Archives

“A clave para substituír ao glifosato está na rotación de cultivos e no desherbado mecánico”

O uso do glifosato, un herbicida de amplo espectro, leva anos no centro da polémica. Coñecemos de man de Amaia Ortiz, xefa do Departamento de Produción e Protección Vexetal no Instituto Vasco de Investigacións Agrarias (Neiker), algunhas das particularidades deste produto, así como as alternativas que se presentan na actualidade. -Que riscos supón o uso do glifosato? Está xustificada a súa mala fama dos últimos anos? -En marzo de 2015, a Axencia Internacional para a investigación do cancro (Iacr) clasificou ao glifosato como "probablemente canceríxeno para os seres humanos" (Grupo 2A). Isto baseouse en evidencia "limitada" de cancro en humanos (por exposicións ocorridas e confirmadas) e evidencia "suficiente" de cancro en animais experimentais (de estudos con glifosato "puro", sen a combinación con outras sustancias). A Iacr tamén chegou á conclusión de que había probas "fortes" de xenotoxicidade, tanto para o glifosato "puro" como para as formulacións de glifosato. Por mor deste informe, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (Efsa), que foi responsable da revisión das sustancias activas utilizadas nos produtos fitosanitarios en Europa desde 2003, realizou unha análise do risco e concluíu que é improbable que o glifosato expoña un perigo carcinoxénico para o ser humano. Desde entón, a renovación da autorización de uso de glifosato someteuse a intenso debate en diferentes reunións de grupos de expertos da Comisión europea, solicitándose expresamente o ditame do Comité de Avaliación do Risco da Axencia Europea de Sustancias e Mesturas Químicas (Echa) acerca da clasificación do glifosato con respecto á  súa carcinoxenicidade, é dicir a capacidade de producir cancro. En marzo de 2017 a Echa concluíu no seu ditame que debía manterse a clasificación actual do glifosato, non cumprindo os criterios para ser considerado carcinóxeno, mutáxeno e/ou tóxico para a reprodución. Meses máis tarde, en novembro de 2017 a proposta da Comisión para renovar a autorización de uso desta sustancia activa foi adoptada polos 28 Estados membros da UE. Non entanto, en lugar dos 15 anos habituais, a renovación prorrogouse só durante cinco anos máis, até decembro de 2022. En marzo de 2019, a Comisión Europea anunciou un plan para crear un grupo de Estados membros para actuar como co-portavoces para a próxima avaliación do glifosato. O Grupo de Avaliación do Glifosato (AGG) analizará o expediente de solicitude e preparará un proxecto de informe de avaliación de renovación que a Efsa revisará en 2021. A AGG estará integrada por Francia, Hungría, os Países Baixos e Suecia. A aprobación actual do glifosato expira o 15 de decembro de 2022, polo que o proceso de renovación debe comezar en decembro de 2019, é dicir, tres anos antes da data de expiración. -Que alternativas hai a día de hoxe fronte ao uso do glifosato? -Nestes momentos hai máis de 70 formulacións de herbicidas e desecantes autorizadas en España. É certo que son específicos de grupos de plantas, e ás veces a súa acción pode ser máis lenta. Isto fai que o glifosato sexa tan popular pola súa rápida e efectiva eliminación de todo tipo de plantas, incluídos arbustos, ademais de ter un baixo custo.
"Está a aparecer no mercado maquinaria de desherbado mecánico moi efectiva e alcanzable economicamente para calquera tipo de cultivo como alternativa ao glifosato"
Ademais diso, está a aparecer no mercado maquinaria de desherbado mecánico moi efectiva e alcanzable economicamente para calquera tipo de cultivo, tanto herbáceos como arbóreos.

Usos do glifosato, o herbicida máis vendido en España

-O glifosato é o herbicida máis vendido en España, en que cultivos se utilíza en maior medida? -Si, o glifosato consta como unha das materias activas de maior comercialización en España, segundo os datos do Ministerio de Agricultura. O seu uso está ligado a cultivos extensivos nos que se realiza agricultura de conservación (sen laboreo da terra) e a plantacións froiteiras. A sementeira directa sen laboreo está inevitablemente ligada ao uso do glifosato. Tamén se usa para o mantemento de barbeitos químicos, unha vez concluído o barbeito e previamente á sementeira do cultivo seguinte. Utilízase tamén para a eliminación de especies adventicias recalcitrantes, como pode ser o cardo ou similar, para as que é necesario usar herbicidas sistémicos e destruír tódolos órganos propagativos. Ademais, en viñedos e froiteiras emprégase para a eliminación ou control das cubertas vexetais. En usos non agrícolas,emprégase para o control de maleza en parques e xardíns, en redes viarias ou de servizo, en recintos, etc. -Que uso se fai deste herbicida na Cornixa Cantábrica, e máis en concreto en Galicia? -En Galicia, como no resto da cornixa Cantábrica, emprégase sobre todo para desherbado en plantacións de froiteiras e viñedos, así como para fins non agrícolas.
-Que opcións se axustarían para agricultura ecolóxica? -Hai xa no mercado desecantes naturais e estanse desenvolvendo cada día máis, aínda que, actualmente, na agricultura ecolóxica úsase sobre todo desherbado mecánico, con maquinaria. Pero hai unha clave básica en agricultura ecolóxica e é que a rotación de cultivos correctamente elixida reduce moitísimo a dificultade para o control de plantas adventicias. A correcta combinación de cultivos permite, nalgúns casos convivir con elas. En caso necesario, que os hai e moitos, úsase maquinaria. -Cales son os impactos destas prácticas alternativas? -Os produtos químicos alternativos ao glifosato teñen un impacto ambiental controlado, categorizado exactamente cos mesmos criterios que para o resto de fitosanitarios, incluído o glifosato. Todas as materias activas comercializadas na UE están estritamente categorizadas pola súa toxicoloxía para as persoas e animais e pola súa ecotoxicoloxía, segundo o Regulamento 1107/2009. As prácticas alternativas, referido á eliminación mecánica, non supoñen impacto ambiental; son unha práctica absolutamente necesaria na agricultura para manter a sustentabilidade económica dos cultivos. As plantas adventicias (non debemos chamalas malas herbas) compiten cos cultivos por auga e nutrientes e isto fai que os cultivos sexan menos produtivos cunha alta cantidade das mesmas. Nalgúns casos, non só reducen a cantidade de colleita, senón que ademais modifican a súa calidade e, ao final, reducen a túa produtividade. -Será necesario optar por estratexias de control integradas, que combinen métodos químicos e mecánicos, para substituír ao glifosato de forma eficaz? -Indubidablemente, pero isto é o que xa están a facer os agricultores profesionais, a clave está na rotación de cultivos e desherbado mecánico. Por suposto, sempre que se poida. O uso de químicos entra no manexo, pero de forma moi específica, cun correcto control de momento de aplicación para que con moi pouca cantidade de herbicida sexa moi efectivo. -Deixar de utilizar o glifosato traerá perdas de produción e, por tanto, económicas? -Perdas de produción en ningún caso, hai suficientes alternativas para substituílo. O que si pode ocorrer é un aumento de custos ao ser substituído por pases de maquinaria. Non debemos esquecer que o glifosato úsase en preplantación de cultivos, nunca se usa cando o cultivo xa está establecido no campo. Só no caso de froiteiras úsase en presenza do cultivo.
"En viñedo e froiteiras, a prohibición do uso de glifosato podería incrementar o custo do cultivo polo aumento de pases de maquinaria para desherbado mecánico"
-Europa baralla a súa prohibición de cara a 2022 e xa hai países como Austria que se adiantaron. Que suporía a súa prohibición na agricultura española? -A prohibición do uso do glifosato en cultivos extensivos repercutiría de forma mínima, case unicamente ligado ao mantemento de barbeito químico. A súa prohibición non repercutiría no rendemento dos cultivos, xa que o control das malas herbas realízase antes da sementeira de forma mecánica e con outro tipo de herbicidas (non con glifosato) durante o cultivo. En viñedo e froiteiras, a prohibición do seu uso podería incrementar o custo do cultivo polo aumento de pases de maquinaria para desherbado mecánico na liña de cultivo. No mercado hai boa maquinaria de desherbado. A eliminación dun pase de glifosato suporía 2-3 pases de desherbado mecánico, aínda que depende das condicións climáticas, humidade do chan e das especies instaladas invasoras. -Cales son as herbas que supoñen maiores problemas para os agricultores nestes momentos? -Aquelas que se diseminan por rizomas, estruturas resistentes e difíciles de eliminar por herbicidas ou por laboreos mecánicos e aquelas nas que xa se atopou resistencia a algunhas materias activas herbicidas.
"O glifosato é un herbicida capaz de destruír calquera planta se penetra pola parte aérea, pero non é eficaz pola raíz"
En calquera caso, o glifosato é un herbicida capaz de destruír calquera planta e que penetra pola parte aérea, non se incorpora á planta pola raíz. Desde a parte aérea chega a calquera punto da planta, incluídas as raíces. A planta non o toma a través das raíces, aínda que o chan estivese cargado de glifosato.

Queixas dos apicultores e do Sindicato Labrego polo uso masivo do glifosato para limpar as cunetas

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Apicultura (AGA) veñen de rexistrar un escrito de queixa na Delegación do Goberno para denunciar o que consideran “uso masivo de glifosato por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para desherbar as beiravías e cunetas das estradas de titularidade estatal na Galiza”. A través de diversas testemuñas, aseguran ter constatado o uso de herbicidas nas marxes da A-54, da A-8 e da N-547, “polo que se intúe o uso xeneralizado deste agrotóxico como modus operandi habitual do Mitma”. Ademais, no mesmo escrito, solicítase unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para explicarlle o que cualifican de “tremendo impacto ecolóxico que ten o uso de glifosato no medio ambiente e para a saúde humana, especialmente nesta época do ano”. “Aínda que o glifosato é de uso legal debido ás fortes presións da agricultura industrial para prolongar a súa utilización na Unión Europea, está previsto que sexa totalmente prohibido en territorio comunitario no ano 2022 debido aos graves riscos que entraña o seu uso, xa que se demostrou que é canceríxeno e perturbador endócrino para os seres humanos e devastador para insectos polinizadores como as abellas, (…) especialmente en plena primavera e comezos do verán, cando as plantas están en flor e as abellas e outros insectos están no seu pico de actividade ”, advirten AGA e o Sindicato Labrego. Neste sentido, consideran que “aínda que se trata dun herbicida aínda legal, as institucións públicas deberían dar exemplo e ser as primeiras en deixar de usalo e substituílo polo desbroce mecánico, sobre todo se pensamos nas cantidades inxentes necesarias que se precisan para desherbar amplos tramos da rede de estradas do Estado”.

Europa proxecta limitar o uso de produtos fitosanitarios no próximo periodo da PAC

Produtos fitosanitarios, os imprescindibles. Esa é, en esencia, a filosofía da Xestión Integrada de Pragas (XIS), un acrónimo que estará moi presente nos próximos anos na vida diaria de todos os agricultores e gandeiros. Debido a unha maior presión desde Europa, España deberá limitar o uso de pesticidas. Entre as medidas que se barallan, figura a prohibición de praguicidas e herbicidas en pre-emerxencia, por exemplo trala sementeira do millo, o que obrigará estar máis pendentes dos cultivos. Tamén é previsible a prohibición de produtos como o glifosato, que fará necesaria unha maior prevención no control de malas herbas nas praderías. Bruxelas revisará a Directiva sobre o uso sostible de praguicidas, mellorará as disposicións sobre a xestión integrada de pragas (XIP) e promoverá un maior uso de formas alternativas seguras de protexer as colleitas de pragas e enfermidades, fomentando o uso de técnicas de control alternativas, como a rotación de cultivos ou a cavadura mecánica das malas herbas, e será unha das ferramentas principais para reducir o uso e a dependencia de pesticidas químicos en xeral, e o uso dos pesticidas máis perigosos en particular, anuncia o documento da Estratexia Da granxa á mesa, presentado recentemente.
Ao aplicar a xestión integrada de pragas, os agricultores deberían botar man dos produtos fitosanitarios só se a prevención e outros métodos non funcionan ou non son eficaces
"As prácticas agrícolas que reducen o uso de pesticidas serán de suma importancia na nova PAC (2021-2027) e os Plans Estratéxicos dos distintos Estados deben reflectir esta transición e promover o acceso ao asesoramento", indica a Comisión Europea, que avanza que facilitará a comercialización de praguicidas que conteñen substancias biolóxicas activas e reforzará a avaliación de pesticidas por parte dos Estados membros. A Comisión tamén propoñerá cambios no Regulamento de 2009 sobre estatísticas de praguicidas para superar a falta de datos e promover a formulación de políticas baseadas en probas.
No conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España
A redución do uso de praguicidas químicos á metade en 2030 e tamén a minoración nun 50% na utilización dos pesticidas máis perigosos é un dos obxectivos principais do Pacto Verde europeo no que se refire á produción agrícola e as propias autoridades comunitarias recoñecen os escasos avances logrados neste particular na última década, trala aprobación en 2009 da Directiva 128 CE relativa ao Uso Sostible dos Praguicidas. Os datos así o constatan: no conxunto da UE véndense cada ano 350.000 toneladas de pesticidas, 70.000 delas en España. Escasos avances A Comisión Europea debe presentar periodicamente ao Parlamento Europeo e ao Consello un informe sobre os avances conseguidos na aplicación da Directiva. No seu último informe, que acaba de facerse público, o Executivo comunitario analiza a experiencia adquirida polos Estados membros na aplicación dos obxectivos establecidos nos seus plans de acción nacionais e os avances conseguidos na aplicación da Directiva de 2009 e anuncia que redobrará a presión nos próximos anos.
Un maior control na dispensación e venda foron dos poucos avances que se produciron en España en aplicación da Directiva de 2009
A necesidade de obter un carné para adquirir, manipular e aplicar tratamentos fitosanitarios e levar un rexistro individualizado sobre compras, en virtude do Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, foron dos poucos cambios que se produciron en España nos últimos anos, máis aló da prohibición con carácter xeral dalgúns produtos e principios activos utilizados, como é o caso recente do metiocarb, a materia activa do Mesurol, un insecticida e repelente de aves e xabaríns usado na sementeira do millo e prohibido en toda a UE desde o pasado 3 de abril. Os usuarios profesionais de produtos fitosanitarios teñen que manter un rexistro dos produtos que utilizaron polo menos no últimos tres anos pero en España non se esixe que comproben e rexistren o éxito das súas medidas e os motivos concretos para aplicar os tratamentos, como sucede noutros países.
En Irlanda todos os usuarios profesionais deben manter rexistros sobre cada tipo de praga e as medidas preventivas adoptadas previamente á aplicación dos tratamentos
En Irlanda, por exemplo, todos os usuarios profesionais deben manter rexistros que demostren a aplicación da xestión integrada de pragas. Os agricultores rexistran a razón do uso de produtos fitosanitarios con información, por exemplo, sobre o tipo de praga existente, as medidas preventivas adoptadas previamente á aplicación dos tratamentos, a xestión da resistencia, as doses aplicadas e os danos sufridos polos cultivos. Irlanda dispón ademais dun sistema integrado de extensión, investigación e transferencia agrícola financiado con fondos públicos, que axuda a garantir que os produtores conten con información pertinente e actualizada sobre a xestión integrada de pragas. Falta de datos comparables entre países Datos sobre as vendas de praguicidas en España entre 2011 e 2017 por tipo de produto (Fonte: Eurostat) Os Estados membros recompilan estatísticas sobre as vendas e o uso agrícola de produtos fitosanitarios. A normativa da UE esíxelles solicitar datos anualmente sobre as substancias activas contidas nos produtos fitosanitarios en venda e recompilar estatísticas do uso agrícola de produtos fitosanitarios para cultivos seleccionados durante un período de referencia cada cinco anos, pero ata o de agora Eurostat non publicou estatísticas comparadas a escala da UE sobre o uso de produtos fitosanitarios porque os datos recollidos por cada Estado membro difiren nos períodos de cómputo e as metodoloxías aplicadas. Os Estados membros tamén seleccionan os cultivos que serán obxecto de seguimento, o que significa que os datos non son comparables entre os distintos países.
A aplicación dos principios da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os usuarios, pero os controis sobre o seu cumprimento son escasos
Nalgúns países (por exemplo, Francia) os datos de vendas das distintas substancias activas están ao dispor do público. España proporcionou datos á Comisión para todas as diferentes categorías de pesticidas cada ano. As cifras demostrarían que as vendas de praguicidas en España están a diminuír lixeiramente desde 2014, situándose na actualidade en 70.000 toneladas ao ano. A maioría dos pesticidas vendidos en España son funxicidas e bactericidas, seguidos de herbicidas. Na UE, as vendas de substancias activas cualificadas como praguicidas utilizadas en produtos fitosanitarios superan as 350.000 toneladas ao ano. Retrasos na aplicación da normativa O Tribunal de Contas Europeo de Luxemburgo publicou asimesmo no mes de xaneiro deste ano un Informe Especial sobre o Uso Sostible de Produtos Fitosanitarios no que conclúe que se produciron "poucos progresos na medición e na redución de riscos" por pesticidas trala aprobación da Directiva comunitaria de 2009. "O Tribunal constatou que a Comisión e os Estados membros tomaron medidas para fomentar o uso sostible de produtos fitosanitarios, pero obsérvanse progresos limitados na medición e na redución dos riscos asociados. A aplicación da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os agricultores, pero non é un requisito para recibir pagos no marco da política agrícola común e a súa observancia é deficiente. As estatísticas dispoñibles e os novos indicadores de risco non mostran o grao de éxito da política na consecución dun uso sostible de produtos fitosanitarios", asegura.
A Directiva de 2009 establece un marco para lograr un uso sostible dos produtos fitosanitarios e fomentar a xestión integrada de pragas, aplicando enfoques alternativos e métodos non químicos, pero a súa aplicación retrasouse
O Tribunal formula recomendacións para verificar a xestión integrada de pragas nas explotacións, mellorar as estatísticas en materia de produtos fitosanitarios e desenvolver uns indicadores de risco mellores. "Os Estados membros teñen que incluír obxectivos mesurables e metas cuantitativas nos seus plans de acción nacionais para lograr os fins da Directiva", solicita. A Directiva 2009/128/CE relativa ao uso sostible dos praguicidas establece un marco para lograr un uso sostible dos produtos fitosanitarios e fomentar a xestión integrada de pragas, aplicando enfoques alternativos e métodos non químicos. Os Estados membros dispoñían dun prazo de dous anos para incorporar a Directiva á súa lexislación nacional pero esa trasposición atrasouse e os Estados que adoptaron a normativa fixérono de maneira laxa e inexacta, denuncia o Tribunal de Contas europeo. Francia, por exemplo, incorporou a Directiva ao seu ordenamento xurídico pero os requisitos da xestión integrada de pragas non se incorporaron á súa lexislación nacional. Algo similar ocorre en España.
A Comisión estuda actualmente unha serie de medidas, incluídos procedementos de infracción, para aqueles Estados nos que o avance non resulta satisfactorio
Como moi tarde o 26 de novembro de 2012, os Estados membros tiñan que elaborar plans de acción nacionais que establecesen, entre outras cousas, os seus obxectivos cuantitativos, metas e prazos para reducir os riscos e as consecuencias da utilización de produtos fitosanitarios, aínda que só un terzo dos Estados presentáronos en prazo. Estes plans nacionais deben ser revisados cada cinco anos pero case tres cuartas partes dos países retrasáronse na súa revisión. A 31 de marzo de 2019, dos 27 Estados membros actuais, tan só 15 (Austria, Bélxica, Chequia, Chipre, Dinamarca, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Lituania, Luxemburgo, Malta, Polonia e Portugal) presentaran os seus plans de acción nacionais actualizados á Comisión Europea.
Os usuarios profesionais deberían estar a aplicar os principios da xestión integrada de pragas desde xaneiro de 2014
As normas da UE dispoñen que os usuarios de produtos fitosanitarios apliquen os principios xerais da xestión integrada de pragas e que os Estados membros tiñan a obriga de describir nos seus plans de acción nacionais como garantirían que todos os usuarios profesionais aplicasen os principios da xestión integrada de pragas en xaneiro de 2014 como moi tarde. España sitúase nestes momentos lixeiramente por encima do 50% do nivel de cumprimento da Directiva 2009/128/CE sobre Uso Sostible de Praguicidas, aumentando 10 puntos os seus logros nos últimos dous anos, pero só Bulgaria, Grecia, Malta, Eslovaquia e Romanía presentan actualmente un menor grao de cumprimento da Directiva sobre praguicidas e as Autoridades comunitarias advirten que se estudan sancións para aqueles Estados con escaso nivel de compromiso na redución de pesticidas.
Só Bulgaria, Grecia, Malta, Eslovaquia e Romanía presentan actualmente un menor grao de cumprimento da Directiva sobre praguicidas que España
Desde 2016, a Comisión Europea tomou máis medidas para fomentar e facer aplicar a Directiva. Entre as iniciativas da Comisión figuran a avaliación dos plans de acción nacionais e a supervisión das accións dos Estados membros para poñer en práctica a Directiva. "Nos casos en que o avance non resulta satisfactorio, a Comisión estuda actualmente unha serie de medidas, incluídos procedementos de infracción", advirte. Un maior control e procedementos de infracción No seu informe ao Parlamento Europeo de 2017 sobre a trasposición e aplicación da Directiva nos distintos Estados, a Comisión observou deficiencias na aplicación da xestión integrada de pragas nos plans de acción nacionais. Os plans centrábanse principalmente en actividades de formación e asesoramento, así como na sensibilización para aumentar a comprensión da xestión integrada de pragas pero non establecían requisitos específicos que traducisen os principios xerais da xestión integrada de pragas a accións que puidesen verificarse na práctica.
Diante do incumprimento xeralizado, desde 2016 a Comisión Europea tomou máis medidas para fomentar e facer aplicar a Directiva supervisando as accións dos Estados
A Iniciativa Cidadá Europea Prohibición do glifosato e protección das persoas e do medio ambiente fronte aos pesticidas tóxicos, presentada no ano 2017, instaba á Comisión Europea a establecer obxectivos obrigatorios de redución do uso de praguicidas. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da ONU e a Estratexia Da granxa ao garfo presentada pola Comisión Europea o pasado 20 de maio insisten neste feito ao fixar o obxectivo de reducir ao 50% na próxima década o uso de herbicidas, funxicidas e insecticidas. "A sociedade está cada vez máis concienciada sobre a sustentabilidade da produción alimentaria, da que o uso sostible dos praguicidas constitúe un compoñente importante", afirma o Executivo comunitario no seu informe.
A Estratexia 'Da granxa ao garfo' pretende reducir á metade o uso de pesticidas en 2030
En 2018, a Comisión pasou de facer visitas informativas a efectuar auditorías de cumprimento e comezou a formular recomendacións e solicitar medidas correctoras aos Estados membros e puxo en marcha un portal web para o uso sostible dos produtos fitosanitarios, que contén información clave, plans de acción nacionais e ligazóns aos sitios web oficiais dos Estados membros. Sen sancións polo de agora por mala praxe nos tratamentos A Comisión Europea considera a xestión integrada de pragas como un dos alicerces da Directiva, e "a súa plena aplicación resulta necesaria para reducir a dependencia respecto do uso dos praguicidas", afirma. Pero durante as súas auditorías de 2018 e 2019 aos distintos Estados, a Comisión constatou a insuficiente aplicación da xestión integrada de pragas por parte de agricultores e gandeiros e a inexistencia de controis e inspeccións por parte das Administracións responsables para confirmar e avaliar o grao de cumprimento. "Os Estados membros teñen que definir as sancións por incumprimento das normas relativas aos produtos fitosanitarios pero só os Países Baixos as estableceron", indica o Tribunal de Contas.
Só os Países Baixos estableceron sancións polo incumprimento da xestión integrada de pragas
Nos Países Baixos, os inspectores comproban que os usuarios de produtos fitosanitarios documentasen as súas consideracións en relación coa xestión integrada de pragas pero aínda que as normas neerlandesas prevén a aplicación de sancións por non completar os rexistros, na práctica, di o informe, "non impuxeron ningunha en 2017, a pesar de constatar que o 20% dos usuarios inspeccionados non cumpriran as normas". Poucos países máis comproban a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas. En Francia, as inspeccións de produtos fitosanitarios examinan se os agricultores utilizan produtos fitosanitarios biolóxicos e métodos destinados a reducir o uso de produtos fitosanitarios químicos, pero non se definiron sancións por incumprimentos. Tampouco en países como España existe réxime sancionador específico xa que a aplicación da xestión integrada de pragas, na práctica, non está a ser obrigatoria para os agricultores. Incentivos insuficientes "A acción da UE achega escasos incentivos para a adopción da xestión integrada de pragas polos agricultores e aínda que a Comisión e os Estados fomentan a xestión integrada de pragas, a súa aplicación é insuficiente", afirma o Tribunal europeo de Luxemburgo. "A PAC contén instrumentos que poden apoiar o uso sostible dos produtos fitosanitarios polos agricultores pero a política agrícola común contribúe pouco a que se aplique a xestión integrada de pragas", sostén o Tribunal de Contas da UE.
Aínda que segundo a normativa comunitaria os principios da xestión integrada de pragas son obrigatorios para os agricultores, non se ten en conta actualmente como condición para acceder aos pagos da PAC
Ata o de agora os agricultores con máis de 15 hectáreas de terra cultivable que reciben pagos directos deben manter zonas de interese ecolóxico no 5% da súa superficie e, desde 2018, non poden utilizar produtos fitosanitarios nas devanditas zonas; existen programas específicos para o sector hortofrutícola e os Estados membros teñen que establecer sistemas de asesoramento agrario para aconsellar aos agricultores sobre a xestión integrada de pragas. A maioría dos pagos da PAC están suxeitos a "condicionalidade", que é un mecanismo que vincula os pagos da política agrícola común (PAC) ao cumprimento polos agricultores dunha serie de normas básicas relativas ao medio ambiente, a seguridade alimentaria, a saúde animal e vexetal e o benestar animal, así como ao requisito de manter o chan agrícola en boas condicións agrarias e ambientais.
Prevese que a PAC post 2020 inclúa nos requisitos de condicionalidade que vinculan a percepción de axudas o cumprimento do obxectivo de redución de pesticidas
A condicionalidade no marco da PAC do período 2014-2020 esixe que os usuarios de produtos fitosanitarios cumpran as condicións establecidas nas etiquetas e teñan en conta as condicións locais, pero non incorpora no seu conxunto a Directiva que inclúe a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas. "Outros requisitos de condicionalidade, como as faixas de protección e a protección das augas subterráneas, tamén son pertinentes para un uso sostible dos produtos fitosanitarios", bota de menos o Tribunal de Contas. Prevese que na PAC post 2020 se estableza tamén como condicionalidade para a percepción de axudas o cumprimento do obxectivo de redución de pesticidas, apoiando a adquisición de maquinaria agrícola de precisión ou fomentando a agricultura ecolóxica. "A vinculación dos pagos da PAC ao cumprimento dos requisitos legais sobre praguicidas pode axudar a facer cumprir as normas", argumentan as Autoridades comunitarias.
A ecoloxización dos pagos directos na futura PAC reforzará a súa contribución ao cumprimento da Directiva sobre praguicidas, afirma a Comisión
A proposta da Comisión para a PAC posterior a 2020 amplía o vínculo entre os pagos da PAC e os requisitos regulamentarios ("condicionalidade") relativos aos produtos fitosanitarios, e abarcaría en parte o uso sostible, pero non incorporaría os principios da xestión integrada de pragas. O novo requisito legal de xestión número 13 referiríase á Directiva de praguicidas e comprendería, en relación cos produtos fitosanitarios, o establecemento de sistemas de certificación, a inspección de equipos, as restricións de uso en zonas protexidas e a manipulación e almacenamento. A proposta de condición relativa ás boas condicións agrarias e ambientais (requisito número 8) esixiría a rotación de cultivos para conservar o potencial do chan e o mantemento das zonas de biodiversidade. O mantemento de pastos permanentes, a protección de turberas e humidais, as faixas de protección, a ferramenta de sustentabilidade agraria para nutrintes, a xestión da labranza ou a ausencia de chan espido tamén poderían ser abordados na PAC e contribuirían a unha menor necesidade de praguicidas. "A ecoloxización dos pagos directos na futura PAC reforzará a súa contribución ao cumprimento da Directiva sobre praguicidas. A condicionalidade sensibilizará aos agricultores para que adopten estas prácticas a través do risco de redución dos pagos da PAC", argumenta a Comisión. Países con maiores esixencias: o caso de Suíza A condicionalidade proposta, do mesmo xeito que o mecanismo actual, non significa que os pagos da PAC se supediten ao cumprimento destas normas, aínda que os Estados membros impoñen sancións administrativas aos beneficiarios que non as cumpran. As sancións administrativas, na práctica, consisten en reducións, non superiores ao 5%, en caso de incumprimento por neglixencia. Os incumprimentos recorrentes poden dar lugar a sancións maiores e, se son intencionados, a redución podería chegar ao 20% ou máis.
A condicionalidade na UE non significa que os pagos da PAC dependan do cumprimento das normas básicas establecidas pero poden supoñer reducións nas axudas percibidas
Así, aínda que os principios da xestión integrada de pragas son obrigatorios para os agricultores, non se contan como condición para acceder aos pagos da PAC. A pesar de que se fomentan as prácticas agrícolas máis sostibles, "hai poucas medidas que disuadan aos agricultores de utilizar produtos fitosanitarios estándar en lugar de recorrer a métodos non químicos ou alternativos", afirma o Tribunal de Contas. En comparación, para recibir pagos directos en Suíza, os agricultores deben mostrar unha proba de rendemento ecolóxico, similar aos principios xerais da xestión integrada de pragas definidos na Directiva. No marco das súas inspeccións, as autoridades suízas verifican os requisitos relativos á protección do chan e ao fomento da biodiversidade, establecendo e rexistrando limiares de pragas, así como a elección apropiada dos produtos fitosanitarios e a xustificación do seu uso e, no caso dos agricultores con máis de tres hectáreas de terra cultivable, a rotación de cultivos.

Bruxelas acusa a España de carecer de ambición nos seus plans para a redución de plaguicidas

A Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para conseguir un uso sostible dos praguicidas (DUSP) pretende minimizar o impacto dos produtos fitosanitarios na saúde humana e o medio ambiente mediante unha dependencia menor e un uso maior de praguicidas de baixo risco e non químicos. Os principios xerais da Directiva inclúen o uso dos produtos fitosanitarios no cultivo pertinente, coa dose correcta e coa frecuencia correcta, no momento oportuno e tendo en conta as repercusións sobre o medio ambiente e sobre a resistencia. Os métodos sostibles biolóxicos, físicos e outros non químicos deberán preferirse aos métodos químicos, sempre que permitan un control satisfactorio das pragas.
Bruxelas afirma que se logrou reducir un 20% o risco dos pesticidas no conxunto da UE entre 2011 e 2017
A Comisión considera que a acción da UE propiciou unha redución do risco na utilización de produtos fitosanitarios. "Malia a un inicio lento, a Comisión realizou esforzos destacables para mellorar a aplicación da Directiva 2009/128/CE por parte dos Estados membros e desde a súa entrada en vigor experimentouse unha redución do risco para a saúde humana e o medio ambiente pola venda de produtos fitosanitarios na Unión Europea constatándose unha redución do 20% no primeiro indicador de risco harmonizado, nas cantidades de substancias activas presentes no mercado, entre 2011 e 2017", indica. Asimesmo, destaca, "esta redución do risco tivo lugar mentres as cantidades de produtos fitosanitarios vendidos e utilizados seguiron sendo relativamente constantes, o que reflicte o cambio de perfil dos pesticidas vendidos e utilizados na Unión Europea", aínda que o Executivo comunitario considera que "aínda hai importantes posibilidades de seguir reducindo os riscos mediante unha mellor aplicación da Directiva e, en particular, un maior grao de adopción da xestión integrada de pragas, incluída unha adopción máis estendida das técnicas de control non químicas". Obxectivos por países para a aplicación da Directiva A Directiva baséase fundamentalmente nas medidas adoptadas en cada Estado membro, dadas as diferenzas existentes na agricultura en toda a Unión Europea. Esixe que os Estados membros adopten plans de acción nacionais (PAN) que definan os seus obxectivos cuantitativos, metas, medidas e calendarios. O Plan de Acción Español, presentado en novembro de 2012 e vixente ata decembro de 2017, incluía 29 medidas e a súa revisión, en vigor ata decembro de 2022, un total de 31, entre as que se inclúen campañas de concienciación e sensibilización sobre os riscos dos pesticidas para a saúde e o medio ambiente, bases de datos sobre usuarios e comercialización de fitosanitarios, directrices para a aplicación da xestión integrada de pragas, promover a dispoñibilidade de produtos fitosanitarios de baixo risco, inspección de equipos utilizados para a aplicación de tratamentos, medir a presenza de residuos no solo e en augas subterráneas, establecer unha metodoloxía para avaliar a efectividade do conxunto de recomendacións e mellorar e estender o uso de alertas de protección de plantas.
Alemaña fixou como obxectivo unha redución do 30% do risco de praguicidas, Dinamarca un 40% e Francia e Luxemburgo un 50%
Case todos os obxectivos fixados por España son xenéricos e só catro países (Alemaña, Francia Dinamarca e Luxemburgo) estableceron medidas cuantificables concretas. Alemaña fixou como obxectivo unha redución do 30% do risco potencial para o medio ambiente para 2023, con respecto á referencia da media para 1996-2005. Dinamarca fixou como obxectivos unha redución do 40% no indicador da carga de praguicidas e unha redución do 40% na carga de substancias extremadamente preocupantes para 2025, con respecto a 2011. Por último, Francia estableceu como obxectivo unha redución do 25% no uso de produtos fitosanitarios para 2020, ademais dunha redución dun 50% no uso para 2025, con respecto a 2015 e Luxemburgo un descenso do 50% no ano 2030. A maioría dos Estados non emendaron nos seus Plans de Acción Nacionais revisados as deficiencias que a Comisión identificou nos seus Plans iniciais, polo que a maioría das revisións resultan pouco ambiciosas e non definen obxectivos de alto nivel baseados en resultados co fin de reducir os riscos asociados dos pesticidas e a dependencia do seu uso. Ningún país identificou de forma explícita rexións prioritarias ou boas prácticas e só Francia controla as cantidades de substancias activas clasificadas como canceríxenas, mutaxénicas ou tóxicas para a reprodución que se venden cada ano.
España pretende desenvolver unha aplicación informática para permitir o rexistro electrónico das transaccións con PFS e que polo menos o 50% dos distribuidores usen este sistema en 2022
Tanto España como Bélxica definen obxectivos claros, pero todos son sectoriais e gardan relación coas medidas propostas, por exemplo o número de campañas informativas ao ano ou o número de granxas modelo que se deben establecer, en lugar de impactos cuantificables, como o número de usuarios profesionais que aplican a XIP. "A maioría dos Plans Nacionais carecen de ambición. Isto queda ilustrado nos casos de Chipre e tamén de España, un Estado que conta con case un millón de explotacións e que fixou o establecemento dun obxectivo de polo menos dúas explotacións modelo para promover a xestión integrada de pragas", repróchalle a Comisión Europea. Detección e tratamento precoz Un dos elementos fundamentais da normativa europea é a aplicación da xestión integrada de pragas (XIP) e a promoción de técnicas ou enfoques alternativos, que se presentan como claves con vistas a reducir a dependencia respecto dos praguicidas. As normas da UE definen dita xestión integrada de pragas como un conxunto de oito principios xerais destinados a utilizar outros métodos preventivos, naturais ou menos nocivos de control de pragas antes de recorrer a produtos fitosanitarios químicos. Por exemplo, a supervisión das pragas e os sistemas de alerta rápida forman parte da xestión integrada de pragas, xa que a previsión, advertencia e diagnóstico rápido de pragas e enfermidades axudan aos agricultores a aplicar medidas de control preventivas e máis centradas.
Sempre que sexa posible, debe concederse prioridade aos métodos non químicos
Os oito principios xerais da xestión integrada de pragas detállanse no anexo III da Directiva; con todo, na normativa comunitaria non se define como se deben aplicar estes principios na práctica, polo que a súa concreción é competencia dos Estados membros. De acordo co principio de subsidiariedade, estes criterios deben determinarse a escala nacional ou mesmo subnacional, dada a diversidade da agricultura entre os Estados membros e dentro deles, en termos de clima, colleitas cultivadas e técnicas de produción. Con todo, os Estados non converteron os principios xerais da xestión integrada de pragas en criterios normativos e avaliables que deban aplicar os usuarios. A Directiva indica que a xestión integrada de pragas "promove os mecanismos naturais de control de pragas", e os principios da xestión integrada de pragas indican que deben preferirse os métodos biolóxicos ou físicos (mecánicos) aos químicos, pero os avances nese campo víronse afectados pola lentitude na súa posta en marcha. Porque aínda que a aplicación dos principios da xestión integrada de pragas é obrigatoria para os usuarios, os controis sobre o seu cumprimento son escasos e non se ten en conta actualmente como condición para acceder aos pagos da PAC, aínda que a Política Agrícola Común actual e futura abarca varios instrumentos que apoian a aplicación da XIP por parte dos agricultores. Falta de alternativas técnica e economicamente viables Cada vez préstase maior atención aos métodos non químicos, e moitos Estados membros promoven conceptos como o biocontrol (Francia) e os biopraguicidas (Países Baixos), pero varios Estados membros informaron á UE de dificultades na verificación da xestión integrada de pragas e da falta de técnicas de control non químicas eficaces e financeiramente viables, que constitúen un obstáculo para a posta en práctica da xestión integrada de pragas. As actividades de investigación e innovación son importantes para garantir que se dispoña de métodos alternativos de xestión de pragas e de produtos fitosanitarios de baixo risco para aplicar a devandita xestión. Horizonte Europa, o programa de investigación da UE, contén convocatorias de proxectos relacionados con estratexias, ferramentas e tecnoloxías para a xestión sostible das malas herbas, alternativas ao uso de produtos fitosanitarios e para a xestión integrada de pragas.
As normas da UE prevén un calendario acelerado para a autorización de produtos fitosanitarios de baixo risco
Aínda que a maioría dos produtos fitosanitarios de baixo risco conteñen microorganismos, moitos produtos fitosanitarios ecolóxicos non están categorizados como de baixo risco. Por exemplo, en Francia en xuño de 2019, 481 produtos fitosanitarios estaban autorizados como de control biolóxico e 23 como de baixo risco. Unha explicación é que moitos produtos fitosanitarios de control biolóxico conteñen substancias activas aprobadas antes da introdución do concepto de baixo risco na lexislación da UE (o concepto de baixo risco introduciuse co Regulamento relativo á comercialización de produtos fitosanitarios, e a primeira aprobación dunha substancia activa como de baixo risco realizouse en 2015), pero o proceso de aprobación tamén mostra que non todas as substancias activas non químicas cumpren os criterios de baixo risco. En setembro de 2019, había 487 substancias activas aprobadas para a súa utilización en produtos fitosanitarios na UE, pero só 16 (3%) delas estaban aprobadas como de baixo risco. E non todos os produtos fitosanitarios baseados nas 16 substancias activas declaradas de baixo risco están autorizados como de baixo risco, xa que á parte das substancias activas, os produtos fitosanitarios conteñen outros ingredientes coñecidos como "coformulantes".
Na última década duplicáronse as substancias activas básicas, de baixo risco e non químicas, pasando de 60 a 120
Aínda que recoñece que que "é necesario ampliar a gama de substancias activas non químicas, de baixo risco e básicas aprobadas para aumentar as opcións de control de pragas de que dispoñen os agricultores para reducir a súa dependencia das substancias activas máis perigosas", a Comisión destaca que "existe unha tendencia constante á alza no número de substancias activas básicas, de baixo risco e non químicas, desde menos de 60 en 2009 ata case 120 en 2019". Medición das consecuencias no medio ambiente "Obsérvase un declive significativo da biodiversidade nos ecosistemas agrícolas, segundo se reflicte nunha caída das aves dos hábitats agrícolas e nas perdas de poboacións de insectos nalgunhas partes da Unión Europea. Entre outros factores, o uso dos praguicidas identificouse como unha causa importante desta evolución", asegura a Comisión Europea.
A normativa da UE ten a finalidade de "conseguir un uso sostible dos praguicidas mediante a redución dos riscos e os efectos na saúde humana e no medio ambiente"
A supervisión ambiental a posteriori é necesaria para confirmar que non se produzan efectos ou riscos inaceptables para o medio ambiente derivados do uso de produtos fitosanitarios. O control da UE de produtos fitosanitarios no medio ambiente céntrase principalmente na auga pero non ten en conta os efectos sobre os chans. Os distintos Estados analizan a presenza de produtos fitosanitarios nas augas, aínda que non se dispón de datos a escala europea sobre a utilización de pesticidas. Para as augas superficiais, a UE define as substancias que os Estados membros deben controlar pero algúns países fan análíticas máis exhaustivas. Por exemplo, os Países Baixos dispoñen dun amplo sistema de control das augas e complementan a supervisión das substancias definidas na UE con outras 16 substancias activas consideradas problemáticas nas súas augas superficiais (12 das cales están actualmente aprobadas para o seu uso en produtos fitosanitarios na UE). Con todo, as normas da UE non definen substancias activas que deben controlarse no chan.
O control da UE de produtos fitosanitarios no medio ambiente céntrase na presenza de residuos na auga pero non ten en conta os efectos sobre os chans
En febreiro de 2019 o Parlamento Europeo adoptou unha resolución non lexislativa sobre a aplicación da Directiva 2009/128/CE de Uso Sostible de Praguicidas na que lamenta que o nivel xeral de aplicación por parte dos Estados membros resulte insuficiente para reducir os riscos derivados do uso dos praguicidas e a dependencia deles e insta á Comisión e aos Estados membros a adoptar unha serie de medidas destinadas a mellorar a aplicación da Directiva, entre elas o establecemento de directrices para avaliar a aplicación da xestión integrada de pragas e o desenvolvemento de alternativas de baixo risco aos praguicidas así como a promoción dunha agricultura de precisión e dixital como medida para reducir o risco que entrañan. Medir o risco dos tratamentos é complexo, xa que os riscos que provocan estes produtos varían en función de varios factores, en particular das substancias activas da súa composición, pero tamén da súa dosificación (a cantidade e frecuencia por hectárea) e de onde, cando e como os apliquen os usuarios na práctica. "Os indicadores de risco a escala europea teñen que harmonizarse para permitir a comparación entre Estados membros e unha avaliación significativa da política da UE", avanzan en Bruxelas.
Até 2019 a Comisión non comezou a medir a escala europea os riscos de utilizar produtos fitosanitarios
A finais de 2018 a Comisión estableceu dous indicadores de risco harmonizados que entraron en vigor en xuño de 2019 e en novembro publicou na súa páxina web os cálculos retrospectivos dos indicadores de risco de 2011. Isto significa que a primeira estimación da Comisión dos riscos da utilización de produtos fitosanitarios a escala da UE chegou dez anos despois da aprobación da Directiva.
Más información: 

Catro de cada dez euros da nova PAC chegaránlle ás granxas por aspectos medioambientais

O uso de abonos químicos estará máis limitado nos vindeiros anos, igual que os antibióticos e os pesticidas Os alimentos europeos, ademais de ser seguros, nutritivos e de alta calidade, deberán producirse cun impacto mínimo sobre a natureza. Será unha esixencia que agricultores e gandeiros terán que cumprir se queren seguir recibindo fondos da UE a través da PAC. Máis aló da constante ameaza de redución de fondos para agricultura no próximo marco presuposto da UE, a Política Agrícola Común para o novo período 2021-2027 estará moi condicionada pola aprobación do Pacto Verde europeo e as Estratexias Da granxa ao garfo e de Biodiversidade para 2030 presentadas o pasado 20 de maio pola Comisión Europea. Até o punto de que 4 de cada 10 euros da nova PAC deberán contribuír aos obxectivos ambientais establecidos nestes documentos, o que obrigará ás explotacións para modificar prácticas e estratexias actuais de funcionamento para manter as axudas. "A proposta de reforma da PAC da Comisión é compatible co Pacto Verde e as súas Estratexias asociadas de Biodiversidade e Da granxa ao garfo. A PAC ten potencial para acomodarse ás ambicións do Pacto Verde", avanza a Comisión nun documento de traballo que vincula a reforma da PAC e o Pacto Verde. "Está claro que a transición cara a unha agricultura e gandería máis sostibles debe estar apoiada por unha PAC que se centre no Pacto Verde. A nova PAC, que a Comisión propuxo en xuño de 2018, ten como obxectivo axudar aos agricultores para mellorar o seu desempeño ambiental e climático a través dun modelo máis orientado a lograr mellores estándares ambientais obrigatorios, novas medidas voluntarias e un maior enfoque sobre investimentos en tecnoloxías e prácticas verdes e dixitais", engade.
A Comisión Europea destaca que os subsidios da PAC representan o 57% dos ingresos agrícolas netos na UE
A Comisión Europea destaca que os subsidios da PAC representan actualmente o 57% dos ingresos agrícolas netos na UE e defende o cambio de prioridades: "Necesitaranse investimentos para fomentar a innovación e crear sistemas alimentarios sostibles. A PAC tamén debe facilitar cada vez máis o apoio aos investimentos para mellorar a resiliencia e acelerar a transformación verde e dixital das granxas", argumenta o Executivo europeo no propio documento que inclúe as 27 medidas da Estratexia Da granxa ao garfo para aplicar entre 2020 e 2030. As disposicións clave da proposta da Comisión, que deben manterse na lexislación final da PAC segundo o acordado polo Consello e o Parlamento Europeo, inclúen:
  • un principio de "non retroceso" que obriga aos Estados membros nos seus plans estratéxicos da PAC a mostrar unha maior ambición ca na actualidade con respecto aos obxectivos relacionados co medio ambiente e o clima
  • un ambicioso sistema de condicionalidade que manteña estándares clave (en particular para a rotación de cultivos, a cobertura do chan, o mantemento de pasteiros permanentes, terras agrícolas dedicadas a áreas ou características non produtivas)
  • esquemas ecolóxicos obrigatorios para os Estados
  • gasto mínimo limitado para eco-esquemas e indicacións adicionais sobre prácticas agrícolas que poderían ser apoiadas por eco-esquemas
  • integración de elementos relevantes da lexislación sobre benestar animal e resistencia aos antibióticos na PAC
  • gastos de protección ambiental para o medio ambiente e o clima do 30% do orzamento de desenvolvemento rural para cada Plan Estratéxico da PAC, excluíndo pagos para áreas con limitacións naturais, así como a protección das intervencións sectoriais
  • requisitos de recompilación de datos e enfoques de datos comúns entre políticas
  • disposicións para mellorar a posición dos agricultores na cadea de subministración de alimentos
Maior poder de decisión dos Estados A Estratexia Da granxa ao garfo carece de financiamento específico, polo que a Política Agrícola Común (PAC) seguirá sendo a ferramenta clave para apoiar a transición cara a sistemas alimentarios sostibles, acompañando esta transformación dos agricultores e gandeiros coa focalización dos fondos agrícolas cara a solucións innovadoras e prácticas de produción sostibles. "É un erro seguir investindo diñeiro na economía do século XX, os fondos deben ir destinados a dixitalización e economía verde e circular. A PAC debe facilitar cada vez máis o apoio ao investimento para acelerar a transformación ecolóxica e dixital das explotacións agrícolas", asegura Frans Timmermans, vicepresidente executivo da Comisión Europea e responsable do Pacto Verde.
É un erro seguir investindo diñeiro na economía do século XX, os fondos deben ir destinados a dixitalización e economía verde e circular (Frans Timmermans)
Unha das modificacións na distribución de axudas que propón Bruxelas coincide coas demandas históricas do sector agrogandeiro galego, ao que beneficiaría o cambio de criterio de repartición de ser confirmado polo Goberno español no seu Plan Estratéxico de distribución de fondos: "O requisito de mellorar a eficiencia e a efectividade dos pagos directos ao limitar e orientar mellor o apoio aos ingresos dos agricultores que cumpren coa ambición ecolóxica, en lugar de ás entidades e empresas meramente propietarias de terras agrícolas, segue sendo un elemento esencial da futura PAC. A capacidade dos Estados Membros para garantir isto debe establecerse nos Plans Estratéxicos", defende a Comisión Europea. Neste sentido, o Executivo comunitario fará recomendacións a cada Estado membro sobre os nove obxectivos específicos da PAC, antes de que presenten formalmente os seus proxectos de Plans Estratéxicos. "A Comisión prestará especial atención á consecución dos obxectivos do Pacto Verde e os derivados da Estratexia Da granxa ao garfo e a Estratexia de Biodiversidade para 2030 solicitando aos Estados membros que establezan valores nacionais explícitos para eses obxectivos, tendo en conta a súa situación específica. Sobre a base destes valores, os Estados membros identificarán as medidas necesarias nos seus Plans Estratéxicos da PAC", avanza Bruxelas. Aínda que é a Comisión a que fixará as prioridades, unha das novidades da nova PAC é precisamente o maior poder de decisión que outorga aos distintos Estados membros da UE á hora de establecer os criterios para a repartición dos fondos, aínda que posteriormente as Autoridades comunitarias monitorizarán os resultados e o impacto real deses fondos para o cumprimento dos obxectivos marcados no Pacto Verde.

Ecoloxizar a PAC

"A PAC seguirá sendo un instrumento clave para apoiar aos agricultores na transición cara a un sistema alimentario sostible", avanzan desde Bruxelas. A proposta de reforma da PAC de 2018 xa se centra na sustentabilidade e vincula estreitamente o apoio da PAC á lexislación en materia de medio ambiente, clima e inocuidade dos alimentos. Os Estados membros deberán utilizar un novo medio de financiamento do medio ambiente e o clima (“esquemas ecolóxicos”) a partir dos pagos directos da PAC, para alentar aos agricultores a adoptar ou manter prácticas que beneficien o medio ambiente e o clima de acordo co Pacto Verde. Esta nova posibilidade de pagos anuais en lugar de plurianuais (como os compromisos agroambientais e climáticos en vigor no período 2014-2020 baixo os Programas de Desenvolvemento Rural) "faraos particularmente atractivo para certos agricultores", argumenta a Comisión Europea.
Os Estados deberán reservar unha parte dos pagos directos para o chamados eco-esquemas, aos que os agricultores e gandeiros poderán acollerse voluntariamente
Estes eco-esquemas, tamén chamados "réximes ecolóxicos", ofrecerán unha importante fonte de financiamento para impulsar as prácticas sostibles, como a agricultura de precisión, a agroecología (incluída a agricultura ecolóxica), a creación de elementos paisaxísticos, a captura de carbono en chans agrícolas e a agrosilvicultura. A diversificación e rotación de cultivos, o mantemento de pasteiros permanentes e a conservación de zonas agrícolas de valor ecolóxico son algunhas das prácticas que a Comisión Europea pon como exemplos nun documento publicado a finais de 2019. As normas obrigatorias dentro do sistema de condicionalidade proposto establecería unha liña de base para facer que a agricultura sexa máis sostible. As obrigas clave incluirían (entre outras) aquelas relacionadas coa rotación de cultivos, a protección do chan, o mantemento de pasteiros permanentes, a protección de humidais e turberas, as directivas sobre Rede Natura 2000 e a necesidade de protexer as características da paisaxe existentes ou dedicar unha área en cada granxa a características "non produtivas" .
As compensacións por zonas desfavorecidas non computarán directamente como fondos para mellorar o medio ambiente e evitaranse os investimentos en sistemas de rega
"A Comisión apoiará a introdución dun orzamento mínimo compartimentado para estes réximes ecolóxicos", avanza, para asegurar que os Estados membros contan cos recursos necesarios nos seus Plans Estratéxicos para fomentar estas prácticas e formulará recomendacións neste sentido relativas aos nove obxectivos específicos da PAC para cada un dos Estados membros antes de que presenten oficialmente os seus respectivos proxectos de Plan Estratéxico (a análise relativa a España data do pasado mes de setembro).
Haberá un sistema para rastrexar o gasto nos plans da PAC relacionados unicamente cos obxectivos do cambio climático, excluídos outros obxectivos ambientais
Así mesmo, polo menos o 30% do orzamento de desenvolvemento rural dentro do segundo alicerce da PAC deberá destinarse a actividades de maior valor directo para o medio ambiente e o clima, excluída a compensación por áreas agrícolas con desvantaxes naturais ("pago por áreas que enfrontan limitacións naturais"), xa que, argumenta o Executivo comunitario, "o vínculo deste apoio cos beneficios ambientais e climáticos non é directo". A proposta da Comisión tamén inclúe, por exemplo, elementos para evitar o apoio aos investimentos que poderían ser prexudiciais para o medio ambiente (por exemplo, "os investimentos en rega non son coherentes cos obxectivos da Directiva Marco da Auga", di). Producir alimentos sans cunha agricultura máis sostible As dúas patas fundamentais da Estratexia Da granxa ao garfo no que se refire á transformación da produción agrícola e gandeira da Unión Europea son a redución á metade na próxima década do uso de antibióticos e pesticidas, así como un 20% o uso de fertilizantes químicos á vez que se multiplica por tres a superficie actual destinada a agricultura ecolóxica ata alcanzar en 2030 o 25% da superficie agraria total. A Comisión desenvolverá xunto cos Estados membros un plan de acción de xestión integrada de nutrintes para diminuír nun 50% as perdas de nutrintes dos chans agrícolas, garantindo que non se deteriore a súa fertilidade, o que permitiría reducir en polo menos un 20% o uso de fertilizantes e previr a contaminación polo seu uso excesivo, aplicando plenamente a lexislación vixente sobre contaminación por nutrintes (nitratos e fosfatos), ademais de fomentar a reciclaxe de nutrintes procedentes de distintas formas de residuos orgánicos como fertilizantes.
Será necesario diminuír nun 50% as perdas de fertilidade do chan e fomentar o uso de fertilizantes orgánicos evitando a contaminación por nitratos e fosfatos
Para alcanzar o obxectivo de triplicar o peso da agricultura ecolóxica na UE, é fundamental fomentar a demanda. Ademais das medidas incluídas na PAC, a Comisión presentará un plan de acción sobre agricultura ecolóxica. Isto axudará aos Estados membros a estimular tanto a oferta como a demanda de produtos ecolóxicos e garantir a confianza dos consumidores mediante campañas de promoción e grazas á contratación pública ecolóxica na compra de alimentos ou contratos de subministro para organismos e institucións públicas como colexios ou hospitais, así como a posibilidade de establecer taxas impositivas diferentes máis baixas para os produtos ecolóxicos.
A Comisión presentará un plan de acción sobre agricultura ecolóxica que incluirá a posibilidade de establecer taxas impositivas máis baixas para os produtos ecolóxicos
Ademais, co fin de mellorar a resiliencia dos sistemas alimentarios rexionais e locais, a Comisión, coa intención de crear cadeas de subministración máis curtas, apoiará a redución da dependencia do transporte de longa distancia (aproximadamente 1.300 millóns de toneladas de produtos agrícolas, forestais e pesqueiros primarios foron transportados por estrada en 2017 dentro da UE, segundo os datos de Eurostat).

Cultivar carbono

Esta nova estratexia da UE ten por obxecto recompensar aos agricultores e outros operadores da cadea alimentaria que xa superasen a transición cara a prácticas sostibles, facilitar a transición para os demais e crear oportunidades adicionais. "Un exemplo de novo modelo de negocio ecolóxico é a captura de carbono por agricultores e silvicultores. As prácticas agrícolas que eliminan o CO2 da atmosfera contribúen ao obxectivo de neutralidade climática e deben ser recompensadas, xa sexa mediante a Política Agrícola Común ou con outras iniciativas públicas ou privadas (mercado do carbono)", propón a Comisión.
Bruxelas propón estender o mercado do carbono á agricultura para facer da captura de carbono un novo modelo de negocio agrícola
"Dispoñer dunhas regras de certificación sólidas sobre o secuestro de carbono na agricultura e a silvicultura son o primeiro paso para permitir pagos aos agricultores e silvicultores por esas prácticas. Os Estados membros poderían utilizar estas normas para deseñar pagos da PAC baseados no carbono secuestrado. Ademais, as empresas privadas tamén poderían estar interesadas en comprar os devanditos certificados para apoiar a acción climática, proporcionando así un incentivo adicional (ademais dos pagos da PAC) aos agricultores e selvicultores para o secuestro de carbono", argumenta o Executivo comunitario.
As prácticas agrícolas de agricultores e silvicultores que eliminan o CO2 da atmosfera poderán ser recompensadas a través da PAC
A Comisión Europea sostén que "a economía circular de base biolóxica segue sendo un potencial en gran medida sen explotar para os agricultores. Por exemplo, as refinerías biolóxicas avanzadas que producen biofertilizantes ou biogás a partir de residuos. As granxas e os alpendres son tamén a miúdo perfectos para colocar paneis de enerxía solar e os agricultores deben aproveitar as oportunidades para reducir as emisións de metano do gando desenvolvendo a produción de enerxía renovable e investindo en dixestores anaeróbicos para a produción de biogás a partir de residuos agrícolas e gandeiros, como o esterco. E estes investimentos deben ser priorizadas nos Plans Estratéxicos da futura PAC", exemplifica Bruxelas. Monitorizar a pegada ecolóxica das explotacións A toma de datos tamén será unha nova condición para o traballo das explotacións nos próximos anos. Na proposta de revisión da PAC máis aló de 2020 inclúese a obrigatoriedade de monitorizar ás explotacións desde o punto de vista ambiental, cuantificando a súa pegada de carbono, uso da terra ou utilización de nutrintes, insecticidas, herbicidas e antibióticos. Estes indicadores de sustentabilidade personalizados das explotacións permitirán facer un seguemento e analizar a súa evolución en comparación coas medias rexionais e nacionais, ofrecéndose ademais aos agricultores e gandeiros servizos de asesoramento personalizados e apoio a iniciativas e prácticas que permitan, por exemplo, a captura de carbono por parte das explotacións.
A proposta de revisión da PAC máis aló de 2020 inclúe a obrigatoriedade de monitorizar ás explotacións desde o punto de vista ambiental
Para loitar contra os efectos do exceso de fertilización (sobre todo de nitróxeno e fósforo), a Comisión traballará asimesmo cos Estados membros para ampliar a aplicación de técnicas precisas de fertilización e prácticas agrícolas sostibles, especialmente nas zonas críticas da gandería intensiva, así como na reciclaxe de residuos orgánicos en fertilizantes renovables. Isto realizarase tamén mediante medidas que os Estados membros deben incluir nos seus plans estratéxicos da PAC. Do mesmo xeito, revisarase a Directiva sobre o uso sostible de praguicidas impulsando a xestión integrada de pragas (XIP) e promovendo un maior uso de formas alternativas seguras de protexer as colleitas de pragas e enfermidades, fomentando o uso de técnicas de control alternativas, como a rotación de cultivos e ou a cavadura mecánica das malas herbas, que pasarán a ser algunhas das ferramentas principais para reducir o uso e a dependencia de pesticidas químicos en xeral, e o uso daqueles pesticidas máis perigosos en particular . "As prácticas agrícolas que reducen o uso de pesticidas a través da PAC serán de suma importancia e os Plans Estratéxicos deben reflectir esta transición e promover o acceso ao asesoramento", indica a Comisión Europea, que avanza que facilitará "a comercialización de praguicidas que conteñen substancias biolóxicas activas" en substitución de produtos en entredito na actualidade como o glifosato e propoñerá cambios no Regulamento de 2009 sobre estatísticas de praguicidas para superar a actual falta de datos.

Internet rápido en todas as zonas rurais dentro de cinco anos para permitir a dixitalización das granxas

Dentro da Estratexia Da granxa ao garfo tamén se inclúe o obxectivo de que todas as zonas rurais teñan acceso a internet de banda ancha rápida para 2025, a fin de permitir a innovación dixital. "Os servizos de asesoramento agrícola da PAC e a rede de datos de sustentabilidade da granxa serán fundamentais para axudar aos agricultores na transición", asegura o Executivo comunitario. Pero para iso, admite, "todos os agricultores e todas as áreas rurais necesitan estar conectados a internet rápida e fiable, que é un facilitador clave para empregos, negocios e investimentos en áreas rurais, así como para mellorar a calidade de vida nestas zonas". "O acceso a Internet de banda ancha rápida tamén permitirá incorporar a agricultura de precisión e o uso de intelixencia artificial, o que, en última instancia, reducirá os custos para os agricultores, mellorará o manexo do chan e a calidade da auga, e reducirá o uso de fertilizantes, pesticidas e emisións", afirma a Comisión Europea, que se marca como obxectivo "acelerar o despregamento da internet de banda ancha rápida nas zonas rurais para lograr o obxectivo do 100% de acceso para 2025".
A Comisión Europea pretende que en 2025 o 100% das zonas rurais da UE dispoñan da internet de banda ancha
A transferencia de coñecemento será esencial, asegura a Comisión Europea. Por iso, con cargo ao programa Horizon Europe investiranse 10.000 millóns de euros en investigación e innovación relacionada con alimentos, bioeconomía, recursos naturais, agricultura, pesca, acuicultura e medio ambiente, así como no uso de tecnoloxías dixitais e solucións baseadas na natureza para o sector agroalimentario. "A investigación e a innovación (I+i) son motores fundamentais para axilizar a transición cara a sistemas alimentarios sostibles e saudables", xustifica o Executivo comunitario.
Máis información: 

Erros máis comúns a evitar na sementeira do millo

No millo a sementeira é un factor clave na productividade do cultivo. O 50% do rendemento final obtido está relacionado con como naza a planta, polo que o proceso de labrado condiciona claramente o resultado final da colleita. Así pois, se a metade do resultado final depende da sementeira, para que a produción sexa homoxénea, o nacemento da planta tamén ha de ser homoxéneo. Iso está relacionado con que teña lugar unha emerxencia rápida e uniforme en toda a parcela. Ensaios da Universidade americana de Wisconsin demostraron que un retraso no nacemento de 10 días da plántula equivale a un retraso de dúas follas na súa fase de crecemento inicial, o que condiciona que esa planta poida acabar tendo mazorca ou non. O feito de traballar mediante a subcontrata das tarefas de sementado, ben a través dunha cooperativa, unha empresa de servizos ou unha CUMA, o que permite aforrar en maquinaria propia ás explotacións, condiciona sen embargo moitas veces non poder escoller o momento óptimo para labrar, ao concentrarse a demanda en poucos días obrigando a que as campañas de sementeira se alonguen ou comecen antes de tempo. Moitas veces tamén limita a escolla da data de sementeira do millo a recollida previa da herba para ensilado nas fincas nas que se fai dobre cultivo, pois mentres non remata a campaña da herba non se pode abonar e preparar as terras para o millo. Tanto a sementeira como a colleita e o ensilado do millo representan tamén o maior investimento que realizan ano tras ano as explotacións de gando vacún de leite. Acadar o maior rendemento posible por hectárea cultivada supón optimizar os investimentos e mellorar o seu nivel de eficiencia. Facer as cousas ben e non cometer erros non reduce os gastos (os custos en abonos, semente e fitosanitarios son os mesmos, igual que os de sementeira e recollida), pero se se obtén unha maior cantidade e calidade de materia seca os gastos feitos vólvense máis rendibles ao quedaren máis diluidos e a marxe de beneficio no leite producido aumenta.
O millo é o principal cultivo forraxeiro que realizan as explotacións leiteiras galegas, que concentran o 60% da superficie adicada a este cultivo en todo o Estado
O millo cultívase en Galicia desde fai máis de 5 séculos e hoxe é o principal cultivo forraxeiro que realizan as explotacións leiteiras galegas, polo que se trata dun cultivo de grande importancia na nosa comunidade. De feito, Galicia concentra o 60% da superficie adicada a millo en todo o Estado e o 55% da produción. Estas son algunhas cuestións a ter en conta para non cometer erros á hora de labrar o millo, que analizamos coa axuda de dous enxeñeiros agrónomos: Juan Valladares, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e Albert Porte, asesor internacional, membro do Tribunal Internacional de Apelación de Pau para temas agrícolas e ex enxeñeiro Instituto ARVALIS e da Asociación Xeral de Produtores de Millo de Francia. 1.- Non facer as cousas ás présas ou por rutina Albert Porte Laborde é un dos maiores expertos europeos no cultivo do millo. Pero este enxeñeiro agrónomo francés, natural da rexión de Bearn, no sur do país, onde sementa nas súas fincas 60 hectáreas de millo en solos que son semellantes aos de Galicia, prefire definirse como un "namorado" desta planta máis que como un especialista. Nos últimos anos estivo varias veces en Galicia, onde participou en distintas xornadas técnicas, organizadas por Delagro, Seragro e o Concello de Curtis.
Facer as cousas rápidas e sen reflexionar é perigoso porque os erros non se poden correxir
Di que "facer as cousas rápidas sen reflexionar é perigoso" e fala de "calidade da sementeira" como factor determinante á hora de acadar bos rendementos de colleita. O obxectivo é simple, di: "trátase de lograr nacementos homoxéneos e regulares, non pode existir o éxito no cultivo do millo sen homoxeneidade". A distribución e a altura das plantas teñen que ser iguais porque "tamén no millo o problema é sempre o veciño", bromea, xa que "se a planta do lado ten unha folla máis esa outra planta máis retrasada sempre terá que soportar esa competencia até o final".
O labor do agricultor é organizar a competencia entre plantas para que todas sexan iguais
O labor do agricultor é "organizar a competencia entre plantas para que todas sexan iguais". Por iso, asegura, "cando o tractor sae da finca ao acabar de labrar o rendemento está feito, ben ou mal feito pero está feito. Xa non se poden engadir toneladas, a partir dese momento pódense preservar as toneladas que labramos na colleita final, pero engadir máis non. Os erros non se poden correxir, nin unha planta mal escollida, unha densidade mal adaptada, unha protección contra os insectos mal feita, un abono que non foi ben calculado, etcétera; todo iso non se pode correxir", indica Tamén aposta por evitar erros Juan Valladares e aínda que asegura que "sempre hai recomendacións que se poden dar para mellorar", como as que periodicamente fai o CIAM antes do inicio da campaña de cada ano, "en xeral o agro galego cada vez vai coñecendo máis a cultura do millo e se de algo sabe o gandeiro galego é de xenética de vacas e de cultivo de millo", afirma. 2.- Analítica do chan O éxito da plantación comeza antes de que a sementadora entre na parcela. "O primeiro é coñecer a terra que tes. Hai que facer unha analítica de terra polo menos cada 4 anos porque cambian as características. Logo, con esa analítica na man, xa podes definir o tipo de encalado e o tipo de fertilización en función do que precisa o millo", recomenda Juan. Unha das cousas a vixiar é o PH do chan. "O PH é o indicador máis antigo da fertilidade do solo, cun PH baixo a dispoñibilidade de abono non é boa, así que se se sobe o PH do chan pódese diminuir a cantidade de abono para igual resultado e aforrar. Cun PH entre 5 e 5,5 só se aproveita entre o 50 e o 75% do nitróxeno existente e só a metade do fósforo dispoñible pero subindo só un punto ou punto e medio o PH a utilización pasa a ser do 90 e 95%. A principal vantaxe do PH é esa, que lle dá á planta dispoñibilidade aos elementos existentes no solo", indica, pola súa banda, Albert.
O millo tolera PH entre 4 e 8 pero o ideal estaría entre 5,5 e 6,5
"Os chans en Galicia son entre ácidos e moi ácidos e iso significa que hai que encalar para aumentar o rendemento", di. Pero o PH hai que medilo xusto antes de botar o millo, advirte, porque "varía ao longo do ano e se o medimos en febreiro e nos dá 5 cando realmente vaiamos botar o millo no mes de maio teremos un punto menos e estaremos en 4. Hai que medilo en varios puntos da parcela e facer unha media porque as análises de PH non é como facer unha análise de sangue, que é toda igual no corpo, o PH non é o mesmo en toda a parcela", asegura. 3.- Escolla da variedade axeitada Á hora de botar o millo, o primeiro factor que determina o resultado final é a escolla dun híbrido adaptado ás condicións da finca. "Non se trata de escoller o máis produtivo, senón o que vale para esa terra ou o que se pode facer nesa zona", afirma Albert. Tamén Juan recomenda "elexir a variedade e os ciclos do millo en función do lugar onde estamos". A variedade debe ser a idónea para a capacidade hídrica do chan e para as condicións climatolóxicas da área xeográfica na que se atope a parcela e debe escollerse en función de factores como a temperatura e cantidade de precipitacións habituais ou de se dispoñemos ou non de rego.
O CIAM publica todos os anos unha actualización do valor agronómico das variedades comerciais máis empregadas en Galicia, o que axuda a elexir o híbrido máis adecuado a cada zona
Para facer a escolla Juan pide non fiarse só dos ciclos FAO e mirar o díptico que todos os anos saca o CIAM (vén de publicar o correspondente a este ano 2020) co valor agronómico actualizado das variedades de millo forraxeiro en Galicia, unha análise comparativa anual que se realiza desde o ano 1999 co obxectivo de avaliar o rendemento e calidade das variedades comerciais máis utilizadas polos gandeiros galegos. "Os ciclos FAO están moi ben pero adaptados á nosa zona, porque non é o mesmo os ciclos FAO en Lleida que aquí", afirma, polo que considera máis axeitado analizar o indice de produtividade (IP) en función dos días que faltan até a data de ensilado prevista. "O mellor millo é o que florece máis rápido, canto antes floreza mellor. En cada zona hai que aplicar as estratexias e escoller as mellores variedades para lograr que unha vez sementado o millo floreza o antes posible porque é a maneira de acadar sempre os mellores rendementos", asegura Albert, que di que "cando o millo nace mal o agricultor ou o gandeiro sempre lle bota a culpa á semente, dicindo que a semente era mala, pero ela non ten a culpa. As sementes de millo que se comercializan xerminan por enriba do 90% porque así o marca a lei, pero aínda que varía anualmente sempre é maior a esa cifra e o nivel de xerminación do ano pasado foi do 97%, polo que como moito pode perderse un 3% da densidade sementada pola calidade da semente, pero non máis", afirma. 4.- Condicións óptimas de temperatura Efectos do frío o ano pasado na colleita de millo na Mariña O proceso de nacemento do millo pasa por varias fases: o grao hincha coa humidade, sae a radícula, o xerme punza e racha a pel do grao, o millo xermina e ao chegar á superficie sae a primeira folla. Nese proceso a humidade do chan e a temperatura son factores determinantes, por iso hai que facer unha boa escolla do momento en que se debe facer a sementeira. Cando se bota, a semente en contacto co solo absorbe auga. Esta hidratación, que é máis rápida canto maior é a temperatura do chan en contacto co grao de millo, sendo a óptima entre os 8 e os 10ºC, é a que permite que naza a planta. É por iso que esta fase de absorción activa de auga, que dá lugar á actividade metabólica e a elongación da radícula, depende en grande medida das condicións de temperatura e osixenación do chan, polo que son as condicións agronómicas e climáticas e non o calendario os que deben guiar a escolla do momento no que realizar a sementeira.
En Galicia hai que comezar a sementar o millo cando a temperatura do chan que está en contacto co grao é de 10ºC, non antes
"A integral térmica do millo mídese a partir dos 8 grados, pero en Galicia cando mellores resultados se obteñen e cando a temperatura media está por riba dos 10 grados de maneira sostida, non serve que sexa un día só e logo baixe. A partir dese momento é cando hai que comezar a sementar o millo, non antes. Os 10º son medidos no chan, o que equivale máis ou menos a un par de grados máis no ambiente", explica Juan. Numerosas aplicacións de información meteorolóxica, como Meteogalicia, permiten saber cal é a temperatura media diaria aínda que a fórmula para calculala é tamén doada: temperatura máxima do día + temperatura mínima e o resultado dividido entre dous.
O millo é sensible ao frío, pois durante a xerminación, por debaixo de 5ºC paralízase o crecimento do millo e morre por encharcamento
O millo é sensible ao frío en tres etapas do seu desenvolvemento: no nacemento, pois temperaturas inferiores a 5ºC poden provocar a morte da plántula durante a xerminación; cando ten entre 3 e 7 follas, pois neste estadio de crecemento cando a temperatura baixa de 15ºC mingua o medre da planta e diminúe a absorción de fósforo por parte das raíces, percibíndose unha cor violeta na planta; e durante a transición floral, cando conta con entre 8 e 10 follas, aproximadamente mes e medio despois de ser labrado o millo. 5.- Preparación da terra: que estea aireada e uniforme Ademais da climatoloxía, outro dos factores esenciais para lograr un nacemento axeitado e homoxéneo do millo é unha boa preparación previa do terreo, que debe estar ben aireado para que a xerminación non se vexa obstaculizada e favorecer deste xeito o enraizamento do cultivo. "A preparación do terreo debe facerse en función do cultivo anterior. Se ven dun cultivo de inverno, a poder ser que teña leguminosas porque enriquece o terreo, hai que laborear a 20-25 centímetros de profundidade mediante volteo", explica Juan. Non se recomenda facer un laboreo máis profundo porque estariamos empobrecendo a terra ao traer á superficie terra con menor cantidade de materia orgánica.
Hai que traballar ben a terra para desfacer as raíces do raigrás porque os terróns na superficie de máis de 5 centímetros actúan de obstáculo para o nacemento da planta
Pero que o arado non sexa moi profundo non quere dicir que a terra non teña que estar ben traballada, xa que o chan debe estar ben removido e triturado para que as raíces do cultivo previo (por exemplo de raigrás, o máis frecuente en Galicia) non entorpezan a expansión das raíces do millo. Ás veces hai pouco tempo para facer este laboreo porque se apura o último corte de herba para ensilar e hai pouco tempo a preparar as terras e ese é un erro habitual que mingua o rendemento das colleitas de millo nas parcelas.
Ás veces é mellor agardar un día máis para preparar a terra porque o traballo é o mesmo e o rendemento final moi diferente. Ese é un erro que vale diñeiro. A preparación da parcela debe facerse con tractores non moi pesados e cando a terra non estea moi mollada para evitar a compactación, que diminúe o rendemento da colleita entre un 10 e un 15%
"Hai que vixiar ben a preparación do chan para que a terra estea en óptimas condicións para recibir ese grao que lle imos aportar. O millo debe nacer nunha terra sen pisar e a calidade do traballo de labranza inflúe no resultado obtido. Nunha hectárea o millo vai crear até a floración entre 8.000 e 10.000 quilómetros de raíces e co manexo que fagamos do chan podemos axudarlle nese proceso ou dificultarllo. Cada vez que unha roda pasa sobre a terra pisa o chan e se pisa, compacta. A partir das 5 follas veñen as raíces definitivas e onde está o chan pisado entran con moita máis dificultade, o que provoca un rendemento de entre un 10 e un 15% menos onde o chan está pisado", asegura Albert, polo que recomenda facer a preparación da terra con tractores non moi pesados e cando a terra non estea moi mollada. "Ás veces é mellor agardar un día máis para preparar a terra porque o traballo é o mesmo e o rendemento final moi diferente. Ese é un erro que vale diñeiro", di. O traballo da terra debe ter en conta as condicións específicas do chan que se vai cultivar, sabendo que os solos limosos son máis pesados e reteñen máis auga, polo que tamén son máis proclives á compactación e á aparición de terróns. 6.- A profundidade á que se bota: que garanta humidade O millo seméntase habitualmente a unha profundidade de entre 4 e 5 centímetros. Unha sementeira máis superficial provoca maiores ataques por parte dos paxaros e mesmo dos xabaríns e tamén un menor desenvolvemento das raíces nodais da planta, o que favorece posteriormente un maior risco de encamado. Ademais, a menos de 2 centímetros de profundidade as plantas novas son máis vulnerables aos tratamentos fitosanitarios (herbicidas) e a factores de estrés climático (calor extremo e seca hídrica). Pola contra, se a sementeira se fixo profunda de máis o grao de millo precisará de maior enerxía para emerxer e alcanzar a superficie, algo que lle levará tamén máis tempo. Juan propón decidir a profundidade da sementeira en función da parcela e tamén en función de como veña o tempo. "Pode sementarse entre 3 e 5 centímetros se se esperan chuvias nos días seguintes e ir até 6-7 se vai haber tempo seco". Tamén recomenda "pasar un rulo se se vai a profundidades maiores de 5 centímetros e temos o terreo seco porque así favorecemos a capilaridade do terreo", explica.
Se se prevén chuvias nos días seguintes pode sementarse a partir de 3 centímetros, se hai seca e se vai a profundidades superiores a 5 centímetros é convinte pasar un rulo para facilitar a capilaridade do terreo
Albert máis que falar dunha altura concreta, prefire dicir que debe ser aquela que fai que o grao estea en contacto coa terra húmida ("iso é o principal",di), o cal significa tamén, ao seu xuízo, que a profundidade de sementeira debe ser un factor variable dependendo do tipo de chan ou da climatoloxía prevista. 7.- A velocidade de sementeira debe ser lenta Para garantir que a profundidade de labrado sexa regular, é imprescindible que a terra estea uniforme e ben traballada e que a maquinaria que fai a sementeira non teña defectos ou fallos de mantemento. Tamén é necesario labrar lentamente, a unha velocidade axeitada. "A velocidade de sementeira non pode ser moi alta para que toda a semente quede á mesma altura e á mesma distancia. Hoxe hai máquinas que fan agricultura de precisión a máis de 10 km/hora pero tal como se traballa en Galicia, en agricultura tradicional e laboreo convencional, a máis de 7-8 quilómetros por hora non deberiamos ir", afirma Juan. "A velocidade da sementeira é o máis complicado de facer entender ao agricultor e de conciencialo. Porque o tempo vale cartos e pensa que o resultado é o mesmo pero non é certo. Cando a sementadora abandona a parcela o traballo está feito, pero pode estar mal feito. O argumento de venda da maquinaria moderna moitas veces é que se pode sementar a 10, 11 ou 12 quilómetros por hora. Si, tamén se pode sementar a 30 quilómetros por hora se queres pero facendo un mal traballo. Un bo traballo coa mellor das máquinas sementadoras e nun chan perfecto dáse a 10 quilómetros por hora como moito", di Albert.
A diferenza entre ir a unha velocidade curta ou non vese despois no nacemento homoxéneo nas ringleiras, con difrenzas no rendemento final das parcelas de até 2 toneladas de materia seca por hectárea
A maioría das explotacións galegas fan a sementeira a través de empresas de servizos que acumulan unha importante carga de traballo en pouco tempo, polo que é necesario apurar os traballos para poder atender, co menor número de máquinas e empregados, ao maior número de clientes. Tamén o gandeiro que contrata paga por tempo. "Pero o que sementa normalmente non mira despois o resultado, a quen lle importa é ao gandeiro", razoa. "Se de cinco graos consecutivos hai tres con máis dun 30% de diferenza na altura de sementeira iso quere dicir que a sementeira foi mal feita", opina. "Todas as sementadoras son boas, pero unha sementadora que semente ben moi rápido non existe", di. O rendemento final baixa cando se aumenta a velocidade de sementeira, asegura. "Coas sementadoras modernas hai un 9,7% menos de rendemento en toneladas recollidas cando se incrementa a velocidade de sementeira de 8 a 12 quilómetros por hora, o que traducido en silo quere dicir que facemos 5,6 toneladas menos con un 2,2% máis de materia seca indo un pouco máis despacio", destaca. 8.- Densidade de grao variable A relación existente entre unha semente=unha planta=unha mazorca fai que a densidade de pés de millo marque tamén o rendemento da parcela. A finalidade da colleita determina o número de graos que se botan, co cultivo máis mesto cando o seu destino final é o ensilado e coas plantas máis espaciadas cando se colleita para grao. A densidade vén determinada tamén pola variedade labrada e polo potencial que teña a parcela para a retención da auga ou dos nutrintes dispoñibles. Juan recomenda labrar cunha densidade de entre 90.000 e 100.000 pés por hectárea se se vai a ciclos longos sementados a principios de maio, porque "son plantas máis grandes e precisan máis espazo", di, e aumentar a 100.000-110.000 plantas por hectárea en caso de ir a ciclos máis curtos.
Para ensilado empréganse densidades maiores que para colleitar en grao aínda que o número final de plantas por hectárea depende da variedade escollida, o potencial da parcela e as perdas que se produzan
A densidade debe adaptarse en función de factores propios da variedade que escollamos pero tamén en función das condicións propias de cada parcela ou da época de sementeira. "A densidade variará en función do híbrido que botemos pero tamén da terra na que o botemos, a densidade hai que escollela en función do potencial da parcela e nas parcelas que dan rendementos altos pódese botar un pouco máis de grao", di Albert. "Se se rega o rendemento tamén é máis alto, polo tanto, sempre máis plantas. Hai que xogar coa densidade en función do produtiva que sexa a finca e só debe haber unha mazorca por pé, polo que se vemos plantas con dúas mazorcas hai que aumentar a densidade ao ano seguinte até que haxa só unha mazorca por planta, iso é o ideal", engade. Por iso, di, a densidade que hai que mirar non é a densidade de sementeira, senón a densidade final da mazorcas que deu a finca. "A densidade de sementeira debe escollerse en función da densidade de mazorcas que queremos obter", indica.
Se se labra cedo sempre hai máis rosquilla e máis perdas por baixas temperaturas, polo que hai que botar un pouco máis de grao para contrarrestar iso
Do número de graos labrados ao número final de plantas colleitadas estímase unha perda de entre o 5 e o 8% entre sementes non xerminadas, pragas, etc. O nivel das perdas varía en función das parcelas e increméntase nas sementeiras temperás, polas baixas temperaturas ou por unha maior exposición aos ataques das pragas. "Se se labra cedo hai que incrementar a densidade de grao, porque sempre hai máis rosquiña e máis insectos, polo que hai que sementar un pouco máis para contrarrestar esas perdas", argumenta. 9.- Abonado: o necesario para o crecemento pero sen botar de máis O purín aporta nutrintes e permite aforrar mineral "O millo é a única planta que se pode labrar ano tras ano nas mesmas parcelas con bos rendementos, sen que estes descendan polo feito de labrar nos mesmos lugares", afirma Albert. Pero iso pasa por "alimentar" axeitadamente ás plantas. "Hai dúas alimentacións, unha vai na fertilización, nos nutrintes do chan e os abonos que engadimos, e a outra na auga. As dúas funcionan en conxunto, pero é necesario facer ben os cálculos de encalado e abonado para botar unicamente a candidade de nutrintes que é capaz de consumir a planta para evitar o lavado de nitróxeno, que é algo que prexudica o medio ambiente pero que tamén prexudica o peto do agricultor", di. Tamén Juan insiste en que "é bo que o gandeiro saiba que elementos nutritivos ten que aportar e en que momento e iso dillo o analise de terra", asegura. Destaca que a práctica máis habitual en Galicia, a de fertilizar mediante abono orgánico esparexendo esterco ou purín de vaca ou de porcino nas parcelas antes do seu laboreo é algo "moi interesante" e que permite aforrar cartos. Este técnico do CIAM remite ás recomendacións que Mabegondo fai na súa páxina web sobre como aplicar estes abonos en función da súa riqueza. "Só medindo a densidade do noso purín xa podemos saber a calidade que ten e a cantidade que necesitamos aportar e se non nos chega podemos suplementar con mineral", explica.
A planta precisa de fósforo na súa fase inicial, nitróxeno e potasio para o seu crecemento e a carencia de manganeso provoca falta de grao na mazorca
"Con purín ou esterco o fósforo e o potasio non son un problema, pero hai que ter coidado cos aportes de nitróxeno para non provocar queimaduras na planta, o que mingua o rendemento", argumenta Albert. Ao seu xuízo, "o máis complicado é a fertilización en fósforo, que é vital para o millo ao principio, ao comezo da crescencia. O millo come o fósforo por difusión, é dicir, as raíces aprovéitano se está a un milímetro da raíz, senón non o absorve, por iso eu recomendo sempre usar abono starter localizado, porque os grandes rendementos lógranse sempre con aportes de fósforo localizado ao pé do grao de millo, subministrado mediante microgranulado no momento da sementeira. É máis importante iso que o tipo de abono, con pequenas diferencias todos son bos e nos chans de Galicia ademais hai moito ácido fosfórico, polo que o fósforo é pouco problemático e só hai que facer un pequeno aporte ao principio. Hai anos nos que se o solo é rico e veñen condicións climáticas axeitadas de sol e auga o abono stárter non é necesario, pero é unha garantía para anos nos que estas condicións non son as óptimas", explica. "Os fertilizantes químicos é unha das cousas que máis se está traballando agora. Antes empregábase o abonado de fondo e o de coberteira, pero agora xa hai abonos de liberación lenta, que permiten meter todos os compoñentes na terra e que se vaian liberando lentamente", describe pola súa banda Juan. O millo precisa o nitróxeno, o fósforo, o zinc, o magnesio, o manganeso ou o potasio en cantidades distintas en función da fase de crecemento no que se atope. O potasio, por exemplo, só é necesario durante o crecemento da planta, polo que a partir da floración non é preciso. 10.- Insecticidas e herbicidas: con moderación e no momento xusto Verme do arame na raíz dunha planta de millo Xunto ao abono starter, Albert recomenta usar tamén no momento de sementar un insecticida contra pragas coma a do verme do arame. Hai abonos microgranulados que xa inclúen este plaguicida. Outros tratamentos, como o da rosquilla, habería que aplicalos cando apareza a praga. Tamén os herbicidas deben ser aplicados no momento xusto e nas doses axeitadas. "Cando as fincas están paradas no inverno moitas veces non queda máis remedio que empregar un herbicida de presembra. Nese caso hai que mover ben a terra despois para que se distribúa polo terreo. No caso dos tratamentos de preemerxencia, que se aplican despois de sementar, se fai sol e calor esa capa protectora que impide que saia a herba viase deteriorando pola luz, polo que se chove un pouco funciona mellor porque esa auga fixa o herbicida no chan, entra uns 2 centímetros no terreo e aguanta máis tempo", explica Juan.
O herbicida de preemerxencia é bo botalo cando hai barruzo para que se fixe na terra e dure máis mentres o insecticida debe aplicarse sen chover e á tardiña para evitar que se evapore co sol
Os distintos produtos usados para os tratamentos inclúen moitas veces advertencias de toxicidade a respecto de doses ou fases de aplicación en función do desenvolvemento que teña a planta de millo. "A primeira folla do millo ten o cabo redondo e é a única folla do millo con esa forma, a partir de aí son todas puntiagudas. Esa folla redonda tamén a hai que sumar cando se contan as follas do millo para decidir cando aplicar os tratamentos fitosanitarios e moitas veces non se ve porque desaparece ou seca", advirte Albert. Para el esa primeira folla é moi importante, porque "é un indicativo do estado da planta". "Se esa primeira folla con forma redondeada chega verde á floración da planta significa que ese millo non pasou ningún episodio de estrés desde que naceu e durante todo o seu crecemento, porque senón estaría xa seca. Cando o 80 ou 90% das plantas dunha parcela teñen esa primeira folla verde quere dicir que a colleita vai achegarse ao rendemento máximo posible e que nesa parcela cando fagamos o silo teremos entre 55 e 60 toneladas de materia verde por hectárea e entre 14 e 16 toneladas de grao", asegura.

Vixiar máis a planta: cara a xestión integral do cultivo de millo en Galicia

Igual que acontece na gandaría coa aplicación de antibióticos con carácter preventivo previo á aparición de enfermidades no gando, na agricultura tamén se camiña cara a limitación dos tratamentos fitosanitarios previos á aparición de pragas e malas herbas. "Hai que tender a facer unha xestión integral do cultivo do millo, estamos obrigados a avanzar niso desde o 2015 por unha normativa europea. A Xunta está decidida a que se aplique en Galicia e aínda que non se vai incorporar de xeito inminente, si que é bo que os que botan millo o vaian coñecendo de cara a aplicalo nas vindeiras campañas", explica Juan. A xestión integral de cultivos implica ter que vixiar moito máis a planta e estar moito máis atento á aparición de enfermidades e pragas para poder tratalas co produto específico. "O gandeiro vai ter que converterse en agricultor", describe. "O que se pretende é que os insumos de fitosanitarios se reduzan e se xestionen moi ben. Hai que usar os herbicidas con cabeza e para iso hai que coñecer as malas herbas que tes no campo e hai que identificalas cando son moi pequeniñas. Até agora empregáronse moito os herbicidas de preemerxencia pero iso vai ser o pasado. O futuro pasa por vixiar o campo, coñecer a mala herba en estado de plántula e escoller o herbicida adecuado e aplicalo contra ela", argumenta. Do mesmo xeito, tamén avanza que esa futura xestión integrada implica que non se deben aplicar os insecticidas cando se sementa, senón tamén botalo cando aparece a praga. "Iso obriga a estar moi enriba dos cultivos e moito máis pendente deles porque hai pragas que avanzan moi rápido, por exemplo o verme gris, que aparece un día e ao día seguinte xa tes unha infectación moi grande. No caso do verme do arame non sería posible tratalo deste xeito polo que se prevemos que nesa parcela imos ter verme do arame hai que tratar antes porque unha vez que aparece é complicado", indica. Información nas cores das follas Millo con carencia de fósforo Tamén Albert é partidario de que os agricultores e gandeiros coñezan tanto a planta do millo como as enfermidades que lle afectan para así entender mellor o seu cultivo e sacarlle un maior rendemento. "A mazorca, por exemplo, fórmase á metade das follas totais da planta, polo que un millo de ciclo curto 300 que ten en total 15 ou 16 follas comezará a formar a base da mazorca cando teña 7 ou 8 follas. A partir dese momento, é dicir, cando o millo está no proceso de formación da mazorca, é un momento delicado no que hai que vixiar o millo porque é sensible aos distintos factores meteorolóxicos (frío, calor, falta de auga). A xente non sabe iso, igual que se esquece de que o millo é unha planta tropical e de que no trópico hai 12 horas de luz solar. Por iso se 8 días antes da floración, que é cando o millo comeza a engordar a mazorca, veñen 2 ou 3 días sen sol iso será un factor prexudicial para moitos tipos de millo. Igual que se falta auga cando ten 12 follas e está formando a mazorca, porque fará menos fillas e menos graos por fila, polo que haberá unha perda de rendemento asegurado", exemplifica.
A cor amarela denota falta de nitróxeno ou de potasio, o violeta carencia de fósforo, se a planta se pon branca falta zinc e cando as follas teñen raias é un problema de necesidade de magnesio ou manganeso
A cor do millo tamén aporta información, asegura. "O millo é verde e cando cambia de cor estanos dando unha información sobre o seu estado e a súa saúde: cando ten falta de nitróxeno, por exemplo por competencia con malas herbas, a folla vólvese amarela e seca en forma de V co vértice no punto onde a folla se une co tallo; á inversa cando ten falta de potasio, no que ese V (que nalgúns híbridos en vez de amarelo vólvese vermello) ten a punta cara a punta da folla. Cando falta fósforo a folla vólvese violeta; con falta de zinc a planta ponse branca; a carencia de magnesio e manganeso móstrase en forma de raias con puntos nas follas pero cando se trata de magnesio as follas máis baixas da planta son sempre máis débiles e secan, mentres cando a carencia é de manganeso (que provoca falta de grao na mazorca) as follas da base da planta pola contra están verdes. Estas carencias son sempre problemáticas cando se dan antes da floración, despois teñen menor importancia por atoparse o millo xa na súa última fase de desenvolvemento. É como cando unha persoa ten algún achaque na última parte da súa vida", compara.

Vantaxes de sementar nabos despois do millo forraxeiro: O exemplo de 3 ganderías

SAT Castro Buxía, de Trazo, leva tres anos botando nabos en máis de 30 hectáreas de terreo Unha vez apañado o millo a maioría das explotacións leiteiras apuran a sementar de novo as súas terras con especies como o raigrass. Pero, compensa facer a pradeira para obter, na maioría dos casos, un so corte de forraxe? Unha boa parte das fincas que quedan máis alonxadas das explotacións acaban quedando baleiras á espera da seguinte colleita de millo, unha situación que favorece a escorrentía cando ven a chuvia e a aparición de malas herbas que é necesario queimar con herbicida antes de volver botar o millo. Para evitar esta situación xorde unha alternativa: botar nabos como cultivo de inverno. A súa utilización ten unha tripla vantaxe: Dunha banda o nabo sae rápido e ao enraizar evita o lavado da terra e o arrastre de nutrintes por parte da auga da chuvia. En segundo lugar, cubre ben a terra evitando a aparición e propagación de malas herbas e, deste xeito, o uso de herbicida antes do sementado do millo. E, por último, serve de abono verde incrementando deste xeito o aporte de materia orgánica no momento de volver botar o millo na primavera seguinte. Non son moitas, pero hai exemplos por toda Galicia de explotacións que nos últimos anos apostaron por botar nabos no canto de deixar baleiras as terras do millo máis alonxadas ou nas que facer pradeira resulta menos rendible. Levan anos facéndoo na Gandería Xestoselo SC de Guitiriz nunha parte das 110 hectáreas de terreo que manexan nesta explotación que é excedentaria en forraxe e tamén o fixo o ano pasado a gandería Caseiro de Ernes de Cospeito. No concello coruñés de Trazo tanto a Gandería Liste SC como a SAT Castro Buxía recurriron tamén nos últimos anos ao cultivo de nabos con bos resultados. José María Castro, un dos socios de Castro Buxía, leva tres campañas facendo rotación millo-nabos en 30 ou 40 hectáreas de terreo, dependendo das necesidades de herba que teña ese ano. Esta explotación ubicada na parroquia de Campo dispón doutras 20 hectáreas con pradeira permanente e entre 10 e 15 hectáreas nas que rota millo con herba.
"Sae moito máis barato o nabo que o herbicida" (José María, SAT Castro Buxía)
Trátase da fusión de dúas granxas, polo que teñen fincas alonxadas. "Procuramos facer a rotación con raigrass naquelas fincas que están máis próximas ao establo por aforrar custos á hora de transportar a herba para o silo. Estas fincas son tamén as que deixamos para o final cando botamos o millo, así mentres que botamos o millo nas parcelas que están máis lonxe, que son as que temos a nabos, logramos sacarlles dous cortes de herba a estas outras", explica. José María di que o cambio de millo a nabo é doado. "O que fago cando saco o millo é sementar os nabos primeiro e botar logo purín por enriba. Despois paso unha grade rápida e xa queda así. Un ano incluso probamos nalgunha finca só sementar e botar purín, sen pasar a grade, para non mover tanto a terra e ter menos lavado. Os nabos naceron algo peor, pero cubrir cubriron igual", conta. A vantaxe principal que el atopa ao feito de non deixar as terras baleiras é que non se enchen de malas herbas. "Aforras queimar as fincas todas co herbicida antes de volver botar o millo", di. E engade: "sae moito máis barato o nabo que o herbicida". "Por un lado non metes tanta química na terra e por outro é máis doado traballar as fincas porque cos nabos a terra compacta menos que se bota herba, así que precisas menos pases e aforras en gasoil á hora de botar o millo", argumenta. Entre 8 e 10 quilos de semente de nabo por hectárea O seu veciño Carlos Liste, da Gandería Liste SC vai sementar este ano 43 hectáreas a nabos. Carlos é enxeñeiro agrónomo de formación e xestiona xunto a seu irmán Javier a explotación familiar. Sementou por primeira vez os nabos o ano pasado e móstrase contento co resultado. "O nabo sae moi rápido e medra moi rápido, polo que cubre moi rápido a terra e evita escorrentías. Ademais de evitar o lavado tamén fai que non saian malas herbas. Desde o punto de vista da fertilización, fixa nitróxeno e aporta materia orgánica, polo que axuda a preparar a terra para volver botar o millo ao ano seguinte na mesma parcela", explica Carlos. Igual ca José María, sementa os nabos nas fincas máis alonxadas, mentres que nas que están máis próximas á explotación fai rotación de millo con herba, no seu caso, nunhas 30 hectáreas. "Cando sacamos o millo priorizamos o sementado da pradeira, estas fincas botámolas o antes posible para que enraíce porque lévalle máis tempo que ao nabo e medra máis lento. Despois botamos os nabos no resto das parcelas", explica.
"Ter as fincas medio ano paradas non che aporta nada" (Carlos, de Gandería Liste SC)
No xeito de botalos invirte o proceso con respecto ao seu veciño. "Eu boto o purín e logo paso unha volta de grade e vou sementando e se fai falta doulle unha pasada de rolo naquelas fincas que están en costa para que non haxa lavado", conta. Gandería Liste tamén ten fincas alonxadas. "Temos 10 hectáreas que están a unha distancia de 7 quilómetros e que antes quedaban sempre libres. Iso facía que despois, no mes de febreiro, tiveramos que usar glifosato para queimalas e aínda así cada ano saían malas herbas diferentes. Tiñamos que buscar unha alternativa a iso. Agora botamos nelas nabos, que é algo que para as malas herbas funciona moi ben", considera. En canto ao custo, Carlos emprega entre 8 e 10 quilos de semente de nabo por hectárea. O prezo da semente está nuns 3 euros o quilo. Non conta o traballo nin o custo do abonado e a grade, que é algo que fai el. "Fágoo eu todo, tanto botar o purín como pasar a grade. Este ano temos unha grade rápida con sementadora incorporada, así que faremos todo nun único pase. O nabo require de moi pouco movimento de terra, cun par de centímetros é dabondo", explica.

Probas na busca dunha alternativa ao glifosato

Agropres bota 900 hectáreas de millo para ensilado, que emprega despois na mestura húmida que subministra a 60 explotacions da Mariña e o occidente de Asturias A empresa Comercial Agropres, asentada no polígono industrial de Barres, en Castropol, e que serve a ración diaria para a alimentación do gando a 60 explotacións do occidente de Asturias e da Mariña, probou hai dous anos a sementar nabos nunha parte das terras nas que bota millo. A experiencia non resultou satisfactoria aínda que "non serviría para sacar conclusións", asegura José Portela, responsable do departamento técnico e comercial de sementes da empresa asturiana. "A sementeira fíxose moi tardía porque as terras non estiveron preparadas até mediados ou finais de novembro e os nabos naceron mal na maioría das fincas, polo que a proba non aportou nada concluínte", explica. A proba levada a cabo no ano 2017 foi efectuada nun total de 25 hectáreas probando con distintas doses de semente e tamén con fincas de todo tipo, unhas máis secas e outras máis molladas. O ano pasado non puideron repetir o experimento porque de novo a sementeira resultaría moi tardía. "A sementeira do millo houbo que facela o ano pasado moi tarde e a colleita tamén veu tarde e logo comezou a chover e optamos xa por non probar a botar os nabos", lembra. Ensaios con tremocilla Agropres non emprega silo de herba na ración que sirve, polo que non bota raigrass Pero este ano teñen pensado repetir o experimento, tanto con nabos como con tremocilla, unha leguminosa de ciclo anual de flor amarela coma o nabo. "Imos facer ensaios coas dúas cousas, algo con nabo e algo con tremocilla", avanza José, que explica que "o custo de sementar nabos e tremocilla é distinto, xa que a tremocilla precisa doses máis elevadas (50 quilos por hectárea), aínda que o custo da semente sexa menor que a do nabo (1 euro por quilo)". O obxectivo se estas probas resultan efectivas, di, é "non ter que usar tanto glifosato e por se o prohiben ter unha alternativa, algo xa coñecido e probado que funcione para non deixar desnudas as fincas no inverno". A mestura que sirve Agropres non inclúe silo de herba, polo que a rotación de cultivo nas hectáreas que colleitan para eles é algo minoritario. "Non empregamos silo de herba para a ración, polo que a maioría das fincas de millo quedan baleiras até a seguinte colleita", explican.
"Se prohiben o glifosato queremos ter unha alternativa, algo xa probado e que funcione, para non deixar desnudas as fincas no inverno" (José Portela, Agropres)
Comercial Agropres labra en total unhas 1.200 hectáreas de millo, das que 900 teñen como destino final as súas instalacións. Con elas enchen os silos cos que despois, ao longo do ano, fan a mestura que sirven aos seus clientes nas súas explotacións. Nas 300 hectáreas restantes a xestión das forraxes é dos propios gandeiros, que os contratan só como empresa de servizos agrícolas para o sementado e a recollida. Nestes casos, algúns destes gandeiros que ensilan para facer a ración na propia explotación deciden volver sementar as terras do millo con raigras ou con mesturas de distintos tipos de raigras e trebo para ensilar en primavera, ben para as vacas en produción ou ben para alimentar as secas e as xovencas.

O glifosato poderase seguir utilizando na Unión Europea ata o ano 2022

A Unión Europea (UE) logrou este luns finalmente, tras varios encontros sen consenso, un acordo para a renovación da licenza do glifosato, co respaldo de 18 países e a apenas dúas semanas de que expire a súa autorización actual, válida ata o próximo 15 de decembro. Os expertos do comité de apelación da Comisión Europea emitiron así unha opinión favorable con maioría cualificada que establece a renovación da licenza ata o ano 2022. Fronte a unha proposta inicial para renovar a licenza durante a próxima década e ante a petición do Parlamento Europeo, que pedía a eliminación progresiva da sustancia de aquí a 2022, a Comisión rebaixou o texto a cinco anos, aínda que este segue sen convencer a nove países membros, que votaron en contra, nin a Portugal, que se abstivo na votación. Respecto da última votación, a maioría foi posible grazas ao cambio de posición de Alemaña, Polonia, Bulgaria e Romanía, que se abstiveron na última reunión, e deron agora luz verde á proposta da CE. Amplamente utilizado en agricultura pola súa eficacia e prezo asequible Ademais, votaron a favor, España, Dinamarca, a República Checa, Estonia, Irlanda, Letonia, Lituania, Hungría, Holanda, Eslovaquia, Eslovenia, Finlandia, Suecia e Reino Unido, mentres que se mantiveron en contra Bélxica, Grecia, Francia, Croacia, Italia, Chipre, Luxemburgo, Malta e Austria. Para poder aprobar unha renovación da licenza, necesitábase unha maioría cualificada que esixe o apoio do 55% dos países, que representen o 65% da poboación. O glifosato é o herbicida máis utilizado do mundo e utilízano multinacionais como Monsanto, que o emprega nun dos seus produtos máis estendidos, o "RoundUp". A súa eficacia e o seu prezo asequible fai que tanto gandeiros como agricultores utilíceno amplamente para controlar as malas herbas. Porén. as organizacións ecoloxistas opóñense alegando o seu potencial efecto canceríxeno para a saúde humana e o seu efecto nocivo para o medio ambiente. Sen embargo, a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) concluíu nun informe que o glifosato non demostra propiedades carcinoxénicas nin mutaxénicas, e que non ten efecto tóxico sobre a fertilidade, a reprodución ou o desenvolvemento embrionario

Sen acordo na Unión Europea sobre a renovación do glifosato

Os estados membros da Unión Europea non se poñen de acordo sobre a prohibición do glifosato, un herbicida eficaz e barato para uso agrícola, pero que é rexeitado polas organizacións ecoloxistas e por unha parte importante dos gobernos europeos debido aos seus supostos efectos negativos para a saúde humana. Esta mañá reuniuse en Bruxelas o Comité Permanente de Plantas, Animais, Alimentos e Pensos (PAFF, polas súas siglas en inglés) para discutir a renovación ou non do glifosato, cuxa licencia para o seu uso na Unión Europea expira o 15 de decembro. Porén, non foi posible chegar a un acordo debido á existencia de dous bloques: por unha banda un grupo de países liderados por Francia, Bélxica, Italia e Austria, que defenden a prohibición do glifosato, eliminándoo de forma progresiva na UE e cunha prohibición completa desde finais de 2022, tal e como aprobou por maioría esta semana o Parlamento Europeo. E doutra banda, hai países como España que apoian a renovación da licenza de herbicida, polo menos ata o ano 2027. Pero ningún dos dous bloques logrou a maioría necesaria para adoptar unha decisión, xa que é necesario reunir a un mínimo do 55% dos Estados membros que representen o 65% da poboación e tamén a un mínimo de dez Estados membros. Nova reunión antes do 15 de decembro No medio destas posicións diverxentes, a Comisión fixo propostas para chegar a un consenso, presentando a idea de permitir o uso desta molécula por un período de 5 a 7 anos, unha proposta que tampouco xerou o consenso necesario. Ante a falta de acordo a Comisión Europea decidiu aprazar a votación sobre a posible renovación do glifosato na UE. A licenza para este herbicida expira o próximo 15 de decembro. Se finalmente non se consegue un consenso, este composto químico non poderá ser comercializado no bloque comunitario e os Estados membros dispoñerán dun período de 18 meses para esgotar as existencias.

As principais organizacións agrarias reclaman a Bruxelas que renove a autorización do glifosato

ASAJA, UPA, Cooperativas Agro-alimentarias de España, FEPEX e AEAC.SV únense na alianza Alas- Alianza por unha Agricultura Sustentable, defenden a renovación deste herbicida barato e amplamente utilizado. A Comisión Europea decidirá proximamente se renova a autorización para utilizalo. As organizacións profesionais agrarias de ámbito xeral ASAJA e UPA-Unións Agrarias, Cooperativas Agro-alimentarias de España, a Federación Española de Produtores Exportadores de Froitas, Hortalizas, Flores e Plantas Vivas (FEPEX) e a Asociación Española de Agricultura de Conservación/Suelos Vivos (AEAC.SV) constituíronse na alianza Alas-Alianza por unha Agricultura Sustentable, para manifestar o seu apoio á renovación da autorización do glifosato polo período máximo autorizado na regulamentación comunitaria, Ante a falta de acordo entre os estados membros, a Comisión Europea decidiu o pasado ano prorrogar ata finais de 2017 o uso de o glifosato, un herbicida barato e efectivo amplamente utilizado na agricultura (cultivo de millo forraxeiro, cereais, viticultura..etc). Bruxelas está esperando a un informe da Axencia Europea de Sustancias Químicas para tomar unha decisión nos próximos meses. As entidades do sector produtivo agrícola integrantes de Alas asinaron un manifesto en defensa do glifosato como ferramenta para a sustentabilidade do sector agrícola. Por este motivo, a alianza solicitou senllas reunións con Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) e coa Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Congreso dos Deputados para solicitar o seu apoio ante a próxima decisión da Comisión Europea sobre a renovación de autorización de glifosato no ámbito territorial comunitario. Os integrantes da alianza coinciden en sinalar que “non dispoñer de glifosato crearía graves perturbacións en varios sectores agrícolas da UE”, o que “poría en perigo a competitividade dos agricultores españois e europeos”. Antes de que finalice o ano 2017, a Comisión Europea deberá pronunciarse sobre a renovación da autorización de comercialización desta sustancia activa, empregada desde hai máis de 40 anos en agricultura e libre de calquera patente. Desde a plataforma Alas lembran “que os agricultores e gandeiros son os maiores interesados en poder garantir unhas condicións de produción seguras, respectuosas co medioambiente, o benestar animal e o medioambiente co fin de poder ofrecer aos consumidores produtos de primeira calidade e máximas garantías sanitarias, e contribuír á conservación do solo, a calidade da auga e a biodiversidade”. No lado oposto, desde Amigos da Terra, CECU, a organización agraria COAG, Sindicato Labrego Galego, Ecoloxistas en Acción, Rede de Sementes e Greenpeace opóñense a que a Comisión Europea renove a autorización para o uso do glifosato polo que entenden como perigo para a saúde humana e para o medio ambiente e elaboraron unha carta conxunta para animar aos concellos a que deixen de utilizar glifosato nos espazos verdes municipais. Clic aquí para descargar o manifesto completo de Alas

“A rotación de cultivos é a práctica máis eficiente contra as malas herbas”

A resistencia das “malas herbas” aos herbicidas é un problema crecente na agricultura a nivel mundial polo mal uso das materias activas, a falta de rotación de cultivos ou a substitución dos laboreos profundos polo mínimo laboreo ou sementeiras directas. Para analizar esta problemática entrevistamos a unha das maiores expertas no tema: Irache Garnica Hermoso, responsable da experimentación con herbicidas e manexo de malas herbas en cultivos extensivos, hortícolas e froiteiros do INTIA, o Instituto de Tecnoloxías e Infraestruturas Agrarias dependente do Goberno de Navarra. Cal é o teu traballo de investigación dentro do INTIA e en que proxectos de investigación estás embarcada neste momento? Son responsable da experimentación con herbicidas e manexo de malas herbas en cultivos extensivos, hortícolas e froiteiros. Actualmente, estamos co proxecto LIFE AGROINTEGRA, cuxo obxectivo é reducir o uso de fitosanitarios e co que queremos demostrar a utilidade das alternativas á loita química. Por que o control das malas herbas está a converterse nun problema para a agricultura en todo o mundo? Polo abuso dos herbicidas. É a forma “máis cómoda” de controlar as malas herbas. Ata que se seleccionan as poboacións resistentes, claro. É un problema debido a que as industrias químicas non invisten en herbicidas máis avanzados? Non o creo. Se saísen ao mercado herbicidas novos (modos de acción diferentes), seguiríase abusando deles igualmente. Cales son as principais resistencias de malas herbas a herbicidas que se están detectando? En España, están a detectarse gramíneas (Lolium rigidum, Alopecurus myosuroides, Echinochloa crus-galli, etc.) resistentes a varios grupos de herbicidas en cultivos extensivos de inverno e primavera, principalmente.
“A rotación de cultivos é a práctica máis eficiente contra as malas herbas”
Que prácticas culturais e de uso de herbicidas recomendarías ao agricultor fronte ás malas herbas? A diversificación é a solución. Agora ben, non todas as explotacións poden permitirse certos cambios. Con todo, calquera modificación que se introduza pode axudar en maior ou menor medida. A rotación de cultivos con distintos ciclos de cultivo é a práctica que máis nos pode axudar a xestionar de forma eficiente as malas herbas. Pero é a máis difícil de executar xa que non todas as zonas agrícolas admiten calquera cultivo, e a maior limitación é a dispoñibilidade de auga. O laboreo é outra técnica que inflúe enormemente nalgunhas das especies máis difíciles de controlar actualmente. Dos laboreos profundos pasouse ao mínimos laboreo ou sementeiras directas. Pasouse dun extremo ao outro. A solución non é volver á vertedeira pero utilizala de cando en vez axudaría a diminuír a densidade dalgunhas especies gramíneas. A falsa sementeira e o atraso da mesma, son técnicas moi sinxelas de aplicar en calquera explotación pero moi dependentes da climatoloxía, da choiva. Agora ben, o ano no que hai choiva suficiente para facer xermolar gran parte das malas herbas antes da sementeira, pode supoñer o éxito ou fracaso dunha aplicación herbicida posterior. Como exemplo, non é o mesmo controlar 1000 que 500 plantas por metro cadrado. En gandería de vacún, é moi frecuente repetir cultivos de millo forraxeiro ano tras ano nas mesmas parcelas, por falta de base territorial en moitos casos, precisando da utilización de herbicidas contra as malas herbas, ¿Que recomendacións daría ao agricultor para estes casos? A primeira recomendación é que tente meter outro cultivo na rotación e se é posible cun ciclo diferente. Se isto non é posible, ten que tratar de alternar os modos de acción dos herbicidas. En función das especies de malas herbas que teña na explotación, isto será máis ou menos difícil. Hai que estudar cada caso. O agricultor/gandeiro ten que estar ben informado ou asesorado sobre a natureza dos herbicidas que está a utilizar. O atraso da sementeira se hai humidade, tamén lle pode quitar parte das malas herbas que terá que controlar despois. En viticultura tamén se adoitan utilizar herbicidas, por ser unha alternativa máis barata ao control mecánico das malas herbas. ¿Que problemas de resistencias están a detectarse e cales serían as prácticas recomendables? En viticultura, os maiores problemas de resistencias que están a aparecer son con especies de folla ancha, por exemplo Conyza canadensis, resistente ao glifosato. A opción máis cómoda é cambiar de herbicida (modo de acción). Pero o máis recomendable sería tratar de alternar a loita química con outros métodos: mecánico ou por calor. A xuncia e a grama son das máis herbas que máis se están expandindo nas terras de cultivo, ¿Que medidas recomendaría para o seu control? Son dúas especies moi difíciles de controlar e a súa bioloxía non facilita nada a súa xestión. A xuncia, en cultivos como o millo pode ser controlada a día de hoxe con herbicida, pero cun alto custo. Existe unha materia activa moi eficaz pero aínda está en proceso de rexistro. A grama, pode frearse en millo con certo herbicida, pero sempre que non alcance grandes densidades. De forma alternativa aos herbicidas, se hai parcelas con problemas de grama e xuncia, a mellor recomendación é non sementar ou plantar e xestionar o barbeito de forma mecánica ou química. Esta solución non gusta a ninguén, pero creo que non é rendible investir en herbicidas que non van controlar de forma eficaz esas especies e ademais obter producións minguadas pola competencia.
 “As materias activas non se debe utilizar máis de dúas campañas seguidas, hai que alternar”
En resumo, ¿Está a abusarse ou a realizarse un mal uso dos herbicidas? Si. Cada vez que saíu unha materia activa nova ao mercado, supuxo unha mellora no control das malas herbas. O agricultor estaba encantado co resultado e cando se lle recomendaba non utilizala máis de dúas campañas seguidas, respondía que “co ben que funciona, como non o vai a utilizar?”. E non só agricultores actuaron así, calquera técnico puido preferir dar unha recomendación eficaz a curto prazo que pensando no futuro. E agora atopámonos nunha situación en que os herbicidas “gastáronse” e non funcionan. Un exemplo é o diclofop-metil, que era un herbicida moi bo para controlar gramíneas en cereais de inverno, pero abusouse del e en moitas zonas xa non funciona hai anos. Isto supuxo que calquera materia activa que saíse ao mercado despois co mesmo modo de acción (tralkoxidim, clodinafop-metil, pinoxaden, etc.) non ía controlar tampouco esas poboacións resistentes. A Comisión Europea reduce cada vez máis a capacidade dos agricultores para utilizar fitosanitarios e herbicidas. ¿Como valora a decisión da Comisión en relación ao uso do glifosato e que cre que vai pasar despois da súa moratoria? Creo que non é obxectiva en absoluto. Esta materia activa ten “mala fama” porque noutros continentes o seu uso está descontrolado (é a miña opinión persoal). Están a aparecer moitos problemas de resistencias a pasos axigantados polo mal uso que se está facendo. Pero non se pode comparar o uso que se fai deste herbicida en Europa con respecto a outros continentes.
 “Sería un erro prescindir do glifosato en Europa”
Estou de acordo na revisión que Europa fai das materias activas e en descartar aquelas que non cumpran certo perfil. Pero resúltame bastante contraditorio que se centren nesta materia activa, cando hai outras sustancias de uso cotián máis perigosas a nivel ambiental e de saúde humana. Non sei o que vai pasar no futuro, pero sería un erro prescindir desta materia activa. ¿Como cre que será a agricultura do futuro no relativo ao control das malas herbas e ao uso de herbicidas? Non o sei. Pero a medio prazo temos que convencer ao agricultor e a nós mesmos que é necesario cambiar algo, por pouco que sexa. Aprendamos dos erros. ¿En que situación se atopa o desenvolvemento de herbicidas ecolóxicos ou estes non son unha alternativa viable? Vai moi lento. Na miña opinión poden ser unha alternativa para certos sectores. Pero que ninguén se engane. Non vai haber (espero equivocarme) un herbicida ecolóxico que faga “o mesmo” que outro de síntese química. A día de hoxe, existen algúns formulados non selectivos, socarrantes e sen ningunha residualidade. Iso supón que se teñan que realizar varias pasadas co consecuente gasto de gas-oil o que se contrapón ás bases da agricultura ecolóxica. Caemos outra vez no erro de tentar controlar as malas herbas dunha soa forma. Algo máis que queira engadir? Hai que abrir a mente e adaptarse aos tempos que veñen.

A Comisión Europea autoriza o uso do glifosato ata finais de 2017

Ante a falta de acordo entre os estados membros, a Comisión Europea de Saúde e Seguridade Alimentaria decidiu prorrogar durante 18 meses máis, ata finais de 2017, o uso do glifosato, un herbicida barato e efectivo amplamente utilizado na agricultura (cultivo de millo forraxeiro, cereais, viticultura...etc). Durante os próximos 18 meses a Comisión Europea espera contar cun informe definitivo por parte da Axencia Europea de Sustancias Químicas, que comprobe cientificamente se o glifosato é ou non un herbicida potencialmente canceríxeno, tal e como advirten as organizacións ecoloxistas. En función das conclusións deste informe, a Comisión Europea podería adoptar a finais do próximo ano unha decisión que iría desde unha autorización a unha prohibición completas, pasando por graos intermedios como permisos para uns cultivos e para outros non, ou modos de usos e formulacións concretas, prohibir o seu uso en ámbitos urbanos e de infraestruturas (eliminar malezas de estradas e vías férreas), os máis visibles e contestados polas organizacións ecoloxistas, para limitar o seu uso á actividade agraria pero con limitacións. Postura da Comisión Europea: aumentar os prazos de seguridade e eliminar a PAO-taloamina A Comisión Europea de Saúde e Seguridade Alimentaria propuxo que, mentres tanto e sexa cal for o resultado do informe da Axencia Europea de Sustancias Químicas, deberíanse adoptar as seguintes medidas: -Prohibición do coformulante (principio non activo en pesticidas) PAO-taloamina. -Minimizar o uso do glifosato en parques públicos, terreos de recreo de nenos e xardíns. -Reforzar o seguimento do emprego de glifosato antes cultivar, aumentando os prazos de seguridade desde a última aplicación nun cultivo. A posición de España sempre foi a de defender a continuidade do produto, en consonancia co que defenden a maioría dos agricultores da Unión Europea, agrupados a través do organismo COPA-COGECA. Francia e Malta están a favor da prohibición do glifosato, mentres que Alemaña, Italia, Portugal, Austria, Grecia, Bulgaria e Luxemburgo abstéñense. Alemaña cambiou a súa posición favorable á continuidade a optar pola abstención, o que desde algúns medios atribúese ao proceso de compra de Monsanto, o principal fabricante mundial deste herbicida, pola multinacional alemá Bayer, xa que unha maior incerteza sobre o seu uso rebaixaría o valor da operación de compra. Desde o COPA-COGECA advirten de que unha prohibición do glifosato encarecería os custos de produción dos alimentos, xa que outros herbicidas (potencialmente non menos tóxicos) teñen un custo maior e a sacha mecánica ou manual tamén incrementaría os custos. Postura da Comisión Europea de Saúde e Seguridade Alimentaria

Instan ao goberno español a oporse na UE á prórroga para o glifosato

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), instou este luns ao Goberno do estado español para que este mércores, 18 de maio, na reunión do Comité Permanente Europeo de Plantas, Animais, Alimentos e Pensos, vote en contra da proposta da Comisión Europea de reautorizar o uso do glifosato en todos os estados membros ata o ano 2025. Lídia Senra ofreceu esta luns unha rolda de prensa en Santiago para alertar de que o glifosato, principio activo de herbicida que se usa na agricultura e tamén para controlar as herbas nas cunetas, rotondas, parques, xardíns e lugares onde a maioría da poboación se move a diario, “está cualificado pola Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC), dependente da Organización Mundial da Saúde (OMS), como probablemente canceríxeno para os seres humanos”. “ O glifosato está en todas partes” “Este herbicida atópase na auga, aire e alimentos”, alertou a eurodeputada, para deixar claro que a posición de AGEe ao respecto é totalmente en contra de que se siga a permitir o seu uso en todos os estados membros da Unión Europea, tal e como pretende a Comisión Europea. “Se o glifosato se segue utilizando na agricultura, seguirémolo tendo nas nosas mesas e na nosa auga e nos nosos corpos”, afirmou. Neste sentido, explicou que nos últimos meses se teñen realizado diferentes estudos con persoas voluntarias para analizar a presenza de glifosato nos corpos humanos. Dun estudo realizado en Portugal a 26 persoas, no 100% delas detectouse glifosato nos seus ouriños. Nun realizado en Alemaña, de 2009 persoas, só 8 tiñan niveis de glifosato por debaixo do valor umbral de determinación do método utilizado (0,0751 micragramos por litro). Pero a cuestión non fica aí e tamén no Parlamento Europeo, 48 eurodeputadas e eurodeputados se someteron a unha análise de urina de forma voluntaria. A propia Lídia Senra foi unha das persoas analizadas, xunto con representantes de Bélxica, República Checa, Francia, Alemaña, Hungría Italia, Lituania, Holanda, Reino Unido, Croacia, Finlandia e Irlanda. A galega foi, de todas as persoas, a que deu un nivel máis alto de glifosato no seu corpo: 3,57 nanogramos por mililitro, fronte ao 0,17 que foi o valor mínimo en corpo rexistrado nun eurodeputado da República Checa. Ante esta situación, e tendo en conta que nin na casa nin na familia da eurodeputada nunca se usou herbicida, Lídia Senra afirmou que é unha evidencia que a poboación galega está altamente exposta ao glifosato a través das terras, aire, auga e alimentos, aínda que non o usen directamente nas súas fincas. “ O glifosato está en todas partes”, exclamou. “Estamos falando de algo moi serio como para que os nosos gobernos sigan xogando coa saúde de toda a poboación”, dixo Senra. Por iso, explicou que a AGEe lle parece “extremadamente grave que non se respecte o principio de precaución e se estea plantexando seguir a permitir que se continúe a usar o glifosato a pesar de que é probablemente canceríxeno”. “O principio de precaución é fundamental e débese prohibir o uso do glifosato” Lídia Senra preguntouse “que intereses defenden os nosos gobernos e considerou que probablemente teñen máis interese en defender ás grandes multinacionais, como Monsanto, -principal comercializadora do glifosato- que á propia saúde das persoas”. “Apelamos ao goberno do estado español para que o mércores, cando se sente no Comité, vote en contra da autorización do glifosato. É fundamental se se queren salvagardar os dereitos á saúde da poboación”, insistiu. “O principio de precaución é fundamental e débese prohibir o uso do glifosato”, dixo, ademais de considerar que probablemente, no caso de saír adiante a reautorización do glifosato por 9 anos máis, se estea vulnerando o Regulamento CE nº 1107/2009 sobre comercialización de praguicidas, que recolle que os fabricantes deben demostrar que as substancias ou produtos producidos ou comercializados non teñen efectos nocivos na saúde humana ou animal nin efectos inaceptables no medio ambiente e establece que a substancia activa dos praguicidas só debe ser autorizada se non está ou vai estar clasificada como carcinóxena. Igualmente, e centrada en Galiza, Lídia Senra considerou “fundamental” que a Xunta tome tamén a iniciativa a este respecto, se posicione en contra do glifosato, o prohiba no noso territorio e promova un estudo para analizar que nivel de presenza de glifosato ten a poboación galega.