Archives

“O propietario forestal non debería deixar medrar de máis a madeira porque perdemos produción”

Galicia e o norte de España é unha zona referente na explotación forestal, e un punto de atracción para moitas empresas de desembosque, como a de Juan Carlos Lorca. Este andaluz onubense empezou como maquinista asalariado de Ence, e tras crear a súa propia empresa en Huelva, trouxo varios equipos de maquinaria ao norte para tentar asentar a súa actividade aquí. Hoxe en día segue traballando para Ence, con 12 traballadores e 10 máquinas ao seu cargo, aínda que non todas en funcionamento. Falamos con el para que nos conte as súas experiencias en dous lugares tan diferentes. Juan Carlos Lorca móstranos como se ve Galicia desde o sur. Poderíaste presentar e comentar onde estamos? Chámome Juan Carlos Lorca e estamos aquí no norte facendo unha explotación forestal. Montei unha empresa forestal hai bastante tempo e agora decidín integrarme un pouco no norte, entre outras cousas porque temos menos problemas que no sur.  Empezaches como autónomo, logo montaches a túa empresa, e agora estaste a asentar no norte. Poderíasnos comentar un pouco esa traxectoria? Os meus inicios foron hai 25 anos. Eu crieime nun pobo do centro de Huelva que se chama Valverde del Camino. Un pobo moi bonito, que ten ao redor moito forestal e moita plantación de eucalipto. Entón, eu crieime practicamente coñecendo o eucalipto desde pequeno, e sempre me chamou a atención o tema forestal. Rematei os estudos e entrei en varias empresas forestais facendo repoboacións, podas de alcornoques, etc., pero chegou Ence con forza, que xa daquelas era unha potencia e ségueo sendo no sur, e entrei en Ence, en principio como maquinista asalariado tras facer varios cursos de formación. Estiven catro ou cinco anos asalariado e Ence propúxome que comprase unha máquina, que me daba facilidades, e aí empecei de autónomo. Ofrecéronme varias máquinas pero elixín un autocargador pola sinxeleza, e tamén era máis económico. Unha vez pasaron outros catro ou cinco anos, íame ben, gustáballe a Ence como ía, e ofrecéronme máis máquinas. Foi entón cando comprei outra máquina, e xa contratei ao meu primeiro traballador, e así sucesivamente ata que a empresa se fixo un pouquiño máis grande e xa fixen unha SLU. A empresa chámase desemboque Juan Carlos Lorca, e desde fai xa bastante tempo seguimos agrandando a empresa. Temos 9 ou 10 máquinas máis ou menos, algunhas delas paradas porque se quedaron un pouco antigas, pero funcionan, e somos uns 11 ou 12 traballadores, repartidos entre o sur e o norte. Por suposto, no norte temos traballadores desta zona, e no sur igual, para evitar longos camiños e mellorar a comodidade. Si é verdade que no sur temos moitísimas restricións no verán e subimos no verán algúns equipos ao norte as restricións son provocadas pola alta calor, o alto índice de probabilidade de que haxa lume, e entón ao non facturar o que temos que facturar, Ence norte acóllenos aquí e botamos a tempada de verán.  Cales son as túas tarefas na empresa e como é a túa día a día? O meu día a día na empresa é como o de calquera xerente, é dicir, garantir que estea todo en orde, os papeis todos en regra, e mesmo garantir a seguridade, que é importantísima. Cando empezamos a traballar vemos a leira, xestiónoa, preparámola para que estea cómoda para os traballadores e vemos por onde empezamos. Logo, se hai avarías, xestiono as avarías, aínda que xa temos un mecánico contratado. Calquera problema que ocorra na empresa tócame a min, e en xeral, son o 'solucionador' de problemas. É dicir, a xestión administrativa, forestal e mesmo o resto de responsabilidades da empresa recaen sobre ti, non? Teño un mecánico contratado e as revisións fortes das máquinas fanas as casas. Igualmente, eu teño moitas máquinas e a casa vén e faime as revisións, as que son xerais, as que son de cada 500 horas normalmente facémolo nós. Despois temos a nosa empresa de prevención de riscos laborais, que nos revisan as máquinas e ponnos ao día no tema de seguridade porque nós temos que ir 120 % coa seguridade sempre ao día. Nese aspecto, temos que cumprir ou non traballamos; non cumprir coa seguridade implica non poder traballar. No ámbito forestal, as anécdotas seguramente poidan ser boas ou malas. Poderíasnos contar algunha? Hai moito pero vou contar unha curiosa que nos sucedeu no sur cambiando unha roda a unha autocargador, que basicamente se me foi rodando a un barranco e perdémola de vista, ou sexa, que non sabiamos onde estaba e estivo perdida varias semanas. E despois, tamén me ocorreron cousas non tan boas. Sufrimos moitos volcos ao longo de 25 anos; eu envorquei moitas veces, envorquei en Francia porque é complicado, tamén alí no sur varias veces, etc., aínda que con sorte non me fixen moito dano.  Igualmente, o máis desagradable que me pasou a min foi a morte dun traballador hai dous anos. Foi o primeiro traballador que tiven e morreu dun ataque ao corazón. Esa foi a experiencia máis desagradable que tiven na empresa, a falta dun compañeiro de traballo con tantos anos xuntos, e fai tan pouco tempo. E se quedamos coas boas, cal pode ser unha boa experiencia aquí? A boa experiencia é que eu sempre soñei que quería formar unha empresa máis ou menos grande, de empezar un monte e acabalo. Empecei con autocargadores, logo comprei as primeiras procesadoras, e iso permitiume empezar e acabar practicamente o monte. Entón, en parte, por iso cumpríuseme ese soño. Agora teño máis máquinas do que eu cría que podía ter e nese aspecto estou contento porque é unha cousa que me gusta.  Agora que traballas con varios equipos, en zonas do sur e do norte, como é o monte galego, ou o do norte en xeral, con respecto ao sur? Hai moitas moitas variacións do norte ao sur. Unha diferenza moi importante, que eu noto, é a continuidade.  Esa continuidade que lle damos ás máquinas fai que os números saian máis e mellores que no norte, como nesta leira, que é tan pequena que cando xa está a lle coller a dinámica á leira acabóuseche e tes que volver planificar outra, transportar, etc.  Despois outra das cousas que vexo no norte é sobre a cultura forestal. Por exemplo, aquí estamos en Asturias e cando se corta un monte, brota, e na maioría de casos non lle fan selección, quedando moita maleza, e os propietarios deberían dedicarlle máis recursos ao monte. Para isto, Ence Terra ten un departamento que axuda gratuitamente a todos os propietarios forestais a analizar a terra da parcela, a seleccionar a variedade máis apropiada ao terreo, e ademais danlle pautas de como dispoñer a plantación para facilitar futuros tratamentos silvícolas. Estas cuestións coidan e melloran a xestión forestal, podendo chegar a multiplicar por tres a produción.  Outra cousa que me atopei aquí é que hai montes que están sobredimensionados, e é unha cousa que non me cadra. A xente di ‘oe, eu teño teño un monte que mira que madeira ten, de 70-80cm e mira que altura’. Niso están totalmente equivocados, o eucalipto hai que cortalo cando a curva de crecemento xa empezou a dobrarse e aí, se son 9 anos, pois 9, e se son 12, 12 pero nunca deixar que se sobredimensione porque aumentamos o perigo ao caerse o eucalipto, e haino que tirar con motoserra, non o abarcan as máquinas, e é moi pesado, ten moitas ramas secundarias, entón as producións con eucalipto son máis baixas que cunha idade. E á hora de traballar con maquinaria, notas moita diferenza no terreo, con respecto ao sur? No sur a maioría dos terreos son aterrazados e traballamos a curvas de nivel. Preparamos a terraza pola que temos que ir, enchémola un pouco, ensanchámola, e por aí vai toda a madeira. Aquí practicamente non hai terraza, hai que traballar a máxima pendente. Por outra banda, alí é un monte máis ordenado; temos unha marquilla que respectan as anchuras das máquinas, e basicamente é máis fácil de traballar aínda que a madeira sexa máis feble. Nas producións que facemos alí, grazas á continuidade que ten a leira, a ordenación, e esa madeira que é longa fina pero non hai nada que interrompa no seu camiño, para o procesado é ideal cos cabezales que temos nós. E respecto diso, considera que o monte galego está ben mecanizado? Galicia é pioneira no tema de eucalipto, ou sexa, en Galicia está súper preparada co tema de maquinaria. Está moi avanzada. O que é a meseta galega, que é moi chaira, está moi ordenada porque o permite o terreo, e hai moi bos eucaliptos, pero a medida que baixamos cara á praia, están os terreos con pendente e xa hai máis dificultades de ordenación. Aínda así, as plantacións, as rozas e mesmo as tarefas silvícolas están moi en orde na maior parte do territorio, por iso Galicia está moi ben mecanizada porque eu creo que é pioneira en tema forestal. Como consideras que se poderían mellorar os accesos en Galicia? Agora mesmo os accesos aos montes en Galicia é algo complicado porque hai leiras e leiras. Eu creo que a clave está na concentración parcelaria, tanto para os dous propietarios como para nós. Eu creo que facer un monte e preparar un monte de media hectárea sen tocar os montes de ao redor, que igual non teñen a mesma idade, é unha cousa que chama moito a atención vindo do sur. Entón, cando eu vexo iso, a solución que vexo é a concentración parcelaria porque se unifican idades de eucalipto e agrándanse as leiras.  Por exemplo, se hai trinta leiras pois se cadra hai 30 hectáreas, e entón pódense facer os accesos máis longos, entradas e saídas máis concretas, con menos perigo, máis rápidas, que non meterse nunha zona onde hai que quitar media hectárea rodeada de monte. Eu creo que a base de todo é a concentración parcelaria, e que se unifiquen as idades do eucalipto. Vimos que traballas principalmente con maquinaria Ecolog, por que? Unha das miñas primeiras máquinas foi unha procesadora Ecolog e foi un salto bestial ao que nós tiñamos en Huelva. Non tiñamos máquinas como esas, tiñamos mixtas e máquinas convertidas en procesadoras, e en xeral, moi rudimentarias. Cando empecei a coller a Ecolog, as producións aumentaron, a facilidade de adaptación que ten coa nivelación ao terreo son espectaculares, por exemplo, nunha pendente non fai falta dar marcha atrás e volver empezar desde abaixo senón que podes darche a volta na pendente perfectamente. É unha máquina que sempre me encantou.  Ademais, eu cando compro unha máquina sempre vexo que teña un servizo técnico preto e de boa calidade, e o servizo que temos de Ecolog en España agora mesmo é moi bo. Nós pedimos as pezas a Huelva e ao día seguinte témolas sen ningún problema. Teño varios procesadores Ecolog e varios autocargadores, en Huelva teño a 94, que é moi grande, téñoa alí porque aquí non entraría en moitos montes por anchura, e tamén teño as 574 que de anchura van ben para este contexto, e son ideais porque á parte de ter un bo servizo, teñen un consumo diario moi baixo. Entón, con que puntos fortes quedarías? A versatilidade que ten para adaptarse ao terreo seguramente sexa do mellor. Xa dígoche que a nivelación e adaptación das patas fai que ti che sintas máis seguro na máquina. Se tes algún problema de que poidas envorcar, podes repartir o peso e tentar que non envorque a máquina. En definitiva, o nivelado achega comodidade, e sobre todo seguridade no traballo. E en canto cabezal, tamén utilizas a gama de LogMax? Eu teño un cabezal de LogMax que ten 30.000 horas e está a funcionar aínda, ou sexa, que se vas repondo pezas que se gastan non hai problema ningún. Aínda que está deseñado para piñeiro pero pela perfectamente o eucalipto. Teño o 5000, teño o 6,000, etc, pero aquí no norte os 5000 van moi ben, con todo no sur, cando chegamos ao verán, cústalle pelar a calquera cabezal porque hai dous paros vexetativos nos que a cortiza se agarra moito á madeira e costa moito pelar.  Xa digo, aquí no norte vai de marabilla, ten unha tecnoloxía controlable, fácil e adáptase moi ben aos tipos de madeira. Ademais é cortito e pasa ben os paus con curva. En definitiva, para min é un dos mellores cabezales que existe. Como ves o futuro da madeira no ámbito galego? No norte, falar sobre o futuro da madeira é complicado porque cando tes tanta superficie cunha especie que non é autóctona sempre temos moitísimos problemas. Non hai unha especie de crecemento rápido que convive perfectamente con outras especies, e o eucalipto sempre se criticou bastante. É un tema complicado e unha pregunta complicada. Igualmente, eu creo que si sairá sairá porque move moito diñeiro.  Hai que esperar que mellore co tempo e coa xestión das leiras. Cando a xente vexa que ten unha parcela pequena e que produce bastante, eu creo que tirará bastante pero para iso teñen que ter unha mentalidade silvícola. Ao final, non é o mesmo facer unha finca correctamente plantada e rozada, con tocóns visibles e accesibles, que unha parcela que non está feita desta maneira. Ademais de ser moito máis segura e máis rápida tamén mellora a produción. E nestes momentos, que plans de futuro tes? Agora mesmo estounos xerando. Os meus plans de futuro hai un ano eran montar unha empresa aquí no norte, e xa os teño feitos; agora estou a me adaptar. A min sempre me gustou empezar e acabar un monte, e agora, a única máquina que me fai falta é a empacadora. Entón o meu proxecto de futuro nesta zona vai ser estabilizarme aquí e ir a pola empacadora para deixar os montes libres de polas. Que fai Juan Carlos no seu tempo libre? Eu teño pouco tempo, pero o pouco tempo que teño por suposto dedícollo á familia e a algúns hobbies, moi conectados coa natureza e o monte, pesca, sendeirismo, etc. Fago un pouco de todo, todo relacionado con iso, pero ao final coincídeme un fin de semana e queda curto, aprovéitoo principalmente para estar cos nenos, e vou pescar con eles ou algo así.

Pronunciamento da cadea forestal – madeira a prol do peche de ciclos produtivos en Galicia

A cadea forestal madeira vén de desenvolver unha xornada a prol do peche de ciclos industriais no sector forestal de Galicia. O acto, organizado pola Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, contou co apoio das principais asociacións do sector (Fearmaga, Lugo Madera, Cluster da Madeira e Cluster de Biomasa), así como coa participación dos conselleiros de Economía, María Jesús Lorenzana, e de Medio Rural, José González. No marco deste foro, as principais asociacións sectoriais de Galicia demandaron -a través dunha declaración conxunta- apoio público decidido “a calquera iniciativa industrial que se proxecte en Galicia encamiñada ao peche dos ciclos industriais ligados á madeira”. Reclamaron tamén aos poderes públicos un apoio a “que se executen as infraestruturas precisas e a garantir os mecanismos de apoio necesarios para que estes proxectos sexan canto antes unha realidade no noso territorio”. De telón de fondo, están os proxectos de Ence (As Pontes) e Altri (Palas de Rei), pero tamén outras iniciativas que se teñen barallado no sector, como a posta en marcha dunha biorrefinería. Na súa intervención, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, subliñou o peso da industria forestal na economía galega. Lorenzana, que destacou o bo momento da industria na Comunidade, apuntando á boa evolución do índice de produción industrial (IPI) e do emprego industrial, fixo fincapé na importancia de que todo o sector e a Administración apoien o peche do ciclo industrial da madeira en Galicia. A responsable de Economía, Industria e Innovación sinalou que desde o punto de vista do apoio aos novos proxectos industriais, a Administración autonómica está a traballar na celeridade e na desburocratización, así como no acceso ao solo, entre outros aspectos, sen deixar de lado as garantías ambientais. Neste sentido, subliñou que “cremos nun desenvolvemento industrial e da industrial forestal absolutamente compatible co medio ambiente”. Do mesmo xeito apuntou que “as tramitacións ambientais que se están facendo de todos os proxectos que saen adiante na nosa Comunidade están absolutamente blindadas desde o punto de visto ambiental”. A conselleira de Economía, Industria e Innovación enmarcou nese compromiso coa compatibilidade do desenvolvemento económico e do aproveitamento dos recursos a aprobación do Proxecto de Lei de recursos naturais. Ademais, María Jesús Lorenzana lembrou que as iniciativas que están a impulsar Altri e Ence son proxectos industriais estratéxicos, que teñen polo tanto a tramitación máis rápida que pode ter un proxecto en Galicia. No ámbito do financiamento, reivindicou unha vez que os fondos Next Generation cheguen ao tecido produtivo. Reclamou a colaboración entre todas as administracións, apostando por un sistema de cogobernanza xunto cos ministerios para que os fondos cheguen canto antes ás empresas. Compromiso da Xunta En parecidos termos, o conselleiro do Medio Rural reafirmou -na súa intervención de clausura- o compromiso da Xunta a prol de favorecer esa transformación e o peche dos ciclos produtivos do sector forestal en Galicia. Neste sentido, puxo en valor ferramentas como o Plan estratéxico da industria forestal-madeira, xunto co Plan Forestal de Galicia. Ambos, sinalou, constitúen unha boa folla de ruta para fomentar a conexión entre recurso e produto. Así, o conselleiro avogou por darlle o peso necesario ás segundas e terceiras transformacións na nosa comunidade, tendo en conta que a demanda de madeira se vai cuadriplicar nos próximos 30 anos, segundo apuntan as tendencias de mercado, algo para o que, remarcou, “temos que estar preparados”. Por iso, González salientou o papel protagonista que van ter, nesta demanda, os novos bio-produtos, tales como a fibra textil vexetal, a madeira en construción ou o packaging. Ao tempo, trasladou que “tanto a estes novos produtos como ás propias industrias se lles esixirá, aínda máis, fluxos secundarios dos produtos actuais (lignina, labra, estela, serradura) e, deste xeito, non aumentar a demanda de madeira en rolo”. Neste sentido, o conselleiro sinalou que “estamos diante dun desenvolvemento tecnolóxico, un aumento do uso en cadoiro e unhas políticas de circularidade” que reducirán o uso futuro da madeira por unidade de produto final. É dicir, engadiu, “produciremos máis produto con menos recurso”. Algo ao que, indicou tamén, cómpre engadir a adaptación en curso dos bosques provocada polo cambio climático. Neste contexto, o conselleiro comprometeu que se seguirá traballando para impulsar a dixitalización, a ecoinnovación, as tecnoloxías forestais, de procesamento e comercialización de produtos, así como a valoración e a segunda transformación da industria forestal madeira e do contract. Neste sentido, lembrou que o venres pasado publicouse a convocatoria anual destas axudas, cunha cifra récord de catro millóns de euros. Na mesma liña, o conselleiro puxo de relevo a "aposta do Goberno galego" por fomentar a construción en madeira, así como o feito de que Galicia fora a primeira comunidade española en regular un mercado voluntario de crédito de carbono. Como resumo, José González destacou que se trata de apoiar ao sector forestal para que poida enfrontarse aos novos retos, sendo competitivos, máis produtivos, pechando ciclos e producindo bens co maior valor engadido posible. Declaración sectorial No contexto desta xornada, as principais asociacións sectoriais de Galicia subscribiron unha declaración a prol do peche de ciclos industriais en Galicia. Este documento pon en valor o feito de que a nosa comunidade produce anualmente o 55 % da madeira de toda España e que detrás deste recurso existe un bosque que achega servizos ecosistémicos á sociedade, así como rendas e valor ao rural, a través dun tecido industrial amplo e diverso. A declaración tamén salienta que Galicia conta cunha industria de transformación moi diversificada, con empresas que son un referente no seu ámbito de negocio. Porén, sinala que, para ser competitivos e producir produtos de alto valor engadido, hai que dispor dun recurso endóxeno sólido e continuado, pero tamén hai que asegurar a transformación e o peche de ciclos dentro do propio territorio. E conclúe, por iso, que o reforzo e consolidación das segundas e terceiras transformacións dos produtos de madeira ou baseados en madeira en Galicia debe ser obxectivo de todas as administracións públicas. Así, as organizacións asinantes urxen ás administracións a apoiar de xeito decidido calquera iniciativa industrial que se proxecte en Galicia encamiñada ao peche dos ciclos industriais ligados á madeira. A declaración foi asinada polos presidentes do Clúster da madeira e do deseño de Galicia, da Asociación provincial de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo, da Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeiras de Galicia e do Clúster da biomasa de Galicia. Participación das universidades galegas Nesta xornada participaron tamén expertos das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo. Así, interviñeron César Pérez Cruzado, profesor da USC, e Adela Martínez Calvo, investigadora desa mesma universidade, para falar da metodoloxía do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG). Tamén houbo unha explicación sobre o novo mapa de dispoñibilidade de recurso forestal a cargo de membros da equipa da Escola de Enxeñaría forestal de Pontevedra (UVigo) involucrada no desenvolvemento do devandito IFCG.

A Xunta pon en valor as axudas ao sector forestal nunha visita a Industrias Guerra

O director da Axencia Galega de Industria Forestal da Consellería de Medio Rural, Jacobo Aboal, visitou as instalacións de Industrias Guerra na localidade de Vila de Cruces (Pontevedra), principal empresa española especializada no deseño, fabricación e montaxe de grúas hidráulicas e maquinaria para os sectores forestal, mariño e de reciclaxe.

Nesta visita, Aboal puxo en valor que a Xunta vén de resolver as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais e as achegas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract. Na última convocatoria aprobáronse un total de 150 expedientes de axuda por importe total de case 16,5 millóns de euros que mobilizarán arredor de 48 millóns de euros (investimento público e privado).

Os beneficiarios foron pequenas e medianas empresas -incluídos os autónomos- da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, así como asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.

Ambas liñas de axudas están encadradas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, coa que se busca consolidar ás pemes que conforman este sector.

Industrias Guerra

O director da axencia estivo nas plantas que a Industrias Guerra ten en Vila de Cruces e en Silleda, nas que se adican, entre outras, a tarefas de enxeñaría, produción e montaxe de grúas, cabezais procesadores, taladoras e outra maquinaria forestal.

A empresa galega, que conta cunha facturación anual duns 18 millóns de euros, dispón de catro plantas propias en Galicia, unha filial en Portugal e dúas sedes en Arxentina. En total, suma máis de 30.500 metros cadrados nos que desempeñan o seu labor máis de 150 traballadores.

Por outra banda, esta empresa familiar exporta arredor do 50% da súa produción fóra do territorio, chegando incluso nalgúns momentos ata o 70%. Estas cifras evidencian a importancia da industria forestal en Galicia, onde ten un gran peso este sector. Ademais, no territorio galego rexístranse anualmente a metade das cortas de madeira de España.

O plan estratéxico da industria forestal-madeira recibirá 150.000 euros da Xunta

O goberno da Xunta aprobou este pasado xoves impulsar o Plan Estratéxico Forestal-Madeira, para o que destinará un orzamento de 150.000 euros. Este plan contará coa colaboración do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e outras asociacións empresariais implicadas no sector da explotación de madeira. Con este plan búscase dar unha resposta ás necesidades e demandas do sector, sobre todo na parte de produtos elaborados a partir desta materia prima. O Consello da Xunta acaba de aprobar o convenio mediante o cal a Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, colaborará co Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo e a Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia para elaborar un Plan estratéxico da industria forestal-madeira. Este convenio, que conta cun orzamento de 150.000 euros, estará en vigor ata novembro do ano 2024. O seu obxectivo é elaborar un plan que responda ás necesidades e demandas da realidade do tecido industrial na nosa comunidade. Entre as actividades que pretenden desenvolver, buscan establecer os mecanismos axeitados para garantir unha oferta estable de produtos, especialmente daqueles con valor engadido. Para levar isto a cabo, sería necesario tamén integrar as necesidades da industria cunha planificación e xestión dos recursos forestais aliñada cos obxectivos sustentables da revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Ademais, o futuro plan estratéxico identificará as infraestruturas de investigación, formación e transferencia do forestal-madeira competitivo e innovador. Tamén crearán mecanismos de cohesión e cooperación que fortalezan ao sector e procurarán lazos para que a actividade forestal estea vinculada coas sociedades rurais e urbanas. A maiores, crearase unha comisión de seguimento para poder acadar unha maior eficacia e operatividade nas relacións entre as diferentes entidades. Deste xeito, constituirase unha comisión mixta de carácter paritario, integrada por dous representantes de cada unha das asociacións colaboradoras, que se reuinirán cando algunha das partes o solicite ou como mínimo unha vez por ano. A comisión realizará o seguimento, vixilancia e control da execución de convenio e das obrigas de cada unha das entidades. Adoptaranse cantas medidas e especificacións técnicas sexan precisan de cara a garantir a boa execución do convenio e resolverá os problemas de interpretación e cumprimento que poidan xurdir na súa execución. Este plan, vén dar resposta a unha demanda histórica das principais asociacións industriais galegas que compoñen a cadea de valor, deste xeito, a Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola cogobernanza, involucrando dende o principio aos principais actores industriais do sector forestal de Galicia para a elaboración do seu propio plan industrial.

Presentan un parqué de madeira maciza elaborado con nogueira e cerdeira de Galicia

Bosques de madeiras nobres plantados en Galicia convértense en parqués de luxo, pechando o ciclo con rastrexabilidade e sustentabilidade. Este é o proxecto ecoinnovador que realizou a marca Woodna e que se presentou este xoves na súa finca de Boimorto. Na presentación douse conta do traballo realizado con apoio da Axencia Galega dá Industria Forestal, dentro da súa liña de axudas aos investimentos da industria que desenvolven solucións ecoinnovadoras baseadas na madeira. Finca de Woodna en Arzúa. Froito deste proxecto, preséntase un parqué de madeira maciza de alta gama, que está formado por lastras cortadas a testa. É un parqué extremadamente duro para chans de alto tránsito e con alta condutividade para calefacción radiante-refrescante. A súa alta resistencia ao impacto e á abrasión aseguran a súa durabilidade con 30 anos de garantía. Trátase dun produto natural que une a dureza da pedra e a calidez da madeira, e que ofrece a máxima rastrexabilidade e sustentabilidade, en liña coas demandas dos mercados internacionais máis esixentes. Parqué de madeira maciza de nogueira e cerdeira. Woodna é unha marca da empresa Bosques Naturais S.A., que xestiona máis de 1.000 hectáreas de bosques plantados de nogueira e cerdeira en varios lugares da Península. Está a desenvolver un plan de expansión comercial en España e Latinoamérica, aliado coa potente marca internacional Drakkar, centrada na canle contract de alta gama e as obras singulares e de luxo.

Xornada sobre orientación laboral e emprego na enxeñaría forestal en Galicia

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC de Lugo acollerá este luns 6 de febreiro, unha xornada sobre orientación laboral e emprego no ámbito da enxeñaría forestal, promovida polo Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia (COETFG). A xerente do órgano colexiado, Patricia González Pereiró, abrirá a sesión, ás 10.00 horas, na Sala de Xuntas do centro universitario lugués, cunha presentación das actividades e dos cometidos que desenvolve o COETFG. A exposición de experiencias, a cargo dos enxeñeiros e enxeñeiras técnicas forestais, tal e como é o caso da secretaria do COETFG e consultora en Bioeconomía, Mercedes Rois Díaz; Fernando Enjamo Gándaras, da consultaría Sortegal; Tais Landeira Fernández, da consultaría Tenzas, Enxeñaría e Asesoramento Legal, e da responsable de Produción en Galicia da compañía Navigator, Mónica López González, dará continuidade á xornada, que rematará cunha quenda aberta de preguntas.

Convocadas as axudas para impulsar o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a orde de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal -dependente da Consellería do Medio Rural- para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia. O importe desta orde é de 500.000 euros e os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de hoxe, para solicitar estas achegas. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular. Así, preténdese favorecer a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados. Así, subvencionarase a organización de actividades formativas non regradas, tales como másters, cursos ou pílulas formativas relacionados coa industria forestal-madeira. Do mesmo xeito, tamén se subvencionarán actividades de divulgación, tales como xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral calquera formato de divulgación sobre a industria forestal-madeira. En calquera caso, todas as actividades terán que estar vencelladas á industria forestal-madeira e á súa cadea de valor, quedando excluídos outros usos ou labores vencellados ao monte tales como os fungos, froitos, mel, aromatizantes e medicinais. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. Tamén as agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas co sector e os colexios profesionais e centros universitarios, cando as actividades subvencionables se correspondan con esta temática.

Axenda de impulso

Cabe sinalar que estas axudas están enmarcadas na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade. O obxectivo último é favorecer unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais. Para iso, a Axencia busca mellorar o capital humano a través da formación, impulsar a innovación e a competitividade, así como o desenvolvemento e diversificación deste sector. De feito, a través dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural. Enlace á orde: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230203/AnuncioG0520-110123-0005_gl.html

A cadea forestal continúa no 2022 en cifras récord de facturación

As cifras da cadea monte – industria de Galicia seguen no 2022 en topes históricos, segundo o avance que se vén de presentar no informe da cadea forestal 2022, elaborado pola Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo). O conselleiro do Medio Rural, José González, que clausurou a presentación do informe, destacou que as estimacións apuntan a que este ano se superarán os 2.500 millóns de facturación do 2021, que xa foran récord. A nota dominante do ano foi un encarecemento dos prezos ó longo de toda a cadea, desde o monte ata os produtos finais. “Tivemos un 2022 con prezos altos dos produtos, pero tamén con altos custos de produción, en especial os loxísticos, pola suba dos combustibles”, precisa o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, coordinador do informe. Os datos estimados para o 2022 presentan unha mellora das cifras de facturación en tódolos subsectores da cadea. O principal subsector é o de taboleiros e pasta de papel, cuns ingresos previstos duns 1.160 millóns de euros, se ben haberá que agardar ó peche do ano, pois tanto taboleiros como pasta de papel experimentaron unha ralentización no segundo semestre. No caso da celulosa, a baixada da facturación do segundo semestre débese ó parón de Ence Pontevedra a partir de xullo, cando a seca deixou á planta sen dispoñibilidade de auga suficiente e tivo que parar a actividade. Estes días precisamente Ence está a reiniciar a fabricación de pasta, tras catro meses de parón. A factoría pontevedresa agarda entrar en ritmo normal de produción a inicios de decembro. Tras taboleiros e pasta de papel, o seguinte subsector en facturación é o da segunda transformación (mobiliario, contract), que chegou ós 650 millóns de euros e representa xa un 22% das exportacións en valor. Séguenlle en facturación rematantes (529 millóns de euros), serradoiros (492 millóns de euros) e biomasa (86 millóns de euros). O conselleiro do Medio Rural, José González, que clausurou o acto xunto co director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, destacou igualmente outras fortalezas do sector: “suma 24.500 empregos directos e representa un 12% do emprego industrial galego”, subliñou. Iniciativas para o 2023 De cara ó próximo ano, Medio Rural avanzou a súa intención de presentar un plan estratéxico da industria forestal – madeira, a fin de aliñar o Plan Forestal de Galicia, enfocado na planificación do monte, coas necesidades da industria. No terreo da xestión forestal, o conselleiro avanzou que no primeiro trimestre do ano publicarase a orde que regula as agrupacións de xestión conxunta, un instrumento que considera clave para mobilizar os terreos forestais dos pequenos propietarios. “É unha das asignaturas que temos pendente”, recoñeceu González, que tamén se amosou preocupado polos grandes incendios forestais vividos este verán.
"O futuro para loitar contra os incendios forestais pasa pola xestión do territorio, gandeira, agrícola e forestal. O maior perigo que temos é o abandono" (José González, conselleiro do Medio Rural)
“O futuro para loitar contra os incendios forestais pasa pola xestión do territorio, con tres patas: gandería, agricultura e forestal”, valorou González, que avogou por unha estratexia de planificación do territorio que inclúa a creación de discontinuidades nas masas forestais. “Non estou de acordo cos que propugnan que o mellor é deixar que o monte se xestione a si mesmo” (o chamado ‘rewilding’). “O enemigo do rural é o abandono, que aumenta os riscos derivados dos lumes. Se alguén tiña algunha dúbida, xa se lle quitaría despois do sucedido este verán”, concluíu. Nova normativa de montes veciñais Doutro lado, a deputada popular Elena Candia anunciou onte no Parlamento que a Xunta está a traballar no borrador do Libro branco dos montes veciñais, que recollerá a nova normativa que regulará ás comunidades de montes. Este Libro branco seralle trasladado ó Consello Forestal de Galicia no primeitro trimestre do 2023, a fin de iniciar un “proceso participativo” co sector para pechar a nova normativa, segundo sinalou a deputada popular. https://www.campogalego.gal/saca-da-madeira-queimada-arrefria-o-mercado-de-pineiro-en-tanto-o-eucalipto-mantense-estable/

Existe suficiente piñeiro para abastecer unha demanda de madeira en ascenso?

En Portugal, un informe do Centro Pinus conclúe que a industria da madeira de Portugal está serrando moi por riba da capacidade de suministro que teñen os piñeirais portugueses. En concreto, o informe sinala que o déficit estrutural de madeira sitúase no 57% do consumo. En cifras, Portugal cortou o pasado ano 4,1 millóns de metros cúbicos de madeira de piñeiro, pero o crecemento anual de piñeiro nos montes lusos ronda 1,77 millóns de metros cúbicos, que sería o volume de madeira que se podería cortar de xeito sostible. Ese importante déficit, que en parte se suple con importacións, xera incertidume para o sector industrial de cara ó futuro. O informe constata o crecemento da demanda de coníferas e, asímesmo, evidencia as dificultades que ten o sector para abastecerse. A produción industrial de derivados da madeira de piñeiro sufriu un amplo aumento. Este crecemento obsérvase a través dos datos de 2021 que dá o informe ‘A Fileira do Pinho em 2021’ con respecto ao ano anterior: a produción de madeira serrada de coníferas aumentou un 7%, a do papel kraftliner un 2%, a dos paneis de partículas un 6%, a dos paneis MDF un 23%, e a dos paneis compostos un 13%. Distribución da demanda de piñeiro en cantoá produción industrial por sectores En paralelo ó aumento da demanda, melloraron as exportacións da cadea da madeira portuguesa nun 38%. O mobiliario é o principal sector exportador no país veciño, cun aumento do 17% durante o ano pasado, o que supuxo 795 millóns de euros en exportacións. Riscos O informe ‘A Fileira do Pinho em 2021’ fai fincapé no risco que supoñen os incendios, así como a praga do nematodo na madeira de piñeiro. Este tipo de factores externos, xunto coa maior demanda dos produtos transformados de coníferas, comprometen o futuro da industria portuguesa da madeira. Facendo balance cos datos expostos, o Centro Pinus establece que “a dinámica de plantación é insuficiente para compensar a perda de área de piñeiro bravo”. Iso malia que no 2021 medrou un 103% a cifra de planta de piñeiro implantada en monte.

Situación en Galicia

A demanda de coníferas mantivo nos últimos meses uns ritmos de crecemento altos a nivel mundial, algo que se reflectiu tamén no mercado galego. Desde a Fundación Arume recoñecen que desde xuño se está a producir un certo arrefriamento da demanda, pero en calquera caso apuntan que no curto e no medio prazo as perspectivas son boas para a madeira serrada, con sectores que polo de agora se manteñen firmes, como o dos palés e envases, e con outros en claro crecemento, como o da construcción en madeira. “Hai novos usos para a madeira e necesidades, como a busca de materiais sustentables, que apuntan na liña de que a boa demanda para a madeira maciza continuará no futuro”, conclúen. Por parte da Asociación Forestal de Galicia, o seu director técnico, Xosé Covelo, enmarca a actual baixada de demanda “nas flutuacións típicas do mercado. “Estase promovendo unha industria que lle dá un valor engadido ao piñeiro e que manterá nuns niveis de demanda a medio e longo prazo”, explica Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia. Onde máis tivo repercusión por agora a actual crise, marcada pola inflación e a incertidume derivada do conflicto de Ucraína, é no mercado de taboleiros, pois baixaron as vendas nos últimos meses en sectores como o do bricolaxe. Esa é a situación que levou á galega Finsa a plantear un Erte para o persoal empregado nas súas liñas de taboleiro. Pero considérase en principio unha crise coxuntural. En Galicia, cunhas cortas de 3,8 millóns de metros cúbicos de piñeiro no último ano, existe tamén temor no sector industrial a un desabastecemento futuro de madeira.

“As posibilidades das fibras téxtiles recicladas son infinitas”

A empresa finlandesa Infinited Fibers desenvolveu un proceso químico polo cal a roupa vella pode transformarse en nova fibra e, asímesmo, en fío. Isto permitirá substituír unha parte da demanda de materias primas virxes no sector da moda, creando unha economía circular. A galega Inditex vén de selar este mes un acordo multianual de subministro con Infinited Fiber.

A reciclaxe de fibras téxtiles está ademais de actualidade en Galicia por ser unha das liñas de negocio previstas para a planta de Altri. A pasteira lusa proxecta en Palas de Rei (Lugo) unha planta de fibras téxtiles a partir de madeira, pero ten intención tamén de crear unha liña de reciclaxe de roupa usada.

Falamos con Kirsi Terho, directora de contas de Infinited Fiber, quen recentemente visitou Santiago de Compostela para participar no Foro Esenciais en Bioeconomía, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal.

Podería explicar en que consiste a actividade de Infinited Fiber?
A nosa empresa está collendo vellos téxtiles como vellos pantalóns vaqueiros, por exemplo, e converténdoos nunha nova fibra que logo permite facer fío, e de novo roupa. Para facer isto temos un proceso especial que manexamos nós mesmos, e que consiste nun proceso de reciclaxe químico co que podemos converter a roupa vella nun líquido de celulosa, e a partir del, rexeneramos de novo as fibras. En definitiva, a nosa compañía basease na tecnoloxía para converter todos os téxtiles nunha nova fibra, que despois dará lugar a novos fíos e novas prendas.

En que se basea esa tecnoloxía e como chega á súa empresa?
A tecnoloxía fundaméntase en investigacións desenvolvidas en Alabama nos anos 20 do século pasado. Unha vez comezamos a mirar no que podía ser utilizada esa tecnoloxía converteuse nalgo vital para nós. O noso fundador, Ali Harlin, comezou a probala en caixas, logo co papel, e despois con vellos vaqueiros, para ver se podía ser algo co que xerar novas fibras.

Cando isto se demostrou posible, o centro de investigación de ETT en Finlandia comezou a estudalo moi rapidamente. Entón deuse de conta da viabilidade e de que ademais había unha demanda real para a reciclaxe de téxtiles. A partir de aí, a nosa empresa xurdiu no 2016 para comercializar o produto en si.

Cal é a situación das materias primas tradicionais, como o algodón, en relación á demanda de téxtiles eco-friendly?
Esta é unha gran pregunta se se pensa nos tecidos máis tradicionais, como o algodón. A súa demanda é enorme neste momento, e cada día necesítase máis algodón. Para ser precisos, existen iniciativas que buscan alternativas, como o algodón orgánico, pero é unha opción pouco dispoñible, e ademais, cómpre ter en conta que non podemos seguir utilizando cada vez máis terra para cultivar algodón.

A maiores, é un produto que necesita moita auga e plaguicidas; por iso nós somos unha solución para esta parte.
En canto ao poliéster, todo o mundo o sabe: nalgún momento quedaremos sen petróleo e esa é unha vella fibra baseada nel, por non falar de que a sociedade estase desprendendo de moitos plásticos de microfibras.

Polo tanto, hai moitas cuestións que están nesa área, e ao mesmo tempo creo que as novas xeracións están desexando avanzar neste tema.

Como ve o futuro dos materiais téxtiles?
Nun mundo ideal serían reciclados, renovados e compostables, pero para ser honesta, creo que vai ser unha mestura de moitas cousas. Por suposto que haberá máis e máis cantidades destas prendas ideais en circulación, pero creo que fan falta anos ata que esteamos alí.

Pola nosa parte, as instalacións teñen unha produción pequena, e por agora tan só podemos proporcionar o material suficiente para probas. Nun futuro, no 2024, teremos unha gran fábrica en Finlandia, para enfocarnos á comercialización, que producirá sobre 30.000 toneladas ao ano, aínda que iso é unha fracción do que se necesita.

Se pensamos no número de tendas que ten Inditex, por exemplo, para ter un par de camisas e un par de vaqueiros deste tipo en cada tenda necesitaríanse moitas fibras. A industria téxtil é tan grande que hai un sen fin de posibilidades.

De onde xorde o seu interese no mundo das fibras téxtiles?
O meu interese nace por herdanza familiar. Son unha fabricante de fibra de terceira xeración. O meu avó e o meu pai estiveron vencellados a unha fábrica de viscosa, para a que despois rematei traballando. A min sempre me interesou a química e dalgunha maneira busquei levala ao ámbito téxtil e realmente entender a fibra en si, o que é.

Tras deixar a fábrica de viscosa, decidín continuar polo camiño da fibra. Daquela estaba nun grupo de estudo vencellado ás tecnoloxías téxtiles para o cal acabei facendo de consultora e interactuando coa empresa para a cal hoxe traballo.

Visita institucional a Maderas Gómez, unha das referencias en Ourense no sector forestal

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, visitou esta semana as instalacións de Maderas Gómez, en Piñor (Ourense), onde destacou os valores da industria forestal galega: “compromiso co territorio e sustentabilidade”.

Maderas Gómez, que conta con 117 empregados e factura 13,9 millóns de euros, prima en todos os seus procesos madeira quilómetro cero, procedente da contorna. Ademais, no seu compromiso pola sustentabilidade e a eficiencia enerxética, dispón de caldeiras de biomasa e paneis fotovoltaicos.

Conde subliñou que a Xunta quere estar ao carón das empresas do sector forestal impulsando unha industria sustentable e estratéxica, comprometida co medio rural e o emprego e que faga máis produtivo o monte. Nese marco, a Axencia Galega da Industria Forestal estase centrando na modernización do sector; na busca de valor engadido a través da innovación, a formación e a promoción dos novos usos da madeira. Así, as liñas de axuda postas en marcha o pasado ano chegaron a 143 empresas e asociacións e mobilizaron 37 millóns de euros.

A Xunta sinala que conta tamén coa Axenda da Industria Forestal 2022-2024 para seguir apostando por esta industria, composta por 3.000 empresas que, como Maderas Gómez, xeran riqueza e representan o 12% do emprego industrial e o 1,8% do PIB galego.

Grupo de traballo sobre a muller na industria forestal e da madeira

A cadea da madeira conta cunha importante presenza da muller na maioría dos seus segmentos, desde a explotación forestal en monte ata o traballo en aserradoiro, o deseño de mobles ou a dirección de obra, entre outros. Son traballos nos que, en ocasións, a muller aínda ten pendente lograr unha maior visibilidade, así como unha equiparación do recoñecemento social ó seu labor.

De cara a avanzar nestes ámbitos, un grupo de traballo, constituído por profesionais da industria forestal e da madeira, está a desenvolver periódicas xuntanzas, a última celebrada o pasado venres en Pontevedra con asistentes de xeito presencial e online.

Un dos grupos de traballo da reunión de Pontevedra.

No encontro de Pontevedra, no que participaron maioritariamente mulleres pero tamén homes, abordáronse cuestións como a importancia de visibilizar o traballo da muller nos distintos subsectores da cadea, algúns deles tradicionalmente con maioría laboral de homes. Retos como a mellora da conciliación familiar para mulleres e homes ou a necesidade de avanzar no recoñecemento ós roles que desempeñan as mulleres na industria foron outras das cuestións xurdidas nos debates.

O grupo de traballo fixo tamén repaso a accións de comunicación realizadas por distintas profesionais e empresas nos últimos meses para visibilizar e recoñecer o traballo das mulleres na industria, unha liña na que se quere seguir a traballar. O obxectivo último é que o papel da muller na industria forestal, así como as súas interaccións no entorno laboral, continúen a normalizarse, na senda do cambio cultural que se vén producindo desde hai anos, de xeito que idealmente chegue un momento no que as accións pola igualdade de xénero xa non sexan precisas.

Os encontros do grupo de traballo da industria forestal sobre a muller están promovidos por XERA Axencia Galega da Industria Forestal, e contan co apoio de numerosas empresas e industrias do sector, así como do conxunto de profesionais da cadea forestal e da madeira. Está previsto que a iniciativa do grupo de traballo, que leva por nome #ElasXeranSector, manteña unha nova reunión no mes de decembro.

A reunión de Pontevedra contou tamén con asistentes vía online. Outro dos grupos presenciais no encontro do venres pasado.

Como está a influír a crise da Covid-19 na industria forestal?

O sector forestal galego está a sufrir un impacto negativo da crise do coronavirus, pero mantén as súas boas perspectivas de futuro no medio prazo, cun papel protagonista na era da economía circular. Esa é unha das conclusións que se extrae da enquisa realizada no mes de maio entre 117 empresas do sector pola Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo). O traballo, encargado pola Axencia da Industria Forestal (Xera) e coordinado por Juan Picos (Uvigo), realizouse entre empresas de toda a cadea forestal, pero maioritariamente as respostas procederon de rematantes (fragueiros) e empresas de servizos forestais, da industria do serrado e do sector do moble. A enquisa foi realizada na primeira quincena de maio, cando xa as empresas podían valorar o impacto dos dous primeiros meses do estado de alarma. Unha primeira conclusión é que o 95% das empresas recoñece que a Covid-19 lles afectou de xeito negativo. Na maioría dos casos, a actividade mantívose moi ralentizada (48%) ou de xeito parcial (31%). É certo tamén que só houbo un 4% de empresas que pararon por completo, en tanto un 15% mantiveron a actividade normal e en dous casos puntuais produciuse incluso un aumento da demanda, no sector da pasta de papel e no da biomasa. Facturación e investimentos A reducción de actividade que experimentou a maioría de empresas xa se deixou notar na facturación dos meses de marzo e abril. Para o global do ano, as expectativas apuntan a unha baixada de facturación media dun 26%. Unha das consecuencias da menor facturación é a decisión de dous terzos das empresas de reducir os investimentos previstos para o 2020. Con todo, hai un 26% que os manterá e un 7% que mesmo decidiu aumentar os investimentos. O coordinador da enquisa, Juan Picos, destaca o carácter “proactivo” que demostra a industria forestal no actual contexto de crise, pois mantéñense unha parte significativa dos investimentos previstos e valóranse novas oportunidades e estratexias. Así, arredor de dous terzos das empresas recoñecen que terán que facer cambios en canto a estratexia e canles de comercializacion, unha porcentaxe que é máis acusada nas empresas que declaran un maior impacto da crise. Ameazas No actual contexto, a principal ameaza que percibe o sector é a incertidume, seguida da caída da demanda e de posibles problemas de tesourería (morosidade, falta de liquidez). Tamén preocupa o mantemento da plantilla e en último termo de preocupacións, está a continuidade da empresa. É un escenario que debuxa un sector “resiliente e con capacidade de aguantar a crise”, valora Juan Picos. Ao manterse a actividade de case toda a cadea da madeira, aínda que dun xeito ralentizado, as peticións de axudas por cese de actividade foron mínimas entre as empresas do sector. De feito, un 46% das empresas non recurriu a ningún tipo de axuda, probablemente porque as convocatorias non se lles axeitaban, segundo valora Picos, e entre as que pediron axudas, un 29% solicitaron préstamos ICO, outro 5% avais do IGAPE e só un 11% entrou en ERTES. A nivel de Galicia, no ámbito da industria forestal solicitáronse un total de 270 ERTES, que afectan a 5.200 traballadores, dos que máis de 3.100 corresponden á industria da madeira, 1.400 a fábricas de mobles e algo máis de 600 a traballos de explotación forestal e silvicultura. Oportunidades Como conclusión, Picos subliña que o sector forestal é resiliente, proactivo e con futuro, un futuro que se enmarca na era da economía circular e da bioeconomía que quere promover a Comisión Europea durante a próxima década, co ‘Green Deal’ (Pacto Verde) como elemento transversal de tódalas políticas europeas. Espérase así que nos próximos anos o sector forestal se convirta no mellor aliado das políticas que buscan a mitigación e a adaptación ó cambio climático. De cara a esa meta, tanto o director da Axencia da Industria Forestal, Ignacio Lema, como o conselleiro de Economía, Francisco Conde, apuntan ó compromiso da Xunta en políticas que fomenten o consumo de madeira en diversos sectores. No curto prazo -sinalou o conselleiro-, tamén haberá que ter en conta as oportunidades derivadas da necesidade de reorganización de locais comerciais e contornas laborais, un proceso na que o sector galego do 'contract', especializado na atención a cadeas de negocios, pode ter un papel protagonista.

O sector forestal galego en cifras

A superficie de monte baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal acadou no ano 2019 as 262.175,96 hectáreas en Galicia, case un 8% máis ca no exercicio anterior. Así se desprende dos datos da última actualización do Anuario de Estatística Forestal de Galicia.

Outro dato salientable é que o pasado ano o volume de aproveitamento, en montes de xestión pública e de xestión privada, acadou os 9.703.422 m³ de madeira-máis do 50% de toda España-, dos que o 97% son montes ou terreos en xestión privada e o 3% baixo montes de xestión pública. En conxunto, o 84,14% pertencen ás provincias da Coruña (45,66%) e Lugo (38,48%).

Do volume de aproveitamento total, o 39,15% foron coníferas (3.798.769 m³) e o 60,85% frondosas (5.904.653 m³) . Con relación ás coníferas, as maiores porcentaxes corresponderon a Pinus pinaster (47,64%) e a Pinus radiata (44,86%). En frondosas, o 95,2% corresponde a Eucalyptus spp.

En Galicia por cada m³ de coníferas aproveitáronse 1,55 m³ de corta de frondosas. A maior porcentaxe de aproveitamento de frondosas sitúase no Distrito I Ferrol. A maior porcentaxe de solicitude de corta de coníferas rexístrase no Distrito IX Lugo – Sarria.

Os montes de xestión privada

Número e volume de aproveitamentos: O 85% da madeira cortada é nas provincias da Coruña e Lugo

No ano 2019 rexistráronse en Galicia 93.921 declaracións e solicitudes de aproveitamentos en montes ou terreos de xestión privada para un volume total de 9.442.623 m³, cunha media de 100,54 m³ por expediente. Destacan datos como os das provincias da Coruña e Lugo, que representan conxuntamente o 69,28% do número de declaracións e solicitudes e o 85,08% do total do volume de aproveitamento solicitado.

Por tipoloxía de modalidade, as solicitudes realizadas por “declaración responsable” foron as maioritarias, tanto por número (63.435) como por volume (5.530.134 m³, cun incremento do 45,23% respecto a 2018). En número de declaracións e solicitudes, a maior porcentaxe corresponde ao Distrito II Bergantiños – Mariñas Coruñesas (11,5% sobre o total). En volume, a maior porcentaxe rexístraa o Distrito I Ferrol (14,2% sobre o total).

Superficie: Unha media de 0,5 hectáreas por aproveitamento

No ano 2019 en Galicia estas declaracións e solicitudes de aproveitamento afectaron unha superficie total de 46.740 hectáreas e un total de 88.630 referencias catastrais. O 33,37% desta superficie e o 41,68% do total das referencias catastrais corresponden á provincia da Coruña (15.595 hectáreas e 36.943 referencias).

O termo medio de Galicia de superficie por declaración ou solicitude de aproveitamento é de 0,50 hectáreas (0,44 ha no caso das declaracións responsables e 0,61 ha no das autorizacións). A provincia de Ourense ten o maior termo medio e acada as 0,70 hectáreas por expediente (0,60 ha no caso das declaracións responsables e 1,01 ha no das autorizacións). Os distritos II, III, VI, IX e XIV representan en conxunto o 41% do total da superficie de aproveitamento declarado e solicitado en montes ou terreos de xestión privada.

Especies: Arredor do 60% son cortas de eucalipto

O 37,60% dos aproveitamentos declarados e solicitados en montes ou terreos de xestión privada en 2019 (9.442.622 m³) refírense a coníferas e o 62,40% a frondosas.

Con relación ás coníferas (3.550.617,67 m³), o 45,8% e o 47,1% refírense a aproveitamentos de Pinus radiata e Pinus pinaster, respectivamente. Nas frondosas (5.892.005 m³) o 95,20% correspóndese con Eucalyptus spp.
A nivel galego, do volume de aproveitamento total en montes de xestión privada, o 59,4% é corta de Eucalyptus spp. As maiores porcentaxes de corta de Eucalyptus spp. sobre o total rexístranse nos distritos I, VI, II, XIX e III (entre o 89% e o 67%).

O maior volume de declaracións e solicitudes de aproveitamento privado de frondosas corresponde ao Distrito I Ferrol (20,09% do total de frondosas) e de coníferas ao Distrito IX Lugo – Sarria (19,41% do total de coníferas).

Estado da madeira:

En 2019, dos 9.442.622,64 m³ de aproveitamentos en montes ou terreos en xestión privada de Galicia, 9.305.149,33 m³ corresponde a madeira verde (98,54%), 34.417,54 m³ a madeira seca (0,36%) e 103.055,77 m³ a madeira queimada (1,09%).

En madeira verde, os maiores volumes de aproveitamento fanse na provincia da Coruña (46,95%) e Lugo (38,78%). Mentres, o maior volume de aproveitamento de madeira queimada e seca en montes ou terreos privados corresponde a Pontevedra (46,95% e 51,43%, respectivamente).

En 2019 descenderon con respecto ao ano anterior un 51,53% os aproveitamentos procedentes de madeira queimada, ao terse retirado en 2018 a meirande parte do calcinado en 2017.

Afectacións: Sobre todo a zona de policía de augas e estradas

Durante 2019 en Galicia as solicitudes con algunha ou varias afectacións foron o 27,65% do conxunto de solicitudes de aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada (93.921). A Coruña e Lugo son as provincias onde maior número de solicitudes teñen algunha afección (unha ou varias), cun 28,6% e un 30,02%, respectivamente.

A maior incidencia de afectacións, cun 50,82% sobre o total, correspóndese á afección de zona de policía de augas, seguida de estradas cun 22,78%.

No conxunto de Galicia, por cada solicitude con algunha afectación (unha o varias), rexístranse 2,61 solicitudes sen ningunha afectación (en 2018 eran 3,91). Os distritos onde se concentra maior número de solicitudes con afección sobre o total son I Ferrol (15%), II Bergantiños – As Mariñas Coruñesas (12,2%) e VI A Mariña Lucense (13,9%).
Respecto a 2018, as solicitudes con afectación que máis se incrementaron foron: patrimonio cun 46,97%, estradas cun 31,70% e costas cun 31,70%.

Forma de presentación:

Das 93.921 declaracións e solicitudes de aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada realizadas en Galicia, un 39,44% tramitáronse en formato papel (32.742), e as tramitadas por sede electrónica acadaron un 60,56% do total (61.179). As declaracións e solicitudes presentadas por sede electrónica superan as realizadas por medio de papel en todas as provincias (arredor do 70%), excepto no caso da provincia de Ourense, onde un 76,15% se presentou en formato papel. En 2018 as presentadas en formato papel superaban ás de sede electrónica (52,25% fronte a 47,75%, respectivamente).

No conxunto de Galicia, por cada declaración ou solicitude tramitada en papel, tramítanse 1,87 por sede electrónica. O distrito que destaca por solicitudes presentadas por sede electrónica fronte ás realizadas por papel é o Distrito VI A Mariña Lucense.

Montes de xestión pública: Descenden notablemente os aproveitamentos de madeira queimada e seca

O volume de aproveitamento en montes de xestión pública acadou no ano 2019 os 260.800,29 m³. Destacan datos como que o 42,64% corresponde a Lugo e o 36,29% se localiza en Ourense.

Especies:

Destes 260.800,29 m³, o 95,15% corresponde a coníferas e só o 4,85% a frondosas. Respecto ás coníferas, o 55,32% do total é Pinus pinaster e o 30,77% é Pinus radiata. Do volume de frondosas, o 95% é de Eucalyptus spp.

A maior porcentaxe de aproveitamento en montes de xestión pública de coníferas sitúase no VIII Terra de Lemos (14,3%) e XIV Verín – Viana (12,3%), e a maior porcentaxe de frondosas no Distrito IV Barbanza (31%).

Estado da madeira:

Dos 260.800,29 m³ totais de aproveitamentos en montes ou terreos en xestión pública, 223.304,02 m³ corresponden a madeira verde (85,62%), 4.166,06 m³ a madeira seca (1,60%) e 33.330,22 m³ a madeira queimada (12,78%). En madeira verde e seca os maiores volumes de aproveitamento fanse na provincia de Lugo (46,69% e 64,71% respectivamente).

O aproveitamento procedente de madeira verde increméntase un 3,54% con respecto a 2018, ao tempo que descenden un 72,97 e un 74,17% os aproveitamentos procedentes de madeira queimada e seca, respectivamente.

Aproveitamentos de pastos en monte 2019

No ano 2019, o número de montes que regulan os seus aproveitamentos de pasto segundo o Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo acadaron un total de 38, dos cales 8 corresponden ao Plan silvopastoril (6 de Montes Veciñais en Man Común -MVMC- e 2 de particulares), que representan o 21,05% do total. Os outros 30 corresponden a Instrumentos de Ordenación ou Xestión Forestal (IOXF), dos cales 29 son MVMC e 1 pertence ao catálogo de Montes de Utilidade Pública (UP), que representan o 78,95% do total.

Por provincias, as maiores porcentaxes en número corresponden a Ourense (39,47%) e Pontevedra (28,95%). Segundo o tipo de propiedade, é maioritario o MVMC cun 92,11%. Os distritos con maior número de montes con aproveitamentos de pasto regulados son o IV Barbanza (7), XIV Verín – Viana (6) e XII Miño – Arnoia (5).

Algo máis de 6.000 hectáreas de superficie

No ano 2019 a superficie dos 38 montes que regulan os seus aproveitamentos de pasto segundo o Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo acadaron un total de 6.038,85 hectáreas, das cales 5.410,83 corresponden aos IOXF e 628,02 ao Plan silvopastoril.

A práctica totalidade, 5.808,67 hectáreas (96,19%), fai referencia aos MVMC, dos cales 5.232,64 ha corresponden a IOXF.

As maiores porcentaxes en superficie corresponden ás provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense (34,72%, 33,94% e 39,25%). A provincia de Lugo só representa o 2,09% do total. Os distritos con maior superficie son o IV Barbanza (1.888,4 ha) e o XIV Verín – Viana (1.347,5 ha).

Prohibicións de aproveitamento de pastos

31 montes cunha superficie total de 6.097,75 hectáreas tiñan prohibidos os aproveitamentos de pastos no monte en 2019 e debían inscribir dita prohibición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo.

ÇCase a totalidade destes montes corresponden a MVMC (30 e 6.024,44 ha). A provincia coa maior porcentaxe en número e superficie é a de Pontevedra con 28 montes e 5.947,36 ha (90,32% e 97,53%, respectivamente). Os distritos con maior número e superficie con prohibición de pastos rexistrada en montes son o XVIII Vigo – Baixo Miño (12 e 3.309,70 ha) e o XIX Caldas – O Salnés (14 e 2.346,38).

Aproveitamentos micolóxicos:

Ata o ano 2019, 24 montes ou terreos forestais de xestión privada fixeran unha comunicación de acoutamento para aproveitamento micolóxico, cunha superficie total de 8.013,38 hectáreas.

Por provincias, Lugo, cun 46,88% e 3.756,79 ha, é a que maior superficie ten acoutada para aproveitamento micolóxico, seguida de Ourense e A Coruña, cunha superficie arredor das 2.000 ha cada unha.

O distrito con maior superficie é o IX Terra Chá, con 5 montes e 3.018,75 ha.