Archives

Tres reflexións sobre a cadea do leite no 2024

O contexto global do mercado lácteo foi positivo no 2023, cun lixeiro retroceso da produción a nivel global e un leve aumento da demanda. Ese escenario permitiu que os prezos en orixe do leite se mantivesen altos, cunha boa situación de rendibilidade para as granxas. Francisco Sineiro e Jorge Santiso, analistas do sector ligados á Universidade de Santiago, veñen de publicar un artigo no que a partir de datos económicos e de mercado, fan balance do 2023 e evalúan as perspectivas para o 2024. Ese artigo sobre o escenario do sector complétase cunha serie de reflexións finais, das que destacamos tres:

1) Por que a produción de leite se mantén estancada ou en retroceso, a pesar de niveis de prezos altos?

Durante os dous últimos anos, os prezos do leite chegaron a niveis históricos, con picos no entorno dos 60 céntimos / litro, pero sen embargo, no 2022 e no 2023 pecharon un 12% das granxas de vacas de leite. No mesmo periodo, pecharon ademais un 16% das granxas de ovellas e cabras de leite, malia contar tamén con prezos altos. Como se explica esta situación? Santiso e Sineiro conclúen que existen factores, máis alá da rendibilidade económica, que inciden na perda de granxas. En concreto, citan tres:
  • Dificultades no relevo xeneracional.
  • Dificultades na contratación de traballadores.
  • Incertidume xeral, que condiciona a toma de decisións. Os tipos de interese altos, por exemplo, fan dubidar de investimentos nas granxas. As novas normativas medioambientais e de benestar animal representan tamén un factor que desincentiva a continuidade de parte das explotacións. O mesmo sucede coa incerteza sobre a evolución dos prezos do leite en orixe.
Así as cousas, cun bo nivel de prezos do leite no campo, España reduciu un 3% a súa produción de leite nos últimos dous anos, pois o crecemento das granxas que quedan e o aumento de produtividade por animal non compensan a perda das granxas que pechan. A análise constata algo que xa se vén advertindo no sector nos últimos anos: a rendibilidade económica é condición necesaria, pero non suficiente, para a continuidade das granxas.
Como evolucionará o prezo do leite no 2024? A tendencia á baixa na produción de leite no 2023, tanto en España como nos países veciños, deixou unhas posibilidades de abastecemento limitadas nas industrias, o que fixo que os prezos españois se mantivesen en niveis altos e por riba dos prezos medios da UE. A evolución do prezo do leite a curto prazo en España vai estar condicionado por diversos factores, en gran medida interrelacionados. Santiso e Sineiro destacan os seguintes:
  • A cotización na UE, que rexistrou unha lixeira recuperación, pero a partir de niveis máis baixos que os españois. Nos próximos meses, cómpre atender á evolución do prezo do leite equivalente na UE (o empregado en manteiga e leite en po desnatado), pois adoita anticipar nuns meses a evolución do prezo medio en orixe. Un dos factores a ter en conta a nivel europeo é a evolución no mercado global de produción e demanda, pois se ben só un 14% da produción europea se exporta ós mercados internacionais, as variacións globais de prezos e demanda teñen un impacto directo en Europa.
  • A produción de leite en España.
  • A capacidade de manter o diferencial de prezo existente coa UE, afectada polo posible aumento das importacións de leite en cisternas e de queixos e lácteos en po.
  • O mantemento dos prezos acadados nos produtos lácteos no supermercado, en especial no caso do leite envasado.

2) Necesidade de maior estabilidade nas relacións contractuais na cadea do leite

Unha das cuestións que se derivan da perda de produtores é a urxencia de dotar de maior estabilidade ás relacións ó longo da cadea Sineiro e Santiso propoñen aplicar ferramentas xa dispoñibles, como os contratos indexados entre granxas e industrias, ou negociacións transparentes entre industrias e gran distribución.
Formación de prezos: o caso do leite envasado O leite envasado é un destino que ocupa máis da metade do leite producido en España, polo que é relevante unha análise da súa situación particular. É ademais o produto final que máis directamente se pode vincular en evolución de prezos ó leite en orixe. Se se analizan os datos dos tres últimos anos, apréciase como o prezo medio ó consumidor pasou de pouco máis de 75 céntimos (2021) a unha media de 1,06 euros no 2023. Foi un aumento de prezos que veu derivado, como é sabido, dun aumento de custos en toda a cadea, en especial de pensos e enerxía. Pero como evolucionaron durantes estes últimos anos as marxes brutas de granxas, industrias lácteas e cadeas de distribución? A análise que fan Santiso e Sineiro das marxes brutas revela que a mellora das marxes produciuse basicamente nas granxas e nas cadeas de distribución, que foron as que máis marxe bruta gañaron de media nos dous últimos anos, en tanto a industria mesmo perdeu marxes brutas no 2022 para recuperar no 2023 unha situación similar á do 2021. Con cargo ás marxes brutas, os operadores teñen que facer fronte ós seus propios custos operativos. No caso de produción e industria, nos últimos anos estes custos vironse afectados pola tendencia á alza de enerxía e, no caso da industria, tamén de suministros (envases, embalaxes), en tanto na distribución tiveron maior impacto os custos laborais. Marxes brutos dos distintos operadores. / Fonte: Francisco Sineiro e Jorge Santiso.

3) O sector queixeiro é o que máis sofre a competencia das importacións

Como é coñecido, España é un país deficitario na produción de leite, pois consume máis do que produce. As importacións representan así en torno ó 40% do consumo aparente, segundo as estimacións dos dous autores, que tamén precisan que do mesmo xeito hai que ter en conta que España exporta arredor do 17% da súa produción. As importacións de produtos lácteos no 2023 sumaron 4,2 millóns de toneladas en leite equivalente, o que supón unhas 520.000 toneladas máis que no 2022, orixinadas principalmente polas partidas de queixo e de leite en po. Este aumento das importacións de queixos deixa ó sector queixeiro nacional nunha situación comprometida, pois nun escenario de dificultade de aprovisionamento de materia prima, ten que competir cunha industria europea que se abastece de leite a prezos menores e que é capaz de colocar a súa produción en España a prezos máis competitivos. Por último, Santiso e Sineiro apuntan a necesidade de mellorar as estatísticas do sector, sobre todo no referente ó consumo extradoméstico e industria, pois se ben o Ministerio de Agricultura conta con información detallada do consumo no fogar, non sucede o mesmo co consumo na hostalaría e nas industrias alimentarias, que empregan principalmente queixos e lácteos en po.

As granxas afectadas polo cártel lácteo reclamarán un 10% adicional do prezo do leite cobrado

A resolución da Audiencia Nacional que confirma a existencia dun cártel das industrias lácteas ata o 2013 ameaza con desencadear unha cascada de reclamacións xudiciais de consecuencias imprevisibles. En Galicia, só Unións Agrarias ten xa acreditada a representación xudicial de máis de 5.000 granxas que lle solicitarán o pago de danos e prexuízos ás industrias. Pero é só a punta do iceberg, din: “Hai un 70% de granxas que aínda non iniciaron o proceso para reclamar, pero que ata o 30 de xuño aínda están en prazo”, sinala a organización agraria. Tras trascender na tarde de onte a sentencia da Audiencia Nacional, as oficinas de Unións Agrarias xa están a recibir chamadas de novas ganderías que se queren sumar as reclamacións. Na organización viven o novo escenario con satisfacción e cun certo alivio, pois tras 12 anos de proceso, o asunto semella encamiñado. Cronoloxía
  • 2011 - Foi en setembro do 2011 cando Unións Agrarias deu o primeiro paso cunha denuncia ante Competencia. A denuncia advertía sobre a existencia de acordos entre as industrias para pactar prezos e para evitar as pugnas por granxas proveedoras.
  • 2019 – En xullo do 2019, a Comisión Nacional da Competencia fixo firme unha sanción de máis de 80 millóns de euros contra 8 industrias e dúas asociacións empresariais. Esa multa foi recurrida polas industrias ante a Audiencia Nacional, pero con escaso resultado.
  • 2024 - A Audiencia Nacional vén de confirmar agora que as 8 industrias afectadas desenvolveron prácticas anticompetitivas e e considerou proporcionais e suxeitas a dereito as multas impostas en cinco dos casos (Lactalis, Nestlé, Pascual, Schreiber Foods e Celega). Nos outros tres casos (Capsa, Danone e Puleva), Competencia terá que recalcular as multas, pois a Audiencia Nacional considera que só é sancionable o periodo do 2006 ó 2013.
Explicación das sentencias “A Audiencia Nacional confirma a multa contra cinco das industrias e sinala que nos outros tres casos (Capsa, Danone e Puleva) demostráronse comportamentos anticompetitivos no periodo 2000 – 2003 e no periodo 2006-2013. A cuestión é que ao haber máis de dous anos de diferenza entre ambos periodos, considera que se trata de dúas infraccións distintas e entende que a primeira está prescrita a efectos da multa de Competencia, polo que pide que se recalcule a sanción con acordo só ó periodo 2006 – 2013”, explicaron hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o responsable dos servizos xurídicos da organización, Félix Porto. “Valoraremos se recurrir estas tres sentencias, pero en calquera caso o importante para nós é que as 8 sentencias contras as industrias dictadas pola Audiencia Nacional recoñecen as infraccións das empresas en todo o periodo”, sinalan. Entre as industrias lácteas aínda non houbo pronunciamentos sobre as sentencias, se ben espérase que presenten un recurso ante o Tribunal Supremo. Para Unións, ese posible recurso é un tema menor, “pois coa sentencia da Audiencia Nacional, ábrese xa a porta para que cada granxa afectada reclame individualmente danos e prexuízos”, valoran. Reclamación de danos e prexuízos A reclamación de danos e prexuízos será previsiblemente un proceso que se dilate no tempo, pois cada granxa debe presentar unha demanda individual na que ten que acreditar os volumes de leite vendidos durante o periodo no que está demostrado o cártel, así como as cantidades percibidas. “É información que estamos sacando tanto de facturas que poidan conservar as granxas como dos datos de entregas de leite do Fondo Español de Garantía Agraria e de copias das liquidacións bancarias que fixeron as empresas”, explican desde Unións.
“O que está en discusión é a contía que terá que cobrar cada granxa, non se ten dereito a ela” (Roberto García)
A maiores, para cada caso presentarase un informe pericial no que se estiman os danos e prexuízos causados. “De xeito xeral, podemos valorar que nunca se fai un cartel de ningún sector industrial para obter un beneficio menor ó 10% adicional. Por tanto, en principio pedirase un 10% sobre o prezo do leite cobrado no periodo 2000 – 2013, xunto cos intereses desa cantidade, que poden ser case outro tanto como a contía principal”, valora Roberto García. En conxunto, a cifra a reclamar podería rondar 5 céntimos adicionais por litro de leite, sobre as cantidades comercializadas naquel periodo. “O que está en discusión é a contía que terá que cobrar cada granxa, non se ten dereito a ela”, considera Roberto García.

¿É posible negociar un acordo coas industrias lácteas?

Preguntado o secretario xeral de Unións, Roberto García, sobre a posibilidade de negociar un acordo coas industrias lácteas condeadas, García recoñece que “a mellor solución pasaría por resolver as indemnizacións nunha mesa de negociación”. “Nós sempre defendemos a negociación coas industrias, é o mellor camiño para todas as partes á hora de reducir custos e tempo adicado a estas reclamacións. A cuestión é como resolverán as industrias a disxuntiva na que están”, pregúntase. “Por un lado -continúa García-, eu entendo que ás grandes empresas do sector non lles interesa a nivel financieiro alongar este proceso, tendo que consignar provisión de fondos para afrontar danos e prexuízos. Seríalles mellor unha solución pactada, ‘con anestesia’ por así dicilo. Pero por outro lado, os conselleiros delegados de cada industria terán a tentación de dar ‘patada para diante’ e que o que veña detrás sexa o que resolva o asunto”, sopesa Roberto García.

A Audiencia Nacional confirma a multa a cinco industrias lácteas polo cártel do leite

A Audiencia Nacional vén de emitir a sentencia sobre o chamado cártel do leite, coa que se pronuncia sobre a decisión da Comisión Nacional da Competencia de sancionar con 80 millóns de euros a un grupo de industrias lácteas. O fallo da Audiencia confirma a multa a cinco industrias e estima parcialmente os recursos doutras tres industrias por erros nos periodos de cálculo, polo que lle pide á Comisión Nacional da Competencia que recalcule a sanción para estroutros tres casos. A sentencia confirma as multas a Calidad Pascual, con 8,5 millóns de euros, a Lactalis, con 11,6 millóns de euros e a Nestlé, con 6,8 millóns de euros. Eses son os principais importes, aos que hai que sumar os 929.000 euros da sanción a Schreiber Foods -fabricante de iogures para Mercadona-, e os 53.300 euros a Celega, proveedora de Schreiber. As outras empresas que foran inicialmente sancionadas por Competencia, Capsa, Danone e Puleva viron parcialmente estimados os seus recursos, xa que a Audiencia pídelle a Competencia que recalcule as multas, ao entender que algún dos periodos de sanción están prescritos. No caso da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, retíraselle a multa, que fora de 60.000 euros. O fallo xudicial, por tanto, considera acreditado que por parte das empresas existiu un intercambio de información sobre prezos, a fin de acordalos, así como outras prácticas irregulares, como os pactos sobre granxas proveedoras. Todos estes comportamentos, entende a Audiencia, prexudicaron o poder de negociación dos gandeiros durante o periodo 2000 – 2013, polo que se consideran acertadas as sancións de Competencia por fixación de prezos e reparto do mercado. Contra esta decisión da Audiencia Nacional, as industrias poderán interpoñer recurso ante o Tribunal Supremo, se ben preséntase como unha vía complicada. Reclamacións de indemnizacións O fallo da Audiencia Nacional que confirma as multas dictadas por Competencia abre a porta a que as granxas cursen as correspondentes peticións de indemnizacións contra as industrias lácteas multadas. Só en Galicia calcúlase que arredor de 7.000 granxas teñen iniciado o proceso para presentar as correspondentes reclamacións a través dos xulgados do mercantil, un proceso que estaba só pendente de arrancar a que chegase este fallo da Audiencia Nacional. Valoracións desde Unións Agrarias Tras trascender a sentencia xudicial, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, subliña que a sentencia confirma "a comisión do delito de pactar prezos" por parte de tódalas industrias sancionadas no seu día por Competencia. "Imaxinamos que as industrias tratarán de alongar o proceso xudicial, pero esta sentencia abre xa a vía para que desde os servizos xurídicos de Unións Agrarias -en colaboración con Eskariam- presentemos máis de 5.000 demandas, en nome doutras tantas granxas, para reclamar a cantidade apropiada indebidamente por parte das industrias", conclúe.

Capsa inicia en Lugo o envasado de leite Hacendado para Mercadona

A compañía asturiana Capsa, propietaria das marcas Central Lechera Asturiana e Larsa, comezou a envasar leite para Mercadona coa marca de distribución Hacendado, líder de consumo en España. O movemento vén dado polo aumento das vendas experimentado por Hacendado no último ano e medio, o que obrigou a Mercadona a garantirse o abastecemento cunha ampliación dos seus tradicionais proveedores de leite líquido, que ata agora eran principalmente a andaluza Covap e a vasca Iparlat. Capsa xa iniciou o envasado de leite Hacendado na súa planta de Outeiro de Rei (Lugo), segundo detallan fontes de sector. Consultada sobre esta circunstancia, Capsa limítase a sinalar que “Mercadona é un cliente máis” e elude proporcionar información adicional por motivos de confidencialidade. A compañía asturiana, igual que o resto de industrias, xa viña envasando habitualmente marcas brancas para outras cadeas de supermercados, pero a súa entrada en Mercadona supón un fito, pois representa unha alianza entre a cadea de supermercados líder e unha das industrias lácteas cunha marca de fabricante máis forte.
A entrada de Capsa en Mercadona representa un fito, pois a cadea de supermercados consolídase así como a principal referencia para o sector lácteo español
Capsa é unha das empresas lácteas líderes en España a nivel de facturación, xunto con Lactalis e Danone. As marcas de fabricante da firma asturiana (Clas e Larsa) destacan polo seu bo posicionamento no mercado. De feito, Central Lechera Asturiana (Clas) sitúase como o leite preferido polos consumidores en 7 comunidades autónomas, segundo a última enquisa de DataCentric. Trasvase de consumidores ás marcas de distribución Con todo, o encarecemento que experimentaron os prezos do leite no supermercado no último ano e medio impactaron de xeito forte nas marcas de fabricante -incluída Clas-, que perderon cota de mercado en favor das marcas da distribución, tamén coñecidas como marcas brancas. O escenario de perda de vendas das súas marcas de fabricante explica o o movemento de Capsa con Mercadona, pois a través de Hacendado ten a posibilidade de darlle saída ós excedentes.
O encarecemento do leite no último ano e medio provocou unha forte perda de vendas nas marcas de fabricante, o que aupou aínda máis a Hacendado
Larsa, a marca galega de Capsa, mesmo lle comunicara recentemente a algunhas das súas granxas proveedoras que ía reducir a recollida a partir da próxima primavera, precisamente por esa perda de vendas, que no seu caso afecta tanto ós queixos coma ó leite líquido. Queda agora por ver a dimensión que acada o abastecemento de leite de Mercadona a través de Capsa. No sector sinálase que Capsa xa está a enviar excedentes de leite de Asturias para envasar na planta de Outeiro de Rei (Lugo) para Mercadona e especúlase incluso con que a planta de Outeiro de Rei comece a traballar a tres turnos, a fin de cubrir as necesidades da cadea de supermercados. Estabilidade de suministro para Mercadona A outra lectura do acordo é o interese de Mercadona por contar cun proveedor da dimensión de Capsa, que lle asegura estabilidade no abastecemento. ¿Repercutirá o acordo de Mercadona e Capsa nos volumes de leite que a cadea de supermercados lle contrata ós seus tradicionais proveedores, Covap e Iparlat?. No sector non hai unanimidade ao respecto, se ben tanto Covap como Iparlat manifestan traballar con normalidade. No caso de Iparlat, a firma vasca explica que para este 2024 incluso prevé aumentar o leite comercializado a través da marca Hacendado, pois subliñan que existe “boa sintonía” con Mercadona. Consultada de xeito reiterado Mercadona por Campo Galego sobre a incorporación de Capsa como proveedor de leite líquido e sobre a situación do resto de proveedores, a cadea de supermercados non contestou. Coa entrada de Capsa, a lista de proveedores de leite líquido de Mercadona queda conformada por Covap, Iparlat, Naturleite -a sociedade de Covap en Galicia-, Lactiber -cunha planta en León que xestionan ó 50% Covap e Iparlat-, Lactia en Cataluña -sociedade de Covap e dunha cooperativa catalana-, Lactazor (Murcia) e Capsa.

O conselleiro advirte de que “non hai industria sen leite” e que as explotacións teñen que ser rendibles para funcionar

“Non hai industria sen leite”. Así o sinalou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na inauguración do XXVIII Congreso Nacional e XIX Congreso Iberoamericano de Historia da Veterinaria, que se celebra en Ourense. Deste xeito, o conselleiro quixo facer fincapé na importancia da rendibilidade na gandaría de leite, como fundamento para a sustentabilidade de todo o sector. Neste sentido, José González amosouse "sorprendido" polas recentes declaracións do presidente da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) nas que advertía que os elevados prezos do leite en España (e, xa que logo, tamén en Galicia) están “lastrando” a competitividade da industria. Porén, o conselleiro lembrou o feito evidente de que “para que haxa leite ten que haber gandeiros” e teñen que funcionar as explotacións. Un funcionamento que -engadiu- depende única e exclusivamente da rendibilidade dunha actividade na que os gandeiros son, de facto, empresarios.

Marxe de beneficio

Na mesma liña, González reiterou o seu convencemento de que “o prezo do leite ten que permitir cubrir os custos de produción e contar cunha marxe de beneficio para o gandeiro, como calquera empresario”. Isto, indicou, debe levar a unha senda de estabilidade porque “só mantendo a estabilidade de prezos e de beneficios existirá remuda xeracional”, remarcou. O conselleiro afirmou que “tanto industria como distribución teñen que entender este feito” igual que -trasladou- o entenden os veterinarios, que favorecen o proceso produtivo deste e doutros moitos sectores gandeiros de Galicia e de España. Precisamente, en relación co labor que desenvolve o colectivo veterinario, José González quixo recoñecer explicitamente ese traballo, que definiu como “necesario e imprescindible”. En parecidos termos, o conselleiro fixo fincapé na importancia da rendibilidade para garantir o progreso da actividade primaria, algo para o que -salientou- cómpre “xogar coas mesmas regras”. Por iso, en relación coas gandarías de carne, incidiu na demanda ao Goberno central en funcións para que aplique a rebaixa do IVE para a carne e tamén para o peixe. Son, sinalou, alimentos de primeira necesidade que se están vendo prexudicados pola insensibilidade do Executivo, polo que lamentou profundamente as declaracións desta semana do ministro Planas negando a posibilidade de rebaixar este imposto en ambos casos.

Unións pide vetar o acceso a subvencións ás empresas lácteas que baixen os prezos en Galicia

Unións Agrarias (UUAA) reclama que a Xunta de Galicia non permita o acceso a axudas públicas a empresas lácteas que paguen prezos a produtoras galegas por debaixo do que paguen noutras autonomías. Para isto, UUAA pon en marcha unha recollida de sinaturas pedindo prezos xustos para os e as produtras de leite, unha reinvindicación que xa trasladaron ao Executivo galego. Os motivos exhibidos pola organización agrogandeira para iniciar esta campaña é que en 2023 as explotacións galegas reciben entre 10 e 12 céntimos céntimos por litro de elite. Estas rebaixas de prezos impostas nas renovacións contractuais de abril e agosto fan prever unha nova rebaixa de prezos, en total 3 céntimos por litros. Desta maneira, búscase que a sociedade vexa a “posición reprobable” das industrias lácteas. Para a organización agrogandeira é necesario que as persoas consumidoras sexan coñecedras das prácticas realizadas “polas marcas que consomen” e, por outra parte, que as autoridades sancionen de maneira contundente estes comportamentos ademais de non permitirlles o acceso ás axudas públicas por incumprir a Lei de Cadea Alimentaria. Prezos O prezo que cobra unha explotación láctea galega a día de hoxe é duns 0,49€ fronte aos 0,54€ en Castilla y León. UUAA ve neste comportamento un agravio comparativo para o sector produtivo en Galicia, de aí que lle reclame á Xunta medidas como as xa descritas. A isto súmase a suba dos prezos dos briks de leite nos puntos de venda cara o público fronte a un aumento dos custos de produción para os gandeiros e gandeiras que, aínda que baixaron lixeiramente, veñen observando repuntes sobre todo nos prezos do combustible. Outros produtos industriais como a manteiga e o leite en pó teñen incrementado as súas cotizacións nos últimos meses: un 1,3% e un 4,8%, respectivamente, na última subasta de Fonterra (Global Dairy Trade), recoñecida como referencia a nivel mundial. Na mesma liña, tamén o leite spot, un referente da tendencia do mercado, está en claro ascenso de prezo, co último dato publicado fixado nos 52,5 céntimos. Unións Agrarias agarda que a Consellería do Medio Rural convoque coa máxima urxencia unha xuntanza con todas as partes implicadas que consiga poñer fin aos incumprimentos e garanta a supervivencia e o futuro do sector produtor galego. Ademais, Unións Agrarias avoga por procurar fórmulas de indexación que permitan unha formación de prezos xusta e acorde á realidade. Por iso, fai un chamamento para que a administración autonómica lidere as conversas que permitan poñer fin aos abusos e facer da negociación colectiva e do respecto pola legalidade vixente, o marco normal de relación entre produtores e industrias. Por último, lembran que a día de hoxe son 5.792 as granxas de vacún de leite que resisten en Galicia, hai tres anos a nosa Comunidade superaba as 7.000.

Innolact, Coren, Oviganic Ibérica e Aceites Abril, principais beneficiarios das axudas para a industria agroalimentaria

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da Consellería do Medio Rural cos beneficiarios das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. A amplicación das plantas de dúas industrias lácteas, Innolact (Castro de Rei), e Oviganic (Ibérica), en Monforte, son dous dos principais proxectos apoiados. En total, 81 empresas do sector agroalimentario recibirán preto de  37 millóns de euros, que están cofinanciados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader). A Xunta asegura que o obxectivo principal é fomentar a creación de industrias de transformación en Galicia así como a modernización e ampliación das xa existentes.  Entre as principais beneficiarias están empresas do sector lácteo como Innolact (Quescrem), Oviganic Ibérica, Clesa, Celega, Entrepinares, Leche Celta, Aira, Queinaga, Queizuar, Queserías Sarrianas, Queserías Prado ou Dairylac; do sector cárnico como Coren ou Matadero del Sar; e de outros sectores, como Aceites Abril, Piensos Sil, Alibós ou Granja Campomayor.  Coren, por partida dobre Como novidade este ano, a Xunta deu prioridade ás asociacións de produtores que se uniron para levar investimentos en común. Deste xeito, concedéuselles a máxima puntuación no apartado de "beneficio a produtores" dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da comunidade.
A Xunta di que primou este ano os proxectos presentados por agrupacións de produtores e cooperativas galegas
Un ano máis, entre as que máis reciben atópase a cooperativa Coren, con subvencións por partida dobre: para a súa planta de vacún de Lugo (Novafrigsa) 3 millóns de euros e a de porcino do Porriño (Frigolouro) 929.000 euros. Ao igual ca Coren, a cantidade máxima (3 millóns de euros) recíbena tamén Innolact, Aceites Abril e Oviganic Ibérica. Tras eles aparece Piensos del Sil (1,9 millóns de euros);  Matadero del Sar (adicado a porcino e situado en Laíño, Dodro), 1,5 millóns de euros; Acolact (Clesa), case un millón e medio; Queinaga e Inleit, 1,4 millóns; Celega, 1,3 millóns; e Entrepinares, máis dun millón. Proxectos a levar a cabo até 2024 Aínda que na listaxe de beneficiarios non se especifica o destino final da subvención nin o proxecto que vai ser desenvolvido por cada empresa, as actuacións obxecto de subvención esténdense, nalgún caso, ata o ano 2024.  Esta orde de axudas busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistiron en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistiron en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos, explica a Consellería. Para iso, foron suxeito de subvención actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén, estas achegas sufragarán a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.
LISTAXE DAS PRINCIPAIS BENEFICIARIAS E OS IMPORTES RECIBIDOS: 
  • Innolact (Quescrem) 3.000.000€
  • Oviganic Ibérica 3.000.000€
  • Novafrigsa (Coren) 3.000.000€
  • Aceites Abril 3.000.000€
  • Piensos Sil 1.942.444,06€
  • Matadero del Sar 1.595.040,54€
  • Acolact (Clesa) 1.470.761,96€
  • Queinaga 1.448.873,22€
  • Inleit 1.418.280,61€
  • Celega 1.363.094,86€
  • Gesuga (xestión subprodutos): 1.154.008,45€
  • Entrepinares 1.067.432,06€
  • Frigolouro (Coren) 928.797,66€
  • Alibós (castaña) 820.189,78€
  • Ecocentro SC (ovos ecolóxicos, Melide) 759.042,38€
  • Queizuar (Queixos Bama) 719.981,13€
  • Leche Celta 686.504,27€
  • Aira 570.501,67€
  • Granja Campomayor 569.935,66€
  • Casa Quiroga Hortofrutícola 483.848,01€
  • Queserías Sarrianas 475.793,30€
  • Leche Galicia (Lactalis) 471.780,00€
  • Sopregal (xamóns e embutidos, Vilalba) 443.183,98€
  • Cogal 373.317,97€
  • Queserías Prado 370.600,08€
  • Dairylac 354.390,86€
  • Naturleite 312.686,81€
  • Clun 303.236,89€

A listaxe completa pode consultarse no seguinte enlace do DOG.

Cales son as industrias lácteas que controlan o mercado español?

O recente estudo “O sector lácteo en España” analiza a evolución recente, situación e estratexias da industria láctea española, da man de dous destacados expertos, os profesores da Universidade de Santiago de Compostela Jorge A. Santiso e Francisco Sineiro. Cos últimos datos dispoñibles, referidos a 2020, a industria láctea española procesou ese ano uns 8,4 millóns de toneladas de leite, cun valor en orixe para os gandeiros duns 3200 millóns de euros. Deste total, 7,4 millóns de toneladas foron de leite de vaca e 1,0 de cabra e ovella, toda a materia prima prácticamente de orixe nacional, xa que o aumento de produción tras o fin das cotas en 2015 reduciu a importación de leite en cisternas procedente de Portugal ou Francia a unhas cifras irrelevantes. En canto á evolución da facturación das principais industrias lácteas entre os anos 2011 e 2019, tal e como se reflicte na gráfica, destaca o estancamento ou redución dos ingresos das principais empresas do sector e o crecente peso dunha serie de industrias lácteas de tamaño mediano:

Conclusións:

Como conclusións, os autores do estudo destacan que durante os últimos 10 anos, a industria láctea experimentou en España cambios tanto no aprovisionamento como nos produtos elaborados e na súa estrutura empresarial. En concreto: - Procesou un 13 % mais de leite como resultado dun elevado incremento na recollida de leite de vaca ao ser eliminadas as cotas e, en menor medida, das de ovella e cabra. - Máis da metade deste aumento destinouse á produción de queixos e o resto a iogures e sobremesas lácteas e produtos industriais, mentres que quedaba estabilizado o volume de leite envasado. - Esta maior actividade da industria traduciuse nun incremento mais limitado nos ingresos e na marxe obtida, debido a un menor crecemento dos prezos de venda, afectados polo avance das marcas brancas. E canto á evolución da estrutura empresarial da industria láctea nestes anos Francisco Sineiro e Jorge A. Santiso afirman que sobresaen algunhas tendencias de interese para definir as estratexias de futuro: - O forte crecemento dun grupo de empresas de tamaño intermedio, nalgúns casos baseado en alianzas estratéxicas coa distribución, que contrasta coa redución de ingresos nos grandes grupos, resultando nunha diminución importante do grao de concentración empresarial. - A perda de relevancia das multinacionais e demáis empresas de capital estranxeiro, a pesar de que o seu peso segue sendo determinante en segmentos como UF (iogures). - O baixo grao de integración cooperativa, centrada en leite envasado, un segmento con limitado potencial de crecemento, o que obriga a abrirse a novos proxectos. Polo demais, os autores conclúen que os resultados da industria láctea española son comparables aos dos principais países produtores da UE tanto na marxe unitaria obtida como na valorización do leite procesado. Finalmente, destacan que os retos de futuro para a industria láctea española serían: - A xestión do aumento na produción de leite con dous obxectivos principais: a substitución de parte das importacións actuais de queixos e o aumento na capacidade de procesado en produtos industriais e de regulación da produción - A mellora nas técnicas de produción de queixos de vaca dos tipos básicos de gran consumo, que permitan competir en prezo cos produtos importados. - Melloras na regulación e tipificación das especialidades de queixos de ovella, cabra e mestura, e o desenvolvemento do seu potencial nos mercados exteriores. - A mellora da capacidade de negociación das empresas de leite envasado no marco dunha distribución moi concentrada e con crecemento do modelo hard discount e similares. - O apoio aos mercados de especialidades e de diferenciación de produtos (denominacións de orixe, leite ecolóxico, de pastoreo e alimentos nutracéuticos) como resposta ás novas esixencias dos consumidores e aos condicionantes ambientais. Como conclusión, os expertos apuntan que “un desenvolvemento equilibrado e competitivo do noso sector lácteo debería basearse en estratexias de alianzas sólidas entre os diferentes elos da cadea (produción, industria e distribución)”. “A colaboración entre industria e distribución foi clave para o avance dalgúns proxectos empresariais nos últimos anos, e nos próximos sera necesario avanzar nesta liña e construír relacións estables entre produtores e industria, que abrangan a dobre vertente de prezos e volumes”, conclúen.

Descarga aquí o informe completo “O sector lácteo en España”

Claves para entender o presente e o futuro do sector lácteo español

Lograr incrementar o consumo e a fabricación de produtos lácteos de maior valor engadido, colaboración estratéxica entre os distintos elos da cadea (gandeiros, industria e distribución) e mellorar a presenza nos mercados exteriores, fundamentalmente en Asia, onde está previsto que máis se incremente o consumo nos próximos anos. Estas son algunhas das conclusións xerais de "O sector lácteo en España", un estudo promovido pola entidade financeira Cajamar, en colaboración coa Organización Interprofesional Láctea (InLac), e en cuxa elaboración participaron 40 expertos, que coinciden nas boas perspectivas que se prevén para os próximos anos, tanto en prezo do leite para os produtores como en evolución do consumo. Na presentación do estudo, realizada no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), interviñeron Eduardo Baamonde, presidente de Cajamar; Ignacio Elola, presidente de InLac; José Miguel Herrero, director xeral da Industria Alimentaria do MAPA; Edelmiro López, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Lainez, consultor independente en investigación e innovación alimentaria de Lainez Biotrends Consultora Estratégica. Estas son as principais conclusións dos distintos capítulos nos que se estrutura a publicación:

1-Contexto mundial e europeo:

-O consumo de leite e derivados lácteos segue aumentando no mundo, especialmente en Asia, responsable do 90% do incremento de consumo entre os anos 2008 e 2018. -Esta expansión do consumo prevese que continúe na presente década, aínda que a un ritmo menor. -Desde a desaparición das cotas lácteas na Unión Europea no ano 2015 a produción de leite incrementouse de forma moderada: un 5,6% máis no período 2015-2020. A metade deste incremento destinouse á exportación e a outra metade ao consumo interno. -As perspectivas de aquí ao 2030 son que se ralentice o incremento da produción, cunha media do 0,6% anual, o que se traducirá en mellores prezos para os produtores.

2-Relevancia do sector lácteo en España:

-España é o oitavo país da Unión Europea en produción de leite de vaca e segundo en leite de ovella e de cabra. -O tres elos da cadea (gandarías, industria e distribución) xeran un valor engadido bruto de máis de 13.000 millóns de euros e dan emprego a unhas 102.000 persoas. -O sector lácteo supón o 1% do Produto Interior Bruto de España.

3- Estrutura e dinámica das explotacións:

-Desde o 2015 aumentou de forma significativa a produción de leite de vaca en España, a un ritmo claramente superior á media da UE. -Continuará o proceso de re-estructuración das explotacións (menos granxas pero con máis produción), aínda que con menos peches. -Mantemento dunha diversidade rexional e de sistemas produtivos, aínda que cunha tendencia xeral, sobre todo en vacún de leite, cara a explotacións máis grandes, tecnificadas e intensivas e concentradas en zonas xeográficas específicas.

4- Expansión e cambios na industria láctea:

-A industria en España absorbeu todo o incremento da produción interna de leite, de forma que na última década o volume de leite procesado incrementouse en 1,3 millóns de toneladas. -Máis da metade dese incremento destinouse á elaboración de queixos e o resto a iogures, sobremesas e produtos industriais, fronte á estabilización no leite líquido envasado. -Cambios na estrutura empresarial, cunha menor concentración, grazas ao crecemento de industrias lácteas de tamaño medio.

5- Organización e vertebración da cadea de valor:

-Papel central da Interprofesional Láctea (INLAC) na interlocución e vertebración dos axentes da cadea. Campañas de promoción e comunicación. -Rol relevante das cooperativas, sobre todo na comercialización do leite e o aprovisionamento de insumos ás explotacións, contribuíndo á resiliencia da cadea. -Necesidade de consolidar relacións estables e estratexias de colaboración entre os elos da cadea.

6- Consumo, comercialización e mercados:

-Forte dominio da gran distribución no comercio comerciante polo miúdo de leite e produtos lácteos, representando máis do 90% do mesmo. -Crecemento moderado do consumo de lácteos en España no período 2015-2020, pero cunha dinámica moi dispar na gama de produtos. -Redución do déficit estrutural da balanza comercial de produtos lácteos en España (maior en volume que en valor).

7- Caracterización tecnolóxica:

-As explotacións están a incorporar as ferramentas dixitais, aínda que lentamente debido ao seu custo e á falta de confianza no control das novas tecnoloxías. -Están a desenvolverse ferramentas tecnolóxicas orientadas a mellorar a sustentabilidade ambiental. -Nos próximos anos vanse a mellorar os algoritmos en precisión e predición que facilitarán a transformación dixital na produción leiteira, tanto en vacún como en ovino e caprino. Isto require un gandeiro e unha man de obra formada e especializada. -Demóstrase unha elevada calidade do leite en todos os sistemas produtivos, aínda que os diferentes modelos de alimentación levan a diferenzas na composición de ácidos graxos e antioxidantes.

8- Pegada ambiental da produción de leite en España:

-Os valores de pegada de carbono do leite producido en España para as diferentes especies son máis baixas que os valores mundiais. Nos sistemas ligados ao territorio móstrase un secuestro de carbono ligado ao pastoreo e á sega. -No campo da alimentación animal existe un amplo rango de medidas que se poden implantar para reducir a pegada ambiental. -A mellora xenética contribúe a aumentar a sustentabilidade en materia de eficiencia produtiva.

9- Lácteos: Valor nutricional e promotores da saúde:

-Os lácteos son alimentos valiosos desde o punto de vista nutricional: Proteínas de alta calidade e graxas como vehículo de lípidos bioactivos e de vitaminas liposolubles. -O consumo aconsellado de lácteos está establecido en 2/3 racións ao día e en 2/4 racións nalgunhas etapas e situacións da vida. -Existe un gran descoñecemento na poboación sobre : Os lácteos aumentan a densidade ósea e favorecen a diminución dalgúns tipos de fracturas. O seu consumo de asocia a un menor risco de padecer varios grupos de enfermidades prevalentes na nosa sociedade. Poden desempeñar un papel beneficioso na mellora da función cognitiva.

A publicación está dispoñible para a súa consulta en PDF na seguinte ligazón: https://www.plataformatierra.es/innovacion/sector-lacteo-espana

Prezos récord dos produtos lácteos na UE durante o mes de marzo

Os prezos dos produtos lácteos na Unión Europea durante o mes de marzo rexistraron os índices máis altos da serie histórica. En concreto, e segundo os datos que ven de publicar o Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea, os prezos da manteiga na UE medraron o pasado mes un 5,7% respecto a febreiro, ata os 6,45 euros o kilo; o leite en pó desnatado (SMP polas súas siglas en inglés) tamén se revalorizou un 5,8 % ata os 4,00 euros o kilo, unha suba que no caso do leite en pó enteiro foi do 4%, quedando nos 4,91 euros o quilo. Polo que respecta ao queixo cheddar, o prezo baixou en marzo un 0,2%, situándose nos 3,68 euros o quilo.

Evolución do prezo dos produtos lacteos na UE dende o 2003: 

Forte suba dos costes

A crise de Ucraína, que agravou a suba dos fertilizantes, gasóleo e pensos, tamén, está a disparar os costes de produción nas granxas. Así, segundo os datos da Comisión Europea, en marzo os costes da enerxía subiron un 15 % respecto a febreiro e os de alimentación tamén se incrementaron noutro 15%. Descarga aquí o informe completo 

Poxa de Fonterra

Fóra de Europa, as cotizacións desta semana do Global Dairy Trade (GDT), a principal subasta internacional de lácteos, operada pola neozelandesa Fonterra, frearon a forte suba das últimas semanas. Así, houbo unha baixada do 1,8% nas cotizacións da manteiga e do 2,1% no leite enteiro en pó, mentres que o leite en po desnatado subiu un 1,6% e o queixo cheddar un 0,3%.

O Goberno anuncia que regulará os contratos do leite no campo para evitar prezos por baixo dos custos

Tódolos contratos de compravenda de leite entre gandeiros e industrias lácteas deberán levar unha cláusula de obrigado cumprimento que sirva para cubrir os custos de produción. Así o anunciou no Senado o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen comprometeu un Real Decreto para abordar esta cuestión de xeito específico no sector lácteo. Esta é unha reivindicación histórica dos gandeiros e unha cuestión 'de xustiza e de lóxica', segundo a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), matriz estatal de Unións Agrarias. "As declaracións do presidente do Goberno son positivas, pero hai que actuar xa para salvar a un sector que está a morrer aos poucos", sinala o gandeiro lalinense Román Santalla, secretario de Gandaría de UPA. Pero, como lograr o pago dun prezo xusto aos gandeiros, que cubra os seus custos e lles permita obter unha mínima rendibilidade?. Son xa varios os avances que se produciron a nivel lexislativo mentres os gandeiros ven como os contratos seguen sen avanzar en prezo. UPA sinala varias das claves: que os datos de custos de produción proveñan de fontes oficiais e se publiquen semanal ou mensualmente. Outra das claves é que as industrias actualicen tódolos contratos, con independencia da súa data de finalización. "Non é admisible que os gandeiros esteamos a asumir toda a suba de custos e sexan industrias e distribución os que queden cos céntimos de suba do leite aos consumidores", critican desde UPA. Os gandeiros instaron ás industrias a dar 'pasos adiante' nas negociacións para que incrementen o prezo pago aos produtores. Están a ser tempos para a negociación, pero tamén para a reivindicación.

Protestas en Lugo

En Galicia, as protestas gandeiras polo baixo prezo do leite continuaron esta semana na cidade de Lugo. Nesta ocasión a acción levouse a cabo no Eroski do Centro Comercial As Termas organizada por Unións Agrarias. O colectivo continúa coa campaña de concienciación do consumidor para evitar que se merquen certas marcas que seguen sen pagar un prezo xusto ós produtores. Óscar Pose, de Unións Agrarias, na zona de lácteos do Eroski das Termas (Lugo), onde se retiraron as marcas de Capsa e Lactalis. O foco, igual que en semanas previas, púxose nas marcas que comercializan Lactalis e Capsa, as dúas industrias que máis volume de recollida teñen na comunidade e tamén dúas das que máis presenza copan nas cadeas de distribución. Nesta ocasión, a propia cadea de supermercados Eroski xa tiña retirada estas marcas do liñal de venda cando se iniciou a protesta nas súas instalacións.

Moratoria de 15 días

Unións Agrarias anunciou que paralizará as accións de protesta durante os próximos 15 días logo de que se iniciase esta mesma semana unha mesa de negociación coas principais industrias, que aínda non trasladaron unha suba dos prezos do leite ós gandeiros. “Agardamos ter resultados nestas dúas semanas, e se non se logran reiniciaremos a campaña de sensibilización e seremos moito máis contundentes, non só con estas dúas industrias senón con aquelas que prometeron subas ós gandeiros que non acaban de chegar”, explicou Óscar Pose, responsable de Área do Sector Lácteo de Unións Agrarias, durante a protesta en Lugo.

Cales son as grandes industrias lácteas que máis valor lle sacan ao leite?

Nestlé, Danone e as chinesas Yili e Mengniu son as gandes industrias lácteas a nivel internacional que máis valor lle quitan ao leite, de media máis de 1 dólar de ingresos por cada litro de leite transformado. Así se recolle no informe do IFCN, o observatorio internacional do sector lácteo, presentado na última edición da conferencia One Ideas de Alltech, celebrada en formato online o pasado mes de xuño. "Temos unha inmensa diversidade, desde os 0,5 dólares por quilo de leite transformado -das industrias que principalmente venden leite líquido- aos máis de 2 dólares -das que transforman o leite en derivados lácteos de máis valor-", destacou Torsten Hemme, director executivo de o IFCN. O ranking das 20 principais industrias lácteas do mundo está encabezado pola cooperativa Dairy Farmers of America, cuns ingresos en 2019 de 29.000 millóns de dólares, seguida doutra cooperativa, a neozelandesa Fonterra, con 21.900 e en terceiro lugar grupo francés Lactalis con 20.000 millóns. Porén, por valor xerado, o primeiro posto corresponde ao grupo francés Danone, que logra 2,8 dólares por cada quilo de leite que vende transformado. Séguenlle a chinesa Yili ,con 1,4 dólares e en terceiro lugar Mengiu, Nestlé e Savencia, con 1,3 dólares. No extremo oposto, de menor valor xerado, atópanse Dairy Farmers of América, a primeira por volume, California Dayries ou Glanbia.

71.000 millóns de dólares en pagos aos gandeiros polo leite

Outro dato relevante do informe do IFCN é que as 20 principais industrias lácteas do mundo tiveron un volume de negocio en 2019 de 103.000 millóns de dólares estadounidenses, dos que 70.000 corresponderon a pagos aos gandeiros, 21.000 millóns a pagos a empregados das industrias e o resto a impostos e beneficios. Outro dato interesante do estudo é que o EBITDA medio de todas estas empresas nese ano roldou o 8%."¿Este 8% é suficiente para facer todos o investimento necesario en modernización das plantas, en reducir a pegada de carbono, en apoio a sistemas agrícolas, etcétera?", preguntouse como conclusión Torsten Hemme.

Accede aquí a un extracto do informe do IFCN

Piden que o leite se revalorice para afrontar a escalada dos custos de produción

A Interprofesional Láctea, que agrupa a industrias e produtores (cooperativas e organizacións agrarias), aproveitou a reunión coas asociacións das cadeas de distribución, con mediación do Ministerio de Agricultura, para reclamar prezos para o leite que cubran os custos de produción, segundo sinalan os representantes de Unións Agrarias, que participaron no encontro como parte da Interprofesional. Produtores e industrias destacaron o notable incremento dos custos de produción que están acusando nos últimos meses, tanto nos prezos da alimentación, que está a afectar directamente ás ganderías, como nos custos de enerxía ou persoal, que tamén están a acusar as industrias. Así, segundo explican desde Unións, tanto produtores como industria volveron incidir na reunión en que a situación actual está a incumprir a Lei de Cadea, que obriga a pagar os produtos cubrindo os custos de produción. O sector reclama que se modifique a formación de prezos. De feito, está pendente que nos próximos días se convoque o Observatorio da Cadea Láctea para coñecer os datos definitivos de custos ao longo de toda a cadea. "Namentres, seguimos vendo como a distribución emprega o leite como produto reclamo”, explica Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, que participou no encontro. Os produtores reclaman que a industria cumpra coa súa parte ante a escalada dos prezos das materias primas, subindo tamén os prezos que lle paga ó gandeiro polo leite. “A diferenza do que fixeron as industrias no resto de Europa, onde se lle está refacturando ás cadeas de distribución pola suba nos mercados do leite en po e da manteiga, aquí boa parte da industria emprega ás granxas 'como reféns', mantendo os prezos estancados en tanto non logre as subas que lle reclama á distribución”, sostén García. “Os gandeiros non imos aguantar que os custes suban e o leite se pague por debaixo do que custa producilo. Nesta reunión xa deixamos claro que ten que reflectirse nos contratos do leite, senón estes contratos son ilegais, por moito que estean asinados, e imos botar man da Axencia de Información e Control de Alimentos (AICA) para denunciar esta situación”, advirte Román Santalla, responsable de Gandería de UPA (matriz estatal de Unións Agrarias) e presidente da cooperativa agrogandeira Cobideza. O incremento dos custes de produción pode derivar nun problema de viabilidade para as ganderías, ó tempo que pode supoñer unha crise de abastecemento para as industrias. De feito, a excepción de Galicia, onde aínda non caeu a produción, no último mes xa están a baixar as entregas tanto no resto de España como en Europa.

Últimos prezos dos produtos lácteos na Unión Europea e no mercado internacional

O Milk Market Observatory acaba de publicar os últimos prezos medios dos produtos lácteos no mercado interno da Unión Europea, correspondentes á primeira semana deste 2021. En xeral, houbo un descenso das cotizacións dos lácteos en 2020, especialmente en manteiga e leite en po, mentres que os queixos mantiveron os seus prezos. En concreto, o prezo medio da manteiga na UE quedou na última cotización en 3,37 euros o quilo, un 0,1% menos que a semana precedente e cunha caída interanual do 8%. O leite desnatado en po (SMP polas súas siglas en inglés), o produto lácteo que máis exporta a UE xunto co queixo, experimentou unha na primeira semana deste 2021 unha lixeira subida do 0,2%, quedando nos 2,20 euros o quilo, aínda que se mantén un 14% por baixo do prezo de hai 12 meses. O leite enteiro en po (WMP) mantívose sen cambios nos 2,71 euros o quilo, un 11% menos que hai un ano. Pola contra, os queixos son os que se libraron mellor da crise do coronavirus: O Cheddar cotízase a 3,09 euros o quilo nos mercados, cunha caída semanal do 4 %, pero comparándoo co prezo de hai 12 meses é un 4% superior; o Edam quedou en 3,13 euros o quilo, un 1% menos que a semana anterior, e un 3% menos que hai un ano; o Gouda tamén reduciu a súa cotización un 0,5% e págase a 3,17 euros o quilo, un 3% menos a nivel interanual. A excepción a esta baixada semanal dos queixos foi para o Emmental, que subiu o seu prezo nun 0,5%, até os 4,87 euros o quilo, e mantén a mesma cotización que hai 12 meses. Por último, o soro de leite en po subiu un 0,4% na UE, quedando nos 0,78 euros o quilo, o que supón unha subida interanual do 2%.

Mercado internacional

No resto de potencias exportadoras de produtos lácteos, a evolución dos prezos foi similar aínda que con excepcións: Estados Unidos mantén o prezo da manteiga máis baixo (3,26 dólares o quilo), cunha baixada interanual do 25%, e é tamén onde máis descendeu o prezo do queixo e do leite en po.