Archives

2021: Un gran ano para as gandarías de vacún de leite en pastoreo e con pouco uso de penso

Grazas á suba do prezo do leite na maior parte do mundo, o 2021 será un gran ano para as contas das gandarías de vacún de leite en pastoreo e para as que producen as súas propias forraxes con pouca dependencia externa no uso dos pensos. Non así, para aquelas moi intensivas e que empregan altas cantidades de penso por vaca e para as que o prezo do leite permanece estancado ou mesmo á baixa, pois a suba do prezo do penso -ao redor dun 50% no último ano- afogará as súas contas. Esta é a principal conclusión do relatorio ofrecido por Torsten Hemme, director executivo do IFCN, o observatorio internacional do sector lácteo, na última edición da conferencia One Ideas de Alltech, celebrada en formato online o pasado mes de xuño debido ás restricións sanitarias impostas pola pandemia do Covid19. Torsten Hemme explicou que “a suba do prezo do penso no último ano viuse compensada na maior parte de países por un incremento do prezo do leite, de ao redor de 11 dólares por tonelada se comparamos abril deste ano con abril de 2020”. A previsión que manexa o IFCN para este 2021 é que o prezo do leite a nivel internacional mantéñase nos 0,34 euros de media por litro cun máximo de 0,37 euros. Iso si, os prezos do penso prevese tamén que se manteñan elevados polo menos para os próximos 12 meses.

Un gran ano para as gandarías en pastoreo

Porén, a rendibilidade das granxas de vacún de leite neste ano será moi variable segundo o país. “As granxas de países nas que o prezo do leite segue o mercado internacional á alza, e teñen unha alta produción de forraxes propias -sexa en pastoreo ou cultivadas-e e teñen pechado o prezo do penso a longo prazo, beneficiaranse enormemente desta situación. Pola contra, aquelas que dependen máis da compra de alimentos externos e están ademais en países onde o prezo do leite non subiu, sufrirán este ano”, detallou o responsable do IFCN. Neste sentido, puxo como exemplo a situación en catro países: -Nova Zelandia: Cun sistema de alimentación baseado case en exclusiva no pastoreo, terá un dos mellores anos para as súas gandarías, porque os prezos do leite subiron pero os prezos da terra permanecen estables. -Estados Unidos e Brasil: Os prezos do leite en orixe nestes dous países con sistemas de manexo do gando máis estabulados permanecen baixos pero o prezo das materias primas para o penso disparouse. -China: O aumento dos prezos nacionais do leite foi incluso maior que o aumento en termos absolutos do prezo mundial do leite mundial. E os prezos dos pensos, por suposto, aumentaron, pero a economía agrícola en China neste momento é moito mellor que o ano pasado.

Previsión de prezos para 2021:

En canto ás previsións de prezos do leite para este ano, o IFCN prevé que se manteñan altos a nivel internacional e oscilen nunha pinza situada entre os 0,34 euros de media por litro cun máximo de 0,37 euros. “Este aumento de prezo podería compensar o aumento do prezo dos pensos. A boa nova é que todos os mercados de futuros predín para todo 2021 un prezo do leite superior aos 0,34 euros por litro pero a mala é que o para os próximos 10 a 16 meses o prezo do penso manterase elevado”, engade Torsten Hemme. Neste escenario, o director do IFCN conclúe que “as granxas con terra propia e produción de forraxe propia son as gañadoras, mentres que as que compran gran parte do alimento sairán perdendo”.

A suba do penso fará caer en todo o mundo a rendibilidade das ganderías de leite en 2021

O IFCN, un organismo internacional con sé en Alemaña e que se dedica a analizar a situacion do sector lácteo a nivel internacional, organizou hoxe un webinar no que avanzou as súas previsións de evolución de prezos para este ano. A súa previsión é que os prezos medios do leite en orixe se manteñan estables. En concreto, e a partir da análise das previsións de Fonterra, Stone-X , Rabobank e das súas propias, o IFNC avanza que a cotización media a nivel internacional para os produtores para un leite estandarizado ao 4% de graxa e ao 3,3% de proteína, e de entre 0,29 e 0,32 euros o litro, na liña do pasado 2020. O motor que mantén os prezos son as preocupacións por garantir o suministro de lácteos e a alta demanda. Sen embargo, para as ganderías de vacún de leite prevese que o 2021 será un ano de menos marxe por litro de leite debido ao incremento dos costes de alimentación, fundamentalmente pola suba do penso. Para a industria láctea, os principais desafíos que se presentarán neste 2021 son tamén o impacto que terá nos consumidores a recesión económica provocada pola Covid 19 e os problemas de loxística e de distribución que seguirán provocando a pandemia. Como noutras situacións, as ganderías que serán máis resistentes á suba do penso serán aquelas situadas en países cun sistema de producción baseado no pastoreo, caso de Irlanda, Nova Zelandia, Australia ou Arxentina, países nos que os costes de produción se sitúan por debaixo dos 30 céntimos por litro de leite e as marxes para os produtores son maiores.

Impacto da crise da Covid19 no sector lácteo

No webinar de IFCN tamén se presentou unha análise do impacto da pandemia da Covid19 no sector lácteo. A produción mundial de leite de vaca medrou o pasado ano un 2,3%, mentres que o consumo fíxoo en algo menos, nun 2,2%. Os países que máis incrementaron a producion foron Estados Unidos, Arxentina e Rusia. Canto á demanda, viuse favorecida polo incremento de consumo de lácteos nos fogares, que compensou a baixada na canle HORECA, o incremento das exportacións, sobre todo a Asia, onde os lácteos están cada vez máis presentes na dieta; e tamén polos programas de compras públicas en Estados Unidos e na Unión Europea. En todo caso, para o IFCN “como evolucionará a demanda é a principal incerteza que ten a industria láctea para este 2021”.

¿Como impactou o coronavirus Covid19 no prezo do leite en cada país?

Expertos en produtos lácteos de 70 países debateron sobre a crise láctea relacionada con Covid-19 durante a 21ª Conferencia de Produtos Lácteos da IFCN -un centro de investigación con sede en Alemaña e que analiza a evolución da produción láctea a nivel internacional- do 2 ao 3 de xuño. O evento centrouse no estado do sector lácteo e na forma de entrar e saír da crise. En concreto, analizaron a evolución do prezo nacional do leite en orixe en 75 países entre os meses de febreiro e maio deste ano, para medir o impacto da crise provocada polo coronavirus Covid19. Os prezos diminuíron de media un 4,6%. Porén, hai dous países grandes que poderían considerarse como o "epicentro da crise láctea": Estados Unidos e India, con caídas de -29% e -19%, respectivamente. A enquisa entre os expertos en lácteos revelou que un terzo consideraba que o seu país só estaba ao comezo da crise. Pero tamén, dous terzos dos participantes pensaron que xa se chegou ao fondo da crise.

A saída da crise

As perspectivas para o prezo mundial do leite en 2020 que manexan os expertos da IFCN seguen sendo complexas, e os mercados futuros e as opinións dos analistas non son coincidentes. A principios de xuño, os mercados futuros de produtos lácteos esperan unha rápida recuperación dos prezos do leite para alcanzar un nivel de USD 35/100 kg de leite en xullo. Isto pódese describir como un escenario de prezos en forma de "V". Sen embargo, a maioría dos expertos en produtos lácteos na conferencia espera unha recuperación en forma de U e, por tanto, un período de tempo máis longo ata que se alcancen novamente os niveis de prezos anteriores. A razón é o sólido crecemento da produción de leite en 2020 até o momento, xunto cunha alta probabilidade de diminución da demanda per cápita como resultado da crise económica. “Requirirase máis investigación sobre as existencias de lácteos e o posible cambio da demanda de lácteos nos países en desenvolvemento de produtos lácteos informais a formais, o que podería ter un impacto positivo nas importacións de lácteos”, apuntan desde o IFCN. O IFCN actualizará a súa investigación nos próximos meses para axudar ás persoas vinculadas ao sector lácteo a navegar mellor nestes tempos.

Prevén unha crise no sector lácteo, cun prezo medio de 28 céntimos para os próximos meses

A crise mundial provocada polo coronavirus #Covid 19 provocará este ano unha crise de prezos no sector lácteo, que será tan longa como o sector tarde en reaccionar, fundamentalmente pola vía de controlar ou reducir a produción. Esta é unha das conclusións presentadas este luns por Torsten Hemme, fundador e director do centro de investigación internacional sobre mercados lácteos IFCN, durante a Alltech ONE Virtual Experience que se celebra ao longo desta semana. O desplome do PIB mundial -estimado nun 3%, o dobre que na crise do 2009-, a caída do prezo do petróleo e do prezo dos alimentos forman o cóctel perfecto para un descenso da demanda mundial de lácteos e tamén dos prezos. “Os mercados de futuros dos produtos lácteos prevén para os próximos meses unha caída do prezo do leite -estandarizado ao 4% de graxa e ao 3,3% de proteína- nos principais mercados, chegando a un prezo medio de 0,278 euros o quilo na Unión Europea, 0,271 en Estados Unidos e 0,307 euros o quilo de leite en Nova Zelandia”, avanza Hemme. Canto durará esta crise de prezos? Depende da reacción do sector, fundamentalmente da regulación da produción para incidir na demanda. “Neste momento o mercado prevé unha reacción en forma de V: o sector reacciona rápido pola vía de reducir a oferta para responder o descenso da demanda, de forma que para finais de 2020 os prezos empezarían a recuperarse”, asegura. “Pero tamén existe a posibilidade -advirte- de que a recuperación sexa en forma de U: no caso de que se manteña a produción, medrando a un ritmo forte en 2020, o impacto da crise de prezos será maior e máis duradeiro”. As previsións do IFCN decántanse máis por este este segundo escenario: “É moi probable que se produza unha montaña rusa nos prezos do leite durante os próximos 3 anos. Iso significa un escenario en forma de U, con prezos baixos durante máis meses, para pasar a unha recuperación en 2021 e prezos máis altos en 2022”. A caida de prezos do leite, segundo afirma Torsten Hemme, afectará a todos os países: “Os prezos do leite a nivel rexional veranse impactados pola evolución dos prezos a nivel internacional, cun retardo que pode oscilar entre os 1 e 4 meses”. “De momento, na maioría dos países aínda non estamos nunha crise de prezos do leite, pero todos os indicadores sinalan que nos diriximos cara ela”, subliña.

Estratexias para afrontar a crise de prezos do leite

Que poden facer os gobernos para paliar esta crise que se aveciña no sector? Segundo o responsable do IFCN as alternativas son ou ben non intervir e deixar que o mercado decida libremente, ata que se equilibre oferta e demanda, ou intervir. Neste segundo caso, lembra que as medidas son coñecidas doutras crises de prezos no sector lácteo: -Almacenar stocks de leite en po, queixo, manteiga....a través de axudas á intervención, para retirar oferta do mercado. -Reducir a produción de leite a través de distintos esquemas: Prezo A e Prezo B; cotas; axudas ao sacrificio de animais; medidas adoptadas polos produtores (redución da cantidade de penso; aumento do pastoreo e da herba verde na ración; destinar leite aos tenreiros; secar antes; ir a un só muxido...etc). -Estimular a demanda de lácteos: programas de axuda alimentaria para colectivos vulnerables; axudas á exportación; axudas ao sector da repostaría ou á industria de lactoremplazantes para que empregan máis leite ou manteiga; programas de compra pública de lácteos para os colexios; residencias...etc. -Programas de axudas aos produtores: Axudas directas; préstamos en condicións vantaxosas; carencias das cotas de préstamos; subsidios aos seguros; asesoramento técnico independente....etc. “A recomendación do IFCN para gandeiros e industrias láctas é ser capaces de xestionar o camiño cara á crise, que se estenderá como mínimo até o terceiro trimestre e talvez a finais de ano empecemos a saír dela. A clave sempre é a planificación para preparse para afrontar a crise e tamén para saír dela con máis forza para medrar”, destaca.

Comportamentos do mercado lácteo durante a crise do Covid 19:

Torsten Hemme tamén describiu unha serie de 7 comportamentos do mercado de produtos lácteos que están a repercutir de forma negativa ou positiva na evolución dos prezos do leite: 1 Compras de produtos lácteos motivadas polo pánico ao desabastecemento e almacenamento de stocks no fogar: Rexístrase sobre todo durante as primeiras semanas e estimula a demanda e os prezos do leite. 2 Peche ou caída da demanda de hostalaría e restauración. Ten un impacto moi significativo en Estados Unidos, tirando á baixa do prezo dos produtos lácteos. Compénsase só en parte polo incremento das vendas na distribución (supermercados, hipermercados, tendas...etc). 3 Acumulación de stock de produtos lácteos por parte da industria alimentaria (fábricas de chocolate, de produtos de alimentación infantil, repostaría ...etc). Estimula positivamente os prezos do leite. 4 Problemas coas cadeas de transporte e subministracións: ten un impacto desigual nos prezos do leite, aínda que se sobreestimou nun principio. “No caso de Estados Unidos o que máis me preocupa é o peche dos matadoiros, xa que iso significa que moitas vacas van seguir en muxido, co incremento da produción que iso supón”, advirte Hemme. 5 Recesión da economía, aumento do paro, caída dos prezos do petróleo, menores ingresos nos fogares...etc. “A recesión da economía é o principal factor que inflúe na caída da demanda de produtos lácteos e esa recesión aínda non chegou”, advirte. O IFCN estima, por exemplo, que no caso de Rusia a recesión económica provocada polo coronavirus provocará unha caída na demanda de lácteos -fundamentalmente queixo e manteiga- do 10% neste 2020. 6 Políticas de intervención pública: axudas ao almacenamento de produtos lácteos, fomento do consumo, axudas aos gandeiros para que reduzan a produción..... Estimula o mantemento dos prezos do leite. 7 Descenso da produción debido aos baixos prezos do leite. É a principal medida que axuda a unha recuperación do prezo, xa que reduce a oferta e estimula a demanda. “Cando se reduzen as entregas debidos aos baixos prezos é cando de verdade racha o ciclo baixista dos prezos do leite” destaca Torsten Hemme.

As crises de prezos do leite son periódicas cada 10 anos

Torsten Hemme lembrou que “as crises de prezos do leite nun mercado sen cotas son periódicas, de forma que temos entre 2 e 3 cada dez anos”. Como exemplo puxo a evolución do prezo internacional do leite entre 2006 e abril de 2020 en Estados Unidos: -De 2000 a 2006: prezo medio de 25 dólares por cada 100 quilogramos. -Do 2006 ao 2015: prezo medio de case 40 dólares. -Do 2017 ao 2020: un prezo medio de 35 dólares. “Neste período tivemos 4 crise de prezos do leite, dúas delas con recuperación en forma de U e outras dúas en forma de V, moito máis rápida”, asegurou o responsable do IFCN.

Onde está a produción e a demanda de leite no planeta?

Prevén que o prezo do leite se manteña nunha media de 0,32 € litro nos próximos años

O IFCN, un centro de investigación con sede en Alemaña e que analiza dende hai 20 anos a evolución da produción láctea en máis de 100 países, ven de publicar o seu informe lácteo anual, Principais tendencias:

-Crecemento baixo da produción de leite en 2019:

2018 foi un ano medio de crecemento da produción de leite nos 120 países analizados no informe do IFCN, con algunhas rexións afectadas por eventos negativos como a seca na Unión Europea. Mentres tanto, o 2019 apunta a un baixo crecemento de +8,3 millóns de toneladas de sólidos lácteos corrixidos debido a varias razóns. Por un lado, o crecemento parece desacelerarse debido ao menor crecemento da produción de leite na India en 2019, provocado por prezos estables do leite e un aumento dos prezos dos pensos, co que se reduciu a rendibilidade do negocio naquel país, primeiro productor mundial de leite. Por outra banda, o hemisferio sur viuse afectado por acontecementos meteorolóxicos adversos como a seca en Australia, mentres que Arxentina foi afectada por cuestións económicas internas, como a devaluación da moeda levando a maiores custos para a produción de leite.

2) Produción mundial de leite e tendencias de prezos:

O prezo medio do leite a nivel mundial sitúase neste momento en 35 dólares/ por cada 100 kg de leite, o prezo medio dende 2017, co que se encadea un inusualmente longo período de case tres anos de estabilización dos prezos. Isto apunta cara a que hai unha oferta e unha demanda equilibradas. E os indicadores de cara ao futuro apuntan á estabilidade continua nos 36 dólares americanos ou 32 euros/ 100 kg de leite), grazas a unha demanda estable, un prezo do petróleo con poucas oscilacións a aos baixos prezos dos pensos.

3) Dous momentos clave para o prezo mundial do leite:

Mirando cara atrás, o IFCN detecta que o prezo mundial do leite experimentou un cambio significativo no 2006, cando o nivel de prezos case se duplicou por mor da subida subxacente dos prezos das materias primas, sobre todo do penso, pero tamén do petróleo, cun incremento do 200%. Este nivel de prezos durou ata 2016 cun prezo medio mundial do leite de media en 40 USD / 100 kg. Dende aquela descendeu ata os 35 USD / 100 kg e estabilizouse grazas a dúas dinámicas novas: un importante incremento do prezo da graxa e da proteína láctea e unha revalorización global do prezo e do consumo de manteiga.

Evolución rexional da produción de leite:

Para rastrexar a produción de leite a nivel global, as tendencias rexionais deben ser controladas e entendidas. Como se pode ver no mapa (Fig. 4), as rexións con maior produción son o sur de Asia, con India e Paquistán á cabeza, e Europa occidental que en conxunto supuxeron o 47% da produción de leite en 2018. Sen embargo, a dinámica difere moito por rexión e IFCN observou que as rexións fortes creceron e as débiles diminuíron a súa produción de leite entre un 3 e un 5% cada ano. En xeral, detéctanse catro tipo de rexións: 1) "Foguetes" como a illa sur de Nova Zelandia con taxas de crecemento anuais do 5 ao 10% na produción de leite grazas a investimentos, 2) “Pasos atrás” como Xapón que caracterízanse por un declive constante provocado pola falta de relevo xeneracional. 3) "Montañas" , coa rexión chinesa de Mongolia Interior como exemplo, que experimenta un crecemento seguido dun descenso debido a unha mala situación económica das granxas e 4) as rexións de “Despertar” como Irlanda, cunha produción estable seguida dun rápido crecemento como resultado de cambios na estratexia política do país. Estes patróns son clave para planificar eficazmente o deseño de políticas de transformación de produtos lácteos, así como investimentos en granxas e en industrias lácteas.

Estrutura das granxa:

A nivel mundial, hai 116 millóns de explotacións cun rabaño medio de 3,2 vacas, pero estas granxas están a experimentar un profundo cambio estrutural que adoita ser subestimado en termos da súa velocidade. Por áreas xeográficas, mercados emerxentes como Brasil están no inicio da transformación, xa que contan cun 60% de pequenas explotacións. A Unión Europea ten un paso por diante con case un número igual de explotacións medianas e grandes e actualmente enfróntase á pregunta de como destinar as axudas da PAC para apoiar estas explotacións. Nos Estados Unidos a maioría da súa produción concéntrase en grandes explotacións, o que que aumenta o problema de resiliencia ou resistencias destas explotacións durante tempos de baixos prezos do leite. Neste contexto, cabe destacar que, aínda así as granxas de vacún de leite son capaces de manterse no mercado, pois a granxa media na UE e nos EEUU experimentou un aumento anual da produción de leite dun 8% no período 2013-18 grazas a aumentos da produción media por vaca e tamén do tamaño do rabaño.