Archives

Resoltas as axudas de incorporación e plans de mellora 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas de plans de mellora, incorporación ó agro e pequenas explotacións. En cada resolución, detállanse as axudas aprobadas, coas coantías correspondentes, así como as solicitudes denegadas. Pódense consultar os listados de beneficiarios e denegacións nos seguintes enlaces: Este ano 2024, a Consellería xa convocou a inicios de xaneiro as axudas de incorporación e plans de mellora 2024, algo que foi criticado polo sector, pois a nova convocatoria chegou antes de que se resolvese a anterior, o que deixou ós potenciais solicitantes con incertidume sobre como proceder.

Axuda de incorporación ao agro de persoas de entre 41 e 55 anos: Claves para solicitala

A Consellería do Medio Rural publicou este luns a convocatoria de axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas -os coñecidos como plans de mellora-, así como para a creación de empresas de agricultores mozos, para o desenvolvemento de pequenas explotacións e, como novidade, para a incorporación ao agro de persoas de entre 41 e 55 anos. Esta última medida, á que se destina un orzamento de 3 millóns de euros, tamén a aprobou este ano a veciña comunidade de Asturias. O seu obxectivo é intentar paliar a grave falta de relevo e de activos nun sector estratéxico para a sociedade, como é o da produción de alimentos. Ampliar as axudas de incorporación máis alá dos 40 anos é unha vella reivindicación das organizacións agrarias e beneficia especialmente a persoas que se incorporan dende outras actividades profesionais, moitas veces na busca dun traballo con maior estabilidade, en contacto coa natureza e que permita conciliar mellor a vida laboral e familiar. Resumimos a continuación as claves desta nova liña de axudas:

Quen a pode solicitar?

As persoas que desexen acceder ás axudas para o establecemento de persoas agriculturas novas deberán cumprir os seguintes requisitos: a) Ter entre 41 e 55 anos de idade, ambos incluídos. b) Cumprir coas condicións necesarias para ser xefe de explotación por primeira vez ou tela cumprido nos 12 meses anteriores á solicitude da axuda. c) A explotación en que se promove a instalación debe alcanzar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia. d) Posuír o nivel de capacitación profesional mínimo de 150 horas no prazo máximo de 36 meses desde o momento do establecemento.

Que documentación hai que presentar?

e) Presentar un plan empresarial co seguinte contido mínimo: a. Unha descrición da situación inicial da explotación agraria, indicando as fases e os obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación. b. Unha descrición da situación unha vez realizado o plan de empresa, incluíndo, polo menos, os seguintes datos: i. Superficie da explotación, especificando a superficie dos distintos cultivos, e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva. ii. Maquinaria, equipamentos, melloras territoriais e edificacións. iii. Composición e dedicación da man de obra. iv. Plan de produción, que incluirá información relativa á produción bruta de cada actividade produtiva, aos gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación. v. Análise económica do proxecto. Esta análise incluirá: previsións económicas, estrutura de financiamento e rendibilidade. vi. Actuacións que se van realizar. c. Un plan de investimentos (información detallada sobre investimentos e prazos), se é o caso, en que indiquen as melloras que se van realizar, establecendo o seu impacto no cambio climático (emisións de gases efecto invernadoiro, capacidade de adaptación), que inclúa medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo auga eficiente, etc., e no cal figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea-estatal-autonómica así o require, prestando especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas na Rede Natura 2000. d. Información detallada, se é o caso, sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agraria, incluíndo as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos. f) Permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda. g) Participar no programa de titorización ás persoas agricultoras novas que presta a Consellería do Medio Rural. O proceso de incorporación deberá ser tutelado polo persoal técnico agrario das oficinas rurais da Consellería do Medio Rural do ámbito territorial da área comarcal onde se localice a explotación agraria. h) Non ter recibido axuda por primeira instalación, nin considerarse instalado.

Contía máxima da axuda:

1. O importe da axuda será de 25.000 euros, que poderá incrementarse ata os 55.000 euros en función da aplicación dos seguintes criterios: a) 10.000 euros por ser muller. b) 10.000 euros por explotación localizada en zonas con limitacións naturais de montaña. c) 10.000 euros por explotación de agricultura ecolóxica. d) 10.000 euros por titularidade compartida. No suposto de que se instalen varias persoas simultaneamente na mesma explotación, os incrementos establecidos nas alíneas b), c) e d) repartiranse a partes iguais entre as persoas que se instalen. 2. No caso de incorporación en explotacións intensivas, a axuda limitarase a 25.000 euros.

Para máis información contacte aquí coa súa oficina agraria comarcal

Cinco claves para cumprir cos requisitos das axudas de incorporación de xente moza

As axudas de incorporación de xente moza ó agro están a ser unha das liñas destacadas tanto polo número de beneficiarios, que o ano pasado ascendeu a 353, coma pola contía da achega, que pode acadar os 70.000 euros. No procedemento para optar a estas subvencións establécense unha serie de prazos a cumprir que se volven decisivos para percibir a axuda ou evitar penalizacións parciais. “Ter moi en conta as datas marcadas é fundamental polas consecuencias que pode supoñer á hora de recibir a subvención”, apunta Pablo Gómez Casas, xefe de servizo de explotacións e asociacionismo agrario da Consellería de Medio Rural,que recentemente falou sobre a incorporación nunha xornada da feira Cimag Gandagro.

Fitos principais das axudas de incorporación

Dende a Consellería de Medio Rural destacan 5 fitos a ter en conta á hora de tramitar ou xustificar este tipo de axudas, xa que incumprir algún destes aspectos pode supoñer quedar sen a subvención ou ter unha penalización. Repasámolos a continuación:

1_ Control efectivo da explotación.

Para poder optar a estas axudas debe xustificarse que o solicitante se instala e asume os riscos que supón esta actividade empresarial. No caso de que o interesado figure na explotación como persoa física abonda con que teña o rexistro da da actividade, como xustificante de que asume o risco de xestión que supón. Mentres, no caso das ganderías nas que se figure como persoa xurídica é preciso xustificar a participación da persoa que solicita a axuda. Deste xeito, o solicitante debe ter un capital igual ou maior que a persoa que maior participación teña na explotación. Se non se cumpre, pode denegárselle a axuda. Se por algún motivo ó longo do plan empresarial que dura 24 meses, o solicitante deixa de ter o control efectivo da explotación as penalizacións varían, en función de se é no primeiro ou segundo ano, e poden chegar a ser do 20 ou 40% da axuda.

2_ Proceso de instalación.

O proceso de instalación iníciase cando se completa algún dos seguintes trámites: - Alta na Axencia Tributaria. -Alta na Seguridade Social. -Alta do Reaga. -Subscribirse e desembolsar o capital social, de ser o caso. O proceso finalízase cando se completan todos estes trámites. Neste apartado cómpre ter presente as seguintes datas, xa que son decisivas para a concesión das axudas: -Data de establecemento. É a data na que se realiza ou completa a primeira acción relacionada co proceso de instalación. Se é anterior a 24 meses da solicitude é motivo para denegar a axuda. -Data de instalación. É a data en que se dá por finalizado o proceso de instalación. Se a data de instalación é anterior á data de solicitude non se recibirá a axuda. Se a data de instalación é posterior ó límite de 9 meses seguintes á concesión da subvención tamén se cancela a axuda.

3_ Agricultor activo e profesional.

Un dos requisitos mínimos para poder acceder a este tipo de axudas é que o titular sexa un agricultor activo e profesional. Esta definición supón que debe exercerse a actividade agraria, asumir o risco que esta representa e o 50% da renda total ten que proceder desta. Debe dedicar polo menos a metade da súa xornada laboral a esta actividade. Estas condicións deben cumprirse como mínimo nos 18 meses seguintes dende a data de instalación da explotación, xa que é un incumprimento excluínte, co que se retira o 100% da axuda.

4_ Capacitación profesional.

Para poder optar a estas axudas é preciso dispoñer dunha capacitación profesional da actividade agraria ou gandeira. Esta capacitación xustifícase acreditando algunha destas formacións: -Titulación académica. -Curso de capacitación de 250 horas. -Curso de 250 horas homologados. É preciso contar con algunha desta formación nos 36 meses seguintes dende a data de instalación. De incumprirse, a penalización varía e pode chegar a perderse a totalidade da axuda se non se acredita a formación. Se non se acada o 50% dos módulos, hai unha penalización de entre o 20 e o 40% da axuda. Se acada o 50% dos módulos pero non se ten programado o resto, esta penalización é de entre o 5 e o 10% e se se ten programado o resto redúcese a un desconto do 1 ou 2% da axuda.

5_ Plan empresarial.

Os solicitantes destas axudas tamén están obrigados a presentar un plan empresarial realizado por un técnico no que se detallen cuestións como a situación inicial, as fases e obxectivos, as actuacións previstas (medioambientais, eficiencia de recursos, investimentos, formación, asesoramento). Este plan debe abarcar os 24 meses seguintes dende a data de instalación. No que se refire ó plan empresarial, os solicitantes poden perder a axuda se non se dedica polo menos a metade da xornada laboral a esta actividade, se non se acada unha Renda Unitaria de Traballo (RUT) do 35% ou se non se acada a dimensión física mínima. Tamén pode haber unha penalización do 50% se se cambia a orientación produtiva das instalacións e esta penalización pode reducirse a un 20% se a pesar de facerse o cambio as instalacións son compatibles, por exemplo se se cambia dunha gandería de vacún leite a unha de carne.

Compromisos

Ó recibir estas axudas, o solicitante tamén ten uns compromisos ó longo dos cinco anos seguintes. Así, para as convocatorias do 2022 debe manterse a actividade ata o 26 de xaneiro do 2028 e contar co correspondente seguro agrario. Ademais, naqueles casos onde se percibira axuda pola creación de emprego, debe manterse eses postos e o material e maquinaria adquirido con esta subvención.

As cifras das axudas de incorporación na convocatoria 2022

As axudas de incorporación de xente moza ó agro en Galicia mobilizaron na última convocatoria preto de 14 millóns de euros. En concreto, dos 15 millóns destinados para estas partidas procedentes de fondos europeos repartíronse un total de 14.989.000 euros, segundo indicaron dende a Consellería de Medio Rural. Nesta convocatoria presentáronse 546 solicitudes, das que 117 foron desestimadas e outras 33 foron rexeitadas por non cumprir cos requisitos. Mentres, un total de 43 solicitudes quedaron excluídas pola falta de fondos. A denegación de axudas suscitou malestar no agro, que critica á Consellería, en tanto Medio Rural pronostica que na convocatoria 2023 non haberá eses problemas. A maior parte das solicitudes foron presentadas por homes (60%) aínda que como sinalan dende a Consellería está a incrementarse o número de peticións realizadas por mulleres.
Increméntase o número de solicitudes procedentes de ganderías de vacún de carne
A maior parte das solicitudes foron por axudas básicas, de 30.000 euros. Mentres, un 12% optaron pola contía máxima, de 70.000 euros, onde é preciso aportar unha xustificación detallada. Outro 11% tramitaron a axuda dos 50.000 euros. A maioría das solicitudes proceden de ganderías de vacún de leite (35%), pero nesta convocatoria sitúanse parellas as peticións para granxas de vacún de carne. Así, un 30% das solicitudes procedían deste tipo de ganderías.

Convocadas as axudas para incorporación de persoas mozas e plans de mellora

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cun presuposto de 38,8 millóns de euros. Os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de mañá, para presentar as solicitudes.

O reparto do orzamento total de 38,8 millóns de euros farase do seguinte xeito: 20,5 millóns irán destinados a plans de mellora, 16,5 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 1,8 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Así, no conxunto, o orzamento desta orde de axudas increméntase nun 3,5% con respecto ao da convocatoria anterior. Ademais, ao igual que na pasada convocatoria, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal.

Incorporación de persoas mozas
No que se refire ás achegas para a incorporación de mozos ao agro, poderán beneficiarse delas persoas con máis de 18 anos que non teñan cumpridos os 41 na data de presentación da solicitude. Deben comprometerse, ademais, a manter a actividade durante un mínimo de cinco anos.

Subvencionaráselles a execución do plan empresarial cunha contía básica establecida en 25.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo. O máximo da aportación fíxase en 70.000 euros.

Ademais, cómpre destacar que os beneficiarios desta liña -correspondente á creación de empresas para as persoas agricultoras mozas- estarán exentos da achega de garantías. Deste xeito, os solicitantes que reciban axuda para incorporarse á actividade agraria non terán que presentar unha garantía do 100% do importe a aboar no pagamento a conta nin verse sometidos a controis a posteriori, quedando só obrigados a verificar a conformidade do seu plan empresarial e o control de permanencia de 5 anos. Así, a axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio, que terá unha duración de 24 meses.

Plans de mellora
O importe da axuda para os plans de mellora será do 30% dos custos elixibles, entre os que se atopan os investimentos para a creación ou reforma de instalacións, a compra de construcións en desuso ou a adquisición de maquinaria que contribúa a aumentar a competitividade da explotación.

Esa porcentaxe do 30% poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ter entre 18 e 40 anos e ter concedida unha axuda para incorporación de mozos, en caso de investimentos de carácter colectivo, de actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

Cómpre ter en conta que as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso deberán presentar a concesión da licenza municipal, como máis tarde, o 30 de setembro de 2023. O mesmo prazo se establece para o caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. O non cumprimento destes requisitos suporá a denegación da axuda.

Pequenas explotacións
No que respecta ás pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma. Considérase unha pequena explotación aquela que como mínimo proporcione un 15% da renda de referencia ou teña 2 hectáreas; e como máximo un 35% da renda de referencia.

Terractiva: un proxecto de apoio á incorporación de novos activos ao campo

O Centro de Promoción Rural-Escola Familiar Agraria (EFA) Fonteboa foi o lugar de presentación do proxecto Terractiva, unha iniciativa levada a cabo de xeito cooperativo entre diferentes organismos que procura crear un marco metodolóxico de cara a capacitación de entidades para o apoio á incorporación de novos activos ao campo, poñendo énfase especialmente sobre os modelos agroecolóxicos e sostibles. Deste xeito, a Xunta aportou 180.000 euros para facilitar o desenvolvemento desta proposta. Nesta liña, Terractiva aposta por producións cun alto potencial no sector agrogandeiro galego, a través do fortalecemento dos marcos de apoio, en particular, mediando e facilitando o acceso á terra ou aportando definición e acompañamento en itinerarios de incorporación a medida, aproveitando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais. Cabe sinalar que esta iniciativa nace da cooperación de diversas entidades que forman parte do grupo operativo que colabora para levar a cabo o proxecto. En concreto, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, a Fundación Juana de Veiga, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e a cooperativa Horsal. O proxecto executarase en 24 meses a través de cinco actividades principais: caracterización das novas incorporacións ao campo, ferramentas de apoio na identificación e acceso a terras de aptitude agraria, ferramentas para guía e acompañamento na incorporación, xestión e coordinación técnica e económico-administrativa e, por último, comunicación e divulgación das actividades e resultados do proxecto.

Desafíos sen resolver para a nova PAC: envellecemento, relevo xeneracional e incorporación da muller

O agro español ten un problema de relevo xeneracional. Un 39% dos beneficiarios das axudas da PAC supera os 65 anos, en tanto só hai un 8% de persoas menores de 40 anos traballando no campo. A falta de atractivo das tarefas agrarias para a muller tamén se deixa notar nas estatísticas: pouco máis dun terzo das beneficiarias da PAC en España son mulleres, segundo os datos dun informe do Fondo Español de Garantía Agraria. En Galicia, a situación é semellante, se ben con datos menos acusados. O 23% dos beneficiarios da PAC ten máis de 65 anos e só hai un 10,3 % de menores de 40 anos. A situación da muller na comunidade, sen embargo, é distinta, pois dáse a circunstancia de que en Galicia hai máis mulleres cobrando a PAC que homes: 12.739 mulleres por 10.288 homes. É unha circunstancia que se explica en gran medida por cuestións burocráticas ligadas ó cobro das axudas, pois a titularidade real das explotacións adoita ser maioritariamente masculina, igual que no resto de España. Se se miran os datos das persoas menores de 40 anos que cobran a PAC, o número de mulleres que se incorporan ó agro en Galicia reflicte a tendencia xeral en toda España: só un terzo das persoas menores de 40 anos no agro galego son mulleres, en tanto dous terzos son homes. Que facer para encarar esta situación? Nos últimos anos, unha cuestión central a debate foi a limitación das persoas xubiladas entre os beneficiarios da PAC, de cara a beneficiar ós agricultores activos e a incentivar as incorporacións. Pero finalmente o Ministerio de Agricultura optou por manter o status quo actual no novo ciclo da PAC, que comeza no 2023. A definición de agricultor xenuíno -que pode aspirar ás axudas- contempla que sexa unha persoa que recibe polo menos un 25% de ingresos agrarios (incluíndo o cobro de axudas). Ademais, os perceptores con menos axudas tampouco terán que xustificar ese mínimo. Deste xeito, argumenta o Ministerio, trátase de beneficiar a aqueles produtores que teñen unha segunda actividade, pero que queren manter tamén a actividade agraria. O caso é que por esa porta tamén entran os agricultores xubilados. En Galicia, a cuestión dos agricultores xubilados non é especialmente significativa, pois aínda que hai un 23% de perceptores de máis de 65 anos, cobran só un 9% do total das axudas, pero en comunidades como Andalucía, hai un 39% de beneficiarios con máis de 65 anos (83.000) que perciben un 39% dos ingresos. En Andalucía iso supón 373 millóns de euros ó ano en pagos directos, máis do triple do que cobran anualmente o total dos beneficiarios da PAC de Galicia, que son 23.000 e reciben 109 millóns anuais. Apoios á muller é á incorporación O Ministerio, pola súa banda, destaca que o novo ciclo da PAC reforza as axudas para a incorporación de mozos, con apoios adicionais para as mulleres que comecen a traballar no agro. Haberá 220 millóns de euros anuais só para apoiar a incorporación de persoas mozas e as mulleres que se incorporen recibirán un 15% máis no pago complementario para persoas mozas. Axudas de desenvolvemento rural As axudas directas da PAC complétanse coas medidas de desenvolvemento rural, que inclúen apoios para empresas non agrarias, actividade forestal ou medidas agroambientais, entre outras cuestións. En Galicia, no 2020 destináronse 43,8 millóns de euros a medidas de desenvolvemento rural, que beneficiaron de xeito similar a mulleres (5.706) e homes (5.839). Neste capítulo obsérvase tamén unha menor presencia de persoas maiores de 65 anos (2,8%), en tanto as persoas menores de 40 anos elévanse ó 15%.

Prazas en estancias formativas para persoas mozas en explotacións gandeiras

Cultiva22 é un programa de estadías formativas dirixido a profesionais da agricultura e a gandería que se incorporasen como responsables de explotación a partir do 1 de xaneiro de 2017 tendo menos de 41 anos naquel momento. Ofrece estancias de 5 a 14 días en explotacións modelo de acollida de todos os subsectores agrícolas e gandeiros, sen custo para as persoas participantes, que deben viaxar a explotacións fóra da súa Comunidade Autónoma de orixe. O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de agosto e as persoas interesadas en realizar unha estadía poden informarse na Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) no 981 58 47 83. Agaca contribúe tamén a este programa de formación coa inclusión de 7 explotacións galegas, pertencentes a catro cooperativas, que acollerán a mozos doutras comunidades. O sector leiteiro achega seis explotacións a Cultiva22. Clun (Cooperativas Lácteas Unidas) presenta a Gandería Sar de Serráns (Mazaricos), que cría vacas en intensivo, e a Ganadería Queirugueira (Val do Dubra), que traballa en semi-intensivo. Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña acollerá mozos en dúas granxas intensivas: O Cancelo (Miño), con vacas de raza Holstein, onde se fan os xeados de Bico de Xeado, e A Esperanza (San Sadurniño), de raza Jersey. Aira propón dúas explotacións da provincia de Lugo centradas no tratamento da xenética: a SAT Algrabusán (en Guntín) e Ganadería Casa Gabino (en Friol). A listaxe complétase cun produtor de Abegondo da cooperativa Lutega, que cultiva lúpulo. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación impulsa e financia este programa.

Bao Hermida SC, unha gandería de nova creación con instalacións en aluguer

Álex, que cambiou as botas de tacos polas catiuscas, xunto ás súas vacas no Arneiro Álex Bao foi xogador de fútbol profesional en equipos como o Lugo, o Pontevedra e o Somozas pero a súa outra paixón sempre foi o gando. "Co meu primeiro soldo no Lugo, con 16 anos, merquei un rabaño de cabras", conta. Agora, xa apartado do mundo do fútbol ("con 27 anos tiven que deixalo por unha lesión cervical", explica), montou xunto á súa parella, María Hermida, unha gandería de vacún de leite que está a dar unha nova vida á antiga SAT Valle Vega.   Álex e María teñen alugadas as instalacións desta explotación do Arneiro, en Cospeito, que levaban catro anos paradas. Como lles acontece a moitas outras ganderías familiares galegas, a falta de relevo abocou aos seus titulares a botar o peche ao chegar á idade de xubilación. 
Álex pasou de pisar o céspede dos campos de fútbol a andar polos prados de raigrás
Pero os investimentos feitos e os anos de esforzo foron neste caso aproveitados por dous mozos que, se non fose deste xeito, terían que ter acometido un gasto moito maior para poder iniciarse desde cero na actividade agraria. "Así aforramos moitos cartos. A estrutura da nave estaba ben e só fixemos unha serie de melloras para poñela ao día. Por exemplo, instalamos arrobadeiras novas e dous cepillos, aumentamos o tramo de recría, renovamos a sala de muxido e mercamos un tanque de frío, incorporamos unha amamantadora e amañamos un espazo onde poñela", detalla Álex.  Mercaron xovencas holstein e procross As vacas holstein puras e as cruzadas procross comparten instalacións e están mesturadas no mesmo lote Unha vez rematada a posta ao día das instalacións trouxeron o gando. "Mercamos de inicio 57 xovencas holstein, todas a Santi, de Finca Asunción", conta. Aínda que están contentos co resultado, decidiron cambiar de estratexia para completar a capacidade da nave e a seguinte remesa de gando foron 12 procross chegadas de Dinamarca. 
Coas holstein metes un investimento moi grande en animais e duran pouco, son animais cun potencial de leite enorme pero moi delicados
"Coas holstein, todas de primeiro parto, no pico de lactación chegamos a unha media de 37,5 litros por vaca e día, pero vexo que son animais moi delicados. Teñen un potencial de leite enorme e tivemos vacas de 60 litros, pero metes un investimento moi grande en animais que duran pouco. A media de Galicia está en dous partos e medio", argumenta.  Menos necesidade de recría O cambio ao gando Procross, animais híbridos froito do cruzamento de holstein, montbeliard e roja sueca, busca precisamente reducir as necesidades de recría da explotación. "Aparte de produción queremos animais duradeiros, senón en ganderías como a nosa os primeiros anos tes que mercar moitas vacas porque non hai recría que che chegue", di. 
Aparte de produción queremos animais duradeiros, senón en ganderías como a nosa os primeiros anos tes que mercar moitas vacas porque non hai recría que che chegue
Álex considera que é perfectamente viable configurar unha explotación con animais puros e cruzados. "Parece que estamos en guerra os que defenden as holstein e os que defendemos as procross, pero penso que son totalmente compatibles. O problema é que cando un gandeiro leva moitos anos traballando a xenética holstein parécelle que cambiar é desfacer o camiño andado, pero non é así. Eu son un apaixoado de todas as razas pero non son un forofo de ningunha, gústanme as jersei, as procross e as holstein", indica. De feito, dentro da súa cabana Bao Hermida SC ten tamén dúas jersei e unha pardo alpina. "Tróuxenas por hobbie, a nosa aposta é polas holstein e, sobre todo, polas procross", aclara.  Dous rabaños diferenciados pero unha mesma ración Traballan cunha empresa de servizos de Muimenta que lles fai diariamente a ración de leite A intención desta gandería é manter puro o lote das holstein e seguir co programa de cruzamento trihíbrido nas procross, diferenciando, polo tanto, a estratexia reprodutiva nunhas e nas outras. "Imos manter os dous rabaños diferenciados, aínda que están mesturadas no establo e van compartir espazo, instalacións e alimentación", indica Álex. 
Parece que estamos en guerra os que defenden as holstein e os que defendemos as procross, pero eu penso que son totalmente compatibles
O carro mesturador que acude a diario a esta explotación é contratado a unha empresa de servizos de Muimenta e prepara unha única ración para as vacas en produción, aínda que as necesidades nutricionais das frisonas e das procross sexan distintas. Esta decisión responde á intención de aforrar custos, pero tamén á de non forzar desde o punto de vista produtivo ás holstein puras. 
Buscamos unha ración única que nos permita que as holstein vaian ben pero sen exprimilas e que sirva tamén para as procross
"Con 20 ou 25 quilos de millo as procross collen graxa, engordan moito e póñense coma búfalos. O millo é moi bo alimento e para arrear leite é perfecto, pero ten ese problema. Por iso estamos dando só 15 quilos de silo de millo, 22 de herba e 12 de concentrado. Buscamos unha ración única que nos permita que as holstein vaian ben pero sen exprimilas e que sirva tamén para as procross", argumenta.  20 hectáreas de regadío para millo Priorizaron as melloras nas instalacións e a compra de gando, coa adquisición inicial de 57 xovencas holstein Bao Hermida SC dispón en total de 45 hectáreas de superficie que destinan a forraxes. "Están todas aquí pegadiñas ás instalacións, son 21 hectáreas de terreo da granxa, 8 propias e outras 15 máis alugadas", explica Álex. Entre a superficie total destacan 20 hectáreas de regadío nas que teñen previsto botar millo esta primavera. "Este ano non o botamos porque a finca estaba pobre, sen abonar desde fai anos e non lle iamos sacar o rendemento que queremos. Temos previsto de cara á campaña deste ano poñer un canón e botarlle millo", avanza. 
Álex e María priorizaron no ano e pico que levan coa gandería as melloras nas instalacións e a compra do gando, polo que non dispoñen de maquinaria e contratan todos os traballos
Álex e María priorizaron no ano e pico que levan coa gandería as melloras nas instalacións e a compra do gando, polo que non dispoñen de maquinaria e contratan todos os traballos á mesma empresa de servizos que tamén lles aporta o servizo carro mesturador.  Entre os seus plans non está contar con maquinaria para as campañas, pero si con aquela de uso frecuente. "Queremos comprar un arrimador, un tractor con pa, unha cisterna para botar o purín e un carro mesturador, porque queremos facer a ración de leite dúas veces ao día para que as vacas teñan comida fresca", explica. Na procura de animais duradeiros Nesta explotación non se resignan a ter que mandar ao matadoiro dentro dun ano ou dous a maior parte das xovencas frisonas que mercaron hai só un ano por mor de problemas reprodutivos, de patas ou de ubres. "Queremos animais duradeiros no establo porque a recría come e supón moito gasto, así que se logras ter animais máis lonxevos aforras cartos. Pero iso coa xenética holstein non é doado de lograr", aseguran.  
A recría come e supón moito gasto, así que se logras ter animais máis lonxevos aforras cartos. Pero iso coa xenética holstein non é doado de lograr
Álex ve máis delicadas as frisonas puras, así que para tratar de incrementar a lonxevidade do rabaño holstein nesta explotación fan baño de patas cada tres días e aumentaron a frecuencia de limpeza da arrobadeira, que pasa cada hora e media. "Con iso acabáronse os problemas de coxeiras e as dermatites, antes saltaba de media un caso ao mes", explica.  As procross foron as últimas en chegar ao establo pero delas Álex destaca que "son máis rústicas e máis duras". "Dan menos problemas, viñan próximas e xa pariu algunha e paren soas e libran moi ben. Teñen menos enfermidades, de patas son máis resistentes e adáptanse de marabilla", asegura. Tamén valora a súa mellor fertilidade e, de feito, está criando un touro para semental pero pensando máis nas repetidoras holstein que nas procross.  Prima por benestar Nas auditorías de benestar animal lograron 57 puntos, o que lles supón un céntimo e medio máis en litro de leite Bao Hermida SC entrega a Naturleite, que fai fincapé nas súas granxas provedoras en cuestións como a calidade do leite e o benestar animal. "Hai unha prima por benestar que vai de medio céntimo a dous céntimos dependendo da puntuación que teñas. Nós estamos en 59 puntos, que nos supón un céntimo e medio", explica Álex, que considera que "o benestar animal é moi importante xa neste momento pero aínda o vai ser máis porque o consumidor demándao e as empresas van ser máis esixentes con iso". 
O benestar animal é moi importante e cada vez o vai ser máis e as empresas van ser máis esixentes con iso porque o demanda o consumidor
A cama que empregan é de colchoneta de goma con material secante por enriba. "Non se adaptaba a cambiar, había que facer unha obra tremenda. O que facemos é usar na mestura un 80% de carbonato e un 20% de serrín e ter sempre material de sobra, aínda que se desperdicie moito. Gastamos uns 14.000 quilos de carbonato e serrín todos os meses, ao ser colchoneta tiran moito para atrás", aclara.
As vacas tardan 4,2 segundos de media en deitarse desde que chegan ao cubículo
Deste xeito, sen chorar o material, lograron facer cómoda e confortable a cama para as vacas e obter boa puntuación nas dúas auditorías de benestar que xa pasou a explotación. "Un técnico estivo tres horas aquí e cun cronómetro medía o tempo que tardaban as vacas en deitarse. De media son 4,2 segundos desde que chegan ao cubículo", detalla. Cama quente nas secas e na recría As camas de carbonato e serrín dos animais en produción fanas dúas veces ao día, mentras as vacas están muxíndose, que é cando tamén aproveitan para limpar os bebedeiros. Tanto as xovencas como as vacas secas están en cama quente de palla, onde  tamén coidan o mantemento. "Ás secas facémosllela cada dous días e ás xovencas todos os días", conta María, que se encarga destas tarefas mentras Álex moxe. 
Os bebedeiros límpanse dúas veces ao día e teñen capacidade para 100 vacas, un 25% por enriba do número de cabezas que temos
A alimentación das secas e as xovencas non a fan no carro mesturador, que fai só unha ración única para as vacas de leite, senón que lles preparan eles. "Dámoslles 2,5 quilos de penso ao día, repartidos entre a mañá e a noite e moita herba seca e silo de herba en rolos moi seco que xa fixemos específicamente para elas cun presecado moi longo", explica Álex. Amamantadora para acelerar o arranque das xatas Parte da recría da explotación. Nas xatas manteñen a liña holstein pura nas frisonas e cruzada nas procross As instalacións da antiga SAT Valle Vega teñen capacidade para 157 animais en total, con 72 cubículos e outras tantas trabadizas para animais en produción e o resto do espazo dividido entre secas e xovencas. Fóra do que é a nave principal, noutra corte, instalaron unha amamantadora nodriza para as becerras en lactación, cun triplo obxectivo: ter un local limpo e seco para iniciar a recría, reducir tempo e man de obra nos coidados e lograr un medre maior nas xatas. 
Ata agora dabamoslles o que elas querían mamar en dúas tomas, á mañá e á noite, e non tivemos ningún problema nin ningunha baixa, pero gústame a nodriza para que leven as tomas máis repartidas e non teñan eses atracóns
"Gústanos que as becerras arrinquen moi ben. Até agora estivemos dándolles o leite das vacas porque se nos adaptaba ben ao manexo que faciamos. Dabamoslles o que elas querían mamar, algunha xata cun mes tomaba 8 e 9 litros en cada toma e non tivemos nin unha soa baixa nun ano. Dabamos á mañá e á noite coincidindo cos horarios de muxir, pero gústame a nodriza para que leven as tomas máis repartidas e non teñan eses atracóns", argumenta Álex. 
Non destetamos até os 3 meses porque eu penso que mentres maman é cando máis medran e a maiores teñen preestarter a libre disposición desde que cumpren unha semana
Agora coa amamantadora as becerras están 7 días con leite de vaca e logo pasan ao lactoreemprazante en po da nodriza. A partir dos 7 días teñen tamén penso preestarter a libre disposición e herba seca e non as destetan até os 3 meses. "A xente di que é unha loucura, pero eu penso que mentres maman é cando máis medran as becerras", xustifica. Unha vez destetadas, até os 5 meses as xatas seguen tendo o penso a libre disposición e logo raciónanllelo a un máximo de 2,5 quilos ao día.  Calidade do leite Fan fincapé no mantemento das camas e na frecuencia de limpeza da arrobadeira, que pasa cada hora e media Bao Hermida SC entrega desde o principio á planta de Meira mercada pola cooperativa andaluza Covap para subministrar á cadea Mercadona. "Estamos con Naturleite desde que empezamos, entendémonos ben e estamos contentos con eles, son serios", asegura Álex. 
Están por debaixo das 100.000 células e de 10 en bacterioloxía
"Fan fincapé no benestar animal e na calidade do leite, que eran tamén as nosas prioridades. Aquí recollen o leite todos os días, que para min é unha cousa moi importante. O camión chega aquí ás 6 e media da mañá", explica. Nesta gandería están por debaixo de 100.000 células somáticas e por debaixo de 10 en bacterioloxía, con medias de 4,11% de graxa e 3,58% de proteína nas analíticas.  
Levamos meses sen ter mamites. Ás veces é mellor aforrar noutras cousas e non na cama, ademais porque as vacas canto máis tempo están deitadas máis leite dan
"Levamos meses sen ter mamites. O carbonato axuda, pero tamén o mantemento continuo, nós temos sempre as camas moi coidadas e moi secas. Ás veces é mellor aforrar noutras cousas e non na cama. As vacas canto máis tempo están deitadas máis leite dan e canto mellor é a cama menos problemas de ubre", argumenta Álex.  Rutinas no muxido Álex e María atenden sós a explotación, aínda que teñen en mente contratar a un traballador para lles axudar. Teñen as distintas tarefas repartidas, aínda que de muxir encárgase sempre Álex. "Muxir fágoo eu só sempre. É unha sala tándem 4x2 co foso longo e ao ser un só hai que andar áxil, pero para 70 vacas vai de luxo, porque é un muxido moi tranquilo onde as vacas non teñen competencia", destaca. Os horarios de muxir téñenos fixados nas 8 da mañá e nas 8 da tarde. Aínda que a sala é antiga e levaba tempo parada, estaba ben equipada, por exemplo con medidores, e a posta ao día que lle fixeron deixouna en perfecto estado. "O arreglo foi de 6.000 euros porque houbo que cambiarlle as gomas todas e mercamos tamén un tanque de 5.000 litros", conta Álex mentres se esmera, concentrado, en completar un traballo meticulos de muxido.  

De defensa central a ter unha granxa de 700 cabras durante 3 anos en Guntín

Álex no medio das súas vacas secas. Asegura que prefire a vida de gandeiro antes ca de futbolista Aínda que leva só un ano coas vacas, esta non é a primeira experiencia de Álex como gandeiro. El é de Loentia, en Castro de Rei, a 15 quilómetros do Arneiro, e durante os máis de 10 anos nos que xogou ao fútbol de maneira profesional (era defensa central, primeiro no Lugo, onde estivo ás ordes de Quique Setién, logo no Pontevedra e despois no Somozas, co que logrou o ascenso a Segunda B no 2014) sempre tivo aquel rabaño de cabras que mercara co seu primeiro soldo no Lugo. "Cheguei a ter alí 120 cabezas, era unha explotación para a produción cárnica", conta. Pero cando no 2016 tivo que deixar o fútbol, obrigado polas lesións, decidiu apostar pola súa outra paixón, a gandería. Cambiou entón a explotación de carne e enfocouna á produción de leite, alugando en Guntín unha nave de 5.000 metros cadrados propiedade da cooperativa Icos que estivera xa destinada á produción de leite de cabra antes de ter un baleiro sanitario. 
Fun moi feliz sendo futbolista e sigo sendo moi feliz agora sendo gandeiro. É un traballo moito máis suxeito pero se teño que escoller prefiro a vida tranquila que levo agora
A explotación, que levaba xunto ao seu irmán Ramiro, chegou a ser unha das máis grandes de Galicia. "Chegamos a ter 700 cabras de raza alpina francesa, consideradas xunto as saanen as dúas razas máis leiteiras. Vendiamos 2.000 litros ao día a Queixerías Sarrianas", lembra.  "Tratábase dunha explotación en intensivo, alimentabamos con palla, veza, alfalfa e concentrado, e a nosa intención era chegar ás 2.000 cabezas porque tes que ter moito volume para que compense, pero até agora tampouco había moita demanda aquí. Os animais mercarámolos nunha explotación moi grande que hai en Zamora. Non había ningunha explotación deste tipo en Galicia", conta. 
Unha lesión apartou a Álex do fútbol e despois a enfermidade do seu irmán Ramiro do mundo das cabras
Pero aquela aventura, que durou tres anos, rematou por un problema de saúde do seu irmán. "Ramiro tivo que deixalo por enfermidade e quedei eu só na granxa. É moi difícil atopar man de obra porque a xente prefire traballar en explotacións de vacas e non de cabras, así que me vin eu só pelexando con 500 cabritos na nodriza cando nacen e acabei decidindo deixalo. As cabras vendinas todas para Lleida, foron ben vendidas porque tiña moi bo gando", asegura.  Desde a súa experiencia neste sector, considera que "Galicia non está preparada para ter cabras, Galicia é de vacas e non está profesionalizada, non hai veterinarios nin nutrólogos especialistas, igual que os hai para as vacas, así que dependes sempre de técnicos de fóra, de León ou de Zamora, e cando tes un problema non che veñen desde aló", di. 
Galicia é de vacas, non está preparada para ter cabras, non hai técnicos nin está profesionalizada nese sector
Agora, aos seus 31 anos, Álex volve reinventarse cunha explotación de vacas de leite. Considera que gañou co cambio de cabras por vacas porque, di, "o mundo das cabras non ten nada que ver con isto, é moito máis traballoso e duro, sobre todo na época dos partos". Apartado desde fai 5 anos dos campos de fútbol, os prados que pisa agora son de raigrás e reparte o seu tempo entre a explotación e a súa filla. "Fun moi feliz sendo futbolista e sigo sendo moi feliz agora sendo gandeiro. É un traballo moito máis suxeito pero se teño que escoller prefiro a vida tranquila que levo agora", asegura. 

Tres frontes abertas na batalla por mellorar a fiscalidade do agro

O malestar existente no agro con Hacienda por algúns dos impostos que arrastra o sector constitúe desde este venres a prioridade de traballo do Consello Agrario Galego, un órgano consultivo da Administración participado pola Consellería do Medio Rural, organizacións agrarias e cooperativas. A reunión do Consello Agrario deste venres saldouse cun acordo unánime para crear un grupo de traballo que aborde con Hacienda e Seguridad Social melloras para a fiscalidade do agro. A primeira cuestión a abordar serán os impostos que recaen sobre as persoas mozas que se incorporan ó agro. A base de traballo son as recentes resolucións do Tribunal Económico – Administrativo de Galicia que obrigan a que Hacienda devolva parte dos impostos que lle cobrou a arredor de 2.000 persoas mozas que se incorporaron ó agro en Galicia desde o 2014.
"Os cartos que Bruxelas envía para promover o relevo no agro acaban financiando a Hacienda. É algo sen sentido que temos que cambiar" (Roberto García, Unións Agrarias)
As resolucións do Tribunal Económico Administrativo, logradas tanto por Unións Agrarias coma polo Sindicato Labrego, recoñecen que as axudas para incorporación deben tributar como axudas de capital para investimentos, non como axudas correntes. O cambio de clasificación permitirá que as persoas mozas que se incorporaron no 2014-2015 recuperen ata un 30-40% dos impostos que lles cobraron indebidamente. Para a xente incorporada a partir do 2016, as devolucións serán menores pero tamén se verán beneficiadas do proceso de devolución. En total, a Xunta calcula que haberá uns 2.000 beneficiarios da devolución. O problema agora está en que Hacienda se nega a facer as devolucións de oficio, polo que salvo que cambie de criterio, será precisa a apertura de procesos contencioso – administrativos caso por caso. O grupo de traballo creado no Consello Agrario ten previsto manter unha reunión con Hacienda para abordar esta situación e buscar solucións que faciliten a devolución dos cartos. “Esta é unha primeira cuestión a resolver con Hacienda, pero haberá que ir máis alá e eliminar por completo os impostos das axudas de incorporación. Non ten sentido que Bruxelas dea uns cartos para promover o relevo xeneracional no agro e que eses fondos acaben financiando nunha parte importante a Hacienda”, cuestiona o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.
O problema das licencias nas axudas de incorporación e plans de mellora O debate no Consello Agrario sobre as axudas de incorporación foi aproveitado polo Sindicato Labrego para trasladar outro dos problemas que preocupa no sector, a esixencia de licencias de obra na presentación das solicitudes de axudas de incorporación e plans de mellora. “É algo que vimos reclamando tódolos anos e que sería sinxelo de cambiar. As licencias deberíanse pedir á hora de certificar a obra para o cobro da subvención, non no intre da solicitude, xa que hai moitos solicitantes que non van ter a licencia a tempo”, cuestiona a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba. A organización agraria lembra que hai Administracións como a Confederación Hidrográfica que tardan meses en contestar as solicitudes de licencias, polo que estas non estarán a tempo. “A solución que nos propón a Xunta, que non é tal solución, é que se pidan as licencias cun ano de antelación”, sinala isabel Vilalba.
Cesións de dereitos intrafamiliares Outra cuestión que puxeron sobre a mesa as organizacións agrarias é a da cesión familiar de dereitos da PAC, ben a un fillo, ben á parella do titular da explotación cando este se xubila. “É simplemente un cambio de titular dos dereitos na mesma explotación, pero non hai venda nin beneficio por ningún lado. É un caso totalmente distinto dunha venda de dereitos a un terceiro, polo que non ten sentido que a Axencia Tributaria pida que as cesións intrafamiliares de dereitos se computen como unha gañancia patrimonial”, explica o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.
"As Administracións adícanse a poñerlle atrancos á xente que traballa no campo, interpretando a lexislación en contra das necesidades do agro" (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)
Cotizacións e fiscalidade na agricultura a tempo parcial Un terceiro punto a abordar con Hacienda e Seguridad Social será o tratamento das persoas que traballan a tempo parcial na agricultura, un sector que ten gran importancia en Galicia en sectores coma o viñedo, a horta, a castaña ou as mazás, entre outros. “Son persoas que non poden cotizar a tempo completo, pero que están desempeñando unha gran función no territorio que hai que facilitar. Estámonos atopando unha e outra vez con que a Administración interpreta a lexislación dun xeito que non ten nada que ver coas necesidades do sector e que representa atrancos para as persoas que queren traballar no agro”, cuestiona a responsable do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba. Tanto o Sindicato Labrego coma Unións Agrarias valoran en positivo que se acadara un consenso no Consello Agrario para abordar as cuestións de fiscalidade que preocupan no agro. Desde o Sindicato Labrego destácase a creación dun grupo de traballo que fará unha labor continúa e estase “á expectativa dos resultados”. Por parte de Unións, valórase tamén en positivo o cambio de criterio da Consellería, pois lembran que durante a última parte do goberno de Rajoy “o grupo popular votou no Parlamento español en contra de mellorar a fiscalidade para as persoas que se incorporan”.

Decreto de emisións e axudas agroambientais a partir do 2020

O borrador do plan estatal de emisións de gases de efecto invernadoiro, que castiga ó vacún en beneficio doutros sectores, coma o porcino, foi tamén abordado hoxe no Consello Agrario a iniciativa do Sindicato Labrego. “É unha cuestión que nos preocupa, pois perxudica á gandería galega, pero sorprendeunos que a Consellería nos dixera que ninn era coñecedora do tema nin tiña un borrador do proxecto”, cuestiona Isabel Vilalba. O Sindicato Labrego instou tamén á Xunta a buscar solucións para que as axudas agroambientais non se perdan ningún ano na transición do actual ciclo da PAC, ó seguinte, que previsiblemente farase en torno ó 2021. “Débense reprogramar os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural ou aportar fondos propios para que non se perdan estas axudas ningún ano en Galicia, tal e como xa están facendo comunidades veciñas. Para ganderías que traballan en ecolóxico ou con razas autóctonas son unha aportación fundamental para a súa viabilidade”, advirte Vilalba.

Propostas da Xunta para cambiar a fiscalidade das axudas de nova incorporación

O conselleiro de Medio Rural, José González, informou en Silleda sobre as propostas que a Xunta lle remitirá ó Ministerio de Facenda para reformar a fiscalidade das axudas de nova incorporación. González aproveitou a sesión formativa, organizada polo seu departamento e dirixida a mozos que se acaban de incorporar á actividade agrogandeira, para concretar o cambio que propoñen para a actual normativa do IRPF.

Tributar durante todo o período de amortización

O principal cambio suxerido, na liña das propostas das organizacións agrarias, céntrase en evitar que a axuda concedida deba tributarse xa íntegra ese mesmo ano, cando tal e como recoñeceu o conselleiro, nalgúns casos os beneficiarios aínda non recibiron a totalidade da aportación. “Non se debería ter que afrontar todo o pago xusto cando se está empezando coa actividade, que son os momentos máis difíciles”, indicou González. Así, a Consellería propón que este pagamento se reparta durante o período de amortización do activo adquirido, é dicir durante a súa vida útil.

Período mínimo de 5 anos de imputación

Ademais, nos casos en que os activos teñan un período de amortización curto, como poderían ser os programas informáticos específicos, González reivindica que a tributación da axuda poida repartirse alomenos durante cinco anos. A Xunta propón este período, posto que é tamén o prazo no que os mozos se comprometen a manter a actividade cando solicitan a subvención.

Progresividade da tributación

Á par de conseguir aliviar o pago da tributación ó repartilo, esta modificación tamén permitiría que os beneficiarios pagasen menos, debido á progresividade que ten o imposto. Estas reducións poden implicar que o tipo impositivo baixe dun 30% a preto dun 15% se este abono se fai en varios anos.

Procedemento común para tramitar as devolucións

Medio Rural tamén lle esixirá ó Ministerio de Facenda que facilite unha tramitación axeitada das devolucións dos cobros indebidos efectuados durante os últimos cinco anos, no canto de ter que solicitalos de xeito individual. Polo momento, tampouco están definidos os criterios para as tramitacións das devolucións. González adiantou que de non facelo o Ministerio de Facenda, a Consellería se encargará de informar do procedemento a seguir por parte dos beneficiarios. O conselleiro recordou que estas peticións xa se remitiran ó Ministerio nunha proposición non de lei, que conseguira o respaldo unánime, ademais de polo presidente da Xunta este mesmo verán nunha reunión coa ministra de Facenda.

“Tiñas que asumir como normal que Facenda se levase o 30% da túa axuda de incorporación”

Conchi Docampo, unha agricultura en ecolóxico de Vedra (A Coruña) incorporada no 2014, é unha das persoas que obtivo recentemente a devolución dos impostos que Facenda lle cobrou de xeito indebido pola súa axuda de incorporación. O seu caso, igual que outros que trascenderon nas últimas semanas, foi resolto o seu favor polo Tribunal Económico – Administrativo de Galicia. Tódalas persoas incorporadas do 2014 ó 2018 con axudas públicas terán que presentar os correspondentes recursos ante este Tribunal para solicitar tamén que se lles devolvan parte dos impostos pagados. É a situación na que se atopa Sonia Vidal, gandeira de vacún de carne en Xunqueira de Ambía (Ourense) e coordinadora de Mocidade no Sindicato Labrego Galego. Sonia incorporouse no 2017 cunha axuda de 25.000 euros e tivo que pagar 7.000 de impostos de Facenda. “Ata agora tiñas que asumir como normal algo inxusto, como era o feito de que Facenda se levase o 30% da túa axuda de incorporación. Eu xa nunca contara cos 25.000 euros, sabía que me pasaría coma á maioría, que tiñan que pagar de media uns 7.000 – 9.000 euros de impostos”, explica Sonia, que deu hoxe unha rolda de prensa acompañada por Conchi Docampo e pola secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba. A organización agraria lembra que a porcentaxe de persoas que recurriron os impostos nos últimos anos foi mínima, polo que demanda do Ministerio un procedemento áxil e simple para a devolución dos cartos a tódolos produtores ós que se lles cobraron cantidades indebidas. A cuestión de fondo é que Facenda computaba as axudas de incorporación como subvencións correntes, polo que esixía que se declarasen integramente na renda seguinte, “en moitas ocasións antes de que se cobrase a axuda”, lembran as afectadas. Os novos produtores viñan reclamando que as axudas computasen como “axudas para o investimento, non coma gañancia patrimonial”, e que se puidesen declarar fraccionadas alomenos nun prazo de cinco anos, periodo no que os agricultores incorporados están comprometidos polas axudas a manter a actividade. O Tribunal Económico – Administrativo fallou nas últimas semanas a favor de varios produtores que presentaran reclamacións no seu día, o que abre as portas a que o resto de beneficiarios das axudas tamén solicite a revisión dos seus impostos. Un dos primeiros casos en lograr unha resolución favorable foi o de Conchi Docampo, unha produtora de horta en ecolóxico que se asentou en Vedra no 2014 coa súa parella. “Comezamos desde cero. Queriamos vivir e traballar no rural, así que no 2014 solicitamos unha axuda de incorporación e fixemos un investimento. Foi duro comezar desde cero porque afrontas moitos gastos e tardas meses de traballo en comezar a ter unha renda” -lembra.- “Atopámonos ademais con que no 2015, Facenda negouse a que computásemos a axuda como unha subvención para investimentos, que é o que é, pois gástala toda na explotación, e obrigounos a computala como subvención de gasto corrente. Ante iso, reclamamos ó Tribunal Económico-Administrativo, que vén de darnos a razón hai unhas semanas”, conclúe.

Proposta dun plan integral de apoio ás persoas incorporadas

Rolda de prensa do SLG hoxe en Santiago. O Sindicato Labrego demanda tamén da Xunta un plan integral de apoio ás persoas incorporadas, pois percibe que os novos produtores enfróntanse a multitude de atrancos que rematan por levar parte das incorporacións ó fracaso. Para o Sindicato Labrego é fundamental un bo asesoramento ós novos produtores que garanta a rendibilidade futura das súas explotacións, así como medidas transversais en diversos eidos que faciliten o acceso a vivenda, a terras e a servizos. A coordinadora de Mocidade do Sindicato Labrego, Sonia Vidal, incide en que en Galicia “temos un problema grave de despoboamento e de envellecemento no rural, pero non se lle presta apoio á xente nova que apostamos por quedarnos no agro. Estamos sen servizos, non tes unha gardería para os nenos nin un simple parque”, cuestiona. Outro asunto que preocupa ó Sindicato Labrego é a das axudas da PAC. “É necesario que na nova PAC poidan entrar os novos produtores en caso de que non conten cunha explotación familiar anterior con dereitos”, advirte Isabel Vilalba.
Máis información - Medio Rural comunicará ós mozos incorporados a devolución de impostos lograda polas organizacións agrarias.

Medio Rural comunicará ós mozos incorporados a devolución de impostos lograda polas organizacións agrarias

A Consellería do Medio Rural anuncia que informará por carta a tódolos beneficiarios de axudas de incorporación desde o 2014 sobre a posibilidade de recuperar parte dos cartos que lle tiveron que pagar a Facenda. A Administración galega trasladaralle así ós produtores os casos recentemente gañados polas organizacións agrarias ante o Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia, indicándolles que deberán cursar reclamacións individualizadas, caso por caso, se queren recuperar as cantidades que Facenda cobrou indebidamente. O Tribunal Económico – Administrativo Rexional de Galicia doulle a razón recentemente a un gandeiro que consideraba que a súa axuda de incorporación debía tratarse como unha axuda de capital, de xeito que puidera imputarse en varios exercicios e non só nun. O cambio de criterio non é menor, pois as persoas mozas incorporadas no 2014 e no 2015 poderán recuperar de media un 30-40% do que lle pagaron a Facenda no seu día, segundo calculan en Unións Agrarias. Para os beneficiarios do periodo 2016-2018, a recuperación de cartos será menor, pero a parte deles tamén lles compensará a reclamación, segundo valoran desde Unións. “Hai que estudar caso por caso. A cuestión é que no 2014 e no 2015, a Administración obrigaba a destinar os primeiros 20.000 euros da axuda a investimentos na explotación, co cal tódolos beneficiarios das axudas poderán reclamar que se computen como axudas de capital e non coma subvencións correntes. A partir do 2016, os primeiros 20.000 euros dábanse a fondo perdido, pero aqueles beneficiarios que cobrasen máis de 20.000 euros, tamén poderán reclamar os impostos pagados polas cantidades que percibiran a maiores deses 20.000”, explica Óscar Pose, de Unións Agrarias. A organización agraria está a recibir numerosas consultas nos últimos días de mozos incorporados e ten previsto realizar en breve unha serie de charlas comarcais para informar ós afectados. A esa información súmase a da Consellería do Medio Rural, que notificará por carta a tódolos beneficiarios das axudas de incorporación a posibilidade de presentar reclamacións. Esta foi unha petición expresa do Sindicato Labrego no último Consello Agrario. Desde o Sindicato Labrego sinalan que tamén obtiveron recentemente resolucións favorables no Tribunal Económico-Administrativo. Estas resolucións non sentan xurisprudencia, pero si dan pé a que outros gandeiros afectados na mesma situación logren que os seus recursos sexan aceptados.

Polémica por unha axuda de Medio Rural ó fillo universitario da conselleira do Mar

Un fillo da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que ten 21 anos e cursa unha carreira universitaria en Santiago, foi beneficiario dunha subvención concedida por Medio Rural en decembro para unha explotación gandeira de Ordes, segundo unha información publicada polo xornal Economía Digital. O beneficiario, Marcos Luis Ortega Quintana, tería renunciado posteriormente a esa axuda, segundo sinala a Consellería do Medio Rural. O asunto orixinou hoxe unha polémica política, con acusacións do PsdeG de trato de favor por parte da Xunta ó fillo da conselleira do Mar. Desde a Consellería do Medio Rural, publicaron esta tarde unha nota de prensa na que din desmentir o suposto trato de favor ó fillo da conselleira do Mar: “A Consellería do Medio Rural quere desmentir as graves acusacións vertidas no día de hoxe por un partido político -en alusión ó PsdeG- sobre este departamento ao respecto do reparto de axudas da convocatoria para investimentos en explotacións agrícolas, para a creación de empresas para agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións”. O fillo de Rosa Quintana vira aprobada a súa solicitude para a creación dunha empresa para desenvolver unha pequena explotación, unha liña que conta cunha achega estándar de 15.000 euros por beneficiario. “Esta subvención para o desenvolvemento de pequenas explotacións -detalla a Consellería- concédese ás persoas que sexan xa titulares dunha pequena empresa agraria, inscrita no rexistro de explotacións agrarias de Galicia e que teña por obxectivo poñer en marcha un novo plan empresarial que permita mellorar a esa compañía existente. No caso que nos ocupa, o solicitante cumpría con todos os requisitos e, como o resto de demandantes que os cumprían (un total de 154), concedéuselle unha axuda de 15.000 euros á que finalmente renunciou”. Medio Rural mantén que “estamos a falar dunha solicitude de axuda á que o propio beneficiario renunciou por cuestións alleas ao cumprimento das condicións da subvención, a pesar de cumprir estritamente con todas e cada unha delas, ter acreditado a súa solicitude para o desenvolvemento dunha actividade na que leva traballando varios anos e malia ter todo o dereito a pedila coma calquera cidadán”.

Unións advirte de que o prazo para os plans de mellora deixa fóra a potenciais beneficiarios

Unións Agrarias critica o que considera un “recorte encuberto” por parte da Consellería do Medio Rural. A organización agraria advirte de que o prazo dun mes fixado para as solicitudes de plans de mellora e de incorporación ó agro é insuficiente, polo que quedarán fóra moitas solicitudes. O prazo remata o luns 16 e segundo Unións, nas oficinas de Extensión Agraria nos últimos días xa se “está animando á xente a non presentar as solicitudes pola falta de tempo para tramitalas en prazo”. Desde a organización agraria consideran limitado o prazo dun mes para a presentación das solicitudes, tendo en conta tamén que polo medio estaba a Semana Santa. Unións sostén que se trata dunha estratexia de Medio Rural para reducir as denegacións de expedientes, evitando xa así a súa presentación. Desde o sector agrario, técnicos independentes que están tramitando estas mesmas axudas tamén constataran nos últimos días a imposibilidade de presentar tódalas solicitudes en prazo, polo que se espera que haxa unha ampliación de prazo por parte da Consellería. A maiores do problema dos prazos, Unións cuestiona algúns dos cambios da convocatoria de plans de mellora deste ano, como a reducción da porcentaxe de investimento financiada pola Xunta, que pasou do 40 a un 30% “nun horizonte de mercado complexo para o agro”, incide Unións. Por último, a organización reitera unha vez máis a necesidade de reducir os impostos que lle carga Facenda ás axudas de incorporación ó agro. “Faise caixa coas axudas, danllas por un lado ás explotacións e quítanllas polo outro”, cuestionan.