Archives

Presentado o Plan Estratéxico da Horta de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, mantivo un encontro co sector para a posta en consideración do Plan Estratéxico da Horta, que tivo lugar hoxe no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón.

Tal e como indicou o conselleiro durante a súa intervención, esta estratexia nace co fin de seguir potenciando o sector, que dada a súa relevancia para o agro galego precisaba dunha planificación destas características. Así, puxo en valor o territorio galego, ao que definiu “moi axeitado para o cultivo de horta”; xa que a comunidade conta con oito indicativos de calidade ligados a este tipo de produción.

Seguindo esta liña, o plan ten como fin principal reforzar a posición de Galicia como referente na produción hortícola de calidade, apostando pola sustentabilidade, a diversidade, o respecto polo medio ambiente, a innovación e a profesionalidade como pancas para ofrecer ao mercado produtos frescos e transformados saudables, xerando valor económico e oportunidades de emprego e emprendemento no territorio.

A estratexia é froito dun traballo de análise, avaliación e diagnose do sector, que se complementa con achegas en mesas de participación cos axentes da cadea de valor e entrevistas semiestruturadas grazas á colaboración coa Fundación Juana de Vega.

Deste xeito, un proceso previo tan detallado permitiu afondar no coñecemento dos diferentes elos da cadea de valor e as súas relacións co obxectivo de establecer os retos aos que se enfronta o futuro do sector. Así, puido constatarse a relevancia que o sector hortícola ten na nosa comunidade, xa que este eido se sitúa como a terceira produción máis importante. En comparación co panorama nacional, Galicia ocupa a cuarta posición entre as comunidades autónomas en termos de valor económico da súa produción, só por detrás de Andalucía, Murcia e Castela-A Mancha.

O Plan Estratéxico da Horta

Así, o documento procura incrementar e diversificar este eido; afondando na profesionalización dos produtores e promovendo o aumento do seu tamaño, co fin de conseguir unidades rendibles economicamente e con capacidade para xerar emprego e riqueza. Seguindo precisou o conselleiro, a Lei de recuperación da terra agraria xogará un papel fundamental neste obxectivo.

Esta estratexia procura mellorar articulación, cooperación e vertebración do sector produtor, polo que se fomentará a colaboración entre os produtores, asociacións do eido e a administración co fin de facilitar o intercambio de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes elos da cadea.

Por outra banda, tal e como salientou José González, perséguese unha maior diferenciación comercial da produción hortícola galega mediante a promoción, lembrando que a orixe galega é sinónimo de calidade e do bo facer dos agricultores. Farase a través de campañas publicitarias e promoción dos selos de calidade diferenciada, que garanten unha elaboración sustentable e respectuosa co medio ambiente. Ademais, este Plan estratéxico busca impulsar a investigación no campo dos produtos transformados, co fin de mellorar a súa produción dende a fase do cultivo ata a de transformación.

Sustentabilidade, innovación e investigación

A estratexia mostra unha clara aposta pola sustentabilidade ambiental da produción hortícola. Para conseguilo, investigaranse novas técnicas de produción baseadas na agricultura rexenerativa e procurarase reducir a pegada climática e ambiental deste tipo de produción. Ao mesmo tempo seguirase apoiando a incorporación de mozos ao agro para favorecer e garantir a remuda xeracional. Tamén se afondará na profesionalización e gobernanza dos consellos reguladores e procurarase aumentar a súa superficie agraria e o número de operadores adheridos, co fin de garantir alimentos de calidade certificada.

Neste sentido, a investigación, a innovación e a transferencia de coñecementos configúranse como elos fundamentais para calquera eido produtivo. Polo tanto, a estratexia contempla a mellora das capacidades investigadoras do centros de investigación, para fortalecer o I+D+i+d e poder responder ás demandas do sector.

Descarga aquí o Plan Estratéxico da Horta de Galicia

Últimos días para solicitar as axudas da Xunta para modernizar explotacións de horta e planta ornamental

A Xunta de Galicia lembra que segue aberto o prazo para solicitar as axudas para plans de mellora en explotacións especializadas en produción vexetal, dotadas con tres millóns de euros a cargo do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Os interesados teñen de marxe ata o día 4 de setembro para solicitalas. Esta liña de achegas ten como obxectivo apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en cultivos destinados á alimentación humana e á produción de plantas ornamentais e de flor cortada. Desta forma, búscase mellorar os resultados económicos das explotacións agrícolas ao facilitar a súa reestruturación e modernización, incrementando a súa participación e orientación no mercado e diversificando a produción agraria. Do mesmo xeito, búscase reducir a pegada ambiental, diminuíndo as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura. Neste senso, poderán ser beneficiarios de ditas axudas todos aqueles titulares de explotacións agrícolas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia (Reaga) e con orientación técnica e económica principal horticultura e cultivos diversos, cultivos leñosos, sementes e plántulas de hortalizas e patacas. En canto aos investimentos materiais ou inmateriais subvencionables, serán todos aqueles que impliquen unha mellora do rendemento global, da competitividade ou da viabilidade da explotación. Así, entraría dentro desta orde a reforma ou construción de instalacións, a compra de maquinaria, a compra de construcións agrarias en desuso, a plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola e mesmo a compra de terreos. Como investimento inmaterial, serán subvencionables os gastos como os honorarios dos técnicos que elaboren proxectos de construción, reforma ou licencias de software, entre outros.

Enlace á orde no DOG

 

Véndense máquinas para plantar cebolas e de recollida de patacas

A cooperativa Postoiro SCG, con base en Vilar de Santos (Ourense), ten á venda varias máquinas para labores de horta. En concreto conta con dúas máquinas de plantación de cebolas con funcionamento por inxección de auga e unha máquina de recollida de pataca, esta con reducidas horas de traballo. As tres máquinas atópanse no polígono de Vilar de Santos, donde as persoas interesadas poderán velas, no caso de estar interesadas en adquirilas. O prezo de todas estas maquinarias é negociable. Pódese mercar as máquinas de forma individual, non é un lote pechado. A maiores teñen tamén á venda palots de madeira, cun prezo de 50 euros a unidade. Dispoñen dun elevado número destes e pódense mercar por conxunto ou de forma individual. Para máis información poden poñerse en contacto coa cooperativa nos teléfonos 699 516 116 / 662 669 223 ou nos correos electrónicos: postoiroscg@gmail.com e tecnicopostoiroscg@gmail.com

Consellos para o cultivo da horta en agosto

Agosto é un mes de intensa actividade nas nosas hortas xa que se xunta a colleita de cultivos de verán, este ano bastante atrasados polo tempo insualmente frío e chuvioso, e das patacas de tarde coas plantación xa da horta de inverno. Velaquí algúns consellos: -Agosto é un mes moi apropiado para plantar a horta de inverno: couveflor, repolo, brócoli, escarola…etc. A súa plantación recoméndase ata a primeira quincena de setembro, como tarde. Tamén é o último mes recomendado para plantar porro. -A rega: En caso de ser preciso, débese regar no pé, sen mollar as follas das plantas para evitar enfermidades fúnxicas. O acolchado con herba seca ou palla arredor da planta axudará a reter a humidade e a aforrar auga, ao tempo que melloramos a estrutura do solo e o vigor da planta. -O mellor momento para recoller os froitos é nas primeiras horas da mañá, cando os produtos están máis frescos. As cabaciñas hai que repasalas para recoller os froitos cada semana; o mesmo que os tomates, e as xudías cada catro días. Pementos e berenxenas tamén precisan ser colleitados unha vez cada dez días, máis ou menos. No caso dos pementos de Padrón é recomendable recollelos dúas veces por semana, para evitar que sexan demasiado grandes e piquen. -En canto á sementeira ao aire libre, cara finais de agosto é a mellor época para sementar o rei da gastronomía galega de inverno: o nabo. Hai que sementalo en pó e cunha chuvieira nacerá deseguido, aínda que dependendo das comarcas e do tipo de grelo (de cedo, de tarde ou de medio tempo), pode facerse tamén en setembro e mesmo en outubro. -Tamén podemos plantar en cepellón ao aire libre leitugas, nabicol ou escarola que, con bos coidados, estarán listas para recoller nos meses de setembro-outubro.

Próxima convocatoria de plans de mellora para explotacións agrícolas e froiteiras

O Consello da Xunta aprobou un informe da Consellería do Medio Rural sobre a nova convocatoria de axudas para plans de mellora en explotacións especializadas en produción vexetal, dotada con tres millóns de euros a cargo do Programa de desenvolvemento rural(PDR) de Galicia 2014-2020. Así, trátase da terceira convocatoria desta liña de axudas (tras as ordes publicadas nos anos 2018 e 2019) e cuxo obxectivo é apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en cultivos destinados á alimentación humana e á produción de plantas ornamentais e de flor cortada. Desta forma, búscase mellorar os resultados económicos das explotacións agrícolas ao facilitar a súa reestruturación e modernización, incrementando a súa participación e orientación no mercado e diversificando a produción agraria. Do mesmo xeito, búscase reducir a pegada ambiental, diminuíndo as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura. Neste senso, poderán ser beneficiarios das ditas axudas todos aqueles titulares de explotacións agrícolas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). En canto aos investimentos materiais ou inmateriais subvencionables, serán todos aqueles que impliquen unha mellora do rendemento global, da competitividade ou da viabilidade da explotación. Así, entraría dentro desta orde a reforma ou construción de instalacións, a compra de maquinaria, a compra de construción agrarias en desuso, a plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola e mesmo a compra de terreos. Como investimento inmaterial, serán subvencionables os gastos como honorarios dos técnicos que elaboren proxectos de construción ou reforma, licenzas de software, entre outros. Con esta liña de axudas, a Consellería do Medio Rural pretende promover a diversificación do agro galego a través da potenciación das explotacións agrarias dedicadas á agricultura, posto que este eido produtivo supón unha fonte de ingresos moi diversificada, ten vantaxes ambientais innegables para favorecer a biodiversidade e loitar contra os lumes forestais, ademais de manter os valores paisaxísticos tradicionais dos pequenos núcleos de poboación e do agro galego en xeral.

Recomendacións para o cultivo da horta en xuño

Velaquí algúns consellos xerais para o coidado da nosa horta durante este mes de xuño: -Coa humidade que hai na terra as herbas competidoras inzarán nas nosas hortas, polo que deberemos facer varias sachas nos nosos cultivos, a ser posible pola mañá para que as herbas sequen ao longo do día. O acolchado, ben con plástico ou ben con herba, é unha alternativa interesante para pequenas hortas, xa que ademais de aforrarnos moito traballo, axudará a reter a humidade do solo. -A humidade e as elevadas temperaturas crean as condicións idóneas para pragas de fungos, especialmente o mildeu. Recoméndase facer un tratamento cun antimildio cada 10-15 días nos cultivos máis sensibles: patacas, cebolas e tomateiras. No caso dos allos, debemos combinalo con algún tratamento contra a roya a base de xofre mollable.O tratamento débese facer cando non haxa vento e se anuncien varias horas sen choiva para que o produto penetre na planta. O oídio afectará sobre todo ás cucubirtáceas (cabaciña, sandía…etc) e notarémolo nas clásicas manchas brancas nas follas. Unha boa aireación da planta e un tratamento a base de xofre ou de infusión de allo axudará a controlar este fungo. Para evitar os problemas fúnxicos lembrar que cando reguemos a planta debemos aplicar a auga no pé da mesma, e nunca mollarlle as follas. A ser posible regar pola mañá cedo, ou a última hora da tarde. -Sementeiras: Pódese facer alcoube ao aire libre de leitugas, acelgas e remolacha vermella que plantaremos no mes de xullo-agosto. Asemade, podemos facer a sementeira das verduras de inverno (repolo, couveflor, verza…) que plantaremos no verán. Se a nosa horta é pequena e para autoconsumo resúltanos máis práctico mercar a planta de cepellón no momento en que a vaiamos plantar. -Tamén podemos facer sementeira directa de cenouras, que colleitaremos nos meses de setembro-outubro, así como de xudías, que recolleremos cara o meses de agosto-setembro. -Transplante: podemos transplantar remolacha vermella, coles, leitugas, porros, cebolas, acelga,…etc. Se aínda non plantamos pementos, tomates ou berenxenas son os últimos días para facelo. Lembrar que á hora de plantar o abono nunca debe estar en contacto directo coa raíz da planta. -Tomateiras: durante este mes prestarémoslle especial atención a estas plantas, facendo as podas periódicas dos chupóns das partes baixas e medias das plantas e entitorándoas. Cada dúas semanas, de ser necesario, aplicarémoslles un tratamento de cobre para evitar problemas de mildeu. Se cultivamos en exterior debemos elixir as variedades máis rústicas e resistentes para reducir os tratamentos fitosanitarios. –Entitorados: xudías de enrame, pementos e berenxenas precisarán de entitorado para un correcto desenvolvemento da planta.

Abadín celebra este sábado unha nova edición de Expogrelo

Este sábado o recinto feiral de Gontán, en Abadín, acollerá unha nova edición de Expogrelo, unha das citas por excelencia do calendario festivo invernal da Terra Chá. Coincidindo coa época de recollida e maior consumo deste produto, que non pode faltar en pratos como o caldo ou os cocidos de Entroido, o Concello de Abadín organiza esta feira que serve para que os 15 produtores locais de grelos existentes no municipio dean saída ao seu produto, empaquetado en mollos dun quilo e etiquetado baixo a IXP Grelos de Galicia. O certame, que se inicia a partir das 10 da mañá coa apertura do recinto feiral, tamén asegura un prezo fixo aos produtores. Cada greleiro aportará uns 100 quilos de produto, polo que se agarda comercializar uns 1.500 quilos aínda que este ano a chuvia e as xeadas do inverno retrasaron a produción.
O Concello de Abadín decidiu apostar no ano 2006 por celebrar unha feira anual dedicada a este produto e apoiar deste xeito aos productores que hai no municipio
Pero ademais da parte de venda e apoio á produción local, Expogrelo, que chega este ano á súa 17 edición, serve tamén para mostrar as distintas preparacións que se poden facer con esta hortaliza moi presente na maioría das parroquias do concello. Por iso, dentro do programa da feira tamén haberá música, premios ás cestas mellor decoradas e a xa tradicional degustación gratuita, que busca mostrar as distintas preparacións da hortaliza e que este ano será de cocido. A cita gastronómica terá lugar a partir das 12 e media da mañá e a organización preparará unhas 700 racións para repartir entre os asistentes. Outros produtos locais Ademais dos 15 produtores de grelo locais, Expogrelo citará a uns 40 postos de artesanía e alimentación nos que se porán á venda tamén outros produtos da casa, como ovos ou queixos, ademais de embutidos e outros derivados da matanza, como chourizos, lacóns ou cachuchas. Expogrelo coincide sempre coa feira que cada primeiro e terceiro sábado de mes se fai en Gontán, polo que ademais de mercar grelos de calidade, os visitantes que se acheguen este sábado a Abadín poderán atopar a maiores gando, roupa, calzado ou ferramentas, ademais de poder comer o polbo. A cita, organizada polo Concello de Abadín e que conta co apoio da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, pecharase contra as dúas da tarde coa cualificación das cestas de grelos presentadas a concurso e coa entrega dos premios, para as tres mellor decoradas. Todos os greleiros participantes obterán, con todo, un obsequio en recoñecimento á súa achega.

Garantía de calidade

A calidade e sabor do grelo que se produce nesta zona da Terra Chá conta con merecida sona, polo que o alcalde de Abadín, José María López Rancaño, decidiu impulsar no ano 2006 desde o Concello a celebración dunha feira anual adicada a este produto e en apoio dos greleiros que hai no municipio, algúns dos cales mesmo exporta os seus grelos a outros mercados fóra de Galicia como Cataluña. Tres anos despois do nacemento de Expogrelo esta iniciativa víase refrendada co recoñecemento da calidade dos grelos galegos mediante unha Indicación Xeográfica Protexida. A IXP Grelos de Galicia naceu en outubro de 2009 para amparar tanto a produción coma a comercialización e a distribución do produto de horta máis emblemático da nosa comunidade. Do mesmo xeito, a distinción supón un recoñecemento a esta hortaliza tradicional da nosa gastronomía popular, abranguendo tanto o produto natural, coma o conxelado e en conserva, permitindo deste xeito ampliar fronteiras a través dunha industria transformadora que aporta valor engadido a un produto vendido até entón tradicionalmente en fresco.
Este ano as condicións non foron as óptimas para o grelo, que se atopa retrasado, e a produción será menor
Para asegurar a súa calidade, todas as operacións de manipulación, transporte, almacenamento e transformación dos grelos realízanse de forma inmediata á súa recolección dentro do ámbito da comunidade autónoma, segundo se establece no regulamento da IXP. É por iso que o día antes da celebración de Expogrelo os produtores censados no concello de Abadín e amparados baixo a IXP apañan, seleccionan, pesan, empaquetan e etiquetan manualmente cada un dos mollos que ao día seguinte poñen á venda na feira, asegurando deste xeito á máxima frescura e calidade.   

Consellos para o cultivo da horta en febreiro

Aínda que as xeadas limitan a actividade da nosa horta durante este mes de febreiro, hai algúns labores que si podemos ir facendo e que irán preparando o noso terreo para a época de sementeira na primavera. Ao mesmo tempo, as horas de luz van en aumento polo que xa podemos ir plantando algunha horta de primavera. Velaquí algúns consellos: -Podemos ir facendo os primeiros semilleiros de tomates, pementos, acelga, remolacha vermella ou leituga no invernadoiro. -Febreiro é tamén o mes límite para plantar allos, chícharos e fabas, cultivos que darán os seus froitos en maio-xuño. -Tamén podemos plantar cara finais de mes brásicas que recolleremos na primavera: repolo, coliflor ou brócoli. -Naquelas zonas máis cálidas de Galicia é posible plantar patacas de cedo. Tamén nas zonas de clima máis benigno podemos plantar leituga de tempada (folla de carballo, orella de mulo..etc) en exterior. -Febreiro tamén é o mes de poda das froiteiras e, se é posible, coincidindo días froito ou flor coa lúa minguante Tamén é o momento de podar e enxertar as viñas. Se podemos facelo en días de xeada e sen choiva, moito mellor. -Ademáis, é o mes idóneo para as plantacións de froiteiras (pereiras, pexegueiros, ameixeiras ou mazairas..etc). Tamén podemos plantar oliveiras e avelairas. -Polo demais, continuaremos recollendo os cultivos propios desta tempada: allos porros, repolo ou os grelos, no mes do cocido por excelencia. Por último, podemos seguir acumulando algo imprescindible para a nosa horta: materia orgánica, ben mediante a compostaxe dos nosos resíduos domésticos ou acumulando folla e outros restos vexetais. Lembrar que o esterco que incorporemos aos cultivos debe estar maduro, sen fermentacións nin malos cheiros.

“En Postoiro conseguimos unha cebola de calidade a base de respectar o solo e o ciclo da planta”

A Cooperativa Postoiro SCG é un dos referentes na produción de cebola galega de calidade. Da man do enxeñeiro agrícola e técnico agrícola na entidade, Lucas Vázquez, repasamos a traxectoria da Cooperativa e abordamos algúns os proxectos e novas liñas de negocio nas que están a traballar, que se manteñen fieis á tradición e ó respecto ó medio. -Que é a Cooperativa Postoiro SCG? -Postoiro SCG é unha cooperativa adicada á produción e comercialización de produtos hortícolas, situada no concello de Vilar de Santos, no sur da provincia de Ourense. En concreto, hoxe en día prodúcese pataca, repolo, cebola, cabazo, brócoli e porro. -Cando comezou a funcionar? -Nace en 1996, froito da iniciativa de 7 socios da comarca da Limia co fin de promover a introdución de novos cultivos nesta zona, centrada naquel entón basicamente na produción de pataca e cereal. Neses primeiros anos, algúns destes socios estaban a producir cebola e decidiron seguir apostando e traballando por producir cebola e outros produtos da horta. -Hoxe a cebola é o produto estrela da Cooperativa Postoiro, pero como foi o camiño ata aquí? -Traballaron moito para chegar ó que hoxe é. Non foi comezar a producir e ter éxito. Fixeron unha busca da cebola que querían producir consultando con produtores de zonas coma Betanzos, Valencia ou Portugal, así como procurando sementeira de variedades autóctonas. Hoxe contamos coa nosa semente e podemos pechar o ciclo produtivo da cebola grazas ó esforzo que fixeron os primeiros socios en procurar semente, xa que durante anos nas súas casas eles mesmos se encargaban de facer as plantas de semente.
“Hoxe contamos coa nosa semente e podemos pechar o ciclo produtivo da cebola grazas ó esforzo que fixeron os primeiros socios en procurar semente”
-É moi diferente a cebola actual que se produce en Postoiro daquelas primeiras recolleitas de semente? -Fíxose un traballo moi importante nestes anos. Comezaron a traballar sobre a cebola de Betanzos, replicando a variedade nesta zona e facendo unha selección e adaptación desta variedade. Ademais, neste proceso para procurar unha variedade propia tamén se levaron a cabo sendos proxectos de investigación co CIAM de Mabegondo, para seguir mellorando nas técnicas de cultivo. Un dos traballos de investigación centrouse nos factores que condicionan a sementeira directa da cebola, abordando tamén novas técnicas de control de fungos e malas herbas no cultivo. Mentres, a outra investigación abordou a selección de ecotipos de cebolas galegas, a mellora do proceso produtivo (sementeira directa) e avaliaron as condicións de conservación post-colleita.
“Atopámonos en proceso de certificar e rexistrar a variedade da cebola coa que traballamos en Postoiro, unha variedade diferenciada e que se comercializará como de Vilar”
-Entón, aínda que se partiu da cebola de Betanzos, hoxe en día son cebolas diferentes? -Si. De feito, o ano pasado a Universidade de Santiago realizou unha comparativa das cebolas de Betanzos, a producida en Postoiro, a de Ribadeo e a producida en Vilagarcía e nesa análise quedou demostrado que a cebola de Postoiro é diferente das outras variedades. A base foi a cebola de Betanzos, pero hoxe son cebolas distintas. Agora atopámonos en proceso de certificar e rexistrala baixo o nome de Vilar. -Que diferencia á cebola producida en Postoiro doutras cebolas? -É unha cebola moi achatada, tanto na parte superior como inferior, o que recorda á cebola do país, á cebola que se producía antigamente en Galicia. Ademais, ten unha cor laranxa escura nas capas exteriores, que a diferencia doutras. Ten un tamaño medio e é unha cebola que aguanta máis tempo en boas condicións, temos unha cebola de calidade. -Como se consegue esta calidade e conservar a cebola máis tempo? -Traballamos moito para conseguir unha cebola que se conserve ben máis tempo. A nosa cebola non leva ningún produto para a súa conservación, senón que as almacenamos en naves con ventilación forzada e revisámolas de xeito manual para reducir os riscos de que podrezan. Pero ademais, tanto a calidade como que se conserve durante máis tempo en bo estado conséguese no proceso produtivo.
“Tentamos só aportar aquelo que a planta precisa e deixamos que a cebola cumpra o ciclo de crecemento, sen buscar adiantalo ou atrasalo”
-Cales son as claves que teñen en conta no proceso produtivo? -Coidamos dende a selección das sementes a outros aspectos da produción. Así, fixemos unha redución moi notable do abonado, aportamos micronutrientes e buscamos reducir ó mínimo o uso de fitosanitarios. Tentamos só aportar aquelo que a planta precisa e deixamos que a cebola cumpra o ciclo de crecemento, sen buscar adiantalo ou atrasalo. Temos unha cebola cun ciclo vexetativo moi longo, xa que se planta en abril e ata setembro non se recolle, cando outras cebolas xa se están recollendo en xuño ou xullo. Buscamos que as nosas cebolas sexan tamén máis resistentes e tentamos coidar moito os ecosistemas dos nosos solos, por iso empregamos materia orgánica peletizada, que é máis respectuosa co medio ambiente, no canto de abono sen ningún tipo de tratamento e procedente de granxas de polos, un dos métodos máis utilizados. Unha mala fertilización nitroxenada prexudica moito o noso cultivo e hai que ter en conta que incrementar o aporte de abono non vai significar incrementar a produción. Nós procuramos mirar polos solos, o medio ambiente e a cebola e ese trío dá bos resultados. -Estades a producir ou tedes previsto pasarvos a unha produción en ecolóxico? -A día de hoxe non comercializamos ningunha das nosas hortalizas co selo de ecolóxico, pero moitos dos produtos que empregamos no cultivo son ecolóxicos. Vemos o sistema agroecolóxico coma un ben para o medio ambiente. Así, os fitosanitarios soen ser ecolóxicos no canto de convencionais e tamén realizamos prácticas dun manexo ecolóxico. Fixemos xa un proxecto de investigación para o paso a unha produción en ecolóxico na horta extensiva. Foi un proxecto que realizamos conxuntamente con AGACA e o CTC. A día de hoxe estamos a aplicar nas nosas parcelas en convencional algunhas das técnicas desenvolvidas nese traballo. Tamén estamos inmersos nun proxecto coa Universidade de Vigo para tentar aproveitar os restos da produción como abono, mediante técnicas de compostaxe. -Que produción tedes a día de hoxe e que superficie manexades? -Comezaron traballando 5 hectáreas e na actualidade contamos con 42 hectáreas, con socios de toda a contorna. Producimos de media unhas 40-45 toneladas de cebola por hectárea e temos entre 25-30 hectáreas para este cultivo. Tamén traballamos repolo rizo, liso e corazón, do que temos entre 3 ou 4 hectáreas. Producimos cabaza, tanto violín como de Samaín (5-6 hectáreas). Ademais temos arredor dunhas 6 hectáreas de pataca. Contamos cunhas 2 hectáreas de porro e outra hectárea de brócoli e este ano tivemos uns 1.000 metros de coliflor. Do mesmo xeito que coa cebola, buscamos ter variedades autóctonas e facemos un manexo sostible, con rotación dos cultivos e sen apurar os seus ciclos. Unha das traballadoras da Cooperativa Postoiro, durante o proceso de selección e revisión da cebola. -Cantos socios e traballadores forman parte da Cooperativa Postoiro? -Comezaron 7 socios e na actualidade continúan neste proxecto cooperativista 3 deles. Os valores que rexen o traballo da entidade destaca a aposta clara e decidida pola agricultura como medio de vida, sempre loitando e defendendo a nosa terra e na actualidade somos 8 traballadores, a maioría mulleres.
“Cando precisamos algo sempre nos preguntamos: isto terao Delagro? Sempre é a nosa primeira opción”
-Traballades dende hai tempo con provedores especializados como a cooperativa de segundo grao Delagro, por que decides traballar con eles? -Levamos traballando con Delagro uns 4 anos e comezaron a facelo por tratarse tamén dunha cooperativa. O presidente de Postoiro, Anxo Morán é unha persoa que cree e defende o sistema cooperativista e decidiu que se comezara a traballar con eles. A nosa experiencia foi moi boa e por iso continuamos. -Que vantaxes ofrece Delagro fronte a outras firmas comerciais? -Ademais de ter resposta para o que precisamos, ofrécenche o asesoramento que buscas, sen mirar só de venderche o produto senón de darche solucións que se adapten ás túas necesidades. En Delagro podes confiar e a día de hoxe é practicamente imposible que cambiemos do distribuidor polo bo servizo que estamos a ter, ata o punto que cando precisamos algo sempre nos preguntamos: isto terao Delagro? Sempre é a nosa primeira opción. -Que servizos tedes con Delagro? -Delagro sírvenos tódolos fitosanitarios e os abonos. Traballar con eles é tamén un xeito de estar en contacto co propio sector, xa que moitas veces póñente en alerta de problemas que se están a detectar no campo e axúdanche a afrontalos. -En que mercados estades traballando en Postoiro? -O noso mercado céntrase en Galicia e Asturias e é onde máis se consume este tipo de cebolas chatas. Estamos moi orientados a un mercado de proximidade, ó que ofrecerlle un produto local e de calidade. Nós buscamos seguir vendendo en Galicia, xa que a nosa produción, a estrutura de Cooperativa, a nivel loxístico e por convencemento medioambiental cremos nunha produción destinada ó mercado local e de proximidade. Por iso, aínda que tivemos ofertas de clientes doutras rexións de España, estamos centrados no mercado galego e asturiano. Neste último ano tamén participamos en feiras de alimentación, para dar a coñecer o noso produto. Estivemos no Salón Gourmet de Madrid, no Salón de alimentación do Atlántico (Salimat), no Galicia Forum Gastronómico, en Alimagro e en Xantar. Neste senso estamos tamén traballando para comezar a comercializar os nosos produtos de xeito directo con restaurantes locais.
“No 2022 decidiuse apostar de forma clara e decidida por amosar os nosos produtos e poñer en valor a nosa forma de traballo coa creación de marca”
-Estades a encargarvos vós tamén da comercialización directa da vosa produción? -Un dos principais obxectivos da cooperativa é ofrecer novas propostas comerciais que faciliten o acceso dos seus produtos a novos mercados e, ademais imprimíndolles características propias que o consumidor final aprecie e valore. A nosa entidade ó longo do 2022 decidiu apostar de forma clara e decidida por amosar os nosos produtos e poñer en valor a nosa forma de traballo. Deste xeito, neste pasado ano fixemos unha remodelación na nosa imaxe de marca, onde mudamos tanto de logo, creamos unhas marcas para os nosos diferentes produtos (A cebola de Vilar, A cabaza de Vilar, A pataca de Vilar ou A cabaza de Samaín), para así tentar saír desa idea fixada de ser simples alimentos básicos e pasar a velos coma uns produtos de calidade, galegos e cun xeito ben marcado de traballar e de facelas cousas. -Que novos proxectos tedes na Cooperativa Postoiro? -Xa conseguimos pechar o círculo a nivel de produción, facendo a nosa propia planta, e agora queremos tamén facelo a nivel de comercialización. Buscamos pechar o círculo cos nosos produtos e reducir o desperdicio de alimentos que se produce a día de hoxe, por iso estamos traballando para elaborar produtos de cuarta gama como a cebola confeitada, marmelada de cabaza ou a cebola en po. Polo de agora aínda nos atopamos en fase de probas. Tamén procuramos darlle unha saída a aqueles produtos que aínda sendo aptos e bos para o consumo non cumpren cos estándares máximos de calidade, polo que tamén estamos a comercializalos baixo outras categorías. Unha cebola que non acada o calibre que se busca, pero que igualmente é unha boa cebola non ten lóxica que se desbote, polo que queremos tamén buscarlle saída. E o mesmo acontece co resto de hortalizas que producimos.

Distintas fases de desenvolvemento do cultivo de cebola na cooperativa Postoiro: 

Xornada de formación sobre horta ecolóxica e a nova regulación

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza un curso de formación sobre horta ecolóxica en Coristanco, no Centro de San Paio. Celebrarase o próximo martes en horario de mañá e tarde, de 9.00h a 15.00h e de 16.30h a 19.00h. Nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O obxectivo desta formación é que os alumnos obteñan os coñecementos necesarios sobre o novo regulamento de produción ecolóxica, no relativo aos conceptos de material heteroxéneo de reprodución vexetal e de grupo de operadores. Ademais, analizaranse tamén as sementes de produción ecolóxica e como xestionar a resistencia de pragas e enfermidades que afectan a este tipo de cultivos. Por último, realizaranse unhas prácticas de campo nunha explotación ecolóxica da zona. Este curso está dirixido á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 981 540 252, ou enviarse un correo a ramon.jesus.lamelo.otero@xunta.gal.

Curso para mellorar a comercialización de produtos hortícolas e do mel

A Área de Servizos Agrarios Betanzos-Ferrol, en colaboración co Concello de San Sadurniño, organiza un curso de formación para a comercialización de produtos hortícolas e do mel. Terá lugar na aula de cultura do municipio durante 11 días, do 17 ao 31 de outubro, en horario de tarde, de 16.00h a 20.00h. O código do curso é o FC2022F115102, e a súa asistencia require de preinscripción, a cal pode facerse a través deste enlace. Os obxectivos deste curso pretenden dar coñecementos sobre os principios de mercado, a través da fixación de bases dun proxecto con diferentes escenarios legais; de gamas e normativas de etiquetado, co seu correspondente estudo para as necesidades de diferentes tipoloxías de produto; de custes e análise en Excel de datos para definir un prezo de venta público no mercado; de elaboración dunha estratexia comercial e marketing, e a cerca de análise de casos de alumnos e asesoramento a proxectos concretos. Este curso é gratuíto e está cofinanciado con fondos europeos Feader nun 75%, e a porcentaxe restante a partes iguais entre o Estado e a Xunta de Galicia. Así mesmo, está destinado ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego. Para obter máis información está habilitado o teléfono 981 33 70 48 -Antonio Álvarez, coordinador da formación-, ou o 981 33 70 49 -María José Puentes-. Aquí está dispoñible o cartel do curso, e a continuación exponse o programa: 1. Principios de mercado (2 horas): 1.1. Definición de un plan empresarial: Identificación e prospección de mercado. Análises de viabilidade 1.2. Apartados necesarios a ter en conta nun plan empresarial: Descrición do proxecto, coñecemento da competencia. Ámbito de traballo. Inversión. Financiación. 2.Gamas e normativas de etiquetado (7 horas): 2.1. Normativa aplicable: Lei 2/2005 de promoción e defensa da calidade alimentaria galega. RD 1334/19999 Norma xeral de etiquetado, presentación, e publicidade dos produtos alimenticios. Decreto 124/2014 polo que se regula en Galicia a venta directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. IXP Mel de Galicia. 2.2. Gamas dos produtos alimentarios e as súas especificacións. 2.3. Exemplos e exercicios. 3. Custes e análise en Excel (9 horas): 3.1. Identificación de custes e casuística das diferentes orientacións produtivas. (Custes fixos, variables, directos, indirectos, e optimización) 3.2.Variables de interese e indicadores: Económico-financeiros, comerciais, produción, RRHH 3.3.Recompilación de datos para análise de custes. 3.4. Análise e cálculo de rendementos en Excel 4.- Estratexia comercial e marketing (12 horas): 4.1. Mercado actual e futuro 4.2. A sustentabilidade como eixo fundamental 4.3. Estratexia de produto, de prezos, de distribución, de comunicación 4.4. Caso práctico: dinámica de grupo 5. Estratexia empresarial: análise de casos (12 horas): Análise individualizado e circunstancias para o proxecto de cada alumno/a.

Curso de formación sobre horticultura en ecolóxico para cultivos de outono/inverno

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria organiza unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre cultivos de outono/inverno na horta ecolóxica. O obradoiro darase os días 5, 7, 12, 14, 19 e 21 de setembro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. O horario do curso será de tarde, dende as 16:00 ata as 20:00 h. O programa do obradoiro contén tanto nocións teóricas como prácticas. Cada día abarcará un tema, que será explicado en detalle na parte teórica antes de realizar exemplos prácticos. Os bloques de contido do curso inclúen nocións sobre a obtención de sementes, a eficiencia na explotación e traballos agrícolas e infraestruturas para cubrir os cultivos, entre outros. Cómpre engadir que a Consellería do Medio Rural conta cunha planificación de accións formativas para o restante ano 2022 dispoñible na web. Nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 86 73 31, ou enviarse un correo a cursos.agacal.sergude@edu.xunta.gal.

Charla na Pobra do Brollón sobre o proxecto ecolóxico de Tanquián

A Pobra do Brollón (Lugo) acolle mañá xoves, 28 de abril, unha charla sobre Tanquián, un proxecto ecolóxico situado no concello lucense de Pantón. O evento enmárcase nunha serie de charlas organizadas polo Concello da Pobra do Brollón para difundir propostas centradas no arraigamento no rural. Tanquián orixinouse hai tres décadas da man dun inglés e unha alemá que se mudaron a Pantón para crear un proxecto baseado nos principios da permacultura e a autosuficiencia alimentaria. Actualmente, a nova xeración de Tanquián traballa na evolución do proxecto, aínda mantendo a esencia ecolóxica e comunitaria. As irmás May e Lily Baker estarán na Pobra do Brollón para falar deste proceso e de alternativas de vida no rural galego. Levarán ademais unha mostra de produtos da finca. A charla será o xoves 28 ás 20:15 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. O acceso é de balde, previa reserva por chamada ou WhatsApp no teléfono 650 624 828.  

A importancia do abonado de fondo racional en cultivos hortícolas

O nitróxeno (N) é o nutriente que máis frecuentemente limita a produción en cultivos hortícolas, e establecer os momentos axeitados para a aplicación do fertilizante é fundamental para que haxa unha boa subministración dos nutrientes do solo aos cultivos. As estratexias de fertilización máis eficientes co uso dos nutrientes son aquelas nas que se fracciona o abonado. Pero é certo que o solo ten unha capacidade de reserva de nutrientes, e que nun bo manexo da fertilización débese ter en conta.

As prácticas de fertilización que inclúen abonado de fondo e fertirrigación foron recomendadas en cultivos hortícolas por moitos autores. De feito, a aplicación de N e K antes da sementeira na zona radicular proporciona unhas condicións de crecemento óptimas durante un período de tempo no que pode non ser necesario a rega. Por tanto, o abonado en fondo combinado con fertirrigación reduce a lixiviación de nutrientes, aumenta a NUE (eficiencia do uso do N) e incrementa os rendementos cando se compara con prácticas de abonado onde todos os nutrientes se aplicanse en sementeira ou mediante o sistema de rega por goteo.

Ademais, hoxe en día cóntase con fertilizantes con tecnoloxía, como a gama ENTEC® que nos permite ser máis eficientes co N aplicado en fondo e reducir as perdas ao medio ambiente. ENTEC® incorpora a tecnoloxía dos inhibidores da nitrificación, que atrasan a actividade das bacterias do xénero Nitrosomonas, responsables da transformación do amonio (NH4+) a nitrato (NON3-). O nitróxeno está na súa totalidade dispoñible para as plantas desde a súa aplicación, pero permanece no solo en forma de amonio durante un maior período de tempo e iso fai que se minimice o risco de perda por lavado.

EuroChem, en colaboración con centros de investigación e universidades, estudou nos últimos anos as prácticas de abonado que inclúen a combinación de fertilización de fondo con ENTEC® + fertirrigación. Como exemplo, no 2019, o centro de experimentación da fundación Cajamar en Paiporta realizou un ensaio para comparar sistemas de fertirrigación convencional (100%) con estratexias de abonado de fondo con ENTEC® (35%) e fertirrigación (65%) no cultivo de brócoli. A práctica con abonado de fondo ENTEC® + fertirrigación incrementou a produción temperá nun 51%, e a produción total nun 5%. Estes datos corroboraron os resultados obtidos en ensaios de sandía e leituga (2017-18) e en col chinesa (2017) na mesma estación experimental. A combinación de abonado de fondo con ENTEC® con fertirrigación obtivo un 21% máis de produción (comercial) de sandías, un 6% máis de leitugas e un 14% máis en col chinesa que o tratamento onde só se utilizou fertirrigación (Figura 1). Demostrando tamén unha maior eficiencia no uso do fertilizante.

Figura 1. Resposta do rendemento de diferentes cultivos á aplicación de fertilizante ENTEC® de fondo + fertirrigación en comparación co tratamento exclusivo de fertirrigación.

ENTEC® contribúe a reducir as perdas de N durante as fases de crecemento de menor absorción deste nutriente e a deixar máis N dispoñible no solo para os momentos de máxima necesidade. Pero tamén, é unha tecnoloxía ideal para as coberteiras ou a fertirrigación, xa que favorece unha nutrición mixta dos cultivos con importantes vantaxes fisiolóxicas para as plantas, unha maior absorción doutros nutrientes igualmente esenciais, e en definitiva a obtención de mellores colleitas e de calidade.

Os resultados destes ensaios demostran que con ENTEC®, unha parte do nitróxeno podería aplicarse en fondo para mellorar a produtividade dos cultivos, á vez que se minimiza o risco de perdas de N.

Para máis información, pode visitar a web www.eurochemiberia.com, ou porse en contacto directamente co equipo técnico en info.spain@eurochemgroup.com.