Archives

“A intención do Ministerio é pasar a un programa nacional obrigatorio frente á IBR no 2025”

Un foro celebrado no CIAM de Mabegondo reuniu en xuño a especialistas do Ministerio de Agricultura, entre eles Elena García, e de distintas comunidades autónomas con veterinarios de ADSG e das oficinas agrarias comarcais A rinotraquis infecciosa bovina (IBR) está amplamente estendida entre a cabana gandeira. A pesar dos esforzos realizados nos últimos anos, a situación en comunidades como Galicia dista moito de permitir a súa erradicación a curto prazo, mentres a nivel europeo países como Alemaña foron xa declarados libres de IBR. Ante esta realidade, o Ministerio de Agricultura pretende dar un paso adiante cun programa obrigatorio de control da enfermidade, o que implicará un maior esforzo por parte das ganderías. Elena García Villacieros, xefa do servizo de Epidemioloxía do Ministerio de Agricultura, participou recentemente nunha xornada técnica organizada no CIAM de Mabegondo, onde avanzou algúns dos cambios que se aveciñan no control desta enfermidade.
Mediante o Real Decreto 554/2019 (modificado en 2021) creouse o actual programa voluntario de IBR en España
Neste momento en España non existe un plan nacional de control de IBR que especifique as probas de diagnóstico a utilizar, os pasos para seguir e obxectivos a acadar, a certificación das granxas e as condicións para a adquisición e mantemento das diferentes cualificacións. É dicir, cada comunidade autónoma pode desenvolver os seus propios programas. Unificar eses criterios é o obxectivo do Programa Nacional contra IBR que se prevé obrigatorio a partir de 2025. De programa voluntario a obrigatorio “A situación epidemiolóxica da enfermidade en España é endémica nas zonas de maior densidade de gando, cunha seroprevalencia en rabaños de carne e leite do 60% e entre o 25 e o 40% dos animais, aínda que a situación varía notablemente entre comunidades autónomas”, explica a xefa do servizo de Epidemioloxía do Ministerio de Agricultura.
A enfermidade é endémica nas zonas de maior densidade de gando
“En Europa, países como Alemaña, Dinamarca, Suíza, Austria, Suecia, Noruega e Finlandia foron xa declaradas zonas libres de IBR. En España a día de hoxe o 90% das explotacións están encadradas na categoría IBR0, é dicir, non están a aplicar un programa de erradicación da enfermidade, pero queremos avanzar. É necesario baixar o nivel de prevalencia, porque unha vez presentemos o programa á Comisión Europea só hai 6 anos para declararse libres”, aclara Elena.
Unha vez presentado o programa nacional á Comisión Europea hai que lograr declararse libres en 6 anos
O Ministerio de Agricultura creou un Grupo de Traballo sobre IBR no que participan as comunidades autónomas e distintos axentes. “É moi importante a implicación do sector, porque sen esa implicación o programa non tería éxito, pero as organizacións do sector están de acordo”, asegura. Distintas velocidades O Ministerio prevé distintas velocidades para a consecución dos obxectivos que se fixen no novo Real Decreto en función da situación de cada comunidade autónoma e do nivel de prevalencia da enfermidade en cada zona. “O programa voluntario nalgúns casos non funcionou e temos o obrigatorio enriba. Andalucía, Galicia e País Vasco son as comunidades que van máis avanzadas no programa, pero non hai información noutras comunidades que non fixeron practicamente nada”, lamenta a responsable do Ministerio.
Algunhas comunidades van máis avanzadas que outras e poderán declararse libres de IBR antes, igual que ocorre coa tuberculose
Por iso, prevese que se unha comunidade avanza máis rápido que as demais poida declararse libre de IBR, do mesmo xeito que está a suceder agora con outras enfermidades como a tuberculose. Das 135.532 explotacións existentes en España (alta en REGA) hai cualificadas 104.883 ganderías, das que unhas 5.000 serían IBR4 (negativas a gE) e IBR4+ (negativas a gB). Delas, unhas 1.600 están en Galicia. Discrepancias na clasificación das explotacións Un dos aspectos que deberá abordar o Programa Nacional contra IBR é a unificación de criterios na clasificación das explotacións, xa que na actualidade utilízanse clasificacións diferentes nas distintas comunidades autónomas.
Galicia ten un gran número de explotacións cualificadas como IBR2 que o Ministerio clasifica como IBR0
“Temos que chamar ás cousas todos da mesma maneira e para iso deberán definirse uns requisitos comúns para encadrar a unha gandería nun ou outro nivel, sen perder a referencia da regulamentación europea”, indica Elena. Para ser cualificada como IBR4 a explotación non pode ter casos positivos nos últimos 12 meses nin ter vacinado a ningún animal nos últimos 2 anos. Estar declarada libre de IBR ten vantaxes para as ganderías á hora de comercializar os seus animais, xa que unha explotación IBR0 só poderá vender a outra explotación IBR0, mentres unha explotación IBR4 poderá vender o seu gando a ganderías encadradas en calquera categoría, coa vantaxe que isto supón á hora de comercializar animais, que alcanzarán un maior valor no mercado. Estratexia de vacinación Practicamente en todas as comunidades autónomas hai xa implantadas axudas para control fronte a IBR: 14 delas dan algún tipo de axuda para vixilancia da enfermidade e 6 comunidades subvencionan a vacinación. Con todo, existen discrepancias en canto ás estratexias de vacinación seguidas.
O Ministerio nunca creu en dar axudas ás vacinas, como fai Andalucía
“Nalgunhas rexións vacínanse todas as explotacións e noutras, como en Galicia, actúase en función da prevalencia, vacinando só as explotacións cunha prevalencia superior ao 10% medida no tanque de leite”, explica Elena, que avanza que “a idea do Ministerio é non subvencionar vacinas, senón a toma de mostras e os kits de diagnóstico”. Restrición de movementos A xefa do servizo de Epidemioloxía do MAPA recoñece que se detectaron algúns problemas e dificultades para a implementación dun Programa Nacional obrigatorio e recoñece que “quizais haxa que flexibilizar algunhas medidas no caso das explotacións pequenas”. “Vai haber problemas na restrición de movementos, pero non se estableceu aínda se se impedirá só vender para vida pero non enviar a matadoiro ou cebadeiro, ou se se inmobiliza a explotación para todo tipo de movementos”, indica.
Poida que sexa necesario establecer algunha transitoria para o movemento de animais, porque senón o impacto pode ser tremendo
“Poderían establecerse algunhas medidas con carácter transitorio en canto aos movementos entre explotacións, porque senón o impacto pode ser tremendo”, admite. Poderían tamén establecerse excepcións no caso de envío de animais desde ganderías IBR4 a centros de recría, onde habitualmente se vacina, e o seu posterior regreso á granxa de orixe, sen que esta perda por iso a condición de libre de IBR. É probable que se permitan tamén os movementos entre instalacións do mesmo propietario, como ocorre en porcino, onde existe tamén a figura das agrupacións de granxas, unha flexibilización pensada neste caso para ganderías que realizan a recría noutra nave distinta á de produción, algo cada vez máis habitual en explotacións lácteas a medida que van medrando. O exemplo de Aujeszky en porcino A rinotraquis infecciosa bovina (IBR) ten semellanzas coa enfermidade de Aujeszky en porcino. Trátase tamén neste caso dunha infección viral altamente contaxiosa que afecta ao sistema nervioso central e produce afeccións respiratorias en porcos adultos. O seu control foi unha prioridade nos últimos anos para as autoridades sanitarias e a día de hoxe a maioría de granxas de porcino están libres desta enfermidade, polo que o exemplo de Aujeszky podería servir á hora de adoptar medidas contra IBR.
A través de medidas severas de bloqueo de granxas logrouse un control moi rápido da enfermidade de Aujeszky en porcos
En Aujeszky, por exemplo, logrouse un control moi rápido da enfermidade na cabana gandeira ao implicar o bloqueo da granxa tanto para venda como para compra de animais. Pero neste momento non está decidido se unha explotación IBR0, ademais de non vender, non poderá comprar tampouco animais. Por analoxía con Aujeszky en porcino, onde as explotacións clasificadas como nivel 0 non poden realizar ningún tipo de movemento de animais, as granxas non diagnosticadas ou con casos positivos a IBR poderían ter restricións severas.
Debido á restrición de movementos será necesaria unha maior autosuficiencia na recría
De feito, de aplicarse este mesmo criterio ao gando vacún afectado por IBR, moitas explotacións veríanse gravemente afectadas. No caso de ganderías lácteas, por exemplo, obrigaría a unha maior autosuficiencia na recría e implicaría tamén cambios na venda de tenreiros con destino a cebadeiros. As explotacións de carne, máis reticentes moitas veces á eliminación de animais positivos, veríanse afectadas nos seus movementos de gando, tanto na compra de machos para sementais ou becerras e xovencas de recría como na venda de animais para vida a outras explotacións. En principio, en explotacións positivas permitiríase unicamente a saída con destino a matadoiro ou cebadeiro. Abordaxe conxunta con DVD O Ministerio está a estudar unha posible abordaxe conxunta dentro do Programa Nacional contra IBR con outra enfermidade habitual nas ganderías: a Diarrea Vírica Bobina. “Se cadra é unha boa oportunidade para traballar conxuntamente en ámbalas dúas enfermidades”, opina Elena.
Pode ser unha boa oportunidade para empezar a traballar tamén en materia de Diarrea Vírica Bovina
“Aínda que o estipulado no novo Real Decreto para BVD quizais sexa máis de mínimos que no caso de IBR, se non empezamos agora con BVD vai pasar o mesmo que pasou coa IBR, porque xa hai países que están a empezar a aplicar programas oficiais contra BVD”, argumenta a xefa do servizo de Epidemioloxía do MAPA.

“O diagnóstico é complicado; tivemos problemas de falsos positivos”

Outro dos aspectos que deberá abordar o Programa Nacional contra IBR é definir a estratexia de diagnóstico. Como enfoque xeral acéptase que a infección polo virus IBR queda confirmada por un resultado serolóxico positivo. “Por tanto, a proba de Enzimoinmunoanálise (ELISA) pódese considerar suficiente”, asegura Azucena Sánchez Sánchez, xefa de servizo de Viroloxía do Laboratorio Central de Veterinaria, situado en Algete (Madrid), que foi designado en 2019 Laboratorio Nacional de Referencia, tratando con iso de harmonizar os métodos diagnósticos e resultados.
A proba de Seroneutralización (SN) é menos sensible que a ELISA e úsase para confirmación de positivos en animais non vacinados
“Tivemos un problema de falsos positivos cun determinado kit de diagnóstico (ELISA gE de INGENASA), que é o adquirido polo Ministerio para distribuír entre os laboratorios de referencia das comunidades autónomas. Por iso, cando hai dúbidas faise un segundo test con outro kit doutra casa comercial”, explica. Mellora dos kits comerciais Estes kits comerciais de diagnóstico facilitados polo Ministerio non convencen a algunhas comunidades autónomas, como Galicia ou País Vasco, que optaron polo kit de IDEXX. Desde o Laboratorio Central de Veterinaria estívose traballando conxuntamente coa casa fabricante para mellorar a especificidade destes test, primeiro co punto de corte e despois co diluínte e Azucena asegura que “o test actual é moito mellor que o de fai 3 ou 4 anos”.
Os kits comerciais de diagnóstico facilitados polo Ministerio non convencen a comunidades autónomas como Galicia ou o País Vasco
O protocolo de actuación ante falsos positivos establece que en explotacións con historial negativo no que aparece un animal positivo realízase un segundo test de confirmación con outro kit comercial e en caso de non obter resultados concluíntes repítese a proba aos 28 días, ante o temor a posibles reaccións cruzadas co herpesvirus tipo 2, que podería interferir nos resultados. Entre as funcións do Laboratorio de Algete está precisamente a de confirmar os resultados positivos ou dubidosos obtidos polos laboratorios oficiais das comunidades autónomas. “A toma de mostras adecuada é o primeiro paso fundamental para facer un diagnóstico adecuado. Recomendamos conxelar e desconxelar as mostras, non analizalas ata que pasen 24-48 horas trala recollida e separar a mostraxe da vacinación de IBR polo menos 4 semanas”, explica.
En caso de dúbida, o indicado é realizar unha nova toma de mostras
En determinadas circunstancias é difícil acometer o sangrado de todos os animais. “Ás veces atopámonos con problemas para facer os tests á baixada de animais dos pastos comunais, porque todos os animais baixan á vez e faise inviable poder realizalos todos. Haberá que flexibilizar as datas”, recoñece. Prohibición das vacinas non marcadas O test ELISA é a técnica recomendada para a detección de resposta inmunitaria porque a técnica de seroneutralización (SN) non permite diferenciar entre animais vacinados e infectados.
A proba de Seroneutralización (SN) non permite discriminar entre anticorpos vacunais e de infección
Por esa razón, desde decembro de 2019 prohibíronse as vacinas non marcadas e todos os animais vacinados antes desta data con vacina convencional tiveron unha moratoria de 4 anos para someterse ás probas oficiais, que finaliza este ano. “En outubro de 2023 finaliza o prazo para eliminar da mostraxe os animais vacinados e pensamos que iso pode supoñer un problema”, asegura xefa de servizo de Viroloxía do Laboratorio Central de Veterinaria. Brotes asintomáticos As vacinas marcadas, utilizadas actualmente, permiten diferenciar nas probas realizadas ao gando os casos positivos que se deben ao virus dos que se deben á vacina. Con todo, vacinar non é a solución definitiva, xa que non evita por completo o risco de contaxio, aínda que no caso de que ese animal se infecte e desenvolva a enfermidade excretará menos virus, polo que o risco de diseminación do virus a outros animais da explotación diminúe.
Só a eliminación dos animais positivos garante que non se disemine a enfermidade pola explotación
Unha vez contaxiado o virus, o período de incubación é curto, entre 2 e 4 días, e a profilaxe lógrase co sacrificio dos animais positivos e a vacinación dos que estivesen en contacto con eles. En moitas granxas están a detectarse actualmente brotes asintomáticos, debido a que un animal que é seropositivo cada vez que nel se reactoiva o virus responde de forma asintomática, é dicir, non existe tose nin lagrimexo, aínda que está diseminando igualmente a enfermidade.

Situación actual da IBR en Galicia: necesita mellorar

A rinotraqueite infeccionsa bovina (IBR) é unha enfermidade contaxiosa que ocasiona importantes perdas económicas ás explotacións. Está causada polo herpesvirus bovino tipo 1 (HVBo-1) provocando un amplo rango de manifestacións clínicas, con signos respiratorios e reprodutivos. A transmisión pode producirse a través da placenta, o leite ou o costro, pero tamén por contacto directo con fluídos corporais, seme ou aerosois respiratorios (ata 5 metros de distancia). Tamén a través de materiais contaminados, nos que o virus sobrevive ata un mes.
A profilaxe lógrase por medio da vacinación e co sacrificio de animais seropositivos
O período de incubación é de 2 a 4 días, quedando en ocasións en estado latente. O ADN do virus permanece nas neuronas dos ganglios durante toda a vida do hospedador. En caso de estrés (transporte, parto, etc), pódese producir a reactivación da infección latente, con distintos cadros clínicos: secreción nasal, conxuntivite, vulvovaxinite postular infeciosa, aborto (a maioría no último terzo da xestación), baixada na produción de leite etc. Os veterinarios alertan que a IBR é unha enfermidade moi perigosa, pois ao tratarse dunha enfermidade inmunodepresiva pode acabar rapidamente co rabaño en caso de desencadearse en paralelo un brote de paratuberculosis, por exemplo. Aínda así, moitos gandeiros non son conscientes do risco que supón manter na explotación un animal positivo co virus latente. 
Moitas veces os gandeiros non son conscientes do risco que supón manter na explotación un animal portador do virus, aínda que sexa en estado latente
En Galicia, a maior parte das ganderías atópanse encadradas no nivel 2 en canto a IBR (explotación sen animais positivos a glucoproteína E no rango de entre os 9 e os 36 meses de idade nos últimos 2 anos), unha sorte de limbo no que hai tanto explotacións que son na realidade nivel 4 (explotación co 100% dos animais negativos a gE e sen vacinar nos últimos 2 anos) coma outras con casos latentes sen vacinar que nun momento dado poden estoupar en brotes con consecuencias clínicas importantes.  Maior prevalencia en carne que en leite Ignacio Arnáiz Seco é responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo e un dos encargados do deseño do programa galego de loita contra IBR. A semana pasada participou nunha xornada técnica celebrada no CIAM xunto a expertos doutras comunidades, á que asistiron veterinarios de ADSG de distintas comarcas. No seu relatorio, Ignacio fixo un repaso pola historia da IBR en Galicia e detallou cal é a situación actual da enfermidade. “Nos anos 80 e 90 houbo unha alta diseminación da IBR en Galicia con sintomatoloxía clínica. Tiñamos unha prevalencia moi alta naquel momento, do 65% en leite e próxima ao 40% dos animais. Hoxe a prevalencia está por baixo do 3% en animais de menos de 36 meses de idade. A prevalencia da enfermidade é superior en carne que en leite. Son censos máis pequenos e explotacións menos profesionalizadas que descoidaron os programas sanitarios e a vacinación contra IBR”, explica. Resultados da análise de soros mediante ELISA gE, anos 2015 a 2021. Distribución dos clústers Gini de granxas analizadas, con maior prevalencia que a media anual (en vermello) e menor prevalencia (en azul) Aínda que se trata dunha enfermidade endémica estendida por toda a comunidade, as probas realizadas en explotacións de distintas zonas de Galicia permiten trazar un mapa epidemiolóxico da evolución da enfermidade, con maior presencia actualmente nas comarcas da Mariña, o límite da montaña de Lugo con Asturias e o interior da provincia de Ourense e a zona transfronteiriza do Xurés. Probas diagnósticas A diferenza doutras comunidades, en Galicia o diagnóstico non é gratuíto. O gandeiro paga unha mostra de cada 15, como forma de facelo partícipe do programa como beneficiario último da erradicación da enfermidade. Realízanse dous tipos de probas: glucoproteína B (gB) e glucoproteína E (gE). Trátase dun sistema de confirmación con dobre análise, xa que un animal positivo a gB pero negativo a gE ten o virus pero non a enfermidade, mentres que un animal positivo a anticorpos gE é un posible portador latente. O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Lugo (LASAPAGA) funciona como laboratorio central en Galicia, con equipos e persoal especializado, e que conta a maiores con dous laboratorios de apoio en Mabegondo e Salcedo, que fan sobre todo probas de seroloxía.
Tres cuartas partes dos animais mostreados o ano pasado procedían de explotacións de leite
Analizáronse case 263.000 mostras en 2022. Foron analizados un total de 144.228 animais co test ELISA gE, pertencentes a 5.172 explotacións. O 2,3% deron positivo en ganderías leite e o 3,8% en ganderías de carne. En canto ás probas con ELISA gB, analizáronse un total de 62.515 animais, pertencentes a 2.562 explotacións, dos que deron positivo o 2,9% en granxas de leite e o 4,8% en granxas de carne. Monitorización de rabaños mediante análises do tanque de leite Aínda que as probas en leite teñen moita menor fiabilidade a respecto das probas con soro sanguíneo, a Xunta optou pola súa utilización como sistema de monitorización de explotacións e cribado inicial das indicadas para o sangrado de animais. “Empezamos realizando análise do tanque de leite e cando dá negativo sabemos que nesa explotación hai poucos casos e pasamos a sangrar todas as vacas. Para baixar a prevalencia centrámonos tamén en analizar animais novos”, detalla Ignacio.
Unha de cada catro explotacións dá positivo nas análises de IBR no tanque do leite
En canto ás mostras en tanque de leite analizadas, o ano pasado estudáronse un total de 2.968 explotacións, das que o 25% foron reactivas a IBR gB. A Consellería do Medio Rural desenvolveu un sistema informático (FICADI) que recibe datos das explotacións en tempo real (REGAN) e integra todas as actuacións realizadas nas ganderías polos veterinarios (vacinacións, toma de mostras, etc). Do mesmo xeito, na propia aplicación recíbense os resultados das mostras enviadas ao laboratorio para a súa remisión aos veterinarios de campo (MARIS). Clasificación das explotacións A cualificación oficial das ganderías en función da súa situación sanitaria concreta de IBR inclúe 4 categorías, aínda que existen diferenzas entre a clasificación galega e a derivada da normativa estatal, o que obrigará a recalificar á maioría de explotacións.
Temos un tapón moi grande de explotacións en nivel 2 e que van pasar a nivel 0
“Temos un tapón moi grande de explotacións que están en nivel 2 e que van pasar a nivel 0. En nivel 2 temos á maioría das explotacións en Galicia e esas explotacións ou sangran ao 100% dos animais e eliminan os positivos ou deberán vacinar cando se empeze a aplicar o programa nacional, que se prevé que sexa obrigatorio en 2025”, explica Ignacio. Escaso nivel de vacinación A Xunta procedeu a incorporar ao documento de acreditación sanitaria da explotación (carta verde) a cualificación de IBR da granxa, pero a maioría de ganderías que están en nivel 2 do programa de Galicia aparecen na carta de saneamento con nivel 0 porque non vacinan e na cualificación da carta de explotación utilízase a clasificación nacional.
Hai unha porcentaxe de vacinación moi baixa en Galicia, é a pata que nos falla
Coa vacinación ou sangrado e eliminación de animais positivos evitaríase que esas ganderías que están en nivel 2 pasasen a nivel 0 e puidesen acceder deste xeito a un nivel superior (3 ou 4), o que facilitaría a saída de animais da granxa. “Cun pouco máis de esforzo poderiamos situar a gran parte desas explotacións en nivel 4; é moi importante non abandonar un programa sanitario, se se arrinca hai que continualo”, insiste Ignacio, que apela á concienciación dos gandeiros e ao labor didáctico dos veterinarios que os asesoran no seu día a día. “É fundamental que a formación parta do veterinario como garante dunha información veraz ao gandeiro”, di.
A formación é a peza principal nos programas de control e debe partir do veterinario
En Galicia vacínase hoxe en día contra IBR menos do que se facía hai anos, cando a sintomatoloxía clínica era habitual nas explotacións, o que axudou a estender o uso das vacinas. A vacinación na década dos 80 e 90 volveuse xeneralizada pero a medida que a aparición de brotes clínicos foi descendendo, a vacinación foi decaendo e abandonándose. Estratexias: vacinar ou eliminar animais Unha explotación que ten unha taxa de prevalencia por baixo dun 10% intrarrabaño podería erradicar a enfermidade sen vacinar, simplemente eliminando eses animais. “Levamos 3 anos recomendando aos gandeiros con casos positivos que se desfagan deses animais”, indica Ignacio.
Unha granxa seronegativa con dous animais latentes é un perigo. Se temos animais positivos hai que eliminalos ou senón vacinar
“A vacinación é necesaria, é unha ferramenta moi boa, pero o que non ten sentido é manter animais positivos na granxa, porque poden xurdir brotes en calquera momento e levaría a pasar á explotación a nivel 0, algo que despois custa moitos anos para poder chegar a nivel 4”, razoa. A rotación de animais é inferior nas ganderías de vacún de carne que nas de leite, polo que os animais portadores do virus permanecen máis tempo na explotación. “A vaca en moitas explotacións en Galicia é máis que un animal que dá diñeiro, é un membro máis da familia, ten nome e é moi difícil desfacerse delas. Xa custou coa tuberculose”, lembra. Compra de animais Un dos factores de maior risco para a entrada do virus nunha explotación é a compra de animais. O ano pasado o 3,2% dos animais incorporados a ganderías galegas deron positivo a IBR gE, unha porcentaxe que descende ao 2,8% no caso de explotacións integradas en ADSG. No caso das probas para detección de IBR gB, a taxa de prevalencia en novas entradas de animais é do 4,7%, que baixa ao 3% se se ten en conta unicamente ás ganderías en ADSG.
En 2007 o 17% das vacas importadas de países como Francia eran positivas a IBR
“En 2007 de 100 vacas que viñan 17 eran positivas a IBR, hoxe a positividade sitúase no 3% porque se ti obrigas a que os animais que entran nas explotacións sexan negativos os tratantes traerán vacas negativas, porque se preocuparán de que o gandeiro llas compre”, argumenta Ignacio. Medidas de bioseguridade e rapidez diagnóstica A analítica de animais previa á incorporación á explotación e a mellora das estratexias de bioseguridade na granxa para evitar novas infeccións son dúas das medidas máis efectivas para a diminución progresiva da entrada da enfermidade nos rabaños gandeiros, aínda que queda aínda moito que mellorar nestes ámbitos. “A bioseguridade é un aspecto que falla nas explotacións de vacún”, afirma o responsable do Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo. “O diagnóstico de laboratorio serve para detectar a enfermidade, pero non para que non entre. Hai gandeiros de vacún que teñen tamén unha explotación de pitos ou de porcos e nestas hai un nivel de bioseguridade moi elevado, mentres na de vacas non adopta practicamente ningunha medida”, compara.
Unha das estratexias recomendadas para a entrada de novos animais é a corentena
A Xunta aposta pola rapidez diagnóstica para evitar o contaxio por parte de animais comprados portadores de IBR. “Se unha mostra entra un martes o venres está o resultado. Non pode ser que un gandeiro que compra un animal teña que esperar un mes para ter a certeza de que ese animal é negativo, porque entón xa o terá metido na explotación”, razoa Ignacio. O obxectivo dos tres laboratorios galegos (Lugo, Mabegondo e Salcedo) céntrase tamén na detección temperá dos brotes que xurdan nas explotacións. “Este ano houbo un movemento tremendo de animais e iso fixo que xurdan brotes. Estes brotes esténdense rapidamente. Vimos brotes de IBR que en 15 días esténdense e seroconvirten a todos os animais da granxa. Nestes casos os kits de leite son útiles para detectar brotes”, asegura.

“Co programa voluntario xa chegamos ao límite, é o momento de adoptar un programa obrigatorio”

Xornadas sobre IBR celebradas no CIAM, con presenza de especialistas e veterinarios de ADSG O programa da Xunta de loita contra IBR, que empezou a aplicarse en 2004, ten carácter voluntario e lévase a cabo a través do medio cento de ADSG existentes na comunidade, de forma conxunta con outras enfermidades como BVD, paratuberculose e neosporose. Pero a pesar de levar máis dunha década traballando no control e erradicación de IBR nas explotacións, a situación da enfermidade en Galicia está estancada, mentres noutras comunidades que empezaron a traballar neste ámbito moito despois, caso de Andalucía ou País Vasco, o avance foi moito máis rápido. Obrigar a vacinar “Co programa voluntario temos chegado ao límite, é o momento de adoptar un programa obrigatorio, porque senón non seremos capaces de baixar dese 2-3% de prevalencia que temos hoxe”, defende Ignacio Arnáiz Seco, responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo. Unha das estratexias que Ignacio defende é o de “fomentar o uso da vacinación, que é un punto débil en Galicia”, recoñece. “Temos que obrigar a utilizar a vacina en determinados sitios, porque senón é volver atrás”, asegura. Chegar a todas as explotacións Converter a loita contra a IBR en obrigatoria significaría universalizar o seu control no conxunto da cabana gandeira, independentemente do tamaño da explotación, do mesmo xeito que sucede con outros programas oficiais, como tuberculose ou brucelose. “É necesario estender o programa a todas as explotacións, tamén ás pequenas, e temos que ver como axudarlles, porque cumpren unha función moi importante no territorio e non podemos poñerlles trabas que impliquen ou aceleren a súa desaparición”, argumenta. O papel das ADSG Mapa de distribución das 52 ADSG existentes en Galicia en comparación coas 15 que había no 2004 Pertencer a unha Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira ten carácter voluntario, aínda que nalgunhas axudas da Xunta, como plans de mellora, concédese un punto no baremo por pertenza a ADSG. O responsable do Laboratorio de Sanidade animal do CIAM é partidario de profundar máis nesta liña e establecer a pertenza a unha ADSG como requisito para o acceso a axudas públicas. “Necesitamos que todas as subvencións á produción estean condicionadas a que esas explotacións estean en programas sanitarios”, argumenta.

Xornada formativa para ganderías de vacún en Frades

A cooperativa coruñesa Central de Frades SCG organiza unha xornada formativa na que se tratarán temas de interese para as granxas de vacún coma o uso responsable de antibióticos, a prevención de IBR ou as novas normativas no agro. A xornada celébrase o xoves 15 de xuño no restaurante O Cadaval, en Frades (A Coruña). A formación comezará ás 11.00 horas e prolongarase durante toda a mañá. Trátase dunha actividade aberta a todos os gandeiros e gandeiras interesados, pero por motivos de organización é preciso confirmar asistencia antes do 14 de xuño. As persoas interesadas en acudir deben chamar á Cooperativa no 981 692 105 ou enviar un email a info@centralfrades.es. Detallamos a continuación o programa completo da xornada: 10.45 – 11.00 horas. Recepción de asistentes. 11.00 – 11.45 horas. A Rinotraqueítes Infecciosa Bovina (IBR) e o seu novo programa de prevención, control e erradicación. Sergio Rodríguez Pedrouzo, do Servizo Técnico Rumiantes de Vetia. 11.45 – 12.05 horas. Pausa do café. 12.05 – 12.50 horas. Uso responsable de antibióticos e normativa sobre o veterinario da granxa. Raquel Gómez Gómez, da subdelegación xeral de Sanidade e Hixiene Animal e Trazabilidade do Ministerio de Agricultura. 12.50 – 13.35 horas. Novas normativas para o sector agrario. O caderno de campo e fertilización. Diana Freijeiro Lorenzo, enxeñeira agrónoma en Agroenxeñería Galega CB.

Xornada técnica no CIAM sobre loita contra a IBR na gandería de vacún en Galicia

O vindeiro 8 de xuño, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en colaboración con outras entidades, desenvolven unha xornada técnica co Programa Nacional de Prevención, Control e Erradicación da IBR, titulada “Aportacións ao coñecemento da distribución do herpesvirus bovino tipo 2 (BoHV-2) na cabana vacuna galega”. Poderase asistir de xeito presencial ou on-line, e para inscribirse é necesario cubrir este formulario. Esta xornada está dirixida a técnicos veterinarios da Consellería do Medio Rural, ADSG e en xeral de gando bovino de Galicia. Nela abordaranse cuestións como a situación actual e perspectivas de futuro da enfermidade e do seu programa nacional, diagnóstico laboratorial de IBR, aplicacións do programa de calificación oficial, ou o programa de IBR no contexto galego. A base normativa que establece a clasificación sanitaria das explotacións gandeiras cínguese ao Real Decreto 554/2019, de 27 de setembro, polo que se establecen as bases das actuacións de prevención, control e erradicación da Rinotraqueítis Infecciosa Bovina (IBR) e se establece un programa nacional voluntario de loita contra dita enfermidade, e tamén, pola Orde de 22 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para o ano 2023- 2024. Nesta ocasión participarán representantes do Ministerio de Agricultura, do Laboratorio Nacional de Referencia, da CCAA de Andalucía, de Guipúzcoa, do Laboratorio de Sanidade Animal (Lasapaga) e coa participación da Subdirección Xeral de Gandaría e do propio CIAM. Cómpre engadir que na súa organización tamén participa a Subdirección Xeral de Gandaría, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e colabora a Fundación Juana de Vega. Programa da xornada: PROGRAMA_JORNADA_IBR_080623

As claves do éxito de Galicia na loita contra a IBR bovina

A Rinotraqueíte Infecciosa Bovina (IBR) é unha enfermidade vírica que Galicia leva máis de 30 anos esforzándose por ter baixo control ou chegar a erradicar das ganderías. Nos últimos anos tamén se puxo en marcha un programa nacional co mesmo obxectivo, polo que nestes momentos están a convivir os dous, sen ser obrigatorios os controis, aínda que se agarda que isto cambie a curto prazo. As propias características da enfermidade fan que poida pasar desapercibida na granxa durante algún tempo, pero deixar abrochos que provoquen consecuencias no benestar dos animais e na rendibilidade da gandería. “Unha das principais características deste virus é que pode permanecer latente no organismo sen detectarse ningún síntoma, ata que se reactiva por unha baixada de defensas do animal”, explicou Ignacio Arnaiz Seco, veterinario da Consellería de Medio Rural, durante a súa participación na xornada divulgativa organizada pola ADS Vacasán, na sede da Cooperativa agrogandeira AIRA en Chantada. Instante da xornada impartida nas instalacións de AIRA e organizada pola ADS Vacasán. É unha patoloxía que adoita provocar afeccións respiratorias, pero tamén pode presentarse nos órganos reprodutivos, afectar ó sistema nervioso ou mesmo pode haber animais que sexan asintomáticos pese a ser portadores. Durante moito tempo foi coñecida popularmente como a enfermidade do nariz encarnado, xa que era un síntoma común que agora xa practicamente non se produce nos abrochos de IBR.
O IBR pode permanecer latente no organismo do animal, sen síntomas, ata que nunha baixada das defensas da vaca se produza un abrocho
Trátase ademais dun virus que se propaga polo aire, polo que é moi difícil evitar o contaxio entre animais na granxa. Por iso é fundamental facer un control dos novos animais que entran na granxa para evitar que poidan vir contaxiados e infectar ó resto do gando.

Por que un programa de control?

Arnaiz Seco incide na importancia que ten realizar un seguimento da enfermidade e das vantaxes que proporciona dispoñer dun programa de control da incidencia. Como calquera infección dos animais, a IBR ten efectos directos na saúde dos animais. Entre os máis destacados atópanse as pneumonías e os abortos, pero ademais produce perdas na produción e no benestar do animal. Á marxe das razóns sanitarias, o IBR provoca o incremento do gasto en tratamentos. Ademais, pese a que os animais non teñan síntomas, non dispoñer de certificados que acrediten estar libre de IBR tamén lastra a comercialización dos animais. “As rexións libres de IBR poden solicitar garantías adicionais no movemento do gando. Igualmente, nas zonas onde existe un programa aprobado polas autoridades comunitarias pódense pedir garantías adicionais”, indica Arnaiz.

O control en Galicia

En Galicia, o control da IBR iniciouse no 2004 por medio das Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS), para o que levaron a cabo unha monitorización dos rabaños, que lles permitise detectar cedo os abrochos. Para iso fanse tanto analíticas anuais nos animais como analíticas trimestrais do leite no tanque. Ademais, para conseguir diminuír progresivamente a positividade dos rabaños optaron por tres vías. A primeira delas céntrase en reducir as novas infeccións, para o que fomentaron a bioseguridade na granxa, con medidas como a vacinación voluntaria. Tamén resulta fundamental o control das entradas de novos animais na granxa, polo que se fan analíticas sobre IBR ós novos animais que van incorporarse á granxa. Outra das estratexias seguidas en Galicia para reducir a incidencia de IBR nas ganderías foi a prohibición da utilización das vacinas non marcadoras, é dicir as vacinas tradicionais, xa dende o 2007. O uso das vacinas convencionais estaba a dificultar identificar aqueles animais que tiñan anticorpos de IBR por teren sido vacinados, así todo animal positivo en IBR considérase posible portador latente. Mentres, as vacinas marcadas amosan que ese animal ten anticorpos a través da vacina, pero non supón un risco para a gandería, xa que a enfermidade non está latente. En Galicia, a incidencia da IBR nas ganderías adheridas á ADS pasou de máis do 25,5% dos animais no 2004, cando comezaron a facerse os controis a reducirse a un 3,5% dos exemplares no 2020. En canto ás granxas, pasouse de supoñer máis do 57% a quedar un 17 % con animais infectados. Tal e como sinala Arnaiz, as ADS foron claves para este control. Evolución da incidencia da IBR nas granxas adheridas a ADS e a porcentaxe de animais afectados. En vermello a taxa de granxas e animais infectados por IBR e en azul  porcentaxe de granxas e animais vacinados con vacinas tradicionais. Abonda con comparar os datos de animais e granxas afectadas por IBR adheridas ou non ás ADS para comprobalo. Así, nas ganderías de carne da Coruña, a taxa de IBR por gandería sitúase case nun 25% fóra da ADS, mentres que se reduce a case un 13% nas supervisadas pola ADS. A situación é moi parella no que a gando de leite se refire, pasando dunha incidencia de IBR do 50,7% nas granxas que non están na ADS a reducirse a un 24,5% nas que contan con este servizo.

Diferenzas entre o programa de control galego e o nacional

Coa entrada en vigor do novo programa estatal de control de IBR nestes momentos conviven os dous sistemas. Ata que o programa nacional de prevención de IBR se faga obrigatorio, en Galicia van convivir os dous modelos de control. Barállase que o programa nacional se volva obrigatorio no 2024 como indican dende o Ministerio de Agricultura coa intención de que as ganderías compitan en igualdade de condicións co resto dos socios europeos e dado que as exportacións e os movementos intracomunitario está demandando estas garantías. 
Ata que o programa nacional de prevención de IBR se faga obrigatorio, en Galicia van convivir os dous sistemas
Pese a buscar o mesmo obxectivo: erradicar a presenza da enfermidade, atópanse algunhas diferenzas entre o programa nacional e o galego á hora de clasificar as ganderías en base á incidencia detectada. Ademais, mentres que no programa estatal é obrigatoria a vacina marcada, no programa galego esta vacinación é voluntaria. Nas primeiras etapas de clasificación, aquelas que están fora do programa ou cunha presenza de animais infectados xa dende os primeiros meses, os dous programas coinciden. As diferenzas preséntanse nos niveis máis esixentes e que procuran confirmar que se erradicou a enfermidade nesa granxa así como no grao de vacinación, que será decisivo para acadar unha clasificación ou outra no modelo estatal e no galego. Así, as granxas que vacinen con vacina marcadora nos últimos 12 meses dos niveis 1, 1- e 2 terán a mesma calificación nos dous programas. Mentres, as granxas que non vacinen no programa galego dos niveis 1,1- e 2 terán o nivel 0 no programa nacional. Para acadar o nivel 3, as ganderías deberán estar vacinadas con vacina marcadora nos dous programas. E no caso do programa estatal, para lograr o nivel 4 non se pode vacinar nos últimos 24 meses. “Para aquelas ganderías que xa estean nun nivel de control avanzado do IBR é bo que tamén se adhiran xa ó programa nacional. Aquelas ganderías que non estean nese punto o recomendable é seguir avanzando a través do programa de Galicia para que unha vez que o programa nacional se faga obrigatorio non resulte tan custoso incorporarse a el”, concreta o experto.

Xornadas técnicas sobre prevención e control da IBR e outras enfermidades en gando vacún de leite e de carne

O Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo (CIAM ), a Subdirección Xeral de Gandaría e as asociacións de defensa sanitaria gandeira da Montaña lucense, Becerreá, Fonsega, Curtis, Gando vacún de Frades e Gando vacún de Mesía organizan tres xornadas técnicas que tratan sobre os programas sanitarios das ADSG, con especial referencia ó programa nacional e autonómico da IBR. As xornadas van ter lugar en Becerreá (13 de outubro), A Fonsagrada (14 de outubro) e Curtis (21 de outubro). As de Becerreá e A Fonsagrada oriéntanse ó desenvolvemento destes programas nas granxas de aptitude cárnica e a de Curtis ás granxas de produción de leite. Cada unha das xornadas plantéxase con tres relatorios e unha mesa redonda. Os relatorios tratarán temas como a bioseguridade, as axudas ao desenvolvemento destes programas sanitarios, os beneficios de desenvolvelos, a súa implantación, o diagnóstico laboratorial ou os relacionados coa investigación que a Consellería de Medio Rural desenvolve con respecto a eles. O límite de plazas para cada xornada é de 50. Os formatos para a inscrición poden descargarse nas seguintes direccións: Becerreá: www.ciam.gal/pdf/xornadas/bcrrea.pdf Fonsagrada: www.ciam.gal/pdf/xornadas/fsgda.pdf Curtis: www.ciam.gal/pdf/xornadas/curtis.pdf A dirección para enviar as inscricións é: ciam.adsg@ciam.gal . Para máis información o teléfono de contacto é 881 881 814 Os consellos de Becerreá, A Fonsagrada e Curtis colaboran cedendo o lugar de celebración de cada unha das xornadas.

Evitar o contaxio de IBR e BVD: como actúan as granxas en Galicia e en Cataluña?

Seguen diferentes estratexias e medidas de bioseguridade as granxas de Galicia e de Cataluña á hora de previr enfermidades como a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR) e a diarrea vírica bovina (BVD)? Esta é unha das preguntas á que dá resposta a investigación da Universidade de Santiago sobre a prevención destas dúas afeccións nas ganderías. O estudo, realizado entre 2017 e 2018 en 124 granxas, 90 delas galegas e o resto catalás, permite coñecer e avaliar as medidas preventivas máis implantadas e que mellores resultados están a ofrecer en ámbalas dúas comunidades. Ó mesmo tempo, esta investigación permite saber en que aspectos deben mellorar as ganderías para frear a incidencia e o contaxio dos seus animais. Os resultados amosan tamén importantes diferencias derivadas do tamaño do rabaño e entre as dúas rexións. No estudo participaron diferentes ganderías con perfís moi variados, tanto pequenas e medianas granxas ata de gran tamaño.
O estudo amosa importantes diferencias entre Galicia e Cataluña, relacionadas co tamaño do rabaño, á hora de afrontar a prevención das enfermidades
Nas ganderías galegas o labor levado a cabo polas Asociacións de Defensa Sanitaria (ADS) está a ser fundamental na prevención tanto de IBR como de BVD, porén as medidas de bioseguridade no día a día da granxa son aínda unha tarefa pendente e por mellorar en moitas delas. Nas ganderías de menor tamaño está a custar máis establecer estes parámetros de prevención, ó existir maior colaboración entre ganderías.

As ADS, claves na prevención

A principal vía de entrada das infeccións de IBR e BVD nas ganderías segue sendo a introdución de animais na granxa. “Estas enfermidades entran nas ganderías, en gran medida a través de animais comprados, aínda que non é a única vía de infección”, explica Javier Diéguez, profesor da área de Produción Animal na Facultade de Veterinaria de Lugo e un dos investigadores participantes no estudo.
Os controis que realizan periodicamente as ADS sobre IBR e BVD está axudando a reducir a incidencia das enfermidades en Galicia
Neste sentido, o traballo que están a realizar as ADS en Galicia é fundamental para reducir o número de contaxios de ambas enfermidades. “Boa parte das granxas galegas están xa en ADS e estas asociacións encárganse de comprobar que tódolos animais que entran na gandería están libre de, entre outras infeccións, BVD e IBR. Ademais, os veterinarios das ADS teñen unha ampla experiencia no tratamento e detección destas enfermidades”, detalla Diéguez. Na actualidade, en Galicia o 56% das granxas atópanse adscritas a algunha ADS, o que contribúe a detectar e atallar antes estas infeccións. “É importante que aquelas granxas con perspectivas de futuro se adhiran á ADS polo control sanitario que se fai dos animais”, apunta o investigador.
É frecuente que nas granxas catalás as ADS non se encarguen de realizar un control sanitario dos animais que chegan á gandería
Porén, tal e como comprobaron neste estudo, en Cataluña pese a contar tamén con ADS, estas entidades están centradas noutras tarefas e non adoitan realizar un control do gando sobre enfermidades como a diarrea vírica ou a rinotraqueíte infecciosa. “É habitual que non se testen os animais que chegan á granxa e non se realiza un control sanitario como o que en Galicia levan a cabo as ADS”, concreta Diéguez en base ás enquisas e ós controis realizados nas 34 ganderías catalás que participaron no estudo.

Mellorar a bioseguridade na granxa

Co control e a supervisión que realizan as ADS galegas estase a conseguir o retroceso destas infeccións, porén hai outros aspectos nos que as granxas galegas deben mellorar para atallar outras vías de contaxio que tamén propician a aparición de calquera destas dúas enfermidades. En bo número das ganderías galegas a aplicación de medidas de bioseguridade é aínda unha tarefa pendente, en parte polas propias características das granxas de vacún na comunidade. “A diferenza do que acontece en Cataluña, onde as ganderías teñen un tamaño medio dunhas 110 vacas, as granxas galegas son pequenas ou medianas e adoitan estar moi ligadas á casa familiar. Ademais existe unha gran densidade de granxas, mentres que en Cataluña adoitan estar máis separadas entre si”, comenta o investigador. O feito de que en xeral as granxas galegas estean moi vinculadas coa vivenda, ben pola súa proximidade ou porque toda ou boa parte da familia está involucrada nesa actividade, tamén fai máis complicado implantar e respectar certas medidas de bioseguridade, tal e como evidencia este estudo. En cambio, o gran tamaño da maioría das granxas en Cataluña fai que as medidas de bioseguridade formen parte dos imprescindibles da xestión da granxa.

Medidas biosanitarias primordiais

O investigador Javier Diéguez insiste na importancia de incorporar cada vez máis estas medidas biosanitarias para conseguir reducir a incidencia tanto de BVD coma de IBR nas ganderías galegas. Recollemos as principais recomendacións: -Control das visitas na granxa. A proximidade á vivenda e a familiaridade e convivencia con outros gandeiros fai habitual que na granxa haxa máis visitas das estritamente necesarias, o que se pode converter nun foco de infección cando estes visitantes están en contacto con outros animais. -Establecer zonas de aparcamento específicas e controladas é de axuda para evitar o risco de infección cando os vehículos proceden doutras ganderías. -Proporcionar material específico para acceder á granxa. “O persoal que accede á granxa debe facelo con equipos axeitados como calzas ou botas limpas e desinfectadas para reducir os riscos de contaxio”, detalla o investigador. -Establecer protocolos de limpeza e desinfección para maquinaria común. O emprego de maquinaria común en diferentes ganderías pode ser un foco de transmisión para estas enfermidades. A utilización dun carro mesturador de comida en varias ganderías ou a xestión dos xurros ou o esterco con tractores, cubas ou remolques que atendan a máis dunha granxa pode converterse nunha vía de contaxio. Por este motivo, e aínda que polo momento non é o habitual nas ganderías de vacún galegas, cómpre establecer sistemas de limpeza e desinfección para estes vehículos. “Tampouco son procedementos que supoñan un custo elevado para as ganderías, xa que cunha máquina a presión e unha bomba para a limpeza e desinfección do equipo abondaría”, apunta Diéguez. -Outras medidas que tamén poden ser de interese son os peches perimetrais da granxa, ó igual que se empregan xa en ganderías de aves e de porcino, estes sistemas evitan os riscos de acceso tanto de persoas como de fauna allea á granxa. -Pertencer a unha ADS. “O control sanitario que se fai nas ADS resulta fundamental para evitar que entren animais enfermos na gandería”, insiste Diéguez. Esta é unha das medidas principais para os gandeiros galegos. A prevención destas enfermidades non só beneficia á propia granxa senón ás ganderías próximas.

Eliter, unha ferramenta para dar valor aos becerros das explotacións de leite

Elio López cun dos crotais que certifican a calidade dos becerros

Lograr que os xatos que saen das explotacións de leite galegas sexan tenreiros de élite. Ese é o obxectivo de Éliter, unha iniciativa creada por unha empresa galega que busca diferenciar aqueles animais que cumpren cuns parámetros de idade, sanidade e benestar idóneos para que o seu valor no mercado se incremente.

O veterinario Elio López, responsable da idea, explica que “actualmente os xatos lactantes en Galicia e no resto de España cada día valen menos e teñen menos venda. Isto débese a que moitas gandarías non fan ben o manexo dos xatos pequenos, aos que non lles prestan a atención e os coidados necesarios (non pertencen a unha ADSG ou non levan os programas sanitarios idóneos, non encalostran ben aos animais ou mesmo manipulan as datas de nacemento para poder mandalos antes de tempo). As consecuencias destas prácticas acaban pagándoas todas as granxas, tanto as que fan ben as cousas como as que non, porque até agora non había unha certificación que diferenciara os xatos que foron atendidos axeitadamente dos que non”, evidencia.

Coa finalidade de botar unha man aos gandeiros nestes momentos difíciles, decidimos dar o servizo gratis nas primeiras 100 granxas que nos chamen e se apunten ao noso sistema de certificación

Esa é precisamente a finalidade de Éliter, distinguir aos becerros daquelas explotacións que os coidan baixo unhas condicións determinadas de saúde e benestar que os predispoñen para un mellor crecemento e desenvolvemento posterior. “Os cebadeiros na actualidade prefiren importar xatos do norte e centro de Europa a un prezo superior porque son animais máis homoxéneos, de maior idade e que provocan menos baixas”, explica Elio.

O sistema de certificación de Éliter non só aporta maior valor aos machos que saen da granxa ás dúas semanas de vida, senón tamén ás femias que quedan na gandeiría, xa que os veterinarios de Éliter van axudar aos gandeiros a mellorar a recría propia e asegurar deste xeito un óptimo reemprazo de vacas en produción. “Non só imos dar este servizo de certificación para os xatos, senón tamén de asesoramento aos gandeiros para a mellora da recría de xovencas con recomendacións relacionadas co encalostrado e co coidado das xatas”, engaden.

Non só damos máis valor aos xatos que se venden, senón que axudamos ás explotacións a mellorar a recría propia da gandeiría

Coa finalidade de botar unha man aos gandeiros nestes momentos de dificultades, en Éliter pensaron en poñer o seu gran de area cunha oferta de lanzamento de balde para axudar deste xeito aos produtores nun momento no que é máis necesario ca nunca. “As dificultades para a saída dos becerros das explotacións nestas últimas semanas evidencia a necesidade de diferenciación no mercado, polo que farémolo gratis nas primeiras 100 granxas que nos chamen e se apunten ao noso sistema de certificación”, anuncian.

Un sistema simple e sinxelo

O sistema ideado por esta empresa de certificación de bovino lactante é moi doado de usar por parte do gandeiro, de maneira que non lle supoña un esforzo engadido. Coa App de Éliter descargada no seu móbil, unicamente tería que facer unha foto ao xato no momento do nacemento e un pequeno vídeo o día 13 e subilo á plataforma de certificación, que non permite modificar as datas da toma das imaxes. Deste xeito, quedaría demostrado que o becerro chega ao mercado con dúas semanas de vida.

O gandeiro unicamente tería que facer unha foto ao becerro cando nace e un pequeno vídeo o día 13 para deste xeito demostrar que chega ao mercado con dúas semanas de vida

O persoal técnico de Éliter, un equipo formado por dous veterinarios e un informático, encargaríase de comprobar mediante unha análise inicial da explotación e de revisións periódicas posteriores que as instalacións nas que se atopan os animais e as atencións que reciben son as axeitadas. “Visitamos as granxas para ver as características das súas instalacións para becerros estudando distintos aspectos como por exemplo o benestar animal ou o estatus sanitario da explotación e comprobamos mediante analíticas a un número determinado de animais, que varía en función do número de cabezas da explotación, o correcto encalostrado”, explica Elio.

“Se a gandaría xa o fai ben non tería que cambiar nada, simplemente nós comprobámolo e certificámolo. En caso de que non se cumpliran ao 100% todos os requisitos que nós establecemos, asesorariámola para que cheguen ao obxectivo fixado”, engade. Isto supón que coa certificación non só se lle axuda ás ganderías a mellorar a saúde e o benestar dos becerros que van vender, senón que tamén reciben asesoramento para mellorar a recría propia da explotación.

Se a gandaría xa fai ben o encalostrado non tería que cambiar nada, simplemente nós comprobámolo e certificámolo. En caso de que sexa necesario facer algún cambio, asesorámola para que chegue ao obxectivo fixado

Tómanse mostras tanto do costro subministrado como do animal, extraendo soro sanguíneo dos xatos, que se analiza mediante espectofomometría para valorar as proteínas totais dos animais. Os resultados deben conter un nivel de máis de 5,2g/dl de proteínas totais, que se relaciona cun nivel de inmunoglobulinas axeitado para garantir a transferencia axeitada de inmunidade pasiva ao becerro.

Crotais diferenciadores con código QR

Os crotais de Éliter

Todos os xatos pertencentes ás explotacións gandeiras inscritas son identificados e certificados de xeito individual mediante crotais específicos que teñen un número e un código QR que permite acceder a todos os datos do animal podendo comprobar deste xeito a trazabilidade individual de cada xato. “Deste xeito tamén lle damos un valor para a xestión dos crotais dos becerros na explotación xa que identificamos aos animais ao nacer cunha imaxe”, destaca Elio.

Os técnicos de control de Éliter validan de xeito individual todo o proceso de cría e asignan un número de crotal específico. O equipo está formado por dous veterinarios e un informático

O certificado individual que acompaña a cada becerro indica:
– Que procede dunha explotación con cando menos nivel 1 de ADSG ou equivalente fronte a Rinotraquítis Infeccionsa Bovina (IBR) e Diarrea Vírica Bovina (BVD), acreditando que se realizan plans de control contra estas enfermidades e que a granxa leva un ano sin presentar posivos
– Que o animal foi sometido a un correcto encalostrado e recibiu os coidados neonatais axeitados
– Que ten máis de 14 días de vida reais á data de saída da explotación
– Que os becerros lactantes da explotación atópanse nunhas condicións de aloxamento e encamado axeitados
– Que se garanten as condicións xerais de benestar dos animais

O sistema de certificación está xa en funcionamento e é válido tanto para machos pintos como para machos de cruce, aínda que as restricións aos movementos impostas nas últimas semanas como consecuencia do estado de alerta sanitaria por mor do coronavirus retrasou as novas altas de explotacións, que a partir da entrada hoxe da comunidade galega na fase 1 da desescalada xa se poden levar a cabo.

Os xatos son un activo nas explotacións que hai que aproveitar, pero hoxe non se valora a aqueles gandeiros que tratan e coidan mellor aos seus becerros

“É convinte que as gandarías que queiran empezar a certificar os seus becerros se poñan en contacto con nós para ir preparando toda a documentación e que unha vez pasen estas limitacións do confinamento poidan beneficiarse xa das vantaxes da certificación ante unha previsible baixada de prezos”, explica Elio.

Para contactar co equipo responsable de Éliter pode facerse a través da súa páxina web ou chamando ao teléfono 672620791. Para máis información tamén se pode descargar neste enlace o Prego de Condicións do servizo.

O coronavirus agrava a necesidade de diferenciación

A parálise e ralentización do mercado como consecuencia da crise do coronavirus motivará previsiblemente cando se reactive a actividade con normalidade nos mercados de gando unha acumulación de becerros que fará descender aínda máis o seu prezo. Isto fará que só os mellores animais terán unha saída garantida. Por iso, considera Elio, “nos vindeiros meses vai ser moi útil poder distinguir a aqueles xatos que cumpren cos estándares axeitados”.

Xa hai cooperativas en Galicia interesadas en acreditar a calidade dos seus becerros, como Aira ou Xallas, que queren certificar deste xeito os coidados que reciben xatos das ganderías que as integran. O sistema posto en marcha por Éliter leva xa tamén semanas testándose na SAT Xusto, no municipio de Cospeito, que actuou como explotación piloto para o desenvolvemento do proxecto de certificación de becerros lactantes.

As cooperativas Xallas e Aira xa mostraron o seu interese neste sistema de certificación dos xatos, que podería incrementar os ingresos que logran as explotacións pola venda de machos pintos e de cruce

Tamén son varios os cebadeiros que mostraron o seu interese por mercar xatos certificados, como unha maneira evitar baixas e, polo tanto, as perdas que isto lles ocasiona. “Hai cebadeiros de fóra de Galicia que deixaron de mercar machos na nosa comunidade porque as condicións nas que lles chegaban non eran as axeitadas e está claro que os cebadeiros, no momento en que poidan escoller os mellores becerros, vano facer, preferindo mercar os xatos con mellores condicións”, asegura Elio.

Utilidade para os cebadeiros

Boa parte dos cebadeiros cataláns, destino habitual dunha parte importante dos xatos das explotacións de leite galegas, decidiron cambiar os xatos galegos por outros, procedentes por exemplo de Francia. Foi o caso de Guissona, que era a principal consumidora de becerros galegos, levando preto de 500 animais á semana, e que deixou de mercar en Galicia.

“O mercado de fóra está aumentando en cantidade e prezo mentres aquí os becerros pintos non valen a nada, con prezos en mínimos históricos entre 40 e 50 euros por animal. En Francia, por exemplo, coidan os xatos, que veñen cun mes. Aquí canto menos valen menos se coidan e canto menos se coidan menos valen, é un círculo vicioso”, razoa o creador de Éliter.

En Francia cóidanse os machos e teñen valor. Aquí canto menos valen menos se coidan e canto menos se coidan menos valen, é un círculo vicioso

“Os xatos son un activo nas explotacións que hai que aproveitar, pero non todos os becerros son iguais e hoxe non se valora a aqueles gandeiros que tratan e coidan mellor aos seus tenreiros machos porque o que merca é incapaz de diferenciar ao que o fai ben do que o fai mal e páganse todos os xatos igual, polo que os malos fixan o prezo á baixa tamén dos bos”, afirma.

Diferenzas de entre 40 e 50 euros máis por xato

“A nosa idea é que o valor dos animais certificados se poida incrementar ata poder alcanzar ou mesmo superar os prezos dos xatos que veñen de Europa. Desta maneira os gandeiros galegos entrarían a competir cos franceses pero coa vantaxe de que nós podemos garantir cousas que eles non poden”, explica Elio.

Na actualidade hai diferenzas de arredor de 40-50€ en animais das mesmas condicións de peso e conformación. Xa que logo, poñendo un exemplo práctico, para unha granxa de 100 vacas en produción que mande ao ano 70 becerros machos ao mercado suporía uns ingresos a maiores de 3.500 euros con respecto aos actuais. Con todo, o responsable de Éliter é consciente de que este proceso de revalorización non será inmediato, xa que “até que non haxa oferta suficiente deste tipo de becerros tampouco a demanda o vai a valorar dabondo”.

Xa hai moitos gandeiros que o fan ben, eu calculo que entre un 30 e un 40% dos animais que chegan á feira están ben coidados, pero hoxe non se ven recompensados

Aos tres mercados de referencia galegos, agora suspendidos por mor do Covid-19, chegaban cada semana entre 1.500 e 2.000 animais de recría. “Xa hai moitos gandeiros que o fan ben, eu calculo que entre un 30 e un 40% dos animais que chegan á feira están ben coidados”, afirma Elio. A eles é aos que vai dirixido en primeiro lugar Éliter, porque sen necesidade de facer ningún cambio, acadarían un valor engadido do seu traballo.

Para o resto de explotacións serviría como incentivo para mellorar na medida en que visen que compensa economicamente mellorar o manexo dos machos de recría ao ver que os prezos son superiores cando se garante que o xato foi ben coidado.

Válido para machos pintos e de cruce e para femias de recría

Aínda que este sistema de certificación está pensado sobre todo para os machos pintos, os de menor valor a día de hoxe, pode aplicarse tamén aos xatos rubios ou de cruces cárnicos. Asimesmo, tamén sería válido para a venda de femias de recría e de xovencas a outras explotacións, que terían unha garantía absoluta dos coidados recibidos desde o momento do nacemento. “Un bo encalostramento pode supór un incremento de 1.700 kg extra de produción na primeira lactación, algo que está demostrado con estudos científicos. Polo tanto, é moi interesante coñecer iso de antemán, dende a orixe, cando nace a xata”, insiste Elio.

Este veterinario está convencido de que tanto aos cebadeiros, no caso dos machos pintos e de cruce, como ás explotacións que mercan recría noutras gandarías, compénsalles pagar un pouco máis por saber que o animal que adquiren e reciben nas súas instalacións e entra en contacto co seu gando é o axeitado e cumpre unha serie de garantías sanitarias e de manexo.

Facer ben o encalostrado e seguir uns protocolos correctos de coidados neonatais reduce nun 50% as probabilidades de enfermidade dese animal no seu primeiro mes de vida. No caso das xovencas equivale a 1.700 quilos de leite máis na primeira lactación

“Facer ben o encalostramento e seguir uns protocolos correctos de coidados neonatais reduce nun 50% as probabilidades de enfermidade dese animal no seu primeiro mes de vida”, explica este veterinario. Do mesmo xeito, o IBR é o principal causante do síndrome respiratorio e o BVD é un inmunodepresor que fai que no caso de que outra enfermidade patóxena entre na granxa cause moitas máis baixas.

“Hai explotacións que son conscientes disto e están vacinando pero despois á hora de vender os seus animais non se diferencian do resto. Tampouco o valor das ADSG se ve recompensado”, conclúe Elio.

“Os catro virus principais da Enfermidade Respiratoria Bovina están presentes en toda España, mesmo en zonas con programas de control oficial frente a IBR”

Un estudo de campo levado a cabo en explotacións de vacún de leite e de carne de España sobre a Enfermidade Respiratoria Bovina (ERB) reflectiu a alta prevalencia dos principais patóxenos que interveñen no proceso. O equipo técnico de Ruminantes de Zoetis, compañía líder en saúde animal autora do devandito estudo, explica a continuación cales foron os resultados obtidos en vacún de leite e que achega o seu coñecemento ao sector.

Con que obxectivo realizastes o estudo?
Basicamente tratábase de coñecer os principais patóxenos que afectan á produción de vacún a nivel nacional, co obxectivo de planificar e optimizar os programas sanitarios e vacunais, adaptándoos á prevalencia atopada.

No sector vacún de leite, cal foi a mostra analizada?
Mostreáronse 50 explotacións tendo en conta as zonas de maior censo, así como tamén a zona sur e Levante. O censo total foi de 33.250 xovencas mostreadas (ou 16.600 xatas menores de 1 ano).

Cales son as principais conclusións para este sector?
O catro virus principais presentes na ERB (virus de Rinotraqueíte Infecciosa Bovina (IBR), Diarrea Vírica Bovina (BVD), Respiratorio Sincitial Bovino (RSV) e Virus da Parainfluenza 3 (Pi3)) están presentes en toda a xeografía española, inclusive nas zonas con programas de control oficial fronte a IBR, e cunha seroprevalencia intra-rabaño de todos eles alta.

Ademais, existe unha asociación clara entre VRS e Pi3, sendo unha infección que vai de forma conxunta. Tamén se conclúe que a principal bacteria involucrada en brotes de ERB é a Mycoplasma bovis.

Que tipo de mostras se recolleron?
Recolleuse soro para medir a seroprevalencia dos patóxenos mediante test ELISA, fronte ao catro virus e Mycoplasma bovis. E torundas naso-farínxeas profundas e aspirados intratraqueais para a detección dos axentes bacterianos implicados na ERB.

 “A principal bacteria involucrada en brotes de ERB é Mycoplasma bovis”

Que bacterias se estudaron?
Estudouse a prevalencia de Mycoplasma bovis, Mannheimia haemolytica, Pasteurella multocida, Histophilus somni e Trueperella pyogenes. Para iso recolléronse torundas de 37 explotacións e 316 mostras individuais, de animais enfermos, con signos clínicos de ERB, ou animais en contacto con estes.

Cal foi a prevalencia atopada?
No 78% das granxas había unha ou máis bacterias presentes; e no 39% dos animais había presenza de polo menos unha bacteria.

M.bovis foi detectada no 75% das explotacións, P.multocida no 24% das granxas, T.pyogenes no 19%, e M.haemolytica no 11%.

En canto á prevalencia individual, no 41% dos animais das granxas positivas detectouse M.bovis, no 16% P.multocida, no 45% T.pyogenes, e no 21% M.haemolytica. Histophilus sonmi non foi illado.

Cal foi a seroprevalencia dos patóxenos virais?
Para as probas de viroloxía analizáronse 50 explotacións, tomando datos individuais de 540 animais, 30 a 40 días despois de abrochos de ERB. Obtivéronse as mostras de animais que sufriron reagrupamento, transporte ou estrés, ou de animais con manifestación de problemas clínicos en maior ou menor medida, así como de animais sen sintomatoloxía clínica de ningún tipo.

 “No caso de IBR, as zonas onde menor prevalencia en granxa se detectou foron en Asturias e Cataluña”

A seroprevalencia en granxa foi do 88% para Pi3, do 82% para RSV, 64% no caso de BVD, 45% para IBR e do 63% no caso de M.bovis.

Das granxas positivas, no 53% dos animais detectouse Pi3; no 52% RSV; no 47% dos animais BVD e no 47% IBR. É dicir, en explotacións positivas, a metade dos animais testados son positivos a todos os virus buscados.

Cales foron os resultados atendendo ás comunidades autónomas?
No caso de IBR, as zonas onde menor prevalencia en granxa se detectou foron en Asturias e Cataluña. Porén, en Galicia e Castela e León, independentemente dos programas de control de IBR levados a cabo, a prevalencia para IBR foi moi elevada.

En canto a BVD, existe un elevado número de granxas positivas en todas as zonas analizadas. En Galicia, a prevalencia é moi elevada, como sucedía con IBR. No resto das zonas con menor prevalencia de IBR, como Asturias e Cataluña, observáronse tamén datos moi elevados de prevalencia de BVD.

Os datos obtidos sobre a prevalencia de VRS e Pi3 mostran unha distribución especialmente elevada asociada a zonas onde hai en marcha programas de control de IBR, como son Galicia, Cataluña e Castela e León, onde estes dous virus non son controlados mediante correctos programas vacunais.

Que achega ao veterinario e produtor o coñecemento das seroprevalencias no noso país?
O coñecemento das seroprevalencias achéganos información para elixir o mellor programa sanitario adaptado á situación das nosas explotacións, e garantir así a saúde animal mediante técnicas de prevención.

Está asociado co Uso Responsable de Antibióticos?
Efectivamente. Un uso responsable de antibióticos soamente é posible basealo nunha correcta bioseguridade, un bo manexo, un coñecemento concreto do mapa de prevalencias e un elevado status sanitario na granxa, a través dun bo programa vacinal e sanitario sempre coherente coa epidemioloxía da granxa, da rexión e da orixe dos animais para que teña éxito.