Archives

‘Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía’ chega a Palas de Rei

‘Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía’ diríxese ao concello de Palas de Rei, o vindeiro 13 de xaneiro de 2024, saíndo do Concello as 11h. O paseo será de 3 horas aproximadas de duración, e seguidamente degustaranse produtos locais de calidade e xunto a música tradicional da zona.  A inscrición é gratuíta e pode facerse a través do correo info@comarcadelugo.gal ou do teléfono 982238000.  Este ciclo de actividades lúdico-culturais pretende promover o descubrimento da historia, da natureza e das riquezas de todos os concellos, así como promover e promocionar os valores gastronómicos, sociais e de todo tipo. En cada saída os paseos guiados acompáñanse de actuacións de grupos de música tradicional, e de degustacións de produtos gastronómicos locais. 135 participantes en Friol (xullo), 95 en Guntín (setembro), 72 en Antas de Ulla (outubro) e 128 en Castroverde (decembro) foron as cifras das primeiras catro saídas do Xeodestino Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa xunto a Guido Guía, cunha promedio de 100 persoas por escapada.  Cabe engadir que Guido Álvarez Parga -proxecto Guido Guía- é un turismólogo, profesor univeristario (no Grao de Turismo da UNED en Lugo) e guía moi recoñecido a nivel lucense e galego polas súas iniciativas turísticas e culturais diferentes e innovadoras. Foi recoñecido cun dos premios ‘Lucenses do ano 2020’, co Travelers Choice da plataforma TripAdvisor nos anos 2022 e 2023, e outros galardóns que o acreditan na súa labor profesional.

Comercializar os produtos do agro en circuitos curtos: claves para avanzar nunha alimentación sustentable

Food Improviders é un proxecto europeo que trata de achegarlle aos produtores coñecemento e competencias acerca de modelos máis sustentables na cadea alimentaria, e que así mesmo lles sirvan para mellorar os seus ingresos e ter unha valoración cada vez máis positiva do consumidor final. Por iso, entre os seus obxectivos están a investigación das prácticas innovadoras da cadea de abastecemento de alimentos para dar máis forza aos produtores na cadea alimentaria, ou promover o contido elaborado para estimular a aceptación de modelos máis innovadores. A Fundación Juana de Vega colabora con esta iniciativa, enmarcada na convocatoria do proxecto europeo Erasmus +, e será a coordinadora do paquete de traballo 4 onde se leva a cabo a avaliación dos produtos pedagóxicos deseñados e testados, e do que se extraen un conxunto de boas prácticas. Ademais, a entidade tamén participa na xestión e difusión do proxecto mediante un evento multiplicador de difusión local. Este evento celebrouse o pasado mércores 10 de maio na sede da Fundación, e centrouse na comercialización de produtos en circuitos curtos. A sustentabilidade como base dos sistemas alimentarios Un dos avances plantexados para afrontar o cambio climático desde a alimentación, e en concreto desde a cadea agroalimentaria, é a comercialización de alimentos en circuitos curtos. “Afortudamente, temos moitas ferramentas para reducir o efecto do cambio climático desde o sector, tales como o secuestro de carbono ata a reducción do mesmo a través do consumo de productos de quilómetro 0, etc.”, sinala a responsable do Programa de Alimentación Sostible da Fundación Daniel y Nina Carasso, Eva Torremocha. Deste xeito, resiliencia e sustentabilidade tórnanse en dous conceptos clave á hora de profundizar sobre os cambios que require a esixencia climática. Por este motivo, unha posible estratexia é “a teoría do cambio, pola cal, hai un reto no que as empresas e administracións que controlan as palancas de cambio a gran escala teñen unha visión reduccionista da alimentación, e ao respecto, a hipótese da que partimos é que a alimentación sostible, pola súa dimensión sistémica, permite traballar simultáneamente con numerosos actores”, propón a responsable da Fundación Daniel y Nina Carasso. Nesta proposta, “as persoas deben estar no centro e ser o motor dos cambios, e ademáis hai que acompañar aos axentes económicos, sociais e políticos na súa transición. A escoita e o diálogo son fundamentais neste entramado para acelerar o cambio cara sistemas de alimentación sostibles”, amplía Eva Torremocha. Da mesma maneira, “no proceso cómpre utilizar a innovación como punto de partida, e articulala co mundo académico, con procesos multiplicadores, e cunha diversidade de ámbitos e territorios para confluir en estratexias de amplio impacto”, engade.
“A innovación debe ser o punto de partida, articulada co mundo académico, con procesos multiplicadores, e cunha diversidade territorial” (Eva Torremocha)
Polo tanto, o primeiro dos elementos clave é a innovación social, entendida como un punto de partida que nos permita detectar, identificar e dar a coñecer iniciativas interesantes a pequena escala, e darlle unha maior trascendencia. “Hai que ter en conta que non todo o que innovación social é sostible, por iso é importante conectar co mundo académico, para obter datos, corrixir elementos negativos do cambio, etc.”, afirma Torremocha. Unha vez superados estes dous chanzos, e unha vez se demostra que esa iniciativa é sostible, é o momento de darlle trascendencia e ampliar horizontes territoriais. Experiencias en marcha a nivel nacional  Horta Cuina e Ekoalde son dúas iniciativas que se desenvolven en dous puntos de España, e que levan a comercialización en circuitos curtos ao contexto territorial do que forman parte. Entre elas hai algo en común: pequenos e medianos produtores locais están en contacto directo con clientes potenciais que aseguran a compra do total da produción anual -acorde á temporalidade dos produtos- como comedores escolares ou centros de restauración colectiva. Nestes dous casos, un dos elos que interconecta aos diferentes axentes son os centros de acopio, isto é, locais onde se depositan os produtos, se preparan e se empaquetan para a súa distribución entre os lugares conveniados. O primeiro dos programas mencionados é Horta Cuina, un proxecto dirixido a facilitar a conexión entre produción local das comarcas da Horta de Valencia e as comarcas lindeiras dentro da Comunitat Valencià e a canle de restauración colectiva. “Levamos un ano e medio, e en concreto, nós traballamos cos comedores escolares, e englobamos a 19 produtores que están organizados en torno a unha rede de produtores concentrada no centro de acopio Ecotira”, explica o Técnico de Dinamización Local do Centro de Estudos Rurais e Agricultura Internacional (CERAI), Pedro Lloret.
“É máis fácil acceder á restauración colectiva escolar de forma conxunta que por separado” (Pedro Lloret)
Co percorrido que levan feito ata o de agora, ¿qué claves sinalan? Destacan tres: “A primeira reflexión é que é máis fácil acceder á restauración colectiva escolar de forma conxunta que por separado. En xeral o que nos dín as escolas e as empresas de restauración colectiva é que precisan diversidade de produto pero tamén queren facilidades, como unha facturación conxunta, unha compra conxunta, etc.”, adianta o técnico de CERAI. “O punto de partida dous sería o ámbito da profesionalización. Cada produtor ten o seu modelo, as súas condicións, pero a canle da restauración colectiva esixe un grao de profesionalización importante, tanto a nivel de calidades, capacidade de planificar con outros produtores de todo o que é o sistema de produción e loxística, etc. E a outra recomendación sería ter paciencia porque para xuntarse con outras persoas, sexan produtores ou non, hai que ter paciencia e construir un modelo que se adapte ás súas necesidades”, continúa. Un caso similar atópase en Navarra, a través de Ekoalde. Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro que crearon produtores e elaboradores ecolóxicos de Navarra. “Na actualidade son 66 asociados, e dedicámonos a distribuir, comercializar, e somos un centro de acopio que axuda aos produtores a facer a comercialización e distribución de forma conxunta”, sinala o coordinador da asociación, Jon Garai. “A orixe de Ekoalde está nesa necesidade: os produtores son conscientes de que se se queren dedicar principalmente ao traballo de producir necesitan estructuras e ferramentas para distribuír, e chegar a canles que, por si, sós non poderían chegar. Entón a idea base é esa, mellorar, chegar a máis canles e sobre todo chegar a unha canle tan importante como é restauración colectiva: comedores de hospitais, escolas e demáis, que cada un deles de xeito particular é imposible facelo”, aconsella Jon Garai. 
Cómo a tecnoloxía pode axudar a acadar a sustentabilidade na cadea? No transcurso do evento multiplicador organizado pola Fundación Juana de Vega interviron outras entidades que apoian a transformación dixital das canles curtas de comercialización, como é o caso de Plant on Demand, unha corporación que procura achegar a tecnoloxía a esas canles e “así axudarlles aos produtores a asentarse no mercado como modelos competitivos que podan ser alternativas reais a outros modelos de distribución e comercialización”, comenta o cofundador de Plant on Demand, Alejandro Wonenburger. "Eu creo que en primeiro lugar, a nivel de proceso operativo sinxelo do día a día, a tecnoloxía ten que facilitarlle o traballo a todas as partes implicadas na cadea de valor, desde a produción ao consumo, pasando pola loxísitica e a distribución. Creo que ten haber un asesoramento e unha actividade formativa in situ, no desenvolvemento da rutina que permita que os proxectos vaian medrando. Ao final, se a dixitalización impulsa a túa competitividade, probablemente cambie formas de traballar, e cando cambie formas de traballar aparezan novas necesidades de dixitalización, porque a dixitalización vai moi vencellada aos procesos”, sinala.  

Mención especial a Sinergias Sostenibles Resiforest polo seu proxecto de optimización do aproveitamento da masa forestal residual e da súa valorización

Sinergias Sostenibles Resiforest tivo unha mención especial no marco do III Foro de innovación produtiva do sector agrario, celebrado o pasado mes de marzo. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, entregou esta distinción polo seu proxecto de optimización do aproveitamento da masa forestal residual e valorización do material extraído. Este proxecto centrouse no traballo con tres masas arbóreas sen valor comercial, unha de eucalipto afectada por un incendio, outra de piñeiro que presentaba un crecemento moi reducido e unha terceira ocupada por unha especie invasora como a acacia. Un dos seus propósitos era tratar de dar valor aos produtos obtidos en ámbitos como o enerxético, a través da caracterización realizada nos laboratorios e na planta piloto da EE Forestal. Alén das súas posibilidades neste eido, os investigadores da UVigo comprobaron tamén que é posible xerar biochar con este tipo de biomasa, nunhas probas realizadas cun forno pirolítico de deseño propio, baseado nun sistema de dobre reixa previamente patentado polo catedrático do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Luis Ortiz. O resultado foi a xeración dun “produto cunha gran capacidade de absorción”, do que o investigador Juan Castro puido constatar as súas posibilidades á hora de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro do xurro xerado nas explotacións gandeiras. En canto á entrega, fíxose efectiva na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, situada no campus de Pontevedra. A UVigo colaborou nesta iniciativa, xunto co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), entre outras entidades. O acto de entrega da mención complementouse cunha visita de campo na localidade coruñesa do Pino, na que se está a desenvolver o proxecto.

Segundo encontro da veciñanza do Condado de Paradanta sobre a transición ecolóxica

O Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta organiza o segundo encontro da veciñanza para examinar a transición territorial e ecolóxica da zona, no marco da elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa. Terá lugar o vindeiro venres 14 de abril na Casa da Xuventude das Neves, e despois dela pecharase o ciclo en Covelo, o dia 28 deste mes, e centrará a temática na transición enerxética.  Nesta ocasión, os temas a tratar abordarán a ordenación e usos do territorio, a mobilidade de terras agrarias e as figuras de xestión. Despois dos relatorios haberá un espazo de reflexión e debate onde o público poderá compartir as súas inquedanzas, dubidas e achegas e participar activamente das liñas de desenvolvemento económico, social e ambiental do seu territorio.  Segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo, “despois da gran experiencia do primeira sesión realizada o 31 de marzo en Ponteareas, agárdase unha boa implicación dos veciños e veciñas do territorio que queiran compartir as súas achegas”. As suxestións da veciñanza serán tidas en conta á hora de decidir que proxectos poderán ser candidatos aos fondos europeos para os vindeiros catro anos. Na xornada participarán a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé; o cofundador de estudo MMASA , Luciano Alfaya e a arquitecta da Fundación Juana de Vega, Nuria Freire. Tamén intervirán o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e o xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González. 

A próxima edición da Ruta do Viño de Valdeorras amplía fronteiras

A tradicional Ruta do Viño de Valdeorras pasará a denominarse Primaveira de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras, un cambio polo cal “pasar a ser un fin de semana , comprendido entre o venres 5 de maio e o domingo 7 de maio, ideal para mergullarse de xeito integral nun territorio amparado que ofrece aos visitantes un amplo abanico de activos e recursos naturais, patrimoniais, enolóxicos e gastronómicos para desfrutar desde o punto de vista turístico”, sinala o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez. O prazo de inscrición para participar nas diversas accións que se desenvolverán ábrese este martes, 11 de abril. As persoas interesadas en asistir ás diferentes actividades que se porán en marcha poden consultar horarios e prezos de cada actividade na web e inscribirse xa a través dos formularios habilitados en rutadelvinovaldeorras.com. Proximamente, anunciaranse desde a organización os puntos de orixe e percorridos dos tradicionais buses do viño, que se desprazarán de diferentes cidades de Galicia e Castela e León. Carteleira de actividades e novidades O programa da Primaveira de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras inclúe unha quincena de actividades diferentes para gozar en solitario, en parella, con amigos ou en familia segundo a natureza de cada acción. Así, o venres 5 de maio terá lugar o acto inaugural das xornadas no Hotel Pazo do Castro a partir das 20.30 horas. Ese mesmo venres, pola tarde, programouse unha actividade denominada Cantos de taberna  en adega A Pontevella, no marco da cal se ofrecerá unha degustación de produtos e viños da zona. A iniciativa terá lugar na adega do aloxamento boutique A Pontevella, a beiras do Sil, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras). Ao día seguinte, o sábado 6 de maio, levarase a cabo ‘Entre lousas e viños de Valdeorras’, unha acción, impulsada en colaboración con Enoturismo de Galicia, que terá lugar entre as 10.00 e as 13.45 horas do sábado 6 de maio, no marco da cal se ofrecerá aos participantes a posibilidade de visitar diferentes enclaves de extracción e transformación da lousa, pedra relevante para a economía de Valdeorras. A visita finalizará cunha cata nunha das adegas da comarca. O mesmo sábado, entre as 10.00 e as 14.00 horas, os participantes nas xornadas de portas abertas tamén poderán tomar parte nunha ruta en eBike polo Parque dá Serra dá Enciña dá Lastra. “Unha iniciativa nova e singular que propón percorrer este activo natural, ao longo de 42 quilómetros, sobre dúas rodas. Os interesados en alugar unha bicicleta para transitar por esta ruta poderán facelo mediante un abono de 10 euros. En cambio, a actividade será gratuíta para aqueles que dispoñan da súa propia bici”, amplían desde a Ruta do Viño de Valdeorras. Outra opción para a mañá do sábado ven dada pola actividade ‘O viño como aperitivo en compaña do Sil’, unha cata con diferentes tipoloxías de viños que se combinarán coa degustación de conservas e o acompañamento musical de Lupe Branco, unha das regueifeiras máis famosas de Galicia. A actividade terá lugar entre as 12.00 e as 14.00 horas do 6 de maio no Aguillón da Rúa. Ademais, para coñecer de preto a historia do territorio a organización deseñou a acción ‘A Idade Media, o románico e o viño godello’, unha actividade promovida en colaboración coa empresa Valdeorras é viño, na que se dará a coñecer como era a tradición vitivinícola na comarca durante este período histórico. A iniciativa terá lugar na emblemática contorna de Xagoaza e concluirá cunha cata nas instalacións de Adegas Godeval. Axenda para a tarde do sábado O programa das xornadas propón cinco actividades diferentes para completar o día. Por unha banda, a iniciativa ‘Merendiña entre cepas’ (un picnic e cata entre viñedos na zona de Éntoma, que finalizará cunha visita á Adega Roandi). Xunto a isto, desenvolverase a actividade ‘Tramo polo Camiño de Inverno desde Pumares’, unha acción posta en marcha por Aloxamento A Pontevella, que propón aos participantes percorrer parte desta ruta xacobea, cunha parada no pobo abandonado de Nogueiras e unha visita á ponte románica de Sobradelo e aos xardíns da Pontevella, para finalizar cunha degustación de viños e un concerto no salón do hotel boutique que promove a acción. Coñecer o famoso Castelo de O Bolo tamén será posible no marco das xornadas, grazas a unha iniciativa denominada ‘Un viño á saúde dos Irmandiños’. Trátase dunha acción impulsada en colaboración con ‘Valdeorras é viño’, que propón un percorrido guiado por esta fortaleza medieval para finalizar cunha cata de viños elaborados no municipio do Bolo, lugar no que se empraza o castelo. ‘Cata, canta, pica con viños de Godeval’ é unha actividade que nos propón esta adega de O Barco de Valdeorras. Comezará ás 20.30 horas do sábado e consta dunha cata vertical de viños de Godeval, cuxo obxectivo é contribuír a que os seus participantes reflexionen sobre o impacto do paso do tempo nos viños. En paralelo, os asistentes disporán dun karaoke con cancións de sempre, para poder cantar mentres gozan dos viños e as tapas. A última hora do sábado, o Hotel Pazo do Castro propón, nas súas instalacións, unha cea maridaxe en colaboración con Virxe do Galir, na que poderán degustarse viños que serán comentados polo enólogo desta adega. Domingo 7 de maio Ao día seguinte, o domingo 7 de maio, no marco das xornadas celébrase a iniciativa ‘Viño e Camiño de Inverno’. Proponse unha ruta con comezo no centro histórico de O Barco e final en Arcos, atravesando parte do Camiño de Inverno. Ao finalizar, terá lugar unha cata de viños acompañada de aperitivos. Adicionalmente, os interesados tamén poderán inscribirse nun ‘brunch’ que se desenvolverán no Aloxamento A Pontevella, entre as 11.00 e as 13.00 horas. Na propia mañá do domingo, impúlsase tamén a iniciativa Percorrido pola historia de Larouco e a cultura do viño, unha andaina entre viñedos e lagares por un tramo de cinco quilómetros xunto a un arqueólogo que explicará aos asistentes a rica historia deste municipio. Ao finalizar o percorrido, poderanse degustar algunhas referencias de viños da comarca.

O GDR Limia-Arnoia rexistra 76 solicitudes para o desenvolvemento de proxectos no rural

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia pechou o prazo de solicitude de axudas a proxectos do territorio cun total de 76 solicitudes, o maior número de solicitudes de toda a comunidade. No caso de que se aprobaran todos, suporían unha inversión na zona de máis de sete millóns de euros. Entre as solicitudes presentadas hai 31 proxectos produtivos -procedentes de pequenas e medianas empresas-, 20 públicos -entidades públicas- e 25 privados -asociacións e comunidades de montes-. Respecto ao total, máis do 70% están promovidos por mulleres e repártense polos diferentes municipios que compoñen o noso territorio. Así mesmo, estas solicitudes encádranse do Plan Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, que executa coa colaboración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo cal, o GDR Limia-Arnoia ten concedidos un total de 710.392,92€ para o período 2023-2024. Como novidade, esta foi a convocatoria na que o GDR recibiu un maior número de solicitudes. Para a coordinadora da entidade, Eva González, este feito demostra “por unha parte, as ganas que hai no noso territorio de apostar polo rural aproveitando os nosos propios recursos e, por outra, é un indicador de que a pesar de estar nun territorio con moitas dificultades demográficas o GDR Limia Arnoia está a levar a cabo unha importante labor de dinamización rural que ten os seus froitos”.

O GDR Limia – Arnoia convoca as axudas para proxectos de desenvolvemento rural

O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia - Arnoia saca unha convocatoria de axudas para proxectos produtivos e non produtivos das comarcas de Celanova e Baixa Limia. A Xunta Directiva acordou recentemente destinar o 20% do orzamento para este ano 2023, -142.078,58€-, e o 80% restante no 2024 -568.314,34€-, o que fai un total de 710.392,92€. O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro. A maior parte dos fondos -algo máis de 420.000€- destinarase a proxectos produtivos, mentres que máis de 165.000€ serán para propostas non produtivas presentadas por diferentes entidades públicas (concellos, asociacións...). Os restantes 97.000€, aproximadamente, outorgaranse a proxectos non produtivos de institucións con carácter privado. “Trátase dunha convocatoria bianual cun orzamento destinado para cada ano; as solicitudes faranse e resolveranse este mesmo ano. Sen embargo, os proxectos executaranse con cargo ás dúas anualidades”, explica a xerente do GDR, Eva González. Así mesmo, todas as persoas interesadas poden ampliar información en calquera das oficinas do GDR Limia-Arnoia.

As técnicas de intensificación ecolóxica logran melloras nos viñedos e no viño

A adega do Rosal Terras Gauda emprendeu fai dous anos o proxecto internacional ‘Bettersoil’ (Mellor solo), en colaboración coa Finca Von Wigstein (Arxentina), con Jorge Domínguez, catedrático do departamento de ecoloxía da Universidade de Vigo, e co INTA de Mendoza (Arxentina). O marco da investigación é a búsqueda da sostibilidade na súa viticultura. Os resultados obtidos no 2020 e 2021 supuxeron un cambio de perspectiva da marca, levándoos a un terceiro ano de proba no estudo. Ata o de agora, entre as conclusións máis rechamantes está a conexión das técnicas de intensificación ecolóxica cunha mellora da biodiversidade do solo e da saúde da planta. Os retos de desenvolvemento sostible procuran unha maior implicación das empresas no ámbito medioambiental. Neste contexto, ‘Bettersoil’ naceu coa intención de “reactivar e mellorar a biodiversidade do solo e ver os efectos directos que isto ten sobre a planta e o viño”, explica Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico da adega. O seu campo de experimento foi unha parcela de ensaio, que mantiveron en contraste cun terreo de testemuña, no cal se seguía traballando do xeito que era habitual ata o de agora. En que consisten as técnicas de intensificación ecolóxica? A procura dun manexo do solo máis sostible é unha das bases sobre as que se asenta esta metodoloxía de traballo experimental. A colaboración de Terras Gauda coa adega arxentina, que practica viticultura biodinámica, levou á adega galega a introducir técnicas de intensificación ecolóxica, como a osixenación do solo, o uso de determinadas cubertas vexetais ou a aplicación de compost naturais a base de bagazo de uva. Durante o estudo, a osixenación do solo incluíu traballos manuais na liña de cultivo da planta, así como nas rúas, nas que posteriormente sementaron cubertas vexetais cunha mestura de sementes, como leguminosas, alfalfa e especies florais, para incrementar a riqueza microbiolóxica do solo. Co obxectivo de non usar fertilizantes químicos, o proxecto xerou un ‘vermicompost’ a base de bagazo de uva para abonar a vide. “Sacamos unha materia prima natural a partir da propia uva, polo que as propiedades que pode aportar son interesantes”, comentou Rodríguez Canas. Baixo a mesma concepción ecolóxica do cultivo, reduciron o máximo posible o uso de fitosanitarios , “para impulsar a restauración da diversidade do solo”, detallou Emilio Rodríguez. Resultados e futuro do proxecto A resposta conxunta da tecnificación ecolóxica da parcela analizouse a través de diferentes tipos de análises. O resultado observado en todas foi que “o contido de clorofila das follas das vides foi maior que na parcela testemuña, o que se traduciu en plantas máis vigorosas, con mellor saúde, e máis resistentes ás enfermidades”, concretou o director enolóxico de Terras Gauda. Estes cambios inducidos no sistema das plantas deu lugar a mostras de avances sanitarios con respecto ás viñas de control. “En consecuencia das melloras na vitalidade da planta e da súa resistencia a enfermidades, tamén se incrementou a produción de uvas”, afirma o Rodríguez Canas. Unha vez realizado o proceso de vinificación das dúas parcelas, experimental e de testemuña, os expertos das fincas realizaron unha serie de catas cegas, no 2020 e no 2021. “A pesar de que non había unha moi marcada diferencia cualitativa, en ambas elixiuse moi maioritariamente o viño tratado coas técnicas de intensificación ecolóxica, debido ao seu perfil aromático, aos matices de sabor e ao equilibrio en boca”, avanzou Emilio Rodríguez. Isto confirmou que unha maior biodiversidade nos solos inflúe positivamente no resultado final do viño, se ben as diferencias cualitativas son escasas. Terras Gauda encara agora o último ano de ‘Bettersoil’ co obxectivo de dispoñer de resultados de tres campañas, procurando aportar solidez sobre as primeiras conclusións deste proxecto. O maior valor científico virá determinado pola comparativa entre os resultados obtidos pola adega do Rosal, no Hemisferio Norte, fronte á colaboradora situada no Hemisferio Sur. En función dos resultados obtidos, a adega plantexará a aplicación destas técnicas sobre todas as súas viñas, “intentando mecanizar o proceso de tecnificación ecolóxica, pola ampla extensión que temos que cubrir”, adiantou Rodríguez Canas. "Só con que estas técnicas se demostrasen útiles para mellorar a saúde e vigor das viñas, xa serían positivas e estariamos satisfeitos, pero é que ademais comprobamos que melloran os viños", concluíu.

Como o monte veciñal de Meira repensou a súa gandería de cabras para facela viable

A comunidade de montes de Meira (Moaña) replanteouse o seu proxecto de pastoreo con cabras tras ver que os custos de mantemento eran difíciles de asumir. A iniciativa arrancara hai 5 anos co pastoreo diario dunhas 120 cabras. Co paso do tempo, a comunidade chegou a ter 170 cabezas aproximadamente. Para o seu manexo, chegaron a contratar a tres persoas, pois nos inicios, as cabras pastoreábanse a diario por diferentes partes dentro das máis de 400 hectáreas que abarca este monte veciñal. Os animais rotábanse polas diferentes zonas do territorio para ir limpando os matos que se dan. A penas existían peches, polo que, todas as noites as cabras tiñan que volver a unha nave construída pola comunidade. Tal e como especifica Javier Fernández, presidente da Comunidade de montes de Meira, “as cabras teñen moita utilidade pero cun peche nada máis como tiñamos antes, requirían moitos recursos de tempo e man de obra”. A inversión desde un principio foi cuantiosa, e segundo especifica Jesús Collazo, membro da directiva da Comunidade , “á nosa inversión sumóuselle a man de obra do traballo diario de tres persoas, ademais dos gastos de mantemento dos animais porque cómpre ter en conta que non é un monte que lle dea unha alimentación completa ao gando”. Por este motivo, víronse na obriga de cambiar o formato desta iniciativa para buscar a continuidade do proxecto con menores gastos.
"Arrancamos cunha inversión para a nave duns 150.000 euros e con gastos de man de obra de tres persoas, e non era viable" (Jesús Collazo)
“Tivemos que dar un pequeno paso marcha atrás porque tiñamos tres traballadores e moitos gastos, e isto ten que estar acompañado dalgún rendemento económico”, explica Collazo. Tras vender unha parte da explotación, aproximadamente unhas 100 cabezas, a un particular ourensán, “a idea é continuar co proxecto introducindo máis peches, esa démonos conta que era a clave”, detalla o presidente. Nestes momentos contan cunhas 50 cabras divididas en dous peches, un de 15 hectáreas, outro de 12 ha, aos que incorporarán un máis de 6 hectáreas. Jesús Collazo e Javier Fernández coinciden en que “o proxecto segue sendo unha boa idea pola labor que fan as cabras no monte e pola súa utilidade nun terreo tan extenso”, pero “teñen que reducir gasto para ‘case empatar’ os custos a cero”. Así mesmo, entre os seus obxectivos futuros están o aumento de cabezas baixo a premisa de “darlles un coidado especial, dándolle prioridade aos coidados veterinarios e a súa saúde para tratalas como se foran persoas”, avanzan. Instalacións e axudas “Os inicios foron totalmente sobre a nosa responsabilidade, non recibimos axuda de ninguén”, confirma Javier Fernández. Naquel ano, a Xunta concedía axudas á compra de cabezas de gando, pero “xusto cando arrancamos nós, quitaron este tipo de subvencións”, detalla Collazo. Daquela, unha axuda que tiveran por parte de Medio Rural fora para colaborar nun dos peches que tiñan pensado. Agora, “a Consellería vai colaborar facendo un novo peche, e vainos facer un refuxio de ‘tres paredes’ cuberto para que os animais non teñan que ir todos os días a unha nave, e que en caso de temporal, teñan un lugar onde resgardarse”, adiante Fernández. Da mesma maneira, aclara que “este ano van saír unhas axudas para o mantemento de razas autóctonas, neste caso de cabra galega, as cales intentaremos solicitar”. “Este proxecto hai que readaptalo a outra forma de funcionar para continuar tendo un bo complemento nos nosos montes”, conclúe Javier Fernández. Cabras pastoreando nas beiras dunha pista forestal da comunidade de montes.
"Estaremos atentos a unhas novas axudas que van saír o próximo ano para o mantemento de razas autóctonas" (Javier Fernández)
"Este proxecto hai que readaptalo a outra forma de funcionar para continuar tendo un bo complemento aos nosos montes", conclúe Javier Fernández. https://www.campogalego.gal/cabras-bombeiras-no-monte-vecinal-de-meira/

Lista dos proxectos piloto agrogandeiros e forestais que serán subvencionados pola Xunta

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se fan públicas as axudas de 2021 para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, nos ámbitos agrario, agroalimentario e forestal. En concreto, foron 19 os beneficiarios dun total de 2.128.228 euros en achegas. Entre as iniciativas apoiadas, destacan as do sector lácteo, con proxectos de novas tecnoloxías para a estimación das emisións de metano das vacas de leite, de valorización da tona de soro mediante a produción de manteiga premium ou de posta en valor do soro do queixo para o desenvolvemento de novos produtos. Tamén resultou beneficiaria unha iniciativa de avaliación das funcionalidades dun sistema de monitorización do gando en pastoreo con intelixencia artificial. Dentro do sector da carne, concedéuselle subvención a un proxecto de optimización da dieta de cebo nas diferentes categorías da raza cachena. No que atinxe ao sector apícola, figura un proxecto piloto para a preservación e a mellora xenética dos recursos deste tipo no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e para a transformación dixital nos procesos apícolas deste parque. En relación co sector do viño, financiarase o desenvolvemento dun protocolo de recuperación de viñedo ecolóxico, así como a valorización de residuos vitivinícolas na elaboración de viños sostibles. Respecto dos residuos, a Xunta tamén apoiará un sistema modular de vermixestión de dexeccións gandeiras para a súa valorización como fertilizante, novos insumos agrícolas para a mellora de cultivos en ecolóxico elaborados con algas mariñas galegas, así como a avaliación do extracto obtido a partir do residuo do prensado de sementes de camelias na extracción de aceite. A maiores, apoiarase o desenvolvemento dun sistema de monitorización de nutrientes do solo que sirva aos agricultores para facer unha mellor xestión da fertilización.

Sector da horta

Canto á horta, subvencionarase a revalorización da horta ecolóxica cara a alimentos minimamente procesados ou a posta en valor da Faba de Lourenzá. Tamén haberá axuda para o desenvolvemento de cosméticos ecobioactivos, de produtos nutracéuticos a base de té e lúpulo ou para o bioprocesado de insectos de cara a obter produtos de valor engadido. Por último, mirando ao sector forestal, concedeuse axuda a unha iniciativa de produción de castiñeiro micorrizado in vitro e a outra para combater o nematodo do piñeiro. Cómpre lembrar que desta convocatoria poden beneficiarse organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector.