Archives

‘Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía’ chega a Palas de Rei

‘Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía’ diríxese ao concello de Palas de Rei, o vindeiro 13 de xaneiro de 2024, saíndo do Concello as 11h. O paseo será de 3 horas aproximadas de duración, e seguidamente degustaranse produtos locais de calidade e xunto a música tradicional da zona.  A inscrición é gratuíta e pode facerse a través do correo info@comarcadelugo.gal ou do teléfono 982238000.  Este ciclo de actividades lúdico-culturais pretende promover o descubrimento da historia, da natureza e das riquezas de todos os concellos, así como promover e promocionar os valores gastronómicos, sociais e de todo tipo. En cada saída os paseos guiados acompáñanse de actuacións de grupos de música tradicional, e de degustacións de produtos gastronómicos locais. 135 participantes en Friol (xullo), 95 en Guntín (setembro), 72 en Antas de Ulla (outubro) e 128 en Castroverde (decembro) foron as cifras das primeiras catro saídas do Xeodestino Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa xunto a Guido Guía, cunha promedio de 100 persoas por escapada.  Cabe engadir que Guido Álvarez Parga -proxecto Guido Guía- é un turismólogo, profesor univeristario (no Grao de Turismo da UNED en Lugo) e guía moi recoñecido a nivel lucense e galego polas súas iniciativas turísticas e culturais diferentes e innovadoras. Foi recoñecido cun dos premios ‘Lucenses do ano 2020’, co Travelers Choice da plataforma TripAdvisor nos anos 2022 e 2023, e outros galardóns que o acreditan na súa labor profesional.

O GDR 4 – ADR Comarca de Lugo coordina un novo proxecto europeo Erasmus +

O GDR 4 - ADR Comarca de Lugo foi seleccionado para levar a cabo outro novo proxecto Erasmus + denominado “Land of Oportunities”, na convocatoria estatal do programa KA220, no que se presentaron 247 solicitudes das que tan só foron seleccionados 16 proxectos. Os obxectivos que persigue este proxecto son: Fomentar o desenrolo rural sostible mediante a formación de persoas en habilidades dixitais e empresariais Reducir o despoboamento das zonas rurais Fomentar a igualdade de oportunidades Promover a integración das TICs no mundo rural Proporcionar asesoramento e capacitación técnica Os socios da ADR Comarca de Lugo deste proxecto son Union Of Bulgarian Black Sea Local Authorities (Bulgaria), Educational Association,z.s (República Checa), Bia Innovator Campus CLG (Irlanda), Instituto Pedro Nunes Associacao Para A Inovação E Desenvolvimento Em Ciencia E Tecnologia (Portugal) e Asociación Cultural Ingalicia (España). Este grupo de traballo propón realizar actividades que, a través de metodoloxías innovadoras como Design Thinking e Social Hackathon, leven á organización de espazos de co-creación, seguidos de itinerarios formativos dirixidos ao público obxectivo deste proxecto. Finalmente, crearán unha webapp que será un market place onde emprendedores e residentes nas zonas rurais atoparán aspirantes emprendedores e residentes para publicar as súas ofertas/demandas. Este é o segundo proxecto Erasmus + que coordina a ADR Comarca de Lugo xa que actualmente tamén se está levando a cabo o proxecto “Rural Plus” que ten como obxectivo crear itinerarios de formación innovadores, baseados en experiencias de éxito, así como o desenrolo de metodoloxías que fomenten a participación, para que a xente nova poda desenrolar habilidades e destrezas acordes aos tempos, tendo acceso a unha serie de oportunidades como o sector TIC, que lles permitirá incrementar as súas oportunidades laborais así como por en marcha o seu propio negocio rural. Os socios da ADR Comarca de Lugo para este proxecto en cuestión son Nouseva Rannikkoseutu (Finlandia), IPN INCUBADORA – Associacao para o Desenvolvimento de Actividades de Incubação de Ideias e Empresas (Portugal), University of Cyprus (Chipre), Associazione Culturale Enjoy Sicily (Italia) e Asociación Cultural Ingalicia (España).

Arranca o Xeodestino comarca de Lugo-Terras de Ulloa

O Salón de Alimentación do Atlántico -Salimat- no marco da Feira Internacional Semana Verde de Galicia foi a posta de largo do Xeodestino comarca de Lugo-Terras de Ulloa para a promoción turística dos Concellos que conforman este territorio. Nel están presentes os municipios Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade. O GDR 4 Comarca de Lugo, como ente xestor, puxo un stand nunha feira que tivo máis de 120.000 visitantes dende o xoves ata o domingo, co lema promocional do Xeodestino “Gustus Terrae- O Sabor da Terra” por bandeira. Deste xeito, comeza unha andaina para valorizar a cultura gastronómica da zona, os seus produtos agroalimentarios, e así mesmo, asociarse a cultura Romana tan propia das cercanías da Cidade de Lugo, polo cal o lema ten a súa lóxica territorial. Durante os catro días da Feira no stand do Xeodestino os visitantes puideron descubrir a importancia deste novo destino turístico con recursos de importancia como o Río Ulla, o seu importante patrimonio histórico e natural, e os camiños de Santiago. Ao mesmo tempo, puideron degustar en varias sesións diferentes produtos agroalimentarios tanto da Comarca de Lugo como das Terras da Ulloa, os pementos de Mougán de Guntín, o viño de Monterroso, os queixos de Friol e Palas, ou os embutidos de diferentes concellos pertencentes ao territorio, así como pan forneado nos diferentes concellos, ou os recoñecidos chocolates de Monterroso. Dende o GDR 4 anunciaron que “esta será a primeira das actividades a desenvolver dentro dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, e a través do cal tamén realizarán un vídeo promocional que será presentado no mes de Setembro, uns cursos de sensibilización do sector acerca da existencia do Xeodestino e a elaboración de rutas turísticas en colaboración co coñecido guía Guido Álvarez”. Festa de Interese Turístico Galego do Queixo de Friol e o Pan de Ousá No marco da mesma Semana Verde pero no pavillón de Festur -Feira das festas de interese turístico- vinculado a Feira do Turismo Turexpo, o Xeodestino, en colaboración co Concello de Friol, presentou a Festa de Interese Turístico Galego do Queixo de Friol e o Pan de Ousá. Alí, centos de comensais degustaron estes dous produtos típicos do concello lucense.

Convocadas as axudas do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo recibiu un total de 566.989,26 euros para contribuír ao desenvolvemento de proxectos dentro da convocatoria Leader. Dos fondos aportados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o 79,25% destinarase a iniciativas produtivas, e a porcentaxe restante a non produtivas. En ambos casos deberanse levar a cabo en Rábade, Friol, Outeiro de Rei, O Corgo, Castroverde, Guntín e Lugo (rural). O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 31 deste mes. Deste 20,75%, “o 17,64%, 100.000,00 euros, destinarase ao apoio de proxectos non produtivos que impulsen entidades públicas, mentres que o 3,11% restante, 17.650,00 euros, irá destinado a axudar a custear iniciativas non produtivas postas en marcha por entidades privadas”, aclaran desde a xunta directiva do GDR. “A entidade tamén recibiu fondos de Agader para participar en dous proxectos de cooperación con outros GDR de Galicia. Así, intégrase na Rede de Ecocomedores para a anualidade 2023, que busca adaptar o menú do comedor dos centros educativos ás novas recomendacións sanitarias, e na iniciativa ‘Ordenación territorial da terra agraria a través do sistema de permutas’ no que o GDR Comarca de Lugo será o coordinador do devandito proxecto dada a súa experiencia na xestión de permutas no Concello de Friol”, amplían. Este proxecto busca poñer en práctica en tres zonas piloto, con características diferentes, o procedemento de ‘Ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas’. Isto permite avaliar a súa aptitude para aplicalo en zonas nas cales non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario, nin necesidade de máis infraestrutura viaria, co fin de mellorar a produtividade das explotacións existentes ou fomentar o nacemento de novas iniciativas.

O GDR 4 comarca de Lugo xestionou unha inversión de case 6 millóns de euros

A candidata á alcaldía de Lugo Elena Candia mantivo unha reunión de traballo co equipo técnico do Grupo de desenvolvemento da comarca de Lugo, con sede no Concello de Friol. Candia quixo coñecer de primeira man como traballa o GDR 4 ao cal pertence o Concello de Lugo, e as posibilidades que existen para subvencionar proxectos de carácter privado co fin de asentalos nas parroquias do municipio de Lugo, aproveitando así todos os recursos e instrumentos existentes e tentando frear así a sangría demográfica que sofre o rural.

No período de programación 2014-2020 que aínda se atopa en execución, os datos de compromiso de fondos supoñen a día de hoxe a totalidade dos fondos dispoñibles por un importe de 2.742.099€, o que dará lugar a unha inversión inducida de 5.622.710 € e dará a posibilidade de crear 24 empregos e a consolidación de outros 85 empregos no territorio do GDR Comarca de Lugo, a través da axuda a 28 proxectos.

Segundo comenta o seu Presidente, José A. Santos, “dende este Grupo de Desenvolvemento Rural pretendemos axudar a que os emprendedores opten por estes territorios rurais para asentar os seus proxectos, para o que os asesoramos e os levamos dan man ata conseguir que sexa unha realidade o seu asentamento e a posta en marcha, así como tamén xestionamos as axudas LEADER ás que poden optar segundo as condicións particulares de cada caso”.

Ademais, estas profesionais, tamén traballan na dinamización do territorio, para o que apostan por mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de estes concellos mediante o acercamento de actividades culturais, sociais e recreativas, como andainas, charlas de educación e saúde no deporte e a actividade física, e representacións teatrais, entre outras. Tamén cabe salientar o traballo de divulgación e concienciación na loita contra a violencia machista, participando en actividades vinculadas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O GDR 4 está tamén implicado en facer do territorio un Destino Turístico de Interese para o cal opta a alcanzar un Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) que profundice nas virtudes naturais e gastronómicas do mesmo.
No 2022 a Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Lugo, foi seleccionada como organización candidata a convertirse en entidade colaboradora na medida LEADER de Galicia para o período 2023-2027.

Candia quixo facer referencia a que “recentemente foi aberta a convocatoria LEADER con inicio 1 de xaneiro, coa que se poderá acceder a axudas para as anualidades 2023 e 2024, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, que conta con case 600.000 € para este GDR Comarca de Lugo, así como animar a posibles inversores con proxectos que teñan interese en instalalos no rural de Lugo e que cumpran os requisitos a que se informen no GDR dos pasos a dar coa finalidade de que sexan subvencionados por Agader”.

Este GDR 4 colabora na difusión da nova lei de recuperación de terras agrícolas. Tamén estivo inmerso en proxectos de cooperación con outros GDR de Galicia, cos que participou no proxecto de cooperación Nó Rural, que ten como obxectivo incentivar o retorno e a inserción laboral da xuventude no territorio ao que dan cobertura, fomentando o emprendemento e mellorando a empregabilidade. Tamén participou como colaborador no proxecto de cooperación Alimentos da Biosfera, que traballan en Reservas da Biosfera co obxectivo de mellorar o modelo alimentario nos comedores escolares, e como proxecto piloto organizaron dúas xornadas de produto local e ecolóxico no CPI Doutor López Suárez de Friol, no que participaron 215 escolares.

Esta anualidade este Grupo estréase como coordinador dun proxecto de cooperación xunto con outros GDR, de ordenación territorial da terra agraria a través do sistema de permutas, que tan bos resultados están dando no Concello de Friol.

A Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo é o único punto multiplicador Eurodesk da provincia de Lugo, que é un servizo de información xuvenil sobre programas e iniciativas europeas.

Ademais é coordinado do Proxecto KA2 Erasmus+ “Rural Plus”, que é un proxecto de cooperación Erasmus+ integrado por partners de Finlandia, Chipre, Portugal, Italia e A Coruña e que ten unha duración de dous anos.

Elena Candia quedou sorprendida positivamente da gran labor e dos numerosos proxectos nos que están inmersos desde este grupo de desenvolvemento, así como, “ lamento que durante estes 7 anos que leva funcionando este GDR, desde o Concello de Lugo nunca mostrasen interese algún en presentar proxectos públicos ou en dar a coñecer a promotores de proxectos privados esta alternativa para que eses mesmos proxectos tiveran a posibilidade de ser subvencionados”.

“A labor que realiza este Grupo de Desenvolvemento é moi importante para atraer e asentar empresas, negocios e poboación, no rural, e neste caso, nos concellos que conformamos este grupo, polo que seguiremos loitando para que siga funcionando e conseguindo cumprir obxectivos” resalta o presidente de este GDR, Jose Á. Santos.