Archives

A industria láctea prevé unha Galicia coa metade de granxas e máis produción de aquí a dez anos

Participantes no II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030” Unha Galicia de aquí a dez anos cun incremento da produción de leite, representando máis do 50% do total de España, pero con entre 2000 e 3000 ganderías menos, fronte ás arredor de 5600 que hai neste momento. Este é o escenario que ten en perspectiva a industria láctea para os vindeiros anos e ao que terá que adaptarse, coas implicacións que iso suporá en canto a relacións contractuais estables coas ganderías. De momento, a “fidelización” das granxas proveedoras é un obxectivo común para a maior parte do sector industrial para asegurarse o suministro de leite a presente e a futuro. Así se puxo de manifesto esta mañá na terceira e última xornada do II Foro Empresarial Lácteo “Retos das ganderías de leite no horizonte 2030”, organizado polo Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Se a primeira xornada estivo adicada á debater sobre os retos de sustentabilidade (económica, social e medioambiental) para as ganderías de vacún de leite, e a segunda á análise dos mercados de produtos lácteos, a terceira xornada deste venres serviu para que representantes de sete importantes industrias lácteas de Galicia (Lactalis, Grupo Lence, Queserías Entrepinares, CLUN, Inleit, Naturleite e queixerías TGT) presentasen as súas prioridades na relación cos produtores, asi como a súa análise do sector. Xa pola tarde, o II Foro Empresarial Lácteo concluíu coa presentación do libro “El sector lácteo en España”, a cargo de Edelmiro López Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do estudo.

Lactalis: “Nos próximos 7 anos contamos con que entre 2000 e 3000 ganderías de vacún de leite pechen en Galicia”

Por parte das industrias lácteas a súa previsión é que a produción se concentre máis en Galicia, polas súas boas condicións para a produción de forraxes, existencia de tradición gandeira e de servizos para o sector (veterinarios, maquinaria, centros de investigación...etc), incrementando o seu peso do 41% actual ao 50% do total do estado. Neste sentido, Juan Manuel Fiz, xefe de compras de Inleit pronosticou que “de aquí a 5 anos a miña previsión é que Galicia produza o 50% do leite de España, pero iso si, con entre 2000 e 3000 ganderías, máis eficientes e con relevo xeneracional”. Ante a pregunta sobre que pasará co arredor do 1 millón de toneladas de leite que actualmente se concentran nas ganderías dos estratos con pequenas ou medianas produccións, Juan Manuel Fiz considerou que "non hai que dramatizar que desaparezan granxas porque normalmente as terras e as vacas acaban sendo adquiridas ou alugadas por explotacións con relevo e polo xeral con maior eficiencia, polo que mantemos ou incrementamos a capacidade produtiva".
Juan Manuel Fiz (Inleit): "De aquí a 5 anos a miña previsión é que Galicia produza o 50% do leite de España"
Na mesma liña se pronunciou Carmen Rey, xefa de compras de Lactalis en Galicia: "Si que contamos con que nos próximos 7 anos entre 2000 e 3000 ganderías de vacún de leite pechen en Galicia, pero a produción vaise manter ou incrementarse". A representante da principal industria láctea da comunidade engadiu que "estamos en Galicia nunha taxa do 6% de desaparición anual de granxas de vacún de leite, mentres que a media española está no 6,5%, co cal non é moi diferente a evolución". Recoñeceu que este proceso obrígaos como industria a incidir máis na fidelización das ganderías proveedoras, para asegurarse o subministro presente e, sobre todo, futuro. Non obstante, subliñou que "nós non podemos dicirlle a un provedor que non peche a granxa se o seu fillo non quere seguir". "Estamos falando de que neste momento o investimento medio para construír un establo novo é de 7000 euros por vaca, e coas novas esixencias que veñen pode subir até os 10000 euros, polo que é comprensible que, se non hai relevo garantido nunha explotación, os propietarios se boten atrás á hora de facer unha ampliación e medrar", subliñou.

Rafael García (CLUN): "Boto de menos por parte da administración un plan para reducir o peche de explotacións"

As relacións estables coas ganderías tamén lle interesan á industria láctea para manter a súa eficiencia produtiva e reducir custos. Asi o destacou Rubén García, responsable de compras en Galicia de Queserías Entrepinares: "Como empresa interésanos fidelizar aos gandeiros para ter menos riscos de cara ao futuro. Ademáis, se cambiamos de explotación con frecuencia estamos perdendo eficiencia como industria láctea". Unha visión diferente aportouna Rafael García, responsable da cooperativa CLUN na comarca de Ames e Negreira, xa que precisamente boa parte das ganderías socias da cooperativa son do estrato medio en canto a produción. "Eu boto de menos unha actuación por parte da administración para frear o peche desas 2000 ou 3000 ganderías que se prevé que cesen a actividade nos próximos anos. En Francia, Suíza ou Italia o que fixeron é limitar en parte os queixos amparados con Denominación de Orixe ou IXP aos elaborados con leite producido en base a pasto, o que axudou a que os prezos se sitúen incluso nos 0,70 euros o litro e favorece que se manteñan moitas ganderías de pequeno e mediano tamaño e en zonas de montaña", apuntou. Na mesma dirección de apoiar o mantemento das pequenas e medianas ganderías, Carmen Rey, xefa de compras de Lactalis, defendeu que o Goberno permita que os establos con vacas trabadas podan seguir activos. "É razoable que exixan a estabulación libre para as novas granxas que se constrúan, pero deberían permitir que pudesen seguir en funcionamento os establos con vacas trabadas, moitos deles con medias de produción moi altas, o que é indicativo de que as vacas poden expresar todo o seu potencial xenético e non están sometidas a estrés. Isto é por exemplo o que fixo a Unión Europea coa soia, que permite seguir importando de terras que foron deforestadas para o cultivo antes de xaneiro de 2021, polo que non ten ningún sentido que non aplique a mesma regra aos establos con vacas trabadas".

Algúns datos clave das principais industrias lácteas de Galicia:

-Cooperativas Lácteas Unidas: Uns 150 millóns de litros recollidos no 2023 dunhas 300 ganderías socias. Algo máis de 240 millóns de euros de facturación, entre pensos, leite e outros servizos. -Queserías Entrepinares: Maior fabricante nacional de queixo, o 80% del comercializado a través de Mercadona. Procesan na súa queixería de Vilalba algo mais de 250 millóns de litros de leite, dos que algo máis de 200 son recollidos a 170 ganderías galegas. -Inleit: Na súa planta de Teixeiro (Curtis) descompoñen o leite por procedementos físicos en nata, proteínas, lactosa e minerais, que venden a outras industrias alimentarias. Exportan o 70% destes derivados a fóra da Unión Europea. Aínda que o proxecto inicial estaba destinado a elaborar produtos secos, cada vez máis están comercializando máis produtos frescos, como natas, a outras industrias alimentarias de España e da Unión Europea, debido aos menores custos enerxéticos de elaboración. -Lactalis: Multinacional familiar francesa e principal industria láctea de Galicia, con dúas plantas en Vilalba e Nadela. En Galicia recolleron no 2023 un total de 508 millóns de litros a 1179 ganderías. -Naturleite: Empresa pertencente á cooperativa andaluza COVAP e cunha planta en Meira na que envasan leite UHT e leite fresco para Mercadona, un produto en aumento que xa representa o 20% da súa produción. Recollen en Galicia uns 165 millóns de litros. -Leite Río: Segunda empresa en volume de recollida en Galicia, con 475 ganderías que lle subministran leite. O pasado ano facturaron 260 millóns de uros, o dobre que en 2028. -TGT: A queixería Teodoro García Trabadelo comprou dúas queixerías na Pereira (Mazaricos) dedicada a queixo barra e queixo Tetilla e outra no concello coruñés do Pino especializada en queixo Arzúa Ulloa. En toda España en 2023 facturaron uns 500 millóns de euros. 1 de cada 4 queixos que se comericalizan en España é do grupo TGT. O 60% do queixo que comecializan é español -o 20% del é elaborado polo propio grupo TGT e o resto comprado a outras industrias queixeiras- e o 40% do restante é importado doutros países, polo que consideran que existe moita marxe de mellora para incrementar a produción de queixo en España.

Que tendencia de produción e prezos seguirá a gandería na UE ata 2035?

Menos vacas e menos produción de leite, pero con máis valor engadido, da man de lácteos funcionais e sostibles. Tamén un menor consumo de carne de vacún e porcino, compensado por un aumento da demanda da carne de ave. Son algunhas das tendencias que se marcan nun informe que acaba de elaborar a Comisión Europea sobre as perspectivas agrarias para 2035. Como é habitual, é un informe suxeito a numerosas incertezas, como se pode comprobar con anteriores informes, que envelleceron peor que o leite por factores económicos, ambientais ou xeopolíticos. Gandería de leite: produción e prezos A produción de leite crecerá a nivel mundial un 1,6% anual na próxima década, pero por contra, na UE espérase unha redución de entregas cada ano dun 0,2%. O sector verase limitado na UE por estritas políticas ambientais e de benestar animal, se ben un elemento positivo é que é esperable a produción de leite con maior valor engadido para as granxas, procedente de sistemas extensivos, liñas ecolóxicas ou con menores insumos externos. A cabana de vacas de leite espérase que se reduza un 13% no período 2023-2035, aínda que a produción apenas se resentirá porque se espera un aumento medio de rendementos dun 0,9% anual por vaca. En canto a prezos, tras os picos de prezos de 2022 e 2023, a previsión é que o valor do leite no campo siga a liña da inflación na próxima década coa inflación, polo que en realidade o valor real do leite espérase que se manteña plano. Produción e consumo de lácteos O consumo interno absorberá na próxima década ao redor dun 88% da produción e espérase que se manteña estable, cunha baixada de só un 0,1% anual. A peor parte, segundo a previsión, lévana os produtos lácteos frescos (-0,7% anual) e o leite líquido, así como o leite enteiro en po. Na parte positiva, espérase un aumento da produción de queixo e soros, en boa medida polo tirón das exportacións de ambos os segmentos. A manteiga tamén ten boas perspectivas, igual que o leite en po desnatado. Para o ioghurt, entre tanto, prognostícase estabilidade, quizais con lixeiros incrementos, da man de produtos funcionais (por exemplo os proteícos) ou de consumo cómodo (bebibles). A tendencia a produtos funcionais e segmentados tamén se deixará notar no leite líquido, onde se espera que o envellecemento da poboación fortaleza as liñas de leites con vitaminas e minerais engadidos. É previsible tamén que os consumidores máis novos se decanten por produtos con menos graxas e azucres, así como adaptados a intolerancias, como as gamas sen lactosa. Exportacións lácteas A UE consolidou nos últimos anos a súa posición como líder mundial en exportacións lácteas, en empate técnico con Nova Zelandia, sumando a UE e Nova Zelandia case a metade das exportacións mundiais. Na próxima década, as exportacións continuarán sendo importantes na UE e representarán ao redor dun 12% da súa produción. Con todo, é de destacar que o mercado mundial do leite se desacelerará pola esperada redución da demanda chinesa. En parte, compensarase con maior demanda doutros países, como os do Sueste asiático ou norte de África, aínda que estas rexións tamén é previsible que aumenten a súa produción interna na próxima década.

O consumo de carne seguirá á baixa

O consumo de carne de vacún na UE experimentou unha diminución en 2023 debido aos elevados prezos, a escasa oferta e unha crecente preocupación pola sustentabilidade. Proxéctase que esta tendencia á baixa manterase, levando a unha redución no consumo per cápita de carne de vacún, que dos actuais 10 Kg./ano pasará a 9,5 kg, representando unha diminución do 6,9%. Estas cifras, aínda que diferentes, levan o mesmo ton en termos produtivos: estímase que a produción de carne de vacún na Unión Europea diminuirá un 9,2% en comparación coa media dos anos 2021-2023. En canto á carne de porcino, o informe da Comisión Europea manifesta que cuestións como as preocupacións ambientais e sociais, ou a composición relativamente máis graxa da carne de porco afectarán o seu consumo. É por iso que se proxecta un menor consumo per cápita de carne de porco na UE, coa previsión de que diminuirá anualmente a razón dun 0,7%, alcanzando oa 29,7 kg en 2035. Esta cifra representa unha caída significativa do 7% en comparación cos xa baixos niveis rexistrados no período 2021-2023. Por último, aínda que se prevé que o ritmo de crecemento do consumo de aves de curral na UE se desacelere, a tendencia á alza seguirá a razón do 0,3% anual de aquí a 2035, situando o cociente anual per cápita en 24,9 kg, en comparación cos 23,7 kg actuais. A Comisión Europea explica o repunte co prezo relativamente alcanzable, a imaxe máis saudable da carne de ave en comparación con outras carnes (especialmente a de porco), a facilidade de preparación e a ausencia de restricións relixiosas asociadas ao consumo de aves de curral.

Galicia sitúase entre as 10 rexións de Europa que máis aumentaron a produción de leite tralo fin das cotas

O fin das cotas lácteas na primavera do 2015 abriu a porta a que as granxas aumentaran a súa produción, sempre na medida en que as industrias lácteas e o mercado puideran absorbela. Que pasou en Galicia, en comparación con outras grandes zonas produtoras?. Os datos demostran que Galicia estivo entre as rexións gandeiras de Europa con máis vontade de crecemento. Un estudo da Fundación Juana de Vega sitúa a Galicia como a novena rexión de Europa que máis aumentou a súa produción entre o 2014 e o 2020 (último ano con datos de Eurostat por rexións). En concreto, o aumento foi dun 12,2 %. O maior crecemento rexistrouse no sur de Irlanda, unha zona leiteira que disparou as súas entregas nun 32,3 %. Foi un crecemento sen igual na UE, pois as seguintes dez rexións en aumento da produción sitúanse entre un 10 e un 20% de crecemento: catro de Holanda, tres polacas, Lombardía (Italia), Lüneburg (Alemania) e Galicia. Ránking Existe unha certa correspondencia entre o aumento de entregas e a potencia leiteira de cada rexión, pero tamén grandes rexións produtoras, como Bretaña e outras de Francia, que a penas aumentaron as súas entregas nos últimos anos. Chama a atención o caso de País de Loira, a cuarta rexión láctea da UE, que produciu no 2020 menos leite que no 2014. O sur de Irlanda, a zona con maiores aumentos de produción, é tamén a primeira no ránking de entregas de leite, superando os 6 millóns de toneladas. Séguelle a Bretaña francesa, con 5,6 millóns e Lombardía (Italia), con 5,1 millóns. Galicia, única rexión da Península entre as vinte primeiras en produción, sitúase na parte media, de novena, con case 3 millóns de toneladas. De continuar nos próximos anos o seu crecemento en entregas, a análise da Fundación Juana de Vega conclúe que Galicia podería chegar a ser a séptima potencia láctea da UE.

A industria láctea non recollerá o leite a partir de mañá pola folga de transportes

A industria láctea española, agrupada na Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL), anunciou hoxe que non recollerá o leite ás gandarías a partir de mañá xoves pola folga de transportes. Desde a patronal láctea explican que esta decisión de debe a que "as fábricas viron interrompido a subministración dos insumos necesarios para a elaboración de produtos lácteos e tamén o traslado do produto terminado ás cadeas de distribución, polo que se anulou a capacidade de envasado e de almacenamento e xestión dun alimento altamente perecedoiro e esencial para o consumo diario". Recoñecen que esta decisión de paralizar a recollida "está acarredando consecuencias sociais, económicas e ambientais inevitables pois suporá a suspensión da recollida do leite nas explotacións gandeiras a partir de mañá e, sobre todo, ponse en risco o abastecemento de produtos nutricionalmente básicos na alimentación das persoas como son o leite e os lácteos". A FENIL anuncia que "soamente poderase reverter esta decisión á que se ve abocada o sector se se garante o dereito á mobilidade e a seguridade dos transportistas que non secundaron a folga, e evítanse conflitos de orde pública nas estradas españolas, circunstancia conjugable co respecto do dereito de folga".

Os camións de recollida de leite de Lactalis súmanse á folga de transporte desde este luns

A folga do transporte, convocada a partir das 0 horas do luns, terá un impacto inmediato no sector lácteo. Os camións de recollida de leite de Lactalis, a principal industria que opera en Galicia, xa lle trasladaron á empresa que se suman á folga de transporte indefinida. Desde Lactalis aseguran que están mantendo contactos “un a un” cos camioneiros para tratar de atopar unha solución o antes posible. A folga de transporte é unha situación que preocupa no campo, pois as granxas teñen escasa marxe para almacenar o leite, co que se verían obrigadas a tirar a produción de pararse as rutas de recollida do leite. Lactalis é a primeira industria afectada, pero no sector non se descarta que en próximos días haxa máis empresas con problemas. Na raíz da folga do transporte está a suba do gasóleo, que nos últimos dous meses se disparou arredor dun 50%. Dos 1,28 euros en que se pagaba en outubro pasou á situación actual, co diésel por riba de 1,80 euros e con estacións de servizo que se sitúan xa mesmo por riba de 1,90 euros. Coa folga do transporte, os camioneiros parten cun dobre obxectivo. Por un lado, tratar de que haxa unha intervención pública sobre os prezos do carburante, algo que tería que autorizar Bruxelas. En segundo lugar, os camioneiros buscan tamén renegociar prezos cos seus clientes, de cara a trasladarlles os aumentos de custos que experimentaron. Impacto no sector A nova da folga dos camións de leite de Lactalis trascendeu esta tarde noite no sector, coa conseguinte inquietude que está a xenerar entre as ganderías que traballan coa industria. Lactalis, que ten en Galicia dúas plantas, unha en Nadela (Lugo) e outra en Vilalba), recolle máis dun millón de litros de leite ó día na comunidade e é a primeira industria en volume de recollida en Galicia, con máis dun 20% do total.

Como o leite A2 está emerxendo en todo o mundo?

O leite de vacas A2, caracterizado por aportar unha dixestión máis confortable que o leite convencional, entre outros beneficios, é unha gama en expansión en todo o mundo. Arredor de 20 marcas están a vender xa leite A2 en mercados de Asia, Oceanía e Estados Unidos, un grupo reducido ó que se vén de unir a marca galega Deleite coa súa aposta de comercializar o Deleite A2 en todo o Estado. A comercialización do leite A2 iniciouse hai máis de 15 anos en Nova Zelanda, da man da compañía ‘The A2 Milk Company’, pero non foi ata os últimos anos cando grandes compañías mundiais como Fonterra, Nestlé ou Danone comezaron a implicarse na produción e comercialización de leite A2, tanto para o seu envasado como leite líquido como para a súa inclusión en fórmulas infantís. “As grandes compañías. lideradas por Fonterra, pelexaron durante anos contra o leite A2 porque o vían máis como unha ameaza que como unha oportunidade”, explica o investigador neozelandés Keith Woodford, un dos principais divulgadores internacionais sobre os beneficios do leite A2. Non foi ata 2018 cando a neozelandesa Fonterra decidiu lanzar a súa propia gama de lácteos A2. O cambio de postura das grandes compañías internacionais completouse coa decisión de firmas como Nestlé ou Danone de iniciar nalgúns países a comercialización de fórmulas infantís baseadas en leite A2. O feito de que o leite materno tamén sexa A2, é dicir, libre da betacaseína A1 -ligada con molestias dixestivas-, está a impulsar o seu uso nos lácteos infantís, en combinación con soro lácteo desmineralizado, rico en proteína. Perspectivas A única dificultade de producir e comercializar leite A2 está en contar con granxas que teñan iniciada a selección de vacas A2 e que recollan en tanques independentes o leite das vacas A2 e o das convencionais, que presenta unha mestura de betacaseínas A1 e A2. É un proceso que require de tempo e investimentos. Leite Noso, a sociedade gandeira que lanzou o Deleite A2, revelou que parte das súas granxas levaba xa catro anos co proceso de conversión a leite A2, evitando usar touros que non fosen A2 na inseminación do seu rabaño. É unha decisión que se está a demostrar acertada para as ganderías, pois cobran o leite A2 cunha prima adicional de 5 céntimos en relación ó prezo do leite convencional. Para a marca Deleite, que prepara unha campaña de marketing a nivel de toda España, os ingresos tamén aumentarán, pois posicionará o seu leite nos supermercados a un prezo premium, en consonancia co escenario internacional do leite A2, que se comercializa na maioría dos países a un prezo un 50% superior ó das primeiras marcas de leite convencional.
“Ás veces os gandeiros pregúntanme canto tempo pasará ata que desapareza a prima A2. A miña resposta é que están facendo a pregunta incorrecta. A longo prazo, a pregunta é cando será posible só vender o leite A1 con desconto de prezo" (Keith Woodford, investigador)
É previsible que o movemento de Deleite co leite A2 sexa seguido nos próximos anos por outras industrias lácteas no mercado español. A futurible expansión do leite A2 nos supermercados españois, un proceso que xa se viviu en países como Nova Zelanda, pode xerar incertezas sobre o valor futuro que terá esta gama de lácteos, pero o investigador Keith Woodford, considera que esa visión é incorrecta. “Ás veces os gandeiros pregúntanme canto tempo creo que pasará ata que desapareza a prima A2 no prezo do leite. A miña resposta é que están facendo a pregunta incorrecta. A longo prazo, a pregunta é cando será posible só vender o leite A1 con desconto de prezo. Esa situación pode estar todavía moi lonxe, pero avecíñase”, reflexiona Woodford, que analizou neste recente artigo como o leite A2, un leite que naceu como unha marca en Nova Zelanda, se convertiu xa nunha categoría de lácteos a nivel global. Woodford destaca tamén o aumento exponencial que está detectando no número de investigacións científicas relacionadas cos beneficios para a saúde do leite A2, uns beneficios que el sitúa tanto no campo dixestivo como no inmunolóxico. O investigador subliña en especial a importancia do leite A2 á hora de reducir a presenza do aminoácido BCM-7 no proceso dixestivo, pois apunta que se trata dun aminoácido perxudicial para a saúde que pode ter efectos inflamatorios e inmunolóxicos diversos.

Radiografía da industria láctea galega

Galicia ten un peso na industria láctea que non é parello ó seu peso no sector produtor. Dos 10 principais grupos lácteos de España, hai só 4 con presenza en Galicia (Lactalis, Capsa, TGT e Lactogal) e un deles nin sequera ten a sede social en Galicia (Capsa, Larsa). Outros grandes grupos de España carecen de factorías en Galicia, caso de Danone, Grupo Pascual, Grupo García Baquero, Reny Picot (ILAS), Schreiber, Iparlat ou Kaiku. Para atopar a primeira industria de capital galego, hai que ir ó posto 16 do ranking (Leche Río). Ese escenario de debilidade da industria láctea galega reflíctese no feito de que máis do 48% do leite producido en Galicia marcha para fóra sen transformar, segundo os datos do Plan Estratéxico do Sector Lácteo 2020 – 2025, presentado recentemente pola Xunta. O leite procesado en Galicia, a maiores, adícase nun 58% ao seu envasado como leite líquido, o que en xeral aporta menor valor engadido que a súa transformación noutros produtos lácteos. Como exemplo da situación, o Plan cita as dúas factorías de Lactalis na comunidade, que se adican en exclusiva ó envasado de leite UHT, cando no conxunto de España, o grupo adica un 50% do seu leite a envasado e bebidas, e outro 50% a produtos lácteos de maior valor engadido (queixos, iogures, manteiga, etc.). Peso en leite equivalente das distintas gamas de lácteos elaborados en Galicia. Queixos e produtos de maior valor engadido En cifras globais, no conxunto de España, só o 32% do leite se envasa, en tanto outra porcentaxe idéntica do 32% vai para queixos. A porcentaxe galega destinada a queixos, en cambio, é de só un 15% do leite. Se se analiza o leite destinado na comunidade ás denominacións de orixe de queixos, a porcentaxe é de só un 1,8%. A evolución é ademais negativa, pois na última década pasouse de producir 5.900 toneladas de queixos con denominación de orixe (2010) a 5.400 (2018). Obxectivos Ante este panorama, o Plan Estratéxico do Sector Lácteo márcase o obxectivo de avanzar na transformación industrial do leite en Galicia e de aumentar o peso das denominacións de orixe de queixos, para o que será preciso evolucionar en tamaños, presentacións e innovacións no seu envasado. Outro dos focos sobre os que incide o Plan sitúase no impulso do I+D+i nas industrias, contribuíndo a súa profesionalización.

Oito operadores recollen o 75% do leite producido en Galicia

Volume de recollida das industrias lácteas en Galicia. / Fonte: Plan Estratéxico do Sector Lácteo. O ránking de recollida de operadores industrias en Galicia amosa que unha decena de firmas concentran boa parte do leite transformado na comunidade. En función dos ingresos anuais declarados, a clasificación sería a seguinte, segundo os datos do Plan Estratéxico, correspondentes ó ano 2018. 1. Lactalis, 547 millóns de euros anuais. 2. Lactogal, 344 millóns de euros. 3. Capsa, 256 millóns. 4. Clun, 253 millóns (129 de facturación agrogandeira). 5. Río, 133 millóns. 6. Aira, 126 millóns (110 da parte agrogandeira). 7. Entrepinares, 114 millóns. 8. Nestlé, 75 millóns. 9. Celega, 75 millóns (24 da parte agrogandeira). 10. Covap (Naturleite), 50 millóns (estimación). 11. Tegestacin, 35,7 millóns. 12. TGT Galicia, 22,4 millóns (12 millóns correspondentes ó comercio maiorista). 13. Yeeper, 16,2 millóns.

Galacteum consolídase no mercado de ingredientes lácteos para nutrición infantil

Exterior da torre de secado de Galacteum en Melide. Galacteum, a industria láctea impulsada pola cooperativa Aira, está xa a pleno rendemento e encarrilada cara o reto co que naceu, a obtención de produtos de alto valor engadido. A compañía, que trocou recentemente o seu nome orixinal, Dairylac, polo de Galacteum, entrou con forza nos últimos meses no mercado de ingredientes lácteos para nutrición infantil, un mercado que ten unha clara expansión en Asia e tamén boa saída en Europa. Logo de completar no 2019 o proceso de posta en marcha da súa torre de secado de soro e leite, Galacteum centrouse na produción de soro desmineralizado en po. O seu produto estrela é o soro D90, que presenta unha redución de sales dun 90%, o que lle confire alta dixestibilidade, unha das propiedades máis apreciadas no mercado de ingredientes para nutrición infantil. A compañía está producindo na súa planta de Melide arredor de 130 toneladas de soros desmineralizados, o que levará a unha produción anual dunhas 6.500 toneladas. “Estamos traballando a un 75% da nosa capacidade, con picos estacionais nos que estamos ó 100%”, explica o director xeral da industria, Juan Cordonié, quen pasou esta primavera de ser director de Operacións a convertirse no novo director xeral, trala saída amistosa do anterior máximo responsable, Iago Quintana, que se centrou noutros proxectos. Abastecemento de soro O soro, un subproduto derivado da elaboración de queixos, chega a Galacteum desde queixerías do noroeste peninsular (Galicia, Portugal e Castela) que manteñen contratos a medio e longo prazo coa industria, o que lle asegura un suministro estable. Esa garantía de abastecemento réstalle urxencia ó proxecto de montar unha queixería propia, un dos obxectivos iniciais cos que nacera a empresa. “É unha idea que non está descartada, xa que a nosa forza motriz é unha cooperativa de primeiro grao potente e cun crecemento sostido. O tempo dirá”, valora Juan Cordonié. Polo de agora, a empresa está centrada en consolidar as tres liñas nas que xa está traballando. A produción de soro desmineralizado complétase cunha liña de produtos industriais, orientada a empresas agroalimentarias e lácteas, e cunha gama de produtos envasados dirixidos a supermercados e hostelaría. Liña de produtos industriais En produtos industriais, Galacteum traballa con empresas de galletas e panificación, a parte de prestarlle servizos a outras empresas lácteas. “Temos capacidade tecnolóxica para ofrecer unha ampla gama de produtos confecionados, pois contamos con sistemas de concentración por secado ou con membranas semipermeables. Tamén é posible garantir a trazabilidade de materias primas diferenciadas, como o leite certificado de benestar animal, que produce Aira, ou produtos para denominacións de orixe”, explica Juan Cordonié. A parte do procesado de soro, a torre de secado ofrécelle a Galacteum a posibilidade de elaborar leite desnatado en po, unha liña ligada á valorización da graxa do leite vía natas e manteiga. “O leite en po é un produto que apoia o noso negocio de produtos industriais e que nos interesa ter en stock para clientes principalmente de España. En determinados momentos, secar leite pódelle servir ademais a Aira para regular a súa oferta, se ben na actualidade hai que dicir que o mercado está estable e non é preciso derivar leite para po”, destaca Juan Cordonié. Produtos envasados para o consumidor e hostelaría O terceiro pilar do traballo de Galacteum é a súa liña de produtos envasados para supemercados e hostelería, principalmente leite pasteurizado, manteiga clarificada, queixos -elaborados por unha empresa colaboradora-, e natas. “Durante o 2019, a liña de produtos envasados medrou en conxunto un 25%. O 2020 comezou coa mesma tendencia, pero a crise do coronavirus, que mantivo pechada a hostelería durante meses, afectounos”, explica o director comercial de Galacteum, José Conde. A oferta de Galacteum nos supermercados de Galicia está consolidada, con presenza en cadeas como Vegalsa-Eroski, Gadis, Froiz, Carrefour, Covirán ou Mercadona, en tanto que a nivel estatal logrou unha ampla distribución por medio de Carrefour. “O paso que demos nas cadeas de distribución no último ano foi dar o salto de Galicia ó resto de España”, destaca Juan Cordonié. Un dos últimos lanzamentos da empresa nos supemercados foi un leite pasteurizado sen lactosa da marca Deleitar en envases de 500 mililitros. “Tiñamos a percepción de que o leite que non é xenérico pode ter saídas en formatos menores ó do litro, así que veremos como se comporta”, valoran. Galacteum está procesando anualmente 40.000 toneladas de leite, procedentes na súa maioría das cooperativas Aira e Codeira, accionistas da industria. Aira conta con arredor dun 70% das accións, en tanto outro 25% está en mans de Xesgalicia (Xunta de Galicia) e a a parte restante corresponde a pequenos accionistas. Medrar en valor Unha vez que as súas liñas de produción entraron en velocidade cruceiro, a compañía orientarase nos próximos meses a “medrar en valor, non en volume”, priorizando a elaboración de produtos e gamas que ofrezan máis retorno. Consolidada a parte industrial, a empresa puxo en marcha o seu novo nome, Galacteum, no que asocia conceptos como Galicia, lácteo e galaxia para transmitir unha idea de innovación e internacionalización. Outro ámbito de traballo nos últimos meses foi o ambiental, pois montouse unha nova depuradora e un sistema de recuperación de augas por ósmose inversa. Polo demais, durante a crise da Covid-19, a empresa non se resentiu no seu traballo, xa que conta cunha planta automatizada que permite a distancia social entre o persoal, e xa tiña protocolos na súa torre de secado equiparables ós dun ambiente de quirófano.

“¿Está mellor o sector lácteo galego tras 5 anos sen cotas?”

Parece que fican lonxe aqueles días de leites negros, comprimidos, de Churtales ou Audiencia Nacional. Estas palabras que xa a moitos lles soarán lonxanas e para algúns descoñecidas, marcaron unha época na que en Galicia conviviuse cun réxime da taxa láctea, comunmente coñecido como cotas lácteas. Desde o primeiro de Abril de 2015 a taxa láctea deixou de existir na Unión Europea e en España expirou despois de 30 anos da súa aplicación desde 1986, ano no que o estado se incorpora á UE daquela conformado por tan só 10 Estados Membros. Estes cinco anos sen réxime de cotas, que someramente vou analizar, significaron en liñas xerais un avance do sector lácteo galego, con luces e sombras, un sector produtor máis profesional pero con debilidades estruturais nunca superadas, unha industria que parece quere espertar da súa zona de confort na que sobreviviu durante moitos anos e unhas relacións entre os actores da cadea que parece que todo queren cambiar para que nada cambie.

A produción, o elo forte da cadea

Galicia segue a ser a primeira rexión produtora de leite española e segue a figurar entre as principais produtoras a nivel europeo. Esta posición dominante de Galicia no contexto estatal acádase sobre todo polo gran impulso que tomou a produción nos quince anos previos a derogación do réxime da cota láctea. No período 2001-2014 o incremento da produción de leite en España foi de 428 mil toneladas das que a Galicia corresponden 790 mil. Estas cifras resultan de que mentres que os nosos gandeiros medraban, nun contexto de máxima dificultade, xa que incrementar a capacidade produtiva significaba comprar cota láctea, o resto do Estado deixaba de producir mais de 360 mil toneladas de leite. Neste punto hai un traballo pendente, pois pouco se ten debatido e estudiado sobre este inmenso capital investido e o esforzo financeiro que este supuxo para o sector lácteo galego, descapitalizándose en parte para poder seguir producindo. Aquí foi onde se fixo o esforzo que colocou a Galicia entre as grandes rexións produtoras de leite europeas.
“Galicia pasou no 2001 de producir o 28% do leite de España ao 39% na actualidade”
Xa a partir do ano 2015 a velocidade de incremento de produción cambia, seguindo Galicia a liderar os incrementos na produción pero cunha contribución importante tamén do resto das CCAA que a finais do ano 2019 conseguen recuperar o que perderan nos pasados 15 anos. Todas esta cifras lévannos a que Galicia no ano 2001 producía un 28% do leite de España (1,8 MTm) e estamos moi próximos ao 39% na actualidade (2,8 MTm) , falando de leite sen normalizar pois se o normalizamos superamos con creces a cifra do 40% de produción, porque hai que dicir que seguimos a producir o leite con máis sólidos do Estado, e tamén o peor pagado.

Debilidades do sector:

O sector posicionouse e segue a facelo pero segue a ter fortes debilidades : Dependencia excesiva de insumos externos O consumo de concentrado nas granxas de Galicia, sobre todo naquelas que se teñen como “referente”, é excesivo. O reto tecnolóxico está en producir, nese modelo, 40 litros de leite con 8 kilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 kilos é fácil, e é certo que pode ser un bo negocio para o subministrador de concentrados, pero crea estruturas moi dependentes para o gandeiro co risco que iso leva implícito. O reto está na mellora da calidade das forraxes tanto na súa capacidade de subministrar enerxía como proteína, pois tamén seguimos a ter unha excesiva dependencia de proteína exóxena nas granxas de leite. Conciencia medioambiental escasa As demandas medioambientais son de aqueles que consumen os nosos produtos, e vense claramente reflectidas nas políticas que se implementan desde a UE. Quen non entenda esto vai quedar fóra do mercado sen dúbida algunha. Por isto é moi importante que a produción interiorice estas demandas de “urbanitas” e que as faga súas e mesmo que vaia por diante delas mostrándolle á sociedadeas externalidades que ten unha gandería baseada na terra, no local e en alimentar animais que transforman algo incomestible polos seres humanos, como é a forraxe, en enerxía e proteína de gran valor nutricional. Cobertura de fosas de xurro (50% aínda descubertas), ir preparando parcelas para que os animais podan pasar tempo no exterior das naves -non botedes as mans a cabeza, isto volo van pedir porque ademais reduce a emisión de amoníaco en gran medida-, ou facerse gardiáns da biodiversidade son prácticas facilmente asumibles e que mellorarían a imaxe do sector dun xeito radical. Debilidade asociativa O sector produtor de leite factura anualmente (leite+subsidios+carne) mais de 1.000 millóns de euros en Galicia. Debe de ser o único sector, que con este volume, non ten unha asociación que exerza como altofalante do mesmo e que traballe con profesionais que fagan que o sector teña voz e que se faga ver e valer nunha sociedade que cada vez está mais lonxe do rural. Hai que saber posicionarse en positivo. Coido que gran parte do abandono que sufre o mundo rural débese en parte a que o rural non xera novas positivas e o único que difunde son laios, bágoas e miserias. Un asociacionismo profesionalizado, que tivera unha gran labor de difusión, que estivera en contacto cos centros de formación e investigación para poder liderar proxectos de interese para a produción é máis que necesario en Galicia. Por exemplo, medio millón de euros de orzamento significaría que as 5000 granxas galegas con máis produción pagaran unha cota mensual de 8 euros. Supoño que a razón para que isto non se faga é que non interesa, e non lle deamos máis voltas, os produtores están cómodos coa situación actual.

A industria, parece que esperta do seu sono

España debe de ser o país de Europa cunha deslocalización industrial máis forte no sector lácteo, e iso estámolo pagando. Italia ten a súa industria láctea no norte, Francia en Bretaña e curiosamente España non ten industria láctea na medida da súa produción en Galicia. O cincuenta por cento do leite de Galicia transfórmase fóra de Galicia. Esta cifra é moi preocupante para Galicia e tamén o é polo que implica en termos de redución da competitividade desta industria. Esta inoperatividade industrial compénsase a base de pagar o prezo máis baixo de España aos gandeiros que están a producir o leite máis semellante ao estándar que circula por Europa. Resulta paradigmático que exista en Galicia industria con capacidade ociosa que estea a transportar leite a centos de quilómetros por causa de ter contentos aos seus accionistas. Coido que esta alegría pouco vai durar nestas condicións. A chegada de industria con gran capacidade de transformación, con procesados moi completos, produtos de nova gama ou con alta penetración no mercado, esperemos que varíe substancialmente o panorama descrito anteriormente, eliminando inoperantes e pagando prezos xustos pola materia prima. Non esquezamos que a industria é tan necesaria como a produción e unha non pode vivir sen a outra, pero a industria é moito máis conxuntural que a produción que ten unha compoñente estrutural moi forte.

As relacións entre os actores

O período post cotas trouxo novidades nas relacións entre actores: a UE creou o marco en 2012, pero a mágoa foi que os actores estragaran un marco que noutros Estados membros funciona. Estamos a falar do paquete lácteo. Este deu por unha banda a oportunidade de establecer contratos de compra entre partes. Todos lembramos os días de regateo curto e cutre de prezos que a máis da industria facía no campo galego. Sempre serían os produtores os que tiñan que pagar a ronda, pois a industria tiña que salvar os mobles in extremis con vergoñentas rebaixas de prezo de última hora. Eses tempos son pasados, pero podemos dicir que a aplicación dos contratos foi pola forma maioritaria e non xeral en que se aplicaron, unha decepción para a inmensa maioría. A lei daba oportunidade de establecer fórmulas para prezos ligadas a variables coa filosofía de compartir perdas e beneficios,. Pero non, os máis dos nosos primeiros compradores preferiron un contrato plano que deixa a produtores e industria descolocados en prezo no contexto europeo,; estes prezos “negociados” serán sempre á baixa para que os primeiros compradores teñan as súas costas cubertas. Mención a parte merecen as Organizacións de Produtores Lácteos, coido que aquí se nos debe unha explicación de como despois de anos desde a súa creación a actividade para a que foron creadas é nula en Galicia. Outra oportunidade perdida e os actores botándose os trastes á cabeza, pero en síntese cero litros negociados ilustran o que foi outro fracaso de todos os actores implicados.

O COVID-19. Reflexións sobre o futuro do sector

O pasado 13 de Abril o Presidente francés Emmanuel Macron nun discurso televisado ante máis de 40 millóns de persoas dixo que “hai bens e servizos que deben de estar fóra das leis de mercado”, destacando en primeiro lugar a agricultura e a alimentación. Esta idea forza esperemos que se plasme nalgo tanxible a nivel global e que os actores que interveñen no mercado de materias primas sexan aqueles que as producen, as transforman, as distribúen e as consumen, eliminando desta ecuación aqueles especuladores que son agora os que manexan este mercado. A mediados de Marzo o Goberno español decretou o estado de alerta creándose unha situación nova para toda a poboación. Todos temos en mente cal foi a reacción da poboación en canto a cobertura de necesidades básicas. O aprovisionamento de alimentos para o confinamento foi prioritario e as compras de comida incrementáronse na primeira semana de confinamento un 29,8 % en España. O garante do aprovisionamento alimentario é unha das claves do confinamento pois se houbera o mínimo risco de desabastecemento alimentario as medidas de confinamento saltarían polos aires por causas que todos entendemos. O prioritario é poder comer todos os días. Luis Enjuanes, investigador do CNB-CSIC para o coronavirus, declaraba hai uns días que daba mágoa ver como non temos unha industria que fabrique cousas tan simples como máscaras, respiradores ou traxes de protección. Ten razón este investigador, a economía española diminúe ano tras ano a súa capacidade industrial, fabricamos fóra, e o sector servizos co turismo á cabeza marcan o destino económico do país. A alimentación non quedou fóra desta tendencia, segundo datos do ICEX no ano 2018 a balanza comercial alimentaria española foi de +11.376 M€, pero nunha análise de volumes vemos que a balanza é negativa en 9 Millóns de toneladas ao ano, coa preocupante cifra dun déficit en cereais de 16 Mtm. -En Galicia, verxel atlántico, as cifras son desoladoras, segundo datos oficiais do ICEX, desde o ano 2011 onde a balanza alimentaria era case cero, pasamos no ano 2017 a un déficit alimentario de -586,40 millóns de euros (1% do PIB galego). De novo a cifra de cereais é moi preocupante, cunha balanza negativa de 202,90 millóns de euros anuais. Espero que a sociedade e gobernantes interioricen despois desta pandemia a importancia que ten producir alimentos. É por elo que me atrevo a facer os seguintes desiderata: -Estímase unha perda dun 30% da Superficie Agraria Últil (SAU) galega nos últimos trinta anos. Reverter esta situación é unha prioridade máxima. Levamos dous anos escoitando o da “ Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia” e seguemos sen ter novidades sobre ela. -Podemos dicir que a dependencia da produción de concentrados en Galicia para alimentación animal é próxima ao 100% da importación de materias primas. Isto crea unha debilidade estrutural nos sectores de gandería intensiva e en menor medida nos ruminantes. A SAU perdida está agora en Arxentina, Brasil ou EE.UU. A diminución de insumos externos nas explotacións de leite debe de ser unha prioridade, non é producir menos senón que é producir diferente. Para elo producir máis e mellores forraxes faise clave na estratexia a seguir polo sector. Necesitamos mobilizar máis SAU para as explotacións de leite.
“Necesitamos máis terras en Galicia para as ganderías de vacún de leite”
A investigación agraria debería volver ocupar un lugar prioritario na política agraria, estámolo vendo co episodio do COVID-19, a investigación ten que ser estrutural e non unha conxuntura. A clave de todo o anterior está en que os gobernos asuman a responsabilidade para a que son elixidos e agora máis que nunca, priorizar o ben común sobre os intereses particulares. A produción de alimentos debe de ser prioritaria en calquera acción de goberno. Os cidadáns temos a nosa responsabilidade tamén na posta en valor dos alimentos que consumimos. Italia, un país de renda per cápita semellante a española gasta un 19% mais na súa alimentación que o gasto medio español. César Resch Zafra Doutor Enxeñeiro Agrónomo. Investigador Vogal de Terra e Leite

Leite Noso dá o salto no campo, con máis de 200.000 litros diarios de recollida

Leite Noso, a sociedade galega que comercializa directamente as marcas Deleite e Muuu, acometeu este mes unha forte expansión no campo. Desde o 1 de abril, Leite Noso move unha recollida diaria de máis de 200.000 litros, tras captar a multitude de ganderías en toda a Comunidade, a maioría delas de referencia no sector pola súa dimensión e profesionalidade. A empresa asinou con tódalas súas granxas un contrato estable de longa duración, a tres anos, un periodo contractual inédito ata agora no sector. Cando Leite Noso comezara a operar, fai menos de catro anos, xa fixera unha aposta decidida pola estabildade contractual, apostando daquela por acordos dun ano, inusuais entón no campo, e agora avanza un paso máis na mesma liña. Cos compromisos de tres anos, a firma garante unha estabilidade para as ganderías, ademais cun nivel de prezos altos, e asegúrase á vez un suministro de leite de calidade procedente de granxas de futuro.
A expansión no campo de Leite Noso, acompañada dunha aposta por contratos de 3 anos, representa unha revolución silenciosa que sitúa á empresa no Top-10 dos operadores lácteos galegos
O salto en volume de recollida que acaba de protagonizar Leite Noso, nunha auténtica revolución silenciosa, sitúa á empresa no Top-10 dos principais operadores lácteos de Galicia. Este crecemento enmárcase no obxectivo a curto prazo de Leite Noso de iniciar a venda dos seus produtos a nivel de toda España. A sociedade, impulsada por gandeiros galegos, iniciou no 2016 a comercialización de Deleite en diferentes cadeas de distribución en Galicia, ademáis de en tendas de proximidade, pero a nivel estatal só fixera unha experiencia coa marca Muuu por medio dun acordo con Carrefour. Nos próximos meses, Leite Noso ten prevista a súa expansión fora de Galicia con diferentes cadeas de distribución, así como gañar maior presenza nos lineais galegos. A empresa, que se posicionou na súa primeira etapa como unha ‘marca xusta’ de leite galego de calidade, quere dar tamén un salto a medio prazo no seu posicionamento entre os consumidores. Sen perder a súa esencia orixinal, Leite Noso traballa coa perspectiva de comercializar coas súas marcas produtos baseados na diferenciación dende a orixe e na incorporación de I+D+i, na procura de valores engadidos a nivel de saúde. De xeito paralelo, Leite Noso manexa acordos estratéxicos de suministro de leite “á carta” e de calidade diferenciada a outras industrias que aposten pola innovación.

Lactalis, aberta a acordos coas granxas que comprometan ós supermercados, como en Francia

A proposta de contrato que Lactalis lle está a trasladar as súas granxas proveedoras en Galicia, cun prezo base de 29,5 céntimos, é considerada pola industria láctea como a mellor oferta que pode facer nas actuais condicións de mercado en España. A multinacional francesa rexeita que se poida comparar a situación en Francia, onde acordou a suba do prezo base un 7,5% este outono, co escenario español, onde ofrece para o primeiro mes de contrato (marzo) unha suba que ronda o 1,5%, con previsibles baixadas nos seguintes meses da primavera. A industria advirte de que a lexislación francesa contempla “fórmulas de negociación e participación activa que favorecen que se poidan acadar acordos entre os diferentes eslabóns da cadea de valor do leite, incluída a distribución”. A ese respecto, o grupo sinala que “estariamos encantados de traballar coas autoridades nacionais e rexionais, así coma co conxunto do sector, para buscar fórmulas que garantan a estabilidade e melloren a cadea de valor, sempre desde o respeto ás normas de competencia”.
Os pactos de prezos de Lactalis coas ganderías en Francia teñen traslación ás negociacións da industria cos supermercados
Lactalis lembra que en Francia o prezo do leite UHT nos supermercados é moi superior ó español e precisa ademais que a realidade de ambos mercados é “moi diferente, pois en Francia “unha parte importante do leite utilízase para fabricar queixos, manteiga e outros produtos de maior valor engadido que teñen como destino tanto o mercado nacional como as exportacións”. Ese escenario, argumenta a multinacional, contrasta co caso español, onde “a marca de distribución e os produtos de baixo valor engadido teñen un peso moi importante”. A iso súmaselle que a maioría do leite recollido en Galicia por Lactalis envásase como leite líquido UHT e que a distribución mantén unha tendencia de baixada de prezos que presiona as negociacións no agro. Con todo, o grupo lembra que desde o 2016 foi aumentando de xeito sostido o prezo que lle paga polo leite ós gandeiros galegos, unha situación que se repite na proposta de contrato que vai de marzo do 2020 a febreiro do 2021. Negociacións con cooperativas e organizacións de produtores En canto ás posibles negociacións coa organización de produtores Ulega, que agrupa a máis de 400 granxas que lle entregan á industria en Galicia, Lactalis limítase a apuntar que as negociacións con cooperativas e con organizacións de produtores forman parte da súa “dinámica de negocio habitual”. “No Grupo Lactalis mercamos leite das tres especies en toda España a uns 2.300 gandeiros, tanto de xeito individual como a través de cooperativas ou organizacións de produtores, que teñen acreditada a representación dos gandeiros que forman parte delas”.

Exame para as organizacións de produtores nos novos contratos do leite

As organizacións de produtores (OPs) de leite creáronse a partir do 2012 co obxectivo de aglutinar ás granxas para negociar en conxunto coa industria. En Europa tiveron certo éxito en países como Alemania ou Francia, pero en Galicia e no resto de España, as experiencias saldáronse ata agora cun rotundo fracaso. As industrias lácteas sempre se negaron a negociar coas OPs, unha cuestión que en teoría debería cambiar agora, pois a reforma do Paquete Lácteo aprobada este ano obriga ás empresas a sentarse coas organizacións de produtores, quedando prohibido que lle ofrezan contratos individuais ás granxas socias de OPs. O resultado do cambio da normativa comprobarase este outono, cando haxa que afrontar a renovación dos contratos anuais entre ganderías e industrias. O 86% das granxas galegas ten subscritos coas empresas lácteas acordos anuais, que vencen maioritariamente nos primeiros meses do 2020. Dado que as industrias teñen que entregar unha oferta de novo contrato con dous meses de antelación, espérase que nas próximas semanas arranque o proceso. Peche de Aprolact En Galicia, ata agora existían dúas organizacións de produtores, Ulega, ligada a Unións Agrarias, e Aprolact, creada polas cooperativas. Xuntas aglutinaban arredor do 40% dos produtores de Galicia, se ben nunca tiveron capacidade de negociación real coas industrias. Esa situación levou este outono a que Aprolact decidise suspender a súa actividade, a pesar do cambio normativo que en teoría podía proporcionarlle maior operatividade. Así as cousas, a única OP agora existente en Galicia é Ulega, que conta con máis de 1.800 granxas e con arredor dun 25% do leite producido na comunidade. Desde Unións Agrarias teñen prevista a constitución de comités negociadores conformados polos propios gandeiros para abordar o diálogo coas industrias. Polo de agora, en Ulega só tiveron confirmación do interese dalgunhas pequenas industrias por sentarse a negociar, se ben as grandes firmas do sector gardan silencio. Perspectivas O momento de relativa estabilidade que atravesa o mercado lácteo é interpretado desde o sector como un bo intre para implantar a cultura de negociación. Unha nova negativa das industrias ó diálogo poría ademais outra vez o foco nas súas prácticas, trala recente multa dictada por Competencia contra as industrias lácteas por pactar prezos do leite entre elas. As incógnitas céntranse precisamente nas grandes industrias multadas este verán por Competencia, como a francesa Lactalis – Puleva, con dúas plantas na comunidade (Lugo e Vilalba); ou a asturiana Capsa, unha sociedade de base gandeira (Clas) que en Galicia é propietaria das dúas plantas de Larsa (Outeiro de Rei e Vilagarcía). Paralelamente ás negociacións que poida emprender Ulega, as cooperativas primeiro compradoras de leite abordarán tamén pola súa conta as correspondentes conversas coas industrias, aínda que dun xeito individual e sen o paraugas de Aprolact. Cambios futuros De cara ó futuro, se o Ministerio reduce a esixencia dun mínimo de 200.000 toneladas de leite para crear unha OP, é posible que en Galicia xurdan novos proxectos, tanto desde a parte cooperativa como desde granxas independentes. “Quizais fose interesante crear OPs máis pequenas, que ademais poderían estar asociadas entre elas, tanto para negociar como para ter capacidade operativa de retirar leite do mercado en fases de crise” -valora Higinio Mougán, da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias-. “O que as cooperativas teñen claro é que o actual funcionamento das OPs non é eficaz e decidiuse cancelar Aprolact, en lugar de continuar con ela sen que tivese unha operatividade real”.

As granxas galegas poden reclamarlle ata 315 millóns de euros ás industrias lácteas multadas por Competencia

A multa de 80 millóns de euros que a Comisión Nacional de la Competencia lle confirmou este verán a un grupo de industrias lácteas por prácticas ilegais é só o primeiro chanzo dun proceso que se pode dilatar durante anos. Sobre a base da multa de Competencia, que sanciona conductas como pactos entre as industrias para baixar os prezos do leite no campo, as granxas poden, individualmente, reclamarlle indemnizacións ás industrias multadas ás que suministraran leite no periodo 2000 – 2013. Unións Agrarias calcula que en Galicia as granxas poderían demandarlle ás lácteas o pago de 315 millóns de euros. A organización agraria, que nas últimas semanas está a atender numerosas consultas dos seus afiliados, iniciará unha campaña informativa para explicarlle ás granxas as posibilidades de reclamación que existen. Unións fora no seu día a impulsora da investigación de Competencia que rematou cun grupo de industrias lácteas con sancións millonarias, caso de Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), Lactalis – Puleva, Pascual, Nestlé ou Danone.
"Está demostrado por Competencia que as industrias tiñan acordos para baixar o leite no campo no periodo 2000 - 2013" (Óscar Pose)
Todas estas industrias poden enfrontarse nos próximos anos a reclamacións millonarias por parte dos gandeiros. “Está demostrado por Competencia que estas industrias nos pagaron de menos no periodo 2000 – 2013 porque tiñan acordos para baixar os prezos no campo, así que tódalas granxas que estaban vendendo leite no 2000 – 2001, que eran unhas 31.000 en Galicia, teñen dereito a reclamarlle ás industrias unha indemnización” -explica Óscar Pose, secretario de Servizos de Unións Agrarias-. “A parte de a estas industrias, hai outras ás que Competencia non sancionou por estar prescrito o seu caso, pero ás que tamén se lles poderían reclamar cantidades por parte das granxas”. O importe que poden demandar as ganderías galegas ronda os 315 millóns de euros, segundo Unións, que calcula o dato a partir do total de leite que se lle vendeu a estas industrias no periodo 2000 – 2013, aplicando correccións de prezos do leite en base a factores como a situación de cotizacións nos países de referencia en Europa ou os índices da Interprofesional Láctea. “Estamos falando de preto de 3 céntimos por litro que terían que ter ido para as granxas e que se quedaron as industrias”, sostén Óscar Pose, que hoxe compareceu en rolda de prensa. As reclamacións poden formularse tanto por parte das granxas que quedan activas en Galicia, algo máis de 7.000, como polas máis de 23.000 que botaron o peche desde o ano 2000. “As ganderías que desapareceron tamén teñen dereito á reclamación. Informaremos tanto ás explotacións activas como as outras a través dos nosos servizos xurídicos. Despois cadaquen que decida o que quere facer e se quere presentar unha reclamación a través nosa ou a través de quen el decida”, sinala Óscar Pose. Desde Unións advirten de que hai unha serie de bufetes de avogados madrileños que nas últimas semanas están tratando de captar granxas interesadas en presentar reclamacións. “Vemos que non se está dicindo toda a verdade sobre como é o proceso, que será longo, ou sobre as cantidades que se poden reclamar. De aí que vaiamos iniciar nós unha campaña de comunicación ó sector. Por outro lado, non sabemos onde estaban todos estes despachos de avogados cando as industrias nos estaban metendo a man no peto. Fomos desde Unións os que denunciamos o cártel lácteo ante Competencia”, lembra Óscar Pose.

Situación do proceso xudicial con Lactalis

Unións Agrarias mantén unha segunda fronte de reclamación xudicial, neste caso só con Lactalis – Puleva, polo incumprimento dos acordos subscritos en decembro do 2015 entre as cadeas de distribución e os gandeiros. Daquela, as principais cadeas de supermercados comprometéranse a aumentar en 2 céntimos os pagos ás súas industrias proveedoras de leite de marca branca, coa condición de que lle trasladaran ese pago ás granxas. Desde Unións interpretan que Lactalis quedouse con todos eses cartos, “arredor xa de 5 millóns de euros”, polo que procederon a denunciar no xulgado á industria láctea francesa. O proceso, que se está seguindo no xulgado de Vilalba, está pendente de resolución.

“TGT entrou en Galicia para situar Tetilla e Arzúa Ulloa no mercado nacional e internacional”

O Grupo Teodoro García Trabadelo (TGT), o maior elaborador e distribuidor estatal de queixos, entrou en Galicia coa adquisición de dúas plantas no Pino (Queixería Ruta Xacobea) e Santa Comba (Lácteos Ferrado Verde). Da dirección de ámbalas plantas encárgase o galego David González, procedente da delegación de Zaragoza de TGT. David destaca ademais pola súa experiencia anterior como director de compras dunha cadea hoteleira, na que tomou contacto coa xestión de materias primas e a negociación de prezos e calidades. Falamos con el para facer balance do traballo xa realizado nas fábricas de Santa Comba e O Pino, así coma sobre os proxectos de futuro para estas dúas plantas. - Que balance facedes dos vosos primeiros seis meses de traballo? - Estes primeiros meses focalizámonos en formar ao persoal en materia de calidade, seguridade alimentaria e procedementos de traballo, de cara a integrar estas plantas na estrutura industrial do Grupo TGT. Tódalas fábricas do Grupo TGT debemos operar baixo un mesmo paraugas normativo.
"Os nosos queixos galegos con denominación de orixe xa están na actualidade en países coma México, Alemaña ou Arabia Saudita"
Ademais, pese ao gran traballo realizado pola Administración Concursal nos anos que durou o Concurso de Acredores, tivemos que destinar unha gran cantidade de recursos para a mellora e mantemento de infraestruturas, xa que segundo detectamos no momento da nosa entrada, non cumprían os mínimos fixados polo Grupo TGT. A función do Administrador Concursal era soster as fábricas cos recursos propios que era capaz de xerar até chegar ao momento da finalización do Concurso de Acredores, obxectivo que conseguiu sobradamente. En canto á variedade de produtos, inicialmente optamos por dar continuidade ás liñas existentes para poder atender a demanda dos clientes que xa tiñan as plantas, cos que había contratos que nos subrogamos no momento da compra das unidades produtivas. Na actualidade, o noso departamento de I+D xa está a traballar en novos produtos que irán saíndo ao mercado ao longo dos próximos meses. - Que perspectivas de mercado lle vedes ás liñas de queixo que traballades en Galicia, fundamentalmente Arzúa - Ulloa e Tetilla? - Un dos motivos fundamentais polos que o grupo TGT se decide a adquirir estas fábricas é para incorporar ao noso tecido industrial dous das máis importantes Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) de España. Son dúas denominacións estratéxicas para nós, que se atopan entre as primeiras en vendas a nivel nacional e cun gran potencial para o mercado de exportación. Desde que adquirimos as fábricas, a nosa prioridade foi dar a coñecer e situar a nosa variedade de queixos galegos en todo o territorio nacional, a través de tódalas canles comerciais nas que temos presenza: retail, hostalaría, restauración e industrial, en colaboración coas 17 delegacións que o Grupo TGT ten en toda España, incluíndo Canarias e Baleares. Con respecto á canle de exportación, os nosos queixos galegos con DOP xa están actualmente en República Dominicana, México, Alemaña, Arabia Saudita, etc, onde están a gozar dunha gran aceptación polo seu sabor e calidade. - De cara á exportación, Arzúa - Ulloa e Tetilla sempre tiveron o hándicap de ser queixos de pasta branda, que ‘viaxan mal’. Como vedes esa situación? - É certo que son queixos de pasta branda, con alto contido en humidade e curta maduración. O problema non é tanto o tránsito en si, senón o período de vida do produto. Para exportación, é necesario enviar produtos cunha vida útil de 150-180 días como mínimo. Coa vida útil actual de Tetilla e Arzúa-Ulloa DOP, para cando o produto chega a destino, restan 20-25 días até a súa caducidade. A única alternativa actual para grandes distancias son os envíos por avión, que encarecen o produto e por tanto, supoñen unha desvantaxe á hora de competir con outros queixos.
"Para exportación, é necesario enviar produtos cunha vida útil dun mínimo de 150 - 180 días. Ese é un reto para o sector queixeiro galego de DOP"
Neste sentido, o sector queixeiro galego con DOP ten un gran reto que hai que asumir canto antes, da man tamén, por suposto, dos consellos reguladores. Estamos nun mercado cada vez máis global no que temos que traballar uns formatos de envasado que garantan máis vida útil e que preserven as características propias de cada produto. Os test que fixemos cos nosos clientes do mercado internacional foron positivos e estannos demandando estes queixos, pero é verdade que nalgúns casos, a data de consumo preferente é demasiado curta, xa que o produto chega cunha vida útil insuficiente para garantir a rotación do queixo antes da súa caducidade, o cal supón unha clara limitación para a exportación. Este é un dos grandes desafíos a futuro se queremos que Tetilla e Arzúa DOP se asenten no mercado internacional.
"Competir exclusivamente en prezo cos grandes fabricantes europeos é complexo, pero non imposible"
- En que mercados exteriores ten maior presencia o grupo TGT? - De forma directa ou indirecta, temos unha presenza forte na zona Caribe, Estados Unidos e Suramérica. Operamos tamén no mercado de Asia. Estamos xa moi consolidados no mercado europeo, tanto a nivel de exportación como de importación; de feito, o crecemento histórico de TGT iniciouse coa importación a España de produto europeo, fai xa máis de 50 anos. O certo é que a canle de exportación é un dos que máis crecemento experimentou nos últimos anos no Grupo, e a día de hoxe, é posible atopar un queixo elaborado e exportado por TGT en case calquera parte do mundo. - A importación de queixos europeos é un asunto polémico no sector, pois moitas queixerías quéixanse de que está a entrar produto europeo a moi baixos prezos, ao redor de 3,50 euros / quilo, o que consideran unha competencia desleal. É posible competir cos queixos de importación? - Os grandes fabricantes europeos posúen unha tecnoloxía moi especializada. As súas factorías caracterízanse por grandes liñas de produción nas que se aproveitan absolutamente tódolos compoñentes do leite dunha forma eficiente e xeran produtos e insumos de valor engadido. Competir exclusivamente en prezo con estes fabricantes é complexo, porque require un gran investimento en tecnoloxía, pero desde logo, non é imposible.
"Podemos traballar nichos de mercado diferentes ó do 'primeiro prezo'. Temos exemplos de clientes que deixaron queixos de importación para pasarse á nosa Barra galega"
Ademais, podemos traballar nichos de mercado diferentes ao do ‘primeiro prezo’. Facer competir en prezo unha Barra Galega cunha Barra Edam de importación é difícil. Pero o certo é que a calidade da nosa Barra Galega Pazo do Queixo, por exemplo, é moi superior á dunha Barra de importación, fundamentalmente porque a calidade da nosa materia prima é mellor e porque por sorte conservamos unha parte ‘artesanal’ en tódolos nosos produtos que o consumidor valora moi positivamente. Nestes seis meses, temos exemplos dentro do Grupo TGT, xa que varias cadeas hostaleiras, cadeas de restauración e clientes do retail substituíron dentro da súa oferta Barras de queixo de importación pola nosa Barra Galega Pazo do Queixo, xa que a consideraron como unha mellora de calidade. Non esquezamos tamén que o consumidor asocia a marca ‘Galicia’ como unha garantía de calidade e sabor tradicional. - De cara ás cadeas de supermercados, sería interesante que os consellos reguladores de Arzúa-Ulloa e Tetilla permitisen a venda en cuñas? - Hai unha tendencia de mercado real e irrefreable, e é que o consumidor medio fai cada vez compras máis pequenas e acode con máis frecuencia ao supermercado. O formato de 200 a 500 gramos, xa sexa en pezas completas, en cuñas ou precortados ten cada vez máis demanda. Galicia é unha zona na que o mostrador aínda ten moita presenza, pero no resto de España hai infinidade de establecementos de retail que practicamente eliminaron mostrador e traballan todo en formato de libre servizo.
"Se queremos que os queixos galegos con denominación de orixe teñan presenza en tódolos lineais de supermercados e hipermercados, o formato de libre servizo é imprescindible"
Está claro que este debate existe e sería necesario afrontalo canto antes. Se queremos que as DOP de Galicia teñan presenza real en tódolos lineais de supermercados e hipermercados a nivel nacional, o formato de libre servizo co selo da DOP é imprescindible. E moito máis cando hai un mercado nacional que demanda produto de orixe Galicia. Non podemos deixar escapar esta gran oportunidade. Cando falamos do mercado internacional, o cliente quere un produto que chegue con vida útil suficiente e cun envasado que garanta a integridade do produto. - Á marxe de Arzúa-Ulloa e Tetilla, que novas liñas tedes proxectado introducir nas vosas plantas de Galicia? - A nivel de I+D, estamos a traballar en moitos produtos: queixos saudables, para deportistas, ecolóxicos, sen lactosa, especialidades en formato de libre servizo, etc. Cada vez máis persoas preocúpanse pola súa dieta e elixen produtos light, baixos en sal ou sen lactosa, e estas son necesidades que debemos atender. Tamén sabemos que no consumidor hai unha sensibilidade crecente cara a gandarías de pastoreo e ecolóxicas, preocupadas pola sustentabilidade e o benestar animal. É unha liña de produtos que incorporaremos proximamente.
"Queremos iniciar unha liña de produción de queixos artesanais na Queixería Ruta Xacobea, de xeito complementario á produción de Arzúa Ulloa"
De cara a 2020, queremos iniciar un proxecto de queixos artesanais na nosa planta de Queixería Artesanal Ruta Xacobea, de xeito complementario á produción de Arzúa-Ulloa. É unha planta cun compoñente artesanal moi nobre, na que os queixos se seguen elaborando a man, con pano, como tradicionalmente viñeron facendo o queixo as nosas avoas. Polo momento, estes primeiros meses priorizamos asentar unhas bases sólidas en materia de calidade e seguridade alimentaria, que son cuestións fundamentais para o grupo. Estamos tamén iniciando a certificación en IFS e BRC como garantía de calidade para todos os nosos clientes. - Estades a manter até agora as marcas da anterior etapa das factorías. Tedes previsto introducir novas marcas? - Nun futuro incorporaremos novas marcas, pero entendemos que hai un traballo de marca xa feito, polo que, de momento, estamos a centrarnos no redeseño de todas as nosas marcas (Xoven, Ruta Xacobea, Pazo do Queixo), así como no redeseño de marcas propias dos nosos clientes. Non nos parecía necesario cambiar de marca, senón unicamente transmitir que agora está detrás o grupo TGT, coa garantía e compromiso de calidade que isto implica.

“Estamos moi satisfeitos coa calidade do leite e colaboraremos cos gandeiros na introdución de melloras”

David González. - Que recollida de leite tedes nestes momentos? - En Santa Comba estamos a traballar con recollida propia, con ao redor de 67 gandarías da comarca, nun radio de 20 quilómetros á planta. No Pino, de momento non temos recollida propia e estamos a colaborar con operadores que nos están traendo o leite directamente da gandaría á nosa planta. A experiencia é positiva en ámbalas plantas, estamos moi satisfeitos coas calidades do leite. - Sempre se fala de que en España se primou máis nas granxas a produción de volume de leite que de calidades de graxa e proteína, o que é máis interesante para a industria quesera. Que situación de calidades vos atopastes no leite? - Tanto na planta de Santa Comba como na do Pino levámonos unha sorpresa grata neste sentido. Estamos moi satisfeitos coa calidade do leite, aínda que evidentemente todo é mellorable. Como industria, apoiaremos aos gandeiros, xa que os consideramos parte da nosa empresa. Os nosos departamentos de I+D e de Calidade non están só para mellorar o noso proceso industrial, senón para colaborar e apoiar a un colectivo que é o noso ‘partner’ directo.
"Realizaremos formación para axudar as ganderías a mellorar o extracto queixeiro do leite"
Algo moi importante para nós é o extracto queixeiro do leite, a porcentaxe e equilibrio de graxa e proteína que contén o leite. A nosa idea, nun futuro moi próximo, é realizar formación e axudar así ás nosas gandarías a mellorar as calidades da súa produción. O que din os expertos é que se trata dunha combinación de hixiene, alimentación e de raza do animal, que son cuestións nas que podemos achegar aos gandeiros a nosa experiencia. - Que tipo de contratos e sistema de pagos tedes coas vosas gandarías provedoras? - Cando nos incorporamos, estaban a renovarse os contratos mensualmente. Agora mesmo adaptámonos á lexislación, contratos anuais, un prezo base do leite común para todos e a partir de aí, existen bonificacións e penalizacións. Como é habitual, pagamos o leite por extracto queixeiro. O estándar do contrato é de 3,70 de graxa e 3,10 de proteína, cunhas condicións de microbioloxía, e toda décima de mellora bonifícase, máis en graxa que en proteína. A relación cos gandeiros da zona é excelente, algo que nun principio nos preocupaba, xa que nos comentaron que os antigos propietarios das fábricas supostamente deixaran unha débeda importante no sector. Desde que o Grupo TGT adquire as fábricas, os pagos a gandeiros foron feitos nos prazos e nas cantidades de litros/mes estipuladas no contrato.
"Estamos a iniciar contactos con ganderías que certifiquen unha materia prima de pastoreo e/ou ecolóxica"
O Grupo TGT non ten ningún tipo de vinculación accionarial, laboral e/ou comercial cos anteriores propietarios das fábricas, e isto é algo que entenderon e valoraron, non só os gandeiros, senón o resto de traballadores, provedores e clientes das fábricas. O Grupo TGT cumpriu de xeito estrito con todos os pagos que o Xulgado estipulou que debiamos facer no momento da compra das unidades produtivas. - Comentabas antes a introdución dunha liña de produtos de pastoreo e quizais ecolóxica. Estades xa buscando granxas para esas liñas? - Estamos a iniciar contactos e abertos a escoitar propostas de colaboración con gandarías que certifiquen unha materia prima de pastoreo e/ou ecolóxica, A nosa relación cos gandeiros é excelente e case a diario acoden novas ofertas de gandarías da zona que se interesan por traballar connosco. Hai unha boa sintonía e espero que isto mellore día a día. - Que volumes de leite procesades na actualidade e que perspectivas tedes de cara ao futuro? - En Santa Comba, estamos nuns 30.000 litros ao día e no Pino en 12.000. Ao longo dos próximos meses, iremos incrementando estas cantidades. Como comentara, no primeiro semestre do 2019 centrámonos en asentar unhas bases firmes en materia de calidade e seguridade alimentaria. A partir de agora, departamentos como I+D e o Comercial actuarán dunha maneira máis contundente.
"En seis meses, aumentamos un 33% as vendas dos queixos con denominación, pero o máis grande está por vir"
Aínda así, incrementamos vendas, pero o máis grande está por vir. Temos unha demanda crecente tanto de clientes consolidados como especialmente forte por parte das canles do Grupo TGT. A venda de queixos con denominación de orixe Arzúa - Ulloa e Tetilla aumentou un 33% neste primeiros seis meses e continúa crecendo mes a mes. Na planta de Santa Comba, sen efectuar ningún tipo de investimento máis, poderiamos chegar a procesar uns 80.000 litros / día e no Pino poderiamos chegar a 24.000 litros. Temos potencial para chegar a eses niveis de venda a medio prazo, e mesmo superiores. Para movernos neses niveis de produción con comodidade e seguridade, temos unha serie de melloras previstas en ámbalas plantas, cunha primeira fase no 2019 e unha segunda no 2020. Afrontaremos investimentos tecnolóxicos para gañar en eficiencia e calidade dos procesos.

Grupo TGT

O Grupo Teodoro García Trabadelo (TGT), nacido no 1963 en Barcelona, é o maior distribuidor español de queixo. O Grupo está conformado por preto dunha trintena de empresas e preto de 1.000 traballadores. En queixos de produción propia, TGT conta cunha fábrica en Barcelona (Hochland), unha en Murcia, centrada en leite de cabra e tortas de queixo; con dúas fábricas en Toledo orientadas a queixo manchego e queixo azul de ovella; con outras dúas en Navarra (Valle del Roncal e Valle de Baztán), nas que produce queixos da denominación Roncal e Idiazábal; e no 2016 comprou unha planta no Valle de Carranza (País Vasco), na que produce natas e queixo Idiazábal. As queixerías galegas de Santa Comba e O Pino son a súa última incorporación.