Archives

Túnel do viño da DO Monterrei no salón Xantar, que arranca este mércores

Denominación de Orixe Monterrei estará presente na 21 edición de Xantar que arrancou esta mañá e se prolongará ata o domingo día 9 en Exporense. A participación nesta feira gastronómica, a única de Turismo Gastronómico recollida no calendario oficial da Secretaría de Estado de Comercio, busca dar a coñecer os viños brancos e tintos que se elaboran dentro da denominación de orixe de Monterrei. Deste xeito, unha das formas de promocionar os viños da DO de Monterrei será coa iniciativa do Túnel do Viño no que participarán unha decena de adegas con distintos viños. En concreto estarán presentes nesta proposta as seguintes adegas e marcas da DO: Terras do Cigarrón S.L. (Mara Martín e Terras do Cigarrón), Trasdovento S.L. (Trasdovento Godello-Treixadura), Pazo das Tapias S.L. (Alma de Blanco, Alma de Tinto, Alma de Autor Blanco e Alma de Autor Tinto), Tabú S.L.N.E. (Stibadia Godello e Stibadia Mencía), Pazos del Rey S.L. (Pazo de Monterrey Godello e Pazo de Monterrey Mencía), Ladairo S.L. (Ladairo Godello-Treixadura e Ladairo Mencía-Araúxa), Gargalo S.L. (Gargalo Godello e Gargalo Mencía & Araúxa), Vinos Lara (Terra Tamagani Godello), Triay Adegas de Oímbra S.L. (Triay Godello-Treixadura e Triay Mencía), e Alba Al-Bar S.L. (Galván Godello-Treixadura). Os viños da DO Monterrei tamén maridarán os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia que se cociñarán nas diferentes demostracións culinarias da feira. Por outra banda, dentro do XIV Encontro Internacional sobre Gastronomía Saúdable e Sostible que se celebra no salón, terá lugar unha cata de viño de Monterrei. Esta sesión será impartida polo director técnico da DO, Luis Miguel López Núñez. A cata celebrarase o venres 7 de febreiro ás 12.00 horas na Aula de Cata de Xantar. Ademais da promoción dos viños e adegas, dentro desta feira tamén se amosará a Ruta do Viño Monterrei para dar a coñecer as entidades, actividades e recursos que a integran. Farase esta mesma tarde ás 20.30 horas na presentación “Monterrei: a entrada a Galicia”. “Xantar constitúe un escaparate prioritario para presentar os nosos viños e territorio que permite amosar que Monterrei non aposta só pola calidade no sector das adegas e viticultores senón tamén no turismo, hostalaría e restauración”, reivindica Lara Da Silva, presidenta do Consello Regulador da DO Monterrei e da Asociación Ruta do Viño Monterrei.

Actividades destacadas en Xantar 2020

Xantar contará cun amplo abano de propostas para os próximos días nos que coñecer a gastronomía de Galicia e doutros lugares do mundo mediante propostas que recoñecidos cociñeiros elaborarán en directo. Contarán con máis de 200 experiencias gastronómicas, catas e conferencias. Haberá propostas elaboradas con produtos dos mares galegos ou da terra como a faba de Lourenzá, a Castaña e os Grelos de Galicia ou o Lacón galego, entre outros moitos. Tamén se levará a cabo o XVI Encontro Internacional de Cofradías así como concursos e cursos. A continuación recollemos o programa de actos especiais de Xantar para os próximos días: Xoves 6 de febreiro 10:30 horas. – IV Workshop de Turismo Gastronómico Xantar. 11:00 horas. – XVI Encontro Internacional de Cofradías Gastronómicas e Enófilas. Presentación de Capítulos. 11:00 horas. – Concursos: “Cociñeiro do Ano” e “Camareiro do Ano”. 13:30 horas .– Presentación del Xeodestino «Terras de Celanova – Serra do Xurés» no restaurante do INORDE. 16:30 horas.- Presentación do 51º Circuíto Internacional de Vila Real | WTCR Taça do Mundo FIA de Carros de Turismo 2020. 19:00 horas. – Entrega de premios dos Concursos: “Cociñeiro do Ano” e “Camareiro do Ano”. Venres 7 de febreiro 12:00 horas.- Presentación da proba deportiva TRANSCÁVADO BTT-GPS de Esposende. 12:30 horas. – Acto central do Día do Mar. Entrega dos premios do X Concurso de Carteis das Festas Gastronómicas e Turísticas. 18:15 horas.- Promoción da Proba do Rali do Alto Tâmega. 18:30 horas.- Promoción das Probas do Mundial de Rallycross de Montalegre; Promoción das Probas da Rampa Internacional de Boticas; Promoción da «Feira do Folar» de Valpaços; Degustación de produtos rexionais do Alto Tâmega. 18:00 horas.- Primera reunión para a creación do Clube de Cata Galego «Alma Meiga».Ubicación: Sala de Negocios. 21:30 horas. – Noite da Xuventude. Sábado 8 de febrero 12:30 horas. Entrega dos Premios Xantar 2020. Domingo 9 de febrero 12:30 horas. – Día do Medio Rural e acto de clausura de Xantar 2020. Entrega dos Premios do VIII Concurso Gourmet Grupo Cuevas e das placas ás entidades patrocinadoras e colaboradoras de Xantar 2020.

“As casas de turismo rural deberían manter as actividades agrarias”

Nunha sociedade cada vez máis urbana e urbanita, o rural, medio de vida e de traballo aínda para unha parte importante da poboación galega, é sen embargo sinónimo de descanso para outros moitos. Esa tranquilidade é a materia prima principal que explotan as casas de turismo rural, que comparten espazo en moitas aldeas galegas coas explotacións agrogandeiras, dúas actividades que lonxe de estorbarse poden complementarse. É o que pensa Juan Luis López Díaz, que rexenta a Casa de Díaz no concello lugués de Samos e preside desde hai dous anos unha das principais asociacións do sector. “Levo vinculado á Asociación Galega de Turismo Rural desde os seus inicios e neste momento notamos un repunte. Nos comezos do turismo rural na comunidade, hai 20 anos, houbo unha gran efervescencia, logo veu un baixón nos anos nos que a xente optaba por destinos de sol e praia, pero eses destinos son monótonos mentres que nós ofrecemos historia, cultura, tradición, gastronomía, etc. Nos últimos anos notamos que a xente está a volver ao turismo rural”, asegura.
“Os destinos de sol e praia son monótonos e nos últimos anos notamos que a xente está a volver ao turismo rural”
Casa de Díaz está situada no lugar de Vilachá, en Samos, e é unha antiga casa grande do século XVII que tiña gandería e unha curtiduría que pechou no ano 1952. “Traballábase a pel de vaca, de ovella e de cabra para os zocos e para as molidas e cabaleirías. Pero eu xa non acordo esa etapa, non nacín nesta casa, nacín xa en Sarria, aínda que sempre estiven vinculado ao campo porque aquí había caseiros e viñamos sempre pola malla, pola sega, cando había traballos agrícolas”, lembra. Ex funcionario do Estado, Juan Luis decidiu hai 23 anos darlle unha nova vida á casa vinculada ao turismo. Conta con 12 habitacións con distintas categorías e prezos. Pero aquelas actividades agrarias que recorda de cando era cativo son hoxe unicamente lembradas pola configuración espacial da casa, polo patrimonio etnográfico que atesoura ou polos útiles que aínda se conservan en distintos recunchos.
“Dentro do turismo rural deberían diferenciarse as casas que seguen mantendo unha vinculación agrogandeira daqueles outros establecimentos que unicamente ofrecen servizos hoteleiros en entornos rurais”
Por iso Juan Luis define Casa de Díaz como un hotel rústico e reivindica o concepto de casa de turismo rural unicamente para aqueles establecementos que seguen a manter unha vinculación agrogandeira. “O turismo rural debería manter as actividades agrarias e desde a asociación estamos a loitar para que nos casos en que isto non sexa así, volva aparecer a figura de hotel rústico, que estaría a cabalo entre o turismo rural e o hotel. É dicir, serían establecimentos ubicados en entornos rurais que aínda que manteñan en moitos casos a idiosincrasia do mundo tradicional de Galicia, non conservan ningunha actividade vinculada á agricultura ou á gandeiría, senón que teñen outra oferta e outros servizos”, argumenta. Agatur defende, pois, o mantemento da cualificación de casa de turismo rural para aqueles establecimentos con actividade agraria que incorporan oferta de aloxamento como complemento á actividade primaria fronte a unha nova denominación de hotel rústico ou hotel rural para aqueles outros establecementos sen actividade agraria que unicamente ofertan en entornos rurais pernoctas ou servizos de ocio, restauración ou de outro tipo. Pero entende o acontecido en moitas casas rurais galegas. “Recoñezo que é difícil ás veces compatibilizar ás actividades agrarias coas turísticas porque non é doado programar e atender todo, porque un día non tes xente e podes atender ao gando ou á horta, pero outro día estás a tope de xente e non podes atender a actividade agraria ou gandeira, que normalmente son traballos que non poden esperar”, razoa. Apostar por produtos da zona O presidente de Agatur afirma que “igual que se desvirtuou o turismo rural ao desvinculalo das actividades agrarias tamén se desvirtúa ás veces a gastronomía que se serve nelas”. “Non ten sentido poñer nunha casa de turismo rural un almorzo estándar coma o que te podes atopar nun hotel dunha cadea internacional”, di. Juan Luis, que é membro tamén da Academia de Gastronomía de Galicia, defende que as casas de turismo rural deben apostar polos produtos de proximidade. “Apostar polos produtos da zona serve tamén para apoiar e dinamizar os produtos e produtores locais”, asegura.
“Non ten sentido poñer nunha casa de turismo rural un almorzo estándar coma o que te podes atopar nun hotel dunha cadea internacional”
E exemplifica isto co que el fai no seu establecimento. “Todos os días no almorzo temos queixo do Cebreiro e pan de centeo de Sarria. Cando introducimos o pan de centeo ao principio os clientes preguntaban polo pan branco pero hoxe xa non pregunta ninguén. Outras veces pídennos croasans, pero non os poñemos no almorzo, só produtos galegos: queixo, marmelo, empanada, xamón, chourizo”, explica. No seu caso teno claro e apostaría por moitos máis produtos deste tipo, pero nalgúns casos acaba sendo inviable. “Coa manteiga temos o problema de que non hai produtores locais que fagan manteiga envasada en monodoses e a outra non a podemos poñer porque nolo impide a lexislación”, aclara. Considera que a gastronomía é unha parte fundamental da oferta de turismo rural, igual que a hospitalidade ou o trato próximo. Na carta de Casa de Díaz para cear sempre hai produtos galegos, como ovos fritidos con chourizo, xarrete de tenreira, ou caldo. “O 80 ou 90% dos que cean aquí optan polo caldo de primeiro”, asegura.
“Está ben innovar pero hai que ter coidado co snobismo. Podes poñer unhas endivias con queixo do Cebreiro, pero non me fagas caldo galego con endivias”
“Este tipo de pratos da cociña galega son os que non deben perder a súa esencia”, di. “Non desvirtuemos o tradicional. Non podemos negar a evolución das cousas e está ben innovar, pero hai que ter coidado co snobismo. Podes poñer unhas endivias con queixo do Cebreiro, pero non me fagas caldo galego con endivias. Xa hai dentro do caldo galego distintos tipos, xa hai variedade dabondo: de grelos, de nabizas, de repolo, de verza, de xudías, de castañas”, enumera.

"O Xacobeo 2021 debe servir para dar a coñecer o rural galego"

Un momento da conversa con Juan Luis en Samos, en pleno Camiño Francés Casa de Díaz atópase en pleno Camiño de Santiago e un bo número das persoas que se hospedan nela, sobre todo en tempada baixa, son peregrinos. “En moitas casas de turismo rural boa parte do ano os nosos hóspedes son maioritariamente persoas que fan o Camiño. Nos últimos anos notamos un auxe, está repuntando de cara ao vindeiro Ano Santo e hai un crecemento importante en todos os Camiños”, asegura. O feito de que os peregrinos se hospeden en albergues ou en casas de turismo rural non ten que ver co poder adquisitivo da persoa. “Hai xente con moito poder adquisitivo que quere facer o Camiño como se facía antes”, di. Sen embargo, comparte o pensamento do filósofo grego Heráclito de que non nos bañamos dúas veces no mesmo río. “Todo vai evolucionando, tamén as costumes no Camiño”, asegura, e pon como exemplo os servizos cada vez máis habituais de carrexo das mochilas aos peregrinos.
“Estamos a notar un repunte moi importante en todos os Camiños de cara ao vindeiro Ano Santo pero temos que ter coidado de non matar a galiña dos ovos de ouro coa masificación”
Considera que o Camiño de Santiago é “un foco de dinamismo económico e social moi importante para os lugares polos que pasa e di que "ademais de para encher Santiago, o Xacobeo 2021 ten que servir para dar a coñecer o resto de Galicia, tamén o rural". E fai unha advertencia: “No vindeiro Ano Santo temos que ter coidado de non matar a galiña dos ovos de ouro coa masificación”. “Debemos planificalo todo mellor”, asegura. “O Camiño debe estar ben coidado. O custo de mantemento non é elevadisimo, chega con rozar e cun pouco de zahorra, non fai falla máis”, di. Pero advirte de que o Camiño non é unha simple ruta de sendeirismo máis. “Os monumentos históricos no Camiño de Santiago son os que fan o Camiño e sacar o Camiño deses lugares é desnaturalizalo porque tanto os edificios civís como os relixiosos todos aportaron historicamente para facer o Camiño”, argumenta. Alternativas de ocio O presidente de Agatur ve fundamental crear unha oferta complementaria de actividades nas casas rurais. “Son fundamentais nos sitios polos que non pasa por exemplo o Camiño de Santiago”, di. “É importante que haxa cousas que facer pero estas rutas poden ser de moitos tipos: de natureza, de patrimonio, culturais, gastronómicas, etc”, enumera. “Hoxe non fai falta moita sinalización física, pode ser virtual, non é necesario que haxa moitas frechas nin carteis, hoxe está a tecnoloxía e pódese sinalizar mediante coordenadas. Iso non custa cartos, custa tempo”, engade.
“Non debemos competir entre as casas de turismo rural, debemos complementarnos, porque no ano hai fins de semana dabondos para todos”
Argumenta que se seguen a abrir casas de turismo rural en Galicia do mesmo xeito que se seguen abrindo outro tipo de establecementos, como hoteis ou balnearios, pero advirte de que tamén hai baixas e considera que “o importante é manter un número suficiente e por toda Galicia, que non haxa zonas saturadas e outras descubertas”. “Non debemos competir entre nós, debemos complementarnos e habituar entre todos á xente ao turismo rural, porque no ano hai fins de semana dabondos para todos”, conclúe.

Xantar, salón internacional de Turismo Gastronómico, ultima a súa XVIII edición

O salón internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se celebra entre o 1 e o 5 de febreiro en Expourense, ultima a súa décimo oitava edición, na que terá un especial protagonismo Panamá. O país centroamericano participará en Xantar co status de país convidado, igual que fixera o ano pasado México. Panamá contará na feira cun restaurante propio e cun stand no que promocionará a súa gastronomía e produtos, así como as súas posibilidades como destino turístico. O certame Xantar, organizado de xeito anual por Expourense, constitúe unha referencia para a dinamización do sector agroalimentario galego e do norte de Portugal, pero tamén atrae a outros territorios que tentan posicionarse como destino de turismo gastronómico. Este ano, terá especial significancia a presenza panameña, que busca darse a coñecer entre o público europeo e, en especial, entre o español, xa que España é o quinto país emisor de turistas ó país. A participación de Panamá estará liderada pola Autoridad Nacional de Turismo do estado centroamericano e incluirá showcookings e conferencias no marco do Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sostible. Panamá disporá tamén dun stand propio e dun restaurante xestionado polo Club Gastronómico de Panamá. O prato nacional por excelencia do país latino é o sancocho de galiña de patio ou polo, unha especie de cocido realizado con ñame e culantro. Relación Panamá e Galicia Expourense aproveita para lembrar a tradicional relación entre Galicia e Panamá, pois nos anos 60 e 70 do século XX houbo unha destacada emigración ó país procedente de concellos como Boborás (Ourense). Preto do 40% dos veciños de dúas parroquias de Boborás, Albarellos e Feás, marcharon daquela a Panamá para participar nas obras do Canal e asentaríanse despois no país en negocios de hostelería e mobiliario. Na actualidade, os descendentes de galegos representan a primeira comunidade española en Panamá.