Archives

Porriño acollerá o 13 de abril a XXXVI Feira Apícola das Rías Baixas

A XXXVI Feira Apícola das Rías Baixas celebrarase no Porriño o vindeiro 13 de abril. Nesta cita, organizada pola Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, espérase a participación de produtores, artesáns e envasadores de mel. Dentro da Feira tamén se celebrarán xornadas técnicas internacionais sobre apicultura xunto á Feira do Mel e o Mercado de Artesanía. A participación para estar presente na Feira é de balde. Velaquí o programa: 

A IXP Mel de Galicia impulsa a plantación de castiñeiros en Valdeorras para restaurar o hábitat das abellas

A Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia arrincaba o pasado 2023 cunha campaña destinada a honrar e dignificar a apicultura galega baixo o título ‘Un modo de vida’. Seguindo precisamente esta filosofía na que a preservación da biodiversidade, o coidado das abellas e a valorización dun oficio tradicional son o eixo central, o Consello Regulador da IXP lanzaba a iniciativa ‘Elixindo un modo de vida’, un proxecto de reforestación que hoxe, 26 de xaneiro, vía a luz. Así, este venres pola mañá a concelleira de Medio Ambiente do Barco de Valdeorras, Diana Urdangaray, e o Consello Regulador da IXP máis daban por iniciada a plantación de 500 castiñeiros nunha das áreas arrasadas polos incendios en Valdeorras do 2022. Concretamente, na parroquia de Alixo, pertencente ao concello valdeorrés. A elección desta árbore senlleira débese a que se trata dunha especie melífera e autóctona con moito que ofrecer. Ademais de flor para a polinización e a consecución de mel, tamén se obterán castañas nun futuro, contribuíndo así coa dinamización do medio rural. Coa axuda das veciñas e veciños do Barco de Valdeorras puido levarse a cabo esta acción, en coincidencia co Día Mundial da Educación Ambiental que se conmemora este 26 de xaneiro, coa que Mel de Galicia procura crear conciencia sobre a problemática medioambiental a nivel local e global. “A repoboación das zonas queimadas con especies autóctonas é de vital importancia para a recuperación do territorio e para a alimentación das abellas e en consecuencia para a produción do Mel de Galicia. Xurde así a acción medioambiental Elixindo un modo de vida respectuoso co medio ambiente, unha mensaxe en favor dos produtores e dun futuro comprometido co medio ambiente e cas abellas” explican dende Mel de Galicia.

“Un modo de vida”: O filme que homenaxea á apicultura de Galicia

O Consello Regulador da IXP Mel de Galicia presentou este xoves no Pazo de Quián (Sergude – Boqueixón) a peza audiovisual “Un modo de vida”, dirixida polo premiado director galego Óliver Laxe e e protagonizada pola actriz Benedicta Sánchez. Con esta curta búscase honrar un modo de vida, como é a apicultura tradicional en Galicia, e dignificar este oficio tradicional, á vez que se valoriza un produto que compite en calidade a nivel internacional como é o mel galego.  Pode sorprender que o artífice da premiada “O que arde” aceptase dirixir unha peza promocional, xa que non ten por norma facer publicidade. Pero como el mesmo explicou “propóñenme cousas pero nunca estou interesado nas marcas que me plantexan, nunca atopo identificación con elas. Facer publicidade é claramente mais rendible que facer películas de autos, pero o meu tempo e as miñas capacidades non me pertencen a min, son en parte unha responsabilidade que teño na comunidade á que pertenzo. A cooperativa de apicultores Mel de Galicia e o seu mel evocaba moitas cousas que para min eran clave: ser un produto bo para a saúde, estar feito de maneira artesanal, e que dignifique a vida de gandeiros galegos e a vertebración do noso país, do noso rural”. Do mesmo xeito, Óliver Laxe tamén apuntaba ao ambiente creativo e de confianza que se deu no transcurso da rodaxe, dirixindo as súas palabras tanto ao consello regulador como á Benedicta Sánchez, actriz protagonista coa que traballou previamente na súa longametraxe. “As xestoras de Mel de Galicia déronnos confianza e liberdade creativa total, o cal é un luxo nestes días de algoritmos e mercaderes. Un exemplo diso é que a duración da peza é mais longo do normal para redes sociais. Porque nós buscamos contar algo, non buscamos impactar nin tratar ao que vexa esta peza como unha estatística, como un mero consumidor. Buscamos que a xente se sinta identificada co que conta Benedicta na peza: o respecto da liñaxe, da tradición, da transmisión de valores de pais a fillos. O querer facer ben as cousas, sen esperar por un resultado, sen medos, co corazón. Isto era moi importante para nós, que os valores fosen antónimos dese Galicia Cantidade que desgraciadamente vai progresando pouco en Galicia, esa busca do rédito inmediato” sinalou. Ao que engadiu algunhas notas acerca do escenario natural que serve de marco a esta peza audiovisual: “Era tamén importante para min filmalo na miña casa, nos Ancares, que de algunha maneira é unha montaña que garda moi ben as esencias galegas. Filmar a súa paisaxe, o seu patrimonio” destacou. A estrea desta produción contou coa intervención de Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, Óliver Laxe -vía streaming, posto que non se atopaba en España- e Benedicta Sánchez; así como coa presenza institucional do director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria, José Luis Cabarcos Corral, e o alcalde do municipio de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. ‘Un modo de vida’ estará visible a través da canle de Youtube da IXP Mel de Galicia: https://youtu.be/vUicbRE6jvU

Lalín celebrará a segunda edición da Feira Internacional de Apicultura o 28 e 29 de xaneiro

O concello pontevedrés de Lalín acollerá a finais deste mes a segunda edición de Alvariza, Feira Internacional de Apicultura. Celebrarase os días 28 e 29 baixo a Carpa do Cocido, que se instalará no Campo da Feira Vello do municipio, para acoller ó longo destes meses tanto este evento como os organizados arredor da Feira do Cocido. A cita apícola contará con 57 expositores, 11 máis que na primeira edición e consolídase así como un referente autonómico. Estarán presentes as principais asociacións apícolas de Galicia, que representan case ó 90% dos apicultores galegos. Ademais haberá produtores, empresas e especialistas procedentes doutras zonas de España, así como de Austria, Francia ou Macedonia. Como apuntou durante a presentación o organizador do evento, o apicultor lalinense David Liñares, a cita busca ser un atractivo para tódolos públicos. Ofrecerá actividades de interese tanto para apicultores experimentados, así como para aqueles abelleiros que comezan a achegarse ó sector e para un público xeral que poida coñecer e degustar produtos de mel, así como para os máis cativos. A feira contará con actividades o sábado 28 dende as 10.00 ata as 14.00 horas e entre as 16.00 e as 20.30 horas. O domingo a cita será só en quenda de mañá, entre as 10.00 e as 15.00 horas.

Relatorios apícolas

Aínda que por agora non se fixo público o programa definido de actividades, dende a organización xa confirmaron a participación de importantes referentes no mundo da apicultura. O sábado contarán cunha destacada investigadora que abordará a flora apícola. Ó longo da mañá o especialista francés Gilles Fert tratará temas como o manexo das colmeas na saída do inverno e durante a primavera. Pola tarde, o experto tamén abordará a importancia de traballar coa abella autóctona, así como as características a potenciar e seleccionar destas abellas, na procura dunhas colmeas con mellores rendementos. Na xornada do sábado tamén contarán co técnico macedonio Aleksandar Uzunov, especializado na selección xenética de abella negra e outra razas, que abordará en Lalín os caracteres herdados e selecionables nas abellas. O domingo, a IXP Mel de Galicia abordará as características da Indicación Xeográfica. Haberá un relatorio sobre a varroa, unha das principais enfermidades das abellas. Trataranse ademais as claves sobre alimentación apícola. Durante a fin de semana, o programa completarase con demostracións sobre o proceso produtivo do mel e exhibicións de equipamentos por parte de varias empresas.

Degustacións de mel e visita a alvarizas

O programa da Feira incluirá degustacións, catas de mel e exhibición de produtos elaborados con mel como cervexas, licores ou mesmo vinagre. Ó longo das dúas xornadas haberá demostracións culinarias que inclúen mel nas súas elaboracións e catas guiadas pola IXP Mel de Galicia, para coñecer os distintos tipos de mel producidos en Galicia. Ademais, dispoñerán dun espazo de cata libre chamado Recantos de Galicia, onde os asistentes poderán degustar diferentes meles galegas e maridaxes de queixos das principais queixerías da comarca do Deza. A cita incluirá ademais obradoiros para os cativos. Como na primeira edición realizarase unha ruta para visitar as alvarizas, apiarios pechados con lousas para protexer as colmeas dos ataques da fauna salvaxe e que se conservan no municipio, entre as que destacan as conservadas na Serra do Candán. Trala boa acollida da primeira edición, neste segundo ano a Feira busca seguir consolidándose como un referente, como sinalaron tanto o alcalde do Concello, José Crespo, como os edís Avelino Souto e Begoña Blanco durante a presentación, ó tempo que aseguraron o apoio do Concello de Lalín ó proxecto.

Estes son os mellores meles de Galicia do 2022

Hoxe déronse a coñecer os gañadores da XXI Cata dos Meles de Galicia, unha entrega de premios celebrada de forma conxunta coa XXV Cata dos Queixos de Galicia no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón). Presidido polo Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, estas distincións procuran identificar, valorizar e promocionar o saber facer dos produtores, elaboradores e envasadores galegos. ‘Meles J.S.’ de Souto Vivo, C.B. fíxose coa distinción de ouro na categoría mel multifloral, mentres que ‘O Trobo Mel do Valadouro’ de M.a Fe Sixto Pernas obtiña a mesma distinción na categoría monofloral. A esta edición presentáronse 33 mostras de 20 industrias envasadoras, distribuídas da seguinte forma: 14 para a categoría monofloral e 19 no que respecta á multifloral. Durante esta vixésimo primeira Cata tamén puideron volver á casa cun galardón baixo o brazo ‘Manuel Sande’ de José Manuel Fernández Sande e ‘Horta das Colmeas’ de Eva M.a Rey Timiraos, recollendo a prata e o bronce na categoría mel multifloral. No que concirne ao mel monofloral, o mel de castiñeiro ‘El Colmenar de Sara’, de González Carballal, S.L. facíase coa distinción de prata, mentres que o bronce recaería no mel de eucalipto ‘Meles J.S.’ de Souto Vivo, C.B.

Xornada de cata en Monforte de produtos da IXP Mel de Galicia

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos unha xornada para dar a coñecer as características físico-químicas dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia. Terá lugar o vindeiro xoves 3 de novembro en horario de 16,00 a 21,00 horas. A acción parte da idea de que o mel acumula unha importante historia produtiva dentro da comunidade galega, estando referenciadas numerosas alvarizas de fai moitos séculos que reflicten a relevancia que sempre tiveron as abellas na nosa contorna. Nesa liña, búscase difundir os principais parámetros do produto con selo de calidade para poñelo de relevo a través dunha cata seleccionada, así como os valores dispostos na lexislación vixente. A inscición pode realizarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para solicitar máis información, poderán dirixirse ao enderezo cesar.crespo.vazquez@xunta.gal ou chamar ao teléfono 982 889 106

Curso sobre as características físico-químicas do mel galego

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos organiza unha xornada de formación teórica e práctica sobre as características físico-químicas do mel e a IXP Mel de Galicia que inclúe unha cata de meles. A data prevista é o xoves 3 de novembro en horario de tarde, de 16 a 21 horas nas instalacións do CFEA de Monforte de Lemos (Rúa Alfredo Brañas s/n). O programa detallado dos temas a tratar é o seguinte: 1.- Características do mel. Principais parámetros físico-químicos. Valores típicos do mel producido en Galicia. A IXP Mel De Galicia. 2.- Orixe botánico do mel. Características palinolóxicas. 3.- Cata de diferentes tipos de meles. Cristalización do mel e alteracións máis comúns. Quen se queira inscribir debe facelo a través do seguinte enlace poñendo este código do curso: FC2022F127135 Para máis información pode chamarse por teléfono ao 982889106 ou enviar un email a cesar.crespo.vazquez@xunta.gal

Colleita de mel: escasa produción no interior pola seca e importante presión da velutina na costa

A produción de mel leva varios anos sendo frouxa en Galicia e este 2022 non será unha excepción. A seca e os incendios forestais do verán, o ataque máis prolongado da vespa asiática aos colmeares e o descontrol nas floracións ao longo do ano están a reducir de maneira significativa a produtividade das abellas. A produción, en xeral, non foi boa este ano. “Unicamente se puido salvar en zonas localizadas de eucalipto, zonas con moito brezo no mes de maio ou zonas de vagoada onde o castiñeiro non se veu afectado pola seca”, indica José María Seijo, presidente da Agrupación Apícola de Galicia.
A colleita de mel de castiñeiro e de silva foi practicamente nula a non ser nalgunha zona concreta
Desde o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia levan unha cuantificación real da produción de mel por colmea inscrita e certifican a caída xeralizada na produción. “Desde xa hai varios anos os quilos por colmea non soben de 10 ou 12, cando antes o habitual eran 20”, detalla Esther Ordóñez, presidenta da IXP.   “As producións actuais non son óptimas”, recoñece pola súa banda Pepe Torres, presidente de Asociación Galega de Apicultura (AGA). “Galicia estaba producindo sobre 2.000 toneladas anuais de mel pero este ano non imos chegar a elas; non creo que pasemos das 1.700 toneladas”, calcula. Diferenzas notables mesmo dentro da mesma zona A deste ano foi unha campaña moi variable, con diferenzas significativas mesmo en zonas relativamente próximas.  “Foi unha campaña imprevisible e irregular, con moita variabilidade en función da zona, mesmo dentro da mesma zona e con condicións aparentemente semellantes”, asegura Pepe Torres.
O brezo de maio foi ben aproveitado este ano
Por iso, di, “este ano a colleita de mel foi por parroquias, se nunha as abellas lograron néctar para facer o mel, na do lado non houbo esa produción esperada. Non podemos dicir, por exemplo, que o castiñeiro fora un éxito en toda Galicia, algunhas zonas funcionou ben pero noutras a seca fixo efecto no castiñeiro, igual que no melato ou na silva”, engade.
A produción de eucalipto foi mellor na zona de transición máis cara ao interior que na costeira
En canto a outro dos principais recursos melíferos galegos, o eucalipto, “a produción na zona costeira foi máis baixa, pero na franxa de transición, máis cara ao interior, houbo unha produción de eucalipto elevada”, di. Efecto da seca e os lumes No interior agardábase unha boa produción este ano, pola primavera adiantada que fixo espertar as colmeas. “Pero de novo veu o frío, consumiron o que tiñan e tiveron que volver a arrincar, e cando o estaban a facer foi cando veu a seca tan grande deste ano”, relata o presidente da Agrupación Apícola.
As colmeas arrincaron moi cedo a primavera pero cando volveu o frío consumiron o que tiñan e tiveron que empezar de novo
“Moitas colmeas víronse moi afectadas pola baixada de produción de néctar que se produciu nalgunhas zonas e houbo que alimentalas nalgún momento para evitar unha mortandade importante das abellas novas que saen e que necesitan néctar fresco”, explica. Os incendios forestais que queimaron no mes de agosto amplas zonas de Quiroga, A Pobra do Brollón ou Valdeorras afectaron a zonas apícolas e colmeares, ben directamente arrasados polo lume ou porque se queimou a zona e perderon vexetación melífera e moita poboación.
Os incendios de Quiroga e Valdeorras afectaron a importantes zonas apícolas
Ao queimarse a flora próxima aos asentamentos, os apicultores vense obrigados a mover as colmeas de sitio, porque nos seguintes 4 ou 5 anos non hai alimento para as abellas. Por iso, desde a Agrupación Apícola púxose en marcha unha iniciativa solidaria dirixida ás Comunidades de Montes para facilitar posibles emprazamentos apícolas alternativos. Pedíase que estes terreos foran, no posible, contiguos ás áreas incendiadas, porque as propias abellas axudan á recuperación das zonas queimadas grazas á polinización das gramíneas, que son das primeiras plantas en instalarse.

“Os prezos van subir”

O descenso da produción nos últimos anos está a impactar tamén na IXP Mel de Galicia, segundo recoñece Esther. “Seguimos sendo a denominación de calidade con máis produtores, pero baixouse ao número de certificados debido a que a produción nos últimos anos está sendo mala, sobre todo na zona interior, que é onde hai máis colmeas e máis produtores profesionais,  porque a climatoloxía non nos está a axudar”, lamenta. Na actualidade uns 300 apicultores están inscritos en Mel de Galicia, cunha produción de 260 toneladas de mel, cando se teñen chegado a envasar 600 toneladas con anterioridade dentro do distintivo de calidade.
A venda a granel é pan para hoxe e fame para mañá, aínda que os prezos poidan ser bos nun ano concreto
Á menor produción engádese o incremento de custos. Por iso, a presidenta da IXP considera que é de esperar unha revalorización do prezo de venda. “Os prezos van a subir ao consumidor final porque aumentaron moito os custos de produción, como a luz, o gasóleo, os tratamentos ou o envasado. Neste momento aínda non hai un prezo determinado no mercado, xa que se fixa normalmente a finais de outubro ou comezos de novembro, porque o mercado a nivel global, lamentablemente, segue pesando á hora de fixar prezos”, explica. Esther pide aos consumidores que apoien o mel de Galicia “porque o mel poderá vir doutros sitios, pero a polinización non; os apicultores son os que fan a polinización no territorio”, sentenza. Destaca tamén a importancia da IXP como “nexo de unión para o sector” e a representatividade que outorga aos produtores galegos diante de institucións como o Ministerio de Agricultura, polo que fai tamén un chamamento aos apicultores para que se inscriban.

Novas prácticas de manexo: alimentar en outono e dobre tratamento contra a varroa

O cambio climático e a vespa velutina son factores que están a transformar a apicultura nos últimos anos, obrigando a adaptar as prácticas de manexo tradicional das colmeas para facer fronte a estas novas circunstancias. O cambio climático está a mostrarse de xeito evidente no adiantamento das floracións. “As mimosas van reventar antes do Nadal e non é lóxico,  deberían facelo en febreiro. Iso fai que as abellas non estean preparadas e non poidan aproveitar todos eses recursos”, explica Pepe Torres.  
As condicións meteorolóxicas están condicionando claramente a produción apícola e a resistencia da varroa está obrigando aos apicultores a tratar máis dunha vez
“Se hai un adiantamento, as colmeas vanse desenvolver cedo e logo hai que mantelas con alimentación artificial. Ademais, a resistencia da varroa está obrigando aos apicultores a tratar máis dunha vez, incrementando os custos”, argumenta. Baixas reservas para pasar o inverno “Na zona de costa, en xeral, as reservas que teñen as colmeas están sendo baixas, non meteron na cámara de cría e temos moita presión de velutina, polo que a presenza de polen brilla pola súa ausencia; e aínda seguimos tendo unha seca importante, porque choveu só un par de días pero as colmeas están moi desexosas de néctar fresco. Por iso, precisan un aporte de alimento líquido e de tortas proteicas para que a raíña siga poñendo un pouco máis e teñamos unha poboación forte e sa para pasar o inverno”, recomenda Esther como veterinaria.
Moitas veces os apicultores obcécanse en alimentar a principios de tempada, pero é moito máis importante alimentar previo ao parón ambiental
“Moitas veces os apicultores obcécanse en alimentar a principios de tempada, pero é moito máis importante alimentar previo ao outono. Hai que anticiparse, a colmea non hai que deixala caer e que perda poboación porque senón moitas veces xa non se recupera”, afirma. Maior incidencia da varroa “A afectación por varroa está sendo máis alta nos últimos anos”, asegura Esther. Débese a varios factores. Por un lado, di, “hai cada vez menos principios activos no mercado, collen resistencias e baixa a eficacia”. A maiores, a climatoloxía tampouco axuda, porque canto máis cálido é o tempo, máis cría hai na colmea e maior desenvolvemento da varroa. “Antes había parada de posta invernal na colmea e os tratamentos eran efectivos. Agora as colmeas teñen cría todo o ano e non hai un momento propicio para facelos”, asegura.
Debido á suba das temperaturas, as colmeas agora teñen cría todo o ano e non hai un momento propicio para facer os tratamentos
Por iso, di, “o apicultor ten que cambiar de mentalidade e de manexo debido aos cambios na climatoloxía e estar atento e vixiante ás súas condicións, porque é difícil dar unhas pautas e normas xerais para toda Galicia, hai que adaptalas a cada lugar”.
En caso de alta incidencia, é bo repetir o tratamento a comezo de tempada usando un produto ecolóxico alternativo para minimizar as resistencias
Esther non é partidaria de, por rutina, facer dous tratamentos anuais contra a varroa, pero recomenda realizar un control de infección no apiario a comezo de tempada para repetir o tratamento unicamente en caso de alta incidencia. Aconsella nestes casos a alternancia de tratamentos, usando un tratamento ecolóxico alternativo que poida contrarrestar as resistencias dos tratamentos convencionais. Presión de velutina en outubro Dentro dese coñecemento individualizado da situación de cada colmear, en zonas de costa con alta incidencia de velutina, Esther propón, por exemplo, adaptar o momento de aplicación do tratamento antivarroa ao parón da posta provocado pola vespa asiática. Este momento prodúcese cando a presión da velutina non deixa entrar nada de néctar na colmea e prodúcese normalmente arredor do mes de agosto.
Nas zonas de costa do norte da comunidade a presenza da velutina nos colmeares incrementouse notablemente no mes de setembro
Neste sentido, José María Seijo explica que este ano a presenza da vespa asiática foi máis prolongada. “Nas Rías Baixas o 15 de xuño as abellas xa non traballaban, cando o ano pasado a presión sobre as colmeas empezou en xullo, un mes máis tarde”, di. Cara ao norte, esta presión aínda se mantén nestes momentos, en pleno mes de outubro, con maior incidencia incluso que nos meses de xullo ou agosto.

Lalín estrea Feira Apícola esta fin de semana

Alvariza, a I Feira Internacional de Apicultura de Lalín, reunirá esta vindeira fin de semana a abelleiros profesionais e afeccionados e a público en xeral na capital do Deza coincidindo coa Feira do Cocido, que tivera que ser aprazada no mes de xaneiro debido á situación sanitaria da pandemia da covid-19. O programa inclúe unha andaina pola serra do Candán, degustación de meles da zona, catas e showcookings, obradoiros infantís, demostracións en vivo de fundición de cera e unha serie de charlas e ponencias formativas a cargo de estudosos e expertos.  O sábado, Martiño Nercellas fará un percorrido pola historia da apicultura local e Luis Navarro, Elia Pérez e Xosé Manuel Durán falarán da diversidade de polinizadores e da protección da biodiversidade. O domingo, Diego Huerta explicará outros métodos de loitar contra a varroa; Marcos e Jara Varela explicarán como multiplicar o apiario con criterios selectivos; Melante Parejo, falará sobre marcadores xenéticos; e Egoitz Galartza, sobre a selección da abella negra ibérica.

Apiturismo en Galicia, unha nova forma de viaxar a través do mundo das abellas

O proxecto Apiturismo de Galicia, promovido pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), ten como obxectivos principais poñer en valor unha apicultura milenaria, que forma parte da nosa rica e abondosa etnografía e, ademais, atraer visitantes de todas as partes do mundo. Esta innovadora forma de facer turismo ten como ingredientes principais un patrimonio tradicional único no mundo, unhas fermosas paisaxes que son o berce duns valorados e recoñecidos produtos apícolas e, por suposto, a oportunidade de vivir unha experiencia dentro do fascinante mundo das abellas. Todo da man de apicultores e apicultoras que participan nas rutas abrindo as portas dos seus apiarios e amosando os seus coñecementos e experiencia aos visitantes.
Este proxecto pretende poñer en valor o patrimonio etnográfico que existe arredor do mundo da apicultura en Galicia
Esta iniciativa botou a andar no ano 2019 co proxecto «Apiturismo Xacobeo 2021», realizado pola Asociación Galega de Apicultura co apoio do programa «O Teu Xacobeo» da Xunta de Galicia. Consistiu na elaboración de materiais para a promoción do apiturismo, como publicacións, audiovisuais e unha WEB sobre o apiturismo en Galicia: www.apiturismogalicia.gal. O proxecto tamén incluíu a realización de actividades de difusión, como por exemplo o Foro Galego de Apiturismo, realizado en Arzúa no pasado mes de xullo, ou as xornadas de apiturismo no Courel. Para dar continuidade ó proxecto, naceu o Centro de Información do Apiturismo de Galicia, xestionado por AGA, que ten como fins a promoción do apiturismo e a organización de rutas por Galicia. Paralelamente a estas actividades de promoción, fóronse poñendo en marcha as diferentes rutas, coa implicación de apicultores e apicultoras e entidades locais. Actualmente están xa activas oito rutas a través das cales pódense descubrir os tesouros agochados da Galicia abelleira. Dende a Costa da Morte ata a Serra do Xurés, pasando polo Candán e a Ribeira Sacra e chegando ata as serras dos Ancares e O Courel. Unha das saídas de Apiturismo en Galicia, un proxecto da Asociación Galega de Apicultura

Tradición, paisaxe e produtos apícolas

Un dos principais obxectivos deste proxecto é a divulgación do patrimonio tradicional apícola de Galicia. En particular, as alvarizas ou abellarizas son as protagonistas da oferta de apiturismo, cun censo de aproximadamente un milleiro delas, esparexidas basicamente do leste ao oeste da nosa xeografía. Trátase de construcións milenarias senlleiras no mundo, realizadas coa técnica coñecida como «pedra seca», que foi declarada patrimonio inmaterial da humanidade pola UNESCO no ano 2018, co que son obxecto de protección e conservación. Tiñan a finalidade de protexer os cortizos, trobos ou covos ―diferentes termos e conceptos das colmeas tradicionais de Galicia― dos osos ou do gando montesío, así como resgardalos do mal tempo, ou mesmo delimitar o recinto. As colmeas de lacenas, nichos e muros, integradas nas propias vivendas e outras edificacións, ou as singulares colmeas de teitos de palla son outras mostras da diversa e rica apicultura tradicional galega. Na nosa terra é relevante tamén o patrimonio cereiro, coa presenza de numerosos lagares, pías e eiras da cera, que nos indican a grande importancia que tivo durante séculos a industria galega da cera. Unha alvariza emplazada na Ribeira Sacra Este patrimonio está enclavado nas fermosas e pintorescas paisaxes de Galicia, cunhas espectaculares floracións repartidas ó longo do ano, que son o berce dunha apicultura senlleira que nos ofrece dende tempos remotos uns produtos apícolas coñecidos e valorados polas súas calidades naturais. En Galicia, contamos cun amplo abano de cores, olores e sabores nos nosos meles multiflorais e meles monoflorais con moita sona, como os de castiñeiro e breixo (queiroga, carrasca ou uz) e mesmo os de eucalipto, así como o melato de carballo e unha diversa gama de «meles de paisaxe», provenientes de parques naturais ou reservas da biosfera. Todo este valioso patrimonio tradicional, natural e gastronómico é o que fai a nosa apicultura única e diferente, un auténtico tesouro que debemos visualizar, conservar, protexer e coñecer en todos os seus diversos panoramas. Por iso, a Asociación Galega de Apicultura apostou por esta nova forma viaxar para continuar coa súa labor de divulgación sobre a importancia das abellas e o valor da apicultura.

As rutas

Actualmente temos xa en marcha oito rutas de apiturismo por Galicia, que se poden realizar en grupo ou de xeito individual. A través do Centro de Información de Apiturismo de Galicia, o público interesado pode organizar a súa viaxe a demanda, adaptada ós seus intereses e necesidades, combinando varias rutas ou acompañándoas con outras visitas. Co paso do tempo, iranse integrando novas rutas e outras actividades para completar unha auténtica experiencia de apiturismo por Galicia. As rutas están divididas en función do tipo de apicultura de cada zona, pois segundo a orografía ou o clima dese lugar, atoparémonos cunha práctica apícola diferente e polo tanto tamén cun patrimonio, unha paisaxe e uns produtos tamén específicos. A continuación expoñemos algunhas pinceladas do que podemos atopar en cada unha das rutas: Apicultura de montaña
  1. Os Ancares 
Na Serra dos Ancares, declarada reserva da biosfera, podemos atopar os cortíns, auténticos monumentos da apicultura galega, alvarizas de tipo defensivo, de muros altos e anchos, para protexer as colmeas do oso. A Ruta dos Cortíns (lineal, 18 km), no concello de Navia de Suarna, que percorre o val do río Rao e pode facerse unha parte por estrada e permite observar ata unhas vinte alvarizas, algunhas delas restauradas e con colmeas tradicionais e modernas. 
  1. O Courel
A Serra do Courel, primeiro xeoparque de Galicia, é unha das zonas de maior concentración de alvares, moitos deles aínda en uso para compatibilizar a produción apícola coa presenza do oso. Na parroquia de Seceda, aldea do mesmo nome tamén declarada «ben de interese cultural», no concello de Folgoso do Courel, encóntrase a Ruta dos Alvares (circular, 7 km), na que se poden visitar numerosos alvares en pé, como a alvariza de Escontrela, accesible tamén dende a estrada, cunha mostra de colmeas tradicionais sen abellas, e a alvariza da Costa, restaurada con colmeas modernas para a produción apícola.
  1. Quiroga
No concello de Quiroga, que forma así mesmo parte do Courel, achamos unha boa mostra de alvarizas rodeadas de castiñeiros e queirogas (ericáceas). A Ruta das Abellas (lineal, 5,5 km) permite a visita a unha espectacular alvariza restaurada e con colmeas, á que se pode acceder tamén en vehículo. Ademais, o Museo Etnográfico desta localidade alberga unha completa exposición sobre a apicultura tradicional.
  1. O Candán
A Serra do Candán sobresae pola presenza de alvarizas de gran tamaño, cunha orixe ligada ó veciño Mosteiro de Acibeiro, impulsor da apicultura na comarca. A aldea de Zobra pódese considerar «unha das aldeas máis meleiras do país», con meles varias veces premiados nas catas organizadas polo Consello Regulador da IXP-Mel de Galicia. Dende alí pódese realizar un roteiro entre antigas alvarizas e visitar varios centros de envasado.   Apicultura con teitos de palla O Xurés No Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés encontramos apiarios cercados con muros de pedra de media altura, para a protección fronte ó gando groso ou os animais salvaxes, como a alvariza de Alvite, accesible por estrada, no concello de Muíños, ou a de Vilameá, na Ruta dos Muíños (lineal, 3 km), no concello de Lobios. Estas alvarizas acollían as colmeas tradicionais, feitas de cortiza e cubertas de carapuchos de palla de centeo, denominadas «colmos», que servían para goreceren as abellas tanto do frío coma da calor.   Apicultura heroica A Ribeira Sacra Nas fermosas e abruptas paisaxes dos canóns dos ríos Sil e Miño practicaban a apicultura heroica os nosos devanceiros. Dende o miradoiro do Pé do Home, en Nogueira de Ramuín, podemos divisar a alvariza do Vello, situada nun lugar con vistas espectaculares ó val do Sil. Apicultura de muros e lacenas A Costa da Morte No occidente de Galicia, na Costa da Morte, contamos con moitos exemplos de apicultura tradicional, na que as colmeas estaban integradas nos muros ou nichos e mesmo no interior das casas, co obxecto de as abrigar. No concello de Dumbría atópase o Conxunto Etnográfico do Ézaro, que conta cun muíño e unha alvariza anexa, e na Ruta das Alvarizas no Monte Faro (circular 9 km), no concello de Vimianzo, pódense atopar ata unha ducia destes apiarios lineais de lousas de pedra. Patrimonio cereiro Lagar de cera de Paraños No interior de Pontevedra tivo unha grande importancia o oficio da cerería. Na aldea de Paraños, no concello de Covelo, atópase un dos poucos lagares de cera conservados de toda a Península, xunto cunha eira ou curadoría e pía de branqueo da cera. No mesmo lugar pódese visitar o Museo da Cera, para coñecer todo o proceso de elaboración e os usos tradicionais deste produto.

Máis información: Web: www.apiturismogalicia.gal Email: rutas@apiturismogalicia.gal Tel.: 640 230 155

Novas formacións sobre mel en Becerreá, As Pontes e Monforte de Lemos

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) impartirá varios cursos nos vindeiros días centrados no mel. En Becerreá e nas Pontes tratarase a calidade do mel desde o punto de vista científico, mentres que en Monforte de Lemos abordarase o mel como produto con cata incluída. O primeiro dos cursos ten previsto celebrarse entre mañá e o mércores no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá, así como entre os vindeiros sábado 23 e domingo 24 de outubro na Casa do mel de Goente. En total, serán 10 horas de formación que buscan fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas ao tempo que se garante a sustentabilidade da economía rural. Na acción, trataranse os parámetros de calidade do mel a ter en conta no laboratorio, tanto os físico-químicos, como os de orixe botánica e os organolépticos. En canto á iniciativa prevista no CFEA de Monforte, está programada este xoves 21, de 16,00 a 21,00 horas. Centrarase nos parámetros físico-químicos do mel, nos valores típicos deste produto na nosa comunidade e na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia. Así mesmo, abordaranse as características palinolóxicas do mel, a súa cristalización e as súas alteracións máis comúns, para finalizar cunha cata de distintos tipos de mel. As accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. Os interesados en acudir a calquera dos cursos poderán cubrir a solicitude pertinente que atoparán no seguinte enlace:  https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021. Nos casos de Becerreá e As Pontes poderán enviala cuberta ao enderezo electrónico mercedes.fra.perez@xunta.es e consultar calquera dúbida no teléfono 982828370. No que respecta ao curso de Monforte, ten o número de teléfono 982889106 e o enderezo electrónico cesar.crespo.vazquez@xunta.gal para solicitar asistencia. A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.  

Curso sobre a normativa para comercializar mel

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebrará un curso sobre a normativa relativa ao mel de cara a súa comercialización no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez. Esta formación, coordinada pola oficina agraria comarcal de Ferrol, terá lugar na Casa do Mel de Goente en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 19:00 horas.

Así, o obxectivo principal deste curso é dar a coñecer as normativas legais relativas ao mel en canto a calidade, venda, etiquetaxe e selo de calidade. Durante a xornada, os asistentes tamén poderán aprender dun xeito teórico-práctico a identificar as adulteracións máis correntes do mel e analizar os beneficios de obter produtos de boa calidade.

Esta iniciativa está dirixida a calquera persoa vinculada profesionalmente ou con expectativa de incorporación aos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como aos mozos e mozas do rural galego interesados neste eido.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Apicultura 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101860&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e remitila cuberta ao enderezo electrónico oac.seca.ferrol@xunta.gal. Para máis información, poden chamar ao teléfono 981 337 044.

“O mel que se produce en Galicia é un produto exclusivo e xenuíno, un alimento único”

Carmen Seijo, xunto a Shantal Rodrí­guez e Olga Escuredo, no laboratorio da Universidade de Vigo en Ourense Desde 1999, o Grupo de Aerobioloxía e Apicultura da Universidade de Vigo é o encargado de analizar cada ano nos seus laboratorios na Facultade de Ciencias do campus de Ourense as características do mel acollido á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia para certificar a súa orixe e procedencia floral. Carmen Seijo é a profesora responsable do proxecto e falamos con ela de aspectos como a calidade do mel galego ou as melloras necesarias a acometer na lexislación relativas á etiquetaxe para evitar as fraudes ao consumidor. – En que consiste o voso traballo? – Somos un grupo de investigadoras que traballamos na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo (campus de Ourense). Pertencemos ao grupo de Investigación Planta, solo e valorización de subprodutos e á área de Botánica. Traballamos en varias liñas pero destaca a que ten que ver coa apicultura e os produtos da colmea. Dentro desta, investigamos en varios aspectos que están enfocados á caracterización e valorización dos produtos da colmea. En primeiro lugar o laboratorio está especializado na análise palinolóxica e, en concreto, nesta análise aplicada aos produtos apícolas. Esta especialización é froito dunha liña de traballo que se iniciou na década dos 90. Debido a que para a caracterización dos produtos da colmea, como o mel, tamén son importantes as características fisicoquímicas e sensoriais, especializámonos tamén nestas análises. – Cantas mostras analizades en cada campaña e que aspectos estudades?  – O número de mostras que analizamos anualmente é variable pero frecuentemente está comprendido nun intervalo entre 200 a 400 mostras de distintas orixes botánicas e xeográficas. Traballamos co mel producido en Galicia, pero tamén co mel doutras orixes xeográficas e orixes botánicas diferentes ás que se poden producir na nosa comunidade. O noso traballo ten dúas vertentes: por unha banda realizamos por encargo análises rutinarias para a determinación da orixe botánica e xeográfica e, por outra, tamén investigamos nas características que presenta o mel.
Analizamos cada ano entre 200 e 400 mostras de distintas orixes botánicas e xeográficas
No caso da análise palinolóxica, o procedemento consiste na preparación das mostras para análise por microscopía e na identificación e reconto dos distintos tipos de pole. Posteriormente realizamos un traballo de interpretación dos resultados obtidos, pois este é un tipo de análise que precisa dunha formación previa específica para que os resultados obtidos poidan ser interpretables. Por exemplo, para identificación de pole que está infrarrepresentado ou superrepresentado, para identificación de grans de pole que serven de marcadores para a orixe xeográfica, ou para a identificación de outros elementos bióticos que aporten información sobre as características do produto.
Participamos xunto ao Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia na posta en marcha do panel de cata
No caso da análise físicoquímica, realizamos dende estudos da calidade con parámetros de calidade convencionais ata estudos da matriz de azucres, contido en minerais, polifenois, flavonoides e máis recentemente compostos volátiles. Tamén participamos na realización de protocolos para a análise sensorial do mel e, xunto ao Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, na posta en marcha do panel de cata. – É posible determinar a nivel analítico cuestións como a procedencia do mel? Que técnicas ou avances se teñen producido nos últimos anos neste campo? – A resposta e que sí, pero a determinación da orixe do mel, tanto se nos referimos á orixe botánica (flora predominante) como á orixe xeográfica, é complexa. Normalmente os distintos tipos de mel presentan indicadores da súa orixe. O primeiro é a presenza de pole correspondente á orixe botánica, isto debe ser imprescindible practicamente na meirande parte dos casos; sen embargo, hai algunhas excepción coñecidas polas analistas e os especialistas, como é o caso do mel de melada ou o mel monofloral de azahar. Tamén hai que ter en conta que un mel cunha orixe botánica determinada debe presentar as características sensoriais propias: cor, olor e sabor. Normalmente isto coincide cunhas características físico-químicas específicas (por exemplo, condutividade eléctrica), acidez, contido en polifenois, flavonoides e tamén coa presenza doutros compostos químicos. Por este motivo, certos compoñentes químicos, como por exemplo o metilantranilato, úsase para determinar a orixe botánica do mel de azahar, ou un menor contido en azucres redutores acostuma ser indicador do mel de melada.
Pódense utilizar marcadores biolóxicos como o dos grans de pole para a identificación de mel de orixe foránea
Cando nos referimos á orixe xeográfica o tema é aínda máis complexo pois os compoñentes químicos non sempre permiten distinguir esta procedencia. Neste caso o estudo do pole contido no mel aporta unha información moi interesante, pois pode permitir distinguir a presenza de elementos biolóxicos que sexan marcadores de certas orixes. Normalmente estes marcadores non son únicos senón que aparecen combinados con outros formando unha pegada típica e característica de cada orixe. Estamos a falar sobre todo de elementos botánicos (grans de pole) que representan a vexetación máis importante para a produción de mel de cada sector bioxeográfico. Estes elementos, aínda no caso de que o mel sexa unha mestura de meles de distintas orixes, van estar presentes e actúan en conxunto como indicadores. Os mellores indicadores non son elementos unitarios senón combinacións destes, por exemplo, grans de pole de plantas que non existen ou son moi pouco comúns nunha área xeográfica pero que son frecuentes noutras, nas que aparecen de forma común no espectro polínico do mel. Por exemplo, para a identificación de mel de orixe foránea (China, Brasil, México...) pódense utilizar estes marcadores. Este é un traballo complexo e especializado. – Cales son as adulteracións máis habituais detectadas nun produto como o mel? – As fraudes máis frecuentes acostuman ser as que teñen que ver coa orixe do produto e tamén coa utilización de azucres para a alimentación de colmeas. En todo caso, hai que dicir que as fraudes non son frecuentes no mel que chega ao mercado.
As fraudes máis frecuentes acostuman ser as que teñen que ver coa orixe do produto e tamén coa utilización de azucres para a alimentación de colmeas
– Outros produtos que se venden baixo a denominación de mel, como por exemplo o chamado mel de caña, constituirían unha fraude ou un engano ao consumidor? – A denominación de venda “mel” só se pode utilizar para o produto obtido polas abellas, tal como se regula na norma de calidade (Real Decreto 1049/2003, de 1 de agosto, polo que se aproba a Norma de calidade relativa ao mel) e que indica o seguinte: "O mel é a sustancia natural doce producida pola abella Apis mellifera a partir do néctar de plantas ou de secrecións de partes vivas de plantas, ou de excrecións de insectos chupadores presentes nas partes vivas de plantas, que as abellas recollen, transforman combinándoas con sustancias específicas propias, depositan, deshidratan, almacenan e deixan en colmeas para que madure".
O chamado 'mel de caña' non é mel, é concentrado de zume de caña de azucre. O consumidor debe saber con claridade que produto está a comprar
O mel é un produto de orixe animal, polo tanto, produtos de diferente orixe que poidamos atopar no mercado con esta denominación están mal etiquetados. No caso do chamado mel de caña, que se comercializaba con esta denominación, na actualidade identifícase como “concentrado de zume de caña de azucre”, que se corresponde co tipo de sustancia que é. Polo tanto, non é mel. Este cambio fíxose precisamente para non confundir ao consumidor e foi motivado por reclamacións do sector apícola. – A nivel lexislativo, consideras que a normativa existente protexe suficientemente o mel de calidade ou segue sendo pouco clara e ambigua? Pensas que a Directiva europea actual favorece a importación de mel de terceiros países? – A normativa europea e, como consecuencia, a transposición á normativa nacional, é aínda ambigua e suxeita a interpretacións. Por exemplo, no relativo aos tipos de mel e as súas denominacións, existe coñecemento suficiente para acoutar as características que deben presentar os distintos tipos de mel. Polo menos para os meles que se comercializan nos territorios de cada país. Sen embargo, a normativa actual adoece desta información, referíndose a tipos de meles que non podemos atopar no mercado. Pola contra, as referencias ao mel producido no territorio nacional son moi pouco concretas ou inexistentes. 
A normativa é aínda ambigua e suxeita a interpretacións. Non é suficiente coa última modificación que se introduciu
Esta é unha tarefa pendente a nivel nacional pero tamén na UE e ten un impacto directo na comercialización do produto e nos mecanismos de control sobre este. Outro tema ten que ver coa orixe do produto. Aínda que se introduciu unha modificación recente obrigando a mencionar o país de orixe do produto ou os países de orixe, non é suficiente. – A nivel do Estado español, un dos aspectos que os apicultores criticaron da recente aprobación do Real Decreto que modifica a información de etiquetaxe do mel é que non se inclúan, no caso de mesturas de mel de distinta procedencia, que porcentaxe corresponde a cada país. Sería, baixo o teu punto de vista, esta unha información necesaria a introducir nos botes de mel para que houbese unha maior transparencia de cara ao consumidor? – Na miña opinión, debe ser mencionado con claridade de onde é o produto que estamos a comprar. É dicir, se eu compro un produto de Galicia, debe ser enteiramente de Galicia, ou se é español, debe ser enteiramente español, e o mesmo para o mel europeo. Por tanto, se o produto ten unha porción procedente doutros países débese indicar claramente que é unha mestura e que hai mel procedente doutros países. O consumidor debe saber que produto está a comprar. – Tampouco se obriga a informar se o mel foi sometido a tratamentos de quecemento. Que efectos teñen estes tratamentos sobre o mel? Supoñen unha perda de calidade ou de atributos saudables? – O mel que está no mercado ten que cumprir a norma de calidade no referente ás propiedades fisicoquímicas. Neste caso, a norma contén valores de referencia que permiten medir o grado de deterioro do produto: HMF, contido en diastasas. O caso concreto do HMF é claro, se o mel é sometido a tratamentos de calor o HMF sobe e o mel perde calidade e, por tanto, atributos de composición.
Se o mel é sometido a tratamentos de calor perde calidade
– Por que o mel cristalizado ten peor aceptación por parte do consumidor? – Posiblemente pola súa palatabilidade, pero tamén pola falla de coñecemento sobre que o mel pode callar e poñerse duro (cristalización) pero que isto non ten que ver coa calidade do produto. O mel cristalizado pode ter a mesma calidade que un mel en estado líquido. – Durante o confinamento aumentou a demanda de mel. É un produto que o consumidor ten asociado a saúde? – Claro, o mel sempre estivo vinculado á saúde na nosa cultura e en todas as culturas a nivel mundial. Non é posible que todos nos teñamos equivocado niso. De feito, hai numerosas referencias aos atributos saudables do mel e á colaboración do mel na resolución de distintos problemas de saúde con distinto grao de gravidade.
O mel sempre estivo vinculado á saúde na nosa cultura e en todas as culturas a nivel mundial
– A Comisión Europea está a avanzar dentro de Estratexias como a denominada Da Granxa ao Garfo, na introdución do chamado Nutri-score ou semáforo nutricional para os alimentos. Podería o mel saír mal parado nunha clasificación deste tipo, ao igual que lle podería acontecer a outros produtos como o caso do queixo? – No caso da estratexia Da Granxa ao garfo, está claro que a tendencia de consumo de alimentos que se debe promover é ese consumo de cercanía, dos produtos de tempada. Dado que a UE ten capacidade suficiente para proveer da maioría dos alimentos, esa é a estratexia a fomentar. O produto local debería ser o menos manipulado, o máis fresco, o que máis garantías sanitarias debe presentar (xa que vén manipulado pero non hai procesado intermedio) e, por tanto, debería ser o mellor valorado e o de mellor relación calidade/prezo. No caso do mel e os produtos da colmea, son un recurso económico excelente para fixar poboación no rural e, amais disto, a apicultura é unha actividade respectuosa co medio: facilita a polinización, poucos residuos, sen impacto nos recursos hídricos, poucos recursos externos. Ademais, cando nos referimos ao produto local, ten pouca pegada de carbono (menos transporte), son producións pequenas, intensivas en traballo, con poucas necesidades materiais e o comercio baséase na relación de confianza entre consumidor e produtor, sendo unha garantía para a rastrexabilidade do produto.
O mel e os produtos da colmea son un recurso económico excelente para fixar poboación no rural
En canto ao Nutri-score, hai que dicir primeiro que os alimentos, como o mel, que non teñen ingredientes, non son o obxecto deste semáforo nutricional, que vai dirixido aos produtos elaborados que teñen distintos ingredientes. É unha forma de avaliar a súa contribución nutricional, sen embargo, na propia filosofía ten grandes lagoas, que poden dar lugar a confusión. Por exemplo, non debía ser que un doce tradicional se sitúe nunha posición similar á de un elaborado de respostería con distintos aditivos e graxas de orixe vexetal de baixa calidade. Tampouco considero que sexa axeitado que un produto como o aceite de oliva se sitúe na mesma posición ca outros aceites a priori de peor calidade. Tamén hai que ter en conta a cantidade do alimento que se vai consumir. Se só se toma unha cullerada diaria non é o mesmo que se se inxiren racións de 200 ou 300 gramos ao día.
O Nutri-score ten grandes lagoas que poden dar lugar a confusión
Por este motivo, cando nos referimos ao mel, debemos dicir primeiro que non é un produto con ingredientes, polo tanto, non é o obxectivo do Nutri-score, ao igual que a carne, o peixe, as froitas ou as hortalizas. O mel proporciona entorno a 300 kcal cada 100 gramos de produto, e dicir, unha culler de 20 gramos proporcionaría 60 gramos. Nestes 60 gramos van principalmente monosacáridos como a frutosa e a glucosa (aproximadamente entre o 65-75%), auga (normalmente cerca do 17-18%), outros glúcidos simples ou complexos (aproximadamente o 5%), minerais (1%), proteínas (1%), vitaminas, compostos antioxidantes, enzimas e ácidos orgánicos, que son os compoñentes naturais do mel e son os que lle dan as súas características sensoriais peculiares e tamén as súas propiedades saudables. Se a pregunta ten que ver con como se valoraría o mel no Nutri-score xa que ten principalmente hidratos de carbono, penso que non procede, igual que non procede considerar nesta valoración as patacas ou o arroz, que a ninguén lle parecen un produto pouco saudable aínda que a composición maioritaria sexa o amidón (un hidrato de carbono). O mesmo acontece, por exemplo, co leite. E todos eles consumidos en moita máis cantidade.

"As floracións de primavera de eucalipto e silva están a diminuir polo efecto do cambio climático"

Mari Carmen Seijo Coello con mostras de distintos tipos de mel galego – Que características destacarías do mel que se produce en Galicia? – Persoalmente gústame destacar que o mel que se produce en Galicia é un produto exclusivo e xenuíno vinculado coas características da flora e a apicultura na nosa comunidade. Dependendo da zona de produción vai ter matices sensoriais, fisicoquímicos e palinolóxicos; polo tanto, é un alimento único. Polo xeral, procede de explotacións apícolas pequenas ou medianas que obteñen producións coidadas e con estes matices diferentes. Pero aínda no caso das explotacións máis grandes, o mel garda este carácter exclusivo. Non se trata dun produto globalizado que sempre vai presentar as mesmas características, senón que cada apicultor ou cada empresa comercializa o seu mel ou meles diferenciados e únicos.
O mel que se produce en Galicia caracterízase por presentar un elevado contido en polifenois, flavonoides e capacidade antioxidante en comparación con outros meles do mercado
Polo demais, o mel que se produce en Galicia caracterízase por presentar un elevado contido en polifenois, flavonoides e capacidade antioxidante en comparación con outros meles do mercado; tamén ten un elevado contido mineral, principalmente de potasio, magnesio, calcio e fósforo, que son elementos maioritarios; ten boas calidades sensoriais abarcando dende os máis claros, normalmente ámbar ou ámbar claro, até os máis escuros, case negro, e frecuentemente cun sabor máis intenso e persistente. Con esta variedade pódese dicir que hai mel para todos os gustos. – Comparativamente, como é a calidade do mel galego no contexto español ou europeo? – A calidade do mel producido en Galicia é moi boa, tanto no que se refire ao cumprimento dos requisitos da norma, como no que ten que ver coa calidade sensorial e coa presenza de compostos que poden ser interesantes para a saúde: flavonoides, polifenois, contido mineral, por exemplo. Este é un dos puntos fortes do mel de Galicia fronte a outros tipos de mel que se comercializan no mercado nacional. Por suposto, isto non quere dicir que non existan no territorio nacional e europeo outros tipos de mel de boa calidade, pero si que hai no mercado mel de calidade inferior. Ademais da calidade, na miña opinión, creo que é moi importante destacar a xenuidade do produto de cada explotación, como mencionei anteriormente. Este é un produto cunhas características propias diferentes en cada período de produción e diferentes á de outros apicultores, pero nesta diferenza radica a calidade. É un produto de temporada que apenas é modificado dende a colmea ata o consumidor, só o necesario para ser envasado.
Creo que é moi importante destacar a xenuidade do produto de cada explotación
Neste senso destaca tamén ese valor engadido que aporta o feito de ser de comercio local, polo tanto, con menor impacto no medio ambiente, xa que non hai transporte a longas distancias, e o comercio baséase na relación de confianza que o consumidor ten no produtor. Forma parte desa cadea de consumo responsable e sostible. Este valor engadido non se pode aplicar aos meles introducidos na comunidade europea, procedentes doutros países, nin tampouco a outros meles que se poden atopar no mercado e que son mesturas de meles de distintas orixes. – Nun curso impartido hai uns meses en Monforte falabas de que o feito de que sexa elaborado a partir de vexetación silvestre supón un feito diferencial para o mel galego – Sí, en Galicia as plantas que máis mel producen son representativas da nosa vexetación silvestre. Destaca o castiñeiro, pero tamén as silvas, o mato de queirogas, e no verán tamén os melatos que se sacan dos rebolos (Quercus pyrenaica). Na costa, o eucalipto. Esta é unha diferenza clara con outros tipos de mel, que proceden de plantas cultivadas e, polo tanto, con máis risco de presentar agroquímicos, ou de plantas que medran en zonas de cultivo.
En Galicia as plantas que máis mel producen son representativas da nosa vexetación silvestre. Esta é unha diferenza clara con outros tipos de mel, que proceden de plantas cultivadas e, polo tanto, con máis risco de presentar agroquímicos
– Tendo en conta esa vexetación da que falas, cales son as principais diferenzas dos distintos meles que se producen en Galicia en función da súa orixe botánica? – Actualmente os tipos de mel monofloral que máis se producen son castiñeiro, silva, breixo e eucalipto. Diferéncianse nas características sensoriais, primeiro pola cor, sendo os máis escuros os de castiñeiro e os de breixo e os máis claros os de silva ou eucalipto, eses últimos de cor ámbar. Tamén varían as características olfactivas con recordo a madeira no caso do de castiñeiro e con matices a follas húmidas ou ás veces florais, dependendo das especies maioritarias, no caso dos de breixos. O de eucalipto acostuma presentar un olor que recorda á cera e o de silva é máis floral. Estas percepcións van acompañadas de matices gustativos, no caso dos dous primeiros cun gusto máis intenso e persistente, máis salgados e frecuentemente con amargor; mentres que os máis claros acostuman ser máis doces e con sabor menos persistente e intenso. Tamén no caso do mel de melada podemos falar de que sendo moi escuro, case negro, as características olfativas son pouco intensas pero o sabor sen embargo é máis marcado. En todo caso, hai que ter en conta que unha boa parte do mel que se produce en Galicia é do que se denomina milflores, porque non predomina ningunha orixe botánica en concreto. As abellas van elaborando este mel a medida que se van sucedendo as distintas floracións e, polo tanto, todas van aportando os seus matices particulares. Este feito xustifica a dificultade á hora da tipificación e tamén esa exclusividade do mel de cada apicultor. – Nos últimos anos o mel de melada está sendo máis valorado e xa está recollido dentro da IXP Mel de Galicia. O aumento da produción de melato en Galicia nos veráns é un dos efectos do cambio climático? Como está a influír no resto de plantas das que se fai mel en Galicia? – A presenza de veráns máis secos e máis longos facilita este tipo de produción. Tamén outras plantas estanse a ver beneficiadas pola climatoloxía, por exemplo as do xénero Lavandula (lavanda) na provincia de Ourense ou sur de Lugo. Pola contra, vénse detectando que a produción de mel de primavera como o de eucalipto e a silva diminuíu nos últimos anos. En todo caso, o efecto dos cambios no clima non son fáciles de distinguir a curto prazo.
A presenza de veráns máis secos e máis longos facilita a produción de melato de carballo en Galicia; pola contra, vénse detectando que a produción de mel de primavera, como o de eucalipto e silva, diminuíu nos últimos anos
– Como afectaron os cambios na flora ou a introdución de novas especies nas últimas décadas á caracterización do mel que se produce en Galicia? – A vexetación dunha área xeográfica é dinámica e vai mudando ao longo do tempo. Diversos factores inflúen. Por suposto, a intervención humana é moi importante (cultivos, reforestación, talas, construción de vías de comunicación, etc.), pero tamén hai factores bióticos (pragas, competencias entre especies, existencia/ausencia de polinizadores) e abióticos (por exemplo, clima) que van afectando á diversidade de plantas. Moitas das plantas que aparecen de novo non teñen importancia apícola, pero outras si. De novo estamos a falar dun proceso a longo prazo e progresivo, sobre todo se falamos de especies invasoras.
A introdución de novas especies invasoras como a falsa acacia, o ailanto ou o coñecido como o arbusto das mariposas influirá na produción de mel
A introdución destas novas especies influirá na produción de mel, especialmente algunhas plantas con importante interese como a falsa acacia (Robinia pseudacacia), o ailanto (Ailanthus altíssima) ou o coñecido como arbusto das mariposas (Buddleja davidii), que son plantas moi visitadas polas abellas, polo que cabe esperar que poidan contribuír a elaborar o mel e aporten peculiaridade ao mel producido en Galicia.

Estes son os meles galegos premiados en Londres este ano

O mel de Galicia é todo un referente dentro e fóra de España como produto de calidade diferenciada. Isto cobra aínda máis sentido se nos achegamos aos resultados da última edición dos London Honey Awards, onde seis dos meles acollidos a esta indicación xeográfica protexida acadaban cadanseu galardón, así como outros tres meles galegos envasados sen o selo da IXP. Internacionalmente, os London Honey Awards representan un dos certames máis importantes dentro do sector apícola. Anualmente, a través dunha cata a cegas levada a cabo por un selecto xurado experto en análise organoléptico dos meles, recoñécense os produtos de maior calidade a nivel mundial coas distincións de platino, ouro, prata e bronce.
Estes galardóns internacionais poñen en relevo que o mel galego é un produto que compite en calidade cos mellores meles a nivel mundial
Na edición 2021, o máximo galardón establecido co premio de platino recaía en Meles JS, seguido de O Poder das Flores, Ouro Puro, O Trobo-Mel do Valadouro e Conde Santo cunha distinción de ouro cada un; mentres que Mel do Colmear O Salgueiral se facía coa prata. "Todos estes galardóns lémbrannos que o Mel de Galicia con IXP é un produto que compite en calidade diferenciada no mercado do mel a nivel mundial, sendo unha etiqueta garante de orixe e diferenciación, de coidado dos apicultores locais e dos consumidores, así como sinónimo de mantemento da biodiversidade", destacan desde o Consello Regulador.  Premio por partida dobre para Das Nosas Abellas Fóra da IXP tamén foron recoñecidos tres meles: unha prata para o multifloral Berce, colleitado en Vedra (A Coruña) e Forcarei (Pontevedra) por José e Rubén González (Vedra); e dous ouros elaborados para Das Nosas Abellas, en concreto para un multifloral colleitado na zona de Ferrol e un monofloral de castiñeiro procedente da comarca de Quiroga. Das Nosas Abellas é un proxecto duns apicultores de Ferrol que producen mel de forma artesá nas provincias da Coruña e Lugo. En concreto, no certame dos London Honey Awards deste ano e no que participaron meles de todo o mundo, foron premiados por partida dobre con senllos ouros para o seu mel de castiñeiro e para o seu mel multifloral con predominancia de eucalipto e silveira.
Fóra da IXP, Das Nosas Abellas recibiu dous ouros polo seu mel monofloral de castiñeiro e o multifloral de costa
Estes nomeamentos chegados desde Londres veñen ratificar os premios que xa se outorgaran durante as últimas Catas dos Meles de Galicia 2020, onde catro dos meles distinguidos na capital británica xa foran premiados previamente na cata dos meles que organiza a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co Consello Regulador da IXP Mel de Galicia. Na última edición das Catas dos Meles, as marcas O Poder das Flores e o mel de breixo de Ouro Puro alzábanse coas distincións de ouro nas categorías de mel multifloral e mel monofloral respectivamente, mentres que O Trobo Mel do Valadouro obtiña daquela o bronce na categoría multifloral, e Meles JS a prata na monofloral.