Archives

Solucións contra as pesticidas en viñedos e oliveirais a través da innovación

O proxecto europeo H2020 NOVATERRA celebrará unha xornada o vindeiro xoves 26 de outubro ás 10h en Santiago de Compostela, na sede de FEUGA no Campus Vida, que ten por obxectivo presentar o consorcio, avances e primeiros resultados até o momento á comunidade científica e a profesionais do sector. Así, representantes das entidades participantes darán conta dos traballos que están a realizar para reducir o uso e o impacto das pesticidas no viñedo e o oliveiral a través de novas tecnoloxías e exporán os factores que determinan a adopción de solucións ambientalmente sustentables a nivel de explotación. O proxecto busca a creación dun enfoque 360º para garantir a seguridade alimentaria, así como o acceso a unha alimentación sa para unha poboación crecente, seguindo as directivas e prioridades da Unióin Europea en materia de uso sustentable de pesticidas. O evento, organizado por FEUGA, forma parte das actividades de divulgación de NOVATERRA. Os asistentes poderán achegarse, a través dunha serie de casos de estudo, a novas estratexias sustentables e integradas, viables técnica e economicamente para distintos sistemas de cultivo, que teñen como finalidade eliminar ou reducir significativamente o uso e o impacto negativo das pesticidas máis prexudiciais. A cita, que se celebrará de forma presencial e emitirase tamén en streaming, contará coa participación de representantes de diversas entidades españolas que integran o consorcio: O Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias (IRTA), o Centro de Investigación en Economía y Desarrollo Agroalimentario (CREDA), a Universidad de Burgos, a Plataforma Tecnológica del Vino (PTV), a adega Terras Gauda e a Universidad Politécnica de Catalunya (UPC). NOVATERRA persegue a redución do impacto negativo das pesticidas para a xestión integrada de pragas en oliveirais e viñedos. Coordinado por IRTA conta cun consorcio de 23 entidades de 6 países: Grecia, Italia, España, Portugal e Bélxica. Iniciado en outubro de 2020, o proxecto que ten unha duración de 4 anos recibiu unha cofinanciación do programa H2020 con preto de 5 millóns de euros.

Inscríbete aquí

Claves para o control da xuncia e do amaranto no millo

Finca con xuncia á que se lle aplicou herbicida A xuncia  e o amaranto (Amaranthus) son dúas plantas invasoras que nas últimas décadas se espallaron nas terras agrícolas de Galicia e da Cornixa Cantábrica, comprometendo o desenvolvemento de cultivos como o millo ou a pataca. Na xuncia hai dúas variedades, a Cyperus esculentus L. e a Cyperus rotundus, e pode que esta última sexa a máis difícil de controlar.  Para coñecer as claves para o seu control falamos con Juan Valladares Alonso, técnico do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM); con Adrián Cundíns, xerente da cooperativa coruñesa Ganxabar, e con Manuel Rodríguez Medeiros, xefe de vendas e márketing da cooperativa Aira. 

José Manuel Rodríguez Medeiros (Cooperativa AIRA): “Na provincia de Lugo estamos tendo problemas co amaranto, e a clave é unha boa aplicación para chegar a todas as plantas”

En canto á xuncia, José Manuel Rodríguez Medeiros asegura que “na provincia de Lugo empeza a espallarse: Na Mariña lucense si que a xuncia é moi común e moi problemática, no centro e sur da provincia aparéce de maneira máis esporádica non sendo , hoxe en día, un grave problema salvo nalgunhas parcelas ailladas. E logo si que está bastante presente en Sarria e algo en Chantada,  principalmente". “As claves cando aparece nas fincas é non deixar que se multiplique, pois ten moita capacidade para espallarse, especialmente se se remove a terra e como nace de forma escalonada é difícil de controlar con herbicidas. Hai que controlala ben cando aparece nunha leira, pois do contrario apodérase dela, e  ao botar órganos de resistencia (bulbos), o control complícase moito. Neste sentido, debemos facer unha aplicación coas plantas en estadíos temperás (3-6 follas das herbas) con herbicidas eficaces e cambiar e/ou combinar materias activas", asegura. As materias activas para combatela son a sulcotriona e a mesotriona. Neste sentido, a recomendación do responsable da cooperativa AIRA “é facer unha primeira aplicación de herbicida de forma temperá, co millo con entre 2 e 4 follas, cando nacen as primeiras xuncias, pois este herbicida ten certo efecto de preemerxencia, matando ao redor do 50% das malas herbas”. “Desta forma – engade- vanse agrupando as xuncias que van nacer posteriormente para dar unha segunda man de herbicida en postemerxencia co millo con entre 4 e 6 follas”. José Manuel Rodríguez Medeiros advirte de que “se esperamos a que o millo teña 8 follas ou máis fai un efecto paraugas para o herbicida de forma que non chega á xuncia que está debaixo del, a non ser que empreguemos boquillas tipo cono”.
“O problema é que cada planta de amaranto produce ata 500.000 sementes, de aí a importancia de non deixar plantas sen tratar con herbicida”
En canto ao amaranto, Medeiros informa que “na provincia de Lugo dende hai uns dez anos empezou a ser problemático, máis que o Chenopodium album (Fariñento), algo que relaciona pola reducción dos tratamentos en preemerxencia, e pola desaparición de materias activas do rexistro do Ministerio de Agricultura, algo que leva a repetir materias activas e á consecuente aparición de resistencias.  Neste sentido, advirte de que “se se nos escapan herbas e non damos un repaso teremos un problema para o ano seguinte cunha infestación moi grande polo enorme banco de sementes, pois cada planta de amaranto produce unhas 500.000 sementes".  A este respecto, para o responsable de AIRA, "posiblemente a mellor técnica de control do amaranto con herbicidas sexa, hoxe en día, facer un tratemento de postemerxencia precoz, e despois repasar aquelas parcelas cunha postemerxencia onde o herbicida non foi suficientemente eficaz". Poren, recoñece que "o problema son os tempos e a oportunidade, e en primavera acumúlanse os traballos e ás veces, non se chega a todo ao tempo que se debera".  De aí, que oincida na importancia dunha boa aplicación, con condicións ambientais de temperatura e humidade que permitan que a planta estea receptiva ao herbicida, para poder controlar por enriba do 95-97% das plantas. “O problema co amaranto -subliña- non é matalo co herbicida senón chegar a todas as plantas, de forma que se nos quedan algunhas sen controlar nas beiras da finca ou nos rodais ao ano seguinte imos ter unha infestación grave, pola cantidade enorme de sementes que bota”. As materias activas que se empregan para o amaranto son o S-METOLACLORO+sulcotriona, a mesotriona, así como o tifensulfuron metil 50% “Agora tamén se están volvendo empregar herbicidas de folla ancha como o dicamba, bastante efectivo”, asegura. Finca infestada de amaranto. Foto: Cooperativa AIRA

Juan Valladares (CIAM): “ Unha forma efectiva de controlar a xuncia é sementar nabos como cultivo de inverno ou deixala tres anos a pradeira”

Dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Juan Valladares desaconsella empregar herbicidas de preemerxencia para controlar a xuncia pois considera que “a miña experiencia en moitos anos tratando contra esta herba faime concluir que os de preemerxencia son pouco efectivos”. En canto ao momento de aplicación, recomenda esperar a que o o millo teña entre 5 e 6 follas. “Se agardamos a que teña 8 ou 9 follas quedaría afogado pola xuncia. O millo nos primeiros estadíos hai que protexelo, senón pode quedar asfixiado polas malas herbas e logo hai problemas importantes de rendementos”, asegura. Como recomendacións prácticas para combater a xuncia o técnico do CIAM aconsella “sementar cedo, xa que a xuncia xermina un pouco máis tarde que o millo, e no inverno a ser posible meter como abono verde brásicas (como o nabo), que inhiben a xerminación das malas herbas”. E cando sexa posible, Juan Valladares considera que “deberíamos facer rotacións longas nas fincas de millo, deixándoas dous ou tres anos a pradeira, xa que a xuncia aguanta mal o corte e compite mal coas outras gramíneas e leguminosas ao ter pouca altura. E unha vez pasados eses tres anos con pradeira sementaríamos millo”.

Adrián Cundíns (GANXABAR): “Sementamos unha 800 hectáreas de millo e de momento non é un problema grave a xuncia”

Adrián Cundíns é xerente da cooperativa coruñesa Ganxabar, que xestiona, entre outras, as terras de varias ganderías das comarcas do Xallas e da Barcala, cunhas 800 hectáreas de millo sementadas este ano. Sobre a xuncia asegura que para eles de momento non é problemática. “Ata agora nunca foi un problema esaxerado, si que é unha problemática de custos, pois cada vez é máis caro tratar”. “O que facemos é deixarnos asesorar nas materias activas que podemos aplicar, escollendo segundo os resultados daquelas casas comerciais que fixeron ensaios na zona”, asegura. O protocolo que seguen en Ganxabar é aplicar un herbicida de preemerxencia nas sementeiras temperás do mes de abril, sobre todo se despois está previsto que chova e vai ser difícil entrar na leira. E nas sementeiras máis tardías, en maio, realizan un control en postemerxencia o máis tardio posible, aplicando dúas materias activas, unha para folla ancha e outra para estreita” “Se o mes de maio ven húmido e con calor enseguida o millo cobre a mesa e non sole ser preciso outro tratamento, pero se ven frío e seco, como este, temos que ir a un segundo pase de herbicida en postemerxencia”, explica Adrián Cundíns. Recoñece que “si que notamos que con 2 tratamentos o millo sufre e ten menos altura, aínda que o axudemos cun abono foliar, pero non notamos baixada de rendemento á hora de ensilar”.

Avances no control sostible de malas herbas en cultivos dende o Campus Terra de Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC traballa no desenvolvemento de técnicas e mecanismo para avanzar no control sustentable das malas herbas en cultivos no marco do proxecto Horizon Oper8, un programa coordinado pola Universidade de Agricultura de Atenas e financiado pola Comisión Europea con 1.615.000 euros, a través do que se pretende artellar unha rede continental que permita a erradicación ou, cando menos, o control da maleza de xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente.

A catedrática e coordinadora do grupo de investigación Sistemas Sivolpastorais (Silvopast) da EPS de Enxeñaría, Rosa Mosquera Losada, é a representante da USC neste ambicioso proxecto europeo que busca achegar solucións e alternativas ao actual uso de herbicidas, unha vez que a UE acordou prohibir o emprego destes compoñentes químicos no seu territorio a partir de 2030, tal e como se puxo de manifesto esta semana pasasa nas sesións demostrativas que se desenvoleron na sede universitaria luguesa e na que toman parte máis dunha ducia de operadores nacionais implicados nun programa estruturado arredor de 8 redes temáticas.

Os distintos grupos de traballo están chamados a fusionar as súas respectivas achegas para o control sustentable de maleza nunha proposta colectiva antes de finais de setembro de 2025, data na que conclúe este programa Horizon Europa.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101842" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Rotación de cultivos, robotización dos procesos e emprego de aceites esenciais naturais

As alternativas baralladas ao uso de herbicidas para frear a propagación de maleza e malas herbas en áreas de cultivo son diversas, segundo explica Rosa Mosquera, quen citou a robotización dos procesos, a rotación dos cultivos e o emprego de aceites esenciais naturais como tres posibilidades que se antollan efectivas para a eliminación deste tipo de maleza.

Estamos a valorar diversas técnicas e metodoloxías para acadar esta finalidade”, sinala Mosquera, ao tempo que remarca que "a extracción por procesos mecánicos das malas herbas logo da recollida da colleita, as prácticas de rotación de cultivos nunha mesma superficie territorial ou o emprego de aceites naturais non prácticas xa testadas e que teñen unha eficacia probada á hora de diminuír ou eliminar a maleza".

Visitas demostrativas

A delegación de investigadores e técnicos que está a participar en Lugo na posta en marcha do grupo de traballo do proxecto Oper8 liderado por Rosa Mosquera, desprazouse este xoves ata os concellos de Portomarín (Lugo) e Boimorto (A Coruña), a fin de coñecer sobre o terreo algúns métodos de control e prevención de maleza que xa se están a aplicar na Finca de Experimentación de Vides de que dispón a USC en Portomarín, e algúns bosques naturais localizados en Boimorto e nos que antes se aplicaron tratamentos con glifosato.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101843" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

O profesor da USC na EPS de Enxeñaría Julián García Berrios, que coordina a xestión dos terreos sobre os que se estende o viñedo de experimentación localizado en Portomarín, explicou aos participantes nesta primeira sesión de traballo da rede nacional de Oper8 as técnicas e métodos aplicados para mitigar e evitar a aparición de malas herbas nesta parcela, actuacións de carácter sustentable que non provocan efectos nocivos na planta nin repercuten na calidade nin nas propiedades da uva ni dos posteriores caldos.

Unha vez rematada esta visita, a delegación española de Oper8 desprazouse ata Boimorto, onde a propia Rosa Mosquera analizou xunto cos demais participantes os efectos derivados do uso de glifosato unha década despois de que se deixara de empregar este tipo de herbicida “por mor dos efectos contaminantes dunha substancia química que incluso está ligada coa aparición de procesos canceríxenos”, sinala a catedrática do Campus Terra USC.

Visita a Boimorto
<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101844" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Consellos para unha correcta utilización dos herbicidas de post-emerxencia en millo

 

Malas herbas tratadas en post-emerxencia nunha finca de millo

A eliminación das malas herbas é un dos factores chave para o éxito do cultivo de millo. As sementes que botemos só poderán desenvolver todo o seu potencial de crecemento se medran sen competencia. Do seu control nas fases temperás dependerá o desenvolvemento da planta e a colleita posterior, cun maior rendemento en quilos por hectárea.

Por iso, confiar o futuro do cultivo a herbicidas eficaces é unha garantía de éxito e rendibilidade para as explotacións gandeiras e os agricultores dedicados á produción de millo forraxeiro.

Confiar en herbicidas testados e eficaces é unha garantía de éxito para o cultivo e rendibilidade para as explotacións

Soaga distribúe en exclusiva un completo catálogo de produtos testados amplamente, que levan anos no mercado con excelentes resultados e unha gran eficacia demostrada nas condicións de temperatura e humidade que se dan na cornixa cantábrica. Así pois, apostar por estes herbicidas é ir sobre seguro, unha garantía de boa colleita.

A cada problema, unha solución

Soaga dispón de distintos herbicidas de post-emerxencia que se adaptan a cada tipo de mala herba e estado do cultivo. O catálogo inclúe produtos das compañías Adama e Sharda con características específicas:

– ADAMA:

  • Tanit: para tratar contra malas herbas de folla estreita, folla ancha e xuncia tanto en pre-emerxencia como en post-emerxencia temperá (ata 4 follas).
  • Coltrane: para folla ancha e xuncia en post-emerxencia (ata 8 follas).
  • Nikita: mestura integral de nicosulfuron, dicamba e mesotriona contra folla estreita, folla ancha e xuncia

– SHARDA:

  • Mighty Mesotriona : para tratar folla ancha e xuncia
  • Nicosulfurón Sharda: contra folla estreita
  • Rinidi: mestura integral de nicosulfurón, rimsulfurón e dicamba tanto para folla estreita como para folla ancha

Consellos para unha correcta utilización

A clave para sacar o máximo rendemento aos herbicidas de post-emerxencia está en adaptalos en función das malas herbas que haxa na parcela. Por iso é recomendable realizar visitas periódicas á terra para identificar que tipo de mala herba é a existente e ver cal é o grao de presión que exerce sobre o cultivo.

“O ideal é facer un seguemento das parcelas e en función da situación tomar unha decisión, e desde Soaga damos ese servizo a maiores”, explican desde o equipo técnico da empresa galega.

Como norma xeral aconséllase non esperar para entrar ás fincas a tratrar a que a mala herba estea demasiado desenvolvida para lograr maior efectividade do tratamento.

Soaga presta un servizo de asesoramento integral que permite optimizar os tratamentos

En canto ás condicións meteorolóxicas, ao tratarse de produtos de contacto, non se debe aplicar con choiva abundante por risco de lavado. Tampouco con temperaturas extremas, polo que se recomenda realizar as aplicacións ben á primeira hora da mañá ou a última da tarde e non nas horas centrais do día.

Finalmente, para lograr un resultado óptimo, hai que axustar as doses ás indicadas no rexistro, tanto por cuestións de aforro económico como por lexislación en materia ambiental.

En sintonía coa nova PAC

Tanto desde a Unión Europea como desde o Ministerio de Agricultura está a endurecerse cada vez máis a lexislación en materia de fitosanitarios. A nova PAC avanzará de cheo nos principios da Xestión Integrada de Pragas, que obrigará a un uso máis racional dos produtos fitosanitarios.

Nos próximos anos o uso de herbicidas de pre-emerxencia estará máis limitado

Deste xeito, nos próximos anos, debido ás restricións na aplicación de materias activas incluídas nos herbicidas de pre-emerxencia, como a Terbutilazina ou o Isoxaflutol, os herbicidas de pre-emerxencia irán dando paso a herbicidas específicos de post-emerxencia, aplicados no momento oportuno e adaptados ao tipo de mala herba que teñamos nas nosas parcelas.

Fertimón Verde, o complemento ideal para que o cultivo despegue

A aplicación de abono foliar rico en nitróxeno evita o estrés hídrico ou por baixas temperaturas

Fertimón Verde é un abono foliar cunha composición NPK 28-11-14 e microelementos (boro, cobre, ferro, manganeso, zinc e molibdeno) que axuda a que o millo despegue na etapa inicial de crecemento. Trátase dunha combinación de fertilizante líquido con mollante que é apto para mesturar con produtos fitosanitarios (tanto herbicidas como insecticidas).

A época de aplicación (entre 6 e 8 follas) convérteno en ideal para mesturar cos herbicidas de post-emerxencia, axudando ao millo a desenvolverse e, por tanto, ao control das malas herbas na parcela, dado que o cultivo logra pechar antes as filas, tapando a luz e evitando a competencia.

É un produto exclusivo de Soaga selectivo co millo que vai dar un empurrón ao crecemento da planta nun momento fundamental do seu desenvolvemento. Ao tratarse dun abono alto en nitróxeno, o millo aprovéitao rapidamente.

Trátase dun abono foliar que se pode mesturar con herbicidas e que axuda a evitar o estrés da planta nas etapas iniciais de desenvolvemento

Ademais, contribúe a diminuír o risco de estrés por baixas temperaturas no millo, sobre todo en sementeiras temperás, achegando un verdor intenso á planta e evitando a temida cor amarela, síntoma de atraso no crecemento.

Por tanto, Fertimón Verde axuda a ter unha mellor colleita e a asegurala se hai días de frío en etapas iniciais, logrando maior rendemento final por hectárea. A dose recomendada é de 5 litros por hectárea.

O proxecto Welaser logra a integración preliminar do seu prototipo para eliminar malas herbas sen químicos

O proxecto de innovación Welaser, que busca alternativas ao uso de herbicidas no agro, logrou con éxito a integración preliminar do sistema para a eliminación de malas herbas no campo sen a utilización de produtos químicos. Nesta fase montáronse todos os sistemas a bordo da plataforma móbil e comprobáronse os compoñentes mecánicos, eléctricos e interfaces de comunicacións. Os impulsores do proxecto destacan importantes avances nas diferentes partes do prototipo como a integración das redes de sensores IoT e aplicacións de computación na nube, a fonte láser de alta potencia, o sistema de percepción de Intelixencia Artificial e o sistema de escaneo e o segundo prototipo do robot autónomo. “Todo o sistema está a funcionar de acordo co plan de traballo”, indican. Agora, de acordo coas probas que se están realizando e a lista de problemas detectados, están a elaborar un plan de acción e levarán a cabo as melloras adecuadas nos diferentes compoñentes para desenvolver a integración final do proxecto. Esta fase de integración preliminar levárona a cabo durante a última semana do pasado mes de abril, xa que sufriron atrasos na entrega de pezas e compoñentes derivados pola actual pandemia e as crises xeopolíticas. Así, a aprobación definitiva desta integración acordouse nunha reunión presencial de proxecto celebrada en Madrid o pasado 27 de abril.
Na última fase do proxecto realizarán demostracións do funcionamento do prototipo en diferentes países europeos
Durante os últimos 6 meses do proxecto está previsto que realicen demostracións do uso do prototipo en escenarios reais en diferentes localizacións europeas. Estas demostracións estarán dirixidas a audiencias profesionais e xerais, incluídas autoridades, expertos e investigadores e medios de comunicación.

Os socios do proxecto

WeLASER é un proxecto de innovación europeo que comezou en setembro de 2020 e finalizará en 2023, tras 36 meses de traballo. Está financiado dentro do programa Horizonte 2020. Está coordinado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (España) e conta coa participación de Futonics Laser GmbH (Alemaña), Laser Centrum Hannover (Alemaña), Departamento de Plantas e Ciencias Ambientais da Universidade de Copenhague (Dinamarca), AGREENCULTURE SaS (Francia), Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (España), Departamento de Ciencias Agrícolas da Universidade de Bolonia (Italia), Instituto para a Ecoloxía de Áreas Industriais (Polonia), Departamento de Agricultura Economía da Universidade de Gante (Bélxica) e Van dean Borne Projecten BV (Países Baixos).

-Consulta aquí máis información sobre o proxecto.

 

Campaña de millo: retraso no crecemento polo frío e a chuvia e problemas coas malas herbas

Remata un mes de xuño marcado polas baixas temperaturas e por unhas precipitacións abundantes, sobre todo nas zonas de costa, que afectaron de maneira importante ao crecemento do millo forraxeiro, esencial para asegurar a alimentación do gando durante todo o ano nas explotacións de leite galegas. Tras semanas de tempo frío e inestable, máis propio de comezos da primavera que do inicio do verán, a imaxe que se pode ver nas terras labradas hai máis dun mes non se corresponde co que debería haber a estas alturas do ciclo natural do cultivo.
O cultivo está acusando a humidade e as baixas temperaturas de todo o mes de xuño
O millo quedouse atrás, aletargado, co seu crecemento parado polo frío, mentres que as malas herbas seguiron avanzando, aproveitándose da humidade e do feito de que o millo, ao non medrar, tampouco cubriu as liñas. A isto engadíronse as dificultades para entrar nas terras e aplicar os herbicidas, que coa chuvia e o maior tamaño das herbas tiveron ademais unha menor efectividade, obrigando a facer segundas pasadas en moitas parcelas e castigando nalgúns casos a unha planta de millo xa debilitada e co ollo amarelo. É unha situación que se repetiu este ano por toda Galicia e mesmo en Asturias, e que ten carácter xeralizado tanto en áreas de costa como a comarca de Bergantiños como de interior, nas principais zonas de cultivo das provincias da Coruña e Lugo.
Aínda que as pragas están a ter menor incidencia este ano, está a haber maiores dificultades para o control das malas herbas
Aínda que houbo explotacións que non tiveron problemas para o control das malas herbas nas parcelas e as pragas están a ter unha menor afectación este ano, a colleita final será seguramente sensiblemente menor á de campañas anteriores, xa que, por moito que mellore e se estabilice a partir de agora a climatoloxía, o tempo perdido pola planta no seu crecemento inicial dificilmente será xa recuperable. Falamos con algúns técnicos para analizar a situación e dar algúns consellos e recomendacións para tratar de corrixir os problemas detectados nas terras.

"Pódese estimular a planta con correctores a base de aminoácidos ou moléculas como a glicina betaína"

Plantas amarelentas polo efecto do frío e o exceso de humidade "Detectamos problemas xeneralizados este ano co crecemento do millo, con atrasos importantes de desenvolvemento. Debido ás baixas temperaturas, o millo non puido acumular os graos/día necesarios para ir avanzando nos distintos estados fenolóxicos. Isto fixo que os millos estean pequenos e non estirasen, algo que non é normal estando en xullo, onde deberían estar xa apuntando agora entre 8-10 follas e inicio da floración para espigado. Pero isto non se está producindo, hai unha demora importante, un atraso próximo a 3-4 semanas", calcula Manolo Cano, técnico comercial de Kenogard para Galicia e a cornixa cantábrica.
Con tan pouca temperatura o millo está a sufrir. Millos que levan mes e medio na terra teñen un tamaño moi pequeno
É dos que cre que "se se estabiliza o bo tempo poderá recuperar algo e acurtar ese atraso porque o millo é moi agradecido en canto vén temperatura" pero engade que "agora debería vir calor, non podemos continuar así porque entón o millo si que o vai a acusar excesivamente". Aínda que asegura que o problema deste ano é xeneralizado e estase dando, con circunstancias parecidas, na Coruña, Lugo e Asturias en todas as fincas labradas con millo, considera que "as sementeiras de mediados de maio son as que mellor están a funcionar", mentres, di, "está a haber verdadeiros problemas no arranque do millo sobre todo en sementeiras máis temperás".
O millo necesita calor e o seu crecemento está condicionado por iso. A falta de temperatura nun momento crucial para o millo como é entre a cuarta e a quinta folla ao final afecta á mazorca e a todo
Recomenda "estimular un pouco a planta para axudala" a través de aplicacións de correctores a base de aminoácidos, para adiantar a planta e sacala do estado de letargo motivado por tanta auga, ou de moléculas como a glicina betaína, que axudan cando vai frío para que a planta non sufra de estrés. "Cando se dan anos como este hai que buscar solucións deste tipo", asegura. Estes tratamentos estimulantes pódense mesturar cos herbicidas de postemerxencia e resultan efectivos, indica. Con todo, aclara que "todas as plantas teñen o seu ciclo e hai unhas etapas moi cruciais do millo, entre a cuarta e a quinta folla, que é onde decide que vai ser de maior, e este ano pasou unha mala etapa nesa fase que afectará ao seu crecemento e desenvolvemento final".
En Galicia búscase sobre todo un bo tamaño da planta para silo e este ano non se alcanzarán os rendementos que se pretendían
"O millo necesita calor e o seu crecemento está condicionado por iso; a falta de temperatura ao final afecta á mazorca e a todo", afirma. Por iso prognostica que de cara ao final da campaña "veremos millos con entrenudos máis curtos e menos altura". Maiores concentracións de herbicida e aplicación máis amodo Outro problema engadido este ano á falta de crecemento do millo é a maior dificultade para o control das malas herbas. Aínda que os tratamentos de preemerxencia funcionaron ben polo xeral porque cando se aplican, despois de sementeira, necesitan humidade no chan para ser efectivos, "despois o que se necesita é temperatura para que o millo medre e peche rapidamente as liñas de cultivo, desta forma as herbas non saen porque as follas do millo tápanlles o sol, pero este ano iso non se produciu", argumenta.
As herbas disparáronse e o control non vai ser tan bo
Por iso, e debido a que nas leiras máis molladas non se puido en moitos casos entrar a tratar en postemerxencia até agora, "a herba está lanzada e a eficacia non vai ser a mesma seguramente", augura. Por iso, recomenda facer estes tratamentos con "volumes de caldo moi superiores e ir máis amodo na aplicación, para deste xeito asegurar unha boa cobertura, xa que hai máis densidade de herba". Aínda que en Galicia é habitual que sempre haxa que repasar algunhas zonas da parcela, Manolo recoñece que este ano moitas ganderías tiveron en moitos casos que tratar dúas veces fincas enteiras co herbicida de postemerxencia. "Debemos aprender da cultura dos herbicidas, en post é bo que maten pouco a pouco, que non sexan moi rápidos para que non provoquen unha reinfectación de herba, sobre todo en anos húmidos como este. Se tratas e rapidamente seca estás a deixar sitio a que saia outra herba, sobre todo se o millo non cubriu a terra; mentres que unha herba que seca aos poucos evita que saia outra no seu sitio", argumenta.
En postemerxencia é bo que os herbicidas maten pouco a pouco para que non se produza unha reinfectación
Ademais de maior custo, o dobre tratamento en moitos casos pode supoñer un castigo tamén para a planta, aínda que o responsable de Kenogard en Galicia descarta que na maioría de casos a cor amarela que este ano presentan as follas centrais do millo se deba ao efecto dos tratamentos. "Non vimos fitotoxicidade no millo. É certo que cando hai choiva varios días trala aplicación, o herbicida pode afectar tamén á planta e os gandeiros cando vían que as zonas centrais e de brotación poñíanse moi amarelas tiñan a sensación de que era que lle afectaba o herbicida, pero non, era efecto da baixa temperatura", asegura.
Pragas non se están producindo, non hai grandes problemas de rosquilla como noutros anos máis secos
Quizais o único efecto positivo do frío mes de xuño fose unha menor proliferación das pragas habituais do millo. "Pragas non se están producindo, non hai grandes problemas como noutros anos máis secos, onde hai máis ataque de rosquilla. Só temos visto que na zona de Muxía está a haber algo de taladro do millo, por ostrimia nubialis ou sexania nonagrioides, unha das dúas", explica.

"O que recomendamos é agardar dous ou tres días a que o millo enverdeza para dar o herbicida e non castigalo máis nese estado"

Efectos dunha mala aplicación de herbicida sobre plantas débiles polo efecto do mal tempo A comarca de Bergantiños foi quizais unha das máis afectadas de Galicia polos efectos da baixada de temperaturas e os días continuados de chuvia, aínda que Francisco Gónzález, técnico comercial de Progando nesta zona da provincia da Coruña, considera que a situación cambiou para mellor nos últimos días. "Hai una semana os millos estaban moi amarillos no ollo, pero hoxe xa cambiou. Viñéronlle estes días que non choveu e mellorou moito", asegura. "No mes de xuño o millo colleu moita auga, non fixo a fotosíntese como debería e faltáballe lignina nesa parte central. É algo que nunca pasara a estas alturas do ano, pero ese problema xa non existe. O panorama cambiou e o millo mellorou e medrou nestes días, a semana pasada dábache polo nocello pero agora en poucos días xa che dá polo xeonllo en moitos sitios, así que se a previsión do tempo se estabiliza vai estar resolto o problema", considera.
Este ano o segundo corte de herba retrasouse tamén polo mal tempo e o millo sementouse máis tarde do que se debería e xa levaba retraso, así que a can fraco todo son pulgas
Fran lembra que "nesta campaña o segundo corte de herba retrasouse tamén polo mal tempo e o millo sementouse máis tarde do que se debería", polo que "a can fraco todo son pulgas", di, porque "xa levaba retraso a maiores por iso e logo a climatoloxía tampouco lle axudou". Agora, di, "o que necesita este mes é sol e calor, porque xa ten auga suficiente até o mes de agosto coa humidade que hai no terreo". Se esas condicións se dan, agarda que as explotacións poidan minimizar as perdas de quilos por hectárea de colleita.
Os herbicidas tardaron máis en actuar, porque ao chover son máis lentos
En relación ao control das malas herbas, recoñece que "os herbicidas tardaron máis en actuar, porque ao chover son máis lentos, e os gandeiros empezaban xa a preocuparse, pero agora que o tempo mellorou están actuando e están sendo efectivos", di. No caso dos seus clientes, Progando recomendou non aplicar o herbicida de postemerxencia mentres o tempo non mellorou. "O que se recomendou é que esperaran dous ou tres días a que enverdecera algo para dar o herbicida, para non castigar máis ao millo nese estado. A xente que fixo iso, logrou bos resultados", asegura.

"O millo vai tirar moito en canto veña calor porque ten humidade"

Finca de millo na comarca da Mariña, onde o cultivo acumula retraso malia ser labrado cedo Noutras zonas de costa, como é o caso da Mariña na provincia de Lugo, o millo tamén acumula certo retraso no seu crecemento, pero o feito de ser unha das comarcas galegas que máis madruga á hora de facer a sementeira axudoulle a pasar mellor a situación de inestabilidade meteorolóxica que veu despois. "Aquí estaba xa todo sementado cando veu o mal tempo e comezou a chover tanto, as últimas fincas soltas dalgúns clientes botámolas a mediados do mes de xuño, pero o gordo xa estaba todo sementado de comezos de xuño", conta José Portela, técnico da empresa Comercial Agropres, asentada en Barres pero que ten clientes tanto na zona oriental da Mariña coma no occidente de Asturias.
Na nosa zona os herbicidas funcionaron bastante ben en xeral porque cando comezou a chover xa estaba todo sementado e o tratamento de preemerxencia xa estaba aplicado
Nas 1.400 hectáreas sementadas por eles, 900 delas para as súas instalacións de mestura húmida, "evidentemente o millo polo tema do frío non vai tan apurado coma outros anos en crecemento e en fincas máis molladas ten unha cor entre violeta e morada por efecto do frío e do exceso de humidade, pero non hai outro tipo problemas", indica. "Os herbicidas aquí nesta zona funcionaron ben en xeral, porque o de preemerxencia xa estaba aplicado de antes e funcionou ben", asegura. No caso do de postemerxencia, explica que "a entrada retrasouse en fincas máis molladas". Nestes casos, di, "ao pillar a herba grande non sei como vai ser".
As malas herbas avanzan igual co frío, mentres o millo estaba parado
Sen embargo, recomenda facer só unha pasada de herbicida, sen repetir o tratamento, xa que "o millo tamén vai pechar en canto veña algo de calor, porque ten humidade e vai tirar moito", opina. "É certo que tamén medran as malas herbas, que co frío avanzan igual mentres o millo estaba parado", argumenta.

‘Coidando a saúde das abellas coidamos a saúde das persoas’

Colmea de abellas nunha plantación de maceiras para mellorar a súa polinización Este xoves, 20 de maio, celebramos o Día Mundial das Abellas, que foi instaurado no ano 2017 pola FAO para defender a existencia das abellas, así como dos polinizadores, diante da súa progresiva desaparición, co obxecto de garantir a fertilización das plantas e dos cultivos (contribúen á fecundación do pole de 87 dos 115 principais cultivos do mundo), a conservación da biodiversidade e a sustentabilidade da alimentación humana global (ao melloraren a produción), así como a propia supervivencia da agricultura e a saúde dos consumidores.
A produción de 87 dos 115 principais cultivos do mundo dependen da contribución das abellas e de outros polinizadores
Para este efecto, as abellas son un indicador biolóxico da saúde dos nosos campos e montes, un barómetro da nosa natureza, porque onde elas proliferan adecuadamente estase a demostrar que hai un rica e variada diversidade floral, e producen mel e pole en abundancia, mais nas zonas onde decae a existencia das colmeas algo está a suceder na natureza ou nos cultivos que non garante a súa natural supervivencia. Na nosa comunidade autónoma preséntansenos ambas as caras da situación.
As abellas son un indicador biolóxico da saúde dos nosos campos e montes, un barómetro da nosa natureza. Se non hai saúde para as abellas tampouco haberá saúde e benestar para a especie humana
En Galicia temos da orde dun 30-40% de perdas todos os anos de colonias abellas (algo absolutamente inaceptable en ningunha gandaría nin actividade agrícola ou ambiental) por múltiples factores producidos ou traídos polo ser humano: o cambio climático (xeadas tardías, seca, floracións irregulares...), o uso de praguicidas e herbicidas en todos os cultivos convencionais, a aplicación de biocidas ao aire libre, a agricultura intensiva e os monocultivos forestais (eucalipto e piñeiro) e agrícolas (millo e pastos de ensilaxe), o cambio de uso das terras, as rozas do monte inaxeitadas e intemporais, a plantación de árbores sen florescencia nos ciclos curtos, a destrución dos hábitats naturais, o lume, os ácaros da Varroa destructor e o tártago negro da Vespa velutina, ademais das doenzas propias das abellas (nosemiase e loque americana).
En Galicia temos da orde dun 30-40% de perdas todos os anos de colonias abellas, algo absolutamente inaceptable en ningunha gandaría nin actividade agrícola
Todo un panorama pésimo para reflexionarmos sobre el, pois se non hai saúde para as abellas, tampouco haberá saúde e benestar para a especie humana. Un ambiente san para as abellas tamén producirá efectos no benestar das persoas. E todos os produtos das abellas son saudables, sexa o mel, o pole, a cera, a própole ou o veleno! Porén, as abellas melíferas non están elas soas en perigo, senón que as abellas silvestres, os abellóns, as bolboretas e todos os demais insectos polinizadores tamén están a correr o risco de veren ameazados os seus hábitats e o seu sustento alimenticio en pole e néctar. Prohibición de tres insecticidas nocivos para os polinizadores Neste mes de maio temos así mesmo un motivo especial de celebración, pois o Tribunal Europeo de Xustiza confirmou o veto definitivo a tres insecticidas neonicotinoides (imidaclopride, clotianidina e tiametoxam) moi nocivos para as abellas e os insectos polinizadores, das multinacionais agroquímicas Bayer e Syngenta. Este debe ser un paso de cara ao cambio de estratexia por parte das multinacionais e á redución do uso dos pesticidas actual ao 50% neste decenio no que andamos, e con outras tácticas temporais de aplicación durante as floracións.
A lexislación está indo nun bo sentido, mais debe continuar controlando con seriedade científica a homologación doutros novos produtos fitosanitarios
A sentenza é un paso de cara a unha maior protección das abellas e a defensa dun principio de precaución baseado en feitos en Europa. Agora hai que mellorar o respecto da prohibición e atallar o actual abuso das autorizacións de emerxencia por parte dalgúns estados membros, ademais de controlar con seriedade científica a homologación doutros novos produtos fitosanitarios, que así e todo non deixan de ser perigosos para os insectos polinizadores. A lexislación está indo nun bo sentido, mais a defensa das abellas debe continuar.
O Estado español mantense na retagarda e semella non andar na órbita da defensa da biodiversidade que preconizan as políticas dos estados máis verdes da Unión Europea
A propósito da avaliación dos riscos dos pesticidas (insectidicas, funxicidas e herbicidas) sobre as abellas, o Estado español (un dos principais consumidores de produtos fitosanitarios en Europa, con máis de setenta millóns de quilos de pesticidas usados nos cultivos ao ano e o 75% dos solos agrícolas contaminados por eles) vai moito da man do lobby da agroquímica, mantense na retagarda e semella non andar na órbita da defensa da biodiversidade que preconizan as políticas dos estados máis verdes da Unión Europea, que parten da aceptación dunhas perdas das colonias de abellas neste caso nun limiar arredor do 7%, en tanto que España propón duplicar este índice dos polinizadores do 15 ao 23%. Para as persoas abelleiras e as ecoloxistas o índice de riscos neste ámbito tería que ser cero. Concienciación social As decisións políticas son outra alternativa ás accións xudiciais. E o mundo da política español e galego deberían facer caso porque a opinión pública está a cada paso máis sensibilizada sobre o tema dos pesticidas e os alimentos sans. No uso abusivo do glifosato teñen a ocasión de empezar a trocar de rumbo. Xa que logo, hai que facer presión para que se reduza o uso de praguicidas na agricultura, que non se utilicen os pesticidas nocivos para as abellas; deste xeito a industria actuaría con máis sensatez na súa elaboración. Os abelleiros somos conscientes da importancia da agricultura no panorama español e galego, mais os agricultores non deben esquecer a imprescindible e necesaria achega na polinización que realizan as abellas. A agricultura, que ten un fundamento básico na apicultura, ten outras alternativas máis saudables e sustentables.
No uso abusivo do glifosato as Administracións teñen a ocasión de empezar a trocar o rumbo facendo caso a unha opinión pública cada vez máis sensibilizada cos alimentos sans
Á Asociación Galega de Apicultura-AGA resúltanos inaceptable que os apicultores teñan que sufrir as consecuencias da utilización dos pesticidas polos agricultores nesa porcentaxe de perdas. Por realizaren un traballo de polinización de balde para a agricultura e de valor incalculable para a sociedade, as abellas deben ser mellor consideradas e coidadas pola xente do campo, así como polas nosas Administracións e os nosos políticos. Fan falla actuacións políticas para a súa defensa.  Un propósito de AGA para Galicia é o de evitarmos que as nosas abellas morran de fame nos desertos sen néctar nin pole perennemente averdados de parte da nosa paisaxe.
Os abelleiros somos conscientes da importancia da agricultura no panorama español e galego, mais os agricultores non deben esquecer a imprescindible e necesaria achega na polinización que realizan as abellas
Sen ningunha dúbida, está a haber un movemento de concienciación para denunciar as multinacionais agroquímicas que producen pesticidas, por seren nocivos para a saúde humana, incluída a dos propios agricultores, que están moi expostos e son outras vítimas deles. E dos procesos aprobados ou en curso contra os xigantes da agroquímica está a nacer unha xurisprudencia moi útil para crear unha xustiza sanitaria a escala mundial. Coidando a saúde das abellas coidamos a saúde das persoas. Poñámoslle todos os días unhas pingas de mel e uns grans de pole galego na nosa dieta alimenticia!
AGA desenvolverá online este xoves 20 de maio actos de apoio á protección e supervivencia das abellas a través da súa páxina web.

“A clave para substituír ao glifosato está na rotación de cultivos e no desherbado mecánico”

O uso do glifosato, un herbicida de amplo espectro, leva anos no centro da polémica. Coñecemos de man de Amaia Ortiz, xefa do Departamento de Produción e Protección Vexetal no Instituto Vasco de Investigacións Agrarias (Neiker), algunhas das particularidades deste produto, así como as alternativas que se presentan na actualidade. -Que riscos supón o uso do glifosato? Está xustificada a súa mala fama dos últimos anos? -En marzo de 2015, a Axencia Internacional para a investigación do cancro (Iacr) clasificou ao glifosato como "probablemente canceríxeno para os seres humanos" (Grupo 2A). Isto baseouse en evidencia "limitada" de cancro en humanos (por exposicións ocorridas e confirmadas) e evidencia "suficiente" de cancro en animais experimentais (de estudos con glifosato "puro", sen a combinación con outras sustancias). A Iacr tamén chegou á conclusión de que había probas "fortes" de xenotoxicidade, tanto para o glifosato "puro" como para as formulacións de glifosato. Por mor deste informe, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (Efsa), que foi responsable da revisión das sustancias activas utilizadas nos produtos fitosanitarios en Europa desde 2003, realizou unha análise do risco e concluíu que é improbable que o glifosato expoña un perigo carcinoxénico para o ser humano. Desde entón, a renovación da autorización de uso de glifosato someteuse a intenso debate en diferentes reunións de grupos de expertos da Comisión europea, solicitándose expresamente o ditame do Comité de Avaliación do Risco da Axencia Europea de Sustancias e Mesturas Químicas (Echa) acerca da clasificación do glifosato con respecto á  súa carcinoxenicidade, é dicir a capacidade de producir cancro. En marzo de 2017 a Echa concluíu no seu ditame que debía manterse a clasificación actual do glifosato, non cumprindo os criterios para ser considerado carcinóxeno, mutáxeno e/ou tóxico para a reprodución. Meses máis tarde, en novembro de 2017 a proposta da Comisión para renovar a autorización de uso desta sustancia activa foi adoptada polos 28 Estados membros da UE. Non entanto, en lugar dos 15 anos habituais, a renovación prorrogouse só durante cinco anos máis, até decembro de 2022. En marzo de 2019, a Comisión Europea anunciou un plan para crear un grupo de Estados membros para actuar como co-portavoces para a próxima avaliación do glifosato. O Grupo de Avaliación do Glifosato (AGG) analizará o expediente de solicitude e preparará un proxecto de informe de avaliación de renovación que a Efsa revisará en 2021. A AGG estará integrada por Francia, Hungría, os Países Baixos e Suecia. A aprobación actual do glifosato expira o 15 de decembro de 2022, polo que o proceso de renovación debe comezar en decembro de 2019, é dicir, tres anos antes da data de expiración. -Que alternativas hai a día de hoxe fronte ao uso do glifosato? -Nestes momentos hai máis de 70 formulacións de herbicidas e desecantes autorizadas en España. É certo que son específicos de grupos de plantas, e ás veces a súa acción pode ser máis lenta. Isto fai que o glifosato sexa tan popular pola súa rápida e efectiva eliminación de todo tipo de plantas, incluídos arbustos, ademais de ter un baixo custo.
"Está a aparecer no mercado maquinaria de desherbado mecánico moi efectiva e alcanzable economicamente para calquera tipo de cultivo como alternativa ao glifosato"
Ademais diso, está a aparecer no mercado maquinaria de desherbado mecánico moi efectiva e alcanzable economicamente para calquera tipo de cultivo, tanto herbáceos como arbóreos.

Usos do glifosato, o herbicida máis vendido en España

-O glifosato é o herbicida máis vendido en España, en que cultivos se utilíza en maior medida? -Si, o glifosato consta como unha das materias activas de maior comercialización en España, segundo os datos do Ministerio de Agricultura. O seu uso está ligado a cultivos extensivos nos que se realiza agricultura de conservación (sen laboreo da terra) e a plantacións froiteiras. A sementeira directa sen laboreo está inevitablemente ligada ao uso do glifosato. Tamén se usa para o mantemento de barbeitos químicos, unha vez concluído o barbeito e previamente á sementeira do cultivo seguinte. Utilízase tamén para a eliminación de especies adventicias recalcitrantes, como pode ser o cardo ou similar, para as que é necesario usar herbicidas sistémicos e destruír tódolos órganos propagativos. Ademais, en viñedos e froiteiras emprégase para a eliminación ou control das cubertas vexetais. En usos non agrícolas,emprégase para o control de maleza en parques e xardíns, en redes viarias ou de servizo, en recintos, etc. -Que uso se fai deste herbicida na Cornixa Cantábrica, e máis en concreto en Galicia? -En Galicia, como no resto da cornixa Cantábrica, emprégase sobre todo para desherbado en plantacións de froiteiras e viñedos, así como para fins non agrícolas.
-Que opcións se axustarían para agricultura ecolóxica? -Hai xa no mercado desecantes naturais e estanse desenvolvendo cada día máis, aínda que, actualmente, na agricultura ecolóxica úsase sobre todo desherbado mecánico, con maquinaria. Pero hai unha clave básica en agricultura ecolóxica e é que a rotación de cultivos correctamente elixida reduce moitísimo a dificultade para o control de plantas adventicias. A correcta combinación de cultivos permite, nalgúns casos convivir con elas. En caso necesario, que os hai e moitos, úsase maquinaria. -Cales son os impactos destas prácticas alternativas? -Os produtos químicos alternativos ao glifosato teñen un impacto ambiental controlado, categorizado exactamente cos mesmos criterios que para o resto de fitosanitarios, incluído o glifosato. Todas as materias activas comercializadas na UE están estritamente categorizadas pola súa toxicoloxía para as persoas e animais e pola súa ecotoxicoloxía, segundo o Regulamento 1107/2009. As prácticas alternativas, referido á eliminación mecánica, non supoñen impacto ambiental; son unha práctica absolutamente necesaria na agricultura para manter a sustentabilidade económica dos cultivos. As plantas adventicias (non debemos chamalas malas herbas) compiten cos cultivos por auga e nutrientes e isto fai que os cultivos sexan menos produtivos cunha alta cantidade das mesmas. Nalgúns casos, non só reducen a cantidade de colleita, senón que ademais modifican a súa calidade e, ao final, reducen a túa produtividade. -Será necesario optar por estratexias de control integradas, que combinen métodos químicos e mecánicos, para substituír ao glifosato de forma eficaz? -Indubidablemente, pero isto é o que xa están a facer os agricultores profesionais, a clave está na rotación de cultivos e desherbado mecánico. Por suposto, sempre que se poida. O uso de químicos entra no manexo, pero de forma moi específica, cun correcto control de momento de aplicación para que con moi pouca cantidade de herbicida sexa moi efectivo. -Deixar de utilizar o glifosato traerá perdas de produción e, por tanto, económicas? -Perdas de produción en ningún caso, hai suficientes alternativas para substituílo. O que si pode ocorrer é un aumento de custos ao ser substituído por pases de maquinaria. Non debemos esquecer que o glifosato úsase en preplantación de cultivos, nunca se usa cando o cultivo xa está establecido no campo. Só no caso de froiteiras úsase en presenza do cultivo.
"En viñedo e froiteiras, a prohibición do uso de glifosato podería incrementar o custo do cultivo polo aumento de pases de maquinaria para desherbado mecánico"
-Europa baralla a súa prohibición de cara a 2022 e xa hai países como Austria que se adiantaron. Que suporía a súa prohibición na agricultura española? -A prohibición do uso do glifosato en cultivos extensivos repercutiría de forma mínima, case unicamente ligado ao mantemento de barbeito químico. A súa prohibición non repercutiría no rendemento dos cultivos, xa que o control das malas herbas realízase antes da sementeira de forma mecánica e con outro tipo de herbicidas (non con glifosato) durante o cultivo. En viñedo e froiteiras, a prohibición do seu uso podería incrementar o custo do cultivo polo aumento de pases de maquinaria para desherbado mecánico na liña de cultivo. No mercado hai boa maquinaria de desherbado. A eliminación dun pase de glifosato suporía 2-3 pases de desherbado mecánico, aínda que depende das condicións climáticas, humidade do chan e das especies instaladas invasoras. -Cales son as herbas que supoñen maiores problemas para os agricultores nestes momentos? -Aquelas que se diseminan por rizomas, estruturas resistentes e difíciles de eliminar por herbicidas ou por laboreos mecánicos e aquelas nas que xa se atopou resistencia a algunhas materias activas herbicidas.
"O glifosato é un herbicida capaz de destruír calquera planta se penetra pola parte aérea, pero non é eficaz pola raíz"
En calquera caso, o glifosato é un herbicida capaz de destruír calquera planta e que penetra pola parte aérea, non se incorpora á planta pola raíz. Desde a parte aérea chega a calquera punto da planta, incluídas as raíces. A planta non o toma a través das raíces, aínda que o chan estivese cargado de glifosato.

O frío retrasou o medre do millo, con algúns ataques tamén de rosquilla

Diferenza de crecemento entre millo temperá e máis tardío sementado en fincas pegadas da comarca da Mariña A colleita de millo marca en boa medida o resultado de todo o ano na maioría das explotacións de leite galegas, cando menos desde o punto de vista da alimentación do gando. Por iso os meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro son determinantes e por iso tamén a climatoloxía ten moito que dicir. Foi por mor do tempo precisamente que a sementeira tivo que facerse este ano algo máis tarde do habitual, acumulando nalgúns lugares 15 días de retraso á hora do seu nacemento. Pero a nascencia foi boa na maior parte das zonas, e tan só houbo pequenas resementeiras en fincas húmidas ou por ataques do xabarín, polo que se agardan bos rendementos por hectárea, xa que o 50% do rendemento final obtido está relacionado con como naza a planta. As chuvias, que impediron a finais de abril e comezos de maio  que o millo se puidese botar en moitas terras (en parte tamén porque fixeron que o ensilado da herba acumulase tamén retraso), favoreceron sen embargo posteriormente a aplicación dos herbicidas residuais de preemerxencia, que funcionaron ben, evitando así ter que repasar a maioría de fincas.
A inestabilidade no tempo nas primeiras semanas de maio retrasou o ensilado da herba e a sementeira do millo
As afeccións máis importantes polo de agora no cultivo foron algúns ataques de rosquilla, neutralizados a tempo, e os días de frío de mediados do mes de xuño ("o mes de xuño oscilou entre dous períodos cálidos e tormentosos ao principio e final, mentres que a parte central estivo dominada pola presenza das baixas presións atlánticas que achegaron aire máis frío do normal nesta época do ano", indica o informe mensual de Meteogalicia), que retrasaron o crecemento do millo e afectaron sobre todo ao que foi botado máis tarde.  A incógnita daquí en diante, ademais da climatoloxía, será unha vez máis o xabarín, o gran inimigo actual do cultivo de millo en Galicia, que provocou xa importantes danos durante a sementeira en comarcas como a de Ordes, e tamén na Mariña, e cuxa afectación nas fincas podería mesmo incrementarse a medida que a planta bote o gran e se achegue a data da súa recollida. Esta é a situación neste momento nalgunhas das comarcas leiteiras de Galicia, que son tamén nas que máis millo se bota, e onde as perspectivas de lograr unha boa colleita este ano son boas a día de hoxe.

"Este ano houbo moito ataque de rosquilla noutras zonas de Galicia, pero na Mariña e en Asturias non nos afectou"

Unha das zonas de Galicia onde se comeza máis cedo a botar o millo é na comarca da Mariña. José Portela é técnico da empresa Comercial Agropres, que sementa 1.200 hectáreas de millo tanto para consumo propio na súa planta de mestura húmida como para explotacións particulares ubicadas en concellos da zona norte de Lugo e o occidente asturiano, onde se agardan bos resultados este ano. "O millo vai moi ben hoxe por hoxe, nós empezamos a sembra xa en abril e a finais de maio xa tiñamos acabado, sacada algunha finca puntual na que se esperou a recoller o segundo corte de herba, pero o forte da campaña estaba rematado na primeira semana de xuño, outros anos aínda quedaban fincas até máis tarde", explica José.
O tempo máis frío veu en xuño e o que o notou máis foi o que estaba sementado de menos días, porque o que estaba de antes xa ía máis adiantado e afectoulle menos
Ao estar labrado e nacido o millo había xa semanas fixo que a incidencia das baixas temperaturas posteriores fose menor. "O tempo máis frío veu en xuño e o que o notou máis foi o que estaba sementado de menos días, o que se botou máis tarde, porque o que estaba de antes xa ía máis adiantado e notouno menos, así que lle afectou menos", indica. Tamén tiveron menor incidencia na Mariña este ano algunhas pragas habituais no cultivo do millo. "Rosquilla e verme do arame a día de hoxe aquí nada, sen embargo noutras zonas si que houbo moito ataque de rosquilla", conta. A nivel de herbicidas, Agropres aposta pola aplicación en preemerxencia. "Case todo o que usamos nós é en pre e este ano funcionaron bastante ben os herbicidas, houbo que repasar algo pero non foi dos peores anos", conclúe José. Zona con afectación sobre o millo como consecuencia da ineficacia na aplicación do herbicida

"Cada vez retiranse máis materias activas e hai que probar con outras e os tratamentos son menos eficaces"

Tamén madrugaron a labrar este ano na zona de Xallas e Barcala, na provincia da Coruña. "O 15 de maio estaba o 90% da superficie botada. Este ano quedou todo sementado en maio, en xuño o único que fixemos foi resementeira de zonas concretas, por exemplo fincas húmidas nas que afogou o millo porque despois de labralo choveu e non saiu ou por culpa do xabarín", explica Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar, a sociedade que xestiona as forraxes en conxunto para 8 ganderías, cultivando unhas 700 hectáreas de millo. A efectividade dos herbicidas neste caso non foi tan boa, algo que Adrián achaca por un lado á climatoloxía e por outro ás restricións no uso de determinados produtos. "Cada vez retíranse máis materias activas e hai que probar con outras e ás veces os tratamentos son menos eficaces. Nós facemos unha contención inicial e logo imos aplicando á carta dependendo das herbas, pero as condicións este ano non foron boas para aplicar herbicidas e abonos. De feito, cando se aplicaron os herbicidas esas condicións non eran as idóneas e si que se tocou algo o millo por aplicar os tratamentos ben con altas temperaturas ben con frío", recoñece.
Tivemos que resementar algúns anacos polo xabarín ou porque afogou o millo que se sementou cedo en fincas pesadas e non saíu
No caso de pragas de insectos, sen embargo, o resultado foi mellor. "Entre a protección que fas co insecticida e o control posterior as pragas fómolas controlando ben, a rosquilla e o verme do aramio afectaron sobre todo á sementeira tardía, que no noso caso representou pouco este ano", asegura. Así que, "de momento o millo vai con moi boa pinta, o 90% do que botamos está cunha altura de máis de metro e medio xa, co frío que veu en xuño o que lle notamos foi que ralentizou un pouco o crecemento, pero non afectou matando, porque como son plantas máis medradas resisten mellor, non é como se fose unha plántula, cando veu o frío os primeiros millos que botamos estaban xa avanzados", relatan tamén no seu caso en Ganxabar. En definitiva, resume Adrián, "o cultivo podía ir un pouco máis avanzado se as condicións fosen mellores en canto a temperatura pero a colleita preséntase, en principio, ben". O millo que se botou cedo viuse menos afectado pola baixada de temperatura e ten xa unha altura considerable

"O que se botou máis tarde púxose violeta polo frío e seguramente lle falte altura cando chegue ao final do ciclo"

Nas zonas do interior de Galicia a sementeira é normalmente máis tardía pero este ano aínda se atrasou máis. "Até mediados de maio case todos tiñan a herba sen meter, o normal sería ter empezado 15 días antes, o millo leva ese retraso este ano, nós acabamos polo 20 de xuño de botalo", conta Kiko Mosquera, o responsable da maquinaria na cooperativa Cobideza, que sen embargo matiza que "a xente que se apuraba moito a botar o millo e outros anos botábao xa a mediados de abril deuse conta de que até maio o millo está moi ben na bolsa", asegura. Pero o descenso posterior das temperaturas colleu máis desprotexido ao millo no Deza, ao terse sementado máis tarde. "Ao primeiro que se botou non lle afectou o frío porque tiña tallo gordo e bastantes follas. O último, que se sementou entre o 15 e 20 de xuño, é o que ten a color do frío, e pode que retrase un pouco o crecemento e quede un pouco máis pequeno. Ese está un pouco atrasado a estas alturas por culpa do frío e puxose violeta polo frío e faltaralle altura ao final do ciclo seguramente", recoñece Kiko. A cor violeta ou morada das follas do millo provén dun pigmento que se forma cando nas follas hai máis azúcares dos que a planta pode empregar e isto pode deberse a dous factores: por un baixo nivel de fósforo na terra, xa que unha baixa concentración de fósforo na planta inhibe o movemento de azúcares; ou por baixas temperaturas nas etapas iniciais de crecemento, xa que nun chan seco e frío as raíces paralizan o seu medre e o movemento de azúcares á raíz da planta desde as follas tamén se detén.
A auga non lle fixo mal ningún, está gardada na terra para o mes de agosto
Sen embargo, "de momento non hai nada que faga pensar que a colleita non vaia ser boa porque vaille valer máis a auga que caeu que mal lle fixo o frío", asegura o responsable da maquinaria de Cobideza. "O problema nesta zona é o aire norte a finais de agosto e setembro con temperaturas de 30 grados porque o millo deshidrátase e enrúgase ao mediodía e non é capaz logo de recuperar na noite porque veñen noites quentes, así que a auga que caeu estas últimas semanas está gardada na terra para o mes de agosto", razoa Kiko. En canto a pragas, na zona do Deza "non houbo unha afectación grave, nada fóra do normal", di. "Tivemos rosquilla sobre todo, pero tratamos cun insecticida. O que bota o herbicida en preemerxencia xa llo bota e o que non, bótao mesturado co tratamento de postemerxencia ou só no momento en que comeza a aparecer a rosquilla. Por aquí os que usan insecticida granulado na maquina de sementar son os menos", conta.
Os prados vellos que levan moitos anos sen revolver son os candidatos perfectos a ter ataque de verme de aramio, que é unha praga moi difícil de tratar, case imposible, porque está normalmente moi fondo
Sobre o verme do aramio explica que só tiveron unha finca afectada pero que "xa está perdida". "Desapareceu o millo, pero aínda que non tivese desaparecido sería igual, porque é moi difícil de tratar, case imposible, porque o verme está normalmente moi fondo", di. "Era unha finca dunha hectárea entre Monterroso e Taboada, un prado que o gandeiro alugou a un veciño que abandonou. É unha praga que se dá sobre todo en prados vellos que levan moitos anos sen revolver, eses prados son os candidatos perfectos a ter ataque de verme de aramio", asegura. Finca de millo cun nacemento uniforme e sen faltas

"O millo naceu moi ben e os herbicidas funcionaron, así que só entramos unha vez nas fincas este ano"

O primeiro Informe Anual do Estado do Clima en España, elaborado recentemente pola Agencia Estatal de Meteorología (AEMET), pon de relevo as consecuencias actuais do cambio climático, con incremento de temperatura e descenso de precipitacións, dous factores que poñen en serio risco o cultivo de millo sen rega en amplas zonas da nosa comunidade. Igual que o Deza, outra zona do interior de Galicia onde o millo é sensible xa á falta de auga, unha consecuencia que se agraba aínda máis por mor do cambio climático, é a comarca de Chantada. Jorge Meiriño, que se encarga da maquinaria da cooperativa Aira, explica que, por como foi a primavera este ano, "o millo naceu ben porque había humidade na terra e houbo temperatura e saíu todo moi ben, que outros anos ao mellor xa tes máis problemas iniciais dese tipo, así que as fincas están bonitas, pero desde este momento a recollelo a colleita depende aínda moito nas condicións climatolóxicas. Neste momento as fincas polo de agora non necesitan auga, pero se en 8-10 días non chove nesta zona pérdese moi rápido a humidade porque os solos son franco-areosos e se nesta zona non chove a partir de agora penalizan sempre as parcelas máis secas", di.
Houbo sementeiras con nascencia moi rápida pero como logo invernou o millo tivo un parón que lle veu ben para profundizar a raíz
Por iso, Jorge pensa que a baixada de temperatura mesmo puido ter un efecto beneficioso nesta zona. "Como logo invernou o millo tivo un parón que lle veu ben para profundizar a raíz. Había sementeiras con nascencia moi rápida e que medraba moi rápido e é importante tamén este pequeno parón para iso, sobre todo naquelas parcelas máis lixeiras", explica. Aira aposta por empregar herbicidas residuais de preemerxencia se as condicións o permiten, e este ano foron favorables para iso, porque a efectividade é maior se chove no momento de botar o herbicida, xa que deste xeito introdúcese na terra e dura máis o seu efecto. "Esas semanas que choveu estivémolo aplicando, polo que os tratamentos funcionaron ben e só tivemos que entrar unha vez nas fincas", conta.
Nós o que facemos é sementar e agardar un impás de 10 días antes de aplicar o herbicida, así dámoslle tempo a saír ao millo para que cubra antes a terra e non ter que repasar
"Nós o que facemos é sementar o millo e agardar 10 días a que saia para aplicar logo o herbicida, porque este tipo de tratamentos de preemerxencia poden aplicarse até que o millo ten 5 follas. O herbicida ten un efecto residual que dura entre 5 e 6 semanas e nelas o millo ten que cubrir a terra para que non saia herba. Así que o que facemos ao retrasar eses 10 días a súa aplicación é tamén alongar o seu efecto para que nesas 5 ou 6 semanas de duración o millo cubra e así non temos que repasar", indica. "Tamén tivemos algún problema puntual de rosquilla, pero estivemos atentos e fomos solucionando", engade.

"Se non hai un control efectivo do xabarín agora no verán vai haber un problema grave cando veña a espiga"

Peche eléctrico nunha finca de millo para evitar a entrada do xabarín "O problema máis grave nesta campaña é o ataque do xabarín, hai bastante superficie afectada con danos puntuais, un montón de fincas tocadas, e tivemos que facer resementeira en 20 hectáreas, neses casos fincas completas, e a maiores repasar algún cacho dalgunha parcela ou fincas con danos que quedaron así por non andar pisando", relata José Portela os destrozos provocados nos concellos de Ribadeo, Barreiros ou Trabada na Mariña e de Tapia, Castropol ou El Franco na zona asturiana. "Nós tamén tivemos que resementar algunha parcela, por ataques do xabarín e de corvo tamén. Probamos un tratamento novo que vén substituíndo ao Mesurol, que se chama Korex, e en principio vai ben, é certo que houbo máis incidencia que con Mesurol pero con paxaro funciona ben e con xabarín tocan igual as fincas pero abandona porque non lle gusta", conta pola súa banda Jorge Meiriño.
Probamos un tratamento novo que vén substituíndo ao Mesurol que funciona ben cos corvos pero que con xabarín hai máis incidencia
"O xabarín por pouco que afecte sempre dá perdas e nada que che garantiza que non poida volver. A nós este ano de momento afectounos a 2 hectáreas, que en 700 que botamos non foi moito, pero hai outros casos nesta zona nos que lles levantou 10% das fincas", describe Adrián Cundíns. "É unha praga que non tes moito con que combater e vai a máis, se non hai un control efectivo agora no verán vai haber un problema grave cando veña a espiga, xa veñen hoxe fozar ao rego en zonas que hai xuncia para canto máis cando haxa graos de millo", conclúe Portela.

A produción agrícola que vén: usar a metade de pesticidas e antibióticos, un 20% menos de fertilizantes e triplicar a superficie ecolóxica en 10 anos

A utilización de métodos mecánicos e biolóxicos será clave para a redución de herbicidas e insecticidas A Comisión Europea presentou este mércores a súa Estratexia Da granxa ao garfo para avanzar cara a unha agricultura máis respectuosa co medio ambiente e máis sa para os consumidores, que establece obxectivos concretos para os próximos 10 anos para transformar o sistema alimentario da UE como son, por exemplo, reducir un 50% o uso de praguicidas e antibióticos, un 20% o uso de fertilizantes e alcanzar un 25% de terras agrícolas dedicadas á agricultura ecolóxica en 2030 (na actualidade a porcentaxe atópase no 8% no conxunto da Unión Europea). Durante unha rolda de prensa en Bruxelas, o vicepresidente executivo responsable do Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, a comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, e o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius defenderon que a Estratexia Da granxa ao garfo facilitará a transición a un sistema alimentario sostible na UE que protexa a seguridade alimentaria e garanta o acceso a dietas sas e asequibles por parte de toda a poboación, reducindo a pegada ambiental e climática do sistema agrogandeiro.
Fomentaranse prácticas alternativas para a protección dos cultivos, usando métodos biolóxicos e físicos en substitución de herbicidas e insecticidas químicos, que cando deban ser utilizados deberán ser de baixo risco
Entre outras medidas, a UE revisará a Directiva sobre o uso sostible dos praguicidas para mellorar as disposicións relativas á xestión integrada de pragas, fomentando prácticas alternativas para a protección dos cultivos, usando métodos biolóxicos e físicos en substitución de herbicidas e insecticidas químicos, que cando deban ser utilizados deberán ser de baixo risco. A Comisión facilitará a introdución no mercado de praguicidas que conteñan substancias activas biolóxicas e reforzará a avaliación do risco dos praguicidas para o medio ambiente. Unha agricultura que coide o medio ambiente A nova Estratexia sobre a Biodiversidade, presentada tamén xuntamente coa Estratexia Da granxa ao garfo, pretende "devolver a natureza ás nosas vidas", en palabras do Executivo comunitario, abordando "factores clave da perda de biodiversidade, como o uso insostible do chan e o mar, a sobreexplotación dos recursos naturais, a contaminación e as especies exóticas invasoras".
O 30% da superficie europea estará baixo algún réxime de protección en 2030 e o 10% da superficie agrícola deberá posuír valores paisaxísticos
A estratexia presenta medidas concretas para acometer a rexeneración da biodiversidade de Europa de aquí a 2030, o que inclúe transformar un mínimo do 30% das terras e mares de Europa en zonas protexidas administradas con eficacia e devolver a un mínimo do 10% da superficie agrícola uns elementos paisaxísticos moi variados. Recuperación dos polinizadores naturais A estratexia propón, entre outras cousas, definir obxectivos vinculantes para rexenerar os ríos e os ecosistemas degradados, mellorar a saúde das especies e hábitats protexidos da UE, devolver os polinizadores ás terras agrícolas, reducir a contaminación, facer máis ecolóxicas as cidades, aumentar a agricultura ecolóxica e outras prácticas agrícolas respectuosas coa biodiversidade, e mellorar a saúde dos bosques europeos.
A produción científica é clara en canto ao impacto dos pesticidas sobre a redución dos polinizadores, o que ten un impacto económico moi negativo na produción (Virginijus Sinkevičius)
Virginijus Sinkevičius, comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, asegurou que "a natureza é vital e poliniza os nosos cultivos, pero estamos a actuar coma se non importase e perdéndoa a un ritmo sen precedentes. A produción científica é clara en canto ao impacto dos pesticidas na biodiversidade e a redución dos polinizadores naturais, que ten un impacto económico moi negativo na produción e a economía", insistiu. Por iso, dixo, "o obxectivo da UE é protexer e rexenerar a natureza e liderar o camiño cara a un marco mundial ambicioso para protexer a biodiversidade do planeta". Evitar o deterioro do chan Xunto á redución á metade na próxima década do uso de pesticidas, a Comisión Europea propón tamén diminuír nun 50% as perdas de nutrintes dos chans agrícolas, garantindo que non se deteriore a súa fertilidade, o que permitirá reducir en polo menos un 20% o uso de fertilizantes de aquí a 2030.
Será necesario garantir que non se deteriore a fertilidade dos chans reducindo á metade as perdas actuais de nutrintes
Os Estados membros da UE deberán aplicar plenamente a lexislación vixente sobre contaminación por nutrientes (nitratos e fosfatos) a fin de evitar as fugas de nutrintes asociadas que contaminan o aire e a auga, chegando a ser prexudiciais para a saúde humana e o medio ambiente. Países como Holanda ou Irlanda víronse obrigados a establecer medidas restritivas neste ámbito nos últimos anos. A Comisión desenvolverá xunto cos Estados membros un plan de acción de xestión integrada de nutrintes para reducir e previr a contaminación polo uso excesivo de fertilizantes e para fomentar a reciclaxe de nutrintes procedentes de distintas formas de residuos orgánicos como fertilizantes. Isto contribuirá a lograr a aspiración a unha contaminación cero que establece o Pacto Verde da UE para 2050. Uso restritivo dos antibióticos Así mesmo, o Executivo comunitario pretende reducir neste mesmo período de tempo (2020-2030) nun 50% as vendas dos tratamentos antimicrobianos utilizados en animais de granxa, tanto na gandería como na acuicultura. Determinados tipos de antibióticos, como as quinolonas, o ceftiofur, a ampicilina, a amoxicilina, a gentamicina, a neomicina ou a estreptomicina, con importantes consecuencias á hora de xerar resistencias bacterianas, só se poderán utilizar en casos moi concretos e sempre cun antibiograma previo que certifique que é imprescindible o seu uso para facer fronte á enfermidade.
A partir de 2022 antibióticos como as quinolonas, que xeran importantes resistencias bacterianas, só se poderán utilizar cun antibiograma previo que determine que é imprescindible o seu uso como tratamento para facer fronte a unha infección concreta
Para limitar aínda máis a utilización e promover o uso prudente e responsable de antibióticos en animais, os novos regulamentos sobre medicamentos veterinarios e pensos medicamentosos, que serán aplicables a partir de 2022, establecerán unha ampla gama de medidas concretas. O seu impacto sobre o terreo reducirá o uso de tratamentos en animais de granxa, e as vendas someteranse a un seguimento anual. "O benestar animal mellora a saúde dos animais e a calidade dos alimentos, reduce a necesidade de medicación e pode contribuír a preservar a biodiversidade. A Comisión está a avaliar as disposicións vixentes en materia de benestar animal, como as relativas ao transporte e ao sacrificio de animais, e revisará a lexislación da Unión", avanza o Executivo comunitario. Trazabilidade e etiquetaxe A Comisión Europea tamén propón medidas en materia de trazabilidade alimentaria, cunha mellora da etiquetaxe para satisfacer mellor as necesidades de información dos consumidores sobre os alimentos saudables e sostibles. "Os nosos cidadáns queren saber máis exactamente o que comen, esta é unha tendencia en Europa e en todo o mundo", asegurou Frans Timmermans. Paralelamente, a UE intensificará a loita contra a fraude alimentaria a fin de lograr unhas condicións de competencia equitativas para os operadores e reforzar as facultades das autoridades de control e vixilancia.
A Comisión Europea proporá a etiquetaxe obrigatoria sobre propiedades nutritivas na parte frontal dos envases e restrinxirá a promoción de alimentos con alto contido en graxas, azucres ou sal
"Os cidadáns merecen información clara que lles permita tomar decisións de compra. Co obxecto de alentar á industria alimentaria a ofrecer alimentos sans e sostibles, a Comisión proporá a etiquetaxe obrigatoria sobre propiedades nutritivas na parte frontal dos envases e poñerá en marcha iniciativas para estimular a reformulación dos produtos, entre outras cousas, establecendo perfís nutricionais para restrinxir a promoción (alegando propiedades nutricionais ou saudables) de alimentos con alto contido en graxas, azucres ou sal", avanzan desde Bruxelas.

A UE pretende "dar exemplo"

A Comisión Europea pretende facer compatible a produción de alimentos coa protección do medio ambiente As estratexias presentadas tamén pretenden ter unha dimensión internacional. A Comisión Europea pretende que a UE lidere a escena internacional, tanto no que se refire á protección da biodiversidade, aumentando a protección dos chans e rexenerando os ecosistemas degradados, como na creación dunha cadea alimentaria sostible. "A Estratexia sobre a biodiversidade reafirma a determinación da UE de dar exemplo ao facer fronte á crise mundial da biodiversidade. A Comisión tratará de mobilizar todos os instrumentos de acción exterior e de cooperación internacional para contribuír a fomentar un novo e ambicioso marco das Nacións Unidas en materia de biodiversidade na Conferencia das Partes no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica de 2021, mentres a Estratexia Da granxa ao garfo ten por obxecto promover unha transición mundial cara a sistemas alimentarios sostibles, en estreita cooperación cos socios internacionais", avanza Bruxelas.
A Estratexia 'Da granxa ao garfo' cambiará a maneira en que producimos, compramos e consumimos os nosos alimentos (Stella Kyriakides)
A UE comprometeuse a dar exemplo na transición cara a sistemas alimentarios sostibles, non só dentro das súas fronteiras, senón tamén fóra delas. Mediante a cooperación internacional, tanto bilateral como multilateral, a UE fomentará prácticas agrícolas máis sostibles que reduzan a deforestación, aumenten a biodiversidade e melloren os resultados en materia de seguridade alimentaria e nutrición en terceiros países. Importación de produtos de terceiros países A Comisión incorporará estes criterios e prioridades en materia ambiental, de benestar animal e seguridade alimentaria nas orientacións de programación para a cooperación con terceiros países no período 2021-2027 e estaría destinada a ser a norma xeral para todos os produtos introducidos no mercado da UE a partir da sinatura de futuros novos tratados comerciais. "Os acordos comerciais bilaterais da UE ofrecen un medio para promover as normas ambientais da UE en terceiros países, ademais das normas de seguridade alimentaria e benestar animal", argumenta o Executivo comunitario. Neste sentido, os produtos alimenticios importados de terceiros países deberán cumprir no futuro as normas da UE en materia de medio ambiente.
Os produtos alimenticios importados de terceiros países deberán cumprir no futuro as normas da UE en materia de medio ambiente
Para Stella Kyriakides, comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, "a Estratexia Da granxa ao garfo cambiará as cousas para mellor, de forma xeneralizada, en canto á maneira en que producimos, compramos e consumimos os nosos alimentos, o que redundará en beneficio da saúde dos nosos cidadáns e brinda a oportunidade de satisfacer o desexo dos europeos dunha alimentación sa, equitativa e respectuosa co medio ambiente". Aumentar a resiliencia de Europa diante de futuras pandemias "A crise provocada pola pandemia de COVID-19 demostrou ata que punto nos fai vulnerables o aumento da perda de biodiversidade e o crucial que é un sistema alimentario que funcione correctamente para a nosa sociedade", asegura a Comisión Europea. Como parte fundamental do Pacto Verde Europeo, o obxectivo de Bruxelas é "reforzar a resiliencia das nosas sociedades diante de futuras ameazas como o impacto climático, os incendios forestais, a inseguridade alimentaria ou os brotes de enfermidades, en particular apoiando prácticas máis sostibles na agricultura, a pesca e a acuicultura, e ocupándose da protección da fauna silvestre e o comercio de especies silvestres". "A crise provocada pola pandemia de coronavirus demostrou o vulnerables que somos, así como a importancia de restablecer o equilibrio entre a actividade humana e a natureza. O cambio climático e a perda de biodiversidade constitúen un perigo claro e actual para a humanidade", declarou o vicepresidente executivo responsable do Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, que defendeu que "é necesario aumentar desde o 8% actual ata polo menos o 25% a superficie dedicada a agricultura ecolóxica na UE. É necesario para mellorar a saúde da xente", asegurou.
Debemos aumentar desde o 8% actual ata polo menos o 25% a superficie dedicada a agricultura ecolóxica na UE. É necesario para mellorar a saúde da xente (Frans Timmermans)
As dúas estratexias presentadas hoxe, adoptadas durante o apoxeo da pandemia sanitaria por coronavirus en Europa, son un elemento central do plan de recuperación da UE e "reviste unha importancia crucial para previr e reforzar a resiliencia diante de pandemias futuras e brindar oportunidades de negocio e investimento inmediatas a efectos da recuperación da economía da UE", destaca a Comisión. Neste sentido, a Comisión intensificará a coordinación dunha resposta europea común ás crises que afectan os sistemas alimentarios, avaliará a resiliencia do sistema alimentario comunitario e elaborará un plan de continxencia para garantir a subministración de alimentos e a seguridade alimentaria que se deberá activar en tempos de crises e renovarase a reserva para crise no sector agrícola de modo que poida utilizarse todo o seu potencial desde o principio en caso de crise dos mercados da agricultura. Sen financiamento extra para implantar o Pacto Verde Europeo O Pacto Verde Europeo, presentado pola presidenta da Comisión Von der Leyen o 11 de decembro de 2019, establece unha ambiciosa folla de ruta cara a unha economía circular climaticamente neutra, na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos. Con todo, todas estas accións non irán acompañadas dun gran apoio económico por parte de Bruxelas, xa que unicamente se destinarán 20 millóns de euros cada ano para fomentar a biodiversidade, procedentes de fondos comunitarios, estatais e privados. "Facer da sustentabilidade unha marca europea abrirá novas oportunidades de negocio e diversificará as fontes de ingresos para os agricultores", xustifica a Comisión Europea. O próximo paso para a aprobación e entrada en vigor das dúas Estratexias presentadas hoxe é a aprobación por parte do Parlamento e o Consello europeos dos seus obxectivos e compromisos. A Comisión Europea prestará especial atención á consecución dos obxectivos do Pacto Verde, así como aos derivados da Estratexia Da granxa ao garfo e da Estratexia sobre Biodiversidade para 2030 e pedirá aos Estados membros que establezan valores nacionais explícitos para os obxectivos de ambas as estratexias, tendo en conta a súa situación específica e as recomendacións feitas para cada país.

Contra as "políticas de escaparate" de Bruxelas e a "culpabilización" do sector agrogandeiro

As reaccións á presentación da Estratexia Da granxa ao garfo puxeron o foco no aumento de custos que para os produtores terá a aplicación das medidas propostas, reclamando á Comisión Europea que acompañe estas novas esixencias co financiamento necesario para a súa implementación, ademais de pedirlle que non culpabilice inxustamente ao sector agrogandeiro da destrución do medio ambiente e estableza medidas para un reparto xusto da cadea de valor dos alimentos. A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) asegurou a través dunha nota de prensa que comparte os obxectivos da Estratexia Da granxa ao garfo pero "difire claramente" na forma na que se pretende abordar. “Resulta hipócrita e incoherente que a UE pretenda que os agricultores e gandeiros afronten os retos dun sistema alimentario máis sostible, co consecuente aumento de custos que iso supón, baixo a ameaza de recortes no orzamento comunitario para o período 2021-2027 e a destrutiva competencia desleal das importacións de terceiros países", subliñou o Secretario Xeral de COAG, Miguel Blanco.
Non imos permitir que os agricultores financien unha vez máis as políticas de escaparate verde da UE. Resulta incoherente esixir máis compromisos aos agricultores e gandeiros, co consecuente aumento de custos de produción, sen reforzar o orzamento comunitario da PAC e sen cuestionar os tratados de libre comercio con terceiros países (COAG)
"Non imos permitir que os agricultores financien unha vez máis as políticas de escaparate verde da UE; se os políticos de Bruxelas queren lucir escaparate ten que haber recursos na trastenda, e iso pasa por reforzar o orzamento para as políticas agrarias e esixir os mesmos estándares de calidade e seguridade alimentaria, sanidade vexetal e benestar animal, ás importacións agrarias de terceiros países”, engadiu. "Resulta incoherente esixir máis compromisos aos agricultores e gandeiros, co consecuente aumento de custos de produción, sen reforzar o orzamento comunitario da PAC e sen cuestionar os tratados de libre comercio con terceiros países para establecer o principio de preferencia comunitaria e condicionando as importacións aos estándares de calidade, sanidade vexetal e benestar animal que xa cumpren os produtores europeos", critica Miguel Blanco. Neste sentido, desde COAG reclámase á UE que, antes de implementar a Estratexia Da granxa ao garfo, "se revisen todo os acordos comerciais de libre comercio con terceiros países, se reforce o control das importacións, se establezan políticas de preferencia comunitaria e se aposte de forma decidida pola potenciación do modelo social e profesional de agricultura para garantir a soberanía alimentaria de Europa, abordando retos como o despoboamento, o relevo xeracional ou a incorporación de mozos". Encarrilar o desequilibrio na cadea alimentaria Tamén mostra o seu compromiso co Pacto Verde e as estratexias Da granxa ao garfo e pola Biodiversidade para 2030 Cooperativas Agro-alimentarias de España, que a través dun comunicado considera que "modificar o modelo produtivo agroalimentario europeo para loitar contra o cambio climático probablemente é o debate e o cambio máis importante para o sector desde que se existe a PAC". Con todo, para Cooperativas Agro-alimentarias de España a sustentabilidade ambiental non será posible sen sustentabilidade económica. "Preocupa que a Comisión Europea abra o debate cuns obxectivos ambientais moi ambiciosos, sen ter en conta a falta de rendibilidade dun sector produtor que demostrou ser básico no abastecemento de alimentos á sociedade, mentres estivo confinada pola pandemia do COVID-19", argumentan. En opinión das cooperativas, "para alcanzar os obxectivos será fundamental deseñar medidas de impulso estrutural que sirvan para encarrilar o desequilibrio na cadea alimentaria onde o sector produtor é o elo máis débil e o primeiro en sufrir e abordar a perda de competitividade dun modelo produtivo europeo que será máis esixente, respecto dos produtos importados producidos con condicións menos restritivas".
A produción española e europea deben seguir sendo competitivas nos mercados internacionais, polo que se necesitará un gran investimento público e uns prazos de adaptación realistas (Cooperativas Agro-alimentarias de España)
"As cooperativas agroalimentarias son as empresas que, estando en mans de agricultores e gandeiros, reforzan a posición dos produtores na cadea. Por tanto, son estruturas empresariais que se deben reforzar para asegurar a produción sen deixar aos agricultores e gandeiros atrás, porque as cooperativas son as únicas capaces de xerar maior valor e transmitir o beneficio que xeran", consideran. "A sociedade debe saber, contrariamente ao que se poida percibir, que agricultores e gandeiros levan máis de 30 anos traballando por mellorar a sustentabilidade ambiental das súas explotacións. Desde 1990 o sector reduciu nun 20% as súas emisións e un 18% as súas verteduras de nitratos aos ríos, segundo datos da propia Comisión Europea. Os poderes públicos deben comunicar á sociedade a realidade do conxunto do sector, informando e fuxindo de visións negativas, porque a agricultura e a gandería son parte da solución e non o problema", engaden as cooperativas españolas, que afirman que lograr hábitos de consumo de alimentos sans "alcanzaranse progresivamente con políticas de educación e formación, e non culpabilizando producións, como a gandeira, que son vitais nas nosas dietas, ademais de conseguir unha xestión territorial sostible económica, social e medioambientalmente".

Erros máis comúns a evitar na sementeira do millo

No millo a sementeira é un factor clave na productividade do cultivo. O 50% do rendemento final obtido está relacionado con como naza a planta, polo que o proceso de labrado condiciona claramente o resultado final da colleita. Así pois, se a metade do resultado final depende da sementeira, para que a produción sexa homoxénea, o nacemento da planta tamén ha de ser homoxéneo. Iso está relacionado con que teña lugar unha emerxencia rápida e uniforme en toda a parcela. Ensaios da Universidade americana de Wisconsin demostraron que un retraso no nacemento de 10 días da plántula equivale a un retraso de dúas follas na súa fase de crecemento inicial, o que condiciona que esa planta poida acabar tendo mazorca ou non. O feito de traballar mediante a subcontrata das tarefas de sementado, ben a través dunha cooperativa, unha empresa de servizos ou unha CUMA, o que permite aforrar en maquinaria propia ás explotacións, condiciona sen embargo moitas veces non poder escoller o momento óptimo para labrar, ao concentrarse a demanda en poucos días obrigando a que as campañas de sementeira se alonguen ou comecen antes de tempo. Moitas veces tamén limita a escolla da data de sementeira do millo a recollida previa da herba para ensilado nas fincas nas que se fai dobre cultivo, pois mentres non remata a campaña da herba non se pode abonar e preparar as terras para o millo. Tanto a sementeira como a colleita e o ensilado do millo representan tamén o maior investimento que realizan ano tras ano as explotacións de gando vacún de leite. Acadar o maior rendemento posible por hectárea cultivada supón optimizar os investimentos e mellorar o seu nivel de eficiencia. Facer as cousas ben e non cometer erros non reduce os gastos (os custos en abonos, semente e fitosanitarios son os mesmos, igual que os de sementeira e recollida), pero se se obtén unha maior cantidade e calidade de materia seca os gastos feitos vólvense máis rendibles ao quedaren máis diluidos e a marxe de beneficio no leite producido aumenta.
O millo é o principal cultivo forraxeiro que realizan as explotacións leiteiras galegas, que concentran o 60% da superficie adicada a este cultivo en todo o Estado
O millo cultívase en Galicia desde fai máis de 5 séculos e hoxe é o principal cultivo forraxeiro que realizan as explotacións leiteiras galegas, polo que se trata dun cultivo de grande importancia na nosa comunidade. De feito, Galicia concentra o 60% da superficie adicada a millo en todo o Estado e o 55% da produción. Estas son algunhas cuestións a ter en conta para non cometer erros á hora de labrar o millo, que analizamos coa axuda de dous enxeñeiros agrónomos: Juan Valladares, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e Albert Porte, asesor internacional, membro do Tribunal Internacional de Apelación de Pau para temas agrícolas e ex enxeñeiro Instituto ARVALIS e da Asociación Xeral de Produtores de Millo de Francia. 1.- Non facer as cousas ás présas ou por rutina Albert Porte Laborde é un dos maiores expertos europeos no cultivo do millo. Pero este enxeñeiro agrónomo francés, natural da rexión de Bearn, no sur do país, onde sementa nas súas fincas 60 hectáreas de millo en solos que son semellantes aos de Galicia, prefire definirse como un "namorado" desta planta máis que como un especialista. Nos últimos anos estivo varias veces en Galicia, onde participou en distintas xornadas técnicas, organizadas por Delagro, Seragro e o Concello de Curtis.
Facer as cousas rápidas e sen reflexionar é perigoso porque os erros non se poden correxir
Di que "facer as cousas rápidas sen reflexionar é perigoso" e fala de "calidade da sementeira" como factor determinante á hora de acadar bos rendementos de colleita. O obxectivo é simple, di: "trátase de lograr nacementos homoxéneos e regulares, non pode existir o éxito no cultivo do millo sen homoxeneidade". A distribución e a altura das plantas teñen que ser iguais porque "tamén no millo o problema é sempre o veciño", bromea, xa que "se a planta do lado ten unha folla máis esa outra planta máis retrasada sempre terá que soportar esa competencia até o final".
O labor do agricultor é organizar a competencia entre plantas para que todas sexan iguais
O labor do agricultor é "organizar a competencia entre plantas para que todas sexan iguais". Por iso, asegura, "cando o tractor sae da finca ao acabar de labrar o rendemento está feito, ben ou mal feito pero está feito. Xa non se poden engadir toneladas, a partir dese momento pódense preservar as toneladas que labramos na colleita final, pero engadir máis non. Os erros non se poden correxir, nin unha planta mal escollida, unha densidade mal adaptada, unha protección contra os insectos mal feita, un abono que non foi ben calculado, etcétera; todo iso non se pode correxir", indica Tamén aposta por evitar erros Juan Valladares e aínda que asegura que "sempre hai recomendacións que se poden dar para mellorar", como as que periodicamente fai o CIAM antes do inicio da campaña de cada ano, "en xeral o agro galego cada vez vai coñecendo máis a cultura do millo e se de algo sabe o gandeiro galego é de xenética de vacas e de cultivo de millo", afirma. 2.- Analítica do chan O éxito da plantación comeza antes de que a sementadora entre na parcela. "O primeiro é coñecer a terra que tes. Hai que facer unha analítica de terra polo menos cada 4 anos porque cambian as características. Logo, con esa analítica na man, xa podes definir o tipo de encalado e o tipo de fertilización en función do que precisa o millo", recomenda Juan. Unha das cousas a vixiar é o PH do chan. "O PH é o indicador máis antigo da fertilidade do solo, cun PH baixo a dispoñibilidade de abono non é boa, así que se se sobe o PH do chan pódese diminuir a cantidade de abono para igual resultado e aforrar. Cun PH entre 5 e 5,5 só se aproveita entre o 50 e o 75% do nitróxeno existente e só a metade do fósforo dispoñible pero subindo só un punto ou punto e medio o PH a utilización pasa a ser do 90 e 95%. A principal vantaxe do PH é esa, que lle dá á planta dispoñibilidade aos elementos existentes no solo", indica, pola súa banda, Albert.
O millo tolera PH entre 4 e 8 pero o ideal estaría entre 5,5 e 6,5
"Os chans en Galicia son entre ácidos e moi ácidos e iso significa que hai que encalar para aumentar o rendemento", di. Pero o PH hai que medilo xusto antes de botar o millo, advirte, porque "varía ao longo do ano e se o medimos en febreiro e nos dá 5 cando realmente vaiamos botar o millo no mes de maio teremos un punto menos e estaremos en 4. Hai que medilo en varios puntos da parcela e facer unha media porque as análises de PH non é como facer unha análise de sangue, que é toda igual no corpo, o PH non é o mesmo en toda a parcela", asegura. 3.- Escolla da variedade axeitada Á hora de botar o millo, o primeiro factor que determina o resultado final é a escolla dun híbrido adaptado ás condicións da finca. "Non se trata de escoller o máis produtivo, senón o que vale para esa terra ou o que se pode facer nesa zona", afirma Albert. Tamén Juan recomenda "elexir a variedade e os ciclos do millo en función do lugar onde estamos". A variedade debe ser a idónea para a capacidade hídrica do chan e para as condicións climatolóxicas da área xeográfica na que se atope a parcela e debe escollerse en función de factores como a temperatura e cantidade de precipitacións habituais ou de se dispoñemos ou non de rego.
O CIAM publica todos os anos unha actualización do valor agronómico das variedades comerciais máis empregadas en Galicia, o que axuda a elexir o híbrido máis adecuado a cada zona
Para facer a escolla Juan pide non fiarse só dos ciclos FAO e mirar o díptico que todos os anos saca o CIAM (vén de publicar o correspondente a este ano 2020) co valor agronómico actualizado das variedades de millo forraxeiro en Galicia, unha análise comparativa anual que se realiza desde o ano 1999 co obxectivo de avaliar o rendemento e calidade das variedades comerciais máis utilizadas polos gandeiros galegos. "Os ciclos FAO están moi ben pero adaptados á nosa zona, porque non é o mesmo os ciclos FAO en Lleida que aquí", afirma, polo que considera máis axeitado analizar o indice de produtividade (IP) en función dos días que faltan até a data de ensilado prevista. "O mellor millo é o que florece máis rápido, canto antes floreza mellor. En cada zona hai que aplicar as estratexias e escoller as mellores variedades para lograr que unha vez sementado o millo floreza o antes posible porque é a maneira de acadar sempre os mellores rendementos", asegura Albert, que di que "cando o millo nace mal o agricultor ou o gandeiro sempre lle bota a culpa á semente, dicindo que a semente era mala, pero ela non ten a culpa. As sementes de millo que se comercializan xerminan por enriba do 90% porque así o marca a lei, pero aínda que varía anualmente sempre é maior a esa cifra e o nivel de xerminación do ano pasado foi do 97%, polo que como moito pode perderse un 3% da densidade sementada pola calidade da semente, pero non máis", afirma. 4.- Condicións óptimas de temperatura Efectos do frío o ano pasado na colleita de millo na Mariña O proceso de nacemento do millo pasa por varias fases: o grao hincha coa humidade, sae a radícula, o xerme punza e racha a pel do grao, o millo xermina e ao chegar á superficie sae a primeira folla. Nese proceso a humidade do chan e a temperatura son factores determinantes, por iso hai que facer unha boa escolla do momento en que se debe facer a sementeira. Cando se bota, a semente en contacto co solo absorbe auga. Esta hidratación, que é máis rápida canto maior é a temperatura do chan en contacto co grao de millo, sendo a óptima entre os 8 e os 10ºC, é a que permite que naza a planta. É por iso que esta fase de absorción activa de auga, que dá lugar á actividade metabólica e a elongación da radícula, depende en grande medida das condicións de temperatura e osixenación do chan, polo que son as condicións agronómicas e climáticas e non o calendario os que deben guiar a escolla do momento no que realizar a sementeira.
En Galicia hai que comezar a sementar o millo cando a temperatura do chan que está en contacto co grao é de 10ºC, non antes
"A integral térmica do millo mídese a partir dos 8 grados, pero en Galicia cando mellores resultados se obteñen e cando a temperatura media está por riba dos 10 grados de maneira sostida, non serve que sexa un día só e logo baixe. A partir dese momento é cando hai que comezar a sementar o millo, non antes. Os 10º son medidos no chan, o que equivale máis ou menos a un par de grados máis no ambiente", explica Juan. Numerosas aplicacións de información meteorolóxica, como Meteogalicia, permiten saber cal é a temperatura media diaria aínda que a fórmula para calculala é tamén doada: temperatura máxima do día + temperatura mínima e o resultado dividido entre dous.
O millo é sensible ao frío, pois durante a xerminación, por debaixo de 5ºC paralízase o crecimento do millo e morre por encharcamento
O millo é sensible ao frío en tres etapas do seu desenvolvemento: no nacemento, pois temperaturas inferiores a 5ºC poden provocar a morte da plántula durante a xerminación; cando ten entre 3 e 7 follas, pois neste estadio de crecemento cando a temperatura baixa de 15ºC mingua o medre da planta e diminúe a absorción de fósforo por parte das raíces, percibíndose unha cor violeta na planta; e durante a transición floral, cando conta con entre 8 e 10 follas, aproximadamente mes e medio despois de ser labrado o millo. 5.- Preparación da terra: que estea aireada e uniforme Ademais da climatoloxía, outro dos factores esenciais para lograr un nacemento axeitado e homoxéneo do millo é unha boa preparación previa do terreo, que debe estar ben aireado para que a xerminación non se vexa obstaculizada e favorecer deste xeito o enraizamento do cultivo. "A preparación do terreo debe facerse en función do cultivo anterior. Se ven dun cultivo de inverno, a poder ser que teña leguminosas porque enriquece o terreo, hai que laborear a 20-25 centímetros de profundidade mediante volteo", explica Juan. Non se recomenda facer un laboreo máis profundo porque estariamos empobrecendo a terra ao traer á superficie terra con menor cantidade de materia orgánica.
Hai que traballar ben a terra para desfacer as raíces do raigrás porque os terróns na superficie de máis de 5 centímetros actúan de obstáculo para o nacemento da planta
Pero que o arado non sexa moi profundo non quere dicir que a terra non teña que estar ben traballada, xa que o chan debe estar ben removido e triturado para que as raíces do cultivo previo (por exemplo de raigrás, o máis frecuente en Galicia) non entorpezan a expansión das raíces do millo. Ás veces hai pouco tempo para facer este laboreo porque se apura o último corte de herba para ensilar e hai pouco tempo a preparar as terras e ese é un erro habitual que mingua o rendemento das colleitas de millo nas parcelas.
Ás veces é mellor agardar un día máis para preparar a terra porque o traballo é o mesmo e o rendemento final moi diferente. Ese é un erro que vale diñeiro. A preparación da parcela debe facerse con tractores non moi pesados e cando a terra non estea moi mollada para evitar a compactación, que diminúe o rendemento da colleita entre un 10 e un 15%
"Hai que vixiar ben a preparación do chan para que a terra estea en óptimas condicións para recibir ese grao que lle imos aportar. O millo debe nacer nunha terra sen pisar e a calidade do traballo de labranza inflúe no resultado obtido. Nunha hectárea o millo vai crear até a floración entre 8.000 e 10.000 quilómetros de raíces e co manexo que fagamos do chan podemos axudarlle nese proceso ou dificultarllo. Cada vez que unha roda pasa sobre a terra pisa o chan e se pisa, compacta. A partir das 5 follas veñen as raíces definitivas e onde está o chan pisado entran con moita máis dificultade, o que provoca un rendemento de entre un 10 e un 15% menos onde o chan está pisado", asegura Albert, polo que recomenda facer a preparación da terra con tractores non moi pesados e cando a terra non estea moi mollada. "Ás veces é mellor agardar un día máis para preparar a terra porque o traballo é o mesmo e o rendemento final moi diferente. Ese é un erro que vale diñeiro", di. O traballo da terra debe ter en conta as condicións específicas do chan que se vai cultivar, sabendo que os solos limosos son máis pesados e reteñen máis auga, polo que tamén son máis proclives á compactación e á aparición de terróns. 6.- A profundidade á que se bota: que garanta humidade O millo seméntase habitualmente a unha profundidade de entre 4 e 5 centímetros. Unha sementeira máis superficial provoca maiores ataques por parte dos paxaros e mesmo dos xabaríns e tamén un menor desenvolvemento das raíces nodais da planta, o que favorece posteriormente un maior risco de encamado. Ademais, a menos de 2 centímetros de profundidade as plantas novas son máis vulnerables aos tratamentos fitosanitarios (herbicidas) e a factores de estrés climático (calor extremo e seca hídrica). Pola contra, se a sementeira se fixo profunda de máis o grao de millo precisará de maior enerxía para emerxer e alcanzar a superficie, algo que lle levará tamén máis tempo. Juan propón decidir a profundidade da sementeira en función da parcela e tamén en función de como veña o tempo. "Pode sementarse entre 3 e 5 centímetros se se esperan chuvias nos días seguintes e ir até 6-7 se vai haber tempo seco". Tamén recomenda "pasar un rulo se se vai a profundidades maiores de 5 centímetros e temos o terreo seco porque así favorecemos a capilaridade do terreo", explica.
Se se prevén chuvias nos días seguintes pode sementarse a partir de 3 centímetros, se hai seca e se vai a profundidades superiores a 5 centímetros é convinte pasar un rulo para facilitar a capilaridade do terreo
Albert máis que falar dunha altura concreta, prefire dicir que debe ser aquela que fai que o grao estea en contacto coa terra húmida ("iso é o principal",di), o cal significa tamén, ao seu xuízo, que a profundidade de sementeira debe ser un factor variable dependendo do tipo de chan ou da climatoloxía prevista. 7.- A velocidade de sementeira debe ser lenta Para garantir que a profundidade de labrado sexa regular, é imprescindible que a terra estea uniforme e ben traballada e que a maquinaria que fai a sementeira non teña defectos ou fallos de mantemento. Tamén é necesario labrar lentamente, a unha velocidade axeitada. "A velocidade de sementeira non pode ser moi alta para que toda a semente quede á mesma altura e á mesma distancia. Hoxe hai máquinas que fan agricultura de precisión a máis de 10 km/hora pero tal como se traballa en Galicia, en agricultura tradicional e laboreo convencional, a máis de 7-8 quilómetros por hora non deberiamos ir", afirma Juan. "A velocidade da sementeira é o máis complicado de facer entender ao agricultor e de conciencialo. Porque o tempo vale cartos e pensa que o resultado é o mesmo pero non é certo. Cando a sementadora abandona a parcela o traballo está feito, pero pode estar mal feito. O argumento de venda da maquinaria moderna moitas veces é que se pode sementar a 10, 11 ou 12 quilómetros por hora. Si, tamén se pode sementar a 30 quilómetros por hora se queres pero facendo un mal traballo. Un bo traballo coa mellor das máquinas sementadoras e nun chan perfecto dáse a 10 quilómetros por hora como moito", di Albert.
A diferenza entre ir a unha velocidade curta ou non vese despois no nacemento homoxéneo nas ringleiras, con difrenzas no rendemento final das parcelas de até 2 toneladas de materia seca por hectárea
A maioría das explotacións galegas fan a sementeira a través de empresas de servizos que acumulan unha importante carga de traballo en pouco tempo, polo que é necesario apurar os traballos para poder atender, co menor número de máquinas e empregados, ao maior número de clientes. Tamén o gandeiro que contrata paga por tempo. "Pero o que sementa normalmente non mira despois o resultado, a quen lle importa é ao gandeiro", razoa. "Se de cinco graos consecutivos hai tres con máis dun 30% de diferenza na altura de sementeira iso quere dicir que a sementeira foi mal feita", opina. "Todas as sementadoras son boas, pero unha sementadora que semente ben moi rápido non existe", di. O rendemento final baixa cando se aumenta a velocidade de sementeira, asegura. "Coas sementadoras modernas hai un 9,7% menos de rendemento en toneladas recollidas cando se incrementa a velocidade de sementeira de 8 a 12 quilómetros por hora, o que traducido en silo quere dicir que facemos 5,6 toneladas menos con un 2,2% máis de materia seca indo un pouco máis despacio", destaca. 8.- Densidade de grao variable A relación existente entre unha semente=unha planta=unha mazorca fai que a densidade de pés de millo marque tamén o rendemento da parcela. A finalidade da colleita determina o número de graos que se botan, co cultivo máis mesto cando o seu destino final é o ensilado e coas plantas máis espaciadas cando se colleita para grao. A densidade vén determinada tamén pola variedade labrada e polo potencial que teña a parcela para a retención da auga ou dos nutrintes dispoñibles. Juan recomenda labrar cunha densidade de entre 90.000 e 100.000 pés por hectárea se se vai a ciclos longos sementados a principios de maio, porque "son plantas máis grandes e precisan máis espazo", di, e aumentar a 100.000-110.000 plantas por hectárea en caso de ir a ciclos máis curtos.
Para ensilado empréganse densidades maiores que para colleitar en grao aínda que o número final de plantas por hectárea depende da variedade escollida, o potencial da parcela e as perdas que se produzan
A densidade debe adaptarse en función de factores propios da variedade que escollamos pero tamén en función das condicións propias de cada parcela ou da época de sementeira. "A densidade variará en función do híbrido que botemos pero tamén da terra na que o botemos, a densidade hai que escollela en función do potencial da parcela e nas parcelas que dan rendementos altos pódese botar un pouco máis de grao", di Albert. "Se se rega o rendemento tamén é máis alto, polo tanto, sempre máis plantas. Hai que xogar coa densidade en función do produtiva que sexa a finca e só debe haber unha mazorca por pé, polo que se vemos plantas con dúas mazorcas hai que aumentar a densidade ao ano seguinte até que haxa só unha mazorca por planta, iso é o ideal", engade. Por iso, di, a densidade que hai que mirar non é a densidade de sementeira, senón a densidade final da mazorcas que deu a finca. "A densidade de sementeira debe escollerse en función da densidade de mazorcas que queremos obter", indica.
Se se labra cedo sempre hai máis rosquilla e máis perdas por baixas temperaturas, polo que hai que botar un pouco máis de grao para contrarrestar iso
Do número de graos labrados ao número final de plantas colleitadas estímase unha perda de entre o 5 e o 8% entre sementes non xerminadas, pragas, etc. O nivel das perdas varía en función das parcelas e increméntase nas sementeiras temperás, polas baixas temperaturas ou por unha maior exposición aos ataques das pragas. "Se se labra cedo hai que incrementar a densidade de grao, porque sempre hai máis rosquiña e máis insectos, polo que hai que sementar un pouco máis para contrarrestar esas perdas", argumenta. 9.- Abonado: o necesario para o crecemento pero sen botar de máis O purín aporta nutrintes e permite aforrar mineral "O millo é a única planta que se pode labrar ano tras ano nas mesmas parcelas con bos rendementos, sen que estes descendan polo feito de labrar nos mesmos lugares", afirma Albert. Pero iso pasa por "alimentar" axeitadamente ás plantas. "Hai dúas alimentacións, unha vai na fertilización, nos nutrintes do chan e os abonos que engadimos, e a outra na auga. As dúas funcionan en conxunto, pero é necesario facer ben os cálculos de encalado e abonado para botar unicamente a candidade de nutrintes que é capaz de consumir a planta para evitar o lavado de nitróxeno, que é algo que prexudica o medio ambiente pero que tamén prexudica o peto do agricultor", di. Tamén Juan insiste en que "é bo que o gandeiro saiba que elementos nutritivos ten que aportar e en que momento e iso dillo o analise de terra", asegura. Destaca que a práctica máis habitual en Galicia, a de fertilizar mediante abono orgánico esparexendo esterco ou purín de vaca ou de porcino nas parcelas antes do seu laboreo é algo "moi interesante" e que permite aforrar cartos. Este técnico do CIAM remite ás recomendacións que Mabegondo fai na súa páxina web sobre como aplicar estes abonos en función da súa riqueza. "Só medindo a densidade do noso purín xa podemos saber a calidade que ten e a cantidade que necesitamos aportar e se non nos chega podemos suplementar con mineral", explica.
A planta precisa de fósforo na súa fase inicial, nitróxeno e potasio para o seu crecemento e a carencia de manganeso provoca falta de grao na mazorca
"Con purín ou esterco o fósforo e o potasio non son un problema, pero hai que ter coidado cos aportes de nitróxeno para non provocar queimaduras na planta, o que mingua o rendemento", argumenta Albert. Ao seu xuízo, "o máis complicado é a fertilización en fósforo, que é vital para o millo ao principio, ao comezo da crescencia. O millo come o fósforo por difusión, é dicir, as raíces aprovéitano se está a un milímetro da raíz, senón non o absorve, por iso eu recomendo sempre usar abono starter localizado, porque os grandes rendementos lógranse sempre con aportes de fósforo localizado ao pé do grao de millo, subministrado mediante microgranulado no momento da sementeira. É máis importante iso que o tipo de abono, con pequenas diferencias todos son bos e nos chans de Galicia ademais hai moito ácido fosfórico, polo que o fósforo é pouco problemático e só hai que facer un pequeno aporte ao principio. Hai anos nos que se o solo é rico e veñen condicións climáticas axeitadas de sol e auga o abono stárter non é necesario, pero é unha garantía para anos nos que estas condicións non son as óptimas", explica. "Os fertilizantes químicos é unha das cousas que máis se está traballando agora. Antes empregábase o abonado de fondo e o de coberteira, pero agora xa hai abonos de liberación lenta, que permiten meter todos os compoñentes na terra e que se vaian liberando lentamente", describe pola súa banda Juan. O millo precisa o nitróxeno, o fósforo, o zinc, o magnesio, o manganeso ou o potasio en cantidades distintas en función da fase de crecemento no que se atope. O potasio, por exemplo, só é necesario durante o crecemento da planta, polo que a partir da floración non é preciso. 10.- Insecticidas e herbicidas: con moderación e no momento xusto Verme do arame na raíz dunha planta de millo Xunto ao abono starter, Albert recomenta usar tamén no momento de sementar un insecticida contra pragas coma a do verme do arame. Hai abonos microgranulados que xa inclúen este plaguicida. Outros tratamentos, como o da rosquilla, habería que aplicalos cando apareza a praga. Tamén os herbicidas deben ser aplicados no momento xusto e nas doses axeitadas. "Cando as fincas están paradas no inverno moitas veces non queda máis remedio que empregar un herbicida de presembra. Nese caso hai que mover ben a terra despois para que se distribúa polo terreo. No caso dos tratamentos de preemerxencia, que se aplican despois de sementar, se fai sol e calor esa capa protectora que impide que saia a herba viase deteriorando pola luz, polo que se chove un pouco funciona mellor porque esa auga fixa o herbicida no chan, entra uns 2 centímetros no terreo e aguanta máis tempo", explica Juan.
O herbicida de preemerxencia é bo botalo cando hai barruzo para que se fixe na terra e dure máis mentres o insecticida debe aplicarse sen chover e á tardiña para evitar que se evapore co sol
Os distintos produtos usados para os tratamentos inclúen moitas veces advertencias de toxicidade a respecto de doses ou fases de aplicación en función do desenvolvemento que teña a planta de millo. "A primeira folla do millo ten o cabo redondo e é a única folla do millo con esa forma, a partir de aí son todas puntiagudas. Esa folla redonda tamén a hai que sumar cando se contan as follas do millo para decidir cando aplicar os tratamentos fitosanitarios e moitas veces non se ve porque desaparece ou seca", advirte Albert. Para el esa primeira folla é moi importante, porque "é un indicativo do estado da planta". "Se esa primeira folla con forma redondeada chega verde á floración da planta significa que ese millo non pasou ningún episodio de estrés desde que naceu e durante todo o seu crecemento, porque senón estaría xa seca. Cando o 80 ou 90% das plantas dunha parcela teñen esa primeira folla verde quere dicir que a colleita vai achegarse ao rendemento máximo posible e que nesa parcela cando fagamos o silo teremos entre 55 e 60 toneladas de materia verde por hectárea e entre 14 e 16 toneladas de grao", asegura.

Vixiar máis a planta: cara a xestión integral do cultivo de millo en Galicia

Igual que acontece na gandaría coa aplicación de antibióticos con carácter preventivo previo á aparición de enfermidades no gando, na agricultura tamén se camiña cara a limitación dos tratamentos fitosanitarios previos á aparición de pragas e malas herbas. "Hai que tender a facer unha xestión integral do cultivo do millo, estamos obrigados a avanzar niso desde o 2015 por unha normativa europea. A Xunta está decidida a que se aplique en Galicia e aínda que non se vai incorporar de xeito inminente, si que é bo que os que botan millo o vaian coñecendo de cara a aplicalo nas vindeiras campañas", explica Juan. A xestión integral de cultivos implica ter que vixiar moito máis a planta e estar moito máis atento á aparición de enfermidades e pragas para poder tratalas co produto específico. "O gandeiro vai ter que converterse en agricultor", describe. "O que se pretende é que os insumos de fitosanitarios se reduzan e se xestionen moi ben. Hai que usar os herbicidas con cabeza e para iso hai que coñecer as malas herbas que tes no campo e hai que identificalas cando son moi pequeniñas. Até agora empregáronse moito os herbicidas de preemerxencia pero iso vai ser o pasado. O futuro pasa por vixiar o campo, coñecer a mala herba en estado de plántula e escoller o herbicida adecuado e aplicalo contra ela", argumenta. Do mesmo xeito, tamén avanza que esa futura xestión integrada implica que non se deben aplicar os insecticidas cando se sementa, senón tamén botalo cando aparece a praga. "Iso obriga a estar moi enriba dos cultivos e moito máis pendente deles porque hai pragas que avanzan moi rápido, por exemplo o verme gris, que aparece un día e ao día seguinte xa tes unha infectación moi grande. No caso do verme do arame non sería posible tratalo deste xeito polo que se prevemos que nesa parcela imos ter verme do arame hai que tratar antes porque unha vez que aparece é complicado", indica. Información nas cores das follas Millo con carencia de fósforo Tamén Albert é partidario de que os agricultores e gandeiros coñezan tanto a planta do millo como as enfermidades que lle afectan para así entender mellor o seu cultivo e sacarlle un maior rendemento. "A mazorca, por exemplo, fórmase á metade das follas totais da planta, polo que un millo de ciclo curto 300 que ten en total 15 ou 16 follas comezará a formar a base da mazorca cando teña 7 ou 8 follas. A partir dese momento, é dicir, cando o millo está no proceso de formación da mazorca, é un momento delicado no que hai que vixiar o millo porque é sensible aos distintos factores meteorolóxicos (frío, calor, falta de auga). A xente non sabe iso, igual que se esquece de que o millo é unha planta tropical e de que no trópico hai 12 horas de luz solar. Por iso se 8 días antes da floración, que é cando o millo comeza a engordar a mazorca, veñen 2 ou 3 días sen sol iso será un factor prexudicial para moitos tipos de millo. Igual que se falta auga cando ten 12 follas e está formando a mazorca, porque fará menos fillas e menos graos por fila, polo que haberá unha perda de rendemento asegurado", exemplifica.
A cor amarela denota falta de nitróxeno ou de potasio, o violeta carencia de fósforo, se a planta se pon branca falta zinc e cando as follas teñen raias é un problema de necesidade de magnesio ou manganeso
A cor do millo tamén aporta información, asegura. "O millo é verde e cando cambia de cor estanos dando unha información sobre o seu estado e a súa saúde: cando ten falta de nitróxeno, por exemplo por competencia con malas herbas, a folla vólvese amarela e seca en forma de V co vértice no punto onde a folla se une co tallo; á inversa cando ten falta de potasio, no que ese V (que nalgúns híbridos en vez de amarelo vólvese vermello) ten a punta cara a punta da folla. Cando falta fósforo a folla vólvese violeta; con falta de zinc a planta ponse branca; a carencia de magnesio e manganeso móstrase en forma de raias con puntos nas follas pero cando se trata de magnesio as follas máis baixas da planta son sempre máis débiles e secan, mentres cando a carencia é de manganeso (que provoca falta de grao na mazorca) as follas da base da planta pola contra están verdes. Estas carencias son sempre problemáticas cando se dan antes da floración, despois teñen menor importancia por atoparse o millo xa na súa última fase de desenvolvemento. É como cando unha persoa ten algún achaque na última parte da súa vida", compara.

Belchim: Solucións para controlar as malas herbas en millo en cada estadio

Belchim pon a disposición do agricultor a solución definitiva para combater as malas herbas no cultivo do millo, que a continuación vos describimos:

Elite Plus 60D:

Elite Plus 6OD é un herbicida a base de Nicosulfuron 6% específico par millo e que se emprega en dose de 0,5-0,75l/ha. A súa acción sistémica caracterízase pola súa elevada eficacia, selectividade no cultivo e altos niveis de calidade que garante, ademais da efectividade non condicionada por factores externos, unha rápida absorción nas malas herbas, resistencia á lixiviación e unha estabilidade prolongada da formulación ao longo do tempo. Aplícase contra malas herbas anuais gramíneas e dicotiledóneas en post-emerxencia.

Maior resistencia ao lavado

De 2 a 3 horas despois do tratamento, o Elite® Plus 6OD absorbeuse o suficiente como para ter unha elevada eficacia. Esta resistencia ao lavado é unha vantaxe innegable para tratamentos efectuados cando a climatoloxía é incerta.

Eficacia recoñecida e mellorada:

Elite Plus 6OD está recoñecido pola súa acción contra as gramíneas. A tecnoloxía 60D fortalece esta acción e achega un importante complemento de eficacia en dicotiledóneas.

Onyx: Eficaz e respectuoso co medioambiente

Onyx: a base de Piridato 60%, dose até 1,5l/ha. Representa o herbicida total en folla ancha e o compañeiro definitivo para a mestura máis efectiva con herbicidas radiculares (post-temperá) ou triquetonas (post-tardía)

Herbicida de contacto, con acción inhibidora da fotosíntese o seu ingrediente activo, Piridato, é unha molécula catalogada como de baixo risco, a súa toxicidade entre moderada e baixa para todo tipo de organismo faino especialmente respectuoso coa contorna. Non é persistente no solo nin é sensible á escorrentía.

Alta eficacia comprobada:

Vantaxes:

-Rapidez de acción

-Excelente sinerxía coas triketonas

-Aumenta a eficacia global dos tratamentos

-Baixa toxicidade en mamíferos, paxaros e organismos do chan, baixa a moderada toxicidade en organismos acuáticos

-Non carcinoxénico, teratoxénico ou mutaxénico

-Non persistente no solo

-Non é sensible á lixiviación, nin á escorrentía

Temsa:

Temsa: a base de Mesotriona 10%, dose de 0,75-1,5l/ha. Herbicida da familia das triquetonas para o control en post-emerxencia de malas herbas dicotiledóneas e gramíneas en millo.

De contacto, sistémico e rápida penetración. As malas herbas absorben o produto vía foliar e traslócase pola planta, manifestándose o seu efecto aos 3-5 días da aplicación como branqueo e necrose dos tecidos meristemáticos.

Herbicida da familia das triquetonas, de post-emerxencia para o control de dicotiledóneas e gramíneas en millo

O momento recomendado para a aplicación é desde o estadío de 2 follas despregadas até 9 ou máis follas despregadas (BBCH 12-19). A dose a empregar é de dentre 0,75 e 1,5 litros por hectárea, cun volume de caldo de entre 200 e 400 litros.

Onde comprar os herbicidas de BELCHIM para millo?

-O noso distribuidor para as provincias de Lugo e A Coruña é ZOONORT . Están na rúa Xoan Montes, 35, 27270 Mosteiro, Lugo, España. Tamén podes contactar con eles a través do teléfono 982 34 59 01

-Para a provincia de Ourense o distribuidor de BELCHIM é FITÓAGRARIA. Rúa Dous de Maio, 57, 32630 Xinzo de Limia. Teléfono 988 46 25 60  Email: info@fitoagraria.com Máis información en http://www.fitoagraria.com/ 

Herbicidas en millo: claves para a súa aplicación e efectividade

Estamos no inicio da campaña de sementeira do millo. Como debe ser a preparación do terreo para axudar a un mellor control das malas herbas?
No caso de laboreo tradicional debemos procurar enterrar os restos de cultivo anterior co obxectivo de evitar rebrotes de pradaría e desenvolvemento de adventicias. Neste caso realizaremos un labor primario de arado de vertedeira ou grade de discos.

Uns días previos a sementeira e realizada a aplicación de fertilizante, faremos un labor de preparación da cama de sementeira. Neste caso podemos utilizar fresadoras, grades rotativas ou grades rápidas, sendo condición necesaria que vaian acompañadas dun rodete parker ou similar con obxecto de que o terreo quede nivelado e lixeiramente compactado.

No caso de sementeira directa unicamente realizaremos un control químico das adventicias presentes no momento de sementar.

Que herbicidas son máis eficaces: os de preemerxencia ou os de postemerxencia?
Ambos os tratamentos son eficaces se son utilizados correctamente e no seu momento óptimo. Antes de decidirnos por un método ou outro debemos coñecer as malas herbas predominantes en cada parcela e en función da especie determinaremos en que momento do cultivo debemos aplicar o herbicida.

Á hora de aplicar un herbicida atopámonos con tres opcións: preemerxencia, postemerxencia precoz e postemerxencia.

No caso da preemerxencia os herbicidas deben aplicarse xusto despois da sementeira. Con este método buscamos un control de malas herbas desde o primeiro momento e unha acción residual durante o ciclo do cultivo.

Postemerxencia: co cultivo xa establecido, este método conta coa vantaxe de que unha vez que vimos o tipo de mala herba e a zona poder actuar e seleccionar o herbicida en concreto para o seu control. Debemos prestar atención tanto ao desenvolvemento do cultivo como o da adventicia para o seu control e momento de aplicación.

Postemerxencia precoz: neste caso aplicaremos o herbicida nos primeiros estadíos do cultivo, cando as malas herbas empezan a emerxer. Utilizaremos herbicidas de preemerxencia que conten con protectores de cultivo e ás veces en combinación con herbicidas de post para reforzar o control de malas herbas resistentes.

Cal sería o momento óptimo e as recomendacións xerais para aplicar un herbicida de preemerxencia en millo?
No caso da preemerxencia atopámonos dous momentos de aplicación:

-Antes da sementeira: incorporamos o herbicida no terreo mediante incorporación mecánica cun labor moi lixeiro (10 cm). Recorremos a este método cando non se prevean choivas posteriores á sementeira.

-Despois de sementar: aplicamos o herbicida sobre o terreo sementado a condición de que teñamos unha previsón de choiva superior a 10 L/m2 nos días sucesivos á aplicación.

E no caso dos de post emerxencia?
Principalmente debemos ter en conta o desenvolvemento vexetativo da mala herba para a elección do herbicida e a compatibilidade de materias activas a mesturar na cuba no caso de que teñamos que utilizar herbicidas de folla ancha e folla estreita.

No caso de mestura en tanque de distintas materias activas debemos prestar atención á súa posible combinación debido a que existen antagonismos entre sustancias que reducen a súa eficacia unha vez mesturadas.

Con todo, nos últimos anos estamos a asistir á aparición de resistencias, en especies como a xuncia. Que aconsellades para reducir este risco?
Realmente non consideramos a aparición de resistencias en especies como a xuncia. Atopámonos ante unha adventicia de difícil control debido a súa nascencia graduada e o seu gran desenvolvemento vexetativo.

Ante esta situación naquelas leiras con presión de xuncia debemos recorrer a herbicidas de preemerxencia e postemerxencia precoz como son Lumax e Camix. Estes herbicidas contan na súa composición con dúas materias activas ( S-metolacloro e Mesotriona) e a súa combinación permiten realizar desde o inicio unha elevada acción de contención, a fin de permitir un control máis eficiente en postemerxencia naquelas leiras de alta presión de xuncia.

Tamén seguen orbservándose problemas de fitotoxicidade no millo debido á aplicación de herbicidas. Que aspectos deberiamos ter en conta para evitar este problema?
Principalmente cando nos atopamos ante esta situación o motivo é debido a un exceso de dose ou aplicación do herbicida, fóra do rango de desenvolvemento do cultivo recomendado.

Outras situacións que nos podemos atopar é que o herbicida non conte na súa composición cun protector de cultivo ou que a mestura de diferentes produtos leve a un antagonismo de materias activas.

En xeral, e dada vosa ampla experiencia, ¿Cales son os erros máis comúns que detectades na aplicación de herbicidas en cultivo de millo?
Un piar importante no control das malas herbas é a aplicación. Debemos ter en conta en que momento imos aplicar o produto (pre ou postmerxencia) e en función diso adaptar os volumes de caldo, tamaño de pingueira, boquillas e zonas de solape do herbicida.

Hoxe en día os produtos son totalmente seguros e detrás de cada un existe un esforzo de I+D e un plan de ensaios por zonas para adaptar o produto á súa dose e momento de aplicación para o control das malas herbas obxectivo.

Que vantaxes destacariades dos dous principais herbicidas de millo cos que conta Syngenta: Lumax e Elumis?
Lumax é un herbicida selectivo de millo resultante da combinación de tres materias activas (S-Metalocloro, Mesotriona e Terbutilazina). Destacariamos as seguintes vantaxes:

-Amplo espectro de control: controla practicamente todas as malas herbas do cultivo, tanto gramíneas como folla ancha.

-Flexibilidade na aplicación: conta na súa composición cun protector de cultivo evitando danos por fitotoxicidade nos primeiros estadíos do millo.

-Efecto residual: ten eficacia sobre malas herbas emerxidas e as que quedan por emerxer, así como un efecto residual prolongado durante o cultivo. A humidade despois da aplicación é clave para un exitoso control das malas herbas

-Formulación líquida e sen necesidade de mesturas.

-Facilidade/compatibilidade para a mestura con outros herbicidas.

Elumis é unha solución completa a base de Nicosulfuron e Mesotrina dando un amplo control de malas herbas en postmerxencia tanto de folla ancha como estreita.

Elumis conta na súa formulación coa tecnoloxía OD proporcionando unha solución líquida cunha aplicación segura e eficiente. Minimiza as perdas por deriva e perda de produto aumentando a capacidade de mollado.

Bayer presenta en Galicia o seu novo catálogo de fitosanitarios para a viña e de herbicidas para o millo

A multinacional Bayer celebrou este pasado mércores en Santiago de Compostela unha xornada de presentación do seu novo catálogo de produtos para a protección dos cultivos.

Unhas 40 persoas entre distribuidores e técnicos  asistiron a esta presentación, na que técnicos da multinacional alemá explicaron as importantes melloras que supón a nova gama de tratamentos fitosanitarios.

Novos produtos para unha viticultura máis sustentable

Así, para combater de forma eficaz, sustentable e con seguridade alimentaria dúas das principais patoloxías do viñedo en Galicia (oídio e botritys ) Bayer deu a coñecer os beneficios de a nova gama biolóxica de Bayer CropScience: Serenade ASO® e Sonata®.

En canto ao fungicida biolóxico Serenade ASO® ten como base a cepa de Bacillus subtilis QST713. Pódese aplicar tanto para uso foliar  como no solo noutros cultivos, para a protección das raíces e un mellor control de enfermidades bacterianas e fúnxicas como Botritis, Esclerotinia, Alternaria ou Oídio.

Sonata®, un funxicida biolóxico para o control do oídio que actúa como revitalizador e mellora o rendemento da planta. Sonata® demostrou unha gran compatibilidade cos cultivos rexistrados até o momento e con todos os axentes que son necesarios para unha produción integrada con cada vez menos solucións rexistradas, así como para a produción ecolóxica.

Solucións para as malas herbas en millo

Polo que respecta ao control eficaz das malas herbas en millo, presentouse a ampla gama de herbicidas dos que dispón Bayer, tanto de preemerxencia como de post-emerxencia, destacando Adengo, un herbicida de pre-emerxencia e post-emerxencia precoz (até un máximo de 3 follas despregadas do millo), que asocia dúas materias activas, isoxaflutol e tiencarbazona-metil, que lle confiren eficacia sobre malas herbas anuais, gramíneas e dicotiledóneas; mesmo difíciles de combater ou aquelas que presentan resistencia a herbicidas tradicionais

Consulta aquí a gama de herbicidas de Bayer