Archives

A Xunta crea un equipo multidisciplinar especializado en grandes incendios forestais

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este martes en Boqueixón (A Coruña) unha nova xuntanza do Consello Forestal de Galicia no que se abordou a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais e cuestións como a creación dun equipo multidisciplinar especializado en grandes incendios forestais no marco do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2023, como previo paso a que o documento sexa aprobado no Consello da Xunta. En concreto, créase unha unidade de directores de extinción composta por un equipo de traballo formado por persoal especialmente cualificado e especializado nos labores de dirección de extinción para actuar nos lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal, coma os acontecidos o pasado verán no Courel e Valdeorras.
Crearanse tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés e en Mondariz
Este ano crearanse tamén tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés (Muíños) e en Queimadelos (Mondariz), Terán medio cento de efectivos para cubrir todas as quendas e sumaranse ás xa existentes nas bases de Marroxo (Monforte), Campiño (Pontevedra) e Vilamaior (Verín). Con estas brigadas dispoñerase de medios e persoal durante todo o ano. Está prevista a compra de 15 motobombas e doutros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Ademais, ao longo deste exercicio poderanse adquirir outros tres vehículos motobombas e outros dous batracios.

Lei de loita integral contra os incendios forestais

Durante a xuntanza do Consello Forestal de Galicia, González tamén puxo en valor a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais, cuxo anteproxecto inicia a súa tramitación. Pese a que o titular de medio Rural salientou que a nova norma atende a recomendacións de distintas entidades expertas, tamén é certo que ata o momento o sector descoñece o anteproxecto presentado, xa que non tiveron acceso ó documento. Deberán esperar a que se abra o prazo de exposición pública para coñecelo en profundidade, o que xerou certo malestar ó non participar dun xeito máis directo na nova lei e non podelo abordar en detalle no Consello Forestal. González apuntou a posibilidade de volver tratar a nova lei cando se convoca o Consello Forestal para presentar o ‘Libro blanco’ de Montes Veciñais en man común. Entre os aspectos que destacou o conselleiro da nova lei figura a creación do Mapa dinámico de perigo de incendios forestais, un documento técnico que reflicte a zonificación do territorio desde a perspectiva de risco de ocorrencia de incendios forestais. Este mapa terá en conta o combustible existente, a frecuencia histórica de lumes ou as súas causas e motivacións.
A nova lei contempla un mapa dinámico dos perigos forestais e plans preventivos por distrito
Tamén se establecerán a nivel autonómico as zonas de alto risco de incendios, nas que a frecuencia ou virulencia dos lumes e a importancia dos valores ameazados fan necesarias medidas especiais de protección e para as que se terán en conta as mesas abertas de traballo, unha canle de participación pública nova. Estas zonas permitirán definir a nivel distrito as áreas estratéxicas de xestión, zonas de actuación singularizada no territorio nas que se optimizarán combustibles, usos, actividades ou infraestruturas para limitar a potencialidade dos incendios. O anteproxecto inclúe tamén os plans preventivos por distrito, que ampliarán os actuais plans preventivos municipais. Neles deberán establecerse faixas de seguridade primarias, secundarias e terciarias, darán orientación para a alternancia de teselas de diferente inflamabilidade, identificarán zonas para facer queimas prescritas e os puntos de vixilancia fixa e a rede de puntos de auga, ademais de todos os medios dispoñibles de prevención e extinción. Neste contexto, tamén se ofreceron algúns dos datos de mantemento das faixas secundarias, que ocupan unhas 85.000 hectáreas e das cales unhas 60.000 se atopan limpas, cuxos traballos de mantemento son asumidos polos propietarios ou os Concellos. Mentres, o 30% restante inclúen parcelas con algunha problemática como ter un propietario descoñecido e que permanecen sen limpar, co risco que iso supón. Esta é unha das cuestións que colectivos como Asefoga teñen previsto incluír nas propostas á nova lei, con alternativas que pasan por buscar a declaración de interese público destas zonas, para evitar que os gastos recaian deste xeito directo nos propietarios. No relativo ao sistemas preventivos vinculados ao territorio, o conselleiro sinalou que está previsto dispor das paisaxes en mosaico, cuxas descontinuidades na biomasa procurarán a diversificación agroforestal do territorio freando ou atenuando os efectos dos incendios coa implantación de actividade sustentable. Así, dentro destas paisaxes cortalumes prevén impulsar os polígonos cortalumes no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, as agrupacións forestais de xestión conxunta, actividade agrogandeira ou árbores frondosas autóctonas ou froiteiras nas faixas de seguridade e as súas ampliacións  e sistemas silvopastorais e gandería en extensivo.

Melloras de infraestrutura e tratamentos preventivos en montes do distrito forestal IX Lugo-Sarria

A Consellería do Medio Rural está realizando diversas actuacións preventivas en montes e infraestruturas do distrito forestal IX Lugo-Sarria, en concreto, nos concellos de Castroverde, Láncara, Lugo, Sarria, Guntín e Portomarín. Os obxectivos polos que se levan a cabo estas accións son evitar a propagación de incendios e facilitar as labores de prevención, ou extinción no caso de incendio. Así, os traballos consisten no arranxo de camiños forestais mediante a execución de roza, faixas auxiliares, refino, planeo e escavación de cunetas ou colocación de canos nas pistas forestais dos montes de Guntín, Santa Uxea, Entrambasaguas e Pradeda -localizados no concello de Guntín-, e Biduedo, Sabadelle e Ferreira -no concello de Portomarín-. Nestes casos, a superficie que se está traballando correspóndese cun total de 45,39 hectáreas. Outra das accións que se están a levar a cabo consiste na roza de matogueira e na realización de faixas auxiliares nas marxes de pistas forestais que atravesan os montes dos concellos de Castroverde, Láncara, Lugo e Sarria, incidindo ademais en áreas cortalumes. Con esta actuación búscase evitar a propagación de incendios forestais e facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción de incendios. Ao igual que as obras anteriores, estas tamén están situadas en zonas declaradas de alto risco de incendios forestais e abarcan unha superficie total, neste caso, de 66,99 hectáreas.

Solidariedade cos gandeiros afectados polos incendios do Courel

Unha vez máis, trala vaga de incendios, sae a relucir a solidariedade entre gandeiros. Neste caso, membros da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema veñen de facer dous envíos de forraxe destinados a produtores afectados polos lumes deste verán no Courel.  Un primeiro envío, mandado hai tres semanas, contiña 32 rolos de silo con destino a un produtor de Ternera Gallega Suprema de Folgoso. Un novo tráiler enviado esta semana levou 31 rolos de herba seca para outras dúas explotacións da zona, unha de ovino e outra de caprino. "Deste xeito queremos apoiar aos compañeiros e compañeiras afectadas e animalos a seguir traballando polo noso rural", explican desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema. 
Enviáronse en total 32 rolos de silo e 31 de herba seca procedentes da zona de Portomarín
As tres ganderías que van recibir os rolos víranse afectadas polo lume de Quiroga deste verán tanto nas zonas de pasto como de recollida de forraxe, polo que non dispoñían das reservas necesarias para a alimentación do gando durante todo o inverno.  Os rolos procedían da zona de Portomarín, dun gandeiro que tiña excedente de forraxe este ano e foron mercados por parte da Asociación a través das cotas dos socios. Nos envíos tamén colaborou o Concello de Folgoso do Courel, que correu cos gastos de transporte desde a zona de Portomarín, de onde procedían os rolos. "Nós puxemos a forraxe e o Concello pagou o custo dos tráilers", explica o presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que non descarta novos envíos en función das existencias das ganderías da zona que se viron afectadas polo lume. "Se hai explotacións que o necesiten igual facemos outro envío de herba seca", avanza Santiago Rego.

O abc da normativa forestal para prevención de incendios

Un verán máis, sucédense en Galicia os incendios nos que se declara a situación 2 de alerta, é dicir aqueles lumes que poñen en perigo vivendas e núcleos de poboación. Os últimos, estes días en Ponteareas e Moaña (Pontevedra). O de Moaña mesmo obrigou onte a cortar a autovía do Morrazo, pois as lapas chegaron á beiravía e o fume invadiu a calzada. Así as cousas, repasamos a normativa forestal sobre distancias e outros criterios de prevención e xestión, que ata o de agora tiveron máis éxito no papel que na práctica. A dimensión do monte en Galicia (2 millóns de hectáreas), unida á existencia de 30.000 núcleos de poboación, ó minifundio e ó envellecemento e despoboación do interior galego, complican a xestión do territorio. Galicia conta desde o 2007 cunha normativa de prevención de incendios, se ben, os criterios endurecéronse a partir do 2018, trala vaga de lumes do 2017, que deixara máis de 150 vivendas afectadas. Este 2022 volveron repetirse as escenas de aldeas queimadas ou ameazadas, en especial nos incendios de xullo do Courel e Valdeorras.
  • Distancia do monte a vivendas e núcleos de poboación. Arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable debe manterse unha franxa de 50 metros rozada e libre de piñeiros, eucaliptos e acacias. Esta franxa de 50 metros ten que respetarse tamén en teoría arredor de campings, gasolineiras e parques industriais. Na franxa de 50 metros poden manterse frondosas caducifolias (carballos, bidueiros, castiñeiros, etc.), que só deben gardar unha separación de 2 metros co solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable.
  • Prazos de xestión da biomasa. A xestión da biomasa deberá realizarse antes do 31 de maio cada ano e en caso de ser requirido, o propietario dispón por Lei dun prazo de 15 días prorrogable en casos debidamente xustificados. A obriga de rozar o terreo é do propietario e poderá contratalo ou elixir o sistema que considere oportuno. En caso de que o propietario non responda ó requerimento da Administración, esta poderá executar as rozas e cortas de xeito subsidiario, cargándolle os custos ó propietario.
  • Distancia do monte a solo agrario. En solos de especial protección agropecuaria, o arborado ten que manter unha distancia de 10 metros, en tanto nos labradíos que non sexan de especial protección agraria, as frondosas poderán estar a 4 metros.
  • Xestión do monte arredor de instalacións eléctricas. A normativa establece que o propietario forestal ten que manter rozados 200 metros de perímetro arredor de cada aeroxenerador eólico, unha cuestión que suscitou no seu momento as críticas das asociacións forestais, que entenden que este criterio é especialmente gravoso para os propietarios. Tamén deben xestionar en teoría unha franxa de 5 metros paralela ós tendidos eléctricos.
  • Xestión do mato e do arborado arredor de vivendas fóra de ordenación. A normativa de prevención de incendios no caso das edificacións fóra de ordenación, feitas sen licenza, establecía ata o 2018 que era responsabilidade do propietario da construcción a xestión da biomasa arredor da súa edificación. Para esa xestión, o propietario tiña servidume de paso ás fincas colindantes, co obxectivo de poder facer as rozas pertinentes. No caso de que houbese que facer unha corta de árbores, esta tiña que ser feita pola persoa propietaria do terreo, podendo requerirlle o correspondente lucro cesante (compensación) ó titular da vivenda.
    Desde xaneiro do 2019, establecéuse que, de acordo co artigo 153 da Lei do Solo 2/2016, a situación cambiará transcorridos seis anos desde a finalización das obras da edificación que estea fóra de ordenación. Ese prazo de seis anos é o tempo que ten o Concello correspondente para incoar un expediente de reposición da legalidade. Pasado ese prazo, a obriga da xestión da biomasa corresponderalle ó propietario das parcelas forestais próximas á edificación.
  • Distancia de novas edificacións ó monte. Outro caso é o das novas edificacións con licenza que non gardan a distancia de 50 metros a masas arboradas de piñeiros ou eucaliptos. Nos últimos anos, déronse casos de Concellos que se negaron a actuar ante estas situacións, pois entendían que o arborado era anterior á presenza da edificación. Outra cuestión é por que se lle concedeu a licenza a esas construccións se non cumprían coa obriga de “asegurar a existencia dunha franxa perimetral de protección”, tal e como establece a lei.
  • Forestación de terras agrarias. Só poderán cambiar de uso os terreos agrícolas en solo rústico que leven máis de dez anos en estado de manifesto abandono e que posteriormente se adscribisen ao Banco de Terras de Galicia, consonte os prezos de arrendamento de referencia oficiais, por un período de polo menos dous anos. Pasado ese prazo, poderanse forestar sempre que estean nun destes supostos:
    – Que estremen con terreos forestais, cando se utilicen frondosas caducifolias. – Que constitúan enclaves de ata 5 hectáreas en superficie arborada, utilizando frondosas caducifolias.
  • Novas plantacións de eucaliptos. O eucalipto está vetado en terras agrarias e masas de frondosas caducifolias, en tanto nas zonas de Rede Natura non pode aumentar a súa actual distribución. Desde o ano pasado, prohíbese tamén sustituír masas de piñeiro ou zonas de monte raso con plantacións de eucalipto. Igualmente, a especie está vetada en montes públicos ou de xestión pública (montes veciñais conveniados).

O Consello de Ministros declara as zonas afectadas por emerxencias de protección civil

Dadas as graves perdas provocadas este ano polo lume en todo o país, o Consello de Ministros acordou a declaración de zona catastrófica para os incendios rexistrados este verán na maioría de comunidades. En virtude desa declaración, o Goberno habilitará as seguintes axudas, complementarias ás das Administracións autonómicas e municipais. • Axudas por destrución total da vivenda habitual ata unha contía máxima de 15.120 euros. • Axudas por danos que afecten á estrutura da vivenda habitual, ata o 50 por cento da súa valoración técnica e cun límite de 10.320 euros. • Axudas por danos que non afecten á estrutura da vivenda habitual, ata o 50 por cento da súa valoración técnica e cun límite de 5.160 euros. • Axudas por destrución ou danos nos bens domésticos de primeira necesidade da vivenda habitual, para a súa reposición ou reparación, cun límite de 2.580 euros. • Axudas por danos en elementos comúns de uso xeral dunha comunidade de propietarios en réxime de propiedade horizontal, ata o 50 por cento da valoración técnica efectuada polo Consorcio de Compensación de Seguros e cun límite de 9.224 euros. • Axudas a persoas físicas ou xurídicas que realizasen prestacións persoais e de bens: o importe total dos gastos. • Axudas aos titulares de establecementos industriais, mercantís e de servizos, incluídos os agrarios, marítimo-pesqueiros e turísticos: ata 9.224 euros. Tamén se prevé que se poidan habilitar, por parte dos Ministerios correspondentes, exencións no IAE, no IBI e bonificacións da Seguridade Social para persoas e empresas afectadas. Igualmente, o Consello de Ministros decidiu apoiar ós Concellos na reposición de instalacións e equipamentos municipais danados polo lume.

Traballos preventivos nos montes de Vimianzo e Camariñas

A Consellería de Medio Rural realizou obras preventivas nos concellos de Vimianzo e Camariñas, pertencentes ao distrito forestal V Fisterra. As accións levadas a cabo consistiron principalmente en melloras de masas e pistas forestais, por un investimento de 120.000€. Estes traballos enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais, o cal, no ano 2021, actuou nunhas 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000km de pistas e vías de comunicación. No concello de Vimianzo realizáronse actuacións de mellora de pistas forestais no monte Coto de Gándara, para que os medios do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais teñan un mellor acceso ao monte. As obras consistiron en movementos de terra e baleirados, así como desmontes, execución de gabias e foxos, reparación de camiños con maquinaria; a inversión foi de case 17.500 euros. Nos montes de Montecelo e Piñeu realizáronse rozas manuais e mecanizadas de matogueira, clareos, podas e trituración de restos nunha superficie de 42 hectáreas, por valor de case 52.500 euros. En Camariñas, os traballos interviñeron nos montes da Ínsua, Curbeiro e Cusiñadoiro, todos eles en zonas de alto risco de incendios. As obras consistiron na limpeza dos montes e na realización de labores silvícolas, tales como roza mecanizada, podas, recollida e apiado dos restos e a súa posterior eliminación nunha zona de 60 hectáreas. O custo destas actuacións foi duns 48.000 euros.

Avanzan na nova lei contra os incendios forestais e na de montes veciñais de Galicia

Os lumes forestais foron o eixo central da primeira reunión do ano do Consello Forestal, celebrada este martes e presidida, de xeito telemático, polo conselleiro de Medio Rural José González, e na que tamén participaron o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez. O encontro serviu para poñer de relevo tanto o balance dos incendios do 2021 como as directrices que se empregarán na elaboración da nova lei antiincendios na que traballa o executivo galego e que queren ter aprobada neste 2022. O de 2021 pasa por ser o ano con menos incendios forestais dende que se levan a cabo rexistros históricos, tal e como se detallou no Consello. Así, contabilizáronse un total de 138 incendios, entendendo como tal os lumes que afecten a unha superficie arborada maior de 0,5 hectáreas ou máis de 1 hectárea de monte raso. En concreto, o total destes incendios afectaron a unha superficie de 4.405.68 hectáreas. Aínda que o número total de lumes forestais contabilizados o ano pasado nos montes galegos ascende a preto de 1.000. Con todo, pese a estar a reducirse o número de lumes forestais nos últimos anos está a incrementarse a súa perigosidade debido en gran medida pola acumulación de biomasa dos montes, tal e como sinalou José Antonio de Vega, ex-investigador do Centro de Investigacións Forestal de Lourizán e que que agora coordina os grupos de traballo creados para a elaboración da lei de loita contra os incendios.  Outro dos eixos que centraron a reunión do Consello foron as directrices para a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais, que foron avaladas tanto polo Servizo de Prevención e Defensa contra o lume como polas universidades. De feito, son froito dun proceso participativo coordinado pola Universidade Vigo no que interviñeron máis de 200 persoas. Estas directrices establecen, entre outros principios, a distribución competencial na loita contra o lume. Así mesmo, fundamentan que o sistema galego de loita integral contra os incendios debe basearse nunha estrutura profesionalizada, composta principalmente por persoal propio da Consellería do Medio Rural complementado con novas brigadas municipais tamén profesionais, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínima de seis meses. Ademais, márcase a necesidade de configurar equipos especializados específicos para a intervención nos grandes incendios e na súa análise posterior, así como dunha definición máis pormenorizada da figura do director técnico de extinción, que debe contar cun equipo de apoio. Do mesmo xeito, as devanditas directrices que definen o sistema deben distinguir entre a planificación preventiva e a execución das tarefas de prevención en sentido estrito, e tamén deben contemplar a extinción e a restauración e recuperación dos terreos afectados polos lumes. A maiores, esta norma debe tamén recoñecer o papel fundamental das brigadas específicas dedicadas á investigación, avalando deste xeito a creación da UIFO, e que ten que coordinar os seus contidos cos das leis de montes e de recuperación da terra agraria, tomando como concepto clave o da xestión do territorio, para acadar esa efectiva anticipación ao lume. Paisaxes cortalume As directrices da lei integral fronte ó lume definen figuras como as paisaxes cortalumes, que buscan a xeración de descontinuidades na biomasa e que inclúen as áreas e polígonos cortalume da Lei de recuperación, así como as agrupacións forestais de xestión conxunta ou as redes de faixas de xestión da biomasa. Tamén se contempla o concepto de paisaxe en mosaico. Así mesmo, cómpre apuntar que a norma busca dar un impulso decidido á xestión das faixas secundarias -arredor dos núcleos de poboación- mediante a actividade agrogandeira e a plantación de frondosas.

Futura lei dos montes veciñais

A Xunta tamén someteu á consideración do Consello Forestal de Galicia as previsións relativas á revisión do marco normativo que regula os montes veciñais en man común (MVMC). Dende a Consellería de Medio Rural solicitaron a colaboración de tódolos entes que integran dito Consello Forestal para definir os aspectos nos que cómpre afondar nesta revisión da norma. "O anuncio dun proceso participativo para mellorar a lei de montes veciñais e que se continúe avanzando na lei contra incendios que xa contou coa colaboración das entidades do sector é moi importante", valora Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia. Nesta mesma liña, dende a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) o seu presidente Jacobo Feijoo apuntaba a que "estaremos moi atentos a esta revisión da lei de montes veciñais polo importante abandono que sufren estes montes e as oportunidades que poden ofrecer para incrementar a base territorial das explotacións para extensificar a produción galega de carne e leite, xa que é tamén un xeito de contribuír á prevención de incendios", destaca. Como indican dende Medio Rural, esta mellora prevese dentro dos contidos do Plan Forestal de Galicia, en eixos como os do desenvolvemento lexislativo e as iniciativas de activación da xestión forestal privada. Así, neste último apartado establécese un programa de dinamización da xestión en montes veciñais en man común que ten por obxecto avaliar a súa situación administrativa e dinamismo de xestión, identificando os puntos clave que a dificultan e establecendo medidas que promovan a reactivación da xestión das terras. Así, na recentemente aprobada actualización do Plan Forestal enténdese, entre outras moitas consideracións, que se debe revisar a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. Isto, en especial, en aspectos coma o desenvolvemento de criterios para declarar o estado de grave abandono na xestión do monte e da figura de extinción da comunidade veciñal na xestión do monte, no réxime xurídico das comunidades e dos montes veciñais e a súa organización e funcionamento. Tamén se propón reconsiderar a figura actual dos xurados provinciais de clasificación de montes veciñais en man común e a súa composición e afondar, así mesmo, na regulación dos actos de disposición e acordos asemblearios para a repartición de lotes ou sortes.

Publicada a lista de beneficiarios das axudas de prevención de incendios

Medio Rural vén de facer pública a lista de beneficiarios das axudas para a prevención de incendios en Galicia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal. A través desta orde, a Consellería achegará preto de 4 millóns de euros a un total de 409 beneficiarios, entre os que hai titulares de montes veciñais en man común, agrupacións e mancomunidades, e sociedades de fomento forestal (Sofor).

Se se analizan os datos xenéricos por provincias, na da Coruña hai un total de 34 beneficiarios con case 300.000 euros en axudas, na de Lugo os beneficiarios son 87 cunha contía de case 800.000 euros, en Ourense son 169 as solicitudes aprobadas por un valor de case 1,9 millóns de euros e, finalmente, Pontevedra con 119 beneficiarios por unha axuda total de algo máis dun millón de euros.

Cómpre sinalar que nesta orde de axudas establecéronse dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga. A primeira liña engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación. Así, as actuacións subvencionables consisten no control selectivo do combustible en áreas de devesas, faixas auxiliares de pista, faixas cortalumes existentes, así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. Todo coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así á anticipación aos lumes.

En total, nesta liña hai 356 beneficiarios que recibirán 3,3 millóns de euros. No caso da construción de puntos de auga, hai 53 expedientes aprobados aos que corresponde unha axuda de case 680.000 euros.

Podes consultar a lista de beneficiarios na seguinte ligazón:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211110/AnuncioG0426-251021-0004_gl.html

Executados 14 proxectos de pasteiros en montes veciñais e previstos 30 máis no 2021

Ao longo do vindeiro mes de febreiro está previsto que remate a primeira fase do Plan de pastos de Galicia, unha actuación impulsada pola Consellería de Medio Rural coa que busca a posta en valor de 560 hectáreas de terreo, cun investimento total de 2,3 millóns de euros. Así se recolle no informe avaliado este xoves polo Consello da Xunta. O plan busca promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

Os primeiros pasteiros

Nesta primeira fase do plan traballouse na reordenación de pasteiros en 14 montes veciñais en man común doutros tantos concellos. Así, na provincia de Ourense acondicionáronse terreos dos municipios de Beariz, Ramirás, Sarreaus, Cualedro, Montederramo e Paderne de Allariz. En Lugo, os labores centráronse nos concellos de Navia de Suarna, Samos, Sarria e Láncara. En Pontevedra as actuacións realizáronse en A Lama, Covelo e Cerdedo-Cotobade. Por último, na provincia da Coruña actuaron en montes do municipio de Porto do Son. A segunda fase deste plan, que previsiblemente comezará na primavera de 2021, está prevista para outros 30 montes veciñais pertencentes a 24 concellos galegos. Nesta fase o investimento programado achégase aos 4 millóns de euros e a superficie da actuación roldará as 744 hectáreas. O Plan de pastos de Galicia recolle ata 4 fases de execución, coas que teñen previsto actuar nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas e un investimento total de arredor de 9,5 millóns de euros. As actuacións concretas céntranse nas rozas, sementados, pistas, peches, pasos canadenses, mangas de manexo de gando, comedeiros ou bebedeiros. A Consellería pretende así que os gandeiros se vexan beneficiados co acondicionamento das parcelas e cunha mellora dos accesos aos seus terreos, ao tempo que amplían a base territorial das súas ganderías. 

Sinerxías cos plans forestal e de reactivación

A promoción do pastoreo recóllese tamén no Plan Forestal de Galicia, no que a Consellería fixou o reto de chegar ás 225.000 hectáreas de terras agrarias en montes veciñais no ano 2040, unha meta que o sector ve complicado de acadar. As superficies que se dediquen a pasto deberán inscribirse no Rexistro de Terreos Forestais de Pastoreo. Ademais, a Lei de montes de Galicia sinala que os pasteiros en monte terán que figurar tamén nos correspondentes instrumentos de xestión e ordenación forestal. Dende a Consellería destacan que a combinación de actividades forestais e gandeiras permite tamén a conservación dos hábitats, posto que nas zonas onde se proxectan a meirande parte dos pasteiros predominan as ganderías de produción de carne de maneira sustentable e con razas autóctonas.