Archives

Amaro López, un gandeiro de Baleira, recibe o premio ION-SGPF ao mellor peche eléctrico

A Casa da Cultura do Concello da Pastoriza (Lugo) acolleu este venres a entrega do premio Premio ION-Sociedade Galega de Pastos e Forraxes ao mellor peche  eléctrico gandeiro de España e Portugal no 2018. O premiado nesta convocatoria 2018 foi Amaro López Rivero, un mozo gandeiro da  parroquia de Córneas, no concello lugués de Baleira. A súa é unha gandería de vacún de carne en extensivo  que xestiona 36 hectáreas de pradeiras e terreos de monte para alimentar a 38 vacas nais de raza vianesa e 5 cabalos de raza galega. “O traballo de Amaro na recuperación de terreos pobres mediante o bo manexo do gando e a presión do pastoreo grazas ao correcto emprego de peches electrificado -uns 13 kilómetros de peches electrificados en total- fai que sexa un exemplo na súa contorna para mostrar o  que se pode facer para transformar as superficies abandonadas en prados  e pradeiras e fontes de riqueza”, salientan dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. O premio, consistente nunha escultura dunha vaca e un cheque de 3.000 euros, foi entregado por Daniel López González, propietario e fundador da empresa luguesa ION, líder en venda de pastores eléctricos, e polo alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra. Nesta convocatoria, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes retoma o espírito de antigas edicións na procura  dunha mellor xestión das superficies forraxeiras grazas ao emprego de peches electrificados, hoxe en día a mellor ferramenta de gandeiros e gandeiras para a xestión do pastoreo do gando. Pola súa parte, a empresa luguesa ION, patrocinadora do premio, leva décadas adicada á fabricación de  pastores eléctricos e material para realizar peches electrificados, con importantes innovacións, sendo a primeira en fabricar pastores eléctricos alimentados por placas solares.

Premio de 3.000 euros ao mellor peche gandeiro electrificado

A empresa galega ION, recoñecida a nivel peninsular e internacional polos seus pastores eléctricos, e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), convocan o Premio ION-SGPF e as súas bases. Premiarase o mellor peche gandeiro electrificado e a gandaría seleccionada recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo para presentarse a este premio finaliza o 31 de marzo. OBXECTIVO O premio ten como obxectivo promover o emprego de peches electrificados fixos e móbiles para o manexo e protección do gando en pastoreo e a protección dos cultivos. Por iso premiarase o mellor peche electrificado para ese fin. 1- PARTICIPANTES Poderán participar nesta convocatoria todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dunha explotación gandeira radicada en España e Portugal. Participarán aqueles traballos realizados nos anos 2017 e 2018 para a instalación de peches fixos ou móbiles para o manexo e protección do gando e os cultivos forraxeiros. 2- CARÁCTER DO PREMIO O premiado obterá un recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha suma de 3.000,00 €, permitindo a difusión do proxecto realizado a ION e a SGPF a través dos medios de comunicación e outras canles que se estimen oportuno. 3- PRAZOS O prazo de presentación das candidaturas estenderase dende o 10 de novembro de 2018 ata o 31 de marzo de 2019. O xurado comunicará o seu veredicto, nun prazo non superior a dous meses dende o peche da convocatoria, de forma persoal ó premiado e nun acto público nunha data próxima. 4- PRESENTACIÓN DOS PROXECTOS As persoas candidatas deberán enviar unha solicitude, cubrindo o formulario do Anexo I da presente convocatoria, xunto cunha memoria descritiva do proxecto ao enderezo electrónico sgpf.galicia@gmail.com, en formato PDF (tamaño máximo de ficheiro de 10 MB) e cunha extensión máxima de 20 páxinas, nas que se incluirán os datos identificativos e unha memoria que debe incluír: -Descrición do promotor (identificación, motivacións e proxecto de futuro) -Descrición da gandería (parcelas, instalacións, gando e sistema de manexo) -Descrición do estado anterior das parcelas nas que se realizaron melloras (peches e/ou pradeiras) -Descrición das melloras que se fixeron (peches e/ou pradeiras), explicando polo miúdo os métodos e medios empregados para realización as mesmas: material (sen referencia a marcas comerciais), medios humanos e técnicas empregadas para a instalación dos peches e a implantación e/ou mellora das pradeiras. -Estado actual das parcelas melloradas Calquera outra información que se considere de interese para a comprensión da gandería e do proceso de mellora. Xunto co Anexo de solicitude de inscrición poderase achegar, e valorarase, unha reportaxe gráfica do proceso de mellora e do resultado final dos peches e parcelas. Para a realización da memoria pódese consultar coa SGPF para calquera dúbida na súa elaboración. Se o xurado o considera oportuno poderá solicitar documentación complementaria co fin de comprender mellor o proxecto. 5- CRITERIOS DE VALORACIÓN Valorarase a idoneidade dos peches realizados tanto para a especie destinada a pastorear esas parcelas como para a facilidade no manexo habitual do gando e/ou o nivel de protección fronte a animais salvaxes. 6- XURADO O xurado estará formado pola Xunta Directiva da SGPF. O xurado elixirá, entre os proxectos presentados, aquel que considere máis apropiado ós obxectivos do premio así como a un suplente, se así o considera oportuno. Se os proxectos recibidos non acadasen o nivel mínimo estipulado, o xurado podería declarar o concurso deserto. A data e o lugar do acto formal de entrega do premio serán anunciados oportunamente.

-Descarga aquí as bases do premio

-Descarga aquí a solicitude de inscrición.