Archives

Nova oportunidade para instalar colares intelixentes ao gando

A Consellería do Medio Rural vén de convocar unha liña de subvencións que contempla, entre outros investimentos, a instalación de colares de monitorización do gando, o que se converte nunha nova oportunidade para instalar Rumi, o sistema galego de xeolocalización que permite ter aos animais controlados en todo momento.

As axudas, por importe de máis de 2.500 euros por gandería, requiren facer un investimento mínimo de 5.000€. Para chegar a esta cantidade, as explotacións poden solicitala de xeito individual ou ben en agrupación con outras 4 ganderías, o que ademais se valora no baremo de puntos que se ten en conta á hora da concesión.

O prazo de solicitude remata o día 31 de xullo e a tramitación realízase de xeito telemático. Poden beneficiarse destas axudas tanto explotacións de leite en intensivo e extensivo como explotacións de carne. Desde a empresa galega Innogando, creadores de Rumi, facilitan a documentación necesaria para a tramitación desta subvención, que permite aforrar a metade do custo dos colares. 

Contacto

Para obter máis información sobre o sistema Rumi e a tramitación das axudas para comezar a beneficiarse das súas vantaxes na explotación pódese chamar ao número 644 586 245, contactar por whatsapp ou tamén enviar un email a hola@innogando.com.

Os datos sempre á man en todo momento

Os colares intelixentes Rumi funcionan a través dunha aplicación para teléfono móbil moi doada de usar, para que o gandeiro poida ter sempre as alertas na man sen necesidade de estar diante dun ordenador. Non é necesario tampouco instalar unha liña de internet na granxa, o que supón tamén un aforro.

As alertas chegan ao teléfono móbil do gandeiro, o que permite telas sempre á man, sen necesidade de estar diante dun ordenador

Rumi funciona tanto en interior, para gando estabulado, como en exterior, mesmo en lugares sen cobertura de telefonía móbil, habituais en moitas zonas rurais de Galicia, mediante a colocación dunha antena na propia granxa con alcance de até 10 km e os colares levan incorporada unha pequena placa solar que autorrecarga as baterías do dispositivo para que non sexa necesario cambialas, o que evita ter que coller o gando que se atopa fóra.

Rumi permite monitorizar o 100% da granxa e complementa a toma de datos do robot ou a sala de muxido

Precisamente esta é unha das vantaxes de Rumi con respecto a outros sistemas existentes no mercado, a súa versatilidade, xa que permite adaptarse ás condicións de cada explotación, sendo ademais compatible con sistemas de muxido robotizado, aos que complementa.

Detección de celos, a mellor maneira de aforrar cartos nunha granxa

Un dos beneficios que aportan os colares Rumi é o control de celos. Ao estaren dotados de localización GPS e monitorización en tempo real, ofrecen unha solución para ter as vacas e a recría controladas en todo momento, o que mellora a efectividade reprodutiva da granxa. 

Isto proporciona tranquilidade aos gandeiros e unha maior eficiencia produtiva a través do control absoluto do rabaño, porque un celo detectado a tempo supón unha inseminación máis viable e unha vaca máis rendible (menor número de doses, menor intervalo entre partos e maior número de lactacións).

O colar intelixente permite un seguemento completo e individualizado dos animais durante as 24 horas do día, tanto se están estabulados como se saen ao prado

O dispositivo tamén emite alertas sobre o retraso na inseminación, por exemplo, se unha xovenca cumpre 14 meses e non foi inseminada ou se transcorreron 60 días tralo parto dunha vaca e non saíu en celo, datos sobre os seguintes celos previstos ou outros que axudan ao control reprodutivo, como a lista das vacas inseminadas hai 30 días para proceder á súa revisión.

Control da recría noutra nave

O seguimento das becerras e xovencas é hoxe unha eiva importante en moitas explotacións leiteiras. Malia que o futuro dunha explotación está na súa recría, as ganderías están tan centradas moitas veces no seu día a día no coidado das vacas en produción que se esquecen da descendencia, que é realmente onde está o verdadeiro potencial de crecemento e mellora dunha gandería. 

En moitos casos, incluso se a granxa ten robot de muxido ou sala dixitalizada que aporte datos das vacas en produción, a recría segue a facerse a cegas. Pero cando se acada un volume importante de animais isto supón un problema porque é imposible ter un control individualizado de cada animal.

Os colares intelixentes permiten un control individualizado en tempo real de cada animal, mesmo se as xovencas están noutra nave lonxe da explotación ou na pradeira

A isto súmase un factor engadido. O crecemento das ganderías nos últimos anos levounas ademais en moitos casos a alugar instalacións para a recría que están mesmo distantes varios quilómetros da nave principal, o que dificulta aínda máis o seu seguemento, algo que agora resolve Rumi, enviando datos en tempo real de cada un dos animais ao teléfono móbil do gandeiro.  

Ao acurtar a idade do primeiro parto son necesarias menos xovencas para cubrir a taxa de reposición da granxa

Por iso, a solución que aporta Rumi supón un apoio importante para as ganderías de leite, xa que permite aforrar tempo e gañar en tranquilidade. O seguimento continuo axuda a optimizar a recría, adiantándose a enfermidades e detectando os celos, o que permite adiantar con garantías a primeira inseminación e a idade do primeiro parto e, polo tanto, o momento en que as explotacións comezan a recuperar o investimento realizado na recría. Ao estaren producindo antes, afórrase na súa alimentación e o seu retorno económico é maior.

Cursos de formación en Becerreá sobre reprodución no gando vacún

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar este mes en Becerreá senllos cursos sobre as diferentes técnicas de reprodución no gando vacún. Os obradoiros impartiranse cun horario de mañá desde as 8,45 ata as 14,00 horas do 19 ao 22 de setembro e do 26 ao 29 do mesmo mes.

O programa destes cursos aborda unha serie de nocións sobre a reprodución de touros e vacas, así como técnicas de indución ao celo e inseminación artificial, que serán aplicadas na parte práctica da acción formativa. Ambos cursos finalizarán cunha visita o último día á sede de Xenética Fontao, en Lugo.

Os cursos tamén buscan que os alumnos saiban elixir as futuras reprodutoras e sementais en función do gando, e coñecer e saber realizar as diferentes técnicas de indución ao celo e inseminación artificial bovina.

A inscrición pode facerse a través de internet na seguinte ligazón: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas
O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 367, ou enviarse un correo a cfea.becerrea@xunta.gal

A Xunta organiza varios cursos de inseminación na provincia de Lugo

A Consellería do Medio Rural a través do Plan de Formación, oferta nos vindeiros meses varios cursos de inseminación de gando vacún na provincia de Lugo, unha demanda recorrrente por parte dos gandeiros. A formación está prevista impartirse dende xuño a setembro deste ano e o criterio de admisión será por orde de inscrición. Ante calquera dúbida ou problema á hora de realizar a preinscrición poñase en contacto co centro onde se imparte ben por teléfono ou email. Os lugares nos que está previsto impartir os cursos son os seguintes: -Concello: Ribadeo                  Lugar: 03 CFEA P MURIAS Persoa de contacto: Sheila García Freitas Telf: 982 82 85 50                   Email: cfearibadeo@xunta.gal
CÓDIGO ACCION FORMATIVA-TEMÁTICA HORAS (TOTAL)
FC2022F127001 MELLORA REPRODUTIVA E INSEMINACIÓN 9
-Concello: Becerreá                 Lugar: 04 CFEA BECERREA Persoa de contacto: Jesús López López Telf: 982 82 83 70                   Email: cfea.becerrea@xunta.es
CÓDIGO ACCION FORMATIVA-TEMÁTICA HORAS (TOTAL)
FC2022F127037 REPRODUCIÓN NO GANDO VACÚN 20
FC2022F127038 REPRODUCIÓN NO GANDO VACÚN 20
-Concello: Monforte de Lemos                       Lugar: 05 CFEA MONFORTE Persoa de contacto: María Estrella Rodríguez Rodríguez Telf: 982 82 88 91 02              Email: ceca.monforte@edu.xunta.gal
CÓDIGO ACCION FORMATIVA-TEMÁTICA HORAS (TOTAL)
FC2022F127100 TÉCNICA DE INSEMINACIÓN ARTIFICIAL EN GANDO VACÚN 20
FC2022F127101 TÉCNICA DE INSEMINACIÓN ARTIFICIAL EN GANDO VACÚN 20
-Concello: Lugo                        Lugar: 14 XT LUGO OAC DE LUGO Persoa de contacto: Jesús Cantalapiedra Álvarez Telf: 982 29 49 35       Email: oac.svo.lugo@xunta.es
CÓDIGO ACCION FORMATIVA-TEMÁTICA HORAS (TOTAL)
FC2022F127189 MELLORA REPRODUTIVA E INSEMINACIÓN 15
FC2022F127190 MELLORA REPRODUTIVA E INSEMINACIÓN 15
FC2022F127191 MELLORA REPRODUTIVA E INSEMINACIÓN 15
 

Curso de inseminación a vindeira semana en Monforte

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos acollerá a vindeira semana, desde o luns 9 ao venres 13 de maio, un curso formativo sobre a técnica de inseminación artificial en gando vacún, tanto de leite como de carne. O programa, que inclúe unha parte teórica e outra práctica, desenvolveráse en horario de mañá, de 10 a 14 horas, e consta das seguintes partes: LUNS 9:
  • O aparello reprodutor: Anatomía do aparello reprodutor da vaca e do touro
  • Fisioloxía da reprodución: O ciclo reprodutivo e a detección de celo
MARTES 10:
  • Control de reprodución: Índices reprodutivos, mellora dos resultados produtivos e problemas que afectan á reprodución
  • Prácticas en matrices
MÉRCORES 11 e XOVES 12:
  • Prácticas de inseminación
VENRES 13:
  • Visita á empresa Xenética Fontao (Lugo)
Formulario de inscrición Esta acción formativa está destinada a gandeiros ou persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura e o sector forestal, especialmente mozos e mozas con expectativa de incorporación a explotacións gandeiras. Para participar no curso, que é de balde e dá dereito a obter un certificado de asistencia polas 20 horas de duración, é necesario facer a reserva da praza a través do seguinte formulario de inscrición

Que efectos pode ter a mamite subclínica na taxa de reprodución nas granxas de vacún de leite?

A mamite segue sendo unha das patoloxías máis frecuentes nas ganderías de vacún de leite e ás veces faino de xeito silencioso, cando se trata de mamite subclínica, posto que cando a enfermidade se presenta deste xeito caracterízase por non ter síntomas visibles nos animais, porén esta mamite deixa tamén consecuencias. Un dos efectos que arrastra a mamite é a diminución do rendemento dos animais en aspectos como a produción e a fertilidade. Un estudo no que participaron investigadores da Universidade de Santiago fixouse na relación entre a mamite subclínica e a taxa de preñez. Ter en conta o reconto celular no leite e os días transcorridos entre a inseminación pode ser determinante para lograr que a vaca preñe. “O estudo buscaba investigar os efectos da mastite subclínica antes e despois da primeira inseminación en vacas de leite de raza Frisoa en Galicia, xa que non se contaba con moita documentación ó respecto”, indican os investigadores no artigo que recolle o traballo.
Os investigadores traballaron cos datos de 80 granxas de Lugo e coa información de máis de 2.000 lactacións
A investigación foi realizada tomando os datos de 80 granxas de vacún de leite situadas todas elas na provincia de Lugo. Ademais, todas eran ganderías con vacas de raza Frisoa. En concreto, no estudo dispuxeron de datos de 2.053 lactacións. As granxas tiñan de media unhas 35 vacas en muxido e en todas elas se facían dúas muxiduras ó día. Ademais, como tódalas vacas estaban incluídas no Programa de Control Leiteiro de Galicia, os investigadores contaban con toda a información referida a mastite subclínica dispoñible. No estudo tamén tiveron a colaboración do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

A incidencia da mamite

O reconto de células somáticas é un dos indicativos da incidencia de mamite subclínica na granxa, así como a baixada de produción de leite. Así, recontos celulares por encima das 200.000 células por mililitro de leite evidencian que o animal ten unha mamite subclínica. Tendo en conta isto, os investigadores decidiron botar man deste reconto celular para avaliar os efectos na fertilidade vinculados á mastite subclínica. “A incidencia da mastite está asociada con efectos negativos no rendemento reprodutivo, así como na taxa de concepción”, explica a investigación. Estudos previos a esta investigación xa tiñan amosado que un incremento do reconto celular antes e despois da inseminación provocaba efectos negativos na fertilidade, aínda que había dificultades para establecer a franxa de tempo que era crítica para a preñez. Así, había estudos que sinalaban como período crítico os 10 días anteriores e os 30 días posteriores á inseminación. Mentres outros apuntan que dende o día 31 ó 45 despois da inseminación os riscos aumentan. Deste xeito, un incremento do reconto celular nos primeiros 90 días de xestación apuntaba que podía haber risco de aborto.
As vacas cun reconto de células somáticas por debaixo de 200.000 por mililitro de leite nos 30 días posteriores á primeira inseminación tiveron maior facilidade para quedar preñadas
Na investigación realizada nas granxas galegas, os datos amosan que o período crítico abrangue os 30 primeiros días despois da inseminación. En base ós recontos celulares puideron determinar que as vacas cun reconto de células somáticas por debaixo de 200.000 por mililitro de leite nos 30 días posteriores á primeira inseminación tiveron maior facilidade para quedar preñadas que aquelas vacas que tiñan un reconto celular máis alto. “Un episodio de incremento do reconto de células somáticas dentro dos 30 días posteriores á inseminación artificial ten un efecto disruptivo na taxa de preñez do animal”, sinala a investigación. Os achados do estudo demostran que a mastite subclínica dentro dos 30 días posteriores á primeira inseminación resulta decisiva e prexudica a posibilidade de preñez da vaca. Mentres, os investigadores non atoparon evidencias de que se produza o mesmo efecto se a mastite subclínica se produce nos 30 días antes de realizar a inseminación. Analíticas de leite.

O control leiteiro, ferramenta para mellorar resultados

En base ás conclusións do estudo, os investigadores recomendan extremar a prevención da mastite subclínica sobre todo despois da primeira inseminación. “ A prevención durante un período crítico de 30 días trala inseminación é importante para maximizar o rendemento produtivo”, explican.
“Os informes do control leiteiro galego poden ser unha vía de información para predicir a fertilidade baseándose nos niveis de recontos celulares”
A relación entre o incremento dos recontos celulares, a mastite e a fertilidade das vacas fai que ferramentas como os informes do control leiteiro se volvan unha ferramenta de utilidade para mellorar os resultados na granxa, ó ofrecer información sobre os recontos celulares de xeito periódico. “Os informes do control leiteiro galego poden ser unha vía de información para predicir a fertilidade baseándose nos niveis de recontos celulares”, detallan. O estudo amosa que tomar medidas para previr a mastite subclínica é un xeito para diminuír as perdas económicas da gandería, debido ós efectos que pode traer sobre a fertilidade das vacas.

Curso sobre inseminación de gando vacún e mellora reprodutiva a vindeira semana en Ribadeo

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza a semana vindeira en Ribadeo un curso de mellora reprodutiva e inseminación do gando vacún. Impartido no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, está previsto que se desenvolva entre o luns 8 e o mércores 10 de novembro, cun total de 10 horas lectivas. A formación partirá da base de que a reprodución é un dos factores máis importantes na economía dunha explotación de vacún. Máis concretamente, a inseminación artificial revélase como determinante para a mellora xenética dos animais, posibilitando acceder a exemplares de altas producións nun curto período de tempo, co conseguinte aumento da competitividade e rendibilidade.
O programa formativo inclúe contidos sobre a anatomía e o aparato reprodutor da vaca, así como a detección de celos, incluíndo prácticas para aplicar os coñecementos adquiridos
Así, esta técnica presenta vantaxes como un mellor aproveitamento do macho, un progreso xenético máis rápido, o aumento da fertilidade ou a minimización das enfermidades venéreas que afectan a este tipo de gando. Nesta liña, o programa formativo inclúe contidos sobre a anatomía e o aparato reprodutor da vaca, sobre a detección de celos e sobre a desconxelación de material xenético, así como sobre pautas de inseminación e sobre palpación rectal, incluíndo prácticas para aplicar os coñecementos adquiridos. Para participar no curso é preciso inscribirse enviando cuberto o formulario que se pode atopar no seguinte enlace ao enderezo electrónico cfearibadeo@xunta.es. Os interesados en asistir poderán solicitar ademais calquera información adicional chamando ao teléfono 982828556.

Curso en Monforte de inseminación artificial de gando vacún

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos acollerá na semana do 5 ao 9 de xullo un curso sobre a técnica de inseminación artificial en gando vacún, tanto en vacas de leite como de carne. O curso será impartido pola directora do centro, a veterinaria Estrella Rodríguez, e consistirá en 2 sesións teóricas en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, os días 5 e 6 de xullo, e clases prácticas de insemanación, que terán lugar o xoves 8 e o venres 9 de 10:00 a 14:00 horas. A formación completarase cunha viaxe o mércores 7 ás instalacións da empresa Xenética Fontao en Lugo. Esta actividade formativa está dirixida a gandeiros e persoas vinculadas profesionalmente cos sectores agrícola e gandeiro, en especial a mozos e mozas do medio rural galego con expectativa de incorporación á actividade. É de balde e dá dereito a obter un certificado de asistencia.
O curso é de balde e dá dereito a obter un certificado de asistencia
As persoas interesadas en participar no curso poden inscribirse cubrindo o seguinte formulario e enviándoo por correo electrónico ao enderezo ceca.monforte@edu.xunta.es. As reservas de praza tamén se poden facer por teléfono chamando ao 982889103, que é tamén o número habilitado para consultas e información. Este curso está incluído nas actividades formativas e de transferencia de coñecementos e información da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e está financiado con fondos do PDR 2014-2020.

PROGRAMA COMPLETO DO CURSO:

Luns 5/07/2021 (16:00-20:00) INTRODUCIÓN: A reprodución como factor de produtividade O APARELLO REPRODUTOR: Anatomía do aparello reprodutor da vaca Anatomía do aparello reprodutor do touro FISIOLOXÍA DA REPRODUCIÓN O ciclo rerprodutivo A detección de celo Martes 6/07/2021 (16:00-20:00) CONTROL DE REPRODUCIÓN Índices reprodutivos Mellora dos resultados produtivos Problemas que afectan á reprodución TÉCNICA DE INSEMINACIÓN ARTIFICIAL Prevención de accidentes durante o manexo de animais e sensibilización medioambiental Mércores 7/07/2021 (10:00-14:00) VIAXE A LUGO Á EMPRESA XENÉTICA FONTAO Xoves 8/07/2021 e Venres 9/07/2021 (10:00-14:00) CLASE PRÁCTICA DA TÉCNICA DE INSEMINACIÓN

Recomendacións para a inseminación artificial en vacún de leite

A inseminación é unha técnica moi antiga, comezou en España no ano 1945 cando se crea o “Servicio de Inseminación Artificial Ganadera” dependente da Dirección General de Ganadería, que levou a cabo a investigación, experimentación e ensinanza do método de inseminación artificial (IA), así como a coordinación dos Centros de IA. O funcionamento daquela, constaba de centros primarios onde se tiñan os sementais e se extraía e preparaban as doses seminais e Centros Secundarios que estableceron circuitos onde os veterinarios aplicaban as doses ás vacas en celo e percibían unhas cantidades por cada 3 inseminacións. O uso da técnica de IA foi progresivo dende o ano 1953, no que se inseminaron aproximadamente 20.000 vacas, a maior parte animais de producción láctea, ata a actualidade na que os gandeiros a seguen empregando como unha ferramenta máis de traballo que lles facilita cubrir os seus animais no mellor momento. A IA contribuíu de maneira importante á mellora xenética, de maneira que cun só semental se pode acadar un número elevado de descendencia e facer a súa valoración nun período breve de tempo. Na actualidade, avanzouse moito neste campo e xa dispoñemos doutras técnicas como son o transplante de embrións, empregada en Galicia xa fai uns 30 anos, que permite obter un considerable número de descendentes por unidade de tempo a partir de femias dun alto valor xenético Isto combinado coa aplicación cada vez máis frecuente de seme sexado, asegura a obtención da descendencia buscada para a selección e poder cubrir o resto dos animais con seme convencional ou de outras razas. Outra ferramenta que se está empregando son as probas xenómicas que permiten averiguar con exactitude o potencial xenético dun animal dende case o nacemento, e enfocado a que os productores teñan a información que lles permita mellorar a selección do seu rabaño encanto a produción, tipo e saúde.

3 premisas para que a inseminación artificial teña éxito

Para que a técnica de IA teña éxito compre ter en conta 3 premisas : que a vaca estea en celo, que estea sá e que o seme sexa de boa calidade. Un dos problemas é a dificultade da detección de celo, este parámetro é o que máis inflúe no rendemento reproductivo da explotación (Bekara and Bareille,2019). Para paliar isto nas explotacións leiteiras empregánse sistemas electrónicos que detectan un aumento da actividade física (signo secundario de celo), pero hai que ter en conta que tan só un 70% das vacas mostra comportamento de celo (Macmillan,2010) polo que cada vez se extende máis o uso do sistema de Inseminación a tempo fixo (IATF) que permite inseminar vacas sen síntomas de celo. Os avances no coñecemento da fisioloxía reproductiva dos bovinos, contribuíu a mellorar a eficiencia desta técnica, aplicando hormonas e desenvolvendo protocolos de IA a tempo fixo, cos que se consegue mellorar os resultados de fertilidade, aínda que faltaría por mellorar a baixa fertilidade asociada a altos niveis de produción de leite, formas de nutrición e factores ambientais como o estrés por calor, que actúan negativamente sobre a fisioloxía da vaca. Hai que sinalar que para que a técnica de IA teña éxito temos que complementala cun bon manexo do rabaño. En concreto, refírome a: -Garantir unha boa alimentación: débese valorar atendendo á Condición Corporal dos nosos animais e observar os seus excrementos para orientarnos se estamos alimentando de maneira correcta. Dispoñer dunha analítica dos alimentos, coa finalidade de poder anticiparnos a un posible desequilibrio na ración, que case con seguridade dará lugar a un problema metabólico. Por exemplo, por un ensilado deficiente ou porque se nos acabou un determinado ingrediente na ración. As materias primas deben ser axeitadas tanto en calidade como en cantidade ao estado productivo do animal. A produción de leite e o seu contido en proteína e lactosa xunto coa valoración da condición corporal son ferramentas importantes para identificar as vacas que poden ter problemas de reprodución (Buckley et al., 2003) -Dimensión axeitada das explotacións: na actualidade hai unha tendencia a incrementar o número de animais pero non a dispoñibilidade de espazo (existe unha maior competencia que fai que os animais mais débiles non expresen o seu comportamento normal). Tampouco se adecúa o número de cubículos, motivo polo que o animal permanece mais tempo de pé e provoca problemas de patas (mobilidade reducida e falta de comportamento de celo) -Diminución do estrés causado pola calor: implementando sistemas de refrixeración que contribúan a un maior confort dos animais -Realizar un control sanitario de enfermidades como DVB, IBR ou Neospora: que sen dúbida contribúen a baixar os índices de fertilidade Un bo manexo do animal axudará a que esté san e desenvolva todo o seu potencial reproductivo.

Correcto manexo das doses seminais

A calidade do seme xunto cunha correcta manipulación é fundamental para que os espermatozoides cheguen en bo estado ao lugar de fecundación. Hai que tentar non expoñer as doses seminais temperatura ambiente máis de 10 segundos, e se necesitamos máis tempo para escoller a dose seminal volver descender o canastiño no tanque de inseminación e levar a cabo unha correcta desconxelación introducindo rapidamente o seme no baño de desconxelación a 37ºC. Outro dos factores que contribúe ao éxito da inseminación é o momento da inseminación que á súa vez depende dunha boa detección de celo Figura 1. Sincronización de eventos, expresados en horas. Fonte Tambero.com Como se pode ver na figura 1, o momento óptimo para realizar a inseminación é ao final do celo. Se a vaca se insemina demasiado pronto, córrese o risco de que morran os espermatozoides e se se insemina moi tarde, a viabilidade do óvulo pode ser limitante para a calidade embrionaria Pódese empregar a seguinte regra: a vaca atopada en celo pola mañá inseminaríase pola tarde e vaca atopada en celo pola tarde, inseminaríase á mañá seguinte. Debido á incertidume do momento en que comeza o celo e tamén a cuestións prácticas, en moitas explotacións estase realizando unha inseminación ao día a “media mañá”, baseándose no estudo de Nebel et al.,1994 (táboa 3) Aínda que as vacas detectadas en celo sen ningún tratamento hormonal, e inseminadas no momento óptimo quedan mellor preñadas, cada vez máis explotacións empregan programas de sincronización que permiten realizar inseminacións programadas para evitar as dificultades asociadas a detección do celo. Isto sucede en vacas de alta producción que teñen síntomas menos evidentes de celo, en parte debido ao sistema de aloxamento combinado coa alimentación, muxido intensivo e cada vez menos interacción entre os animais e o persoal. Nas explotacións, a alta fertilidade contribúe á rendabilidade do rabaño. Para acadar este obxectivo dispoñemos de ferramentas como é a inseminación artificial (IA), técnica que se pode aprender sen dificultade e para o que se realizan cursos de aprendizaxe dispoñibles para todos os gandeiros, pero hai que ter en conta que proceso de reprodución é moito máis complexo e débese de mellorar a xestión do rabaño xa que son moitos os factores necesarios para acadar o éxito. No CFEA de Monforte, este ano impartiuse un curso de IA, que se viña demandando dende fai unhos cantos anos, ED tivo moito éxito, polo que no vindeiro ano pensamos seguir ofertando este tipo de formación.

Bibliografía: 

Bekara ME, Bareille N. Quantification by simulation of the effect of herd management practices and cow fertility on the reproductive and economic performance of Holstein dairy herds. J Dairy Sci. 2019 Oct 1;102(10):9435-57 Buckley, F., O'sullivan, K., Mee, J. F., Evans, R. D., & Dillon, P. (2003). Relationships among milk yield, body condition, cow weight, and reproduction in spring-calved Holstein-Friesians. Journal of dairy science, 86(7), 2308-2319. Macmillan, K. L.: Recent advances in the synchronization of estrus and ovulation in dairy cows, J. Reprod. Develop., 56, S42–S47,2010. Nebel, R. L., Walker, W. L., McGilliard, M. L., Allen, C. H., & Heckman, G. S. (1994). Timing of artificial insemination of dairy cows: fixed time once daily versus morning and afternoon. Journal of dairy science, 77(10), 3185-3191.

Curso de inseminación artificial de vacún en Monforte de Lemos

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos (Lugo) acollerá a vindeira semana un curso de inseminación artificial en vacún. A formación está organizada pola Consellería de Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). O curso comezará o luns 17 e prolongarase ata o venres 21 de agosto. Está dirixido a profesionais do sector agrario ou persoas interesadas en incorporarse a el. A acción contará cunha duración de 20 horas. En concreto, o curso proporcionará unha formación teórico-práctica en inseminación artificial para o que haberá que adquirir certos coñecementos sobre o aparello reprodutor da vaca e sobre a problemática da súa reprodución. Tamén haberá contidos sobre o material que se debe empregar e consellos para non ter riscos durante o proceso, así como de sensibilización medioambiental. Para inscribirse, hai que cubrir o formulario correspondente e remitilo á unidade organizadora á seguinte dirección: ceca.monforte@edu.xunta.gal. Calquera dúbida, pódese consultar no Centro de Formación por teléfono (982-889 103). O seminario está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020 da Consellería de Medio Rural, que busca impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información. Con estas accións, pretenden mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades.

De Sultan a Guay pasando por Xacobeo, un percorrido polos touros galegos que fixeron historia

“A xenética española hai tempo que ten acento galego”. Quen o afirma é Mauricio de los Santos, veterinario de Xenética Fontao (Lugo), centro que ten boa parte da responsabilidade de que Galicia se convertera nun referente en xenética na raza frisoa nos últimos anos. De los Santos aproveitou a súa participación nas últimas xornadas gandeiras de Agolada (Pontevedra), celebradas recentemente, para facer un percorrido por esta evolución xenética, na que se inclúen destacados animais que fixeron historia a nivel internacional, como o touro Xacobeo.
O programa do centro de Fontao foi considerado por Conafe como o mellor en canto a cantidade e calidade dos animais logrados
O centro de Xenética Fontao, entidade de carácter público nun 80%, foi a ferramenta para lograr que os animais galegos se abrisen paso no panorama internacional. O programa desenvolvido en Galicia chegou a ser considerado, segundo os datos e valoracións da Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe), o mellor en canto a cantidade e calidade dos animais que se logran a nivel xenético.

Sultan, un touro que abriu camiño

Nun percorrido pola evolución da raza frisoa ó longo dos últimos 35 anos realizado por Conafe, obsérvase como Xenética Fontao foi buscando e facéndose un oco. A mediados dos anos 80, os animais de orixe español na clasificación de touros con máis fillas no libro xenealóxico da raza Frisoa supoñían apenas o 38% e non había ningún galego. Mentres, algo máis do 57% procedía de Canadá. Daquela, mesmo EE.UU tiña unha presenza reducida cun 4,8%. Neste contexto foi cando comezou a impulsarse no Centro de Xenética Fontao o coñecido como Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX). “Daquelas a xenética era aínda unha materia pendente en Galicia para o sector leiteiro”, apunta Mauricio.
Sultan foi o primeiro touro importado por Xenética Fontao, procedente de Canadá
Comezaron a importarse embrións e touros vivos para poder comezar a contar con femias coas que traballar, co gaio de lograr tanto futuras nais como touros. Aínda hoxe estas dúas liñas de traballo seguen a ser empregadas para conseguir animais destacados. Os primeiros resultados chegaron con Beaucoise Wind Sultan EX no ano 98. Máis coñecido como Sultan entre os gandeiros galegos, este touro nacido no 1991 e procedente de Canadá, foi o primeiro touro relevante de raza Frisoa importado por Xenética Fontao. Este animal chegou a contar con 15.000 fillas rexistradas.
O primeiro touro destacado nacido en Galicia foi Landoi, con máis de 14.000 fillas rexistradas
Ata finais dos 90 non comezan a verse os primeiros resultados da aposta de Galicia pola xenética. Foi neses anos cando aparece Sultan entre os primeiros posto da valoración dos touros con máis descendencia. Nos anos 1998 e 2000 Sultan chega a situarse como o terceiro e o segundo touro (repectivamente) con maior número de fillas na clasificación de Conafe, e no 1999 como o primeiro. Xunto con Sultan, outros touros mercados polo centro como Lérez ou Louro tamén empezan a situarse entre os primeiros postos da clasificación xenética. “Calquera destes touros son animais que estaban ó máis alto nivel”, apunta De los Santos. Do mesmo xeito que a importación de touros comeza a dar os seus froitos, vense os resultados dos embrións implantados en vacas galegas. Landoi foi o primeiro touro nacido en Galicia que consegue situarse na clasificación dos mellores touros. Este animal era fillo do touro Rudolph, un exemplar destacado no panorama internacional; e a súa nai contaba tamén cunha xenética de alto nivel, e que xa procedía dun embrión do programa PIMX. Esta vaca foi das poucas que chegou a ter tres fillos como touros probados de renome no panorama nacional naquel momento: Landoi, Sambreixo e Mira. Landoi conseguiu máis de 14.000 fillas rexistradas.

Algúns nomes propios de touros galegos

Sultan ocupou os primeiros postos da clasificación na que figuraban os mellores touros a finais dos 90. Lérez subiu á primeira posición no 2001, mentres ese ano Sultan aínda quedaba de quinto. Nestes anos tamén Louro ocupou os postos de cabeza desta clasificación. “Tanto Lérez como Louro foron touros adiantados ó seu tempo e aínda hoxe algunhas das súas características seguen estando por encima da media que se manexa”, apunta o veterinario. Deste xeito, iniciouse unha etapa na que os touros galegos, ben importados durante os primeiros anos e logo os nacidos xa en Galicia, fóronse situando nos primeiros postos de relevancia mundial. Dende o 2007 ó 2013 comeza unha etapa dourada para a xenética galega da raza Frisoa e coinciden en postos destacados da clasificación ata un total de 13 exemplares procedentes de Xenética Fontao. Así, no 2007, 4 dos 5 primeiros touros desta listaxe son españois e a metade son galegos: Chamoso e Elegant.
Dende o 2007 ó 2013 comeza unha etapa dourada para a xenética galega e coinciden en postos destacados ata 13 exemplares procedentes de Xenética Fontao
Esta é tamén a época de Xacobeo, o touro Holstein de Xenética Fontao que se fixo un oco entre os mellores exemplares da raza, superando mesmo a países cunha fonda tradición e que levaban anos investigando e investindo en xenética. Foron anos nos que nos primeiros postos da clasificación de mellores touros se atopaban habitualmente animais procedentes de Fontao. Así, no 2014, nos 4 primeiros postos estaban Torrel, Xacobeo, Stop e Delete, todos eles touros galegos procedentes do centro de Lugo. Tal e como apunta De los Santos, durante os últimos anos foi bastante habitual atopar varios touros galegos en postos destacados. Así, outro dos tríos de grandes sementais foi o formado por Delete, Lautamic e Gospell. “Ademais, cómpre destacar que eran todos touros probados, xa que daquela non había xenómica”, concreta. Foron exemplares cuxo seme mesmo se estaba a vender para algúns dos países máis destacados na mellora xenética da raza frisoa. Foi o caso, por exemplo, de Lautamic, nacido en Navarra e cuxa nai xa fora a número 1 en Canadá e cuxo seme se exportou de novo para ese país. Touros como Stop lograron situarse como o terceiro touro con máis fillas rexistradas en España no 2014 e como o cuarto no 2015. Nesta mesma liña, Thos foi outro dos touros destacados dos últimos anos, sendo o que máis fillas acadou no 2017. Trátase dun touro nacido nunha gandería de Cataluña que colaboraba co centro de Fontao e que “conseguiu deixar pegada na frisoa española tanto polos quilos de graxa que conseguen as súas fillas como por ter o perfil que agora mesmo se busca para os animais en produción”, explica o veterinario.
O touro Xacobeo foi un referente do centro.

Xacobeo, un antes e un despois

Ó longo destes 35 anos de historia da raza Frisoa en Galicia, un dos touros que marcou un feito histórico foi Xacobeo, xa que conseguiu situarse ó máis alto nivel, tal e como confirman as súas cifras. Este touro sitúase como o primeiro semental polo número de fillas que se lograron.
Xacobeo sitúase como o touro frisón con máis fillas rexistradas por CONAFE nos últimos 35 anos
Xacobeo contabiliza 29.897 fillas rexistradas, moi por enriba do segundo touro desta clasificación, Rudolph, un touro da elite canadense que rexistrou 26.998 descendentes. “Situarse ó máis alto nivel era o que se buscaba co programa de mellora xenética de Fontao e foi o que se logrou”, reivindica Mauricio de los Santos. Porén, non foi o único en facerse un oco neste ránking internacional, xa que aparecen tamén nomes como Torrel con 19.237, Elegant con 14.855 fillas ou Sultan con 14.378 descendentes. Así é que, 13 dos touros máis empregados son españois e deles o 80% proceden de Xenética Fontao, un dos catro centros estatais especializados neste campo.

Os touros actuais

Na actualidade, os touros xenómicos están cada vez a ter maior presenza nas ganderías galegas. No 2018, Fontao volvía contar cun trío de exemplares destacados, integrado desta volta polos touros xenómicos Sanxurxo, Supertoro e Happy. No 2019, os 5 touros con máis fillas rexistradas en Conafe son de Xenética Fontao: Sanxurxo, Armonico, Horizon, Bi-Battle e Supertoro. Touros como Guay, Hondo ou Palmer están a ser sementais xenómicos actuais cunha gran proxección. “A liña coa que conseguimos chegar ó máis alto nivel e exportar a países que foron o berce do gando Holstein é a que queremos seguir mantendo en Xenética Fontao”, conclúe Mauricio de los Santos.

Taxa de preñez de 21 días: Como conseguir unha alta eficiencia reprodutiva en vacún de leite

Ao falar de reprodución en vacún leiteiro é necesario aclarar algunhas ideas para entender o concepto de alta eficiencia en explotacións que frecuentemente adoitan contar coa súa propia reposición:  1) Cando usamos a palabra “fertilidade”, normalmente referímonos á “Taxa de concepción”; é dicir, á porcentaxe de xestacións que conseguimos dun número de inseminacións realizadas nun período de tempo. Mellorar a taxa de concepción é sempre positivo, pero o realmente importante é mellorar a porcentaxe de preñeces que conseguimos do total de vacas que queremos deixar preñadas nese período de tempo. É o que se coñece como”Taxa de preñez de 21 días” ou “Pregnancy Rate” en inglés.
“A clave é mellorar a porcentaxe de preñeces que conseguimos do total de vacas que queremos deixar preñadas nun período de tempo”
Este índice infórmanos mellor sobre a nosa eficiencia reprodutiva que a fertilidade ou taxa de concepción. Así, se nun período de tempo de 21 días temos 100 vacas dispoñibles para quedar preñadas e soamente inseminamos 50, xerando 15 xestacións, aínda que a nosa fertilidade foi aceptable, conseguimos só 15 xestacións dun total de 100 vacas que tiñamos  dispoñibles, o cal é un ritmo por baixo do desexable para manter ben a explotación. 2) Doutra banda, aínda que se adoita pensar máis nas vacas adultas, é moi importante ter en conta que moitas das xestacións necesarias para facer leite nunha explotación (aproximadamente un 30%), van proceder das xovencas que nunca pariron.
No programa de reprodución debemos incluír tamén ás xovencas
En explotacións nas que un terzo aproximado das vacas en muxido durante un ano son vacas que tiveron o seu primeiro parto ese ano, as xovencas, animais moi fértiles, constitúen unha gran oportunidade de xerar as xestacións necesarias que nos darán lactacións ao cabo de 9 meses. Por iso, ao falar de mellorar a eficiencia reprodutiva nunha explotación debemos incluír no programa de reprodución tamén as xovencas.

Importancia dunha alta eficiencia nos primeiros ciclos tras o período de espera voluntario

Unha limitación importante da taxa de preñez de 21 días (avaliada por data de calendario) é que consideramos como vacas elixibles dunha mesma forma ás vacas, estean paridas de pouco tempo ou de moito. O feito de conseguir unha alta eficiencia reprodutiva nos primeiros ciclos despois do período de espera voluntario é moito máis importante que nos seguintes, xa que haberá máis vacas que quedan xestantes cando queremos. Esta é a razón pola que cada vez máis explotacións non só traballan intensamente coidando ás vacas en preparto e posparto, senón que tamén usan protocolos de fertilidade dunha forma sistemática para primeira inseminación posparto.

O uso dun protocolo de fertilidade dunha forma sistemática a todas as vacas para primeira inseminación posparto (en vermello) pode permitir adiantar as xestacións mesmo atrasando o período de espera voluntario respecto dos sistemas tradicionais (en azul): 

Aínda así, necesitarase sempre unha correcta detección de celos de retorno (os celos de 21 d despois da inseminación nas vacas que non quedaron preñadas) e un sistema rápido e eficiente de resincronización de vacas diagnosticadas baleiras, que nos proporcionen intervalos entre inseminacións o máis curtos posible. Conseguir boas taxas de preñez a partir da primeira inseminación segundo aumentan os días posparto das vacas é tamén moi importante: segundo aumentan os días en leite, a eficiencia reprodutiva irá tendo menos importancia en reducir o tempo medio en que quedan as vacas preñadas, pero terá máis importancia en reducir as eliminacións debidas a infertilidade.

Protocolos de fertilidade e o seu uso estratéxico no manexo reprodutivo da explotación

O desenvolvemento do protocolo Ovsynch ou GPG Hai xa máis de 20 anos foi moi valioso para as ganderías de vacas de leite a nivel mundial, xa que permite aumentar a taxa de inseminación. Desde a súa creación até agora desenvolvéronse algunhas modificacións do Ovsynch que poden permitir aumentar a taxa de concepción. Algunhas destas modificacións son as diferentes modalidades de presincronización, o uso de dúas doses de prostaglandina separadas 24 h e o uso dun dispositivo intravaxinal de proxesterona Estes protocolos deben ser adaptados polos veterinarios ás características de cada explotación e aumentan tanto as taxas de inseminación como as taxas de concepción. Desta maneira, permiten conseguir taxas de preñez de 21 d sen precedentes en explotacións de vacas de alta produción.

Elementos clave: Un bo manexo por parte do gandeiro e o papel do veterinario 

O primeiro paso para lograr unha alta eficiencia reprodutiva é que o gandeiro faga un bo manexo dos animais dentro dun programa de traballo cos técnicos cos que traballa. Algunhas das áreas de mellora identificadas de forma frecuente nas vacas adultas de moitas explotacións son a perda excesiva de condición corporal, altos índices dalgunhas enfermidades como cetose, metrite ou diferentes tipos de coxeiras, así como deficiencias nos índices de benestar como sobrepoboación ou estrés por calor. Nas xovencas tamén é frecuente que haxa áreas de mellora na xestión da saúde (diarreas neonatais e síndrome respiratoria bovino) e crecemento, que terminan impactando na idade ao primeiro parto, e tamén é moi frecuente que non se dedique atención suficiente á detección de celos. Doutra banda, á hora de levar á práctica un programa de control reprodutivo adaptado a cada explotación, as exploracións dos animais e a supervisión do programa, xunto coa prescrición e control de medicamentos deberán ser realizadas por un veterinario. O veterinario debe ser o responsable do control destes programas. Máis información: antonio.jimenez@ceva.com

Mazaricos imparte por primeira vez un curso de inseminación de vacas

Varios gandeiros e gandeiras participaron este martes no curso de inseminación de vacas organizado pola Asociación Gandeiros de Mazaricos. As clases teóricas e prácticas foron impartidas polos veterinarios Mónica Barrio e Ismael Fernández, de Xénese ETE. As persoas asistentes practicaron, tras a teoría, con matrices para poder aprezar a forma e a textura do órgano reprodutivo da vaca. Deste xeito aprenderon a diferenza táctil entre o colo do útero e todo o demais e como deben agarrar este para levar a cabo a inseminación coa cánula. Do mesmo xeito, tamén escoitaron como se debe facer a manipulación e conservación do esperma. Tras iso, pola tarde, practicaron con exemplares reais, un por persoa para poder afrontar o desempeño desta actividade. O presidente de Gandeiros de Mazaricos, Óscar Blanco asegurou que “queremos que os e as gandeiras do noso concello sexan o máis autónomos posibles nas súas explotacións”. “O curso estaba moi orientado á parte práctica polo que, se o repiten nas súas casas, poderán levar a cabo isto sen problemas”, explicou.

Como mellorar as taxas de preñez nas ganderías de vacún de leite

Mellorar a taxa de preñez nas explotacións de vacún de leite é imprescindible para manter a rendibilidade das ganderías. Unha necesidade aínda máis importante á vista da evolución das taxas de concepción durante os últimos 40 anos, nos que se veu observando un descenso continuado neste índice. Así, se nos anos 70 a taxa de concepción en vacas de leite situábase nunha media do 53%, nos anos 90 baixou a un 35% e no 2000 ao 30%. Segundo os datos da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), a media da taxa de concepción en vacas no noso país está neste momento ao redor do 24% e en xovencas a taxa de concepción sitúase en torno ao 45 %. Por aclarar algúns conceptos, lembremos que a taxa de concepción é o número de preñeces dividido entre número de inseminacións, é o que adoitamos chamar fertilidade e é un dato importante, pero se non se inseminan suficientes vacas non achega moito. Por outra banda, a taxa de inseminación é o número de inseminacións que facemos do total que poderiamos facer. Mellórase con maior detección de celos, pero tamén con máis sincronizacións. Taxa de preñez, o índice máis importante, é unha combinación da taxa de concepción e da taxa de inseminación. O ideal é 20 ou máis. Proba da súa importancia é que un punto de taxa de preñez son uns 20 euros por vaca. Así, pasar de 15 a 20 supón uns 100 euros por vaca e ano, e de 15 a 25 representa uns 200 euros.

Porcentaxe de xestación acumulada con 15% e 20% de taxa de preñez segundo os días en leite: Ademais, é necesario lembrar que unha parte importante das eliminacións nunha gandería seguen sendo debidas á infertilidade. Desta forma, as taxas de preñez habituais de 15% levan unha porcentaxe de ao redor dun 50% de eliminacións debidas a infertilidade. Pola contra, as boas taxas de preñez como un 20-25 levan entre un 15 e un 30 % de eliminación debida a infertilidade.

Factores que inflúen na taxa de concepción:

Existen unha serie de factores que inflúen na taxa de concepción e sobre os que o gandeiro ten maior ou menor grao de actuación. Podemos englobalos dentro de 4 grandes grupos: - Fertilidade propia da vaca: xenética, saúde, alimentación, etc - Fertilidade do seme: fertilidade do touro, manexo do seme, etc - Momento da inseminación - Calidade da inseminación: esta debe ser limpa, atraumática, pasado o cuello uterino, cunha correcta desconxelación, (35° C, 45 segundos) e un mantemento e inseminación artificial en menos de 15 minutos. Algúns dos factores máis importantes que afectan á fertilidade propia da vaca son: -Cetose. Os problemas relacionados co balance enerxético negativo e a cetose son dos que máis importancia teñen. Demostrouse que as vacas que non sofren balance enerxético negativo e manteñen e mesmo gañan peso no posparto son unha poboación cunha fertilidade incriblemente alta que pasa desapercibida ao analizar os datos en conxunto.
As vacas que manteñen e mesmo gañan peso no posparto teñen alta fertilidade.
- Enfermidades infecciosas. Existe unha serie de enfermidades infecciosas con impacto na reprodución que debemos ter baixo control. -Niveis de calcio posparto. Estímase que o 50% das vacas teñen hipocalcemia subclínica, e aínda que isto ocorre só nas primeiras 48- 72 horas, afecta aos glóbulos brancos e predispón a metrite. -Urea en leite. Reflicte un exceso de proteína relativo ou absoluto na ración. O nivel alto de urea provoca niveis altos de urea no útero e dana o seme e os embrións. Os valores normais de urea deben situarse entre 250-300 mg/L -Densidade de poboación. En xeral non debemos exceder o 100% de ocupación e mesmo nas vacas en transición debemos estar por baixo. -Confort. Pódese medir polo Índice de Cow confort (CCI), que é a proporción de vacas que están deitadas do total de vacas nos cubículos. O obxectivo é que sexa maior do 85%. Outra forma de medilo é mediante o Índice de uso de cubículos (SUI), que é a proporción de vacas que están deitadas do total de vacas que non están a comer. O obxectivo que se supere o 75%. -Estrés por calor. Incide tamén nunha menor fertilidade. -Metrite. Entre as súas consecuencias están unha menor produción de leite, atraso en días abertos (de 20 a 40 días) e mesmo infertilidade total, o que leva á eliminación do animal. -Mamite. O compoñente inflamatorio das mastite baixa tamén as taxas de concepción. Así, unha mamite subclínica diminúe a fertilidade entre un 14 e un 20%. E un episodio de mastite clínica entre 10 días antes e 30 días despois da inseminación diminúe nun 23% a fertilidade.

Impacto de problemas de saúde na taxa de concepción:

Tratamentos para aumentar as taxas de inseminación e taxas de concepción

Pódese aumentar a taxa de inseminación nunha vaca ben sexa por detección de celo natural, inducilo mediante un tratamento con prostaglandina (PG) ou mediante o sistema Ovsynch ou GPG. Pero ademais, para alcanzar unha boa taxa de inseminación e aumentar a taxa de concepción, pódese recorrer a protocolos de fertilidade que engaden elementos ao Ovsynch ou GPG, como son a presincronización, o dispositivo de proxesterona PRID Delta ou o uso de dúas prostaglandinas

As xovencas, as grandes esquecidas

Aínda que se adoita pensar máis nas vacas adultas, é moi importante ter en conta que aproximadamente un 30% das xestacións necesarias para unha explotación van proceder das xovencas. En explotacións nas que un terzo aproximado das vacas en muxido durante un ano son vacas que tiveron o seu primeiro parto ese ano, as xovencas, animais extremadamente fértiles, constitúen unha oportunidade de xerar as xestacións necesarias. Por iso, cando falamos de mellorar a eficiencia reprodutiva nunha explotación debemos incluír no programa tamén ás xovencas. Existe un protocolo de inseminación a tempo fixo que dá uns resultados excelentes en xovencas, coa mesma taxa de concepción dos celos naturais, pero que ten a vantaxe de poder facerse cando o desexamos, polo que se llo facemos ao 100% das xovencas ao chegar ao desenvolvemento mínimo para reprodución (130 cm de altura á cruz) elimina a dispersión das primeiras inseminacións, o cal dispara a eficiencia reprodutiva das xovencas. O protocolo é o Cosynch de 5 días + proxesterona e é cada vez máis usado polos gandeiros que necesitan aumentar a súa taxa de inseminación mantendo unha taxa de concepción boa.

Por que é tan importante aumentar a taxa de preñez nas vacas?

Cando aumentamos a eficiencia reprodutiva nunha gandería de vacún de leite logramos: 1) Máis leite: Por cada 30 días abertos que baixemos, baixamos uns 15 días en leite = 1 litro por vaca e día. 2) Mellor taxa de eliminación. 3) Mellor metabolismo. O risco de cetose aumenta canto maior é o intervalo entre partos. Consideracións finais: - Para ter éxito cos programas de reprodución deben realizarse nunha explotación con bos índices de saúde, alimentación controlada por un nutrólogo, bo manexo das vacas, do seme, da inseminación e un bo cumprimento dos protocolos de tratamento. - As exploracións dos animais e a supervisión do programa deberán ser realizados por un veterinario, e o uso de medicamentos para o control da reprodución debe ser realizado sempre baixo prescrición e control por parte do veterinario. O veterinario é a persoa ideal para o control destes programas.
<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>