Archives

Xornada en Lugo sobre os retos do sector lácteo

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra da USC, que coordina o catedrático da Escola Politécnica Manuel Marey, organiza o vindeiro mércores 25 de outubro a xornada Retos do sector lácteo. O encontro, no que se analizará o sector desde o punto de vista das ganderías e as empresas que lles prestan servizos, contará coa participación de Abanca, Alltech, Aresa e Innogando. Os relatorios comezarán ás 9:30 horas e abordaranse os retos de financiamento, sustentabilidade, produción e innovación do sector. As charlas da mañá serán no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, con entrada libre e gratuíta. Pola tarde levarase a cabo unha visita a Granxa Gayoso Castro, para a que se habilitará un autobús ata completar as prazas. Para máis información pódese enviar un correo electrónico a manuel.marey@usc.es.

Aberto o prazo para inscribirse no Máster en Produción de Leite da USC en Lugo

Establo da granxa docente da USC nas instalacións de Gayoso Castro A USC abre o prazo de matrícula para inscribirse no Máster en Produción de Leite que imparte no Campus de Lugo. A Escola Politécnica, a Facultade de Veterinaria e a Granxa Docente Gaioso Castro serán as sedes principais onde se desenvolverá a formación, en formato presencial, que se completa con prácticas en empresas. Os alumnos e alumnas matriculadas terán a posibilidade de realización de 312 horas de prácticas en empresas do sector: LIGAL, Cooperativas, empresas de servizos veterinarios, etc.  As clases serán de setembro a xuño e as prácticas rematarán, a máis tardar, o 30 de decembro do ano que vén. Haberá ademais que presentar un traballo fin de Máster con tres convocatorias: xullo, novembro e febreiro.
As clases comezarán o vindeiro mes de setembro e rematarán en xuño e as prácticas estenderanse ao mes de decembro
A maiores do Máster, a USC oferta tamén a posibilidade de cursar dous módulos formativos independentes, sen necesidade de facer o Máster completo, como cursos de formación continua: un con formación específica de Alimentación na Produción de Leite e outro de Economía das explotacións lácteas. Hai disponibles tres prazas en cada un destes cursos. A inscrición no Máster en Produción de Leite e nos distintos Cursos Específicos pode facerse neste enlace.

Granxa Experimental de Leite da Deputación de Lugo: Un motor para a innovación no sector lácteo

A Deputación de Lugo puxo en marcha hai preto de dous anos a Granxa Experimental de Leite na finca Gayoso Gastro, en Castro de Rei. Trátase dun centro de referencia que impulsa o sector primario como motor económico da provincia de Lugo e de Galicia a través do apoio á actividade gandeira, a formación, a innovación e a investigación.

A Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castro, creada pola institución en colaboración co Campus Terra da USC, é o primeiro centro público experimental de Galicia que une formación e investigación universitarias sobre o sector lácteo. Ten como obxectivo poñer a formación, a investigación e a innovación ao servizo dos gandeiros e das gandeiras da provincia, de todo o sector primario, e do desenvolvemento do rural.

A Granxa Experimental de Leite cubre unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, o que supón un engadido de calidade na formación do alumnado porque fan prácticas nun laboratorio vivo. Neste curso formaranse 500 alumnos e alumnas do Grao de Veterinaria.

Na actualidade, o centro experimental conta con 44 vacas en lactación cunha produción media de 40 litros por animal e máis de 1.700 litros ao día- 

Un investimento de 1,2 millóns de euros por parte da Deputación de Lugo

Visita instituional ás instalacións

A institución provincial destinou 1,2 millóns de euros para a construción desta dotación, unha cantidade que representa o 90% do investimento total necesario. O Campus Terra da USC achegou o 10% restante, e a institución provincial asume ademais o 100% dos gastos de funcionamento.

As instalacións están construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, e ao pé da Granxa Gayoso Castro. Ten capacidade para 70 vacas produtoras e 12 secas. Conta cunha nave para gando de leite, unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas, e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón.

Dos 15.500 metros cadrados de superficie que ocupa a Granxa de Leite, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas. A maiores do previsto inicialmente, a Deputación decidiu pavimentar a contorna do centro, investindo preto de 140.000 euros, para mellorar a presencia e os accesos á infraestrutura. Instalouse unha sala de muxido que ten capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combinará co pastoreo, un sistema pouco común aínda en Galicia pero moi estendido noutras zonas de Europa e que permite diminuír os custes e valoriza o leite.

A Granxa Gayoso Castro é un dos piares máis importantes do apoio que está a desenvolver a Deputación de Lugo ao sector primario da provincia, tanto á actividade agrogandeira e forestal como do mar, un compromiso que tamén se materializa noutras accións innovadoras e pegadas á realidade que a institución provincial impulsa en colaboración co tecido produtivo e coa Universidade para xerar actividade económica e emprego sostible no rural.

O estudantado do Campus Terra da USC realiza prácticas na Granxa Experimental

A Granxa Experimental de Leite da USC, en Castro, funciona xa ao 100% da súa capacidade

Foto de arquivo da inauguración da Granxa Experimental de Leite da USC a finais do ano pasado A Deputación de Lugo investirá preto de 150.000€ en diferentes actuacións para o funcionamento e mellora da Granxa Gayoso Castro. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou, por unha banda, a licitación do contrato para a prestación dos servizos de control sanitario, leiteiro e mantemento do robot de muxido para o centro experimental de leite. Tamén quedou adxudicado o servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba para alimentar aos animais durante todo o ano e deuse luz verde ao último paso administrativo para acometer a reparación das cubertas de varias naves afectadas polo mal tempo.
A produción media que se acada na Granxa é de 37 litros por vaca
A Deputación licita por un importe de preto de 40.000€ e un prazo de dous anos de duración o contrato dos servizos referidos ao robot de muxido da Granxa Experimental de Leite, unha actuación importante porque estas instalacións provinciais que se abriron a finais do ano pasado xa están a funcionar ao 100% da súa capacidade, cunha produción media de 37,9 quilos de leite por vaca ao día. Estas instalacións provinciais acollen tamén a 500 alumnos e alumnas que están a completar prácticas do grao de Veterinaria no Campus de Lugo. Ensilaxe de 80 hectáreas de pradeiras Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación do servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba, uns traballos que servirán para almacenar a cantidade suficiente de forraxe co que alimentar aos animais das instalacións provinciais durante todo o ano. Cun investimento de 20.800€, e un prazo de execución cunha duración máxima de 48 horas dende a data de inicio, poderase alimentar ás 2.230 xatas que ten o Centro de Recría e tamén as vacas cachenas de propiedade provincial co fin de impulsar a recuperación desta raza, os exemplares de Raza Rubia Galega froito da colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) e a varios cabalos da Granxa Gayoso Castro e que serven tamén para as prácticas do alumnado de Veterinaria da Universidade de Santiago. Reforzo da estrutura das naves Nas vindeiras semanas, ademais, poderán comezar os traballos de reparación das cubertas de varias naves do complexo da Granxa Gayoso Castro afectadas polo mal tempo. A Xunta de Goberno sacou adiante o Plan de Seguridade e Saúde das obras, o último trámite administrativo para que a empresa pública Tragsa poida comezar as obras de reparación da cuberta destas instalacións, que consistirán no seu reforzo estrutural e que contarán cun investimento de 88.375€. Estas obras son necesarias logo dos danos causados polo mal tempo, que afectou ás cubertas e á estrutura dalgunhas edificacións desta finca provincial. A instalación danada estaba en uso e hai que reparala para poder seguir levando a cabo as actividades propias da Granxa con normalidade.

Máis de 500 alumnos do Campus Terra de Lugo farán prácticas na Granxa Experimental de Vacún de Leite

Dende hoxe e ao longo de todo este segundo cuadrimestre do curso académico, máis de 500 alumnos e alumnas do Campus Terra realizarán prácticas na Granxa Experimental de Leite que a Deputación de Lugo puxo en marcha na súa finca Gayoso Castro, en Castro de Rei, converténdose no primeiro centro público de Galicia que alutina formación e investigación universitarias sobre o sector lácteo. Na Granxa Experimental de Leite realizarán prácticas de catro materias diferentes do Grao en Veterinaria. Estarán organizados en grupos pequenos para que a experiencia sexa o máis personalizada posible e se poidan gardar as distancias como medida de prevención da Covid-19. As materias, en concreto, son as de Enfermidades parasitarias, Cría e saúde animal, Nutrición e alimentación e Reprodución e Obstetricia. En cada unha delas analizan temas de parasitoloxía e simulan escenas de desparasitación, tamén estudan a alimentación dos animais e, entre outras cuestións, fan un seguimento dos embarazos coas súas correspondentes ecografías, análises e observacións. No mes de decembro o alumnado xa tivo a ocasión de empezar a utilizar as instalacións, logo de que a institución provincial inaugurara este centro punteiro para o sector gandeiro. Coa realización destas prácticas cúmprese coa función para a que a Deputación de Lugo construíu esta dotación pública: poñer a formación, a investigación e a innovación ao servizo do sector primario da provincia para promover o desenvolvemento do rural. Un lugar que contribúe a que as explotacións leiteiras da provincia de Lugo sexan máis rendibles e máis sostibles, axudándolles a afrontar retos importantes como aumentar o valor do produto, reducir costes de produción e favorecer o benestar animal. Nesta granxa analízanse todos os parámetros e os problemas das explotacións gandeiras para despois ofrecerlle ao sector primario pautas de mellora e solucións.

Funcionamento

Agora mesmo a Granxa Experimental de Leite produce de media uns 1.500 quilos de leite ao día, con 36 vacas de leite. Os animais adaptáronse moi ben ás novas instalacións, onde contan cun innovador robot de muxido que obtén datos precisos sobre a produción de leite. O aparato permite coñecer información moi relevante á hora de facer estudos e investigacións, xa que se pode coñecer a produción diaria por animal, a produción diaria por cada teto, permite controlar a cantidade que come cada vaca ou, entre outros parámetros, leva o control das células somáticas. O robot detectou que cada vaca produce de media 41 quilos de leite ao día e evidenciou que o centro conta con exemplares que chegan a producir 80 litros de leite ao día, unha cantidade considerada como excepcional.

Un centro á vangarda

A institución provincial destinou 1.250.000€ para construír e dotar as instalacións, o 90% do investimento necesario, achegando a USC o 10% restante. A Deputación asume ademais o 100% dos gastos de funcionamento. Trátase dunha infraestrutura de primeiro nivel tanto no material como no profesional. As instalacións están construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, e ao pé da Granxa Gayoso Castro. Ten capacidade para 70 vacas produtoras e 12 secas. Conta cunha nave para gando de leite, unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas, e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón. Deses 15.500 metros cadrados, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas. A maiores do previsto inicialmente, a Deputación decidiu pavimentar a contorna da Granxa Experimental, investindo preto de 140.000€, para mellorar a presencia e os accesos á infraestrutura. Instalouse unha sala de muxido con capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combinará co pastoreo, un sistema pouco común aínda en Galicia pero moi estendido noutras zonas de Europa e que permite diminuír os custes e valoriza o leite. Incorpora un conxunto de medidas de benestar animal, entre as que se inclúen o cepillo rotativo, cornadizas, cubículos e galbanizados. O centro conta cunha zona de observación, que facilita a visión total da instalación, un aspecto útil á hora de desenvolver as prácticas universitarias. Ademais da unidade de leite, a Granxa Gayoso Castro da Deputación alberga un labor de apoio á recría de becerras de raza Rubia Galega coa colaboración de ACRUGA (Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega) e tamén un centro de recría de gando vacún de leite, o primeiro de iniciativa pública creado en España.

Inaugurado en Lugo o primeiro centro público experimental de Galicia de formación e investigación do sector lácteo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado da Vicepresidenta, Maite Ferreiro, e do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Díaz López, ademais de membros da corporación provincial e de representantes da USC, entre outros, inaugurou este martes a Granxa Experimental de Leite na finca Gayoso Castro, en Castro de Rei. “Trátase dunha instalación pioneira, ao tratarse do primeiro centro público experimental de Galicia que aúna formación e investigación sobre o sector lácteo”, destacan dende o goberno provincial. A institución provincial destinou 1.250.000€ para construir e dotar as instalación, o 90% do investimento necesario, achegando a USC o 10% restante. A Deputación asumirá ademais o 100% dos gastos de funcionamento. José Tomé subliñou que esta infraestrutura “de primeiro nivel no material, pero, sobre todo, no profesional”, xa está en marcha, “coa primeira promoción de alumnos e alumnas do Campus Terra que completarán e mellorarán aquí a súa formación”. “Quixemos inaugurar agora, cando estas instalacións están cheas de vida e de actividade, e non antes porque non ten ningún sentido inaugurar edificios baleiros, sen profesionais, sen xente que lle dea vida”, subliñou o mandatario provincial. Engadiu que “os profesionais, o capital humano, é o que dá valor, o que dá verdadeiro sentido e utilidade real ás infraestruturas”. Tomé Roca recalcou que a Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castro da Deputación ten como obxectivo “poñer a formación, a investigación e a innovación ao servicio dos gandeiros e das gandeiras da provincia, de todo o sector primario, e do desenvolvemento do rural”. “A nosa meta é converter este centro naquilo para o que foi creado: un gran centro de formación, de investigación e de innovación do sector lácteo que contribúa a que as explotacións leiteiras da nosa provincia sexan máis rendibles e máis sostibles”, axudando a afrontar retos importantes, “como aumentar o valor do produto, reducir costes de produción e favorecer o benestar animal”. Nesta granxa analizaranse todos os parámetros e os problemas das explotacións gandeiras para despois ofrecerlle ao sector primario pautas de mellora e solución. A Granxa Experimental de Leite cubre ademais unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, o que suporá un engadido de calidade na formación do alumnado porque farán prácticas nun laboratorio vivo. Neste senso, lembrou que o 25% dos seus grupos de investigación do Campus Terra están relacionados coa produción láctea. Deste xeito, as novas instalacións creadas pola Deputación coa colaboración da Universidade de Santiago, “contribuirán ao desenvolvemento económico da provincia de Lugo a través do impulso dun sector produtivo esencial para a nosa provincia, como é o lácteo, no que somos unha potencia a nivel do Estado; e tamén contribuirán a afianzar a posición da provincia de Lugo no mapa do ensino superior europeo, a reter o talento dos mozos e mozas, e a fixar poboación no rural”, asegurou o Presidente.

Instalacións á vangarda

“Aportamos as vacas coas que o alumnado vai facer as prácticas, o alimento e o manexo do gando, a maquinaria para cultivar a finca e as persoas que, co seu traballo, van facer que isto funcione”, subliñou o Presidente. As instalacións están construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, e ao pé da Granxa Gayoso Castro. Ten capacidade para 70 vacas produtoras e 12 secas. Conta cunha nave para gando de leite, unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas, e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón. Deses 15.500 metros cadrados, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas. A maiores do previsto inicialmente, a Deputación decidiu pavimentar a contorna da Granxa Experimental, investindo preto de 140.000€, para mellorar a presencia e os accesos á infraestrutura. Instalouse unha sala de muxido que terá capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combinará co pastoreo. O centro conta tamén cunha zona de observación, que facilita a visión total da instalación, un aspecto útil á hora de desenvolver as prácticas.

Percorrido guiado

No acto de inauguración da Granxa Experimental de Leite celebrado hoxe asistiron deputados e deputadas da Corporación provincial, representantes e profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, membros da corporación municipal de Castro de Rei, alumnado que está desenvolvendo as súas prácticas nas instalacións, persoal da Deputación e da Granxa, e as persoas encargadas da dirección da obra. Unha vez feita a inauguración oficial, en grupos reducidos desenvolvéronse visitas guiadas por persoal técnico ás diferentes dependencias que conforman a Granxa Experimental de Leite.

Primeiras prácticas do alumnado na Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

A Granxa do Campus Terra, unha instalación para usos de docencia e investigación que ocupa unha superficie de máis de 1.500 metros cadrados na finca Gayoso-Castro da Deputación Provincial de Lugo, recibiu este mércores a visita da primeira quenda de estudantes da sede universitaria luguesa, cuxo alumnado e profesorado atopa nesta nova infraestrutura un resorte engadido para o desenvolvemento do seu labor de formación, pero tamén de I+D+i. O comezo da actividade formativa na Granxa do Campus Terra, unha instalación agropecuaria de carácter experimental impulsada pola USC co financiamento da Deputación de Lugo e que se inaugurará de xeito oficial o vindeiro martes, ofrece novas posibilidades para que o alumnado do Campus de Lugo e nomeadamente para aqueles matriculados na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e na Facultade de Veterinaria realicen actividades de carácter práctico, ademais de para impulsar e desenvolver proxectos de investigación orientados a mellorar a competitividade das explotacións leiteiras e, por extensión, do sector agropecuario.

Aspira a converterse nun referente de innovación para o sector agropecuario e gandeiro

Coa axenda investigadora e a programación de prácticas aínda por completar, a Granxa do Campus Terra bota a andar coa aspiración de converterse nun referente de innovación para o sector agropecuario e gandeiro. De feito, as instalacións contan cunha nave para gando con capacidade para unhas 70 reses de vacún de leite dotada dun robot de muxido, así como con aulas e laboratorios de formación, maquinaria diversa e terreos aptos para cultivos ou plantacións. Aberta a toda a comunidade universitaria, así como aos gandeiros e demais axentes produtivos do sector, a Granxa do Campus Terra supón un salto cualitativo importante da formación práctica en temas de vacún e enxeñaría agroalimentaria, ao tempo que abre novas posibilidades de I+D+i no eido das ‘smart farming’, segundo comenta a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo. Montserrat Valcárcel sinalou neste senso que a primeira práctica desenvolvida na granxa e da que foron protagonistas un grupo de estudantes de Veterinaria coordinado polo profesor Luis Quintela reforza o camiño da especialización da sede universitaria luguesa.

“As críticas do movemento animalista son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural”

O profesor da área de Sanidade Animal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gonzalo Fernández Rodríguez vén de ser elixido como decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, cargo no que sucede a Germán Santamarina Pernas. A candidatura de consenso liderada por Fernández Rodríguez obtivo o respaldo do 90,6% dos votos emitidos. A mellora da docencia impartida tanto ao alumnado do grao en Veterinaria como do máster en Xenómica e Xenética e o reforzo da estratexia de formación permanente no centro (profesorado, estudantes, egresados e PAS) constitúe un dos piares sobre os que se asenta o proxecto de goberno presentado por Rodríguez Fernández, quen tamén asume como compromisos a progresiva implantación e desenvolvemento do sistema interno de garantía de calidade e o deseño dun novo plan estratéxico que, entre outros cometidos, contribúa a incrementar a visibilidade e o prestixio social da Facultade de Veterinaria da USC. -A túa candidatura ao decanato da Facultade de Veterinaria ven de resultar gañadora co 90% de apoios. Como asumes esta nova responsabilidade? Sobre todo con ilusión e sabendo que a comunidade desta Facultade entendeu e apoia o proxecto que este equipo decanal quere levar a cabo. -Cal é a radiografía actual da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC? Temos un profesorado moi comprometido coa súa docencia e un persoal de apoio con gran capacidade de servizo. Un dos problemas, sobre todo pensando nun futuro próximo e que é común a toda a universidade, é a necesidade de recambio xeracional, debido a limitación de contratación de profesorado nos momentos de crise económica. A demanda de formación no grado de Veterinaria é alta. O perfil do alumnado cambiou moito nestes anos, aumentando o alumnos/as con inquietudes cara a animais de compañía. Unha das informacións que queremos conseguir co tempo é coñecer máIs axeitadamente o tipo de inserción laboral de nosos egresados. Pensamos que o nivel de empregabilidade é alto, aínda que en algúns campos como os de animais de compañía está un pouco saturado, o que leva a peores condicións laborais. Tamén aumentou nos últimos anos o alumnado que encontra oportunidades laborais noutros países onde a demanda de veterinarios é máis alta.
“O nivel de empregabilidade en Veterinaria é alto”
-Cales son os principais retos ou obxectivos que te marcas para o teu mandato? Son varios. Por un lado seguir engraxando o sistema docente no sentido de que sexa capaz de responder de forma axeitada ás demandas da sociedade sobre os futuros veterinarios. Ademais, aproveitar más eficazmente a oportunidade que temos como facultade de estar en Galicia, onde a produción primaria e industria agroalimentaria ten tanta importancia. Tamén, dar a coñecer ao sector produtivo gandeiro e a toda a sociedade a importante labor que se está a desenvolver nesta Facultade en investigación e docencia. -O sector agro gandeiro galego cambiou moito nos últimos anos, con cada vez menos explotacións e máis profesionalizadas. Como está afectando isto ao colectivo veterinario e as oportunidades de atopar traballo para o alumnado que finaliza a carreira? Esta evolución da produción gandeira fai que tamén sexan necesarios veterinarios máis especializados para dar resposta a novos problemas e retos que se plantexan. A profesionalización das granxas tamén ten sido acompañada dunha maior especialización dos veterinarios. Campos como a gandería ecolóxica ou produción diferenciada, son exemplos onde a veterinaria ten que dar respostas a un sector que ten que ser competitivo e sostible. -Hai unha precarización das condicións laborais da profesión de veterinario de gando en Galicia? A que se debe? A precarización das condicións laborais non é soamente un problema dos veterinarios de gando. No caso de vacún depende tamén das condicións socioeconómicas dun sector con crise como as do prezo do leite. Sen embargo, nas dúas últimas décadas tamén se produciron cambios nas condicións de traballo, como a formación de equipos veterinarios que permite unha maior conciliación familiar e especialización. -Que outras especialidades están a ter máis inserción laboral? En produción como porcino, aves e coellos os retos sanitarios, a redución de uso de antibióticos, a bioseguridade son campos onde existe demanda de veterinarios. Pero son moitos os campos onde os veterinarios realizan a súa labor: a seguridade alimentaria, o control de zoonoses, a hixiene dos alimentos, na policía sanitaria veterinaria, na investigación, etc. -Que suporá para a Facultade a entrada en funcionamento da Granxa Experimental de Vacún de Leite? Para cando a alumnado poderá facer prácticas alí? Vai a ser una ferramenta moi útil para mellorar a nosa docencia. A Deputación de Lugo contou dende o principio coa Universidade de Santiago de Compostela, de xeito que o proxecto foi deseñado cunha vocación docente, o que se reflexa nas propias instalacións que nos van permitir facer prácticas dun xeito máis axeitado. Esperamos que estea en pleno funcionamento no segundo semestre deste curso, aínda que pode que algunhas prácticas xa podan realizarse antes.
 “Esperamos que a Granxa Experimental de Vacún de Leite estea a pleno funcionamento no segundo semestre deste curso”
-A Comisión Europea ten en marcha unha estratexia para reducir o uso de antibióticos en gandería. ¿Como está a afectar isto á profesión de veterinario? Temos que seguir traballando en cuestións referidas á prevención que son a base principal da diminución do uso de antibióticos. A prohibición de uso de antibióticos en quimioprofilaxe afectará máis a algunhas especies que a outras. Pero para as especies máis afectadas por esta medida están a desenvolverse programas voluntarios que están a ter un importante éxito neste sentido.
 “A prevención é a base para reducir o uso de antibióticos en gandería”
As limitacións de usos dalgúns antibióticos tamén vai esixir unha maior utilización de laboratorios tanto para o diagnóstico etiolóxico como para a realización de antibiogramas. Neste xeito, por exemplo en vacún de leite, as actividades que leva anos facendo o LIGAL no seu laboratorio e na elaboración de documentos como a guía terapéutica de mamites son pioneiras a nivel nacional e internacional e son exemplos dos pasos a seguir para ir polo bo camiño. -Como está afectando ao funcionamento da Facultade a pandemia da Covid-19? O maior cambio produciuse co confinamento que pasamos antes do verán. O profesorado e alumnado mostraron, aínda así, unha gran capacidade de adaptación buscando alternativas docentes non presenciais. Agora, a presencialidade é a nosa primeira opción. Todas as prácticas son presenciais e a teoría realízase desta forma en dous cursos, pero no segundo semestre esperamos que sexa toda presencial. Para iso establecéronse diferentes medidas de bioseguridade que xunto co compromiso demostrado por alumnos/as e profesores/as permite asegurar que a asistencia a actividades docentes podamos considerala de baixo risco.
 “Na loita contra o coronavirus é clave facer unha vixilancia activa de grupos de poboación de risco”
-Os veterinarios están afeitos a loitar contra a propagación de coronavirus no gando. Que leccións se poden tirar para tamén controlar a Covid19 e porqué non están a ser efectivas as medidas que se están a tomar para controlar a expansión da pandemia?O principal cando se está a traballar neste tipo de enfermidades onde existen individuos sen síntomas que poden ser fonte de infección é considerar que unha parte importante do problema non é visible. Polo tanto, non se pode traballar unicamente desde un punto de vista clínico, senón tamén utilizando a análise de riscos como unha ferramenta fundamental. En veterinaria estamos afeitos a traballar deste xeito á hora de establecer as medidas de control dunha infección nunha poboación. Para iso é fundamental establecer programas de vixilancia activa efectivos que inclúan non soamente aos individuos con contacto con enfermos, senón tamén grupos de poboación que deben ser definidos por unha análise de risco axeitada. Ademais debe ser organizada de forma que facilite a información necesaria para poder facer un proceso constante de avaliación das medidas establecidas. Os confinamentos son o froito do fracaso da aplicación axeitada das medidas de vixilancia activa e de inseguridade.
 “As críticas do movemento animalista son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural”
-O movemento animalista ten posto nalgunha ocasión na súa diana a realización de prácticas con animais nas Facultades de Veterinaria. Como valora estas campañas e como cre que lle está afectando ou afectará á profesión de veterinario? Os veterinarios somos os primeiros garantes do benestar animal e desde fai anos existe unha lexislación a nivel comunitario moi esixente en relación ao benestar dos animais. Descoñezo como se pode formar en medicina veterinaria sen contacto con animais. Ademais, nas facultades de veterinaria, as actividades docentes que se realizan refírense a prácticas agropecuarias e clínicas non experimentais; que son de uso cotián na actividade dun veterinario. A veces o que hai é descoñecemento e as críticas son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural.

Curso para mellorar a xestión tecnico-económica das explotacións

O Campus Terra da USC organiza, co apoio da Deputación Provincial de Lugo, un curso dirixido a gandeiros e gandeiras interesadas en mellorar a xestión técnica e económica das súas explotacións. A iniciativa está aberta tamén a outros técnicos e traballadores do sector até un máximo de 60 prazas. O curso consta de 2 xornadas presenciais, que terán lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo os días 21 e 31 de agosto e de 5 horas de formación online. A formación será impartida polo asesor agrogandeiro Xan Pouliquen e está dirixida principalmente a gandeiras e gandeiros de leite, aínda que tamén poden participar gandeiros doutros sectores.
A formación será impartida por Xan Pouliquen e está dirixida a gandeiros de leite
O remate do curso conleva un diploma oficial. O curso consta de 6:30 horas presenciais repartidas en dúas sesións que terán lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo os días 21 (de 15 a 17:30) e 31 de agosto (de 15 a 19 horas), mais outras 5 horas de formación online. O espazo para as actividades presenciais está dotado cos medios necesarios para garantir as medidas sanitarias fronte ao COVID, sendo preciso traer mascarilla e DNI. No caso de producirse algunha excepcionalidade relacionada coa pandemia que dificultara a convocatoria presencial procederíase a realizar a actividade de xeito online. A limitación de aforo fai que haxa só 60 prazas dispoñibles O prazo para inscribirse remata o mércores 19 de agosto, sendo o límite de prazas de 60, que se asignarán por orde de inscrición, valorándose ter participado na enquisa previa realizada entre o sector durante o mes de maio por parte da universidade. Unha vez feita a inscrición procederase a asignar credenciais de usuarios para entrar na plataforma de formación da USC. O curso é totalmente gratuíto polo que os organizadores agradecen o compromiso de rematalo a fin de evitar que se perdan prazas de posibles interesados. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico pedrofiz.rocha@usc.es e para calquera aclaración está habilitado o teléfono 630526850. Unha das principais inquedanzas do sector Durante o mes de maio pasado, o Campus Terra da USC lanzou unha enquisa para coñecer o impacto da COVID-19 nas explotacións lácteas galegas e que papel podería xogar a universidade para apoiar aos gandeiros. Entre os resultados obtidos destaca a ampla demanda de formación en xestión tecnico-económica das explotacións lácteas como ferramenta para mellorar o manexo das distintas variables que afectan ás gandarías nun momento de incertidume como o actual. Por este motivo, dende o Campus Terra da USC decidiron organizar esta formación semipresencial e gratuíta en Xestión Técnico Económica de explotacións leiteiras. Este curso inscríbese dentro da posta en marcha da Granxa Campus Terra, unha explotación de vacún de leite con fins docentes e investigadores, por parte da USC en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo.

A Deputación de Lugo inviste 180.000 euros na Granxa Experimental de Leite

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o proxecto e a contratación dunha obra de mellora do firme da contorna da Granxa Experimental de Leite, que a institución está a construír na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, de acordo cun convenio asinado coa Universidade de Santiago de Compostela Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que explicou que estes traballos, cun orzamento de preto de 180.000€, “supoñen unha mellora do proxecto da Granxa Experimental, coas que practicamente quedará finalizado o conxunto da obra”. O proxecto consiste no formigonado de 5.000 m2 de superficie, que agora mesmo é de zahorra, “un pavimento que é permeable e ante as copiosas choivas das últimas semanas percibimos que se asolaga con facilidade, unha situación que se ve deteriorada tanto polo tránsito de vehículos pesados como de maquinaria agrícola. Temos que ter en conta, ademais, que a Granxa Experimental vai acoller a estudantes e profesores e, nestas condicións, non é práctico traballar”, apuntou. Ademais da pavimentación, estas obras tamén contemplan dotar as instalacións de evacuación da auga de choiva e de conducións de saneamento de pluviais. O proxecto ten un prazo previsto de execución de 8 semanas dende o inicio das tarefas, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

Así será o rabaño de vacas da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

A Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra, que promove e financia a Deputación de Lugo coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, acollerá nos próximos meses un rabaño duns 90 animais Hostein procedentes da Granxa Gayoso Castro.

A instalación, situada en Castro Ribeiras de Lea e que está a ser construída pola empresa COPCISA S.A despois de gañar o concurso público convocado polo ente provincial, ten previsto estar operativa este outono para os estudantes do Campus Terra e chegar a acadar as 70 vacas en muxido.

“Os animais de vacún de leite que temos na Granxa Gayoso Castro son os que van pasar para a nova Granxa Experimental do Campus Terra, mellorando moito en benestar animal e deixando libres as instalacións actuais para ampliar e mellorar o rabaño de Rubia Galega que criamos en virtude do convenio con Acruga”, explica Miguel Ángel Fernández López, director da Granxa Gayoso Castro, un centro dependente e financiado pola Deputación de Lugo.

Actualmente, este rabaño está formado por uns 90 animais, dos que 45 son neste momento vacas en muxido, polo que prevén aumentar a recría de forma progresiva ata chegar ás 70 vacas en muxido.

Un dos primeiros rabaños Holstein seleccionados de España

As orixes deste rabaño remóntanse ás primeiras importacións de España de gando seleccionado de raza Holstein. “Na Granxa Gayoso Castro temos este rabaño dende hai uns 60 anos, cando se realizaron as primeiras importacións de gando holstein seleccionado procedente de Canadá, e posteriormente tamén se importaron algúns animais de Italia. Fomos conservando e mellorando a xenética con acoplamentos de touros de Xenética Fontao”, explica Miguel Ángel Fernández López.

“De feito -subliña- entre os gandeiros os animais de vacún de leite do rabaño da Granxa Gayoso Castro sempre foron moi ben valorados nas poxas organizadas por Africor Lugo”.

Actualmente, estes animais están en estabulación libre con cubículos e as vacas secas e as xovencas saen a pastoreo en determinadas épocas do ano. “As instalacións que temos na Granxa Gayoso Castro para o noso rabaño de vacún de leite son moi antigas, polo que cando sexan trasladadas á Granxa Experimental vai supor unha mellora de benestar animal moi importante”, destaca Miguel Ángel Fernández López.

Rabaño da Granxa Gayoso Castro. As novas instalacións da Granxa Experimental do Campus Terra mellorarán notablemente o seu benestar animal

“A Granxa Experimental do Campus Terra destaca por contar coas mellores condicións de benestar animal”

Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra que promove e financia a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, incorporará as últimas innovacións en benestar animal.

A instalación, situada en Castro Ribeiras de Lea e que está a ser construída pola empresa COPCISA S.A despois de gañar o concurso público convocado polo ente provincial, ten previsto estar operativa este outono para os estudantes do Campus Terra.

Falamos con Francisco Fernández Valiña, arquitecto técnico de COPCISA e xefe de obra para que nos explique os aspectos máis destacados desta instalación.

Es o responsable de obra da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra. Que experiencia tiñades en COPCISA con estas instalacións gandeiras?
Copcisa realizou obras agropecuarias anteriormente, mesmo para a propia granxa Gayoso, aquí en Castro Ribeiras de Lea. A constante evolución neste sector tamén nos obrigou a estudar as novas tecnoloxías e a adaptación das mesmas a esta obra.

Cales foron os principais retos construtivos aos que vos enfrontades na construción destas instalacións?
Destacaría a complexidade da zona de gando dentro da nave principal, pois nela hai instalacións de manexo e muxido moi especificas do sector que deben quedar perfectamente adaptadas e funcionais na distribución interior, para conseguir unha boa produción e as mellores condicións de benestar animal, que é o máis importante nunha granxa deste tipo.

Cantos traballadores participaron na construción desta obra?
Unha vez terminada a obra, contabilizaranse máis de 150 traballadores. En canto ás toneladas de material empregado, por exemplo, para os recheos de toda a parcela achegaranse máis de 12.000 toneladas de material.

Trátase dunha das poucas Granxas Experimentais que existen en España, ¿Visitastes algunhas das existentes?
Realizamos varias visitas organizadas a distintas granxas con instalacións de última xeración similares ás que se colocarán aquí.

A construción da fosa de xurro deparou algunha sorpresa. Que cambios tivestes que realizar?
Si, o terreo nesta zona ten un nivel freático moi alto e as condicións climatolóxicas complicaron en gran medida a execución da fosa, xa que chegamos a ter máis de 2 metros de auga acumulada nela, á que temos que dar saída de maneira constante mediante unha rede de drenaxe subterránea e un sistema de bombeo.

“É moi interesante o sistema de recollida do xurro”

A calidade dos materiais neste tipo de instalacións é clave para resistir o paso dos anos, o peso da maquinaria ou a corrosión. Que destacarías do material empregado?
Os materiais utilizados están pensados para este tipo de explotación. Por exemplo, os formigóns con alta resistencia aditivados contra axentes químicos, a cuberta con panel tipo Agro con lámina inferior de poliéster reforzado para garantir a resistencia ante os gases xerados etc…

O raiado do piso é moi importante para garantir o benestar animal. Que características vai ter?
Será un raiado superficial e pouco agresivo para o animal, así non sufrirán cortes nin terán un gran desgaste.

En canto a coñecemento sobre construción deste tipo de instalacións, ¿que vos está achegando esta obra a COPCISA?
Destaco a gran sensibilidade que hai para conseguir as mellores condicións de benestar animal. Iso deriva nunha gran cantidade de estudo de detalle para calquera avance na execución da obra, que sempre se pode ver aplicado dunha maneira ou outra en obras con características totalmente distintas.

Algo máis que queiras destacar desta obra?
Entre outras, paréceme moi interesante o sistema de recollida de xurro e o traslado mecánico do mesmo de maneira automatizada á fosa. Tamén se conta cun sistema de recollida de pluviais e de auga filtrada polo terreo para o seu almacenamento e posterior aproveitamento na granxa.

Así será o novo robot de muxido da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

Este outono prevese que estea plenamente operativa a Granxa Experimental de Vacún de Leite tanto para o alumnado de Veterinaria como para o resto do estudantado do Campus Terra de Lugo.

A instalación sitúase en Castro Ribeiras de Lea, ao carón da Granxa Gayoso Castro, e está a ser construída pola empresa COPCISA S.A despois de gañar o concurso público convocado pola Deputación de Lugo, administración que financia as obras.

Entre as novidades que incorporará este centro de investigación gandeira estará un robot de muxido para vacas en pastoreo, que se combinará coa sala de muxido clásica para poder obter información e realizar estudos cos dous sistemas.

Trátase dun VMS300 de DeLaval, que ven equipado cunha serie de extras como un contador de células somáticas, un sistema de control de tempos de ruminación e descanso, tanque de leite, silo de alimentación ou sistema de videovixilancia.

“A adquisición do robot realizouse por licitación pública, nun sistema que valoraba con criterios obxectivos a equipación que acompañaba ao propio robot”, explica Pedro Fiz Rocha Correa, técnico do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, a institución que sufragou a compra do robot.

O custo do VMS300 de DeLaval foi de 130.000 €, tal e como se recollía na licitación, incluíndo todo o equipamento, e a previsión é que estea en funcionamento durante esta primavera.

Robot de muxido en pastoreo

¿Por que , ademais da sala de muxido, a Universidade de Santiago optou por instalar un robot de muxido na súa Granxa Experimental? “O robot de muxido presenta unha clara aposta pola innovación, permitindo a recollida dun amplo abanico de datos dentro do enfoque de Smart farming ou agricultura intelixente”, apuntan Pedro Fiz Rocha Correa. E é que os numerosos datos que aportará o robot poderán ser empregados polo estudantado de Veterinaria ou de Enxeñería Agrónoma, entre outros, para realizar as súas investigacións.

Ademais, ao instalarse a Granxa Experimental dentro dos terreos da finca Gaioso Castro, propiedade da Deputación de Lugo, poderase realizar pastoreo co rabaño. “Deste xeito, poderemos combinar o sistema automático co pastoreo, un modelo ben estendido noutros países punteiros como Holanda ou Irlanda e que presenta unha boa oportunidade de desenvolvemento en Galicia e incluso a nivel do estado”, destacan dende o Campus Terra da USC.

O proxecto da Granxa Experimental no seu conxunto alíñase co concepto de vida sostible do Campus Terra, nunha clara aposta  pola sustentabilidade ambiental, o benestar animal e a agricultura de precisión. Neste sentido, os responsables universitarios explican que “o robot de muxido encaixa ben cos tres enfoques, permitindo a recollida dun amplo rango de datos ao tempo que permite ás vacas que sexan elas mesmas as que decidan cando e canto se moxen, todo combinado cunha carga gandeira baixa e con libre acceso aos pastos, o que garante un nivel alto de benestar animal, favorecendo, ademais, o secuestro de carbono e a mitigación do cambio climático”.

Ubicación do robot dentro da granxa

O equipo instalarase “na cabeza” do establo, entre a zona destinada a parideiras e a zona de separación, por diante da oficina, ocupando unha superficie de 23,5 m2. Deste xeito, o persoal poderá comprobar o funcionamento do robot desde a propia oficina, vixiando o correcto funcionamento do mesmo e atendendo ás posibles alarmas que poidan saltar no programa informático de xestión do robot. Desde a oficina mantense contacto visual total co equipo, pois ambos se comunican por medio dunha ventá.

Esta disposición do robot, dentro do espazo habitual do animal e á vista do resto,  permite que non senta illado durante o muxido, o que favorece que os animais pasen con maior facilidade e sufran menos estrés, xa que é coñecido que unha das situacións máis estresantes para unha vaca é o illamento do resto do rabaño.

As vacas poden acceder a el desde calquera dos corredores de exercicio e por vontade propia. A súa disposición permite, que unha vez efectuado o muxido e en caso de detectar que un animal ten ou pode presentar problemas (de mamite, nº elevado de células somáticas…), a separación do animal do resto do gando, enviándoo automaticamente mediante un sistema de portas cara á zona de separación, lugar onde posteriormente será revisado e diagnosticado, ben polo persoal da explotación ou polo persoal da universidade que estean a efectuar prácticas na granxa experimental. No suposto caso de que a vaca non sexa enviada a separación, a saída do robot de muxido está orientada cara ao corredor de alimentación.

O robot de muxido instalarase a nivel do chan da zona de oficina, vestiarios, etc, aínda que se deberá executar un pequeno foso na súa sala, o cal facilita os labores de atención e observación dos animais en caso de ser necesario, e que á súa vez pode ser de gran utilidade para o desenvolvemento das clases.  Con respecto a corredor de circulación, o robot irá elevado uns 10 cm para mellorar a protección da sucidade.

Así serán as medidas de benestar animal da Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

A Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra que promove e financia a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, incorporará as últimas innovacións en benestar animal.

A instalación, situada en Castro Ribeiras de Lea e que está a ser construída pola empresa COPCISA S.A despois de gañar o concurso público convocado polo ente provincial, ten previsto estar operativa este outono para os estudantes do Campus Terra.

Tal e como destacan desde o equipo técnico da Deputación de Lugo que se encarga de supervisar o proxecto construtivo “no deseño das instalacións da Granxa Experimental tívose en conta tanto o benestar animal, os fluxos de traballo no proceso de produción, os movementos dos animais e as últimas melloras e avances técnicos do sector”.

Ademais, a nave de gando -con capacidade para 70 vacas adultas- deseñouse para poder instalar nun futuro un sistema automatizado de alimentación. “Todas as instalacións están pensadas para poder ser ampliadas nun futuro”, sinalan desde a Deputación de Lugo.

Entre as medidas de benestar animal que incorporará destacan:

Cepillos rotativos:

Instalaranse cepillos rotativos monofásicos para benestar dos animais, con velocidade de xiro de 26 r.p.m., sistema pendular con dous puntos de xiro, un en cada extremo do brazo, conexión e desconexión automática, protección contra sobrecargas e baixo consumo.

Disporanse dúas unidades na zona de vacas en produción e unha unidade na zona de vacas secas.

Cornadizas:

Instalaranse cornadizas tipo Joudain ou similar de tubo de aceiro galvanizado de 60 mm que irán ancoradas a postes galvanizado de 100×60 mm con inclinación para confort dos animais.  Levarán un eixo de xiro calibrado con amortiguador de goma, bloqueo de praza en aceiro revestido con poliamida, desbloqueable e inaccesible para os animais, sistema antiaforcamento dos animais, brazo de mando escamoteable de dúas posicións e coxinete de xiro da barra de bloqueo revestido de material composto.

Existirán 76 unidades na zona de vacas en produción, 8 unidades na zona de lazareto, 8 unidades na zona do semental (por se finalmente variase o uso desta parte da instalación e albergase outro tipo de animais) e 25 na zona de vacas secas.

Estas cornadizas asentaranse sobre un muro de formigón armado de 0,50 metros de altura, para que as vacas queden á altura perfecta para poder acceder á comida.

Cubículos amplos e que evitan a competencia:

Instalaranse cubículos galvanizados modelo europeo anchura 1,25/1,35 metros con lonxitude total 2,75 – 3,15,e altura da barra reguladora de 1,20 metros para garantir espazo suficiente para o benestar dos animais.

A súa distribución na nave é a que segue: 70 para as vacas en produción, 16 para as vacas secas e un cubículo dobre (2 ud) para o semental. É dicir, o número de camas para as vacas (86) será superior ao de animais presentes (70).

Pasos de home:

Para facilitar o acceso entre as diferentes partes da explotación aos traballadores da mesma instalaranse pasos de home entre as cornadizas dispostos de forma estratéxica, catro na zona de vacas en produción, dous na zona de vacas secas, un na zona do semental e outro na zona do lazareto.

Ventilación e cubertas:

En canto á cuberta, esta resólvese con panel sándwich e ventilación cenital, o que favorecerá aínda máis se cabe a ventilación e circulación do aire. Entre medias disporanse de faldóns de cuberta suficientes con paneis translúcidos que achegarán luminosidade ao interior das instalacións reducindo notablemente as necesidades de iluminación artificial das dependencias.

A cuberta resólvese mediante a instalación de panel sándwich especial para cubertas de 30 mm de espesor, soportado sobre viguetas pretensadas tipo VTF (28 viguetas de 9 metros en total, 14 viguetas en cada un dos faldóns de cuberta, 7 entre pórticos), as cales descansan sobre as vigas cargadeiro anteriormente mencionadas.

Sala de muxido e robot:

A Granxa Experimental do Campus Terra contará cun robot de muxido pero tamén cunha sala de muxido convencional en espiña de peixe con capacidade para 10 animais, que aínda que nun principio non irá equipada con toda a maquinaria necesaria para a práctica do muxido, servirá para a manipulación do gando por parte do persoal universitario.

A esta dependencia sumarase unha zona de procedemento que permita separar animais en muxido para un exame veterinario, así como unha zona de observación de todas as instalacións situada nun plano superior sobre a oficina e vestiarios da nave.

Nun principio esta sala tan só contará coa estrutura metálica da sala, pois as tarefas de muxido vanse executar co robot. Neste caso a sala será utilizada por parte do persoal da universidade para a observación e manipulación dos animais durante as clases prácticas programadas na granxa experimental.

O acceso á sala de muxido poderase facer ben desde o interior da nave, concretamente desde o corredor que conduce desde o robot á zona de parideiras, ou ben desde o exterior.  O acceso desde o exterior débese a que, para a realización das prácticas, pódense traer animais doutras dependencias diferentes ás proxectadas, e deste xeito evítase o contacto de animais de fóra da explotación cos propios, co que se reduce o posible contaxio ou transmisión de enfermidades. Para a saída dos animais disponse, á súa vez, dunha porta para a súa evacuación cara ao resto de dependencias do establo ou ben cara ao exterior no caso de que os animais sexan alleos á granxa experimental.

Zona de observación:

Outra das novidades que incorpora a Granxa Experimental do Campus Terra é unha zona de observación, que vai facilitar a visión total da instalación por parte de visitantes e alumnado.

A zona de observación sitúase sobre un forxado disposto por riba da oficina e do vestiario. Ao estar nun plano superior que o resto das instalacións isto permite ter unha visión total da instalación, polo que se pode observar o funcionamento no día a día da instalación sen interferir no mesmo e, o que é máis importante, sen molestar e perturbar ao gando.

Asemade, estará habilitada unha zona para a visualización directa do robot de muxido, que permitirá a estudantes e visitantes observar aos animais e o funcionamento do robot.

“Os edificios da Granxa Experimental do Campus Terra, xunto co robot de muxido, están deseñados para permitir unha docencia interactiva, xa que se poderá observar as vacas en todo o seu ciclo produtivo e interactuar con elas. Ademais, a utilización do robot xunto con outras tecnoloxías van permitir obter datos de moitas variables, que servirán para realizar investigacións en alimentación, material de cama, comportamento animal, benestar, cultivos, etc..”, destacan desde o gabinete técnico da Deputación de Lugo.

Medidas da granxa:

A granxa, que financia a Deputación de Lugo con 930.000 euros, terá capacidade para 79 animais (70 vacas adultas e 9 prazas para recría) e a nave de gando ocupará unha superficie de 2.484 metros cadrados, a fosa de xurro 480 metros cadrados, os silos 581, fosa de xurro 592 metros cadrados e o edificio de prácticas 387 metros cadrados.