desde a miña óptica, que a modificación aprobada sexa unha industrialización da produción nin vaia en contra das pequenas granxas”, asegurou. O transporte, sacrificio e arrefriamento inflúen na calidade Abel López, da gandería O Igrexario, de Ortigueira, puxo o foco en que a calidade final da carne non depende tampouco en exclusiva do método de cría ou o tipo de manexo realizado polo gandeiro senón tamén doutros factores que non están na súa man. “Se no transporte o camión ten que dar un frenazo brusco os animais estrésanse e esa carne xa é diferente, tamén por como se cargan e descargan os becerros, por problemas co pH no momento do sacrificio ou porque non se agarda o tempo suficiente para meter a canal na cámara, o que provoca o acurtamento das fibras e maior dureza”, describiu.
A calidade final da carne non depende en exclusiva do método de cría ou do tipo de manexo realizado polo gandeiro
“Un arrefriamento rápido non é bo”, admitiu José Gómez Viaño, pero dixo que “o problema non é a dureza da carne, porque iso pode corrixirse con máis tempo na cámara; o problema é o aspecto, tanto a cor como a consistencia, porque é unha carne máis escura e menos firme. O aspecto é moi negativo cando un animal non está ben acabado, sexa a pasto ou a penso. Recibimos queixas sobre que esa carne non ten a calidade esperada, non é unha porcentaxe alta, pero é moi difícil de cifrar”, di. Unha etiqueta verde a maiores da azul e a rosa David López García, gandeiro de Ternera Gallega Suprema da Mariña Outra das propostas xurdidas no debate foi a necesidade de crear unha nova categoría dentro de Ternera Gallega para aqueles animais que proceden directamente do pasto. “Hai que ir a facer 3 etiquetas e non obrigar a facer obras”, defendeu David López.
A solución igual pasa por facer un cruño verde en Ternera Gallega e non por facer establos
O secretario executivo da IXP respondeu que “os primeiros que vos tendes que poñer dacordo no número de categorías que queredes sodes os gandeiros” e indicou que “cantas máis etiquetas máis difícil é a comercialización”. Neste momento existe unha etiqueta azul para a Ternera Gallega convencional (que inclúe a de cebadoiro) e unha rosa para a carne de Suprema, cun reborde amarelo no caso de animais de raza rubia galega inscritos no libro xenealóxico que xestiona Acruga.  Valorar aspectos medioambientais e de benestar Ruth Rodríguez defendeu a necesidade de “valorar aspectos medioambientais e de benestar e non só as características organolépticas da carne” á hora de “vender” a Ternera Gallega para deste xeito ir en sintonía coas novas preocupacións do consumidor.   
Calidade non é só conformación e engraxamento, son moitas máis cousas
“Estase falando sempre como se o consumidor fose único, pero o perfil do consumidor non é un só. O concepto calidade non é o mesmo para todos os consumidores, que poden basearse tamén en criterios éticos ou doutro tipo á hora de mercar. Na xente nova a tendencia é a unha redución no consumo de carne e os que a mercan valoran máis cousas ademais do gusto do bisté que está no prato. Mercarán a carne en base ao sistema no que está producido. Os novos consumidores danlle valor a que sexa producida en extensivo, porque consideran que é máis natural, ten maior benestar animal e mellora a biodiversidade”, afirmou.