Archives

Prevención de accidentes no uso do tractor

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está implementando en Galicia o programa 'A túa vida sen voltas', unha iniciativa para potenciar o uso de elementos de seguridade cando se usa un tractor. Búscase reducir ao menor número posible os riscos que pode traer o uso de maquinaria agrícola aplicando as medidas de seguridade aprobadas por diferentes organismos autonómicos, nacionais e da Unión Europea. Esta guía, como o resto da documentación desta campaña, foi deseñada e elaborada polo grupo de traballo do sector agrario da  Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (CNSST), no que o Issga  participa activamente. O seu obxectivo é remarcar a  importancia da instalación de estruturas de protección e o cinto de seguridade, así como no uso destes elementos. A continuación nomearanse unha serie de puntos clave a seguir.

1-A estabilidade

A estabilidade inclúe os seguintes conceptos: -O centro de gravidade, resultado das forzas aplicadas sobre o tractor (peso, por exemplo). Se o tractor ten dúas rodas motrices o centro de gravidade está entre os dous eixes, máis cerca do traseiro, lixeiramente riba del e no plano transversal medio do tractor. -Zona de estabilidade: é un espazo delimitado polas liñas imaxinarias que unen os puntos onde o pneumático toca co chan. Esta zona está influída pola distancia entre os diferentes puntos. Canto máis distancia entre os eixos e máis ancho de vía da máquina, máis estabilidade e menos risco de envorcamento. O equilibrio será estable cando as forzas actuantes sobre o tractor conflúan no centro de gravidade. O vehículo volve á posición de estabilidade grazas ao seu peso. -Envorco lateral e cara atrás: o primeiro dáse cando o centro de gravidade traspasa as liñas de estabilidade laterais. O segundo cando o punto de gravidade traspasa a liña de estabilidade de atrás. Os tractores con tracción nas catro rodas son máis estables por teren o punto de gravidade máis adiantado que os tractores con tracción en dúas rodas. Por outra parte, aqueles tractores con ancho de vía estreito tampouco son moi estables ao reducir a lonxitude de liñas de estabilidade, ao revés daqueles cun ancho de vía máis aberto. Tampouco ofrecen garantía de estabilidade os tractores altos pois o punto de gravidade tamén está elevado -Forza centrífuga: é a forza coa que o tractor tende a envorcar cando describe un movemento circular. Esta forza (Fcf) é a suma da velocidade coa masa do tractor e a curvatura da traxectoria. Esta forza é directamente proporcional á masa do tractor e inversamente proporcional ao radio da curvatura da traxectoria. A Fcf é maior canto máis pesado é o tractor e máis pechada é a curva. Se o radio da curvatura queda reducido á metade a Fcf é dobre. (A Fcf é igual á velocidade elevada ao cadrado). Se duplicamos a velocidade coa que circulamos a Fcf é 4 veces superior. Se triplicamos a velocidade a Fcf multiplícase por 9. Unha viraxe dun tractor nun terreo horizontal produce unha forza resultante R causada polo peso do vehículo máis a forza centrífuga, con esta manobra elevamos o centro de gravidade. Por iso, virando cara arriba sumando estes factores o risco de dar volta (envorcar) aumenta. Coa Fcf podemos contrarrestar o efecto da pendente. Cando o xiro se fai costa abaixo, a resultante, R, tende a orientarse cara o centro de gravidade.

2-Situacións perigosas e normas de seguridade

-Terreos con desnivel: En terreos con desnivel débese circular afastado de zonas con desnivel. Tamén se debe deixar un espazo moi amplo para facer unha manobra xunto a un desnivel. Se existe o risco de derrube no terreo deberanse tomar distancias de seguridade dependendo de onde estea máis firme o chan. Non é recomendable circular sobre bordos con vexetación pois poden ocultar desniveis ou fochancas. Se se circula entre parcelas que están en diferentes niveis débese tomar o acceso axeitado ou o construído para tal finalidade. Evitar subir e baixar os noiros ou paredes de desnivel. -Xiros, cambios de sentido e circulación en pendentes: A circulación a velocidades elevadas nunha curva pode provocar un envorcamento (o mesmo unha manobra rápida querendo estabilizar o tractor). Se se realizan xiros amplos hai que reducir a velocidade antes dunha curva ou, se se vai por unha pendente ou con equipos pesados, debemos cambiar o sentido da marcha. -Circulando nun plano inclinado: o punto de gravidade queda desprazado cara a liña de estabilidade lateral e a Forza centrífuga pode empurrar o tractor facendo que caia sobre o lado máis inclinado. -Os cambios de sentido na marcha sobre unha pendente deben facerse con manobras lentas para que a parte de diante do tractor quede na zona máis baixa do terreo. Irase marcha atrás para subir. Logo, para baixar, débese ir marcha atrás segundo a dirección de máxima pendente e volver virar o tractor en sentido descendente para seguir en sentido oposto (cola de andoriña). -Evitar subir pendentes acentuadas levando apeiros pesados ou remolques cargados. -Se descendemos con xiro en pendente arrastrando un remolque, débese facer coa marcha máis curta para non perder o control do tractor. -Subir as pendentes marcha atrás e baixar cara adiante. Se levamos equipo enganchado na parte dianteira do tractor débese subir para adiante e baixar marcha atrás. -É moi recomendable usar o ancho de vía máximo do tractor.

3-Irregularidades do terreo

-Non circular sobre obstáculos ou depresións do terreo porque poden ocasionar perdas de equilibrio. A maior velocidade e máis inclinación do terreo o tractor pode envorcar. -Ir a velocidades moderadas e axeitadas ao estado do terreo.

4-Sistemas de freado e aceleracións bruscas

-Durante unha circulación normal nun desprazamento os pedais de freo deben estar axustados cun ferrollo de bloqueo para que as rodas de atrás freando a un tempo. Frear de maneira descompensada pode provocar o envorcado, o mesmo cando frea unha soa roda debido á forza centrífuga. -Os freos asimétricos deben aplicarse só para terreos agrarios e velocidades moi reducidas. -Débese evitar a aceleración e o freado brusco con cambios de velocidade progresiva.

5-Chans esvaradíos

-Ir a alta velocidade por terreos inseguros e esvaradíos pode provocar unha caída. O mesmo se se circula por un desnivel. En ambos os casos recoméndase reducir a velocidade.

6-Bloqueo rodas traseiras, atrancos ou resistencias no terreo

-Non se recomenda usar calzos nas rodas motrices nin acelerar de súpeto. -O envorque para atrás pode producirse cando o eixo de atrás non pode virar, e isto fará que o chasis rote arredor do eixo elevando a parte de diante do tractor. -Sempre se recomenda o uso doutro tractor para liberar o que non se pode mover tirando del marcha atrás. -Durante os traballos no campo co tractor se este queda atrancado non se debe acelerar nin embragar de maneira brusca. Convén usar elementos ou apeiros recomendados para este labor. -Se se eleva a parte de diante do tractor deberase desembragar inmediatamente para que o tractor volva a unha posición segura.

7-Circulación con equipos acoplados

-Usar equipos suspendidos que polo seu peso ou dimensións non fagan envorcar. Lembrar que cando se colocan equipos ao tractor o centro de gravidade trasládase aos límites da zona de estabilidade. Todo dependerá de onde se coloquen e do seu peso. -Os equipos deben ter unhas dimensións e peso óptimos que non ofrezan resistencia ao avance do tractor creando movementos perigosos. -Arando deberase evitar volteo do arado durante o mesmo momento que se vira o tractor durante os cambios de sentido do labor, (voltear sempre antes ou despois do cambio de sentido da marcha). -Cando se opere lateralmente por pendentes, os equipos enganchados deberán estara adaptados á parte superior da pendente achegándose o máximo ao chan. -Non remolcar cargas acopladas no punto máis alto do enganche tripuntal do tractor, isto aumenta o ángulo de tiro e o apancamento da carga. A acción provocará que o centro de gravidade se aproxime á liña de estabilidade traseira. Recoméndase usar unha barra de tiro. -Colocaranse os contrapesos diante se levamos remolque con carga ou equipo suspendido. Isto mellora a estabilidade e mantén o punto de gravidade. -Aumentarase a velocidade de maneira progresiva. -Comprobar que o lastrado é idóneo para cada situación de traballo consultando o manual de instruccións do acoplado.

8-Cargador frontal

-A elevación da pa do cargador frontal despraza o centro de gravidade cara adiante e arriba, reducindo a estabilidade e aumentando o risco de envorco. Para evitar isto, é mellor usar un contrapeso recomendado. -Colocar a carga tan perto do chan como sexa posible antes de iniciar o desprazamento. -Se o tractor levanta de atrás a pa bate ao chan antes de que o tractor envorque. -Verificar a ausencia de obstáculos, depresións, etc. -Os desprazamentos e xiros deberán efectuarse a baixa velocidade e a pa deberá estar baixa antes de xirar. Recoméndase non baixar pendentes coa pa cargada.

9-Estruturas para evitar envorcos

-Uso de ROPS (Roll Over Protective Structure), estruturas que evitan ou limitan riscos ao condutor no caso de perda de punto de gravidade do tractor durante o seu uso habitual. -O ROPS absorbe a enerxía de impacto. -O condutor pode acabar esmagado se non se usan ROPS. -Dun bastidor: leva dous postes. -De dous bastidores: leva catro postes. -Poden ser dous postes colocados diante do condutor ou detrás. -Fixos ou abatibles. Estes últimos deberán estar homologados e cando se usen estarán ben despregados. A instalación de ROPS: Séguese o Anexo I do Real Decreto 1013/2009, páxina 19, onde figuran as datas de entrada para o uso obrigatorio dos ROPS, aínda que son moitos os tractores que non os usan. Ante a falta de ROPS as solucións pasan por mercar un novo tractor que os teña instalados de serie. Isto supón un custo elevado por iso poden colocarse ROPS sobre tractores xa en uso. Os ROPS deberán estar homologados e ensaiados para o modelo de tractor sobre o cal se colocarán (bases na web do MAPA). En caso de non haber ROPS homologados para un modelo determinado poden instalarse conforme ao establecido no Manual de Reformas Vehiculares. Tamén pode seguirse este procedemento para substituír ROPS danados.

10-Cinto de seguridade

O cinto deberá estar dentro da zona de seguridade da ROPS seguindo o Regulamento da UE número 167/2013, que obriga a inclusión do cinto de seguridade na homologación do tractor (agás tractores de categoría T3 e C3 con masa en baleiro a 400 kg). A instalación do cinto seguirá as pautas establecidas no Real Decreto 866/2010. Se non ten puntos de ancoraxe deberanse instalarse uns homologados ou, substituír por un novo asento con puntos de ancoraxe.

Descarga aquí a guía sobre “A túa vida sen voltas”

Prevención de problemas músculo-esqueléticos no traballo con gando vacún

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) ofrece unha guía para que os e as traballadoras en granxas de gando vacún poidan desenvolver o seu labor evitando o risco de padecer dores e outros problemas nos músculos e articulacións (transtornos músculo-esqueléticos ou TME) durante a súa actividade.

Boas prácticas

O punto de partida é un decálogo de boas prácticas recomendadas para evitar o cansazo e a fatiga, ademáis dos problemas derivados da actividade continua. Estas son as dez claves para previr os TME neste tipo de actividade laboral: 1- Realizar exercicios de quecemento e estiramento de pescozo, ombro, brazos, pernas e lombo, antes de comezar a xornada laboral en calquera época do ano. 2- Cada 2 horas recoméndase facer pausas acompañadas de estiramentos da musculatura do pescozo, os ombros, os brazos, as pernas e o lombo de cara a evitar sobrecargas sempre que sexa posible. 3- Usar roupa axeitada á temperatura: Nos días de calor levar roupa adecuada así como empregar protección solar e nos días de baixas temperaturas empregar prendas que axuden a manter a temperatura corporal e evitar as contracturas. 4- Empregar ferramentas lixeiras e con suxección ergonómica cando sexa posible evitando así altos niveis de esforzo e adaptalas ás características da persoa que as manipula. 5- Os asentos dos tractores deberán ter sistemas de amortecemento para reducir impactos e vibracións na zona lumbar. 6- As costas deberán manterse rectas coas pernas flexionadas (para enviarlles a carga) e cos pés separados (máis equilibrio) cando se realicen tarefas con ferramentas. 7- Nos movementos durante a manipulación de cargas con ferramentas é recomendable moverse lentamente e de maneira suave, e recoller pouca carga (mellor realizar o dobre de repeticións coa metade de carga). 8- As ferramentas deberán usarse coas dúas mans, con luvas axustadas e os pulsos rectos. A suxección deberá realizar agarrando totalmente o mango (sobrepoñendo os dedos polgar e índice). 9- Alternar os traballos co tractor e outras tarefas durante a xornada. 10- Espaciar o máximo posible no tempo as tarefas que presenten maior risco de transtorno músculo-esquelético. A seguir infórmase dunha serie de tarefas que reúnen factores de risco de TME:

En explotacións de leite:

-Muxir o gando -Facer as camas -Pasar unha pá para retirar as bostas -Sacudir a malla para quitar as bostas secas -Acomodar e pasar o engazo por debaixo da malla -Alimentar o gando -Retirar o sobrante do comedeiro -Descompactar o silo -Repartir o silo de herba coa galleta ou forcada

En explotacións de carne:

-Facer a cama - Retirar o esterco -Padexar o esterco -Carrexar o estrume á corte -Padexar o estrume -Acomodar o estrume -Alimentar o gando - Desfacer a paca de herba -Carrexar a herba ó comedeiro -Limpar ó redor e debaixo dos comedeiros -Repartir herba no comedeiro -Traballo de campo (con tractor e apeiros) -Conducir o tractor mirando cara adiante -Conducir o tractor mirando cara atrás

Exercicios de quecemento

Estes exercicios faranse sempre e cando non haxa contraindicación médica. 1) Exercicios de quecemento para ombros e pescozo -Pescozo: 10 xiros á dereita 10 xiros á esquerda -Coa man sobre a cabeza tirando á esquerda e dereita: 20 segundos á dereita 20 segundos á esquerda -Empurrando cara adiante a cabeza colléndoa coas mans pola caluga (20 segundos) Empurrando cara a arriba a cabeza cos puños pechados (20 segundos) -Brazos erguidos e xirando o tronco (20 segundos): 10 xiros cara adiante 10 xiros cara atrás -Cruzando alternativamente o brazo dereito e logo o esquerdo, tocando coa man o omóplato contrario, xirar a esquerda e dereita: 20 segundos á dereita 20 segundos á esquerda -Levantando os brazos sobre a cabeza e cruzando as palmas das mans para estirar músculos (20 segundos) -Apoiando o brazo dereito e logo o brazo esquerdo contra a parede facendo forza para estirar pectorais: 20 segundos o dereito e 20 segundos o esquerdo 2) Exercicios de quecemento para brazos e pernas: -Subir os brazos e entrelazar as mans sobre a cabeza (20 seg) -Estirar os brazos cara a adiante entrelazando as mans á altura do peito (20 seg) -Dez xiros coas articulacións de cada man -Abrir pernas e ir pouco a pouco dobrando até tocar coas mans o chan. (20 seg) -Posición sentado en “flor de loto” para estirar músculos internos das pernas (20 seg) -Xiros cos xeonllos, dez á dereita e dez á esquerda -Traer a perna co xeonllo dobrado co pé mirando cara o lado contrario cara o peito (20 segundos cada perna) -Facer “zancada” cunha perna dobrada 90º e a outra cara atrás dobrada 90º sen tocar o chan co xeonllo (20 segundos cada perna) 3) Exercicios de quecemento lumbar: -Xiros rotando os cadrís (dez á dereita e dez á esquerda) -Xiros rotando o tronco sobre os cadrís (dez á dereita e dez á esquerda) -Dobrar cara atrás as costas mantendo a zona lumbar dereita e a cabeza cara atrás (20 segundos) -Abrir as pernas e levar o tronco guiado coas mans a dereita e esquerda (20 segundos á dereita e 20 segundos á esquerda) -Dobrar o tronco lateralmente á esquerda e dereita cos brazos estirados e collidos das mans (vinte segundos á dereita e vinte segundos á esquerda) -Dobrar lentamente cara adiante e tocando coas palmas das mans no chan dobrando lixeiramente os xeonllos (20 seg) -Dobrar cara adiante deixando caer a cabeza, o tronco e os brazos sen tocar o chan (20 segundos) -Deitados levaremos o xeonllo da perna ao peito axudándonos coas mans (20 segundos cada perna)

Exercicios de acondicionamento:

-Día 1: -Apoiados en mans e pés mirando cara arriba, ergueremos unha perna e xiraremos á esquerda e dereita. Faremos tres series con dez repeticións en cada perna. -Deitados no chan coas pernas dobradas ergueremos a zona lumbar cos brazos extendidos para apoiarnos a cada lado. (3 series e dez repeticións) -Deitados, viraremos a cabeza á dereita co brazo dereito, a perna dereita dobrarémola cara a esquerda colléndoa coa man esquerda (3 series de 10 segundos) -Collendo un peso lixeiro coas mans inclinaremos cara adiante erguendo cara atrás unha das pernas aguantando o equilibrio coa outra. (3 series e 10 repeticións con cada perna) -Anasados, collendo un peso lixeiro coas mans, subiremos amodo até colocar o peso sobre a nosa cabeza. (3 series de 10 repeticións) -Levantamento de pesos coas dúas mans estirando os brazos até a fronte (3 series de 10 repeticións) -Deitados lateralmente levaremos un brazo até tocar coa palma da man o ombreiro contrario (3 series de 10 repeticións) -Día 2: -Sentados, coas pernas dobradas xeonllos cara arriba, rotación de tronco a esquerda e dereita (3 series de 10 repeticións a cada lado) -Deitados boca abaixo faremos unha plancha estirando o corpo (3 series de 10 repeticións) -Apoiados en mans e xeonllos dobraremos as costas cara arriba contraéndoas (3 series de 10 repeticións) -Dereitos, deixaremos caer levemente o tronco cara adiante mirando na mesma dirección botando cara atrás os glúteos para volver á primeira posición (3 series de 10 repeticións) -Cun peso collido coas mans e coas pernas abertas subiremos e baixaremos mantendo o equilibrio e glúteos cara atrás (3 series de 10 repeticións) -Colleremos dous pesos, un en cada man, e elevaremos amodo até poñer as mans á mesma altura dos ombros (3 series de 10 repeticións) -Tumbados de lado, apoiando a cabeza nunha man, aguantaremos un peso coa man libre e logo, apoiando o antebrazo estendido sobre o corpo, levantaremos o peso desde o cóbado coa man (3 series de 10 repeticións de cada lado) -Día 3: -Tumbados cos pés para arriba, pernas elevadas, apoiándonos nas mans e brazos estendidos, levantaremos a área lumbar movendo as pernas para máis arriba (3 series de 10 repeticións) -Planchas laterais apoiando sobre o cóbado do brazo aguantando en liña recta e apoiando sobre os pés. (3 series de 10 repeticións por cada lado) -Apoiados nas mans e xeonllos estiraremos para adiante un brazo e unha perna para atrás (3 series de 10 repeticións por cada lado) -Zancadas de 90º co xeonllo que movamos e o mesmo que o outro só que non pode tocar o chan. Levaremos pesos en cada man (3 series de 10 repeticións cada lado) -Planchas con brazos ou flexións con brazos (3 series de 10 repeticións) -Movemento cara adiante e cara a atrás cos brazos dobrados con pesos en cada man, alternando (3 series de 10 repeticións) -De pé, extenderemos o brazo de lado e dobraremos en 90º o cóbado para adiante aguantando un peso. Subiremos o brazo desde o cóbado co peso apuntando cara arriba (3 series de 10 repeticións en cada brazo)

Para non esquecer:

-Facer rutinas de quecemento e estiramento de pescozo, ombros, brazos, pernas e lombo, antes do inicio da xornada. -Realizar pausas de polo menos 10 minutos cada 2 horas para descansar, e facer sempre que sexa posible estiramentos de pescozo, ombros, brazos, pernas e o lombo. -Empregar ferramentas lixeiras e con empuñadura ergonómica (para reducir os esforzos de manipulación), e incorporar asentos con amortecemento nos tractores (para protexer a espalda das vibracións). -Nas tarefas con ferramentas, manter o lombo recto, coas pernas flexionadas (para trasladarlles a carga) e os pés separados (para obter un maior equilibrio e seguridade). -Nas tarefas de manipulación de cargas con ferramentas realizar movementos suaves, e procurar recoller pouca carga (sempre é mellor facer o dobre de repeticións coa metade de carga). -Manexar as ferramentas coas dúas mans, empregando luvas ben axustadas, mantendo os pulsos rectos, e agarrando totalmente o mango (superpoñendo os dedos polgar e índice). -Manter unha alimentación equilibrada, e evitar os hábitos pouco saudables (alcohol, tabaco, etc.). -Realizar bos descansos fóra do traballo. Durmir ben é fundamental para que o corpo se recupere e evitar lesións. -Acondicionar o corpo polo menos 3 días á semana: traballar a elasticidade, practicar pilates ou facer exercicios de fortalecemento muscular. -Ao longo da xornada, tentar espaciar o máximo posible no tempo as tarefas que presentan un maior risco de TME.

Descarga aquí a guía do Issga para previr os trastornos músculo-esqueléticos nas ganderías de vacún

Riscos a ter en conta nas cortas forestais

O sector forestal galego é unha fonte de riqueza e de xeración de emprego para o rural, cunha facturación de máis de 2700 millóns de euros en 2022. E unha peza clave en toda a cadea monte industria é a realización dos aproveitamentos forestais, unha tarefa na que existe unha importante marxe de mellora para reducir a sinistralidade laboral. Neste sentido, desde o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), centro dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, acaban de realizar en Mondoñedo e Lugo dúas xornadas técnicas de sensibilización sobre os riscos nos aproveitamentos forestais, en colaboración coa Asociación de Primeira Transformación da Madeira de Lugo (LugoMadera), e que foron impartidas por Miguel Ameijide Seijas, técnico superior en Prevención de Riscos Laborais e enxeñeiro técnico forestal na devandita asociación.

1) Sinalizar os aproveitamentos forestais

Como punto de partida para reducir os riscos de accidente resulta clave planificar os aproveitamentos forestais, e un primeiro paso para iso sería sinalizar a zona onde se vai a realizar a corta de madeira. "Sinalizar os aproveitamentos forestais é o comezo dunha boa planificación", subliña o técnico de LugoMadera. E é que os traballadores, o persoal de mantemento ou os transeúntes poden verse ameazados polos traballos forestais realizados nas proximidades de estradas, camiños, etc. Por tanto, as pistas, camiños forestais, rurais, etc. que dan acceso aos aproveitamentos forestais deberán estar sinalizados indicando a toda persoa que poida circular por eles os riscos que implica o aproveitamento. Existen distintos modelos de sinalización, pero en todo caso, deben ser claras e visibles, tanto para traballadores como para terceiros, e é preciso revisalas periodicamente para cerciorarse de que están ben colocadas. A sinalización debe informar sobre os perigos, as prohibicións e obrigacións de todos os traballadores que accedan.

2) Planificar como se vai a realizar o aproveitamento forestal

O seguinte paso antes de realizar a curta sería planificar como se vai a realizar o aproveitamento forestal, para o que existen distintos modelos de documentos por parte do Issga. Na devandita planificación débese deixar constancia dos seguintes datos: -Datos do aproveitamento: quen promove, monte, polígono, parcela, data, municipio, provincia -Relación de traballadores que traballan no aproveitamento -Empresa ou empresas que interveñen no aproveitamento -Identificar as máquinas que interveñen no aproveitamento -Identificar as máquinas e que equipos desenvolven os traballos Pero tamén no documento débese: -Identificar os factores de riscos que existen no aproveitamento -Identificar os factores de riscos que atopamos nos aproveitamentos para dar as instrucións de seguridade.

3) Factores de riscos que podemos atopar nun aproveitamento forestal

A este respecto, debemos identificar e analizar os distintos factores de riscos que podemos atopar nun aproveitamento. En concreto, debemos dar instrucións aos traballadores: -Se temos liñas eléctricas no aproveitamento. -Se nos atopamos árbores enganchadas e/ou apeadas. -Informar das condicións orográficas que podamos atoparnos (pendentes, precipicios, etc.) -Se existe presenza de niños de avispas velutinas.

4) Factores meteorolóxicos: a calor

As altas temperaturas poden provocar golpes de calor aos traballadores forestais, polo que tamén se deben extremar as precaucións neste sentido. A este respecto, o Ministerio de Sanidade ofrece un sistema gratuíto para recibir no correo electrónico e no teléfono móbil a predición das temperaturas e do nivel de risco da provincia solicitada. https://www.sanidad.gob.es/ciudadanos/saludamblaboral/planaltastemp/2023/home.htm

5) Medidas preventivas contra o frío, a choiva e os fortes ventos

Para unha planificación correcta dos aproveitamentos forestais debemos ter en conta as condicións meteorolóxicas adversas para poder paralizar os traballos no caso de que sexa necesario. Os traballadores deben ter medidas de abrigo e protección fronte ao frío e a choiva e a dirección, mentres que a intensidade e dirección do vento é un importante factor a ter en conta nos aproveitamentos forestais.

6) Medidas de emerxencia:

Débese xeolocalizar a parcela e xeolocalizar tamén un punto de encontro para que poidan chegar os medios externos a prestar auxilio a calquera persoa accidentada. Lémbrase que o teléfono de emerxencias é o 112. "A organización en caso dunha emerxencia salva vidas", conclúe Miguel Ameijide.

Prevención de riscos laborais no sector agrogandeiro para mulleres embarazas e lactantes

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), ten a disposición da cidadanía unha guía sobre “Prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario”. Estes son os puntos clave a ter en conta para reducir os riscos para a saúde das mulleres: 

1) Características da muller en situación de embarazo, posparto e lactación

Como punto de partida hai que ter en conta que o embarazo supón unha serie de cambios na muller cuxo obxectivo é asegurar a supervivencia e o axeitado desenvolvemento do fetol. Malia ser un proceso fisiolóxico, o certo é que algúns destes cambios poden limitar a capacidade funcional da traballadora grávida e a súa tolerancia a determinadas condicións da contorna laboral. Os cambios máis relevantes da muller embarazada maniféstanse a nivel circulatorio, no peso corporal, na postura e no equilibrio, na lasitude ligamentosa e na frecuencia urinaria. Durante o posparto a muller presenta cambios tales como molestias urinarias, cansazo, alteracións emocionais, falta de sono, incontinencia urinaria que poden limitala na realización das súas tarefas. E no período de lactación a traballadora pode ter molestias a nivel físico coma sensibilidade nos seos, presenza de gretas ou mastite; dificultades para a produción de leite por substancias químicas ou por condicións de traballo estresantes; inconvenientes á hora de poder compatibilizar a xornada laboral coas tomas, así como no desenvolvemento daquelas tarefas nas que existan axentes nocivos que se poidan transmitir por contacto ou polo leite materno.

2) Boas prácticas para evitar os riscos no embarazo e na lactación

Riscos físicos:

-Calor ou frío extremos:en xeral considéranse situacións ambientais con posible risco para o embarazo aquelas nas que a temperatura é maior de 28°C ou menor de 10°C. Como medidas preventivas aconséllase: • Empregar roupa de traballo adecuada á temperatura. • Non realizar traballos en lugares ou momentos do día con altas ou baixas temperaturas. • Beber líquidos con frecuencia.

Ruído:

A exposición a ambientes ruidosos no traballo é prexudicial para a embarazada e para o feto. A protección da nai non elimina o risco para o feto. Medidas preventivas: • Evitar os ruídos molestos e intensos. • Se non pode evitar o ambiente ruidoso, reducir o tempo de exposición, cambiar o momento de realización da tarefa ou trocala con outra persoa.

Vibracións:

Estar exposta ás vibracións cando se utilizan tractores, colleitadoras, empacadoras, debulladoras, sementadoras, pas mecánicas, etc. e no manexo de equipos manuais como motocultores, motoserras, rozadoiras, etc. que pode ser prexudiciais para o embarazo.  Como medidas preventivas suxírense: • Evitar ou reducir o seu uso sempre que se poida. • Vixiar o estado das ferramentas ou maquinaria agrícola que se vaia utilizar.

Radiación non ionizante:

A exposición a campos electromagnéticos, ultravioletas, infravermellos, radiofrecuencia, microondas e ultrasóns poden ter efectos adversos para o embarazo e o feto. Como medidas preventivas aconséllanse: • Evitar a exposición durante o embarazo e a lactación.

Caídas, golpes e choques:

Ao realizar traballos en altura, en chans esvaradíos, ao traballar entre animais, usar ferramentas e maquinaria agrícola, etc., pódense sufrir accidentes que che causen lesións á muller e ao feto. Medidas preventivas: • Evitar os traballos sobre superficies elevadas, inestables ou escorregadizas. • Evitar as tarefas nas que se poida recibir golpes. • Tentar non circular por terreos irregulares e conducir a baixa velocidade, sen freadas ou sacudidas fortes.

Riscos químicos:

Algúns produtos químicos poden ser perigosos para o embarazo e a lactación natural. Entre estes encóntranse os canceríxenos, os mutáxenos, os tóxicos para a reprodución, os alteradores hormonais e os neurotóxicos que se poden atopar en praguicidas, deterxentes, disolventes, etc. Medidas preventivas: • Ler a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que se empreguen, onde informan se é perigoso para mulleres embarazadas ou para a lactación natural. É preciso fixarse nas frases R ou H que indican perigo para o embarazo e a lactación. • Se é perigoso, é necesario cambialo por outro que non o sexa se é posible, e senón seguir as medidas preventivas que indica o fabricante do produto. • Traballar con ventilación axeitada para reducir a concentración ambiental de partículas coma o po e a néboa, vapores e gases perigosos. • Usar equipos de protección individual (EPI) axeitados e en bo estado. • Gardar e lavar por separado a roupa de rúa e a de traballo. • Coidar a hixiene persoal durante o traballo e nunca comer, beber ou fumar se se están a manipular produtos químicos.

Riscos biolóxicos:

Algunhas enfermidades infecciosas contraídas durante o embarazo poden producir danos no feto. Transmítense polo contacto con animais, produtos de abortos ou partos, estercos, xurros, augas residuais, solos e materiais contaminados por virus, bacterias, endoparásitos…, coma por exemplo, a Brucella abortus, a Listeria monocytogenes e o Toxoplasma gondi. Medidas preventivas: • Realizar ás inspeccións sanitarias aos animais. • Evitar o contacto con animais enfermos ou mortos, coas súas placentas ou outros tecidos e cos materiais contaminados, esterco e xurros. • Eliminar os residuos biolóxicos de forma axeitada. • Empregar equipos de protección axeitados: luvas, máscara, roupa e calzado. • Gardar e lavar por separado a roupa de traballo e a de rúa. • Seguir normas de hixiene persoal, lavar as mans con frecuencia. • Limpar e desinfectar os lugares e os materiais de traballo.

Riscos ergonómicos e psicosociais:

Sobre os riscos ergonómicos, as posturas forzadas que se manteñen durante moito tempo poden resultar daniñas para a embarazada e o feto, por exemplo, cando se traballa de crequenas, axeonllada, sentada, de pé ou co tronco inclinado. Medidas preventivas: • Realizar cambios posturais frecuentes. • Realizar pausas para descansar ao longo da xornada laboral. • Utilizar roupa e calzado cómodos. • Recoméndase usar medias de compresión venosa A manipulación manual de cargas e a aplicación de forza ao arrastrar ou empurrar poden producir danos á traballadora grávida e durante a lactación debido aos cambios fisiolóxicos propios deste estado, como é o aumento de volume do abdome que dificulta o manexo das cargas. Medidas preventivas: • Evitar aquelas manipulacións que supoñan un risco de sufrir golpes a nivel do abdome. • Durante os seis primeiros meses de embarazo: - Se o manexo de cargas é reiterado, o peso máximo recomendado é de 5 quilos. - Se o manexo de cargas é intermitente, o peso máximo recomendado é de 10 quilos. • A partir do sétimo mes de embarazo, evitar a manipulación manual de cargas. Os riscos psicosociais tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación: Estes riscos tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación: - No caso de traballadoras do campo hai que ter en conta o horario de traballo, as xornadas prolongadas, o ritmo de traballo imposto pola tarefa, o gran volume de traballo en determinadas épocas do ano, o estrés derivado dos investimentos, do uso de novas tecnoloxías, o aumento da burocracia, e as posibles perdas económicas. - No caso de traballadoras forestais: illamento, inestabilidade laboral, problemas para conciliar a vida laboral e familiar, etc. Medidas preventivas: • Evitar as xornadas prolongadas. Tentar facer unha xornada diaria igual ou menor de oito horas. • Evitar a sobrecarga de traballo, reducir o volume e o ritmo. • Realizar pausas máis longas e frecuentes. • Procurar ter un asento ou apoio axeitado cando se realizen tarefas de pé. • Adoptar medidas que permitan a conciliación da vida laboral e familiar. • Evitar situacións de estrés. • Favorecer as condicións axeitadas para a lactación.

12 Consellos útiles:

1- Protéxete da calor, do frío extremo e dos ambientes húmidos. Utiliza roupa e calzado cómodo, seguro e axeitado á estación do ano.

2- Tenta facer pausas frecuentes, evita as xornadas longas, descansa e durme as horas necesarias.

3- Bebe auga e toma refrixerios nutritivos sempre que sexa posible. Non debes saltar as comidas por mor do traballo.

4- Evita os ruídos molestos e intensos. Os protectores auditivos protéxente a ti pero non ao feto, en especial, a partir do quinto/ sexto mes de embarazo.

5- Reduce o traballo con maquinaria para non estar exposta a vibracións nin a ruídos.

6- Evita levantar pesos, facer esforzos, realizar movementos bruscos e adoptar posturas forzadas.

7- Se traballas de pé, débeste sentar de cando en vez.

8- Non fagas traballos sobre superficies elevadas, inestables nin preto dos animais.

9- Emprega equipos de protección individual axeitados.

10- Le sempre a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que vaias manipular porque poden ser prexudiciais para o embarazo, o feto e a lactación.

11- Evita o traballo con esterco, xurro e animais enfermos ou mortos.

12- Evita, sempre que sexa posible, as tarefas estresantes.

Descarga aquí a guía completa do ISSGA

Aprender a través de xogos para reducir os accidentes no sector forestal, unha nova técnica que se implanta con éxito en Galicia

Adaptar a formación en prevención de riscos laborais á nova realidade social, cunha cada vez presenza cada vez maior das novas tecnoloxías na nosa vida cotiá, para reducir a sinistralidade laboral no sector forestal. Esa é a idea que levou ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), centro dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a apostar pola gamificación; é dicir, o emprego de mecánicas de xogo en contornas e aplicacións non lúdicas co fin de potenciar a motivación, a concentración, o esforzo, a fidelización e outros valores positivos comúns a calquera xogo. Deste xeito, o Issga comezou a programar no ano 2021 cursos de “Gamificación para avanzar na prevención de riscos laborais no sector forestal”, que se impartiron en diferentes centros formativos de Galicia. En concreto, neste 2023 impartíronse 3 cursos no CFEA de Lourizán, un no IES San Rosendo de Mondoñedo; outro no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño e outra formación no CFEA de Sergude. Cada curso ten unha duración de 15 horas lectivas repartidas en tres xornadas e nas que participan entre 10 e 20 alumnos e cun carácter eminentemente práctico. Así, o alumnado dispón dos medios técnicos e materiais para o desenvolvemento das accións formativas (motoserras, material de mantemento e reposto, equipos de protección individual – cascos con pantalla e protectores auditivos, perneiras anticorte, botas de seguridade e luvas anticorte, ...). O persoal docente conta cunha ampla experiencia académica e profesional na rama forestal e en prevención de riscos laborais. Precisamente para coñecer de primeira man como son estes cursos e as vantaxes que supón a gamificación, falamos con Segundo Ruiz Lemos, Enxeñeiro Técnico Forestal, e que leva impartidos varios destes cursos. -En que consiste a gamificación e que vantaxes supón a nivel pedagóxico? A gamificación é unha técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo ou profesional coa finalidade de acadar mellores resultados, ben sexa para asimilar mellor certos coñecementos ou para mellorar algunhas habilidades concretas, entre outros obxectivos. Este tipo de aprendizaxe vén gañando terreo nas metodoloxías de formación debido ao seu carácter lúdico, que facilita a interiorización de coñecementos dunha forma máis amena, xerando unha experiencia positiva no alumnado. O modelo de xogo realmente funciona porque consegue motivar aos alumnos, desenvolvendo un maior compromiso das persoas, e incentivando o ánimo de superación. Para elo empréganse unha serie de técnicas mecánicas e dinámicas extrapoladas dos xogos. -No caso concreto da formación para a prevención de riscos laborais no sector forestal, que vantaxes aporta? A formación en materia de prevención de riscos laborais é un tipo de formación que o alumnado percibe como tediosa e pouco dinámica. Ao incluír a gamificación nesta tipoloxía de formación acadamos unha maior implicación por parte dos participantes, o que conleva maior atención e asimilación de conceptos con moita máis facilidade. Mediante simulacións, coa aparencia de xogos, relacionadas con acontecementos ou procesos da actividade forestal, preténdese analizar e anticipar situacións de risco sen prexuízo do posible erro por parte do alumno. Nun sentido amplo, a través do xogo, logramos influír nos hábitos dos usuarios no ámbito da prevención de risco laborais durante a realización de diferentes actividades propias do sector forestal. -Que levou ao Issga a apostar por esta modalidade de formación? Como dixen antes, este tipo de formación é moito máis dinámica e amena para o alumnado o que propicia un maior aproveitamento por parte dos participantes. Apostar por este tipo de formación, ademais de facilitar o proceso de aprendizaxe e a asimilación de conceptos, aporta unha maior formación de carácter práctico aos participantes. -Por qué motivos se está a empregar a gamificación na formación en centros de ensino e non tanto para os profesionais xa en activo no sector forestal? O uso da gamificación na formación, en xeral, ten moita mellor acollida entre un perfil de alumnado máis novo, xa que os profesionais en activo no sector forestal, posiblemente debido á súa idade, son algo máis reticentes, de entrada, a un tipo de formación no que teñen que participar de xeito máis activo e a través de diferentes simulacións ou dinámicas grupais. Isto non quere dicir que na formación que levamos a cabo para profesionais en activo no sector forestal non se empregue tamén a gamificación. De feito tamén a empregamos, aínda que en menor medida. -Que destacarías da acollida dos cursos de gamificación por parte do alumnado? Os cursos de gamificación están tendo unha moi boa acollida por parte do alumnado participante. De feito, o Issga leva ofertando esta formación, aos centros de Formación Profesional da familia agroforestal, dende o ano 2021 e, en todas as edicións, o grao de satisfacción foi moi elevado. -E en concreto das actividades prácticas que se realizaron co alumnado para a prevención de riscos no sector forestal? Dentro das actividades prácticas que se realizaron co alumnado poderiamos destacar o emprego da app Alertas Issga, que é unha aplicación do Issga para informar e sensibilizar sobre as boas prácticas en prevención de riscos laborais a través dun xogo de test. Tamén ten moi boa acollida a dinámica na que os alumnos asumen o papel de xefes do equipo de traballo e son os encargados de planificar as diferentes tarefas a levar a cabo nun aproveitamento forestal centrándose na seguridade dos traballos. E, por suposto, a actividade que máis éxito ten é a de traballo real coa motoserra. Nesta actividade son os alumnos os que, supervisados polos docentes, levan a cabo o apeo e procesado de árbores. Para isto dótase aos participantes dos seus correspondentes EPI (Equipos de Protección Individual) e maquinaria. -Que melloras ou correccións consideras que é preciso introducir neste tipo de formación? Aínda que esta formación xa se imparte con grupos reducidos (máximo 15 alumnos e 2 docentes), sería ideal poder facelo cun menor número de alumnos por docente xa que, dese xeito, cada participante tería a posibilidade de realizar máis prácticas específicas coas que perfeccionar diferentes técnicas de traballo. De todos os xeitos, estamos a traballar en novas actividades para introducir en cursos futuros, que permitan unha maior interacción por parte do alumnado. Gustaríame engadir que esta formación posibilita que un elevado número de persoas adquiran unha serie de coñecementos e se familiaricen con diferentes técnicas de traballo, que no futuro incrementarán a súa seguridade e a dos seus compañeiros e compañeiras durante a súa actividade profesional no sector forestal.

A “Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027” centrarase con especial incidencia nos sectores forestal e agrario

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na presentación da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. O documento, elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), contou co consenso dos interlocutores sociais, algo que a representante autonómica quixo poñer en valor porque contribúe a fomentar un mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro. Rivo subliñou que a nova estratexia tivo en conta no seu deseño a configuración do tecido produtivo galego -integrado de xeito principal por pemes e micropemes-, as peticións das entidades sindicais e as achegas doutras consellerías da Xunta. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade agradeceu o consenso acadado na configuración do documento coa meta última de reducir a sinistralidade e mellorar as condicións de traballo a través da mellora da xestión preventiva. “Seguiremos sentándonos, dialogando e xerando debates construtivos coa sociedade para seguir avanzando na xeración dun mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro”, rematou a conselleira. “O traballo abre as portas do benestar e o benestar é imprescindible no traballo”, recalcou. O novo marco estratéxico nace para avanzar na consolidación da calidade do emprego. Galicia está a sentar as bases para crear contornos de traballo seguros, saudables e sustentables. O documento avoga por situar como valores fundamentais a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, que sitúe no centro ás persoas. A Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. conta cun orzamento de 55,8M€ para todo o período de vixencia. Entre os seis obxectivos estratéxicos e as máis de 135 medidas a desenvolver, recolle actuacións para adaptar a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías nas contornas laborais, como a intelixencia artificial, a big data, os robots colaborativos, a Internet das cousas, os algoritmos ou as plataformas dixitais de traballo. Unha das prioridades será a de enfrontar os riscos psicosociais que afectan ás persoas traballadoras (estrés, violencia, desgaste laboral...) e tratar de reducir, con carácter xeral, os danos na saúde das persoas, tanto accidentes laborais como enfermidades profesionais. Na mesma liña quere combater patoloxías non traumáticas, riscos ergonómicos e os relacionados coa exposición a substancias e axentes perigosos.

Especial atención á reducción da sinistralidade no sector forestal e agrario

A nova estratexia, doutra banda, mira aos colectivos vulnerables ante o traballo e incidirá en sectores con alta sinistralidade. Menciona o forestal, a pesca, o dos coidatos ou a construción como algún dos prioritarios. Tamén terá en conta o idadismo e a diversidade xeracional para incidir na mellora da seguridade e saúde no traballo. A Xunta de Galicia avogará por xerar coñecemento e sensibilizar na cultura da prevención a persoas traballadoras, empresarios e mesmo ao alumnado, nas diferentes etapas educativas, polo que no novo marco reforzarase a formación. Medidas concretas No caso concreto do eido forestal, a Estratexia persegue incidir nos equipos de traballo, na organización do traballo, en medidas de emerxencia e coordinación de actividades, con actuacións como: A. Promover melloras nas operacións de maior risco e alta sinistralidade, facilitando asesoramento técnico, documentación, etc. aos servizos de prevención de riscos laborais do sector. Impulso da xestión mancomunada da prevención de riscos laborais. B. Programa de prevención de riscos e redución da sinistralidade na industria forestal, nas operacións de maior sinistralidade no traballo no monte, e investigación causal destes accidentes, incluídos os do persoal autónomo. C. Achegar información sobre o uso seguro de equipos de traballo, en particular no manexo de maquinaria forestal, mediante cursos de información e formación de carácter práctico. No caso do sector agrario, atenderase especialmente aos lugares de traballo, silos, caídas de altura, equipos de traballo, tractor e outra maquinaria agrícola e á aplicación segura de fitosanitarios. Utilizarase como instrumento técnico as coleccións Implanta e Actúa do Issga.

Descarga aquí o documento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027

“O gandeiro debe axudar a que o veterinario poda traballar de xeito seguro”

O pasado ano o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, puxo en marcha a campaña “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”, unha acción coa que se pretende reducir os accidentes laborais do persoal veterinario que accede ás explotacións de gando vacún. A campaña, que se desenvolve en colaboración coa Consellería do Medio Rural, xa chegou a unhas 12.600 explotacións galegas cunha acollida moi positiva. Entre este ano e o 2024 prevén chegar a outras tantas para reducir o risco de accidentes tanto dos veterinarios, como das outras persoas que traballan nas ganderías. Falamos con Gema Bértoa Veiga, Enxeñeira Agrónoma e Técnica superior de seguridade e saúde laboral no Issga Lugo, e coordinadora da campaña. -No ISSGA presentastes en 2022 unha campaña específica de prevención de riscos laborais do traballo do persoal veterinario nas explotacións gandeiras, principalmente de vacún. ¿Como xurdiu esta iniciativa e que axentes están implicados? Esta iniciativa xurdiu no Grupo de Traballo de Sinistralidade, creado polo Pleno do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, do día 10 de novembro do 2020. Este grupo ten vocación eminentemente técnica e a súa finalidade é a investigación e obtención de datos sobre as causas da sinistralidade en Galicia, co obxectivo de plantexar estratexias para a súa redución. Esta campaña enmárcase dentro das actuacións do grupo, co obxectivo de reducir a sinistralidade nos sectores, actividades ou operacións que se poidan considerar de actuación prioritaria. O grupo de traballo está formado por unha parte polas Administracións Públicas (a Dirección Xeral de Relacións Laborais e o ISSGA) e por outra parte as organizacións sindicais (CIG, UGT-Galicia e CC.OO) e as Organizacións empresariais (CEG). A raíz dos traballos desenvolvidos no seno deste grupo de traballo, e trala análise da sinistralidade grave en Galicia que amosa que no sector gandeiro se producen accidentes laborais do persoal veterinario que accede ás explotacións de gando vacún, decídese levar a cabo unha campaña dirixida a este sector denominada “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotacións de gando vacún”, que inclúe, entre outras, as seguintes medidas: 1. Elaboración de documentación técnica polo ISSGA: - Carteis: “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”; “Fai da túa explotación de gando vacún un lugar seguro e saudable” - Cuadrípticos: “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”; “Fai da túa explotación de gando vacún un lugar seguro e saudable” 2. Difusión de material, en formato impreso nas explotacións gandeiras, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e, en formato dixital, a través da páxina web e outros medios dixitais. 3. Sensibilización a través de redes sociais. Un dos obxectivos desta campaña é chamar a atención dos gandeiros sobre a importancia que ten o dispor de instalacións axeitadas e mantelas limpas e en bo estado, de cara a evitar accidentes, do propio gandeiro ou daquelas persoas que deban realizar traballos nelas, como é o caso dos veterinarios. Esta campaña, realízase en colaboración coa Consellería do Medio Rural e pretende concienciar da importancia da prevención destes riscos laborais existentes nas explotacións de gando vacún e indicar as medidas e recomendacións preventivas que permitan eliminalos ou reducilos. -Un ano despois da súa posta en marcha, como avaliades a acollida e os resultados desta campaña de prevención? A campaña ten unha duración plurianual co obxectivo de facer chegar a documentación a case 25.000 explotacións de gando vacún galegas. A día de hoxe, segundo datos proporcionados pola Consellería do Medio Rural fíxose entrega da documentación en aproximadamente 12.600 explotacións de gando vacún a través da campaña de saneamento da Consellería de Medio Rural e nas que os técnicos fixeron entrega persoal de dita documentación aos gandeiros.
 “Ata agora chegamos coa campaña a unhas 12.600 explotacións gandeiras de Galicia e a acollida foi moi boa”
Durante o ano 2023, e ao longo do ano 2024 continuarase coa campaña de reparto, facéndolle entrega da documentación a aquelas explotacións que aínda están pendentes de visitar. Os carteis foron enviados tamén aos diferentes Servizos Provinciais, para o seu reparto ás Oficinas Rurais. Está previsto facer en breve un novo reparto dirixido a todas estas oficinas. En xeral, a acollida desta acción foi moi boa. Durante o último ano notouse unha mellora nas instalacións e unha maior colaboración por parte dos gandeiros á hora do manexo dos animais. Tamén é importante destacar que por parte da Consellería do Medio Rural estanse impulsando melloras nas instalacións para evitar riscos para o gando e para o persoal actuante. Un exemplo é o plan de execución de pastizais en zonas forestais no que se prevé, dentro das actuacións a desenvolver, a instalación de mangas de manexo, das que a maioría das explotacións gandeiras non dispoñía anteriormente. -Cales son os principais riscos asociados ao traballo dos veterinarios nas explotacións gandeiras? Os principais riscos asociados ao traballo dos veterinarios nas explotacións gandeiras son, en primeiro lugar os axentes biolóxicos, seguido dos causados por seres vivos, sobreesforzos, axentes químicos, axentes físicos, golpes contra obxectos... entre outros. Cabe destacar que o principal axente material é o gando vacún e que as principais causas dos accidentes son debidas a cornadas/pisadas/patadas/mordeduras. -Cales son os erros máis comúns en canto a prevención que acaban en sinistros? Cando se produce un sinistro laboral débese principalmente á ausencia e/ou non aplicación de medidas de prevención e/ou protección durante a realización das diferentes tarefas, así como o exceso de confianza. Nas explotacións gandeiras existen riscos laborais tanto para o titular, como para o persoal traballador e as persoas que por razón do seu traballo acceden ás instalacións. Este é o caso do persoal veterinario que debe actuar nas explotacións gandeiras (campañas de saneamento gandeiro, servizos veterinarios oficiais, agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira, actuacións clínicas,...) Moitos dos accidentes nas explotacións gandeiras prodúcense cando hai proximidade ou contacto cos animais, e para evitalos é preciso ter en conta as súas reaccións, manter en bo estado as instalacións e dispor de medios adecuados para facer os traballos de forma segura. -Que medidas de prevención se deberían poñer en práctica por parte do veterinario antes de comezar os seu traballo nunha gandería? É obrigatorio e necesario coordinarse co propietario da explotación para desenvolver as actividades na explotación. O persoal veterinario debe estar informado dos traballos que se estean a desenvolver e lles poidan influír e dos riscos e medidas preventivas que compre adoptar, mediante a correspondente xestión preventiva. Ademais debe adoptar medidas de prevención para o manexo do gando, como poden ser as seguintes: - Extremar as medidas de hixiene persoal en toda a explotación pecuaria. - Manexar sempre con prudencia os animais e ter presente o seu comportamento imprevisible. - Extremar a precaución con exemplares non habituados á presenza do ser humano e/ou que leven longos períodos soltos. - En campo aberto, achegarse sempre aos animais en diagonal frontal, de xeito que o animal non se vexa sorprendido, e tampouco se sinta ameazado. - Cando se conduza o gando en grupo, evitar ir diante del. A posición lateral sempre é máis segura.
“Na corte hai que evitar pasar entre as vacas e as paredes ou os pesebres”
- Nas operacións na corte, evitar pasar entre os animais e as paredes e os pesebres, especialmente de maneira lateral ou posterior. - Para as operacións delicadas, empregar os pesebres coma parapetos. Para operacións de vacinación, inxeccións, inseminado, castración e toda operación delicada na que se corra o risco de reaccións estrañas por parte do animal, proceder sempre a unha suxeición adecuada do animal previa á operación. -As instalacións xogan un papel clave para previr accidentes nunha granxa. Neste sentido, como pode axudar o gandeiro á hora de reducir o risco de accidentes tanto por parte do veterinario como para o resto de persoas que traballan na granxa? O gandeiro debe proporcionar seguridade nas actuacións do persoal veterinario e para elo: - Debe procurar que as instalacións sexan seguras tanto para el como para o persoal veterinario e facer un manexo axeitado dos animais. - As instalacións deben estar o máis limpas posibles e sen excrementos. As superficies do chan deben ser lisas , non escorregadizas, sen chanzos e ocos que poidan causar caídas dos animais e das persoas. - Acompañar ó persoal externo que acceda á explotación e encargarse, no posible, da inmobilización dos animais e de mantelos tranquilos. - Colaborar co persoal veterinario e seguir as súas indicacións relativas a como inmobilizaloo mellor, en función da instalacións e das actuacións que vaian facer. - Asegurarse de dispor de medios para a inmobilización dos animais e de que están en bo estado. Melloralos se é posible, pois serán máis seguros para o gandeiro e para os demais. O servizo veterinario ou o servizo de prevención de riscos do gandeiro, de ser o caso, poderano aconsellar. - En todo caso, sempre que sexa posible, os animais deben estar suxeitos antes de que o persoal veterinario entre no establecemento, evitando así que os animais se asusten e escapen. - Débese evitar que, no momento da manipulación, estean animais doutras especies soltos (cans, aves de curral, porcos...) xa que poden asustar ó gando que se vai inmobilizar. Tamén se debe evitar que acudan persoas alleas ao traballo que se realiza. - Impedir que os outros animais da explotación, diferentes daqueles sobre os que se actúan, poidan golpear ó persoal veterinario: Asegurarse que exista espazo suficiente cos animais. Poñer barreiras físicas entre os animais (barrotes...) Separar o animal que se vai tratar do resto de animais da explotación. - Unha vez que se actúe sobre un animal, seguir as instrucións do veterinario relativas a retiralo e traer o seguinte. -E no manexo do gando, que pautas debemos seguir para reducir a sinistralidade? Débense seguir medidas preventivas xerais e específicas. Como medidas preventivas xerais: - Manexar os animais con prudencia, son imprevisibles. - Achegarse a eles por diante ou lateralmente, no seu ángulo de visión ou falando suavemente. - Non asustalos voceando ou facendo espaventos. - Acostumar ós animais ao manexo e ao contacto coas persoas. - Non quedar pechado nunha zona reducida xunto a animais de gran tamaño. - Conducilos en grupo por un lateral, axudado dunha vara, sen asustar ou agredir o gando. -Extremar as precaucións en situacións que poden agravar os riscos (celo, postparto, animais enfermos ou especialmente agresivos...). - Tratar de substituír canto antes os animais especialmente agresivos. No caso de traballar en cortes, currais, con coleiras ou trabadizas: - Se é posible, non entrar por detrás dos animais para evitar patadas. Se hai que traballar por detrás deles, debe existir suficiente espazo dispoñible. - Se se vai traballar por diante, non efectuar operacións a través dos barrotes con risco de atrapamento e asegurarse da inmobilización da cabeza (corda nos cornos amarrada ao lado oposto, na barra lateral ou na trabadiza...) - Se se traballa con coleiras ou trabadizas, adoptar medidas adicionais de seguridade para evitar riscos, tales como: Comprobar que os animais están inmobilizados antes de que acceda o persoal veterinario. Asegurarse de que exista espazo suficiente ou barreiras físicas cos animais. Se existen barras laterais de separación dos animais, situarse detrás delas. Cando o indique o persoal veterinario, soltar os animais de un en un. - Se se vai traballar en cortes ou currais: Non permitir o acceso ata que os animais estean inmobilizados. Evitar situarse entre dous animais. Evitar situarse ente o animal e a parede ou un elemento físico. Ademais, nas mangas: - Traballar lonxe dos barrotes verticais para evitar os atrapamentos. - Apertar ben os animais contra o lado sobre o que se vaia traballar neles. - En caso de mobilidade de cabeza do animal, reforzar a inmobilización (mediante o uso de cabezada atada con dúas voltas á manga de manexo). - Intentar situarse o máis afastado posible da manga. - En caso de ter que subirse a algún barrote da manga, vixiar as puntas dos pés e vixiar a zona de acceso para evitar danos ao baixar. -Couces e cornadas son as causas principais de accidentes co gando vacún, a veces con desenlace mortal. Que pautas deberíamos seguir para reducir estes sinistros? Ademais das medidas que describín anteriormente, deberíanse empregar sistemas de inmobilización e medidas de contención física nos animais. Algúns sistemas de inmobilización son, por exemplo: - Sistemas de amarre posto-coleira -Sistemas de cornadiza autotrabante ou trabaliza. - Sistemas de manga de manexo (metálica, de madeira...). Outros sistemas (suxeición ao comedeiro ou bebedeiro móbil, a unha parede, a unha árbore, en curral,...) Entre as medidas de contención física destacaría: - Suxeición do animal completo (mordaza torácica, poldros ou mangas...). - Suxeición da cabeza (cadea, cabezada ou cornada, mochetas, narigón ou aneis nasais...) - Suxeición dun membro anterior (levantado por un axudante con corda...). - Suxeición de ambos membros posteriores (lazada ou peso en oito, mordaza bilateral para o prega da virilla, cadea para a fixación tendinosa bilateral...). - Suxeición dun membro posterior -Cada vez son máis o persoal externo á familia que traballa como asalariado nas ganderías galegas, moitos deles de fóra de España. Para cando unha guía específica de prevención de riscos laborais para este colectivo? No ano 2015 publicouse no ISSGA unha guía de “Prevención de Riscos Laborais en Explotacións de Gando Vacún”, dentro da campaña os ATENDE do ISSGA, Agro. Neste documento descríbense medidas preventivas no mantemento dos lugares de traballo, manexo dos animais, utilización de maquinaria e equipos , manipulación manual de cargas, emprego de axentes químicos, vixilancia da sáude, risco da muller no agro, etc. -Algo máis que queiras engadir? Si. Gustaríame engadir que, neste novo curso educativo 2023-2024 ofértase un Ciclo formativo de Formación Profesional de Grao Superior da familia agraria “Gandaría e asistencia en sanidade animal”. Neste ciclo o alumnado aprenden a xestionar a produción gandeira e realizar traballos especializados de apoio a equipos veterinarios, programando e organizando os recursos materiais e humanos dispoñibles, e aplicando os plans de produción, calidade, sanidade e benestar animal, prevención de riscos laborais e protección ambiental, de acordo coa lexislación vixente. Neste ámbito, o ISSGA está estudando proporcionar aos alumnos dos centros nos que se imparte dito ciclo formativo a documentación técnica que elaborou para a campaña específica de prevención de riscos laborais do traballo do persoal veterinario nas explotacións gandeiras. Este potencial persoal traballador de explotacións gandeiras deben coñecer cales son as medidas de prevención no manexo dos animais, cales son os sistemas de inmobilización, as medidas de contención física nos animais ... , de tal xeito que, dende o inicio da súa formación profesional, integren a prevención de riscos laborais na súa actividade.

Esta información foi elaborada en colaboración co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

Recomendacións para previr accidentes nos traballos de tala e roza no monte

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia ISSGA, órgano técnico da Xunta en materia de prevención de riscos laborais, ven marcando o sector primario, en particular a actividade forestal, como obxecto prioritario das súas accións pola súa importancia económica e no tecido empresarial galego. Neste ano 2023 unha das principais causas dos accidentes de traballo mortais é a caída dunha árbore enriba do persoal traballador; ademais, a maioría deles son traballadores estranxeiros, maioritariamente romaneses, xa que é un colectivo predominante neste sector. Isto fai necesario fomentar a concienciación no sector sobre a perigosidade asociada a estes postos de traballo facendo un esforzo por chegar a todo o persoal traballador traducindo os documentos a aqueles idiomas predominantes nesta actividade como é o caso do romanés. Neste sentido, o eixo principal da campaña informativa do IGGA está na prevención dos riscos laborais en dúas das operacións con maior risco nos traballos de aproveitamento forestais no monte como son a roza e tala, establecendo recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas e apoiadas/enganchadas. “É fundamental a formación e información do persoal traballador sobre os riscos máis habituais asociados a estas actividades e establecendo as medidas de protección e prevención asociadas á súa execución”, destacan dende o ISSGA. A campaña vai dirixida tanto ás empresas como ao persoal traballador do sector forestal contando coa participación activa dos servizos de prevención propios, mancomunados e alleos nesta loita contra a sinistralidade mortal.

Recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas

Referímonos a aquela árbore que unha vez que o motoserrista realizou os cortes para a súa corta polo pé non cae ao chan, quedando en pé sen iniciar a súa caída. Nesta situación é importante: Informar o resto de compañeiros en monte da existencia da árbore sentada. Indicar aos medios de axuda a dirección das vías de escape para a entrada e saída da árbore. Nunca abandonar o monte deixando unha árbore sentada sen sinalizar. Aplicar todas as medidas necesarias ou solicitar axuda para abatelo. Como recomendacións específicas ante unha árbore sentada aconséllase: Realiza a secuencia correcta de cortes para a corta polo pé en función das características da árbore que se vai cortar. No caso de que sexa necesario, utiliza a(s) cuña(s) para asegurar que a espada da motoserra non se quede atrapada e para dirixir a caída da árbore cara á zona planificada. Se a árbore non inicia a súa caída, toma a decisión máis axeitada á situación que se che presente: -Se observas que podes cambiar a dirección da corta e estás seguro de que cortarás a árbore sen problemas cara a esa nova dirección, e dispós de novas vías de escape, realiza un novo corte a uns 10 cm como mínimo por enriba do primeiro na dirección escollida. -Se observas que non podes cambiar a dirección da corta e que a árbore está asegurada, é dicir, que ten os cortes ben realizados respectando a bisagra obrigatoria e cunha/s cuña/s introducidas no corte de caída, podes saír da zona de influencia da árbore pola(s) vía(s) de escape sen perder de vista a árbore, pide axuda e informa ao resto de compañeiros do monte, e sinaliza a zona de influencia da árbore que está sentada cando sexa necesario. A entrada e saída a base da árbore, tanto para ti motoserrista como para os medios de axuda (p.e. maquinaria, peón etc.) realizarase polas vías de escape establecidas. Ten en conta que se a árbore non está asegurada, permanecer na base á espera de que a árbore inicie a súa caída, avisando ao resto de compañeiros de tal situación de risco, é a situación máis segura para ti. Unha vez que inicia a súa caída, abandona a base da árbore sen perdela de vista e colócate nunha zona segura para non ser alcanzado

Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas / enganchadas

A árbore enganchada ou apoiada é aquela que está sostida por outras árbores próximas. Neste caso cómpre lembrar: -Non se pode permanecer / transitar na zona de influencia da árbore enganchada/apoiada se non é para abatela de xeito -Non cortar nunca unha árbore sobre a que hai outra enganchada/apoiada -Non derrubar unha árbore sobre outra árbore enchanchada/apoiada -Non gabear por unha árbore enganchada/apoiada para tentar baixada ao chan Medidas de prevención xerais a ter en conta En ambos documentos do ISGGA facilítanse as recomendacións xerais e específicas e a proposta e asunción de medidas correctoras e preventivas neste traballos incidindo no risco que supón unha árbore sentada ou apoiada/enganchada e na importancia de planificar, coordinarse e seguir un procedemento de traballo axeitado. Algúns dos aspectos clave son: -nunca traballar de xeito illado no monte -observar o entorno da árbore para ver se hai obstáculos -sinalización -coordinación -comprobación da dirección de caída natural da árbore -procedementos seguros e axeitados -identificación das vías de escape -realización do corte de xeito seguro -zonas de influencia de árbores enganchadas -utilización doutros medios mecánicos, etc.

Soportes da campaña en galego, castelán e romanés

Os soportes dispoñibles son tanto en formato dixital como físico e cómpre destacar que están dispoñibles en galego, castelán e tamén en romanés, como consecuencia da importante incorporación de persoas traballadoras de Romanía nos últimos anos. Deste xeito, dende o ISSGA facilitan a comunicación, a transmisión de información e o entendemento entre o resto de persoal traballador e coa empresa, cuestión que esta debe cuidar especialmente, tal como se pon de manifesto nos datos de sinistralidade laboral que reflicte o importante incremento nos accidentes de traballadores estranxeiros. O número de exemplares dispoñibles para a súa difusión é de de 4.000 nos tres idiomas (500 en castelán, 1.500 en galego e 1.000 en romanés).

Grupo de traballo

Os documentos técnicos foron elaborados polo grupo de traballo técnico de prevención de riscos laborais no sector forestal do ISSGA formado por persoal técnico do ISSGA, a entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia), as empresas Ence e Finsa, que son referentes do sector da transformación da madeira en España, e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo por medio do servizo de prevención mancomunado LugoMadera. Este grupo de traballo ten como obxectivo a elaboración de documentos técnicos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras que permitan sensibilizar e abordar a sinistralidade laboral nun sector estratéxico como é o forestal.

Descarga aquí a alerta do ISSGA sobre recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas / enganchadas

Descarga aquí a alerta do ISSGA sobre recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas

Cursos do ISSGA sobre manexo seguro da motoserra e a rozadoira

 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), organiza 6 cursos teórico-prácticos para a prevención de riscos laborais no manexo da motoserra e rozadoira, co que se formarán preto dun centenar de persoas. As dúas primeiras edicións dos cursos serán no CFEA de Lourizán nas seguintes datas:
  • 26, 27 e 28 de abril de 9:00 a 14:00
  • 10, 11 e 12 de maio de 9:00 a 14:00

Identificación dos cursos

  • Nº de edicións: 6

  • Duración: 15 horas lectivas repartidas en tres xornadas de 5 horas cada unha

    <!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101886&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->
  • Nº de prazas por edición: 15

  • Modalidade: presencial

  • Custo dos cursos e financiamento: a asistencia a estes cursos será gratuíta para as persoas seleccionadas.

    <!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101887&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->
  • Datas: os cursos impartiranse durante os meses de abril a novembro do 2023.

  • Acreditación da formación: ao remate de cada curso o ISSGA expedirá certificado de asistencia ao alumnado.

Lugares

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Forestal 3 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101888&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Provincia

Concello

A Coruña

Narón

Brión

Lugo

O Vicedo

Lugo

Ourense

O Barco de Valdeorras

Pontevedra

Oia

 

A elección das sedes destas actividades do Issga vén motivada pola relevancia do ámbito forestal na zona, os datos de sinistralidade e a alta demanda deste tipo de formación por parte dos profesionais do sector.

Obxectivo

Proporcionar unha formación específica en prevención dos riscos laborais ás persoas traballadoras e profesionais do sector forestal e da actividade de silvicultura, coa finalidade de fomentar a adquisición de habilidades nesa materia, mellorar a calidade do traballo destas tarefas de especial risco e sensibilizar na importancia da prevención para diminuír os accidentes laborais no sector.

Programa

  • A seguridade e a saúde no traballo

  • A prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria forestal

  • Os equipos de protección individual (EPI)

  • Planificación dos traballos de aproveitamento

  • Primeiros auxilios e primeira intervención en caso de accidente

  • Prácticas de manexo seguro da motoserra

  • Prácticas de manexo seguro da rozadoira

A parte práctica ten unha importancia fundamental no desenvolvemento do programa formativa en canto supón case a totalidade da formación, que se desenvolve na maior parte na parcela seleccionada en cada concello identificando os dispositivos de seguridade das máquinas, realizando os labores de mantemento, montaxe e desmontaxe e o seu manexo utilizando diferentes técnicas de traballo.

Destinatarios

Diríxense a persoas en activo que desenvolven a súa actividade no sector agrario, forestal e de xardinaría.

En canto aos criterios de selección, terán prioridade aquelas persoas con vinculación laboral ou formación (previa ou actual) na materia; unha vez seleccionado este grupo por orde de inscrición, selecciónanse o resto de persoas, tamén seguindo a mesma orde.

Ás persoas seleccionadas facilitaráselle os equipos de protección individual (EPI) necesarios para o seu desenvolvemento.

Inscricións

O ISSGA publicará a correspondente convocatoria na súa páxina web, https://issga.xunta.gal/gl, a manterá actualizada toda a información relacionada con esta actividades formativa.

Sector forestal

A formación diríxese a un sector estratéxico da economía galega e pretende sensibilizar ao persoal en materia preventiva, ampliando as súas capacidades e favorecendo a aprendizaxe continua sobre a materia.

Motoserra e rozadoira

Estas dúas ferramentas atópanse entre as máquinas de traballo que maior sinistralidade ocasionan no sector forestal, principalmente nas actividades da silvicultura e explotación forestal, aínda que tamén en xardinaría, nas que son máquinas imprescindibles nos traballos de corta polo pé, a derrama, a tronza ou a poda de árbores, entre outros.

A motoserra é unha máquina con elementos afiados que traballa a gran velocidade e ten gran poder de corte. Os principais riscos no seu uso son os seguintes:

  • Rebote

  • Retroceso

  • Tiróns bruscos

  • Exceso de percorrido de corte

  • Desvío da traxectoria de corte

  • Rotura da cadea

  • Caídas, tropezóns e esvaróns

  • Vibracións

  • Cortes e golpes

  • Sobreesforzos

  • Queimaduras/incendios

  • Proxeccións

  • Ruído

  • Factores biolóxicos

  • Climatoloxía adversa

Antes de usar estas máquinas é de vital importancia coñecer o seu funcionamento e os sistemas de seguridade e protección.

Ningún equipo de protección individual (EPI) ou accesorio de seguridade ofrece unha protección absoluta contra as lesións e tampouco substitúe unha técnica de traballo segura. Polo tanto, é imprescindible observar os consellos de seguridade incluídos nas instrucións de uso tanto do EPI como da máquina.

É fundamental acadar a plena integración da prevención en todos os labores, procesos e actividades do ámbito forestal, desde antes do comezo do traballo ata a desmontaxe da maquinaria sen esquecer o seu mantemento e sistemas de seguridade así como os aspectos relacionados coa planificación dos traballos á hora do recoñecemento previo da parcela e a organización do método de traballo.

Aspectos clave dos cursos ISSGA

  • Destinados a un sector prioritario, estratéxico e preferente da economía galega como é o forestal

  • Dan continuidade ás accións realizadas neste sector nos últimos anos polo Issga, achegando información sobre o uso seguro de equipos de traballo, en particular no manexo de maquinaria forestal, mediante cursos de formación presenciais, de carácter eminentemente práctico e con prácticas reais

  • Integradores da PRL dende a formación

  • Sensibilización do persoal en materia preventiva

  • Enfoque amplo, máis alá das responsabilidades legais

  • Mellora e aumenta das capacidades e a eficacia do persoal traballador

  • Fomento e promoción da aprendizaxe permanente e o desenvolvemento profesional continuo

  • Responden á realidade galega actual de sinistralidade

  • Alto grao de demanda

  • Perfil do alumnado con distinto grao de experiencia e formación

  • Gratuítos

  • Facilítanse os equipos e os EPI

  • Contidos con especial fincapé na planificación, procedementos, instrucións e operacións con maior risco

  • Contidos formativos consensuados co grupo de traballo de sinistralidade laboral e postos en coñecemento do grupo de traballo técnico no ámbito forestal co obxecto de coñecer as necesidades e poñer en común a realidade de empresas e persoal traballador do sector

“No uso da motoserra hai que mellorar no emprego de equipos de protección e mantemento da máquina”

Alberto Conde Bóveda, técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) O uso da motoserra é unha das principais causas de sinistralidade no rural galego. Así, soamente o ano pasado rexistráronse 204 accidentes laborais en Galicia, aínda que o número real é moito maior se se teñen en conta os sinistros fóra da xornada laboral. Para coñecer cales son as claves para un manexo seguro desta máquina falamos con Alberto Conde Bóveda, técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), e coordinador dos cursos de prevención de riscos laborais no uso da motoserra que imparte este organismo dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. -É o uso da motoserra un dos principais factores de sinistralidade no agro galego? Si que o é, principalmente nas actividades da silvicultura e explotación forestal no que é unha máquina imprescindible nos apeos e derrames, (tamén ten importancia nas actividades de xardinería que inclúan a poda das árbores). É unha máquina con elementos afiados que traballa a gran velocidade e ten gran poder de corte. Os datos rexistrados de accidentes laborais en xornada (en todos os sectores) nos que se declara que estivo presente a motoserra son os seguintes: -Elixir un tipo de máquina (potencia, lonxitude de espada, peso..etc) axeitada aos traballos que imos realizar, a nosa condición física...etc inflúe tamén na seguridade? Que aconsellaría neste sentido? Se ben á hora de elixir unha motoserra teremos en conta como criterio principal o traballo a realizar con esa máquina, tamén debemos de considerar a condición física como un aspecto relevante no momento de facer a elección, debido a que unha motoserra de maior potencia e lonxitude de espada leva aparellado un maior peso. Polo tanto, a condición física do operario determinará a posibilidade dos traballos a realizar en función da motoserra coa que pode traballar. Aquelas persoas que non conten con unha boa forma física deberán de optar por motoserras de menor potencia e menor lonxitude de espada. -Reducir o risco de accidentes coa motoserra comeza cun bo mantemento. Cales son os aspectos clave a ter en conta neste sentido? Hai que ter sempre en conta as indicacións especificadas polo fabricante no manual de instrucións. Os aspectos clave á hora de realizar un axeitado mantemento da motoserra son: -Revisión e mantemento de elementos de seguridade (freo de cadea, captor de cadea, silentblocks, etc). Isto reducirá o risco de accidente. -Afiado da cadea, xa que facilitará o corte, mellorará a súa precisión, diminuirá o consumo de combustible, limitará a posibilidade de rebote, alongará a vida útil dos compoñentes (piñón de arrastre, cadea e espada) e reducirá o esforzo do operario ao tempo que mellora a súa seguridade. -Limpeza do sistema de engraxe da cadea, xa que un bo engraxe alonga a vida útil da espada e da cadea ademais de diminuír o risco de rotura desta última. -Limpeza do filtro de aire. Axudará a reducir o consumo de combustible, evitará problemas no acendido, permitirá traballar con unha potencia óptima e previrá fallos no carburador, incrementando a súa vida útil. -Mantemento da espada e da cadea. Revisión do seu estado buscando posibles fisuras ou pequenas roturas que podan provocar un accidente. -O acendido da motoserra é un punto de partida no que tamén debemos ter precaución. Cal sería a técnica máis aconsellable? A técnica de acendido máis recomendable, para manter en todo momento o control total da motoserra, é aquela na que acendemos a motoserra apoiada no chan. Para iso asentaremos a máquina sobre o terreo e, mentres agarramos o mango dianteiro de xeito firme coa man esquerda e empurramos cara abaixo, introduciremos a punta do pé dereito no mango traseiro. Coa man dereita tiraremos do mango de arranque. Por suposto, arrincaremos a motoserra a máis de 3 metros do lugar de recarga, sobre unha superficie chá e nunha posición firme e segura evitando facelo en sitios pechados, agás que sexa eléctrica. -E para desprazarnos con esta máquina. Cales serían as recomendacións para non levar un susto? Á hora de desprazarnos coa máquina debemos de diferenciar sempre entre desprazamentos curtos no entorno da árbore na que estamos a traballar ou desprazamentos máis longos para cambiar de zona de traballo. No caso de desprazamentos curtos (cambiar de polas durante o derramado ou avanzar no torado da árbore), activaremos sempre o freo de cadea e procuraremos pisar con seguridade e mirando a zona sobre a que nos moveremos. Nos desprazamentos máis longos, apagaremos a motoserra, colocaremos o protector da espada e camiñaremos suxeitando a motoserra polo mango superior, mantendo o escape separado do corpo e a espada cara atrás. -Como debemos realizar o corte dunha árbore? En primeiro lugar observaremos o entorno da árbore para ver se hai obstáculos que debamos de ter en conta (liñas eléctricas, construcións, estradas, etc) e sinalizaremos a zona, para evitar o tránsito de persoas ou vehículos. A continuación comprobaremos a dirección de caída natural da árbore, para o que valoraremos a inclinación do tronco e a disposición das ramas da copa. Procederemos a despexar de vexetación e/ou obstáculos o entorno do tronco, así como a nosa ruta de escape (45º, na dirección oposta á de caída, en ambas direccións). Por último procederemos a realizar o corte polo pé de xeito seguro. Comezaremos polo corte direccional, para o que efectuaremos un primeiro corte a 45º, na zona da dirección de caída, de arriba cara abaixo e, a continuación, un corte horizontal que penetre aproximadamente 1/4 ou 1/5 do diámetro da árbore ata atoparse co anterior. Remataremos cun terceiro corte horizontal, que efectuaremos na parte oposta da árbore, e uns 3 cm por encima do segundo corte de dirección. Entre ambos cortes deixaremos unha zona sen cortar (bisagra) que servirá para que a árbore caia de xeito controlado. No momento que comece a caída da árbore pararemos a motoserra e separarémonos do toco polas vías de escape. -E no caso de que a árbore quede enganchada noutra, como deberíamos proceder? Cando a árbore que estamos apeando queda enganchada noutra, seguiremos unha serie de recomendacións: -Sinalizaremos a zona de influencia de caída da árbore enganchada e avisaremos a todo o persoal da localización da árbore -Non apearemos outras árbores sobre a enganchada nin apearemos a árbore sobre a que hai outra enganchada. -Non subiremos pola árbore enganchada para facela caer -Non traballaremos na zona de influencia de caída da árbore enganchada, nin tan sequera transitaremos por ela. E asegurarémonos de que ningunha outra persoa o fai -Analizaremos a existencia de ramas inseguras na zona de traballo e avaliaremos as posibles traxectorias de caída da árbore de cara a elixir o método de apeo máis seguro. -Se consideramos que podemos voltear a árbore con seguridade, cortaremos o centro da bisagra, deixando un pequeno anaco desta no extremo sobre o que queremos que xire a árbore, para a continuación empurrar a árbore, cara ao lado contrario do que nos atopamos, coa axuda dunha panca de derrube. -Cando sexa necesario empregar medios mecánicos (cabrestante manual ou cabrestante da maquinaria) amarraremos o tronco da árbore enganchada o máis abaixo posible e tirarase ata que caia ao chan. -Durante esta operación non se situará ninguén na zona de caída da árbore nin na zona de varrido do cable no caso de rotura. -En caso de que nos quede atascada a motoserra cortando unha árbore, cales serían as súas recomendacións? Neste caso podemos optar por empurrar a árbore a certa altura cunha panca. Outra opción será empregar unha panca de derrube que introduciremos no corte no que temos a motoserra atascada, tratando de levantar un pouco o tronco para liberala. No caso de que as opcións anteriores non funcionen procederemos, con outra motoserra, a realizar un novo corte en dirección oposta ao anterior -O rebote da motoserra é unha das principais causas de accidentes. Como proceder para evitalos? Para evitar o risco de rebote da motoserra procuraremos non cortar co cuarto superior da punta da espada (sempre que sexa posible cortaremos coa parte inferior da espada). Ademais empregaremos cadeas de seguridade ben afiadas e traballaremos coa motoserra en aceleración plena. Tamén poremos moita atención e coidado cando teñamos que introducir a espada nun corte xa iniciado e procuraremos que non existan ramas ou obxectos que poidan tocar a punta da espada mentres traballamos. Por suposto traballaremos sempre cos equipos de protección individual axeitados e verificaremos que o freo de cadea da motoserra funciona perfectamente. -Como valora a seguridade das motoserras eléctricas que se están empezando a introducir no mercado? Son máis seguras que as de gasolina? En xeral as motoserras eléctricas que existen no mercado son máis pequenas e menos potentes que as de gasolina. Esta menor potencia tradúcese nunha menor velocidade de xiro da cadea o que, xunto co seu menor peso, favorece o control por parte do usuario e reduce o risco de accidente. Ademais, soportar un menor peso durante o manexo da máquina supón menores problemas musculoesqueléticos para o operario.
“As motoserras eléctricas son máis seguras que as de gasolina”
Por outro lado, as motoserras eléctricas non emiten gases, son menos ruidosas e producen menos vibracións que as de gasolina, o que redunda en beneficio do motoserrista que estará exposto a menos gases e ruídos e soportará menos vibracións que se traballase con unha de gasolina. En base ao anterior podemos afirmar que as motoserras eléctricas son máis seguras que as de gasolina, aínda que na actualidade non permiten realizar traballos profesionais do mesmo xeito que as motoserras de gasolina (maior potencia e maior autonomía). -Como valora a acollida dos cursos de prevención no uso da motoserra que imparte? A acollida dos cursos de motoserra segue a ser moi boa. De feito, unha vez rematadas as accións formativas, a práctica totalidade do alumnado participante valóraas moi positivamente (xa que se trata de cursos eminentemente prácticos) e mesmo, á gran maioría, gustaríalle que contaran con maior carga horaria. -Cales son as principais carencias que detecta no uso da motoserra en Galicia? En xeral, as principais carencias no uso destas ferramentas son as referidas ao uso dos equipos de protección individual (EPI) e ao mantemento da motoserra. No primeiro dos casos temos que lembrar a importancia tanto de usar todos os EPI necesarios como de que estean nun bo estado e no segundo, destacar a importancia de saber realizar o mantemento básico da motoserra mais aló de afiar a cadea e limpar o filtro de aire. -Podería avanzarnos as próximas accións formativas neste ámbito que vai impartir o ISSGA? Neste momento no ISSGA estamos a traballar na elaboración do Plan de actuación para 2023 no que a formación é un dos eixes máis importantes e, polo tanto, trataremos de reforzar para o vindeiro ano programando actividades formativas que se adecúen tanto á perspectiva técnica como ás demandas e as necesidades que se observan no tecido empresarial galego no eido da seguridade e saúde nos centros de traballo. Potenciaremos a formación especifica eminentemente práctica en PRL naquelas actividades ou sectores con especial incidencia na sinistralidade,e/ou na escasa estrutura preventiva, multiplicidade de riscos, tanto tradicionais como emerxentes, ou ben por colectivos que precisen dunha especial tutela por parte do ISSGA para acadar melloras das súas condicións de traballo e integración das técnicas preventivas. En todo caso, esta formación diríxese principalmente a pemes, micropemes e persoal por conta propia. Especial relevancia adquirirán sectores con peso en Galicia como son actividades no sector forestal e na silvicultura, pesca e actividades afíns. Así mesmo priorizaranse sectores altamente feminizados e sectores considerados pola normativa de PRL como de alto risco.

Esta información contou coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Claves para previr accidentes coa motoserra

Unha parte importante dos accidentes graves e mortais no sector forestal en Galicia débense ao uso da motoserra. Esta máquina, presente en boa parte dos fogares do rural galego, emprégase principalmente en traballos forestais, aínda que tamén se utiliza noutros traballos como o de xardinería. Úsase, entre outras actividades, para a corta polo pé, a derrama, a tronza e a poda de árbores. Neste sentido, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), ten a disposición do sector unha folla informativa con medidas de prevención.

Principais riscos e medidas preventivas:

a) Rebote: 

Empinamento ou rexeitamento brusco cara a atrás ou cara a arriba da motoserra, sen posibilidade de control. Esta situación pode darse cando o cuarto superior da punta da espada tropeza ou roza cun obxecto duro como un nó, unha rama etc. Como medidas preventivas aconséllase: – Empregar os equipos de protección individual axeitados. – Usar unha motoserra que dispoña de sistema de protección antirrebote. – Traballar coa cadea de seguridade correctamente afiada e tensada. – Suxeitar a máquina firmemente coas dúas mans. – Cortar coa parte da cadea en retroceso ou coa parte inferior da espada. – Evitar traballar coa parte superior da punta da espada e, de ser necesario, evitar o traballo co cuarto superior da punta. – Extremar as precaucións ao introducir a espada nun corte xa comezado. – Extremar as precaucións cando exista risco de cambio na posición do tronco ou de peches de fendeduras do corte. – Afastar os obxectos que poidan ser rozados pola punta da espada. – Colocar o polgar arredor da asa dianteira. – Serrar unicamente con plena aceleración do motor.

b) Retroceso: 

Movemento brusco da máquina cando se traballa coa parte da cadea en avance e cando esta se traba ou sofre algún freo brusco. Aconséllase: – Empregar os equipos de protección individual axeitados. – Suxeitar a máquina firmemente coas dúas mans. – Cortar coa parte da cadea en retroceso. – Adoptar a secuencia de cortes máis adecuada a cada situación.

c) Tiróns bruscos:

Cando se traballa coa parte da cadea en retroceso e esta se traba ou sofre un freo brusco, a máquina tende a escapar cara a diante e pode desequilibrar o traballador. Para reducir este risco recoméndase: – Utilizar os equipos de protección individual axeitados. – Suxeitar sempre a máquina firmemente con ambas as mans.

d) Exceso de percorrido de corte:

Prodúcese cando se cortan dun modo brusco pólas ou matas xeralmente finas e a serra aínda accionada segue a traxectoria coa inercia do impulso orixinal, o que pode dar lugar a cortes nas pernas. Para evitalo aconséllase: – Empregar os equipos de protección individual axeitados. – Adecuar a forza, a aceleración e o arco de traxectoria dos cortes a cada situación. – Suxeitar con forza a máquina coas dúas mans.

e) Desvío da traxectoria de corte: 

Desvío da traxectoria da espada da motoserra ao sufrir golpes ou contactos con obxectos próximos. Recoméndase: – Usar os equipos de protección individual axeitados. – Suxeitar con forza a máquina coas dúas mans. – Vixiar a tensión a que están sometidos os elementos que se vaian serrar e aqueles outros alleos que poidan interferir.

f) Exceso de percorrido de corte:

Prodúcese cando se cortan dun modo brusco pólas ou matas, xeralmente finas, e a serra aínda accionada segue a traxectoria coa inercia do impulso orixinal, o que pode dar lugar a cortes nas pernas. - Empregar os equipos de protección individual axeitados. - Adecuar a forza, a aceleración e o arco de traxectoria dos cortes a cada situación. - Suxeitar con forza a máquina coas dúas mans.

g) Rotura da cadea:

– Non abusar da cadea de corte. – Afiar a cadea regularmente. – Revisar os remaches e os elos. – Empregar sempre un calibrador para afiar os limitadores de profundidade (andarines).

h) Caídas, tropezóns e esvaróns:

Perda do equilibrio mentres a motoserra está traballando, apoiándose na propia máquina. Pode caer sobre a motoserra cando remata o corte e contactar coa cadea. Para reducir este risco, as recomendacións son: – Empregar os equipos de protección individual axeitados. – Empregar motoserras dotadas de fiador de cadea que a bloquea ao desacelerar. – Asentar firmemente os pés nunha posición segura. – Manter o sistema de regulación da máquina sempre a punto, de tal xeito que cando a motoserra se atope en ralentí, a cadea estea sempre parada. – Nos desprazamentos, apagar a motoserra e levala coa espada cara a atrás e coa funda da cadea posta ou, polo menos, activar o freo da cadea cando se realizan pequenos desprazamentos. – Manter a zona de traballo o máis libre posible de obstáculos.

i) Vibracións:

– Manter en bo estado os sistemas amortecedores da motoserra. – Empregar sempre as luvas. – Limitar o tempo de uso e realizar descansos.

j) Cortes e golpes:

– Empregar os equipos de protección individual axeitados. – Suxeitar a máquina firmemente coas dúas mans. – En desprazamento, apagar o motor. – Realizar os labores de mantemento da máquina parada. – Non traballar máis dunha persoa na mesma árbore. – Evitar rebotes, retrocesos e desvíos de traxectoria.

k) Sobreesforzos:

– Agarrar correctamente a máquina. – Limitar o tempo de manexo ou realizar pausas. – Manter unha boa hixiene postural. – Empregar elementos auxiliares de axuda, no caso de que sexa necesario. – Non manipular cargas superiores a 25 kg. Se fose imprescindible facelo, pedirlle axuda a un compañeiro. – Non manexar a motoserra por riba dos ombreiros.

l) Queimaduras/incendios:

– Recargar sempre co motor apagado. – Non fumar durante a recarga e manter a máquina a distancia prudencial de calquera lume. – Evitar os derramos de combustible. – Arrancar o motor lonxe do lugar de recarga (3 metros). – En caso de derramo, limpar a máquina e, se é necesario, mudar a roupa. – Dispoñer dun extintor de incendios.

m) Proxeccións:

– Usar os EPI necesarios. – Manter a distancia de seguridade na presenza doutros operarios. – Non manexar a motoserra por encima dos ombreiros.

n) Ruído:

– Usar protectores auditivos. – Manter en bo estado o escape e o silenciador.

ñ) Factores biolóxicos:

– Utilizar lentes e roupa de traballo adecuada; ademais, pode ser necesario o uso de máscara en caso de alerxia ao pole. – Evitar picaduras coa utilización de luvas e botas. – Trasladar urxentemente a un centro hospitalario, no caso de determinadas picaduras.

o) Climatoloxía adversa:

- Hidratarse convenientemente (beber líquidos, preferentemente auga). – Empregar roupa axeitada. – Empregar protección solar, se fose necesario.

Recomendacións xerais de seguridade:

-O operador da máquina debe ser maior de idade, ter formación para o uso da máquina, ter información dos riscos e das medidas preventivas que debe adoptar para o labor que vai desenvolver e coñecer o contido do libro de instrucións da máquina. -Seleccionar a máquina idónea e elixir unha espada de anchura e lonxitude óptimas para o traballo que se vai realizar (a espada será o máis curta posible, dentro da súa idoneidade de traballo). – Comprobar a tensión da cadea antes de iniciar o traballo e, periodicamente, a intervalos regulares. -Non traballar coa motoserra nas proximidades doutras persoas. – Para poñer en marcha a motoserra, arrancar co freo da cadea accionado. Aconséllase colocar a motoserra no chan e situar o pé dereito sobre a empuñadura posterior e a man esquerda na anterior, mentres que se tira do arranque coa man dereita. Se non é posible colocala no chan, a empuñadura posterior suxeitarase entre ambas as pernas. – Independentemente de que a persoa sexa destra ou zurda, collerase a empuñadura traseira coa man dereita e a dianteira coa esquerda. Nunca se traballará coa motoserra cunha man soa. -Procurar manterse ben asentado sobre o chan durante o corte, evitar posicións inestables ou posturas forzadas e prestarlle atención a non situar ningunha parte do corpo no sector de xiro da motoserra. -Non cortar pólas que colguen, nin quitar raíces nin estorbos coa espada da motoserra.

Descarga aquí a guía completa do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) sobre prevención de accidentes coa motoserra

Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia

“Habería que esixir máis formación para conducir un tractor”

Ángel López Álvarez é técnico superior en Prevención de Riscos Laborais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e un dos impulsores a nivel español de “Tu vida sin vueltas”, unha iniciativa da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde do Traballo para previr os accidentes por envorco do tractor. Falamos con el destas iniciativa e das claves para mellorar a seguridade no uso do tractor. -Es o responsable de impartir formación no ISSGA para a prevención de accidentes no uso do tractor. Estamos en Galicia en niveis de sinistralidade co tractor moito peor que noutras Comunidades? A que factores cres que se debe? En Galicia a sinistralidade en canto a tractor é baixa se temos en conta o que son os datos de sinistralidade oficial de profesionais do sector agrogandeiro e forestal. De feito, en 2021 houbo uns 82 accidentes laborais relacionados co uso do tractor, dos que 2 foron mortais, 6 graves e 74 leves. Pero o problema que temos en Galicia é que hai moitos accidentes non laborais co tractor. Así, no 2021 houbo polo menos 21 accidentes mortais. Cando me refiro a accidentes non laborais son de persoas non dadas de alta na agraria, coma xubilados ou persoas con outra actividade que fan labores agrícolas ou forestais co tractor a tempo parcial ou no seu tempo libre.
“A sinistralidade co tractor en Galicia é moi alta entre a xente que non é profesional do sector agrogandeiro”.
Outro dato é que desde o 2016 ao 2020 houbo só 3 accidentes laborais mortais co tractor mentres que houbo 90 accidentes mortais non laborais, dos que por envorco foron uns 75. Os datos dos accidentes non laborais poden non ser exactos porque son informacións recollidas de diferentes fontes como a prensa, ao non haber parte de accidente.Con estes datos pódese ver que a maior parte dos accidentes que se producen en Galicia corresponde a persoas que non son profesionais do sector. -Non é casual que Galicia xunto con Andalucía sexa a comunidade con máis tractores antigos.... No ano 2021 compráronse en España uns 11.600 tractores novos, mentres que se adquiriron algo máis de 28000 usados, dos que preto de 16.000 tiñan máis de 20 anos. En Galicia as cifras de que dispoñemos é que se compraron uns 740 tractores novos o pasado ano, pero 5.400 usados, dos que 3.900 tiñan máis de 20 anos. O parque de tractores en Galicia está envellecido e iso non axuda a que se reduzan este tipo de sinistros. -Que destacarías dos resultados da campaña "A túa vida sen voltas"? Que accións consideras que se poderían mellorar ou incorporar? Creo que a campaña é bastante completa porque, por unha banda, trátase de advertir de que moitas persoas das que conducen un tractor non son conscientes da cantidade de accidentes que se producen no uso deste tipo de vehículos. Por outro lado, ofrecemos recomendacións para manexar o tractor de maneira segura, para que coñezan as principais pautas para reducir o risco de accidentes. Unha terceira liña de actuación desta campaña foi crear un simulador virtual, que se pode utilizar no móbil ou no ordenador, para mellorar a condución do tractor, sobre todo nas manobras de xiros e en situacións de desnivel para evitar envorcos, xa que a aplicación permite ver en todo momento onde está o centro de gravidade do tractor e cunha serie de sinais luminosas, verde, amarelo ou vermello, advírtese do risco de envorco. Na campaña tamén se explica polo miúdo cales son as funcións da estrutura de seguridade do tractor, sexa arco ou cabina, e do cinto de seguridade. Con todas estas liñas de actuación creo que é unha iniciativa moi completa para mellorar a seguridade no uso do tractor.
 “A campaña “A túa vida sen voltas” inclúe un simulador de tractor “en liña” moi útil para mellorar o manexo e evitar envorcos”
Esta campaña deseñouse no seo do grupo de traballo do sector agrario da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo á que pertenzo en representación da Xunta de Galicia. En concreto, boa parte do traballo fíxoo o subgrupo de maquinaria agrícola, do que son coordinador. A campaña non só abrangue esta parte de sensibilización, concienciación e formación senón tamén outras actuacións, para intentar que aqueles tractores que cando se comercializaron non tiñan estrutura de protección podan acceder a dispor dela, de forma que haxa fabricantes interesados en fabricar e ofrecer esas estruturas. Non é un camiño fácil e de momento non hai moita oferta deste tipo de elementos de protección. Nós intentamos facilitar que estas estruturas sexan o máis accesibles posibles abaratando o proceso de homologación e de deseño. Por outra parte, e tamén dentro da campaña de sensibilización de “A túa vida sen voltas”, destacaría que non só a levamos aos centros de formación profesional de Galicia vinculados co sector primario, senón que tamén nos cursos de capacitación agraria para incorporarse ao sector agrogandeiro o alumnado fixo tamén o curso de manexo seguro do tractor. -Estase a notar na sinistralidade a proibición de compra-venda de tractores de máis de 40 anos sen cabina homologada? Esa foi unha iniciativa da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo pois entendemos que os tractores que son moi antigos non dispoñen de estrutura de protección, polo que con respecto a un tractor moderno teñen moitas menos medidas de seguridade. Polo tanto, temos que tentar que non se perpetúen no tempo, que non cambien de mans. Neste sentido, acordamos co Ministerio de Agricultura que estes tractores de máis de 40 anos sen estruturas de seguridade homologada non podan cambiar de titularidade no ROMA fóra do ámbito das herdanzas familiares. Pódense empregar dentro da explotación agrícola ou transferirse de pais a fillos, pero non se poden vender a un terceiro e volver dalos de alta no ROMA. De forma complementaria, o plan RENOVE do Ministerio de Agricultura incrementou as axudas específicas para a compra de tractores novos. -Non é infrecuente oír que tanto o arco como o cinto non son efectivos nestes sinistros. Por que é falsa esta afirmación? A estrutura de seguridade que ten o tractor crea un espazo seguro arredor do asento. Polo tanto, se envorca o tractor e permanezo no asento sempre vou estar nesa zona se seguridade que crea o arco arredor do asento. Aínda que falamos fundamentalmente do arco de seguridade non esquezamos que tamén temos que falar do cinto. Para estar seguros e fundamental empregar o cinto de seguridade pois do contrario o máis normal é, cando haxa un accidente, non quedar nese espazo de seguridade arredor do asento e acabar esmagado.
“Para que o arco de seguridade ou a cabina protexen ao condutor en caso de envorco do tractor, é imprescindible usar o cinto de seguridade”
Por outra parte, moitos dos arcos de seguridade son abatibles ou retráctiles, polo que para que protexa ao condutor o arco ten que estar en posición de traballo. Por iso tamén tratamos de concienciar de que se nun momento determinado temos que abater o arco para facer unha labor agrícola, no momento que remate esa tarefa é moi importante volver subir o arco para que nos protexa, xa que moitos dos accidentes por envorco prodúcense nos desprazamentos cara as zonas de traballo debido a velocidades inadecuadas, fochancas, desniveis...etc. Por outro lado, hai que lembrar que moitas das cabinas dos tractores máis antigos protexen contra as inclemencias do tempo pero non en caso de envorco, ao non ter estrutura interna de protección, como nos tractores máis actuais. Tamén incidir en que despois dun accidente, unha cabina, do tipo que sexa, defórmase, polo que deberíamos substituíla por outra. -O envorco é unha das principais causas de sinistros mortais co tractor. Cales son as recomendacións clave de manexo do tractor para evitar este tipo de accidentes? Hai dous tipos de envorco: o lateral, que se produce cando se traballa en terreos en desnivel no sentido transversal ao da marcha, ou cando se vai a unha velocidade inadecuada e se fan xiros pechados; e logo o envorco cara atrás que se produce cando se circula por terreos en desnivel no sentido da marcha ou cando se arrastra unha carga enganchada nun punto alto do tractor.
 “Circular a velocidade axeitada, evitar os xiros pechados e vixiar o centro de gravidade do tractor son claves para evitar envorcos”
O que se debe facer é circular a velocidades axeitadas á tarefa que estamos a facer, realizar os xiros a pouca velocidade e cun radio de xiro o máis amplo posible para reducir a forza centrífuga que trata de botar o tractor fóra da traxectoria e que produce o envorco. Tamén debemos gardar as distancias de seguridade respecto a desniveis e saber que se vou cun apeiro ou cun remolque debo coñecer como interesa subir ou baixar as pendentes para evitar os envorcos. -A toma de forza é outra causa frecuente de accidentes. Que medidas básicas debemos ter en conta para traballar con seguridade? Outra causa de accidentes graves son os atrapamentos nas tomas de forza. Neste sentido, as tomas de forza e os eixos cardán deben estar protexidos para evitar atrapamentos mentres están xirando. Debese ter en conta tamén que cando vou facer un enganche cun apeiro á toma de forza debe estar desconectada e o tractor apagado, pois moitos dos accidentes débense a acercarse a tomas de forza que están xirando e non dispoñen de protección. Ademáis, as proteccións das tomas de forza, ou dos eixos cardánicos, que solen ser en forma de copete e extensible, en moitos casos son plásticas e co tempo vanse rompendo e desaparecen. Ao non ter esa protección estamos expostos a un risco elevado de accidentes por enganche da roupa na toma de forza. É importante comprobar que as tomas de forza manteñen todas as súas proteccións en bo estado e verificar que cando vaiamos enganchar un apeiro non haxa ningún elemento xirando. -Unha distribución de pesos non axeitada no tractor tamén nos pode provocar un susto. En que nos debemos fixar á hora de evitar estas situacións? Hai que pensar que o tractor é un vehículo que ten o punto de gravidade mais elevado ca outros vehículos e situado preto das rodas traseiras, polo que debemos procurar levalo co máximo ancho de vía (distancia entre rodas) posible. E por outro lado, se vamos enganchar apeiros traseiros estamos desprazando aínda máis para atrás o centro de gravidade, polo que debemos contrapesalo correctamente na parte dianteira para evitar envorcos cara atrás. -O feito de que un tractor sexa de tracción simple ou de dobre tracción, incide na súa seguridade? O dispor de dobre tracción, sempre que se poda, é positivo. Cos tractores de tracción simple hai que ter mais precaucións. Vai influír moito no encabritamento ou envorco cara atrás. Tamén pode influír na facilidade para que se atúe ou atasque no terreo. Neste caso debemos coñecer a maneira correcta de manobrar cun tractor de tracción simple, que é saír marcha atrás ou coa axuda doutro vehículo.
 “Os tractores de tracción simple teñen máis risco de envorco cara atrás que os de dobre tracción”
A veces tamén nos axuda o feito de os de dobre tracción levan máis peso adiante, polo que o centro de gravidade sitúase máis cara o centro do tractor. Debemos ser conscientes das características do vehículo que levamos: Os tractores non teñen amortecedores e as irregularidades do terreo non as absorben da mesma maneira que un automóbil. -Para conducir un automóbil debemos obrigatoriamente pasar un psicotécnico e levar o vehículo a ITV, pero no caso do tractor parece que hai moita mais lasitude, e non é infrecuente ver a persoas de idade avanzada conducir esta maquinaria, mesmo sen pasar ITV. ¿Considera que falta unha maior control sobre o uso do tractor? ¿Que cambios lexislativos considera que serían necesarios? Deberíase mellorar no sentido de que para conducir un tractor se esixiran uns coñecementos mínimos sobre este tipo de vehículos. Boto de menos que a xente estea máis concienciada dos perigos que implica o manexo do tractor. O Psicotécnico e a ITV axúdannos a constatar tanto o estado do condutor coma do vehículo. Un vehículo non pode circular por unha vía pública sen dispor da ITV en vigor.

“Preocúpanos moito a sinistralidade no sector forestal en Galicia”

Adela Quinzá-Torroja García é desde o 2009 xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), un organismo dependente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia,  Entre as súas actuacións inclúense aquelas destinadas a previr a sinistralidade no sector agrogandeiro e forestal galego, das que destacan este ano dúas novas campañas informativas, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, para fomentar a seguridade laboral nas granxas galegas e no colectivo de veterinarios. Trátase de dúas iniciativas, para reforzar a seguridade do persoal veterinario e para a prevención de riscos nas explotacións. -O sector primario, e en concreto o agrogandeiro e forestal, ¿son dos que máis sinistralidade laboral rexistran? Cos datos que temos de sinistralidade no ano 2021 nas actividades de agro, gandería e forestal si que hai un incremento de accidentes de traballo, pero se desglosamos por gravidade, a maioría son leves. Ademais, houbo o pasado ano un descenso dos accidentes graves nun 10%, ao pasar de 36 a 33, e unha redución dun 28% nos accidentes mortais en xornada laboral, que pasaron de 7 no ano 2020 a 5 no ano 2021. Por tanto, si podemos dicir que os datos de sinistralidade están estables, pero tamén que nos preocupan moito os accidentes de traballo no sector forestal. A causa máis recorrente é a caída de árbores durante as operacións de corta e desbroce. Neste sentido, o ISSGA ten creado un grupo técnico de traballo con sector forestal, no que participan os técnicos de prevención de riscos laborais de ENCE, Finsa ou Fearmaga, entre outros, para facer chegar ás empresas e aos traballadores a información técnica suficiente para que estes accidentes non se repitan ano tras ano. É un sector no que a orogafría e climatoloxía complican a actividade. Ademais, conta con moitos traballadores doutros países, polo que desde o ISSGA facemos os nosos folletos informativos na súa lingua para poder chegar ben a eles á hora de aplicar medidas de prevención.
 “Coa asociación de empresarios do sector forestal de Lugo estamos avanzando na creación dun servizo de prevención propio, e gustaríanos que se estendese ao resto de Galicia”
Estamos tamén impulsando que as asociacións sectoriais do forestal constitúan servizos propios de prevención, algo no que estamos avanzando de xeito moi positivo coas empresas forestais da provincia de Lugo e que nos gustaría que se estendese tamén ás outras provincias galegas. E é que un dos puntos que ten que reforzar o sector forestal en Galicia é a prevención de riscos laborais. É prioritario que non se perdan vidas e, por iso, o empresario debe garantir a saúde e a seguridade dos seus traballadores durante a xornada laboral e os traballadores teñen que colaborar e cumprir coa adopción das medidas de prevención.
“A gran parte dos sinistros mortais con tractor son de persoas maiores”
Estes datos de sinistralidade refírense a profesionais do sector primario, pero non se teñen en conta a sinsitralidade das persoas xubiladas ou que fan tarefas agrícolas ou forestais de xeito puntual. ¿Tedes campañas específicas para eles? Preocúpanos moito a sinistralidade no uso do tractor, aínda que máis do 90% dos accidentes non son laborais, senón que se corresponden a persoas xa xubiladas. No ISSGA facemos campañas para a poboación en xeral, non só para os profesionais do sector. Como dicía, a gran parte dos sinistros mortais con tractor son de persoas maiores, debido sobre todo a emborcamentos, pois non teñen suficiente capacidade de reacción, ao que se suma que os tractores non teñen as medidas de protección necesarias. Tedes datos concretos de sinistralidade no uso do tractor? A sinistralidade laboral non é alta no uso do tractor, pero si a sinistralidade que ten lugar entre persoas que xa non son traballadoras. Como digo, na maior parte dos casos incide a elevada idade das persoas, a antigüidade dos tractores, a falta de medidas de protección nos mesmos e por suposto a orografía e a climatoloxía. Ademais dos emborcamentos, hai tamén moitos accidentes co tractor nas incorporacións ás estradas. -Precisamente o ISSGA realiza cada ano campañas de seguridade no uso do tractor. ¿Que valoración fai das mesmas e que nos podería avanzar das medidas do ISSGA para este ano? O ISSGA realiza campañas informativas para a poboación en xeral, en especial do rural, e contamos tamén con iniciativas en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, e que valoramos moi positivamente pola súa incidencia. Ademais, a nivel español e, dentro da Estratexia Española de Seguridade e Saúde do Traballo, Galicia forma parte dun grupo de traballo no que impulsamos a campaña “A túa vida sen voltas”, onde se fai unha explicación das causas e das medidas preventivas para que estes sinistros co tractor non acontezan. Ademais do público xeral, estamos a levar a cabo esta campaña a 13 centros de formación profesional para a mellora e a seguridade no uso desta maquinaria con fin de evitar este tipo de sinistros. O uso da motoserra e da rozadoira tamén son causas moi comúns de sinistralidade en Galicia... Aí o ISSGA ten cursos específicos que organizamos en distintos concellos e tamén nos centros de formación profesional, para ligar a formación coa realización do traballo dunha forma segura. Os cursos que impartimos son eminentemente prácticos, con demostracións en fincas, para reducir os accidentes no uso da motoserra ou da rozadoira. Son cursos dun máximo de 15 persoas e todos están a ter moi boa acollida e os traballadores agradecen moito esta formación porque é común que teñan conceptos equivocados sobre o uso seguro desta maquinaria. -¿Cales son as principais accións que ten previsto realizar o ISSGA ao longo deste ano para a prevención de accidentes no sector primario? Temos en marcha unha campaña en colaboración coa Consellería do Medio Rural coa que pretendemos chegar ás 33.000 granxas de gando vacún, baixo o título “Explotacións de gando vacún: Un lugar seguro e saudable”. A iniciativa inclúe información en forma tanto de tríptico como de póster. Falamos de prevención de riscos no manexo dos animais, da maquinaria, dos produtos químicos e no manexo de cargas. Tamén é fundamental a protección da maternidade, embarazo e lactación. É unha proposta que saíu dun grupo de análise da sinistralidade que hai no ISSGA e había preocupación por chegar máis ás ganderías.
 “Chegaremos coa campaña “Explotacións de gando vacún: Un lugar seguro e saudable” a 33.000 granxas galegas”
Tamén temos previsto lanzar unha campaña específica para o persoal veterinario para mellorar a seguridade do seu traballo nas explotacións gandeiras. Por outra parte, seguiremos coa campaña nacional de prevención de riscos no uso do tractor -A túa vida sen voltas- . E realizaremos outra de uso seguro do tractor en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, que repartirá a nosa información para chegar tamén aos puntos de inspección ITV para maquinaria agrícola, como xa vimos realizando. En canto ao sector forestal, seguimos traballando para mellorar as medidas de prevención dos traballadores, establecendo unhas pautas sobre distancias de seguridade nas zonas de desbroce e corta de arbores e de sinalización. E importante dar a coñecer a normativa específica e estandarizada sobre distancias preventivas á zona de corta das árbores e de sinalización. Por último, seguiremos divulgando as campañas específicas que estamos realizando para colectivos sobre o uso da motoserra ou a difusión de boas prácticas no agro ou viticultura, esta última unha actuación dirixida á muller. Tamén continuaremos coas campañas sobre o manexo seguro de motoserra e rozadoira e a gamificación, coa app ISSGA Forestal. E por suposto, seguimos participando en grupos de traballo a nivel nacional sobre pautas de introdución da perspectivas de xénero nas medias de prevención ou de redución de riscos no uso do tractor. -Nos últimos anos o ISSGA tamén empezou a realizar campañas específicas para a vendima ou o traballo na adega. Como valoran a recepción? Neste sector os maiores riscos para a saúde son a manipulación de cargas ou os movementos repetitivos que logo dan lugar a trastornos músculo-esqueléticos.
“En xuño imos presentar tres guías específicas para reducir os riscos na viña e na adega”
Neste sentido, os nosos compañeiros do centro do ISSGA de Ourense fixeron un labor magnífico elaborando tres guías de prevención de riscos laborais, que imos presentar en xuño, unha dirixida ao traballo na viña e outra ao traballo en adega, así como unha máis xeral. -A perspectiva de xénero tamén se incorporou que actuacións específicas para prevención de riscos laborais das mulleres embarazadas que traballan no sector primario. ¿Que os levou a realizar estas campañas e como foi a acollida? Queremos introducir a perspectiva de xénero en todas as actuacións do ISSGA para adecuar as medidas de prevención ás peculiaridades dos dous xéneros. No caso da muller é moi importante a situación de embarazo, lactancia e postparto polo emprego de produtos fitosanitarios e esforzos posturais. Neste sentido, publicamos unha guía especifica. Pero a perspectiva de xénero é transversal: por exemplo que os equipos de protección tamén estean adaptados para o corpo das mulleres ou o mesmo coas ferramentas. -Durante a pandemia o sector primario foi considerado esencial e tivo que seguir realizando a súa actividade. ¿Notaron unha maior incidencia da enfermidade nos traballadores deste sector? ¿Como valoran os resultados das campañas de prevención e en que se podería mellorar? O sector primario durante a pandemia incrementou a súa actividade para garantir o subministro de alimentos. Coa creación no ISSGA da Unidade de Referencia covid-19, o noso equipo técnico fíxo un importante labor de información e formación para distintos sectores sobre medidas de prevención na transmisión da covid-19. Houbo moita demanda de información e traballamos moito para cooperativas agrogandeiras e empresas do sector primario, revisando e facilitando plans de prevención específicos fronte ao coronavirus. Todo isto que aprendemos durante a covid-19 débenos servir de ensaio para futuras pandemias. Estamos orgullosos do noso traballo e de como foi valorado polo sector primario.

Campaña de prevención de riscos en 25.000 ganderías de vacún de Galicia

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver a campaña “Fai da túa explotación de gando vacún, un lugar seguro e saudable”, dirixida tanto aos propietarios das granxas como ás persoas traballadoras. Con esta iniciativa, a Xunta pretende concienciar da importancia da prevención dos riscos laborais nas explotacións de gando vacún e indicar as medidas e recomendacións preventivas que permitan eliminalos ou reducilos. Na elaboración dos contidos tivéronse en conta tanto a tipoloxía como as causas dos accidentes laborais neste sector. A campaña insírese no Plan de actuación do ISSGA no marco das actividades consensuadas polo grupo de traballo de sinistralidade do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que ten entre as súas funcións traballar para reducir a sinistralidade en sectores considerados prioritarios. Os primeiros materiais da campaña xa se están a distribuír entre as explotacións galegas grazas á colaboración do Issga coa Consellería do Medio Rural. Estase a entregar documentación técnica e material divulgativo en formato físico pero tamén está a dispor das persoas interesadas en formato dixital. O obxectivo da Xunta consiste en achegar a documentación da iniciativa de carácter plurianual a unhas 25.000 explotacións de gando vacún galegas. Este ano visitaranse unhas 9.000 aproveitando a campaña de saneamento da Consellería do Medio Rural, durante as que os técnicos farán entrega persoal da documentación.

Prevención de riscos

A campaña fai fincapé na protección de riscos tanto nos lugares de traballo como no manexo dos animais, da maquinaria, dos produtos químIcos, e coas cargas. Ademais insta aos propietarios a protexer ás mulleres traballadoras durante o embarazo, a lactación e a maternidade. Tal e como informa o Issga, as instalacións das granxas deben adaptarse a cada un dos animais polo que cómpre realizar un correcto mantemento e evitar o risco de caída de altura nos silos. Outra das recomendacións consiste en limpar e desinfectar as dependencias e equipos con frecuencia e mantelas ordenadas. No manexo de animais indícanse as diferentes técnicas de manexo e como evitar o contaxio de enfermidades, garantindo situacións seguras e empregando técnicas e dispositivos e medios auxiliares específicos. En canto á maquinaria e equipos, asesórase en materia de seguridade viaria e o uso seguro de vehículos e outros aparellos. O material divulgativo ofrece consellos para a correcta manipulación, almacenaxe e xestión de envases e residuos dos produtos químicos. Tamén se recollen aspectos relativos á manipulación manual de cargas relacionadas co embarazo e a lactación, sinalando aquelas situacións que se deben evitar como os traballos con calor ou frío extremo, con maquinaria, que supoñan sobreesforzo ou as xornadas prolongadas.