Archives

Capón Holstein SC, novas instalacións para seguir producindo leite en base á herba

Águeda e Miguel, xunto ao seu fillo Lucas, no novo establo de Capón Holstein SC Capón Holstein SC é unha gandería familiar de Chantada que está de estrea. Teñen novo establo co que buscan asegurar unhas óptimas condicións de produción para os próximos anos, nos que aspectos como o benestar animal ou o coidado do medio ambiente terán un peso determinante na viabilidade das granxas leiteiras. Co obxectivo de lograr maior calidade de vida para eles e maior confort para o seu gando, no mes de setembro meteron ás súas vacas nas novas instalacións, que acollen ás vacas en produción nunha ala e á recría na outra metade. Manuel Capón, a súa filla Águeda e o seu xenro Miguel están á fronte desta explotación ubicada no lugar de Andemil, pertencente á parroquia de Vilauxe, que malia aumentar ao número de cabezas segue apostando polo pastoreo e o silo de herba para alimentar ás súas vacas, malia teren feito xa algún cambio no sistema de manexo. Eles, no seu xeito de traballar, pero sobre todo as súas vacas, están aínda no proceso de afacerse ás novas instalacións. Terceira xeración de gandeiros A incorporación de Águeda fai tres anos marcou o punto de inflexión para esta gandería familiar e foi o detonante para decidiren construír o novo establo. “As únicas instalacións que tiñamos eran unha cornadiza de 30 puntos e unha sala de muxido en espiña de peixe de 6 puntos en liña única. Para poder quedarnos nós tiñamos que aumentar porque obviamente con 30 vacas non iamos poder vivir, e dispoñer tamén de condicións de traballo boas, así que había que modernizarse”, razoa.
O establo vello tiña 33 anos; tiñamos que modernizarnos e aumentar ao número de cabezas para poder quedarnos coas vacas
Ela representa xa a terceira xeración de gandeiros na casa. “Empezou o meu avó con vacas de carne. Despois, cando o meu pai se quixo quedar, pasáronse ao leite e trouxeron as vacas holstein”, conta. O seu home tamén procede de familia gandeira. Miguel é de Cantabria, pero xa leva 15 anos en Galicia. Boas calidades Neste momento están muxindo unhas 65 vacas, cunha media de produción que está por enriba dos 30 litros e niveis altos de graxa (4,26%) e proteína (3,40%). Co cambio para a nova cuadra notaron xa un incremento de produción nas primeirizas e agardan que se vaia trasladando tamén ás vacas adultas a medida que se vaian afacendo ás novas instalacións. “Non estaban afeitas aos cubículos e a moitas aínda lles custa deitarse neles”, recoñecen. A zona de recría do novo establo conta con cama quente para as xatas e cubículos para as xovencas próximas ao parto para que melloren a súa adaptación de cara ao momento de pasaren ao lote de produción, no que as vacas descansan en camas de carbonato e serrín. 
Vir para aquí supuxo un cambio moi grande, de manexo, de alimentación e de instalacións, ao que as vacas aínda se están afacendo
O cambio para o establo novo tamén coincidiu coa campaña de vacinación da lingua azul nesta zona do sur de Lugo. “Viñemos para aquí coa vacina recén posta”, lembra Águeda, que agarda que a chegada da primavera e a saída do gando a pacer se note de maneira importante no tanque do leite. Levan entregando o leite a Danone “toda a vida”. “Eu non recordo outra empresa”, di Águeda, e de cara á vindeira renovación de contratos agarda “que os prezos se manteñan”. “É necesario para que as explotacións poidamos facer investimentos”, asegura. No seu caso, o novo establo custoulles máis de 360.000 euros. Mellora na recría Zona de recría do novo establo, onde as xatas están até que son inseminadas Aínda que na media de produción do rabaño non tiveron un incremento moi elevado, no caso da recría, de pasar de facela fóra, no prado, a poder completala a cuberto, o salto foi grande e positivo. “As xovencas chegan moito mellor ao parto e iso nótase despois no leite que dan”, asegura Miguel. “Ata agora esa era unha das cousas nas que flaqueabamos”, admite.
Ao pasar a facer a recría dentro as xovencas chegan moito mellor ao momento do parto e iso nótase despois no leite que dan
“Antes a recría faciámola toda no prado porque non tiñamos instalacións, o único que tiñamos para elas era unha cornadiza que usabamos só para inseminar. Agora as xatas e xovencas están todas dentro e penso que iso se vai notar moito”, augura Águeda. As vacas secas seguen estando un mes fóra, o que favorece a súa recuperación, e as xovencas cando empreñan tamén pasan 2 ou 3 meses, en función da época do ano, na pradeira, pero despois volven para o establo para ter un maior control sobre elas a medida que se achega o momento do parto. Manter o pastoreo Nos plans de Capón Holstein non entra prescindir do pastoreo, pero contar cunhas boas instalacións, que permiten maior confort aos animais e que están dimensionadas para o número actual de cabezas que teñen, permitiulles variar o sistema de manexo que facían do gando, pasando dun sistema totalmente extensivo “por necesidade” a un sistema semiextensivo que ten en conta as condicións meteorolóxicas e a calidade do pasto á hora de saíren as vacas a pacer. “Antes tiñamos todo fóra, tanto as becerras como as vacas de leite, que só viñan a muxirse e a comer o penso e o silo nas épocas nas que non había pasto fóra, pero despois pasaban tanto o día como a noite no prado. Non tiñamos nada estabulado porque non tiñamos outra alternativa. Agora as vacas en produción saen pacer só polo día e nas épocas nas que hai pasto”, explica Águeda.
Manexan unhas 115 hectáreas de superficie pero na zona non hai concentración parcelaria
A alimentación das vacas en produción supleméntase agora todo o ano con silo de herba e concentrado, mentres que para a recría empregan herba seca e penso. Manexan unhas 115 hectáreas, concentradas en dúas localizacións principalmente, en Andemil e en Xedive. Nas fincas que están no entorno do establo novo fan pastoreo coas vacas de leite, mentres que nas parcelas máis alonxadas teñen o lote de xovencas preñadas e vacas secas. O resto dos prados resérvanos para a produción forraxeira. O malo é, recoñecen Águeda e Miguel, o pequeno tamaño das fincas nesta zona, na que non hai concentración parcelaria, o que dificulta o manexo do gando e encarece os traballos de ensilado ou abonado. “Iso é agora o que nos faltaba a nós para poder traballar cómodos, a concentración”, piden. Socios de Aira Vista da nova granxa desde a zona de almacenaxe do xurro Esta gandería de Chantada é socia da cooperativa Aira, que lles proporciona a maioría dos servizos técnicos, de maquinaria e alimentación que precisan, o que lles permite aforrar custos, optimizar os investimentos e centrar os seu tempo no coidado do gando. “Aira subminístranos o penso, fainos o ensilado, préstanos o servizo de carro mesturador, o de podoloxía, lévanos a xestión, todo”, resumen. Na parte veterinaria, están na ADSG da cooperativa, aínda que a reprodución, o control da calidade do leite e a parte clínica fana eles, xa que tanto Águeda como o seu irmán Roi son veterinarios.   
Tanto Águeda como o seu irmán Roi son veterinarios
A formación representa hoxe en día un valor básico para estar á fronte dunha explotación leiteira, aseguran. Águeda fixo Veterinaria e Miguel estudou un ciclo medio de FP na rama agraria, o que lles permite ter coñecementos suficientes e capacidade técnica para adaptarse ás novas normativas que están a chegar, como a do veterinario de explotación ou a relativa ao SIEX e o caderno dixital.

Décadas de aposta pola boa xenética

Desde que Manuel Capón, o pai de Águeda, se fixo cargo da gandería familiar nos anos 80 e cambiou as vacas de carne que había na casa por animais de raza holstein, a mellora xenética sempre foi unha das súas teimas. “O meu pai sempre foi un entusiasta do pastoreo e un namorado das boas vacas desde o punto de vista morfolóxico e eu seguín os seus pasos”, recoñece Águeda, que desde pequena acompañaba ao seu pai e ao seu irmán Roi nos concursos de gando aos que acudían habitualmente, unha experiencia que agarda que agora poidan vivir tamén os seus fillos Lucas e Blanca.
Capón Holstein era unha das explotacións habituais nos concursos de gando
“Neste momento paramos un pouco de ir por todos os cambios pero esperamos reanudar”, adiantan. Teñen obtido premios destacados tanto no certame autonómico como no Concurso da Moexmu. Neste momento atenden a granxa entre os tres (Águeda, o seu pai e o seu home), pero Manuel está xa próximo á xubilación, polo que non teñen en mente seguir medrando. “Para nós os dous sos as 72 vacas en muxido que nos collen no establo son dabondo”, din.
O meu pai sempre foi un entusiasta do pastoreo e das boas vacas desde o punto de vista morfolóxico
Ter que levar e traer as vacas ao pasto todos os días suponlles un traballo extra, aínda que reduciron bastante a distancia que percorren, que antes chegaba aos 2 km, e atopar man de obra “formal e preparada” non é doado, di Miguel.   Venda de recría Fai moitos anos que non mercan vacas e o crecemento que tiveron para entrar no establo novo cubrírono todo con recría propia. Nos últimos anos as xovencas que criaban fixéronlles falta para eles, pero unha vez estabilizada a granxa nas 72 vacas en produción (a capacidade total do establo), teñen pensado volver vender recría a outras explotacións, como facían antes.
Nós non buscamos vacas de concurso, pero unha vaca boa morfoloxicamente é unha vaca que vai durar moitos anos dando leite
Empregan seme sexado nas xovencas e tamén nalgunhas vacas adultas e buscan “animais funcionais”. “Nós non buscamos vacas de concurso, senón unha combinación de todo, pero eu penso que unha vaca boa morfoloxicamente é unha vaca que vai durar moitos anos dando leite, vai todo un pouco da man”, asegura Águeda. “Seleccionamos bastante e nas primeirizas que xa non nos convencen poñemos carne para seguir mantendo un nivel morfolóxico alto no conxunto do rabaño”, explica. Aínda que neste momento, pola necesidade de medrar para encher a capacidade do establo novo, a metade do rabaño son primeirizas, a media de lactacións no conxunto das vacas en produción sitúase nos tres partos, o que dá unha idea da lonxevidade que acadan.

YaraMila ACTYVA: Menos dose de abono para maiores producións en herba e millo


Lograr o máximo potencial das nosas pradarías é fácil e posible se usamos os fertilizantes adecuados. Yara pon a disposición dos gandeiros unha ampla gama de solucións de nutrición vexetal que cubran todas as necesidades e casuísticas posibles.

Grazas á súa alianza con Yara, maior fabricante de fertilizantes do mundo, Delagro pon a disposición dos nosos clientes soluciones únicas e innovadoras con dous obxectivos: mellorar a eficiencia dos cultivos e contribuír á redución do impacto ambiental. Unha destas solucións é YaraMila Actyva.

YaraMila ACTYVA é un fertilizante complexo de alto contido en nitróxeno fabricado en base ao método de Nitrofosforación (patente de Yara), e que achega nitróxeno, fósforo e potasio totalmente asimilables (20-7-10). YaraMila® ACTYVA preséntase en forma perlada e resulta especialmente adecuado como abonado de inicio do cultivo.

Desde un punto de vista técnico é un referente en NPK, sobre todo para usar en herba ou mesmo podería ser recomendable para un uso en millo para ciclos curtos combinado con Yara Amidas en coberteira.

Trátase dun fertilizante complexo, polo que todos os nutrientes atópanse en igual proporción en cada perla ou gránulo, asegurando desta maneira unha achega homoxénea en cada un deles. Sería especialmente indicado para gandeiros que teñen pouco xurro ou que o manexan mal.

Actyva contén dúas formas de nitróxeno (nítrico e amoniacal) o que fai que este estea dispoñible para a planta tanto de forma inmediata como a medio prazo. Desta forma, aseguramos unha achega de nutrientes continua á planta. Ademáis, leva xofre, o que fai á planta lle sexa máis fácil absorber nitróxeno en forma amoniacal.

Rafael García

Entre as súas principais características, cabe destacar o seu fósforo de alta solubilidade, que permite ver en pouco máis dun mes efectos positivos sobre as plantas, mesmo en terreos moi abonados. “YaraMila Actyva é un fertilizante que consegue un afillado e callado que con outros produtos é moi difícil de lograr”, tal e como nos di Rafael García. Esta alta solubilidade do fósforo é consecuencia do extraordinario desenvolvemento tecnolóxico que fixo Yara coa tecnoloxía P-Extend, que achega, ademais, un pequeno contido en magnesio e xofre.

O feito de que funcione a baixas doses fai que sexa un produto cuxo uso é moito máis eficiente que outros fertilizantes, especialmente válido para gandeiros que van a dous cortes ou que traballan con pradarías permanentes. Conséguese moi bo afillado, moi boa folla, con dose duns 300 kg aproximadamente por hectárea. Isto permítenos deixar o terreo cunhas condicións de abonado perfectas para un segundo corte ou mesmo para empezar o millo. En segundos cortes para conseguir unha boa produción a dose sería un pouco máis alta, e mesmo se podería abonar con outros produtos con só nitróxeno como Nitrograss, de Yara.

O encalado é un elemento fundamental para que o fertilizante faga o seu efecto. “Grazas a produtos como YaraMila Actyva, que contén na súa formulación xofre, logramos que os catiións das terras ben encaladas móvanse a capas máis profundas, logrando así maior raíz, sobre todo en millo, arrastramos aluminios cara ao fondo polo que logramos un mellor desenvolvemento radicular”, coméntanos Rafael.

Usar abonos de alto valor engadido axuda a optimizar o uso dos fertilizantes, así como a mellorar as producións ao mesmo tempo que se produce unha optimización dos custos de abonado debido ao uso de menores doses. Isto repercute directa e de forma positiva no medio ambiente.

Más información:

981 519 920

delagro@delagro.org

Como evitar a perda de materia seca do teu silo?

Na xestión de ensilados hai que ter presente que non toda a forraxe ensilada chegará a converterse en alimento para as vacas. Isto é así dado que, desde o cultivo da forraxe até a súa colleita en fresco e o posterior almacenamento, tanto o valor do alimento como a cantidade física poden verse diminuídos até nun 25 %. O que deriva nun incremento dos custos de alimentación e prexuízos sobre o rendemento dos animais.

Aquí é onde entran en xogo os inoculantes, que presentan múltiples beneficios para maximizar a protección dos nutrientes e da materia seca dos ensilados. Este é o caso de Egalis, a nova gama de inoculantes de Alltech para ensilados de alta calidade. Así, con Egalis redúcense as perdas cuantitativas e cualitativas inherentes ao proceso de ensilado á vez que se obtén un perfil fermentativo que garante maximizar o consumo voluntario do rabaño. Adecuado para o seu uso en todas as forraxes, Egalis impulsa a fermentación de maneira eficiente e rápida a un pH final estable.

Se o silo non está tratado, a fermentación será levada a cabo polos microorganismos endémicos presentes na forraxe. Estes microorganismos son menos eficientes que os microorganismos contidos en Egalis para baixar o pH do medio rapidamente, polo que se xeran máis perdas no proceso e obtense un perfil fermentativo que pode penalizar o consumo voluntario. Con Egalis, disporase de máis ensilado para alimentar aos animais e de mellor calidade, o que supón menos preocupacións sobre o desperdicio de alimento. A través dunha maior palatabilidade e inxesta de materia seca, Egalis contribúe a unha produción de leite e carne máis rendibles.

Para conseguir os resultados desexados, é conveniente dosificar adecuadamente e repartir o produto de maneira uniforme por toda a masa de forraxe. As picadoras máis modernas levan de serie equipos de aplicación que axustan a dose de produto ao rendemento esperado.

Características clave das forraxes para obter un bo ensilado

A predisposición dunha forraxe a ser ensilaao coñécese como “ensilabilidade”. A ensilabilidade está en relación co contido en azucre (canto máis, mellor), a humidade (canta menos, mellor, sempre que non comprometa a súa compactación) e a capacidade tampón (mellor canta menos capacidade). Por tanto, aquelas forraxes moi húmidas, con pouco azucre e alto poder tampón (Ex., unha alfalfa sen orear), representarán o caso máis comprometido. Pola contra, un millo cultivado cun 30-33 % de materia seca terá a mellor predisposición: pouca humidade, moito azucre e baixo poder tampón.

É importante sinalar que é condición necesaria para obter un bo ensilado conseguir unha alta densidade e condicións de anaerobiose. Forraxes moi secas e/ou pouco picadas teñen unha maior dificultade para conseguir anaerobiose e haberá que pór máis empeño na compactación.

Máis información en www.alltech.com/es-es/egalis

Xornada en Curtis sobre os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto

No marco da campaña informativa lanzada polo Sindicato Labrego a finais do pasado ano para alertar do que consideran industrialización da IXP Ternera Gallega, este xoves 25 de xaneiro desenvolverá no Centro Etnográfico de Teixeiro a xornada “Os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto. É a herba alimento abondo para alimentar rumiantes?”, en horario de 11 a 14h. A xornada, aberta ao público e medios de comunicación, é de balde e para asistir non é necesaria inscrición previa.  A primeira parte da mesma estará centrada na exposición de diversos estudos académicos e traballos de investgación arredor do acabado en pasto. Partciparán a gandeira de leite e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba; o enxeñeiro técnico agrícola do grupo de investgación da Universidade de Santago de Compostela “Carne de vacún a pasto”, Xan Pouliquen; o enxeñeiro técnico agrícola Eloi Villada e a investgadora do Centro de Investigación y Formación Agraria CIFA Cantabria Enma Serrano. Ás 13h. terá lugar unha mesa de experiencias labregas onde se establecerá un coloquio entre persoas labregas de carne.

Recomendacións prácticas para mellorar a calidade do silo de herba

A nutróloga Ana Rama, durante a súa intervención nas Xornadas de Vacún de Leite organizadas por Seragro A nutróloga e enxeñeira agrónoma Ana Rama Andrade asegura que é posible mellorar a calidade do silo de herba co que contan a maioría das explotacións gandeiras. Nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro deu algúns consellos para logralo. Comezou definindo que se considera unha herba de calidade, desde tres puntos de vista: calidade nutricional, conservación e calidade hixiénica. “Nutricionalmente un silo de herba busca aportar proteína á ración; polo tanto, canta máis proteína teña o silo mellor, pero como mínimo un 16%; con niveis de fibra non demasiado altos, de arredor do 38-44% de fibra neutro deterxente (FND), porque a medida que esas porcentaxes son máis elevadas perdemos inxestibilidade e dixestibilidade, é dicir, capacidade de comer quilos de silo e de dixerilos por parte do animal; e con unha materia seca de entre o 24 e o 30%, aínda que non hai unha materia seca ideal, xa que en función de como sexa a herba vai ser máis interesante que vaia máis ou menos húmida, porque esa humidade vainos axudar a compactar a herba e un silo ben compactado vai ser moito máis estable unha vez aberto, porque xa sabemos que o osíxeno é o inimigo dos silos”, asegurou.
Cando a herba se pasou un pouco necesitamos que vaia máis húmida para lograr que quede ben compactada no silo
A humidade define a fermentabilidade dun silo. “Que un silo estea ben fermentado váinolo dicir o valor de pH que aparece nas analíticas que facemos habitualmente. Realmente non hai un nivel de pH ideal, porque depende da materia seca que teña o silo, pero moveríase, no caso do raigrás, entre un 4 para os silos máis húmidos e un 5 para os máis enxoitos. No caso de silos de leguminosas, eses valores deberían ser inferiores xa que fermentan peor”, aclarou Ana.
Canto máis húmido é un silo máis baixo debe ser o pH para que a fermentación sexa correcta
A conservación vese prexudicada por dúas cousas: por un exceso de humidade e polo contido de cinzas, que define a calidade hixiénica dun silo. “Niveles de cinzas superiores ao 10% indican que hai contaminación por materiais estranos (cañotas do millo, terra, restos do triturado da herba no inverno, etc)”, advirte. Ademais, as cinzas son a principal fonte de clostridium nos silos de herba. 
As cinzas deben estar por baixo do 10%, pois son a principal fonte de clostridium nos silos de herba
As analíticas realizadas polo Servizo de Alimentación de Seragro durante os anos 2022 e 2023 a 1.589 mostras de silo de herba mostraron niveis medios de cinzas superiores ao 10% en 939 mostras, con niveis medios de proteína do 14% e unha materia seca do 30%.
Son nutróloga e sei de primeira man que a calidade da herba da maioría das explotacións é mellorable
“O silo ideal non é o mesmo para todas as granxas: unhas necesitan un silo de herba con máis fibra para non depender tanto da palla e outras moitos kilos por necesidades de alimentación, polo que un silo de herba nova co 20% de proteína pode que non sexa o mellor para todas as explotacións”, afirma Ana. Pero matiza: “o que si que teñen que ser todos os silos é aptos para o consumo, é dicir, que non teñan terra, que non estean demasiado mollados e que non teñan niveis de ácido butírico que os fagan tóxicos para os animais”. A disculpa do tempo Á hora de ensilar, ás veces hai circunstancias que non están nas mans do gandeiro para facer un bo silo, como por exemplo a climatoloxía, aínda que Ana recomenda aproveitar os días que veñen bos para ensilar, aínda que a herba sexa algo máis pequena, en vez de agardar e que despois se pase por non vir tempo para ensilar. “Ás veces non é que non haxa bo tempo para ensilar, senón que non vos gusta a herba que tendes cando fai bo tempo”, díxolle aos gandeiros presentes na súa charla.
Se non temos paredes débense facer silos anchos e non silos altos tipo pirámide de Exipto
“Este ano, dos 61 días dos meses de marzo e abril houbo sitios nos que choveu 35 días pero noutros só 20. En Santa Comba, por exemplo, o 2023 foi un mal ano para ensilar en marzo pero a primeira semana de abril fixo bo tempo”, aclarou. Recomendacións para a sementeira da pradeira tralo millo Abonado con xurro mediante un sistema de tubos colgantes antes de labrar a pradeira Nas fincas de rotación con millo, a nutróloga de Seragro considera imprescindible “desfacerse das cañotas do millo dalgún xeito antes de sementar a herba, porque non van desaparecer por si soas no inverno”, asegura. “Hai que eliminalas, porque é unha fonte importante de contaminación nos silos de herba”, afirma.
As cañotas do millo hai que eliminalas, porque son unha fonte importante de contaminación nos silos de herba
Os tocos do millo débense eliminar sempre antes de aplicar o cal ou o xurro na parcela. Pódese optar por desbrozalas ou por fresalas. “Débese encalar e despois botar o purín por enriba, enterralo para evitar as perdas de nitróxeno por volatilización e labrar a herba, por esta orde”, aclara. En canto ao laboreo, recomenda empregar un subsolador para romper a sola de labor, facilitando a drenaxe das fincas, e garantir que se traballan ben os últimos 15-20 centímetros superficiais para romper e enterrar os tocos do millo. Encalar en outono para facilitar a absorción do nitróxeno na primavera  “O momento de encalar é este, porque o efecto do cal non é inmediato, como o do abono, pode tardar de 3 a 4 meses en función do produto que utilicemos, e así xa o deixamos incorporado para cando abonemos a pradeira na primavera e labremos despois o millo”, indica. “Se queremos que o nitróxeno que botemos en marzo para ensilar a herba faga efecto temos que facer o encalado con antelación porque se non corriximos o pH a planta non vai ser capaz de aproveitar o abono que lle botemos”, engade.
O momento idóneo para encalar é este, ao labrar a pradeira, porque o seu efecto non é inmediato, como o do abono
“Nas fincas nas que labremos leguminosas temos que ter en conta que non imos poder abonar no inverno, polo que temos que ser más xenerosos coas doses de purín no momento da sementeira da pradeira”, propón Ana. Cando botamos o xurro en herba que está moi grande e despois non conseguimos que se lave porque non chove, teremos risco de que haxa enterobacterias (como Escherichia coli, Mycobacterium, Salmonella) no silo, que dan lugar a unha gran perda de propiedades e enerxía da forraxe ensilada. Cando abonamos con mineral para o segundo corte non é necesario agardar 10 días a que a herba rebrote para botalo, como acontece no abonado para o primeiro corte, porque xa hai normalmente máis temperatura ambiental. Sementeira e trituración invernal da herba Sementeira da pradeira mediante o pase dunha grade rotativa con sementadora incorporada Para a sementeira da herba podemos facer un só pase ou dous, en función da maquinaria da que dispoñamos, pero tendo claro que “debemos adaptar a velocidade de traballo á máquina que temos”. “Se traballamos a terra coa fresadora o ideal son velocidades de traballo baixas, entre 4 e 6 km por hora se queremos que quede ben, aínda que a fresadora ten un defecto, que é que crea suela de labor, sobre todo as que teñen as cuchillas cun ángulo de 90 grados”, explica.
Debemos adaptar sempre a velocidade de traballo á máquina que teñamos
Na grade rotativa tamén se precisan velocidades de traballo lentas, mentres que na grade rápida pódese traballar a velocidades superiores a 10 km/h. Aconsella sempre pasar un rolo para aplanar a superficie e evitar segar terróns no momento de ensilar. Unha cousa que hai que ter en conta á hora de sementar a pradeira é a humidade que hai no terreo. “Se a terra está moi seca a planta non xermina, polo que debemos aproveitar a sementar despois de botar o xurro, para aproveitar a humidade que este aporta á terra”, recomenda. Deberiamos triturar sempre a pradeira, a non ser que leve leguminosas. “O triturado non podemos facelo cunha herba demasiado grande, porque senón quedan restos que despois van para o silo”, advirte.
Se a herba está moi grande temos que segar e tirar, non serve triturala, porque despois non apodrece e acaba indo para o silo
A nutróloga de Seragro destaca as vantaxes dese corte de limpeza. “Co triturado lógrase acabar de destruír os restos dos tocos do millo que quedaron despois da sementeira e tamén nos desfacemos das malas herbas que naceron durante o inverno. A herba despois de triturar rebrota con moita máis vitalidade, mesmo empastece, e inicia un novo ciclo vexetativo, polo que a calidade do silo é moito mellor. Se non fixeramos iso cando ensilamos no mes de abril herba sementada a comezos de outubro esa herba é vella, ten xa pé e zonas podres, polo que se non queremos ensilar herba nese estado temos que triturala”, aclara. Cando facer os ensilados? O momento idóneo para o ensilado é xusto antes de que as gramíneas inicien o espigado e nas leguminosas en canto empezamos a ver flores no cultivo. Á hora de ensilar, a altura de corte da herba debería estar entre os 7-8 centímetros, porque deste xeito aumentamos o nivel de azucres na planta e reducimos o risco de levar contaminación para o silo.
O momento idóneo para o ensilado é xusto antes de que as gramíneas inicien o espigado e nas leguminosas en canto empezamos a ver flores no cultivo
Ana defende que as ganderías deben dispoñer dun calendario anual que sirva de guía para os distintos traballos a realizar nas pradeiras (triturado, enxurrado, abonado mineral e ensilado) que debe ser elaborado en función das características da finca e de se se trata dunha pradeira permanente ou anual. No caso de parcelas en rotación con millo, a data de sementeira do cultivo de verán condiciona as datas de ensilado e os traballos anteriores. "Se queremos labrar o millo en torno ao 15 de maio e queremos facer dous cortes de herba, o triturado debería facerse na primeira quincena de febreiro e a partir de aí botar o xurro e 10 días despois o abono mineral para facer o primeiro corte sobre o 20-25 de marzo e o segundo 35 días despois, entre o 25 abril e o 1 de maio", calcula. Esas datas orientativas poden ser variadas lixeiramente en función do crecemento da herba ou de como veña o tempo. "Se queremos labrar o millo o 1 de maio en vez do 15 de maio, temos que correr 15 días cara atrás as datas de todos os traballos, aínda que corremos o risco de ter peor tempo para algunhas labores. E se vén un inverno moi frío quizais teñamos que retrasar a sementeira do millo, porque o tempo non o podemos cambiar, senón que temos que adaptarnos a el. Pola contra, se vén un inverno cálido e a herba está grande teremos que ensilar antes. O que case sempre sae mal é non aproveitar para ensilar se vén bo tempo", di.
Se facemos un só corte de herba temos menos presión polos prazos
"Se abonamos para o primeiro corte e vén tempo frío ou chuvioso que fai que a herba non medre, cando se cumpren os 40 días non debemos agardar máis, eu aconsello cortala igual, aínda que teñamos menos quilos, e abonar para o segundo corte, porque o único que fai esa herba se lle damos máis tempo é espigar", asegura.  
Temos que adaptarnos ás condicións climáticas; o que case sempre sae mal é non aproveitar para ensilar se vén bo tempo
Para decidir que máquinas empregamos debemos diferenciar dúas épocas claras de ensilado "porque cando ensilamos na segunda quincena de abril ou maio a herba é moi diferente a cando ensilamos en abril", argumenta. "Cando ensilamos a partir do 15 de abril ou en maio cortaremos cunha segadora agrupadora e deixaremos menos de 48 horas de presecado antes de picar a herba cunha colleitadora/picadora a un tamaño de corte que debe estar entre 2,5 e 3 cm de longo, porque canto máis picada vaia a herba máis doada é de estender e de pisar", explica. O ideal é ao segar deixar xa a herba xunta para non ter que andar co fileirador, "que o único que fai é levantar porquería", di. E non deberían pasar máis de 48 horas desde que segamos ata que ensilamos porque senón perdemos os azucres que necesitamos no silo para unha axeitada fermentación. Se transcorridas esas 48 horas a herba vai aínda moi húmida, haberá que aplicar conservante químico. "É mellor nestes casos non pasarse co presecado, porque cando ensilamos nestas datas tardías a herba xa non é tenra e precisamos un certo nivel de humidade para que nos axude a compactar o silo", indica.
Nos ensilados temperáns (finais de marzo e primeira quincena de abril) débese segar e deixar a herba tendida no chan 24 horas para que seque
Pola contra, cando ensilamos en marzo ou na primeira quincena de abril o problema pode ser o contrario xa que a herba é moi tenra, ten moita humidade e a climatoloxía non acostuma axudar a facer un bo presecado. "Se fai bo tempo podemos cortar cunha segadora agrupadora co acondicionador a tope deixando a herba en fileiras igual que se segaramos en maio e seguindo despois os mesmos pasos: picadora con corte miúdo e sen que pasen máis de 48 horas entre segado e ensilado e se hai moita humidade, uso de conservante químico", detalla. "Neses casos non temos risco de mala compactación aínda que a herba vaia moi seca porque é tenra e as herbas tenras compactan igual aínda que vaian secas", aclara. Se non veñen días de sol e non corre o vento, temos que segar e deixar a herba estendida no chan durante 24 horas para que seque e logo xuntala cun anciño fileirador (cando a xuntamos non debemos levar as púas do fileirador moi abaixo para non levantar cinzas) e ensilar igualmente sen que pasen máis de 48 horas desde que segamos. O picado da herba debe ser máis longo (5 cm), sendo preferible a recollida cun remolque picador no canto de cunha colleitadora, que machaca máis a herba, e faise imprescindible case sempre neste tipo de ensilados temperáns o uso de conservante químico.
Temos que facer silos de boa calidade pero, sobre todo, silos que non sexan tóxicos
As recomendacións posteriores cando a herba chega ao silo pasan por "estender capas finas, de 15 cm como máximo, non superar coa herba a altura das paredes do silo e pisar, pisar e pisar", aconsella Ana. Finalmente hai que tapar ben e poñer peso na capa superior. “Temos que tratar de facer silos con boa calidade de forraxe, pero, sobre todo, temos que facer silos que non sexan tóxicos, é dicir, sen cañotas que quedaron da colleita do millo, sen terra, sen herba podre mal triturada e sen exceso de humidade”, resume a nutróloga de Seragro.

Elección das variedades de semente e do número de cortes en función do aporte que teña o silo de herba á ración na explotación

Público asistente ás Xornadas Técnicas de Vacún de Leite deste ano Á hora de elixir as variedades de sementes a labrar temos que ter en conta o destino final da pradeira e o obxectivo nutricional buscado con esa herba. Para a escolla miraremos cal é o cultivo principal da ración na nosa granxa. “Partimos da base que sempre é importante facer silos de herba bos, pero se é o elemento principal da alimentación das nosas vacas, é imprescindible contar con boas forraxes de herba, polo que nestes casos o normal é ter pradeiras permanentes e a variedade que mellor se adapta é o raigrás inglés, optando por variedades diploides e tetraploides en función das características da finca”, explica Ana. “Outra opción para as pradeiras permanentes é o cultivo da alfalfa, que tamén é moi persistente”, engade.  
En función dos quilos de herba que necesite para a miña ración tomarei unha decisión ou outra sobre o número de cortes a realizar
Se a nosa ración é metade millo  e metade herba, a cantidade de silo de herba que leva segue sendo elevada, polo que é importante que teñamos herba de calidade e estimar canta cantidade imos precisar. “Neste caso podemos ter unha parte da nosa superficie con pradeiras permanentes e nas parcelas onde rotemos con millo sementaremos pradeiras anuais de raigrás híbrido e italiano ou unha mestura de leguminosas con raigrás ou con cereal. De todas estas posibilidades a que máis marxe de manobra nos dá é o raigrás híbrido, porque é o que máis tarde espiga, polo que dispoñemos de máis días para ensilalo en bo estado”, afirma. En función dos quilos de herba necesarios para a ración, a explotación deberá tomar a decisión de cantos cortes realizar na pradeira. “Se por exemplo metemos 20 kg de silo de herba na ración e temos 100 vacas, necesitaremos 730 toneladas de silo de herba ao ano. Se dispoñemos só de 36 hectáreas de superficie, precisaremos obter un rendemento de 20.000 kg/por hectárea de herba. Para lograr eses quilos nun só corte teremos que agardar a que a herba sexa moi grande, polo que a calidade sería baixa. Nese caso habería que descartar o raigrás híbrido e as mesturas de cereais e leguminosas, porque a maioría das leguminosas non rebrotan, e irnos a varios cortes de raigrás italiano, por exemplo.  Se pola contra dispoñemos de 49 hectáreas, o rendemento necesario para obter esas mesmas 730 toneladas de silo sería de 15.000 kg/ha, polo que poderiamos irnos a un só corte. E o que menos perigo ten indo a un só corte é o raigrás híbrido, porque tarda máis en espigar e temos menos risco de que se nos pase se non vén bo tempo para ensilar”, explica Ana.
En zonas frías ou moi húmidas, nas que non damos entrado ás fincas, temos que irnos a un só corte e elixir variedades que espiguen o máis tardío posible
Por último, nos casos nos que o silo de millo constitúe a base principal da ración, a calidade da herba condiciona menos a obtención de boas producións leiteiras. Neste caso optaríase por pradeiras anuais en rotación co cultivo de millo e a gandería podería optar por facer un só corte de herba. "Podémonos permitir facer silos de herba un pouco máis pasados, para non depender tanto da palla, pero non ensilar leña", matiza. Diferencias entre os distintos tipos de raigrás Entre as gramíneas, unha das máis habituais é o raigrás inglés (Lolium perenne), que ten unha persistencia de entre 4 e 5 anos, un crecemento lento (sobre todo o primeiro ano), un espigado tardío (iso implica que imos ter moitos máis días para ensilalo en bo estado) e unha maior porcentaxe de follas ca de talo, polo que é moito máis doado conseguir forraxes de boa calidade con raigrás inglés, asegura.  Pola contra, o raigrás italiano (Lolium multiflorum) ten un ciclo anual, crecemento rápido, espigado precoz (o que implica que se pasa con máis facilidade e temos máis dificultades para collelo no momento óptimo), e ten maior porcentaxe de talo que de folla, polo que “para conseguir silos de boa calidade con raigrás italiano hai que ser rápidos”, afirma Ana. En canto ao raigrás híbrido (Lolium hibridum) seria unha mestura dos dous, pois “pretende ter a persistencia do inglés e o crecemento rápido do italiano, polo que en función do que busquemos escolleremos raigrases híbridos que se asemellen máis a un italiano ou a un inglés”, recomenda. Dentro dos raigrases hai que diferenciar tamén entre os diploides e os tetraploides, que foron creados artificialmente coa pretensión de ter maior produción e conseguir follas máis anchas. Teñen maior vigor de establecemento pero son menos persistentes e teñen tamén maior potencial de produción, aínda que son máis esixentes tanto en auga como en fertilización fronte ás variedades diploides, que teñen maior rusticidade (resistencia á seca e ao frío) e son ideais para o pastoreo. “Os raigrases tetraploides teñen maior palatabilidade pero sempre debemos elixir variedades que sexan resistentes á rolla”, indica a nutróloga de Seragro.
As calidades do triticale e o westerwold debería condenalos á extinción
En calquera gramínea, leguminosa ou cereal o contido nutricional do quilo de materia seca diminúe a medida que avanza o desenvolvemento desa planta pero, pola contra, obtemos maior rendemento, “pero se esperamos tanto para que o rendemento sexa máximo, o aporte á ración será baixo”, advirte.

O fenómeno Comté, o queixo que garante a rendibilidade de 2.400 ganderías francesas

Vacas montbeliarde en GAEC Du Caron. É a única raza permitida para a elaboración do queixo Comté Francia é unha das grandes potencias lácteas europeas. Con 23 millóns de toneladas de leite ao ano, é o segundo país en produción tras Alemaña. A maior parte da recollida de leite concéntrase nas rexións de Bretaña e Normandía, no noroeste do país, cun sistema produtivo máis parecido a Galicia, pero existen outras zonas con peculiaridades propias, centradas na produción de queixos de calidade diferenciada. A evolución do sector lácteo francés na última década, sobre todo trala da desaparición das cotas lácteas en 2015, seguiu un camiño diferente ao resto de países da UE, con peculiaridades que se acentuaron neste último ano. Mentres nos primeiros meses de 2023 a produción de leite no conxunto da UE aumentou un 1% con respecto a 2022, en Francia a recollida de leite nas explotacións segue rexistrando un descenso con respecto ao ano anterior dun 1,2%.
O aumento de prezos máis ben moderado do leite en Francia en 2022 en comparación co resto de países da UE non impulsou un aumento da produción
Francia, que perdeu un 25% das súas explotacións leiteiras na última década, perde peso no contexto lácteo europeo cunha produción en descenso e prezos baixos, que estiveron á cola da UE durante a revalorización da materia prima en orixe vivida en 2022. Hoxe os prezos en toda Europa fóronse nivelando e o leite convencional pagouse en Francia en xullo a 44,6 céntimos, a medio camiño entre os países do norte e os do sur de Europa: 7 céntimos menos que en España e Italia e 4 menos que en Portugal pero 5,5 máis que en Irlanda, 3 máis que en Dinamarca, 2,5 máis que en Alemaña e 1,5 máis que en Holanda. Explotacións mixtas de tamaño medio Mentres en países como España ou Italia o final das cotas lácteas incentivou o crecemento en número de cabezas das ganderías, Francia segue apostando por un modelo de explotacións de tamaño medio, cunha dimensión axustada ao volume de terras dispoñibles.
Máis da metade das explotacións lácteas francesas, onde hai un total de 50.000 granxas, teñen menos de 70 vacas
O 60% das explotacións lácteas francesas, onde hai un total de 50.000 granxas leiteiras, ten menos de 70 vacas e só 2.000 (un 4% do total) ten máis de 150 animais. A cabana gandeira total do país minguou considerablemente nos últimos anos pasando de 4,5 millóns de vacas leiteiras no ano 2000 a 3,5 en 2022, cunha produción media por vaca en Control Leiteiro de 7.350 quilos ao ano, fronte aos 10.900 de España. A rexión de Bretaña concentra 1 de cada 5 vacas leiteiras de Francia. É unha das poucas rexións que mantén un crecemento, aínda que sexa moderado, na produción. Desde 2007 a produción láctea bretoa incrementouse un 15% (a un ritmo dun 1% anual, máis do dobre que en toda Francia) ata alcanzar 5,3 millóns de toneladas ao ano.
A produción media por vaca en Control Leiteiro en Francia é de 7.350 quilos ao ano
Pero nese mesmo período, os produtores de leite na rexión pasaron de 17.000 a pouco máis de 9.000, xa que ao problema do relevo xeracional (en Francia uno de cada tres gandeiros ten máis de 55 anos e só 1 de cada 4 ten menos de 40 anos) súmase o feito de que moitas ganderías decidiron abandonar ou reducir a produción de leite e centrarse na de cereais, menos demandante de man de obra e máis rendible cos prezos de venda actuais.
Moitas granxas apostaron nos últimos anos por aumentar o cultivo de cereais e reducir a produción de leite
De feito, en 2022, a situación de ingresos das ganderías francesas foi dispar entre os diferentes sistemas produtivos. As explotacións mixtas que manteñen cultivo e gandería acadaron importantes ingresos, grazas á subida do prezo dos cereais, mentres se deterioraron as rendas das explotacións leiteiras puras, e máis aínda das ecolóxicas, que producen o 5% do leite francés. O camiño seguido por moitas ganderías francesas foi reducir o seu nivel de intensificación, recuperando prácticas como o pastoreo nos meses de primavera e outono e substituíndo insumos importados, como a soia, por cereais e forraxes de produción propia (millo, trigo, colza, xirasol). Denominacións de orixe Queixo de denominación de orixe Comté, producido no leste da rexión Borgoña-Franco Condado Outra das características do sector lácteo francés é a súa diferenciación produtiva. O 17% da recollida total do leite está amparada baixo algunha Denominación de Orixe, enfocada principalmente á produción de queixos, que acaparan preto do 50% da produción láctea francesa. Entre os 46 queixos franceses con Denominación de Orixe (29 deles con leite de vaca) o Comté é un dos máis consumidos en Francia. Este queixo de pasta prensada en grandes rodas de ata 40 kg prodúcese en 140 queixerías, moitas delas de estrutura cooperativa participada polas propias ganderías, un total de 2.389 explotacións.
O queixo Comté foi un dos primeiros en conseguir o selo de Denominación de Orixe, en 1958, e é un dos máis vendidos en Francia
As granxas do macizo do Jura, na rexión Franco-Condado, limítrofe con Suíza, practican un modelo semiextensivo de gandería, coas vacas alimentadas con pasto fresco desde a primavera ata o outono e con herba seca no establo durante a estación invernal. A ensilaxe de herba e o cultivo de millo están prohibidos dentro da denominación de orixe. En 2022 os gandeiros franceses tiveron que enfrontar un ano climático historicamente cálido e seco, que reduciu a produción de forraxe en todo o país. Esta primavera foi diferente. As choivas de maio reverdeceron os prados, pero os custos de produción seguen sendo elevados debido aos efectos duradeiros da guerra de Ucraína sobre os prezos dos cereais, a enerxía, os combustibles e os abonos. Autolimitación na produción Feira e concurso de raza montbeliarde que todos os anos se celebra na localidade de Besançon Ante este escenario, os gandeiros, que controlan tamén todo o proceso de produción e venda de Comté, xa que son socios das queixerías onde se elabora o queixo, decidiron conter a produción como unha estratexia para elevar os prezos.
Os gandeiros establecen uns cupos de produción para cada granxa, ao estilo das antigas cotas lácteas
Cada unha das case 2.400 granxas dispón dunha cota de produción fixada pola propia denominación de orixe, que é a encargada de repartir as etiquetas para marcar os queixos fabricados polas queixerías locais que recepcionan diariamente o leite e que non poden estar a máis de 25 km do lugar onde se moxe. Esta estratexia de contención da produción queixeira, levada a cabo na última década, serviu para elevar o prezo do produto final, así como da materia prima que o fai posible, incrementando a rendibilidade das explotacións, o seu relevo xeracional e o valor actual das granxas. Prestixio no mercado interno As vacas saen ao pasto de abril a novembro e aliméntanse con herba seca a outra metade do ano Hoxe o queixo Comté goza dun importante prestixio en toda Francia, onde se comercializa o 90% das 70.000 toneladas producidas. A súa imaxe asóciase a vacas pacendo en liberdade, aínda que medio ano teñan que estar confinadas no establo debido á dureza da climatoloxía da zona.
O mercado interno absorbe a maior parte das 70.000 toneladas de queixo producidas
Trátase do sistema de manexo tradicional do gando nesta rexión fronteiriza con Suíza, que a denominación de orixe quixo preservar, do mesmo xeito que a raza autóctona da zona, a montbeliarde, na actualidade a raza leiteira que máis medra en Francia e a segunda, trala frisoa, en número total de animais nos censos, grazas ao traballo de recuperación desenvolto pola cooperativa Coopex, que integran máis de 15.000 gandeiros. Esta percepción por parte do consumidor dunha produción tradicional respectuosa co medio ambiente débese tamén a estritos límites e regulamentacións en canto á carga gandeira (1 vaca por hectárea), alimentación (en base a pasto e herba seca, sen ensilaxes) uso de concentrados (máximo 1.800 kg/vaca/ano), abonado das praderías (50 unidades de nitróxeno químico por hectárea) e produción por hectárea (4.600 litros de leite).

“Ter limitado o concentrado obríganos a facer unha boa forraxe para o inverno”

Os irmáns Florian e Fabien Audy, titulares da explotación familiar GAEC Audy GAEC Audy é unha explotación familiar situada na comuna de Lavans-Vuillafans con 777.400 litros anuais de cota de produción dentro da denominación de orixe Comté. O leite transfórmase na queixería local da que tamén son socios, cun prezo medio en 2022 de 65 céntimos por litro. A granxa pertence aos irmáns Florian e Fabien Audy, que decidiron modernizar as instalacións que creara o seu pai en 1995 coa construción dun novo establo, operativo desde hai un ano, e que incorpora sistemas automatizados de alimentación e encamado e unha serie de medidas que buscan garantir o máximo benestar aos animais e mitigar a contaminación ambiental. Os animais en produción, 103 neste momento, están en cama quente de palla sen cubículos. “Buscamos que as vacas duren máis, pero ademais tanto para as terras como a nivel de emisións atmosféricas tamén é mellor o esterco que o xurro”, asegura Fabien.
GAEC Audy dispón desde hai un ano dunha granxa moderna con instalacións punteiras
A nave, na que investiron 2 millóns de euros, é aberta, buscando deste xeito xerar unha menor contaminación por amoníaco, malia as habituais nevaradas dos meses de xaneiro e febreiro nesta zona. “A temperatura no inverno é baixa pero para as vacas non supón un problema e nós poñémonos un pouco máis de roupa”, bromea. Robotización No novo establo construído fai un ano os animais están en estabulación libre, con parrillas na zona de alimentación e cama quente de palla na zona de descanso A segunda das decisións adoptadas foi a de automatizar algúns dos procesos que máis tempo de traballo consumían na explotación. O encamado era un deles, do mesmo xeito que a alimentación. “Antes faciamos todo a man, pero agora gañamos tempo e calidade de vida”, destaca.
A denominación de orixe prohibe os robots de muxido
Do 1 de abril ao 20 de novembro as vacas están en pastoreo, suplementadas unicamente con 2 kg de herba seca e 4 de concentrado. A outra metade do ano, sen embargo, a ración baséase en 12 kg de herba seca (6 do primeiro corte e 6 do segundo), 6 kg de concentrado e 25 kg de remolacha, que aprotan 5 kg de materia seca. “A vantaxe de automatizar a alimentación é que agora podemos facer distintas combinacións para os diferentes lotes”, explica Fabien. Aínda que non poden mesturar a ración (prohíbeo a denominación de orixe), van depositando directamente sobre o pesebre as distintas cantidades e a herba do primeiro e segundo corte de forraxe. 169 hectáreas de superficie En xaneiro e febreiro a neve é permanente e as vacas están confinadas nos establos A denominación de orixe non permite dar máis de 1.800 quilos de penso por vaca e ano, polo que secan antes ás vacas e poñen especial énfase na calidade da herba que recollen. “O límite aos concentrados obríganos a facer unha boa forraxe”, asegura Florian.
O prezo de compra da hectárea nesta zona rolda os 3.500€
Dispoñen dunha superficie agraria total de 169 hectáreas, das que 73 son pastos naturais, 32 praderías artificiais e o resto distintos cultivos de cereal. Un terzo das terras son en propiedade e o resto alugadas. O prezo de compra en Francia está regulado pola Administración e a hectárea nesta zona, situada a 650 metros de altitude e cunha media anual de precipitacións de 800 mm, rolda os 3.500€. Taxa de reposición do 20% A media de produción por vaca de GAEC Audy en 2022 foi de 7.527 kg anuais, cun 4,08% de graxa e un 3,7% de proteína. É un dos aspectos máis valorados por parte das queixarías nesta zona, o que lles supón 2 céntimos por litro de prima nesta gandería.
O 62% das vacas chega ao terceiro parto, logrando unha media de 3,6 lactacións
A taxa de reposición é só do 20% grazas ao control de enfermidades e os bos resultados reprodutivos. “Máis da metade das vacas quedan preñadas ao primeiro intento. No establo vello, onde tiñamos espazo para 60 vacas e metiamos 100, necesitabamos 2,1 doses por preñez, pero agora baixamos a 1,7”, aclara Fabien. Recría A tempada de concentración de partos prodúcese no outono. As tenreiras están o primeiros catro días de vida coa nai para tomar o costro e despois pasan á amamantadora.
Coa amamantadora logramos un maior crecemento das tenreiras, reducindo en 20 días a idade ao primeiro parto
Tralo destete, os animais continúan en lotes colectivos e empezan a alimentarse con concentrado, herba seca e remolacha pola mañá e pola tarde. Unha vez preñadas, as xovencas reciben 500 gramos de soia máis a forraxe no inverno e 1 kg de cereal máis o pasto na primavera, no verán e no outono.
Buscamos animais funcionais, con boa produción de leite e de proteína e con boas patas
Un terzo do seme que utilizan é sexado e todas as femias que nacen recríanse, unha parte para eles e outra para exportar a países como Alxeria ou Mongolia. “Xenotipamos a todas as tenreiras e en función dos resultados decidimos con cales quedamos. Buscamos animais funcionais con boa produción de leite e de proteína e con boas patas para saír a pacer”, indica Fabien. Os machos están en boxes individuais e son vendidos ás 5 semanas. Se son montbeliard puros teñen un valor duns 250€ e se son cruces con azul belga uns 450€.

“Co secadeiro para a herba melloramos a produción por vaca en 5 litros diarios”

Zona do secadeiro na nave de almacenaxe da forraxe construída no 2019 por GAEC Du Caron GAEC Du Caron está situada no departamento de Bouclans, a 430 metros de altitude e cunha pluviometría media anual de 1.254 mm, unhas condicións que lle proporcionan unha maior produción forraxeira que a moitas outras explotacións de queixo Comté. Frabrice Lombardot, que se incorporou no ano 2004, e Arnaud Gaillot, que entrou a formar parte da sociedade 10 anos despois, explican que son capaces de obter ata 4 cortes de herba ao ano, entre a primavera e o outono, mentres as ganderías situadas na montaña téñense que conformar moitos anos con só 2 cortes. Para mellorar a calidade nutritiva da forraxe, GAEC Du Caron decidiu en 2019 construír un secadeiro. En total, supúxolles un investimento de 300.000 euros, pero que se notou na produción das vacas.
Fan 4 cortes de herba ao ano cunha media de proteína do 12%
“Melloramos a produción en 5 kg de media por vaca e día. Agora podemos cortar máis verde a herba e secala en menos tempo, co que gañamos en proteína”, explican. A media en toda a forraxe que recollen ao longo do ano é do 12%. Dispoñen da maquinaria necesaria para levar a cabo as distintas tarefas agrarias (segadora, equipos de araña, remolques autocargadores, etc). Tras segar a herba, esténdena sobre a parcela para facer un presecado, que dura máis ou menos tempo en función das condicións climatolóxicas. No primeiro corte, por exemplo, realizado na primeira quincena de maio, deixan dous días de presecado á herba antes de levala ao secadeiro, pero no verán ségana pola mañá e recóllena pola tarde. A instalación onde almacenan e secan a forraxe conta con 4 divisións, onde van descargando os distintos remolques. “É fundamental distribuír ben a herba cubrindo todo o chan para que o aire non se escape e o secado sexa uniforme”, explican. A herba deposítase a granel no secadeiro, onde se conserva todo o ano A herba entra con entre o 60 e o 70% de materia seca, é dicir, mantén aínda entre un 30 e un 40% de humidade, polo que non meten máis de 1,5 metros de altura de herba cada vez para evitar que fermente. “Se a temperatura sobe por encima de 25ºC quéimanse os azucres, hai risco de fermentación e perde calidade a forraxe”, aseguran. O funcionamento do secadero é sinxelo pero efectivo. Utilizan a calor xerada polo sol baixo o teito da nave para facer circular ese aire quente polas reixas da parte baixa do secadeiro, sobre as que se coloca a herba. “Temos o gasto enerxético dos ventiladores, pero non o de quentar o aire”, indican.
Instalaron 250 Kw de placas solares para complementar os ingresos lácteos
Coa intención de abaratar a factura eléctrica e diversificar os ingresos da granxa, GAEC Du Caron instalou en 2021 paneis solares, cunha potencia de 100 Kw, aos que sumaron outros 150 Kw este mesmo ano, tanto para autoconsumo como para venda á rede dos excedentes. Prezo de 69 céntimos A granxa ten unha cota de produción de 637.000 litros de leite ao ano. Son transformados na queixería da cooperativa Des Monts de Joux. O prezo de venda do leite é de 69 céntimos grazas á importante prima por proteína (7,5 céntimos).
En 2022, o custo de alimentación, con 5,5 kg de penso de media ao día, ascendeu a 15,5 céntimos por cada litro de leite producido
A produción media por vaca foi en 2022 de 8.004 litros, cun 3,79% de graxa e un 3,49% de proteína. Teñen en total 122 cabezas (90 vacas en muxido e 32 xatas) e 140 hectáreas de superficie para alimentalas, 115 delas a pastos naturais e a praderías artificiais sementadas. O custo de alimentación, con 5,5 kg de penso ao día como máximo, foi de 762€ por vaca o pasado ano, 15,5 céntimos por litro de leite. “En 2022 notamos menos o incremento de custos de produción. Tiñamos stock de abono e o concentrado subiu fundamentalmente na primavera, por mor da guerra de Ucraína, cando nós temos ás vacas fóra e usamos menos penso”, explican.

Traballar unha forraxe “de precisión”

A evolución das gandarías de leite nos últimos tempos está a ser frenética. Os sistemas cambian, a produción por vaca elévase ano tras ano, a análise de datos pasa a ser un tema clave e a xestión óptima dos recursos alimentarios na granxa é un aspecto crucial para que as explotacións manteñan producións elevadas.

Todo isto implica cambiar o enfoque de traballo desenvolvido tradicionalmente nas granxas, para enfocalo na procura dun concepto que por unha banda debe ser global e interconectado, pero por outro deba considerar a cada explotación como un sistema independente. Neste sistema os resultados de cada variable produtiva (coma se dun ecosistema se tratase) teñen unha influencia medible que afecta positiva ou negativamente ás demais.

Un dos desafíos máis importantes na produción leiteira é a precisión na formulación das racións, xa que esta categoría supón historicamente ao redor do 50% do custo de produción medio da granxa tipo. Ademais, nestes momentos nos que o mercado das materias primas atópase en niveis elevados de prezos é de vital importancia, para a rendibilidade das explotacións, a obtención de forraxes da máxima calidade que permitan ás explotacións gandeiras alcanzar, en base a eles, a maior produción dos seus animais.

Co obxecto de ofrecer o mellor servizo aos seus clientes de vacún leiteiro, De Heus está a traballar en varias liñas. Por unha banda, conta cun laboratorio propio na súa planta de produción de Orkoien (Navarra), deseñado coa tecnoloxía máis punteira e cun obxectivo claro: obter datos fiables e completos en tan só 48 horas, que ofrezan a maior precisión nos resultados.

Por outro, e para ofrecer a cada granxa unha solución específica, crearon Laboexpert, un sistema que profesionaliza todo o proceso polo que pasa unha mostra até chegar á recomendación nutricional concreta máis acertada en cada caso.

A forraxe, vista en detalle

Na cornixa Cantábrica, o silo de herba é un alicerce importante da produción leite e a aplicación de Laboexpert permite arroxar luz acerca da evolución da calidade desta forraxe nos últimos anos.

Este sistema engloba as actividades de toma de mostra, envasado, envío de mostra, recepción de análise e importación de resultados a Feed Expert. A través de Laboexpert e QS podemos crear facilmente unha rastrexabilidade da mostra e o que é máis importante, unha base de datos que nos permite analizar o Big Data xerado por máis de 13.000 mostras analizadas no noso laboratorio propio coa tecnoloxía máis alta e o persoal altamente cualificado.

O silo de herba na nutrición do vacún de leite cumpre un papel principal, xa que é decisiva en catro dos seus parámetros: materia seca, proteína, fibra e dixestibilidade.

Este conxunto de variables indicará a calidade final da ensilaxe, xa que a súa sinerxía é clave na cantidade de forraxe que poderán consumir os animais e na asimilación dos seus nutrientes da maneira máis eficiente.

A materia seca

Esta variable atopa o seu punto óptimo cando oscila entre o 25-35%, cifras adecuadas para que a fermentación e posterior conservación do silo sexa correcta unha vez aberto. Así, podemos atopar dúas realidades, con referencia á materia seca. Unha materia seca moi baixa provoca unha gran perda de nutrientes polos lixiviados e a acidez provocada pola humidade, o que dificulta a fermentación e a consecución dun correcto pH de estabilización, clave para evitar posteriores fermentacións indesexables. E, pola contra, unha MS elevada afectará basicamente ao desensilado, xa que con silos moi secos o seu compactación é moi complexa e ao abrilos é máis factible a respiración, o que provocará fermentacións indesexables, coa súa posterior deterioración.

En Galicia neste ano 2023, a materia seca media das mostras analizadas no noso laboratorio é do 28,9%, o que indica que estamos nun punto óptimo, pero cabe destacar que temos valores moi dispares con silos moi húmidos e outros secos, provocados por unha primavera con moitos días de choiva e humidade intercalados con semanas solleiras. Esta “inseguridade climatolóxica” xeraba unha complexidade engadida á hora de decidir cando cortar, xa que en moitos casos cando a planta estaba no seu momento óptimo de corte o clima era inestable, obrigando a segar sen poder facer un presecado adecuado ou esperar a poder facelo, a risco de penalizar calquera dos outros parámetros de ensilaxe, antes mencionados.

 

A dixestibilidade

Cada vez somos máis conscientes da vital importancia que esta variable ten na calidade do silo. Este parámetro está a mellorarse actualmente grazas a que os agricultores, que cada vez dan máis importancia ás variedades que sementan e están a realizar cortes máis temperáns, o que lles permite obter ensilaxes máis dixestibles. Neste sentido, o uso de variedades de raygrass inglés híbridas e de floración tardía está a darnos máis tempo para facer un corte no momento óptimo. Se a isto sumámoslle o uso dunha mestura de variedades diploides e tetraploides, poderemos combinar un maior crecemento cunha maior cantidade de folla, respectivamente, o cal é ideal.

A evolución do racionamento leiteiro, tanto en explotacións con PMR (Partial Mixed Ration) -alimentación disociada como é o caso dos robots de muxido-, como con sistemas TMR, -Unifeeds completos-, esixe un gran coñecemento sobre a dixestibilidade das forraxes da propia explotación. Tanto a dixestibilidade da forraxe ao momento de mostraxe como a evolución dos parámetros durante o período de ensilado son claves. Este parámetro do ensildo marcará a cantidade de alimento que un animal é capaz de inxerir e, sobre todo, en muxido robotizado é determinante para o seu bo funcionamento, debido ao efecto negativo de saciedade que provocan os silos de baixa dixestibilidade nos animais: os silos de baixa dixestibilidade poden afectar o número de muxidos e á rutina voluntaria, facendo que os gandeiros teñan que empuxar moitas vacas ao robot.

Neste sentido, as medias (DIG MO =73%) indican que imos mellorando neste parámetro, aínda que é un proceso lento e difícil pola gran influencia do clima, que condiciona ou dificulta á hora de corte.

A fibra

Como ben se dixo antes, os parámetros de calidade dun ensilado no que nos estamos enfocando están en sinerxía entre si e a dixestibilidade está directamente condicionada polas fibras das forraxes, onde debemos facer referencia á Fibra Neutra Deterxente (FND), composta esta por celulosa, hemicelulosa e lignina.

En referencia a isto, hai que recalcar de novo a importancia da variedade de herba a utilizar, xa que as últimas (híbridas e inglesas) teñen menor cantidade de fibra por ter maior proporción de follas que as italianas, que medran máis rápido e fillan antes. Iso si, o momento do corte ten un efecto directo porque, se nos atrasamos, as plantas conterán unha maior cantidade de lignina dentro a FND que farán que diminúa a dixestibilidade así como o seu valor nutricional, sendo o nivel de degradabilidade da FND o que nos marcará dá cantidade de enerxía e proteína que este achegará ao animal para a súa produción leiteira.

A proteína

Por último, e non por iso menos importante, temos que falar da proteína da forraxe, unha calidade que no caso do ensilado de herba ten un peso moi grande na decisión de utilización na ración por parte dos gandeiros. A cantidade e calidade da proteína deste, do mesmo xeito que os anteriores parámetros, depende das variedades e do momento do corte. No caso das variedades, entre as que máis achegarán está o raigrás inglés, pero con diferenza os cultivos que máis achegarán son as leguminosas, polo que para obter unha maior cantidade de proteína, o ideal sería sementar unha mestura de ballico inglés e leguminosas.

Esta alternativa, por suposto, como todo na vida,ten un punto complicado: a dificultade que teñen as leguminosas para a súa implantación e a súa intolerancia, nalgunhas variedades, ao abono acolchado con xurros.

Pero os datos medios obtidos nas nosas mostras recentes indican un valor de Proteína Bruta (PB) de 12,2%, o que reflicte unha mellora respecto ao ano anterior que foi do 11,5%. Algo estamos a facer ben.

En definitiva, estamos a ver unha gran evolución na produción de ensilaje por parte dos nosos gandeiros, que están a mellorar moito a calidade das súas forraxes.

É certo que en ocasións o clima non axuda a elixir o óptimo momento de corte, pero o principal é que cada vez son máis conscientes de que para conseguir mellores rendementos é necesario contar con silos de mellor calidade. E non serve unicamente ter en conta os valores de proteína, senón tamén os de dixestibilidade, contar con valores baixos de cinzas, e realizar un proceso de ensilado correcto.

Traballar con precisión é fundamental para conseguir mellores producións, calidades e, en definitiva, gandarías máis rendibles.

As 15 claves para unha boa conservación dos silos de herba

Estamos na segunda quincena de abril, época na que se concentra o ensilado da herba en moitas comarcas gandeiras. O elevado prezo da soia ou da colza fixeron que a herba volvese recobrar valor nos últimos tempos pola súa alta producción de proteína e os seus efectos beneficiosos como cultivo de inverno na rotación co millo.

Para seguir avanzando na mellora do ensilado de herba, e así garantir unha boa conservación e calidade do mesmo, Antón Camarero, técnico de ADIAL, en colaboración con XESGA, está a difundir entre os gandeiros e técnicos unha serie de 15 “pastillas de herba” nas que explica de maneira moi gráfica e sinxela os aspectos clave a ter en conta. Son os seguintes:

Pautas para a correcta conservación do silo de herba

A conservación dos silos de herba é clave para lograr unhas forraxes de calidade. Por iso, tal e como apunta Silvia Rico, veterinaria nutricional da Cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada na comarca do Deza, é necesario coidar o manexo do silo dende que se realiza ata que se remata. “O obxectivo do ensilado é conservar a forraxe, sen perder a cantidade de alimento e evitando ó máximo as perdas do valor nutritivo”, explicaba Rico no marco dunhas xornadas para conseguir boas forraxes organizadas pola cooperativa O Rodo, de Rodeiro (Pontevedra). Así, trátase de conseguir un silo cun elevado valor nutritivo, altamente dixerible, debidamente conservado e palatable para o animal. Para lograr silos de herba de calidade, Rico recomenda evitar a presenza de osíxeno e prestar especial atención ós azucres, xa que son un aliado para a conservación das forraxes. A veterinaria Silvia Rico durante a súa participación nas xornadas na Cooperativa O Rodo.

A presenza de osíxeno, o maior inimigo dos silos

A presenza de osíxeno no silo é un dos maiores inimigos para a conservación da herba. Á hora do ensilado é preciso ter isto xa moi presente e tentar evitar que queden espazos de aire no silo. “Cómpre facer un bo enchido e compactación da herba cando se mete no silo para reducir ó mínimo a presenza de osíxeno. Canto máis pisado vaia o silo menos aire vai quedar e redúcense os riscos”, concreta a veterinaria. Facer unha boa compactación do silo contribúe ademais a reducir ó máximo as perdas de nutrientes en materia seca. Un silo cun frontal ben compactado adoita ter unha perda de nutrientes do 0,3% no primeiro día en que se abre o silo. Porén, se este frontal é moi irregular esta porcentaxe elévase a 1% nun só día de exposición. Ó cuarto día, nos silos moi irregulares esta perda chega a ser do 15%, mentres que nos silos cun frontal compacto, queda nunha perda do 6% cando leva os 4 días aberto.
Meter a herba cun grao de humidade axeitado e facer unha boa compactación é fundamental para reducir as perdas de nutrientes dos silos
No momento de facer o ensilado, tamén cómpre ter en conta a humidade da forraxe. “A herba non debe ir nin moi seca nin moi húmida, debe conter arredor dun 30-35% de materia seca”, explica a veterinaria. Con todo, recoñece que hai tendencia a meter moi húmida a herba. “Canto máis húmido se mete o silo máis efluentes vai haber, é dicir, maior perda de líquido, non só auga, senón nutrientes”, explica. Ó mesmo tempo, a auga fai un efecto tampón e evita que baixe a pH. Pola contra, tampouco é recomendable meter a herba moi seca, xa que entra máis aire ó silo e resulta máis difícil a compactación da forraxe. Tan importante coma o ensilado é o manexo que se fai do silo dende que se abre para consumir. “Dende que se abre o silo, hai un punto de contaminación alto no frontal do silo, polo que cómpre tentar reducir ó mínimo os riscos”, valora Rico. A veterinaria recomenda manter un frontal cunha superficie lisa e perpendicular ó solo, xa que deste xeito a superficie exposta é menor. Ademais, aconsella ir retirando a cuberta plástica de xeito paulatino. “Como máximo pode destaparse o plástico do silo que se prevé consumir en 3 días, non máis”, aclara. Tamén se debe consumir tendo unha densidade axeitada. No inverno de media consumiranse uns 15 centímetros e no verán chégase ós 20 centímetros. Ademais, para mellorar a calidade dos silos de herba tamén é recomendable ter ben dimensionado o silo en base ó número de animais e á inxestión de silo por exemplar que se vai facer. Contar cunha boa orientación do silo tamén contribúe a que as inclemencias meteorolóxicas non provoquen perdas.

Os azucres, claves para o silo

Os azucres son a principal fonte de alimento para as bacterias que producen o ácido láctico, que á súa vez é indispensable para a conservación do silo, xa que provoca que o pH baixe e se conserve o ensilado. Así, é fundamental segar a herba para ensilar antes do espigado, xa que é cando máis azucres ten a planta e proporcionará alimento ás bacterias. A veterinaria recorda como os silos feitos no inverno non terminan dando bos resultados, xa que a herba non chega a cumprir o ciclo e non está próxima ó espigado cando se sega, de xeito que case non contén azucres que permitan a produción do ácido láctico e a conservación do silo. Cómpre prestar atención ó frontal dos silos, para evitar perdas de forraxe. Na produción de ácido láctico non tódalas bacterias presentes no silo resultan igual de eficaces. “A velocidade e a eficiencia do proceso pode variar en función do número e o tipo de bacterias que haxa no silo”, explica a veterinaria. Nos silos tamén pode haber bacterias como E. coli ou Clostridium que son nefastas para a conservación do silo e que poden botar a perder a forraxe.
“Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”
O problema é que á hora de realizar o silo descoñécese que cantidade de bacterias eficaces ou prexudiciais para a conservación da forraxe hai na herba, de aí que se recomende o emprego de inoculantes, que aportan bacterias eficientes na produción de ácido láctico. Evitar a presenza de osíxeno tamén é determinante para conservar a maior cantidade posible de ácido láctico nos silos, xa que o aire favorece un desenvolvemento exponencial de fermentos, fungos ou das bacterias ineficientes, todos eles prexudiciais para a conservación do silo. “Reducir a contaminación nos silos é a mellor mareira para mellorar a inocuidade da ración e que os animais se alimenten de xeito regular tódolos días”, concreta a veterinaria. As variacións de inxesta dunha granxa poden ser un indicador de que o silo, sexa de herba ou de millo, está contaminado e dana ós animais, de maneira que reducen a cantidade de forraxe que comen.

¿Como avaliar a calidade dos silos?

Para avaliar se un silo de herba se atopa en boas condicións e é de boa calidade hai varios indicadores que poden proporcionar información ó respecto: -Características físicas. Observar a simple vista o silo xa pode aportar información sobre o seu estado. A cor debe ser semellante á do forraxe cando se ensilou. “Un silo de cor negra xa indica que non está ben conservado”, detalla a veterinaria. O olor tamén é un bo indicador. Así, o silo debe ter un olor ácido, pero que nos recorde a froita madura. Un silo con olor a podre revela que non se fixo do xeito correcto algún proceso. Tamén debe ter unha temperatura estable, xa que cando se eleva indica que hai presenza de osíxeno que está interferindo na conservación do silo. -Características químicas e biolóxicas. Os datos que nos poden facilitar as analíticas dos silos sobre as presenzas de bacterias e o perfil de fermentación resultan de gran utilidade para determinar a calidade do silo.

Claves para mellorar a calidade do silo de herba

As Xornadas Técnicas de Vacún de Leite Seragro 2021 serviron como marco de referencia para conseguir un silo de herba de calidade.. Alexandre Udina, veterinario especialista en ensilado de forraxes, lembrou que o ensilado enfróntase a unha serie de problemáticas como unha mala fermentación ou unha inestabilidade aeróbica. Os responsables no primeiro caso son a presencia de bacterias, e no segundo caso os fungos materializados en mofos ou levaduras. Na súa intervención nesta xornada, Udina centrouse no ensilado de raygrás. O veterinario expresou que “este tipo de herba ten unha ensilabilidade media, isto é, máis fácil de ensilar que unha leguminosa, pero máis difícil que un millo”. O ‘lolium perenne’ ou raygrás inglés ten máis folla e menos tallo, o que dá lugar a un alimento máis nutritivo e fácil de compactar que o raygrás italiano.  A fermentabilidade deste tipo de raygrás ten un contido de azucres que actúan, dun xeito positivo, como substrato das bacterias lácticas para producir ácido durante a fermentación láctica; o tipo máis “interesante e compensado” segundo expresa Udina. Pola contra, a proteína actúa coma un tampón para o proceso, resistíndose a unha caída do Ph, ademais de ser un depósito de clostridios para producir ácido butírico e aminas bióxenas.  

Pautas previas ao ensilado para evitar riscos na fermentación

  A fertilización do campo ten o seu efecto no contido de ácido butírico no silo de herba e, polo tanto, influíndo na nutrición dos animais. “Se fertilizamos a pradeira con puríns ou feces frescas os niveis de butírico vanse disparar no silo”, advirte Alexandre Udina. Ademais, o veterinario especialista no ensilado destaca que “é moi importante a fertilización nitroxenada e aplicar ese nitróxeno correctamente”. Este compoñente ben utilizado aumenta os niveis de nitratos no ensilado, facendo diminuír o contido de ácido butírico.
“Se o forraxe contén menos de 1g nitrato/kg MS o risco de mala fermentación aumenta” (Alexandre Udina)
A proporción de nitratos pode desencadear unha mala fermentación O manexo e aplicación dos xurros, xunto aos montículos de terra nos campos -provocados polas toupas-, afecta directamente á aparición de clostridios. O purín inxectado reduce a contaminación sobre as follas de herba. A nivelación da terra é outro dos métodos para evitar a contaminación por butírico no ensilado de raygrás mediante unha “redución dos niveis de cinzas (terra), clostridio e butírico que mellora a calidade do silo”, especifica Udina. Existen outras cuestións previas á fermentación do silo que afectan ás mesmas a través dunha inestabilidade aeróbica. Os residuos de millo que despois da súa recolección quedan no pasto e mesturados coa herba afectan ao ensilado. “Procesar ou desbrozar os restroballos de millo é importante para reducir o crecemento dos fungos no silo”, detalla o veterinario. Localizar o momento óptimo de corte do raygrás é outro punto que destaca na súa intervención nas xornadas Alexandre Udina. Dúas semanas antes do espigado é o momento idóneo para cortar a herba, e así mesmo alcanzar un equilibrio entre calidade e cantidade. A produción, a proteína, e a capacidade de dixestión da materia prima varía moito entre o inicio da folla e o espigado. A altura de corte da herba e a aplicación dun pre-secado do forraxe son as últimas pautas previas ao ensilado que o veterinario aborda. Axustar a máquina a unha altura de máis de 6cm para sacar os mínimos residuos posibles é fundamental. Por debaixo desa medida a proporción de terra no silo vai ser maior e, polo tanto, de menor calidade. A partir desta fase é necesario proceder cun acondicionado da herba para conseguir o óptimo de materia seca en silo, que é entre un 25 e un 35%. Neste proceso cómpre “facer un pre-secado de 24/48h evitando o volteado, facendo fileiras anchas e usar rotativas acondicionadoras que eviten a contaminación do solo”, adianta Udina. A altura de corte ten o efecto sobre os niveis de cinzas do silo O picado, xunto ao compactado e ao peche, son partes finais do proceso. A lonxitude de picado ten un efecto directo sobre a concentración de ácido butírico no silo. Por debaixo dos 3cm é o óptimo, correspondéndose cunha concentración media de 3,7g/kg Ms. Sen embargo, cunha leve variación do picado, os resultados dispáranse: entre 3,1 e 6cm de lonxitude de corte os niveis de ácido multiplícanse ata case por tres, achegándose aos 10g/kg Ms. O lonxitude de picado é fundamental para evitar que os niveis de ácido butírico se disparen Na fase de compactado débese ter en conta a densidade e a altura de capa. Ademais do tamaño do picado e do uso de tractores de pisado, outro aspecto fundamental é a altura de capas. “Se facemos capas de 5 a 10 cm sempre estamos polos 200-225kg/m3 de media que é o obxectivo de densidade que debemos procurar nun silo de herba”, afirma Alexandre Udina. Outro dos consellos que engade o especialista é que se deben evitar as ‘barrigas’ no silo, isto é, que a herba ensilada non sobresaia moi por riba das paredes porque dá lugar a partes con diferente nivel de compactado. O cerrado do silo comprenderíase como a parte final. Neste momento débese facer un peche efectivo tendo en conta certas zonas problemáticas. Na súa presentación, Udina fai fincapé na necesidade de poñer un plástico entre as paredes e o silo para que non se acumule auga e non se produza un proceso de putrefacción. En canto os materiais, o uso de plásticos para o selado aconséllase que sexa de catro capas: un plástico interior de film transparente, un exterior bicolor, sacos de area e lona de protección.  

Fermentación e apertura do silo

  Unha vez pechado o silo interesa que o proceso de fermentación se inicie o antes posible. O obxectivo, tal e como o describe o veterinario especialista en ensilado, “é facer un ‘iogur’ de herba, é dicir, que os azucres da planta se transformen en ácido láctico, que así mesmo nos reducirá o pH producindo unha acidificación”, explica Udina. Que función ten esta parte do proceso? Procúrase parar a respiración da planta, reducir a actividade proteolítica, inhibir os microorganismos daniños e aumentar a capacidade de dixestión do forraxe. A fermentación no silo de herba pode ser de varios tipos diferentes. A única que resulta interesante é a láctica, concretamente a variable homoláctica que aporta unha proporción moi alta de materia seca e enerxía, aproximado 100/99 MS/enerxía. Outros tipos de fermentación que resultan negativos son aquelas que se producen por clostridios, levaduras ou enterobacterias, as cales dan lugar a unha gran perda de propiedades e enerxía do silo. “Cando vemos unha serie de liñas no silo máis escuras, que normalmente cheiran mal, débese a unha mala fermentación que orixina un ‘silo frío” (Alexandre Udina) A apertura do silo implica a entrada de osíxeno. Poida que ata esa fase se producira unha boa fermentación pero que despois existan problemas de estabilidade aeróbica relacionado coa constitución do mesmo ou unhas malas pautas de consumo. Ademais, a distancia de arriba do silo ten un efecto sobre a súa estabilidade. Conforme existe unha maior distancia de arriba do silo, o nivel de compactado aumenta e menos aire pode entrar, dando lugar a un tempo de espera alto para chegar a unha estabilidade aeróbica. Tamén é importante o avance diario da fronte do silo, para o cal Udina aconsella uns 30cm de avance, ou polo menos, non estar dous días ou máis con esta parte sen tocar. Efecto de distancia de arriba do silo sobre o nivel de compactado e as consecuencias na estabilidade aeróbica A maior quecemento do silo, maior desenvolvemento de levaduras. Unha vez aberto o silo cómpre determinar os graos do seu interior. O que debe suceder para unha correcta estabilidade aeróbica é que o rectángulo central-alto rexistre maior temperatura que a periferia. Se pasa o contrario é sinal dunha inestabilidade que está favorecendo o avance ou aparición de levaduras, o que leva a unha perda de propiedades.

Posibilidade de aplicación de aditivos

  O obxectivo de calquera gandería co ensilado é alcanzar a máxima calidade. Para isto, Udina aclarou unha serie de pautas que axudan a conseguir este obxectivo, como un tempo de pre-secado curto ou unha lonxitude de corta e picado determinada. No proceso, tanto previo á conformación do silo como de fermentación, “pode haber deficiencias do forraxe que cómpre compensar, como unha baixa materia seca, un baixo nivel de nitratos, ou mesmo carencias a nivel tecnolóxico, como un compactado insuficiente ou un avance lento da fronte do silo”, explica o veterinario especialista en ensilado. Ao igual que no ensilado existen dous grandes tipos de problemas relacionados coa calidade da fermentación e coa estabilidade aeróbica, aínda que existen aditivos que melloran estas dúas partes do proceso a través da inhibición de bacterias patóxenas, de levaduras ou fungos. A combinación de ambos tratamentos pódese levar a cabo para mellorar o conxunto do ensilado. Durante a fermentación, pódese incluír nitrito-hexamina ou ácido fórmico para reducir as perdas de materia seca, así como os niveis de butírico. Na segunda fase, pódese utilizar un ‘lactobacillus buchneri’, mellorando o tempo de estabilidade aeróbica que vai ter un silo, e achegándose a unha mellora de 6 días de media, dependendo da materia prima.

Véndense rolos de herba seca en Cospeito

Ganaderia Aguiar, en Cospeito (Lugo), vende rolos de herba seca deste ano. En total vende 70 de herba de pradeira natural e 60 de herba de pradeira de raigrásss da 3ª corta. Foron feitos cunha maquina Class Roland 46, son grandes e non teñen malas herbas. Prezo: 21€/rolo. Telefono de contacto 636733138.

Traballan nun sistema para elaborar racións de precisión que reduce un 10% os custos de alimentación

  O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) está a traballar, en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), no desenvolvemento dun sistema avanzado de valoración nutricional dos alimentos co fin de determinar con precisión o valor enerxético e de nitroxenados das forraxes consumidas nas explotacións de vacún de leite.  Búscase ter información precisa sobre o valor nutricional das forraxes máis utilizadas nas explotacións de leite galegas para realizar un racionamento máis eficiente, reducir custos e gañar competitividade, entre outros aspectos, entre os que estarían tamén os medioambientais, grazas á redución de emisións producidas. Trátase dun proxecto de investigación cooperativa que persegue incrementar a capacidade analítica do Ligal mediante a creación e mantemento de aplicacións NIRS innovadoras, que permitan a predición directa da composición química, dixestibilidade e degradabilidade ruminal da proteína en forraxes frescas e ensiladas (pradeira e millo forraxeiro), proporcionando os parámetros de enerxía e proteína requiridos polos modernos programas de racionamento para vacas de leite.
A mellora na eficiencia das racións podería supoñer un aforro para as explotacións de entre un 5 e un 10% dos custos de alimentación
A través desta tecnoloxía NIRS, relaciónase a información espectral dos alimentos cos datos de valor nutricional mediante técnicas estatísticas avanzadas, o que permite mellorar o manexo da alimentación animal para garantir a viabilidade económica e ambiental do sector produtor leiteiro galego, segundo destaca en nota de prensa a Consellería do Medio Rural. Neste senso, é preciso incrementar o uso de forraxes de calidade e a súa eficiencia de utilización no racionamento das vacas de leite para que o propio sector poida ser cada vez máis competitivo. Así, un incremento de precisión na valoración nutricional das forraxes poderíase traducir nunha redución estimada de ata un 5-10% do custo da ración nas granxas leiteiras. Polo tanto, para un gasto estimado en alimentación anual das granxas leiteiras galegas de aproximadamente 400 millóns de euros, a aplicación xeneralizada das novas tecnoloxías podería achegar un beneficio de ata 20-40 millóns de euros cada ano para o conxunto do sector respecto da situación precedente.

Véndense rolos de herba seca

Véndese no Saviñao (Lugo) herba seca en rotopacas, segada en xullo deste ano 2020. O peso de cada rotopaca é de 300 kg./unidade, e hai unhas 200 unidades. O prezo de venta é de 20 €/unidade. Prezo negociable. Teléfonos de contacto: 661 818 123 / 666 325 928

Campaña de ensilado da herba: Grandes producións pero atrasada polas choivas

O bo tempo desta semana, a pesar das treboadas, apurou as tarefas de ensilado da herba nas ganderías de vacún de leite de toda Galicia. A campaña leva varias semanas de atraso posto que, se o tempo tivera acompañado, boa parte dos gandeiros terían feito xa o ensilado para evitar que a herba se pasase. A humidade está a condicionar a calidade dos silos así como o atraso no corte, posto que moita da herba cumpriu xa o ciclo. O tempo axeitado para realizar o abonado nos meses pasados e as chuvias que impediron facer cortes de limpeza en moitas fincas deixaron unha gran cantidade de herba para estes primeiros cortes da campaña de ensilado. Repasamos como está avanzando a campaña de ensilado nas principais zonas gandeiras de Galicia:

Na Mariña: “Ó atrasar o ensilado cabe esperar que os silos teñan tamén máis fibra”

Na Mariña lucense a campaña leva algunhas semanas de atraso, aínda que esta mesma semana agardan deixar listos a maior parte dos primeiros cortes. “Na zona de A Pastoriza, Xermade e Guitiriz aínda queda moita herba por ensilar, pero na Mariña, que adoita ir con algo máis de adianto, xa estamos rematando os primeiros cortes da campaña da herba”, explica Mauro Louzán, técnico da cooperativa Os Irmandiños, integrada en Clun. A inestabilidade meteorolóxica fixo que os cortes se atrasen e condicionará as calidades dos silos. Aínda pendentes dos resultados das primeiras analíticas, “cabe esperar que os silos teñan tamén máis fibra”, apunta Louzán. Tamén constata que hai un incremento da cantidade de herba con respecto a outros anos e que se evidencia máis tamén nas fincas de A Pastoriza e de Xermade. “Nalgunhas fincas nin se puido facer corte de limpeza co que haberá máis cantidade de herba”, indica Louzán.

Lugo: “Emprégase máis conservante nos silos para tentar paliar as condicións do ensilado”

Na maioría das granxas da zona de Lugo e Pol levan xa arredor de 2 semanas agardando para realizar o ensilado. A inestabilidade meteorolóxica fixo que ata o venres pasado poucos puideran realizar o corte da herba. “A campaña do ensilado vai con atraso e tamén a do millo. Así, na zona de Lugo sementouse xa algún, sobre todo ciclos longos e en terras baldías, pero en Friol ou Pol case non hai millo botado”, explica Rocío Cabado, técnica da cooperativa Aira nestes concellos. A cantidade de humidade coa que se fixeron algúns silos está a provocar un incremento das vendas de conservantes. “Os gandeiros están cada vez máis concienciados de que é preciso garantir a calidade dos silos e tentan botar man de tódolos recursos que teñen dispoñibles. Emprégase máis conservante para así tentar paliar que as condicións non fosen as mellores para o ensilado”, indica Cabado. As tormentas dos últimos días tampouco axudaron a realizar os silos da mellor maneira. “Coas chuvias, ademais da humidade da herba, sempre vai máis terra para os silos, que tampouco é o mellor”, valora a técnica.

Sarria: “Facendo ben o ensilado aínda se van poder conseguir boas calidades nos silos”

En Sarria (Lugo) aínda queda boa parte das fincas por ensilar. A finais da semana pasada houbo xa gandeiros que optaron por ensilar, pero o forte concentrase nestes días. “O bo tempo de marzo permitiu abonar, co que hai moita cantidade de herba nas fincas”, explica Alberto Santín, un dos técnicos encargados do ensilado na planta de mestura húmida que a cooperativa Aira xestiona en Sarria, a segunda máis importante de Galicia despois da que Clun ten na Mariña. As treboadas fixeron que a herba espigase xa ou que caese co que está dificultando un pouco as tarefas de ensilado. “Facendo ben o ensilado aínda se van poder conseguir boas calidades nos silos”, indica Santín. Tamén incide en que a conservación dos silos, debido á humidade será unha das maiores complicacións. “Dende a cooperativa recomendamos empregar conservante para aumentar a calidade dos ensilados da herba, que é o que máis costa lograr en Galicia”, detalla. Ó mesmo tempo insiste na importancia de estender a herba no prado e darlle un pouco de presecado, sempre que o tempo acompañe.

Chantada: “A campaña vai atrasa, pero hai unha produción de herba alta”

No sur de Lugo, antes das chuvias ensilouse arredor dun 20% da herba que había para esta campaña e co bo tempo están, ó igual que no resto de Galicia, a apurar o ensilado. “Estes días estamos traballando a tope porque coa calor a herba tamén vai empezar a espigar e pasarse”, explica Jorge Meiriño, un dos técnicos de Aira, que leva a zona de Chantada. Os labores de ensilado tamén van con atraso nesta zona para o estado no que se atopaba a maior parte da herba. “O atraso non é tanto en datas, senón en como debía de ensilarse esa herba”, explica Meiriño. A campaña está deixando tamén unha produción alta de herba e aínda que hai moitas zonas en que as chuvias deitaron a herba, o bo tempo tamén está permitindo que en moitos prados se ventile e melloren as condicións para o ensilado. Se as previsións meteorolóxicas se cumpren e o bo tempo acompaña, agardan ter ensilado arredor do 60% da herba desta zona contra finais desta mesma semana.

Guntín: “O abonado fíxose en tempo e agora a herba comeza a pasarse”

Na zona de Guntín e Palas de Rei (Lugo) poucos conseguiron ensilar ata o de agora e o forte da campaña concéntrase nestes días. “Moitos dos que decidiron ensilar antes tampouco conseguiron meter boas calidades porque moita herba foi mollada, xa que case non veu día que non chovera”, indica Silvia Cendán, técnica de Aira responsable desta zona. Tamén nestas ganderías están a contar cunha importante cantidade de herba para ensilar, pero que xa comeza a espigar. “O abonado puido facerse en tempo e agora a herba hai días que estaba lista para ensilar”, detalla Cendán. O habitual é que xa a finais de abril estea case rematada a ensiladura, mentres que este ano aínda son poucas as granxas que conseguiron facela.

Xallas e Barcala: “A calidade dos silos vaise ver reducida pola humidade”

O ensilado na Cuma Xallas e Barcala, de Mazaricos, (A Coruña) leva algo máis dunha semana de atraso aínda que o primeiro corte xa o fixeron no mes de marzo. “Xa podiamos ter ensilado se o tempo tivera acompañado”, explica Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar, que agrupa a 8 ganderías da zona que comparten a xestión dos forraxes e da recría. Agardan que a finais desta semana ou na próxima poidan facer o segundo corte nas 150 hectáreas que teñen de pradeiras permanentes. “Hai moita cantidade de herba, pero a calidade dos silos vaise ver reducida pola humidade”, concreta Cundíns. Moitos dos silos conseguiron facer o corte con bo tempo, porén as chuvias condicionaron o ensilado. Ademais, algunha da herba xa non estaba no momento óptimo para ensilar, como recorda o técnico. Á marxe deste segundo corte, en Ganxabar aínda contan realizar un terceiro corte, como levan facendo nos últimos anos. Agardan facelo no mes de xuño ou xullo nas pradeiras permanentes, unha herba que ensilarán ou deixarán para seco, en función das condicións meteorolóxicas.

Deza: “Aínda queda máis do 80% da herba do primeiro corte por meter”

Na comarca do Deza (Pontevedra), unha das zonas leiteiras do centro de Galicia, estes días son moitos os gandeiros que afrontan o ensilado. Na cooperativa Cobideza a campaña vai con case 3 semanas de atraso e nesta semana comezaron co ensilado para os seus socios. “Aínda queda máis do 80% da herba por meter cando a estas alturas o normal sería ter ensilado xa a metade”, explica Kiko Mosquera, o responsable de maquinaria da cooperativa. As chuvias, ademais de impedir que se fixera o corte cando a herba o requiría, tamén condicionan o ensilado deste primeiro corte na zona. “O primeiro corte vai ser bastante malo. Hai moita cantidade, pero pouca calidade”, concretan dende Cobideza. A calidade dos silos redúcese ó contar con herba moi grande e estar moi mollada, segundo indica Mosquera.