Archives

“Galicia conta con magníficas variedades autóctonas que permiten elaborar viños excelentes”

Jhon Wilson nunha conferencia. Foto: https://wine.cookingisfun.ie/ John Wilson é posiblemente o maior experto de viños en Irlanda, un dos países que máis está a incrementar nos últimos anos as importacións de viños galegos. Este recoñecido crítico de viños do diario The Irish Times, participou recentemente en Dubín nunha xornada para promocionar os viños da Denominación de Orixe Ribeiro. Falamos con el para coñecer como percibe a situación dos viños galegos e cales son as tendencias de consumo no mercado irlandés. -Que lle atraeu do mundo do viño e cando decidiu dedicarse a este sector, converténdose nun dos críticos máis recoñecidos? Sempre me interesei pola cociña e a alimentación. A partir de aí intereseime polo viño mentres estudaba Historia, e empecei a preguntarme se podería gañarme a vida con iso. O viño combina historia, cultura, comida, economía e persoas dunha forma única. Nunca me arrepentín da miña decisión de vivir do viño. -Recentemente participou nun evento promocional do D.O. Ribeiro en Irlanda. Como valora este evento e como foi a acollida dos visitantes? A reacción parece ser moi boa. A maioría dos visitantes tiñan pouco ou ningún coñecemento da rexión e quedaron gratamente sorprendidos coa calidade e diversidade dos viños.
“Galicia ten unha magnífica gama de variedades de uva autóctonas de alta calidade que poden producir viños excelentes”
-Como coñeceu os viños do Ribeiro e que é o que máis lle atrae desta Denominación de Orixe? Coñecín estes viños nunha cata en Dublín hai moitos anos e encantoume que o goberno español me convidase despois a unha viaxe centrada nos viños de Galicia. Abriume os ollos á "España Verde" e á profundidade e calidade dos seus viños. -Como valora os viños galegos en xeral e cales considera que son as súas fortalezas pero tamén feblezas para competir no mercado irlandés? E no caso concreto do Ribeiro? Valoro moi positivamente os viños galegos. A rexión ten unha magnífica gama de variedades de uva autóctonas de alta calidade que poden producir viños excelentes, como demostra o éxito da DO. Rías Baixas. O consumidor irlandés está interesado en viños brancos máis lixeiros e refrescantes, e está disposto a ser aventureiro. O principal punto débil é educar ao consumidor nas distintas variedades de uva e rexións.
 “Hai un grupo crecente de consumidores que buscan viños tintos máis lixeiros e menos alcohólicos”
-As Illas Británicas foron historicamente un dos principais destinos de exportación dos viños do Ribeiro, mesmo desde a Idade Media, aínda que naquela época producíanse máis viños tintos. Que destacaría das posibilidades dos viños do Ribeiro no mercado irlandés nestes momentos? Creo que a uva Treixadura adáptase ben ao padal irlandés e podería ter moito éxito neste mercado. Os viños tintos presentan máis dificultades, pero teñen oportunidades. Hai un grupo crecente de consumidores que buscan viños tintos máis lixeiros e menos alcohólicos. -Cales considera que son as tendencias en canto á demanda de viños? No futuro, creo que o consumidor irlandés beberá menos viño, pero de mellor calidade. Isto xa está a ocorrer. A cervexa, os licores e os cócteles están de moda neste momento, pero cando os consumidores chegan aos 30 e empezan a comer na casa, daquela decántanse polo viño. Foto: https://wine.cookingisfun.ie/ -O cambio climático está a permitir que empecen a cultivarse viñedos en Inglaterra, ocorre o mesmo en Irlanda? Aquí en Irlanda temos uns graos menos, e aínda que hai entre 5 e 10 valentes agricultores que cultivan viñas, pasarán algúns anos antes de que podamos madurar uvas de forma consistente.
“Impresionáronme os viñedos da Ribeira Sacra”
-Por último, se lle preguntasen por un viño e unha paisaxe vitícola inesquecibles, cales elixiría? Esta é unha gran pregunta. Encántame estar en grandes viñedos; dá unha sensación real do que pasou antes. Eslovenia e Sudáfrica eran moi bonitos, pero os tres que máis me chamaron a atención son viñedos escarpados xunto a un río: o Mosela en Alemaña, o Douro en Portugal e os marabillosos viñedos da Ribeira Sacra.

Os viños da D.O. Ribeiro promociónanse en Irlanda

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro xunto cunha delegación das súas adegas regresa de presentar o seus viños ao público profesional e prensa especializada de Dublín, Irlanda, nun showroom propio celebrado o pasado martes, 17 de outubro, na sala Trinity do céntrico hotel Riu Plaza The Gresham Dublin.

Un encontro onde os viños e os seus creadores foron os protagonistas, e onde o éxito radicou na diferenciación e na autenticidade dos viños que hoxe en día se elaboran nesta Denominación de Orixe. Alanís, Campante, Casal de Armán, Cunqueiro, Cuñas Davia, Eduardo Peña, Finca Viñoa, Pablo Vidal, Pateiro, Pazo do Mar, Val de Souto e Viña Costeira son as adegas que lograron cos seus viños que Dublín se convertera por una xornada na capital do viño Ribeiro.

O evento iniciouse pola mañá cunha clase maxistral guiada por John Wilson, recoñecido crítico de viños do diario The Irish Times, na que los asistentes puideron descubrir a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia a través dos seus viños brancos en diferentes estilos e elaboracións. O poñente conduciunos por unha cata de tres viños monovarietais, de Treixadura, Godello e Loureira; seguida de outros catro elaborados con coupage de variedades autóctonas da zona, finalizando a cata con tres elaboracións especiais que incluíron viños de colleitas anteriores con paso por barrica; fudre e con crianza sobre as súas lías finas.

A singularidade do solo, a fidelidade a unha paisaxe, a tradición por manter aquelas prácticas dos antepasados engadindo a innovación e la paixón persoal, son as características que unen ás adegas que participaron neste showroom, coordinado pola Unión Española de Catadores en terras irlandesas.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Dende a organización do evento, Juan M. Casares Gándara, presidente do C.R.D.O. Ribeiro, asegura que “con esta potente iniciativa ofrecemos a adegas pequenas, medianas e grandes acceso a un novo mercado e que así poidan reforzar os seus canles de venda a nivel internacional” e explica que “puidemos celebrar esta minifeira en Dublín grazas ao apoio da Deputación de Ourense, representada nesta cita polo seu vicepresidente e alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil”.

“Os gandeiros de vacún de leite en Irlanda teñen bo nivel de vida e boa rendibilidade”

Nerea López López é unha moza de Reboredo (Sarria) que ven de rematar dous meses de prácticas nunha gandería de vacún de leite en Irlanda, unha potencia láctea a nivel mundial, cunha produción de arredor de 8 millóns de toneladas de leite en base a pastoreo nunha illa cunha extensión duns 70.000 kilómetros cadrados. As prácticas que realizou Nerea en Irlanda, dentro do programa europeo Erasmus +, encádranse dentro do programa de estudos do Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal (GASA) que está a cursar no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña). No seu caso a gandería de vacún de leite venlle de tradición familiar: “Os meus pais e o meu tío teñen unha explotación, Gandería Silva, na parroquia de Reboredo, en Sarria, con 235 vacas en muxido, en sistema de estabulación, e de cara ao futuro, tanto a min como ao meu irmán, gustarianos incorporarnos e continuar coa granxa”, explica. Porén, a experiencia en Irlanda levouna a coñecer un sistema de manexo totalmente distinto: “Estiven dous meses de prácticas nunha granxa no sur de Irlanda, no condado de Mallow, pertencente á familia de Tony O´Regan, que conta con 273 vacas en muxido que se alimentan case exclusivamente en base ao pasto das 152 hectáreas que rodean a granxa”. O traballo de Nerea dende o 28 de xaneiro ao 29 de marzo consistiu principalmente en atender a recría. “Os partos concéntranos nos meses de febreiro e marzo e a miña labor foi básicamente dar alimentación, auga e atender a cama de palla dos becerros”, conta. O rabaño nesta explotación está composto por uns 400 animais, entre vacas adultas, becerros e arredor de 100 xovencas para a recria, das que venden algo máis de 50 ao ano. Outra diferencia importante con respecto á Galicia é a raza das vacas: “No caso desta granxa máis da metade das vacas en produción son Jersey, arredor dun 30% Normanda e despois tamén teñen cruces e algo de Angus”, explica.
“As vacas teñen unha produción de 23,5 litros de leite, con 2 kilos de penso, e unhas calidades do 4,58% de graxa e do 3,48% de proteína”
A alimentación das vacas en produción é basicamente pasto -a especie dominante nas pradeiras é o raigrás inglés- , que se complementa, con 2 kilos de penso, correctores minerais e algo de silo de herba. “Con esta ración logran unha produción media de 23,5 litros de leite ao día cunhas calidades do 4,58% de graxa e do 3,48% de proteína. O leite véndenllo a Dairy Gold, a maior cooperativa de Irlanda, cun prezo medio que chegou a estar en 0,58 euros o litros nos primeiros meses do ano, pero que últimamente baixoulles a 0,54 euros”, relata a estudante galega. En canto á reprodución, nesta gandería nas vacas de raza Normanda solen inseminalas con cruces cárnicos de raza Charolais, polo seu mellor prezo -páganllos a unha media de 180 euros con mes e medio de vida- mentres que nas Jersey optan máis por inseminalas con Angus e nas xovencas e vacas de mellor xenética de raza Jersey meten seme sexado de raza Jersey. Polo que respecta á man de obra e á organización do traballo, a granxa é atendida a media xornada -polas mañás traballa nun banco- por Neal O´Regan, o fillo de Tony, o propietario; e logo contan con dous traballadores fixos -un polonés e un ugandés. Para a época de partos reforzan a plantilla botando man de estudantes en prácticas, 3 nesta campaña (Nerea e dous estudantes de Irlanda). Os horarios de muxido son ás 6:30 horas da mañá e ás 3:30 horas da tarde. En xeral, a impresión que se leva Nerea desta experiencia é positiva: “Os propietarios teñen moi bo nivel de vida porque a gandería de leite aquí é moi rendible. En xeral a xente está contenta, tamén os traballadores, porque ás seis da tarde o traballo está feito e vas para a túa casa. É un sistema moi distinto ao de Galicia e a impresión que levo é moi boa”, conclúe.

Por que as granxas noutros países europeos resisten mellor as crises do sector lácteo?

Vacas leiteiras en Irlanda, onde a alimentación se basea no pasto A suba das materias primas e doutros custos de produción, como o gasóleo ou a electricidade, está a poñer contra as cordas aos produtores de leite galegos. Analizamos como están a vivir os gandeiros doutras zonas de Europa a situación actual e por que a súa maneira de producir é máis resiliente. Resiliencia foi unha desas palabras que trouxo a pandemia. Aplicado ao sector lácteo referiríase á súa capacidade de resistir os vaivéns dun mercado desregulado desde o ano 2015 en Europa no que xogan de xeito determinante factores como a demanda internacional e o prezo do leite ou as cotizacións das materias primas para a alimentación do gando. A autosuficiencia das granxas e a súa diversificación produtiva ou a fortaleza da industria láctea e o nivel de participación nela dos gandeiros son algunhas das claves de por que, no contexto europeo, a situación actual non está a afectar por igual a todos os países.

Comida de importación

Cos prezos actuais de materias primas como o millo (que no último ano pasou de custar 180€ a tonelada a estar hoxe a 327€), a colza (que pasou de 320€ a 460€) e a soia (que de 380€ púxose a 523€), seguir suministrándolles ás vacas unha ración elaborada en base a produtos importados é un luxo que cada vez menos ganderías se van poder permitir sen notalo nas súas marxes de beneficio.
A PAC avanza cara a unha vinculación entre superficie, número de cabezas e importe das axudas a percibir
Neste contexto de insumos polas nubes, o aumento da base territorial é fundamental para reducir custos de alimentación do gando. Tamén para implementar unha agricultura máis sustentable, con superficie dabonda onde botar o purín e aproveitar todo o seu potencial como fertilizante e na que levar a cabo cultivos forraxeiros, de cereal e proteicos substitutivos da soia que permitan reducir a dependencia das importacións, (un obxectivo de Bruxelas), así como prácticas de cultivo respectuosas co medio ambiente que poidan supoñer un importe extra nas axudas da PAC en aplicación dos ecoesquemas.

Duplicar a base territorial

As explotacións lácteas galegas deberían duplicar a súa base territorial, principalmente pola vía do arrendamento de terras, se nos comparamos con outros grandes produtores de leite europeos. Un bo redimensionamento da superficie das explotacións permitiría que as granxas mesmo se introducisen na produción de materias primas para concentrados. Está comprobado que cultivos como o trigo ou a couza poden producirse en Galicia con bos rendementos e habería superfice abandonada apta para acollelos en amplas zonas da comunidade.
O 55% da enerxía da ración das vacas de leite galegas vén de concentrados e só o 45% das forraxes producidas na explotación
En Galicia o 55% da enerxía da ración das vacas vén de concentrados e só un 45% das forraxes producidas na explotación. En Dinamarca, por exemplo, as porcentaxes son inversas: o 40-45% da enerxía procede de concentrados e o resto da explotación. Xunto ao factor terra, dispoñer dun asesoramento técnico cualificado e independente preséntase como un elemento imprescindible para a mellora da calidade dos silos de herba, co que aproveitar todo o potencial produtivo de Galicia neste ámbito.

A responsabilidade da Administración

A Xunta de Galicia leva máis de 30 anos asistindo impasiva á desaparición de explotacións e ao abandono da terra en amplas zonas de Galicia, onde as praderías e as terras de cultivo deixaron paso aos eucaliptos (na metade norte de Galicia) e ás matogueiras (na provincia de Ourense). Malia que a lexislación xa impedía a forestación de terras agrarias, na realidade non houbo ningún tipo de vixiancia ou control oficial sobre este fenómeno, que se foi extendendo a medida que a idade de xubilación obrigaba ao peche de explotacións sen relevo. O Goberno galego tomou medo cando os lumes forestais do outono do 2017 cercaron a cidade de Vigo. Até entón semellaba non ser consciente da dimensión real do problema malia as miles e miles de hectáreas que levan ardendo, ano si e ano tamén, por toda a xeografía galega.
A moratoria á plantación de eucaliptos é de facto unha legalización das plantacións realizadas nos últimos anos
Pero as medidas adoptadas desde entón (limpeza de faixas de protección, por exemplo) están sobre todo encamiñadas a protexer as vivendas dos lumes, máis que a facilitar terras ás explotacións en activo e a moratoria á plantación de eucaliptos é de facto unha legalización das plantacións realizadas nos últimos anos. En maio do ano pasado entraba en vigor a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, con escasos resultados prácticos até o momento, máis alá dun sinfín de anuncios oficiais de proxectos de aldeas modelo e polígonos agroforestais sementados por múltiples concellos galegos, na maior parte dos casos ubicados en lugares que caeron xa no abandono máis extremo e onde non existe demanda real de superficie agraria nin produtores para traballala. A Xunta avanzou a súa intención de mobilizar 150.000 hectáreas de terras en desuso, pero de momento só ten aprobadas 19 aldeas modelo que suman unhas 600 hectáreas repartidas en 8.500 parcelas de máis de 2.190 veciños.
A Consellería atópase cun dilema difícil de solventar: onde hai terra baleira non hai explotacións e onde están as explotacións non abunda a terra
Pero pouco ou nada se está a facer para que as granxas ubicadas nas principais comarcas produtoras (como O Xallas ou A Terra Chá) poidan ampliar a súa base territorial, máis que agardar que peche o veciño e arrende as fincas. A Lei de Recuperación da Terra Agraria finánciase con fondos europeos, ao igual que os Plans de Mellora e a incorporación de mozos á actividade agraria. Sen embargo, dos novos instrumentos de mobilidade de terra (creación de aldeas modelo e polígonos agroforestais) non se van encargar as Oficinas Agrarias Comarcais, que tramitan os Plans de Mellora e son as que están en contacto coas explotacións e coñecen as súas necesidades, senón a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) encargada da xestión do Plan Leader e as subvencións para desenvolvemento rural con cargo aos fondos do PDR.
Os Plans de Mellora financiaron nos últimos anos a construción de naves e a compra de maquinaria pero non a adquisición de terras
A ampliación de superficie agraria, vía compra de terras ou alugueiro, non forma parte das prioridades dos Plans de Mellora. De feito, só é subvencionable destinar como máximo o 10% da axuda solicitada a mercar superficie, unha medida pensada sobre todo para poder facerse coa parcela onde construír a nova nave, máis que para gañar terras de labor ou superficie de produción. É posible obter un Plan de Mellora para dobrar o número de cabezas sen aumentar a superficie, pero non dobrar a superficie sen aumentar o número de cabezas para gañar en autosuficiencia. É dicir, a axudas da Administración estiveron até agora destinadas a incrementar a produción sen ter en conta o modo de incrementala.

“É posible producir leite con menos concentrado”

César Resch é enxeñeiro agrónomo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e participa en distintos proxectos europeos vinculados co sector lácteo, como Dairy4Future, nos que mantén contacto con distintos centros de investigación de Francia, Irlanda ou Portugal, polo que é bo coñecedor da realidade actual e o modelo de produción leiteira destes países. César considera arriscado o sistema de produción polo que apostou Galicia e reclama un cambio de paradigma que blinde ás explotacións leiteiras fronte a futuras crises. “Non é posible facer unha restruturación dun día para outro nin estou propoñendo quimeras, pero deberíamos aproveitar o potencial que temos para producir leite en base a forraxe, tendo oportunidade de facer unha gandería diferente”, argumenta.
Afrontar os hándicaps que temos leva tempo pero nalgún momento hai que empezar. Un deles é o consumo excesivo de penso
“Ao mellor non podemos ter vacas de 12.000 litros pero si de 9.000 litros con 200 gramos de concentrado e dando máis graxa e proteína”, exemplifica. E propón comezar a andar ese camiño porque “os grandes cambios estruturais da agricultura e gandería, como calquera cambio da vida, levan tempo, pero hai que facer planificación e cumprila; un exemplo diso é Irlanda”, compara.  “Modelo intensivo sen cabeza” César califica o sistema que se foi impoñendo de xeito maioritario nas explotacións leiteiras galegas de “modelo intensivo sen cabeza”. “Facer unha ración a base de soia ten un risco altísimo. É un modelo que ten os pés de lama e que se tambalea cada vez que vén un problema de prezos nas materias primas”, asegura.
O modelo holandés é intensivo e o modelo irlandés tamén en canto á utilización do terreo; aquí sen embargo centrouse na vaca
“O modelo holandés é intensivo e o modelo irlandés tamén. Por exemplo, o sistema irlandés é moi intensivo na utilización do terreo, con parcelas nas que obteñen de 14 a 15 toneladas de materia seca de herba por hectárea. Aquí a produción centrouse na vaca, alí centrouse na terra”, diferencia. Producir leite a base de penso é “cómodo” César afirma que o sistema galego “é un modelo moi cómodo e mentres a relación custo do concentrado-prezo do leite sexa favorable todo vai ben, pero unha granxa que usa 400 gramos de concentrado por litro de leite ten un problema se sube o concentrado”, asegura. “En Galicia chegou a instalarse hai anos o modelo de Castela, implantado por Nanta, de producir leite a base de alimentar as vacas con concentrado a discreción e palla. Ese modelo funciona só cando a relación de prezo leite e penso é favorable”, di.
O modelo imperante en Galicia funciona só cando a relación de prezo entre leite e penso é favorable pero se non o mudamos volveremos caer na seguinte crise
 “Espero que as cousas se reconduzan, porque o feito de que o millo estea a 400 euros a tonelada é pura especulación e esa tensión o mercado non a aguanta”, di, polo que reclama a intervención pública en materia de enerxía e alimentos. “O mercado de materias primas debería estar máis intervido para evitar estes movementos especulativos no mercado”, defende.
O problema non está tanto no prezo do concentrado senón na cantidade; se en vez de 400 gramos por litro das 200 o problema é menor
Pero insiste en que “o problema non está tanto no prezo do concentrado senón na cantidade de concentrado. Se en vez de 400 gramos por litro das 200 o problema é menor. Esa, a de basear as racións no penso, é unha debilidade estrutural das explotacións galegas”, afirma. “O consumo de concentrado nas granxas de Galicia, sobre todo naquelas que se teñen como referente, é excesivo”, asegura César.
En Francia úsase un terzo menos de concentrado para alimentar as vacas e unha parte das ganderías sementan tamén cereal
“Cando sometes o sistema a unha situación de estrés é onde se ven as debilidades. Hai unha debilidade clara e estrutural da dependencia de insumos externos, sobre todo pensos e nomeadamente cereal e proteoxinosas. E aínda que o problema actual de prezos se solucione, volveremos caer na seguinte crise se non cambiamos o modelo”, di. Alimentación de precisión e forraxes de calidade  “O reto tecnolóxico está en producir, nese modelo, 40 litros de leite con 8 quilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 quilos de penso é doado, e é certo que pode ser un bo negocio para o subministrador de concentrados, pero crea estruturas moi dependentes para o gandeiro co risco que iso leva implícito”, argumenta.
O reto  está en producir 40 litros de leite con 8 quilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 quilos de penso é doado
“O reto está na mellora da calidade das forraxes tanto na súa capacidade de subministrar enerxía como proteína, pois tamén seguimos a ter unha excesiva dependencia de proteína exóxena nas granxas de leite”, aclara. Para lograr o obxectivo de producir 40 litros de leite con só 8 quilos de penso é necesario apostar por unha alimentación de precisión, máis personalizada, que diference as vacas en función da súa produción e a súa fase de lactación, e tamén ordenar os partos mediante unha planificación das xestacións para un maior aproveitamento da produción forraxeira.
O modelo que están levando en Holanda baséase na eficiencia dos recursos e en producir leite con só 200 gramos de concentrado por litro
“É o que están facendo en Holanda, levan ese modelo, con moito pasto fresco e moita eficiencia dos recursos. Non teñen resultados espectaculares pero son moi resilientes e aguantan nos momentos malos”, afirma. Producir cereal en Galicia “Galicia importa 3.000 millóns de quilos de materia prima para facer pensó ao ano. Producimos cero; impórtase todo. É imposible que para o ano que vén podamos procudir o 50% diso, pero por algo hai que empezar”, propón César.  “Temos terreo e terreo bo para facelo, temos hectáreas abandonadas que son aptas para cereal na provincia de Ourense.  É desexable que produzamos para reducir a dependencia excesiva de insumos externos que temos”, di.
A produción de cereal é anecdótica en Galicia; é un dos grandes hándicaps que temos
“Unha parte granxas francesas procucen os seus propios cereais e iso fai que teñan menos peso dos imputs de concentrado”, relata César. A maioría das explotacións galegas móvense en valores entre os 350 e os 430 quilos de penso por cada 1.000 litros de leite, cando en Francia están por debaixo dos 300 quilos. “É certo que teñen menos produción por vaca”, recoñece. Diversificación para reducir riscos e ter ingresos complementarios Outra das características das ganderías francesas é o seu carácter diversificado. En Galicia a economía das explotacións leiteiras depende exclusivamente da venda de leite, mentras noutros países europeos compleméntase con outros ingresos. “No caso galego a especialización en leite é moi grande, sen actividades salientables nas explotacións fóra diso. O produtor francés é máis agricultor. Na Bretaña, ademais de producir leite, as granxas teñen tamén horta extensiva de brásicas (repolo e coles), que son producións complementarias que non compiten coa produción de forraxe e en Normandía é moi habitual que o gandeiro de leite plante tamén cereal e leguminosa”, explica César.
Nun mercado liberalizado como é o do leite trala fin das cotas, e polo tanto máis volátil, contar con outras fontes de ingreso paralelas é un xeito de asegurar a rendibilidade
Ese modelo de gandeiro-agricultor, con policultivo e actividades diversificadas, permite ás explotacións non depender tanto dun único produto. “A especialización leva a que sexas máis eficiente no que fas, pero tamén ten os seus riscos. É importante non poñer todos os ovos na mesma cesta. As explotacións galegas deberían diversificar con iniciativas que non compitan coa produción de forraxe”, razoa. Extensificación: gañar base territorial César defende a necesidade de levar a cabo “un cambio de paradigma para aproveitar máis os recursos que temos”. "Non é producir menos senón que é producir diferente. A diminución de insumos externos nas explotacións de leite debe de ser unha prioridade. Necesitamos mobilizar máis SAU para as explotacións de leite", di.  Por iso é partidario de executar políticas públicas para favorecer o uso por parte das explotacións da terra que está desaproveitada. “Perdeuse moita superficie nas explotacións, sabémolo por datos da PAC, aínda que desde o ano 2011 non haxa datos oficiais da Xunta”, explica.
Se queres facer unha política de ordenación sen molestar a ningúen non logras nada. Facer tortillas sen romper ovos é imposible
Estímase unha perda dun 30% da Superficie Agraria Últil (SAU) galega nos últimos 30 anos. "Reverter esta situación é unha prioridade máxima. A dependencia da importación de materias primas crea unha debilidade estrutural. A SAU perdida está agora en Arxentina, Brasil ou EE.UU", argumenta. O modelo actual de produción de leite en Galicia é tamén consecuencia das políticas públicas implementadas nas últimas décadas. “Se queres facer unha política de ordenación sen molestar a ningúen non logras nada. Facer tortillas sen romper ovos é imposible”, compara.
En Francia para comprar cota había que comprar terra tamén
“En Francia para comprar cota había que comprar terra, mentres en España o mercado de cota foi totalmente libre. A tendencia do modelo galego susténtase en que as granxas medraron en animais e en leite pero o ritmo de crecemento en hectáreas non avanzou en paralelo”, indica. “A base superficial das explotacións en Francia ou en Irlanda é moi superior á nosa. Nós estamos nunha ratio de 2,5 vacas por hectárea, e eles están bastante por debaixo das 2 UGM e iso é o que lles da por flexibilidade”, di.
A granxa máis grande que hai en Francia non chega ás 800 vacas
A día de hoxe a produción media en Galicia é de máis de 400.000 litros por explotación, case a mesma que en Francia, onde “a granxa máis grande que hai non chega ás 800 vacas”, explica César. Outros Estados membros da UE, como os Países Baixos, tamén estableceron na práctica límites ao crecemento da súa cabana gandeira, por medio neste caso das limitacións aos fosfatos instauradas a partir do ano 2017. Perda de efectivos En Galicia a perda de efectivos agrarios e gandeiros é unha constante nas últimas décadas, unha merma acentuada tamén no sector leiteiro. “Tiñamos 90.000 unidades produtivas nos anos 80 e agora son pouco máis de 6.000”, lembra César. Esta tónica xeral en España, compartida por outros países europeos, rómpese en Irlanda. “Foi o único país da UE que desde os anos 80 incrementou o número de ganderías de leite”, destaca. Hoxe son 18.500 as explotacións lácteas no país.
Desde os anos 80 Irlanda tivo máis altas de productores no sector lácteo ca baixas e na actualidade conta con 18.500 explotacións leiteiras
Esta tendencia continúa na actualidade e, de feito, Irlanda é, xunto con Polonia, o país da UE que máis está a incrementar a súa produción de leite desde o final das cotas lácteas no ano 2015, pero fíxoo sen variar o seu modelo produtivo tradicional, baseado no pasto.
Irlanda foi o país da UE que máis incrementou a produción de leite desde o fin das cotas lácteas, pero fíxoo sen variar substancialmente o seu modelo produtivo baseado no pasto
“Algunhas explotacións intensificáronse algo e algunhas explotacións de vacún de carne pasáronse ao leite pero o seu crecemento está baseado na planificación e o asesoramento público”, explica César. Os prezos: un factor determinante Deste xeito os gandeiros irlandeses pasaron dunha produción equivalente á española no 2015 a superala amplamente a día de hoxe. Irlanda produce xa máis leite ca España, 8,5 millóns de toneladas ao ano fronte ás 7,5 españolas, cun ritmo de crecemento do 10% anual. É ademais, neste momento, o país da UE co prezo do leite máis alto en orixe, por enriba dos 45 céntimos, cando a media europea se sitúa nos 42 céntimos e a española en 37. A produción irlandesa está enfocada á transformación industrial e á exportación, polo que tamén notan en maior medida a baixada de prezos cando as cotizacións internacionais dos produtos lácteos se resinten.
Italia, que tamén ten un sistema intensivo de produción, resiste mellor nestes momentos por uns prezos do leite en orixe máis elevados
Tamén ten unha maior orientación ao mercado Italia, que ten tamén un sistema intensivo de produción, pero que neste momento se defende mellor por uns prezos do leite en orixe máis elevados. No conxunto da UE, Irlanda é o país no que os gandeiros están a gañar máis diñeiro, xa non só polos bos prezos, senón tamén polos baixos custos de produción, o que permite unha mellor marxe aos seus produtores de leite.

Irlanda incrementou un 24% as compras de viño español en 2020

Segundo datos da aduana irlandesa, analizados polo Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMv), a pesar da pandemia, as importacións irlandesas de viño español disparáronse en 2020 un 32,3% en volume e un 23,8% en valor, até os 11,8 millóns de litros e os 35,5 millóns de euros, máximos históricos. En datos globais, Irlanda realizou en 2020 as súas maiores importacións de viño até a data, tras medrar notablemente tanto en volume (+28,8%) como en valor (+18,8%), até alcanzar os 110 millóns de litros e os 341,7 millóns de euros, crecendo por segundo ano consecutivo tras a leve caída de 2018.

O 92% do viño importado por Irlanda é viño envasado

Irlanda é un mercado moi enfocado ao viño tranquilo envasado, cuxas compras representaron o 92% do volume e case o 90% do valor total adquirido en 2020, con 101 millóns de litros (+28%) e 306,4 millóns de euros (+19,3%). Foi, por tanto, o principal protagonista do aumento global, cun prezo medio que baixou un 6,7% até os 3,03 €/litro

Marca para o viño español en Irlanda

Chile repite como principal provedor de viño a Irlanda en volume con 19,5 millóns de litros (+15,4%), aínda que os seguintes no ranking recórtanlle terreo: Reino Unido, intermediario, pechou 2020 como segundo exportador ao crecer case un 40% até os 14,3 millóns de litros, seguido de Francia, con 14 millóns (+26,2%), e de Australia (+52%) e Italia (+25%), rozando cada un os 13,5 millóns. España creceu por encima da media e gaña cota como sexto vendedor con 11,8 millóns de litros (+32,3%), o seu mellor dato até a data ao superar por primeira vez a barreira dos 10 millóns. En facturación, España creceu un 24% en valor e superou a Italia como cuarto vendedor con 32,8 millóns de euros, o que non ocorría desde 2016. O viño envasado español baixou de prezo un 6% até os 2,99 €/litro, moi parecido á media de mercado e superior ao de países como Italia (2,78€), Australia (2,62€) ou Alemaña (2,17€). Descarga aquí o informe completo do OeMv

Menos vacas pero máis produtivas: a tendencia na maioría de países da UE trala fin das cotas

Vacas camiño do pasto nunha explotación holandesa, onde a produción por vaca medrou un 15% desde o 2015 O sector leiteiro europeo é cada vez máis eficiente. O último informe elaborado polo Observatorio Lácteo da UE, con datos do 2018, pon de manifesto o incremento na produción de leite por vaca que están a experimentar a meirande parte dos países produtores de leite da UE, agás Francia. No conxunto da Unión, hoxe con 27 países trala marcha do Reino Unido, hai na actualidade 20,5 millóns de vacas leiteiras, case un millón menos ca no 2015. Pero esta caída do 4,2% no número de cabezas foi compensada cun maior rendemento leiteiro por animal, cun incremento medio de 133 litros por lactación, o que equivale a un 5,9% máis de produción por vaca en só tres anos, o periodo comprendido entre 2015 e 2018.
No ano 2018 España foi o cuarto país da UE con maior produción de leite por vaca, con 8.982 quilos por lactación, só superada por Dinamarca, Estonia e Países Baixos
En España a evolución desde a fin das cotas leiteiras no ano 2015 levou a un incremento de produtividade do 7,85%, dous puntos superior á media comunitaria, o que supuxo unha mellora de 218 quilos por lactación e ano entre 2015 e 2018, pasando o promedio por vaca de 8.328 quilos a 8.982 en só tres anos. Este incremento de produción por vaca foi quen de compensar o descenso na cabana española de vacún de leite, que caeu desde as 844.000 cabezas no ano 2015 até as 812.000 no ano 2019, un 3,79% menos.
Nos últimos 20 anos desapareceron unha de cada catro vacas de leite en España pero as que quedan dan case 3.500 litros máis ao ano
Aínda así, a mingua no número de vacas de leite en España reduciuse trala fin das cotas lácteas, xa que a perda de cabezas produtoras nos dez anos anteriores foi moito máis importante. Entre o 2003 ao 2015 desapareceran no Estado español unha cuarta parte das vacas leiteiras, desde 1.118.000 animais en produción a 844.000, a un ritmo dun 2% cada ano, mentres desde o 2015 o descenso ralentizouse e o ritmo actual na caída de cabezas é do 1,26% anual. Nos últimos 20 anos desapareceron unha de cada catro vacas de leite en España. Pola contra, as que hai dan moito máis leite. A produción por vaca e ano é hoxe 3.487 quilos superior ao que se lograba no 2001, cando de media as vacas de leite españolas producían só 5.495 quilos por lactación.

Á cabeza en produtividade

En conxunto, España é un dos países da Unión Europea onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%). Sen embargo, a caída acusada na cabana gandeira foi compensada cunha maior produtividade por vaca, que se incrementou neste tempo un 63,46%, dos maiores avances logrados en Europa. De feito, España atópase neste momento entre os países con maior produción de leite por cabeza: os 8.982 quilos por vaca e ano segundo os datos do 2018 que manexa a UE só son superados polos 9.851 quilos por lactación de Dinamarca, os 9.353 de Estonia e os 9.079 dos Países Baixos.
España foi dos países onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%) pero nos que máis se incrementou a produtividade por vaca (63,46%)
A media por vaca dos 27 países comunitarios é de 7.159 quilos por ano, con niveis superiores a esa cifra nos países do norte, do centro e do sur de Europa con maior grao de intensificación (Finlandia, Suecia, República Checa, Hungría, Alemaña, Bélxica, Austria, Italia, España e Portugal) e máis baixos en países que alimentan o gando en base a pastos, caso de Irlanda, ou en países do leste de Europa incorporados máis tarde á UE e nos que o desenvolvemento do sector produtor de leite non acadou aínda os niveis do resto da Unión, como por exemplo Polonia, Croacia, Bulgaria ou Romanía, que pechan o ránquing de produtividade por cabeza.
Maior grao de intensificación e produción por vaca non equivale a maior rendibilidade das explotacións
Con todo, maior grao de intensificación e produción por vaca non equivale a maior rendibilidade das explotacións, senón que países como Irlanda ou rexións de Portugal como as Azores, que alimentan o gando case exclusivamente en base ao pasto, logran maiores marxes na venda do leite ao conseguir custos de produción sensiblemente máis baixos aos de países con sistemas de produción máis dependentes dos concentrados. O estudo do Observato Lácteo europeo exclúe xa ao Reino Unido, que abandonou a UE no mes de marzo, tralo Brexit, e que era até entón o terceiro Estado con maior produción de leite da Unión Europea, con 15 millóns de toneladas, só por detrás de Alemaña, con 32 millóns, e Francia, con 24.

Francia, a excepción á evolución positiva

Explotación leiteira de Francia, onde a cabana gandeira se reduciu un 4,15% e a produción por vaca un 0,7% Dos principais países produtores de leite na UE, tan só a Francia semella que lle está a sentar mal a eliminación das cotas. Francia decidiu autolimitar a súa produción tralo fin das cotas lácteas, algo que o levou a perder peso no contexto europeo, e o oco que deixou aproveitouno Alemaña. Desde o ano 2015 a cabana gandeira francesa reduciuse un 4,15%, practicamente na mesma porcentaxe que no conxunto da Unión Europea (4,19%), pero mentres que a produtividade por animal se incrementou un 5,9% de media dos 27 países que forman o clube comunitario, na República Francesa a produción por vaca caeu un 0,7% neste tempo.
As vacas francesas e portuguesas deron menos litros de leite no 2018 que no 2015
As vacas francesas dan de media ao ano 7.049 quilos de leite, lixeiramente por debaixo da media comunitaria (7.159) pero o seu rendemento é hoxe menor que fai 5 anos, mentres o resto de principais produtores europeos foron incrementando a produción por cabeza desde o 2015, con melloras do 16,48% no caso de Italia, 15,29% nos Países Baixos, 9,09% en Bélxica, 5,81% en Alemaña, 5,23% en Dinamarca. Ao igual que en Francia, a evolución en Portugal tamén foi negativa desde o 2015, cunha caída de rendemento do 0,48%, desde os 7.450 quilos por vaca até os 7.414 en 2018.

Países Baixos, menos cabezas polas limitacións ambientais

Gandeiría en pastoreo con robot de muxido en Holanda, onde as limitacións ambientais reduciron a cabana un 7,4% No lado oposto destacan os incrementos de produtividade en Italia e Holanda, superiores ao 15%. Destaca sobre todo no caso dos Países Baixos, que contaba xa con niveis produtivos elevados pero que en 3 anos logrou que as súas vacas dean 1.204 quilos máis de leite, pasando de 7.875 a 9.079 quilos por lactación. Sen embargo, foi tamén neste periodo no que a produción das granxas holandesas se viu condicionada pola vía do establecemento de cotas de emisións de fosfatos, que obrigaron a unha redución importante no número de cabezas en moitas explotacións. Hóuboas que optaron por mercar dereitos de emisións a outras gandeirías ou mesmo por enviar a recría a Alemaña para que deste xeito as xovencas non computasen como cabezas da granxa, pero na maioría dos casos reduciron o número de animais compensando isto cun incremento na súa produtividade.
En Holanda hai hoxe 127.000 vacas menos dando leite que no 2015 e 234.000 xovencas e becerras de recría menos que fai 5 anos
A cabana gandeira holandesa ten hoxe 1.590.000 vacas dando leite, segundo os datos do 2019 publicados polo Observatorio Lácteo da UE no seu informe, un 7,4% menos que na última campaña de cotas lácteas; ás que hai que sumar 107.000 xovencas entre 1 e 2 anos, fronte ás 129.000 do 2015 e 395.000 xatas de menos de 1 ano, fronte ás 607.000 que había contabilizadas no 2015.

Irlanda e Polonia lideran o crecemento

Vacas leiteiras en pastoreo en Irlanda, que aumentou un 15% a súa cabana gandeira entre 2015 e 2019 Só cinco países da Unión Europea aproveitaron o final das cotas lácteas para aumentar tanto o número de cabezas de gando como a produción por vaca: Irlanda, Polonia, Bélxica, Luxemburgo e Chipre. No caso de Irlanda, o incremento na cabana gandeira foi dun 15% entre o ano 2015 e o 2019, pasando de 1.240.000 vacas leiteiras na última campaña de cotas ás 1.426.000 de hoxe. Se o comparamos con España, Irlanda tiña no ano 2003 un número de vacas leiteiras semellante (1.136.000 no caso irlandés e 1.118.000 no español) pero mentres en España a cifra de animais non deixou de descender desde entón até os 812.000 actuais, en Irlanda o número evolucionou en sentido contrario, medrando un 25,53% entre 2003 e 2019.
Irlanda e España partían dun número de animais produtores semellantes no ano 2003 pero mentres en España minguaron unha cuarta parte en Irlanda aumentaron nesa mesma proporción
De xeito parello ao aumento da cabana gandeira, Irlanda logrou tamén incrementar a produción por vaca un 2,46% desde o fin das cotas, desde os 5.327 quilos por vaca e ano no 2015 aos 5.720 tres campañas máis tarde. O aumento do número de vacas, unido a un sistema de produción vinculado ao pasto, está a xerar na actualidade problemas de contaminación por nitratos en Irlanda, onde se calcula que as emisións procedentes do sector agrogandeiro supoñen o 35% do total de gases de efecto invernadoiro do país.
Irlanda aumentou un 15% o rabaño de leite e un 2,5% a produción por cabeza entre o 2015 e o 2019 e Polonia un 1,5% o número de vacas e case un 6%% o leite que dan
En Polonia, o outro dos países emerxentes de Europa a nivel leiteiro, o aumento da cabana produtora foi moito menor que en Irlanda, pasando de 2.134.000 vacas a 2.167.000, pero a mellora na produtividade pasou dos 5.097 quilos do 2015 aos 5.399 en 2018, un incremento anual próximo ao 2%.

Camiñando cara a especialización produtiva na UE

O estudo da evolución da cabana gandeira en Europa nas últimas dúas décadas amosa claramente que o continente camiña cara a unha especialización na produción de leite dentro da UE, que se está a afianzar nos tradicionais países produtores (Alemaña, Francia, Países Baixos, Irlanda, España) e aos que se está a sumar Polonia, mentres o número de vacas leiteiras se reduce a un ritmo acelerado no resto de países.
Europa camiña cara a unha intensificación da produción nas rexións máis leiteiras e unha desaparición do sector no resto do territorio
Agás en España, Suecia, Polonia e Portugal (27,37%, 25,5%, 23,05% e 18,75% respectivamente), no resto de países con vocación para a produción de leite o descenso da cabana gandeira nos últimos 15 anos foi menor que na media da UE, situada no 14,15% de caída promedio. Os valores de Italia (13,83%), Francia (13,41%), Alemaña (7,51%), Austria (6,09%), Bélxica (5,94%) e Dinamarca (4,41%) situáronse por baixo da media europea e mesmo houbo dous países, Países Baixos e Irlanda, onde o balance 2003-2019 en canto á evolución da cabana gandeira é positivo, con incrementos do 2,51% no caso holandés do 25,53% no irlandés. Evolución do número de cabezas Datos por 1.000 vacas No conxunto dos 27 países da Unión Europea hai hoxe 20,5 millóns de vacas dando leite, con Alemaña, primeiro produtor de leite da UE e que aproveitou o periodo post-cotas para afianzar o seu liderado, á cabeza, cun rabaño de 4 millóns de vacas. Francia (3,4 millóns), Polonia (2,1), Italia (1,6), Países Baixos (1,5), Irlanda (1,4) e Romanía (1,1) están tamén por enriba do millón de vacas leiteiras. España superaba esa cifra fai 15 anos (1.118.000 cabezas no ano 2003) pero a día de hoxe está nas 812.000 vacas.
Desde o ano 2003 o número de vacas de leite só aumentou en Irlanda e Países Baixos, mentres en España, Suecia, Polonia e Portugal foi onde se deron os maiores descensos
De feito, España foi dos países onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%), só superada por países do leste de Europa: Croacia (46,94%), Lituania (46,21%), Eslovaquia (41,12%), Bulgaria (37,29%), Grecia (36,24%) e Romanía (29,18%). Todos, agás Romanía, que ten 1.131.000 vacas leiteiras, contan con moita menor vocación láctea e número de cabezas produtoras ca España. Evolución da produtividade Datos en quilos de leite por vaca e ano Pero é precisamente neses países onde máis caeu a cabana gandeira nos que tamén máis se incrementou a produtividade por vaca. No caso de España esa mellora foi do 63,46% desde o 2001. Destaca tamén o incremento logrado polas repúblicas exsoviéticas do Báltico, Estonia, Letonia e Lituania (75,84%, 67,70% e 57,33% respectivamente), así como en Eslovenia (72,07%), Croacia (71,99%) e República Checa (69,15%). Grecia (52,37%), Italia (45,83%) e Bélxica (43,76%) tamén están por enriba da mellora media do conxunto da UE (32,33%).
Nos últimos 20 anos España mellorou un 63% a produción por vaca, Italia un 45%, Dinamarca un 35%, Alemaña un 28%, Holanda un 24%, Irlanda un 22% e Francia un 19%
Aínda con variacións, esa mesma tendencia positiva tamén se deu no resto de países, aínda que cunha evolución máis contida en países como Francia, Holanda ou Irlanda, cunha produción de leite máis vinculada a territorio e á produción local de forraxes. Nos últimos 20 anos Dinamarca mellorou a súa produción por vaca un 35%, Alemaña un 28%, Holanda un 24%, Irlanda un 22% e Francia un 19%.

“A produción de leite en Irlanda está a medrar a un ritmo dun 10% anual”

A República de Irlanda é o Estado da Unión Europea que máis aumentou a súa produción de leite desde o final do sistema de cotas lácteas na UE, pasando dos 5 millóns de toneladas en 2015 aos case 8 millóns da actualidade. James Humphreys é investigador do Teagasc e revélanos cales son as claves do éxito do despegue irlandés. – Igual que pasou durante tres décadas en Galicia, o sistema de cotas vixente na UE até o 2015 tamén limitou durante anos o potencial leiteiro de Irlanda. Pero o Goberno irlandés preparou un plan para o escenario post-cotas que está dando os seus froitos.   – O sector leiteiro está evolucionando moi ben nos últimos anos en Irlanda. Houbo unha gran expansión da produción láctea no país desde o fin das cotas, cun incremento do 10% anual nos últimos 5 anos. No ano 2015 fixámonos como obxectivo un incremento do 50% e hoxe xa estamos por enriba desa porcentaxe acumulada de crecemento e penso que vai continuar. – Efectivamente, Irlanda foi o país da UE que máis incrementou a produción de leite tralo fin das cotas lácteas, cun aumento do 57%. Como se logra isto? – Penso que había capacidade para iso. Irlanda realmente tiña asignada unha cantidade baixa, 5 millóns de toneladas de cota láctea, para unha cantidade de terra moi importante. Comparado con países como Holanda, Bélxica ou mesmo o Reino Unido, onde os norirlandeses mercaban cota láctea para poder producir, realmente a presión sobre o terreo era moi baixa. – Cal é o límite? Até onde pode seguir aumentando a produción de leite ou cal pode ser a capacidade máxima de produción de Irlanda? – Un dos riscos para seguir aumentando a produción é o medio ambiente e as limitacións aos gases de efecto invernadoiro porque en Irlanda temos unha poboación pequena de humanos pero unha gran poboación de animais e o aumento no número de vacas de leite o que fai é aumentar tamén as emisións de gases de efecto invernadoiro, así que ese é o gran desafío para a produción de leite en Irlanda. O pasto é a base da alimentación do gando en Irlanda e supón entre o 60 e o 70% da dieta das vacas leiteiras – Na estratexia levada a cabo nos últimos anos participaron de xeito coordinado o Goberno, as industrias, os gandeiros e o Teagasc.  – O Teagasc é a entidade estatal responsable da investigación, a formación e os servizos de asesoramento aos gandeiros e traballa man a man cos produtores de leite e hai outro factor que influiu para incrementar a produción nestes últimos anos e é o feito de que en Irlanda o 90% do procesado do leite pertence a cooperativas. Estas empresas fixeron investimentos para aumentar a capacidade industrial de procesado de leite e iso deu seguridade aos gandeiros e garantías para poder incrementar tamén eles a produción de leite.
En Irlanda o 90% do procesado pertence a cooperativas, que fixeron investimentos para aumentar a súa capacidade industrial e iso deu seguridade aos gandeiros e garantías para poder incrementar tamén eles a produción
Pero para iso foi necesario facer investimentos tanto no procesado como nas explotacións. O Goberno irlandés apoiou todas estas decisións e medidas porque cada novo litro de leite producido tiña como destino a exportación, xa que o mercado interno é pequeno e non tiña capacidade para absorber máis produción. Realmente nós temos un sistema de producir leite moi barato e producimos a prezos moi competitivos que nos permite exportar e competir no mercado exterior. – Fala vostede desa capacidade que ten Irlanda para producir leite barato, o que permite exportar, pero tamén aos gandeiros obter marxes duns 15 céntimos en litro. O sistema de produción irlandés está baseado precisamente niso, na redución de custos de produción mediante o aproveitamento do pasto. Desaproveitamos o pasto en Galicia? – Seguramente. O noso sistema, baseado case exclusivamente no pastoreo, permite obter un leite de gran calidade a uns custos de produción moi baixos. O custo por litro é duns 28 céntimos e o prezo de venda en orixe nos últimos anos estivo entre 34 e 40 céntimos, ao que hai que sumar as axudas da PAC e outros ingresos, así que a marxe é de case a metade. O ingreso neto familiar nos últimos anos foi de 70.000 euros por familia ao ano e eses beneficios lógranse con tan só 500.000 litros de produción media por granxa.
O ingreso neto familiar nos últimos anos foi de 70.000 euros por familia ao ano e eses beneficios lógranse con tan só 500.000 litros de produción media por granxa grazas ás marxes que se obteñen de alimentar o gando case exclusivamente con pasto
Imaxe de Kerry Group con destino ao mercado asiático. A vocación da industria láctea en Irlanda é exportadora – Un dos destinos máis importantes para o leite irlandés sempre foi o Reino Unido. Pode verse ese protagonismo exportador prexudicado tralo Brexit? – É certo que o 90% do leite irlandés destínase á exportación, co Reino Unido como o seu principal mercado, polo que o Brexit tamén abre grandes incertidumes neste país. Sen embargo, a industria láctea irlandesa está abrindo novos mercados e o incremento de máis de 2,5 millóns de toneladas producido desde o fin das cotas no 2015 foi absorbido fundamentalmente polos envíos fóra da UE, sobre todo a EEUU, Oriente Medio e Asia, mentres as exportacións ao país veciño de leite e produtos lácteos mantivéronse practicamente nas mesmas cifras, sen case variacións.
O 90% do leite irlandés destínase á exportación, co Reino Unido como principal mercado, pero estanse abrindo novos mercados sobre todo en EEUU, Oriente Medio e Asia para absorber o incremento de produción
Outro gran reto tralo Brexit é ao que se enfrontan as cooperativas irlandesas, que operan aos dous lados da fronteira, tanto na República de Irlanda como en Irlanda do Norte, onde tamén recollen leite que logo é transportado e transformado maioritariamente en fábricas de Irlanda, polo que se como consecuencia do Brexit se produce unha alteración do mercado os gandeiros de Irlanda do Norte poderían verse moi afectados e ter serios problemas porque non teñen realmente unha alternativa para dar saída ao seu leite.

"Nos próximos anos non vai estar permitido en Irlanda utilizar urea como fertilizante"

Irlanda incrementou nun 50% a súa cabana gandeira de produción de leite desde o ano 2015 O pasto supón entre o 60 e o 70% da dieta diaria das vacas en Irlanda, un país que incrementou nun 50% a súa cabana gandeira de produción de leite desde o ano 2015. Pero este feito, que provocou un aumento espectacular da produción leiteira, está a xerar tamén importantes problemas de contaminación. O 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro de Irlanda proveñen da agricultura e a gandeiría. A maior parte delas débense ao metano (un gas máis potente que o CO2 na destrución da capa de ozono aínda que o dióxido de carbono sexa moito máis persistente na atmósfera) e ao nitróxeno (que supón un factor importante na emisión de amoniaco).
En Irlanda o 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro proveñen da agricultura e a gandeiría, unha porcentaxe que mesmo se está a incrementar porque a cabana gandeira está aumentando moito
James Humphreys é especialista en emisións e ciclo de nitróxeno, un campo no que o Teagasc está a traballar intensamente para lograr unha produción de leite máis eficiente e respectuosa medioambientalmente, unha preocupación crecente tanto das autoridades do país como da sociedade no seu conxunto. – O Plan de Acción Climática do Goberno irlandés establece como obxectivo reducir as emisións da agricultura e a gandeiría. É factible reducir esas emisións entre un 10 e un 15% en 2030, tal como pretende o Goberno irlandés? – A metade dos gases de efecto invernadoiro son metano relacionado coas emisións producidas polas vacas, outro 40% é óxido nitroso procedente dos puríns e a fertilización química do solo e o 10% restante é dióxido de carbono vinculado á combustión (vehículos, transportes, etc).
As accións van dirixidas a reducir a fertilización química con nitróxeno nas pradeiras porque para o metano non hai solucións reais a día de hoxe e as que hai, mediante suplementos alimenticios na dieta que permiten reducir a fauna microbiana do rumen, son moi difíciles de aplicar con vacas en pastoreo
O metano é difícil reducilo, hai pouca marxe de acción neste eido, polo que o noso principal foco de atención será reducir o óxido nitroso e aí é onde imos actuar principalmente. As accións van ir dirixidas a iso fundamentalmente, a diminuir o nitróxeno, porque para o metano non hai solucións reais a día de hoxe e as que hai, mediante suplementos alimenticios na dieta que permiten reducir a fauna microbiana do rumen, son moi difíciles de aplicar con vacas en pastoreo. – E como se pode logo mellorar esa eficiencia produtiva das granxas leiteiras nas condicións irlandesas? – O nitróxeno é un factor moi importante na emisión de amoniaco tanto polo óxido nitroso que se emite como polo lixiviado de nitróxeno que se produce. En Irlanda, igual de en Galicia, o 97 ou 98% do amonio vén das actividades agrícolas. Por iso en Irlanda temos un programa forte para a redución da utilización de nitróxeno amoniacal nas pradeiras. Táboa comparativa da situación do sector leiteiro en Galicia e Irlanda na campaña 2014/2015, último exercicio do sistema de cotas. Desde entón a produción en Irlanda tense disparado un 57% Nós, en comparación con outros países empregamos unha cantidade moi alta de nitróxeno ao ter un sistema de produción láctea baseado na produción de herba e para conseguir unha cantidade de produción parecida á que se consegue co millo necesitamos usar o dobre de nitróxeno.
En comparación con outros países empregamos unha cantidade moi alta de nitróxeno. Para lograr con herba unha produción parecida á que se consegue co millo necesitamos usar o dobre de nitróxeno
As solucións son en primeiro lugar unha mellor utilización do xurro, aplicado como fertilizante nas pradeiras usando para iso inxectores, para substituir abonos químicos por orgánicos. Nos próximos anos non vai estar permitido en Irlanda utilizar urea como fertilizante. A urea é un dos abonos químicos máis concentrados en nitróxeno (46%) e normalmente o máis económico do mercado, pero xenera unha alta concentración de amonio no seu proceso de hidrólise. Os gandeiros están sobre aviso e deberán utilizar urea protexida, de baixa emisión.
As solucións pasan por substituir abonos químicos por orgánicos e empregar máis leguminosas para reducir as necesidades de óxido nitroso nas parcelas
E finalmente, é preciso empregar máis leguminosas, en concreto especies como o trevo branco. Usando leguminosas como trevo branco redúcese de xeito importante o óxido nitroso porque déixase de usar óxido nitroso de orixe química nas parcelas. Este é o reto. O doado é usar Nitramón pero hai que cambiar o chip. A mentalidade dos gandeiros cambiou e están moito máis predispostos agora que fai 15 anos para facer ese cambio, porque hai moitas noticias negativas nos medios de comunicación e hai presión da sociedade neste sentido. – Esa presión social da que fala dase mesmo nun país coma Irlanda onde a gandeiría goza dunha grande valoración por parte da poboación? – Si, pero Irlanda está cambiando. Na miña xeración, teño 52 anos, todo o mundo tiña conexión co campo pero nas xeracións actuais esta estreita relación co rural non se dá. Irlanda é un caso peculiar, porque o 35% das emisións de gases de efecto invernadoiro proveñen da agricultura e a gandeiría e mesmo se está incrementando esa porcentaxe porque se está incrementando a produción de leite e a cabana gandeira.

“Os establos en Irlanda do Norte son máis funcionais, mellor ventilados e menos custosos que en Galicia”

Roberto Vázquez Fernández é un veterinario galego que leva uns 4 meses traballando en ganderías de vacún en Irlanda do Norte, unha das principais rexións produtoras de leite do Reino Unido. Cóntanos como vé a realidade das ganderías norirlandesas e tamén da profesión de veterinario. Como xurdiu o teu interese pola veterinaria e que te levou a traballar en Irlanda do Norte? O de virme traballar aquí xurdíu un pouco por casualidade: é algo que antes ou despois creo que ía acabar facendo. Hai catro anos estiven de Erasmus Prácticas nunha granxa en Cork ( que pertence á República de Irlanda), alí tratáronme moi ben e dende que voltei sempre tiven como opción marchar para alí. O certo é que tiven sorte porque dende que rematei fun tendo traballo en Galicia, sobre todo ligado a IXPs. Este outubro rematei na campaña de saneamento e mandei o curriculum a una empresa de recrutadores en Reino Unido para ir sanear e tamén me ofreceron ir probar facendo clínica de grandes animais en Irlanda do Norte. O ter coñecido Irlanda pareceume unha boa oportunidade para voltar a un sitio que me gusta, aumentar o meu nivel de inglés, gañar experiencia como veterinario clínico, xa que tiña traballado noutras áreas, e por suposto gañar cartos xa que aquí as condicións que se ofrecen ós veterinarios son mellores; de feito, unha gran cantidade de veterinarios da miña promoción emigrou. O interese pola veterinaria no meu caso foi un pouco porque foi o que vin na miña casa toda a vida: meus pais son veterinarios e o meu irmán estaba a estudar en Lugo o mesmo, así que con 18 anos escollín iso. Se cadra hoxe non o faría, xa que dende que comecei a estudar ata agora o emprego para os veterinarios en Galicia precarizouse bastante, sobre todo para a xente nova. Que máis te está a sorprender de como traballan as ganderías nesta rexión do Reino Unido? A diferenza que hai coa República de Irlanda, que eu pensaba que ía ser menor. En Irlanda do Norte o sistema é moito máis intensivo, mentres que por exemplo en Cork o sistema predominante en vacún de leite é en base a pasto. Nos condados onde traballamos (principalmente Tyrone e Derry) a maior parte das granxas son intensivas e mesmo chegan ata as 700 cabezas. Así eu vía na República de Irlanda que ao ter uns custos de produción menores e un mellor prezo do leite un gandeiro podía vivir ben cunha explotación familiar de pouco máis de 100 vacas en muxidura, mentres que aquí  para vivir ben precisan moitas máis vacas, contratar empregados, etcétera.
 “En Irlanda do Norte é bastante común que as granxas de leite diversifiquen con vacún de carne, porcino ou avícola”
Tamén como punto positivo chámame a atención que moitas granxas diversifican a súa actividade. Así, é bastante común que teñan un lote de vacas de leite e outro de vacas de carne, ovellas, ou mesmo que tamén se adiquen ó sector avícola e porcino. No gando de carne a maior diferencia é que aquí non se come carne de tenreira, polo que se matan animais arredor dos 24 meses, e isto obriga tamén a facer castracións e descornados  sistemáticos En resumo, creo que o Norte seguíu unha tendencia parecida á nosa e que vai contra a corrente Eeuropea, o sector intensificouse mentres na maior parte de Europa e na República de Irlanda se apostou polo pastoreo. Como se prevé que afecte finalmente o Brexit aos gandeiros norirlandeses? Irlanda do norte votou maioritariamente quedarse na UE no referendum polo Brexit, aquí a sociedade tamén está claramente dividida entre os unionistas británicos e os nacionalistas irlandeses e isto tradúcese en dúas opinións moi diferentes. Por unha banda, a xente unionista ten a esperanza de que Irlanda do Norte poida seguir comerciando cun rexime especial dentro do Reino Unido coa UE ou polo menos coa República de Irlanda, tendo así un libre comercio tanto coa Comonwealth como coa UE, e de materializarse o tratado de libre comercio tamén cos Estados Unidos. Isto eu véxoo bastante improbable, xa que sería un agravio comparativo co resto de rexións de Reino Unido e tamén para a  UE sería moi dificil de aceptar. Por outra banda, o tratado comercial con Estados Unidos mudaría completamente o sector lácteo norirlandés, que tería que adaptarse á lexislación americana se quixese competir cun sistema no que se utilizan prácticas prohibidas na UE. Pola banda dos proirlandeses o futuro pasaría por continuar na UE reunificando Irlanda mediante un referéndum. O que se percibe nas dúas posicións é que ningún quere ter unha fronteira dura outra vez e menos voltar ós tempos nos que a rexión estaba militarizada A nivel sanitario, como valorarías o estado da súa cabana gandeira? Que podemos aprender do sector gandeiro norirlandés? Neste tema non creo que teñan un estatus sanitario moito mellor, se cadra están máis concienciados en vacinar para IBR e BVD, por exemplo. Pero no Reino Unido o sistema de control de tuberculose está a ser un fracaso, e isto demóstrase con cifras que en Galicia fixemos as cousas mellor. Así, en Irlanda do Norte o saneamento faise por parte das propias clínicas veterinarias, polo que se poden dar conflictos de interese. A proba é comparada existindo máis falsos negativos e as pistolas de intradermotuberculinización e calibres que se deben usar por lei na miña opinión  son menos precisos. Mentres en Galicia estamos a piques de declararnos libres, aquí teñen unha prevalencia segundo as últimas estatísticas do 9.89 %, cifras próximas ás que tiñamos en Galicia hai 25 anos, cando agora  estamos por baixo do 0,02%. Aquí de feito os animais si que se atopan con lesións no matadeiro, xa que existen vacas cun estado avanzado da enfermidade. Debémonos concienciar de que a tuberculose é un perigo tanto para o gando como para os humanos, é unha zoonose. Hai unhas semanas por exemplo estiven nunha granxa onde unha rapaza duns 20 anos nos contou que collera tuberculose das vacas o ano pasado e que inda non se recuperara, de feito notábaselle no aspecto.
 “O estatus sanitario da cabana gandeira galega é moi superior ao da de Irlanda do Norte”
A min tamén me resulta raro que en todo o Reino Unido e Irlanda se está a considerar practicamente como único problema a fauna silvestre, en concreto o porco teixo. Eu sempre lles digo que en Galicia temos porcos teixos, xabaríns, corzos... máis especies que son reservorios e estamos no camiño de erradicar a enfermidade. Se ben creo que o estar o porco teixo no topo da pirámide trófica irlandesa e ao non ter depredadores naturais como o lobo e a águia se cadra os animais infectados sobreviven máis. De feito hai estudos que conclúen que o lobo pode xogar un papel na loita contra a tuberculose silvestre. Como traballan os veterinarios en Irlanda do Norte? Existe o mesmo sistema de ADS? Aquí non funciona un sistema de ADS como tal, o gandeiro contrata o servizo directamente coa clínica. Así nós por exemplo tomamos mostras de sangue cando o gandeiro o precisa, pero non existen xestionadas polos gandeiros. Cal é a situación alí da profesión de veterinario a nivel sociolaboral ? A nivel económico a situación da profesión é moito mellor que na Península Ibérica. Creo que tamén é moito máis respectada, en Irlanda valórase máis o noso traballo e creo que tamén os veterinarios fan porque se valore. Aquí teñen unha falta de veterinarios, de feito na miña empresa traballo eu, varios belgas, holandeses, eslovacos...Sen embargo, si que se ve que tamén hai unha emigración dos veterinarios irlandeses novos a outros paises máis atractivos económicamente para eles como Australia ou Nova Zelanda, xogando tamén as ganas de aventura e búsqueda de mellor tempo.
 “En Irlanda do Norte hai moito máis relevo xeneracional nas granxas que en Galicia”
Da túa experiencia laboral, como percibes o ánimo nos gandeiros neste momento? Séntense ben valorados e hai relevo xeneracional? Relevo xeracional hai moito máis que en Galicia, só hai que ver as granxas e ver que a xente nova é a que está traballando. En canto ao ánimo si que os gandeiros se senten pouco valorados pola sociedade, aquí os prezos tamén son máis baixos do que deberían, e pásalles parecido a nós, sendo grandes produtores no Reino Unido son os que peor se lles paga o leite, e iso non é xusto. Cos gandeiros de carne pasa o mesmo e aínda por riba, queden ou non na UE, cos acordos co Mercosur e Estados Unidos van ter que competir no mercado internacional de carne de anello ( beef). Isto en Galicia non nos afecta tanto ó ser consumidores de tenreira. En canto á administración, e a súa función de control sanitario. Que diferencias atopas con respecto a Galicia? Para comezar a facilidade para entrar: mentres que pola falta de bos traballos tódolos veterinarios en España queren entrar na administración, aquí polo que teño entendido hai máis oportunidades para entrar no DAERA, o equivalente á Consellería de Medio Rural de Galicia. Na función de control teño coincidido nalgunha explotación con funcionarios e fan traballos semellantes, pero tamén outros proxectos moi interesantes como pode ser o programa de vacinación de porcos teixos para o control da tuberculose. Como funciona o sistema de seguros gandeiros e de recollida de animais mortos? Que parte paga o produtor? Non é un tema no que ande moi posto, pero polo que teño entendido é pagado integramente polo produtor e xestionado por empresas de xestión de residuos privados. Así mesmo, non é habitual que un gandeiro asegure os animais, só en caso de animais de moi alto valor económico. Que cambios observas neste momento no sector e como crés que evolucionará no futuro? No sector veterinario existe unha tendencia a que as clínicas pertenzan a grandes grupos, a miña empresa por exemplo xa é unha das máis grandes de Irlanda do Norte, tendo en plantilla uns 30 veterinarios de grandes animais. Agora acaba de mercar a clínica outro grupo máis grande do Reino Unido.
“Aquí os veterinarios están mellor pagados e as clínicas tenden a pertencer a grandes grupos”
No sector gandeiro creo que a tendencia é semellante, tendendo a explotacións máis grandes, concentrando as vacas nun menor número de explotacións. Tamén existe unha tendencia a implementar sistemas robotizados, o cal vexo moi interesante, especialmente os robots de muxido e de limpeza. Cales son as leccións que estás a tirar da túa experiencia en Irlanda do Norte? Que medidas poderían ser aplicadas no sector lácteo galego  e cales son os erros que crees que non deberíamos repetir en Galicia? Aquí estou a ver moitos casos clínicos interesantes, o que como experiencia laboral é moi interesante, se ben moitas patoloxías son derivadas dun mal manexo, por exemplo, que operemos tantos desprazamentos de abomaso é sinal dun mal manexo nutricional. Como lección a aprender creo que aquí se fai un mellor manexo da recría, e as naves son máis funcionais, se cadra hai menos formigón, o que abarata custos, pero os teitos son altos e a ventilación en xeral é mellor que nas explotacións galegas, tendo en conta que o clima é máis frío. Creo que deberiamos copiar os seus tipos de naves.
“Os establos en Irlanda do Norte son máis funcionais, mellor ventilados e menos custosos que en Galicia”
Aquí tamén se consume todo o leite pasteurizado, e como consumidores creo que debemos apostar por este produto, xa que esixe unha maior calidade do leite que o UHT e polo tanto a industria lle teña que mercar o leite a máis prezo ó produtor. Os erros tamén creo que veñen por parte do consumidor, xa que en Irlanda do Norte o consumidor en xeral descoñece as IXPs e selos de calidade. Para min un consumidor que non esixe unha calidade de produto repercute nunha peor produción. Por poñer un exemplo, eu se merco un filete de Ternera Gallega Suprema sei que ese animal levou unha alimentación concreta e que estou a apoiar un sistema de gandería tradicional. En Irlanda do Norte polo que teño atopado nas carnicerías e supermercados nada me ofrece algo semellante. Paréceme tamén que hai menos comercio de proximidade na produción animal e todo vai ligado a grandes empresas nun modelo moi industrial e pouco sostible, non ves queixerías tradicionais por exemplo. Cales son os teus proxectos a nivel laboral? A verdade e que agora quero estar aquí unha tempada, pero nun futuro gustaríame voltar se tivese algunha oportunidade interesante en Galicia. Cando estás lonxe da casa comezas a botar cousas de menos que antes dabas por normais, ser é unha magoa que tanta xente da miña xeración remate marchando.

“Unha gandería é sustentable se produce leite a baixo custo”

A rexión autónoma de Irlanda do Norte é un referente do que é un sector lácteo sustentable e rendible: nos seus apenas 14.000 kilómetros cadrados, as 3.500 granxas de vacún de leite coas que contan producen algo máis de 2,3 millóns de toneladas, algo menos que Galicia pero coa metade do territorio e de explotacións. Neste sentido, o pasado mes de setembro un grupo de gandeiros deste territorio do Reino Unido visitou Galicia para coñecer o seu sector lácteo. A visita foi organizada e guiada por Alan Agnew, axente de extensión agraria especializado en vacún de leite do DAERA, o Departamento de Agricultura de Irlanda do Norte. Falamos con el sobre a situación do sector gandeiro no Ulster e cales foron as súas impresións da visita ás granxas galegas. En que consiste o teu traballo no Department of Agriculture, Environment and Rural Affairs (DAERA) ? Son traballador do servizo de extensión agraria para gandería de vacún de leite. O DAERA un centro público, dependente do goberno autónomo de Irlanda do Norte, en concreto do Departamento de Agricultura. O departamento de Agricultura conta con 3.000 empregados e o servizo de extensión agraria e gandeira está formado por unhas 200 persoas, fundamentalmente técnicos que asesoramos de forma gratuíta e independente aos gandeiros e agricultorres. Contamos cun orzamento público duns 20 millóns de euros. Que importancia ten a gandería de vacún de leite en Irlanda do Norte? Temos arredor de 22.000 propietarios de terras agrícolas e 15.000 gandeiros e agricultores activos, que tamén alugan terreo aos propietarios. No sector lácteo hai unas 3.500 ganderías de vacún de leite activas, e unhas 350.000 vacas que producen 2,3 millóns de toneladas, cunha media de 7.000 litros por vaca e ano. Como é a granxa media de vacún de leite? O sistema de manexo tradicional é de pastoreo pero nos últimos anos foi cambiando cara máis vacas estabuladas e alimentadas con ración unifeed que chegan aos 11.000 litros, aínda que a maior parte dos gandeiros seguen facendo pastoreo. Temos unha estación de verán moi curta pero un clima que favorece o crecemento do pasto, polo que dende comezos de maio ata o fin de setembro están no prado. A base da alimentación do gando é o pastoreo e o silo de herba. Cultivar millo para forraxe é moi caro, pois hai que facelo baixo plástico e os rendementos das colleitas son bastante irregulares. Na República de Irlanda un dos factores que limitan o crecemento da gandería é o exceso de nitratos no solo. Tedes este mesmo problema en Irlanda do Norte? Temos un problema de exceso de nitratos de orixe gandeira, ao igual que na República de Irlanda, polo que Irlanda do Norte está declarada Zona Vulnerable por contaminación por nitratos. Por tanto, temos unha regulamentación moi estricta sobre aplicación de xurros. Así, as fosas de xurro deben ter capacidade de almacenamento para un mínimo de 22 semanas e non se poden aplicar xurro nos campos a partir do 15 de outubro e ata comezos de febreiro. Hai limitacións tamén no tipo de fosas de purín para evitar fugas, tamén está moi regulado o tipo de fertilización química que se pode aplicar. Que tipo de abono químico se sole empregar para fertilizar as pradeiras? Principalmente emprégase urea e nitrato amónico cálcico, pois non podemos empregar nitrato amónico. Tamén se empezan a empregar fertilizantes enriquecidos con micronutrientes, como o selenio, aínda que o máis común é compensar estas deficiencias administrándoo directamente ao gando selenio ou iodo. Sen embargo, temos problemas coas emisións de amoníaco á atmósfera, polo que probablemente para este ano tamén haberá novas limitacións neste sentido en canto ao tipo de fertilizantes de síntese e a súa aplicación. Cales son as principais industrias lácteas que operan en Irlanda do Norte? A principal e unha cooperativa, DEAL Farm, procesa case o 50% do leite de Irlanda do Norte. Logo hai tamén outras cooperativas e empresas da República de Irlanda, como Lakeland Dairies, que mercan leite aquí e neste sentido o Brexit será un problema. En canto aos prezos, a carne dos becerros está neste momento nunha media de 3,3 euros o kilo e o prezo base do leite é duns 0,28 euros o litro, máis calidades e primas. En canto aos sólidos a media é de 3,9% de graxa e de 3,2% de proteína. A que se destina o leite que se produce no Ulster ou Irlanda do Norte? En Inglaterra e Gales o 50% do leite destínase a ser envasado como leite líquido, a maior parte leite fresco pasteurizado, pero en Irlanda do Norte esa porcentaxe é de só o 15%, e todo o resto vai para a elaboración de queixo, manteiga, leite en pó...etc. Que opinións percibes entre os gandeiros sobre como lles afectará o Brexit? Non está nada claro aínda como vai ser o futuro para os gandeiros de Irlanda do Norte, onde o gran problema que teñen é que algo máis de 800.000 toneladas de leite que se producen envíanse a transformar en industrias lácteas da República de Irlanda, e se se restrinxe o libre comercio e volve haber fronteiras e aranceis sería moi negativo. En canto á carne non habería tanto problema, pois a maior parte da carne de vacún destínase ao mercado de Inglaterra. E ao contrario, se hai barreiras á entrada de carne da República de Irlanda, incluso podería ser positivo para os nosos gandeiros. Onde hai tamén unha situación problemática é na gandería de ovino, pois ata o 50% dos cordeiros de Irlanda do Norte son enviados a sacrificar e son comprados na República de Irlanda. Durante a campaña do Brexit moitos gandeiros votaron a favor co argumento de que deste xeito, poderían producir eles todo o leite e o resto de alimentos que se importan do resto da Unión Europea e ser autosuficientes. Como valoras este argumento? En teoría sería positivo, pois o Reino Unido é un importador neto de alimentos da Unión Europea, polo que os nosos agricultores e gandeiros poderían incrementar notablemente a produción para satisfacer esa demanda interna. Sen embargo, xa se empezan a asinar acordos comerciais con Estados Unidos e con outros países, que acabarán enviando os seus produtos agrícolas e gandeiros a menor prezo, e sen que os nosos produtores conten coas axudas da PAC. É un momento de moita incerteza sobre que vai pasar e se vai ser positivo ou non para os nosos agricultores e gandeiros. Que opinión levas do sector lácteo galego tras a túa visita? Sorprendeume o intensiva que é a produción de leite en Galicia, cun sistema de produción con vacas estabuladas e alimentadas con carro unifeed moi produtivista. É un sistema moi similar ao das granxas intensivas de Irlanda do Norte ou do resto de Europa. Neste sentido, cales serían para ti as claves para que unha granxa sexa competitiva? Controlar os costes de produción e reducilos o máximo posible e mercar tecnoloxía e maquinaria soamente se reduce os costes de produción. En xeral o sistema de pastoreo, se as condicións climáticas son boas, é máis competitivo que o sistema de produción estabulada. Como conclusión, diría que a clave é que a granxa sexa sustentable e que, ademáis de gañar diñeiro en momentos de bos prezos do leite, sexa capaz de seguir sendo rendible cando baixan. E para iso hai que ir a sistemas de produción de baixo coste a alto marxen por litro de leite.

Na procura dunha etiqueta de eficiencia para as granxas de leite europeas

Algúns dos expertos europeos reunidos esta semana en Galicia A palabra eficiencia está relacionada coa utilización da enerxía en ámbitos diversos. Intimamente ligada coa protección do medio ambiente, pero tamén coa rendabilidade económica, é un concepto comunmente empregado en numerosos sectores e bens de consumo habituais. Aplicado á produción láctea, é un dos aspectos a ter en conta para a viabilidade de moitas explotacións nos vindeiros anos. Por iso, a mellora da eficiencia produtiva é o obxectivo central dun proxecto europeo que, baixo o nome Dairy for future, busca establecer unha folla de ruta para avanzar nunha produción láctea sustentable desde o punto de vista económico, social e ambiental. Trátase dun proxecto conxunto no que participan 10 rexións pertencentes a 5 países distintos da UE que comparten a fachada atlántica de Europa e que está a servir para poñer en contacto a investigadores e gandeiros galegos con homólogos seus doutras zonas produtoras.
O proxecto europeo Dairy for future busca establecer un etiquetado específico do leite que procede de granxas con prácticas eficientes dende o punto de vista tanto económico e produtivo como medioambiental
O obxectivo final desta iniciativa, na que colaboran entidades científicas e explotacións de Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e España (de País Vasco e Galicia) será chegar a establecer un etiquetado que tanto en granxas como en produtos identifique aquelas prácticas máis eficientes desde o punto de vista da utilización de recursos e a preservación do medio ambiente. O proxecto está coordinado polo Institut de l´Élevage (IDELE) de Francia. Galicia participa a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). A nosa comunidade foi a anfitriona esta semana dunha das reunións periódicas que manteñen os distintos membros. Durante dúas sesións, celebradas o mércores e o xoves, os integrantes das delegacións dos distintos países analizaron en Lugo a situación do sector lácteo nas súas respectivas rexións, poñendo en común tanto aspectos compartidos e problemáticas comúns ás que se enfrontan as gandeirías dos distintos países como aquelas características específicas e diferenzas existentes na produción de leite das distintas rexións.
O obxectivo final é lograr un método que permita reducir un 10% os custos de produción e un 20% a pegada de carbono das gandeirías
O máximo responsable de Dairy for future a nivel europeo é André Legall, do IDELE, quen explicou que o obxectivo final do proxecto é acadar un método efectivo para que as explotacións do eixo atlántico europeo poidan mellorar a súa eficiencia produtiva nun 10%, mediante unha redución dos custos de produción e a implementación de sistemas innovadores de produción, e reduzan ao mesmo tempo nun 20% a súa pegada de carbono. Mellor aproveitamento dos recursos = menos contaminación O proxecto está coordinado en Galicia por César Resch Zafra, investigador da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, quen aclara que esa etiqueta de eficiencia das explotacións leiteiras sería un mecanismo sinxelo semellante a etiqueta de eficiencia que aparece actualmente nos electrodomésticos ou a clasificación das vivendas en función do seu certificado de eficiencia enerxética, de maneira que, do mesmo xeito, as explotacións da categoría A terían, por exemplo, unha alta viabilidade económica, social e medioambiental. "Trátase de simplificar a categorización das granxas segundo o seu funcionamento e maneira de traballar á marxe da calidade do leite, aínda que é un aspecto que tamén vai relacionado", aclara. Este indicador do grado de eficiencia tamén sería unha ferramenta útil para as industrias.
Todo o que é contaminación non se usa no ciclo produtivo, polo tanto, se reducimos a contaminación estamos aproveitando máis os recursos e sendo máis eficientes na produción
Para clasificar as gandeirías segundo este criterio analizaríase a utilización de recursos que fan a través da cuantificación das emisións de CO2 que, xunto cunha análise económica, derivaría nunha tipificación de explotacións en función da súa eficiencia. "Medimos todo o que entra (forraxes, concentrado, nitróxeno en forma de abono) e todo o que sae (produción e calidade de leite) para medir e cuantificar o conxunto do sistema produtivo dunha granxa", explica César, quen explica que contaminación e eficiencia produtiva están relacionados: "todo o que é contaminación non se usa no ciclo produtivo, polo tanto, se reducimos a contaminación estamos aproveitando máis os recursos e sendo máis eficientes", di. Análise comparativa dos distintos sistemas de alimentación do gando A británica Martina Dorigo durante unha das sesións de traballo Unha das vertentes do proxecto é a análise comparativa da eficiencia produtiva e medioambiental dos distintos sistemas de alimentación empregados con máis frecuencia na produción de leite. Este ensaio, que se desenvolveu nos últimos dous anos na granxa do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), mediu distintos parámetros de cinco sistemas de alimentación de vacas de leite. Analizáronse 60 vacas divididas en 5 grupos de 6 vacas cada un durante dous anos. Cada grupo responde a un tratamento diferente que se ensaia durante 305 días. Os distintos sistemas de alimentación diferéncianse na forraxe e no aporte proteico do concentrado (1.500 quilos de concentrado por vaca e lactación). Os grupos serían:
  1. vacas confinadas alimentadas con silo de millo e silo de raigrás italiano + 1.500 quilos de concentrado convencional con soia
  2. vacas confinadas alimentadas con silo de millo e unha leguminosa que rota co silo de millo + 1.500 quilos de concentrado convencional con soia
  3. vacas confinadas alimentadas con sorgo e unha leguminosa en rotación  + 1.500 quilos de concentrado convencional con soia
  4. vacas en pastoreo 200 días e 100 días confinadas alimentadas con silo de raigrás híbrido os días que non saen ao pasto + 1.500 quilos de concentrado a base de pulpa de remolacha e cebada
  5. vacas en pastoreo  200 días e 100 días confinadas alimentadas con silo de trevo violeta os días que non saen ao pasto + 1.500 quilos de concentrado a base de pulpa de remolacha e cebada
Posteriormente foron asignados a cada cultivo unhas emisións de óxido nitroso e a cada vaca unha superficie concreta. "Os cinco sistemas son bastante equilibrados en canto a resultados de emisións por litro de leite porque os sistemas máis produtivos en litros, aínda que xeran máis emisións, producen máis leite", explica César. Os resultados concretos deste ensaio, que forman parte dunha tese de doutoramento, serán presentados este verán no Reino Unido, onde os días 1 e 2 de xullo terá lugar en Plymonth a Conferencia de Verán do proxecto Dairy for future.

Dez rexións que suman o 20% da produción europea

Visita dos integrantes de Dairy for future a Recría Castro As rexións do arco atlántico europeo producen máis do 20% do leite da UE e nelas atópanse algunas das principais zonas produtoras, como a Bretaña francesa, primeira rexión produtora de leite da UE con 5,8 millóns de toneladas ou a rexión Sur-Leste de Irlanda, segunda con 5,5 millóns (Galicia sería a oitava rexión productora da UE con 2,7 millóns). Todas elas comparten unha clara vocación para a produción láctea e incrementaron, en maior ou menor medida, a súa produción de leite trala desaparición das cotas lácteas no ano 2015. Con diferenzas en canto ao sistema de alimentación empregado, teñen sen embargo problemas e desafíos comúns, como son a falta de relevo xeracional, que afecta en boa medida a todas as rexións, ou o incremento das esixencias medioambientais no conxunto da UE, no só como consecuencia dos novos criterios da PAC post 2020 e das limitacións impostas á contaminación por nitratos ou fosfatos, senón tamén polo incremento da demanda social da poboación neste eido.
A Bretaña, a zona do Loira ou Normandía en Francia, a rexión Sur-Leste de Irlanda, Galicia ou as Azores son rexións cunha clara vocación para a produción de leite dentro da UE
Por iso, dentro da análise para a clasificación das distintas explotacións polo seu índice de eficiencia téñense en conta datos económicos e produtivos pero tamén aspectos de carácter social e ambiental, como por exemplo a porcentaxe de insumos que se consomen de produción local ou o seu aporte na conservación e mellora da paisaxe. "Medimos a biodiversidade das explotacións, porque o impacto dunha gandeiría non ten por que ser negativo. As granxas poden aportar á biodiversidade e cuantificamos en base a distintos parámetros, que cantidade de biodiversidade aporta cada unha, porque non aporta o mesmo unha explotación con 50 hectáreas concentradas en parcelas grandes e adicadas a monocultivo de millo que unha con parcelas máis pequenas adicadas a pradeiras que manteña os peches de pedra ou os peches vexetais de separación ou con arborado e arbustos nas extremas", razoa César Resch. Intercambio e visitas a explotacións en distintos países Os expertos europeos coñecendo o proxecto de Arqueixal Dairy for future conta cunha rede de 100 granxas piloto colaboradoras distribuídas polas dez rexións que participan no proxecto e dez destas explotacións están en Galicia (son Granxa O Cancelo, Casa Codesal, SAT Margá, Gandaría Ventura, Gandeiría A Cernada, Gandaría Patalarga, Gandaría Boga, Gandaría Sebastián, SAT Sampérez e Ganaderia Colorado SC). Algunha destas explotacións, como é Gandeiría A Cernada, de Friol, ou o proxecto de Arqueixal, en Palas de Rei, formaron parte do programa de visitas durante a última xornada da estancia dos distintos expertos europeos esta semana en Galicia, na que tamén coñeceron de primeira man o funcionamento do Centro de Recría impulsado pola Deputación de Lugo na Granxa Gayoso Castro, en Castro Riberas de Lea. Este é precisamente un dos obxectivos fundamentais do proxecto Dairy for future, fomentar o intercambio de coñecementos e a colaboración entre técnicos e gandeiros das distintas rexións. Contémplanse, por exemplo, unha serie de programas de intercambio e visitas a explotacións para coñecer a maneira de producir leite nas distintas rexións, nas que participan tanto  produtores como investigadores dos distintos países. Un grupo de técnicos e gandeiros de vacún de leite de Irlanda visitaron varias explotacións galegas en setembro de 2018 dentro deste programa. Finalización en 2021 O proxecto Dairy for future foi aprobado polo comité de seguimento de Proxectos Interreg da convocatoria Interrreg da Rexión Atlántica e ten catro anos de duración (comezou en xaneiro de 2018 e extenderase até 2021). Financiado polo Arco Atlántico, conta cun orzamento próximo aos 4 millóns de euros e nel participan, xunto ao CIAM e Ingacal, prestixiosos centros de investigación, entidades de asesoramento e universidades doutras nove rexións da fachada atlántica europea que abranguen dende Escocia ate as Illas Azores. Os centros galegos (Agacal e CIAM) participan neste proxecto interrexional en colaboración con outros moitos centros como o Institut de l´Elevage (Bretaña), INRA (Francia), Teagasc (República de Irlanda); College of Agriculture, Food and Rural Enterprise (Irlanda do Norte), AFBI Hillsborough (Irlanda do Norte), Scotland’s Rural College (Escocia), Agriculture and Horticulture Development Board (Reino Unido), NEIKER (País Vasco), UTAD, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Norte de Portugal) e o Instituto Superior de Agronomia – Universidade de Lisboa (Lisboa, Val do Teixo e Rexión de Azores). O proxecto contou co apoio de, entre outros, Lactalis no Reino Unido, os procesadores Glanbia e Carbery en Irlanda, a cooperativa Sodiaal en Francia, a cooperativa vasca Iparlat e a portuguesa Agros. Por parte galega as entidades colaboradoras son CAP Coruña, LIGAL, CLUN e AGACA.

“Cultivar millo forraxeiro e ter pradeiras é unha vantaxe competitiva para os gandeiros galegos”

Un grupo de 55 gandeiros de vacún de leite de Irlanda do Norte, no Reino Unido, visitaron Galicia os pasados 25, 26 e 27 de setembro para coñecer o sector lácteo galego. A visita, organizada polo DAERA, o Departamento de Agricultura, Medioambiente a Asuntos Rurais de Irlanda do Norte, contou coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL). Durante a súa estadía visitaron granxas de vacún de leite na Pastoriza (Lugo), o Centro Experimental do CIAM no Marco da Curra (Xermade), o complexo de fertilizantes da cooperativa DELAGRO nas Pontes ou a fábrica de pensos de PROGANDO en Muimenta (Cospeito).

3.000 granxas de leite que están moi preocupadas polo BREXIT

O grupo destes 55 gandeiros do condado de Antrim leva traballando dende hai 25 anos como unha central de compras en común de subministros para as granxas (abonos, pensos...etc) . Contan cunha media de 140 vacas en muxido e 8.000 litros por vaca, cun 4,2% de graxa e un 3,3% de proteína. Porén, dentro do grupo a tipoloxía de explotacions é moi variada: partindo da base de que case todas practican pastoreo, hainas cunha media de 6500 litros por vaca, para as que teñen unha alimentación baseada case exclusivamente no pasto, a outras con 11.000 litros de produción por vaca, para as de estabulación intensiva. En canto ás súas inquedanzas, e ao igual que case a totalidade das 3.000 granxas de vacún de leite de Irlanda do Norte -un territorio cunha extensión de 14.000 km cadrados, case a metade que Galicia- a súa preocupación fundamental é o Brexit. E é que algo máis do 80% dos 2 millóns de toneladas de leite que produce actualmente esta provincia destínase á exportación, e máis 30% do seu leite véndeno a industrias lácteas da República de Irlanda, un comercio diario que de confirmarse un Brexit duro co restablecemento de fronteiras e aranceis viríase claramente perxudicado. Neste sentido, as previsións do Dairy Council Northern Ireland (DCNI) son de que de confirmase un Brexit polas bravas os gandeiros de vacún de leite de Irlanda do Norte de Irlanda perderían de media uns 12 céntimos de euro por litro, que neste momento rolda os 29 céntimos por litro máis calidades. A continuación falamos con algúns dos gandeiros norirlandeses que visitaron Galicia, e que coinciden en destacar o alto nivel técnico e xenético das gandeiras galegas, o seu elevado investimento en establos -moito máis sinxelos en Irlanda do Norte- e a vantaxe competitiva que supón para os galegos poder cultivar millo forraxeiro en rotación con herba.

Brian Henry: “O cultivo do millo permítevos ser moito máis competitivos”

Brian Henry é propietario dunha pequena gandería con 40 vacas en muxido, e que non conta con relevo xeneracional. A súa é a típica granxa irlandesa ata hai uns anos: vacas que pastorean de marzo a novembro e que no inverno se alimentan básicamente con silo de herba. En canto á raza, fai un cruce programado alternando a Holstein, coa Jersey e coa Roxa Sueca, unha tendencia á alza nesta provincia do Reino Unido. A media de produción é de 6000 litros cun 4,2% de graxa e 3,7% proteína. Vende o leite a Lakeland Dairies, unha cooperativa da República de Irlanda, e percibe un prezo medio de 0,28 euros o litro máis calidades. Non en van, sitúa o Brexit como a súa principal preocupación neste momento. Da súa visita a ganderías galegas amósase sorprendido en positivo: “Estou impresionado polo nivel técnico que teñen. O cultivo do millo permite aos gandeiros seren máis competitivos na produción”. “En determinados aspectos os gandeiros galegos están máis adiantados que en Irlanda do Norte”, conclúe.

Jhon M´Conaghy: Media de 7.000 litros en pastoreo e de 6 partos por vaca

Jhon M´Conaghy posúe xunto co seu fillo e coa súa dona unha granxa de 100 vacas en muxido baseada no pastoreo. “As vacas van ao pasto dende comezos de marzo a novembro e fano día e noite durante o verán e primavera. Tentamos cultivar a mellor herba posible e ensilar o que nos sobra para o inverno”, explica. Ao igual que o resto de granxas, toda a base territorial está ao redor da explotación, o que favorece o pastoreo e reduce os custos de produción. No seu caso as razas que empregan para os cruces son a Holstein, a Fleckvieh e Ayshire, unha raza británica caracterizada polas súas altas calidades. Conseguen que as vacas cheguen de promedio aos 6 partos, cunha lactación anual de 7.000 litros ao 4,3 de graxa e 3,3 de proteína. O leite véndenllo a DALE Farms, unha cooperativa da que son socios e que é propiedade de 1250 gandeiros de Irlanda do Norte e de Gran Bretaña. Ao igual que os seus compañeiros o prezo neste momento rolda os 0,28 euros o litro máis calidades. Este gandeiro, fillo tamén de gandeiros, e cuxo fillo tomará en breve o temón da granxa, móstrase orgulloso da súa profesión: “É un traballo duro pero é unha vida bonita, que che permite traballar con animais e en plena natureza, tomando ti as súas propias decisións”. De Galicia chámalle a atención que se invista tanto diñeiro nos establos: “Os nosos son moito máis sinxelos, aquí invístese moito diñeiro”, ademais da vantaxe que supón o cultivo do millo.

Roy Irwin: Unha granxa en intensivo con 10.000 litros de media por vaca

Roy Irwin é un gandeiro activo, membro da directiva do  Northern Ireland's Dairy Council. A súa explotación, na que xa tomou o relevo o seu fillo, é das poucas pero cada vez máis granxas en intensivo. Contan con 200 vacas en muxido e unha base territorial -milk platform- de 120 hectáreas arredor da granxa. As súas vacas producen unha media de 10.000 litros por animal, cunha media de 4,5% de graxa e 3,7% de proteína. A media de partos é de 3,5, inferior á media. O rabaño está estabulado pero saen ao pasto un mínimo de 90 días ao ano, pois así llelo esixe Marks & Spencer, a cadea de supermercados na que se vende o seu leite envasado. En canto a raza, hai anos que se cambiaron da British Frisian para a Holstein, debido á súa maior produción. Preguntado polas claves da rendibilidade dunha gandería,Roy Irwin destaca que “é moi importante coidar a saúde do rabaño e iso empeza pola recría, pois é aí onde se determina a produción da vaca adulta”. Ademais, destaca a importancia de non realizar investimentos non rendibles en maquinaria. De feito, no seu caso subcontrata todos os traballos agrícolas e de sacar o xurro. En canto ás súas preocupacións como gandeiro, sitúa como número 1 o Brexit: “Sentímonos bastante vulnerables a consecuencia do Brexit, porque as cooperativas irlandesas mércannos arredor do 50% do noso leite e non sabemos que vai pasar se empeza a haber aranceis”.

David Kwasnieswski: “O penso non debe pasar dos 350 gramos por litro de leite”

David Kwasnieswski é asesor nutricional en ganderías de vacún de leite do Norte de Irlanda. Explica que a ración normal para as vacas de vacún de leite nesa parte da illa está baseada nun 70% na herba, tanto pasto como silo de herba, e entre 25 e 35% en cereais, soia e polpa de remolacha. “Como máximo os gandeiros empregan 350 gramos de concentrado por litro de leite producido”, engade. Explica tamén que os silos de herba teñen de media entre un 12 e un 15% de proteína e que a proteína do concentrado varía do 15 ao 21%, dependendo da calidade proteica da herba. En canto ás tendencias no sector en Irlanda do Norte, conta que “cada vez hais máis granxas con estabulación intensiva, e estase apostando polos robots de muxido, amamantadoras automáticas...etc”. Sobre as tendencias en xenética, asegura que “estase indo a vacas de raza Holstein, cruzadas con Montbelier ou Fleckvieh, e cada vez hai menos British Frisian”. Por último, da súa primeira visita a ganderías galegas destaca “a alta calidade xenética e a atención que se lles presta ao benestar das vacas”.

“Ó estar nunha granxa de fóra ves outras formas de traballar e valoras o que facemos aquí”

Mario Nieto é un dos alumnos de primeiro ano do ciclo de Gandería, Asistencia e Sanidade Animal que se imparte no Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa de Coristanco (A Coruña). Este ano participou, xunto con outros compañeiros, nunha estancia de formación nunha gandería en Irlanda. A experiencia permitiulle coñecer de primeira man o traballo nunha granxa de ovino e vacún de carne do centro do país. A finais de febreiro, Mario chegou a Mill’s Farm, unha granxa situada nas proximidades da vila de Ballymahom e durante dous meses participou das tarefas da gandería, man a man cos propietarios. A súa chegada coincidiu, ademais, cunha das épocas de máis traballo directo cos animais na gandería, o tempo de partos das ovellas. A súa estadía coincidiu cos partos das ovellas, unha das épocas con máis carga de traballo. A experiencia brindoulle a oportunidade para coñecer como traballan en ganderías de Irlanda, un país que ademais garda certas similitudes coas condicións galegas. “Ó estar nunha granxa de fóra ves outras formas de traballar pero tamén che permite valorar o que facemos aquí e que ás veces non apreciamos como debéramos”, concreta o estudante, cuxa familia ten un cebadeiro de vacún en Asturias.

Razas de animais

Na súa estadía na granxa, Mario encargouse de distintos labores pero, sobre todo, implicouse na xestión da gandería de ovino, ó tratarse dunha tempada de intenso traballo. “Nos primeiros días ocupeime de librar espazos e acomodar as cortes de cara ós partos”, concreta o gandeiro. Contaban con cubículos de madeira en cama quente que arranxaron para facilitar a xestión do rabaño en canto comezaran a nacer as crías. “Eu centrábame en supervisar e atender os partos das ovellas e asegurarme de que os años mamasen”, recorda Mario. As ovellas e o gando vacún permanece estabulado durante o inverno e en marzo comezan a saír ó pasto. No caso dos animais que non chegaban a mamar por si sós, levábanos a outra zona da granxa para alimentalos cunha mamadeira, aínda que a maioría dos partos eran de dous años e non tiñan maiores dificultades para crialos e xa mamaban directamente da ovella. “Podían ter arredor de medio cento de años que tiñan que alimentar a base de biberón, pero estes animais tamén tentaban vendelos moito máis novos para reducir a carga de traballo”, explica.
A gandería irlandesa contaba cunhas 900 ovellas e un rabaño de 120 vacas de carne e bois
Na granxa contaban cunhas 900 ovellas, a maioría de raza Suffolk, aínda que tamén tiñan animais de raza Charolesa, Escocesa e Inra 401. En concreto, había varios machos destas razas o que ocasionaba que tiveran abundantes animais cruzados.  A isto engadíaselle un rabaño de 120 vacas de carne, de cruces de Frisoa con Limosín e Hereford. Tamén criaban bois charoleses e de raza Salerf. A gandería de carácter familiar, e xestionada polo matrimonio e o seu fillo, asumía unha carga de traballo elevada, como puido comprobar Mario xa nos primeiros días. Compaxinaban, ademais, a xestión da granxa cun servizo de podoloxía que realizaban a outras ganderías, unha actividade da que se encargaba o cabeza de familia, e que lle ocupaba parte da xornada laboral.

Axustar a rotación dos pastos

Na granxa manexaban unha extensión de arredor de 1.000 hectáreas, que lle permite tanto dispoñer de pasto como dos forraxes que precisan para a alimentación dos animais, silo de herba e herba seca para as ovellas. Este gando pasaba boa parte do tempo no pasto. “Realizaban unha xestión dos pastos moi acertada que lle permitía que tanto as ovellas como as vacas tiveran alimento durante case todo o ano”, concreta Mario. De feito, este foi un dos aspectos que máis sorprendeu ó gandeiro, xa que contaban cunha boa organización e planificación das terras e calidade de pastos aínda que non se correspondía cos ensilados de herba, que eran máis deficitarios. As tarefas de Mario na granxa centráronse en atender as ovellas e os años nos partos. Á súa chegada á granxa, as ovellas aínda estaban estabuladas e a súa alimentación centrábase no silo de herba. Ata principios de marzo non comezaron a saír ó pasto, onde botarán todo o verán e xa a comezos do inverno, no mes de novembro, volverán a permanecer na granxa. “O sustento dos animais é a base de pasto e silo de herba, só lle aportan un pouco de penso ás ovellas cando están acabadas de parir, arredor duns 700 gramos por animal e día”, concreta o gandeiro. A xestión do gando vacún é bastante similar, aínda que as vacas permanecerán máis tempo na corte. Este ano, a súa saída ó campo retrasouse ata case finais de marzo, coincidindo co remate do silo de herba.

Comercialización da carne

Outro dos aspectos que chamou a atención do mozo durante a súa estadía na granxa foi o tempo de crianza dos animais e as diferenzas de criterio para valorar unhas razas fronte a outras. “Tanto os becerros coma os años véndenos moito máis tarde do que adoita ser habitual en Galicia”, indica o gandeiro. Así, Mario recorda que ata case os 5 ou 6 meses non acostumaban vender os años e no caso dos becerros chega mesmo ós 3 anos. En canto ós prezos, os años de 6 meses vendíanse arredor dos 100 euros. Xunto coas ovellas, a gandería tamén criaba becerros. No referido á comercialización dos tenreiros, estes vendíanos en poxa e os mellor valorados eran os de raza Charolés. Coincidindo coa estadía na granxa de Mario, vendéronse varios tenreiros aínda que, neste caso, tratouse dun lote de becerros de entre 9 e 10 meses con prezos que oscilaron entre os 500 euros, de xatos de 250 quilos, a outros de 315 quilos que acadaron os 800 euros. “Alí valórase e págase máis un tenreiro de raza Charolés que un Angus, pese á boa calidade e fama que ten esta raza. Impórtalles máis que os animais pesen máis quilos que a calidade da carne”, concreta Mario. Unha parte dos becerros vendíanos a outros cebadeiros, cando contaban con preto dun ano, mentres os animais con máis idade, con arredor de 3 anos, ían ó matadeiro.

Irlanda incrementa case un 10% a súa produción de leite mentres que España estáncase

A produción de leite na Unión Europa incrementouse no primeiro semestre do ano nun 0,2%, en consonancia coas previsións da Comisión. Non obstante, a evolución por países é moi dispar, segundo se recolle no informe do Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea publicado este mércores. Así, mentres que en España as entregas de leite entre xaneiro e xuño aumentaron soamente un 0,2% respecto ao mesmo período de 2018, e en Portugal, Francia e Alemaña baixaron un 2%, un 1,1% e un 0,3% respectivamente, e mesmo un 2,7% en Holanda -neste caso debido en parte ás limitacións ambientais-, sen embargo hai países nos que a produción de leite disparouse. Destaca especialmente o caso de Irlanda, un país cun plan estratéxico para o seu sector lácteo implantado desde fai máis dunha década, cunha subida semestral do 10%, ou do Reino Unido, onde animados polo Brexit os gandeiros aumentaron as entregas nun 2,8%. Tamén é de salientar o aumento da produción de leite en Polonia (un 2,3% máis) ou de Romanía, cun 6,2% máis de entregas. Esta tendencia dispar confírmase cos datos da evolución en doce meses, desde xullo de 2018 a xuño de 2019, comparándoo co mesmo período de entre xullo de 2017 e xuño de 2018:

Máis información nesta ligazón.

Así funciona DairyGold, a maior cooperativa láctea de Irlanda

DairyGold é hoxe un exemplo do éxito dos gandeiros irlandeses á hora de xuntarse para transformar e darlle valor engadido ao seu leite. O ano pasado esta cooperativa, situada no condado de Cork, recolleu e transformou en queixo e manteiga nada menos que 1,34 millóns de toneladas de leite dos seus 2.850 gandeiros socios e facturou 993 millóns de euros, dos que o 90% corresponderon ás vendas no estranxeiro. Coñecemos como traballan nunha viaxe organizada polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa para visitar un grupo de alumnos que realizan prácticas en ganderías irlandesas grazas ao programa europeo Erasmus Novos Granxeiros. Na axenda de visitas estivo a queixería que DairyGold ten na cidade de Mitchelstown, unha das múltiples factorías que ten repartidas por toda a illa. Só nesta planta, totalmente automatizada, elabóranse cada ano algo máis de 50.000 toneladas de queixo cheddar.

A importancia de contar cun plan estratéxico a varios anos

As orixes de DairyGold remóntanse a comezos do século XX, en concreto á cooperativa de Ballyclogh, creada no ano 1908, e á de Mitchelstown fundada no 1919, co apoio do recén creado estado irlandés. No ano 1990 ambas fusiónanse para crear DairyGold e coa entrada de Irlanda na Unión Europea aproveitaron moi ben as axudas e o mercado europeo para medrar e crear unha potente industria láctea.
O seu obxectivo é chegar a producir 1,65 millóns de toneladas en 2023
As cifra son elocuentes, tal e como nos explica Billy Cronin, responsable da cadea de subministro de leite desta cooperativa que conta con dúas divisións claramente separadas: a principal, de transformación do leite, e outra de fabricación de pensos e outros complementos para alimentación animal. “O ano pasado os 2.850 gandeiros socios da cooperativa entregaron a DairyGold 1,34 millóns de toneladas de leite, o que supón arredor do 20% da produción de Irlanda, e o que supuxo un 2,7% máis que o ano anterior. Preparámonos ben para a supresión das cotas lácteas cun plan estratéxico ata o ano 2023. Así, dende o ano 2009 DairyGold incrementamos a nosa produción nunhas 500.000 toneladas, un 60% máis en volume e cun 70% máis de incremento na produción de sólidos (graxa e proteína)”, explica. Isto permitiu que a media de produción por gandería socia pasase de 270.000 litros no 2009 a 470.000 litros neste momento. O plan de DairyGold é seguir incrementando a produción das súas ganderías socias, para aproveitar as boas perspectivas internacionais do mercado do leite e dos seus derivados. Desta forma, para 2023 o seu obxectivo é chegar a producir 1,65 millóns de toneladas.

Como é o prezo que lle pagan aos gandeiros?

A media de prezos que DairyGold lle pagou aos seus gandeiros no 2018 foi dun prezo final de 0,361 euros por litro e para este 2019 as previsións segundo sinala Billy Cronin, é que se manteñan estables. Deste xeito, neste pasado mes de abril o prezo base foi de 0,3119 euros por litro para un leite co 3,6% de graxa e o 3,3% de proteína, pero incluíndo os bonus por sólidos a media para os seus granxeiros situouse en 0,34 euros o litro, tendo en conta que a primavera é a estación de prezos máis baixos. ¿Como se fixan os prezos do leite? “Os gandeiros son os propietarios da cooperativa e eles decidan o futuro e a estratexia, pero iso si, adaptándose á evolución dos prezos do mercado internacional”, subliña o responsable da cadea de subministro de leite na cooperativa. Deste xeito, o sistema de pago de DairyGold é por kilos de sólidos penalizando o volume. En concreto, o 40% do prezo do final que recibe o gandeiro depende da graxa entregada e o 60% da proteína. E é que os sólidos son a base dos principais produtos que elabora a cooperativa: queixo cheddar e manteiga, aínda que tamén elabora e vende caseína e proteínas lácteas e leite en pó, con destino a multinacionais como Nestlé, Danone ou empresas chinesas. “Exportamos o 90% da nosa produción e temos que apostar polos produtos que demanda o mercado internacional, procurando sempre que os nosos gandeiros produzan a baixos custos e dándolle o maior valor engadido aos nosos produtos, diferenciándonos porque producimos dunha forma sustentable e natural en base a pastoreo”, subliña Billy Cronin.

Produtos financeiros da cooperativa para os seus gandeiros

Ademais de transformar e darlle valor ao leite dos seus socios, DairyGold tamén lles ofrece aos seus gandeiros produtos financeiros para que podan aumentar a produción. “Queremos apoiar aos nosos socios con préstamos e outros produtos financeiros en moito mellores condicións que a banca privada”, destaca o responsable da cadea de subministro de leite na cooperativa. Así, en caso de inclemencias meteorolóxicas, como nevaradas intensas ou secas, DairyGold ofreceulles aos seus socios descontos na compra de forraxes e pensos e créditos sen xuros. Ademais, e en colaboración co Banco de Irlanda, dende o ano 2016 ofrécelles aos seus socios o préstamo Dairyflex, que lles permite aos gandeiros dispoñer de liquidez en períodos de baixos ingresos -como durante os meses de inverno- e prorrogar sen intereses os pagos das cotas. Outras opcións que ofrece DairyGold son liñas de crédito a 12 meses e ao 3,85% de interés.

A ameaza do Brexit e estratexias de futuro

Unha das principais ameazas para DairyGold neste momento é o Brexit. E é que a cooperativa irlandesa exporta cada ano ao Reino Unido unhas 30.000 toneladas de queixo, o que supón nada menos que o 20% das súas vendas ao exterior. “Se non hai acordo entre a Unión Europea e o Reino Unido o impacto podería ser devastador, xa que se impoñen aranceis para a nosa cooperativa suporá un custo adicional duns 50 millóns de euros, o que provocaría que o prezo final do noso queixo para o consumidor británico encareceríase arredor dun 50%”, advertía recentemente Jim Woulfe, xerente de DairyGold. En canto á estratexia de futuro da cooperativa os seus responsables aseguran que pasa por superar os retos do Brexit, seguir sendo un referente como provedores de ingredientes de alta cualidade para as principais multinacionais alimentarias, especialmente para elaborar fórmulas de alimentación infantil. Ademáis, queren seguir innovando en queixos e derivados lácteos que lle permitan incrementar a súa marxe de beneficio.