Archives

Xa hai data para a nova edición da feira Abanca Cimag-GandAgro: Do 20 ao 22 de febreiro de 2025

A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, celebrarase na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 20 ao 22 de febreiro de 2025. Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión mantida esta mañá no recinto feiral. No encontro tamén se analizaron os resultados da pasada convocatoria e abordáronse outros aspectos relativos á organización do certame en 2025, de cara a comezar proximamente a súa comercialización. A reunión estivo presidida por Joaquín Macho, secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, e contou con representación de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no sector, como son a Federación Frisoa Galega (FEFRIGA) e Africor Pontevedra, Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda, Federación Galega de Porcino (FEGAPOR), Aira, Ausama, Cogal Sociedade Cooperativa Galega, Gea Farm Technologies Ibérica, Elmega, Grupo Coren, Delagro e Nudesa, ademais da entidade financeira ABANCA.

Punto de encontro do sector

Os participantes na reunión coincidiron en destacar o valor de Abanca Cimag-GandAgro como punto de encontro do sector, considerando a última edición positivamente. Esta, que tivo lugar do 2 ao 4 de marzo de 2023, reuniu a 424 firmas expositoras de 26 países, das cales 168 eran expositores directos procedentes de España, Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia e Portugal. O certame ocupou os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2, supoñendo unha superficie bruta de máis de 25.500 metros cadrados e neta de 11.827 metros cadrados. En canto aos visitantes que acudiron a coñecer as propostas da súa exposición e a participar nas máis de 40 actividades programadas, ascenderon a preto de 19.000 durante os tres días. Estas cifras supoñen que Abanca Cimag-GandAgro se manteña como o segundo evento en número de expositores e visitantes do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

“Unha vaca de concurso ten que ser tamén boa produtora de leite”

A vaca Serrada Chantel Chief, propiedade da gandaría La Serrada & QuimS. & Agriber & Quality & Jose A.Hernandez, de Ávila (Castela-León), logrou este sábado o premio Vaca Gran Campioa no XXXVI Open Internacional da Raza Frisoa, celebrado en Silleda no marco da IV Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandaría, Abanca Cimag-GandAgro 2023. Trátase dun animal nado en 2018, de pai STANTONS CHIEF ET, e cun ICO de 3007 puntos. Non é a primeira vez que destaca en concursos, pois xa foi Vaca intermedia campioa do concurso nacional de CONAFE 2021. Cualificada como MB 88 é a mascota desta granxa familiar de San Juan de la Encinilla (Ávila), a cuxo fronte está Álvaro Martín. Falamos con el para sobre a mellor vaca do XXXVI Open Internacional da Raza Frisoa Gandagro23 Como é gandaría La Serrada? É unha gandaría familiar, situada no centro de Ávila. Temos 75 animais en muxido e o leite vendémosllo á queixería Valle de San Juan, de Palencia. Que destacarías da vaca gañadora, Serrada Chantel Chief? Coideina desde pequena e decidímonos a participar en GandAgro23 porque a vaca estaba en forma. É unha vaca que descende dunha familia canadense que leva na miña casa uns 18 anos, a familia Rudold. Esta familia fómola acoplando ao rabaño primeiro o meu pai e logo eu ata que logramos este animal especial, que decidimos coidalo e presentalo aos concursos. Como son os seus datos produtivos? É unha vaca con 3 partos, no primeiro parto produciu 11.000 litros, no segundo 13.000 e agora no terceiro aínda leva pouco tempo. É unha moi boa produtora, cunhas calidades de graxa do 4,1 % e proteína do 3,4%. Non existe contradición, por tanto, entre que unha vaca triunfe nos concursos e sexa boa produtora de leite? Unha vaca de concurso ten que producir porque do contrario non estaría en forma, non tería finura de ósos e non estaría tan bonita e tan angulosa. Tedes descendencia dela na granxa? Ten unha filla femia, que ten descendencia á súa vez, e seguimos traballando nesa familia. Quen a preparou para Cimag-GandAgro 2023? En casa, a base de traballo diario, e logo temos un equipo formado por Bonet Cid, Quim Serrabassa, Pol Colell, Iago... Estades a sacar embrións para a súa comercialización? De momento seguimos preparándoa para ir ao concurso nacional de CONAFE en Xixón que se celebrará en setembro.

“Un bo preparador ten que resaltar o positivo do animal e disimular os posibles fallos”

Lorena Rodríguez Alvite co animal que preparou para GandAgro 2023

Lorena Rodríguez Alvite, da gandería Melchora, de Pol (Lugo), resultou gañadora do XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´23, que se celebrou este sábado en Silleda no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023.

Falamos con ela para coñecer máis sobre a súa aficción e sobre as claves para preparar a un animal para un concurso morfolóxico.

Como empezaches a interesarte pola preparación de animais para concursos?
Na miña casa temos unha gandería pequena, gandería Melchora, cunha cabana de 80 animais. Estudei Educación Infantil pero o que máis me tirou dende pequena foi a gandería. Actualmente estou traballando como representante para Lugo da empresa BPA e non descarto nun futuro tomar o relevo na granxa familiar.

Na miña casa nunca houbo tradición de ir cos nosos animais a concursos pero si que fomos como público a algún e sempre me chamaron a atención. Nun dos concursos de Muimenta vin a Alberto Medina e dixen “eu tamén quero aprender a preparar e a manexar os animais”. Logo apunteime ao curso de CONAFE en Asturias e posteriormente empecei, hai dous anos en xullo, a acompañar nos concursos á gandería Rey de Miñotelo.

As prácticas funas facendo nesa gandería, eu ía pelando e Alberto íame orientando e corrixindo o traballo. E pouco a pouco fun mellorando e aprendendo, fixándome nos preparadores profesionais, en como collían a máquina para facer os degradados.

En cantos certames participaches como preparadora?
Este é o meu primeiro GandAgro, fun a Muimenta, a Lalín…en total 5 concursos con este de GandAgro. Ademáis, a través de CONAFE fun aos dous últimos certames europeos de preparadores e manexadores celebrados en Italia.

Que cualidades debe ter un bo prepadador de gando?
Un bo preparador tense que fixar moito nos posibles fallos que teña o animal para poder disimulalos un pouco e tamén saber cales son os puntos fortes para podelos potenciar.

Elixes ti o animal a preparar para o concurso ou asígnancho?
Pode tocarche aleatorio ou elixires ti un animal. Se non podes elixilo podes falar cun gandeiro que teña un animal co pelo longo.

Neste caso esta granxa empezou nos concursos por azar, chámase gandería López Fontenla SC, de Aranga (A Coruña). A gandería Carro cedeulle unha xatiña a unha nena da gandería López Fontenla. Este ano tiñan esa xata que xa é becerra grande e outra xatiña que se adapta máis á estatura da nena. Hai un mes pedíronme que llas pelara para vir ao concurso de GandAgro. Por tanto, como tiñan o pelado previo preparei tamén agora a máis pequena para o concurso.

Que destacarías da becerra que preparaches?
Desta becerra destacaría que ten un óso moi fino e á hora de pelar as patas, por exemplo, usei unha coitela máis fina para destacar iso. Ten un bo lombo, bastante uniforme e estreito, moi ben unidas todas as partes e iso tamén é moi positivo de cara ao concurso.

Como valoras o ambiente que se respira neste tipo de concursos?
Cando empecei si que me chamaba a atención o coidado que levaban sempre os animais nos concursos. Cando estás dentro ves que todos acabamos sendo unha gran familia, hai moi bo ambiente de compañeirismo e iso é moi positivo.

Sempre me gustou a perruquería e unha vez que a vin nos animais gustoume ainda máis. Ademais, hai manexadores que é un gusto velos porque tratan aos animáis con moita delicadeza, é como un baile acompasado entre manexador e gandeiro.

GandAgro 2023: Finca La Asunción, de Touro, mellor criador, e Ventura Thunder Storm Almira,  da asturiana Casa Venturo S.C, mellor xovenca

Mellor criador do Open Internacional e de Galicia de Frisón Abanca GandAgro 2023 e xovenca gran campioa do cncurso internacional GandAgro 2023 Esta mañá celebrouse en Silleda dentro de GandAgro 2023 o XXXI CONCURSO AUTONÓMICO DA RAZA FRISONA FEFRIGA 2023 así omo o CONCURSO INTERNACIONAL GandAgro 2023 nas categorías de becerras, xovencas e criadores. Velaquí os gañadores:

XXXI CONCURSO AUTONÓMICO DA RAZA FRISONA FEFRIGA 2023

A) Xata campioa de Galicia "FEFRIGA '23": -Campioa: ASUNCION DISTRICT MARYLIN, de FINCA LA ASUNCIÓN (TOURO - A CORUÑA) -Subcampioa: ASUNCION DISTRICT JULIANA, de FINCA LA ASUNCIÓN (TOURO - A CORUÑA) Xovenca Gran Campioa de Galicia Fefriga 2023 B) Xovenca gran campioa de Galicia "FEFRIGA '23": -Gran campioa: REY 1085 MOOVIN SOLY ET, de SAT REY DE MIÑOTELO (A PASTORIZA - LUGO) -Reserva Gran campioa: ASUNCION DISTRICT MARYLIN, de FINCA LA ASUNCIÓN (TOURO - A CORUÑA) C) Mellor criador de xovencas de Galicia "FEFRIGA '23": -Campión: FINCA ASUNCIÓN -Subcampión: SAT REY DE MIÑOTELO

CONCURSO INTERNACIONAL GandAgro 2023:

A) Becerra campioa internacional "GANDAGRO '23": -Campioa: CAMPGRAN-HSCT LOANE BOOM ET, de EL CAMPGRAN & HSCT (SANT MARTI DE SESCORTS – BARCELONA) -Subcampioa: VENTURO HAPPEN ROSANI, de GANADERIA CASA VENTURO, S.C. (SALAS – ASTURIAS) B) Xovenca gran campioa internacional "GANDAGRO '23": -Gran campioa: VENTURO THUNDER STORM ALMIRA, de GANADERIA CASA VENTURO, S.C. (SALAS – ASTURIAS) -Reserva gran campioa: REY 1085 MOOVIN SOLY ET, de SAT REY DE MIÑOTELO (A PASTORIZA – LUGO) Novilla Gran Campeona Open Internacional de Frisón Abanca GandAgro 2023

Consulta aquí os resultados completos

#cimag23 #gandagro23 #ganderia #agricultura

O balear Llorenç Bosch Pons gaña o Concurso de Manexadores de Gandagro

Llorenç Bosch Pons, de Ciudatella de Menorca (Baleares), venceu esta tarde no XXXVI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, que se celebrou no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, que conclúe este sábado en Silleda. A subcampioa nesta edición foi Lorena Iglesia Vila, de A Pastoriza (Lugo), que tamén acadou o segundo posto esta mañá no XIV Concurso Internacional de Preparadores de Gando Frisón. En canto á Mención de Honra foi para Javier García Sánchez, de San Vicente de la Barquera (Cantabria). Segundo posto do certame de manexadores. Organizado pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, o concurso ten como obxectivo que os participantes demostren a súa habilidade na presentación en pista dos animais. O bo manexador é aquel que coñece á perfección a morfoloxía dos seus animais e despois dunha correcta doma, preparación e pelado, é capaz de facer resaltar as virtudes do exemplar que presenta, minimizando ao mesmo tempo os posibles defectos que poida ter. Mención de honra do certame. Ao concurso, patrocinado por Mapfre, concorreron 31 participantes de Galicia, Asturias, Cantabria e Baleares. Foron xulgados por Brian Carscadden, da Asociación Holstein de Canadá. Xóvenes Preparadores Esta mañá tivo lugar tamén o Concurso de Preparadores, no que venceu Lorena Rodríguez, da Pastoriza (Lugo). https://www.campogalego.gal/lucense-lorena-rodriguez-campioa-concurso-de-preparadores-de-gandagro/

A lucense Lorena Rodríguez, campioa do Concurso de Preparadores de Gandagro

Lorena Rodríguez Alvite, da gandería Melchora, de Pol (Lugo), resultou gañadora do XIV Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´23, que se celebrou ao longo da mañá de hoxe no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, que conclúe mañá en Silleda. A subcampioa nesta edición foi Lorena Iglesia Vila, da SAT Rey de Miñotelo, de A Pastoriza (Lugo). En canto á Mención de Honra recaeu en Xabier Montes Vilar, da gandería Casa do Rei, de Rodeiro (Pontevedra). Lorena Iglesias, segundo premio de Gandagro. Organizado pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, o concurso foi xulgado por Brian Carscadden, da Asociación Holstein de Canadá. As partes preparadas a puntuar polo xuíz foron cabeza-pescozo, liña dorso-lumbar, barriga, costelas-corpo, patas, valoración xeral do conxunto, aparencia xeral e final, ademais de valoración do presentador e actitude do presentador. Xabier Montes, terceiro premio. Ao concurso, patrocinado por Ferplan (Delagro), concorreron oito novos gandeiros das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra. Os participantes dispuxeron de dúas horas (e 30 minutos máis para os rapaces de 15 anos ou menos) para pelar e preparar ao animal. Esta tarde celebrouse tamén o certame de manexadores, no que gañou o balear Llorenç Bosch, e mañá será a quenda dos prestixiosos concursos morfolóxicos XXXVI Open Internacional e XXXI Autonómico da Razas Frisoa, nos que participan 165 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela-León e Cataluña. Imaxe de grupo dos participantes no concurso de preparadores. https://www.campogalego.gal/o-balear-llorenc-bosch-pons-gana-o-concurso-de-manexadores-de-gandagro/

Nudesa, Innogando e Prefabricados Faro, premios Gandagro de Innovación

Un modelo de mellora de benestar animal en maternidade en explotación porcina, presentado pola empresa Nutrimentos Deza (Nudesa), de Silleda (Pontevedra), resultou gañador no concurso de innovación Abanca GandAgro Innova 2023. Este certame foi celebrado hoxe no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, que se desenvolve ata este sábado en Silleda. Innogando e Prefabricados Faro recibiron tamén senllas mencións no certame. O sistema de benestar de Nudesa consiste na creación dun módulo onde conviven porcas soltas coas súas camadas desde cinco días antes do parto ata o destete. Con el conséguese obter leitóns destetados con ausencia de caudofaxia (un trastorno do comportamento que consiste en morder aos outros porcos) e pesos e mortalidade equiparable aos destetados en módulos tradicionais, en gaiolas de maternidade. Ademais, auméntase o número de amamantamentos durante a lactación e durante a transición conséguese unha redución da agresividade e que os leitóns alimentados sen medicación non teñan incidencias sanitarias significativas. Mencións Por outra banda, unha das mencións recaeu nun pórtico prefabricado en formigón de canto reducido para ventilación forzada, presentado por Prefabricados Faro, de Rodeiro (Pontevedra), Cunhas dimensións similares a un pórtico metálico, para non entorpecer a ventilación forzada en naves que a requiran, trátase dunha estrutura prefabricada de formigón para cuberta de nave gandeira cunha configuración que permite o funcionamento da ventilación forzada lonxitudinal e evita a existencia de ocos na cuberta onde se produce a acumulación de suciedade. Con este tipo de pórtico conséguense as mesmas dimensións, pero en formigón, o que evita mantemento e corrosión, así como unha mellora nas desinfeccións e as limpezas en cada lavado. Ao mesmo tempo, conséguese maior resistencia en caso de incendio. A outra mención recaeu no dispositivo de monitorización e xeolocalización para gando con recoñecemento de actividade en tempo real Rumi, de Innogando, empresa de Abadín (Lugo). Este dispositivo permite controlar as actividades do animal: rumiar, pastar, descansar, comer, camiñar e actividade elevada, é dicir, saber como e onde está o animal en todo momento. Coa integración destes datos, pode detectar cando un animal está en celo e xerar a xanela óptima de inseminación. Ademais, está asociado a unha App móbil onde se rexistra o censo da explotación xunto con todos os eventos asociados aos animais que forman parte da mesma. Estas propostas foron xulgadas por sete expertos que representaron á Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Centros de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, Parque Tecnolóxico de Galicia, Escola Politécnica Superior de Lugo e Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. Os galardóns foron entregados esta tarde por parte dos membros do xurado e o coordinador de Abanca Agro en Galicia, Alberto Silva. Concursos de innovación Ademais deste concurso, Abanca Cimag-GandAgro celebrou outro certame centrado na innovación, o Máquinas Destacadas Cimag 2023. https://www.campogalego.gal/o-concurso-de-maquinas-destacadas-de-cimag-gandagro-distingue-12-innovacions/

GandAgro contará con senllos monográficos dos sectores porcino e cunícola

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, que se celebra do 2 ao 4 de marzo na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda (Pontevedra), converterase nun espazo de análise da actualidade do sector agropecuario. A cita contará no seu programa de conferencias con senllas xornadas monográficas sobre o sector porcino e o cunícola, nas que participarán expertos tanto de entidades galegas como de organizacións nacionais. Así, o segundo día do certame, o venres día 3, terá lugar o XXV Monográfico de Gando Porcino, organizado pola ADS de Gando Porcino de Silleda e que será presentado polo presidente desta entidade, Pablo Meijomín. No seu marco abordaranse os retos do sector nunha contorna desafiante, por parte de Miguel Ángel Higuera, director da Asociación Nacional de Productores de Ganado Porcino (Anprogapor). Así mesmo, explicarase como afrontar na práctica a nova lexislación ambiental nas explotacións porcinas. Os encargados serán dous responsables de medio ambiente da cooperativa Coren e a empresa Nudesa, David Pereira e Marcos Fuentes, os cales estarán acompañados de Pablo Meijomín.

Cunicultura

Por outra banda, o último día de feira, o sábado 4, a cooperativa Cogal organizará unha xornada monográfica sobre cunicultura. O primeiro dos relatorios centrarase na organización intersectorial cunícola Intercun como ferramenta ao servizo da cunicultura e será impartida por Mª Luz de Santos, xerente desta organización. A continuación, darase a coñecer a nova lexislación veterinaria e antimicrobianos, facendo fincapé nos requisitos para uso en profilaxe e as súas consecuencias en cunicultura. Farao Sara Sacristán, membro do equipo de coordinación do Plan Nacional frente a la Resistencia a los Antibióticos (PRAN) da Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios.

A feira Cimag-GandAgro ultima a súa próxima edición, do 2 ó 4 de marzo

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, avanza na súa organización para converterse do 2 ao 4 de marzo nun efectivo punto de encontro agropecuario. Con este obxectivo o seu comité organizador celebrou este martes na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra) unha reunión na cal se abordaron diversos aspectos, como a comercialización ou o plan de promoción do certame, ademais de comezar a configurarse o programa de actividades da feira. O encontro estivo presidido polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Silvestre José Balseiros Guinarte. Ademais, estivo presente Javier Bueno, profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do xurado do Concurso de Máquinas Destacadas que ten lugar na feira. Tecnoloxía, relevo xeracional e importancia social Durante a reunión, na que se analizou amplamente a situación, retos e oportunidades do sector agropecuario, destacouse o traballo de Abanca Cimag-GandAgro para consolidarse como feira da tecnoloxía aplicada á agricultura e a gandería, á vez que se recalcou o seu valor como vector de profesionalización do sector agropecuario a través da presenza das últimas innovacións, propostas e coñecementos.
A feira volveu recibir o firme apoio do sector, representado por preto dunha vintena de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no ámbito agrogandeiro galego
Así mesmo, sinalouse que o certame será un foro idóneo para mostrar e analizar aspectos de gran transcendencia nestes momentos tanto para empresas como para profesionais, como a dixitalización do sector e a súa vinculación coa incorporación de novos agricultores e o relevo xeracional. Ademais, fíxose fincapé na oportunidade que supón para visibilizar a relevancia que ten o sector na sociedade e o importante papel que cumpre na mesma. Un foro relevante que non se celebra desde o 2019 A última edición de Abanca Cimag-GandAgro celebrouse do 21 ao 23 de febreiro de 2019, non podendo levarse a cabo a de 2021 debido á pandemia. Esta última cita reflectiu a boa evolución do certame e a súa relevancia como foro do sector. Así, reuniu 544 firmas expositoras (un 39% máis) de 32 países, das cales 188 foron expositores directos (un 13% máis) de seis países. A feira ocupou ademais unha superficie bruta de 25.500 metros cadrados e neta de 12.734 metros cadrados (un 25% máis). O seu programa estivo composto por 40 propostas que contaron con gran participación de visitantes, que superaron os 18.700.

“Enfocámonos en lograr un mercado con animais de calidade, o que está atraendo a novos compradores e mellora os prezos”

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada martes no recinto feiral da Semana Verde en Silleda (Pontevedra), converteuse nun mercado de referencia en España. É o único especializado en vacún con poxas informatizadas e nos últimos meses introduciron novas melloras para seguir avanzando na dixitalización do mercado. Coñecemos de man do director da Fundación Semana Verde e da propia Lonxa agropecuaria, Ricardo Durán, a situación actual e os proxectos que encara a Central, así como as próximas citas agrogandeiras e forestais nas que traballan, como Galiforest ou GandAgro. -Nos últimos meses a Central Agropecuaria de Galicia estivo batendo marcas na venda de gando varias semanas. Estamos nun bo momento para as vendas de carne de vacún, en especial para o vacún maior, ou debeuse a cuestións puntuais? -En todo o referente á central hai un cúmulo de circunstancias e factores que determinan os prezos. Algúns deles dependen de nós e outros non. Desde a Central levamos anos animando aos veterinarios a que sigan sendo moi estritos e non permitan que animais de baixa calidade veñan ao mercado. Queremos promover un mercado de animais de calidade e moi coidados. Buscamos que os compradores se afagan a ver este tipo de exemplares e veñan á Central buscándoos e dispostos a poxar boas cantidades por eles. Estamos vendo que este proceso está a dar xa os seus froitos. Cada vez vemos animais de maior calidade e veñen compradores doutras zonas de España e Portugal, para comprar estes animais, con boas ofertas por eles; tal e como ocorreu coas marcas rexistradas en novembro. Tamén introducimos novidades tecnolóxicas, como unha aplicación (App) para facilitar a poxa aos compradores, que ademais lles proporciona información sobre todas as poxas. Infórmase tamén aos vendedores, sen necesidade de que estean fisicamente no recinto, do resultado das poxas e ofrece maior comodidade. Son alicientes endóxenos que axudan a que o mercado vaia tendo bos resultados.
"O que vimos este ano no vacún maior foi espectacular. Viuse un incremento do número de animais, pero tamén das cotizacións"
-Afiánzase Silleda como referente na venda de vacún maior? -Houbo unha importante demanda de carne madurada, o que leva a que os prezos suban e os compradores busquen este tipo de carne. O selo de Vaca e Boi de Galicia tamén contribuíu a iso e é unha boa liña de traballo. O que vimos este ano no vacún maior foi espectacular. Viñeron 11.485 animais de vacún maior, o que supón un 65% máis que o ano pasado, que non serve moito de referencia, xa que no 2020 perdemos 10 poxas. Aínda así, comparando con 2019, supón 2.000 animais máis. Viuse un incremento do número de animais, pero tamén das cotizacións. Experimentamos un incremento do 114% nas cotizacións de 2020 a 2021 e se comparamos con 2019 houbo un aumento significativo, pasando dunha facturación de 8,3 millóns a alcanzar os 12,1 millóns de euros.
"Este ano alcanzáronse os 21 millóns de euros de transaccións, unha cifra récord"
-Con eses datos, o Covid-19 parece non pasar factura ao mercado. Cal é o balance da Central neste 2021? -Este ano chegamos aos 21 millóns de euros de transaccións entre compradores e vendedores, por encima dos 18 millóns que se alcanzaron no 2019. De feito esta é unha cifra de récord do volume de transaccións desde que son director. É unha tendencia que non só se viu en Silleda, senón que noutros mercados de España tamén se apreciou unha recuperación. En moitos non se chegou ás cantidades que se manexaban en 2019, pero si estiveron moi preto. O problema doutros mercados é que non teñen o cálculo das transaccións que temos en Silleda, xa que aquí sabemos até o último euro que se ofrece na poxa e faise público. Aínda así, a sensación xeral é que o prezo está a ser maior. En Silleda esperamos lograr un efecto atracción e multiplicador tamén neste novo ano e seguir nesa liña. -Aínda que os prezos en vacún maior poidan estar á alza, non ocorre o mesmo para a recría e os becerros carniceiros. Que está a motivar que os prezos sexan máis baixos do esperado polos produtores? -É certo o que estás a dicir e os datos corrobórano. Este ano, a recría incrementouse un 19% con respecto de 2020. Se miramos a 2019 baixamos un pouco, situándonos nos 28.000 animais fronte aos case 31.000 que se lograran nese ano. Tamén as transaccións van nesa liña, con 5,2 millóns este ano fronte aos 6 millóns logrados en 2020. Neste mercado de tenreiros seguimos insistindo moito na calidade. Gustaríanos que todos os gandeiros visen no recría non un subproducto, senón unha aposta, para que os animais veñan en boas condicións e coticen máis, xa que iso é bo para o comprador, o criador e o consumidor.
"Insistímoslle ós gandeiros para que non vexan no gando de recría un subproduto, senón unha aposta. Se os animais veñen en boas condicións, cotizarán máis e será mellor para todos"
Nós estamos sendo moi estritos en temas veterinarios, admitindo só os animais que cumpren cos parámetros e tentamos fomentar que veñan animais de calidade. Necesitamos ese cambio de mentalidade no gandeiro para que se mellore nesta sección. -Desde a primavera deste ano tamén introduciron novos servizos como o seguro de vida para todas as categorías e custeado pola central. Foi unha medida para atraer compradores ao mercado? -Foi un gran apoio para os compradores. Quixemos dar maior seguridade ao comprador, para que compre con confianza e poida ofrecer mellores prezos, sabendo que se algo sae mal, o mercado vai responder. É unha garantía moi alta para o comprador e crea unha confianza de compra que é moi interesante para que se poidan ofrecer mellores prezos. A nivel físico, na Central introducimos tamén melloras no último ano en temas como as camas do gando, para mellorar o confort dos animais mentres están no recinto, pero aínda queremos seguir mellorando nas instalacións, para facilitar a descarga dos animais ata que quedan fixados no pavillón. Estamos a ver como mellorar ese manexo aos transportistas. -Outra das novidades que introduciron na Central é a aplicación (App) de venda. Como está a resultar a experiencia? -O feedback é moi bo. Polo Covid-19 moitas persoas evitan vir ao mercado ou están no recinto o menor tempo posible e saben que poden ir para casa tranquilamente, xa que van recibir os resultados e as poxas directamente con marxe para admitir a poxa gañadora. Teñen plena confianza na tecnoloxía, posto que lles permite gañar tempo e ser máis eficaces. -Ademais de poder seguir a poxa de forma directa, supón máis vantaxes para os usuarios? -Para os gandeiros, os compradores e mesmo para o propio mercado este sistema supuxo un aforro de tempo, xa que os datos finais téñense dispoñibles ao terminar a mañá. Mantense que compradores e vendedores non saiban o que se está poxando até o resultado final, pero é moito máis cómodo facelo coa APP. Ademais permite gardar os datos das compras e ter un histórico ao quedar todo rexistrado na sesión de cada un. No mercado sérvenos para ir aumentado a información e o número de servizos que podemos dar ao que poxa e ao vendedor, ao longo do tempo. Por iso insistimos en que empecen a usala, xa que van ter un abanico de vantaxes. -E que pensan da aplicación que anunciou a Xunta para facilitar a compra venda de gando á marxe dos mercados. Afectaralles? -Coido que é necesario un punto de encontro e de concentración do gando, tamén para facer un control veterinario. En novembro estiven en Irlanda, no mercado de Kilkenny (Irlanda), e aí teñen xa moi informatizada a venda, con poxas online e presenciais ao mesmo tempo, pero sempre usando o mercado como punto de concentración do gando, onde pesar e ver as características do exemplar, o que dá tamén seguridade ao mercado. -En máis dunha ocasión tense comentado no sector a posibilidade de trasladar o Mercado de Amio a Silleda. Está sobre a mesa esa opción? -Esa posibilidade está sobre a mesa desde 2011. Aí hai dúas opcións: ter dous días de mercado (martes e mércores) ou concentralo todo nun Supermartes, onde todo o sistema sexa a través de poxa; iso significaría deixar atrás o modelo tradicional que se está utilizando hoxe en Santiago, que ten máis do dobre de animais que Silleda. Hai que ter presente que grazas a que existe o mercado de Silleda pódense delimitar prezos, ao facerse públicos, e téntase maximizar o prezo dos animais.
"Implantar un supermartes implicaría deixar o modelo tradicional de venda que se segue hoxe en Santiago. Nós nestos momentos non temos capacidade para un supermartes, pero si cunha ampliación na que investísemos arredor de 400.000 euros"
Se os vendedores valorasen ese diñeiro que se pode lograr cun sistema público de poxas como o de Silleda, levaría a que tamén fose crecendo en volume de animais da Central en detrimento doutros mercados. Ten que haber un convencemento por parte de compradores e vendedores para poder sumar todo nun só martes e un único sistema de compra venda de animais. -Está Silleda preparada para afrontar este Supermartes? -Significaría facer ampliacións no noso recinto. Nós neste momento non somos capaces de absorber Amio nun Supermartes. Si poderiamos facelo tendo dous días de mercado (martes e mércores), pero isto só suporía un cambio de localización, non de modelo. Creo que todos estamos máis por un Supermartes, para o que sería preciso acometer ampliacións na nave 3 e 4, creando novos peiraos para facilitar a carga e descarga. Estariamos a falar dun investimento duns 400.000 euros, que supera as capacidades do Mercado. -Que vantaxes podería ofrecer ese Supermartes? -As vantaxes son que o vendedor maximiza o prezo do animal, os compradores poxan en termos de igualdade, a diferenza do que ocorre no sistema tradicional. A oferta ampliaríase moito ao sumar os dous mercados e ampliaríase a posibilidade de conseguir lotes unitarios. Concentraríanse máis os transportes. Os animais sufrirían menos, xa que estarían un só día no mercado e logo xa irían ao destino final, posto que agora hai animais que pasan por Silleda e logo van a Santiago. Desde o punto de vista económico, faríanse visibles os prezos e sería moito máis transparente. -A nivel nacional, que papel ocupa a Central Agropecuaria de Galicia? -A Central é un dos mercados puxantes a nivel nacional, aínda que hai outros con moito maior número de animais. Ao ser a única poxa informatizada de España e ser tan transparentes cos prezos sempre ofrecemos un compoñente de luz á hora de fixar prezos e iso permitiunos ser o termómetro do sector en España. Os nosos compañeiros honráronnos situando a sede nacional da Asociación de Mercados de Gando en Silleda e o secretario xeral, de forma permanente, tamén é un dos traballadores da Fundación Semana Verde, Julio Pérez. A Central é un dos mercados puxantes a nivel nacional, aínda que hai outros con moito maior número de animais.
"En 2021, sen o tirón do turismo, comprobamos que hai mercados estranxeiros que están a absorber cantidades de animais que antes se consumían en España"
-No seu labor na vicepresidencia da Asociación Nacional de Mercados de Gando (Asemga), en que se están centrando? Cales son as prioridades desde a Asociación? -O 2020 foi, como en moitos sectores, un ano de supervivencia, tentando que nos deixasen traballar e manter a actividade para garantir a subministración. Todos botamos de menos o turismo, xa que ten moito tirón. Por iso son aínda máis importante as transaccións que logramos en Silleda, aínda vendo que o turismo non estaba no seu mellor momento. Isto demóstranos tamén que hai mercados estranxeiros que están a absorber cantidades de animais que antes se consumían en España. Abordamos esta situación para ver como nos afectou e ver como seguir avanzando e estreitando lazos entre os distintos mercados. -Desde o ano pasado ocupa tamén a vicepresidencia da Asociación Europea de Mercados de Gando. Cales son as tendencias do mercado europeo? -Hai unha forte aposta pola informatización dos mercados desde hai anos. Un exemplo diso é o mercado de Kilkenny, en Irlanda, que está 10 anos por diante de Silleda en temas de informatización. Cuestións que estamos a comezar a introducir e valorar aquí, xa levan anos utilizándoas neste mercado, traballando con softwares potentes que facilitan a actividade do mercado. -Coñeceu de primeira man o funcionamento deste mercado na súa recente visita. Algunha mellora que baralle incorporar á Central neste sentido? -A intención é reducir esa distancia e ir conseguindo unha maior informatización de Central. No mercado de Kilkenny un pode asistir á poxa desde a súa propia casa, vendo como o animal entra no ring e é pesado. A propia aplicación facilítache todos os datos do animal, mentres que o comprador pode ver en todo momento e desde distintos ángulos ao animal. A partir de aí comeza unha poxa na que podes participar desde o teu teléfono. Isto facilita aos compradores que poidan asistir a varios mercados nunha soa xornada e desde a súa casa. Paréceme que podemos traballar nesa dirección.

"Estamos a conseguir que Galiforest sexa unha cita ineludible no sector da maquinaria forestal"

-Á marxe da Central, a Fundación Semana Verde é o motor dalgunhas das feiras agrogandeiras e forestais máis importantes. Neste 2022 está previsto que se retome Galiforest. Como se presenta esta edición, despois de ser aprazada polo Covid-19? -É un evento que se fai ao aire libre, no Centro de Experimentación Agraria de Sergude, polo que esperamos que a evolución da pandemia nos permita celebrala nas datas previstas, do 23 ao 25 de xuño, xusto tres semanas despois da Semana Verde. -Como foi a evolución desta cita nos últimos anos? -Ilusiónanos moito esta cita, xa que é a feira profesional máis importante da que facemos agora mesmo desde a Fundación Semana Verde, en canto a extensión e importancia dentro do sector. Algunha edición desta chegou a ter máis metros cadrados que a Semana Verde. Na última edición tiveramos 6.000 visitantes e queremos seguir incrementando este número de asistentes e de empresas participantes. Estamos a conseguir ser unha cita ineludible no sector da maquinaria forestal e recibindo un gran apoio do sector para seguir a nosa expansión. -Haberá que esperar a 2023 para a feira de Gandagro. Están a traballar xa en novidades para esa cita? -Do mesmo xeito que Galiforest, estamos a desexar facela. Temos xa o programa perfilado ao 75%. Só necesitamos que se achegue a data para darlle forma. É unha feira moi solvente e con tradición. -Tamén a Semana Verde, a icona do recinto feiral, conta cunha sección dedicada ao agro, pero foi a menos... -Foi unha feira que comezou tendo 4 sectores: alimentación, gandaría, maquinaria agrícola e maquinaria forestal. Realmente perdeu 3 deles ao realizar as feiras específicas, e podiamos pensar que se resentiría por estes cambios, pero a verdade é que non foi así. Ao incluír tanto o turismo, moi vinculado á alimentación, así como a caza, a pesca e a natureza, moi relacionados co sector agropecuario e forestal, conseguimos que se manteña o seu atractivo e se incrementase. As propias características da feira propiciaron que se manteña maquinaria agrícola e gandaría coas exposicións de razas autóctonas, co que se logrou pasar de pouco máis de 10.000 metros cadrados a 19.000 no 2019. En 2021 tivemos un retroceso pola pandemia, pero que esperamos recuperar neste 2022 en gran medida apoiándonos nos sectores agropecuarios que son fundamentais para a cita.
"Buscamos facer eventos útiles para os sectores, de forma que sexa un punto de encontro para a compra e a venda"
-Un dos obxectivos do seu nomeamento, hai xa 8 anos, era conseguir que o recinto feiral de Silleda fose viable. Logrouno? -Participaron moitos actores para conseguilo. A min tocoume ser o director, e unha porcentaxe é a miña responsabilidade, pero hai moita xente que estivo traballando duro para que o recinto feiral poida ser o que é hoxe. Había moitos problemas legais e de actividade e traballouse moi duro. En dous anos conseguimos poder pensar só nas actividades que podiamos organizar e xa non en que tivésemos que pechar o recinto. Buscamos facer eventos útiles para os sectores, de forma que sexa un punto de encontro para a compra e a venda, que teñan ferramentas para iso e abríndonos a novos sectores, de feito incrementamos notablemente o número de feiras que se facían. -A nivel organizativo, cal é a estrutura actual da Fundación Semana Verde? E a súa relación coa Xunta? -Dependemos directamente da Vicepresidencia primeira, xa que Alfonso Rueda é o presidente da Fundación Semana Verde, da que eu son director. Aínda así temos moita vinculación con boa parte das Consellerías polo tipo de eventos que organizamos. O padroado está integrado por 13 membros: 7 deles son da Xunta, dous da Deputación de Pontevedra, outros 2 da Asociación Feiral, así como o Concello de Silleda, Abanca e como patrón patrocinador, con dereito a voz pero sen voto, está R. -Nos últimos anos, o recinto feiral de Silleda incorporou tamén o Museo do Campo e a Mecanización. Que relación teñen con el? Preséntanse novidades para este 2022? -Legalmente cedémoslles o edificio no que se empraza e compartimos o uso do auditorio. Estamos encantados de que haxa un museo destas características e tan necesario. Na última reunión do Padroado abordouse prestar a colaboración ao Museo no seu impulso da actividade, xa que se toparon de cheo coa pandemia nada máis abrir as súas portas.

A feira Cimag-GandAgro celebrarase do 25 ó 27 de febreiro do 2021

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag GandAgro, celebrarase do 25 ó 27 de febreiro de 2021. A decisión tomouna o Comité Organizador tras unha reunión mantida no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, onde tamén se celebrará o certame. No encontro participaron quince entidades, empresas e cooperativas cun gran peso no sector agrogandeiro como son a Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal y de Espacios Verdes (Ansemat), o Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Cetal), a Federación Frisoa Galega (Fefriga), Cogal, Grupo Coren, Delagro, Nudesa, Farming Agrícola, Ausama, Tecnor Lalín Maquinaria, Maquinaria Agrícola del Noroeste, Claas Ibérica, Cardelle Hidráulica-Forcar, Hermanos Villar e Agrotec Entrecanales. Nesta reunión tamén se abordou a promoción do evento, tanto dirixida a potenciais expositores como a visitantes e profesionais. Á par, na cita analizáronse os resultados da edición do 2019 e valoráronse posibles melloras para a nova convocatoria. Para este ano 2020, a gran cita da maquinaria agrícola na Península estará en Zaragoza, onde do 25 ó 29 de febreiro celebrarase FIMA.

A edición de 2019

A pasada edición de Abanca Cimag-GandAgro reuniu do 21 ao 23 de febreiro de 2019 a 544 firmas expositoras (un 39% máis) de 32 países, das cales 188 foron expositores directos (un 13% máis) de seis países. A feira ocupou unha superficie bruta de 25.500 metros cadrados e neta de 12.734 metros cadrados (un 25% máis). O seu programa estivo composto por 40 propostas que contaron con gran participación dos visitantes, os cales superaron os 18.700. Unha cifra que aínda que foi lixeiramente menor supuxo unha corrección positiva do perfil dos asistentes ao acudir un tipo de público cada vez máis profesional. Estas cifras fixeron que a valoración xeral dos organizadores fose de satisfacción pola evolución da cita, tal e como apuntaron durante a reunión.

“Buscamos vacas para concursos e rendibles na granxa xa que, ó fin, vivimos do leite”

A vaca Rey 474 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, proclamouse como a gran vencedora dos concursos morfolóxicos de gando frisón celebrados hai uns días no marco da Feira Internacional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro, en Silleda (Pontevedra).

Logo de impoñerse como campioa na sección de vaca xoven, este animal de menos de 30 meses, conseguiu tamén ser a Vaca Gran Campioa no XXVIII Concurso Autonómico da Raza Frisoa “Fefriga 2019”. Precisamente unha vaca tamén desta mesma gandería da Pastoriza, xa resultara vencedora na edición anterior deste certame galego.

Estes non foron os únicos premios para esta vaca nesa xornada en Silleda xa que finalmente, na celebración do Open Internacional Frisoa GandAgro, proclamouse tamén como Vaca Gran Campioa. Falamos con José Alberto Iglesia, da granxa familiar Rey de Miñotelo, para coñecer máis sobre esta vaca gañadora.

Que valoración facedes da participación nesta edición do certame autonómico e internacional de gando frisón?
A verdade é que estamos moi satisfeitos porque con esta vaca a nivel individual logramos uns resultados impresionantes. Para ser unha vaca de primeiro parto, de menos de 30 meses, que conseguira proclamarse vaca gran campioa de Galicia e vaca gran campioa internacional é todo un logro, sobre todo co nivel que había en Silleda onde estaban as mellores vacas de Galicia pero tamén de Asturias, Cataluña, Cantabria ou Portugal.

É unha vaca xa con experiencia neste tipo de certames?
De xata xa participou en máis dun certame e foi acadando moi bos resultados, pero realmente cando comezou a destacar foi no pasado concurso rexional de Santa Comba onde xa gañou a primeira sección de vaca xove e foi vaca xove campioa do concurso. E nese mesmo certame unha irmá desta vaca foi xa elixida como Vaca Gran Campioa de Galicia na edición do 2018. Son vacas que criamos na explotación e cuxa avoa procede dun embrión importado dende Canadá.

O propio xuiz do certame, Giuseppe Beltramino, aludía á traxectoria de futuro que se lle presenta a esta vaca ó acadar estes resultados sendo tan nova. Hai algúns aspectos nos que vaias incidir en canto á súa preparación para vindeiros concursos morfolóxicos?
Vou seguir coidándoa igual que ata o agora. É unha vaca que, a pesar de levar pouco máis de tres meses de parida, tivo unha evolución moi boa e creo que vai seguir evolucionando. Nós imos seguir cos mesmo métodos de traballo que temos agora na explotación aínda que, iso si, con máis ilusión e gañas, logo destes bos resultados.

Dende cando participades en concursos morfolóxicos?
O meu pai comezou a participar en concursos deste tipo nos anos 90 pero cando realmente empezamos a apostar por participar dun xeito máis profesional foi a partir do ano 2004. Ese ano fomos ó concurso de Moimenta, que foi cando empezamos a meternos de cheo nestas competicións. Ó ano seguinte decidimos xa ir ó rexional e logo tamén fomos ó nacional, a Xixón. A partir de ahí, os concursos de Galicia que son abertos á participación de ganderías de Lugo adoitamos facelos todos. Algún ano tamén temos saído a participar en concursos internacionais. Estivemos competindo xa en certames de Bélxica, Italia ou Francia nos últimos anos.

Que vos aporta participar neste tipo de certames?
Realmente os concursos son unha forma máis de traballo xa que son unha maneira moi importante de coñecer gandeiros que están procurando nas súas explotacións o mesmo que buscas ti. Os concursos son unha forma de estar en contacto con outras ganderías.

Que buscades entón para a vosa gandería?
Gústanos ter vacas gañadoras de concurso pero, ó mesmo tempo, estes animais son tamén vacas funcionais na granxa. Búscanse vacas con moi boas características pero que conten, ademais, con moi boas patas e moi bos ubres. Procúranse vacas que sexan capaces de gañar concursos pero que tamén resulten animais moi rendible nunha explotación, xa que, ó fin, todos vivimos do diñeiro do leite que producen as vacas e non de participar nos concursos.

“A vaca que gaña na pista ten que ser campioa na sala de muxido”

O italiano Giuseppe Beltramino criouse nunha granxa de Turín dun centenar de vacas frisoas, unha explotación na que aínda segue involucrado xunto aos seus irmáns. Traballa como director de exportacións da firma italiana especializada en xenética de vacún Intermizoo e tamén ten colaborado con algúns dos mellores criadores europeos como instalador profesional. Giuseppe é xuíz oficial da asociación nacional italiana da raza Frisoa (Anafi) desde hai doce anos e este pasado sábado foi o responsable de avaliar ás máis de 160 vacas inscritas no XXVIII Concurso Autonómico da Raza Frisoa Fefriga 2019 e o XXXV de Frisoa Gandagro 2019, celebrados ambos no marco da Feira Internacional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-Gandagro, en Silleda (Pontevedra). ¿Que calidades valoraches en Rey 747 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, que foi a vaca Gran Campioa de Galicia, que tamén foi a vaca Gran Campioa do Concurso Internacional? Realmente é unha vaca de nivel internacional, tal e como comentei xa no concurso e con algúns criadores. É unha vaca á que resulta difícil atoparlle defectos. É unha vaca para competir en Europa ou en todo o mundo. Ten traxectoria de futuro? Desde logo, é unha vaca con moito futuro. Antes de xulgar un concurso, un xuíz espera sempre atoparse este tipo de vaca, este tipo de perfección, xa que así é moito máis fácil facer o traballo.
"As vacas galegas teñen moito carácter leiteiro e calidade de óso. Nótase que hai un traballo xenético desde hai moitos anos"
Son realmente este tipo de vacas de concurso factibles nunha explotación? Si, por suposto. É unha vaca grande, pero tampouco demasiado, e non fai falta tampouco que sexa máis grande xa que agora tentamos que a raza non sexa de maior tamaño. Nos últimos tempos estase a tentar controlar a estatura dos animais para que sexa máis fácil o seu manexo e coidado. Neste caso é realmente unha vaca moi correcta. Que teñen as vacas galegas para chegar a ser campioas? As vacas galegas teñen moito carácter leiteiro e moita calidade de óso. Nótase que hai un traballo de selección xenética desde hai moitos anos xa. En que aspectos crees que se debería seguir mellorando en Galicia? Simplemente hai que seguir, do mesmo xeito que estamos a facer no resto de sitios, axustando o tamaño para non ter exemplares de moita altura. Como en toda a raza Holstein, o futuro en Galicia pode estar nunha vaca cunha estatura un pouco menor. Que opinión tes da evolución morfolóxica das vacas Holstein en Galicia? Paréceme que as vacas galegas son moi boas, non é a primeira vez que estou en Galicia e eu mesmo comprei xa en Galicia unha das vacas da miña explotación que é, ademais, á que máis cariño lle teño. É unha vaca que comprei no 2014 a Marcelino Pozo. Por iso, xa non me sorprende ver tan boas vacas en Galicia. Creo que se está facendo un moi bo traballo por parte dos gandeiros galegos.
"Como en toda a raza Holstein, o futuro en Galicia pode estar nunha vaca cunha estatura un pouco menor"
Precisamente esa vaca galega, criada en Lugo, e que se converteu na mellor desa edición en Cospeito e só un ano despois tamén validou o título como mellor frisoa produtora de leite en Italia, logrou máis títulos? Despois diso foi dúas veces mención de honra no concurso Swiss Expo, en Suíza, un dos concursos europeos de maior nivel internacional. Tamén foi á confrontación europea en Francia en 2016. É unha vaca que gañou moitas veces na súa sección e é un animal que xoga un papel moi importante. Segues téndoa na explotación? Por suposto que segue na nosa gandaría e recentemente vendemos a Holanda unha filla, unha tenreira, que gañou en Swiss Expo xa a primeira sección, que é moi longa e difícil. Que tipo de vacas che gusta ter na túa gandaría? Busco para a miña gandaría o mesmo que cando exerzo de xuíz nos certames. Busco vacas correctas, de moito leite, vacas moi femininas, con calidade de óso. Procuro vacas que se muxan fácil e que teñan esa natureza leiteira. Como xorde a túa vinculación cos concursos morfolóxicos? Empecei a concursar co meu irmán cando tiña 15 anos e as primeiras veces que saímos da rexión normalmente quedabamos de últimos ou case nos derradeiros postos. Pero seguimos aguantando, traballando sen perder nunca o ánimo e agora a verdade é que imos tendo bos resultados, aínda que sempre se pode mellorar e seguimos traballando para iso. Aínda que para nós agora na explotación non é só un tema de gañar concursos senón de contar cun nivel alto cada ano, logo aínda que quedes terceiro non pasa nada se vas asegurando ano tras ano estar nese nivel. Hai moito nivel, criadores moi bos, polo que o importante é contar con vacas de alto nivel, que estean en boas condicións de saúde e benestar.
"Cando as gañadoras son vacas que producen moito leite todo o mundo debería de estar dacordo e recoñecer a súa calidade"
Nun momento en que a pureza da raza Holsteien e os concursos están no punto de mira, que lle replicarías? Os concursos ás veces teñen razón á hora de elixir boas vacas, outras veces non. Cando as gañadoras son vacas que producen moito leite todo o mundo debería de estar dacordo e recoñecer a súa calidade . A vaca que gaña na pista ten que ser campioa na sala de muxido. Se a vaca non saca moito leite, aínda que a morfoloxía sexa correcta non pode gañar. Unha vaca gañadora ten que sacar moito leite e aguantar moito tempo na granxa. Logo é tamén un tema de ambiente, a vaca ten que estar nunhas condicións de benestar adecuado, hai que coidar tamén a súa alimentación. Se a vaca come ben, vive ben, traballa ben e saca boas producións e puntuacións.

Rey 747 July High Octane, da gandería lucense Rey de Miñotelo, triunfa en Cimag-Gandagro 2019

A vaca Rey 747 July High Octnae, propiedade da S.A.T. Rey de Miñotelo, de A Pastoriza (Lugo) foi hoxe a gran vencedora ó lograr o premio Vaca Gran Campioa Internacional no XXXV Open Internacional de Gando Frisón celebrado no marco da III Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-Gandagro 2019, que pecha hoxe as súas portas logo de tres días.

Esta vaca, que competía na sección xóvenes ata 30 meses, fíxose tamén co título de Gran Campioa de Galicia no XXVIII Concurso Autonómico. Neste mesmo concurso galego, outra vaca de Lugo, neste caso Cid Debutante Chona, da Gandería Cid, de Barreiros, foi a Reserva Gran Campioa.

Namentres, a Reserva Gran Campioa do certame internacional foi Quintana Julia Windbrook, unha vaca da gandería Cudaña, de Valdaliga, Cantabria.

Mellores criadores

Por outra banda, a distinción de Mellor Criador Internacional, foi tamén para a gandería cántabra, Cudaña, de Valdaliga, e como subcampión resultou a Gandería Manteiga, de Vila de Cruces (Pontevedra). Esta última alzouse tamén como Mellor Criador de Galicia. O recoñecemento como subcampión do concurso autonómico foi outro dos galardóns que logrou a gandería Rey de Miñotelo, de Lugo.

Gandería Manteiga, de Vila de Cruces, seleccionada Mellor Criador Galego.

En canto ó galardón de Mellor Gandería de Nova Participación Internacional recaeu na gandería El Campgran, de Manlleu (Barcelona). Nesta mesma categoría no concurso autonómico o gañador foi Gandería Gestoso, de A Estrada (Pontevedra).

Nesta mesma xornada, escoulleuse tamén a Xovenca Gran Campioa, que no caso do certame autónomico foi a Casa-Nova Electra Lamborgini da gandería Pérez &Carro &Miguel Ríal, de Lalín (Pontevedra). Namentres, Cudaña Amok Solomon ET, da explotación cántabra Cudaña, de Valdaliga foi a gañadora nesta categoría no certame internacional.

Como novidade nesta edición, premiouse por primeira vez ó Mellor Criador de Xovencas, que no caso do certame internacional foi El Campgran, de Manlleu (Barcelona) e no autonómico resultou gañador Gandería Carro de Mesía, A Coruña.

Nesta edición, os certames contaron cun total de 164 animais inscritos procedentes de ganderías de Galicia, Cantabria, Portugal así como de Asturias e Cataluña. O xuíz italiano Giuseppe Beltramino, cunha ampla experiencia neste tipo de eventos, foi o encargado de evaluar e decidir as gañadoras de ambos concursos organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia.