Archives

Importes provisionais das axudas asociadas para vacún de cebo 2023

O Fondo Español de Garantía Agraria, dependente do Ministerio de Agricultura, vén de concretar os importes provisionais das axudas para vacún de cebo, que quedan como segue:

Axuda asociada para o engorde de becerros na explotación de nacemento

Esta axuda está destinada ás granxas extensivas ou semiextensivas que realizan o cebo de becerros na explotación de nacemento do animal. Son necesarios un mínimo de 3 animais primables para cobrar a axuda. Agricultura reservou 12,3 millóns de euros no 2023 para esta prima. Concluído o ano, as comunidades autónomas comunicaron un total de 400.000 animais primables. A prima fixada é de 30,9 euros por animal. No caso galego, hai máis de 9.500 beneficiarios, cun total de 91.000 animais con dereito a prima. Galicia é a comunidade con máis granxas beneficiadas, lixeiramente por riba de Castilla y León, pero atópase por detrás da comunidade veciña no número total de animais cebados, pois en Castilla superáronse os 130.000.

Axuda asociada para o engorde sostible de becerros

O Ministerio destinou 25,9 millóns de euros para apoiar o engorde de becerros en cebadeiros, é dicir en explotacións que adquiren os animais para o seu acabado. Pechado o 2023, as comunidades autónomas comunicaron un total de 1,5 millóns de animais primables, dos que algo máis de 53.000 corresponden a Galicia. No cebo de becerros destacan Aragón, Cataluña, Castilla y León e Castilla La Mancha. Entre as catro comunidades suman máis dun millón de animais cebados. A prima fixada é de 18,6 euros por animal para os primeiros 600 animais e de 9,3 euros para o treito de 600 a 1.400 animais. Galicia rexistrou 850 solicitudes no primeiro treito, con 46.700 becerros, e 19 no segundo, con 6.450. Con estos importes unitarios, poderase facer un primeiro pago da axuda asociada, dun máximo do 90% do total. O segundo pago, ata completar o 100% poderase facer en abril, unha vez pechados de xeito definitivo todos os datos. Pódense consultar as cifras provisionais neste documento.

Real Buey Casamado, carne de boi en base a pasto

En Casamado, de Goiriz, a gandaría sempre foi un medio de vida que levou a esta familia a ter grandes recoñecementos. Cunha longa traxectoria como criadores de Blonde de Aquitania, o futuro desta explotación dividíuse nos últimos anos en dous camiños, sumando así a cría de bois. En Real Buey Casamado contan a día de hoxe cun total de 48 bois repartidos polas 50 hectáreas das que dispoñen para a súa alimentación. Dende o seu nacemento, fai preto dunha década, nesta explotación foron producíndose cambios para facela máis viable de cara a un futuro. Esta sostibilidade, a día de hoxe, pasa por ser eficientes na alimentación e ao mesmo tempo conseguir unha máxima calidade nos canais. Javier Paz, terceira xeración de Casamado, ve no pasto o modelo para chegar a este fin. A granxa aposta por bois de raza minhota porque, según Javier Paz, teñen un bo equilibrio entre calidades e rendemento da canal. “Decantámonos por esta raza porque é o que demanda o mercado, un animal con bos rendimentos e con boa infiltración de graxa” comenta Javier. Esta é unha variante que comparte orixe coa Rubia Galega pero que ao longo dos anos evolucionou en camiños diferentes, sendo animais moi apreciados dentro do vacún maior. Bois nos pastos De volta ós pastos, a alimentacíón ten como eixo central a herba, sendo a única comida durante os primeiros catro ou cinco anos. “Para facer viable a explotación queremos que a base da alimentación sexa o pastoreo e complementalo con silo de herba cando sexa necesario” comenta Javier. En Real Buey Casamado apostan por mudar cara a un pastoreo rexenerativo, aumentando as cargas gandeiras en curtos períodos de tempo e así conseguir mellores pradeiras. Con este manexo buscan aumentar o valor nutricional do pasto e que os animais cheguen á última fase con maior peso. Periodicamente, os bois pasan por unha báscula na que se van vendo as evolucións de cada animal e así selecionar o momento óptimo para pasar á seguinte fase. Neste último paso, entran a unha zona estabulada, con cama de palla e alimentación específica. Aquí, actualmente a base é o silo de herba, silo de millo e gran húmido. Xunto con esto, en Real Buey Casamado están probando un concentrado que incorpora aceites vexetais para favorecer a infiltración, “necesaria para as maduracións tan longas que se están a facer nestes momentos” explica Javier. O manexo das pradeiras nesta zona é complicado por ser moi chá e deste xeito acumular moita humidade, ainda con poucas chuvias. “Un punto no que temos que mellorar é no ensilado, porque cando podemos entrar a herba xa e moi grande e perdeu valor nutritivo. Queremos cortar cando sexa máis baixa e así eliminar o silo de millo na fase de cebo, quedandonos soamente co silo de herba e o gran húmido” apunta Javier. Bois en fase de cebo. Un terceiro piar no que traballan é a comercialización. Recorda Javier que “nun principio empezamos coa idea de vender catro bois cada mes pero estábamos sobredimensionados. Cos precios de mercado, para ser rentables necesitabamos esta produción pero dímonos de conta de que sendo pequenos poderiamos ser máis rendibles. Nunca chegaríamos a competir coa industria, necesitábamos ofrecer un producto de calidade e diferenciado. Agora estamos sacando nove bois por ano, pero apostamos por sacar ao mercado un producto de máxima calidade”.
“Démonos de conta de que sendo máis pequenos, podiamos ser máis rendibles. Apostamos por sacar só 9 bois ó ano, pero para un mercado de máxima calidade”
A súa produción conta cunha carteira de clientes estable, cos que comercializan costelares, hamburguesas e embutidos, que chegan á alta restauración. Proba da calidade producida nos pastos de Goiriz é que Lucia Freitas, propietaria dos restaurantes A Tafona e Lume e galardoada cunha estrela Michelin, aposta pola carne de Real Buey Casamado. Así é que coa súa Galicia Japan burguer conseguiu o terceiro posto no Campeonato de España de Hamburguesas. De cara a un futuro Lucia Freitas e Real Buey Casamado estan traballando en novos proxectos de comercialización. Boi proximamente comercializable.

Visitas a ganderías de Asturias e Cantabria

A visita a Casamado foi o punto e final dunha viaxe formativa sobre a producción de carne a pasto na Cornixa cantábrica. Este evento, promovido polo grupo operativo autonómico de Carne de Vacún a Pasto, tiña como obxetivo contactar con gandarías nas que se está a producir carne cun mínimo de concentrado. Para isto era preciso ver modelos de manexo de pasto e animais. A actividade desenrolouse durante 3 días por distintas granxas de Asturias e Cantabria.
"A carne criada en base a pasto é un produto diferente que esixe un manexo distinto, pero non perde calidade e textura se se fan as cousas ben" (Xan Pouliquen)
Xa de volta, nunha reunión na sede da cooperativa Almoga, en Vilalba, os gandeiros puxeron en común as posibilidades de producir carne con pasto. Xan Pouliquen, coordinador desta viaxe salienta que “é posible ou polo menos paga a pena ver as posibilidades deste modo de produción. É factible pero para iso é necesario un manexo específico dos animais e das pradeiras”. Un momento da recente visita de gandeiros galegos a Casamado. Nesta reunión tamén sairon a debate ideas e mitos acerca da calidade deste tipo de carne, na que os animais non pasan por cebadeiro. “A conclusión foi a de que é un produto diferente que necesita un manexo diferente, pero que non perde calidade nin textura sempre e cando se fagan as cousas ben”comenta Xan.

Galicia renuncia a abatir lobos, mentres Asturias e Cantabria actúan para reactivar as extraccións

A inclusión do lobo no Listado de Especies en Protección Especial (Lespre), a partir de setembro do 2021, complicou o control de lobos en zonas con elevados danos ó gando. Ata daquela, entre Asturias e Cantabria viña executándose a extracción anual de arredor de 40 lobos, ben por medio de actuacións dos axentes ambientais, ben pola caza do cánido en batidas de xabarín que tiñan permitido abatir lobos. Desde o 2021, ambas comunidades traballan para reactivar as extraccións, que se esperan inminentes. A actual normativa que protexe ó lobo establece que as comunidades autónomas poderán autorizar extraccións “cando non exista outra solución satisfactoria”. É dicir, a normativa permite os controis se se demostra que nunha zona con elevados danos ó gando, as explotacións afectadas por ataques tiñan “aplicado axeitadamente medidas preventivas ou de protección do gando, e estas resultaron ineficaces”. A autorización farase sempre co matiz de que a extracción “non afecte negativamente ó estado de conservación favorable da especie”. O caso cántabro Sobre esa base, Cantabria procedeu a autorizar en xuño do 2022 extraccións de lobos en áreas problemáticas, se ben a medida foi logo suspendida de xeito cautelar polo Tribunal Superior de Justicia de Cantabria, previa denuncia dun colectivo ambientalista. O caso pechouse finalmente no mes de maio do 2023, desestimando o Tribunal a denuncia contra a autorización de extraccións, polo que se agarda que o Goberno cántabro volva a decretar autorizacións de extracción nas próximas semanas. O sector agrario da comunidade advirte de que os danos do lobo sobre o gando disparáronse no último ano, pois houbo máis de 2.400 reses mortas no 2022, segundo os datos oficiais, cando no 2020 foran pouco máis de 1.800. Así as cousas, as organizacións agrarias instaron esta primavera ó Ministerio de Transición Ecolóxica a axilizar os informes preceptivos que ten que emitir sobre a petición de autorizacións de extraccións. Son informes non vinculantes, pero en tanto non estean emitidos, o Goberno cántabro vese imposibilitado de decretar as autorizacións. Asturias En Asturias, o Goberno rexional aprobou tamén a extracción de lobos no Parque Nacional de Picos de Europa no verán do 2022, se ben o proceso está a retrasarse por choques entre o Goberno asturiano e o Ministerio de Transición Ecolóxica, que demanda garantías adicionais que demostren que a extracción non afectará negativamente á conservación da especie. Entre tanto, está a aumentar a conflictividade social, chegándose ó punto de que apareceron dúas cabezas de lobo na porta dun Concello o mesmo día da visita ó consistorio do presidente rexional. En Picos de Europa, os datos do Parque Nacional revelan que ata o 2021 viñan abatíndose unha media de 8 lobos ó ano, a metade por acción de axentes ambientais e a outra metade en batidas de xabarín. Esa cifra de 8 lobos / ano estímase que era un 20% da poboación do Parque, sen que se detectase un empeoramento dos censos da especie. Si que se recoñece que con extraccións do 30% dos exemplares, a especie vía reducida lixeiramente a súa reproducción, pero indícase que esa situación recuperábase en só dúas campañas, polo que se conclúe que o lobo ten unha alta resiliencia e capacidade reprodutiva, o que permite compatibilizar as extraccións coa conservación da especie. Situación en Galicia O caso de Galicia é distinto, pois na práctica a caza legal do lobo a penas era operativa na comunidade. Só se permitía a caza do lobo en batidas específicas por danos, con escasos resultados. Entre o 2010 e o 2020 abatíronse 11 exemplares en 60 batidas permitidas por danos ó gando, segundo os datos da Xunta. Por que ese escaso control do lobo en Galicia?. As dificultades que ten a caza do lobo en batidas específicas, pois trátase dun animal moi esquivo, xunto coa contestación animalista que tivo algunha das batidas por danos organizadas, facían que houbese poucas solicitudes de control de danos da especie cada ano. No sector, dáse como probable unha importante caza furtiva ou control furtivo con métodos ilegais, como velenos, como principal vía de control poboacional da especie. Co aumento de protección da especie, as batidas xa non semellan unha opción, se ben si sería posible que Galicia puxera en marcha protocolos como os establecidos en Asturias ou Cantabria. No caso cántabro, o Goberno decretou que as extraccións autorizadas de lobos deberían ser executadas por axentes do medio natural, ben en esperas -que poden ser nocturnas, con uso de focos, visores nocturnos e produtos atraíntes-, ben en batidas, cun máximo de 10 axentes armados e 30 participantes colaboradores (non armados), previamente autorizados. Consultada por Campo Galego, a Consellería de Medio Ambiente confirma que descarta aplicar controis do lobo en Galicia.

O agro demanda controis e apoio a medidas preventivas eficaces

O sector agrario en Galicia é partidario de que a Xunta proceda a executar controis en situacións de danos reiterados nos que se demostre un censo elevado de lobos na zona. “En Galicia, a caza nunca foi un instrumento de control poboacional do lobo, pero si que é necesaria para executar controis en zonas de elevados danos sobre o gando, onde fallasen os métodos preventivos”, valora o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.
"En Galicia o lobo está a achegarse ás zonas habitadas. Estamos xogando á ruleta rusa" (Jacobo Feijoo)
“Estamos vendo zonas, como a Mariña lucense ou as Mariñas coruñesas, nas que as mortes de gando e cans prodúcense en terras preto das zonas habitadas. Esa situación hai que xestionala, pois o lobo tamén é un risco obxectivo para as persoas, sobre todo nenos ou persoas maiores. No pasado houbo mortes por ataques de lobos en Galicia -a última nos anos 80- e se perdemos un instrumento de control para afastar ó lobo do ser humano, estamos xogando á ruleta rusa”, sostén Jacobo Feijoo. Os problemas co lobo danse nun ciclo no que as políticas europeas promoven a extensificación do gando, o que aumenta os riscos de danos ós animais. “A parte dos controis, é preciso xestionar suficientes axudas para métodos de prevención e actualizar os criterios de indemnización, pois hai moitos animais, como xatos pequenos ou cabalos que quedan fóra das axudas porque non se atopan os corpos. Hai que buscar un sistema para compensar esas perdas, xa que os danos do lobo en Galicia están moi subestimados”, cuestiona. En Galicia, no último ano Medio Ambiente computou 2.436 reses mortas, unha cifra similar á cantabra, que ten catro veces menos lobos que Galicia. Medidas de prevención Joan Alibés, gandeiro de ovino e asesor especializado na prevención de ataques de lobo, é da opinión de que os controis do lobo non son unha solución, se ben considera que se outras comunidades teñen capacidade para facelos, Medio Ambiente tería que seguir ese camiño. “Se o gran cabalo de batalla da Consellería era que o Lespre non permitía extraccións e outras comunidades actúan para facelas, habería que concluír que os controis poden facerse pero que en Galicia non se queren facer”, valora.
"O lóxico sería que as ganderías contasen cunha convocatoria bianual de apoios a medidas de prevención, con prazos de execución razoables e fondos suficientes" (Joan Alibés)
A prioridade de acción para Joan Alibés pasa por destinar fondos suficientes para as medidas de prevención, con prazos de execución razoables. “Sería preciso, por exemplo, un sistema de convocatoria bianual de axudas, pois estes últimos anos, cando Medio Ambiente resolve as axudas de prevención, na parte final do ano, os gandeiros vense sen prazo para a compra de mastíns. E peor é o caso daqueles que queren executar un valado fixo, pois non hai tempo material no prazo que deixa a Consellería”, conclúe. Alibés incide ademais na necesidade dun asesoramento especializado na prevención de danos do lobo e lamenta que a Xunta renunciara ós 4,3 millóns de euros que o Goberno central tiña previsto destinar a medidas de prevención de danos en Galicia. A decisión da Xunta de non asinar a estratexia do lobo do Goberno central deixouna fóra do reparto de apoios.

Ternera Gallega aborda posibles cambios de regulamento

Este xoves, o Consello Regulador das IXPs de Vacún de Galicia reunirase para abrir o ‘melón’ do cambio de normativa de Ternera Gallega. É un asunto que estaba sobre a mesa, como xa adiantara a Xunta o pasado outono. Agora, logo de celebradas as eleccións ós consellos reguladores, toca escoitar ós representantes votados por gandeiros, industrias e cebadeiros. Sobre os posibles cambios, o director xeral de Gandaría, José Balseiros, avanzara en decembro dúas cuestións polémicas: endurecer a obriga do acabado final dos becerros, cos animais acortellados, e a introdución dun protocolo de manexo que incluiría cuestións como a programación de partos. Na reunión do xoves, espérase que as distintas partes presenten as súas propostas para a IXP, sobre as que haberá que chegar a acordos. “O positivo é que ningunha parte da IXP ten a maioría por si soa, nin gandeiros nin industrias nin cebadeiros, polo que teremos que chegar a acordos”, valora o vicepresidente do Consello Regulador polo sector produtor, José Ramón González, de Unións Agrarias, que hoxe ofreceu unha rolda de prensa para presentar as propostas de Unións sobre Ternera Gallega. En resumo, as cuestións principais que defende Unións Agrarias son as seguintes: - Garantir un prezo da carne que cubra os custos de produción. Unións valora en positivo o protocolo asinado en marzo do 2022 entre organizacións do agro, industrias e cadeas de distribución, que permitiu desde aquela elevar o prezo no campo en arredor de 1 euro. “Pasamos dunha media de 4,70 en Suprema no 2021 a 5,70 euros no 2022 e hoxe estamos por riba dos 6 euros”, sinala José Ramón González, que recoñece que esa mellora é insuficiente, dada a suba dos custos de produción. “Para mellorar o prezo, o reto pasa por aumentar a comercialización da carne de Ternera Gallega fóra de Galicia. Hoxe en día o 55 – 60% da carne da IXP véndese en Galicia e temos que avanzar máis noutros mercados do resto de España, en especial en segmentos que proporcionen maior valor engadido, como a restauración. Aquí en Galicia non podemos subirlle máis a carne ó consumidor porque baixaría o consumo”, advirte González.
"Temos que abrir máis mercados en España, en zonas como Levante, e en especial na restauración"
“En España, estamos xa moi presentes en puntos como Madrid ou Barcelona, pero noutros queda moito por avanzar, como o Levante, cunha gran demanda turística”, opina. - Compromiso da industria para aumentar a transformación e comercialización de carne da IXP Ternera Gallega. “Ten que haber un compromiso da industria coa IXP. Poño o exemplo das denominacións de orixe de viño. En ningunha D.O. galega as adegas que están na Denominación poden mercar uvas de fóra da Denominación. En Ternera Gallega deberiamos facer o mesmo e que as industrias que estean na IXP estean de verdade comprometidas coa IXP” -opina González-. “Se non están dispostas a iso, a solución é permitir o despiece dos canais de Ternera Gallega en industrias de fóra, que están interesadas en traballar con nós”.
"Ningunha adega galega que estea nunha Denominación de Orixe pode mercar uvas de fóra da D.O. As industrias de Ternera Gallega deberían asumir o mesmo compromiso"
Ata agora, a IXP ten autorizado o fileteado en industrias de fóra da comunidade, pero non o despiece das canais. - Homoxeneizar a oferta da carne de Ternera Gallega Suprema no mercado. Unións Agrarias é partidaria de que se lle permita flexibilidade ás granxas no acabado final, de xeito que cada unha se adapte as súas circunstancias, pero si aposta por esixir unha maior homoxeneidade dos canais. “Para entrar en Ternera Gallega Suprema, os canais teñen que ter un mínimo de engraxamento, que se ten que esixir, de acordo cunha carne ‘premium’ como a nosa, e un máximo de peso”, opina. “Tamén podemos valorar se interesa establecer distintas categorías comerciais de Suprema, en función do manexo que tivera o animal. Se hai un manexo que se demostre que obtén carne de mellor calidade, é interesante posicionar esa carne”, sinala. - Uniformizar o faenado dos canais e reforzar os controis de pesos nos matadeiros.

“Está fóra de lugar pensar en marcar razas como ‘salers’ ou ‘limusin’ en Ternera Gallega”

Outro dos posibles cambios do regulamento de Ternera Gallega sobre o que se vén falando nos últimos meses é a posible entrada de novas razas na IXP, como ‘salers’, ‘limusin’ e outras. Preguntado sobre esta cuestión, González é contundente: “É unha barbaridade. En primeiro lugar porque ese cambio tería que ser aprobado por Bruxelas e a ver como se lle explica a Bruxelas que queremos ser unha IXP de carne galega cunha raza francesa”.
"Sería difícil de explicar en Bruxelas que queremos ser unha IXP de carne galega cunha raza francesa"
Para González, o camiño da IXP pasa por potenciar a Rubia Galega, cos seus cruces, e as razas autóctonas. “Ese é tamén o noso forte a nivel de marketing. Podo estar de acordo en que é preciso avanzar máis na xenética da Rubia Galega, pero tamén hai que dicir que algúns problemas tradicionais da raza, como o problema de partos que adoitaba ter a Rubia Galega, xa o temos resolto os produtores cos touros limusin, por exemplo”, valora. “Se nos miramos no mundo do viño en Galicia, un sector que durante anos fixo as cousas ben, a súa aposta foi a de producir viños en base a uvas autóctonas, non con variedades foráneas”, remata. ¿Programación de partos? Unha liña de traballo de Ternera Gallega desde hai anos é a de fomentar a programación de partos das vacas, coa idea de reforzar a oferta de Ternera Gallega Suprema nos meses de verán, cando hai máis demanda. En decembro, o director xeral de Gandaría, José Balseiros, plantexou a posibilidade de que se inclúa a obrigatoriedade da programación de partos no manual de calidade da IXP, pero é unha cuestión sobre a que González amósase escéptico.
"A programación de partos véxoa complicada. Son máis partidario de que Ternera Gallega complemente a Suprema nos meses de verán"
“Como produtor, e isto poderacho dicir calquera gandeiro, é moi complicado ir contra a natureza. Pódense facer cousas de programación de partos, pero son máis partidario de pensar en que a oferta da IXP no verán se reforce con Ternera Gallega onde a Suprema non ten capacidade de chegar”.
"Non entendo que algúns produtores queiran enfrontar a Suprema con Ternera Gallega. Ternera Gallega é un complemento que nos permite manter mercados en meses en que a oferta de Suprema é escasa"
González afonda na cuestión do mercado: “Temos que pensar en Ternera Gallega convencional como un complemento da Suprema. Non entendo a postura dalgúns produtores de Suprema de pensar que teñen que enfrontarse a Ternera Gallega, cando é unha carne que nos complementa e que necesitamos para abastecer ós mercados”, opina.

“Un becerro como o do prezo récord de Silleda sae un de cada moitos”

O becerro que acadou esta semana o prezo récord na Lonxa de Silleda era un animal cruzado procedente dunha gandería de Mesía (A Coruña). “A nai é unha vaca cruzada de Rubía Galega e Frisón, e o pai un touro Limousín”, explica o gandeiro, Alberto Hernández. “Este becerro gustábame moito porque tiña moito corpo e pouca pata. Era moi bo de corpo, non era culón pero era completo de adiante a atrás, con bos lomos. De feito, a intención inicial miña era deixalo para semental da gandería, por iso non o vendín antes dos 10 meses, como fago co resto dos becerros, que están inscritos en Ternera Gallega Suprema”, sinala. O cambio de idea sobre o destino do animal debeuse ás dúbidas sobre a súa aptitude para semental: “Quizais non fose o suficientemente manso, vinlle algún amago que non me gustou, e por outro lado tamén desconfiaba de que un animal das súas características me levase a problemas de partos nas vacas”. Así as cousas, o animal chegou case ata os 12 meses, cun bo desenvolvemento que se explica por varios factores, por un lado a súa nai era unha boa produtora de leite, e por outra banda viñeron unha boa primavera e verán, con moito pasto a disposición do gando. “Pero era un ternero que se diferenciaba dos outros. Coa mesma idade, aumentaba máis de corpo que os outros. Un becerro como este sae de vez en cando, un de cada moitos”, valora Alberto. O animal na Lonxa de Silleda, o pasado martes. O becerro estivo nos pastos ata preto dos 8 meses, cando se destetou e pasou á nave, onde permaneceu ata que faltaban uns días para chegar ós 12 meses, momento no que foi levado á Lonxa de Silleda. “Para o cebo, a parte de herba seca ou palla, téñolles a libre disposición penso granulado e millo moído, aproximadamente chega a ser metade e metade de penso e millo en mestura, quizais algo máis de millo, pero sempre controlando ós animais, xa que un exceso de millo pode xerar en ocasións diarrea”, apunta.
"Estamos na gandería porque nos gusta, que ninguén pense que isto é un negocio. Sempre hai problemas, un animal ata que o ves vendido, é unha historia" (Alberto Hernández)
O resultado foi un animal que “calculo que podía rondar os 500 Kg. de peso en vivo”. Sobre el precio alcanzado en Silleda, el ganadero señala que "sae así un de cando en cando, que ninguén pense que a gandería de carne é negocio. Estamos nisto porque nos gusta” -destaca Alberto-. “Os pensos subiron, o gasóleo e os plásticos de ensilar tamén e sempre poden aparecer problemas ou enfermidades nos animais. Se non houbese problemas, a gandería sería moi bonita, pero sempre hai problemas. Un animal ata que o ves vendido, é unha historia”, conclúe. Ata hai cousa dun ano, Alberto adicouse tamén á cría de bois, chegou a ter máis de 15, pero finalmente abandonou esa orientación “porque non era rendible”, conta. “Podía ser rendible para o restaurante ou para algún intermediario, pero para min non era”, analiza. Bois de cruces con cacheno. A súa gandería conta na actualidade con arredor de 60 vacas nunha superficie dunhas 25-30 hectáreas. “A maioría son vacas cruzadas con parte de xenética de Rubia Galega, limusín e algunha Asturiana”. Tanto os animais como os terneros están de xeito permanente nos prados, se ben na época en que non hai pastos, teñen aporte diario de silo de herba e de herba seca ou palla. Lobo Ese manexo ó aire libre depara de vez en cando encontronazos co lobo. Este pasado outono, a granxa perdeu un ternero, e anos atrás tamén perdeu unha xovenca durante o parto, momento que aproveitaron os lobos para matala e comer a cría. Dado que as terras onde están as vacas limitan cunha estrada con alto volume de tráfico, Alberto descarta a posibilidade de introducir un mastín como método de prevención, xa que o can podería invadir a estrada próxima. “Son animais que funcionan ben, coñezo outras granxas que os teñen e alí non entra nada, pero no meu caso non é aplicable”, resume. https://www.campogalego.gal/abrese-o-prazo-para-solicitar-axudas-excepcionais-da-xunta-para-compensar-suba-dos-custos-dos-produtores-de-carne/

Medio Rural anuncia a próxima presentación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha reunión en Lugo coa asociación Gandeiros Galegos de Suprema co obxectivo de presentarlles as liñas de traballo da súa Consellería para o sector. González destacou a próxima presentación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico e lembrou os 17 millóns de euros de axudas directas que habilitou a Xunta para o sector da carne. As axudas da Xunta, que complementan ás do Goberno central, puideron solicitarse mediante anticipo bancario -sen custo para as granxas- ata o pasado 15 de setembro. As explotacións que non solicitaran o anticipo poderán igualmente pedir a axuda na convocatoria que sairá no 2023. Marco estatal de axudas A este respecto, o ministro de Agricultura, Luis Planas, recordou onte nunha rolda de prensa que tódalas comunidades autónomas poden destinar ata un 5% dos fondos non gastados de desenvolvemento rural para axudas suplementarias ós sectores afectados polo aumento de custos de produción. En canto ás axudas estatais pola crise, que se pagan por defecto a tódalas explotacións sen necesidade de solicitude previa, Planas incidiu en que ten a disposición das comunidades os fondos correspondentes ás axudas para gandería. O ministro advertiu de que hai comunidades que aínda non abonaron eses fondos e puxo énfase en que “teñen que estar pagados antes do 30 de setembro”. Campaña de Ternera Gallega Na xuntanza do conselleiro en Lugo, abordouse tamén a campaña de promoción de Ternera Gallega Suprema que se lanzará este outono a nivel estatal. A iniciativa contará cun orzamento de 1,4 millóns de euros, a metade aportados pola Xunta. A maiores, na reunión tratáronse outras liñas de traballo, como o protocolo de entendemento asinado por toda a cadea en marzo deste ano para rematar coa venda a perdas da carne. González, por último, quixo poñer en valor as posibilidades que ofrece a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia para aumentar a base territorial das explotacións. O conselleiro sinalou que se están a mobilizar xa 9.300 hectáreas a través de 21 aldeas modelo e outros 21 polígonos agroforestais en distintas fases de execución. Tamén se referiu ó plan de pasteiros en montes veciñais, que prevé habilitar 2.250 hectáreas de pastos en catro fases.

A gandería de vacún de carne bordea o K.O

As granxas de vacún de carne acumulan unha sucesión de duros golpes nos últimos dous anos. Primeiro foi a Covid, no primeiro trimestre do 2020, que tirou cos prezos dos becerros. Logo, o aumento de custos, en especial dos pensos de ceba, sen que os prezos do gando se chegasen a recuperar, e a iso hai que sumarlle o aumento dos problemas coa fauna salvaxe. O diagnóstico é claro, pero a ausencia de medidas para enfrontar a situación deixa ás granxas ó borde do KO. En demanda de medidas, Unións Agrarias está a promover unha campaña de concentracións comarcais. Tralos actos celebrados en Santiago, Lugo e Ortigueira, este último o pasado venres, Unións prevé este mércores unha nova concentración en Ourense. O obxectivo da organización agraria é que as Administracións poñan solucións enriba da mesa.
"Cebar e vender un becerro a final do 2021 supón para as granxas unha perda de 200 euros en comparación con hai 2 anos" (José Ramón González, Unións Agrarias)
“Cebar un becerro a final do 2021 representa para as granxas un custo engadido de 200 euros, en comparación con xaneiro do 2020” -explica José Ramón González, responsable de Gandería Extensiva na organización agraria-. “O aumento de custos, sobre todo penso, pero tamén gasóleo e outros, representan 150 euros máis por xato, en tanto que as granxas cobran a día de hoxe polos becerros 20 céntimos menos por Kg. canal en comparación con xaneiro do 2020. En conxunto, falamos dunha perda de 200 euros por animal”, calcula. Para enfrontar a perda de rendabilidade das granxas de vacún de carne, Unións avoga por medidas das Administracións que fagan cumprir a Ley de la Cadena Alimentaria. “Non se poden vender os becerros por baixo dos custos de produción. As industrias e os consumidores teñen que ser conscientes de que a carne de calidade hai que pagala. A ninguén se lle ocorre que vaia atopar unha botella de Rías Baixas no supermercado por 1,80 euros”, compara José Ramón González. Lobo e xabarín Á situación de falta de rendabilidade, engádese o malestar das granxas pola escalada de danos que perciben na fauna salvaxe, coa “connivencia de Administracións e sociedade”: “O xabarín desfainos os prados un día si e outro non. Co lobo, ata o de agora non eramos unha comarca de moito problema de lobo, sabédelo coma min, eran uns casos pero máis nada, pero desde hai un ano isto é un desastre”, expuxo a gandeira local Rosa Carrodeguas na concentración realizada por Unións en Ortigueira.
"Nós temos que ter os becerros coma nun hotel de 5 estrelas, pero se me aparece un becerro cun cuarto de atrás comido polo lobo, iso non é un problema" (Rosa Carrodeguas, gandeira de Ortigueira)
A gandeira compara a protección que percibe sobre a fauna salvaxe coa indefensión que sofren as granxas. “Benestar animal, nós temos que ter os becerros como se estivesen nun hotel de cinco estrelas, pero se me aparece un becerro cun cuarto de atrás comido polo lobo, iso non é un problema”, critica Rosa Carrodeguas, que pide que se poñan solucións enriba da mesa. Unións insiste na necesidade de controis poboacionais tanto de lobo como de xabarín. “O lobo non pode estar metido nas casas porque calquera día teremos unha desgracia” -cuestiona o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo-. “Xa tivemos ataques de xabaríns a persoas, como o que se viviu en Ferrol hai uns días, e antes ou despois pasará tamén co lobo”, pronosticou. Jacobo Feijoo considera que deberá ser posible cazar o lobo, sexa unha especie de especial protección ou non. “Cando vexamos necesarias intervencións de caza, pedirémolas e actuaremos xuridicamente se é necesario”, avanzou.
"O lobo non pode estar metido nas casas porque calquera día teremos unha desgracia" (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)
En canto ós ataques de lobo sobre o gando, que se seguen sucedendo a diario, o responsable de Unións pediulle ós gandeiros que sigan dando aviso á Xunta. “A actual orde de axudas está caducada, pero séguense facendo as inspeccións para cubrir as indemnizacións coa seguinte orde. Temos o compromiso da Consellería de Medio Ambiente de que se publicará e non pararemos ata vela publicada”, sinalou Feijoo, que criticou o pasado venres en Ortigueira o amago que fixera Medio Ambiente de eliminar o pago de indemnizacións por ataques de lobo ó gando. Mobilización de gandeiros de vacún de carne en Ortigueira. / Imaxe: Unións Agrarias. Veterinario en Ortigueira A concentración de Ortigueira pechouse cunha cuestión local, “a ausencia dun veterinario na Oficina Comarcal Agraria desde hai máis de dous anos”, segundo expuxo o responsable de Acción Sindical de Unións, Félix Porto. En tanto os concentrados lle entregaban o pasado venres á Oficina Agraria un novo escrito en demanda de solucións á falta de veterinario, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo estaba inaugurando esa mesma mañá no concello de Touro unha Oficina Agraria Móbil, que a Xunta sinala que completará os servizos da actual rede de oficinas comarcais, que asegura estar potenciando. Debate no Parlamento sobre posibles axudas Tamén o pasado venres, durante a concentración de Ortigueira, debatiuse na comisión de Agricultura do Parlamento unha proposta do grupo socialista para abrir unha nova liña de axudas para a gandería de vacún de carne. Os socialistas propuñan similares apoios ós lanzados o ano pasado para paliar os baixos prezos dos becerros a causa da Covid. O grupo socialista advertiu de que os prezos non se recuperan a niveis pre-Covid, polo que consideraba preciso convocar novamente este ano axudas para as granxas, se ben o grupo popular opúxose e botoulle en cara ós socialistas a medida adoptada polo Ministerio de Transición Ecolóxica para aumentar a protección do lobo.

“Ser gandeiro é boa vida”

O val de Soča, nos Alpes eslovenos, acolle unha singular experiencia de éxito no cooperativismo leiteiro. Trátase da factoría de queixos e derivados lácteos Mlekarna Planika, ligada a unha cooperativa que agrupa a 120 pequenas granxas. Entre todas elas, entréganlle cada ano á planta arredor de 8.000 toneladas de leite, un volume limitado que dá unha idea do escaso tamaño da maioría das ganderías da zona, na liña xeral de Eslovenia, onde as ganderías teñen 7,5 vacas de media. O éxito da cooperativa, máis que nos volumes, mídese no impacto que ten no seu entorno. Emprega a 40 persoas e posicionou no mercado os seus queixos e lácteos como produtos locais ligados á conservación da natureza e ó mantemento de granxas de pastoreo nos Alpes. A factoría recolle leite de máis dun cento de granxas, se ben, dada a pequena dimensión da maioría das ganderías socias, é habitual que os produtores compaxinen os labores do campo con outros traballos. Mlekarna Planika foi unha das iniciativas visitadas recentemente por un grupo de gandeiros e técnicos galegos, que se desprazaron a Eslovenia para coñecer experiencias de pastoreo no marco do proxecto europeo PastorEA, no que participa en Galicia a EFA Fonteboa. Visita da delegación galega, acompañada tamén por outra francesa, a unha granxa da cooperativa. O manexo da maioría das ganderías ligadas á cooperativa eslovena caracterízase pola trashumancia estival do gando ás zonas altas da montaña, co fin de aproveitar os pastos que deixa a neve, en tanto os prados do val adícanse no verán á colleita de herba seca e á elaboración de silos para o inverno. É un tipo de manexo tradicional que se remonta cando menos ó século XIX e que permanece, coa lóxica mellora de instalacións e condicións de vida na montaña, onde os gandeiros contan con cortes e salas de muxido conxuntas, así como con pequenas queixerías, xestionadas durante toda a tempada estival por elaboradores queixeiros. “Cada gandeiro sobe á montaña a coidar e muxir os animais un determinado número de días, segundo as vacas que teña. Ese tempo na montaña cun sistema de turnos é unha oportunidade de vacacións na montaña para a súa familia, en especial para as persoas mozas. Ser gandeiro é boa vida” -defenden en Mlekarna Planika-. “Vívese na natureza, nunha zona con oportunidade de practicar distintos deportes, cunha alimentación de produtos que cultiva un mesmo, de calidade por tanto, e hoxe en día temos ademais boa conexión a internet”, explican. A cooperativa creou o seu propio museo, no que a parte de transmitir a tradición queixeira e gandeira da zona, coida a imaxe da profesión. “Esforzámonos por valorarizar a vida dos gandeiros e a importancia da alimentación local. Temos moitas visitas de centros de ensino e sempre lles intentamos transmitir que ser gandeiro é unha boa vida”.
"Nas visitas de escolares, sempre valorizamos a vida dos gandeiros e a importancia da alimentación local"
Outra das cuestións que enfatizan en Mlekarna Planika é o éxito da estratexia cooperativa. “Tódalas granxas do val apostaron por manter a cooperación. Non quixeron medrar en solitario, senón en conxunto, mesmo as máis grandes, que poderían ter emprendido proxectos individuais”, explican. A cooperativa, que transforma o leite desde o 1957, posicionouse no mercado de produtos locais de calidade. Destaca polos seus queixos, unha liña que completa cunha variada produción de derivados lácteos, como manteiga, iogurt, leite fresco ou kefir.

Finca Bogata, gandería ecolóxica de 100 hectáreas

Corte de Finca Bogata, rodeada de pastos. Mlekarna Planika conta coa súa propia granxa, a Finca Bogata, orientada á produción ecolóxica. É unha granxa cunhas condicións idóneas para o pastoreo, pois dispón de 100 hectáreas ubicadas arredor da corte. A metade das terras destínanse a herba seca e silo, en tanto a outra metade a pastos. Para o manexo dos pastos, dividíronse as terras en 9 paddocks valados polos que van rotando as vacas en produción, a razón de un día por paddock; en tanto as vacas secas e as xovencas manéxanse con pastor eléctrico. A gandería conta cun cento de vacas, das que 76 estaban en muxido no momento da visita da delegación galega. Tractor e rolos de herba seca nunha nave da granxa. A alimentación en base a pastos complétase co aporte de 5-6 kilos de concentrado por vaca e día, que se suministra no momento do muxido. É un sistema que permite lograr unhas producións medias que oscilan entre os 6.000 e os 8.000 Kg, se ben a granxa recoñece que as porcentaxes de sólidos do leite non son as desexadas, entre outras cuestións pola limitada calidade dos pastos e das forraxes. A granxa está na actualidade nun proceso de cambio de raza, abandonando a frisona e pasando á parda suíza (Brown Swiss), que lle aporta un leite con máis sólidos e coa proteína k-caseína BB, máis axeitado, xa que logo, para a produción de queixos. Gando de recría no interior da corte. “As vacas frisonas que nos quedan estámolas inseminando con limusín, de cara a vender os animais de recría para a produción de carne”, explica Katarina Rutar, a directora técnica da gandería. Outro dos camiños que explora a granxa para gañar en calidades do leite é a mellora dos pastos, para o que xa practicou sementeiras en superficie coas que ir anovando as praderías. De cara a mellorar tamén o manexo do rabaño, a gandería colocou hai un ano colares nos pescozos das vacas que, por medio de sensores, proporcionan información dos movementos e alimentación dos animais. É un sistema que aportou xa unha mellora sustancial na detección de celos e de problemas nas vacas. A directora técnica da gandería, Katarina Rutar (á esquerda), con integrantes da delegación galega e francesa durante a visita. A gandería está na actualidade programando os partos para ter a maior cantidade posible de leite no verán, época na que os socios da cooperativa adoitan mandar boa parte dos seus animais para a montaña, o que reduce as entregas de leite á fábrica. “Na actualidade temos que producir máis queixo no inverno para manter a oferta no verán, pero o obxectivo é aumentar a produción no verán”, explica Katarina, que compaxina o seu traballo na gandería con outras funcións na factoría queixeira.

Traloagro, segundo premio estatal en Excelencia á Innovación no agro

O Ministerio de Agricultura vén de facer públicos os XII Premios de Excelencia a la Innovación para Mujeres Rurales, un galardón que este ano premiou un total de 12 iniciativas. Unha das premiadas é Traloagro, unha gandería de Friol que desenvolve dúas actividades en paralelo, a cría de vacún de carne en extensivo e a de polos campeiros, ambas producións certificadas en ecolóxico. Traloagro, dirixida polos irmáns Isabel e Tito Gómez, enfocouse nos últimos anos a aumentar a liña de venda directa sen intermediarios, para o que abriu o seu propio centro de despece en Friol, ademais de contar con carnicería propia na praza de Abastos de Lugo e da venda directa que fan en Friol, nunha ecotenda que abriron especializada en produtos ecolóxicos. O Ministerio outorgoulle a Traloagro o segundo premio en Excelencia á Innovación Agraria. O primeiro premio desa categoría foi para Agroforestal de Penyagolosa S.L. (Castellón), unha firma especializada na produción de árbores micorrizados con trufa negra e que tamén se adica ó cultivo agroecolóxico de hortalizas e trufas de secano en alta montaña. O terceiro premio foi para GBlactics S.L, unha explotación de caprino, tamén da provincia de Castellón, que produce leite de cabra para venda directa, comercializa carne ecolóxica de cabrito e produce queixos baixo a súa propia marca, Cabritillo del Maestrazgo, ademais de esterco para o abonado de parcelas. Outras categorías Os premios do Ministerio para mulleres rurais contan ademais con outras tres categorías, unha orientada á pesca, outra a proxectos de comunicación e unha última de Excelencia á Innovación na Diversificación da Actividade Económica. Nesta categoría, premiouse en primeiro lugar á Asociación Cultural Grío (Codos, Zaragoza) por un proxecto orientado a crear emprego por medio de servizos sociais. As súas principais iniciativas foron un centro de menores, para nenos e mozos con necesidades especiais, e unha residencia de maiores. Tamén recibiron premios na categoría de Diversificación a marca Spiga Negra, un obrador artesanal de pasta da comarca de Antequera (Málaga), de gran tradición cerealista, e L’Aresta Cooperativa (Tarragona), iniciativa que busca apoiar proxectos transformadores no rural. https://www.campogalego.gal/traloagro-unha-volta-orixes-desde-emigracion/

Amanei SC, aposta pola raza vianesa na montaña de Lugo

Amaro López, co seu gando de raza vianesa en Córneas (Baleira) O gando e o monte forman parte da vida de Amaro López. Ten unha empresa de desbroce e traballos forestais e mantén unha explotación con 50 reprodutoras de raza vianesa. Compatibilizar as dúas actividades require buscar facilidade de manexo. Foi o que o levou a cambiar as vacas de raza rubia galega, parda e asturiana por animais máis autónomos e que precisasen menos atencións. "Eu o que peco é de tempo, porque a maiores teño tractores para desbroce de monte. Din nas vianesas por problemas de partos que tiña co gando das outras razas, e para non ter que metelas e sacalas da corte, porque esta é unha zona de difícil orografía", explica.
Quedei coa vianesa porque a cachena dá menos produción, pero a caldelá gústame tamén moito
Decantouse pola raza vianesa e foi o primeiro que as trouxo para a montaña de Lugo. "Cambiei no 2006, comecei con 7 que fun buscar a Vilardevós e logo seguín comprando e recriando das miñas. En pouco tempo montei a cabana actual, que está formada por 50 nais", conta. Tres lotes de animais Amaro, movendo un dos tres lotes nos que ten dividido o gando para cambialo de parcela O gando está dividido en tres lotes para facer máis doado o seu manexo. "Teño tres grupos distintos de animais para non ter que rotar tanto nas fincas e no inverno ter os puntos de comida con menos animais", explica Amaro. "Ademais, se as tes todas xuntas e hai un problema, é máis difícil de ver e para mover o rabaño xunto é máis complicado, o ideal é en grupos de 14 ou 15 animais", argumenta.
Mover o rabaño xunto é máis complicado e se hai un problema é máis difícil de ver
"Móvoas pola estrada, cunha persoa diante e outra detrás simplemente polos coches, porque elas síguenme a min. O manexo agora é doado, pero ao comezo cometín erros, porque ao ser o primeiro e o único que as tiña nesta zona non tiña de onde copiar. Estas vacas hai que tratalas con moito cariño, coma todas, pero estas quizais máis porque teñen un instinto máis nervioso", considera. 36 hectáreas de superficie "Aténdoas eu só e por manexo podería ter máis gando, pero non teño máis por problemas de superficie, porque non vexo viable alugar fincas", asegura Amaro. A gandería dispón de 36 hectáreas de pradeiras, algunhas delas pastizais feitos no monte, e declara 4 hectáreas de pasto arbustivo. A superficie está conformada por 15 parcelas de diferentes tamaños. "Teño 12 hectáreas xuntas no alto do monte e 16 noutra finca, pero despois tamén hai parcelas pequenas", detalla.
Teño varios puntos onde darlles de comer no inverno para non desfacer os prados e quero poñer auga en todas as fincas
No inverno, de novembro a marzo, o gando está nunhas zonas de comedeiros alimentadas con silo de herba e palla. "Se as tes nos prados destrózanchos e logo tardan máis en dar na primavera", argumenta Amaro. Renova as pradeiras menos pendentes cada 5 ou 6 anos para incrementar a súa produción e a calidade do pasto. "Roturo, encalo e fago a sementeira con mestura de raigrás inglés, raigrás italiano e trevo. Nas zonas máis duras boto algo de festuca, que aguanta ben a seca, pero datilo aquí non fai falla botar", explica.
No inverno precisa de tres rolos de silo e unha paca de palla á semana
Para favorecer o rebrote da herba abona con purín todos os anos e encala cada dous, ademáis de empregar abono de síntese en grao nalgunhas parcelas. Na primavera, cando ten excedente de herba, fai rolos de silo, entre 200 e 250 ao ano. "Herba seca non fago, porque dá traballo e porque facer unha herba seca de boa calidade é difícil. Merco palla de cebada de Castela, porque é difícil atopar palla boa de avea seca. A que vén sen mallar, co grao, semiseca, é moi boa, pero vaise de prezo", detalla. 5 cabalos para domesticar o monte Os cabalos son de pura raza galega Co paso dos anos nesta zona da montaña deixouse de botar cereal e fixéronse pradeiras. Amaro mesmo roturou zonas de monte para facer prados. "Agora están en boas condicións, pero antes era monte pecho e moitas veces nesas zonas aínda se dá de todo menos herba", admite. O proceso para transformar as toxeiras en pradeiras comeza cun desbroce mecánico e a introdución posterior de cabalos para en último termo meter as vacas a pacer. "Agora que xa está domesticado invirto a orde, primeiro meto as vacas e despois os cabalos para que coman os brotes do toxo pero ás veces aínda hai que axudar algo con desbroce mecánico ao final", explica.
Teño prados que antes era monte pecho
Os cabalos son de pura raza galega e o seu manexo é doado. "Os cabalos si que non me dan traballo ningún, chámoos co pitido do coche e xa case se cambian sós de finca", asegura Amaro. Na zona comeza a haber algo de lobo e, de feito, o ano pasado levoulle unha poldra. "Outros anos tamén tiven problemas coas vacas, un ano matoume catro becerros e outro ano dous", conta. Un pequeno cebadeiro para os xatos Despois de mamar uns seis ou sete meses nas nais, os becerros son rematados con palla e penso Amaro incorporouse no ano 1996 á gandería familiar dos seus pais e no 2001 montou un pequeno cebadeiro onde agora só ceba os seus xatos. Foi a orixe da actual explotación e de onde toma o seu nome: Ganados Amanei SC. "Cando collín a explotación no 96 pasei de 6 vacas que había a 15 que me esixían para a incorporación. O meu pai dicíame que estaba tolo, que onde as ía manter, porque antes non había medios para facer as cousas como se fan hoxe e nesta zona as terras dedicábanse máis a sementar centeo e as vacas pacían algo de herba pola mañá e pola tarde levábanse á carqueixa ao monte. Despois no inverno mantíñanas con cereal dentro da casa", lembra.
Os machos acadan os 240 ou 250 quilos canal e as femias están entre os 200 e os 220 quilos
A finalización dos becerros fana na actualidade con palla e con penso. "Non programo os partos, pero a maioría danse en primavera. Os xatos están mamando 6 ou 7 meses, até setembro máis ou menos, e logo encuádroos e téñoos até que alcanzan certo grao de engraxamento e acadan un nivel óptimo de rematado para iren saíndo ao mercado", explica. Os machos acadan os 240 ou 250 quilos canal e as femias están entre os 200 e os 220 quilos. "A partir diso as xatas xa engraxan de máis", asegura. Comercializa directamente a restaurantes e particulares Amaro non sacrifica por idade, senón por nivel de engraxamento, os machos con 240 quilos e as femias con 200 Ten un sistema de comercialización propio, no que sacrifica e distribúe directamente a carne, tanto a restaurantes como a particulares. "Mato sempre en Castro, transporto os animais eu directamente", conta. Subministra a tres restaurantes da zona: Mesón Catro Ventos, da Fonsagrada; Restaurante Moneda, do Cádavo; e Casa Cazoleiro, de Meira. "Había máis interesados en comprarme pero non me comprometín con eles por non ter dabondo abastecemento", explica.
Á hora de sacrificar Amaro prima a calidade da carne sobre o rendemento cárnico
A relación de Amaro cos seus clientes baséase na confianza xa que el prima a calidade da carne sobre o rendemento cárnico. "Normalmente non miro nin a idade nin o peso, dame igual matar aos 12 ou aos 16 meses se o animal está ben para sacrificar", di. Vende tamén a particulares, cos que supliu en parte a caída da demanda da hostalaría por mor das restricións nos momentos máis duros da pandemia sanitaria do coronavirus. "Aos particulares tes que levarlle as canais despezadas e dame máis traballo", admite. Nos últimos dous anos foi moito traballo para pouco proveito, di, porque o prezo da carne reduciuse e o do penso aumentou de xeito notable. "Ao ter un sistema de comercialización propio dependente en grande medida dos restaurantes, a min esta circunstancia do coronavirus afectoume moito", asegura. Animais moi lonxevos Amaro vende tamén moito para vida, tanto recría coma vacas. Catro ou 5 femias recríaas para el todos os anos e outra ducia e media véndeas para outras explotacións. Os animais de raza vianesa criados deste xeito, en extensivo, duran moito, polo que as necesidades de reemprazo propias non son moitas. "O ano pasado mandei dúas vacas con 22 anos, unha que non empreñaba e outra con problemas por ter os tetos moi grandes, pero teño aínda varias con 18 anos", detalla.
Os problemas de partos desapareceron ao pasarme á raza vianesa. Teño tres touros, un en cada lote e empreñan e paren soas
Con cada lote de vacas nodrizas ten un touro, sempre o mesmo por grupo, sen mesturalos. "Até o terceiro ou cuarto partos déixoos sempre, logo cámbioos", explica. O veterinario só pisa a explotación para facer as receitas para os produtos desparasitantes e pouco máis. "Aquí non hai nin diarreas nin enfermidades respiratorias e ao pasarme á raza vianesa os problemas de partos que había antes desapareceron", asegura.

13 quilómetros de peches moi coidados

Hai dous anos a empresa de pastores eléctricos Ion premiouno pola calidade dos seus cercados Manter un bo sistema de peche electrificado e en condicións óptimas é unha das claves para o funcionamento dunha explotación como a de Amaro, que hai un par de anos foi premiado pola empresa galega de pastores eléctricos Ion pola calidade e coidado dos peches desta explotación. En total, as súas fincas suman 13 quilómetros de peche perimetral, nos que vai mesturando varilla de ferro e estacas de madeira, con dúas ou tres liñas de fío, dependendo da zona. "Non descarto ter que poñer 3 fíos en todo o perímetro exterior polo tema de que non entre o xabarín. Para o gando con 2 sería dabondo e desa forma ademais para limpar é máis doado porque non hai que estar tan enriba", razoa.
Para o gando con dous fíos de pastor sería dabondo, pero para que non entre o xabarín son necesarios tres
"Se tes os peches en boas condicións, fóra de momentos puntuais de máis traballo, cunha hora diaria tes atendido o gando", asegura. A tarefa de vixiar e limpar os peches é continua. "Moita xente vai pasear polo tema do colesterol, pois eu de paso levo algo na man e ademais de camiñar vou limpando", bromea.

O Plan de Pastos da Xunta prevé actuar en 2.250 hectáreas de monte

A gandería extensiva pode ser unha aliada contra o lume cando existe unha boa xestión do monte. Sobre esa base, a Consellería do Medio Rural deseñou un Plan de Pastos co que busca un dobre obxectivo, apoiar á gandería extensiva e crear pastos no monte que sirvan de cortalumes en caso dun incendio. A primeira fase do Plan, que rematou o pasado inverno, actuou nun total de 560 hectáreas pertencentes a 14 montes veciñais. Na segunda fase, en marcha, a Xunta prevé beneficiar a uns 30 montes veciñais, cunha superficie de actuación dunhas 750 hectáreas. O Plan de Pastos ten un total de 4 fases, polo que nos dous próximos anos prevese a continuación das actuacións, ata chegar a un total de 2.250 hectáreas e un investimento total duns 9,5 millóns de euros. As actuacións céntranse en rozas, sementados, pistas, peches, pasos canadenses, mangas de manexo do gando e comedeiros ou bebedeiros. O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este venres a comunidade de montes de Baroña, na que se actuou nunha superficie que ronda as 30 hectáreas. González lembrou que o Barbanza é unha zona habitual de lumes, polo que a creación de pastos no monte que rachen a continuidade do arborado é unha estratexia que considera útil para a zona. Repasamos a continuación as actuacións previstas na segunda fase do Plan de Pastos de Galicia, segundo os datos do Plan de Defensa contra Incendios 2021, presentado esta primavera. Detallamos tamén as actuacións acometidas na primeira fase. Segunda fase do Plan de Pastos (2021) Primeira fase do Plan de Pastos (Actuacións xa executadas)

Aberta a inscrición a un curso gratuíto de gandaría rexenerativa nos Ancares

Interésache a gandaría ecolóxica e vives preto dos Ancares? Se é así, os días 25 e 26 de maio e o 1 de xuño, no edificio de servizos múltiples de San Román de Cervantes tes unha cita, totalmente de balde, co biólogo Antonio Tucci..  Biólogo ambientalista, gandeiro e con formación superior en gandaría exolóxica, Tucci ten realizado múltiples formacións arredor da gandaría rexenerativa e o manexo holístico do gando. Agora, compaxina a súa faceta divulgativa coa de asesor para diferentes granxas galegas. As inscricións pódense realizar a través do seguinte enlace. Cartaz do curso nos Ancares

A gandaría rexenerativa

As actividades que abranguen a gandaría ecolóxica destácanse por ser multidisciplinares e abarcan varias áreas, xa que son un modelo de xestión globalizada. Úsase a xestión gandeira por medio do manexo holístico. É dicir, con diferentes animais en pequenas parcelas establecidas faise unha rotación controlando o sobrepastoreo. Outro dos piares desta gandaría é facer unha retención de auga por medio de patróns de cultivo que incentiven este comportamento

Unións avoga por novas axudas Covid para as granxas profesionais de vacún de carne

As granxas de vacún de carne continúan arrastrando os baixos prezos da pasada campaña, derivados da crise da Covid, que reduciu as vendas en hostelería e restauración. Á espera de que co fin do estado de alarma e a relaxación das medidas de prevención se poida producir unha recuperación do mercado, Unións Agrarias considera necesarias novos apoios para as ganderías profesionais de vacún de carne. O responsable de Gandería Extensiva na organización agraria, José Ramón González, avoga por axudas de arredor de 2.000 euros por granxa para tódalas ganderías que superen as 20 vacas. “Estamos a falar de arredor de 6.000 granxas en Galicia que teñen unha actividade profesional e que se xogan os cartos coa súa actividade”, valora González. Por provincias, em vacún de carne destaca Lugo, con 3.500 granxas de máis de 20 vacas. Séguelle A Coruña, cunhas 1.300; Ourense con algo máis de 600, e Pontevedra con 400. Medidas sobre prezos De cara a mellorar a situación de prezos no campo, Unións Agrarias é partidaria dunha maior transparencia na formación do prezo da carne. “É preciso que haxa un Observatorio de Prezos que aclare os custos das ganderías, de xeito que se poidan establecer contratos que garantan pagos por riba de custos de produción, como establece a Ley de la Cadena Alimentaria”, defende José Ramón González. Outra cuestión pendente para Unións é a Mesa de Prezos de Ternera Gallega. “Os prezos de referencia que marca esta Mesa non son un reflexo da realidade. Precisamos unha Mesa de Prezos máis profesional, que marque cotizacións que sexan fiel reflexo das liquidacións que hai no campo” -propón González-. “Hai exemplos, como o de Mercolleida, que demostran que iso é posible. Precisariamos dunha ferramenta informática, a desenvolver, que recollese a situación real de pagos no campo, e unha arbitraxe na Mesa entre as distintas partes da cadea para marcar tendencias”, conclúe.

Oposición ecoloxista ás queimas controladas en monte

O emprego de queimas controladas en monte durante o inverno e inicios da primavera, unha práctica habitual en Galicia, estase atopando coa oposición ecoloxista. A Plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ considera preocupantes estas queimas, que cómpre lembrar que son autorizadas e executadas pola Administración. Os ecoloxistas trasladáronlle algunhas das queimas á Fiscalía de Medio Ambiente e piden que os lumes prescritos se deteñan en zonas de Rede Natura ou Reservas da Biosfera. Coas queimas controladas, adoita buscarse unha mellora do hábitat para o gando extensivo ou para especies cinexéticas. Trátase así de controlar o mato e de facilitar a xeración de pastos. O habitual é facelas en pequenas superficies inferiores a 10 hectáreas, previa solicitude dos montes veciñais ou propietarios interesados. De xeito indirecto, no sector forestal considérase que tamén teñen un efecto de prevención dos lumes, pois evítanse posibles lumes posteriores cun obxectivo de ‘limpar’ o monte. A polémica cos lumes prescritos saltou este mes ó perderse o control dalgunha das queimas, segundo os ecoloxistas, que inciden no caso de Folgoso do Courel (Lugo), no lugar de Hórreos, onde sinalan que unha queima controlada derivou nun incendio forestal que afectou á Rede Natura. A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ subliña tamén que este mes a fauna está en pleno periodo de apareamento e cría, polo que considera que os lumes “afectan gravemente” ós animais. Outra cuestión a ter en conta, segundo os ecoloxistas, é a erosión e degradación dos ecosistemas que provocan estes lumes, así como as emisións de dióxido de carbono á atmósfera.