Archives

“En España temos moito que avanzar en viños de parcela e de aldea”

Ismael Álvarez é un dos máis destacados catadores de España. Traballa como sumiller en Nerua Guggenheim Bilbao, o restaurante do chef Josean Alija que conta con case 600 referencias na súa carta. Estes días participa como docente no Curso Superior de Sumiller Profesional que organiza o Instituto Galego do Viño Como valoras a túa experiencia como docente no Curso Superior de Sumiller Profesional do INGAVI? Esta é a cuarta promoción á que me convidan e é un gustazo. En primeiro lugar porque me permite compartir os coñecementos, sensacións que adquires á hora de abrir unha botella ....etc. e sobre todo compartir con xente disposta a escoitartee e a aprender. Ademais, a nivel académico axúdache a reciclarte. Por exemplo, este luns falei dos viños da Rioxa, e iso obrigoume a volver actualizarme e a revisar os meus coñecementos. Os estudantes que saen deste máster do INGAVI están superpreparados, e así o puiden comprobar nos que viñeron de prácticas ao restaurante Nerua. Saen con moitas ganas e cunha formación incrible, e ademais espertámoslle a inquedanza por aprender, algo fundamental no mundo do viño. Chegaches a esta profesión dunha forma un pouco casual, malia que as túas raíces están vinculadas ao viñedo... Cando es adolescente non sabes aínda o que queres facer na vida. A miña familia ten viña, unha pequena adega e un negocio de hostalaría nun pequeno pobo de Cuenca e para min era algo cotián, formaba parte da rutina do ano. Toquei moitos paus, entre eles o que estaba de moda, a cociña, e formeime niso, pero rapidamente decateime de que ía ser un cociñeiro pésimo. Despois comecei a traballar nun restaurante de camareiro e empezou a suscitar certo interese en min o servizo do viño, porque era algo moi diferente ao que había na casa. É dicir, non te limitabas a cultivar a viña e a elaborar o viño, senón contabas todo o que hai detrás da botella, entender contornas, persoas e transmitir esas historias aos clientes. Posteriormente, realicei o curso de sumiller da Cámara de Comercio de Madrid e aí empezou a miña formación neste mundo. Fuches elixido Mellor Sumiller de Euskadi en 2016. Que representou para ti este galardón? Non o enfoquei tanto como unha competición como saber en que punto estaba a nivel formativo, como unha forma de autoavaliación, pero externa por parte dun xurado. Soou a frauta e gañei o premio. Porén, deime conta de que todas esas probas en realidade non serven para definir o que é un bo ou mal catador e non me volvín presentar a un concurso.
 “Non hai viños bos nin malos, cada un ten o seu público e o seu momento”
Que define para ti a un bo catador? A figura dun bo sumiller segundo a entendo é ser persoas dispostas a contar historias, de forma que podamos emocionar e captar a atención do cliente. Temos que ver o momento no que está cada cliente e cales son as súas necesidades e tamén entender a filosofía do restaurante no que traballas, porque cada casa ten a súa identidade. É dicir, tes que traducir pratos ás formas líquidas coas que os vas acompañar para harmonizalo. Isto require tamén entender todo o proceso de creación do prato na cociña para maridalo todo e incluírlo no guión que vas presentar na mesa. Que é para ti un bo viño? Non hai viños bos nin malos, cada un ten o seu público e o seu momento. A miña avoa xa me dicía que tiña que valorar todo o traballo que hai detrás de cada botella de viño. E o traballo do catador consiste en buscar que certos viños atopen o seu sitio no comensal, e nolo pidan para que nós lles podamos brindar esa felicidade. A maridaxe dos viños coa comida é unha moda que cambia segundo a época e o país? É moi interpretativo e depende do discurso que xeres. Por exemplo, en Nerua probamos pratos e a súa combinación con viños e individualmente poden funcionar ben, pero sen embargo cando xeras un discurso con 14 pratos e 9 viños non funcionan, porque igual non lle dá a benvida ao seguinte, ou fai menos ao anterior. Isto obríganos á hora de elixir un viño a pensar nun concepto máis global da experiencia de todo o menú. O que si é certo é que moitas veces buscamos cos viños provocación, harmonía, paz ou vincular historias. Por exemplo, temos un viño que ten a mesma historia que o prato co que marida. Non creo que se xeren modas de maridaxes, pero si modas e tendencias en viños e vas buscando o teu selo persoal dentro dese discurso que vai vas facer no menú. Quen inventou o termo de que o tinto vai con carnes e o branco con peixes creo que se arrepentiu, porque me parece unha expresión errónea. Si que é certo que hai certos viños que teñen sentido con certo tipo de alimentos: non vas beber viño cunha estrutura e madurez de froita moi potente e carga de barrica intensa que leva a notas de cacaos..etc e tomalo cun prato de percebes. Pero moitas veces levamos gratas sorpresas se rompemos con normas que estaban establecidas. Iso pasoume sobre todo ao maridar viños con certo tipo de verduras. Cales son as tendencias que detectas entre os clientes á hora de elixir os viños? As experiencias grastronómicas que se constrúen a día de hoxe nos restaurantes son moito máis complexas: hai menús con até 18 ou 20 pases de pratos e tes que crear un dinamismo e buscar viños que teñan un tempo moito máis ledo e livián. É dicir, viños que fagan o menú máis fácil e máis accesibles á hora de beber. E a todo o sector interésanos que no canto dunha botella o cliente beba dúas. Pasamos dunha tendendencia onde buscabamos viños potentes, que tinguían a boca de sabores e con gran extracción, a buscar viños como digo ruta 66, moito máis dinámicos e liviáns.
“Hoxe o cliente busca viños que teñan un tempo moito máis alegre e livián”
Como valoras o momento actual dos viños españois e galegos en particular? España está a espertar pero a tradición non nos debería facer renunciar á innovación, á evolución e á variedade. O consumidor está ansioso de novidades, pero as Denominacións de Orixe ás veces son remisas aos cambios e hai medo a arriscar. En zonas como Galicia houbo unha evolución tremenda, de forma que os albariños que se elaboran hoxe non teñen nada que ver cos que se facían antigamente, e mesmo temos viños tintos en Rías Baixas. Ou en Ribeiro, onde se pasou duns viños con fama de acedos a uns viños finísimos e complexos. Que botas en falta no sector do viño en España? Creo que en España temos que empezar a dar valor ás parcelas, ao viñedo, hai que volver centrarnos na orixe do viño. Porén, aínda nos custa entender os conceptos de viños de parcela, de paraxe, de pobo. Isto permitiranos entender moito mellor a contorna e entroncar co concepto de “viño natural”, unha palabra de mercadotecnia porque non está regulada e controlada coma si son a agricultura ecolóxica ou biodinámica. Un exemplo de que en España aínda temos que avanzar moito nos viños de parcela é que a pesar de que contamos coa maior superficie de viñedo do mundo, sen embargo non somos os primeiros en número de adegas, senón que é Francia. Por último, poderías describir un viño que te sorprendera nos últimos meses? Resultoume unha sorprensa moi grata un viño que se elabora en Quero, un pobo de Toledo, e trátase dun viño rancio elaborado pola adega De Sol a Sol. Os viños rancios son moi ingratos e deixáronse de elaborar. Consiste en sobremadurar a uva de determinadas viñas e soamente en determinadas anadas. Posteriormente, engádeselle alcol para enranciarlos e sometelos a unha crianza puramente oxidativa. Son viños que ás veces se botaban a perder porque se anivagraban e esixen, por tanto, entender moi ben o viñedo e a anada. Sorprendeume o rancio de 2013 e o maridamos con alcachofas, un vexetal que a priori é un inimigo dos viños, pois ten unha proteína que nos anestesia o padal. Sen embargo, nesta maridaxe o viño fai á alcachofa máis nobre e esta fai ao viño moito máis relaxado. Pareceume moi bonito rescatar estes viños rancios, elaborados en ánforas e utilizando nais.

Lista de gañadores dos Premios Magnum do Viño Galego

Xurxo Rivas, co propietario e sumiller de a Taberna O Secreto, en A Coruña, recolleu este sábado pola tardiña das mans do Alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o Premio Mágnum ao Mellor Sumiller de Galicia 2019 «por ter convertido o seu local nun punto de peregrinación obrigatorio dentro do mundo do viño», nun acto celebrado na Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa e que contou coa presenza da Deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e de preto de 200 profesionais do mundo do viño. Como novidade nesta edición incorporouse un novo galardón: o Mágnum ao Mellor Sumiller Revelación, que ven recoñecer a valía dos novos talentos do mundo da sumillería en Galicia e a importancia das novas xeracións de camareiros de viño, cada vez máis e mellor formados. Este recoñecemento, recaeu en Marta Costas Castro, sumiller no restaurante A Tafona, en Santiago de Compostela. O xurado destes galardóns, que xa alcanzan a súa novena edición, concedeu a Fernando Filgueira, sumiller xubilado do restaurante Bagos de Pontevedra, o Mágnum Honorífico que se lle concede a personaxes senlleiras pola súa aportación decisiva ao eido do viño galego. «Nunha época pre-globalización, cando todo o mundo traballaba coas mesmas grandes adegas comerciais, Filgueira converteu os seus establecementos nun oasis onde podías facer un auténtico exercicio de liberdade, probando cousas diferentes tanto de Galicia como de fóra», comentaba Miguel Anxo Besada, sumiller de A Curva e encargado de entregarlle o trofeo a Filgueira.

Rafael Palacios, premio á mellor adega galega e Xanledo 2016 ao mellor viño

A distinción de Mellor Adega Galega (entendida como colección de viños) foi para Adegas Rafael Palacios, do Bibei, que foi dobremente galardoada ao recibir o seu viño Sorte Antiga 2016 o Mágnum ao Mellor Viño Revelación. O xurado quixo destacar que é «un auténtico referente mundial que desenvolve en Valdeorras un traballo indiscutible, que destila profesionalidade e coñecemento profundo do eido». Pola súa banda, Xanledo 2016, de Viñedos do Gabián, conseguiu o Premio Mágnum ao mellor Viño Galego. O xurado apuntou que Pepiño, o propietario da adega «conseguiu co seu traballo diario, crecer en finura, elegancia e singularidade, sendo cada vez máis un espello do espírito da súa zona». De entre os nominados ao Mágnum á Mellor Iniciativa de Enoturismo, Castes - Feira Independente do Viño resultou a seleccionada, «por ser, como o seu nome indica, unha das poucas iniciativas realmente independiente que busca e consigue achegar a cultura do viño a tódolos públicos dando a coñecer na nosa terra a pequenos grandes viticultores». O premio Mágnum ao Mellor Tratamento do Viño Fora de Galicia, recaeu no restaurante El Capricho, sito en León. «El Capricho complementa a súa selección de carnes cunha fantástica adega rica en tintos que maridan á perfección co seu produto estrela. A súa carta sitúa os viños galegos á altura de grandes anadas e viños internacionais», apostilou o xurado. Todos eles recibiron unha escultura realizada por Kike Ortega, que seguindo a súa línea creativa de exploración das posibilidades artísticas de materiais a priori non concebidos para a arte, converteu antigos bidóns de aceite en oito representacións rompedoras da clásica botella mágnum.

Toda a información en www.premios-magnum.com

“Non entendo por qué os galegos non apostan máis polos seus tintos, en Can Roca son dos máis vendidos”

Audrey Doré é unha sumiller francesa que descubriu o viño en España, máis concretamente en Vigo, onde o que comezou sendo un hobby converteuno na súa profesión. Elixida mellor catadora de Cataluña en 2017, actualmente traballa como xefa de sumilleres de El Celler de Can Roca, o prestixioso restaurante catalán gañador de tres estrelas Michelín. A pasada semana volveu a Galicia para pronunciar a lección inaugural do VII Curso Superior de Sommelier do Instituto Galego do Viño. Falamos con ela sobre os seus comezos e como ve a situación do sector. ¿Que impresións te levas da inauguración desta nova edición do Curso Superior de Sumiller do INGAVI? Tróuxome moitas lembranzas, sobre todo dos alumnos que acabaron, da piña que chegas a facer no grupo e acordeime moito de cando estudei o título de sumiller en Barcelona. Hai moito compañeirismo e créase un vínculo importante, creo que porque todas as persoas que cursan estes estudos realizan un esforzo moi grande de tempo e de volver ás aulas despois de anos sen tocar os libros. No teu caso, como empezaches no mundo do viño? Procedo dunha familia francesa que non bebía viño, e de feito non empecei a beber viño ata que cheguei a España, concretamente a Vigo, a estudar mediante o programa Erasmus no ano 1999. Estudei unha carreira de letras, que me deu moitas satisfaccións pero non traballo, e cando tiña 25 anos reformuleime a miña vida e decidín realizar un curso moi básico sobre o mundo do viño. Por sorte, contratáronme nunha viñoteca en Barcelona, unha das primeiras que abriron na capital catalá, e aí comecei a formarme cada vez máis. Posteriormente, realicei o curso de sommelier. Agora mesmo son xefa de sommelier no restaurante El Celler de Can Roca. Comparando España con Francia, ¿que diferenzas atopas na profesión de sommelier? Creo que en España hai maior apertura que en Francia. É dicir, dinme que en Francia non se fai maridaxe porque os clientes non o entenden, mentres que en España o público déixase asesorar máis polos sommeliers e está máis disposto a descubrir maridaxes novas e viños doutros países e con outras formas de elaboración. Que requisitos debe cumprir un viño para figurar na adega de Can Roca? O viño ante todo ten que ser interesante para nós, valla que o que valla. De feito, podemos atopar viños baratos pero que son interesantes, non está relacionado co prezo. En definitiva, o viño debe ter identidade propia e profundidade suficiente. Que valoras máis nun viño como sommelier? Fóxese cada vez máis dos viños estandarizados e hai unha volta á orixe en xeral. Así, hai unha volta a viños elaborados con variedades autóctonas, a viños menos tecnolóxicos e máis naturais, máis espidos e con máis personalidade. Antes probabas viños dunha mesma zona e eran todos iguais porque estandarizárase a maneira de facer o viño. Agora, pola contra, hai unha volta aos viños persoais. Por exemplo, encántanme os viños de Bernardo Estévez, un colleiteiro do Ribeiro, que elabora grandes viños, con producións limitadas e a partir de variedades autóctonas.
"Sorprendéronme os viños de Turquía, onde contan con centos de variedades autóctonas de uva”
Cales son os viños que máis che sorprenderon nos últimos anos? Acabo de volver de Turquía onde realizamos un evento e si que foi unha descuberta moi grande dos viños turcos. Tivemos a sorte de que unha sommelier de Istambul fíxome de guía polas variedades vitícolas turcas e descubrín unha riqueza enorme de viños. É algo que aínda está por redescubrir porque contan cun patrimonio de nada menos que 1.000 variedades autóctonas de vide. En España chócame que aos galegos non lles gusten os seus tintos, cando en Can Roca vendemos moitos viños galegos, sobre todo entre os clientes de Francia e do norte de Europa, que valoran máis a frescura dos viños galegos, porque lles lembran aos seus caldos, e non lles gusta tanto un viño de garnacha con 15 graos de alcol. En España temos unha riqueza enorme de viños, con máis de 70 denominacións de orixe. Agora estanse facendo cada vez mellor as cousas. Houbo unha época na que Robert Parker era moi influente, e elaborábanse viños para ser ben puntuados na súa lista. Desta forma, nos anos 90 e principios deste século houbo un boom de tecnoloxía, e agora pola contra hai unha volta a viños máis frescos e naturais e non tanto eses viños pesados e con bastante alcol. Agora a xente quere acabarse as botellas de viño e que non lle supoña un problema. Creo que estamos nun momento moito máis interesante que hai 15 anos. Como ves a situación da profesión de sommelier en España? En Barcelona hai dúas escolas das que saen 40 persoas tituladas cada ano pero con todo non atopamos xente para traballar en sala. É certo que é unha profesión dura, porque vivimos con horarios ao revés do resto da sociedade. Hai que revalorizar a profesión de traballador de sala, despois da revolución da cociña chegou a revolución en sala. Alumnado do Curso Superior de Sumiller do INGAVI

“Galicia é un paraíso para experimentar elaborando viños”

Dominique Roujou de Boubee é Doutor en Enoloxía e Ampeloloxía pola Facultade de Bordeus. Este francés afincado en Galicia desde 2012 é un referente entre os enólogos galegos e forma parte do panel de formadores do Máster de Sumiller Profesional que imparte o Instituto Galego do Viño. Ademais de enólogo, tamén é viticultor e consultor en enoloxía e viticultura coa súa empresa Terroir en Botella, que asesora a adegas de distintas Denominacións de Orixe de España. ¿Como empezou a túa relación co mundo do viño? Crecín nunha familia na que a comida era unha celebración e un elemento de cohesión social. Cando tiña 14 anos o meu pai aconselloume medio de broma que me dedicase ao mundo da enoloxía. Pareceume interesante e empecei a buscar información do que era iso. A idea atraeume moito e decidín dedicarme a este mundo. E de onde vén o teu interese polos viños españois, e de Galicia en particular? A través da miña muller, Laura Montero Rodil, á que coñecín en Bordeus cando estabamos a estudar na Facultade de Enoloxía. Ela é enxeñeira agrónoma, estudou en Madrid, e decidiu completar a súa formación en Bordeus, que foi onde nos coñecemos. Empezamos a vivir en Francia pero viñémonos en 2005 a España e foi a partir de entón cando creamos a asesoría Terroir en Botella. Laura traballaba como directora técnica primeiro en Clos d´Agon (Xirona) e logo en Raventos i Blanc (Barcelona). E pola miña banda dedicábame ao 100% á asesoría. No 2012 decidimos dar un cambio, fómonos para Galicia e Laura empezou a traballar ao 100% comigo. Laura é madrileña pero de nai galega, e xa cando estabamos en Bordeus falábame marabillas do albariño e que o seu soño era volver a España, e a Galicia en concreto, para elaborar viño branco en Rías Baixas. Como cualificarías o momento actual dos viños en España? Creo que o sector do viño español está a vivir un momento moi doce, pero cun paradoxo. O 50% do viñedo está na Mancha, cun enfoque de momento de venda de viño a granel para o exterior e a prezos moi baixos. Isto distorsiona a percepción desde fóra, pois parece que España é un país vendedor de viño barato a granel. E isto tamén está vinculado a variedades foráneas como a Cabernet Sauvignon ou a Syrah que se plantaron non só na Mancha, senón tamén en moitas zonas. Pero hai a outra cara, do 50% restante, dunha viticultura que desde hai uns 8-10 anos aposta polas variedades autóctonas e polas súas potencialidades.
“En Galicia temos a sorte de contar cunha riqueza incrible de castes autóctonas e con microclimas”
Así, hoxe no Levante está a apostarse con éxito polo Monastrell, e por outras variedades propias, e en Galicia temos a sorte de contar cunha riqueza incrible de variedades autóctonas e con microclimas moi distintos que nos permiten elaborar unha infinidade de tipos de viños. Estamos en proceso de dar valor á orixe, ás singularidades de cada zona, que creo que é a única saída posible para ser competitivos no mercado. Moitas veces en España mírase con envexa ao modelo francés de viticultura, e en concreto o de Bordeus...Está xustificado? A vantaxe que temos en Francia é que en moitas desas Denominacións de Orixe levamos xa moito tempo buscando calidade e singularidade. Borgoña é a máis antiga e Bordeus é posterior e, como sempre, hai altos e baixos. Así, nos anos 70 e 80 baixou a calidade dalgúns dos viños franceses porque imperaba unha dinámica máis produtivista, pero hoxe en día elabóranse mellores viños que nunca, coñécese moi ben e cada vez mellor o terroir de cada zona. Por outra banda, é certo que as modas cambian, tamén en canto aos viños. Así, o viño que nos gusta hoxe seguramente non sería o preferido dos nosos avós. Cales son as claves para elaborar un viño de calidade? Sen dúbida ten unha compoñente de subxectividade, pero creo que a clave é partir dun terroir determinado, un concepto complexo que engloba ao solo, ao clima, á vide e ao ser humano. Todos os grandes terroirs foron creados polo ser humano, a partir dunha análise da contorna. Como dicía o meu referente e estrañado mestre Denis Dubourdieu, “non hai grandes terroirs predestinados, só hai teimas de civilizacións para crealos”. Borgoña é froito da decisión dun colectivo humano de modificar unha contorna que era bastante hostil para a viña para poder crealo. E Champagne é tamén unha zona moi límite para que a uva poida madurar.
“Os viños fantásticos cultívanse en zonas difíciles”
Cada un dos viños fantásticos que coñecemos hoxe en día son froito de ser cultivados en zonas difíciles. A súa grandeza provén dos grandes obstáculos de cultivo que o ser humano tivo que superar. Iso proporciónalles moitos máis matices. Na construción da calidade, por tanto, o ser humano ten un papel determinante. Hoxe en día está de moda falar da non intervención ou intervención mínima, pero hai que lembrar que sen o coñecemento e a sensibilidade do ser humano para guialo, o viño de calidade non existiría. Desde o novo mundo acusábasenos aos europeos de darlle demasiado peso ao terroir, usándoo como mercadotecnia para xustificar que vendemos os nosos viños máis caros e que non se poden elaborar noutro sitio. Para eles, sen embargo, o prioritario é construír o viño. Pero non cabe dúbida que o terroir existe e maniféstase, cando non se estraga, en grandes viños singulares con gusto propio. Neste sentido, creo que en España temos que avanzar para identificar e caracterizar os terroirs. Ás veces defínese a Galicia como a Borgoña española, por ser unha zona límite de cultivo. Como valoras os viños galegos? Viñémonos a Galicia hai 6 anos porque para nós era apaixonante traballar aquí. Hai soamente dous viñedos en España bañados literalmente pola influencia atlántico, que son o galego e o asturiano. E se a iso unimos as castes autóctonas que se mantiveron, e a variedade de microclimas e de chans fan que Galicia sexa un paraíso para experimentar na elaboración de viños, tanto dentro como fóra das Denominacións de Orixe, que se construíron non tanto por criterios de terroir como de decisións políticas.
“Galicia é un paraíso para experimentar elaborando viños”
Que viños che sorprenderon máis ultimamente? Non deixan de sorprenderme. Así, creo que hai un potencial moi alto de envellecemento do Albariño de Rías Baixas e un día poderemos elaborar unha cata de grandes viños con 20 ou 30 anos en botella procedentes de Borgoña, da Loira, do Mosela e os de Rías Baixas tamén darán a talla. Ademais, temos moito por avanzar na elaboración de tintos en Rías Baixas, en Ribeiro ou en Ribeira Sacra temos unha variedade de viños e de subzonas impresionante.... Máis que viños concretos, destacaría a xeración de novos viticultores que parten do respecto á terra, ás tradicións e de querer apostar pola calidade. No mercado téndese a identificar unha DO cunha variedade concreta. Estamos a perder a oportunidade de pór en valor os viños plurivarietais? Non creo que un plurivarietal sexa mellor que un monovarietal, nin viceversa. Creo que o erro é pretender asociar unha variedade a unha Denominación de Orixe. En primeiro lugar porque historicamente en Galicia non foi así, aínda que se entende desde o punto de vista da mercadotecnia como unha estratexia de achegar o consumidor a unha Denominación de Orixe asociándoa a unha variedade, sexa a Godello, a Albariño ou a Mencía. Por exemplo, até hai pouco en Ponte da Boga só elaborabamos monovarietais, porque sentiamos que tiñamos aínda moito por aprender do cultivo idóneo de cada variedade. Dun certo modo creo que é máis fácil traballar con plurivarietais, nas que unha variedade complementa á outra e pode compensar as súas carencias. Elaborar un viño a partir dunha soa variedade é máis esixente.

“En España fai falta enlazar moito máis viticultura e enoloxía”

Como se forma un gran enólogo? Primeiro cunha boa formación académica onde se ensine tanto temas de viticultura como de enoloxía. Segundo, aprendendo dos mellores, facendo prácticas (en 1 ano uno ten sorte de poder facer 1 práctica en cada hemisferio), viaxando por todo o mundo vitícola, estando aberto a catar todo tipo de viño. E terceiro, pero iso non é específico á enoloxía, con humildade. Un pode catar todos os viños que quere ou visitar moitas adegas, pero se pensa que o sabe todo, non aprenderá nada. Que aspectos crees que se poden mellorar na formación dos enólogos en España? Hai que enlazar moito máis a viticultura coa enoloxía. O viño faise na viña. É un tópico pero se o enólogo non entende de solos, de fertilización, de poda, de fisioloxía vexetal, de tratamentos.., se o enólogo non sae ao campo, non pode facer viños sinceros e con alma, só pode facer viños monótonos. Aínda existe a figura do enólogo químico, con bata, que queda no seu laboratorio e que non pisa a viña. Gústame dicir para provocar que quizais en España (e aínda máis en Galicia) sóbrannos enólogos de batas e faltan os de botas. Por iso no logo da nosa empresa “Terroir en Botella” pomos por diante a pegada dunha bota e en pequeno unha botella de viño. Nunha cata a cegas, que te levaría a cualificar un viño como excelente? Se o viño non mente e transpórtame ao lugar que lle viu nacer, xa son moitos puntos. Iso é calidade. Logo, entran en consideración temas de complexidade aromática, de equilibrios, de harmonías, de texturas e de persistencia. Se reúne todo isto, é emoción garantida.

Galardoados nos Premios Mágnum do Viño Galego 2018

Este domingo celebrouse na Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa, dentro de Castes - Feira Independente do Viño, a oitava edición dos Premios Mágnum do Viño Galego, uns galardóns que o Instituto Galego do Viño outorga con carácter anual en recoñecemento dos traballos e os profesionais máis destacados do sector do viño en Galicia, co obxectivo de fomentar a excelencia e afianzar a imaxe de Galicia como referente mundial de viños. Nesta edición os premiados foron: 1)  Mágnum ao Mellor Tratamento do Viño Galego fora de Galicia: Taberna Laredo (Madrid) 2) Mágnum á Mellor Labor de Difusión do Viño Galego: Volando Voy, programa de Jesús Calleja producido por Zanskar Producciones para Cuatro 3) Mágnum á Mellor Iniciativa de Enoturismo: Adega Algueira 4) Mágnum ao Mellor Viño Revelación Galego: Cume do Avia dos Cantos 17 (Cume do Avia) 5) Mágnum ao Mellor Viño Galego: Azos do Pobo 16 (Daterra Viticultores) 6) Mágnum á Mellor Adega Galega: Adega Albamar 7) Mágnum ao Mellor Sumiller de Galicia: Elísabet Castro (Mesón do Campo) 8)  Mágnum Honorífico “Viñolvidable”: Esther Teijeiro Lemos Cada un dos premiados recibiu unha escultura diferente realizada polo artista Kike Ortega. Seguindo a súa liña creativa de total ruptura co lenzo para descubrir as posibilidades artísticas de materiais a priori non concibidos para a arte, estas pezas están feitas con fragmentos de antigos bidóns de aceite, previamente aplanados cunha apisoadora, recortados e traballados polas mans do artista.

Galicia inicia a 6ª edición do Curso Superior de Sumiller Profesional

O Instituto Galego do Viño inaugurou esta tarde en Santiago de Compostela o curso académico 2018-19 do Curso Superior de Sumiller Profesional. O acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura, serviu tamén de clausura da promoción 2017-18. Diego Coquillat —unha das voces máis respectadas do mundo da restauración, director do xornal dixital que leva o seu nome, profesor do Basque Culinary Center e empresario experto na dixitalización do sector hostaleiro— foi o encargado de pronunciar a conferencia inaugural da sexta promoción deste curso, que se desenvolverá ao longo de 700 horas teóricas e prácticas. Este máster, ao que asistirán unha selección de 25 alumnos/as, ofrece unha formación profunda e completa a profesionais que desexan desenvolver a súa carreira como ‪‎catadora‬ no sector vitivinícola, hostaleiro ou turístico. Grazas a un esixente programa lectivo e á participación dos docentes máis prestixiosos constitúese como unha referencia da formación vitivinícola de calidade. “Con este máster damos resposta a unha necesidade existente en Galicia, que carecía dunha formación especializada e profesional ao máis alto nivel en torno ao mundo do viño”, sinalou o director do Ingavi, Xoán Cannas. Outro dos puntos clave do Curso Superior de Sumiller Profesional son as prácticas en empresas, que levaron aos ex alumnos a traballar nalgúns dos mellores restaurantes do mundo. Estrella Galicia, Lavinia, Mugaritz, Casa Solla, El Bulli Foundation, Celler de Can Roca, Monvínic, Vila Viniteca, Cáveslles de Pyrene, The Yeatman Hotel, Niepoort, etc., son algunhas das empresas colaboradoras do Ingavi. Neste sentido, Cannas fixo fincapé no prestixio que está a adquirir esta iniciativa noutros continentes, que se reflicte no feito de que “este ano contamos de novo con alumnos estranxeiros chegados desde países como Colombia e México, en busca dunha formación de calidade, e que se converterán en prescritores dos viños galegos e da marca Galicia”. A Cidade da Cultura, acollerá un ano máis as clases lectivas que impartirán, ao longo de nove meses, recoñecidos expertos a nivel internacional como Ferrán Centelles, Marta Puparelli, Fernando Gallardo, Beatriz Machado, Guillermo Cruz, Paco Berciano, José Luis Mateo, César Cánovas, Dominique Roujou, César Ruíz ou o propio Xoán Cannas, entre outros. Entrega de diplomas e insignias Unha vez dada a benvida aos novos estudantes, procedeuse á entrega de diplomas e insignias aos alumnos da quinta edición que ao longo do ano foron superando as probas de avaliación. As mencións honoríficas, concedidas pola gran calidade dos traballos académicos realizados e a implicación mostrada ao longo do curso, recaeron en Tamara Fernández, Covadonga Álvarez-Nava, Fabio Alejandro González e María Espinosa.

Aberto o prazo de matrícula para o Curso Superior de Sumiller Profesional

Xa está aberto o prazo de matrícula para o Curso Superior de Catador Profesional 2018-19, organizado polo Instituto Galego do Viño e que este ano chega á súa quinta edición. Están dispoñibles un total de 25 prazas. O Curso Superior de Sumiller Profesional ofrece unha formación profunda e completa aos profesionais que desexan desenvolver a súa carreira como sumilleres no sector vitivinícola, hostaleiro ou turístico. Grazas a un esixente programa lectivo e á participación dos docentes máis prestixiosos (Josep Roca, Ferrán Centelles, César Cánovas, Raúl Pérez, etc.),  constitúese nunha referencia da formación vitivinícola de calidade en España, ofrecendo un programa de especialización profesional non dispoñible previamente en Galicia. Este curso aborda a xestión dos viños desde unha perspectiva integral que inclúe fundamentos de viticultura, enoloxía e cata, así como técnicas de mercadotecnia aplicadas ao viño. Así mesmo, a través dun programa eminentemente práctico afondarase nos coñecementos necesarios para que o alumnado asuma novos retos, tales como: -A difusión da cultura do viño, achegándoa a cada restaurante, viñoteca e taberna. -O desenvolvemento do enoturismo como alicerce da nova economía rural. -A orientación á calidade e a innovación como estratexia de diferenciación no mercado global. -A procura de novos mercados nacionais e internacionais. -A adecuada orientación á calidade e á innovación nos sectores vitivinícola e hostaleiro.

Máis información

Aberta a matrícula no INGAVI para o Curso Superior de Sumiller Profesional

O Instituto Galego do Viño (INGAVI) abriu o prazo de matrícula para o Curso Superior de Sumiller Profesional 2018-2019. Este máster, que este ano alcanza a súa sexta edición, considerado polos máis influentes do sector como o máis prestixioso de España, preséntase como unha oportunidade única de formarse en Galicia ao máis alto nivel. Do proceso de selección, consistente en fase de inscrición, selección de candidatos e entrevista persoal, sairá un grupo de 25 alumnos. O Curso Superior de Catador Profesional ofrece unha formación actual e de vangarda a profesionais que desexan desenvolver a súa carreira como sumilleres no século XXI; isto é, comunicadores do viño, que desenvolven a súa profesión en distintos ámbitos do sector: hostalaría, distribución, enoturismo, adega, venda de viño, importación-exportación, tenda especializada, comunicación e mercadotecnia do viño, etc. Prestixiosos docentes a nivel europeo Grazas a un rigoroso programa lectivo teórico-práctico e á participación dos docentes máis prestixiosos a nivel europeo, este curso constitúese como unha porta á internacionalización, abrindo a posibilidade de creación de novos modelos de negocio grazas ás sinerxías profesionais resultantes, entre os propios alumnos, cos docentes como Ferrán Centelles, Marta Pupparelli, Fernando Gallardo, Beatriz Machado, Guillermo Cruz, entre outros e co círculo de empresas colaboradoras do INGAVI, como Estrela Galicia, Lavinia, Mugaritz, Casa Solla, El Bulli Fundation, Celler de Can Roca, Monvínic, Vila Viniteca, Les Caves de Pyrene, The Yeatman Hotel, Niepoort, etc. A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acollerá un ano máis as clases lectivas que impartirán os luns ao longo de nove meses. O equipo docente do INGAVI exporá nos seus masterclass a vangarda en cada un das materias que abordarán no curso, ofrecendo aos matriculados unha perspectiva integral da xestión do viño. As clases maxistrais estarán complementadas con visitas a viñedos, adegas e feiras, compartindo xornadas de traballo cos mellores profesionais de cada ámbito. Para máis información sobre o curso: Alexia Luca de Tena, xefa de estudos aluca@ingavi.org | 665 940 180

“Galicia é onde mellor se atopan viños únicos e diferenciados”

César Ruíz é un dos membros destacados da nova xeración de enólogos e de sumilleres que na última década revolucionou o sector do viño en España, apostando por viños diferenciados e por crear unha auténtica cultura do viño entre os consumidores. Entrevistámolo en Santiago de Compostela, onde imparte docencia no Curso Superior de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño. Como se iniciou a túa relación co mundo do viño? A miña carreira comezou en Lavinia, primeiro como vendedor e máis tarde finalicei como xefe de compras e director de tenda. Tamén me formei en Caves Augé, a tenda de viños máis antiga de París. Posteriormente, emprendín un proxecto propio, El Alma de los Vinos Únicos, xunto a Paco Berciano e Telmo Rodríguez. Esta iniciativa desenvolveu unha rede nacional de distribución de viños e nos españois baseámonos desde en principio en viños galegos, porque en Galicia é onde mellor se atopan viños únicos e diferenciados, grazas a que aínda queda moito minifundio e colleiteiros que elaboran o seu propio viño. Isto foi no ano 2005, e comezamos traballando con José Luís Mateo, con Pedro Guímaro, Fernando de Algueira, Luís Anxo Rodríguez, ou con Forjas del Salnés, adegas todas elas que hoxe son emblemáticas do panorama galego. O meu último proxecto é La Tintorería, unha tenda de viños especializada en pequenos produtores e que é froito da colaboración de Alma Vinos Únicos con Flequi Berruti e Nacho Jiménez. Impartes docencia no Curso Superior de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño para falar sobre os viños das diferentes rexións de Francia. ¿Que podemos aprender dos nosos veciños franceses en canto ao mundo do viño? Creo que moito. O noso problema en España é que presumimos de cultura vitivinícola e case non a temos. Si é certo que temos cultura de beber viño, cada vez menos, pero nunca nos enriquecemos coas distintas variedades de viños de España. De feito, somos o país con maior riqueza de variedades de vide do mundo pero non soubemos aproveitalo. Pola contra, expallouse o cultivo da variedade tempranillo e perdemos a diversidade que podiamos atopar de gustos e de estilos. Sen embargo, hoxe en día, afortunadamente, hai unha nova xeración de viticultores que está a recuperar todo iso. E iso é o que sempre se mantivo en Francia: cada rexión conservou unhas variedades de vide moi diversas e un estilo propio e houbo unha maior diferenciación dos viños por rexións. Isto tamén é o que se fixo en Galicia. Porén, aínda que potenciou as súas variedades autóctonas, caeuse tamén no monocultivo dunhas poucas -Mencía, Godello, Treixadura e Albariño-, cando hai moito máis campo nas variedades minoritarias. A nivel mundial, ¿tamén se produciu unha estandarización dos viños e das variedades de vide? Empeza a haber unha globalización do gusto, que agora se está empezando a cambiar e de feito cada vez aprécianse máis os viños elaborados con variedades autóctonas e do lugar.
“Elaborábanse viños ao gusto de Robert Parker e que se acababan parecendo”
Sen embargo, nos últimos anos elaborábase o viño ao gusto dunha persoa, que adoitaba ser Robert Parker, e facíanse viños con x grao de madurez e de tempo en barrica e todos os viños acabábanse parecendo. Agora hai unha contracorrente que vai cara a outro tipo de gustos, búscanse viños con menor gradación alcohólica, que quizais non son tan perfectos, pero que se diferencian máis uns doutros. Outra materia pendente é valorizar os nosos viños, porque España segue sendo o país co prezo de venda do viño máis baixo.... En exportación é un prezo ridículo, porque hai zonas como A Mancha, a gran rexión vitivinícola do mundo, que tira para abaixo moito dos prezos. Pero creo que os grandes viños españois aprécianse cada vez máis fóra do noso país, e o seguinte paso é pór en valor a nosa viticultura e que se pague polo viño o que vale. O consumidor de viño español empeza a saber valorar o viño que é bo pero falta aínda por aprender que o que é bo hai que pagalo máis caro.
“A gran fortaleza de Galicia é a diversidade de variedades e de tipos de viño”
Como ves a situación do sector do viño en Galicia? En España o consumidor de viño segue sendo do catro R: Rioxa, Ribera del Duero, Rueda e Rías Baixas. Pero creo que cada vez máis hai evolución de xente nova que quere probar outras cousas diferentes, como son os viños galegos. A gran fortaleza de Galicia é a diversidade de variedades e de tipos de viño, que non se atopa en Rioxa ou en Ribera del Duero, onde os viños son máis homoxéneos. No teu próximo relatorio falarás no Instituto Galego do Viño sobre as novas tendencias en comercialización. ¿Pódesnos avanzar algo? A xente cada vez máis tende á diversidade, a viños que sexan diferentes. No meu caso particular, dirixo unha gran distribuidora e o que buscamos son viños diferenciados, non queremos meternos no mesmo xogo de todo o mundo, onde compites por prezo. Hoxe en día as distribuidoras de calidade tendemos a buscar viños únicos que nos coloquen nun status diferente.

“Non é mellor un viño branco para un peixe e un tinto para unha carne”

Ferran Centelles é un rostro coñecido e de prestixio no mundo do viño en España. É responsable de bebidas da Bullipedia, unha sorte de enciclopedia da comida e da bebida do mítico restaurante El Bulli e tamén colabora para os viños de España na guía de Jancis Robinson. Entrevistámolo en Santiago de Compostela, onde por quinto ano imparte docencia no Curso Superior de Catador Profesional do Instituto Galego do Viño. Como te iniciaches no mundo do viño? Empecei a través dos restaurantes. A miña ilusión era traballar en restauración, ao principio en cociña, pero logo vin que o servizo e o traballo en sala atraíame máis. E en sala un dos elementos principais é o viño, e foi aí onde empecei a ter contacto con el. A súa elección forma parte dunha liturxia moi atractiva, e iso foi o que me atraeu. No ano 2006 fun elixido mellor catador de España no concurso Ruinart, foi algo que me serviu para a miña propia aprendizaxe. Este é o quinto ano que impartes formación no Máster de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño. Cales son as claves para ser un bo sumiller? Creo que un sumiller ten que ter moi claro, se está nun restaurante, que o seu papel é atopar o viño ideal para cada cliente e facer subir as expectativas para que teña máis pracer na súa experiencia. É importante non só que o sumiller saiba catar, senón que lle ten que gustar o contacto coas persoas, ter un bo don de xentes, moita curiosidade e aumentar para os clientes o valor da experiencia. Hai algo innato que ten que ser a vocación de servizo.
“Un bo sumiller ten que ter de forma innata vocación de servizo”
No teu relatorio falas de cata e de maridaxes. É algo subxectivo ou existen algunhas bases científicas? Na cata hai algunhas metodoloxías que permiten ser científico, pero na maridaxe non, esta é unha pseudociencia fantástica, e por tanto hai que tomala con certas reservas. Non é unha disciplina científica. É dicir, que o de que o viño branco marida ben con peixe e marisco e o viño tinto con carnes é un tópico... É un tópico, pero é un gusto adquirido. Hai unha porcentaxe moi importante do que che gusta ou non que depende da túa “historial drinking”, do que comas e bebas ao longo da túa vida. Se nos criaron e nos acostumaron a que o branco vai ben co peixe e o tinto coa carne, é normal que ao final acabemos tendo preferencias por estas maridaxes. Porén, esta tendencia de maridaxe é moi antiga: hai máis de 150 anos que se escribiu por primeira vez que os brancos eran para o principio do menú e os tintos para o final, e isto a nivel cultural permaneceu. Evidentemente, non é mellor un branco para un peixe nin un tinto para unha carne, pero a través do noso gusto adquirido é unha experiencia que nos gusta.
“Empezamos a maridar viños con comida de forma científica mediante a harmonía molecular”
É dicir, que en Xapón ou noutros países asiáticos poderían cambiar estas maridaxes... Por suposto, depende do país. Imaxina en China onde comen moitos pratos ao mesmo tempo, e por tanto é moito máis complexo. As metodoloxías de maridaxe agora tentan ser máis científicas e estamos en proceso de cambio. Escribiches un libro sobre maridaxe no que falas de “maridaxe molecular”. En que consiste? É unha tendencia moi interesante creada por François Chartier. O que fai é despezar os viños e os alimentos a nivel molecular, e detectar a través de cromatografría cales son os aromas dominantes. Así, atopou certas relacións entre viños que teñen determinadas moléculas que tamén as teñen os alimentos. Por exemplo, no curry hai moléculas moi similares ao Xerez, polo que cando comes certos pratos con curry con certos tipos de xerez hai harmonías moi agradables porque existen aromas en común. Isto é o que se chama harmonía molecular. Así, se hai parecidos moleculares entre un viño e un prato van maridar ben. No caso do albariño, é un viño moi herbáceo e ten moitas sinerxías cos mariscos. A salinidade do marisco e a acidez do viño albariño ou do Ribeiro son combinacións moi saborosas. As carnes ao grill, cando fas caramelización hai viños que tamén presentan estes aromas. A harmonía molecular é un principio de ciencia, unha nova xanela que se abre. A cata é moito máis científica? A cata de viños ten métodos de valoración máis científicos. Así, existe un método ISO de valoración de cata, estandarizado. Con todo, non hai ningunha máquina ou método 100% obxectivo que permita determinar a calidade dun viño, polo que sempre queda iso de que a calidade dun viño a fixa un catador. É unha percepción que depende do viño, da súa etiqueta, da contorna, polo que sempre existe unha marxe de subxectividade, aínda que a tendencia é ser cada vez máis obxectivo. Un catador podería determinar a cegas se un viño é galego ou atlántico? Os viños teñen a capacidade de transmitir a orixe, e en Galicia existen moi bos viños. Pero creo que a etiqueta de viños atlánticos é moi ampla, e en inglés mesmo remite a viños de Washinton. Gústame moito a definición de viños atlánticos porque é unha etiqueta moi potente, pero non é exclusiva de Galicia. Os viños galegos teñen moita identidade, porque hai variedades locais propias, cun clima fresco e chuvioso que aumenta as acideces e dá perfís de boca moi fluídos e moi profundos. O viño galego marca claramente a orixe e por iso ten tanto interese.
 “O viño galego marca claramente a orixe e por iso ten tanto interese”
Volverás en maio a impartir unha clase maxistral no Ingavi para falar sobre o mercado do viño en Estados Unidos e en Norteamérica. Segue habendo posibilidades ou é un mercado xa algo saturado? Hai moita cultura do viño en Estados Unidos. En España aínda vimos dunha cultura na que o viño era un alimento na mesa. Pola contra, en Estados Unidos naceu como un produto hedonista, de pracer. E por tanto, é maior o prezo medio que unha parte importante dos consumidores están dispostos a pagar por unha botella de viño. En España aínda estamos nun proceso de transición, no que pasamos de que o viño estaba todos os días nas mesas, ás veces mesturado con gasosa, a entender o viño máis como un pracer e non tanto como un alimento. Nesta transición houbo un descenso no consumo do viño. Todas as adegas están preocupadas como sumar ás novas xeracións a un consumo responsable de viño, e que deixe de considerarse como algo elitista . Estamos a facer as cousas ben? A clave é como simplificar o viño para que chegue a moita xente pero sen banalizalo, porque o viño é cultura, territorio e pracer, e por tanto é un produto complexo.
“En España o viño pasou de ser un alimento a un produto pracenteiro”
A maioría dos profesionais estamos a tentar simplificar o viño, pero sen facelo un produto banal, porque perdería toda a maxia e todo sentido o esforzo que están a facer moitas adegas. Hai futuro para o viño en España, sobre todo cando entendamos ese cambio de ser un alimento a ser un produto pracenteiro. Ademais, o viño ten a vantaxe de ser un produto máis social que o resto de bebidas, é algo que se compra para compartir.

Santiago acollerá en abril a 15 dos mellores novos talentos da viticultura

O Instituto Galego do Viño (Ingavi) pon en marcha o Viñerón 2017, unha feira vitivinícola creada para satisfacer as demandas dos apaixonados do viño, mediante o encontro directo entre 15 dos mellores viticultores novos. A terceira edición deste encontro vitivinícola celebrarase o próximo 1 de abril de 2017 no Edificio Cinc da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Viñerón 2017 preséntase como unha reunión desenfadada entre viticultores e entusiastas do viño, profesionais do sector hostaleiro, agroalimentario e turístico, así como bloggers e medios de comunicación especializados, desexosos todos, por coñecer os traballos que están a destacar no mundo do viño, catalos e levar algunha botella a casa. O obxectivo deste evento é axudar a difundir o traballo de produtores emerxentes que aínda non son moi coñecidos no mercado pero que elaboran uns viños que merecen un especial recoñecemento. Os 15 Viñeróns seleccionados para participar nesta edición serán dados a coñecer nos próximos días. Os asistentes poderán gozar dunha experiencia multisensorial que combina: feira de viños, na que se poderá catar e comprar viño directamente aos Viñeroóns; música en directo, a cargo de artistas como Pepe Solla, Juanjo Figueroa, Nico Pastoriza e Eladio dos Santos; e street food, ofrecida por unha selección de food trucks cunha proposta gastronómica tan coidada como nova. As entradas poderanse adquirir na páxina web do evento (vineron.es) cun desconto do 20% por compra anticipada ata o 20 de marzo. Despois desta data o prezo de compra será de 15 € a entrada individual e 25 € a entrada dobre. Lugar de reunión de produtores emerxentes En relación ao nome do evento, o director do Ingavi, Xoán Cannas, comenta que «Viñerón ou Vigneron é a palabra que mellor representa aos artesáns do viño», «e o obxectivo desta feira non é outro que axudar a difundir o traballo dos novos talentos da viticultura», apostila. Pola súa banda, o xerente do Ingavi, Jorge Vila, apunta que o perfil dos Viñeróns fai que o público ao que vai dirixido sexan persoas de todas as idades con interese polos viños diferentes, os viños con alma. «Parécenos moi importante ver a tanta xente nova con curiosidade por coñecer o que está a pasar no mundo do viño, xa que eles son os futuros consumidores e os mellores transmisores da cultura do viño».

Galardoados nos Premios Magnum 2017 do Instituto Galego do Viño

Cristino Álvarez recolleu esta noite de mans do director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, o Premio Mágnum Honorífico 2017 ‘Vinolvidable’ polo seu traballo a prol do viño galego nun acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia. Os Premios Mágnum que concede o Instituto Galego do Viño teñen por obxectivo fomentar a excelencia no sector vitivinícola e afianzar a imaxe de Galicia como referente mundial de viños e profesionais de máximo prestixio. Como novidade, nesta edición dos Premios Mágnum incorporouse un novo galardón: o Mágnum á Mellor Iniciativa de Enoturismo, que vén a recoñecer o mérito das mellores propostas encamiñadas a desenrolar o enorme potencial do enoturismo en Galicia. A maiores, este ano o número de nomeados en cada categoría tamén se modificou, pasando de catro a cinco, para dar cabida á gran cantidade de proxectos de calidade que están a xurdir no sector. Adegas Guímaro, premio á Mellor Adega Galega O xurado destes galardóns, que xa alcanzan a súa sétima edición, nomeou a Eduardo Camiña como o Mellor Sumiller no Tratamento do Viño Galego, destacando que «poucas persoas atesouran tanta xuventude e tanto talento». A distinción de Mellor Adega Galega (entendida como colección de viños) foi para Adegas Guímaro, adega con historia e percorrido sendo durante moitos anos un referente mundial. Pola súa banda, Caíño Finca Genoveva 2014, de Forjas del Salnés, conseguiu o Premio Mágnum ao mellor Viño Galego. O xurado apuntou que se trata «dun clásico de referencia cheo de frescura e lonxevidade». En canto ao Mellor Viño Revelación Galego recaeu en Finca Lobeiras 2014, de Sílice Viticultores, destacando que se trata «dun proxecto de finca dunha das adegas que están dando máis que falar na zona». De entre os nominados ao Mágnum á mellor iniciativa de Enoturismo, Casal de Armán resultou o seleccionado, «pola súa proposta turística de calidade, que mellora ano a ano». O Premio Mágnum á Mellor Labor de Difusión do Viño Galego recaeu en A Emoción dos Viños!. «Este recoñecemento ven a valorar a defensa de productores orixinais de calidade e dalos a coñecer ao gran público». Todos eles recibiron unha escultura realizada por Alejandra Sampedro, que consiste nunha revisión da botella mágnum á que incorpora as crebas que arrastra o mar en torno ao faro Silleiro e que outorgan exclusividade a cada peza.

Lista de nomeados aos Premios Mágnum do Viño Galego 2017

O Instituto Galego do Viño celebrará o vindeiro día 20 de febreiro en Santiago a Gala de Entrega de Premios da VII Edición dos Premios Mágnum do Viño Galego na que se recoñecerán os traballos e profesionais máis destacados do sector do viño en Galicia no último ano. Como novidade, nesta edición dos Premios Mágnum incorpórase un novo galardón: o Mágnum á Mellor Iniciativa de Enoturismo. «Este galardón vén recoñecer o mérito das mellores propostas encamiñadas a desenrolar o enorme potencial do enoturismo en Galicia», en palabras do director do Ingavi, Xoán Cannas. A maiores, este ano o número de nomeados en cada categoría tamén se modifica, pasando de catro a cinco, para dar cabida á gran cantidade de proxectos de calidade que están a xurdir no sector. Lista de nomeados O xurado concede estes galardóns en sete categorías entre as que se atopa o Mágnum Honorífico que se lle concede a unha destacada personalidade pola súa contribución en prol do viño galego. Na categoría de Mellor Viño Galego compiten: • El Palomar 2014 (Zárate) • Lousas Parcela Camiño Novo 2015 (Envínate) • Caíño Finca Genoveva 2014 (Forjas del Salnés) • O Soro 2014 (Rafael Palacios) • Bastarda 2015 (Fedellos do Couto) O premio ó Mellor Viño Revelación Galego (viños cun máximo de dúas colleitas no mercado) está entre: • Finca Lobeiras 2014 (Sílice Viticultores) • Castro Candaz La Vertical 2013 (Raúl Pérez e Rodrigo Méndez) • Carralcoba Blanco 2015 (Eulogio Pomares) • Merenzao 2014 (Fazenda Prádio) • Xanledo 2015 (Viñedos do Gabián) Pola súa banda, os aspirantes ao título de Mellor Adega Galega (entendida como colección de viños): • Adegas Guímaro • Nanclares y Prieto Viticultores • Bodegas Albamar • Bodegas Rafael Palacios • Attis Bodegas y Viñedos Ao recoñecemento á Mellor Labor de Difusión do Viño Galego optan: • Alma Vinos Únicos • A Emoción dos Viños • La Alacena Roja • Come e Fala (RTVG) • Cepas y Vinos Á categoría que se estrea este ano, Mágnum á Mellor iniciativa de Enoturismo, optan: • Os Xoves de Códax (Martín Códax) • Adega Algueira • Fazenda Prádio • Casal de Armán • Pazo Baión O Mágnum ó Mellor Sumiller no Tratamento do Viño Galego dispútase entre: • Eduardo Camiña • Xurxo Rivas (O Secreto) • José Luis Aragunde (Ribeira De Fefiñáns) • Elisabet Castro e Manuel Fernández (Mesón do Campo) • Francisco Chao (Casa Chao) En canto ao gañador do Mágnum Honórifico, este darase a coñecer na propia Gala de Entrega dos premios. O xurado dos Premios Mágnum está composto por recoñecidos sumilleres, profesores e alumnos do Instituto Galego do Viño. Son os seguintes: Ferrán Centelles, César Ruiz, Miguelanxo Besada, Adrián Guerra e Fernando Filgueira, Mario Barrio, Esther Daporta, Luis Díaz, Jose Martínez, Juanjo Figueroa, Elisabet Castro, Guillermo Cruz, Jorge Vila e Xoán Cannas. Os premios estarán representados, un ano máis, por sete obras de arte; sete esculturas realizadas por Alejandra Sampedro que consisten nunha revisión da botella mágnum á que incorpora as crebas que arrastra o mar en torno ao faro Silleiro e que outorgan exclusividade a cada peza. Toda a información http://www.premios-magnum.com/

Os viños galegos chegan ao público de Nova York a través do Ingavi

O Instituto Galego do Viño impartirá en Nova York dous novos cursos de especialización en viño para dar a coñecer as uvas e os viños, tanto galegos como españois. Estas accións formativas, que darán comezo o próximo 23 de xaneiro, están organizadas en colaboración coa Nacional e coordinadas polo Managing Director do Instituto Galego do Viño, Antonio Arias. Os cursos, impartidos por Xoán Cannas e Jorge Vila -director e Ceo do Ingavi, respectivamente- ofrecen unha formación feita a medida tanto para profesionais que buscan ampliar o seu coñecemento sobre viños españois e galegos, como para amateurs que queiran ter un primeiro achegamento ás variedades autóctonas de España e Galicia. En total cataranse 35 viños representativos de cada rexión, difíciles de atopar en EE.UU. Todas as accións formativas impártense na sede da Nacional, Spanish benevolent society (239 W 14th St, Nova York). O curso para a obtención do Diploma de Especialización en Viños de España e Galicia, que terá lugar entre o 23 e 24 de xaneiro, está dirixido a profesionais con coñecementos previos sobre a materia (profesionais de hostalería, restauración, viticultores, enólogos, catadores, distribuidores, expertos, docentes?). Os participantes farán un percorrido pola historia e xeografía vitivinícola de España e Galicia, catando 25 viños da zonas mediterránea, atlántica, continental e jerez e cava. No curso sobre Variedades de Uva Autóctonas de España e Galicia, nunha única sesión o 24 de xaneiro, analizaranse 5 tipos de uvas (Albariño, Godello, Tempranillo, Garnacha e Mencía). A teoría estará ilustrada coa cata de viños seleccionados que representan a diversidade idiosincrásica de España. A venda de entradas para este curso, dirixido ao público amateur e amantes do viño, están esgotadas desde hai varias semanas. A formación, clave para favorecer a exportación dos viños galegos Este curso enmárcase dentro dunha nova liña de traballo do Ingavi orientada a formar aos profesionais do campo vitivinícola dos países que marcan a tendencia gastronómica e vinícola a nivel mundial, co obxectivo de potenciar o coñecemento e exportación dos viños galegos a novos mercados. EE.UU. é unha das paradas dun programa no que tamén se inclúen destinos como Bogotá, México, Lima ou O Porto.