Archives

‘Gandería e emisións de carbono: ‘fake news’ e feitos científicos’

Nos últimos tempos os gandeiros europeos están a asistir con incredulidade a unha campaña de linchamento da súa actividade ante a opinión pública. Hai unha clara fronte de intereses en contra da produción de leite e de carne para, entre outras cousas, substituílos no mercado da alimentación mundial por distintos derivados e sucedáneos vexetarianos. Fenómeno que vai mover miles de millóns de euros nos próximos anos e que para poder triunfar, precisa convencer á opinión pública, ao cidadán e consumidor, de que a actividade gandeira é mala e ata inmoral. Aínda que nesta campaña mestúranse moitas mensaxes tendenciosas e medias verdades, hai unha delas que destaca por ser especialmente perniciosa, ao aludir á preocupación polo cambio climático: referímonos aos danos que supostamente estarían a causar ao clima as emisións de dióxido de carbono e metano que se orixinan no metabolismo do gando (especialmente o vacún). É este o aspecto que analizaremos neste artigo. En concreto acúsase o gando de ser un factor fundamental para acumular na atmosfera de forma non sostible dióxido de carbono e metano, primeiro co seu metabolismo e despois na descomposición microbiana dos xurros do gando. Esta acusación é insostible desde o punto de vista científico. Como veremos, aínda que non houbese nin unha soa cabeza de gando no planeta, a biomasa vexetal descomporíase igualmente pola acción microbiana (ou polo lume) para devolver á atmosfera dióxido de carbono e metano. Con gando ou sen gando, este carbono orgánico devólvese sempre á atmosfera cun balance neto cero. Fenómeno totalmente natural e necesario para a reciclaxe constante do carbono entre a biota e a atmosfera. Obviamente, este escenario é coñecido pola comunidade científica, pero o grave é que non se ten en conta nas institucións políticas á hora de fixar axendas e medidas de control de emisións á atmosfera. Así en informes, estatísticas, normativas, e propostas de control preséntanse en pé de igualdade as emisións do metabolismo da gandería coas de calquera combustible fósil, cando as primeiras nunca teñen un efecto acumulativo de dióxido de carbono na atmosfera, e as outras si. Iso presenta ante a sociedade de forma interesadamente torcida a actividade da gandería e dos gandeiros, cuxo papel na alimentación global e a conservación da contorna é insubstituíble e hai que reivindicar.

O caso do dióxido de carbono CO2

É fácil de entender que cando se queima un combustible fósil, ben sexa gas, carbón ou un derivado do petróleo, esta combustión, se é completa, producirá dióxido de carbono máis auga, como nos ensinaron na química elemental da escola. Isto si que certamente incrementa o balance neto de dióxido de carbono na atmosfera, pois carbono que non estaba na atmosfera, senón na cortiza terrestre como carbón, petróleo ou gas, pasa á atmosfera tras a súa combustión en forma de dióxido de carbono gaseoso. E aumenta así a concentración neta de CO2 atmosférico, polo que tamén aumentarán en forma proporcional calquera dos efectos que poida ter este gas sobre o quecemento global e o cambio climático.
Calquera dióxido de carbono que emita unha res procede da degradación química dun vexetal que previamente inxeriu. E de onde obtivo o vexetal o carbono que pasou ó animal en forma de alimento?. Da atmósfera, de onde foi captado pola fotosíntese
Agora ben, calquera dióxido de carbono que poida emitir o metabolismo dunha res gandeira, procede da degradación química dun alimento que previamente inxeriu este animal na súa dieta. E de onde procedía este alimento?. Dun vexetal. E de onde obtivo o vexetal o carbono que pasou ao animal en forma de alimento?. Pois procedía da atmosfera, de onde foi captado pola fotosíntese. A actividade metabólica do animal, por tanto, non fai máis que devolver á atmosfera o que previamente a planta quitara dela, nun circuíto pechado de balance neto cero. O mesmo vale para o carbono que é emitido á atmosfera na descomposición microbiana de dexeccións do gando, pois as dexeccións non son senón restos vexetais parcialmente metabolizados.
O gando só devolve á atmósfera un dióxido de carbono que xa estaba antes nela
Por tanto, é imposible, repitamos, imposible, que o metabolismo de calquera animal, ou a degradación microbiana das súas dexeccións aumenten o balance neto da concentración de CO2 na atmosfera: a gando vía metabolismo, ou pola degradación dos xurros polos microorganismos do chan, unicamente devolve á atmosfera un CO2 que xa estaba antes nela, e de onde o retirou provisionalmente a fotosíntese da planta que lle serviu como alimento ao animal.

O caso do metano

Acúsase os ruminantes domésticos de contribuír ao quecemento global mediante a acumulación irreversible na atmosfera do gas metano ou CH4, que se xeran tanto no metabolismo fermentativo do rume, como na degradación dos xurros. Que hai de certo nisto? É certo que o metano se produce no rume dos ruminantes durante a pre dixestión microbiana da fibra vexetal inxerida, e tamén durante a degradación microbiana dos xurros do gando en ausencia de osíxeno (por exemplo en fosas sépticas de tratamento anaerobio de xurro, ou cando se aplican en solos encharcados sen osíxeno dispoñible). E é tamén certo que desde o punto de vista de limitar un excesivo efecto invernadoiro, é preferible que o carbono volva á atmosfera en forma de CO2 e non de metano CH4, xa que unha molécula de metano ten ata 23 veces máis potencial de aumentar a temperatura da atmosfera que unha de dióxido de carbono (aínda que a súa concentración actual na atmosfera é 220 veces menor que a do dióxido de carbono). Pero o que se adoita ocultar nestas informacións é que o metano na atmosfera non é máis que unha forma transitoria que adopta o carbono, pois como tamén aprendemos na química da escola, oxídase de forma espontánea reaccionando co osíxeno do aire, precisamente para dar CO2 e auga. Co cal, non se pode acumular metano na atmosfera de forma indefinida, senón como moito durante o tempo que tarda en oxidarse de forma natural, que vén sendo, como nos din os químicos atmosféricos, duns 12 anos de media, pasados os cales ese carbono que estaba en forma de metano, volve estar en forma de CO2 na atmosfera, listo para ser captado novamente pola fotosíntese e comezar de novo un ciclo idéntico planta-animal-atmosfera, impulsado pola enerxía do sol. Dito doutro xeito, o metano que produce a actividade gandeira nunca aumenta o balance neto da concentración de carbono na atmosfera. E nunca poderá acumularse na atmosfera un stock de metano superior ás emisións dos últimos 12 anos, xa que vai pasando paulatinamente por oxidación a CO2 e auga nese prazo, non existindo a suposta acumulación irreversible deste gas na atmosfera. O metano, por tanto, é unha forma intermedia e transitoria do carbono na atmosfera, que finalmente se oxida a CO2. . Cando procede do gando, o balance neto atmosférico de concentración de carbono que xera é igual a cero. A maiores destes argumentos, as fontes científicas consultables sobre emisión de metano á atmosfera recoñecen que só o 5% do mesmo estaría a ser emitido pola rumia dos aproximadamente 1.500 millóns de cabezas de ruminantes que se estima hai na actualidade no mundo. Reducir a cabana gandeira global actual, poñamos que nun drástico 50%, apenas reduciría as emisións deste tipo de metano á atmosfera un 2,5%. E iso supoñendo (que é moito supoñer) que na descomposición dos vexetais que deixasen de alimentar a este gando non se vai a producir ningún metano, o que é evidentemente falso, pois localmente no chan, sempre hai condicións anaerobias.

Impacto real da gandería nas emisións de carbono á atmosfera

De todo o exposto ata este momento, queda claro que unha planta que morra naturalmente e caia ao solo sen ser comida por un herbívoro, vai descompoñerse no chan pola actividade microbiana, de tal xeito que no medio prazo, o carbono dos seus tecidos e paredes vexetais vai volver á atmosfera en forma de CO2, ou de CH4 (dependendo das condicións de aireación do solo), cun balance neto de concentración de carbono na atmosfera, cero. Diferenza real, desde o punto de vista do balance neto do carbono atmosférico, en que esa descomposición vexetal fixérona os microorganismos do solo ou os do aparello dixestivo do gando? Cero. Ningunha. É máis, é que é tal a potencia da fotosíntese a escala global no planeta que os ecosistemas terrestres e mariños, segundo nos ensinan os ciclos bioxeoquímicos dos científicos, retirarían todo o CO2 da atmosfera en apenas uns 10 anos, se o mecanismo de descomposición das plantas e resto de materia orgánica polos microorganismos, non o devolvese á atmosfera para iniciarse outro ciclo. Lonxe de estar ante un “problema”, estamos ante un mecanismo fundamental do funcionamento dos ecosistemas e do ciclo da reciclaxe dos nutrientes. De feito, calcúlase que non hai agora máis ruminantes no planeta que fai apenas uns miles de anos, cando as mandas de herbívoros salvaxes enchían as planicies de América e África de xeito moito máis numeroso que hoxe en día. Antes os ruminantes eran animais salvaxes, hoxe fundamentalmente gando doméstico, pero cun número, de orde de magnitude, moi similar antes e agora. Por tanto, o metano producido por rumia, veu sendo durante millóns de anos esencial para un correcto funcionamento do equilibrio térmico da atmosfera. O vilán haberá que buscalo no metano que proceda doutras actividades, non no que naturalmente leva circulando millóns de anos a partir do metabolismo dos ruminantes. Repitamos a principal idea conceptual deste artigo: É absurdo, e conceptualmente falso, culpar á gandería de calquera incremento de carbono na atmosfera, xa que exactamente o mesmo dióxido de carbono captado previamente da atmosfera polas plantas na fotosíntese, volverá a ela a través do metabolismo animal cun balance neto cero: directamente como dióxido de carbono CO2, ou de forma transitoria como metano CH4, o tempo que tarda este último en oxidarse na atmosfera a CO2, periodo establecido polos científicos nuns 12 anos.
As emisións do gando teñen un balance neto cero. Querer facerlle crer á sociedade que o gando aumenta o carbono da atmósfera é unha falsidade que se divulga a propósito e que responde a intereses económicos e ideolóxicos
Se por impacto en emisións á atmosfera da gandería quérese indicar as emisións dos tractores, as fábricas de fertilizantes ou as dos camións ou barcos que transportan forraxes e produtos elaborados, estamos de acordo en que si existen, son reais e débense de minorar, como en calquera outro sector. Pero querer facer crer á sociedade que o metabolismo dun animal incrementa a concentración de carbono na atmósfera, como si sucede coas emisións dun combustible fósil, cando as primeiras teñen balance neto cero e as segundas positivo, é unha falsidade, que se divulga a propósito, que marca inxustamente a axenda da loita contra o cambio climático, e que responde a intereses económicos e ideolóxicos moi concretos.

As gandeiras galegas Marta Álvarez e Ana Corredoira galardoadas nos premios TalentA

Federación de Asociacións de Mulleres Rurais en España (Fademur) e a compañía agrícola Corteva Agriscience  presentaron este luns ás gañadoras de 2022 do Programa TalentA, nun evento virtual enmarcado no Día internacional das Mulleres. Estes premios buscan recoñecer proxectos innovadores de emprendemento rural e empoderar ás mulleres rurais.  Nesta edición, as gandeiras galegas Marta Álvarez e Ana María Corredoira resultaron finalistas, co seu proxecto As Vacas da Ulloa SCG, que a través da cooperativa de dúas ganderías tradicionais unidas pola marca “Sen Máis”, encárgase do envasado, transformación e comercialización de leite e derivados ecolóxicos. Creada por dúas familias gandeiras, con case 20 anos de dedicación á agricultura e gandería ecolóxicas, Marta e Ana María queren darlle valor engadido ao seu proxecto de produción primaria a través da innovación e o desenvolvemento, pero tendo moi presentes a tradición e cultura rural. Nesta terceira edición do Programa TalentA, o primeiro premio foi para Judith Iturbe polo seu proxecto La Balluca, unha microcervexeira 100% artesanal, na que non intervén maquinaria en ningunha fase do proceso de elaboración e para a que se utilizan tan só 4 ingredientes: auga, malta, lúpulo e fermento. Cunha produción anual de 3.000 litros, é unha das cervexeiras artesás máis pequenas de España, situada en Milmarcos (ao norte da provincia de Guadalaxara), que ten como misión a de ser unha produción de cervexas sostible e contribuír á agricultura da zona, de quen obtén os ingredientes necesarios para a súa elaboración. Doutra banda, Natalia Díaz recibiu un dos premios finalistas por La abejera de EcoAlpispa, un proxecto que fabrica ecoenvoltorios feitos coa cera das máis de 200 colmeas das que dispón a través da apicultura ecolóxica no municipio de Icod de los Vinos (Tenerife). Recentemente, Natalia traballou por desenvolver unha nova forma de contribuír á contorna, onde poder levar a cabo actividades de educación ambiental e de ecoagroturismo, e transmitir o amor polas abellas e formación sobre o labor que realizan. Os tres proxectos finalistas contarán con acceso á lanzadeira de emprendedoras rurais Ruraltivity, de Fademur, que inclúe programas de formación sobre diferentes áreas de negocio (comercio electrónico, uso de redes sociais, plan de negocio, técnicas comerciais, etc.) e asesoramento empresarial continuo durante todo o ano, así como unha campaña de difusión e visibilidade entre asociadas, institucións, medios de comunicación e redes sociais. Ademais, Judith Iturbe como gañadora, recibirá unha dotación económica por valor de 8.000 euros para impulsar o seu proxecto, La Balluca.

Xurado e asistentes

O xurado, formado por representantes expertos de ámbalas dúas entidades, valorou diferentes criterios que van desde a innovación, a loita contra o despoboamento, o impacto e a sustentabilidade, o empoderamento económico ata a posibilidade de réplica do negocio, para atopar os proxectos merecedores de converterse en finalistas este ano. O acto foi inaugurado por Isabel Bombal, directora xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, quen entregou os premios. Ademais, contou coa participación de Teresa López, presidenta de Fademur, e Manuel Melgarejo, presidente de Corteva para España e Portugal. O programa TalentA, que naceu en 2019, busca poñer de relevo o papel clave que as mulleres rurais desempeñan no sector e apoialas no desenvolvemento dos seus proxectos a través de formación, visibilidade e financiamento. Desde a súa creación recibiron máis de 215 candidaturas de emprendedoras de toda España, con proxectos que van desde a produción sostible de queixos, o deshidratado solar de froitas e verduras ata a promoción do benestar animal e a alimentación saudable do gando, entre outros.  

Uso de carbón vexetal en fosas de xurro para reducir as emisións e incrementar o seu valor fertilizante

O ‘biochar’ ou carbón vexetal obtense a partir dun proceso de pirólise ou queima da biomasa vexetal, en ausencia de osíxeno. Neste sentido, Juan Castro, investigador no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), afirma que "este material ten grandes propiedades de cara a reducir as emisións de amoníaco e metano das foxas de purín, e mellorar o seu valor fertilizante mediante a súa incorporación nos materiais das camas do gando. Estes resultados forman parte do proxecto “Biofore Plus”, coordinado pola empresa Foresin. Así mesmo, está enmarcado nas axudas de Agacal, cofinanciadas polo Feader para o apoio de proxectos piloto que desenvolvan novos produtos agrícolas, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. Nesta optimización do aproveitamento da biomasa forestal residual e da revalorización do material extraído tamén participa a Fundación Conde del Valle Salazar e o Ciam.

Complemento ao sector gandeiro

O obxectivo da investigación é axudar a cumprir a lexislación europea e española en materia de emisións de gases á atmosfera, que carga sobre o sector vacún de leite un 45% de redución das emisións de amoníaco de aquí ao ano 2030, mentres que outros sectores como o porcino intensivo, terán que reducilas nun 9%, seguindo o Programa Nacional de Control de la Contaminación Atmosférica Miteco 2019, enviado a Europa. En palabras de Juan Castro, que realizou unha investigación sobre o uso de biochar en fosas de xurro, “debemos recuperar o papel que tiña o monte na nosa paisaxe, como unha forma intelixente de sostibilidade da actividade agraria no rural galego, como por exemplo, na mitigación da contaminación da auga (nitratos), na compensación das emisións de gases de efecto invernadoiro ca fixación neta de CO2, ou na riqueza de elementos da paisaxe que serven de hábitat para unha rica biodiversidade”. Nun estudo realizado no Ciam, máis do 72% das granxas de vacún de Galicia tiñan superficie forestal, que en conxunto representaba case 37.000 ha.
“Todo isto ten unha conexión con que antigamente monte e gandería eran espazos complementarios” (Juan Castro)
O biochar podería ter a súa principal utilidade como aditivo para o material de camas en explotacións co gando estabulado, que producen máis emisións de amoníaco que as que teñen o gando en extensivo. A normativa europea para a redución das emisións de amoníaco e de gases de efecto invernadoiro é cada vez máis esixente. Por este motivo, Castro aporta que “é necesario saber interpretar as demandas de cumprimento da lexislación ambiental que chegan de Europa”. É necesario buscar solucións adaptadas ás condicións do territorio, moi diferentes doutras partes de España, e que ademais non sexan tan custosas, como o é a maquinaria de inxección de xurros ou as plantas de tratamento, pero que poden ser tanto ou máis eficientes para cumprir ca lexislación ambiental. O biochar representa unha aportación neste contexto de procura de mellores prácticas para aproveitar e poñer en valor a gran cantidade de biomasa que existe nos montes galegos.

Experimentación e aplicacións

  A madeira de piñeiro queimada foi un dos primeiros materiais utilizados nas investigacións do Ciam. “Dos restos queimados pasamos a facer probas con carbón vexetal nunha serie de bidóns, observando unha redución de amoníaco moi alta, máis do 90% no primeiro ano, nos que se aplicou o carbón vexetal", explica o investigador do Ciam. En vista dos bos resultados, procedeuse a probar con biochar, repetindo a mesma técnica. Juan Castro reflexiona sobre que “queda moito por saber en como inflúen as características da madeira ou biomasa vexetal que se utilice, e tamén a influencia da temperatura e o tempo de pirólise”. Con estes precedentes, crearon dous tipos de biochar: un de madeira de piñeiro e outro de cortiza, tratados a 700º. En ambos casos cumpríase o mesmo fenómeno que co carbón vexetal. “Vimos que o biochar de madeira de piñeiro tiña unha maior redución das emisións, similares ás do carbón vexetal, mentres que o de cortiza deu uns resultados peores”, destacou Castro. Sen embargo, “as emisións de metano víronse reducidas en menor medida, un 16% e un 13% aproximadamente para o biochar de madeira e de cortiza de piñeiro, respectivamente”, detallou o investigador do Ciam. Bidóns de experimentación con diferentes tratamentos de xurro con biochar As camas do gando son o lugar de aplicación que pode ser mais útil e fácil de incorporar de xeito rutineiro. Este material, ao mesturarse cas feces e cos ouriños, axudaría a reducir as emisións de amoníaco, tanto nas cuadras, como nas fosas de xurro ou esterqueiras, mellorando o seu valor fertilizante. Tamén debe considerarse como unha medida para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, tanto pola redución de metano, como pola fixación de Co2. O carbono aportado polo biochar ao solo estímase que pode ter unha duración de centos de anos; así queda recollido nos últimos informes do panel intergubernamental do cambio climático. “A principal mensaxe para o sector e que conciba as foxas de xurro como almacéns de abono, sobre todo nun contexto de elevados prezos dos fertilizantes, onde o nitróxeno é, con diferencia, o nutriente máis caro de producir pola industria debido aos altos costes do gas natural. Por todo isto o biochar é tan prometedor para aumentar o valor do xurro e dos estercos, e diminuír o impacto ambiental da gandería”, avanza Juan Castro.
A aplicación do biochar en camas de gando mellora o valor fertilizante de puríns e estercos, e comprobarase se tamén reduce as emisións no campo

Dispoñibilidade para o seu uso

Países como Canadá ou Finlandia xa teñen apostas propias para potenciar o seu uso, tal e como trasladou Castro. Aínda así, no caso galego a dispoñibilidade é limitada. Nos experimentos ata agora realizados polo Ciam, o biochar proviña dunha planta de produción asturiana. A dispoñibilidade no ámbito galego dependerá do cambio de xestión da biomasa e de todo o que se aposte pola súa evolución. Segundo Juan Castro “é posible que nun futuro supoña un valor engadido para a gandería ou mesmo que se inclúa como unha medida medioambiental na PAC porque se trata dun sumidoiro moito máis duradeiro que a maioría dos existentes”. As investigacións do Ciam están pendentes de entrar nunha nova fase do proxecto para analizar se as emisións de amoníaco e metano se reducen tamén na súa aplicación ao campo , e ademais comprobar se mellora o seu valor fertilizantes en relación co xurro sen tratar con biochar.

Curso de orientación para a incorporación laboral nunha explotación gandeira

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) impartirá o curso ‘Incorporación á explotación agraria, orientación vacún de leite’, que se ofrecerá online a través dun aula virtual. Comezará o 7 de febreiro, impartido de 9.30h a 14.30h, e rematará o 19 de abril. Este é o primeiro módulo dunha acción formativa que consta de dúas partes. Á segunda, un curso de 25 horas de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios, accederán aquelas persoas que superen a primeira parte. As persoas interesadas en participar no programa deberán inscribirse na web da Asociación. O primeiro módulo do curso, que conta coa homologación da Consellería de Medio Rural, inclúe 8 módulos nos que se desenvolverán diversos temas: empresa agraria e a súa xestión técnico económica; asociacionismo; comercialización e trazabilidade; relacións laborais e prevención de riscos laborais; sensibilización medioambiental; agrotecnoloxía; produción de forraxes e alimentación do gando, e produción de leite e manexo do gando. A posta en marcha deste programa está dirixida principalmente a persoas desempregadas con intención de incorporarse ao ámbito laboral da gandería. Esta iniciativa forma parte do proxecto ‘Formación para a consolidación das cooperativas agroalimentarias de Galicia’, xestionado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social. Nel, inclúense outros programas formativos, un orientado á incorporación ao sector hortícola e o outro enfocado ao apoio da función xerencial nas cooperativas.

Programa da I Mostra de Calidade Alimentaria da Xunta

Este mércores, día 15, ás 11:30 horas, arrancará no Pazo Quián, en Sergude (Boqueixón) a I Mostra de Calidade Alimentaria, organizada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), nun acto que estará presidido polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo. Neste marco presentarase a nova campaña institucional do Goberno galego para promocionar a excelencia alimentaria galega, xunto ao mercado dixital oficial no que produtores poderán vender os seus produtos de xeito directo, establecendo contacto eles mesmos co consumidor. Ademais, no exterior do Pazo de Quián estará presente unha “gastroneta” da Axencia Galega da Calidade Alimentaria que ofrecerá ós asistentes unha mostra da calidade alimentaria galega, presentada nunha caixa con diversos produtos galegos. Por outra banda, a I Mostra acollerá a entrega dos premios Exceleite, que supoñen un recoñecemento ás ganderías galegas senlleiras de vacún de leite e avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca. Ademais, tamén se celebrará a entrega de galardóns das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021, que distinguen os mellores queixos e meles. A Mostra desenvolverase ata o venres 17 en horario de mañá e tarde, co seguinte programa de actos:

Mércores 15 de decembro

11:30 horas.- Inauguración da Mostra Presentacións: • Proxecto Buxo (desenvolvemento do Espello do Rural no Pazo de Quián). • Actividades 2022. • Marketplace. • Campaña publicitaria institucional. 16:30 horas.- Come galego. Conferencia e showcooking sobre Ecociña, unha perspectiva turística dos produtos de proximidade e de calidade alimentaria galega, impartida pola directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Marta Fernández. 17:30 horas.- Degustación de produtos con acompañamento musical.

Xoves 16 de decembro

11:00 horas.- Entrega de premios Exceleite 2021. 16:30 horas.- Come saudable. Mesa redonda sobre filosofía slowfood: vantaxes dunha materia prima sen procesar, duns produtos de proximidade, da biodiversidade, da menor pegada de carbono, da conservación territorial e cultural. 17:30 horas.- Degustación de produtos con acompañamento musical.

Venres 17 de decembro

11:00 horas.- Catas de queixos e meles de Galicia 2021. 16:30 horas.- Come atlántico. Conferencia sobre as fortalezas da Dieta Atlántica, a súa adaptabilidade ás diferentes necesidades nutritivas e o seu futuro dentro da promoción dos produtos de calidade alimentaria de Galicia. 17:30 horas.- Degustación de produtos con acompañamento musical. Debido ás restricións pola pandemia, o acceso á Mostra está limitado e será por invitación, malia que todos os actos poderán seguirse por streaming e tamén será posible velos baixo demanda na páxina de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Ademais, a través das redes da Axencia (Fabebook e Instagram), farase un seguimento estrito de toda a Mostra.