Archives

Medio Rural anuncia apoios ó pastoreo en áreas estratéxicas de prevención de lumes

A Xunta proxecta fomentar o pastoreo en zonas estratéxicas para a prevención de incendios, con dúas liñas: un plan piloto de rabaños públicos (propiedade da Xunta) para o control da biomasa na contorna de aldeas da comarca do Xurés e cunha convocatoria de axudas para o pastoreo en extensivo. Con estes dous proxectos, a Xunta calcula que se xestionarán 5.000 hectáreas a través do gando en extensivo, como alternativa á maquinaria. O Consello da Xunta deulle este luns o visto bo ao Plan de prevención de incendios forestais, que estará en vigor ata marzo de 2025 e que conta con 41 millóns de euros. Con este plan prevese actuar en máis de 60.000 hectáreas. Como novidade dentro do plan, búscase prever os lumes mediante o uso de gandería en extensivo. Segundo explicou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, farase mediante gando propio, propiedade da Xunta, ou mediante axudas para promover este sistema entre os gandeiros. A previsión é xestionar 5.000 hectáreas mediante esta fórmula que favorece o desbroce natural. Ampliación de contratos de persoal laboral de extinción No ámbito da prevención, sobresae a ampliación dos contratos do persoal laboral do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF), que aumentarán gradualmente o seu período de contratación dende os 6 ata os 9 meses. Rematado este novo proceso de estabilización, en 2026, todos os integrantes do servizo (3.000 persoas) traballarán, como mínimo, ao longo de 9 meses ao ano, incidindo nunha maior intensidade dos traballos preventivos. Tamén no eido preventivo, a Administración autonómica destaca a renovación do protocolo de colaboración entre a Xunta e Deputación de Ourense. Con este convenio, actívanse catro pilotos para dotar con 16 novas brigadas por seis meses a catro mancomunidades da provincia, o que reforzará o traballo de prevención en arredor de 320 hectáreas de áreas cortalumes e faixas auxiliares. Inclúense tamén no Plan as medidas con cargo ao convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, Altri e Inditex, que financia actuacións estruturais destinadas á recuperación do territorio galego afectado por incendios forestais de singular incidencia, chegando ás comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central de Ourense. En referencia á fronteira con Portugal, avanzarase na fixación de áreas estratéxicas preventivas na loita contra os lumes transfronteirizos, ademais de contar coa nova base aérea de Verín-Oímbra, xa operativa esta campaña. Estes traballos de planificación na Raia arrancarán nun piloto que inclúe a ampliación dun souto de castiñeiros como área cortalumes na parroquia de Videferre (Oímbra), ademais de actuacións previstas noutros concellos da mesma comarca limítrofes con Portugal
O plan conta con dous bloques: un dirixido a accións para a poboación e outro en medidas centradas no territorio
Entre as finalidades específicas do plan preventivo están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais ou a planificación preventiva, xestionando a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas, incluído o fomento de actuacións silvopastorais e pasteiros. Estrutura do plan Este plan estrutúrase en dous bloques: a programación de accións dirixidas á poboación e as centradas no territorio. As primeiras teñen que ver, por exemplo, coa sensibilización da poboación escolar e do rural, con 300 charlas aos estudantes e 35 accións formativas en parroquias de alta actividade incendiaria, así como campañas nos medios. Neste apartado tamén se inclúe o traballo relacionado coa tramitación do anteproxecto da Lei de loita integral contra os incendios forestais, actualmente en trámite de análise e resposta das alegacións recibidas. O segundo gran bloque recolle medidas as relativas á vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa tanto nas faixas primarias (de estradas e vías férreas) como nas secundarias (as máis próximas ás vivendas) e nas terciarias (de camiños, pistas ou devasas en terreo forestal). Este plan integrarase no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2024 que, como é habitual, aprobarase antes do inicio da tempada de alto risco de lumes, que arranca o vindeiro 1 de xullo. Queimas prescritas No marco das actuacións de prevención, este ano prevese actuar con queimas prescritas, de redución do mato, en arredor de 1.680 hectáreas de terreo, en colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Que granxas de vacún de carne teñen que cobrar axudas?

A decisión da Xunta de lanzar unha liña de axudas dirixida ós becerros de Ternera Gallega que se certifiquen en matadeiro exclúe a parte dos animais das ganderías galegas. En primeiro lugar, a aqueles de Suprema ou de cebadeiro que se inscriban en Ternera Gallega pero que logo, por distintas razóns, non se certifican en matadeiro. Ben por venderse de xeito directo a nivel local, ben por quedar para recría nas granxas ou por outros motivos. En segundo lugar, quedan fóra as granxas que non estean na Indicación Xeográfica Protexida. Ambas decisións foron polémicas. A cuestión de fondo, argumentan organizacións como Unións Agrarias ou o Sindicato Labrego, é que se as axudas se orientan a paliar o aumento dos custos de produción das granxas, teñen que abonarse a todas as explotacións. A proposta de Unións Agrarias é que ese pago se faga por vaca nodriza, como se fixo no caso das axudas extraordinarias pola guerra de Ucraína e pola seca. “Esas axudas pola guerra de Ucraína e a seca sumaran 30 millóns de euros que se distribuíran por vaca nodriza” -lembra o responsable de vacún de carne de Unións Agrarias, José Ramón González-. “Fora unha aportación de todas as Administracións, cofinanciada nun 75% por Europa e polo Ministerio e nun 25% pola Xunta”, precisa. “Agora sae outra liña de apoios, de 12 millóns de euros, que consideramos necesario, pero que deixa a parte das granxas fóra. Nós pedimos que non quede fóra ninguén” -insistiu onte González nunha rolda de prensa celebrada en Ourense-. “Todas as granxas sufriron a suba dos custos de produción e todas contribúen á xestión do territorio, a evitar o abandono, a previr incendios e a evitar que todo quede inzado de lobos e xabaríns”, defendeu. “Que pasa, que unha granxa que aposte por medrar e por destinar moitas becerras a recría non ten tantos ou máis gastos de produción que outra que destine máis animais a matadeiro?”, pregúntase. González amosouse doído coas acusacións que recibiu nos últimos días da Consellería do Medio Rural e de Gandeiros Galegos de Suprema, que o criticaban por pedir cambios nas axudas. Tanto Medio Rural como Gandeiros Galegos de Suprema entenden esta liña de axudas como unha aposta por fortalecer a IXP Ternera Gallega e critican que sexa precisamente o vicepresidente de Ternera Gallega, José Ramón González, o que pida un cambio na liña de apoios. Sobre iso, González opinou o seguinte: “Potenciar Ternera Gallega Suprema, si, pero poñer máis cartos para que ningún gandeiro quede fóra, tamén. Só de Suprema van quedar fóra o 35% dos animais, xa que non se certifican en matadeiro”, cuestionou. Por último, o responsable de vacún de carne de Unións considera “un erro que outros queiran meter a guerra sindical nas IXPs. Xa que estamos en Ourense, podemos poñer o caso do Ribeiro, que o conselleiro coñece ben. Houbo unha época en que a D.O do Ribeiro viuse afectada pola guerra política e sindical e iso foi algo negativo. Penso que foi un acerto conxunto de todo o sector, noso e dos demais, desligar a D.O dos intereses políticos e sindicais. As Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas teñen que estar só para defender os intereses do sector”, valorou. O caso das axudas da Covid A polémica polas axudas de Ternera Gallega súmase a un enredo anterior aínda pendente de resolver, o das axudas ás granxas de vacún de carne pola Covid. Medio Rural decidira en primeiro termo que só lle daría as axudas ás granxas de máis de 10 vacas nodrizas, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a instancias do Sindicato Labrego, resolveu no 2022 que todas as ganderías tiñan dereito a esa axuda. A sentencia, xa firme desde o outono do 2022, está aínda pendente de aplicarse. O Sindicato Labrego instou estes días a Medio Rural a aclarar cando pensa abonarlle esa axuda ás granxas e advertiu de que recurrirá de novo á Xustiza para pedir a execución da sentenza. A cuestión de fondo é similar á actual. Se todas as granxas teñen un aumento de custos de produción, todas teñen que cobrar. Coa exclusión inicial das granxas de menos de 10 vacas, a Xunta intentara premiar ás explotacións máis profesionais, que teñen na gandería ingresos principais. É ese o modelo ou hai que apostar por apoiar a continuidade de todas as granxas?. O debate é extensible ás propias axudas da PAC, pois na última reforma debatérase a opción de deixar fóra das axudas ás persoas xubiladas, que en Galicia con frecuencia manteñen pequenos rabaños de vacún de carne. Finalmente optárase por non facelo e por manter nos apoios a todas as ganderías. En zonas con demanda de terras agrarias, iso pode supoñer un problema para as ganderías máis profesionais, pero en zonas do interior galego marcadas polo abandono, iso pódese ver tamén como un apoio para evitar a selvatización de terras. https://www.campogalego.gal/piden-execucion-da-sentenza-que-reconecia-o-dereito-de-todas-granxas-de-carne-axudas-da-covid/

“Vimos que isto se enchía de maleza e trouxemos vacas para ver se axudaban a limpar”

José Antonio Castro é un dos veciños de Moreda (Folgoso de Caurel, Lugo) que colabora no proxecto da aldea modelo, contribuíndo ó coidado de vacas e porcos. A aldea modelo de Moreda está conformada por 38,8 hectáreas, nas que hai 73 parcelas de 44 propietarios. Falamos con el sobre a recuperación do gando no lugar. - Como xurdiu a idea de traer vacas de volta á aldea e como as xestionades? - Vimos que isto se enchía de maleza e tiñamos que facer algo. No 2015 vendéronse as últimas vacas e o meu pai foi o que propuxo traer vacas de novo, soltalas e probar, para que limparan algo. Fomos a Asturias e compramos 15 vacas. Un mes máis tarde voltamos a Asturias e esta vez trouxemos un boi e catro vacas máis vellas, para que guiaran ás máis novas. Sempre o xestionamos o meu pai, eu e tres veciños máis. A cousa foi aumentando, vimos que funcionaba, que o monte se mantiña limpo entre o que limpaban elas e nós. Por iso estamos moi agradecidos, especialmente despois do que pasou aquí cos incendios. Foi máis que nada por non ver o abandono. Nun principio queriamos Cachenas de Triacastela, pero despois coñecimos a Casina Asturiana e gustounos máis. É un gando moi dócil que se adaptou xenial e a penas teñen enfermidades. Aporte de herba seca ó rabaño de vacas este outono. - Como manexades o rabaño de vacas? - Aquí non podemos cebar porque non podemos facer ningunha nave, entón vendemos os becerros para recría. O rabaño anda entre fincas particulares e monte común. Penso que é un beneficio para todos porque fincas que non se ían explotar, polo menos mantéñense limpas. A idea é que anden soltas e recoller herba para pasar o inverno. Aquí o traballo de recoller a herba non é doado pola orografía do terreo. Antigamente usábanse as cabanas para deixar os rabaños, pero están todas destruidas, imos ver se podemos recuperar unha cabana polo menos. Só se meten no verán cando hai moita mosca e fai calor, de día métense nas cabanas e de noite saen comer. De vez en cando é verdade que desaparece algún becerro, pero non sabemos se foi o lobo ou non. - E respecto ós porcos celtas e á posta en marcha da aldea modelo? - Foi a raíz das vacas. Tiñamos un aziñeiral pegado ás casas no que as vacas non entraban. Preferimos para alí o porco celta porque se adapta mellor ao sitio. Foi un proceso de case dous anos, viñeron da Xunta a ver se o sitio valía ou non, e a verdade é que lles encantou, así que montaron unhas instalacións para porco celta, protexidas con arame eléctrico fronte ó lobo. A idea que temos agora é a de crear un obradoiro de elaborados, para poder vender e comercializar aquí esa carne. O proxecto do porco celta fixémolo porque todos os veciños estaban encantados, ninguén puxo problemas, con que un veciño non quixera xa non poderiamos facelo. A maior parte do proxecto de porco celta está en monte común, menos dúas ou tres fincas que son de particulares. Porco celta en Moreda. A creación da aldea modelo foi a través da Xunta e ela pon todo o necesario para montar a explotación do porco celta, despois somos nós os que temos que xestionar, son como unhas instalacións en aluguer. A aldea modelo ofrécenos tamén apoios complementarios, por exemplo en traídas de augas, en axudas para casas de turismo rural e outras. Penso que é unha boa axuda para vivir no rural, deixando claro que temos todos os nosos traballos, que podemos compaxinar coa xestión da aldea modelo, porque vivir só disto sería imposible. - Estades ubicados na Serra do Courel, ao pé da Devesa da Rogueira, que é un dos bosques atlánticos máis visitados e mellor conservados de Galicia. Que importancia ten para vós? - Para o pobo sempre foi un monte moi importante, de onde sacaban madeira que vendían para facer a escola, facer camiños… Fixéronse tamén plantacións de árbores que deron traballo á xente de aquí... Sempre se lle tivo un cariño especial e sempre se coidou. Hoxe en día segue sendo así e certamente atrae bastante turismo. A Devesa está super protexida, entón a idea é manter o que hai, manter limpas as rutas que ten, pero non abrir novas rutas e evitar que isto se masifique, como sucedeu nos Picos de Europa. Houbo unha época, hai 15 ou 20 anos, que houbera un ‘boom’ de xente, despois houbo un baixón e a raiz da pandemia, volveuse producir outro subidón e veu máis xente de fóra, sobre todo de Valencia, Andalucía e Madrid, pero o 80% dos visitantes son de Galicia, sobre todo da provincia de Pontevedra. - Que outras intervencións no territorio destacarías nos últimos anos? - Hai 4 ou 5 anos fíxose unha recuperación de soutos a través da Xunta e tamén todos os veciños tiveron que estar de acordo. Daquela limpamos e demoucamos os castiñeiros. A maioría deses soutos xa estaban abandonados e tamén abrimos camiños para poder acceder. Agora levamos catro anos con moi pouca produción de castañas e moitas castañas quedan sen apañar, entón imos intentar facer un paso do aziñeiral aos soutos para que os cochos aproveiten as castañas.

Ternera Gallega acorda que o acabado dos becerros de Suprema sexa acortellado

O cebo final dos becerros de Ternera Gallega Suprema terá que facerse en recintos acortellados, polo que quedarían excluídos os animais que fagan o cebo final ao aire libre en base a pasto. A medida busca lograr unha maior uniformidade no acabado dos animais, así como preservar elementos diferenciais da IXP, como o carácter tenro da carne. Esta decisión sobre o acabado final dos animais, que terá que tramitarse ante a UE como unha modificación do prego de condicións, ten a única oposición do Sindicato Labrego, que acusa á Indicación Xeográfica Protexida dunha deriva industrial. A organización agraria propuxo no último pleno que nos sistemas de produción extensivo e semiextensivo, o acabado se puidese realizar ou ben mediante estabulación ou ben ao aire libre no pasto, "sendo parte da marca os animais de ambos métodos que acaden os grados de engraxamento e conformación recollidos na orde". Ambas alternativas foron votadas no pleno, sendo o resultado de 15 votos a favor do acortellado final dos animais e 1 voto, o do Sindicato Labrego, a favor de permitir o cebo final ao aire libre, segundo sinala o propio Sindicato Labrego en nota de prensa. “É dicir, os 8 vogais das industrias, os 3 de Asaga -en representación dos cebadoiros-, os 2 de Unións Agrarias e os 2 de Gandeiros Galegos de Suprema votaron a favor de eliminar da marca a todas aquelas granxas que non ceben ou a aquelas granxas que non teñen instalacións para cebar xatos”, sostén o Sindicato Labrego. Para o Sindicato Labrego, isto é unha evolución cara un modelo de produción “intensivo e industrial” para a Terneira Galega Suprema. “Esta modificación afecta a todas as granxas da produción tradicional galegas, tanto a aquelas que ceban acortellado como ás que non, polo que a nova normativa está abrindo a marca a que dentro de pouco os cebadoiros poidan cebar xatos comprados as granxas de vacas e sacar estes ao mercado como Terneira Suprema”, opina o Sindicato Labrego. A organización agraria, por último, anuncia que traballará en Bruxelas, a través da coordinadora europea Vía Campesiña, para oporse a este cambio do prego de condicións de Ternera Gallega Suprema. https://www.campogalego.gal/granxas-de-suprema-disporan-dun-periodo-transitorio-de-dous-anos-para-acortellar-os-becerros/

Éxito ou fracaso dos ecorreximes en Galicia?

Que ecorreximes pediron as explotacións galegas? Por que se reducen finalmente as contías previstas inicialmente? Atopamos a resposta se temos en conta o importante volume de solicitudes que se observan no conxunto do Estado, onde case 9 de cada 10 hectáreas declaradas na PAC se enmarcan dentro dalgún ecorrexime. 

As explotacións agrogandeiras galegas, sen embargo, recibiron con menos entusiasmo unha das principais novidades da PAC neste primeiro ano de aplicación, malia que a Xunta mesmo se esforzou a animar aos produtores a acollerse a eles indicando que nesta campaña non se van realizar controis sobre o seu cumprimento.

Pero finalmente só 291.968 hectáreas están adscritas a algunha destas prácticas a favor do clima e o medio ambiente do total de 468.827 hectáreas incluídas nas declaracións únicas da PAC deste ano en Galicia, presentadas por 24.395 titulares de explotacións, o que significa que en 4 de cada 10 hectáreas preferiron non acollerse a estes pagos extra, que implican esixencias a maiores das incluídas na condicionalidade da PAC, aínda que de vinculación anual na maioría dos casos.

A Xunta mesmo animou aos produtores a acollerse a algún dos ecorreximes indicando que este ano non se ían realizar controis sobre o seu cumprimento

O principal ecorrexime solicitado polas explotacións agrogandeiras galegas foi o de pastoreo extensivo, para o que foron solicitadas 228.467 hectáreas, principalmente por parte de ganderías de vacún de carne, e representan o 64% da superficie total destinada a pastoreo na comunidade (pastos permanentes e temporais), unha cifra moi inferior á media do conxunto do Estado (92%). 

A segunda práctica con máis hectáreas solicitadas, fundamentalmente por parte de ganderías de vacún de leite que botan millo,  foi a da rotación de cultivos en terras de labor, cun total de 57.429 hectáreas, o que equivale ao 56% das terras totais de cultivo declaradas na PAC en Galicia, unha porcentaxe que está 10 puntos por baixo da media de toda España (dos 10,47 millóns de hectáreas de terras de cultivo 6,94 acolléronse a este ecorrexime) e é sensiblemente inferior á de comunidades da cornixa cantábrica como Cantabria (71%) ou o País Vasco (95%), aínda que similar á de Asturias (55%).

Tivo máis ‘éxito’ entre os produtores galegos o ecorrexime de pastoreo que o de rotación de cultivos

As cubertas vexetais en cultivos leñosos permanentes, por exemplo viñedo ou froiteiras, ocupan un total de 3.197 hectáreas, das que 2.135 sitúanse en parcelas de elevada pendente (+10%) ou cultivadas en bancais. Finalmente, ao ecorrexime de espazos de biodiversidade acolléronse un total de 2.873 hectáreas en Galicia.

“Imos cobrar por vaca a metade que os do leite; non nos parece xusto”

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, coas súas vacas en Mazoi (Lugo)

Os produtores de vacún de carne en extensivo séntense “enganados” polo Ministerio e “novamente prexudicados” polas decisións tomadas en relación á PAC. “Dinnos que imos cobrar unha cantidade e en función diso cada un fixo as súas cábalas e tomou as súas decisións e agora modifican os importes, unha vez xa que non temos marxe de manobra”, quéixase Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema.

“Vén saír o que nós viñamos denunciando desde fai meses, que imos cobrar por vaca a metade que os do leite. Non temos nada en contra dos nosos compañeiros gandeiros de leite, pero non nos parece xusto”, di.

Lembra ademais que a prima por vaca de carne, fixada para este ano en 81,53€, levaba conxelada desde o ano 2014, polo que considera “incomprensible que en vez de aumentala, incluso se diminúa”; mentres a que se cobra por vaca leiteira pasou no mesmo período de 120€ a 157 na actualidade, o que equivale a unha revalorización do 30%.

Con respecto á última campaña a axuda por vaca nodriza descende un 4%, mentres a prima por vaca leiteira aumenta un 30%

O descenso no importe final da axuda asociada a vaca nodriza, que cae un 10% con respecto ao previsto inicialmente para o período da PAC 2023-2027 e un 4% respecto ao cobrado na última campaña, e a diminución do 28% do valor do ecorrexime de pastoreo, que queda fixado en 44,72€, vai supoñer unha nova perda de ingresos para as explotacións nun momento de custos de produción elevados e estancamento no prezo de venda dos xatos.

Por iso, desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema esixen ás Administracións “unha liña de subvencións para compensar a perda de axudas nos ecorreximes e na vaca nodriza”. “Nos ecorreximes tamén nos penalizan, non se está fomentando o que di a PAC, que é a extensificación para coidar o medio ambiente e combatir incendios; non se está primando iso que se está vendendo”, denuncia.

“Moita xente vai deixar de pedir o ecorrexime”

A importante redución na contía do ecorrexime de pastoreo, considera Santiago, “vai desincentivar á xente a pedilo o ano que vén”. “Este ano era un pouco de proba e ao ver a contía final do importe e os requisitos que tes que cumprir, entre outros o de levar un caderno de pastoreo, moitas explotacións van deixar de solicitalo”, argumenta.

Santiago achaca a menor porcentaxe de hectáreas acollidas ao ecorrexime en Galicia (64%) en comparación co total do Estado (92%) a diversos factores, entre outros ao tipo de explotacións, máis pequenas e menos profesionalizadas, ou á estrutura da propiedade. “Non é o mesmo facer pastoreo aquí que facelo en Castela ou Estremadura, aquí temos o minifundio e o problema do lobo”, engade.

“A axuda pola seca non dá nin para mercar un rolo de herba”

Os produtores de Suprema séntense “dobremente enganados polo Ministerio”, despois de que a axuda anunciada para paliar os efectos da seca tamén vira reducido o seu importe final. “Anunciáronse 100 euros que despois quedaron en 35,87 euros por vaca nodriza, é unha cantidade ridícula”, di.

A palla está a 200€ a tonelada, o rolo de herba seca a 40€ e o de silo a 60. Quen aguanta o gando no inverno con estes custos?

Prevese o seu cobro polas ganderías en outubro pero de pouco vai servir para aliviar a situación das granxas. “A tonelada de palla está a máis de 200€, os rolos de herba seca a 40 euros e os de silo chegan incluso aos 60. A axuda non dá nin para comprar un rolo por vaca e en todo o inverno unha vaca come moitos rolos”, quéixase Santiago.

“Prevese que este inverno haxa falta de gando”

Ante a falta de forraxe e os altos prezos, explica, moitas explotacións optaron por diminuír o número de cabezas polo que pensa que “nos vindeiros meses van escasear os xatos de Suprema”. “Prevese que no inverno haxa falta de gando. Imos para unha época na que sempre sobraba carne, pero este ano non vai ser así”, prognostica.

Ternera Gallega permitirá cebar no prado os xatos de Suprema pero esixirá o acurralamento dos animais

As modificacións no Regulamento da IXP Ternera Gallega, acordadas no seo do Consello Regulador e que previsiblemente se farán públicas o mes que vén, esixirán unha finalización mínima de 2 meses dos animais, ben sexa en interior ou, se é no exterior, con acurralamento. “Vai encarecer o custo final dos becerros para as explotacións que non estaban cebando, pero é algo necesario para potenciar unha Suprema mellor, porque non se pode seguir devaluando o selo marcando animais que non cumpren”, defende Santiago Rego.  

Finalmente, tamén haberá cambios en relación á axuda comprometida pola Xunta para primar a Suprema, unha medida arrincada polos produtores ao conselleiro logo das mobilizacións levadas a cabo en Lugo esta pasada primavera. A axuda abrirase no 2024 e non será finalmente por quilo de carne, senón por canal certificada, para poder encadrar esta subvención dentro do PDR, segundo explican desde Gandeiros Galegos de Suprema.

A axuda asociada ao vacún de carne para este ano descende en 3,63€ por vaca nodriza con respecto a 2022

A publicación por parte do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) dos importes provisionais da PAC deste ano segue traendo malas noticias para os gandeiros de vacún de carne. Se no ecorrexime de pastoreo a merma nas contías é dun 28% respecto ao inicialmente previsto, nas axudas asociadas á produción (prima por vaca nutriz), prodúcese un descenso de case un 10% respecto do planificado, e o importe final queda por baixo do cobrado este ano polas explotacións.  Segundo o importe provisional para este ano 2023 feito público este luns polo FEGA, as ganderías galegas van percibir 3,63 euros menos por vaca ca este ano, pasando dos 85,16€ do ano 2022, aos 81,53€ da actual campaña, o que representa 8,72 euros menos do importe planificado inicialmente, fixado en 90,25€ por vaca nutriz, cun 10% máis (99,27€) en caso de tratarse de razas autóctonas, importe que queda agora en 89,68€.
O importe planificado inicialmente (90,25€) redúcese até 81,53€ por vaca
No caso da axuda asociada á produción láctea, mantense o importe de 157,95€ por vaca leiteira (181,66€ en zonas de montaña) para os primeiros 150 animais e 78,99 (90,83 en zonas de montaña) entre 151 e 725 vacas. Pola súa banda, os gandeiros extensivos de ovino e caprino de carne recibirán 14,46 euros por cabeza e os de leite 12,49€. Críticas do SLG "Resulta totalmente imprescindible que o Ministerio faga un urxente exercicio de responsabilidade e proceda á ampliación do orzamento até equiparar as axudas o máximo posible ao previsto. O vacún de carne foi un sector especialmente castigado nestes últimos anos no tocante ás axudas públicas", insiste Ana Rodríguez, economista especializada na PAC do Sindicato Labrego Galego. "Dende o SLG instamos ao Ministerio a ampliar orzamento até subsanar estas situacións, xa de por si incongruentes habida conta da responsabilidade que ten como Administración pública de establecer políticas dirixidas a garantir que se produzan alimentos a nivel de todo o Estado, canto máis se temos en conta a alza de custos de produción e os problemas derivados do quecemento global aos que se están a enfrontar as labregas e labregos", asegura.
Unha marxe de erro de até un 28% evidencia eivas nos cálculos e pon en risco a situación económica das granxas
Desde o SLG insisten en que a redución das axudas pon en risco a continuidade das explotacións. "As granxas pediron os ecorreximes en función dunhas previsións que agora non se cumpren. Unha redución de 1/3 por hectárea dos importes muda moito o escenario, en moitos casos complicando de xeito salientable a viabilidade das granxas", afirma Ana.  Desde o SLG consideran que tanto os ecorreximes como as axudas asociadas son "fontes de financiamento moi sensíbeis para as granxas", polo que esixen "solucións" ante a "inxustificable falta de correspondencia entre as previsións das axudas do Ministerio e a súa contía final".
As explotacións pediron os ecorreximes en función dunhas previsións que agora non se cumpren
Así, o Sindicato Labrego considera que unha variación do 28% entre as estimacións e as contías reais, como acontece no caso dos ecorreximes en pastos (pastoreo extensivo, sega ou illas d biodiversidade), que supón 17,44€ menos por hectárea, "é absolutamente inaceptable". Caso similar dase nos ecorreximes en terras de cultivo (sementeira directa e rotación con especies mellorantes), que tamén afecta de xeito diferenciado ás granxas galegas, onde a falta de concordancia entre o estipulado e o previsto sitúase no 20% (17,08€ menos por hectárea). "Sendo os importes iniciais proporcionados polo propio Ministerio de Agricultura a información en base á cal as granxas toman boa parte das decisións económicas para o desenvolvemento da súa actividade produtiva, estes deben ser elaborados de xeito estritamente rigoroso", argumenta Ana. 

Só o 62% da superficie agraria que se acolle á PAC en Galicia pediu algún ecorrexime

Unións Agrarias estima que Galicia vai perder 5 millóns de euros en ecorreximes nesta campaña "polo deficiente asesoramento e os problemas de tramitación da PAC". UUAA considera que case un 20% da superficie agraria que podía terse beneficiado destes fondos no primeiro período de aplicación dos ecoreximes da PAC non o fará polas dificultades rexistradas ao non ter contado con servizos de asesoramento especializados á hora de realizar unha tramitación que, cos novos requerimentos, se ten volto significativamente máis complicada. 
Unións Agrarias lamenta a perda dunha oportunidade que terá importantes consecuencias para as explotacións da comunidade
Segundo os datos que vén de facer públicos o Ministerio de Agricultura, en Galicia só o 62% da superficie agraria que se acolle á PAC estará amparada polos ecorreximes, unha cifra que evidencia "os problemas á hora de enfrontar ese trámite cos que se atoparon os agricultores e gandeiros que non contaron cun asesoramento técnico especializado axeitado. Unha porcentaxe que no conxunto do Estado é moi superior e que, segundo as estimacións de UUAA, tamén en Galicia debera ter roldado o 80%. Unión Agrarias lamenta que esa falla de apoio teña levado ás explotacións agrogandeiras galegas a unha situación que supón unha importante oportunidade perdida e que terá graves consecuencias económicas para o sector produtor. Unha situación que, de repetirse nos anos sucesivos, suporía un total de 25 millóns de euros perdidos para Galicia no período 2023-2027 da Política Agraria Común.

“Queremos chegar a unhas 250 nodrizas e poñer en marcha un cebadeiro”

No ano 2017 e logo de rematar os estudos, Rocio decidíu incorporarse á explotación familiar. Por aquel entón tiñan unhas 36 cabezas de vacún de carne, que foron orixe da explotación de hoxe en día. Comenta que “a pesar de que é un traballo duro e ao que lle dedicas moitas horas, tamén é gratificante e non o cambiaría. Animo a quen teña gusto pola gandeiría a dar o paso adiante, a pesar das dificultades que poida haber”. A día de hoxe, xunto coa axuda dun empregado, atenden diariamente a 191 animais, entre vacas, recría e catro touros. Nestes anos, o crecemento foi constante e teñen como obxectivo seguir ampliando ata os 250 animais, entre nais e recria. Actualmente “cando os xatos son destetados, vendémolos para un cebadeiro que temos de mau. As femias ata agora fómolas recriando todas. Nestes anos non mercamos ningunha vaca, o crecemento foi en base á recria da propia granxa” explica Rocio. O xeito de produción é totalmente en extensivo, as vacas están durante todo o ano nos pastos. O gando está repartido en 10 lotes, 3 de recría e 7 de nodrizas, que van rotando por 100 hectáreas distribuidas por todo o concello de Pol. “Empezamos por Torneiros e pasando por Mosteiro ata Suegos temos fincas en propiedade e alugadas, tamén temos algunha na Meda, no concello de Castroverde. O gando está dividido en 10 lotes e contan con 7 mastíns para a súa protección. “Procuramos que sempre teñan pasto porque é como mellor condición corporal collen. Aínda no inverno ou no verán, intentamos que, na medida do posible, teñan algo que pacer”, sinala Rocio. Para complementar, utilizan bolas de silo e herba seca. Este ano teñen unha previsión de recoller unhas 1.400 bolas de silo e tamén algunha de herba seca. Os pastos son a base de pradeira natural que van conservando. Para renovar, non labran as fincas. “Pode que en anos de seca ou fincas que nalgún momento poidan quedar máis pobres, botemos semente por enriba e logo unha capa de purín, pero fai tempo que non resembramos. Tendo as fincas ben abonadas, aguantan bastante ben”. Para o abonado das fincas, empregan purín sobrante de explotacións de leite e esterco de granxas avícolas. Con isto, teñen todo o ano as fincas en bo estado, sen necesidade de abonos químicos. Tanto os traballos de abonado como os de recolección de forraxe, realízanos eles mesmos. Para isto empregan a maquinaria da empresa de servizos da que tamén é co-titular Rocio, Agroforestal Carballés Campos S.L.
Coas vacas fóra, non temos problemas de diarreas nin de pneumonías. Os animais están moito mellor
Esta empresa de servizos foi creada pouco antes de incorporarse Rocio á explotación e dende entón tamén foron en liña ascendente. O ano pasado fixeron un investimento de 1 millón en adquisición de maquinaria, similar á prevista para este ano e que estará enfocada á agricultura de precisión e Gps. Volvendo á granxa, en canto aos animais conviven distintas razas, tanto asturianas ou pardas como limusinas, aínda que se decantan por esta última raza para o futuro por considerala a máis completa para a súa explotación. Dos 4 touros que teñen na granxa, 3 son de limusín e 1 asturiano. “Utilizamos o asturiano para meter nos lotes de recría porque saca crías pequenas e paren moi ben, no resto de lotes vamos rotando os touros limusín”. Os touros mércanos a outras granxas e no caso dos limusín, buscaron pureza da raza. “Os touros aguantamolos bastante, ímolos rotando polos diversos lotes para non ter problemas de consanguinidade e así podémolos aproveitar máis. Pode que os teñamos na granxa unhos 4 ou 5 anos, tampouco máis porque ao irse facendo vellos poden dar problemas nos partos”.
Para facer fronte aos ataques do lobo, teñen 7 mastíns, que van rotando polas zonas con máis perigo
Un dos touros da gandería. Actualmente teñen moi poucos problemas veterinarios. “Non temos problemas de diarreas nin de pneumonias, ao estar as vacas fóra nese aspecto están moito mellor. En canto aos partos, a maioría paren solas ou cunha pequena axuda” comenta satisfeita Rocio, ao recordar que hai uns anos, con outro touro, fixeran cesárea a case a metade das vacas. Para os problemas que ocasionan as moscas no verán optaron por unha vacuna. “É unha vacuna que hai que encargar, o veterinario ía pedir para outras granxas e tamén probamos porque deste xeito durante 1 ano están protexidas”, apunta Rocío. Para o tipo de manexo desta granxa, Rocio non vía viable outros sistemas para o control de infestación de moscas por ter que estar cada pouco tempo aplicándoos. A pesar de ter as vacas fóra todo o ano, non teñen moitos problemas co lobo. Para facer fronte aos ataques teñen 7 mastíns, que utilizan nas zonas en que pode haber máis perigo. Unha parte das fincas teñen peche de pastor con varilla, outras estacas de madeira con 4 fios de pastor e nas que son en propiedade foron facendo peches con malla. Para seguir facendo fronte ao lobo e ter o gando máis controlado, este ano van poñer colares de con xeolocalización. Como próximo obxetivo nesta granxa, teñen o de aproximarse ás 250 vacas e tamén pasar a cebar eles mesmos os machos. Para este segundo obxetivo, proxectan adaptar unha antiga granxa de vacun de leite, con capacidade para 250 becerros. “Para telo a pleno rendimento, a maiores dos nosos xatos mercariamos algún máis para completar a capacidade do cebadeiro. Temos agora mesmo un lote de xatos que se as obras o permiten, en dous ou tres meses xa poderíamos meter a cebar” prevé Rocio. Dito cebadeiro estará dividido en lotes de 60 animais con patio exterior, para así cumplir as normas actuais de benestar animal. IXPs Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia Non están a facer programación de partos de todo ou parte do rebaño nunha data concreta. “O ideal sería facelos coincidir na primavera e no outono, pero non o estamos a facer en parte porque nos coincide tamén co pico de traballo da empresa de servicios”, di Rocio. Aínda así, cada lote ten unha data de partos común entre sí. Isto tamén permitirá que unha vez posto en marcha o cebadeiro, se poidan incorporar lotes prácticamente cada dous meses e así ter entradas e saídas repartidas ao longo de todo o ano. Actualmente están a marcar coa IXP Tenera Gallega e coa posta en marcha do cebadeiro plantéxanse pasar a marcalos seus animais de Suprema e conseguir así unha maior remuneración nas canles. En canto ás vacas de desvelle son todas vendidas baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia. “Se coincide na primavera, que hai pasto abondo e xa están ben cebadas, mandámolas así. Se coincide no verán ou no inverno, metémolas dentro e cebámolas algo”, explica Rocio. Tamén caparon fai uns anos 6 xatos para crialos para bois e que xa venderon, neste caso para acabar de cebar aínda.

Publicado o listado de axudas por danos do lobo no 2022

A Consellería do Medio Ambiente vén de publicar o listado de axudas concedidas por ataques de lobo ó gando no 2022. En total son 1.101 expedientes, dos que 7 superan os 3.000 euros de danos, se ben tamén hai afectados que acumulan varios expedientes ó longo do ano e que superan igualmente ós 3.000 euros. Por provincias, a que máis danos rexistra é a provincia de Lugo. Dos 1.094 expedientes inferiores a 3.000 euros, 554 están en Lugo, 246 en Ourense, 224 na Coruña e 70 en Pontevedra. A cabana máis afectada é a ovina, con 1.042 cabezas mortas, seguida do vacún, con 664. Nos cabalos contabilizáronse 331 baixas identificadas e nas cabras 214. O total de reses afectadas e contabilizadas por Medio Ambiente é de 2.251, unha cifra similar á de anos precedentes. Nos últimos 6 anos, o número de baixas computadas sempre estivo por riba das 2.000 cabezas anuais. O 2022 foi o segundo ano da serie histórica con máis avisos de danos, un total de 1.332, só por detrás do 2019, con 1.396 avisos ó 012. Pódese ver neste Pdf o listado completo das axudas menores a 3.000 euros, en tanto neste anuncio do Diario Oficial de Galicia publicáronse os sete expedientes por importes de máis de 3.000 euros.

Centos de tractores toman Lugo en demanda de solucións para a gandería de vacún de carne

Os máis de trescentos tractores que marcharon este martes polas rúas de Lugo son un bo termómetro da complicada situación que atravesa o vacún de carne, un sector afogado pola suba dos custos de produción e un prezo de venda dos xatos insuficiente.  A caravana de tractores, acompañados de gandeiros a pé, partiu ás 11 e media da mañá desde o Polígono das Gándaras e rematou pasadas as tres da tarde diante da delegación da Xunta de Galicia, onde se xuntou un milleiro de produtores cunha ducia dos seus animais, logo dunha parada tamén na subdelegación do Goberno. A asociación convocante da protesta, Gandeiros Galegos de Suprema, expuña diante das dúas Administracións, nas que permanecerá a partir de agora concentrada de xeito indefinido até que se poñan sobre a mesa solucións aos seus problemas, as principais reinvindicacións: un prezo de venda dos xatos xusto, que non se recorten as axudas da PAC e que se free o avance do lobo. 
Non hai relevo xeracional porque as nosas explotacións non son viables
En conxunto, as peticións dos produtores resúmense nunha: "cubrir os custos de produción e obter unha marxe de beneficio para que as explotacións de carne sexan viables e non se vexan abocadas ao peche". "Prezo xusto é igual a profesionalización e a vida no rural, mentres que a situación actual leva ao abandono", aseguran. "Os mellores bombeiros somos os gandeiros, somos os que coidamos o territorio e se non hai gandeiros teremos unicamente incendios e terra queimada", insistiron.  Prezo imposto polos matadoiros O presidente de Gandeiros Galegos de Suprema, Santiago Rego, cuestiona o que considera un incuprimento da Ley de la Cadena Alimentaria: “A propia Administración ten un estudo do 2021 no que se di que o noso custo de produción está en 6,20 euros. A día de hoxe, trala suba dos pensos e materias primas o ano pasado, estaremos arredor dos 7 euros, moi por riba do prezo de venda dos xatos”, valora.
Os custos de produción estannos a afogar. Sentímonos totalmente indefensos neste sistema onde predomina o monopolio da industria
"Os custos de produción estannos a afogar. Estamos vendendo a perdas. Onde está a AICA?", pregunta. "Sentímonos indefensos de todo ante este sistema onde predomina o monopolio da industria. Vémonos obrigados a asinar uns contratos ilegais baixo a ameaza de non levarnos os becerros e nós aos xatos temos que darlles saída", din. A nova PAC, unha "descapitalización" para as explotacións de carne Tractores na Ronda da Muralla, preto da delegación da Xunta. No contexto actual de altos custos, os produtores de Suprema consideran preciso un reforzo das axudas da PAC, pero advirten sen embargo de que o novo período da Política Agraria Común 2023-2027 chega para as granxas de vacún de carne cun recorte de axudas.
A PAC hoxe é imprescindible, pero non temos nin prezo nin axudas
"A nova PAC é unha descapitalización en toda regra das nosas explotacións", aseguran, alertando da "trampa" que supoñen novas liñas de axudas como os ecorreximes e as novas condicións impostas para o cobro das axudas agroambientais destinadas ao fomento de pastos.  O problema da fauna salvaxe Outro aspecto que preocupa aos gandeiros é sobre o lobo, que aseguran que está causando importantes danos sobre a gandería extensiva. “Se queren que sigamos mantendo o lobo, terá que haber suficientes subvencións para iso. Se non, terán que regular as poboacións, pero coa situación actual, na que o lobo está no Listado de Especies en Protección Especial, quedamos indefensos”, critica Santiago Rego.
As camadas de lobos multiplicáronse e campan ás súas anchas; se temos que seguir dándolles de comer, que nos paguen por iso
Os gandeiros acusan aos políticos de descoñecer a realidade dos produtores. "Acúsasenos de provocar o cambio climático, de que as nosas vacas contaminan e de ser os responsables de que a cesta da compra suba. Basta xa de ataques ao noso sector. Necesitamos políticos que nos defendan e que non nos ataquen", dixeron.  Rebaixa do IVE á carne A Asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide ademais que a carne sexa considerada "un produto de primeira necesidade" e que se lle aplique unha rebaixa do IVE, ao igual que se fixo con outros produtos de alimentación como o leite. "Rebaixar o IVE da carne serviría para incentivar o consumo e para rebaixar o custo da cesta da compra aos consumidores", defenden.  Sobre o prezo de venda da carne, a asociación defende que non é preciso subir máis o que se lle cobra ó consumidor, “senón facer un reparto máis equitativo do valor da carne ó longo da cadea”. "Ternera Gallega somos nós e non as industrias", reprocháronlle ao Consello Regulador da IXP. "Se o campo non produce a cidade non come", corearon durante toda a marcha e preguntaron "que trazabilidade ten a carne que chega de terceiros países a prezos baixos?".
Os gandeiros manterán unha concentración indefinida ante a Xunta e a Subdelegación do Goberno até que se adopten medidas para solucionar a actual situación
Por parte da Xunta, Medio Rural sinalou hoxe nun comunicado que demanda do Goberno central un IVE cero para a carne, a fin de que os produtores poidan aumentar os seus ingresos. Tamén asegura que velará para evitar a venda de gando a perdas a través do Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, a chamada ‘Aica galega’, pois asume en Galicia parte das competencias que vén desempeñando a Agencia de Información y Control Alimentario. Sindicatos, "chiringuitos" Algúns alcaldes, como o da Fonsagrada, acudiron a apoiar aos gandeiros dos seus concellos Santiago Rego avogou pola unidade do sector e agradeceu o respaldo das asociacións que apoiaron a marcha. Na súa cartelería e nos lemas coreados, os gandeiros lembráronse tamén dos sindicatos, "os grandes austentes" da protesta, ós que equiparan a "chiringuitos" ligados ós partidos políticos. Ás portas das eleccións, a marcha foi secundada por alcaldes do PSOE, como o da Fonsagrada, e do PP, como os de As Nogais, Triacastela, Castro de Rei ou Friol, así como por deputados do PP ou do BNG. O presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema criticou os intentos de "politización" do sector. 
Ás portas das eleccións municipais, a protesta dos gandeiros foi apoiada por alcaldes do PP e do PSOE
"Houbo alcaldes que se moveron nas eleccións ó consello regulador de Vacún de Galicia e que se volveron a mover estes días para pedir que non se fose a esta manifestación", criticaron os convocantes nun dos discursos ao remate da marcha. "Divide e vencerás", lamentaron. Gando ao pé da delegación da Xunta en Lugo, ao remate da marcha.
Álex Rodríguez (Láncara)

“Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse á gandería”

Álex Rodríguez, un mozo de 27 anos de Láncara, tiña previsto incorporarse este ano á gandería familiar, que leva na actualidade súa nai, Marifé Blanco. Pero cos custos e prezos actuais, ve o panorama complicado. “Non hai garantías de futuro. Da maneira na que están as cousas, non anima a incorporarse. Precisamos unha boa PAC porque cos prezos que temos hoxe polo gando, é imprescindible”, sinala. A gandería está a cobrar arredor de 6 euros /Kg. polos animais e cos prezos actuais do penso, xa decidiu reducir o periodo de ceba e a cantidade de penso que lle dá ós xatos. “De momento seguimos cebando, pero quizais chegue un momento no que teñamos que parar”, valora.
José Antonio Santos (Friol)

“Cobramos o mesmo polos xatos que hai 30 anos, pero daquela un saco de penso de 40 Kg. costaba 500 pesetas”

José Antonio Santos é un gandeiro xubilado de Friol que acudiu á concentración co seu fillo, que é o que leva hoxe en día a gandería, de 70 reprodutoras. Santos fai números comparando prezos e custos de hai 30 anos cos de agora. “Daquela cobrabamos 200.000 pesetas por un xato, que é parecido ó que cobramos agora, pero o saco de penso de 40 Kg. estaba a 500 pesetas e hoxe un saco de 25 Kg. custa 15 euros”, compara. A mesma situación dáse co abono. “Daquela un saco de abono eran 200 pesetas, hoxe son 30 euros” -explica-. “Nós o ano pasado xa non abonamos as pradeiras con fertilizantes químicos e este ano tampouco o faremos. O que fixemos foi reducir o rabaño”, apunta. De cara ó futuro, o produtor opina que “a xente que vén atrás vaino pasar moi mal”.
José Ángel Lamas (Friol)

“O sector gandeiro move a economía dos concellos”

José Ángel Lamas é un gandeiro de Friol que ten un rabaño de 28 vacas, que lle serve de complemento á súa actividade principal, a venda de penso. “O sector gandeiro move a economía dos concellos rurais”, advirte. Lamas considera que a mobilización en demanda de solucións “vai para longo” e pide “unidade” do sector.

Recomendacións ás ganderías para evitar recortes nas axudas por pastos na PAC 2023

A campaña da solicitude da PAC deste ano prevese problemática. Á complexidade engadida na tramitación, como consecuencia da entrada en vigor no novo período 2023-2027 de elementos como os ecorreximes, engádese unha actualización do SIGPAC que modifica a porcentaxe subvencionable en parcelas de pasto arbustivo e baixo arboredo. Desde o pasado 1 de febreiro pódense consultar a través do Visor do SIGPAC os datos das parcelas que se terán en conta para a Solicitude Única que comeza o vindeiro 1 de marzo. Como novidade para esta campaña 2023 incorpóranse novas capas de Pastos Comunais e Faixas de Protección de Cauces e actualízase o valor do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos (CSP), que substitúe ao anterior Coeficiente de Admisibilidade de Pastos (CAP). O novo CSP, definido nos Decretos que regulan o novo período da PAC, aprobados a finais de decembro, aplícase a aquelas superficies de pastos “que presenten características que de forma estable impidan un aproveitamento total das mesmas pola presenza de elementos improdutivos tales como zonas sen vexetación, pendentes elevadas ou masas de vexetación impenetrable” (Real Decreto 1048/2022 artigo 3.13).
Para a fixación do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos téñense en conta as condicións da parcela, a pendente, a presenza de arboredo e as características botánicas do pasto
Como novidade respecto ao CAP fixado no ano 2015, o CSP do 2023 introduce o factor da especie forraxeira á hora de fixar a porcentaxe de superficie de pasto subvencionable, que valora a pastabilidade do tipo de vexetación presente na parcela. Ademais, introdúcese unha nova categoría para a clasificación das parcelas, a de Matogueira (MT), que se engade ás xa existentes de Pastizais (PS), Pasto Arbustivo (PR) e Pasto Baixo Arboredo (PA).

Consecuencias á hora de solicitar a PAC

A redución da superficie admitida afecta sobre todo a gandeiros nas zonas de montaña, que verían comprometidas as axudas que percibían estes anos. Xoán González é titular dunha explotación ovina no concello de Viana do Bolo. Este mozo detectou o problema ao revisar no SIGPAC as súas parcelas trala última actualización do 1 de febreiro. “Tiña fincas cualificadas como pasto arbustivo que están moi ben coidadas e valen para pacer case como se fosen un prado que pasaban dun 85% de CAP a cero e outras ao 35%. A rebaixa total supúñame ter 6 hectáreas menos de superficie, co que perdería a liña de axudas de ecolóxico e caeríanme todos os compromisos de carga gandeira esixidos”, explica.
Eu recomendaría a todo o mundo que revise como aparecen as súas parcelas para que non se atopen con ese problema o día que vaian presentar a solicitude da PAC
Ao igual ca Xoán, outros produtores da zona atopáronse co mesmo problema e decidiron dirixirse ao FOGGA pedindo explicacións. “Chamamos ao FOGGA e volveron poñelas ben. Dixéronnos que fora un erro, pero se non chegamos a chamar non o terían arreglado e atopariámonos con ese problema o día que foramos facer a solicitude da PAC, que é o que lle vai pasar á maioría da xente, que se vai enterar ese día”, asegura. Xoán quéixase do cambio de oficio realizado “sen un motivo de peso nin unha acta que xustificara ese cambio”, cando o propio FEGA, na súa última circular sobre como presentar alegacións ao SIGPAC, indica que “cando como resultado dunha actualización masiva do SIGPAC, vísense afectados os cálculos das axudas da PAC (pagos directos e pagos ao desenvolvemento rural) así como calquera outra subvención na que se utilice o SIGPAC como referencia para a declaración de superficies, aquelas persoas cuxos intereses se visen afectados deberán ser notificadas no marco do procedemento de tramitación das devanditas axudas ou subvencións”. Un requisito que non se está a cumprir neste caso e do que se queixan os afectados.

Procedemento para alegar ao SIGPAC

Desde o 1 de xaneiro do 2005 o SIGPAC é a única base de referencia para a identificación das parcelas agrícolas no marco da PAC, pero os produtores deben realizar a declaración de superficies en base á realidade do terreo. “No caso de que o SIGPAC non reflicta a situación real das parcelas e se observe que os seus recintos non están correctamente delimitados ou se cambiou o uso dalgún recinto, o produtor notificarao á súa administración autonómica a través da oportuna solicitude de modificación ao SIGPAC, e entre tanto, na súa solicitude única declarará a situación real”, aclara o FEGA.
As alegacións ao SIGPAC deberán incluír un informe técnico e fotografías xeoreferenciadas
Para corrixir os erros detectados os afectados terán que presentar alegacións ao SIGPAC no propio proceso de solicitude da PAC, a través da aplicación que habilitará a Xunta. A alegación deberá incluir un informe técnico con antigüidade inferior a 6 meses que xustifique o cambio solicitado, así como fotografías xeoetiquetadas. Amaia Santamarta, técnica de Ovica e encargada de tramitar a PAC dentro da asociación, asegura que “as alegacións son unha tortura e os resultados son moi variables dependendo da provincia, porque aínda que supostamente os técnicos do FOGGA teñen criterios comúns na realidade hai moita diferenza”. Ademais, di, “as parcelas de menos de 3.000 metros cadrados denéganas de oficio, xa non as van nin ver, e en Galicia hai moitas así”, quéixase. Por iso “xogarse as axudas da PAC a esas alegacións é un risco, como produtor non podes xogalo todo á carta das alegacións”, considera.
"Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias"
“Os gandeiros máis afectados pola revisión do CSP son os das zonas de montaña que teñen gando vacún de carne, cabalos ou rabaños de ovino e caprino. Os pastos arbustivos e pastos con arboredo sempre van ter rebaixa de superficie pero hai parcelas que xa foran alegadas e ás que se lles asignara un CAP máis alto que agora volvéronas para atrás”, explica. “Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias porque colle os datos do Catastro, que en Galicia está moi mal, polo que arrastra eses mesmos erros. Galicia ten unhas circunstancias moi concretas que deberían ser tidas en conta”, di Amaia. O cambio de cualificación das parcelas pode levar a unha perda de fondos, sobre todo para os produtores que anden moi xustos de superficie. “Hai zonas onde é complicado atopar máis terreos e se os atopas van ser de características similares, polo que vas ter o mesmo problema”, conclúe.

Outras eivas do SIGPAC: moitos elementos da paisaxe e cauces fluviais seguen sen aparecer

Unha das novidades introducidas no actual período da PAC dentro da condicionalidade reforzada é a obriga de que as explotacións manteñan unha porcentaxe mínima do 4% de superficies de interese ecolóxico (SIE), no que se incluirían elementos da paisaxe ou marxes fluviais sen cultivar. Aínda que a obriga do cumprimento desta boa práctica (BCAM 8) manterase este ano en suspenso, ao igual que a da rotación de cultivos (BCAM 7), como consecuencia da excepcionalidade aprobada pola UE a raíz da guerra de Ucraína (tal como se recolle no Real Decreto 1049/2022), estas superficies deberán ser tidas en conta sen embargo no caso de solicitar os ecorreximes de rotación de cultivos con especies mellorantes ou o de mantemento de espazos de biodiversidade.
As superficies ou elementos non produtivos poderán adicarse excepcionalmente este ano a produción de alimentos, agás millo e soia
Pero xorde neste caso o problema de que no SIGPAC non aparecen en moitos casos reflectidos a totalidade dos elementos da paisaxe (sebes, lindes, árbores ou froiteiras illadas nos prados e terras de cultivo, balsas de rego, muros de pedra seca e outros elementos singulares, etc) nin tampouco os 5 metros de faixa entorno aos ríos e regatos.

O FOGGA recomenda non alegar

A única alternativa en caso de que unha explotación queira marcar estes elementos para cumprir co ecorrexime de espazos de biodiversidade sería presentar tamén unha alegación ao SIGPAC, que complicaría a solicitude da PAC. “Os ríos seguen sen estar todos cargados e no caso dos que non estean debuxados desde o FOGGA desaconsellaron que os introduciramos na solicitude”, explica Ana Rodríguez, responsable da Política Agraria Común no Sindicato Labrego Galego. O propio FEGA admite que a capa cargada no SIGPAC o pasado 1 de febreiro relativa aos cauces fluviais “é provisional, de forma que permitirá ir depurando e consolidando a información”. Polo tanto, “no caso de que un agricultor non estea de acordo coa información recollida deberá presentar ante a súa administración autonómica unha solicitude de modificación do SIGPAC”, recomenda a entidade estatal, en contra do criterio seguido polo FOGGA.

Conflitos nos montes veciñais

O SIGPAC incorpora tamén como novidade unha nova capa de Pastos Comunais, onde se incluirían os montes veciñais en man común que fan aproveitamento gandeiro. Nos casos nos que as parcelas son pacidas de xeito individual polos comuneiros, a directiva da comunidade de montes ten que facer unha declaración asignando esas superficies para que despois os produtores as poidan incluír nas súas solicitudes individuais.
As directivas dos montes veciñais teñen que declarar as diferentes superficies que lles asignan aos gandeiros
Se non está feita esta declaración previa non se poderían solicitar axudas por estas parcelas traballadas individualmente, o que está levantar toda a problemática existente cos montes veciñais en Galicia. “Se a directiva do monte vecinal non fai este trámite previo, os gandeiros están vendidos”, advirten desde a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Moitas veces os conflitos de intereses entre comuneiros con gando e comuneiros con intereses forestais impiden o acordo. Outras veces as xuntas directivas das Comunidades de Montes están sen renovar desde fai anos, polo que non terían capacidade legal para operar sen antes proceder á renovación dos seus órganos de representación.

Problemas coa clasificación das granxas extensivas

Outro dos cambios introducidos na solicitude da PAC deste ano ten que ver coa axuda asociada por vaca nodriza, que só van poder cobrar as explotacións clasificadas como extensivas. “Antes non pedían ningunha clasificación en concreto, pero agora se non tes ben a categoría non vas poder cobrar esta axuda, que representa unha cantidade económica importante, e moitas granxas en Galicia que eran de leite e se pasaron á carne seguen figurando como explotacións intensivas, polo que perderían as axudas”, advirte a responsable da PAC no SLG.  
Hai moitas explotacións en Galicia que están mal clasificadas e perderían a axuda asociada por vaca nodriza
Ese cambio de categoría, en función da clasificación que establece o novo Real Decreto de Ordenación de granxas bovinas, poden pedilo as explotacións en calquera momento, previo pago da taxa correspondente, aínda que se agarda que se habilite un período extraordinario para facer o cambio, ben a través da solicitude única da PAC ou na Oficina Virtual. “A xente debería ir mirando como ten as parcelas, en que rexión está e como está clasificada a súa granxa; é algo moi importante”, recomenda Ana.

Retrasos na presentación das solicitudes

O FOGGA celebrou este pasado xoves unha xuntanza con entidades colaboradoras na tramitación da PAC, que serviu para deixar patente o seu malestar polo incremento da carga de traballo que vai supor a solicitude deste ano, no canto da simplificación anunciada, así como o axustado dos prazos.
A estas alturas, cando falta menos dunha semana, non está aínda operativa a aplicación para cargar as solicitudes nin foi aprobada a norma reguladora a nivel galego
Aínda que oficialmente o prazo ábrese o 1 de marzo, non se van poder presentar as solicitudes até ben avanzado marzo ou principios de abril. “O día 1 non vai estar nada operativo, a aplicación de proba non estará até o día 6 pero ata o día 20 non van facer a formación porque non vai haber ata entón unha versión da que se fíen para poder cargar as solicitudes. Non sei se é culpa do Ministerio ou da Xunta, da Consellería ou do FOGGA, pero este ano é todo un auténtico desastre. Está todo aínda no aire a menos dunha semana de que se abra o prazo e da reunión saímos peor do que entramos, con máis dúbidas, porque teñen moi pouca seguridade nas cousas que nos din”, asegura Ana. O prazo oficial de presentación de solicitudes remata o 30 de maio, con prazo para modificacións até o 15 de xuño, pero o FOGGA xa estuda a súa ampliación até finais de mes. “Máis do 30 de xuño non poden alongalo porque despois non lles dan os prazos. Pero imos perder o mes de marzo por non estar listo o sistema e abril comeza coa Semana Santa”, advirten desde o SLG.

Xornada de portas abertas este luns 30 en La Cabreta

Este luns, a partir das 10 h. da mañá, a gandería de ovino La Cabreta (A Pastoriza, Lugo) desenvolverá unha xornada de portas abertas. Aquelas persoas interesadas en coñecer o seu sistema de produción, así como debatir sobre estratexias de reprodución e alimentación, poden achegarse á granxa, anotándose previamente no e-mail contacto@beealia.com ou no teléfono 619 032 791 (Joan Alibés). Durante esa mañá, ademais, estaránselle facendo ecografías ás ovellas da gandería, en colaboración coa Facultade de Veterinaria de Lugo. Tamén se informará sobre o programa de formación 2023 de Beealia. Ubicación: https://goo.gl/maps/RrF2AZL9eieV6GpF6

Implicacións da nova PAC para o sector do vacún de carne

O profesor da USC Edelmiro López coordinou un equipo de expertos que asesorou á Xunta Edelmiro López, profesor de Economía Aplicada da USC, coordinou nos últimos anos un equipo técnico que asesorou á Consellería do Medio Rural no proceso de elaboración do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. “Asesoramos desde o punto de vista técnico, pero non somos responsables das opcións que finalmente se tomaron”, aclara. Recentemente desgranou nas Xornadas Luis Asorei celebradas na Deputación de Lugo as implicacións da nova PAC para o sector do vacún de carne desde o punto de vista do cobro polos servizos ecosistémicos que realiza.
Asesoramos desde o punto de vista técnico, pero non somos responsables das opcións que finalmente se tomaron
O xiro verde que a Comisión Europea quixo imprimir á nova PAC pode beneficiar, cando menos teoricamente, ao sistema galego de produción de carne, baseado maioritariamente na produción extensiva en base a pasto. As ganderías de vacas nodrizas non deberían ter problema algún para cumprir coa condicionalidade reforzada esixida no novo período. A maiores, os eco-reximes do primeiro Pilar e as medidas agroambientais do segundo, nos dous casos de aplicación voluntaria por parte dos gandeiros, poden traer novos ingresos ás explotacións.
As principais novidades non están no que senón no como e, como di o dito, o demo está nos detalles
As axudas asociadas ao vacún de carne serán de 90,25€ por vaca nodriza (99€ en caso de razas autóctonas), máis 32€ por cebar os tenreiros nacidos na propia explotación, para o que hai que ter un mínimo de 3 animais elexibles. Tamén se establece unha nova axuda de 75€/ha que cobrarán as ganderias ubicadas en zonas onde se producen frecuentes ataques do lobo, en función dun mapa que publicará a Consellería de Medio Ambiente.   “Na miña opinión as principais novidades non están no que, senón no como, é dicir, o método polo que se van facer efectivas as axudas, o chamado novo modelo de aplicación da PAC, no que cada Estado ten maior marxe de manobra e o que se vai valorar por parte da Comisión Europea é a consecución dos obxectivos propostos”, afirma Edelmiro. Acceso a dereitos da Reserva Nacional Os actuais dereitos de pago básico pasan todos automaticamente coas campanadas de fin de ano a ser dereitos de axuda básica á renda, que é a nova nomenclatura, e a cesión de dereitos sen terra vai penalizar agora máis, un 30%. Os dereitos das persoas que cesan a actividade nutren a Reserva Nacional, que os reasigna a outros produtores que os solicitan.
Existe a posibilidade de acceder a dereitos da Reserva Nacional en caso de ampliar a base territorial mediante algún sistema público de restruturación da superficie agraria
Ademais dos sistemas de acceso aos dereitos da Reserva Nacional que había previstos até o de agora, con prioridade para persoas mozas, mulleres e titulares de explotacións sen dereitos que exerzan a actividade con anterioridade ao ano 2015, establécese un novo para aqueles titulares de explotacións que aumenten superficie a través das ferramentas previstas na Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia (aldeas modelo, polígonos agroforestais) ou que o fagan mediante arrendamento de fincas ao Banco de Terras. Posibilidade de incluír os pastos arbustivos Tal como está redactada a definición de pastos permanentes no Plan Estratéxico da PAC, ábrese a vía a unha aplicación menos restritiva da delimitación dos pastos arbustivos que na actualidade, xa que se indica que “poden incluír outras especies arbustivas e arbóreas que poden servir de pastos e outras especies tales como arbustos e árbores que producen alimentos para os animais, incluso se as herbas ou outras forraxes herbáceas non son predominantes ou non están presentes nesas terras”.
Esta posibilidade de incluír os pastos arbustivos e pastos baixo arboredo son unha vella demanda de moitos produtores de carne, sobre todo en zonas de montaña en Galicia
“Está por ver o que sucede finalmente, pero a redacción incluída no Plan Estratéxico da PAC de España permite non ser tan restritivo como na actualidade para o coeficiente de admisibilidade de pastos”, asegura Edelmiro. Neste momento faltan aínda por publicar algúns reais decretos, así como a propia lei da PAC, que se prevé para finais deste ano, e que teñen que acabar de perfilar algúns aspectos concretos da normativa, entre eles este. No caso de facer un aproveitamento individual de parcelas de monte comunal, esas superficies deberían ser declaradas individualmente, con identificación de polígono e parcela, por parte da persoa que a traballa, e non ser declaradas como aproveitamento comunal por parte da CMVMC correspondente. Canto vale unha vaca? Pois depende para que. O Plan Estratéxico español copia o modelo establecido xa noutros países de fixar dous baremos diferentes para as axudas do primeiro e do segundo Pilar, de maneira que, por exemplo, unha vaca nutriz de máis de dous anos contaría como 1 UGM para os eco-reximes e sen embargo unicamente como 0,8 UGM para as axudas agroambientais. 
O mesmo número de cabezas computan dun xeito ou doutro en función da axuda da que se trate, cunha táboa de conversión diferente para as axudas directas e outra para as medidas de desenvolvemento rural
Esta dobre asignación aparecerá recollida nun dos reais decretos que faltan por aprobar antes de final de ano, no que se incluirán dúas táboas de conversión a UGM dos distintos tipos de gando dunha explotación (recría en función do sexo e a idade, vacas e touros). Eco-reximes Un dos eco-reximes que mellor se adaptan ao sistema de alimentación e manexo do gando vacún de carne en Galicia é o de pastoreo extensivo, que obriga a que os animais pazan un mínimo de 6 horas ao día durante 120 días cunha carga gandeira de entre 0,4 e 4 UGM por hectárea. Esta cifra sairía de dividir a superficie que realmente se destina a pastoreo entre o número de animais que o realizan de xeito efectivo.
Os eco-reximes son pagos por prácticas de carácter anual que non esixen permanencia e pódense ter distintos eco-reximes na mesma explotación, pero non na mesma parcela
Nos eco-reximes de mantemento de biodiversidade e sega sostible non caben pastos arbustivos ou baixo arborado; son só para pradeiras ou pasteiros. Ademais, a sega sostible é incompatible con fincas destinadas a herba seca, xa que os meses nos que non se podería segar son precisamente os de xullo e agosto. Máis fondos para desenvolvemento rural Formalmente deixa de existir o PDR de Galicia e está integrado no Plan Estratéxico da PAC de España, pero o deseño e xestión segue a ser a nivel de comunidade autónoma. Para o novo período 2023-2027 Galicia vai dispoñer dunha cantidade de fondos europeos similar ou lixeiramente superior á do período anterior, pero o novo Regulamento europeo obriga a poñer máis fondos ao resto de Administracións públicas (Xunta e Estado) para a súa parte de cofinanciamento, polo que o conxunto de fondos públicos totais mobilizados vai ser un 8% superior ao anterior período, un aumento de fondos que se concentra sobre todo no período transitorio 2021-2022. Axudas agroambientais do segundo Pilar No segundo Pilar da PAC, onde a planificación, deseño e execución das medidas corresponde a cada comunidade autónoma, engádense unha serie de axudas agroambientais, que se pagan a cambio de compromisos beneficiosos para o medio ambiente. No caso das establecidas pola Xunta de Galicia, algunhas delas son novidosas, como as previstas para zonas con ataques recurrentes do lobo.
As axudas agroambientais esixen un compromiso de 5 anos e son compatibles co cobro dos eco-reximes, pero haberá que demostrar o non solapamento
Para estas axudas agroambientais e silvoambientais vai haber un incremento significativo de fondos con respecto ao período anterior, no que houbera un descenso notable. Así, dentro da programación de desenvolvemento rural de Galicia 2023-2027, a Xunta destina a estas axudas agroambientais un total de 32 millóns de euros anuais, o que representa unha quinta parte do conxunto do programa. O importe dalgúns destes pagos anuais a explotacións incluídos nas medidas de desenvolvemento rural de Galicia, dentro do segundo Pilar da PAC, serían:
  • Zonas con limitacións naturais: 155€/ha
  • Conversión pastos e cultivos forraxeiros en gandería ecolóxica: 433€/ha
  • Mantemento de pastos e cultivos forraxeiros en gandería ecolóxica: 361€/ha
  • Conversión pastos arbustivos e arborados en gandería ecolóxica: 122€/ha
  • Mantemento pastos arbustivos e arborados en gandería ecolóxica: 107€/ha
  • Razas autóctonas en perigo de extinción: 200€/UGM
  • Cultivos sostibles forraxeiros: 150€/ha
  • Cultivos sostibles extensivos: 180€/ha
  • Extensificación pastos: 110€/ha
  • Extensificación pastos arbustivos e arborados: 80€/ha
  • Complemento convivencia co lobo: 75€/ha
Nas axudas agroambientais aumenta a contía global dos fondos, aínda que algunha das partidas concretas sufre recortes, como nas axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN), que no período 2023-2027 só se van pagar en zonas de montaña. A axuda é de 155€/ha, cun coeficiente de degresividade en función da superficie. A superficie indemnizable mínima é de 2 ha e a carga gandeira mínima de 0,7 UGM/ha.
As axudas a zonas con limitacións naturais (155€/ha) só se van pagar nas zonas de montaña
En canto ás razas autóctonas gandeiras en perigo de extinción, establécese unha axuda de 200€ por UGM para cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa en bovino; ovella galega; cabra galega; cabalo pura raza galega; porco celta e galiña de Mos.
A axuda agroambiental para razas autóctonas pasa de 175 a 200€ por UGM e elimínase o compromiso de carga gandeira
Na axuda por extensificación, destinada ao fomento e xestión sostible dos pastos, hai que manter polo menos o 70% da explotación a pastos, facer fertilización orgánica e non aplicar herbicidas. Unicamente se pode laborear para a renovación das pradeiras cando cumpren o seu ciclo produtivo. Para cobrar o complemento de 75€/ha (até un máximo de 50 ha) por convivencia co lobo hai que ter máis de 15 UGM e establecer sistemas de vixilancia ou coidado do gando. Segue sen haber compensación para os gandeiros en Rede Natura As axudas do segundo Pilar para zonas de Rede Natura non se van poder cobrar tampouco neste novo período da PAC porque en Galicia non están establecidos os Plans de Ordenación de Recursos das zonas Rede Natura 2000 e, polo tanto, non se pode calcular o lucro cesante, é dicir a perda de ingresos que supón esa limitación natural. “Ten que haber un Plan de Ordenación de Recursos para cada unha das zonas delimitadas como Rede Natura, o actual Decreto de Delimitación non serve de sustento para realizar eses pagos”, asegura Edelmiro. Será necesario cubrir un caderno de explotación coas saídas do gando ao pasto Da filosofía proclamada pola Comisión Europea cando se iniciou o proceso de reforma cabería agardar na nova PAC unha redución da burocracia na tramitación, cun enfoque teórico máis dirixido a acadar resultados que ao mero cumprimento de normas, pero o resultado final dista moito desa realidade. O deseño da PAC que entra en vigor o vindeiro 1 de xaneiro vai complicar a xustificación das axudas percibidas por parte das ganderías, obrigando a controis telemáticos que recaerán sobre os produtores.
A maior complexidade da nova PAC fronte á actual deriva da aplicación e control dos eco-reximes
“O obxectivo fundamental das tres reformas anteriores da PAC tamén era a simplificación da carga burocrática, pero a experiencia das últimas décadas non invitan ao optimismo, senón máis ben ao contrario. Existe unha maior complexidade derivada da aplicación e control dos eco-reximes”, recoñece Edelmiro.
A Xunta está traballando nun caderno dixital que vai ser de descarga libre, sen custo para os gandeiros, que serán os encargados de cubrilo e mantelo actualizado
Para demostrar a realización de pastoreo extensivo co gando será necesario, por exemplo, cubrir un caderno de explotación coas datas das saídas do gando a cada parcela. “As pretensións iniciais do Ministerio era mesmo superiores, pois falaban de instalación de dispositivos GPS de localización do gando”, conta o profesor da USC.
Pasa a ser obrigatorio o control do cumplimento da condicionalidade reforzada por parte dos pequenos produtores
Do mesmo xeito, os pequenos produtores, que até agora estaban exentos á hora de demostrar o cumprimento da condicionalidade, a partir do vindeiro ano estarán sometidos a control no relativo á nova condicionalidade reforzada, ao igual que o resto de explotacións.  

“O obxectivo do Goberno foi non mover moito os marcos”

O Plan Estratéxico da PAC de España foi aprobado o pasado 31 de agosto pola Comisión Europea e neste momento está en proceso de publicación a normativa de aplicación española, vía lei e reais decretos, que se agardan antes de final de ano e que concretarán distintos aspectos pendentes para o reparto dos fondos. En euros correntes vai haber os mesmos cartos para o período 2023-2027 que houbo no período 2014-2020, o que na realidade implica unha redución do 10% en euros constantes. Pero todo depende da inflación e, se o escenario actual de alta inflación se prolonga moito do tempo, a redución en euros constantes vai ser moito maior.
Se mantemos a taxa de inflación actual, a caída de fondos da nova PAC en euros constantes vai ser superior ao 10%
Ponse en marcha un novo modelo de aplicación da PAC, que é unha das novidades. Cada Estado tivo que elaborar un Plan Estratéxico da PAC que engloba os dous pilares. Iso dalle máis autonomía a cada Estado e desde Bruxelas ponse máis énfase en acadar os resultados propostos que nas medidas a implementar para logralos. Presión das comunidades do sur de España O resultado final do Plan Estratéxico da PAC español estivo moi lastrado pola intención de manter o statu quo vixente, o mesmo que se fixo no período anterior. Pero vai haber cambios significativos nas liñas de axudas. Mantéñense os pagos asociados e a axuda complementaria a mozos e mozas, mentres o pago verde e o pago básico actual refúndense na nova axuda básica á renda. Sen embargo, na definición de agricultor activo o Goberno español tentou “non mover os marcos”, di Edelmiro. Para o novo período 2023-2027 está considerado agricultor activo aquel que estea dado de alta na Seguridade Social agraria por conta propia ou obteña cando menos o 25% dos seus ingresos da actividade agraria. “Pero ante a presión de Andalucía e das comunidades do Mediterráneo introduciuse finalmente unha excepción que fai que sexan tamén considerados agricultores activos todos aqueles beneficiarios de axudas directas que cobraron menos de 5.000€, o que fai que moi poucos perceptores actuais vaian deixar de selo”, indica. Este feito perturba o obxectivo da axuda redistributiva, por exemplo, así como o alcance da converxencia do valor dos dereitos.

O gando extensivo posiciónase como ferramenta clave contra os incendios na montaña galega

O Courel sufriu o pasado verán o maior incendio forestal da última década en Galicia, con máis de 11.700 hectáreas afectadas e unha aldea arrasada polo lume. O incendio levou por diante máis de 7.000 hectáreas de mato e arredor de 4.000 hectáreas arboradas, principalmente piñeirais pero tamén tocou algún souto de castiñeiros e zonas de frondosas. O avance das lapas só se detivo por completo nos pastos e prados, como constataron as ganderías e veciños da comarca. O papel que xogan os pastizais como cortalumes naturais posicionan á gandería extensiva como unha ferramenta clave para enfrontar os grandes incendios, uns incendios que nos últimos anos vense favorecidos por fenómenos meteorolóxicos extremos derivados do cambio climático (secas prolongadas, tormentas secas, etc.). Para divulgar esa potencialidade da gandería extensiva, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de organizar unha xornada no Courel na que se presentaron as experiencias de distintos produtores da comarca. O Courel, como outras zonas de montaña do interior de Lugo e Ourense, sufriu nas últimas décadas unha perda progresiva da actividade gandeira. Só desde o 2006 ó 2020, a comarca perdeu arredor dun 9% dos seus pastizais e terras agrarias, un declive moi superior ó doutras áreas rurais do sur de Lugo fóra da montaña.
O Courel perdeu un 9% dos seus pastizais e terras agrarias nos últimos 15 anos. Iso é un problema pero tamén abre oportunidades
Ese escenario é un problema, sobre todo no contexto de grandes incendios como o do Courel deste verán. Pero tamén presenta oportunidades, pois existe territorio no que se poden poñer en marcha novos proxectos de gandería extensiva. A xornada do Courel reuniu a distintos produtores de ganderías tanto da comarca como de zonas próximas, que contaron a súa experiencia. Foi o caso de José Antonio Vilariño, que xestiona unha gandería caldelá en Seceda (Folgoso do Courel) e Quiroga, de Lorena Rego (Folgoso) ou de Alejandro Salvatierra (Pontenova). Xornada da Sociedade Galega de Pastos en Seoane do Courel. / Imaxe: SGPF. O gando, ademais do seu interese económico como actividade laboral, xera tamén gran interese nos pobos da zona polo seu efecto de protección das aldeas fronte o lume. Na xornada, contouse a experiencia que veñen de iniciar os veciños de Vieiros (Folgoso do Courel) para manter con gando ovino os prados do entorno das vivendas. Outra aldea que se beneficia da actividade gandeira é Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), na que os prados que xestiona a única gandería do lugar foron decisivos para evitar que o lume do verán chegase ás casas. “Nós tiveramos xa preto un incendio no 2017 e a partir daquela decidimos rozar tódolos anos as fincas do entorno do pobo. Que sucedeu?. Que ao cabo dun par de anos démonos de conta de que ese sistema non era sostible, pois tódolos anos había que pagar para o desbroce, e en moitos casos había que pedirlle a veciños que vivían fóra que pagasen a súa parte”, conta Marcos Ferreira, un dos veciños do lugar.
"Démonos de conta de que pagar desbroces cada ano non era sostible para protexer a aldea e entón decidimos aumentar os pastizais" (Marcos Ferreira, Parada dos Montes)
“Entón foi cando vimos que o máis sinxelo sería controlar o mato co gando” -sinala Marcos-. “Coincidiu esa fase co lanzamento da figura de aldeas modelo por parte da Xunta, e a través de convertirnos en aldea modelo, tivemos apoio para cercados e para transformar as terras do entorno da aldea en zonas de pasto. Agora, coa aldea modelo, os veciños que cederon as súas terras, en vez de pagar polo desbroce, incluso cobran un pequeno aluguer que abona a gandería”. De cara ó futuro, para atraer novos proxectos gandeiros para as aldeas do Courel, Marcos sinala que, a parte de zonas de pasto, é fundamental ofrecer condicións atractivas a nivel de calidade de vida. “Precísanse servizos como bos accesos, internet ou saneamento”, destaca.

A altura do mato redúcese un 90% nas zonas controladas polo gando

O papel do gando para o control do pasto arbustivo (mato) é unha cuestión que se pon de manifesto tanto nas experiencias das ganderías como nas investigacións que se viñeron desenvolvendo nas últimas décadas. Un dos últimos ensaios fíxoo o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo na Finca Marco da Curra (Monfero, A Coruña) no periodo 2018-2021. Sobre parcelas de pasto arbustivo que se desbrozaron, instaláronse dous ensaios, un con bestas de pura raza galega e outro con cabras. En ambas parcelas mantivéronse ademais xaulas de exclusión, nas que non podían entrar os animais, para comparar a evolución do mato nas zonas pastoreadas e nas excluídas do pastoreo. O resultado foi o previsible. Nas zonas sen pastoreo, aumentaron as especies arbustivas e a altura do mato, mentres que nas zonas pastoreadas, o mato mantívose baixo e aumentaron as especies herbáceas.
A biomasa de parcelas sen gando acadou en 3 anos as 12 toneladas por hectárea, fronte ós 400 Kg. de parcelas pastoreadas
En números, ao remate do proxecto, desenvolvido entre o 2018 e o 2021, as zonas sen pastoreo acumulaban unha biomasa de materia seca equivalente a uns 12.000 Kg. / hectárea, en tanto nas zonas pastoreadas, a biomasa limitábase a arredor de 400 Kg. / hectárea, segundo detallou na xornada do Courel o investigador Santiago Crecente. En ambos casos, as terras foran desbrozadas antes do inicio do proxecto. Os resultados da investigación de Marco da Curra son similares á experiencia de ganderías da montaña galega, así como a investigacións anteriores, nas que se constataba que nas parcelas pastoreadas a altura do mato quedaba no entorno dos 15-20 centímetros, fronte ó 1,5 – 2 metros de media que chegaba a acadar en parcelas sen presenza do gando. De cara ó futuro, Marco da Curra ten previsto continuar con esta liña de proxectos. A intención é que o próximo ensaio sexa unha experiencia de pastoreo mixto, con cabras e bestas nas mesmas parcelas (de xeito secuencial ou non), pois iso permitiría un mellor control de todo o mato. Os cabalos adoitan deixar as silvas sen consumir, mentres que as cabras deixan os toxos, polo que ao combinar ambas especies, lógrase un mellor control de silvas e toxos, así como do resto do mato. En xesta e piorno, tanto cabalos como cabras demostráronse efectivos no seu control, igual que nas uces, que medran algo máis cos cabalos.
https://www.campogalego.gal/xente-quere-gando-para-protexer-aldeas/

“A xente quere gando para protexer as aldeas do lume”

Isabel Gómez vén de tomar o relevo de Joan Alibés á fronte da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Isabel, coñecida polo seu labor en Traloagro (Friol), unha gandería de vacún e polos en ecolóxico que ten o seu propio centro de transformación, cóntanos os seus obxectivos de traballo na asociación. Falamos tamén con ela de cuestións de actualidade, como a falta de fondos para a agricultura ecolóxica ou a nova PAC. - Con que idea te pos á fronte da Sociedade Galega de Pastos? - Cando mo propuxeron non dubidei, non é que lles debera obriga, pero si que a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes foi un apoio importante no desenvolvemento do noso proxecto (Traloagro). Hai creo que 7 anos que coñecín a Eloi Villada (o primeiro presidente da Sociedade Galega de Pastos) e desde entón foi un acompañamento, e en parte asesoramento tamén. Entón, pareceume importante continuar coa Sociedade, pero agora doutro xeito. Tamén me parecía importante que fose unha persoa do sector gandeiro quen continuase á fronte da Sociedade, para que se transmita cercanía e que se vexa que estamos aí para facer cousas como a xornada do Courel, na que estamos coñecendo experiencias de distintos tipos de pastoreo, de diferentes lugares. A idea da Sociedade Galega de Pastos é poder ter unha rede na que apoiarnos e aprender uns de outros.
"A idea da Sociedade Galega de Pastos é a de ter unha rede na que apoiarnos e aprender uns dos outros"
- Gustaríache que ese traballo de acompañamento de novos proxectos, como o que se fixo contigo, sexa un dos eixos da Sociedade? - Ese traballo de acompañamento é dos máis importantes, porque transmitir información e facer xornadas de divulgación é importante, pero que unha persoa se sinta acompañada e poida ver opcións doutras ganderías, é un apoio. Non se trata de asesoramento técnico, pero si dun apoio, emocional tamén, sobre todo cando comezas un proxecto novo. - Outra cuestión que tedes abordado na Sociedade é a necesidade de estar máis pendentes de cuestións de actualidade, como pode ser agora a falta de fondos para as axudas de agricultura ecolóxica. Como vedes esa falta de apoios para as ganderías en ecolóxico, como pode ser a túa propia? - Que non haxa esa previsión de fondos paréceme grave por parte da Administración e a súa obriga é intentar solventalo. Pero o peor que vexo de todo é a desconexión coa realidade. Se non hai apoios, evidentemente moita xente vaise volver atrás, xa que estamos ante un modo de produción máis custoso e que require un tempo de adaptación.
"Que non haxa fondos suficientes para a agricultura ecolóxica é grave, pero o peor é a desconexión coa realidade. Europa quere un 25% de terras en ecolóxico no 2030 e aquí iso non importa absolutamente nada"
Nos últimos anos, fíxose un esforzo desde o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega) e desde a propia Consellería para incentivar á xente a pasarse a ecolóxico. Non se entende que agora, despois de todo ese esforzo e da boa resposta que houbo entre os produtores, se retire a compensación económica. Pero o que máis me sorprende é que non se lle dea valor á produción en ecolóxico. Europa marca que para o 2030 temos que ter un 25% da superficie agraria cultivada en ecolóxico. É como se non se quixese ver iso e non importase absolutamente nada o incumprimento que imos ter. Desde a Sociedade Galega de Pastos estamos dirixíndonos a todas as institucións para pedir que haxa unha rectificación. - E como vedes o novo ciclo da PAC, que arranca no 2023. Apoiarase de xeito suficiente ás ganderías en extensivo? - Hai unha certa redirección das políticas agrarias para apoiar a gandería extensiva. Un dos ecorreximes, por exemplo, apoiará á gandería extensiva, pero ao mesmo tempo, vemos que se segue penalizando o aproveitamento de montes clasificados como pasto arbustivo. Falta moito aínda por avanzar para recoñecer o traballo ambiental da gandería extensiva, sen penalizala nas axudas.
"Falta moito por avanzar na PAC para recoñecer o traballo ambiental da gandería extensiva"
- Precisamente coa xornada do Courel, queredes poñer en valor a importancia da gandería como protección fronte ós incendios forestais. - É que na xornada estase vendo que a xente quere gando para protexer as aldeas dos lumes. Non só como complemento económico ou como actividade laboral, senón principalmente como protección para eles mesmos. Hai que darlle a importancia que ten ó pastoreo porque está demostrado que onde hai gando, ou non hai lumes ou son de menos intensidade. https://www.campogalego.gal/o-gando-extensivo-posicionase-como-ferramenta-clave-contra-os-incendios-na-montana-galega/