Archives

O chifro do capador ourensán que inspirou a un dos grandes do jazz

A melodía dos afiadores e capadores resoaba hai décadas en vilas e aldeas galegas. Hoxe o oficio tanto de capador como de afiador persiste de xeito testemuñal, pero é difícil escoitar aquelas melodías que o identificaban. Por iso ten especial significado o traballo levado a cabo polo alumnado da escola de Luíntra (Ourense) para recuperar a historia da melodía de afiador e capador que interpretou o ourensán José María Rodríguez no ano 1952 para o estudoso musical Alan Lomax e Jeanette Bell, que acababan de chegar a Galicia no seu percorrido para recompilar melodías populares e folclóricas. Esa melodía quedaría recollida nun disco que serviría de inspiración para un dos grandes do jazz, Miles Davis, á hora de compoñer o seu tema “The pan pipper”, editado en 1960 no disco Sketches of Spain. O chifro do capador José María Rodríguez. Foto de Víctor Barros. Nun traballo de recuperación desta historia, o alumnado deste centro levou a cabo unha investigación sobre a mesma na que descubriu novos datos sobre aquela colaboración. Entre as novidades descubertas atópase a localización exacta das fotografías que se realizaron e se conservan daquel encontro ou o percorrido que fixeron os estudosos en Galicia, así coma o pago que recibiu anos despois José María Rodríguez por interpretar dita melodía. Os rapaces tamén contactaron coa sobriña de José María, Celita, quen lles deu conta dalgúns detalles sobre a vida do seu tío e lles permitiu ver o chifro co que se gravara a melodía. O capador José María Rodríguez e o seu pai, Eduardo. Esta semana o chifro volvía resoar, desta volta na escola e cos rapaces, con motivo da celebración dos 70 anos desta historia. Un mural no centro e unha xornada de celebración arredor desta historia serviu para rememorar o asubiar dos capadores e celebrar os descubrimentos de alumnado, familias e profesorado, ó tempo que permite manter vivo o son do chifro dos capadores e afiadores.  

“A capacidade de carga do lobo nalgúns territorios está completándose e iso levaráo a expandirse”

A actual presencia do lobo no noroeste de España é o resultado dunha evolución que xa se comezou a documentar cientificamente a mediados do século XIX. O lobo tiña naquel momento unha ampla presenza en toda a Península, principalmente en áreas de montaña, como a Cordillera Cantábrica e os Pirineos, no norte, ou o Sistema Central e Sierra Morena, máis ó sur. Desde aquela, a poboación do lobo foise reducindo de xeito progresivo, ata que a inicios do século XXI a súa poboación quedou limitada á zona noroeste de España (Galicia, Asturias, Cantabria e zona norte de Castilla y León). Nos últimos anos, o lobo, sen embargo, está a recuperar territorios e a expandirse por factores como unha maior dispoñibilidade de presas silvestres e a maior protección da especie. A tendencia á expansión do lobo a novos territorios cara o leste e sur da Península é consecuencia de que o lobo estea a acadar a capacidade de carga nalgúns dos territorios do noroeste peninsular nos que se mantivo a especie nas últimas décadas, segundo interpreta Carlos Nores, doutor xubilado de Bioloxía na Universidad de Oviedo, que vén de participar nunhas recentes xornadas sobre o lobo celebradas en Lugo: "O lobo está preto do límite da capacidade de carga nalgúns territorios. A posibilidade de que o seu censo medre neses territorios é pequena, a única posibilidade é a expansión cara zonas nas que o lobo tiña desaparecido", sinala Nores.
“O lobo está preto do límite de capacidade de carga nalgúns territorios. A posibilidade de que aumente alí o seu número é pequena, a opción que ten é expandirse a novas zonas” (Carlos Nores)
Evolución da presencia do lobo e algunhas explicacións A aparición do dicionario de Pascual Madoz, a mediados do século XIX, incluía un dos primeiros estudos poboacionais do lobo. Nesa primeira época, sobre mediados do século XIX, comezábase a percibir “unha desaparición do lobo de certas zonas do sur peninsular, principalmente cara o Mediterráneo”, fenómeno que se interpretaba “como unha regresión da especie”, explica Carlos Nores. “Pareceume interesante observar en cantos municipios coincidía a presencia de lobo coa presencia dalgún ungulado silvestre”, reflexiona Nores. Neste sentido, “no 1840 rexístrase unha única especie de ungulados -xabaril ou corzo principalmente- en dous terzos dos municipios nos que o lobo estaba presente. A consecuencia disto, na zona noroeste o lobo tiña que depredar gando doméstico, que era o máis accesible”, detalla. Un século despois, a situación era incluso peor para o lobo. Atendendo aos datos de 1950, “só había presas silvestres nun terzo do territorio lobuno; isto é, a mediados do século XX a situación para esta especie era aínda máis complicada que nas décadas anteriores, sendo case obrigatoria a súa alimentación a través de gando doméstico”, explica Carlos Nores. A escasa dispoñibilidade de presas silvestres é un dos factores que explican a regresión experimentada polo lobo, xunto a outros como a caza da especie, a eliminación das novas camadas de lobeznos, o uso de velenos ou a perda de hábitats onde se reproducía. Na actualidade, hai de novo ventos favorables para a especie, pois nas últimas décadas medrou a dispoñibilidade de presas silvestres e ademais, aumentouse a protección legal do lobo: “Agora no 93% dos municipios nos que habita o lobo hai algunha especie de ungulado silvestre” -subliña Carlos Nores-, que apunta tamén que, sen embargo, o lobo continúa depredando o gando doméstico. O biólogo apunta que o lobo está chegando á capacidade de carga do territorio nalgunhas zonas do noroeste peninsular, o que explica a expansión que iniciou a especie cara outras zonas, como o sur do Duero ou as zonas máis orientais do Sistema Central (Madrid). Por último, Nores concluíu facendo un plantexamento da cuestión social: “Para abordar a situación do lobo, ecoloxistas e gandeiros teñen que dialogar; pero unha cousa é dicilo e outra cousa é saber como facelo”.

“A D.O. Monterrei ten unha oportunidade histórica de captar un mercado de máis de 12 millóns de persoas”

Luis Congil descubre en cada frase algunhas das claves actuais e históricas dos viños galegos. “O viño galego vive unha segunda idade de ouro”, expón. E sinala algunhas das fortalezas: “Temos a metade da biodiversidade xenética de España”. "Ademais, a historia é un dos nosos valores engadidos, pois na viaxe milenaria de leste a oeste que fixo o viño durante 6.000 anos, o salto ao Novo Continente realizouse desde Galicia, como está documentado no arquivo de Simancas”. Estas son algunhas das claves que debulla Luis Congil para falar de ‘A marabillosa historia do viño en Galicia’, o seu último libro que conta anécdotas, narra novidades históricas de diferentes denominacións de orixe, e fai alusión a conexións ata agora descoñecidas que gardan un amplo potencial. Orixe prerromana dos viñedos en Galicia Así mesmo, o escritor, xornalista e ex-profesor do Máster de Enoloxía da Universidade de Vigo, establece un paralelismo co idioma, debido á existencia de substratos prerromanos da lingua galega e da ‘vitis vinífera sylvestris’, un tipo de vide “domesticada e convertida en localismo”, anterior á chegada dos romanos a Galicia, coa que se atribúen raíces galegas nas variedades propias de Galicia. Deste xeito, “non temos unha historia común do viño, temos unha historia extraordinaria”, afirma o autor. Lagar rupestre de Astariz, concello de Castrelo de Miño Monterrei “O V conde de Monterrei, Gaspar de Zúñiga, foi un home bo, que deixou un regueiro de bautizos na súa honra, e hoxe non se está a aproveitar a conexión que tiña con América”, afirma Luis Congil. “Calquera rexión con potencial de viños, véxase Bordeaux, vincúlase inmediatamente coa historia, sen embargo en Galicia non sucede isto, a pesar de ter unha historia extraordinaria”, comenta o autor. “Na actualidade existe unha adega en Cidade de México chamada Casa Madero que data do 1597, unha das adegas máis antigas de América, coetánea do V Conde de Monterrei, Gaspar de Zúñiga, e obtivo a licencia de explotación baixo a súa administración, pois Gaspar de Zúñiga era virrei da Nova España”, explica Congil. Casa Madero garda conexións cos xesuítas e con visitas do bispo da ‘Nova Galicia’ a finais do S. XVI e principios do S. XVII. “Existen coincidencias históricas e conexións dos viños de Monterrei co virreinato de México e do de Perú, unha cuestión que inspira unha chamada á acción, posto que pode representar unha oportunidade histórica de xerar un mercado de máis de 12 millóns de persoas”, detalla Luis Congil.
“Existen conexións dos viños de Monterrei co virreinato de México e o de Perú, o que inspira unha chamada á acción, porque pode ser unha oportunidade potencial para a D.O.” (Luis Congil)
A vinculación dos viños “dunha das D.O. máis novas de Galicia” co continente americano ten tamén outros lazos: “O feito de que exista un territorio en Estados Unidos que se chame Monterrey, e que nel teñan recoñecemento as rutas do viño -Monterey Guided Wine Tours, como se denominan internacionalmente, leva a pensar que a historia do viño galego de Monterrei, entre outros, estendeuse por toda América”, amplía Congil. Rías Baixas Por outra banda, o xornalista ourensán revela a conexión dos viños das Rías Baixas coa realeza británica. “A diplomacia entre Inglaterra e España estivo relacionada co viño; Diego Sarmiento de Acuña -I conde de Gondomar e embaixador de España en territorio inglés- era amigo persoal do rei Jacobo I, e levou para as cortes británicas grandes cantidades de viño, entre 3 e 4 desembarcos anuais”, expresa o autor do libro. Imaxe do rei Jacobo I de Inglaterra Esta conexión verifícase por unha carta escrita por John Digby, I duque de Bristol e embaixador británico en España, ao rei Jacobo I. “Este documento data do 1614 e está rexistrado na Biblioteca Nacional Española; nel exprésase a boa acollida dos viños de Gondomar na realeza británica. Con este viño colleron o costume de bebelo a culleradas”, concreta Luis Congil.
“Na carta do I duque de Bristol e embaixador de Inglaterra en España ao rei inglés Jacobo I, exprésase a gran acollida do albariño de Gondomar entre a realeza británica” (Luis Congil)
Do mesmo xeito, o recoñecemento deste viño non para en Inglaterra, senón que pasa a América, chegando a mans de personalidades como a de sir Francis Bacon. “Mostra do agradecemento de Bacon a Diego Sarmiento foi o agasallo dunha das primeiras representacións modernas de Inglaterra, o ‘Atlas de Saxton’”, detalla o escritor. Tintos galegos e Ribeira Sacra Ademais destes feitos históricos aos que o autor fai referencia no libro, Luis Congil tamén alude aos viños tintos galegos afirmando que “están rompendo coa dicotomía de fóra”. Para o xornalista e escritor, “os tintos galegos contan historias moi diferentes” destacando que “se están facendo vinificacións complexas e recuperando antigas castes que lle aportan un carácter especial”. Deste xeito, Congil expresa que “este tipo de viños galegos están comezando a coller ‘carrerilla’, e que pronto nos sorprenderán”. No caso concreto da Ribeira Sacra comenta que “é un territorio que ten encantado aos consumidores deste viño, e conseguir meter a paisaxe na botella de viño é o que máis chama atención”.
“A Ribeira Sacra é un territorio que ten encantado aos consumidores deste viño. Conseguir meter a paisaxe na botella de viño é o que máis chama atención desta denominación” (Luis Congil)
A historia que non se debe repetir e algunhas recomendacións “Afirmar que o viño galego está pasando por unha segunda idade de ouro implica explicar que houbo unha primeira”, avanza o escritor. “Houbo un caos no S. XX que se reflexou no viño. As crises de enfermidades na vide de finais do XIX e principios do XX foron agravadas polo contexto da pandemia da gripe, da peste, e posteriormente dos conflitos internacionais, sumindo a bonanza do viño galego na decadencia”, explica. Naquel entón a solución máis recorrente foi cambiar as castes locais afectadas pola filoxera por outras foráneas con maior produtividade, “e este foi un dos erros que non se debe cometer cando en Galicia existe a maior diversidade da uva do territorio”, detalla Congil. “Se o levamos á actualidade, hai que ter en conta que temos 53 variedades rexistradas de uso tradicional galego, e un total de 67, das 155 máis usadas en España, conservadas no banco de xermoplasma da Estación Vitícola de Galicia (Evega). Se a riqueza é a nosa biodiversidade, temos que saber utilizala”, afirma. Primeiro motocultor do Ribeiro.
“Se a riqueza é a nosa biodiversidade temos que saber utilizala” (Luis Congil)
Deste xeito, o escritor opina a nivel persoal que “as D.O. deberían flexibilizar a inclusión de novas castes para seguir contribuíndo a recuperación de variedades”. Igualmente, deixa claro que “cómpre formar profesionais da enoloxía con óptica galega, e articular esa formación coa viticultura que nos rodea”.