Archives

Así traballa a primeira colleitadora con orugas para grao húmido en Galicia

A primeira colleitadora con sistema de desprazamento mediante orugas xa está traballando en Galicia. Trátase dunha Claas Lexion 5500 Terra Trac que adquiriu a empresa de servizos agrícolas Agro Maroñas SL, de Mazaricos, a Agrícola Curtis. “Levamos con ela 11 días colleitando o millo para facer grao húmido nas comarcas do Xallas e a Barcala e os resultados son moi bos: Ten un maior rendemento que outras colleitadoras , o millo sae máis limpo. Ademáis, esta máquina móvese ben polo asfalto, ten moita máis estabilidade e, sobre todo, pode traballar en fincas que estean húmidas nas que con outra máquina quedarías antes espetado, mentres que con esta vas algo máis confiado, aínda que non te podes fiar do terreo mollado en Galicia, que todo ten un límite ", explica Ángel París, integrante do equipo de Agro Maroñas SL. Claas Lexion 5500 Terra Trac está deseñada tanto para colleita de cereal como de millo e conta dun depósito de 8000 kilogramos. "Esta máquina non só non compacta tanto o terreo, e prácticamente non deixa rodeiras, senón que non precisa traballar cun tractor con remolque ao lado. A colleitadora pode desprazarse ata un camiño ao lado da finca para descargar alí no remolque, sen risco de que o tractor se espete", engade. A gran colleita de millo que hai este ano en Galicia permite que se destine unha maior superficie para a elaboración de grao húmido, unha forma de reducir os custos de alimentación e de incrementar a produción de leite. Neste sentido, Ángel París estima que "os rendementos de grao húmido están este ano entre as 12 e as 14 toneladas por hectárea, unha produción moi boa".

Máis información:

Recomendacións para a elaboración de grao húmido

Vantaxes do grao húmido respecto á fariña de millo nas ganderías de vacún de leite

Nos últimos anos cada vez son máis as ganderías de vacún de leite que deciden reservar unha parte da súa superficie de millo forraxeiro para destinala a facer grao húmido, e reducir deste xeito o custo da ración. Para coñecer máis sobre as vantaxes non só económicas senón tamén nutricionais do grao húmido, a firma de sementes Dekalb convidou na súa xornada anual celebrada en Santiago de Compostela a un dos expertos de referencia en asesoramento nutricional ás granxas de vacún de leite, o consultor Ángel Ávila.

Máis enerxía que a fariña de millo

Como punto de partida destacou as vantaxes do grao húmido con respecto á fariña de millo: -O grao húmido ten un 13,7% máis de enerxía que a fariña de millo: 1,24 UFL fronte a 1,07. -Deste xeito, 1 kg de fariña de millo equivale a 1,3 kilogramos de grao húmido. -O picado do grao húmido mellora a súa compactación. -O grao húmido mellora a fermentación láctica. -O grao húmido ten tamén unha mellor dixestibilidade do almidón: En concreto, mentres a fariña de millo ten unha dixestibilidade no rume da vaca do 46,51% ás 7 horas de ser inxerida, no caso do grao húmido esta porcentaxe elévase ao 68,95%, se o silo se abriu en decembro, uns dous meses despois de ser picado. Porén, se se agarda máis tempo á apertura do silo, e ao igual que sucede co ensilado da planta completa, a dixestibilidade do almidón increméntase de xeito notable: sobe até o 78,91% se se agarda ata marzo. E máis dixestiblidade do almidón significa máis leite que produce a vaca e menos almidón que é excretado polo animal e que vai á fosa de xurro.

Recomendacións para facer o grao húmido

Por outra parte, Ángel Ávila tamén ofreceu unhas recomendacións para realizar correctamente o silo de grao húmido. Son estas: -A porcentaxe de humidade do millo debe estar entre o 32 e o 35%. -A moenda pola máquina debe facerse entre 0,9 e 1,25 milímetros para mellorar o acceso do almidón ás bacterias lácticas. -O enchido e o peche do silo debe facerse o máis rápido posible, para lograr a anaerobiose, é dicir, a ausencia de osíxeno. -Cando máis tempo se tarde en abrir o silo de grao húmido maior será a súa dixestibilidade.

23000 euros ao ano de aforro para unha gandería de 100 vacas

En canto ás vantaxes económicas, o consultor estimou que producir unha tonelada de grao húmido cóstalle ao gandeiro uns 145 euros, a metade que os 310 euros que rolda unha tonelada de fariña de millo. Extrapolados os datos a unha gandería de 100 vacas, substituír os 4,76 kilos diarios de fariña de millo na ración por 6 kilogramos de grao húmido producido na explotación, supón un aforro anual duns 23.000 euros. En concreto, supón pasar dun custo de 54.000 euros a 31.750 euros. Velaquí a comparativa dos resultados:

Véndense 11 hectáreas de millo para grao húmido en Val do Dubra

Véndense 11 hectáreas de millo para grao húmido no concello coruñés de Val do Dubra.  Millo da marca Soufflet, variedades Device e Extasia. Ciclos 300.  Data prevista para ótpima maduración: entre o 15 o 20 de outubro.  As persoas interesadas poden chamar ao 649 286 514 (Fermín)