Archives

Solucións contra as pesticidas en viñedos e oliveirais a través da innovación

O proxecto europeo H2020 NOVATERRA celebrará unha xornada o vindeiro xoves 26 de outubro ás 10h en Santiago de Compostela, na sede de FEUGA no Campus Vida, que ten por obxectivo presentar o consorcio, avances e primeiros resultados até o momento á comunidade científica e a profesionais do sector. Así, representantes das entidades participantes darán conta dos traballos que están a realizar para reducir o uso e o impacto das pesticidas no viñedo e o oliveiral a través de novas tecnoloxías e exporán os factores que determinan a adopción de solucións ambientalmente sustentables a nivel de explotación. O proxecto busca a creación dun enfoque 360º para garantir a seguridade alimentaria, así como o acceso a unha alimentación sa para unha poboación crecente, seguindo as directivas e prioridades da Unióin Europea en materia de uso sustentable de pesticidas. O evento, organizado por FEUGA, forma parte das actividades de divulgación de NOVATERRA. Os asistentes poderán achegarse, a través dunha serie de casos de estudo, a novas estratexias sustentables e integradas, viables técnica e economicamente para distintos sistemas de cultivo, que teñen como finalidade eliminar ou reducir significativamente o uso e o impacto negativo das pesticidas máis prexudiciais. A cita, que se celebrará de forma presencial e emitirase tamén en streaming, contará coa participación de representantes de diversas entidades españolas que integran o consorcio: O Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias (IRTA), o Centro de Investigación en Economía y Desarrollo Agroalimentario (CREDA), a Universidad de Burgos, a Plataforma Tecnológica del Vino (PTV), a adega Terras Gauda e a Universidad Politécnica de Catalunya (UPC). NOVATERRA persegue a redución do impacto negativo das pesticidas para a xestión integrada de pragas en oliveirais e viñedos. Coordinado por IRTA conta cun consorcio de 23 entidades de 6 países: Grecia, Italia, España, Portugal e Bélxica. Iniciado en outubro de 2020, o proxecto que ten unha duración de 4 anos recibiu unha cofinanciación do programa H2020 con preto de 5 millóns de euros.

Inscríbete aquí

Estas son as vantaxes de Verimark®, o novo insecticida de FMC para cultivos de horta

FMC Agricultural Solutions reforza a súa aposta pola innovación co lanzamento de importantes novidades relacionadas con solucións para os cultivos, que contribúen de forma clara á sustentabilidade dos mesmos, facéndoos máis eficientes, reducindo o número de tratamentos e mellorando producións e calidades.

Unha destas solucións é o produto Verimark®, un NOVO insecticida formulado como suspensión concentrada acuosa a base de 200 g/L Cyazypyr®, a nova molécula exclusiva de FMC Agricultural Solutions, molécula cun elevado control fronte a un amplo rango de pragas chupadoras e masticadoras, incluíndo mosca branca, pulgón, trips, dípteros, lepidópteros, minadores e algúns coleópteros.

Verimark® está deseñado para aplicacións ao chan optimizando a súa absorción vía raíz cara a brotes tenros, a través do xilema, proporcionando un control duradeiro. A formulación de Verimark® é totalmente selectiva en todos os ensaios realizados.

Aplicacións con Verimark® desde o principio, antes de que se establezan as pragas, permiten o control de espectro cruzado e de diferentes etapas das pragas, unido á conservación de artrópodos beneficiosos, permite minimizar o establecemento das pragas, e proporciona unha protección estendida dos cultivos.

Verimark® reduce a tensión biótica, promove un crecemento máis robusto e uniforme. Isto dá como resultado un establecemento mellorado e un crecemento temperán, máis vigoroso e forte do cultivo, permitindo obter mellores colleitas, tanto en cantidade como en calidade.

Verimark® pertence ao grupo de insecticidas das diamidas antranílicas (grupo insecticida 28 IRAC), unha clase de insecticidas con modo de acción que actúa nos receptores de rianodina. Verimark® posúe actividade sistémica ao ser absorbido a través do sistema radicular, tendo actividade por inxestión do material tratado.

Verimark® actúa rapidamente sobre o insecto, ocasionando o cesamento da alimentación, producindo a parálise e morte nun período de 2 a 5 días. As aplicacións deberán ser preventivas e programarse principalmente para o control de larvas e ninfas nos seus primeiros estadíos, antes de que as poboacións alcancen o limiar económico para cada cultivo por rexión.

O modo de acción de Verimark® afecta a comportamentos que inclúen alimentación, apareamiento e oviposición, o que resulta nunha redución tanto no desenvolvemento de fases inmaturas ou larvarias como nalgúns casos de adultos, afectando á reprodución, reducindo así do número de postas e de eclosiones.

Unha aposta pola sustentabilidade para o sector hortícola

A presentación de Verimark® para cultivos hortícolas é unha clara aposta de FMC Agricultural Solutions pola sustentabilidade, dado que é unha nova ferramenta a disposición do sector para mellorar a eficiencia dos cultivos, usando menos insumos, e mellorando a calidade e as producións finais, puntos todos claves para a sustentabilidade real que necesita asegurar a rendibilidade final para os agricultores.

Verimark® está autorizado nas hortícolas de invernadoiro (tomate, pemento, berenxena, cucurbitáceas, xudía verde, leituga e fresa) con até 4 aplicacións por campaña, con aplicacións a rega, e unha optimizada formulación que facilita o seu uso. Recoméndase realizar as aplicacións ao comezo do cultivo para que, grazas ao seu excelente control de espectro cruzado, se maximicen os beneficios e poténciese a oportunidade para mellorar a colleita en rendemento e calidade.

Verimark® é a innovación enfocada a producir mellor e de forma sustentable. Así, Verimark®, aplicado ao comezo do ciclo, axuda a establecer un cultivo de crecemento vigoroso a través dunha combinación de mecanismos entre os que se inclúen:

Protección do cultivo grazas ao espectro cruzado de pragas masticadoras e chupadoras.
– Protección inmediata por cesamento de alimentación e de forma duradeira.
– Redución de virus transmitidos por insectos cando o cultivo é máis vulnerable. A redución da tensión biótica promove un crecemento máis robusto e uniforme, para axudar a lograr un maior rendemento e calidade comercial.
– Excelente perfil medio ambiental, compatible fronte aos programas de loita integrada con artrópodos beneficiosos.

Máis Información: www.fmcagro.es

O verme gris, unha ameaza para esta campaña do millo: claves para controlalo

Esta primavera moitas plantacións de millo están a verse afectadas a causa do verme gris (Agrotis segetum), coñecido tamén como rosquilla do millo, por ser unha das plantas das que se alimenta. Nalgunhas zonas está a causar auténticos estragos no cereal, obrigando mesmo a ter que volver sementar boa parte da parcela. O verme gris é unha larva que adoita estar presente en Galicia e deixar danos puntuais nos cultivos, pero esta campaña está a rexistrase unha explosión da praga, o que provoca que algunhas plantacións se vexan seriamente afectadas, sobre todo aquelas que foron sementadas máis tarde. Ademais do millo, esta larva está afectando este ano tamén de xeito significativo a outros forraxes coma o xirasol ou cultivos como a cebola ou mesmo a pataca.
As plantacións nas que a sementeira se fixo máis tarde son as máis afectadas
Están a localizarse danos en toda Galicia, a excepción daquelas zonas máis frías, onde parece haber unha menor incidencia do verme. Nas comarcas coruñesas de Ordes ou Bergantiños detectáronse importantes danos en parcelas, o que obrigou a volver sementar. “Dende Oficinas Agrarias Comarcais de Coruña e Lugo infórmannos de que está habendo danos e chaman para preguntarnos como abordar a praga”, apuntan dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam).

Por que este ano hai máis vermes?

Os expertos coinciden en sinalar en que este ano se deron condicións moi favorables para que boa parte dos ovos sobrevivan e haxa unha explosión de vermes, que é a fase na que causa maiores danos ós cultivos. No caso do millo, o propio ciclo da praga é bastante parello ó do millo, polo que é un dos cereais máis afectados.
“O inverno suave que tivemos este ano é a causa de que se dera esta explosión de vermes”: Jesús Collar, investigador experto do Ciam
“O inverno suave que tivemos este ano é a causa de que se dera esta explosión de vermes”, explica Jesús Collar, enxeñeiro agrónomo do Ciam e un dos maiores expertos en Galicia sobre esta praga. Os vermes precisan de temperaturas cálidas para sobrevivir, entre 24 e 28 graos, así como un alto grao de humidade e sobrevive mesmo en zonas anegadas, o que está a deixar unha gran incidencia dende zonas de Mazaricos (A Coruña) ata Allariz (Ourense), como apuntan dende o Ciam. Verme gris a carón dunha planta de millo. “Outras primaveras rexístrase máis frío en marzo e abril e boa parte dos ovos ou os vermes nas primeiras fases acaban morrendo, mentres que este ano o calor propiciou que sobrevivisen máis individuos”, explica José Manuel Medeiros, enxeñeiro agrónomo e xefe de ventas na cooperativa AIRA. Tamén hai que ter en conta que é unha praga moi explosiva, é dicir, cun rápido crecemento, o que provoca que tras detectar os primeiros danos, se non se trata poidan verse afectadas moitas plantas.

Danos máis alá do tempo da sementeira

O verme gris, a partir do terceiro estadio, vive enterrado no solo, a unha profundidade de entre 1 e 2 centímetros e aliméntase da parte central do millo nas primeiras fases de desenvolvemento do cereal. O ciclo do millo e o do verme coinciden no tempo, polo que a etapa máis susceptible para o cereal é tamén a de desenvolvemento do verme na terra. “Nas plantas danadas polo verme gris durante o cuarto e quinto estadio os síntomas son facilmente recoñecibles: cortan ou roen o colo, perfórano internamente e ascenden pola cavidade do talo ata certa altura”, detalla un informe sobre a praga elaborado polo grupo de traballo fitosanitario de laboratorios do Ministerio de Agricultura. Deste xeito, as plantas aparecen murchas e acaban por secar se o ataque se produce precisamente nas primeiras fases de crecemento.
O millo é moi sensible ó ataque do verme mentres que non conta con 6 ou 8 follas, de xeito que acaba secando cando a rosquilla lle roe o colo
Mentres o millo se atopa en estado de plántula, é dicir ata que non se acada o peche do millo e o cereal non conta con 6 ou 8 follas, é a fase máis delicada e onde o ataque de rosquilla pode deixar máis danos, xa que fai secar a planta. As altas temperaturas e o alto grao de humidade rexistrados están ocasionando que as plantacións que foron sementadas máis tarde estean a ter máis danos. “As plantacións que se fixeron a mediados de maio están a ter máis danos”, explica Juan Valladares, investigador do Ciam.
Recomendan controlar a praga nas leiras de millo para evitar que os ataques serodios, que afectan ás raíces secundarias, rematen por tumbar as plantas cando estean próximas á colleita
Máis alá dos danos que pode causar o verme nas primeiras fases de crecemento do millo, tamén é importante manter baixo control a praga, xa que tamén pode causar danos no desenvolvemento da planta que rematen por condicionar a colleita. “Os ataques serodios de rosquilla afectan xa non á parte do talo senón ás raíces secundarias, que serven de ancoraxe da planta”, explica Medeiros. Raíces dunha planta de millo sá e unha planta afectada por ataques de rosquilla. “Se os ataques de rosquilla son máis tardíos aféctanlle ás raíces sostén e cando a planta está alta pode acabar tumbada polo vento”, confirma Collar. Así, os ataques tardíos de rosquilla poden provocar que a planta caia antes de que chegue a criar espiga ou a madurar, obrigando a ensilar antes de tempo, como ten ocorrido xa noutras campañas. Mentres que os ataques cando o millo é máis pequeno son fáciles de detectar, xa que as plantas acaban murchando, cando se trata de ataques serodios a planta non presenta danos aparentemente, polo que é moi importante revisar a terra para comprobar a presencia de vermes.

Medidas para atallar a praga

Ó tratarse dun verme que permanece enterrado, os expertos coinciden na importancia de revisar os cultivos para coñecer a afección real da praga. “Cómpre remexer a terra preto da planta para comprobar a cantidade de vermes que hai”, explican os investigadores. Unha vez constatada a presenza da praga recomendan tratar para evitar que siga causando danos tanto inmediatos como con ataques serodios. Recollemos algunhas das recomendacións e consideracións a ter en conta para atallar a praga:

-Tratamentos

-Os tratamentos autorizados e máis comúns para atallar a praga son insecticidas piretroides coma Delta EC Deltametrin ou Lambda cihalotrin. -Tamén hai tratamentos biolóxicos, moi empregados para cultivos de horta xa que carecen de prazos de espera de seguridade que gardar. “Dentro do Bacillus thuringiensis a variedade aizawai é a máis eficaz para o verme gris. Tamén a variedade Kurstaki pode resultar útil”, explica Collar. Como recoñece o experto, estes tratamentos ademais de ter un custo máis elevado, tampouco teñen gran eficacia se o verme se atopa nos estados finais das fases da súa evolución. -Hai expertos que apuntan tamén ó emprego de nematodos entomopatóxenos, como a Steinernema feltiae, que para os tratamentos de solo poden ser moi efectivos. -Aínda que non hai consenso entre os expertos, Collar apunta que incorporar solucións granuladas pode ser tamén unha alternativa nas primeiras fases da praga. “Se cando se comeza a preparar a terra para o cultivo se realiza un control previo e se comezan a ver larvas é recomendable empregar estes granulados para atallar xa a presenza da praga”, concreta. Mentres, outros técnicos recoñecen que estas solucións non lles resultaron efectivas.

-Método de aplicación

-É recomendable empregar abundante caldo de auga para a súa aplicación, xa que así conséguese chegar mellor onde se atopa o verme. “Adoitamos empregar entre 800 a 1.000 litros por hectárea”, explica Juan Valladares. -Debe aplicarse en días nubrados e sen choiva, para evitar que a auga remate arrastrando o produto. -Recoméndase aplicalo insecticida nas últimas horas do día, xa que é unha solución que se degrada coa luz e dado que o ciclo de actividade do verme tamén é nocturno. “É un insecticida por contacto, polo que se busca que o verme estea en contacto con el cando sae a comer polas noites”, explica Collar. -Se hai moita cantidade de vermes recoméndase tratar aínda que o millo xa teña máis de 8 follas, para evitar que se produzan ataques serodios que afecten ás raíces secundarias e ó ancoraxe da planta adulta. -Aproveitar para aplicar un abono foliar. “Se é preciso entrar na finca para aplicar o insecticida pode ser moi acertado aproveitar para aplicar un abono foliar, cuxo custe por hectárea é baixo e axuda moito ó desenvolvemento do millo”, aconsella Medeiros.

SIPCAM Iberia inaugura o 2023 coa estrea de dous novos insecticidas

En 2015 a empresa de sanidade vexetal SIPCAM Iberia lanzou Trika Lambda 1 baixo o slogan ‘Un insecticida de película’. Unha solución innovadora no momento que aseguraba a protección contra múltiples pragas de solo para diferentes cultivos extensivos. Tras sete anos de experimentación e melloras na súa formulación, estrean este ano os novos Trika Lambda 2 e Trika Lambda 4: dous produtos que auguran un éxito de película.

A gama de insecticidas microgranulados destaca polo seu alto rendemento en cultivos como o millo, o tomate de industria, a pataca e o algodón grazas ao seu particular efecto starter. Este beneficio único no mercado consegue mellorar a implantación da plántula e favorece o seu rápido crecemento. Desta maneira, o período de desenvolvemento inicial é máis breve e a planta é menos susceptible aos ataques de insectos como o verme de arame. Ademais, grazas á súa formulación, garante un desenvolvemento homoxéneo do cultivo, logrando un maior número de plantas por hectárea e alcanzando así a súa máxima rendibilidade.

Un contexto desafiante para o agricultor

O incremento de prezos en fertilizantes, electricidade e auga, entre outros insumos, provocou un aumento dos custos de produción para os agricultores españois. Como resultado, os beneficios por hectárea víronse mermados e os profesionais atoparon máis dificultades para manter a mesma rendibilidade que en anos anteriores sen perder a calidade dos seus froitos. Por iso, SIPCAM aposta por fitosanitarios como a gama de produtos Trika que lles axudan fronte a estas circunstancias.

“Estes novos formulados van ser de gran axuda para o campo español”, explica a responsable dos produtos Lorena Toribio. Baixo os eslogans ‘Un salto á fama’ e ‘Premio á mellor produción’, lanzaron os insecticidas Trika Lambda 2 e Trika Lambda 4 que garantirán unhas colleitas de cebola, allo e allo porro libres de pragas – cultivos que ata o de agora dependían unicamente de autorizacións excepcionais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación-.

“A partir de agora os nosos agricultores teñen entre as súas mans unhas novas ferramentas para combater as pragas máis severas e aumentar a rendibilidade e calidade das súas colleitas. Estamos seguros de que este 2023 levarán o premio á mellor produción se apostan por nós”, conclúe Toribio.

Feromonas e morcegos, novos aliados para mellorar a saúde dos viñedos

O emprego de difusores de feromonas e a presenza dos morcegos amósanse como alternativas sostibles e métodos de loita biolóxica contra a Lobesia botrana, coñecida popularmente como couza do acio, un insecto que favorece os danos por botrite nos viñedos. Unha das adegas pioneiras no emprego dos difusores de feromonas en Galicia é Martín Códax, da Denominación de Orixe Rías Baixas, e que leva anos traballando con estes sistemas, aínda que dende o 2019 dun xeito máis intensivo e profesional. Precisamente a cooperativa de Cambados acolleu recentemente unha xornada no marco do proxecto europeo IPMWork, xestionado en Galicia pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), na que deu a coñecer a experiencia con este método biolóxico e os resultados logrados nestes anos. O emprego destes métodos de confusión sexual amósase como unha alternativa sostible para evitar danos nos viñedos da couza do acio, sen un impacto tan elevado na biodiversidade como o uso de insecticidas. Con este sistema téntase evitar a reprodución da couza para manter o seu control biolóxico. “Os difusores de feromonas buscan a confusión sexual, de xeito que se xere unha nube de feromonas que dificulte ó macho atopar á femia para a súa fecundación”, explica Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Bodegas Martín Códax.
“Nas parcelas con confusión sexual evítase entre 2 a 3 tratamentos con insecticidas”
Aínda que hai factores que limitan a eficacia do emprego destes difusores, nestes anos de uso deste método na adega conseguiron unha importante redución do emprego de insecticidas. “Nas parcelas con confusión sexual evítase entre 2 a 3 tratamentos con insecticidas”, detalla o técnico. Así é que, aínda sen poder empregar as feromonas en tódalas parcelas que xestiona a adega, nos últimos anos conseguiron reducir o uso de fitosanitarios un 10%. Instante da xornada realizada en Martín Códax sobre a súa experiencia no uso de difusores de feromonas.

A colaboración entre viticultores, imprescindible

Un dos factores que máis condiciona o éxito do emprego dos difusores de feromonas é que se poida cubrir un amplo espazo de viñedo con este método, para evitar que os insectos poidan ter zonas que non queden cubertas e poidan lograr fecundarse. “Cos difusores hai que actuar como se fose un coto. Na zona que se empreguen debe facerse en tódolos viñedos, porque se queda unha parcela no medio sen usala, serve como refuxio e as femias fecundadas propagaran a praga no resto”, detalla Martínez Rodiño.
Para que o emprego de difusores teña éxito é preciso que sexa usado nunha superficie mínima de alomenos 4 hectáreas, a modo de coto
Así, como mínimo debe contarse cunha superficie de 4 hectáreas para lograr éxito cos difusores. Canto máis grande é o coto mellores resultados se logran, sobre todo na parte central. Os bordes sempre quedan máis expostos e son os viñedos nos que é preciso realizar un maior control e pode ter que realizarse algún tratamento insecticida complementario e puntual. “As parcelas dos bordes son onde pode entrar algunha femia e darse maior incidencia”, apunta o técnico. Na adega comezaron no 2019 a empregar de xeito máis estendido os difusores de feromonas. Nesa campaña chegaron a cubrir con ese método 128 hectáreas, das que 82 eran viñedos propios, 31 hectáreas de viticultores socios e outras 15 de viñedos lindeiros. Este ano contan xa en total con 253 hectáreas. Así, na adega están empregando este método en 140 hectáreas de viñedos, o que supón arredor do 73% da superficie manexada de forma directa pola adega. Tamén conseguiron que máis socios e colaboradores se sumaran, chegando a contar con 73 hectáreas. Do mesmo xeito, agora mesmo tamén se inclúen outras 46 hectáreas doutros viñedos. Evolución da superficie de viñedo na que aplican os difusores de feromonas.En 4 anos conseguiron incrementar nun 50% a superficie manexada con este método. “Para que isto funcione hai que ir da man doutros viticultores e veciños”, valoran dende Martín Códax. Tamén outras Cooperativas das Rías Baixas como Condes de Albarei ou Paco&Lola están embarcadas nesta mesma aposta polo emprego dos difusores de feromonas para reducir o uso de insecticidas. Ademais dos bos resultados que poden lograrse cos difusores de feromonas, outro dos motivos que propiciaron que máis viticultores se unisen a este programa foi a eliminación de boa parte dos insecticidas clásicos que se viñan empregando contra a couza do acio. “Os insecticidas que quedan dispoñibles para esta praga requiren que se aplique no momento preciso para que realmente funcione”, especifica o técnico. Naquelas parcelas illadas onde o emprego de difusores non resultaría eficaz seguen empregando insecticidas. Teñen colocadas as trampas e fan o seguimento semanal delas, de xeito que cando detectan que é o momento propicio para tratar realizan os tratamentos específicos, para que a aplicación do insecticida teña o mínimo efecto sobre a biodiversidade.
O gasto por hectárea en difusores equivale ó custo de dous pases de insecticida
Combater a praga da couza do acio cos difusores tampouco está a supoñer un gasto moito máis significativo para os viticultores. O custo deste método fronte a outras alternativas máis económicas foi durante anos un dos freos para que se xeneralizase o seu uso. “Co custo que teñen hoxe en día os insecticidas practicamente é o mesmo desembolso económico. O gasto por hectárea en difusores equivale ó custo de dous pases de insecticida”, apunta o técnico.

Manexo dos difusores

Outra das vantaxes que presenta o uso dos difusores é o seu manexo, moito máis sinxelo que a aplicación de insecticidas. Os difusores colócanse no viñedo na brotación das cepas e o seu efecto dura todo o ciclo da couza. “Unha vez que se coloca sabes que ata a vendima van estar difundindo esa feromona, de xeito que o viticultor non ten que facer máis nada”, comenta. Mentres, os técnicos fan un seguimento dos extremos dos cotos nos que se usan, para decidir aplicar insecticida se a presenza de couza se incrementa. “É preciso estar acostumado a localizar a couza, xa que son difíciles de ver”, detalla Martínez Rodiño. A monitorización do insecto fana sobre todo en dous momentos claves para o insecto. Por unha banda, un pouco antes da floración, cando a couza se atopa na segunda xeración. Nesta fase contan os acios afectados, xa que se verán os niños do insecto. Outro dos momentos claves para realizar estas revisións é cando a uva ten o tamaño dun chícharo. Entón é preciso localizar as postas do insecto, uns ovos que teñen menos dun milímetro de tamaño, de aí a dificultade de localizalos. “Os técnicos dedicamos moito tempo a facer esta mostraxe para darlle confianza ós viticultores que están dentro do coto de que a praga está baixo control”, concreta Martínez.
Dependendo do modelo deberán colocarse arredor duns 350 difusores por hectárea. Tamén pode optarse por un aerosol automatizado co que só se requiren 4
A colocación dos difusores de feromonas dependerá por unha banda das indicacións dos propios fabricantes, así como da presión que haxa da praga. Así, aínda que con variacións por estes motivos, colócanse en torno a uns 350 difusores por hectárea. “Ó comezo colócanse o número máximo de difusores e a medida que se vai empregando este método, a presión diminúe e poden tamén reducirse o número de difusores”, detalla. Unha vez que se vai reducindo a incidencia da praga, van deixando menos difusores na parte central do coto e vanos trasladando ós bordes, as zonas máis conflitivas, para evitar que entren as couzas fecundadas. Distintos modelos de difusores de feromonas empregados na adega. Na adega están a probar distintos modelos de difusores para comprobar cales lle dan mellores resultados. “Estamos probando as distintas solucións que hai no mercado, tanto para comprobar a eficacia como a rendibilidade económica”, apuntan. Ademais, están a traballar tanto cos modelos máis tradicionais, onde as feromonas se atopan dentro dunha especie de cápsula de distintos tamaños, como un aerosol que emite feromonas de xeito automático cada certo intervalo de tempo. No caso deste último tamén amosa unha maior cobertura, de xeito que colocan só 4 por hectárea. Así, como indican dende Martín Códax, o segrego para que os difusores sexan unha medida de éxito é contar cun coto de parcelas e facer un seguimento rigoroso por parte dos técnicos da incidencia nos bordes, para poder atallar a couza antes de que xere un maior problema.
Caixas refuxio para os morcegos.

Os morcegos, aliados dos viñedos

Na adega queren ir un paso máis aló e van comezar a instalación de caixas-refuxios para favorecer a presenza dos morcegos nos viñedos, xa que son uns devoradores voraces de insectos, entre os que se atopa a couza do acio. A adega valenciana Bodegas Enguera, que tamén expuxo na xornada de IPMworks a súa experiencia, leva anos combatendo a praga só con difusores de feromonas e favorecendo a presenza de morcegos. “Favorecer a presenza dos morcegos nos viñedos para que coman a couza debe ser unha estratexia integrada co uso dos difusores, xa que se se empregan insecticidas non terán de que alimentarse”, xustifica Martínez. Unha das ferramentas para conseguir incrementar as colonias de morcegos é a instalación de casetas refuxio que axudan a que se asenten os morcegos nesa zona. Así, en base á experiencia valenciana e coas súas recomendacións, este ano nas parcelas nas que están empregando feromonas van instalar cinco destas refuxios.

Lanzan unha app para consultar os fitosanitarios autorizados en España

FRAC España (Comité de Acción contra Resistencias a Funxicidas), e IRAC España (Comité de Acción contra Resistencias a Insecticidas), lanzaron as súas Apps de consulta para IOs e Android. Estas aplicacións permiten a consulta de sustancias activas autorizadas en España, con indicación do grupo ao que pertencen segundo os seus modos de acción. A clasificación de Modos de Acción (MdA) ten como obxectivo que os usuarios teñan unha base sólida para levar a cabo un manexo sustentable dos fitosanitarios e evitar problemas de resistencia.

Terra de diatomeas, o insecticida ecolóxico para controlar pragas de caracois

Nos últimos cinco anos en España, no mundo da agricultura ecolóxica vense aplicando, cada vez con máis frecuencia, a terra de diatomeas como o fertilizante e insecticida orgánico por excelencia. Este mineral, composto por pequenos organismos fosilizados que pertencen a un grupo diverso de algas, pódese atopar como rochas sedimentadas nos fondos de lagos, mares e océanos. Agora, moitas empresas especializadas no abastecemento material para o cultivo ecolóxico estana a comercializar con éxito.
Os seus usos estanse a estender máis alá de pequenas hortas ecolóxicas ou agriculturas especializadas
Grazas á súa sinxela extracción para as empresas produtoras e o seu baixo coste para o cliente final, os seus usos estanse a estender máis alá de pequenas hortas ecolóxicas ou agriculturas especializadas. De feito, en certo tipo de gandarías intensivas e nalgúns procesos industriais estase a utilizar tanto como insecticida, como complemento alimenticio. Terra de diatomeas aplicada sobre un cultivo de tomates

Como funciona a terra de diatomeas?

A diferenza da meirande parte de insecticidas empregados, a terra de diatomeas non mata os insectos mediante envelenamento, xa que o que realmente fai é deshidratalos. O mineral está composto por microcristais que se adiren ao exoesqueleto dos insectos e abrásalles a cutícula exterior. Nese momento, como son incapaces de reter auga, prodúcese a deshidratación xeral e morren.
A terra de diatomeas nin xera resistencias fronte os organismos, nin é agresiva co solo
Neste xeito de actuar atópase un dos factores diferenciais das diatomeas fronte a outros tratamentos —incluso ecolóxicos— e é que nin xera resistencias fronte os organismos, nin é agresivo co solo. Ao tratarse dun tratamento físico aplicado en pequenas doses, non afecta negativamente a ningún animal doméstico ou de gando.

Cales son os seus usos máis habituais?

Aínda que polo seu prezo e a súa composición porosa está a ser usado industrialmente como filtro antibacteriano ou incluso como aditivo para masas como o cemento, imos explicar os seus usos máis estendidos na agricultura ecolóxica e na gandaría, ademais da súa faceta de insecticida agrícola.
  • Desparasitador para animais. A terra de diatomeas estase a empregar tamén como axente desparasitador para animais de granxa e mascotas, xa que ademais de ser inocuo para os mamíferos, resulta extremadamente efectivo contra as pulgas e as garrapatas.
As algas que compoñen este produto contan cun alto contido en minerais e nutrientes útiles
Malia que cada animal ten a súa idiosincrasia e é convinte seguir o criterio dos especialistas para cada caso, esta opción é escollida especialmente para aqueles animais aos que outros tipos de tratamentos lles producen reaccións dermatolóxicas.
  • Fertilizante agrícola. A terra de diatomeas é biodegradable e rexeneradora do chan, polo que tamén adoita empregarse na fertilización da terra de cultivo. Aínda que máis adiante explicaremos a súa composición química detallada, as algas que compoñen este produto contan cun alto contido en minerais e nutrientes útiles para que leiras e hortas prosperen. Os principais compostos son o carbonato de calcio, o óxido de silicio, a alúmina e máis o óxido de magneso.
  • Complemento alimenticio. Aínda que o seu uso en España non está demasiado estendido en gando, a terra de diatomeas emprégase dende hai décadas na alimentación de peixes e moluscos de cría. Porén, nos Estados Unidos hai reportes de usos nesta liña dende hai máis de dez anos.
Nos Estados Unidos hai reportes dos usos da terra de diatomeas en agricultura dende hai máis de dez anos
Un dos principais beneficios que produce é o retardo no tránsito intestinal, fomentando unha adecuada absorción de nutrientes das racións. Por outra banda, o carbonato de calcio fomenta un excelente crecemento e fornecemento dos ósos dos animais, prevendo fracturas ou outras lesións. Ademais, aquel retardo no tránsito axuda, en menor medida, á solidificación das feces e a previr úlceras. Terra de diatomeas

Como aplicar a terra de diatomeas como insecticida?

A aplicación deste insecticida orgánico non se diferencia moito de outros similares de actuacións físicas e non químicas. Isto ten unha implicación evidente e é que pode perxudicar gravemente a outros insectos beneficiosos para os cultivos, como son aqueles polinizadores (abellas, moscas, bolboretas, escaravellos, avespas, etc.). Polo tanto, convén ter algunhas precaucións.
A súa aplicación é habitual nas estacións chuviosas e non tanto nas calurosas
Hai que ter claro que un dos usos máis habituais da terra de diatomeas na agricultura ecolóxica é para combater gasterópodos (principalmente caracois e babosas) que son difíciles de controlar con remedios non agresivos. Isto fai que a súa aplicación sexa habitual nas estacións chuviosas e non tanto no final da primavera ou durante o verán.
A aplicación foliar, malia ser máis efectiva, pode afectar aos insectos polinizadores
O xeito máis habitual para a aplicación é mediante un pulverizador que se pode aplicar pola vía foliar, ou tamén cercando o terreo que se desexe protexer (como os velenos máis utilizados contra os caracois). Esta escolla depende do agricultor, pero a aplicación foliar, malia ser máis efectiva, pode afectar aos mencionados insectos polinizadores. En calquera caso, é recomendable evitar a aplicación sobre a zona máis problemática: as flores.  

As precaucións que se deben ter

Aínda que os compoñentes da terra de diatomeas son inocuos para persoas e animais domésticos, para a súa aplicación en seco e de maneira prolongada, recoméndase a utilización de máscara, luvas e lentes, coa fin de evitar calquera problema de contacto accidental co produto, como tose, pel seca ou irritación de ollos.
Os compoñentes da terra de diatomeas son inocuos para persoas
Aínda que moitas das empresas comercializadoras falan dalgún risco da exposición prolongada ao po de sílice como factor de risco para o desenvolvemento de silicoses, a revista científica Archivos de Bronconeumología estudou os efectos da exposición prolongada ás diatomeas sen observar ningunha evidencia científica ao respecto. Segundo apunta o estudo, “a terra de  diatomeas utilizada como biocida é basicamente amorfa, moito menos nociva que a  sílice cristalina”.

O detalle da súa composición química

As diatomeas, na súa forma viva, constitúen un dos tipos máis comúns de fitoplancto e a composición específica de cada produto depende, principalmente, dos procesos extractores da empresa que o subministra. En liñas xerais, pódese estimar que a meirande parte das terras de diatomeas do mercado teñen unha composición que orla ás seguintes cifras:
  • Óxido de silicio (SiO2), cunha presenza estimada do 62,00 %
  • Carbonato de Calcio (CaCO3), cunha presenza estimada do 34,50%
  • Alúmina (Al2O3), cunha presenza estimada do 1,40%
  • Óxido de magnesio (MgO), cunha presenza estimada do 0,77%
Para obter máis información técnica, podes acudir a esta investigación académica elaborada polos investigadores V. E. Mazzuferi, R. H. Gonçalvez, M. Tablada e D. García. Ou tamén esta outra de J.C. Acosta, arredor do efecto larvicida da terra de diatomeas sobre poboacións de mosquitos e outros dípteros.

O frío retrasou o medre do millo, con algúns ataques tamén de rosquilla

Diferenza de crecemento entre millo temperá e máis tardío sementado en fincas pegadas da comarca da Mariña A colleita de millo marca en boa medida o resultado de todo o ano na maioría das explotacións de leite galegas, cando menos desde o punto de vista da alimentación do gando. Por iso os meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro son determinantes e por iso tamén a climatoloxía ten moito que dicir. Foi por mor do tempo precisamente que a sementeira tivo que facerse este ano algo máis tarde do habitual, acumulando nalgúns lugares 15 días de retraso á hora do seu nacemento. Pero a nascencia foi boa na maior parte das zonas, e tan só houbo pequenas resementeiras en fincas húmidas ou por ataques do xabarín, polo que se agardan bos rendementos por hectárea, xa que o 50% do rendemento final obtido está relacionado con como naza a planta. As chuvias, que impediron a finais de abril e comezos de maio  que o millo se puidese botar en moitas terras (en parte tamén porque fixeron que o ensilado da herba acumulase tamén retraso), favoreceron sen embargo posteriormente a aplicación dos herbicidas residuais de preemerxencia, que funcionaron ben, evitando así ter que repasar a maioría de fincas.
A inestabilidade no tempo nas primeiras semanas de maio retrasou o ensilado da herba e a sementeira do millo
As afeccións máis importantes polo de agora no cultivo foron algúns ataques de rosquilla, neutralizados a tempo, e os días de frío de mediados do mes de xuño ("o mes de xuño oscilou entre dous períodos cálidos e tormentosos ao principio e final, mentres que a parte central estivo dominada pola presenza das baixas presións atlánticas que achegaron aire máis frío do normal nesta época do ano", indica o informe mensual de Meteogalicia), que retrasaron o crecemento do millo e afectaron sobre todo ao que foi botado máis tarde.  A incógnita daquí en diante, ademais da climatoloxía, será unha vez máis o xabarín, o gran inimigo actual do cultivo de millo en Galicia, que provocou xa importantes danos durante a sementeira en comarcas como a de Ordes, e tamén na Mariña, e cuxa afectación nas fincas podería mesmo incrementarse a medida que a planta bote o gran e se achegue a data da súa recollida. Esta é a situación neste momento nalgunhas das comarcas leiteiras de Galicia, que son tamén nas que máis millo se bota, e onde as perspectivas de lograr unha boa colleita este ano son boas a día de hoxe.

"Este ano houbo moito ataque de rosquilla noutras zonas de Galicia, pero na Mariña e en Asturias non nos afectou"

Unha das zonas de Galicia onde se comeza máis cedo a botar o millo é na comarca da Mariña. José Portela é técnico da empresa Comercial Agropres, que sementa 1.200 hectáreas de millo tanto para consumo propio na súa planta de mestura húmida como para explotacións particulares ubicadas en concellos da zona norte de Lugo e o occidente asturiano, onde se agardan bos resultados este ano. "O millo vai moi ben hoxe por hoxe, nós empezamos a sembra xa en abril e a finais de maio xa tiñamos acabado, sacada algunha finca puntual na que se esperou a recoller o segundo corte de herba, pero o forte da campaña estaba rematado na primeira semana de xuño, outros anos aínda quedaban fincas até máis tarde", explica José.
O tempo máis frío veu en xuño e o que o notou máis foi o que estaba sementado de menos días, porque o que estaba de antes xa ía máis adiantado e afectoulle menos
Ao estar labrado e nacido o millo había xa semanas fixo que a incidencia das baixas temperaturas posteriores fose menor. "O tempo máis frío veu en xuño e o que o notou máis foi o que estaba sementado de menos días, o que se botou máis tarde, porque o que estaba de antes xa ía máis adiantado e notouno menos, así que lle afectou menos", indica. Tamén tiveron menor incidencia na Mariña este ano algunhas pragas habituais no cultivo do millo. "Rosquilla e verme do arame a día de hoxe aquí nada, sen embargo noutras zonas si que houbo moito ataque de rosquilla", conta. A nivel de herbicidas, Agropres aposta pola aplicación en preemerxencia. "Case todo o que usamos nós é en pre e este ano funcionaron bastante ben os herbicidas, houbo que repasar algo pero non foi dos peores anos", conclúe José. Zona con afectación sobre o millo como consecuencia da ineficacia na aplicación do herbicida

"Cada vez retiranse máis materias activas e hai que probar con outras e os tratamentos son menos eficaces"

Tamén madrugaron a labrar este ano na zona de Xallas e Barcala, na provincia da Coruña. "O 15 de maio estaba o 90% da superficie botada. Este ano quedou todo sementado en maio, en xuño o único que fixemos foi resementeira de zonas concretas, por exemplo fincas húmidas nas que afogou o millo porque despois de labralo choveu e non saiu ou por culpa do xabarín", explica Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar, a sociedade que xestiona as forraxes en conxunto para 8 ganderías, cultivando unhas 700 hectáreas de millo. A efectividade dos herbicidas neste caso non foi tan boa, algo que Adrián achaca por un lado á climatoloxía e por outro ás restricións no uso de determinados produtos. "Cada vez retíranse máis materias activas e hai que probar con outras e ás veces os tratamentos son menos eficaces. Nós facemos unha contención inicial e logo imos aplicando á carta dependendo das herbas, pero as condicións este ano non foron boas para aplicar herbicidas e abonos. De feito, cando se aplicaron os herbicidas esas condicións non eran as idóneas e si que se tocou algo o millo por aplicar os tratamentos ben con altas temperaturas ben con frío", recoñece.
Tivemos que resementar algúns anacos polo xabarín ou porque afogou o millo que se sementou cedo en fincas pesadas e non saíu
No caso de pragas de insectos, sen embargo, o resultado foi mellor. "Entre a protección que fas co insecticida e o control posterior as pragas fómolas controlando ben, a rosquilla e o verme do aramio afectaron sobre todo á sementeira tardía, que no noso caso representou pouco este ano", asegura. Así que, "de momento o millo vai con moi boa pinta, o 90% do que botamos está cunha altura de máis de metro e medio xa, co frío que veu en xuño o que lle notamos foi que ralentizou un pouco o crecemento, pero non afectou matando, porque como son plantas máis medradas resisten mellor, non é como se fose unha plántula, cando veu o frío os primeiros millos que botamos estaban xa avanzados", relatan tamén no seu caso en Ganxabar. En definitiva, resume Adrián, "o cultivo podía ir un pouco máis avanzado se as condicións fosen mellores en canto a temperatura pero a colleita preséntase, en principio, ben". O millo que se botou cedo viuse menos afectado pola baixada de temperatura e ten xa unha altura considerable

"O que se botou máis tarde púxose violeta polo frío e seguramente lle falte altura cando chegue ao final do ciclo"

Nas zonas do interior de Galicia a sementeira é normalmente máis tardía pero este ano aínda se atrasou máis. "Até mediados de maio case todos tiñan a herba sen meter, o normal sería ter empezado 15 días antes, o millo leva ese retraso este ano, nós acabamos polo 20 de xuño de botalo", conta Kiko Mosquera, o responsable da maquinaria na cooperativa Cobideza, que sen embargo matiza que "a xente que se apuraba moito a botar o millo e outros anos botábao xa a mediados de abril deuse conta de que até maio o millo está moi ben na bolsa", asegura. Pero o descenso posterior das temperaturas colleu máis desprotexido ao millo no Deza, ao terse sementado máis tarde. "Ao primeiro que se botou non lle afectou o frío porque tiña tallo gordo e bastantes follas. O último, que se sementou entre o 15 e 20 de xuño, é o que ten a color do frío, e pode que retrase un pouco o crecemento e quede un pouco máis pequeno. Ese está un pouco atrasado a estas alturas por culpa do frío e puxose violeta polo frío e faltaralle altura ao final do ciclo seguramente", recoñece Kiko. A cor violeta ou morada das follas do millo provén dun pigmento que se forma cando nas follas hai máis azúcares dos que a planta pode empregar e isto pode deberse a dous factores: por un baixo nivel de fósforo na terra, xa que unha baixa concentración de fósforo na planta inhibe o movemento de azúcares; ou por baixas temperaturas nas etapas iniciais de crecemento, xa que nun chan seco e frío as raíces paralizan o seu medre e o movemento de azúcares á raíz da planta desde as follas tamén se detén.
A auga non lle fixo mal ningún, está gardada na terra para o mes de agosto
Sen embargo, "de momento non hai nada que faga pensar que a colleita non vaia ser boa porque vaille valer máis a auga que caeu que mal lle fixo o frío", asegura o responsable da maquinaria de Cobideza. "O problema nesta zona é o aire norte a finais de agosto e setembro con temperaturas de 30 grados porque o millo deshidrátase e enrúgase ao mediodía e non é capaz logo de recuperar na noite porque veñen noites quentes, así que a auga que caeu estas últimas semanas está gardada na terra para o mes de agosto", razoa Kiko. En canto a pragas, na zona do Deza "non houbo unha afectación grave, nada fóra do normal", di. "Tivemos rosquilla sobre todo, pero tratamos cun insecticida. O que bota o herbicida en preemerxencia xa llo bota e o que non, bótao mesturado co tratamento de postemerxencia ou só no momento en que comeza a aparecer a rosquilla. Por aquí os que usan insecticida granulado na maquina de sementar son os menos", conta.
Os prados vellos que levan moitos anos sen revolver son os candidatos perfectos a ter ataque de verme de aramio, que é unha praga moi difícil de tratar, case imposible, porque está normalmente moi fondo
Sobre o verme do aramio explica que só tiveron unha finca afectada pero que "xa está perdida". "Desapareceu o millo, pero aínda que non tivese desaparecido sería igual, porque é moi difícil de tratar, case imposible, porque o verme está normalmente moi fondo", di. "Era unha finca dunha hectárea entre Monterroso e Taboada, un prado que o gandeiro alugou a un veciño que abandonou. É unha praga que se dá sobre todo en prados vellos que levan moitos anos sen revolver, eses prados son os candidatos perfectos a ter ataque de verme de aramio", asegura. Finca de millo cun nacemento uniforme e sen faltas

"O millo naceu moi ben e os herbicidas funcionaron, así que só entramos unha vez nas fincas este ano"

O primeiro Informe Anual do Estado do Clima en España, elaborado recentemente pola Agencia Estatal de Meteorología (AEMET), pon de relevo as consecuencias actuais do cambio climático, con incremento de temperatura e descenso de precipitacións, dous factores que poñen en serio risco o cultivo de millo sen rega en amplas zonas da nosa comunidade. Igual que o Deza, outra zona do interior de Galicia onde o millo é sensible xa á falta de auga, unha consecuencia que se agraba aínda máis por mor do cambio climático, é a comarca de Chantada. Jorge Meiriño, que se encarga da maquinaria da cooperativa Aira, explica que, por como foi a primavera este ano, "o millo naceu ben porque había humidade na terra e houbo temperatura e saíu todo moi ben, que outros anos ao mellor xa tes máis problemas iniciais dese tipo, así que as fincas están bonitas, pero desde este momento a recollelo a colleita depende aínda moito nas condicións climatolóxicas. Neste momento as fincas polo de agora non necesitan auga, pero se en 8-10 días non chove nesta zona pérdese moi rápido a humidade porque os solos son franco-areosos e se nesta zona non chove a partir de agora penalizan sempre as parcelas máis secas", di.
Houbo sementeiras con nascencia moi rápida pero como logo invernou o millo tivo un parón que lle veu ben para profundizar a raíz
Por iso, Jorge pensa que a baixada de temperatura mesmo puido ter un efecto beneficioso nesta zona. "Como logo invernou o millo tivo un parón que lle veu ben para profundizar a raíz. Había sementeiras con nascencia moi rápida e que medraba moi rápido e é importante tamén este pequeno parón para iso, sobre todo naquelas parcelas máis lixeiras", explica. Aira aposta por empregar herbicidas residuais de preemerxencia se as condicións o permiten, e este ano foron favorables para iso, porque a efectividade é maior se chove no momento de botar o herbicida, xa que deste xeito introdúcese na terra e dura máis o seu efecto. "Esas semanas que choveu estivémolo aplicando, polo que os tratamentos funcionaron ben e só tivemos que entrar unha vez nas fincas", conta.
Nós o que facemos é sementar e agardar un impás de 10 días antes de aplicar o herbicida, así dámoslle tempo a saír ao millo para que cubra antes a terra e non ter que repasar
"Nós o que facemos é sementar o millo e agardar 10 días a que saia para aplicar logo o herbicida, porque este tipo de tratamentos de preemerxencia poden aplicarse até que o millo ten 5 follas. O herbicida ten un efecto residual que dura entre 5 e 6 semanas e nelas o millo ten que cubrir a terra para que non saia herba. Así que o que facemos ao retrasar eses 10 días a súa aplicación é tamén alongar o seu efecto para que nesas 5 ou 6 semanas de duración o millo cubra e así non temos que repasar", indica. "Tamén tivemos algún problema puntual de rosquilla, pero estivemos atentos e fomos solucionando", engade.

"Se non hai un control efectivo do xabarín agora no verán vai haber un problema grave cando veña a espiga"

Peche eléctrico nunha finca de millo para evitar a entrada do xabarín "O problema máis grave nesta campaña é o ataque do xabarín, hai bastante superficie afectada con danos puntuais, un montón de fincas tocadas, e tivemos que facer resementeira en 20 hectáreas, neses casos fincas completas, e a maiores repasar algún cacho dalgunha parcela ou fincas con danos que quedaron así por non andar pisando", relata José Portela os destrozos provocados nos concellos de Ribadeo, Barreiros ou Trabada na Mariña e de Tapia, Castropol ou El Franco na zona asturiana. "Nós tamén tivemos que resementar algunha parcela, por ataques do xabarín e de corvo tamén. Probamos un tratamento novo que vén substituíndo ao Mesurol, que se chama Korex, e en principio vai ben, é certo que houbo máis incidencia que con Mesurol pero con paxaro funciona ben e con xabarín tocan igual as fincas pero abandona porque non lle gusta", conta pola súa banda Jorge Meiriño.
Probamos un tratamento novo que vén substituíndo ao Mesurol que funciona ben cos corvos pero que con xabarín hai máis incidencia
"O xabarín por pouco que afecte sempre dá perdas e nada que che garantiza que non poida volver. A nós este ano de momento afectounos a 2 hectáreas, que en 700 que botamos non foi moito, pero hai outros casos nesta zona nos que lles levantou 10% das fincas", describe Adrián Cundíns. "É unha praga que non tes moito con que combater e vai a máis, se non hai un control efectivo agora no verán vai haber un problema grave cando veña a espiga, xa veñen hoxe fozar ao rego en zonas que hai xuncia para canto máis cando haxa graos de millo", conclúe Portela.

Europa proxecta limitar o uso de produtos fitosanitarios no próximo periodo da PAC

Produtos fitosanitarios, os imprescindibles. Esa é, en esencia, a filosofía da Xestión Integrada de Pragas (XIS), un acrónimo que estará moi presente nos próximos anos na vida diaria de todos os agricultores e gandeiros. Debido a unha maior presión desde Europa, España deberá limitar o uso de pesticidas. Entre as medidas que se barallan, figura a prohibición de praguicidas e herbicidas en pre-emerxencia, por exemplo trala sementeira do millo, o que obrigará estar máis pendentes dos cultivos. Tamén é previsible a prohibición de produtos como o glifosato, que fará necesaria unha maior prevención no control de malas herbas nas praderías. Bruxelas revisará a Directiva sobre o uso sostible de praguicidas, mellorará as disposicións sobre a xestión integrada de pragas (XIP) e promoverá un maior uso de formas alternativas seguras de protexer as colleitas de pragas e enfermidades, fomentando o uso de técnicas de control alternativas, como a rotación de cultivos ou a cavadura mecánica das malas herbas, e será unha das ferramentas principais para reducir o uso e a dependencia de pesticidas químicos en xeral, e o uso dos pesticidas máis perigosos en particular, anuncia o documento da Estratexia Da granxa á mesa, presentado recentemente.
Ao aplicar a xestión integrada de pragas, os agricultores deberían botar man dos produtos fitosanitarios só se a prevención e outros métodos non funcionan ou non son eficaces
"As prácticas agrícolas que reducen o uso de pesticidas serán de suma importancia na nova PAC (2021-2027) e os Plans Estratéxicos dos distintos Estados deben reflectir esta transición e promover o acceso ao asesoramento", indica a Comisión Europea, que avanza que facilitará a comercialización de praguicidas que conteñen substancias biolóxicas activas e reforzará a avaliación de pesticidas por parte dos Estados membros. A Comisión tamén propoñerá cambios no Regulamento de 2009 sobre estatísticas de praguicidas para superar a falta de datos e promover a formulación de políticas baseadas en probas.
No conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España
A redución do uso de praguicidas químicos á metade en 2030 e tamén a minoración nun 50% na utilización dos pesticidas máis perigosos é un dos obxectivos principais do Pacto Verde europeo no que se refire á produción agrícola e as propias autoridades comunitarias recoñecen os escasos avances logrados neste particular na última década, trala aprobación en 2009 da Directiva 128 CE relativa ao Uso Sostible dos Praguicidas. Os datos así o constatan: no conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España. Escasos avances A Comisión Europea debe presentar periodicamente ao Parlamento Europeo e ao Consello un informe sobre os avances conseguidos na aplicación da Directiva. No seu último informe, que acaba de facerse público, o Executivo comunitario analiza a experiencia adquirida polos Estados membros na aplicación dos obxectivos establecidos nos seus plans de acción nacionais e os avances conseguidos na aplicación da Directiva de 2009 e anuncia que redobrará a presión nos próximos anos.
Un maior control na dispensación e venda foron dos poucos avances que se produciron en España en aplicación da Directiva de 2009
A necesidade de obter un carné para adquirir, manipular e aplicar tratamentos fitosanitarios e levar un rexistro individualizado sobre compras, en virtude do Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, foron dos poucos cambios que se produciron en España nos últimos anos, máis aló da prohibición con carácter xeral dalgúns produtos e principios activos utilizados, como é o caso recente do metiocarb, a materia activa do Mesurol, un insecticida e repelente de aves e xabaríns usado na sementeira do millo e prohibido en toda a UE desde o pasado 3 de abril. Os usuarios profesionais de produtos fitosanitarios teñen que manter un rexistro dos produtos que utilizaron polo menos no últimos tres anos pero en España non se esixe que comproben e rexistren o éxito das súas medidas e os motivos concretos para aplicar os tratamentos, como sucede noutros países.
En Irlanda todos os usuarios profesionais deben manter rexistros sobre cada tipo de praga e as medidas preventivas adoptadas previamente á aplicación dos tratamentos
En Irlanda, por exemplo, todos os usuarios profesionais deben manter rexistros que demostren a aplicación da xestión integrada de pragas. Os agricultores rexistran a razón do uso de produtos fitosanitarios con información, por exemplo, sobre o tipo de praga existente, as medidas preventivas adoptadas previamente á aplicación dos tratamentos, a xestión da resistencia, as doses aplicadas e os danos sufridos polos cultivos. Irlanda dispón ademais dun sistema integrado de extensión, investigación e transferencia agrícola financiado con fondos públicos, que axuda a garantir que os produtores conten con información pertinente e actualizada sobre a xestión integrada de pragas. Falta de datos comparables entre países Datos sobre as vendas de praguicidas en España entre 2011 e 2017 por tipo de produto (Fonte: Eurostat) Os Estados membros recompilan estatísticas sobre as vendas e o uso agrícola de produtos fitosanitarios. A normativa da UE esíxelles solicitar datos anualmente sobre as substancias activas contidas nos produtos fitosanitarios en venda e recompilar estatísticas do uso agrícola de produtos fitosanitarios para cultivos seleccionados durante un período de referencia cada cinco anos, pero ata o de agora Eurostat non publicou estatísticas comparadas a escala da UE sobre o uso de produtos fitosanitarios porque os datos recollidos por cada Estado membro difiren nos períodos de cómputo e as metodoloxías aplicadas. Os Estados membros tamén seleccionan os cultivos que serán obxecto de seguimento, o que significa que os datos non son comparables entre os distintos países.
A aplicación dos principios da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os usuarios, pero os controis sobre o seu cumprimento son escasos
Nalgúns países (por exemplo, Francia) os datos de vendas das distintas substancias activas están ao dispor do público. España proporcionou datos á Comisión para todas as diferentes categorías de pesticidas cada ano. As cifras demostrarían que as vendas de praguicidas en España están a diminuír lixeiramente desde 2014, situándose na actualidade en 70.000 toneladas ao ano. A maioría dos pesticidas vendidos en España son funxicidas e bactericidas, seguidos de herbicidas. Na UE, as vendas de substancias activas cualificadas como praguicidas utilizadas en produtos fitosanitarios superan as 350.000 toneladas ao ano. Retrasos na aplicación da normativa O Tribunal de Contas Europeo de Luxemburgo publicou asimesmo no mes de xaneiro deste ano un Informe Especial sobre o Uso Sostible de Produtos Fitosanitarios no que conclúe que se produciron "poucos progresos na medición e na redución de riscos" por pesticidas trala aprobación da Directiva comunitaria de 2009. "O Tribunal constatou que a Comisión e os Estados membros tomaron medidas para fomentar o uso sostible de produtos fitosanitarios, pero obsérvanse progresos limitados na medición e na redución dos riscos asociados. A aplicación da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os agricultores, pero non é un requisito para recibir pagos no marco da política agrícola común e a súa observancia é deficiente. As estatísticas dispoñibles e os novos indicadores de risco non mostran o grao de éxito da política na consecución dun uso sostible de produtos fitosanitarios", asegura.
A Directiva de 2009 establece un marco para lograr un uso sostible dos produtos fitosanitarios e fomentar a xestión integrada de pragas, aplicando enfoques alternativos e métodos non químicos, pero a súa aplicación retrasouse
O Tribunal formula recomendacións para verificar a xestión integrada de pragas nas explotacións, mellorar as estatísticas en materia de produtos fitosanitarios e desenvolver uns indicadores de risco mellores. "Os Estados membros teñen que incluír obxectivos mesurables e metas cuantitativas nos seus plans de acción nacionais para lograr os fins da Directiva", solicita. A Directiva 2009/128/CE relativa ao uso sostible dos praguicidas establece un marco para lograr un uso sostible dos produtos fitosanitarios e fomentar a xestión integrada de pragas, aplicando enfoques alternativos e métodos non químicos. Os Estados membros dispoñían dun prazo de dous anos para incorporar a Directiva á súa lexislación nacional pero esa trasposición atrasouse e os Estados que adoptaron a normativa fixérono de maneira laxa e inexacta, denuncia o Tribunal de Contas europeo. Francia, por exemplo, incorporou a Directiva ao seu ordenamento xurídico pero os requisitos da xestión integrada de pragas non se incorporaron á súa lexislación nacional. Algo similar ocorre en España.
A Comisión estuda actualmente unha serie de medidas, incluídos procedementos de infracción, para aqueles Estados nos que o avance non resulta satisfactorio
Como moi tarde o 26 de novembro de 2012, os Estados membros tiñan que elaborar plans de acción nacionais que establecesen, entre outras cousas, os seus obxectivos cuantitativos, metas e prazos para reducir os riscos e as consecuencias da utilización de produtos fitosanitarios, aínda que só un terzo dos Estados presentáronos en prazo. Estes plans nacionais deben ser revisados cada cinco anos pero case tres cuartas partes dos países retrasáronse na súa revisión. A 31 de marzo de 2019, dos 27 Estados membros actuais, tan só 15 (Austria, Bélxica, Chequia, Chipre, Dinamarca, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Lituania, Luxemburgo, Malta, Polonia e Portugal) presentaran os seus plans de acción nacionais actualizados á Comisión Europea.
Os usuarios profesionais deberían estar a aplicar os principios da xestión integrada de pragas desde xaneiro de 2014
As normas da UE dispoñen que os usuarios de produtos fitosanitarios apliquen os principios xerais da xestión integrada de pragas e que os Estados membros tiñan a obriga de describir nos seus plans de acción nacionais como garantirían que todos os usuarios profesionais aplicasen os principios da xestión integrada de pragas en xaneiro de 2014 como moi tarde. España sitúase nestes momentos lixeiramente por encima do 50% do nivel de cumprimento da Directiva 2009/128/CE sobre Uso Sostible de Praguicidas, aumentando 10 puntos os seus logros nos últimos dous anos, pero só Bulgaria, Grecia, Malta, Eslovaquia e Romanía presentan actualmente un menor grao de cumprimento da Directiva sobre praguicidas e as Autoridades comunitarias advirten que se estudan sancións para aqueles Estados con escaso nivel de compromiso na redución de pesticidas.
Só Bulgaria, Grecia, Malta, Eslovaquia e Romanía presentan actualmente un menor grao de cumprimento da Directiva sobre praguicidas que España
Desde 2016, a Comisión Europea tomou máis medidas para fomentar e facer aplicar a Directiva. Entre as iniciativas da Comisión figuran a avaliación dos plans de acción nacionais e a supervisión das accións dos Estados membros para poñer en práctica a Directiva. "Nos casos en que o avance non resulta satisfactorio, a Comisión estuda actualmente unha serie de medidas, incluídos procedementos de infracción", advirte. Un maior control e procedementos de infracción No seu informe ao Parlamento Europeo de 2017 sobre a trasposición e aplicación da Directiva nos distintos Estados, a Comisión observou deficiencias na aplicación da xestión integrada de pragas nos plans de acción nacionais. Os plans centrábanse principalmente en actividades de formación e asesoramento, así como na sensibilización para aumentar a comprensión da xestión integrada de pragas pero non establecían requisitos específicos que traducisen os principios xerais da xestión integrada de pragas a accións que puidesen verificarse na práctica.
Diante do incumprimento xeralizado, desde 2016 a Comisión Europea tomou máis medidas para fomentar e facer aplicar a Directiva supervisando as accións dos Estados
A Iniciativa Cidadá Europea Prohibición do glifosato e protección das persoas e do medio ambiente fronte aos pesticidas tóxicos, presentada no ano 2017, instaba á Comisión Europea a establecer obxectivos obrigatorios de redución do uso de praguicidas. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da ONU e a Estratexia Da granxa ao garfo presentada pola Comisión Europea o pasado 20 de maio insisten neste feito ao fixar o obxectivo de reducir ao 50% na próxima década o uso de herbicidas, funxicidas e insecticidas. "A sociedade está cada vez máis concienciada sobre a sustentabilidade da produción alimentaria, da que o uso sostible dos praguicidas constitúe un compoñente importante", afirma o Executivo comunitario no seu informe.
A Estratexia 'Da granxa ao garfo' pretende reducir á metade o uso de pesticidas en 2030
En 2018, a Comisión pasou de facer visitas informativas a efectuar auditorías de cumprimento e comezou a formular recomendacións e solicitar medidas correctoras aos Estados membros e puxo en marcha un portal web para o uso sostible dos produtos fitosanitarios, que contén información clave, plans de acción nacionais e ligazóns aos sitios web oficiais dos Estados membros. Sen sancións polo de agora por mala praxe nos tratamentos A Comisión Europea considera a xestión integrada de pragas como un dos alicerces da Directiva, e "a súa plena aplicación resulta necesaria para reducir a dependencia respecto do uso dos praguicidas", afirma. Pero durante as súas auditorías de 2018 e 2019 aos distintos Estados, a Comisión constatou a insuficiente aplicación da xestión integrada de pragas por parte de agricultores e gandeiros e a inexistencia de controis e inspeccións por parte das Administracións responsables para confirmar e avaliar o grao de cumprimento. "Os Estados membros teñen que definir as sancións por incumprimento das normas relativas aos produtos fitosanitarios pero só os Países Baixos as estableceron", indica o Tribunal de Contas.
Só os Países Baixos estableceron sancións polo incumprimento da xestión integrada de pragas
Nos Países Baixos, os inspectores comproban que os usuarios de produtos fitosanitarios documentasen as súas consideracións en relación coa xestión integrada de pragas pero aínda que as normas neerlandesas prevén a aplicación de sancións por non completar os rexistros, na práctica, di o informe, "non impuxeron ningunha en 2017, a pesar de constatar que o 20% dos usuarios inspeccionados non cumpriran as normas". Poucos países máis comproban a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas. En Francia, as inspeccións de produtos fitosanitarios examinan se os agricultores utilizan produtos fitosanitarios biolóxicos e métodos destinados a reducir o uso de produtos fitosanitarios químicos, pero non se definiron sancións por incumprimentos. Tampouco en países como España existe réxime sancionador específico xa que a aplicación da xestión integrada de pragas, na práctica, non está a ser obrigatoria para os agricultores. Incentivos insuficientes "A acción da UE achega escasos incentivos para a adopción da xestión integrada de pragas polos agricultores e aínda que a Comisión e os Estados fomentan a xestión integrada de pragas, a súa aplicación é insuficiente", afirma o Tribunal europeo de Luxemburgo. "A PAC contén instrumentos que poden apoiar o uso sostible dos produtos fitosanitarios polos agricultores pero a política agrícola común contribúe pouco a que se aplique a xestión integrada de pragas", sostén o Tribunal de Contas da UE.
Aínda que segundo a normativa comunitaria os principios da xestión integrada de pragas son obrigatorios para os agricultores, non se ten en conta actualmente como condición para acceder aos pagos da PAC
Ata o de agora os agricultores con máis de 15 hectáreas de terra cultivable que reciben pagos directos deben manter zonas de interese ecolóxico no 5% da súa superficie e, desde 2018, non poden utilizar produtos fitosanitarios nas devanditas zonas; existen programas específicos para o sector hortofrutícola e os Estados membros teñen que establecer sistemas de asesoramento agrario para aconsellar aos agricultores sobre a xestión integrada de pragas. A maioría dos pagos da PAC están suxeitos a "condicionalidade", que é un mecanismo que vincula os pagos da política agrícola común (PAC) ao cumprimento polos agricultores dunha serie de normas básicas relativas ao medio ambiente, a seguridade alimentaria, a saúde animal e vexetal e o benestar animal, así como ao requisito de manter o chan agrícola en boas condicións agrarias e ambientais.
Prevese que a PAC post 2020 inclúa nos requisitos de condicionalidade que vinculan a percepción de axudas o cumprimento do obxectivo de redución de pesticidas
A condicionalidade no marco da PAC do período 2014-2020 esixe que os usuarios de produtos fitosanitarios cumpran as condicións establecidas nas etiquetas e teñan en conta as condicións locais, pero non incorpora no seu conxunto a Directiva que inclúe a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas. "Outros requisitos de condicionalidade, como as faixas de protección e a protección das augas subterráneas, tamén son pertinentes para un uso sostible dos produtos fitosanitarios", bota de menos o Tribunal de Contas. Prevese que na PAC post 2020 se estableza tamén como condicionalidade para a percepción de axudas o cumprimento do obxectivo de redución de pesticidas, apoiando a adquisición de maquinaria agrícola de precisión ou fomentando a agricultura ecolóxica. "A vinculación dos pagos da PAC ao cumprimento dos requisitos legais sobre praguicidas pode axudar a facer cumprir as normas", argumentan as Autoridades comunitarias.
A ecoloxización dos pagos directos na futura PAC reforzará a súa contribución ao cumprimento da Directiva sobre praguicidas, afirma a Comisión
A proposta da Comisión para a PAC posterior a 2020 amplía o vínculo entre os pagos da PAC e os requisitos regulamentarios ("condicionalidade") relativos aos produtos fitosanitarios, e abarcaría en parte o uso sostible, pero non incorporaría os principios da xestión integrada de pragas. O novo requisito legal de xestión número 13 referiríase á Directiva de praguicidas e comprendería, en relación cos produtos fitosanitarios, o establecemento de sistemas de certificación, a inspección de equipos, as restricións de uso en zonas protexidas e a manipulación e almacenamento. A proposta de condición relativa ás boas condicións agrarias e ambientais (requisito número 8) esixiría a rotación de cultivos para conservar o potencial do chan e o mantemento das zonas de biodiversidade. O mantemento de pastos permanentes, a protección de turberas e humidais, as faixas de protección, a ferramenta de sustentabilidade agraria para nutrintes, a xestión da labranza ou a ausencia de chan espido tamén poderían ser abordados na PAC e contribuirían a unha menor necesidade de praguicidas. "A ecoloxización dos pagos directos na futura PAC reforzará a súa contribución ao cumprimento da Directiva sobre praguicidas. A condicionalidade sensibilizará aos agricultores para que adopten estas prácticas a través do risco de redución dos pagos da PAC", argumenta a Comisión. Países con maiores esixencias: o caso de Suíza A condicionalidade proposta, do mesmo xeito que o mecanismo actual, non significa que os pagos da PAC se supediten ao cumprimento destas normas, aínda que os Estados membros impoñen sancións administrativas aos beneficiarios que non as cumpran. As sancións administrativas, na práctica, consisten en reducións, non superiores ao 5%, en caso de incumprimento por neglixencia. Os incumprimentos recorrentes poden dar lugar a sancións maiores e, se son intencionados, a redución podería chegar ao 20% ou máis.
A condicionalidade na UE non significa que os pagos da PAC dependan do cumprimento das normas básicas establecidas pero poden supoñer reducións nas axudas percibidas
Así, aínda que os principios da xestión integrada de pragas son obrigatorios para os agricultores, non se contan como condición para acceder aos pagos da PAC. A pesar de que se fomentan as prácticas agrícolas máis sostibles, "hai poucas medidas que disuadan aos agricultores de utilizar produtos fitosanitarios estándar en lugar de recorrer a métodos non químicos ou alternativos", afirma o Tribunal de Contas. En comparación, para recibir pagos directos en Suíza, os agricultores deben mostrar unha proba de rendemento ecolóxico, similar aos principios xerais da xestión integrada de pragas definidos na Directiva. No marco das súas inspeccións, as autoridades suízas verifican os requisitos relativos á protección do chan e ao fomento da biodiversidade, establecendo e rexistrando limiares de pragas, así como a elección apropiada dos produtos fitosanitarios e a xustificación do seu uso e, no caso dos agricultores con máis de tres hectáreas de terra cultivable, a rotación de cultivos.

Bruxelas acusa a España de carecer de ambición nos seus plans para a redución de plaguicidas

A Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para conseguir un uso sostible dos praguicidas (DUSP) pretende minimizar o impacto dos produtos fitosanitarios na saúde humana e o medio ambiente mediante unha dependencia menor e un uso maior de praguicidas de baixo risco e non químicos. Os principios xerais da Directiva inclúen o uso dos produtos fitosanitarios no cultivo pertinente, coa dose correcta e coa frecuencia correcta, no momento oportuno e tendo en conta as repercusións sobre o medio ambiente e sobre a resistencia. Os métodos sostibles biolóxicos, físicos e outros non químicos deberán preferirse aos métodos químicos, sempre que permitan un control satisfactorio das pragas.
Bruxelas afirma que se logrou reducir un 20% o risco dos pesticidas no conxunto da UE entre 2011 e 2017
A Comisión considera que a acción da UE propiciou unha redución do risco na utilización de produtos fitosanitarios. "Malia a un inicio lento, a Comisión realizou esforzos destacables para mellorar a aplicación da Directiva 2009/128/CE por parte dos Estados membros e desde a súa entrada en vigor experimentouse unha redución do risco para a saúde humana e o medio ambiente pola venda de produtos fitosanitarios na Unión Europea constatándose unha redución do 20% no primeiro indicador de risco harmonizado, nas cantidades de substancias activas presentes no mercado, entre 2011 e 2017", indica. Asimesmo, destaca, "esta redución do risco tivo lugar mentres as cantidades de produtos fitosanitarios vendidos e utilizados seguiron sendo relativamente constantes, o que reflicte o cambio de perfil dos pesticidas vendidos e utilizados na Unión Europea", aínda que o Executivo comunitario considera que "aínda hai importantes posibilidades de seguir reducindo os riscos mediante unha mellor aplicación da Directiva e, en particular, un maior grao de adopción da xestión integrada de pragas, incluída unha adopción máis estendida das técnicas de control non químicas". Obxectivos por países para a aplicación da Directiva A Directiva baséase fundamentalmente nas medidas adoptadas en cada Estado membro, dadas as diferenzas existentes na agricultura en toda a Unión Europea. Esixe que os Estados membros adopten plans de acción nacionais (PAN) que definan os seus obxectivos cuantitativos, metas, medidas e calendarios. O Plan de Acción Español, presentado en novembro de 2012 e vixente ata decembro de 2017, incluía 29 medidas e a súa revisión, en vigor ata decembro de 2022, un total de 31, entre as que se inclúen campañas de concienciación e sensibilización sobre os riscos dos pesticidas para a saúde e o medio ambiente, bases de datos sobre usuarios e comercialización de fitosanitarios, directrices para a aplicación da xestión integrada de pragas, promover a dispoñibilidade de produtos fitosanitarios de baixo risco, inspección de equipos utilizados para a aplicación de tratamentos, medir a presenza de residuos no solo e en augas subterráneas, establecer unha metodoloxía para avaliar a efectividade do conxunto de recomendacións e mellorar e estender o uso de alertas de protección de plantas.
Alemaña fixou como obxectivo unha redución do 30% do risco de praguicidas, Dinamarca un 40% e Francia e Luxemburgo un 50%
Case todos os obxectivos fixados por España son xenéricos e só catro países (Alemaña, Francia Dinamarca e Luxemburgo) estableceron medidas cuantificables concretas. Alemaña fixou como obxectivo unha redución do 30% do risco potencial para o medio ambiente para 2023, con respecto á referencia da media para 1996-2005. Dinamarca fixou como obxectivos unha redución do 40% no indicador da carga de praguicidas e unha redución do 40% na carga de substancias extremadamente preocupantes para 2025, con respecto a 2011. Por último, Francia estableceu como obxectivo unha redución do 25% no uso de produtos fitosanitarios para 2020, ademais dunha redución dun 50% no uso para 2025, con respecto a 2015 e Luxemburgo un descenso do 50% no ano 2030. A maioría dos Estados non emendaron nos seus Plans de Acción Nacionais revisados as deficiencias que a Comisión identificou nos seus Plans iniciais, polo que a maioría das revisións resultan pouco ambiciosas e non definen obxectivos de alto nivel baseados en resultados co fin de reducir os riscos asociados dos pesticidas e a dependencia do seu uso. Ningún país identificou de forma explícita rexións prioritarias ou boas prácticas e só Francia controla as cantidades de substancias activas clasificadas como canceríxenas, mutaxénicas ou tóxicas para a reprodución que se venden cada ano.
España pretende desenvolver unha aplicación informática para permitir o rexistro electrónico das transaccións con PFS e que polo menos o 50% dos distribuidores usen este sistema en 2022
Tanto España como Bélxica definen obxectivos claros, pero todos son sectoriais e gardan relación coas medidas propostas, por exemplo o número de campañas informativas ao ano ou o número de granxas modelo que se deben establecer, en lugar de impactos cuantificables, como o número de usuarios profesionais que aplican a XIP. "A maioría dos Plans Nacionais carecen de ambición. Isto queda ilustrado nos casos de Chipre e tamén de España, un Estado que conta con case un millón de explotacións e que fixou o establecemento dun obxectivo de polo menos dúas explotacións modelo para promover a xestión integrada de pragas", repróchalle a Comisión Europea. Detección e tratamento precoz Un dos elementos fundamentais da normativa europea é a aplicación da xestión integrada de pragas (XIP) e a promoción de técnicas ou enfoques alternativos, que se presentan como claves con vistas a reducir a dependencia respecto dos praguicidas. As normas da UE definen dita xestión integrada de pragas como un conxunto de oito principios xerais destinados a utilizar outros métodos preventivos, naturais ou menos nocivos de control de pragas antes de recorrer a produtos fitosanitarios químicos. Por exemplo, a supervisión das pragas e os sistemas de alerta rápida forman parte da xestión integrada de pragas, xa que a previsión, advertencia e diagnóstico rápido de pragas e enfermidades axudan aos agricultores a aplicar medidas de control preventivas e máis centradas.
Sempre que sexa posible, debe concederse prioridade aos métodos non químicos
Os oito principios xerais da xestión integrada de pragas detállanse no anexo III da Directiva; con todo, na normativa comunitaria non se define como se deben aplicar estes principios na práctica, polo que a súa concreción é competencia dos Estados membros. De acordo co principio de subsidiariedade, estes criterios deben determinarse a escala nacional ou mesmo subnacional, dada a diversidade da agricultura entre os Estados membros e dentro deles, en termos de clima, colleitas cultivadas e técnicas de produción. Con todo, os Estados non converteron os principios xerais da xestión integrada de pragas en criterios normativos e avaliables que deban aplicar os usuarios. A Directiva indica que a xestión integrada de pragas "promove os mecanismos naturais de control de pragas", e os principios da xestión integrada de pragas indican que deben preferirse os métodos biolóxicos ou físicos (mecánicos) aos químicos, pero os avances nese campo víronse afectados pola lentitude na súa posta en marcha. Porque aínda que a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os usuarios, os controis sobre o seu cumprimento son escasos e non se ten en conta actualmente como condición para acceder aos pagos da PAC, aínda que a Política Agrícola Común actual e futura abarca varios instrumentos que apoian a aplicación da XIP por parte dos agricultores. Falta de alternativas técnica e economicamente viables Cada vez préstase maior atención aos métodos non químicos, e moitos Estados membros promoven conceptos como o biocontrol (Francia) e os biopraguicidas (Países Baixos), pero varios Estados membros informaron á UE de dificultades na verificación da xestión integrada de pragas e da falta de técnicas de control non químicas eficaces e financeiramente viables, que constitúen un obstáculo para a posta en práctica da xestión integrada de pragas. As actividades de investigación e innovación son importantes para garantir que se dispoña de métodos alternativos de xestión de pragas e de produtos fitosanitarios de baixo risco para aplicar a devandita xestión. Horizonte Europa, o programa de investigación da UE, contén convocatorias de proxectos relacionados con estratexias, ferramentas e tecnoloxías para a xestión sostible das malas herbas, alternativas ao uso de produtos fitosanitarios e para a xestión integrada de pragas.
As normas da UE prevén un calendario acelerado para a autorización de produtos fitosanitarios de baixo risco
Aínda que a maioría dos produtos fitosanitarios de baixo risco conteñen microorganismos, moitos produtos fitosanitarios ecolóxicos non están categorizados como de baixo risco. Por exemplo, en Francia en xuño de 2019, 481 produtos fitosanitarios estaban autorizados como de control biolóxico e 23 como de baixo risco. Unha explicación é que moitos produtos fitosanitarios de control biolóxico conteñen substancias activas aprobadas antes da introdución do concepto de baixo risco na lexislación da UE (o concepto de baixo risco introduciuse co Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, e a primeira aprobación dunha substancia activa como de baixo risco realizouse en 2015), pero o proceso de aprobación tamén mostra que non todas as substancias activas non químicas cumpren os criterios de baixo risco. En setembro de 2019, había 487 substancias activas aprobadas para a súa utilización en produtos fitosanitarios na UE, pero só 16 (3%) delas estaban aprobadas como de baixo risco. E non todos os produtos fitosanitarios baseados nas 16 substancias activas declaradas de baixo risco están autorizados como de baixo risco, xa que á parte das substancias activas, os produtos fitosanitarios conteñen outros ingredientes coñecidos como "coformulantes".
Na última década duplicáronse as substancias activas básicas, de baixo risco e non químicas, pasando de 60 a 120
Aínda que recoñece que que "é necesario ampliar a gama de substancias activas non químicas, de baixo risco e básicas aprobadas para aumentar as opcións de control de pragas de que dispoñen os agricultores para reducir a súa dependencia das substancias activas máis perigosas", a Comisión destaca que "existe unha tendencia constante á alza no número de substancias activas básicas, de baixo risco e non químicas, desde menos de 60 en 2009 ata case 120 en 2019". Medición das consecuencias no medio ambiente "Obsérvase un declive significativo da biodiversidade nos ecosistemas agrícolas, segundo se reflicte nunha caída das aves dos hábitats agrícolas e nas perdas de poboacións de insectos nalgunhas partes da Unión Europea. Entre outros factores, o uso dos praguicidas identificouse como unha causa importante desta evolución", asegura a Comisión Europea.
A normativa da UE ten a finalidade de "conseguir un uso sostible dos praguicidas mediante a redución dos riscos e os efectos na saúde humana e no medio ambiente"
A supervisión ambiental a posteriori é necesaria para confirmar que non se produzan efectos ou riscos inaceptables para o medio ambiente derivados do uso de produtos fitosanitarios. O control da UE de produtos fitosanitarios no medio ambiente céntrase principalmente na auga pero non ten en conta os efectos sobre os chans. Os distintos Estados analizan a presenza de produtos fitosanitarios nas augas, aínda que non se dispón de datos a escala europea sobre a utilización de pesticidas. Para as augas superficiais, a UE define as substancias que os Estados membros deben controlar pero algúns países fan análíticas máis exhaustivas. Por exemplo, os Países Baixos dispoñen dun amplo sistema de control das augas e complementan a supervisión das substancias definidas na UE con outras 16 substancias activas consideradas problemáticas nas súas augas superficiais (12 das cales están actualmente aprobadas para o seu uso en produtos fitosanitarios na UE). Con todo, as normas da UE non definen substancias activas que deben controlarse no chan.
O control da UE de produtos fitosanitarios no medio ambiente céntrase na presenza de residuos na auga pero non ten en conta os efectos sobre os chans
En febreiro de 2019 o Parlamento Europeo adoptou unha resolución non lexislativa sobre a aplicación da Directiva 2009/128/CE de Uso Sostible de Praguicidas na que lamenta que o nivel xeral de aplicación por parte dos Estados membros resulte insuficiente para reducir os riscos derivados do uso dos praguicidas e a dependencia deles e insta á Comisión e aos Estados membros a adoptar unha serie de medidas destinadas a mellorar a aplicación da Directiva, entre elas o establecemento de directrices para avaliar a aplicación da xestión integrada de pragas e o desenvolvemento de alternativas de baixo risco aos praguicidas así como a promoción dunha agricultura de precisión e dixital como medida para reducir o risco que entrañan. Medir o risco dos tratamentos é complexo, xa que os riscos que provocan estes produtos varían en función de varios factores, en particular das substancias activas da súa composición, pero tamén da súa dosificación (a cantidade e frecuencia por hectárea) e de onde, cando e como os apliquen os usuarios na práctica. "Os indicadores de risco a escala europea teñen que harmonizarse para permitir a comparación entre Estados membros e unha avaliación significativa da política da UE", avanzan en Bruxelas.
Até 2019 a Comisión non comezou a medir a escala europea os riscos de utilizar produtos fitosanitarios
A finais de 2018 a Comisión estableceu dous indicadores de risco harmonizados que entraron en vigor en xuño de 2019 e en novembro publicou na súa páxina web os cálculos retrospectivos dos indicadores de risco de 2011. Isto significa que a primeira estimación da Comisión dos riscos da utilización de produtos fitosanitarios a escala da UE chegou dez anos despois da aprobación da Directiva.
Más información: 

Consellos para o control de moscas, roedores e aves nas explotacións leiteiras

As moscas actúan como vector das bacterias favorecendo o contaxio de enfermidades e crean estrés nas vacas Evitar a presenza de pragas e impedir o contacto das vacas da gandaría con animais alleos á explotación é unha das recomendacións básicas para reducir o risco de contaxio de enfermidades nas granxas e as perdas económicas que iso supón. Novas estratexias, como a loita biolóxica, ábrense camiño para combater a existencia de ratas, moscas e aves nas explotacións de leite. O veterinario catalán David García Torres, da Assessoria Boví Lleter, que aconsella a gandeiros de leite de Girona e Mallorca, expón algúns consellos para manter a raia a insectos e outros animais. "O control de pragas é un asunto enmarcado na bioseguridade das explotacións pero pode ser tamén un tema de rendibilidade económica para o gandeiro", asegura. "Tanto a loita biolóxica como a loita química supón un custo para as explotacións pero trátase de redución de riscos de enfermidades, que nos poden facer perder e gastar moitos máis cartos", afirma. Ademais, engade, "as pragas son vectores de transmisión de enfermidades, polo que ao eliminar ou reducir as pragas redúcense as enfermidades e, polo tanto, tamén o uso de antibióticos", razoa. Para David, "están moito máis avanzados no sector porcino e avícola e no vacún queda aínda moito por facer e por mellorar neste eido" e defendeu que "o control de pragas debe estar dentro do plan de bioseguridade das explotacións". A maior carga gandeira, maior probabilidade de pragas Durante a súa intervención nas últimas xornadas técnicas de vacún leiteiro organizadas por Seragro, o veterinario catalán evidenciou que "a canta máis carga gandeira, maior probabilidade de ter pragas" e indicou que "non serve facer un protocolo de pragas xeral para todas as explotacións, senón que ten que ser personalizado para cada granxa e tamén dinámico", porque a situación cambia en función, por exemplo, da climatoloxía, dixo. Con todo, si que se poden dar unha serie de consellos xerais a adoptar en todas as gandarías para reducir o risco de sufrir pragas de insectos, ratos ou outro tipo de animais, como son as aves. A primeira recomendación é extremar a orde e a limpeza nas instalacións e non ter desperdicios nin residuos acumulados "para poñerllo máis difícil ás pragas". Neste sentido, David propuxo, por exemplo, colocar unha malla na fronte do silo "para que roedores ou paxaros non vaian comer alí". É necesario tamén facer un diagnóstico concreto da situación das distintas instalacións. "Se temos moita maleza arredor da explotación temos máis probabilidades de ter ratas", exemplificou. E unha vez aplicadas as medidas hai que facer unha avaliación de resultados para ver se funciona o protocolo establecido ou en que hai que modificalo.
As medidas deben ser sempre consensuadas co gandeiro, senón seguramente non se cumpran
"O máis importante do protocolo é que debe cumprirse, por iso debe ser sempre consensuado co gandeiro, para que sexa aceptado, se non é consensuado de común acordo entre o técnico e o responsable da explotación seguramente non se cumpra", dixo. Moscas: perda de produción e de crecemento na recría A mosca da cara (Musca autumnalis) produce queratoconxuntivite Unha das pragas que maior incidencia ten na produción de leite é a presenza de moscas. Existen distintos tipos de moscas: a mosca doméstica (Musca domestica), que é chupadora e aliméntase de azúcares; a mosca das cortes (Stomoxys calcitrans), que é picadora e aliméntase de sangue; a mosca da cara (Musca autumnalis), que transmite a Moraxella bovis e produce queratoconxuntivite nos ollos ao gando; a mosca da cabeza (Hydroteaea irritans), unha especie picadora que transmite Trueperella pyogenes provocando a mamite de verán e a perda de cuarteróns nas vacas en produción; e a mosca do xurro (Eristalis tenax), máis inofensiva. Ademais de transmitir enfermidades, as moscas provocan estrés no gando e, polo tanto, baixada na produción de leite, un descenso que pode chegar ao 25%, xa que a acumulación de moscas no verán agrava o problema de perda de produción causado polo estrés por calor das vacas. As moscas picadoras ou moscas das cortes (Stomoxys calcitrans) son un problema para o gando vacún estabulado. Nos animais en produción altera o seu comportamento e comodidade, con menos inxesta de alimento e menos horas de descanso nas camas, o que provoca perda de leite. Na recría a ganancia de peso dos animais diminúe cando hai presenza de moscas. As instalacións das xovencas, moitas veces cortes vellas reutilizadas, adoitan ser máis escuras e menos ventiladas, o que favorece a aparición dos insectos.
A xestión dos residuos da explotación é a primeira liña de defensa. No verán hai que sacar o esterco dúas veces por semana, con especial énfase nos boxes das xatas e as esquinas das parideiras, para romperlles o ciclo reprodutivo ás moscas e evitar deste xeito a súa proliferación
No caso dos boxes das becerras, é necesario unha maior limpeza e un aumento da frecuencia, xa que as moscas depositan os ovos na materia orgánica. Ocorre o mesmo nas parideiras e nas camas de produción ou das vacas secas cando se emprega palla. David recomendou "sacar o esterco dúas veces por semana, con especial énfase nos boxes das xatas e as parideiras, sobre todo nas esquinas, lugares preferidos para as postas, para romperlles o ciclo reprodutivo ás moscas e evitar deste xeito a súa proliferación". E contou que "en Baleares as gandarías están usando cama de algas en vez de palla e funciónalles moi ben". A mosca adulta realiza postas de entre 100 e 150 ovos, normalmente en lugares húmidos e sombríos, moitas veces zonas de difícil acceso, como os pozos do purín no caso da Eristalis tenax ou nas parideiras e os boxes das becerras no caso da Musca doméstica e a Stomoxys calcitrans. A acumulación de materia orgánica, restos de comida, lixiviados do silo, etc, favorece, polo tanto, a súa proliferación, polo que "a xestión dos residuos da explotación é a primeira liña de defensa", afirmou. Pragas favorecidas polo cambio climático A calor é un factor determinante na aparición de moscas, polo que nas granxas nas que traballa David, situadas en Girona e en Mallorca, é un problema que se dá case todo o ano, pero mesmo en Galicia a súa persistencia está a aumentar, ampliándose a época do ano na que hai moscas, até agora moito máis estacional, algo favorecido polo cambio climático. A presenza dunha alta humidade na nosa comunidade, mesmo no verán, tamén fai que se dean as condicións ideais para a aparición de moscas. O tempo de eclosión das moscas depende da temperatura ambiental. A 16ºC o ciclo prolóngase durante mes e medio pero cando a temperatura sobe a 30 graos redúcese a tan só 10 días, polo que a presenza de insectos adultos multiplícase.
Se esperamos ao verán para actuar, cando estamos a 35 ou 40 grados, pouco faremos, hai que actuar xa na fase de larva, cando a temperatura ambiental sobe de 19ºC
"Non ten sentido tratar de controlar as moscas, hai que comezar as actividades de control cando as moscas están aínda inactivas, hai que actuar antes de que haxa a praga, actuando sobre as larvas, atacando nesa fase. Se esperamos ao verán para actuar, cando estamos a 35 ou 40 grados, pouco faremos, hai que actuar xa na fase de larva, cando a temperatura ambiental sobe de 19ºC", recomendou David. O tratamento químico pode actuar sobre as moscas (tratamentos  adulticidas) ou sobre as crías (tratamentos  larvicidas). No caso dos adulticidas, deben asperxerse en entradas, paredes, xanelas, portas, zonas asolladas, etc. Cos larvicidas é ao contrario, pois as moscas sitúan os seus ovos en zonas frescas e húmidas. Sobre as larvas debe actuarse antes de que os insectos pasen ao estado de pupa, no que xa non serían efectivos os tratamentos químicos e a aplicación debe facerse á tardiña ou en horas pouco calorosas para prolongar o seu efecto no tempo. Loita biolóxica A mosca pasa por distintas fases de crecemento, que inclúen tres estados larvarios diferentes e a transformación en pupa previa á madurez reprodutiva. É neste estado evolutivo da mosca (pupa), no que xa non actúan os larvicidas, no que é efectiva a loita biolóxica. Empréganse vespas parásitas (recomendadas para explotacións con cama de palla e esterco), moscas depredadoras (recomendadas para explotacións con puríns) e tamén ácaros depredadores. "Son todos animais modificados xeneticamente en laboratorio para que estean libres de patóxenos e sexan inofensivos para o gando e as persoas e trátase de introducilos na granxa para que se reproduzan, usan para iso a pupa das moscas", explicou David.
O control biolóxico das moscas mediante a introdución de vespas parásitas ou ácaros depredadores nas gandarías reduce a necesidade de usar insecticidas
Os ovos das vespas parásitas (Muscidifurax raptorellus) convértense en larvas alimentándose da pupa da mosca parasitada, repetíndose o ciclo cada 2-3 semanas e reducíndose deste xeito notablemente a presenza de moscas. Pero para iso hai que comezar co control biolóxico introducindo na gandaría os distintos parásitos e depredadores cando a temperatura sobe de 15ºC para que estean listos para multiplicarse en canto as moscas tamén comezan a facelo. Contou que eles levan un ano traballando con este método de loita biolóxica con bos resultados. Pero ademais dos tratamentos químicos ou da loita biolóxica, é necesario extremar a limpeza da explotación e incrementar a ventilación da granxa. "Ás moscas gústalles estar en zonas quentes e pouco ventiladas, polo que forzaremos a ventilación cara abaixo e cara a fóra", indicou o veterinario catalán, que se mostrou partidario de mellorar o manexo da gandaría antes de pasar a tratamentos químicos. A loita biolóxica tamén logra reducir o uso de insecticidas, o mesmo que a colocación de barreiras físicas, como por exemplo as mallas de protección en ventás ou outro tipo de entradas.

"As aves estropean moito as instalacións e son as especies máis difíciles de controlar"

Un momento da ponencia de David García Torres nas xornadas organizadas por Seragro David García referiuse tamén a outras pragas que afectan ás explotacións leiteiras, como poden ser distintos tipos de paxaros e roedores. "As aves estropean moito as instalacións. Para min é o control de pragas máis dificultoso", afirmou. No caso das aves recomendou "manter as tolvas pechadas, limpar comedeiros e bebedeiros diariamente e non escorrentar ás aves rapaces" porque, dixo, "cantas máis rapaces teñamos mellor, os falcóns ou os cernícalos son un bo aliado para controlar e escorrentar a outras especies máis prexudiciais".
É convinte que o protocolo de actuación sexa multiexplotación porque se ti botas ás pombas e van para a granxa do veciño e el fai o mesmo volverán para a túa explotación
Aconsellou asimesmo actuar eliminando os niños daquelas especies de paxaros que non queiramos no entorno da granxa. "Se escorrentamos as aves pero non eliminamos os niños voltarán", argumentou. Tamén é convinte, dixo, que o protocolo de actuación sexa "multiexplotación" porque "se ti botas ás pombas e van para a granxa do veciño e el fai o mesmo volverán para a túa explotación", razoou. Aves e ratos, transmisores de enfermidades O veterinario catalán alertou dos perigos que supón a presenza de aves e ratos nas explotacións leiteiras polo risco de transmisión de determinadas enfermidades. As pombas, por exemplo, poden transmitir salmonela e os estorniños tamén paratuberculosis. Esta ave migratoria provoca, ao igual que os pardais, perdas importantes nas gandarías. "Os estorniños son moi selectivos, van ao comedeiro e escollen o millo. Provocan perdas económicas polo gran que comen eles pero tamén polas perdas en leite que provocan polo millo que deixan de comer as vacas", indicou.
Os cebos e as trampas para os roedores hai que colocalas sempre en zonas escuras e próximas ás paredes, que é por onde circulan as ratas
No caso dos ratos, recomendou facer un control periódico para evitar a súa proliferación. "É importante saber onde colocar os cebos e as trampas, sempre en zonas escuras e próximas ás paredes, que é por onde circulan as ratas", explicou. Piollos e sarna, un problema estacional do inverno David referiuse tamén a outros problemas frecuentes nas explotacións, como poden ser os ácaros da sarna ou os piollos, que son pragas estacionais que se dan no inverno. Tanto a sarna como os piollos transmítense por contacto e hai unha serie de factores que favorecen a súa aparición, como son as altas densidades de gando, o estrés ou a malnutrición.
Altas densidades de gando, estrés e malnutrición son factores que favorecen a aparición de piollos e sarna
Os tratamentos para a sarna poden ser varios (organofosforados, piretroides, amidinas) pero é importante repetilos ás 2-3 semanas da primeira aplicación para deste xeito cortar por completo todo o ciclo, xa que os ovos dos ácaros da sarna eclosionan nunhas 3 semanas. Tamén son un problema estacional do inverno os piollos, que se tratan con derivados das ivermectinas. Os piollos provocan anemia e pérdida de peso e de produción.

Aves aliadas no control de pragas: o caso das maceiras

As aves insectívoras nos pomares de mazás de sidra reducen entre un 70 e un 80% a abundancia de pragas comúns como o pulgón cincento. Así o demostra un estudo realizado por investigadores da Universidade de Oviedo e do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Alimentario (Serida) de Asturias.
As aves insectívoras nos pomares de mazás poden reducir nun 70% a incidencia de pragas como o pulgón
Así, as aves poden converterse nun aliado fundamental para o control de determinadas pragas que condicionan a produción de mazá, como o pulgón, o gurgullo, que actúa directamente na flor e impide o callado do froito, e outros como a carpocapsa (abichado), moi presente nos pomares galegos e que tamén dana a mazá. O estudo levouse a cabo nas plantacións de maceira de sidra de Asturias, se ben as súas conclusións semellan facilmente extrapolables ós pomares galegos, debido á similitude que gardan no tipo de paisaxe e de manexo.

Depredadores efectivos no control de pragas

Os datos obtidos na investigación, centrada en observacións de campo en pomares, demostran que os beneficios da presenza das aves son maiores aos danos que poidan causar na froita ou ao alimentarse doutros artrópodos, que tamén exercen como depredadores das pragas máis comúns.
Os beneficios debidos á presenza de aves demostráronse maiores ós danos que poden causar na froita
"As aves teñen un efecto global positivo sobre a maceira de sidra, xa que a súa capacidade para combater pragas importantes e diminuír os seus danos, compensa os picoteos esporádicos de mazá e o control biolóxico que exercen sobre artrópodos auxiliares", concreta o biólogo Daniel García, da Universidade de Oviedo, responsable da coordinación da investigación. De feito, no estudo, levaron a cabo varias probas para comprobar a incidencia das aves sobre as pragas. Un dos procedementos consistiu en illar algunhas das ramas das maceiras de maneira que as aves non puidesen acceder a elas. Nestes casos, a presenza de artrópodos como o pulgón chegou a triplicarse en comparación coas ramas non illadas. Para estudar o ataque da carpocapsa instalaron reclamos de plastilina que semellan as eirugas e que os paxaros rematan picando. Fotos: Carlos Guardado e Daniel García. Tamén comprobaron que, a pesar de que boa parte destas aves se alimentan doutros insectos auxiliares, como as forcadelas e as arañas, que son tamén potenciais depredadores de pragas como o pulgón cinzento, ambos se complementan. Máis complexo resultou estudar a incidencia das aves en pragas como a carpocapsa (abichado), posto que os adultos son nocturnos e as eirugas introdúcense no interior da mazá. Aínda así, os investigadores colocaron na árbore eirugas de plastilina, similares ás larvas desta especie, para comprobar a incidencia que teñen sobre esta praga en concreto. Este método permitiu comprobar o papel das aves como depredadores de carpocapsa.
Colocaron réplicas de carpocapsa (abichado) nas árbores para comprobar a incidencia das aves sobre elas
Moitas das eirugas de plastilina que colocaron resultaron picoteadas polas aves, "aínda que é máis difícil avaliar a incidencia real das aves sobre a carpocapsa, dado que se trata dun reclamo e non da eiruga", recoñece o investigador. Por este motivo e para concretar máis a incidencia das aves, o estudo ten continuidade cunha nova investigación, financiada pola Fundación BBVA, que se centrará na análise do contido das feces das aves silvestres para concretar a súa dieta e saber sobre que especies están a actuar máis.

Biodiversidade de aves

"O estudo permitiunos constatar a gran diversidade de aves insectívoras que poden localizarse nun pomar", comenta o biólogo. Nestes pomares de sidra identificáronse máis de 30 especies de aves insectívoras silvestres ao longo de todo o ano.
Nos pomares de sidra identificáronse máis de 30 especies de aves insectívoras silvestres ao longo do ano
"Son especies cun comportamento e trazos diferentes que se complementan unhas a outras á hora de atacar a distintos insectos que resultan nunha praga para a maceira", explica García. O ferreiriño común, o carboeiro común e a papuxa das amoras son algunhas das aves máis frecuentes e abundantes nos pomares asturianos e que maior incidencia demostraron sobre as pragas, ao basear a súa alimentación nestes insectos. "A vantaxe da biodiversidade é que distintas aves se complementan entre si", indica o biólogo. Así, mentres os picafollas e as estreliñas riscadas atacan aos pulgóns nas ramas máis finas, os tordos e os paporrubios céntranse nos gurgullos nas grosas. Pola súa banda, os páxaros carpinteiros aliméntanse de carpocapsas que localizan nos troncos.
Os paxaros compleméntanse: os picafollas céntranse nos pulgóns, os paporrubios nos gurgullos e os paxaros carpinteiros na carpocapsa

Contribuír a respectar os polinizadores

Máis aló da incidencia directa que as aves poidan ter no control efectivo das pragas, a súa presenza no pomar trae parello outros beneficios, tal e como apunta o investigador. A actuación das aves leva unha redución importante das pesticidas. "No caso do pulgón cincento, as aves poden chegar a controlar a praga e non ser necesario recorrer a solucións químicas", apunta o biólogo. No caso doutras especies como a carpocapsa, a incidencia das aves acompañada de tratamentos con feromonas poden ser alternativas factibles, sen necesidade de fumigar as maceiras, como indica García. A redución do emprego de pesticidas reduce o impacto ambiental e contribúe a unha maior presenza de polinizadores, fundamentais para o desenvolvemento da produción de mazás.
Ferreiriño azul alimenta ás crías, con larvas de gurgullo da mazá, instaladas nunha caixa niño. Foto: Marcos Miñarro.

Medidas para favorecer a presenza de aves no pomar

Para favorecer a presenza das aves, os produtores poden adoptar distintas medidas que incrementen non só o número de exemplares senón tamén fomenten unha maior biodiversidade. Recollemos algunhas das accións que levar a cabo: - Conservar as sebes naturais. Os peches naturais dos pumares, a base de árbores e arbustos, como a abeleira, o estripeiro, o acivro, a hedra ou a silva, serven como refuxio para as aves e permiten que nidifiquen nestas zonas. Ao mesmo tempo, moitos destes arbustos proporcionan froitos carnosos, que son alimento para as aves en determinadas épocas, como ó final do verán, no outono ou no inverno, en que escasean os insectos. O merlo, o paporrubio ou os picafollas adoitan optar por resgardarse neste tipo de peches naturais. - Favorecer os bosquetes naturais nas proximidades do pomar. Aínda que esta medida non incumbe directamente aos produtores de mazá, contar cun bosque biodiverso próximo incrementa a presenza de distintas aves que resulten efectivas para diferentes pragas. "As ferramentas de ordenación do territorio, como as concentracións parcelarias, deberían respectar a conservación dos bosquetes autóctonos pola biodiversidade que atesouran, contribuíndo a xerar unha paisaxe en mosaico", apunta o biólogo. Fomentar a estrutura do dosel continúo e denso. "Cando os pomares están orientados á produción de mazá para sidra é preciso realizar podas, pero, na medida do posible, si se evita deixar grandes claros isto favorece a presenza de aves", apunta o investigador. De igual forma, García tamén recomenda realizar os recambios na plantación de forma gradual para que as aves non detecten grandes claros e opten por buscar outras localizacións. Preservar a cuberta vexetal. Manter a cuberta herbácea natural nas rúas entre as maceiras tamén contribúe a fixar a poboación de aves nesa zona, máis aínda se se trata de praderías biodiversas. "A variedade de sementes é outra fonte de alimento para as aves", explica. Esta medida ademais é moi beneficiosa para os insectos polinizadores.
Colocar 10 caixas niños por hectárea pode levar a que aniñen entre 3 ou 4 parellas de aves insectívoras
Instalar caixas niños na leira e nos lindes. As aves utilízanas na primavera para criar e recorren aos insectos que localizan nas propias maceiras para alimentar ás súas crías. "Ademais, a época de reprodución das aves coincide coa de maior incidencia dalgunhas pragas como o pulgón, polo que estas medidas resultan moi eficaces", especifica García. Colocar 10 caixas niños por hectárea pode levar a que aniñen entre 3 ou 4 parellas de aves insectívoras que serían suficientes para atallar as pragas máis comúns. De feito, a administración asturiana comezou a incentivar a adopción destas medidas para fomentar a presenza de aves nos pomares. En concreto, hai unha liña de subvencións para adquirir caixas niños e sementeiros, para manter as sebes. A axuda obriga tamén a restricións no uso de pesticidas.

Síntomas e tratamento do verme do arame en millo

O verme do arame é a larva dos insectos da familia dos elatéridos (Agriotes e Athous, son os que máis danos provocan en agricultura das 7.000 especies coñecidas) e trátase dunha das pragas máis frecuentes e que máis danos provocan no cultivo do millo. Para analizar como detectar os seus danos e como se debe tratar, Albert Porte-Laborde, experto internacional en cultivo do millo, impartiu o pasado mes unha conferencia maxistral nas III Xornadas do Rural Galego desde Curtis, organizadas por este concello coruñés. “Para evitar os seus danos a solución eficaz é tratar cun insecticida no momento da sementeira”, destacou. Como punto de partida, lembrou que o adulto é un insecto coleóptero escuro, de 10 a 13 mm de lonxitude da familia dos elatéridos. En fase de larva, é un verme amarelo e relativamente duro que ataca á raíz das plántulas. Os ataques do verme do arame repártense por focos ou manchas nas parcelas de millo, e varios son os síntomas da súa presenza.

1) Ataques directamente aos grans que conduce a problemas de emerxencia

2) Desecación do corazón da planta -o cogollo terminal- e das follas máis novas. As plantas afectadas presentan a miúdo seca da folla central, mentres que a primeira e a segunda follas están intactas. 3) Murchado das plántulas (2-3 follas) en caso de ataque precoz e despois desaparición das plantas con 2-3 follas, aínda que esta desaparición é máis frecuente a partir de 4 follas e até as 6-7 follas. 4) Afillado das plantas, se hai soamente mordedura da base do talo principal. Nestes casos ás veces vese unha perforación, un buraco circular de 1 a 3 mm de diámetro, á altura do pescozo da raíz. A reacción da planta ante esta ferida é afillar.

Afillado natural, á dereita, e por ferridas do verme do arame, á esquerda: 

5) A mordedura superficial ao nivel do ápice provoca unha deformación na planta, como o alongamento da corneta foliar cilíndrica. 6) Ás veces pódese observar unicamente o esbrancuxado dunha parte do limbo a un só lado do nervio central da planta.

Canto podo perder da colleita?

As perdas na colleita de millo forraxeiro varían moito segundo os síntomas, podendo oscilar entre o 15 e máis do 90% nos casos máis graves.

Recomendacións:

Contra o verme do arame non hai solucións curativas, pero se medidas preventivas como aplicar insecticida no momento da sementeira. “Un ataque xa declarado ten sempre un mal prognóstico e non hai solucións curativas. Ademais, se vén tempo seco, debido á falta de humidade na parte superficial do chan, os vermes do arame poden baixar a máis profundidade, fóra da zona de sensibilidade do millo. Non se pode previr os danos, e cando a leira a sementar tivo antes do millo pradaría permanente ou temporal sempre hai riscos”, asegura Albert Porte-Laborde. Como recomendacións, o experto francés lembra que: -O verme do arame está presente sobre todo en zonas húmidas e naquelas leiras que tiveron pradaría antes do millo. “Gústanlle os solos ricos en materia orgánica e as rotacións de cultivo que integran pradarías permanentes ou artificiais co millo. Pola contra, hai menos nos chans moi areosos e en zonas inundables”, destaca. -É obrigatorio tratar na sementeira cun insecticida se houbo danos anteriores na mesma parcela. Tamén se, en fincas que tiveron antes pradaría, o tempo frío e húmido retarda a emerxencia e despois o crecemento e o desenvolvemento do millo. -A fertilización starter aplicada na sementeira favorece o desenvolvemento radicular e pode permitir evitar parcialmente os ataques do verme do arame, se non son graves. Porén, esta estratexia vese limitada se os ataques son graves ou mesmo medios. -Unha vez detectada a praga non hai solución curativa con produtos fitosanitarios. -A única estratexia eficaz son as medidas preventivas con produtos fitosanitarios, ben sexa con tratamentos xa na semente ou con insecticidas microgranulados incorporados na sementeira.

Sipcam presenta un novo insecticida de chan con efecto enraizante para o millo

Sipcam presentou en Cimag-GandAgro 2015 o TRIKA® Lambda 1, un novo insecticida para control das pragas de chan que atacan ao cultivo do millo.

Formulado como microgránulo, está composto de Lambda Cihalotrin ao 0,4% fixado nunha basee órgano-mineral (Umoslow). Esta base contén Nitróxeno, Fósforo (P2Ou5) totalmente asimilable pola planta e materia orgánica, que favorecen un maior desenvolvemento do sistema radicular, obténdose unha mellor implantación do cultivo na súa fase inicial e un maior número de plantas viables.

Que aporta Trika® Lambda 1 ao cultivo?

Protección insecticida: o seu contido en Lambda Cihalotrin, formulado como microgránulos de tamaño entre 0,5 e 1 mm de diámetro, proporciona a sementes e plántulas unha eficaz protección contra os insectos de chan que atacan ao millo nos seus primeiros estadios de desenvolvemento.

A eficacia insecticida deste produto é debida á súa materia activa e á tecnoloxía da súa formulación. É un potente insecticida microgranulado que, aplicado durante a sementeira, protexe ao cultivo das principais pragas de chan que o atacan: Vermes de arame, Vermes grises ou Rosquillas, Vermes brancos, Diabrótica, etc.

Formulado coa tecnoloxía G Plus, ten unha liberación controlada do ingrediente activo obténdose un forte efecto de choque e unha adecuada persistencia (aprox. 60 días) protexendo ao cultivo desde a sementeira a ata as primeiras fases de desenvolvemento nas que é susceptible de ser atacado por estas pragas.