Archives

Encontro estatal en Santiago “Labregas participando para transformar as políticas públicas”

Este martes, 24 de outubro, dará comezo en Santiago de Compostela o Encontro Estatal de Mulleres “Labregas participando para transformar as políticas públicas” organizado pola Confederación de Asociacións de Mulleres do Mundo Rural CERES, da que forma parte o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Dende a organización inciden na “importancia da participación das mulleres labregas nas mesas de negociación e onde se deciden as políticas que despois nos afectan nas nosas produccións, por exemplo a PAC, e tamén na visibilización de modelos agrícolas - gandeiros liderados por mulleres”. As conferencias programadas no marco deste evento terán lugar no local da CUT en Santiago de Compostela (Rúa de Sar Nº 93 Baixo) e darán inicio cunha intervención da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Innovación e Formación, continuando ás 18.30 ca Directora Xeral de Políticas contra o Despoboamento, en representación do Ministerio do Reto Demográfico. A continuación será o momento para debullar polo miúdo a perspectiva de xénero e a integración das medidas de apoio á igualdade dentro das políticas públicas existentes para o desenvolvemento económico do medio rural, análise que correrá a cargo de dúas representantes do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a gandeira e economista experta en desenvolvemento rural Ana Rodríguez Vázquez e a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL, María Ferreiro. Na mañá do mércores realizarase unha visita a unha granxas de Rois xestionada pola afiliada do SLG-CCLL Carmen de Socastro, e ao obrador compartido de Rois, finalizando esta parte da xornada ás 14h. A sesión de tarde fornecerá a oportunidade de coñecer dende as 17h experiencia de boas prácticas en innovación para a economía dixital agraria lideradas por mulleres. Presentaranse neste bloque de contidos o proxecto “Consume cabrito por Navidad”, liderado por unha granxa de carne de cabra en Gran Canaria en colaboración con escolas de hostelaría e Asoquegran; os proxectos que está a desenvolver no entorno europeo a Asociación de Mulleres de Cooperativas Alimentarias de España e as experiencias das afiliadas e integrantes da Dirección Nacional do SLG-CCLL Concha Montecelos de Casa Bértolo S.C. -gandeira en ecolóxico que transforma o leite e é socia dunha cooperativa agraria- e Uxía de Buciños Nóvoa, tamén membro da Executiva do SLG-CCLL, do proxecto agroecolóxico Tralaleira, situado na aldea de Oroxo na Reserva da Biosfera de Allariz (Orense), enmarcado dentro da Agricultura Sostida pola Comunidade. A continuación a colaboradora do SLG-CCLL Tareixa Ledo Regal, especialista feminista en procesos participativos no marco da produción de alimentos impartirá a ponencia “A participación activa das mulleres nas políticas públicas como acto consciente de cidadanía para o exercicio dos dereitos humanos e a consecución dos ODS”. Este encontro estatal pechará ca palestra “A perspectiva da mocidade e o futuro das zonas rurais da man das organizacións agrarias do Estado”, a cargo das xuventudes agrarias de COAG. As conclusións e clausura están previstas ás 20.30h.

Santa Comba acolleu a celebración do Día da Muller Rural

A localidade coruñesa de Santa Comba acolleu a celebración do Día da Muller Rural. O acto celebrouse no multiusos Terra do Xallas organizado pola Deputación da Coruña, en colaboración con FADEMUR. Participaron a deputada responsable de Política Social, Mar García Vidal, a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur- Galicia), Verónica Marcos, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar. Con este acto, tanto a Deputación da Coruña como FADEMUR, buscan contribuír a pór en valor e mellorar a visibilidade ante a sociedade do papel decisivo que desempeñan as mulleres no desenvolvemento social e económico da comunidade e a loita contra o despoboamento do rural. Durante a gala entregáronse distintos recoñecementos para subliñar o papel da muller en diferentes campos e destacar o seu labor. A continuación desenvolveuse unha mesa redonda sobre a temática deste ano, que foi «As mulleres Rurais no Deporte». Moderada por Manuela Vilaboy, pedagoga e xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, contou coa participación de María Carmen Noya, presidenta da Sociedade Deportiva Dubra, Mónica Sande, campioa de España de Remo no ano 1996, María Bardanca, futbolista de Carballo; Sabela Rei, ciclista, Elena Roca, xogadora de rugby e Daniela Suárez, xogadora de balonmán. Clausuraron a xornada Estefanía Calvelo Muñiz, concelleira de Igualdade, Roberto García López, secretario xeral de Unións Agrarias-UPA e Teresa López López, presidenta de FADEMUR España.

“Mulleres de Seu” celebra 10 anos traballando polo empoderamento feminino no rural galego

A asociación Mulleres de Seu, impulsada pola cooperativa Clun cumple 10 anos traballando por fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural. Este é un grupo interxeracional de mulleres gandeiras que viven e traballan en zonas rurais dos concellos de Ames, Ribadeo e Melide. Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro), poñen en marcha unha serie de actividades para conmemorar o seu 10º aniversario. “Os nosos grandes obxectivos son empoderar e motivar ás mulleres rurais para fomentar o seu liderado, traballar pola visibilidade e o recoñecemento do papel das mulleres no ámbito rural. Buscamos a igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e mulleres e tratamos de contribuír á transformación do rural como motor de emprendemento e innovación, como un medio sostible e como un lugar onde vivir e traballar”, explica Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa Clun e presidenta de “Mulleres de Seu”. O colectivo celebra o seu décimo aniversario coa posta en marcha un novo plan de formación para o período 2023-2024 baixo o lema “Para Nós”. Trátase dunha serie de talleres persoais e de auto coidado cos que se pretende mellorar o benestar físico e emocional das mulleres, reforzar o seu traballo diario de empoderamento e potenciar o seu recoñecemento profesional como mulleres rurais. Nesta liña, abordaranse aspectos como a nutrición, a beleza, o mindfulness… “Nacemos para visibilizar a presenza e a profesionalidade das mulleres na gandería, dando importantes pasos ao longo destes anos, e agora traballamos polo noso empoderamento a través do desenvolvemento persoal”, indica a presidenta de “Mulleres de Seu”. Con motivo deste aniversario, a través das redes sociais de Clun (Instagram, Facebook e TikTok) vanse difundir historias das mulleres da asociación, unha nova sección titulada “Mulleres gandeiras de CLUN” que formará parte das redes da cooperativa con novas entrevistas cada mes. Ademais, durante uns días, a nova canle de TikTok da cooperativa estará en mans de Lucía Casal, unha moza influencer gandeira, socia de CLUN e membro de “Mulleres de Seu”, tiktoker con preto de 15.000 seguidores que recibiu este ano o Premio Nacional de Juventud na categoría de Medio Ambiente -un galardón que concede o Instituto de la Juventud en España (Injuve), dependente do Ministerio de Asuntos Sociales y Agenda 2030-. Desde a súa granxa familiar de vacas, situada nunha aldea de Melide, amosa cada día como é o seu oficio, achegando o traballo das mulleres gandeiras á poboación máis nova.

Xuntanza de Mulleres Rurais

Ademais, este domingo 15 de outubro co motivo da celebración do Día da Muller Rural a asociación Mulleres de Seu reunirase en Melide no encontro de Mulleres Rurais organizado pola Asociación Alecrín. Un evento que servirá como homenaxe ás traballadoras do rural e que contará coa presenza institucional acollendo a personalidades como Susana López Abella, Conselleira de Emprego e Igualdade ou Ángeles Vázquez Mejuto Conselleira do Medio Rural.

Loitas e recoñecementos

Ao longo destes anos, representantes de “Mulleres de Seu” levaron as súas demandas a Bruxelas, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia. E teñen recibido importantes recoñecementos ao seu labor como o Premio á Igualdade de Oportunidades por parte de Cooperativas Agroalimentarias de España, o Premio pola Innovación da Muller no Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Medalla Emilia Pardo Bazán da Xunta de Galicia, un recoñecemento público polas acción realizadas en Galicia que contribúen á defensa da igualdade e o Premio Muller Agro, que outorgan Siete Agromarketing e Comercio Agrario.

“Na cooperativa Condes de Albarei xeramos riqueza compartida no rural galego”

María Dolores Calvo Méndez é presidenta da cooperativa Condes de Albarei, socia de Delagro, e integrante da representación sectorial de viño de costa da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), sendo ademais a primeira muller que entrou a formar parte do consello de AGACA (2017-2021). O seu compromiso coa igualdade levouna a sumarse á asociación “Nós, as mulleres”. Ademais da súa vinculación co mundo do viño e cooperativo, é profesora, e asegura que non renunciaría a ningunha das súas dúas vocacións. Falamos con ela sobre as tres décadas que leva vinculada á cooperativa. As xornadas de María Dolores Calvo Méndez repártense entre dúas actividades profesionais que vive con entusiasmo a partes iguais: a de exercer como profesora de matemáticas nun instituto de Salceda de Caselas e como presidenta dos cooperativa Condes de Albarei. “Pode haber tempadas tranquilas nas que podes atender a todo sen moitos abafos e outras nas que todo parece coincidir e tes a sensación de non chegar, pero finalmente vaise resolvendo. Hai que organizarse e repartir tempos”, asegura, á vez que recoñece que non podería elixir quedar só cunha das dúas. “A viticultura e o ensino son dous mundos distintos e á vez con bastantes semellanzas. Traballas con seres vivos, que teñen o seu ciclo vital. Ambos requiren de coidados, dedicación, paixón, acompañamento, van crecendo e ves a túa intervención na súa formación. En ambos gozas da vida e a súa evolución. No ensino asumes moita responsabilidade porque o que fas e dis repercute en persoas en formación e hai que coidar moito os sentimentos e sensibilidades. Creo que non hai necesidade de escoller, a combinación paréceme boa e enriquecedora”. En 2006 chegou ao Consello Reitor de Condes de Albarei como vogal e permaneceu no cargo oito anos. “Cando Guillermo Rodríguez decidiu deixar a presidencia en 2014, a cooperativa estaba a pasar un momento económico complicado e parecía lóxico que se presentase alguén do consello reitor que coñecese o funcionamento. Ningún dos meus compañeiros animouse e eu decidín dar o paso e presentarme, contando en todo momento co seu apoio e confianza. Debo dicir que non foi unha sorpresa ver que a sociedade aceptaba con naturalidade que unha muller asumise a presidencia, valorando en todo momento á persoa e non o xénero”, explica. A partir de aí, iniciouse un proceso de traballo e esforzo por reverter o ambiente de descontento e certa tensión que se instalou na cooperativa. “Naquel momento as dificultades viñan dadas pola situación a nivel mundial e a nosa en particular: fixeramos un investimento de gran envergadura, as vendas e os prezos baixaron e o pago a socios foise atrasando. Facer fronte a esta situación era o obxectivo prioritario. Con moito sacrificio logrouse e hoxe podemos estar orgullosos de que hai moita máis cohesión social e unha situación económica desafogada”. Pero empecemos polo principio de todo, que levou a Dolores Calvo a vincularse ao mundo do viño? “Na casa había vacas, viñas, cultivábase millo, patacas e eu colaboraba desde moi pequena en todos os traballos derivados da actividade familiar (munguir, coidar o gando, estercar, cavar, vendimar, pisar as uvas....). Os cheiros, cores e procesos da viña van asociados ás miñas vivencias desde sempre”, rememora. “Daquela non ouvira falar nunca de cooperativismo como tal, aínda que coñecía e participaba dos labores colaborativas entre veciños. A cooperativa Condes de Albarei non existía, nin outras na zona. A finais do oitenta os meus pais cambiaron as viñas á variedade de albariño e nese momento comprendín que xa non se podía facer viño na casa e que a mellor forma de sacarlle produtividade era entrar a formar parte dunha cooperativa. Eu animeime e en 1992 fíxenme socia de Condes de Albarei”.

Unha cooperativa con gran impacto social

Nestes 30 anos que Dolores leva vinculada a Condes de Albarei, a cooperativa creceu e evolucionou, tanto a nivel de servizos aos socios como de implicación social, actuando como dinamizador económico, social e cultural da comarca. “Consumimos e gastamos na nosa zona, achegamos nivel económico aos nosos veciños. Xeramos riqueza compartida”. “A cooperativa achega e crea benestar, fixando poboación. Ademais, ofrece apoio técnico a socios e formación para que coñezan os últimos avances e poidan aplicalos coa finalidade de obter o maior e mellor rendemento das súas viñas. Pero tamén formación noutros aspectos como a igualdade, liderado e xestión, sen esquecer facetas máis persoais como autoestima, motivación.... Destacaría tamén a súa gran implicación no coidado do medioambiente, a saúde alimentaria, a calidade dos viños e a sustentabilidade”. Pero se hai quedar cun momento clave no percorrido pola historia de Condes de Albarei, Dolores destaca cando, hai catorce anos, materializábase a compra de pazo Baión, unha finca con cinco séculos de historia. “É difícil expresar o regueiro de sentimentos que me invadiron naquel momento: sorpresa, alegría, responsabilidade, moitísima responsabilidade, ilusión, expectativa.... Fixemos unha aposta moi forte porque tiñamos moi claro o proxecto que queriamos levar a cabo e o enclave era inmellorable. A adquisición e posta en marcha do proxecto de Pazo Baión supuxo un antes e un despois na nosa historia, pero aínda nos queda moito por escribir!”. Hoxe en día, Pazo Baión é un proxecto consolidado, recoñecido como centro de referencia de enoturismo (en 2016 foi recoñecido como mellor recuncho enoturístico de España pola ruta de viños de España) e que ademais ten unha importante compoñente social: o 5% das vendas dos seus albariños destínanse a programas de prevención contra as drogas á vez que colabora na reinserción sociolaboral de ex drogodependentes. “Co investimento recentemente realizado e unha crise económica mundial, as cousas foron complicadas ao comezo e a sociedade tivo que sufrir, pero hoxe en día valoramos que pagou a pena. É unha contribución de enorme valor colectivo. É unha satisfacción ver que chegan a Pazo Baión visitas de toda España e de países estranxeiros, consomen na comarca, pasan a noite, compran, visitan outros lugares.... É unha forma máis de activar a economía local”.

Unha cooperativa á dianteira en igualdade

Outra dos acenos de identidade da cooperativa Condes de Albarei, socia tamén da cooperativa de segundo grao Delagro,  é o seu traballo pioneiro no ámbito da igualdade de xénero e proba diso é que o seu Consello Reitor mantén unha composición proporcional ao número de mulleres da masa social. “En xeral, nas cooperativas agroalimentarias galegas e españolas, segue habendo pouca participación feminina nos Consellos Reitores e postos de toma de decisións. No noso caso dáse un equilibrio na repartición de postos de responsabilidade entre traballadores e traballadoras, pero son consciente de que somos aínda excepción”, recoñece. O certo é que as tornas van cambiando, e no últimos dez anos a porcentaxe de mulleres foi en aumento. Algo que, para Dolores, “non é froito da casualidade, senón do traballo de concienciación que vén realizando desde distintos ámbitos, aínda que non é suficiente”. Entre eles, destaca dúas iniciativas nas que ela mesma está fortemente involucrada: AMCAE (Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de España) e a Asociación de AGACA “Nós, as Mulleres”. “Na sociedade en xeral e no rural en particular, a presenza da muller na vida pública aínda non está equilibrada. No rural a presenza da muller, sobre todo nova, é fundamental para afianzar poboación e dar un futuro aos pobos. Necesítanse mulleres formadas profesionalmente, competentes, con iniciativa e ganas de desenvolver o seu proxecto de vida no rural. Para iso debemos ofrecer servizos, conectividade e recursos que permitan á xente nova ver o rural como alternativa”. “Entendo que o discurso ten que cambiar. Non podemos transmitir aos nosos fillos que estuden e fórmense en especialidades que nada teñen que ver co mundo agroalimentario e despois pretender ter remuda xeracional. Debemos dar unha oportunidade ao rural e ao mundo agroalimentario. Presumamos do mesmo, poñamos en valor o que facemos e o que temos. Pidamos ás administracións plans de estudos específicos nos que haxa unha oferta formativa relacionada coas actividades agroalimentarias de cada zona”.

A viticultura en perspectiva: esforzo, retos e paixón

Que terá o mundo do viño que, a pesar de esixir sacrificios (e non poder vivir en exclusiva diso nos casos de pequenos viticultores como o seu), engancha tanto? “Cando coñeces de preto o mundo do viño é difícil mirar a outro lado. Ver como cada ano os ciclos da vide repítense, como van progresando os acios, vas acompañando o seu proceso e vaste identificando con el”. Outra recompensa, segundo confesa, vén “cando te atopas unha botella do teu viño nun liñal dun supermercado, nun restaurante, nun país estranxeiro, na que hai algo de ti, do teu traballo, do teu esforzo...., resulta moi motivador e estimulante. Sentes que estás a contribuír á alegría da xente, estás presente nas súas celebracións e as súas emocións”. Os logros da cooperativa chegaron co esforzo dos socios. “Na D.O. Rías Baixas e en Galicia, en xeral, non é fácil vivir da viticultura e o principal escollo preséntao o minifundismo. Somos un D.O. pequena que fixo as cousas ben, apostando sempre pola calidade e agora mesmo estamos moi ben situados no mercado, pero é complicado para os pequenos viticultores medrar, xa que a concentración parcelaria non chegou aínda a todas as zonas. En comarcas tan poboadas como o Salnés, se o pouco terreo que tes dispoñible para plantar non o tes xunto, non é viable facelo. Necesitamos que nos faciliten un pouco as cousas”. Para ir pechando a nosa charla, pedímoslle que bote a vista atrás e cóntenos de que está máis orgullosa como presidenta de Condes de Albarei. “Creo que o maior logro foi chegar até aquí xuntos, permanecer unidos e consolidarse como unha adega de referencia no sector. O meu maior orgullo como presidenta son as persoas que formamos a cooperativa: sociedade e traballadores. A capacidade para tomar decisións conxuntas que nos permitan saír adiante nun mercado moi competitivo, a forza que impulsa ás familias a crer nun soño común e loitar por levalo á práctica, con ilusión compartida2. Por último, fálanos dos retos de futuro para o sector vitivinícola. 2Creo que o principal reto que ten a D.O. Rías Baixas é non perder os seus acenos de identidade. Somos unha D.O. pequena e temos que seguir diferenciándonos, non podemos perder a nosa esencia. Temos ameazas, como o feito de que a variedade albariño é máis coñecida que a D.O. Rías Baixas e pode plantarse en calquera parte do planeta. A isto temos que facerlle fronte distinguíndonos por potenciar a nosa situación xeográfica, a tipicidade do noso clima, as características do terreo: identificándonos co territorio”. Non dubida en detallar cales son os desafíos que están sobre a mesa da cooperativa: “Seguir traballando na cohesión social e achegando calidade de vida aos nosos socios e traballadores. Continuar apostando pola calidade dos nosos viños, xerando valor engadido. Ademais, temos que seguir conservando os nosos valores: solidariedade, igualdade, honestidade, compromiso.... e seguir avanzando cara á sustentabilidade ambiental, económica e social, sen deixar de ser rendibles. En definitiva, seguir mirando ao futuro xuntos con ilusión compartida”.

25 mulleres rurais fórmanse en Lugo no uso de drons no ámbito agrogandeiro

Tras aterrar noutras cinco comunidades, a escola ambulante de pilotaxe de drons para mulleres rurais ‘FADEMUR Vuela” despegou este xoves en Lugo. Alí celebrouse a xornada de presentación e posta en marcha dun curso no que participan 25 mulleres rurais galegas; que nas vindeiras semanas formaranse para converterse en pilotas profesionais de drons. A presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos, a responsable da formación, Carlota Nieto, e a concelleira de Desenvolvemento Local do Concello de Lugo, Ana González Abelleira inauguraron unha formación que se impartirá na súa maior parte de maneira online. Dese xeito, as participantes poderán avanzar no temario teórico do curso de maneira cómoda para rematar completando a súa capacitación, seis semanas despois, con sesións prácticas de voo e exames presenciais. Unha vez remate esta primeira parte, as mulleres optarán a unha especialización, tamén gratuíta, en drons para agricultura de precisión ou en drons con fins audiovisuais. En total, o curso completo supón 80 horas de formación. Artesás, gandeiras, emprendedoras de diversos eidos e tamén desempregadas en busca de novos nichos de emprego. Os perfís das mulleres rurais que participan no curso que arrincou onte son diversos. Como tamén as súas localidades de orixe, repartidas entre as catro provincias galegas. O curso servirá ás participantes para obter a titulación de pilotas a distancia de UAS/drons en categoría aberta, A1/A3, A2 e STS01 e STS02 certificado pola AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea). Ademais, tamén obterán a certificación de Fotogrametría, que proporciona as técnicas para obter mapas e planos de grandes extensións de terreo por medio da fotografía aérea.

A escola ‘FADEMUR Vuela’ no ‘Plan Allen Rural’

Para lanzar a súa escola de pilotaxe de dron, FADEMUR aliouse coa academia Advanced Smart Robotics (ASR-Formación), da empresa Pirineos Drone, e con Drone Doing, empresa responsable da formación no caso de Galicia. Tamén con IKEA, compañía cuxo apoio permitiu a FADEMUR lanzar a escola xunto con outras iniciativas enmarcadas no ‘Plan Allen Rural’. Este é un programa co que a organización cumprirá un ambicioso obxectivo: mellorar a situación de máis de 1.000 mulleres de toda España no sector agroalimentario e no ámbito rural. Pola súa parte, cos cursos de ‘FADEMUR Vuela’, a Federación formará a 500 mulleres rurais de dez comunidades autónomas durante 2023 e 2024. Ademais da formación en pilotaxe de dron, o ‘Plan Allen Rural’ de FADEMUR tamén axuda ás mulleres agricultoras e gandeiras na transición ecolóxica das súas explotacións, a mellorar a comercialización dos seus produtos, a complementar os seus proxectos con iniciativas de agroturismo e a avanzar na dixitalización dos seus negocios, entre outras cuestións.

200 mulleres reivindican a igualdade dende a granxa Casa Grande de Xanceda

A granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, situada en Mesía (A Coruña) celebrou o 8 de marzo, Día da Muller, cunha acción que congregou a 200 mulleres nas súas instalacións. Como apuntan dende a granxa, as participantes fixeron unha homenaxe á igualdade creando un enorme símbolo feminino nunha das pradeiras ecolóxicas da gandería. As visitantes chegaron ataviadas de violeta e todas levaban un pano que dicía “Mulleres do rural e a cidade, unidas pola igualdade”. A granxa ecolóxica abriuse a esta visita especial na que, ademais da creación do símbolo, fixeron un percorrido con degustación de produtos. Este ano 2023, Casa Grande de Xanceda gañou o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Un dos puntos que o xurado resaltou foi a feminización do equipo da firma: un 62% da plantilla. Dese 62%, moitas en postos de responsabilidade: marketing, calidade, produción ou administración. A granxa quixo facer esta acción aberta a esas 200 mulleres para expandir a súa filosofía de que a igualdade é “fundamental” para o avance social.

Unha granxa pola igualdade

Esta é unha acción de responsabilidade social corporativa de Casa Grande de Xanceda. Desde a granxa traballan diariamente pola igualdade e reivindican a figura da muller como parte fundamental do mundo rural e a transmisión da súa cultura e tradicións. Ao mesmo tempo, desde a firma recordan que as mulleres rurais non queren ser “superheroinas” senón que a administración debe “prover servizos de conciliación e información para que poidan desenvolver as súas carreiras profesionais en igualdade cos homes”. Outras accións relacionadas coa defensa da igualdade foron un enorme símbolo da muller segado en herba ou un baile tiktokeiro das traballadoras da granxa.

- Vídeo de como se fixo o símbolo 

Feira de outono das emprendedoras do rural este venres en Lugo

Este venres, 28 de outubro, celébrase en Lugo a Feira de Outono das Emprendedoras do Rural, unha xornada divulgativa na cal se fará visible o peso das mulleres no ecosistema do emprendemento rural ao través de diversas intervencións e charlas. A cita será no Mercado Municipal da Rúa Quiroga Ballesteros ao longo de todo o día. Ademáis, das intervencións e charlas de mulleres que xa son referencia no eido empresarial e rural, na feira tamén se porá de manifesto o rol que a universidade e as institucións públicas deben xogar para fomentar o desenvolvemento rural ao través da figura das emprendedoras. O evento contará cun espazo onde varias empresas e iniciativas lideradas por mulleres exporán os seus produtos e servizos. Velaquí o programa:

Máis información

Convocadas as axudas para as gandarías e explotacións agrícolas con titularidade compartida entre home e muller

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), un extracto da orde de convocatoria das subvencións destinadas a explotacións gandeiras e agrícolas en réxime de titularidade compartida para o exercicio 2022, por un importe de 1.500.000 euros. Trátase de axudas de concesión directa, non suxeitas a concorrencia competitiva dos solicitantes, e cunha contía máxima anual de 1.500 euros por explotación beneficiaria. Tal e como establecen as bases reguladoras destas subvencións, a finalidade é contribuír ao pago das cotas da Seguridade Social ás que os titulares das explotacións agrarias de titularidade compartida están obrigados. Poderán optar a estas axudas as explotacións que se atopen inscritas en situación de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Titularidade Compartida (RETICOM) cun mes de antelación á data de publicación do extracto da orde de convocatoria no BOE. O prazo para presentar a documentación requirida na convocatoria iníciase mañá, 11 de maio, e prolongarase até o día 31 de maio inclusive, e poderase formalizar a través da sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O texto completo da orde pódese consultar na Base de Datos Nacional de Subvencións. Así mesmo, pódese obter máis información sobre as características destas axudas na páxina web do ministerio na seguinte ligazón:  https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/igualdad_genero_y_des_sostenible/titularidad_compartida/

O Ministerio de Agricultura convocará axudas por 1,5 millóns de euros para as gandarías de titularidade compartida

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación anuncia que ultima a publicación dunha nova convocatoria de axudas para as explotacións agrarias e gandeiras de titularidade compartida que estarán dotadas cun orzamento de 1.500.000 euros, o que supón un incremento do 50 % con respecto ás convocadas no ano 2021, na súa primeira edición. Está previsto que a convocatoria se publique a finais do mes de abril. Esta liña de subvencións, que se regulan polo Real Decreto 819/2021, de 28 de setembro, púxose en marcha en 2021 co obxectivo de axudar ás explotacións agrarias e gandeiras de titularidade compartida a facer fronte ao pago de parte das cotas á Seguridade Social. Na primeira convocatoria recibiron estas axudas 729 explotacións, o 80,64 % do total das que  potencialmente podían beneficiarse, ás que correspondeu un importe medio de 1.371,74 euros. A medida ten por obxecto incentivar que as mulleres, que comparten tarefas agrícolas en explotacións familiares, participen en igualdade de condicións nos dereitos e obrigacións que lles corresponden polo seu labor profesional, segundo o real decreto polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa das subvencións ás explotacións agrarias de titularidade compartida. Poden acceder a estas axudas as entidades que estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Titularidade Compartida do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (RETICOM) polo menos un mes antes da data da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE), que está prevista a finais de abril. As explotacións beneficiarias deberán permanecer inscritas neste rexistro polo menos cinco anos e os seus titulares inscritos na Seguridade Social durante idéntico período. Trátase de axudas de concesión directa, non suxeitas a concorrencia competitiva dos solicitantes, e con contía máxima anual de 1.500 euros por explotación beneficiaria. Pódese obter máis información sobre as características destas axudas na páxina web do ministerio na seguinte ligazón: https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/igualdad_genero_y_des_sostenible/titularidad_compartida/

Mulleres de Seu e Clun reivindican a igualdade como camiño para lograr un rural habitable, habitado e sostible

Baixo o lema “Igualdade: o único camiño posible”, a asociación Mulleres de Seu, integrada por socias da cooperativa, e o persoal de Clun, encabezadas polo consello reitor, o director xeral e membros do consello lácteo, celebraron un acto simbólico conxunto para conmemorar o Día Internacional da Muller 2022. Durante o acto, que tivo lugar a mediodía na sede de Clun en Ames, deuse lectura a unha declaración conxunta, na que se reiterou o “firme compromiso coa igualdade de oportunidades real e efectiva entre mulleres e homes”. A acción foi apoiada de maneira simultánea nas sedes da cooperativa Clun en Melide e Ribadeo. “As mulleres que vivimos e traballamos no rural contribuímos cada día ao mantemento e a sustentabilidade da vida nos nosos territorios: fixamos poboación, xeramos e distribuímos riqueza, innovamos, emprendemos, creamos redes de colaboración, transmitimos identidade cultural e coidamos das contornas naturais, velando pola súa biodiversidade. O noso papel activo no medio rural é clave para construír un futuro próspero e sostible”, afirma a declaración. Este ano, a declaración fai fincapé no factor da sustentabilidade, sinalando que “o coronavirus puxo de manifesto que a protección e conservación dos espazos naturais ten repercusións concretas na saúde e o benestar das persoas”, á vez que pon en valor o papel de quenes viven no rural e dedican o seu “esforzo diario á produción de alimentos sans e saudables”, así como de quenes demandan produtos de proximidade, polos impactos positivos que esta tendencia de consumo ten nos territorios. “A igualdade é o único camiño posible para lograr un medio rural habitable, habitado e sostible”, afirman na súa declaración, concluíndo que "cada paso que damos por esta senda achéganos ao futuro máis san, máis limpo e resiliente que todas as persoas necesitamos”, conclúen dende Clun.

Casa Grande de Xanceda celebra o Día da Muller cun baile reivindicativo

Traballadoras de diversos departamentos da granxa ecolóxica, Casa Grande de Xanceda, situada en Mesía (A Coruña), quixeron visibilizar un ano máis os seus esforzos por lograr a igualdade. Nesta ocasión fixérono nun vídeo e cunha coreografía na que amosan que as mulleres rurais 'pisan' forte pola igualdade.  O vídeo da acción ten unha narrativa propia da rede social Tiktok, coa que busca achegarse ao público máis novo e promover este tipo de valores nas novas xeracións. No vídeo, as mulleres dan un chimpo e caen dentro dunhas botas de auga violetas que levan estampado o texto “As mulleres do rural pisamos forte”. Hoxe en día este é o tipo de calzado que se usa nas granxas pero, antigamente, as mulleres daban os seus pasos cara a igualdade con zocos. Por isto, para pechar o círculo, a granxa sorteará entre os seus subscritores uns pequenos zocos lilas de Elena Ferro, artesá e zoqueira galega.

Unha granxa pola igualdade

Esta é unha acción de responsabilidade social corporativa de Casa Grande de Xanceda. A granxa emprega a 54 persoas, un 62% mulleres rurais. Outras accións da marca realizadas outros anos foron o símbolo da muller segado en herba máis grande do mundo ou un enorme graffiti feito en pacas de herba seca para reivindicar a imprescindible figura da muller no rural.

Desde mañá pódense solicitar as axudas ás explotacións de titularidade compartida

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) un extracto da convocatoria para o exercicio 2021 para a concesión directa de subvencións ás explotacións agrarias de titularidade compartida, con obxecto de contribuír ao pago das cotas correspondentes á Seguridade Social. O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, 5 de outubro e conclúe o 19 de outubro. 

Poderán optar a estas axudas as explotacións agrarias que se atopen inscritas en situación de alta no Rexistro de explotacións agrarias de titularidade compartida do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cun mes de antelación á data en que se publique este extracto da convocatoria no BOE. 

A convocatoria destas subvencións aprobounas o pasado martes 28 de setembro o Consello de Ministros mediante o Real Decreto 819/2021, no que tamén se establecen as bases reguladoras da mesma. A convocatoria ten unha dotación orzamentaria dun millón de euros.

Convocadas as axudas do Ministerio para as explotacións con titularidade compartida

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) vai destinar este ano unha partida orzamentaria dun millón de euros para axudas ao pago de parte das cotas da Seguridade Social a explotacións agrarias de titularidade compartida. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou hoxe o real decreto polo que se establecen as bases reguladoras da concesión directa destas subvencións, que serán un máximo de 1500 euros por cada entidade beneficiaria e exercicio. Nas explotacións agrícolas e gandeiras de carácter familiar traballan moitas mulleres que comparten as tarefas cos homes, pero que na maioría dos casos non figuran como titulares, o que dificulta que se valore adecuadamente a participación da muller e se dimensione o papel que realmente desempeña no medio rural. A medida ten por obxecto incentivar que estas mulleres estean dadas de alta e participen tamén en igualdade de condicións en dereitos e obrigacións. As axudas consistirán no financiamento de parte do custo das cotas á Seguridade Social ás que están obrigados os titulares das explotacións, sempre que cumpran o requisito de estar inscritas no rexistro de explotacións agrarias de titularidade compartida. As explotacións agrarias que resulten beneficiarias das axudas deberán permanecer polo menos cinco anos inscritas neste rexistro, e os seus titulares terán que estar ese mesmo tempo mínimo dados de alta na Seguridade Social. Co establecemento desta liña de axudas trátase de incentivar precisamente que se produzan máis altas no rexistro de explotacións agrarias de titularidade compartida. Actualmente só hai 868 explotacións inscritas no Rexistro de Titularidade Compartida.

Convocado o “Premio Zoetis Ganadería en Femenino” para recoñecer o traballo das gandeiras

O Premio Zoetis Gandaría en Feminino é un recoñecemento á traxectoria e/ou a actividade dalgunhas das mulleres que dedican a súa actividade profesional á gandaría en xeral, ou que están especializadas en rumiantes, porcino, avicultura, acuicultura ou outros. Xa se trate de proxectos concretos no ámbito da gandaría que resulten innovadores e achegar valor á comunidade na que se desenvolven, xa sexa porque responden a unha necesidade concreta ou a un desafío do sector, ou porque destaquen pola súa creatividade e orixinalidade, a súa eficiencia e rendibilidade. A convocatoria para presentar as candidaturas está aberta ata o 31 de maio. 

Unha maneira ademais de contribuír a visibilidade profesional e social destas mulleres e dos seus negocios, a pór en valor ante a sociedade o seu importante papel no mantemento da economía e a vida nas zonas rurais de toda España.

Segundo explica Susana González “Zoetis, como compañía, avoga pola igualdade, a inclusión e a diversidade, principios que queremos facer extensivos ao sector gandeiro a través de noso proxecto Gandaría en Feminino, orientado a dar visibilidade sectorial e social ás mulleres que se dedican á gandaría. Formación, Comunicación e Recoñecemento, a través deste premio, son o seu tres alicerces básicos”.

Para Yaiza Rimada, gañadora da I edición do Premio Gandaría en Feminino, “este recoñecemento foi moi positivo para min, tanto persoal como profesionalmente. Neste último sentido abriu moitas portas ao meu negocio, La Saregana, grazas á gran visibilidade que se nos deu en medios de comunicación. A nivel persoal, é moi gratificante que se recoñeza así o teu traballo”.

Co apoio do sector 

Os últimos datos censalais sobre a actividade da muller no sector agrario español publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que se remontan a 2016, indican que existían nese ano 880 636 titulares de explotación agraria, dos que tan só 285 467 son mulleres, un 32 %. Esta porcentaxe descende até o 25 % de mulleres cando falamos de “Titulares xefes de explotación”, mentres que case a metade da man de obra agraria son mulleres.

Gandaría en Feminino é o proxecto de Zoetis para contribuír a reverter esta situación a través da visibilidade, a formación e o recoñecemento ao labor destas mulleres. Un proxecto vivo, ao que a compañía quere dar percorrido e alimentalo coas achegas de todas as mulleres polas que naceu; é por iso polo que, desde os seus inicios, conta co apoio de diferentes asociacións que as representan, como a Asociación de Mulleres de Cooperativas Agro-alimentarias de España (AMCAE), Mulleres de Seu -programa para o empoderamiento da muller da cooperativa CLUN- e Ganaderas Asturianas.